Month: Agosto, 2005
31 Agosto, 2005 (18:33) | Cidades | 1 comment

O pasado ano fomos visitar á familia nosa de Brasil. Estivemos onda eles en
Cabo Frío, en
Río e en
San Paulo. Ningunha das viaxes que fixemos bateunos no corazón máis intensamente ca esta. Regresamos convencidos, por se tiñamos algunha dúbida, de que Brasil somos nós. Este é o país da esperanza, o espazo máis futurista da humanidade, onde a barbarie da insostenibilidade do modelo urbano dá a man en calquera recanto ás experiencias socialmente máis transformadoras que se están xerando. A lectura estes días das dúas atinadas e luminosas
reportaxes de
Josep Ramoneda encheunos de saudades que matamos escoitando os cedés que alí mercamos de
Paulinho da Viola e
Teresa Cristina.
31 Agosto, 2005 (18:28) | Blogs, Efemérides | No comments
31 Agosto, 2005 (18:23) | Cultura | 1 comment
Recomendo vivamente este
artigo moi certeiro de
Fernán Vello onde se reitera o carácter estratéxico da creación cultural para o país.
29 Agosto, 2005 (19:20) | Blogs | 3 comments
Por coñecidos non deixan de abraiarme estes
números que achega
Sonia.
29 Agosto, 2005 (18:05) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol | 1 comment
DEBUT PROMETEDOR
Dous alustros de xenialidade foron suficientes para intuír que neste regreso do inferno da segunda podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria daquel equipo que tanto nos fixo soñar, e un cacheirón de tiraliñas do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez, abondaron para noquear a un ordenado e teimoso Málaga. Porque o domingo gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico polo que apostou Fernando Vázquez (4-2-3-1), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medios pivotes, onte Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña), para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos adoito en Balaídos a rianxeira.
28 Agosto, 2005 (11:11) | Música | No comments
28 Agosto, 2005 (09:54) | Música | No comments
Salvador Rodríguez adoita ofrecernos cada domingo no Estela unhas magníficas reportaxes, un xénero cada vez menos frecuentado na prensa. Hoxe publica unha excelente e documentadísima sobre a presenza da música galega en Xapón. Sen caer en tópicos nin en grandilocuencias, tan frecuentes cando falamos da nosa proxección internacional, debulla a presenza dende hai anos no país do sol nacente de Milladoiro, Luar na lubre, a Real Banda e Cuchús Pimentel.
A reportaxe informa tamén da
xira que
Carlos Núñez está
realizando. Fedellando na
web atopei noticia da estrea de
Mar adentro e da edición en
Xapón dun novo cedé do noso gaiteiro máis internacional (do que a reportaxe xa daba algunha noticia):
Cinema do Mar. Espléndidas noticias para a nosa industria cultural.
28 Agosto, 2005 (09:34) | Imaxes | No comments
27 Agosto, 2005 (10:04) | Libro de texto | No comments
Txetxu proporciona algunhas claves do funcionamento da política de
descontos nos libros de texto que nestes días acometen algunhas
grandes superficies. Carrefour asegura contar xa con 200.000 reservas (un millón e medio de libros, o 7% de todo o mercado español) que serán vendidos cun 25% de desconto, o que suporía (aseguran eles) un aforro de seis millóns de euros para os seus clientes.
Estes descontos, autorizados polos gobernos do PP e non modificados polo actual de Zapatero, non poden superar nunca o 25% do prezo sen ive, porcentaxe que coincide co desconto que lles realizamos os editores. U-lo beneficio para estas grandes superficies? Como poden rendabilizar os custos da xestión das reservas? Cales son as
razóns de semellante política “social” destas grandes superficies? Que repercusións terá esta política para o sector libreiro tradicional (o de proximidade)? Son compatibles co espírito da política do
prezo fixo? Como encaixarán coa futura
lei do libro, prometida
hai un ano pola ministra
Carmen Calvo, e coa política de
gratuidade que se anuncia?
En
como se despeguen todas estas incógnitas e na dotación de
lectura pública que se realice está boa parte da viabilidade do noso sector. A verdade é que as perspectivas, con tantas
idas e voltas, con tantos pasos adiante e atrás dos responsables do ministerio, non parecen moi alentadoras.
26 Agosto, 2005 (22:18) | Música | 1 comment

A verdade é que eu sempre fun dos
Boíños. Sen embargo, impresiona a forza desta foto recente das Vellas e Satánicas
Maxestades que acaban de iniciar a nova xira.
Aquí pódese gozar de balde de catro das cancións do novo cd,
A Bigger Band, que sairá á venda o 5 de setembro. Unha gozada.
26 Agosto, 2005 (21:39) | Uncategorized | No comments
Hoxe por fin
convocamos o
IIº Simposium sobre “O libro e a lectura” que nesta edición xirará arredor d’
“O libro e as novas tecnoloxías”. Seis conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias (en total: trinta e dous ponentes) nos que se pretende reflexionar sobre o impacto das tecnoloxías dixitais sobre a edición, entendida como o proceso de creación editorial, fabricación, comercialización e promoción da creación cultural escrita.
Xa está confirmada a presenza como conferenciantes de
Millán,
Rogerio Santos e
Leovigildo García-Bobadilla , así como a realización de debates sobre o futuro da edición e as NN.TT., a presenza do libro galego na Internet, e os blos e a creación cultural; así como un panel de experiencias sobre o emprego das tecnoloxías dixitais na promoción da lingua galega.
O Simposium -patrocinado por
CEDRO, celebrarase os días 3 e 4 de novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega– está dirixido a profesionais da edición, profesorado e a todas aquelas persoas interesadas no mundo do libro e das NN.TT. Para asistir pode solicitarse información
aquí.
25 Agosto, 2005 (21:42) | Uncategorized | No comments
25 Agosto, 2005 (21:20) | Literacidade | 1 comment
Vía
libro de notas atopo un
artigo interesante que constitúe todo un manual de estilo para a escritura na rede. Para o autor, claridade, sinxeleza e concreción, así como unha axeitada xestión dos enlaces son as claves para obter un texto lexible na rede.
Para sacarlle máis partido a este artigo, aconsello imprimilo e lelo devagariño no papel. É indubidable que a lectura en pantalla ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Mágoa que moitos textos na rede non o teñan en conta. Cómpre unha aprendizaxe desta técnica da escritura para a rede, poderemos tirar moito proveito.
24 Agosto, 2005 (21:25) | Edición, Ensaio, Novidades | 1 comment
23 Agosto, 2005 (17:18) | Cidades | No comments

Acompañei a Antón ata Berlanga de Duero. Fixemos mil trescentos quilómetros en
pouco máis de vinte e a catro horas para visitar o Centro da Memoria da Cultura Escolar que están montando o catedrático Agustín Escolano e a súa compañeira a profesora Puri Lahoz.
Este vai ser o máis importante museo existente en España sobre manuais escolares non universitarios (aproveitamos a viaxe para achegar varios centos de pezas en galego). Folleamos algúns libros memorables, o que nos produciu unha grande emoción.
Este centro, instalado nunha magnífica casona do século XVI, declarada monumento nacional, pretende constituírse nun centro de documentación audiovisual de referencia internacional sobre a memoria escolar, tanto de docentes como de escolares. Un proxecto moi interesante, que agardamos reciba todos os apoios que merece tamaña proeza.
Na viaxe comprobamos o estado desolador do Monterrei queimado (as lapas chegaron ata a autovía, que semella serviu de cortalumes), que constrataba coas paisaxes luminosas da Ribera, pouco antes da vendima. Coñecimos, tamén fugazmente, San Baudilio (polos seus frescos románicos, chamada a capela sixtina castelá) e, á noitiña, ruamos pola vila de Frei Tomás de Berlanga, o descubridor das illas Galápagos. Non se pode pedir máis para tan pouco tempo.
23 Agosto, 2005 (17:02) | Sociedade | 1 comment
21 Agosto, 2005 (09:27) | Edición, Libro | 1 comment
Barandiarán volve propoñer un debate sobre os
límites da lectura máis aló do soporte: por que non chamamos lector ao que le na pantalla? Remítenos a outra súa
reflexión anterior, sobre os límites do concepto da edición e do libro. A verdade é que concordo plenamente con esta análise: o traballo do editor está por riba do soporte (sexa o tradicional en papel, sexan os novos dixitais, ríxidos ou en liña), xa que o miolo do noso traballo está na selección, xerarquización e tratamento dos contidos (textuais, gráficos ou icónicos).
Por certo: lendo no mesmo blog de Barandiarán atopei un
traballo de Millán que axudaría moito ao debate que anima
jaureguizar sobre a propiedade intelectual na rede.
20 Agosto, 2005 (22:16) | Sociedade | 4 comments
Vivín un día obsesionado polos incendios. Pola mañá, moi cediño, mentres escribía o artigo da semana (tituleino “Ardemos”, pretendo interpretar todas as variables desta complexa situación) o zunido dos hidroavións sobre a ría alertoume sobre a magnitude do problema.
Diante da miña ventá comprobei que xa había lumes en Domaio, na aba da Lagoa da Guía ou na propia Madroa. Ao mediodía, camiño de Panxón o panorama da Serra do Galiñeiro era desolador: reaviváranse as frontes de Baíña, Peitieiros e Oia e unha mesta nube negra cubría todo o Val Miñor e a Serra da Grova.
Á noitiña, de volta para Sal, vindo pola autoestrada (alí se poden admirar as máis bonitas vistas de Sal), a situación era aínda moito máis preocupante: á altura do aeroporto de Peinador o incendio de Fornelos tiña unha fronte de lapas que semellaba abranguía varios quilómetros.
En Panxón nunha das terrazas preferidas do paseo, diante duns cafés e duns tés, especulamos con Josito sobre as motivacións destes desapiadados pirómanos e constatamos, por varias chamadas, a enorme precupación do goberno galego sobre a evolución ao longo do día da situación.
Diante de criminosos tan perigosos coma estes chiflados incendiarios (o 85% dos incendios son intencionados), que atentan frontalmente contra o patrimonio natural e contra o noso futuro, a Xustiza (entendo que a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza ) e as Administracións competentes (o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Rural) debería poñer en claro diante da cidadanía galega cáles son os verdadeiros móbiles destes delincuentes.
Saben os meus amigos que, cando se constituíu o goberno conxunto, comentei en privado que tiña a intuición de que o primeiro problema serio a enfrontar sería a actuación desta vaga de pirómanos incontrolados. Infelizmente, o meu agoiro cumpriuse en toda regra. Quen está detrás destas lapas? Que podemos facer os cidadáns para apagalas de vez?
18 Agosto, 2005 (16:28) | Blogs | 5 comments
18 Agosto, 2005 (15:47) | Blogs | 2 comments
José María Barandiarán, ex-asesor de
CEGAL e membro da consultoría Con+Valor, mantén un
blog magnífico para reflexionar sobre a a edición, o mundo da libraría e a xestión do coñecemento. Unha
fonte de información extraordinaria e un punto de encontro imprescindible nese necesario debate sobre a construción do futuro da cultura escrita. Recoméndoo moi vivamente a todas as persoas letraferidas. Bo, moi bo.
17 Agosto, 2005 (20:33) | Cidades, Librarías | 3 comments

En Roma hai varias librarías de vello e de libro usado ubicadas en antigos pasos soterrados. A peonalización dalgunhas rúas do centro fixo inservibles estes espazos, agora recuperados para este uso comercial. Con todo, Italia é un país onde os libros de novidade son moi baratos, moito máis económicos que aquí. As edicións de peto non custan nunca máis de seis euros e as novidades de narrativa arredor dos dez. Manteñen a política do prezo fixo, aínda co inconveniente de que as novidades en rústica son descatalogadas decontado.
Vin poucas librarías independentes (xeralmente técnicas e universitarias), sendo as cadeas como
Feltrinelli e Mel books (espazos amplos, cómodos, surtidísimos e, xeralmente, con cafetaría) as que levan o peso do negocio. En case todas elas véndense tamén discos (máis caros que en España, vinte euros os lanzamentos e trece nas series medias). Nas librarías italianas son habituais as promocións, empregando outros produtos como reclamo para a venda de libros.
17 Agosto, 2005 (19:31) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Sociedade | 2 comments

Seguindo o sabio consello de
María non vou fardar do medio milleiro de fotos que fixen da
viaxe nin enumerar o número de
xeados,
frapés, esprumatas e pizzas que catamos con entusiasmo.
De volta, o primeiro que fago para poñerme ao día é ler os
faros atrasados e os bloglines de toda a semana. Atopo algunhas moi boas noticias (sobre todo a do nomeamento de
Luis) e outras moi
decepcionantes.
No
artigo da semana intento chamar a atención sobre a alarmante situación da sinistralidade laboral, un tema do que, a pesar da súa gravidade, se fala moi pouco.
9 Agosto, 2005 (10:02) | Ilustración | 1 comment
8 Agosto, 2005 (23:24) | Uncategorized | No comments
Acaba de aparecer publicado outro fragmento de
Oeste, a nova novela de Manuel Rivas, na revista
Cañas.
Flora, La Niña, a quen Samantha, con máis envexa que sorna, chama A Liña, e mesmo ás veces A Liña da Concepción, está a interpretar un baile inusual en La Academia. Todo o seu corpo se expresa cunha seria implicación. A percusión dos pés de Flora conta unha historia de suspense no tamboril da tarima. Semella que só se refrean para escoitar. Poderían estar a contar o que sucede esta noite baixo o mesmo tellado. Hai tempo que os espectadores atentos saben que o baile de Flora deixou de formar parte do entreter, do animar, a medida que o seu corpo se foi afiando. Aínda que cando baila, pensa Samantha, as mans debuxan a lembranza dos corpos que foron. Esmirrada non está. É outra cousa. Cando non chove, todo o día pegada ao muro do Rompeolas. Ao vento mareiro do Orzán. Como un congro no secadoiro. Ao sol, como un animal da pedra. E agora dálle pola leria cos boxeadores, que xa podían vir facer gasto ao local. Non vai adelgazar! Xa o poeta lles chamou, a ela e a esa outra á que chaman Kif, que por algo será, “as heteras da intemperie”.
–A min non me soa nada ben –dixera Samantha, cando leu a Elexía a Flora e Kif.
–Pois ese poeta, por suposto con nome figurado –dixo Flora, sabedora de que títulos tiñan vara alta con Samantha–, é todo un señor médico. Proctólogo, para máis inri.
–E iso que é?
–Médico do pompis.
–Iso debe ser unha mina –dixo Samantha despois de cavilar se lle estaba ou non a tomar o pelo.
–Xa sabía que te ía interesar.
–Non está mal a poesía. As heteras da intemperie!
A Samantha non lle gusta que vaia tan de veras no espectáculo. E menos que saia de bailaor, en branco e negro, con pantalón e todo, o pelo recollido no sombreiro, e atreverse cunha farruca. Toda a vida por bulerías e a boas horas vén con estas. Dar a nota. Co entendidos que son na Coruña. Que até entenden de jazz.
–Agora, de vella, dálle polo arte.
Mais hoxe tamén escoita. Está no faiado, a axudar no parto de Milagres, e entende o código morse dos tacóns.
–Milagres? Ese non é nome serio para unha puta.
–Eu non son puta. Eu veño polo dos colchóns.
–Os colchóns?
–Si señora. Para lavalos e espelir a la.
Samantha estivo a piques de escachar a rir. Milagres era como unha aparición que repetía un contrasinal. Cando ela chegara ao barrio tamén dixera algo parecido. Tamén ela viña a espelir os colchóns. Ía dicirlle que na cidade xa había quen espelira a la. Na colchoería de Panadeiras, alí abaixo, coa súa grande horta, que se convertía no verán nun xigantesco manto de la a levedar co sol, coa alegría da la cando espile tamén todo o peso, toda a canseira. A fatiga entalada da la. Só que a ela, a Samantha, cando non era Samantha, que o que tiña que espelir xa era ela, espelir o seu corpo, levedalo e mazalo, e nun colchón de poma de millo ou de cortiza picada. Espelir e entrepernar.
–Milagres, eh? Pois eu tampouco son o Papa. Chámate como queiras.
Cando chegou, pensou en botala. Máis que inxenua, parecéralle de poucas luces. Decatouse axiña de que o que en realidade tiña era medo, moito medo. Xa había tempo que Samantha perdera a noción de medo, ou iso crera, mais a chegada de Milagres desenganouna. Había un remoto fío familiar entre elas. Por iso lla mandaran, con esa referencia. E iso púxoa furiosa por dentro. Foi ese detalle o que espertou o medo da longa anestesia. Como se lle meteran un furón na tobeira da memoria. Alí diante tiña a nena con corpo de muller. Unha nena que xa levara de todo enriba da cabeza. Unha nena que viña do medo da aldea e ía cara o medo da cidade. Dunha escravitude a outra. Darse un tempo. Esa foi a desculpa para non mandala de volta ao primeiro medo.
–Si, señora. Eu veño para espelir os colchóns.
–Os colchóns? Os colchóns e todo resto. Vas traballar como unha burra. Veña.
Acordou do faiado. Levantou a trapela e dixo no escuro: “Imos arranxar un sitio aquí. Unha cova no ceo”.
Agora está aí, a morder un pano branco, está a suar un resío que enchoupa a luz da lámpada e da candea que María Soliña, a mociña que ás veces canta fados, lle puxo a san Ramón Nonnato cunha fita de cor. Ten os ollos de medo asidos aos dela. O seu suor é frío porque ela está a doar todo o calor, a quentar toda a redoma do faiado. Samantha recorda e cala: É unha sorte para ti que esteas aquí, pois se cadra na aldea estarías soa, a desangrarte, e a casa tería os oídos tapados, e ninguén te estaría a ollar, ninguén devolvería o calor ao teu corpo.
Os tacóns de Flora son o latexo da casa. Transmiten un código de puntos e liñas que resoa polo estucado das paredes, soben polas escaleiras, abren as trapelas. É tan intenso, está tan perto o baile, retumba no teito, como se Flora bailara no tellado á luz do faro, que algo a distraen dos golpes de dentro, porque ese corpo que vén, ceo santo, é máis grande que ela.
Milagres non o sabe, mais Samantha púxolle debaixo da almofada unha chave para axudar no parto, para axudar a que se abra a porta esa da vida, a cona, dispensando, aínda que máis confía en que lle axude a infusión de ruda que lle recomendou a comadre. Porque hoxe a boa muller é comadre, mais tres meses antes viñera de aborteira. Non o podía crer, o do embarazo da moza. Cando o soubo, cando se decatou que non andaba rara, senón preñada, ou as dúas cousas, rara e preñada. Conseguiu disimular coa saia e as enaguas e cunha faixa de la que lle daba varias voltas á roda do corpo. Calada, fuxidía, todo o día a traballar, de costas, a cociñar, a facer as camas, e moi cedo a durmir no seu faiado.
–Tes frío, nena?
–É a humidade.
Samantha resumiu rumbosa cun aceno de xeografía corporal o seu vestiario de catro estacións: A bata de seda, o colar, os brincos, e a boquilla de fumar exipcios.
–Pois busca quen che agasalle un colar de ouro. Tapa moito.
Seguro que algunha das outras, as moi lerchas, o sabían. Se era así, non entendía o segredo. Cómplices do ocultamento, que favor lle facían? Poñerlle unha esfera de espiñas enriba da cabeza. Samantha tendía a interpretar calquera contrariedade na casa como algo persoal, fora o que fora. Como unha conspiración contra ela. Mais ela deixara medrar as unllas. Xa non era o primeiro ollo que lle arrincaba ás contrariedades. Ela vencera. Xa non se deixaba montar. Era ela quen escollía, quen montaba, por gusto, por diñeiro ou por capricho. Nos últimos tempos, só o facía polas tres cousas á vez. Por que o faría esa parva? Por que o faría Milagres?
–Chamade á Viúva.
Non conseguiran que a moza soltara prenda. A Viúva, que así, entre elas, só entre elas, chamaban a aborteira, aínda que tamén a trataban pola Boa Muller, ou a Comadre, segundo a encomenda, pois ben, a Viúva dixo que a crianza xa estaba lograda, que xa pasaría dos seis meses e que o mellor agora era levantarlle a espiñela á futura nai, que ben se lle vía que a tiña caída. Un brazo máis longo que o outro. Tres dedos de distancia. E que non lle deran de comer lebre porque se non a criatura ía durmir toda a vida cos ollos abertos. Isto dixérao en ton de broma. Non era moi corrente, o que falara en broma. Cada frase dirixida ás mulleres tiña a medida dunha braza e significaba sempre algo que cumpría gardar. Un día, moi seria, díxolles que o útero era unha “cámara sagrada”. As infeccións eran causa de moita mortandade. Así que falaba da hixiene como dun credo.
–Vas levar unha sorpresa, Samantha.
–Que sorpresa?
–Ai!
© Manuel Rivas Barrós
8 Agosto, 2005 (16:02) | Teatro | 3 comments

Manuel Rivas anunciou no programa
El ojo crítico de hoxe, retransmitido dende a
Feira, que acaba de rematar unha peza de teatro,
O heroe, que será estreada por
Sarabela no vindeiro mes de novembro, con motivo do vinte e cinco aniversario da compañía ourensá dirixida por
Ánxeles Cuña.
O heroe desenvolve o
conto homónimo, protagonizado por un ex-lexionario que se transforma en subversivo. Xa se ve que o vindeiro outono ven cheo de novidades.
8 Agosto, 2005 (12:27) | Comercio do libro | 3 comments
Hoxe varios
medios fanse eco dos datos do
noso informe sobre a situación da edición en galego.
Actualización: 09-08: Galicia hoxe desprega máis información, recollendo a información que presentamos na roda de prensa do pasado 12 de xullo. Quedamos tan pampos como agradecidos.
7 Agosto, 2005 (20:49) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Vigo | 2 comments
Hoxe no
artigo semanal decidín abrir o debate cidadán sobre a necesidade dunha moción de censura. Touriño e Quintana deben tomar cartas no asunto, se non queren ter aberta unha
perigosa vía de auga para o seu goberno.
7 Agosto, 2005 (19:21) | Eventos | No comments

De Silgar saímos pitando para Torre, onde quedara a media tarde con
Camilo para revisar o orixinal do libro de ensaios novo. Acordamos titulalo
A terra cantada.
Logo entrevisteime con
Xoán Abeleira, que nos entregou hai varios meses un sorprendente libro fotográfico e biográfico sobre
Man. Vaise titular
A pegada de Man. Xoán está moi preocupado por cál pode ser o destino do
museo de Camelle que deixou o artista alemán. O libro, agardo que o poidamos ter rematado antes de finais deste ano, pode ser un elemento que contribúa a salvar do esquezo ou mesmo impedir a desaparición de traballo artisticamente tan valioso e singular.
As
presentacións da tarde foron un fervedoiro de xente. A agradable sorpresa foi a presenza a título persoal da nosa conselleira Ánxela Bugallo. Un detalle que moito lle agradecimos os
editores. As palabras do poeta
Ignacio Chao na presentación do libro de
Ramiro foron certeiras, á altura da elegancia e ambición dunha obra das que penso van perdurar.
Mañá aconsello seguir, á hora do café,
El ojo crítico que será emitido desde a feira.
Arrate Sanmartín, a directora do programa, solicitoume información sobre a
nova novela de Rivas, que será un dos entrevistados do programa. Coa xornada de onte, din por rematada a Feira deste ano. Xa me gustaría que o resto correran coma foi esta.
A verdade é que me sinto moi cansado e un pouco melancólico. Mañá, despois de resolver na oficina uns cantos asuntos urxentes (a pesar de ser agosto, o teléfono e as urxencias non paran), agardo poder coller unha semana de descanso. Na casa xa estamos os tres chapando as
guías.
7 Agosto, 2005 (18:35) | Cidades, Presentacións | No comments

Onte ao mediodía
presentamos o
libro de Alvarellos na praia de
Silgar. Foi a primeira vez que organizamos un acto literario nun areal, con boa parte dos asistentes preparados para darse un baño.
Aproveitamos para dar un paseo (a 35º) por esta cidade galega de
vacacións. Comprobei que é unha mágoa a destrución
sistemática e
concienzuda da paisaxe natural de beiramar para converter esta vila mariñeira nun parque temático formigonado por onde pululan milleiros de veraneantes; con todo, aínda é o concello español que posúe maior número de bandeiras azuis.
Xaime Corral, o libreiro de Nós, despois da presentación, convidounos a xantar e logo levounos a Padriñán, onde o seu amigo M. creou hai dous anos a partir dunha pequena explotación familiar a
Adega Eidos. Esta bodega pareceume un proxecto empresarial precioso. Tecnoloxía de última xeración (laboratorio, barricas e proceso de produción totalmente informatizado), arquitectura integrada na paisaxe, deseño atractivo e moderno dos produtos.
Magníficos!!!
Nun mesmo día e nun mesmo concello, comprobamos que hai dous xeitos moi diferentes de entender cál debe ser o noso futuro: o da Galicia emprendedora, innovadora e respectuosa coa tradición, que procura aumentar o valor polo traballo; e o da Galicia colmatada e sumisa, que aspira a aumentar o valor polo negocio inmobiliario. Eu aposto polo modelo substentable dos
Eidos.
6 Agosto, 2005 (08:46) | Xerais | 4 comments
Estes días ando ultimando a edición de tres libros, que pretendo aparezan no outono, doutras tres persoas claves para entender Galicia nos últimos corenta anos: unhas conversas políticas e literarias con
Méndez Ferrín, unha recompilación de traballos de
Xosé Luís Barreiro Rivas sobre a guerra (
O que eu sei e Bush non sabe), e un novo libro de ensaios políticos de
Camilo Nogueira. Os tres falando a corazón aberto de Política, propoñendo rotas na cartografía do devir do noso tempo.
Forma parte das miñas esperanzas que un dos maiores beneficios que vaia achegar o novo goberno conxunto é propiciar na sociedade civil un gran debate sobre o futuro do país (Estatuto, financiamento, autogoberno, políticas sectoriais…), devolvéndolle así a dignidade e a racionalidade ao debate político. Nesa perspectiva pretendo presentar estes tres libros de política, protagonizados por tres persoas imprescindibles que teñen moito, moito que dicir na configuración deste novo tempo.
5 Agosto, 2005 (08:39) | Poesía, Tecnoloxías | No comments
Efectivamente, o
xerador funciona de forma impresionante. Velaí o primeiro poemario electrónico galego. Poetas e editores convencionais debemos tomar moi boa nota. Beizóns para os
aduaneiros.
4 Agosto, 2005 (13:22) | Eventos | 2 comments
Onte vivín un día moi intenso na Feira de Torre. Xantei cos Sumilleres n’ O Secreto onde ultimamos os criterios de edición da guía 2006; da man destes expertos comer e beber coma reis está asegurado: o cava, o ribeiro e a ventresca á grella estaban, sinxelamente, formidables. Logo, entrevisteime con Isabel Castro Vázquez, a profesora que presentou en Towson a primeira tese de doutoramento sobre a obra de Manuel Rivas, texto que acordamos publicar o vindeiro ano. Máis tarde, estiven na nosa caseta falando un pedazo con J. (o noso heroe) e, xa, pouco antes de comezar as presentacións, coñecín ao meu admirado Martin Pawley (quedou pendente o noso café e a nosa conversa) e falei un anaquiño con Josito, María e Rosa (dúas mulleres sol).
As intervencións do serán foron magníficas.
Sofía de Labañou e
Souto estiveron moi lúcidos, cantando e contando (dous narradores oriais de estirpe), chegando Sofía a transformar co seu esconxuro dúas botellas de chapapote en dous litros de
licor negro de café. Xenial!!! Logo, na segunda sesión,
Pepe Neira relatounos as aventuras do primeiro rei galego da Amazonía e outros sucedidos da súa memoria inagotable emigrante.
Para rematar o día,
Carlos e Xurxo convidáronos a cear no Monte Alto nécoras, percebes, navallas e abadexo (outra marabilla!!!). Baixei para Sal de madrugada, fartiño de tanta enchenta e máis contento cun cuco, conducindo amodiño e arrolado polo moumeo de
Keita. Esta xente toda de Torre é unha marabilla. Quen pode facer réxime con eles?
Actualización 21:05: María subiu unha bonita reportaxe fotográfica da tarde. Non se lle escapou nada.
Actualización (2) 23.30: na feira tamén parolei con naúfrago (escritor e grande animador cultural de Sal) e comentamos a sá envexa que como vigueses nos daba o bo ton da feira de Torre. Como se ve, e sen querelo, este serán xuntou a un bo fato de blogueiros (comentamos que se sabía que en Torre tamén estaba o máis grande polemista, mais eu non falei con el, coas ganas que tiña).
2 Agosto, 2005 (16:37) | Lectura | 1 comment
Recibín hoxe o primeiro número de
Syntagma, a revista anual multilingüe do
Instituto de Historia del Libro y de la Lectura. O deseño da portada e interiores de
Alberto Corazón é soberbio, unha auténtica alfaia da arte da edición e exemplo paradigmático da disposición da maqueta segundo a composición áurea.
Interesoume a monografía sobre os dous sistemas editoriais canadianos, o francés e o inglés. Mágoa que non se poida consultar na rede.
2 Agosto, 2005 (15:29) | Política | 9 comments

Vin pola televisión o
acto do Obradoiro e quedei ben chafado. Vaia por diante que non teño saudades ningunhas das
bandas marciais doutrora, porén pareceume lamentable e innecesario cómo se intentou cubrir a praza con moqueta de cores.
O vídeo, o gaiteiro, os poemas de Seoane e Pimentel, e a Real Philarmonía: ben. O resto, penso que é máis prudente ser piadoso e non cualificalo con severidade.
A cerimonia pareceume fría e pretenciosa (lonxe da austeridade e sinxeleza pretendida), carente do ritmo, das sorpresas e das metáforas imprescindibles (alí non se deitou pinga ningunha de alegría) que marcasen unha secuencia narrativa de interese para o público. E o que máis lamento, os organizadores visualizaron nos asistentes unha disposición elitista (retratada, unha e outra vez, pola
retransmisión) máis propia dun gabinete de comunicación que quere marcar distancias (os privilexiados convidados, diante sentados) que dunha auténtica exaltación popular (a xente, detrás, no poleiro das escadas da catedral). Errarron os organizadores con esta escenografía tan rebuscada que pretendía distanciarse explicitamente das
gaiteiradas como, implicitamente, da imaxe das
concentracións cívicas que alí se celebraron.
Había motivos dabondo para realizar unha cerimonia distinta e elegante que marcase nas formas a alborada deste tempo novo. Mais, tamén, existían razóns sobradas para recabar a participación da xente xa que, en definitiva, foi a maioría da cidadanía galega a que impuxo este goberno conxunto.
A verdade é que quedei chafado porque neste día tan sinalado agardaba aplausos máis entusiastas e maior emoción nas palabras e nas imaxes. Con todo, o importante é que mañá xa contaremos cun
novo goberno. Isto é o decisivo.
1 Agosto, 2005 (00:46) | Traducións | 1 comment
Urxencias editoriais obrigáronme esta fin de semana a facer unhas primeiras probas da tradución da primeira novela de Alexandre Dumas (fillo). A versión galega de Antonia Vega Prieto, publicada en Bivir, é magnífica. Non agardaba mergullarme tan doadamente no enredo dun amor imposible que dera pé á Traviata e, posteriormente, a Camille, a versión cinematográfica de Cukor, interpretada pola Garbo.
A tradución destes clásicos é unha das tarefas urxentes da nosa edición. Esforzos como os da Biblioteca Virtual da literatura universal en galego, que xa conta cunha importante nómina de obras, merecerían ser apoiados con decisión pola nova Consellaría de Cultura. Acometer un Plan Nacional de Tradución, acordado entre as asociacións de tradutores e editores e os responsables da administración, que permitise publicar un centenar destes títulos nun periodo de catro ou cinco anos, sería unha empresa que verdadeiramente merecería a pena.