Month: Febreiro, 2005
28 Febreiro, 2005 (17:03) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Vigo | 2 comments

Rúa Poboadores. Vigo. Foto. J. Albertos
A roupa tendida do meu querido barrio de Poboadores, tan pretiño de onde nacín, xa non ten cabida dentro do
Vigo epidérmico que pretende a nosa
alcaldesa. No
artigo de onte reflexiono sobre a beleza da cidade.
27 Febreiro, 2005 (22:00) | Política | 1 comment
O
BNG ten unha magnífica oportunidade para partindo deste texto sólido abrir un grande
diálogo nacional arredor da
reforma estatutaria. A esperanza agromou este sábado en Compostela.
27 Febreiro, 2005 (20:46) | Lingua | 13 comments
Despois de varios días sen poder abrir o blo, leo os
comentarios reintegracionistas sobre a miña proposta de ensinar lingua e cultura galegas nos centros de ESO de España. Agradezo estes textos que amosan un entusiasmo e unhas conviccións parellas ao seu escaso coñecemento sobre a recepción da nosa cultura en España e nas comunidades portuguesas e brasileiras (o concepto de “lusófonas” debería ser evitado polo seu carácter reducionista e de centralismo lisboeta que supón)
Desde hai máis de vinte anos, cando foron aprobadas as primeiras normas da
RAG, considero que a
posición reintegracionista, sen dúbida honesta e cargada de razóns e estudos, e a conseguinte batalla ortográfica que defende, constitúe un obstáculo para que a nosa lingua recupere a súa precaria saúde entre a maioría da poboación galega e gañe prestixio entre todos os seus usuarios. Por moito que nos doa, debemos asumir que, aínda que procedan dun tronco común, o galego e o portugués son
dúas linguas diferentes.
Superada esta desputa interminable, que tantas enerxías estraga, poderiamos tirar o valo que mantemos con respecto a Portugal e Brasil, promovendo en Galicia o ensino do portugués (unha carencia clamorosa do noso sistema educativo e da inmensa maioría dos galegos) e intensificando a tradución e o coñecemento da nosa literatura en Portugal, Brasil e no resto de comunidades de fala portuguesa.
Esta é a miña opinión, conformada no contacto continuado con editores, escritores e amigos portugueses e brasileiros cos que desde hai anos manteño unha relación estreita e que manifestan a súa perplexidade diante desta polémica. Insisto, é unha humilde opinión de quen asume que non posúe unha caixa abarrotada de certezas e ten o seu norte e a súa alma comprometida na causa da lingua nosa.
27 Febreiro, 2005 (19:27) | Cidades | No comments
24 Febreiro, 2005 (22:57) | Persoal | No comments
Onte aterrei nun
aeroporto ineditamente branco. Á saída do taxi sentín a sequidade que provoca a neve, contaxiando unha extraña ledicia neste día de traballo ao ralentí. A media tarde atopei no aeroporto un caos tremendo. Centos de
voós cancelados; grupos irados de xubilados que levaban once horas agardando para viaxar a Canarias e xuraban meterlle un candollazo ás malditas pantallas; colas longuísimas para mudar as tarxetas de embarque reguladas pola Garda Civil. Demoreieme no quiosco entre os
libros que prometían o éxito inmediato para os executivos.
Como era posible que entre estes milleiros de persoas durante tres horas non recoñecese rostro amigo ningún? Cando xa non ía nin o móbil, por mor de que toda aquela xente pretendía aliviarse contándolle a alguén o que pasaba, comprendín a ansiedade e o desacougo que provoca a soidade. Cando xa perdera a esperanza, as pantallas anunciaron sorpresivamente o noso embarque. Aínda debemos agardar unha hora en pista. Despegamos entre unha nova nevarada, mentres eu seguía enguedellado na prosa intelixente de
Landero. Chegando a Peinador caligrafei no caderno:
“Ninguén sabe porqué, mais contar prodúcenos pracer, recrear con palabras o que vivimos. Cando narramos á experiencia real engadímoslle a imaxinaria ou a emotiva. Será iso é o que nos causa pracer?”.
22 Febreiro, 2005 (20:49) | Lingua | 7 comments
Coñezo por
galego.org a presentación por parte de
Esquerra dunha
proposición non de lei, relativa á incorporación e/ou fomento da lingua catalana no ensino secundario e universitario. O deputado
Joan Tardà (o que falou en catalán no
Congreso) propón incorporar unha asignatura optativa de lingua e cultura catalanas na ESO, así como fomentar os estudos de lingua e cultura catalana nos centros universitarios do conxunto do Estado. A proposición foi aprobada pola Comisión de Educación, co voto en contra só do PP.
Velaí un camiño moi interesante para construír outra España respectuosa e curiosa coas linguas de todos. Só cando os rapaces estremeños ou cántabros coñezan mellor o galego ou o catalán (algúns porque o estudan, a maioría porque nos seus textos o tratamento destas linguas non é unha anécdota dun temiña de recheo), poderán valoralo tamén como un patrimonio seu.
Algun dos deputados galegos debería presentar inmediatamente unha proposición semellante para a nosa lingua. En Galicia existe, por riba, o paradoxo de que, a pesar de contemplarse legalmente a posibilidade, non existen centros de secundaria onde se imparta o portugués como segunda lingua (o francés é hoxe a optativa maioritaria na ESO), outro dos disparates que amosa a curtedade de miras da nosa política lingüística, ao que non é alleo o profesorado de galego e o conflito reintegracionista.
Ademais, sabemos da existencia de estudos preliminares por parte do
Goberno para presentar nun futuro próximo no Congreso unha lei das linguas de España. Un debate moi interesante no que desde Galicia debemos participar activiamente e no que propostas como as de Tardà terán que ser contempladas.
21 Febreiro, 2005 (20:27) | Blogs | 3 comments
21 Febreiro, 2005 (17:25) | Autores | No comments

Inédito de Noriega Varela.
Maribel Abraira envíame a reprodución dun poema que hai máis de sesenta anos
Antonio Noriega Varela escribiu con motivo do pasamento dunha mestra familiar súa. Non coñecía a caligrafía do mindoniense poeta da montaña. Ben bonitos son os dous primeiros versos. Quedan xa gardados para sempre nesta memoria electrónica.
Resultados
Produciume máis alegría o resultado
portugués có do noso
referendo. O primeiro abre portas para a esperanza (sobe ese simpático
bloco), o segundo amosa a
febleza real entre nós do proxecto de construción europea e a
incapacidade de saír da marxe por parte do nacionalismo político galego.
20 Febreiro, 2005 (14:31) | Cultura | No comments

Cidade da Cultura, Peter Eisenman
A
Voz dá conta das medidas do
Plan da Lectura e dos contidos das leis do libro e de bibliotecas que debateremos o vindeiro venres no plenario da
Mesa do Libro. É imprescindible contar con financiamento suficiente, tanto público coma privado, para que estas medidas poidan ser eficaces. A idea do canon do 1% das obras públicas para fomento da lectura é clave para que esta arquitectura non sexa de papel mollado.
19 Febreiro, 2005 (12:43) | Ilustración | 1 comment

Patricia Castelao (inédita) 2005
Onte, a caixa de correo deparoume o mellor agasallo para comezar o día.
Joan Carles envíame unha mostra da maqueta nova colección infantil que estamos coeditando con eles e cos
vascos. O traballo de
Patricia, unha das novas ilustradoras galegas (con experiencia no traballo de
animación) é magnífico. O seu figurativismo ondulante, un chisco daliniano, xa me gustara moito na edición dos
contos prodixiosos e me rendeu definitivamente no libro de
Álvaro.
A finura da burbulla
No día dei nova volta a unha Galicia pragada de aroma amarelo. Ao mediodía
xantar en
Torre con
sumilleres para preparar a
guía 2006 (o
cava que bebemos foi un descubrimento, sobre todo pola finura da súa burbulla). Á tarde vin o traballo que
Xurxo nos está preparando sobre a
Terra dos Acordos, expléndido será o retrato de Galicia profunda e máis tradicional que alí pervive. Á noite presentación en
Muralla do
libro dos meus amigos rodarianos. Volvín escaganllado e aburridísimo
escoitando as liortas entre
señor do bigote co noso vello presidente, agora lixeiramente
arrepentido. Non hai volta: teñen moita
razón.
A paixón da escritura
No
acto, os
rodarianos defenderon a pulsión da escritura como estratexia de animación lectora. Propoñen crear obradoiros de escrita que permitan a creación e recreación literaria colectiva. Leron e cantaron textos dos seus obradoiros, algúns moi paveros. Escribir para gozar da alquimia das palabras. “Escribe, canalla, escribe!” é o seu detonante.
17 Febreiro, 2005 (23:16) | Presentacións | 1 comment
“Quen non moviliza e agranda e actualiza o que herdou, non fará máis que gastalo -e gastarse a si mesmo- sen proveito para ninguén. E non terá nada que legar. Para el, a historia remánsase e descomponse nel mesmo.”
Lino Novás Calvo, prólogo de Otras maneras de contar.
“Galicia é unha nación sen estado de ánimo”
Camilo Franco, hoxe na presentación de Veu visitarme o mar.
16 Febreiro, 2005 (21:02) | Campo de Granada, Vigo | 1 comment

Campo de Granada
Débolle esta imaxe ás pesquisas de
Lolo na colección de
Vida Gallega. Recolle un mitin agrarista que alá polos anos vinte se realizou no Campo de Granada, espazo situado moi preto de onde hoxe se ubica a casa do concello de
Sal. Esta fotografía ten singular importancia para min, xa que hai seis anos iniciei a
colaboración semanal no
Faro co nome deste noso antigo campo da feira. Empregando este topónimo, un espazo que de pequecho era unha grande explanada de terra onde se plantaban os circos, intentaba expresar a miña intención de colaborar na conformación dunha identidade cidadán de Sal, acrisolada tanto na memoria como na máis rabiosa contemporaneidade. Remoín moitas veces nas coleccións de
Pachecho e
Llanos e nunca atopara foto ningunha desta frondosa carballeira da que tanto me falara a miña avoa Maruja. Cidade de Sal, revolcada, abella da ribeira de xenerosidade escueta, foi tamén vila campesiña e aldeana. Grazas a Lolo por atopar esta evidencia que tantas veces eu procurei sen fortuna.
15 Febreiro, 2005 (18:31) | Lectura | 5 comments
Onte os membros da
Comisión do Libro rematamos o texto do
Plan de lectura. Nesta nosa derradeira xuntanza apareceron un turbillón de propostas e iniciativas moi interesantes. Hai dúas das que quedei singularmente feliz que se incluísen: a creación dunha
Oficina da lectura (recuperando o noble termo empregado polos editores de incunables), como entidade de xestión do plan, e a promoción de
Clubes de Lectura.
Estes
clubes son pequenas sociedades de lectores sen fronteiras que comparten mensual ou quincenalmente as súas lecturas. Estes espazos de tertulia e debate de persoas que len un mesmo libro, baixo a tutelaxe dun monitor ou coordinador, van tecendo a modiño unha comunidade de lectores participativos e críticos. Clubes que se forman en
bibliotecas,
asociacións,
librarías,
cárceres ou na mesma rede, organizándose por
idades,
xéneros, idiomas…
As
listas de libros que se len nestes clubes deberían ser publicitadas polos medios, constituíndo un indicador das tendencias de lectura, seguramente, máis fiables que as elaboradas a partir das vendas das novidades en librarías.
Magnífico o texto de Emili Teixidor que atopei propoñendo estratexias e razóns para fomentar o desexo de ler. Dá moitas pistas razonadas para entender as conviccións profundas do comportamento lector, complementando a proposta clásica de Gaarder recollida no seu traballo “libros para un mundo sen lectores“.
Débolle á
familia o descubrimento desta axenda culinaria. Un blo onde se mesturan gastronomía e literatura (receitas e artigos de reflexión sobre a cociña galega e a súa historia) preparada polo
responsable de
www.colineta.com. Un blo moi saboroso, si, señor.
14 Febreiro, 2005 (22:16) | Autores, Narrativa | No comments

Lino Novás
Tiñamos só noticias confusas deste chófer escritor, nacido nas
Grañas do Sor (as mesmas terras do bandido
Casanova), considerado un narrador de culto en Cuba e un precursor do
realismo máxico. Foi autor das primeiras traducións ao castelán de
Faulkner,
Hemingway ou
Huxley. A recente publicación en Tusquets dun seu
libro de relatos e unha
exposición en Ortigueira redescubriunos a existencia doutro importante escritor da nosa cultura do exilio e da emigración. A súa biografía semella apaixonante e novelesca e o seu currículum literario impresionante.
Teño curiosidade por ler os tres artigos que escribiu sobre Galicia, cando, enviado pola revista gráfica
Orbe, volveu en agosto de 1931: “Hombres de mar y mujeres de orilla. Instantáneas gallegas”, “Por la aldea de Galiza” e “Por las aldeas de Galiza, las escuelas”. Agardo que mos envíe dentro duns días unha profesora da
Universidade da Habana interesada en que sexan publicados en Galicia.
Fuco escribe hoxe outro post xenial, de lectura e relecturas moi recomendables.
Ian debulla deliciosamente as
intencións dun
artigo de fondo de quen aspira a converterse no berlusconi galaico.
Nalló ofrece unha
crónica magnífica, como todos os seus post. Un non dá lido de vagar todo o que vai agromando na nosa comunidade blogueira.
13 Febreiro, 2005 (17:52) | Imaxes, Sociedade | No comments
Un alumno de
Económicas mándame unha foto tirada na cafetaría da súa facultade. Prégame que a divulgue para poder gañar un
concurso de fotografía anecdótica galega organizado por
aduaneiros sen fronteiras. Recoñezo que quedo un chisco perplexo, pero así o fago. O mellor do asunto é consultar as
obras presentadas e ler os comentarios sobre elas. Paga a pena miralas todas e botar unhas risas (unhas
cantas merecen ser enlazadas). Aquí meu amigo
Quique ten unha fonte inesgotable para novos
prodixios.
Sorprendente é, tamén, a
noticia que leo nun dos meus blos
preferidos: a vinganza dun empregado de McDonalds contra un policía novaiorquino.
Si
Dubideino moito, mais a fin decidín pedir o
si.
13 Febreiro, 2005 (11:43) | In memoriam | 2 comments

Allariz, 2005 
Onte asistimos ao pasamento da nai dunha grande amiga nosa. Unha fisterrán, fonte de luz, muller dun fareiro, que viviu unha vida plena, agasallando sempre aos demais co seu sorriso e o seu contaxioso entusiasmo por facelo con alegría. A sorpresa foi a cerimonia relixiosa, previa á incineración. Rexeuna en galego un crego mozo de
Fornelos, un auténtico espírito
rebelde que fixo un orixinal alegato de afirmación da vida e da esperanza. No acto leron e falaron os netos da finada, a semente de vida máis fermosa que ela deixou. Facía tempo que non me emocionaba tanto e, ao mesmo tempo, admiraba o traballo cívico dun crego. Esta rara avis deixounos totalmente abraiados. Beizóns para el e para as luces de vida que nos deixou esa muller alegría.
12 Febreiro, 2005 (10:14) | Autores, Narrativa, Presentacións | 6 comments
Oínlle a don
Xesús que a presentación dun libro é un subxénero da oratoria caracterizado pola gabanza equilibrada. Dende entón, pretendo ter sempre presente esta definición porque a desmesura dos editores no uso de adxectivos grandilocuentes, motivada sempre pola paixón na defensa do libro, pode levarnos a falta de credibilidade.
Creo que non foi este o caso de onte na
cidade guindastre cando presentamos a
novela de
Rosa. Defendina con paixón porque esta narración, tan arrebatadora como poderosa, entusiasmoume dende a primeira lectura. Un acto, concorridísimo e emocionante, que nos deparou a fortuna de escoitar unha intervención memorable de
Carlos Negro, que reinventou o xénero da presentación por medio da creación dun abecedario elaborado só con palabras utilizadas pola de
Meirás. Non me resistín a anotalas na libreta unha por unha.
Que bonito!!!
Un abecedario para Rosa con motivo de Veu visitarme o mar
Alba,
bolero blues,
caixas,
chuvia,
Despeñaperros,
emoción,
ferida,
Granada,
hule,
inferno,
Lira,
mar,
negra,
onda,
Pinocho,
querenza,
romeu,
síndrome do Noroeste,
trankimazín,
universo,
vento,
xitana,
zona cero.
Quen lera a novela comprobará que son as palabras xustas e equilibradas. Beizóns para Carlos e Rosa por unha noite na que nos emocionamos ao falar do ser humano. Seguramente diso trata a literatura.
11 Febreiro, 2005 (01:08) | Ensaio, Historia, Novidades | No comments
Na presentación do monumental
libro de
Antón souben da inminente saída da
Memoria de ferro de don Antón Patiño, o pai do
pintor e fundador de
Librouro. O señor Patiño (hoxe xubilado e artesán de caxatos) foi un dos libreiros heroicos que vendían, durante a ditadura, clandestinamente o libro galego editado en América. Moitos daqueles
Sempre en Galiza editados en Bos Aires saíron da súa trastenda viguesa. Nos dous últimos anos, limos os seus artigos na
ANT sobre a
represión no
Campo da Rata. Ollo a esta
Memoria de ferro, recollida e ampliada agora en libro. Cónstame, polo moito que teño escoitado a este grande señor de
Lemos, que será unha obra que non hai que perderse.
10 Febreiro, 2005 (17:04) | Literatura infantil e xuvenil | 5 comments

Quentin Blake 
Facer os textos de contracuberta dos novos
Dahl obrigoume a reler
Charlie e a fábrica de chocolate e
Charlie e o grande ascensor de cristal. Fixérao hai vinte anos naquelas edicións de
Alfaguara onde os profesores novos aprendemos a coñecer que existía unha literatura para nenos diferente a que nos léramos nos clásicos de
Bruguera. Aquel descubrimento impactárame, sobre todo pola absoluta falta de paternalismo de Dahl no tratamento do mundo da infancia (algúns dos seus nenos son uns individuos de moito coidado) e polo seu desinterese en que o texto tivese pretensións didácticas ou moralizantes. Reléndoo, agora, nas edicións galegas, ilustradas tamén polo xenial
Quentin Blake (un dos xenios do século XX), comprobo que estas novelas me seguen entusiasmando. A tenrura e a inocencia de
Charlie Bucket conmovéronme coma o fixera o
Oliver de
Dickens. Dahl consegue coas armas do humor e o enxeño, afiadas para o avance eficaz da narración, destilar a realidade do capitalismo, que hai corenta anos se transformaba no consumismo. A creación de personaxes memorables como ese
Willy Wonka, fabricante de marabillosas lambetadas (daralle nova cara no cine
Johnny Depp, pódese ver o
trailer), ou do
grande xigante bonachón demostra que ten razón
Gaarder (outro dos meus preferidos, un dos modelos para a literatura nosa) cando di que “a literatura infantil é a que tamén poden ler os nenos”. Recomendo vivamente ler ou reler a Dahl e a Gaarder. Moitas persoas adultas levarán con eles unha grande sorpresa. Os praceres máis intensos atópanse, xeralmente, onde menos un pensa descubrilos.
9 Febreiro, 2005 (01:18) | Autores | 8 comments

Lorenzo Varela por Luís Seoane 
Lidei o día enteiro coa edición gráfica dunha biografía de Lorenzo Varela. Este é un dos traballos de edición que gosto facer. Remexer nas fotos e na documentación dispoñible, o que sempre leva atopar cousas descoñecidas. Percorrer a biografía do monterrosino é esculcar “a lembranza do exilio e da patria”. Paradoxicamente, o máis desacougante da súa vida foron os tristes días do regreso (nótase nas fotos). El, aqueles dous anos, coincidentes cos da Transición, non se queixaba, pero non resistía o baleiro que o cercaba, ten comentado Isaac. Hai unha frase de Dieste na que non deixo de remoer: “A mocidade non é unha idade, un tránsito, senón o que transita. Eu ben sabía isto, pero os versos de Varela dinmo con tales fontes e escintilantes puñais de lembranza…” A
novela recente de Manuel Veiga expresa algo semellante.
Non comparto o descrédito que do Día das Letras Galegas se ven facendo nos últimos anos. Ben é certo que hai moita liturxia oficial e moita cultura necrolóxica na efeméride; mais, tamén, contando con personaxes axeitados, como é o caso de
Lorenzo, existen moitas oportunidades de volver a ollada cara a memoria do desterro. Algún día saberemos cómo se produciu a votación na Academia. Varela, como foi
Roberto Blanco Torres, non vai ser un homenaxeado cómodo para o pensamento conservador. Os progresistas debemos comprometernos a que
este 17 de maio non pase desapercibido.
Varela ben merece que lle levemos a cesta de mazás que devecía.
Ramiro
Ramiro será o director do
Cervantes de Lisboa. Para el supón, sen dúbida, un recoñecemento para un traballo literario rigoroso de dúas décadas. Para todos nós constitúe tender unha ponte de esperanza coa cultura portuguesa da que vivimos tan achegados mais tan virados de costas, como sempre di o meu amigo
Nelson. A cultura concibida como diálogo permanente e puxilato coa creación. Parabéns e sorte para o fillo de
Andrade.
7 Febreiro, 2005 (19:23) | Autores, Cómic | 1 comment

Cleopatra, Suso Peña
Jaureguizar todas as mañás xa é un vicio. Hoxe, grazas a esa dependencia, souben do pasamento do comiqueiro ribadense Suso Peña. Apenas engadir ao seu magnífico post que ilustrou tamén a autores galegos. Velaí o seu Celso Emilio para nenos, que preparou hai anos Antonio. Como xa sucedeu noutras ocasións, semella que só coa morte, coñecemos a existencia dalgúns dos nosos creadores pioneiros.
Coma un buxo
Á primeira hora da mañá visitei a don
Paco no seu
despacho. Atopeino coma un buxo. Inusualmente falador, contoume unha anécdota moi pavera de
Uxío e a primeira edición que Galaxia fixera d´
Os vellos de
Castelao. Paco, aos noventa e pico, segue rexo, lúcido e reivindicativo. O espazo dispoñible na
Penzol xa non chega para ubicar as súas vinte e pico mil referencias. Pódese entender que o maior arquivo impreso sobre Galicia conte con escasísimas axudas do goberno autónomo?
Novo Estatuto Galego
O
artigo de onte saíu publicado tamén en
xornal. Aceptei colaborar con eles.
6 Febreiro, 2005 (14:00) | Autores | No comments
Mañá
Onte atopeime en
Teucro con
Miguel para traballar sobre o desembarco do libro galego con motivo do
Sant Jordi. Deseñamos os criterios do programa. É unha oportunidade que este
ano non podemos perder.
Mediodía
A homenaxe a Pepe e Anisia foi emocionante. Gustáronme, sobre todo, as palabras de Susana (vaia texto máis medido e literariamente fermoso) e as de Luis Bará, o capitán intrépido tanto deste Salón como da concellaría. No remate, cantaron Mini e Mero (seguen sendo referentes para o profesorado da escola das pombas) e aquilo foi bagoar. Anisia agasallouos coa rosa branca do Marti da idade de ouro.
Pepe e Anisia, como editores e promotores de Follas Novas, apostaron hai xa corenta anos pola internacionalización do libro galego, proxecto que agora aos editores de hoxe nos parece tan imprescindible. Anisia (a creadora do proxecto Zunzun) e Pepe (o noso Balbino de Gres) son dous exemplos morais de resistencia e loita contra o conformismo.
Tarde
Convídanme a participar como xurado do desfile de comparsas. Varias conclusións: primeira, o pixama de Tonecho é o disfraz preferido deste ano; segunda, hai no noso entroido urbano dúas orientacións que se impoñen claramente: a transformación do rostro enxebre do país en algarada choqueira e as saudades dos desfiles brasileiros. Sen dúbida, aposto pola segunda porque son admirador dos blocos azuis e brancos da Portela, a escola de samba do barrio da Madureira (onde naceu Ronaldo) e que inspirou as cancións do Paulinho da Viola . Mañá gustaría participar no bloco popular (pouco que ver cos desfiles no sambódromo) que vai defender as súas oito ideas para cambiar o mundo. Como sei que non poderei facelo, consólome escoitando no itunes o choro de Teresa Cristina.
5 Febreiro, 2005 (09:24) | Festas | 2 comments

Felos de Maceda
Tomando un café en
Lambetadas (visita inescusable) coñecín as famosas pezas do
oleiro de Tioira e souben máis sobre as andanzas destes
felos. Para os
macedanos as súas máscaras (semellantes na indumentaria á dos peliqueiros) son o vestixio máis antigo do entroido rural
ourensán (sempre que non se que esquecesen os meus queridos
troteiros). Non desfilan polas rúas, senón que corren en grupos, incansables polas aldeas da serra, en Tioira, Vilardecás, Santirso e Castro de Escuadro, animados pola mestura de viño con ovos que beben. Longa vida para os felos!!!
4 Febreiro, 2005 (07:52) | Sociedade | No comments
Memoria
A memoria que máis me interesa, a que máis me move, é a que opera como catapulta, non a que te fixa unha áncora a unha identidade que se pode gardar nunha vitrina e pechar con chave. Creo na memoria como continuidade da vida. Non a memoria morta que nos convida a contemplar unha bolboreta cravada na parede.
Esperanza
A esperanza é unha cousa que se conquista cada día con moita dificultade e que cada día cae e se ergue cando está viva de verdade. Como todos nós, que tropezamos, caemos, dubidamos, dámonos contra a parede, fracasamos, morremos e volvemos a nacer.
Magnífico este libro de entrevistas do fillo do noso querido
Luis. Os pensadores da esquerda mundial analizan o estado do planeta dende unha perspectiva emancipadora. Libro moi recomendable.
3 Febreiro, 2005 (16:51) | Cultura | 4 comments
Nótase que o
Cervantes está dirixido por un
galego. É boa a
noticia de que promoverá a cultura galega no exterior. Con todo, creo que é imprescindible a creación dun instituto propio (podería chamarse “Rosalía de Castro”, como propuxemos na lei do libro) que promova a lingua e a literatura galegas en todo o mundo. Precisamos unha estratexia de país, compartida por autores e editores e apoiada con convicción polos poderes públicos galegos, para dar a coñecer fóra o noso acervo literario, tanto ó histórico como o contemporáneo. Só así poderemos conseguir traducións e valoración do conxunto da nosa literatura. Se o Cervantes axuda na tarefa, benvido sexa, tamén.
2 Febreiro, 2005 (19:12) | Lectura | No comments

Óscar Villán, Can de palleiro, 2004
Recibo da
Federación os documentos do
Barómetro sobre a Lectura 2004, do que tiña noticia a semana pasada. Merecen ser estudados con vagar, xa que por vez primeira reflitense datos sobre os comportamentos lectores en galego. Atopo datos para anotar.
- Galicia posúe unha media de lectores lixeiramente inferior á media do Estado.
- Un 33,4 % dos lectores galegos manifesta ler habitualmente en galego.
- O lector medio le de 2 a 8 libros por ano.
- O 91,5% dos lectores motiva no lecer e no entretemento a súa primeira razón para ler.
- A recomendación dos amigos (60,8%) é primeira motivación para a compra de libros.
- O 90,9 % dos lectores de literatura escolle a novela como o seu xénero preferido.
Por estes datos semella que o perfil do lector medio en España (as lectoras son máis cos lectores, outro dato a anotar) é o dunha persoa que le media ducia de novelas, que lle recomendan as súas amizades, co obxecto de pasar un rato entretido. Afondaremos neste perfil e nas súas consecuencias.
Intuición
Por fin!!! Hoxe asinei o contrato internacional que perseguía desde hai semanas. Desde entón teño a intuición de que esta obra (da que teño referencias paratextuais inmellorables sobre a súa recepción no Reino Unido) vai ser en galego algo grande. Estarei errado? Traducir textos contemporáneos (este apareceu no verán) para o galego é unha estratexia por acometer con decisión. A edición faise destas apostas. Unha cuestión de fé?
1 Febreiro, 2005 (19:54) | Uncategorized | 8 comments

Miguelanxo Prado, Industria, 2004
Á primeira hora da mañá atopo na caixa de correos este agasallo de
Miguelanxo. A providencia laica prometía que hoxe sería un día de
clásicos. Ao mediodía viaxo con
Agus a
Teucro para atoparnos con
Mariasun e logo visitar o Salón do Libro Infantil. Conversamos sobre libros e, inevitablemente, sobre o
debate (que nos estabamos perdendo). Coñecemos moi pouco os termos do conflito vasco, quizais, porque a información que recibimos sobre o asunto procede dos medios madrileños e está sempre contaminada pola lamentable violencia de ETA.
Os clásicos centran este ano un Salón, outro ano máis, expléndido e ateigado de actividade e fantasía. Hai moito que ver. Gustei, sobre todo, da exposición
Can de palleiro, preparada polos membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (
AGPI); o noso humilde canciño en máis de trinta interpretacións (sorprendentes e divertidas). Longa vida para o noso can máis caseiro!
Este salón de Teucro é unha illa pirata de liberdade. Organizado con grande esforzo pola concellería de cultura e por un grupo de profesionais da animación á lectura conta cos medios xustos (non ten subvención ningunha da Xunta). Creo que a imaxinación e a creatividade desbordada, un programa moi variado e multidisciplinar, a participación dos centros escolares son algúns dos ingredientes do seu éxito e do seu crecemento continuo. Se fose organizado en Cataluña ou en Italia, ocuparía durante toda esta semana as primeiras páxinas dos xornais e das televisións. Péchase o sábado cunha homenaxe a
Neira Vilas e
Anisia Miranda. Alí estaremos con eles. Quen poida achegarse ata Teucro, non debería perdelo.