Month: Maio, 2005
30 Maio, 2005 (19:20) | Efemérides | 12 comments
Recibo a proposta da
Asociación Cultural Ánxel Casal de
Arzúa promovendo a candidatura de
Ánxel Casal para que lle sexa dedicado o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Non nego a miña simpatía por esta proposta de homenaxear o máis grande editor galego. Transcribo o texto da proposta:
Ánxel Casal é a figura que máis fixo pola normalización do libro galego antes da barbarie que comezou en 1936. Nunha situación de cultura non normalizada como a que lle tocou vivir, as súas tentativas de constitución dun sistema editorial están relacionadas co proceso de construcción dunha literatura nacional.
Nacido na Coruña, fillo de pais arzuáns, Ánxel Casal tamén coñeceu a emigración. Primeiro en Boas Aires e logo en Francia. De volta atendeu a chamada das Irmandades da Fala ás que se afiliou en 1918 e converteuse nun dos seus membros máis activos. En 1924, con Leandro Carré Alvarellos fundou a editorial Lar e en 1927 el mesmo fundou a editorial Nós. Ademais das publicacións propias, todas relacionadas coa cultura e coa problemática xeral de Galicia, tamén imprimiu no seu taller o xornal A Nosa Terra, como órgano oficial das Irmandades da Fala, así como moitas outras publicacións.
En 1931 trasladouse a Santiago. Nun primeiro momento instalouse na casa taller de Camilo Díaz e dous anos máis tarde na Rúa do Vilar, 15. Os seus libros tiñan unha admirable calidade gráfica e entre os seus autores estaban moitos dos que actualmente son xa uns clásicos da Literatura e o ensaio galego:
Alcalde de Santiago en 1936, pagou coa propia vida o seu compromiso de amor a Galicia. Fillo de pais das terras de Arzúa, de Vilantime o pai e de Visantoña a nai, Ánxel Casal foi, pois, o primeiro elemento urbano dunha familia de orixe profundamente rural. E tanto é así que o hórreo, un hórreo tipicamente arzuán con dous cativos, é o emblema da editorial NÓS. Un hórreo cheo de millo cunha rapaza que le e un neno deitado á sombra, escoitando, representan os obxectivos de Casal e os dos seus compañeiros de xeración: pan e escola, mellora social, reforma educativa e cultura galega para todos.
Por todo iso, a Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa promove ante diversas institucións, entidades, editoriais e persoeiros da cultura galega unha proposta dirixida á Real Academia Galega para que lle dedique ao editor Ánxel Casal Día das Letras Galegas, pois aínda recoñecendo a súa escasa obra literaria, de non ser por NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta é posible que algúns dos libros de autores clásicos da Literatura galega como Villar Ponte, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cabanillas, Manuel Antonio, Amado Carballo.
29 Maio, 2005 (10:28) | Premios | No comments

Xosé Chao Rego e Antón Costa Rico
Levo asistindo aos Premios da Crítica Galicia desde hai máis de vinte anos. As mellores edicións sempre son as que coinciden en periodo preelectoral. Así sucedeu onte, onde todas as intervencións dos gañadores reclamaron abrir un tempo novo, chamadas á esperanza e ao inconformismo coa situación presente (referencias importantes que non vin en información ningunha dos medios, que se limitaron a reseñar as actas dos xurados).
Antón (co de onte, o seu libro xa acada tres premios) en Investigación, Pepe Chao (mágoa que se lle vexa cada vez máis abaixadiño) no de Ensaio, Luis Bará (o concelleiro de Cultura de Teucro) en Música, Farruco Bernal (en representación do equipo galego de Mar adentro) en Artes da representación, e o alcalde nacionalista de Vilar de Santos (promotor do Museo Etnográfico da Limia) en Iniciativas Culturais fixeron dunha ou doutra maneira referencias esperanzadas á necesidade de cambio político.
Mención á parte merece a categoría do discurso de don Xesús, nomeado Galego Egrexio, unha peza oratoria memorable; aínda que me chamou a atención a escasa presenza dos seus colegas, coa excepción de Axeitos, que lle fixo unha fermosa laudatio. O profesor está en plena forma e demostrou nun discurso lido (o que non acostuma) que continúa agudo, combativo e erudito coma sempre adoita.
Xa nos rexoubes dos pinchos, xente ben informada apuntaba a preocupación que en privado amosa o responsable da campaña do PP polos datos que proporcionan as enquisas. Semella que hoxe hai posibilidades reais para a alternativa.
28 Maio, 2005 (16:24) | Música | 2 comments

Lamatumba
Pedro Feijoo, o baixo de
Lamatumbá, é o autor de
Viva o furremol, un libro que publicaremos proximamente, onde se desmiuza desde dentro o mundo da música popular en Galicia. Hoxe, despois de revisar outra vez as probas, conclúo que se o sistema literario galego é complexo e difícil, dedicarse aquí á música é unha proeza para xente afouta. A de
Lamatumbá tenche un talento
especial con folgos arreo e coa alma do Cuco de Velle no peito; éche ben difícil mesturar con soltura rock, samba, reggae, ska cos ritmos de verbena como fan adoito.
Unha marabilla. Estes ourensáns son o mellor antidepresivo que coñezo (se tivese que escoller cal é o tema que máis me aleda do
disco novo, non sabería qué dicir, todos me prestan). Este verán van dar moito que falar (o seu directo é prodixioso). Lume e festa…!!! (que boa falta fai tal como che está o
panorama).
28 Maio, 2005 (15:43) | Blogs | 1 comment
Recibo no correo noticia dunha páxina (non oficial) do concello limiao de Sandiás. A recollida de información é moi exhaustiva e rigorosa. Recomendo a lectura das lendas sobre a lagoa de Antela. Encabeza o sitio un texto do poeta irlandés Seamus Heaney, que constitúe unha declaración de resistencia:
As pequenas culturas teñen unha relación complicada co mundo de hoxe en día. É unha situación de Anteo fronte a Hércules: Hércules é a globalización, e Anteo a posibilidade de resistir. O mito dinos que vence Hércules, mais tamén nós di que Anteo segue a resistir.
Parabéns, Xabier!!!
26 Maio, 2005 (22:23) | Blogs | 9 comments
O de Carme Adán si é un
blo. Impecable tecnicamente (como
cómpre), escrita coidada (algo escura) e posibilidade de colocar comentarios (imprescindible). Son de agradecer o pertinente dalgúns
enlaces. Aventuro que
estoutro vai perder lectores. Só lle poño unha tacha: o número e o tamaño das
fotos é un chisco desmesurado. Agardemos que teña a sorte que merece o seu empeño.
25 Maio, 2005 (15:46) | Edición | No comments
O meu amigo, o editor valenciano
Joan Carles Girbés, recomendoume hoxe este magnífico
sitio de libros sobre libros. Moi recomendable para editores, autores, críticos e demais letraferidos.
23 Maio, 2005 (20:22) | Autores | No comments
Baixo o título “Poeta na cadea” atopei
esta noticia. Recomendo ler o texto completo e non quedar só co titular e a fotografía (o que facemos adoito). Podería incorrerse nun erro lamentable.
23 Maio, 2005 (19:40) | Críticas | No comments
Alejandro Gándara comenta no seu
blo a aparición recente do
libro do
crítico da
polémica. A disquisición entre o papel do reseñista e o do crítico pon sobre a mesa, outravolta, o papel da crítica no sistema literario e na promoción da lectura e dos produtos editoriais.
22 Maio, 2005 (21:29) | Premios | 4 comments
O sábado participei no acto de entrega do
Premio de Relatos Os Viadutos para menores de trinta e cinco anos, que dende hai sete anos organiza o
concello. Alí souben de Manuel Antonio Lourenzo Sobral, un mozo de Arcade, licenciado en filoloxía (está facendo o postgrao sobre o galego exterior con Quique Costas). Manuel é o autor de “Púrpura para Amanda”, o relato que os membros do xurado declaramos (sen dúbida ningunha) como gañador. Un conto impresionante, arredor da tortura e do golpe de estado de Chile en 1973, literariamente redondo. Ao remate, contoume que era a primeira vez que mandaba algo a un concurso e que tiña un fachico de contos na gaveta. Volvín para casa contentísimo. Aí veñen novas xeracións de narradores galegos cun pulo poderoso!
21 Maio, 2005 (10:16) | Política | 5 comments

Anxo Quintana e Carmen Adán
Onte asistín á conferencia de Quin. O público, a maioría militantes, entregado. Bonita e sobria a presentación de Carmen. A intervención do candidato clara, didáctica, moi ben estruturada, aínda que, na miña opinión, falta dun chisco de emoción (algo que podería corrixir doadamente). Fixo múltiples referencias a necesidade do “cambio” (a palabra maldita”, adxectivándoa, nalgúns caso, como “galego”). Gustoume moito a súa defensa da rexeneración democrática e a proposta de redistribución de oportunidades; sen embargo, as referencias ao desenvolvemento do autogoberno (Novo Estatuto e novo modelo de financiamento) foron máis vagas. Na proposta de esquema de goberno (moi moderna e innovadora) botei en falta unha referencia máis explícita ao enfoque da política cultural e lingüística (apenas a creación do Instituto Castelao de promoción da lingua e literatura galegas no exterior), que semellaría axeitada que fose no seu modelo unha área de carácter transversal. Por último, aconsellaríalle con todo o agarimo que nas súas intervencións fixese unha referencia a Beiras, que ben a merece, e, por riba, alentaría a confianza do público.
En fin, Quin amosou un bo ton para acometer a difícil empresa que lle agarda nas vindeiras semanas.
20 Maio, 2005 (18:04) | Uncategorized | No comments
19 Maio, 2005 (14:27) | Uncategorized | 11 comments
Non comparto a mala fama que ten
Sal como cidade de escasa actividade cultural. Teño o corazón dividido polos convites que recibo para o serán de mañán:
conferencia de
Quin no Clube
Faro, inauguración de
Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (a exposición que comisaria
Carlos Bernárdez) e presentación de
Balada Solitaria, o último poemario de
Fran. Non sabe un a que chamada acudir, todas á mesma hora nun radio de apenas cincocentos metros. Os tres son amigos, os tres actos, con certeza, moi interesantes. Aos tres dixen que iría. Onde vou?
18 Maio, 2005 (18:48) | Tipografía | No comments
18 Maio, 2005 (15:37) | Política | 4 comments
Transcribo o texto do correo anónimo que recibín hoxe e sinala anda percorrendo apoios fóra de Galicia:
ESTAMOS CON VOSOTROS.
Somos muchas las personas que miramos a Galicia desde fuera con ojos atentos. Vemos en vosotros un país que nos atrae y vemos también cosas que no comprendemos.
¿Cómo un país que demostró fuerza y dignidad para gritarle “nunca máis” a un poder que lo despreció sigue dando esa imagen de país encerrado en un tiempo pasado y bien pasado?
¿Cómo una sociedad que da muestras de ser creativa y dinámica permite que siga marchando su juventud y con el índice de nacimientos más bajo de Europa?
Desde fuera, desde España toda y desde toda Europa vemos que Galicia está ante una decisión histórica. Creemos que va a ser esa juventud que vimos movilizarse para defender el mar y la tierra, esa juventud que lanzó ese “nunca máis”, esa consigna de rebeldía y de esperanza al mundo a que decida el dilema.
Deseamos que Galicia opte por el futuro, por vivir el tiempo de la libertad y opte por la esperanza. Nosotros estaremos aguardando conocer esa nueva Galicia que sabemos que ya existe.
(ESTAMOS CONVOSCO.
Somos moitas as persoas que ollamos a Galiza dende fóra con ollos atentos. Vemos en vós un país que nos atrae e vemos tamén cousas que non comprendemos.
¿Como un país que demostrou forza e dignidade para berrarlle “Nunca máis” a un poder que o desprezou segue a dar esa imaxe de país encerrado nun tempo pasado e ben pasado?
¿Como unha sociedade que dá mostras de ser creativa e dinámica permite que siga a marchar a súa xuventude e co índice de nacementos máis baixo de Europa?
Dende fóra, dende España, dende Europa toda, vemos que a Galiza está ante unha decisión histórica. Cremos que vai ser esa xuventude que vimos mobilizarse para defender o mar e a terra, esa xuventude que lanzou ese “nunca máis”, esa consigna de rebeldía e de esperanza a todo o mundo a que decida o dilema.
Desexamos que a Galiza opte polo futuro, por vivir o tempo da liberdade e opte pola esperanza. Nós estaremos agardando coñecer esa nova Galiza que sabemos que xa existe.)
17 Maio, 2005 (21:45) | Uncategorized | 3 comments
O día das letras tróuxonos un agasalliño aos maceiros: o “chintófano”, un
widget que permite consultar o
Dicionario da RAG. Pódese descargar doadamente dende a páxina da empresa
Galinus. É moi doado de instalar e comprobei que funciona sen problemas en safari. Mágoa de nome para unha utilidade interesante.
17 Maio, 2005 (09:49) | Efemérides | 1 comment
16 Maio, 2005 (18:54) | Entrevistas | 9 comments

Edicions Bromera (catalán)
Recomendo a lectura devagariño da longa
entrevista a
Suso de Toro que aparece hoxe en
Vieiros. Non ten desperdicio. É moi clarificadora sobre o momento que vivimos. Reflexivo e mirando cara o futuro, esas inxeccións de esperanza que tantas veces faltan aquí, Suso reclama a mobilización cidadá para abrir unha nova etapa política.
16 Maio, 2005 (17:01) | Cine | 1 comment
15 Maio, 2005 (18:37) | Efemérides | 5 comments
15 Maio, 2005 (12:41) | Efemérides, Librarías | 2 comments
Nesta fin de semana das Letras conto exactamente tres títulos editados en lingua galega no escaparate da Casa do Libro de Vigo. Esta porcentaxe, moi inferior ao 1% dos títulos expostos, é a que corresponde ás vendas do libro galego neste establecemento? Sempre gabei e o seguirei facendo o traballo de dinamización do libro galego (sobre todo de presentacións de novidades) que se fai na primeira libraría viguesa, sen embargo, non comprendo cáles son os seus criterios comerciais e de visibilidade.
Comparto e apoio todos esforzos por buscar un novo modelo para o 17 de maio. Sei que cómpre darlle unha volta a un ritual que esmorece, entre o oficialismo e as rotinas de editores, libreiros e medios de comunicación. Con todo, reivindico o seu carácter de Día do libro galego, tal como era a intención dos seus creadores en tempos de resistencia.
O venres participei na presentación dunha iniciativa do concello dos Viadutos consistente en expoñer oitocentos libros galegos nos escaparates de máis de cen comercios da vila. Baixo o lema “Tanto les, tanto vales. Un libro axuda a vivir”, libros nosos en tendas de deportes, ópticas ou de confección conforman unha paisaxe inédita destinada a proporcionar visibilidade para o libros nosos.
O libro galego debería ocupar, aínda que fose de forma excepcional durante unhas xornadas, todo o espazo dos escaparates das nosas librarías. É pedir de máis?
14 Maio, 2005 (19:24) | Uncategorized | 7 comments
Tras as eleccións de Euloxio R. Ruibal e Darío Xohán Cabana, teño a impresión de que a vacante pendente da
Academia será ocupada por un
historiador.
13 Maio, 2005 (08:06) | Bibliotecas | 1 comment
Semella que desta volta vai adiante a posta en marcha dun programa serio de bibliotecas escolares. O plano marco que promove a Consellaría de Educación tivo unha boa acollida, xa que son setecentos os centros que solicitaron participar. Onte participei, en representación da AGE, na primeira reunión do grupo de traballo, promovido pola propia Consellaría, que pretende elaborar unha guía para a selección de fondos para as bibliotecas de infantil e primaria. Unha tarefa complexa que nos debería levar tanto a determinación de criterios do funcionamento das bibliotecas, como a escolla dos fondos, sexan eses títulos “imprescindibles” (os que non deberían faltar en ningún centro), fosen as novidades dos últimos anos, sexan materiais impresos como dixitais. Como sinala o manifesto de AGABEL, a biblioteca escolar debería configurarse como un centro de recursos multimedia que pon ao servizo de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e pais e nais) todo tipo de material e fontes documentais, independentemente do soporte no que se presenta, e achega novas posibilidades dun ensino innovador. Quedan, pois, meses dun traballo ben ilusionante.
12 Maio, 2005 (19:40) | Política | 4 comments
Non tiven oportunidade de velo en directo, mais lin o
texto do discurso que pronunciou hoxe no Parlamento
Francisco Rodríguez é pareceume magnífico. Nas liñas precisas, o veterano parlamentario do BNG resumiu unha posición política, dende os intereses de Galicia, firme, seria, clarificadora e, ao mesmo tempo, capaz de abrir un
diálogo co goberno para iniciar unha nova etapa política. As referencias á necesidade do Novo Estatuto e a un novo modelo de financiamento, así como a emocionada mención á
traxedia de Ferrol foi tan oportuna, como indispensable, para chamar a atención sobre unha situación que non se debería repetir nunca máis.
Os meus parabéns entusiastas para o traballo parlamentar de Francisco Rodríguez. Galicia tivo a voz que precisaba.
12 Maio, 2005 (12:59) | Efemérides | No comments
O
especial Letras Galegas 2005 de
Vieiros é lindo lindo. Aqueladiño de todo. Un orgullo para a web galega.
11 Maio, 2005 (23:19) | Política | 1 comment
A pesar da dor que nos produciron os trasacordos e os
ataques cainitas que recibimos ben pagaron a pena e o
manifesto na procura dun novo tempo político
xa vai adiante, apoiado agora por unha ampla
rede de cidadáns e colectivos. Esta é a mellor noticia que recibimos nos últimos meses.
11 Maio, 2005 (06:08) | Artes Visuais | 1 comment

Cuspindo a barlovento
Onte á noite asistimos á inauguración da
exposición de
Manuel Sendón no
Museo do Mar. O traballo xa se expusera en Compostela, visitara varias cidades europeas, fora editado, e faltaba dalo a coñecer na cidade do fotógrafo. A espera mereceu a pena. Os formatos dun metro por un metro locen o seu. A sutileza de Sendón, transformando a emoción daqueles días en pezas inmorredoiras, volveu abraiarnos.
A novidade da serie Peixes, ao xeito de emblemas do mar salgado, foi outra sorpresa. Retratounos coma se fosen xefes de estados, reivindicando a natureza mariña fronte a industrialización das granxas que están inzando a Costa da Morte. Ademais das fotografías, a exposición presenta as ferramentas creadas e utilizadas na loita contra o chapapote. Recomendo visitala para revivir o espírito de Nunca Máis. Non ven nada mal nestes momentos de tanta confusión.
9 Maio, 2005 (18:56) | Uncategorized | 9 comments
Teño un disgusto enorme polos inxustos e desproporcionados
ataques que está recibindo Suso de Toro (unha persoa honesta e xenerosa onde as houber) a raíz do
manifesto que se fixo público onte. Non entendo a que vén a posición do profesor
Losada.
Tratar de apoiar unha corrente de cambio, promovendo a participación do electorado nacionalista e progresista (sensible a adoptar unha posición abstencionista diante da innegable febleza da alternativa que se lle propón) non é, nin moito menos, apostar polo voto ao PSdeG-PSOE (como argumenta Losada); é, simplemente, a estratexia posible para impedir un novo triunfo de Fraga. Que cadaquén vote a quen mellor considere, en función das súas conviccións ou da valoración que faga da oferta electoral presentada por cada un dos dous partidos (candidato, listas, programas…). Ou é, que agora, non estamos de acordo en que o
fundamental é abrir unha nova etapa política tras dezaseis anos de gobernos de Fraga Iribarne?
Canto máis falo coa xente coa que teño relación, palpo maior desolación e impotencia. Sen embargo, como son un optimista da vontade, creo que non é este o momento de pecharlle as portas á esperanza. Unha apreta fraterna para Suso de Toro.
8 Maio, 2005 (21:50) | Sociedade | No comments
O
foro de gurús empresariais e económicos que se está desenvolvendo estes días achega reflexións que non teñen perda.
Preguntado o xaponés
Kenichi Ohmae, considerado un dos gurús mundiais en estratexias de desenvolvemento rexional, sobre qué facer para que Galicia sexa máis atractiva, contestou de forma lacónica: a palabra clave é
RDM: o resto do mundo. Tenche moita razón, neste país noso tan chovinista, cómpre abrir a mirada cara fóra.
8 Maio, 2005 (21:32) | Edición | No comments
O artigo de
Moisés sobre os
correctores abre un debate ben interesante. Ben se nota que sabe do que fala.
8 Maio, 2005 (21:23) | Uncategorized | 2 comments
8 Maio, 2005 (10:14) | Política | 2 comments
Velaí o texto do Manifesto que promovemos en nome da esperanza e do cambio:
A proposta que presenta o PP á sociedade galega para seguir ocupando o goberno da Xunta é impropia do tempo que vivimos. Condena ao noso país a seguir atrapado no tempo, a continuar encerrado nunha anomalía que xa non pode continuar. Oferta a parálise dun proxecto esgotado, agora só ocupado do reparto da herencia dun poder exercido como en finca propia.
O balance das luces e das sombras deste longo periodo de goberno protagonizado por Fraga Iribarne non pode ser positivo: o resultado global é que, tomando como referente o progreso de España, Galiza non só non avanzou en términos económicos e sociais senón que recuou e, así, a nosa mocidade mellor formada segue emigrando. Despois de 16 anos preséntasenos como a meirande expectativa de futuro continuar no pelotón das rexións europeas máis atrasadas.
A nosa saúde democrática está gravemente danada polo clientelismo e o amiguismo, pola falla de transparencia, pola manipulación informativa denunciada polo Valedor do Pobo. O goberno galego ofrece a imaxe penosa dun poder ensoberbecido e insensible ás preocupacións dos cidadáns mesmo cando nos golpea o desastre.
Esta situación non se corresponde coa sociedade que somos, non somos como a imaxe que proxectou todos estes anos esta Xunta. Hai un país vivo e dinámico que xa existe, de costas á falta de operatividade do poder político. Un poder político que fracasou estrepitosamente nunha Galiza sumida na sua peor crise demográfica, cunha poboación envellecida e que segue a expulsar á xente nova.
Este periodo político que agora se cerra foi dun control absoluto da sociedade, mais a sociedade civil resistiu e foi quen a demostralo repetidamente nos últimos anos: mantivo a esperanza. Esa esperanza é un ben do que dispón o noso país e que agora debe ser administrado con sentido da responsabilidade polas forzas políticas que configuran a alternativa, que deben ofrecer á sociedade vontade de diálogo e entendemento para un novo goberno capaz de movilizar as enerxías, capacidades e iniciativas deste país.
No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas.
Un novo tempo que nos convoca a todolos cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galiza.
No nome da esperanza:
Participa no proceso electoral.
Vota polo cambio.
XA VAI.
Agustín Fernández Paz (escritor), Anxo Guerreiro, Carmen Segura, Dolores Vilavedra (profesora), Javier Carro, Luís Alvarez Pousa (profesor), Luis Tosar (actor), Manuel Bragado (editor), Manuel Rivas (escritor), Mar Martín, Miguel Anxo fernán Vello (escritor e editor), Ramón Chao (escritor), Ramón Máiz (profesor), Rosa Aneiros (escritora), Suso de Toro (escritora), Uxía Senlle (música), Xurxo Souto (escritor).
7 Maio, 2005 (22:52) | Cine | No comments

Heroína
Gustoume, aínda que saín do cine case noqueado. Herrero non proporciona tregua para complacencia ningunha (nin sequera coa
canción de Antonio Vega), a pesar de que a
realidade foi moito máis crúa ca ficción reconstruída. Un drama con esperanza e moita coraxe.
6 Maio, 2005 (22:31) | Blogs | 2 comments
Despois da estupenda presentación das
Follas de bacallao, máis dun cento de persoas (con proxección de vídeo incluída), no Camaleón volvemos falar das razóns dos que apoian sen matices o plan xeral de Vigo. A cousa cada vez está máis clara: se alguén a comprende debería explicala. En
Sal, o PSOE está feliz.
Nunca llas puxeron mellor.
Cando chego a casa, María descúbreme o blo de Quin. Gustávos esa prosa tan enfiadiña e optimista?
5 Maio, 2005 (19:32) | Política | 6 comments
Hai trece anos que non facía unha intervención política. Foi onte na presentación das Bases do Novo Estatuto en Sal. Percibín que o que máis interesou ao público (numeroso, aínda ca menos ca o día anterior en Teucro) foron as propostas sobre ordenaciópn do territorio: a de redución e reordenación do número de concellos, o recoñecemento da comarca e a creación das rexións urbanas (ambas as dúas como entidades administrativas e políticas). Chocoume a escasa atención dos asistentes por comentar ou interpelarnos sobre cuestións máis políticas (a lingua, a cidadanía galega, a configuración federal do estado, a integración europea…), coa excepción dunha pregunta que nos fixeron sobre cómo recollía o texto a cuestión da soberanía nacional.
Isto xa ven sendo unha constante no debate político galego reducido de forma reiterativa a un debate nominalista sobre as infraestruturas que precisamos. En xeral, boto en falta a confrontación de alternativas sobre cuestións de máis peso na vida dos cidadáns: os modelos educativos e sanitarios, as políticas sociais e de emprego ou a profundización dos dereitos cívicos (cuestións que, sen embargo, o texto do Foro aborda con profundidade).
Temo que esta campaña quede sumida a unha estéril polémica sobre liftins, as crises dos tres partidos (o tema monográfico da tertulia de hoxe) ou os trens que chegarán (xa temos a certeza) con retraso. Vai ser esa toda a cartografía do soño noso?
Cando saín do acto notei certa frialdade comigo dos responsables e candidatos do BNG. Quizais falei con paixón excesiva sobre o que eu entendo por galeguismo republicano integrador ou, quizais, non foi moi diplomático o meu último post sobre as súas listas. En todo caso, creo que, por riba das consecuencias dos resultados de xuño, hai que apostar polo futuro.
5 Maio, 2005 (16:17) | Blogs | No comments
4 Maio, 2005 (21:52) | Traducións | 2 comments
3 Maio, 2005 (21:51) | Política | 6 comments
O anuncio das
listas do BNG é outra decepción máis. Ao longo do día coméntoas con varios amigos e todos coincidimos: semella unha purga irresponsable que non ten sentido ningún (lémbrame a que fixeron con nós en 1977, si hai vinte e oito anos, cando eramos uns rapaciños de Erga, aínda o sinto con tristeza). A UPG asegúrase os postos de saída (Rodríguez sabe que canto peores sexan os resultados que obteña o
BNG, mellores serán as posicións políticas dentro da organización que vaia obter a
UPG); o perfil do resto das candidaturas é politicamente baixo e tecnicamente insuficiente (a inexperiencia parlamentaria non asegura apertura á sociedade nin amosa un equipo de goberno máis fiable, como se
pretende).
O lema (“un país novo”) é patético. U-lo programa? Esta é a renovación que nos anunciou Quin?
Creo que a actual executiva do BNG confúndese de terra e de tempo; non vexo por ningures que posúa unha reflexión profunda sobre a Galicia do futuro (escoitaron o
debate da SER?) nin que se recolla o espírito integrador e aberto do nacionalismo democrático que se foi forxando nos últimos vinte anos. Cara onde imos con estes vimbios?
A única esperanza que vexo para librarse do meigallo é promover unha forte corrente de participación política na sociedade civil (sobre todo nos mozos e nesa maioría de nacionalistas e galeguistas de tradición republicana que non militamos). O labor de todos será mover ao abstencionista de esquerda que, a pesar destas decepcionantes candidaturas (as socialistas non che son mellores), vote.
Este panorama desolador non me impide que mañá vaia poñer todo o meu pulo na presentación das
Bases do Novo Estatuto en Vigo (o traballo pagou a pena, aínda que fose desprezado polos
responsables da UPG).
Convido aos que teñan interese a asistir á casa do Libro ás 8 da tarde.
1 Maio, 2005 (10:36) | Premios | No comments
Despois dunha semana intensísima de viaxes, presentacións e reunións (leveina moi mal, case anguriado) onte chegou unha enxurrada de boas noticias: os premios “Lecturas” 2003 e os Losada Diéguez 2004. Son dos premios que como editor maior agradezo, por tratarse de recoñecementos a obra xa editada.