Month: Xuño, 2005

Visitas a San Simón

30 Xuño, 2005 (08:24) | Uncategorized |

Mañá, o sábado e o domingo poden visitarse libremente as illas de San Simón e San Antón, onde celebramos este ano os premios. A Consellaría de Cultura pon un servizo de barco que sairá dende o peirao de Redondela. Unha boa oportunidade para todos os que desexen coñecer este territorio natural e da memoria.

A Casa das Mil Portas

29 Xuño, 2005 (16:09) | Uncategorized |

Fedellando no blo de George Cassiel descubro o proxecto colectivo d´A Casa das Mil Portas, onde máis dun centenar de blogueiros portugueses e brasileiros publican os seus microcontos (unha historia en prosa contada con menos de cincuenta caracteres).Recomendo moito esta viaxe que permite coñecer un mundo literario, incomprensiblemente, pouco frecuentado por nós. A navegación da […]

Nova web da AGE

28 Xuño, 2005 (22:08) | Internet |

Este día tivo outra nova feliz: colgamos a nova web do gremio de editores galegos. A verdade que é todo un luxo este novo traballo de Acordar.

Palabras finais

28 Xuño, 2005 (21:54) | Política |

O presidente en funcións non tivo hoxe reparos en citar as gloriosas palabras finais de Sempre en Galiza e en recitar uns versos de Ferrín para convidar aos galegos a “superar ese caduco lirismo”. Tarde piaches, Manuel!

Vai de mar

28 Xuño, 2005 (21:08) | Cidades, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil |

O luns, a viaxe de volta de Valencia foi bonita bonita. Cando pillei o taxi, que me levou ao aeroporto, souben pola radio do estado adiantado do reconto. Tiven que conterme para non abrazar ao condutor: por fin rematara o desacougo. Enriba das nubes a noitiña é moi luminosa e, canto máis nos achegabamos a […]

Pura e Dora escritoras na súa terra

26 Xuño, 2005 (11:14) | Autores |

Ourense 25-06-2005 Onte foron homenaxeadas pola AELG Pura e Dora Vázquez. Un recoñecemento ben merecido. Reproduzo a fermosa andoliña que escribiu o amigo Marcos Valcárcel: “A poesía é unha forma que ten o home de orar, non sei a qué, pero de orar”, dicía hai uns anos o escritor Álvaro Mutis. E esa oración laica, […]

Albixoi

26 Xuño, 2005 (10:56) | Blogs |

Saímos satisfeitos do Mestrado. A derradeira sesión, sobre Internet, constituíu unha longa viaxe sobre o libro e a rede (sempre se atopan cousas sorprendentes, como a crise de Amazon na venda de libros, hoxe semella un bazar do principado). Outra boa sorpresa foi coñecer o magnífico blo de Pablo. Pásoo aos meus enlaces favoritos. Recomendo […]

Mariza transparente

26 Xuño, 2005 (10:41) | Música |

Transparente Volve Mariza con Transparente. Un terceiro álbum onde se volve renovar o fado do fado. Gusto de “Recusa” e de dúas versións de temas de Carlos do Carmo, “Transparente” e “Duas lágrimas de orvalho”. Escoitando este disco formidable do fado maior, quen dixo que coa música a alma non pode chegar a doer?

Congreso Ibérico de LIX

26 Xuño, 2005 (10:10) | Literatura infantil e xuvenil |

Valencia, 27-30 de xuño de 2005 Hoxe á notiña marcharei a Valencia para participar mañá nun debate de editores no Congreso Ibérico de LIX. Dubidei moito en cal debería ser o enfoque da miña intervención. Finalmente optei por proporcionar datos sobre a evidente inflacción produtiva da LIX (empregando un chisco de retranca) e analizar, despois, […]

Máis blos sobre libros

24 Xuño, 2005 (21:09) | Blogs |

Periodistas 21 abriu un wiki de blos sobre libros e literatura. Mágoa que haxa apenas galegos.

Mestrado de edición

24 Xuño, 2005 (10:53) | Uncategorized |

Estas dúas últimas semanas andamos atafegados coas sesións do Mestrado de Edición. Esta experiencia docente, na que leva todo o peso Celia Torres, a directora de promoción da editorial, está sendo para nós un reto. Obrigounos a sistematizar o noso traballo e a tratar de comunicar en vinte e seis horas, da forma máis atractiva […]

Un canto á vida

23 Xuño, 2005 (11:05) | Autores, Narrativa, Premios |

É impresionante: Teresa Moure volveu gañar un novo premio. Hai varios días acabei de debullar o orixinal de Herba Moura, a novela coa que gañou o Xerais. Deslumbroume. Non atopo expresión máis acaída (“deslumbrante” dixeron, tamén, os membros do xurado). Interesáronme moito os temas (dende a confrontación entre o pensamento racionalista e o empirista; a […]

O reto de Quin

22 Xuño, 2005 (14:17) | Política |

A noite do domingo lamentei a falta de autocrítica do BNG. Comprendo, agora, que non foi un día doado para ninguén, xa que nos roubaron a posibilidade de expresar a alegría. Sen embargo, Quin, xa dende o luns, tivo os reflexos suficientes e a coraxe necesaria para expresar autocrítica e confianza no futuro. Actitude que […]

Morreu don Álvaro

21 Xuño, 2005 (10:51) | In memoriam |

Onte á notiña soubemos do falecemento do noso amigo, don Álvaro Álvarez Blázquez, o fillo máis novo do médico Darío Álvarez Limeses, fusilado polos sublevados o 18 de xullo. Morreu o afouto e coraxudo editor de Serigrafía Gallega, de quen aprendimos, nestes últimos anos, tantas leccións de honestidade e compromiso galeguista e republicano.Nacido en Tui […]

Xente feliz con lágrimas

20 Xuño, 2005 (17:26) | Política |

O Saviñao, 19-06-2005. Onte non foi un día para chorar, mais tampouco para botar moitos foguetes, xa que ao longo da noite fomos comprobando no espello o estado real da nosa febleza. Outravolta, deambulamos como xente feliz con lágrimas. Como tantos outros galegos, pasei ao longo do día da esperanza á alegría; logo, da alegría […]

Utopía

19 Xuño, 2005 (15:18) | Imaxes |

Kate 2.0 Quen esta noite non sexa capaz de aguantar os nervios do seguimento dos resultados, recomendo fedelle con este xogo virtual (en alemán). Semella un anuncio moi orixinal dunha caixa de aforros ou quizais unha fotonovela futurista. En todo caso, éche un sitio ben vistoso. Vía gago, claudine e dkoon. Obrigado.

Por se alguén ten dúbidas

17 Xuño, 2005 (23:18) | Política |

Por se alguén ten dúbidas, pode ler a extraordinaria entrevista (mágoa que sexa en páxinas de pagamento) que lle fixo Hermida a Fraga. Este é o auténtico debate electoral que non se celebrou, xa que o xornalista non se arredra en ningún momento e pregunta de forma directa polas cuestións claves. A maioría das respostas […]

Estilo gráfico e campaña

17 Xuño, 2005 (22:17) | Política |

En Libro de notas, onde publica un magnífico artigo Martin Pawley sobre as eleccións, inclúese un interesante traballo sobre o estilo gráfico e as propostas da campaña dos tres partidos. Agora que remata o tinglado, quen teña curiosidade sobre cuestións tipográficas pode botar unhas risas e reflexionar sobre o valor das serifas e o sentido […]

Talantes e talentos

16 Xuño, 2005 (22:03) | Política |

Esta mañá, como tantos outros, recibín o famoso arquivo onde se amosa o talante “agarimoso” do presidente cun dos seus máis estreitos colaboradores (vaia papelón!, e por riba ter que xustificalo despois). Miña nai, que nunca simpatizou co PP, explicoume con perspicacia o incidente da chaqueta: “que lle queres?, esas son cousas de vellos egoístas; […]

Coraçao do día

15 Xuño, 2005 (19:26) | Poesía |

Kavafinho oportuno recorda hoxe os versos de Eugenio de Andrade: Estás so. Desolado e só. E é de noite.

Un cravo deitado no mar

15 Xuño, 2005 (16:52) | In memoriam |

Recomendo a lectura do relato que publica hoxe Rosa Aneiros sobre o pasamento de Cunhal. Moi emocionante e fermoso.

Eugenio e Álvaro

14 Xuño, 2005 (18:06) | In memoriam |

Os pasamentos de Eugenio de Andrade e Álvaro Cunhal entristécennos. Facemos nosas as fermosas homenaxes aparecidas en Barnabé.

Un erro que rectifico

14 Xuño, 2005 (16:03) | Uncategorized |

Coas présas do posteo teño incorrido en moitos erros. Rectifico o último que cometín ao anunciar unha entrevista coa gañadora do Premio Xerais de Novela. A verdade é que as primeiras entrevistas con Teresa Moure e Ramón Carredano, os gañadores, foron publicadas por La Voz de Galicia nas súas páxinas de Cultura de onte. As […]

Herba Moura

13 Xuño, 2005 (21:01) | Xerais |

Hoxe comecei a lectura do orixinal de Herba Moura. Recomendo a primeira entrevista longa coa súa autora, aparecida hoxe en Vieiros.

LIX invisible?

13 Xuño, 2005 (20:00) | Literatura infantil e xuvenil |

Ten razón Martin Pawley que un periódico serio considera invisible a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil). Este foi o criterio que seguiron os responsables do BG. Neste caso, non debemos consideralo unha ofensa á nosa LIX; simplemente é a política consciente dun medio que dedica a este subxénero atención só dúas veces ao ano: o […]

Debater o futuro

13 Xuño, 2005 (19:49) | Uncategorized |

Esta semana convén facer o último esforzo para debater o futuro dun tempo novo. Aínda que as enquisas son moi esperanzadoras, non podemos confiarnos, xa que a marxe para un goberno alternativo de esquerdas é estreita e pode aparecer algún acontecemento inesperado que nos leve ao garete.

O rigor bilingüe de Conte

13 Xuño, 2005 (19:31) | Uncategorized |

Pasado o rebumbio, leo con máis vagar o artigo de Conte. A grosso modo conclúo que para este crítico tan sesudo os escritores galegos (dende Meendinho a Suso de Toro) son bilingües por definición (como considera prexuiciosamente que o é a sociedade galega), sendo, por tradición máis prolíficos, e interesantes, na lírica ca na narrativa. […]

Celta esperpéntico

12 Xuño, 2005 (22:58) | Celta de Vigo, Fútbol |

O do ascenso pode ser verdadeiramente esperpéntico. Poucas veces asistimos no eido do simbólico (o que representa socialmente o fútbol) a unha representación máis desacougada da dimensión revolcada de Sal. Despois de celebralo polo grande o domingo pasado, unha cuestión de procedemento (non chego a comprender o sentido desa norma) pode deixarnos en segunda. O […]

Entrevista a Ferrín

12 Xuño, 2005 (22:33) | Entrevistas |

Josito publica en Babelia unha magnífica entrevista con Ferrín. Son interesantes, tamén, as referencias a quince autores e os informes sobre o estado dos diferentes xéneros da literatura galega.

Buxo

12 Xuño, 2005 (21:51) | Premios, Xerais |

Arboriña de buxo. A arboriña de buxo que entregamos a todos os asistentes á festa pretendía ser unha metáfora visual de como entendemos a edición en galego: unha planta que crece a modiño; precisa rego constante; fertilizante, de cando en vez, e proporciona, co paso do tempo (pode durar ata seis séculos), unha madeira forte […]

Moitos blogueiros

12 Xuño, 2005 (20:33) | Premios, Xerais |

Entre os asistentes á festa, ademais dos membros dos xurados, de escritores, editores, libreiros, críticos, xornalistas e persoal da editorial e da nosa comercial, había moitos blogueiros (Ian, Fuco, Nalló, Lolo, Kavafinho, Náufrago, Jaureguizar, Cabrafanada, María e Cesare), fotógrafos (Lobato, Magar, Cal, De Arcos, Vicente) e ilustradores (Lázaro, moi felicitado polo libro; Villalobos; Fino, un […]

Ramalliños de luces

12 Xuño, 2005 (19:57) | Premios, Xerais |

San Simón, 11-06-2006, 22:58. Onte marchamos felices das illas: os dous textos premiados prometen calidade, as pezas de Treixadura solemnes, as intervencións foron emocionantes e, o que para nós era o máis importante, cremos que as trescentas persoas que viñeron pasaron un bonito serán. Antes de embarcar, con todos os convidados xa no peirao, púxenme […]

XXV

10 Xuño, 2005 (12:21) | Premios, Xerais |

Ás portas dos actos de mañá, fanme diversas entrevistas para que valore os vinte e cinco anos do traballo da editorial. Insisto no que creo foi o noso maior anceio: contribuír á profesionalización e modernización do noso sector. Desde a fundación, fomos diversificando a oferta do libro galego, normalizando as relacións cos autores (contratos, pagamentos […]

Dicionario inglés-galego na rede

9 Xuño, 2005 (22:53) | Uncategorized |

Souben hoxe da existencia do primeiro dicionario inglés-galego na rede. Probaremos como funciona (ten máis de cinco mil entradas). Parabéns para os seus autores, que xa teñen ofrecido outras valiosas ferramentas para a lexicografía informática galega.

Len os políticos?

8 Xuño, 2005 (20:38) | Lectura |

Náufrago propón un debate entre os tres candidatos sobre literatura. Confesa que é unha fantasía electoral. Eu entendo que é unha proposta tan oportuna como necesaria. Se o actual presidente e Touriño accedesen a celebralo (Quin, afortunadamente é o único que comparece), sería unha proposta moi clarificadora sobre quen é quen.Teño o convencemento de que […]

Jaureguizar premiado

7 Xuño, 2005 (16:57) | Premios |

Coñecimos hoxe que Cabaret Voltaire de Jaureguizar resultou gañadora do Premio de Novela García Barros convocado polo concello da Estrada. Unha alegría por tratarse dun amigo e dun autor moi admirado por min, que ve recoñecido así o seu traballo. O único que me magoa, e que debo aceptar con resignación, é non ter a […]

Sen tabaco

6 Xuño, 2005 (22:11) | Persoal |

Teño fachendeado moito que vou á oficina, sobre todo, a fumar e, logo, a traballar no ordenador e falar por teléfono (unha simplificación que lle acae ben a moitas das miñas xornadas). Témome que non vou poder seguilo facendo durante moito tempo. Hoxe recibín un comunicado do noso departamento de relacións laborais que anunciaba a […]

Agradecidos, Fernando

5 Xuño, 2005 (22:48) | Celta de Vigo, Fútbol |

Fernando Vázquez, o grande. Fernando Vázquez o grande xa nos devolveu a primeira. Os que temos corazón celeste quedámoslle moi agradecidos.Tras unha longa década de ouro, a do Celta europeo de fantasía electrizante, nunha mesma tempada contemplamos incrédulos como tocabamos con moita dignidade o ceo da Champions e, poucos meses despois, precipitabámonos no baleiro do […]

Si home si

5 Xuño, 2005 (22:41) | Blogs |

Chegou o grande día: Josito xa ten blo. Ben que o coñezo, recomendo visitalo diariamente.

Premios nas illas

5 Xuño, 2005 (15:49) | Xerais |

Illas de san Simón e san Antonio O venres, antes da reunión dos xurados, estivemos visitando a illa onde o sábado celebraremos o anuncio do ditame dos Premios e a celebración do noso vinte e cinco aniversario. A intervención arquitectónica, promovida por Cultura e concibida por Portela, quedou moi vistosa e semella respectuosa co medio […]

Filias e fobias

4 Xuño, 2005 (22:51) | Persoal |

De volta do mestrado (catro horas de clase agotadoras cun grupo de trinta e oito persoas moi pacientes), respondín a toda mecha un cuestionario sobre filias e fobias que tiña pendente. Tratábase das típicas trangalladas sobre películas, cadros, libros, escritores, prendas de roupa ou pratos preferidos ou odiados, que tanto gustan nos suplementos de fin […]

Xurados de lectores

4 Xuño, 2005 (22:20) | Premios |

Onte, tras a reunión do xurado (deixaron tres novelas finalistas que anunciaremos en nota de prensa o luns) tivemos un cea moi pavera. Falamos, era inevitable, moito do estado da esperanza e, tamén, da liada na que os metéramos. A pesar de traballar, en apenas mes e medio, doce novelas (de forma gratuita e vocacional) […]

El Pais

3 Xuño, 2005 (13:35) | Medios |

Un dos efectos primeiros do inicio da campaña é que reducimos á mínima expresión (coa excepción das da Feiras do Libro) o número de presentacións. Comprobamos que a maior parte dos medios nestas xornadas lles prestan, aínda, menor atención que adoitan noutras. Con todo, sei dunha nova interesante: El Pais dedicará o sábado de reflexión […]

Magic time

2 Xuño, 2005 (21:05) | Música |

Teño xa do trinque o disco novo do grande león de Belfast. Esta é unha querenza de vello que nunca decepciona. Recoméndoo.

Reivindicar o militante

2 Xuño, 2005 (20:30) | Uncategorized |

Varias presentacións e a intensa elaboración dos orzamentos impedíronme postear estes días atrás.As viaxes pagaron a pena. O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia propuxo na presentación de Compostela a necesaria reforma da Lei de Normalización lingüística con argumentos ben convincentes. Na de onte en Torre, Vito volveu reivindicar a palabra militante, […]