Month: Xullo, 2005
31 Xullo, 2005 (23:10) | Política | No comments
Acertamos só dous resultados da nosa quiniela sobre as consellarías nacionalistas. Como supoñía houbo algunha sorpresa, aínda que se mantiveron os criterios previstos. As catro eleccións parécenme acertadas e ilusionantes. Na beira socialista, o perfil político escollido parece máis baixo, o que agardamos no empece a eficacia e o rigor que deles se agarda.
Coas eivas que puidera haber, o
proceso de confección do
acordo e do programa semellan modélicos e as
declaracións do presidente intelixentes e esperanzadoras. Síntome orgulloso de pertencer a este país que colle tan decidido un novo rumbo. Agardemos que os
temoneiros teñan a sorte que merecen e non baixen os brazos do seu esforzo.
Avante!!!
Foto: Xurxo Lobato.
30 Xullo, 2005 (07:39) | Eventos | 2 comments
O luns comeza a
Feira do Libro da Coruña. O
programa desta ano é moi atractivo e, quizais, o máis denso de actos dos últimos anos. Ademais das presentacións (case dúas cada día) e asinaturas, este ano destaca, o día 8 de agosto, a realización en directo do programa
El ojo crítico de
Radio Nacional. Mágoa que os
medios públicos galegos non emulasen esta iniciativa. A presenza dos medios de comunicación nas feiras do libro é unha das vías máis interesantes para a súa promoción. Agardo que esta vía vaia consolidándose en futuras edicións e noutras localidades.
29 Xullo, 2005 (12:32) | Autores | No comments

Na edición de Vieiros Barcelona publícase hoxe unha magnífica
entrevista con
Xulio Ricardo Trigo, o
escritor, tradutor e editor catalán de orixe galega. Xulio é o creador de
Ligácia, un espazo literario propio, que corresponde á Galicia da súa infancia, recreado en novelas como
Despres de l’ oblit (
Logo do esquecemento), ademais de promotor de
Perifèric Edicions e animador da cultura galega en Cataluña.
Da entrevista, que recomendo vivamente, destacaría a súa reflexión sobre o papel dos blos, que para el deberían “incidir máis na súa faceta de arquivo de textos e non dar tanta importancia a escrita cotiá”. Anuncia, tamén, a posta en marcha de
El pont sobre el llac, un sitio para dar acubillo á tradución de textos da literatura galega, portuguesa e brasileira ao catalán.
28 Xullo, 2005 (16:49) | Lectura | 1 comment
Vía
Libro de notas leo un interesante
artigo de
Javier Aranda Luna sobre a lectura en México. Propón un debate de interese para nós: aumentar a dotación bibliotecaria pública vai supoñer unha mellora dos índices de lectura? Confrontando os índices de lectura de Xapón (91% da poboación) e de Alemaña (60%) cos de México (aínda moi inferiores aos nosos) conclúe preguntándose se isto non se deberá á que a herdanza católica de non ler estará causando estragos. Un debate suxestivo: cales son as razóns profundas dos nosos baixos índices de lectura?
27 Xullo, 2005 (08:23) | Política | 11 comments
Ian faise eco dunha
quiniela sobre os conselleiros e conselleiras do BNG no goberno conxunto. Semella verosímil, xa que equilibraría factores e esperanzas. É innegable que o proceso de formación do novo goberno está sendo nas formas modélico. Con todo, haberá que agardar. A miña intuición agoira algunha sorpresa.
26 Xullo, 2005 (11:49) | Política, Vigo | 11 comments
25 Xullo, 2005 (22:29) | Política | 2 comments
24 Xullo, 2005 (10:59) | Autores, Premios | No comments
Iria López Teijeiro, unha rapaza de vinte e catros anos de Fene, é a nova descuberta do primeiro
Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela convocado para menores de vinte e cinco anos.
É unha beizón deste ano que case cada premio permita atopar unha voz nova para a nosa narrativa. Semella que está xermolando, tamén, un tempo novo para as nosas letras.
Este premio de
Biblos, tan orixinal, é outro grande acerto de
Carmela e
Tucho. O acto e o
xantar posterior foron deliciosos. Parabéns merecidos para Biblos.
24 Xullo, 2005 (10:42) | Política | No comments

Esta magnífica foto de
Xurxo expresa a sintonía de Touriño e Quintana durante o
acto histórico de onte. Tiven a oportunidade de asistir e emocionarme nese longo e intenso aplauso que rubricaba a asinatura do
acordo. Se as formas (elegancia, diálogo e firmeza) expresan o substancial do contido, podemos estar moi esperanzados: xa comezou un tempo novo.
22 Xullo, 2005 (11:29) | Política | No comments
A publicación do acordo do novo bipartito é unha mostra do novo estilo de goberno. Un texto que constitúe tanto un acordo entre os coaligados como un contrato e compromiso coa cidadanía. Haberá tempo para debullar polo miúdo os centos de iniciativas e medidas propostos. Con todo, e ás présas, transcribo as que me parecen máis significativas sobre lingua, cultura e edición:
LINGUA
A Xunta promoverá unha política que recupere falantes da lingua do país e que estenda o seu uso normal en todos os ámbitos da sociedade. Noutro plan, potenciará o intercambio cultural cos países de lingua oficial portuguesa, erixíndose como relevantes nese proceso os medios de comunicación públicos.
Medidas:
-Desenvolvemento do plan xeral de normalización lingüística aprobado polo Parlamento en 2004, con dotación orzamentaria, programación e avaliación anual
-Creación dunha Institución para a promoción exterior da lingua e da cultura de Galicia.
-Comunicacións orais e escritas e promoverá o seu uso normal nos servizos e dependencias da Administracións autónoma e das Administracións locais. Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración.
-A Administración galega velará polo cumprimento estricto do Plano Xeral de Normalización Lingüística tanto na súa organización interna como nas relacións con outros institucións de Galicia e cos cidadáns,
CULTURA
A cultura, ademais do seu carácter de expresión simbólica dos individuos e das comunidades, é tamén un sector de alto potencial económico, xerador de emprego e de riqueza.
Defendemos unha política cultural baseada na liberdade de creación e na diversidade, na cooperación e na cidadanía. A cultura é a expresión da nosa identidade, a nosa forma de presentarmos noutras sociedades. Cómpre promover a súa internacionalización. A cultura galega ten demostrado en moitas das súas artes, capacidade sobranceira de creación e nivel internacional recoñecido: nas artes plásticas, na música popular e na música culta, na literatura, etc. Pódese facer outras áreas. E pódese incrementar o consumo de produtos culturais, mellorando as taxas de lectura, de asistencia a espectáculos, de participación en actividades de carácter artístico. Unha cidadanía moderna é tamén unha cidadanía cultivada, coñecedora das tendencias, que cubre unha parte do seu tempo de lecer en actividades formativas
A Xunta de Galicia promoverá a cooperación na vida cultural das institucións públicas e privadas: concellos, deputacións, fundacións, colectivos, coordinando iniciativas e procurando sinerxías de recursos.
Medidas:
-Modernización da rede bibliotecaria de Galicia, en fondos e servizos. Fomento da lectura pública coa participación dos medios públicos de comunicación. Pulo da industria editorial e promoción do libro galego.
EDUCACIÓN
Medidas:
-Gratuidade total dos libros de texto do ensino obrigatorio.
21 Xullo, 2005 (07:34) | Política | 1 comment
Recibo esta interesante información sobre os criterios económicos da negociación do novo goberno:
A negociación entre PSOE e BNG para conformar un goberno bipartito foi realizada baseándose no total do orzamento consolidado da Xunta do presente ano, que é de 9.000 millóns de euros.
O PSOE a través das súas oito consellarías e da presidencia da Xunta xestionará o 68,5 por cento dos recursos e o BNG, o 16,2. O 15,3 por cento restante vaise directamente ás outras institucións como o Parlamento de Galiza, o Consello de Contas, o Consello Consultivo ou ben son transferencias da Administración central ás corporacións locais nas que a Xunta é unha simple intermediaria.
Case a metade dos recursos dos que disporán os socialistas irá ás consellarías de Sanidade, cuxo presuposto supón o 29,5 por cento (2.687 millóns), e a de Educación, co 20,2 por cento (1.838 millóns). O maior gasto destes dous departamentos está vinculado á desembolsos correntes e ligados ao persoal. Pola súa banda, a Consellaría de Política Territorial xestionará o 5,3 por cento; Economía, o 1,7 por cento; Pesca, o 2,4 por cento; Medio Ambiente, o 2,9 por cento; Traballo, o 3 por cento, e Presidencia, o 3,5 por cento.
Mentres, o BNG distribuirá o 16,5 por cento que lles corresponde da seguinte maneira: a Consellaría de Medio Rural terá ao seu dispor o 5,7 por cento do presuposto; Industria, I+D+i, e Comercio, o 2,4 por cento; Vivienda, o 1,8 por cento; e o departamento de Cultura, o 2,3 por cento.
Quintana, o 4 por cento A vicepresidencia da Xunta, que asumirá competencias parciais da antiga Consellaría de Familia e tamén da de Asuntos Sociais, terá ao seu dispor un 4 por cento dos fondos.
Os datos foron recabados no BNG, que recoñeceu que a negociación do bipartito fíxose con relación ás contas autonómicas do presente exercicio.
20 Xullo, 2005 (17:23) | Blogs | No comments
Tomando nota de
María, hoxe licenciei estas miñas brétemas. Creo que o espírito de todos os que participamos na rede é o da lectura –definida por Erza Pound como a arte da réplica– e o da cultura libre.
Participar na comunidade virtual é un dereito e unha opción que cadaquén asume con total liberdade.
Razóns estas que amparan legalmente as licenzas de
Creative Commons que, de xeito ningún, recortan os dereitos recoñecidos pola lei. Como editor comprendo o lexítimo dereito que lle asiste a aqueles autores que queiran deixar “en aberto” ou sen cadeado os seus textos na rede.
O dito: o que apareza nestas brétemas pode ser usado,
copiado e publicado, sen pedir permiso ningún, sempre que non se faga con fins comerciais e se cite a súa procedencia.
Parabéns a
Fernando Garrido e a
culturagalega.org polo traballón de preparar a versión en galego destas licenzas, adaptadas ao ámbito xurídico español polo profesor Ignasi Labastida, da Universitat de Barcelona.
18 Xullo, 2005 (16:19) | Medios | 2 comments

Grazas a
Millán soubemos do inicio do proceso de dixitalización da totalidade da colección de
Triunfo (1962-1982).
Somos moitos os que nos educamos na esquerda lendo esta revista, nacida como un noticiario cinematográfico e que, logo, se converteu en referente indiscutible da loita polas liberdades no Tardofranquismo e nos días da Reforma Política. Imposible esquecer as súas portadas a prol da amnistía ou tantos artigos de Ferrín, Vázquez Montalbán ou
Haro Tecglen.
O traballo de dixitalización, realizado coa colaboración da
Universidade de Salamanca, aínda é moi incipiente (apenas uns cantos
números); sen embargo, non dubido que pode constituír unha ferramenta moi valiosa para a recuperación da memoria dun tempo decisivo.
16 Xullo, 2005 (09:26) | Narrativa | 7 comments

O xoves pasado estiven en
Urroa con
Manolo e decidimos retrasar a aparición de
Oeste ata o outono. A trama desta novela estensa, o manuscrito avulta 400 páxinas, arrinca o 18 de agosto de 1936 na
Dársena e na Praza de María Pita onde os sublevados queiman unha chea de libros, o mesmo día no que matan a
Casal e
Lorca.
Oeste é unha novela de estrutura arbórea, que debuxando unha especie de esfera, esculca o que ocorre á marxe da vida. A prosa é densa e artisticamente moi ambiciosa.
Estou entusiasmado. No xornal gratuito
Cañas do mes de agosto aparecerá
outro pequeno adianto do texto.
Foto: Manuel Vilariño.
15 Xullo, 2005 (19:44) | Narrativa, Premios | 4 comments
Afortunadamente algún dos premios literarios deste ano están achegando voces novas e case inéditas ao panorama literario galego. Aire novo, si señor! Despois da de Carredano, aparece a de Carlos Freire Cordeiro, o gañador do Vº Certame de relatos por entregas de La Voz de Galicia. O certo é que eu xa coñecía a este escritor de Moaña polo seu labor como crítico do Faro da Cultura. Despois do momento moi emocionante da entrega do cheque (as súas palabras non expresaban impostura ningunha), tiven a oportunidade de falar con el durante uns minutos. Contoume que era a primeira vez que se presentara a un concurso de narrativa, que non tiña nada publicado de ficción e que axiña amigara na mesa co resto dos finalistas. Estaba feliz. Ten trinta e cinco anos, estudou filosofía, fixo o máster de xornalismo, mais a súa teima é ser escritor. Iremos lendo con moita atención a súa novela.
16-07-2005: Na primeira entrevista, Carlos expresa a súa admiración por Hammett (Acio sanguento é unha homenaxe a Colleita vermella) e polo Tren nocturno de Amis.
17-07-2005: Onte Carlos Freire fai un interesante comentario a este post. Salienta tamén a súa participación no traballo colectivo de crítica no Cartafol. Como así é, creo que merece ser subliñado.
15 Xullo, 2005 (19:08) | Política | No comments

Os meus amigos téñenme escoitado contar moitas veces unha anécdota pavera das longas conversas que levaron en 1991 a formación do primeiro goberno tripartito de Vigo (o que presidiu
Carlos G. Príncipe e o primeiro no que participamos os membros do
PSG-EG e BNG). Despois de tres xornadas e a punto de constituírse a corporación, a negociación estancábase por mor do reparto das concellerías e por diferenzas de criterios sobre a elaboración do novo Plan Xeral. Daquela, Manuel Soto, que a pesar de renunciar á alcaldía (unha condición que impuxemos dende o PSG-EG), levaba o mando do equipo socialista, propuxo parar o debate e mandou chamar aos responsables da cafetaría do concello para que trouxesen froita, “moita froita que precisamos osixenar a cabeza”. Bocatas de queixo con anchoas, mazás, laranxas e moitos winstons de batea (o que fumabamos daquela) contribuíron a pechar o acordo, despois de máis de doce horas, ás cinco e media da mañá.
As
comisións negociadoras do novo goberno terán que sentar mañá e non se poderán erguer ata conseguir o acordo que todos agardamos; aínda que quizais como
van as cousas precisen de moita froita (aconséllolles cereixas, xa que agora, a maioría dos políticos non adoitan fumar). Non teño dúbidas que acadarán o
bendito acordo.
12 Xullo, 2005 (20:08) | Cultura | No comments
Hoxe presentamos en roda de prensa o
portal. A verdade é que quedou moi ben. Aproveitamos para expresar a nosa preocupación pola situación tan delicada que está a vivir o prezo fixo dos libros, sobre todo desque se xeralizou a política de
descontos do 25%, e para reclamar do futuro goberno unha política que considere ao libro como sector estratéxico e o aumento da oferta de lectura pública como un dos seus obxectivos primeiros. Como recollerán as nosas declaracións os medios?
Na reunión da tarde avanzamos no deseño do
Simposium do 27 e 28 de outubro, que xirará arredor do tema “O libro, a creación literaria e as novas tecnoloxías”. Pretendemos convidar a intervir a unha chea de blogueiros. A vindeira semana pecharemos o programa.
11 Xullo, 2005 (06:39) | Persoal | 4 comments
O sábado marchou de
viaxe María. Enchémonos de valor e aproveitamos esta fin de semana para limpar e reordenar unha das nosas bibliotecas (na casa témolas en todos os espazos, agás no noso cuarto).
Volver sobre os libros, que fomos xuntando ao longo de máis de vinte e cinco anos, e ordenalos alfabeticamente produce melancolía, quizais porque sabemos que hai títulos, a grande maioría, sobre os que nunca volverán os nosos ollos; outros son novas chamadas para a reflexión e a relectura. Quedei prendido do
ensaio de
Pedro Salinas, sobre todo do seu capítulo marabilloso en defensa da lectura. É sorprendente que xa en 1946, este escritor do exilio defendese
posicións que hoxe parecen moi modernas.
Cústame desfacerme de calquera destes milleiros de volumes, mesmo dos que non gustei, quizais porque todos eles van trazando a cartografía da nosa vida de lector. Non sei ónde imos meter os que seguirán chegando a casa.
9 Xullo, 2005 (07:53) | Editores | 2 comments
Onte no coloquio sobre a edición en linguas minorizadas coñecín ao mestre de editores, José Martínez de Sousa. Este galego d’ Rosal é, sen dúbida ningunha, a maior autoridade española no tratamento do texto, o labor máis específico e irrenunciable do editor. Este bibliólogo, ortotipógrafo, lexicógrafo e tantas outras cousas relacionadas coa industria do libro e da edición, que se iniciou profesionalmente en 1957 como corrector tipográfico da editorial Bruguera, é unha persoa simpatiquísima e de narración sedutora. No xantar contounos con moita retranca que a súa aerofobia obrigouno a desprazarse, como tantas outras veces, en coche dende Barcelona e impediulle acudir aos múltiples convites que lle fixeran en América para participar en congresos ou conferencias.
Pepe é autor dunha longa obra, mais para min é o creador do Manual de edición y autoedición, do que nestes días acaba de aparecer unha segunda edición moi actualizada. Este é un dos meus libros máis consultados e queridos, ata o punto que o agasallo a cada un dos novos editores que se incorporan ao traballo da editorial. Un ritual iniciatico co que pretendo simbolizar a necesidade de aprender a mimar o texto como a tarefa primeira do noso oficio artesán. Moito do que sabemos na editorial, debémosllo ao maxisterio de don José. Os editores galegos temos pendente con el unha merecida homenaxe.
7 Xullo, 2005 (18:15) | Narrativa, Novidades | 1 comment

A providencia laica deparoume a sorpresa de atopar casualmente nun quiosco do
aeroporto este
libro marabilloso, do que só tiña vaga noticia por obter o
Premio da Crítica española 2004. Catro historias de vencidos, catro narracións cosidas co fío invisible e purificante da memoria. Das catro derrotas, a terceira, a do idioma dos mortos, é tan estarrecedora que pasar cada páxina require volver coller o alento. Un texto deses poucos imprescindibles e imperecedoiros. Recoméndoo vivamente.
7 Xullo, 2005 (17:29) | Editores | No comments
Os dous días de viaxe deron de si. Moita lectura (non son capaz de viaxar en avión sen un libro entre as mans), moito traballo sobre o orzamento 2006, longos debates cos colegas, moitas conversas (algunha moi triste) e mensaxes eufóricas ao móbil e, para rematar, un bonito paseo cos amigos.
Quedei razoablemente satisfeito da miña intervención no coloquio sobre poéticas do editor, aínda que despois das palabras preliminares de Guelbenzu comentando os libros de Korda e Unseld, quedei convencido, se tiña dúbidas, de que eu son un editor extravagante e a nosa unha editorial atípica.
Defendín con paixón o carácter vocacional e militante do noso oficio de panadeiros da cultura textual, idea cada vez menos popular nun gremio que semella, con honrosas excepcións, situarse irremediable nos brazos da diletancia do señor Mercado. Non se pode impedir dalgunha maneira que desaparezan as librarías de cultura? Non se pode evitar que os únicos criterios de edición sexan os que impoñan directivos ou responsables comerciais que non len os libros que publican ou venden? Quen vai editar, de seguir as cousas como semellan precipitarse, eses libros importantes que teñan consecuencias? A viaxe serviu para realimentarnos de coraxe e de autoestima (o presentador do coloquio dixo que “a nosa editora era un referente na edición española”).
4 Xullo, 2005 (21:11) | Blogs | No comments
4 Xullo, 2005 (12:50) | Librarías | 2 comments
No artigo da semana comento o inicio da Feira do Libro de Vigo e a historia e a crise actual deste modelo de promoción. Con todo, e a pesar da súa fraxiliadade actual, as librarías, como estas feiras do libro, continúan sendo auténticos espazos de biodiversidade cultural, e como tales deben ser mimados e protexidos como institucións indispensables para o benestar da comunidade.
A supervivencia da libraría é, como a causa social da lectura, un auténtico problema de estado. Cada palabra impresa posúe o ADN do seu autor, cada páxina editada expresa o soño do seu editor, cada libro publicado constitúe un neurotransmisor de vida e coñecemento, cada libraría aberta funciona coma un pulmón que renova constantemente o aire que respiramos, cada feira de libro expresa os azos de futuro da comunidade de lectores.
Recomendo achegarse ás feiras do libro que se celebran en Galicia este verán (esta de Vigo, logo, tamén en xullo, a de Pontevedra, e, finalmente, a de Coruña, na primeira decena de agosto), rebordan a vitalidade que precisamos.
3 Xullo, 2005 (18:40) | Editores | 1 comment

Outra
entrevista para visitar, desta volta co editor alemán
Volker Neumann, ex-director da Feira do libro de Francfort. Coincide nunha tendencia que vimos identificando noutros grandes editores internacionais: criticar a saturación da oferta editorial actual (“a máis libros non hai máis éxitos”), ao tempo que en confiar na pervivencia do libro como ben cultural (el fala dos vindeiros cen anos) debido ao seu papel “como mediador entre culturas e, sobre todo, na súa función de formación e trnasmisión de coñecementos reais”. Paréceme interesante para o debate a sutileza coa que fala dos novos soportes:
Internet e os novos medios están adquirindo un papel básico na información, pero moito máis pola súa rapidez ca pola calidade da información.
3 Xullo, 2005 (09:39) | Efemérides | No comments
A Academia fixo caso omiso das propostas que se fixeran dende a sociedade (Lois Pereiro, Ánxel Casal, Chano Piñeiro ou Carvalho Calero) e escolleu por consenso, a proposta dos lingüistas da institución, homenaxear o vindeiro 17 de maio a Manuel Lugrís Freire. Ninguén pode negar os méritos do pai do pintor Urbano Lugrís, autor dunha das máis importantes gramáticas da lingua e dun vocabulario castelán-galego, narrador, poeta, autor teatral, promotor na Habana da revista en galego A gaita gallega e presidente da institución durante un ano (no período republicano). A homenaxe coincidirá coa celebración do centenario da RAG.
Na elección do personaxe do 17 (cadaquén ten as súas lexítimas propostas), mais asumo o mesmo criterio que sobre a cuestión ortográfica: quen ten a autoridade é responsable de exercela. Agardo que esta elección sexa un éxito e permita continuar o relanzamento da efeméride.
Comezaremos decontado a estudar quen pode preparar a Fotobiografía e os libros de divulgación. Curiosamente, coa excepción das publicacións institucionais, non existen edicións privadas modernas da obra de Asieumedre (bonito alcuño o seu).
3 Xullo, 2005 (09:10) | Autores, Xerais | No comments

Onte acabei a lectura do
libro de conversas con
Bernardino.
Rafael e
Héitor fixeron un traballo excelente xa que en apenas cen páxinas conseguiron amosar o rostro profundamente humano dun dos grandes poetas da literatura galega. Creo que os aspectos máis novidosos do libro son os referidos á etapa de formación do poeta e ao pensamento filosófico e relixioso desenvolvido polo poeta, na última década, a partir da escrita do
Protoevanxeo do neto de Herodes.
O libro é moi entretido e de lectura agradecida polas múltiples anécdotas que contén. Quizais unha das máis divertidas é a que relata o tropezo en Madrid de Bernardino e Ferrín con Hemingway:
–Si, si. Home, en Madrid foi. Chocar fisicamente con Hemingway, de peito, eh!, Hemingway e Ferrín de golpe de peito. Precioso. Chocamos con el e despois dicía o Ferrín:
–Por que non nos quedamos con el? Coño, Bernardino ti sabes máis inglés.
Foi unha pena, pero é a timidez claro, é a timidez á adoración dos teus ídolos.
2 Xullo, 2005 (18:20) | Editores, Entrevistas | 1 comment
Quen teña moita curiosidade pode ler a entrevista co editor Peter Mayer que aparece hoxe en Babelia. O antigo responsable de Penguin volve á carga sobre o futuro do libro de peto proporcionando as receitas que xa lle coñeciamos: “compre alimentar o fondo do catálogo con títulos chamativos ou comerciais que acheguen o selo mesmo a persoas que non len”.
Sen embargo, o que máis me gustou da entrevista é a sinceridade coa que relata algún dos seus fracasos (por exemplo, non ter publicado a primeira novela de Eco), aconsellando que os editores non tomemos decisións a partir de “verdades xerais” se non de “verdades individuais”. Ou noutras palabras menos crípticas, para tomar a decisión de editar un libro é mellor deixarse levar polas corazonadas e a intuición que produce a lectura dos manuscritos ca polos históricos de vendas que proporciona o departamento comercial.
É interesante, tamén, o anuncio da publicación do Quixote en formato audiolibro (nada máis e nada menos ca 37 cedés). Esta é unha modalidade de edición pouco frecuentada polos editores europeos, que, sen embargo, triunfa nos Estados Unidos. Curiosamente, onte, na reunión que tivemos na sección do Consello da Cultura Galega falouse do éxito que tivo en galego algunha experiencia deste tipo.
2 Xullo, 2005 (17:17) | Editores | No comments
A literatura é sempre o que os escritores fan dela. As tarefas do editor poden ter cambiado nos detalles do proceso de comunicación, mais no fondo, seguen sendo as mesmas: estar preparado para recibir ao autor, para aceptar a novidade que comporta a súa obra e contribuír a súa difusión.
Efectivamente, non se pode ser editor se non se aman os libros e non se pretende darlles a cada un a mellor vida posible. Para isto cómpre posuír discreción (detesto aos editores estrela), realizar un traballo minucioso no tratamento dos detalles (a corrección do texto, o deseño da cuberta e todo o proceso de comunicación co público) e, sobre todo, precísase paixón e coraxe abondas para editar libros que teñan consecuencias.
1 Xullo, 2005 (07:07) | Cultura | 2 comments
Estou preparando unha intervención sobre a “editorial como canon”. É unha boa oportunidade para reflexionar sobre o papel dos clásicos no catálogo e a identidade do proxecto editorial como modelo para autores e lectores.
A consideración dun conxunto de obras como “clásicos”, como sinala Teresa Colomer, resulta necesaria para a sociedade e para a tarefa de formar a novos cidadáns. Todas as culturas, especialmente as que procuran a visibilidade, necesitan crear unha representación de coherencia interna e nesa construción as obras da súa tradición literaria constituíron sempre unha ferramenta de grande utilidade. Afirmación na que no fondo radica o paradoxo de que se procura estabilidade e coherencia nuns elementos –as obras literarias de calidade– que se caracterizan precisamente pola creación incesante de novas regras e formas artísticas.
Os clásicos serían, pois, referentes de cohesión cultural estables entre xeracións. Os poemas de Meendinho ou Rosalía, os contos de Dieste constituirían modelos canónicos seleccionados en función do criterio de conformación dunha literatura nacional, como a galega. Serían igualmente clásicos, A Divina Comedia, Hamlet, O Quixote ou Crime e castigo, en función do criterio da súa utilidade para expresar a vida dos seres humanos e a beleza da expresión artística literaria. Como o foron Orgullo e prexuízo, Madame Bovary, Lolita ou as Mil e unha noite, para Azar Nafisi no seu proxecto de demostrar as súas alumnas da Universidade de Teherán, durante a revolución dos ulemas, o poder vivificadro das obras literarias.
O editor non pode prescindir destas obras fortificantes, que, en palabras de Calvino, só se lerían por amor, mais sen esquececer de que non existe unha imaxe única e xerarquizada entre elas, xa que os diferentes cánones conviven, flúen, se relacionan, dialogan ou penetran uns noutros. Os criterios que cada editor empregue para incorporalos e o seu tratamento textual rigoroso será un dos principais elementos da súa identidade.