Dotación para bibliotecas escolares
Notas do traballo de edición. Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia
O de torredebabel é o post máis interesante dos que lin hoxe. Descoñecía esta lista de compromisos asumidos e divulgados por compatriotas de todo o mundo (e dos que aquí deberíamos tomar boa nota):
1.Considerarei Galicia como a miña Patria.
2. Proclamarei en público e en privado que son galego/a.
3. Considerarei a todos os galegos como tales, con independencia de que vivan ou non en Galicia, e naceran onde naceran.
4. Se coñezo o idioma galego aproveitarei sempre que poida para o practicar e esforzareime en perfeccionalo escribindo, falando, lendo e escoitando. Se non o coñezo, farei todo o posible por o aprender e o utilizar, sen ter vergonza por non o dominar.
5. Trasmitirei aos meus fillos e netos o orgullo de ser galegos.
6. Procurarei poñerlles nomes galegos aos meus fillos.
7. Se teño un apelido castelanizado trocareino pola súa auténtica forma galega.
8. Utilizarei sempre os nomes galegos das provincias, cidades, vilas, parroquias ou aldeas de Galicia, especialmente os daquelas onde teño as miñas orixes. 1
9. Estudarei e darei a coñecer a historia de Galicia.
10. Cultivarei as receitas de cociña galega aprendidas da miña familia e outras que aprenda a través do estudo da gastronomía galega e difundirei as súas virtudes entre os meus achegados.
11. Preservarei as tradicións galegas practicándoas e promocionándoas no meu entorno.
12. Celebrarei todos os anos a festa da Patria Galega do 25 de xullo.
13. Sempre terei á vista na miña casa algún elemento decorativo que fale de Galicia: un cadro, fotografía, bandeira, adorno, figura, etc.
14. Consumirei preferentemente produtos galegos.
15. Contribuirei na medida que poida a un mellor futuro para Galicia e para todos os galegos, onde queira que vivan.
16. Defenderei o nome de Galicia e dos galegos ante calquera insulto, difamación ou mofa.
17. Renegarei de quen aldraxe ou perxudique a Galicia e aos galegos, procurando defendelos con todas as miñas forzas; manifestarei publicamente a miña disconformidade con calquera lei ou medida que perxudique a Galicia, aos galegos ou á súa identidade; e apoiarei as iniciativas políticas honestas que procuren o ben para Galicia.
18. Difundirei polo mundo o nome de Galicia, explicando o que é, ónde está e quén son os galegos, amosando o orgullo da nosa cultura, idioma e historia.
19. Apoiarei ás organizacións que traballen por conservar a cultura e identidade galegas no exterior, coa miña participación como socio/a ou traballando dalgún outro xeito ao meu alcance a prol delas.
20. Contribuirei, na medida das miñas posibilidades, a soster os gastos destas e ao seu bo goberno. Farei sempre por unir aos galegos do todo o mundo e nunca por os dividir.
É unha mágoa que a candidatura non pasase pola peneira da Unesco. Porén, o importante non é o resultado acadado e si, pola contra, o modélico do proceso, o vivido e aprendido polos milleiros de participantes na promoción da candidatura. Ese traballo constante, aloumiñado no berce da escola, que conseguiu ir contaxiando na autoestima e no entusiasmo, non sen resistencias e dificultades, a unha parte significativa da sociedade galega, tamén é un patrimonio marabilloso e unha obra mestra a potenciar. Os promotores da candidatura ofreceron ao longo destes catro anos un modelo de traballo cultural e educativo en man común que debería ser recoñecido e agradecido no moito que vale para o conxunto da sociedade. É de estrita xustiza premiar o traballo realizado durante dúas décadas por Ponte nas Ondas. O goberno galego debería facelo decontado e coa repercusión que merece labor tan destacado.
Actualización (27-11-05): hai moi interesantes posteos sobre o tema; recomendo os de Ian, Gago, Boedense e Rogerio.
Despois da entrevista da tarde de onte coa Conselleira de Educuación e da reunión da comisión da Mesa polo Libro da mañá de hoxe, onde abordamos os criterios de modificación do texto do plan da lectura, non teño dúbida do certeiro da análise de Rogelio Blanco: en Galicia tamén padecemos a doenza da indixestión editorial e da indixencia lectora (grazas, Juan polo oportuno enlace).
É decepcionante que boa parte do traballo dos editores galegos consista en acudir a San Caetano, unha e outra vez, para disertar alí sobre a importancia que para o benestar e o futuro da sociedade galega supón contar cunha sólida base de lectores, convertir a lectura no núcleo e no ADN da educación ou para reiterar enfaticamente o interese para o país de contar cun sector editorial viable empresarialmente. Sempre saio deses despachos e salas de xuntas coa mesma sensación: somos acollidos polos responsables do goberno con moi boas palabras e intencións, aínda que, se aos feitos nos remitimos, sendo moi escasamente valorados. É moi triste ter que recoñecer que despois de case catro meses da toma de posesión do goberno bipartito, os ventos do cambio e do tempo novo prometido aínda non chegasen para apoiar, sequera diplomaticamente ou con algunha medida efectiva de compromiso, o sector do libro en Galicia.
No seu último libro, José Antonio Marina e María de la Válgoma propoñen poñer en marcha unha conspiración lectora (lese coma unha noveliña marabillosa) do conxunto da sociedade. Participar activamente na organización desta conspiración da sociedade civil semella a única revolución posible, a menos que os editores pretendamos deixarnos morrer languidamente no conformismo que se nos propón.
Mañá pola tarde manteremos unha entrevista decisiva coa Conselleira de Educación, a primeira persoa do goberno que nos recibe.
Recibín por correo electrónico este texto oportunísimo de Galix sobre María Victoria:
Mª Victoria Moreno Márquez faleceu hoxe pola mañá en Pontevedra, vítima dunha enfermidade que a acompañou nestes últimos anos e finalmente venceuna.
Nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) en 1941, a Licenciatura en Filoloxía Románica tróuxoa para Galiza, onde desde 1963 ata a súa xubilación exerceu o maxisterio en institutos de Lugo e Pontevedra. A súa condición de Catedrática de Lingua e Literatura Española converteuse nunha condición funcionarial que lle permitiu espallar os seus extraordinarios coñecementos literarios e contaxiar a súa radical sensibilidade ante e a paixón de vivir a milleiros de alumnos e alumnas. Foi unha Mestra.
Logo de estudar o bacharelato en Barcelona e Filosofía e Letras (Sección de Filoloxía Románica) en Madrid, a súa chegada a Pontevedra como profesora do daquela Instituto Feminino fixo posible a súa integración na cultura galega. Aínda que comezou a súa traxectoria de escritora en castelán, axiña se integrou na nosa literatura en 1973 con dous libros que forman parte da nosa historia literaria imprescindible. Se a publicación de “Os novísimos da Poesía Galega” abriu as portas do verso novo en tempos de miseria á sociedade galega, desde a solidariedade co “home concreto” naquel “instante concreto” da Ditadura, a edición de “Mar adiante” constituíu un acontecemento no baleiro da literatura infantil-xuvenil galega. A súa dedicación á nosa cultura (desde os cursiños de Lingua Galega á marxe da oficialidade, en plena Ditadura, ata o seu labor de crítica, tradutora e pioneira da literatura infantil-xuvenil) converteuse nunha identificación co país e as súas xentes que mantivo ao longo da súa vida. Solidariedade e compromiso ideolóxico, literatura de elevado valor estético e ético para lectores e lectoras novos, sensibilidade ante a natureza viva e amor polos animais foron os eixos dunha traxectoria literaria e vital que deixou fonda pegada na nosa cultura.
Libros como “Anagnórise” (un dos máis vendidos pola nosa industria editorial), “Leonardo e os fontaneiros” ou “Guedellas de seda e liño” (o seu “testamento literario”) son referentes imprescindibles da nosa literatura sen idade. Ademais, en 2004 recolleu a súa batalla contra o enferma de cancro de mama en “Diario da luz e da sombra” (Xerais, 2004). O seu derradeiro libro, “Eu conto, ti cantas…” (Col. Merlín, Eds. Xerais, 2005) recompila tres contos de animais escritos en verso. A poesía maxistral, a solidariedade, o valor da amizade, o amor polos animais e o canto á paixón de vivir aparecen xuntos así na súa última e gran lección: “Eu son moi feliz dándolles de comer e aprendéndolles cousas aos cachorros. Aos nenos hai que darlles sempre o mellor. Por suposto, tamén na literatura”.
Foise a amante do silencio, pero a súa voz queda nos seus libros. E con ela a súa lección de vida, convertida nun “vento que canta cancións eternas sobre un mundo angustiosamente finito”. É a fermosa voz da Mestra.
Namorada de outonos e solpores,
peregrina nas gándaras da vida,
buscaches no tremor da atardecida
fragrancias vellas de ilusións e amores.Sorriron para ti todas as flores,
fíxose a luz roibén na túa ferida
e, por nidios ronseis, a alma durmida
foi desde o abismo ós altos miradores.Inefables paisaxes de harmonía
abríronse ante ti coma agasallo
en volutas de lúa opalescente.Desposaron en lene melodía
os pétalos da luz, a paz do orballo
e o teu corpo, xa lirio evanescente.MARÍA VICTORIA MORENO, 2004
Ás nove e media desta mañá María Victoria despediuse para sempre. Aloumiñada pola súa filla Begoña e polo seu compañeiro Pedro, con quen formaba dende hai varios anos a inseparable Sociedade Literaria Olmo, a grande escritora pontevedresa deu cabo ao valente combate que librou dende hai máis de cinco anos coa “pupa cabrona“, como ela chamaba a ese cancro que finalmente lle arrebatou a vida.
Assis Machado escribiu que esta enfermidade non recoñece as virtudes do suxeito a quen apreixa, nin tampouco muda a personalidade de ninguén, senón que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Esta doenza maldita emparella na súa ferocidade a todos os seres humanos, que somos igualmente fráxiles ante esa verdade. María Victoria comentoume moitas veces estas reflexións cando, hai ano e medio, traballabamos na edición do libro no que relataba a súa experiencia. Durantes aqueles meses, María Victoria comunicoume en varias ocasións, diante da ledicia contaxiosa dun bo vaso de viño tinto e dunhas cabichas ben apuradas, a súa convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación; porén, insistíame na importancia de conservar todo aquilo que confire á vida un valor, de descubrir nas rutinas diarias (por dolorosas ou difíciles que sexan as situacións) pequenos praceres insospeitados, de establecer vencellos afectivos e amorosos cos amigos ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián.
María Victoria deixa esta súa pegada profundamente humana, esa destilación de vida en estado puro, en milleiros de alumnos, compañeiros docentes, escritores e amigos. Deixa, tamén, unha obra literaria valiosa, artisticamente grande, que seguirá viva en milleiros de lectores e lectoras de todas as idades. Sei que nestes seus días derradeiros, aínda se ilusionou un chisco coa aparición de Eu conto, ti cantas, o libro de contos en verso para picariños que ilustrou tan fermosamente para ela o seu amigo Manolo Uhía. Un abrazo e un aloumiño, María Victoria.
Actualización (23-11-2005): a noticia en El Correo Gallego, Galicia hoxe, La Voz de Galicia, Náufrago, Alfaias e Cabaret Voltaire.
A verdade é que a viaxe destes días atrás pagou a pena. Os voos nun paxariño magníficos, a experiencia do TGV satisfactoria (trescentos quilómetros en hora e media), a cidade xeitosa (encrucillada das Europas do norte e do sur), os viños excelentes, os amigos entrañables, as conversas intelixentes e o frío horroroso (ata -5º). Porén, o coloquio foi tan intensivo (como eu agardaba, dun acto académico organizado en Francia) como decepcionantes os enfoques dalgunhas das ponencias.
No artigo da semana reflexiono sobre os problemas municipais en Vigo despois de finalizada a saída da Volvo e as razóns da chamada estratexia 2005 de Corina Porro.
EMOCIÓN E BELEZA
No fútbol é un feito innegable que non sempre gaña quen mellor xoga. O Atlético de Madrid ofreceu un auténtico recital de toque e organización, monopolizando os seus catro (si, catro) centrocampistas a posesión da pelota e a distribución dun excelente xogo colectivo. Mais isto pouco lle serviu ao conxunto do Manzanares para levarse o encontro diante dun Celta defensivamente moi disciplinado (o maior acerto de Vázquez nesta tempada) e ofensivamente letal nos contragolpes dirixidos por Baiano, que cada domingo demostra que é un auténtico John Deere de fantasía revolucionada. Porén, o heroe céltico foi, outra vez, o gardameta Pinto, inspiradísimo nas súas estiradas e nos seus cinco incribles paradóns de pelotas altas que semellaron máis propias dun tenista na rede ca dun porteiro protexendo as mallas. O Celta desta tempada vai collendo en cada partido máis confianza nas súas posibilidades de equipo gañador e maior densidade no desenvolvemento dun xogo sacrificado, por que os celestes saben que están alicerzados pola solidez dun gran Pinto (unha garantía que pouco veces tivemos) e polos alustres intermitentes da habitual xenialidade canobbiana (o gol de golpe franco directo do uruguaio foi marabilloso) e da poderosa potencia baiana (o gol do brasileiro combinou en apenas dez metros unha poderosa arrincada física cun picado levísimo que permitiu que a pelota entrase na portaría coa dozura de quen realiza un aloumiño a un ser querido). Magnífico partido dos dous equipos, onde non faltou en ningún momento emoción e beleza. Que máis se pode pedir?
O noso amigo Txetxu participa en Tökland, a revista audiovisual de fomento da lectura creada (ou videorrevista en Internet) por Pensódromo. Os promotores prometen traballar sobre unidades temáticas independentes de curta duración: “Nos gusta hablar de destellos. Centramos nuestro trabajo en llamar la atención sobre determinadas cuestiones: Lanzaderas hacia la fuente del contenido, hacia sus personajes; Pues son ellos los que interesan.”
A Asociación Galega de Editores convocou hoxe os Premios da Edición 2005 que serán dados a coñecer na primeira Noite da Edición (o vindeiro 17 de decembro). Os premios contarán con cinco modalidades:
A presentación da edición ilustrada de Con pólvora e magnolias (o público ateigou coqueto salón de Caixa Galicia) serviu para que Ferrín desvelase nunha intervención preciosa algúns pequenos segredos da primeira edición, aparecida baixo o selo do Grupo de Comunicación Poética Rompente.Ferrín confesou que o libro nacera dalgunha maneira en Compostela en 1976. Pretendeu reunir nun libro poemas, na súa maior parte, publicados en revistas de fóra de Galicia, xa que daquela non existía un grupo de lectores e críticos atentos á edición poética. Ocupouse do “book design” Luís Mariño e da edición Carlos Delgado, imprimíndose o libro en Gráficas Minerva de Santiago. Coa idea de reducir os custes ao máximo utilizouse papel alba (dos de envolver) e unha tinta de cor lila que pretendía reforza o carácter de edición underground precisa nun tempo de ruptura estética e política.
A edición, sufragada polo autor, foi incorporada ao selo Rompente (movemento bautizado con este nome por Bernardino Graña), constituíndo o primeiro libro independente que saíu en Galicia sen consulta previa “voluntaria” (trámite ao que estaban obrigados os editores, que non posuían número de rexistro –todos os galegos, coa excepción de Val de Lemos de Manuel María– e todas as publicacións autoeditadas).
O momento máis emocionante da presentación produciuse cando a actriz Mónica Camaño leu unha escolma de poemas do libro, entre os que destacou a súa interpretación de “Estas como caída” e “Reclamo a liberdade pro meu pobo”. Un acto que verdadeiramente pagou a pena.
Presentamos en Compostela a edición ilustrada por Sucasas de Con pólvora e magnolias. Estades convidados.
Nin sequera unha mención na web dos editores galegos, uns editores demasiado concentrados nas súas pretensións de que as institucións públicas lles baleiren os almacéns dos excedentes rexeitados polo público, demasiado compracidos coa compaixón allea, e tamén propia, que esperta esa perenne situación de crise que atravesa o sector, como para poñerse a discorrer en novas liñas de negocio ou buscar unha formulación global para solucionar o problema.
Palabras, sen dúbida, moi ferintes para o colectivo de editores galegos que desde o traballo rigoroso e honesto procuramos atopar novos camiños para o noso sector. Mágoa que Moisés non confrontase as súas iniciativas e propostas coas doutros editores e participantes nos debates que se produciron no Simposio e que continuaron na rede. Nun ambiente de respecto e confrontación sincera de posicións algo quedou moi claro: todos desbotamos sen excepción calquera posición vitimista ou compracente sobre o noso oficio e o noso futuro. Desta volta, Moisés errou o tiro, ben que o sinto.
A partir do post de urxencia que publiquei sobre a comparecencia no Parlamento do director da CRTVG preparei o artigo da semana sobre o futuro da TVG e a Radio Galega.
Creo que a posta en marcha dunha segunda canle de televisión e dunha compañía pública galega de Internet, así como acometer un proxecto de xestión dos medios actuais rigoroso e austero, baseado na independencia da compañía e no seu carácter de servizo público, son medidas que non deberan ser adiadas.
Cóntao folerpa nun texto extraordinario de lectura imprescindible. Son profesor de Educación Infantil (a verdade é que hai quince anos que estou excedente, e, dende entón, moito mudou) e, porén, non me entra na cabeza. Ese picariño ten un problema grave, que require outro tipo de axuda. Que vai ser de el no futuro? Síntome tan triste e avergonzado coma expresa Folerpa e todos os amigos que comentan o post.
Triste é, tamén, que a Igrexa combata unha lei que non lle vai coutar, desgrazadamente, ningún dos seus moitos privilexios educativos no país europeo que maior apoio económico lle proporciona. Cara onde queren levarnos Acebes, Rouco e toda a súa caverna con manipulación tan descarada?
Hoxe os problemas reais da educación non están na asignatura de relixión (que abandonan cada vez maior número de alumnado nos centros públicos) nin nese falso debate sobre a elección de centro da que falan sen argumentos os conservadores contrarios á lei. Hoxe os problemas están no que Folerpa conta coa tenrura da verdade no primeiro parágrafo do seu post: no fracaso dunha escola impotente (xa se ve que en todas as súas etapas) para facer fronte ao reto de ofrecer un servizo educativo de calidade para todos. Eis a reforma educativa que precisariamos, a que fixera posible unha atención na diversidade e na excelencia da aprendizaxe das competencias básicas. Triste, moi triste o tempo no que vivimos onde se afasta o soño dunha escola enchidas de pombas e mazás para todos.
Actualización (15-11-2005): Folerpa informa hoxe que a posibilidade de expulsar ao picariño foi reconsiderda. Boas noticias.
Vía Rogerio coñecín o power point que José Luis Orihuela (autor de blogomía) presentou no 2º Encontro de weblogs de Covilha. Paga a pena (mágoa do tamaño reducido das imaxes). Útil para aqueles que queiran seguir falando de blos.
Débolle ao amigo Xulio Ríos un encontro intenso de dúas horas desta noitiña con frei Betto, un intelectual brasileiro con grande presenza internacional. Este dominicio foi durante dous anos asesor de Lula no programa Fame Cero. Escritor incesante (ten 53 libros publicados), conferenciante por todo o mundo, articulista (oito textos semanais), director durante vinte anos da revista América Libre, ensaísta, novelista, especialista en nutrición e gastronomía, posúe unha mirada que deita esperanza sobre un mundo que semella esgazarse. “No Río e no Sao Paulo hai dous millóns e medio de mozos entre os catorce os vinte anos que non remataron o ensino primario. Eles son a maioría dos que morren atacados e dos que atacan”, afirmaba cando falabamos da vida cotián na Rocinha (onde viven catro centas mil persoas) ou en Santa Marta, onde non existe o estado e ten outros donos.
Falando moi amodiño cun charuto na man, dos que lle agasallou o seu presidente, describiunos a síndrome da mosca azul, a que padecen algúns políticos de partidos de esquerda cando quedan apegados aos sabores do poder. “Chegan ao goberno, mais esquecen que non teñen o poder”. Para el esta mosca azul é un síntoma máis da crise da democracia no entorno actual da globalización liberal.
Reiterounos o seu agradecemento pola acollida que recibiu nestes tres días nas dúas conferencias que pronunciou en Galicia e o seu desexo de ver algún día publicado en galego un dos seus libros. Confesounos que a proximidade cultural entre os nosos pobos e a facilidade da comunicación foi unha sorpresa que non agardaba. Despedímonos falando das saudades de Perdices, o distrito paulistano onde vive e do que eu gostei o pasado ano. “Deberiamos vivir trescentos anos como as tartarugas. Os primeiros cen para aprender, os seguintes para crear e traballar e os últimos para ensinar” díxonos cando entraba pola porta do seu hotel.
Hoxe ao mediodía recibín na editorial a visita do meu benquerido profesor. Regresou onte de Lúa de Avellaneda, onde durante a semana pasada, como comentamos no Simposio cando preguntaron por el, estivo dando varias conferencias, entre elas, unha no mítico café da Avenida de Mayo.
De todos é coñecida a miña querenza por don Xesús, personalidade humana e cultural na que recoñezo a súa teimosía e coherencia na defensa das súas conviccións e o seu impagable e incansable labor erudito e bibliómano. Tróuxome de Buenos Aires dous agasallos que gardarei nos andeis preferentes da miña biblioteca.
Un exemplar d’ O que cómpre saber da lingua galega, título da súa autoría, publicado pola bonaerense editorial Alborada, en 1969, dedicado a Méndez Ferrín e “prá terra, hoxe auga, de Castrelo do Miño”. A edición é preciosa, realizada ao coidado de Arturo Cuadrado (o galego, primeiro editor de Cortázar) e con cuberta de Luís Seoane; mais os contidos, tampouco perderon interese. Utilísimo pareceume o capítulo “Estatística da produción literaria galega entre 1938-1968″, que nos serve hoxe para reconstruír a historia da nosa edición, fóra e dentro do país, durante a Ditadura, comparándoa coa catalana e vasca.
Un exemplar d’ A Gaita a falare (Lembranzas e maldicións) de Ramón Rey Baltar con prólogo de Eduardo Dieste. Unha auténtica alfaia da poesía galega do exilio, editado en Buenos Aires en 1939 pola Central Galega de Axuda ao Fronte Popular Hespañol (sección da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina), ilustrado con imaxes de Castelao, Seoane, Colmeiro. Poemas costumistas mestúranse con outros vibrantes na dor da traxedia tan recente. Impresionantes son textos como “Carta a un vello compañeiro de navalla”, “Mater dolorosa” ou “¡Antes mortos que escravos!”). Leremos a Rey Balter de vagariño, como merece.
Os amigos d’ A Nosa Terra pídenme unha proposta de convocatoria da selección galega para o primeiro partido con Uruguay. Velaí a miña listaxe de xogadores con ficha de Primeira e Segunda A nesta tempada:
O meu once para o debut: Diego López; Michel Salgado, Manuel Castiñeiras, Quique Álvarez, Paco Corredoira; Borja Oubiña, Borja Fernández; Jonathan Aspas, Isaac, Iván Carril; Pablo Couñago.
Actualización (09-11-2005): Mágoa! O primeiro lesionado. Non poderá participar no debut.
Estamos satisfeitos do resultado do Simposio, sobre todo, polo debate que está creando na propia rede. Adianto unha relación de enlaces de amigos e amigas que o comentan estes días:
Beizóns para todos!
Barreiro sinalou algúns dos elementos que neste eido pode achegar á cultura da rede:
ALUSTROS MÁXICOS
Pasado xa o primeiro cuarto da liga, o disciplinado equipo de Vázquez continúa a súa excelente traxectoria, situado de novo en postos de Champions; porén, as bancadas presentan un estado decepcionante, moi semellante ao da pasada tempada, xa que non acollen máis de quince mil espectadores. Horacio Gómez e o seu equipo directivo deberán reflexionar sobre as razóns desta inhibición do celtismo e nas medidas posibles para que nas vindeiras xornadas un maior número de afeccionados apoie coa súa presenza a un equipo que, a pesar da súa fraxilidade defensiva, amosa unha sorprendente autoridade atacante. Así volveu suceder onte, diante dun Alavés incomodísimo, que presionou de forma agobiante, conseguindo, na primeira parte durmir o encontro e impedir a construción e distribución do xogo celeste por parte dos nosos medio pivotes. Mais o Celta desta tempada posúe moita calidade de medio campo para arriba e o xogo combinatorio intermitente de toda a dianteira (non só de Cannobio e Baiano, dúas figuras indiscutibles) permite gozar á bancada de alustros máxicos de auténtica fantasía, como sucedeu co precioso primeiro gol de Cannobio ou co marabilloso remate de chilena de Aspas, un canteirán que se reivindicou como goleador nos poucos minutos dos que dispuxo. Reforzando a portería e a atención defensiva nas xogadas a balón parado (houbo algúns erros clamorosos de coordinación, un dos cales facilitou o gol vitoriano), este Celta de Fernando pode ofrecer un espectáculo suficientemente atractivo e de calidade para encher Balaídos.
Certamente no Simposio non se abordou a cuestión do papel electrónico. Óscar González proporcionounos informacións sobre esta cuestión: o proxecto que o MIT leva desenvolvendo dende hai seis anos e a presentación dun lector de Sony e Philips na páxina de E-Ink que avala a tese de que o papel de celulosa pode ser substituído no futuro polo papel electrónico. Obigado, amigo Óscar González. Máis datos para a reflexión.
A intervención na Mesa dos blos da nosa admirada María merece comentario á parte xa que tivo a deferencia de anunciar a primicia mundial da creación de Edicións da Rotonda. María presentou a súa iniciativa como a dunha editora virtual, unha plataforma na rede desde a que lanzar todo tipo de produtos culturais. Presentou o seu primeiro produto, a novela de Carlos G. Meixide, O home inédito, disposta para ser descargada de forma gratuita (supoñemos que proximamente) da rede baixo unha licenza Creative Commons. Amosou a portada e o texto da obra, así como a páxina promocional da novela que contará cun blo, información sobre o autor, sinopse da obra, personaxes, making of, comentarios críticos… (os editores de papel presentes tomamos nota coma tolos dun modelo moi atractivo inexistente na edición galega).
María (na que sempre pensei que será a Carmen Balcells do século XXI) pretende que Edicións da Rotonda sexa editora sen ser fábrica, tentando darlle marca a todos aqueles intanxibles que editen. O segundo produto será EUROPA, unha película, mais tamén haberá música…
O proxecto promete moito, moito. Os editores convencionais temos moito que espabilar con iniciativas de edición na rede da calidade desta.
Beizóns, María e Berto! E longa vida para Edicións da Rotonda!
Actualización (07-11-2005): A editora está xa operativa dende hoxe na rede.
A Mesa “Os blos e a creación cultural” foi a mellor de todo o Simposio. Durante dúas horas ben medidas houbo información, debate e unha preciosa sorpresa final. Non se pode pedir máis. Algúns dos datos proporcionados non poden ser esquecidos: en galego publícanse 50.000 post cada ano cunha audiencia de millóns de visitantes, e a pesar de contar só con 300 blos (aínda somos pouquiños).
A Mesa sobre “A presenza do libro galego na Internet” proporcionou máis información ca debate entre os participantes sobre o estado da cuestión. Malia esa carencia, creo que foi moi indicativa das orientacións existentes sobre a cuestión.
Santi Montes, responsable de Lg3, relatou a experiencia do portal do Consello dedicado á literatura galega. Gustei moito da súa reflexión sobre a necesidade de cambiar a percepción do papel da rede: “non é un feito subterráneo, se non que forma parte da comunicación social”. Montes criticou, tamén, ás editoriais galegas por que apostan pola rede sen confianza e sen convicción, o que se demostra en que moitas das súas páxinas non estean actualizadas ou sexan pouco atractivas. Para el isto ten que ver máis coas persoas que coa tecnoloxía: “precísase imaxinación e afondar na innovación”. Tamén foi moi claro cando expresou que hoxe “a necesidade de información sobre a literatura galega na rede supera a oferta”, razón pola que propuxo repensar o uso que estamos a facer dela.
Laura Fontaíña, primeira responsable da Biblioteca Virtual Galega, explicou que con esta experiencia, nacida da Facultade de Informática, pretendeuse proporcionar unha canle para a literatura galega e para poñer aos nosos escritores en contacto cos lectores, moi especialmente aos noveis que conta cun espazo de publicación onde se levan editados máis de cincocentos textos.
Xaime Nogueira, responsable de Andel Virtual, deu conta do funcionamento desta veterana experiencia de comercialización do libro galego na rede (remóntase ao ano 1997). qu na actualidade conta con 14.000 títulos en catálogo e con vendas directas aos cinco continentes. Nogueira insistiu na idea de que o mercado do libro galego está imbricado no entorno da lingua, sendo necesario un traballo incesante a prol do seu prestixio, así como para a incentivizar a dotación das bibliotecas e o labor docente.
Manuel Figueiras, creador de Filix (Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), hoxe a maior fonte de documentación en galego sobre este xénero (4.000 pantallas editadas), expresou que as funcións desta biblioteca dixital son: rescatar do esquecemento títulos descatalogados que conforman a historia da nosa edición (a rede convertese así, paradoxicamente, nun arquivo virtual); revalorizar a literatura infantil e xuvenil, razón pola que aparecen referenciadas todas as traducións que se fan de textos editados orixinalmente en galego; constituír un centro de documentación; e, por último, constituír un centro de información para os lectores máis novos (contou unha anécdota sobre esta cuestión moi pavera).
Catuxa Seoane (a súa intervención pode descargarse aquí) explicou con gran claridade (se cair en facer unha apoloxía) cales deben ser as características do libro electrónico, insistindo na importancia de deseñar tanto o produto, a interacción como a súa presentación; ao tempo, que sinalou a necesidade de respectar os criterios de usabilidade e accesabilidade. Quedei cunha idea fundamental dela: os documentos electrónicos requiren un novo tipo de lectura.
Manolo Gago abordou as tendencias que albisca no libro electrónico (a súa ponencia completa pode descargarse aquí), deténdose na experiencia que se desenvolve neste tipo de edición dende o CCG. Pareceume moi interesante a idea que expuxo sobre a “redistribución no libro electrónico do contido e a súa integración nos estilos de vida“; ademais, anotei algunhas das súas conclusións máis salientables:
1. A importancia do posicionamento e da promoción na rede deste tipo de produtos nunha web promocional.
2. A segmentación de formatos.
3. A edición dun libro “sen fin” (un contido sempre actualizado).
4. A necesidade de atopar un marco de dereitos máis flexible.
5. Aproveitar a interacción multimedia.
6. As posibilidades deste tipo de edición para a edición científico-técnica.
Na Mesa sobre “A edición en lingua galega e as aplicacións educativas”, Luz Castro de Imaxin Software tamén falou da usabilidade das aplicacións dixitais e das vantaxes do emprego do hipertexto. Presentou unhas interesantes experiencias de edición de teses de doutoramento en soporte dixital e dunha serie de xogos educativos conversacionais.
O profesor Rogerio Santos ofreceu unha documentadísima conferencia, no inicio da segunda xornada do Simposio, sobre o impacto das Novas Tecnoloxías sobre as Industrias Culturais. Foi moi de agradecer que Rogerio analizase o concepto de Industria Cultural, a partir do concepto acuñado por Adorno (“a mercantilización da cultura, a través do desenvolvemento tecnolóxico”) e os seguidores da Escola de Frankfurt, establecendo unha distinción moi oportuna entre os conceptos de “mercadoría cultural” e “cultura de fluxo”, tamén acuñados por Zallo, como “edición discontinua” e “difusión continua”. Na miña opinión, tamén, foron relevantes as súas análises sobre os diferentes modelos empresarias das industrias culturais (e o impacto das fusións sobre o emprego), os conceptos de “cadea de valor” e de “Industrias Creativas” e a súa contribución ao PIB (4% en España, 10% no Reino Unido), ou da diferenza entre orixinal e copia.Rogerio propuxo as seguintes conclusións:
1. As Industrias Culturais mudan o coñecemento que temos do mundo, pola información que nos achegan.
2. Por mor da dixitalización produciuse unha rápida transformación da estrutura dos negocios das diversas Industrias Culturais.
3. As Industrias Culturais son hoxe actividades económicas fundamentais para a a vida produtiva dos países.
4. Hoxe existe unha mestura entre os conceptos de “orixinal” e “copia”. Non existen diferenzas entre eles, o que require a construción dun novo edificio legal para abordar a cuestión dos dereitos de autor.
5. Algunhas Industrias Culturais pretenden combinar nos seus catálogos produtos máis rendibles con outros de menor audiencia para manter a súa lexitimidade.
6. Nas Industrias Culturais é imprescindible a asociación de innovación e risco.
7. Internet configúrase hoxe como un espazo de resistencia.