Month: Abril, 2006
30 Abril, 2006 (19:01) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol | 2 comments
ORGULLO CELESTE
Os dous mil celtistas arrecunchadiños nas bancadas de Riazor vivimos o sábado o partido máis feliz e emocionante que esta tempada ofreceu o equipo noso. Desta volta os celestes non se viron intimidados pola perigosa atmosfera do nordés que alí bate tan forte. Pola contra, saíron moi concentrados para conter con paciencia e disciplina defensiva as perigosas turradas iniciais dun Coruña decidido a procurar a vitoria que como auga de maio aliviase as dores da súa frouxa tempada. A modiño e con moito tempero, os de Fernando Vázquez foron desfacendo o nobelo dun derbi moi áspero. Grazas a unha defensa atacante moi sobria e elegante, aos límites da perfección, o Celta comezou a recuperar balóns no medio campo e a apuntar con perigo á porta dos Riazor Blues. Así chegou o gol máxico de Silviña, tras un oportuno remate dun Baiano moi implicado e batallador ao longo de todo o encontro. Co vento a favor e tras os oportunísimos trocos da segunda parte, o Celta abraiou aos locais cos seus continuos contragolpes e cambios de banda. Borja Oubiña –situado por vez primeira como atacante, por diante dos medios centros ocasionais– amosou nun par de xogadas extraordinarias que posúe, ademais de capacidade de recuperación defensiva, tamén o don do pase preciso (algo propio só das figuras). Nunha das súas alancadas proporcionou un servizo de ouro a Perera que non dubidou en noquear os coruñeses. Tras unha década de desgustos, este gran conxunto de Vázquez recuperou para o Celta a hexemonía indiscutible no futbol galego. Un día de orgullo e de competitiva ledicia para os seareiros celestes que ben sabiamos que non hai mal que dez anos dure.
29 Abril, 2006 (10:00) | Edición | No comments
28 Abril, 2006 (22:14) | Música | No comments
28 Abril, 2006 (22:10) | Música, Vídeos | 1 comment
28 Abril, 2006 (21:45) | Eventos | No comments
Hoxe abriu a
Feira do Libro de Compostela. Con respecto a edicións anteriores nótase un claro baixón do número de expositores (apenas vinte e seis), o que pode ser outro síntoma da crise deste modelo de promoción e do propio mercado do libro. Porén, as boa noticias son o elevado número de asinaturas de autores e autoras previstas e o feito de que
Suso de Toro será mañá o pregoeiro, o que supón outra mostra de que vivimos nun tempo político novo. Estaremos na Alameda ás 13:00 horas.
26 Abril, 2006 (11:13) | Xerais | 1 comment
25 Abril, 2006 (16:01) | Efemérides | 4 comments
25 Abril, 2006 (15:24) | Narrativa, Novidades, Xerais | 2 comments

Estamos introducindo algunhas melloras no
web da editorial. A partir de hoxe poderá consultarse a
axenda de actos e baixar adiantos das novidades literarias en pdf (o primeiro:
trece páxinas de
Home sen nome, a novela de Suso de Toro, que estará nas librarías a partir do día 9 de maio). Nos vindeiros días tamén habilitaremos espazos para entrevistas e outras informacións de interese.
25 Abril, 2006 (06:38) | Librarías | 11 comments
23 Abril, 2006 (19:33) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol | 1 comment
OUBIÑAS VEÑEN
O sábado o Celta precisou só media hora para facerse dono dun partido decisivo para as súas aspiracións europeas contra un frouxo e inocente Zaragoza, moi abaixado tras a derrota da final copeira. Paseniño, como é adoito nos de Fernando Vázquez, a solidez defensiva celeste (Lequi é Contreras son a mellor parella de centrais da segunda volta desta liga) foi escachando os ataques de Savio e Ewerthon e permitindo a xenial condución de Oubiña, o noso mago Merlín. Así, nunha contra levada con moita serenidade polo canteirán (que non só recupera e xa se atreve a atacar e a meter balóns entre liñas) chegou o primeiro gol de Canobbio. Entón a bancada respirou aliviada, consciente de que o partido estaba gañado xa que igual que os de Vázquez nunca foron capaces de remontar un resultado adverso, tampouco ninguén foi capaz de levantarlles un encontro. Na segunda parte, os celestes, sen perder unha miga da súa disciplina defensiva (o seu punto máis forte), saíron dispostos a ampliar o marcador e a desmentir a súa anemia na definición. Axiña chegaron tres goles moi xeitosos que, por vez primeira na tempada, provocaron que a esixente bancada de Balaídos corease entusiasmada a Rianxeira e xogase coa marea da Onda, reservadas só para os días das grandes xestas europeas. Non hai dúbida de que a esta altura a afección está completamente rendida diante do traballo dun adestrador que está sabendo atopar ouro neste cadro de mociños (os máis novos da competición) tan talentosos no toque e na distribución como disciplinados no xogo colectivo. Oubiñas veñen, Oubiñas veñen e van. Si, señor.
23 Abril, 2006 (18:31) | Vídeos | 4 comments
23 Abril, 2006 (17:09) | Efemérides | No comments
23 Abril, 2006 (11:16) | Lingua | 6 comments
23 Abril, 2006 (10:57) | Libro | 4 comments
Recomendo esta dúas entrevistas de hoxe con Tabucchi, pregoeiro do Sant Jordi. Recollo algunha das súas opinións que me interesaron:
- Unha flor e un libro supoñen unha fermosísima combinación: paz, ledicia e intelixencia.
- Pensar nos libros, nos propios e nos alleos, é unha actividade interesante, porque un libro, contra o que algúns cren, non remata na derradeira páxina, é un pequeno universo en expansión, non ten final.
- O oficio de escritor, tal como eu o entendo, é observar e vixilar os políticos. Mirar e escribir sobre o que un ve.
- Unha sveces o encontro co lector dá pracr, outras medo. [...] Cada un le a súa propia historia. A literatura ten ese poder misterioso e máxico de poñernos diante do espello.
22 Abril, 2006 (11:18) | Efemérides, Vigo | 9 comments
21 Abril, 2006 (21:13) | Efemérides, Vigo | 2 comments
Txetxu dá conta das diversas formas de celebrar o Día do Libro. Mentres, en Vigo, como xa anunciamos, o goberno local impide que os libreiros saian á rúa do Príncipe.
Os nosos militantes fantasía víronse obrigados a enviar aos medios (como noutrora) este comunicado de protesta:
Ante a negativa por parte do Concello de Vigo de autorizar a instalación dunha carpa na Rúa do Príncipe co gallo do Día Mundial do Libro, a Federación de Libreiros de Galicia quere manifestar:
- Coa declaración do 23 de abril como Día Mundial do Libro, a UNESCO pretende o fomento da lectura e a industria editorial. Na declaración deste ano do Director Xeral da UNESCO dise textualmente que “esta conmemoración pública constitúe unha nova ocasión para que os responsabeis políticos, os axentes económicos e os membros da sociedade civil honren de moitas maneiras este instrumento sui generis de expresión, educación e comunicación que é o libro”.
- Era intención da Agrupación de Libreiros de Vigo sumarse á celebración deste Día sacando á rúa, como se fai en todo o mundo, os fondos bibliográficos das librarías.
- Para elo solicitou no Concello autorización para instalar unha carpa na Rúa do Príncipe, denegada, “toda vez que na referida rúa non se autorizan tales actos-exposicións”
- Toda a organización do evento, instalación da carpa, seguridade e actividades que terían lugar serían asumidas polos libreiros xa que o Concello no aportaba nada, tanto económica como materialmente.
- A intención do departamento de seguridade de buscar outros puntos alternativos para a instalación da carpa é inasumible polos libreiros precisamente porque é nesa rúa onde un maior número de persoas poderían acudir á celebración, e a festa do libro tería unha enorme repercusión mediática.A actitude da actual corporación municipal debe enmarcarse dentro do nulo interese que ten manifestado polo mundo do libro, sendo un feito insólito no conxunto das administracións locais do país., e non estando á altura da importancia que o sector editorial ten nesa cidade. En Vigo creáronse e teñen a súa sede as máis importantes editoriais de Galicia e, en Vigo tamén, abren as súas portas á cidadanía recoñecidas librarías, algunhas situadas entre as máis importantes do estado español. Frente a este alentador panorama editorial temos un Concello inoperante á hora de pilotar calqueira iniciativa en torno ao libro, chegando incluso a boicotear como neste caso a iniciativa particular do sector. Os libreiros de Vigo observan con envexa como noutras cidades e vilas do país son as propias administracións locais as que patrocinan e impulsan esta celebración. Vexamos só algúns exemplos. A Coruña: os libreiros saen á rúa os días 21, 22 e 23. Instálanse 15 casetas nos Xardíns de Méndez Núñez. O Concello aporta 3000.00 euros e o día 23 hai presenza institucional de membros da corporación. Santiago de Compostela: os libreiros instálanse na Praza do Toural os días 21 e 23. O Concello aporta unha actividade musical. Lugo: os libreiros colocan os seus postos de venda no mesmo centro de Lugo, na Praza Maior o día 21. Pontevedra: saída de casetas á Praza da Ferrería-Paseo de Odriozola o día 23. Ourense: os libreiros instalan mesas e carpa subvencionada polo Concello na Rúa do Paseo. Actuación dunha Banda de Música e visita institucional do Alcalde e membros da Corporación Municipal. Estas actividades veñen realizándose coa total colaboración dos Concellos dende hai moitos anos, tanto polo apoio ao libro e a lectura como para colaborar coa institución libreira, de fonda tradición na sociedade galega.
- As librarías de Vigo animan ao pobo desa cidade a acudir en tan sinalada ocasión aos seus establecementos. As librarías de Vigo seguirán sendo espazos de cultura, coñecemento e liberdade.
21 Abril, 2006 (11:15) | Efemérides | 5 comments
Así felicita o president o día de Sant Jordi.
(ter un pouquiño de paciencia co frame)
21 Abril, 2006 (08:00) | Efemérides | 2 comments
20 Abril, 2006 (19:22) | Blogs, Literacidade | No comments
Compromisos
profesionais impedíronme asistir á totalidade da xornada do
encontro blogueiro. Por fin, coñecín a
Ascárida que moderou modelicamente a nosa mesa, tanto polo control dos tempos como polo atinado das presentacións.
Foi magnífica e moi clarificadora sesión de
Juan sobre xornalismo electrónico. A súa definición dos blogs como
identidades de dominio público pareceume que sinala unha inflexión na reflexión que vimos facendo sobre o futuro desta nosa textualidade electrónica. Profundizaremos neste interesante debate.
Beizóns para
Arvpart por recoller todos os enlaces da xornada.
19 Abril, 2006 (06:54) | Blogs, Ilustración | 4 comments
18 Abril, 2006 (16:30) | Blogs | 2 comments
Ao fío do anuncio do Enblogs 06 paréceme moi lúcida a
análise que publica hoxe
Jaureguizar (por certo, é moi boa a primicia que publica hoxe no seu cabaret). Non hai posibilidade de editar un Bernabé colectivo galego? Alguén se apunta?
18 Abril, 2006 (07:05) | Blogs | 2 comments

Mañá participarei no
Enblogs’06 nunha mesa de experiencias, moderada por
Ascárida, xunto con
Monica André,
Miguel Vila,
Isaac Cordal, onde abordaremos a diversidade de historias que se recollen nos blogs. Para animar o debate os organizadores pedíronme que contestase este cuestionario:
–Que che aportou o fenómeno blog?
–Abrín brétemas os primeiros días do ano 2005, aínda que era lector de blogs en galego con continuidade desde o verán de 2004. Asumín a escritura do blog como un reto para experimentar coas posibilidades da textualidade electrónica. Os blogs supoñen unha nova literacidade, un xeito diferente de ler e de escribir, en base as posibilidades de intertextualidade que proporcionan o seu hipertexto e a súa intermodalidade (texto, imaxes e sons). A experiencia foi para min moi satisfactoria. Lendo e escribindo nos blogs aprendín moito. Estoulle moi agradecido a todos os que forman parte das comunidades de blogueiros nas que participo polo moito que me achegaron.
–Son os blogs unha moda social ou viñeron para quedarse?
–Parto do principio de que as posibilidades técnicas son posibilidades creativas. Supoño que as utilidades actuais que proporcionan os blogs se irán modificando (de feito xa melloraron nestes tres anos) e o soporte, polo tanto, transformando. Aparecerán, pois, novas posibilidades. Non vexo o fenómeno blog como unha moda e si, polo contra, como unha poderosa ferramenta de comunicación e creación intermodal. Os blogs son un dos fenómenos máis importantes da literacidade electrónica. Esta nova textualidade dixital é un fenómeno irreversible.
–No ano 2005 produciuse unha auténtica explosión do número de bitácoras en galego. Cres que o fenómeno seguirá expandíndose?
–As estimacións dun milleiro de bitácoras en galego amosan a importancia do fenómeno, aínda que, se as comparamos coas existentes no conxunto da blogosfera, non deixan de ser unha pinguiña. O fenómeno blog expandirase ao ritmo da incorporación do galego a Internet e da recuperación do seu uso como lingua vehicular. Nestes dous eidos son pesimista, xa que fender esta nosa fenda dixital e a anemia normalizadora só será posible se existen políticas públicas moi decididas e enérxicas. Mágoa que ata agora isto non se vexa no horizonte.
–Enriquecen os blogs a esfera pública e fomentan a pluralidade?
–Un dos grandes valores dos blogs son a súa posibilidade de proporcionar información e opinión alternativa á dos medios impresos.
–Que influencias pensas que teñen os blogs na vida cultural e nos medios de comunicación?
–Os blogs están axudando a marcar tendencias e a abrir a axenda informativa dos medios impresos. No pequeno sistema literario galego xa están, dunha ou doutra maneira, influíndo.
16 Abril, 2006 (17:04) | Narrativa, Novidades | 1 comment
Creo que unha das responsabilidades do editor literario é ir construíndo un catálogo de autores. Esta é hoxe unha tarefa difícil que asumiu Salamandra na súa colección Narrativa, onde, ademais da publicación continuada dos títulos dos exitosos Camilleri ou Marai, sempre aparecen autores novos para satisfacer a lectores curiosos. Velaí un criterio da calidade do traballo dunha editora.
Este é o caso recente de Gilles Rozier, novelista de orixe xudía que escribe en francés, le en alemán e soña en yidish, que acaba de ver traducida ao español (cun título, na miña opinión, moi pouco axeitado) a obra que lle valeu o recoñecemento da crítica francesa.
Un amour sans résistance é unha emocionante novela da memoria daquela Francia ocupada, onde a pasividade dos invadidos estivo moitas veces máis achegada ao colaboracionismo que a afouteza da resistencia.
A paixón amorosa entre un profesor de alemán e un xastre xudeu, vencellando o seu amor en tempos de guerra por medio da lectura de obras Heine e Thomas Mann, permítelle ao narrador propoñer o poder vivificador que a literatura ten nas máis difíciles condicións que poidan vivir os seres humanos. Unha novela breve de escrita fluida e elegante. É recomendable.
15 Abril, 2006 (20:07) | Edición, Ensaio, Novidades | No comments
Hai case un mes anunciabamos a publicación da edición española do novo libro de André Schiffrin. Non é nova a miña devoción polos libros sobre libros. Hoxe lin con auténtica paixón o último ensaio deste veterano editor no que analiza con lucidez os fenómenos da concentración de editoriais e medios de comunicación que tiveron lugar desde a publicación do seu xa mítico La edición sen editores.
Sen ser nova a súa análise, Schiffrin –á vista do caso francés de concentración editorial e do control dos medios nos Estados Unidos despois do 11-S– conclúe que na actualidade (o libro está pechado a comezos de 2005) a práctica totalidade da universo da palabra escrita (coa excepción de Internet) quedou sometida a control. Proceso que afecta tanto ao mundo da edición, como ao da prensa, a radio e o cinema (tanto no que atinxe á produción como a distribución dos seus produtos), xa que todos estes sectores da industria cultural das ideas e información escritas, agora están en mans de grupos industriais que, polas súas conexións co estado, crean unha poderosa rede de relacións bilaterais de vencellos mutuos.
Con respecto ao volume anterior, pareceume novidosa a súa análise dos procesos de concentración da distribución editorial e os efectos perversos que isto supón para a rede de librarías independentes (en Francia apenas xa o 19% das vendas do libro). A descrición pormenorizada das estratexias dos discounters estadounidenses (que xa controlan a venda do cincuenta por cento dos betsellers) e dos responsables dos hipermercados franceses (captan o 20% do mercado do libro, o 42,3% dos CD e o 70% dos DVD) é tan clara como moi anticipatoria para nós.
A pesar do sombrío do panorama descrito, Schiffrin non se deixa abatir polo pesimismo e apunta algunhas alternativas para opoñerse a este proceso que, para el, non debe ser considerado como unha fatalidade:
- Desenterrar a idea do investimento público no lanzamento de medios independentes (editoriais e xornais) como sociedades de interese público de carácter non lucrativo, sempre que fosen controlados polos seus cadros de persoal.
- Crear cooperativas de lectores. Pon o exemplo a de Ordfront, a editora sueca (onde ata xaneiro de 2006 publicou orixinalmente os seus libros o xenial Mankell) na que 30.000 lectores aboan anualmente 20 € anuais e reciben unha revista de información editorial das súas novidades (en realidade un modelo de clube de lectores). Estímase que a compra do 10% dos socios desta cooperativa comprometida coa democracia e os dereitos humanos abonda para equilibrar as súas contas.
- Promover librarías e salas de exhibición de cinema públicas (como xa sucede en Noruega).
Un libro o do rabudo Schiffrin que recomendo moi vivamente a todas as persoas interesadas no futuro das industrias culturais no entorno da globalización.
14 Abril, 2006 (22:07) | Historia | 3 comments
14 Abril, 2006 (18:28) | Vídeos | 6 comments
14 Abril, 2006 (09:16) | Blogs, Portugal | No comments

Esta semana acaba de nacer
Extratexto, un blog dedicado á industria editorial e do libro en Portugal. Parecéronme interesantes os enlaces que propón e algún dos seus primeiros
textos. Seguirémolo.
13 Abril, 2006 (15:53) | Narrativa, Novidades | 1 comment
Eduardo Mendoza é un dos poucos novelistas españois (xunto a Marsé, Landero e Mateo Díez) que sigo desde hai máis de vinte anos. Estes días lin de tres longas sentadas a súa última novela, unha obra notable que, porén, non acada a altura doutros seus textos maiores.
Mendoza consegue que neste triángulo amoroso o lector simpatice cun dentista, Mauricio Greiss, un home con pouco carácter, mais con moitos principios e ideais que o levan, ao comezo da novela, a aceptar ser candidato no remate dunha lista do PSC ás eleccións autonómicas. Neste cadro desolador e pesimista do inicio da Cataluña pujolista e da Barcelona guapa do inicio do maragallismo olímpico, Mendoza propón unha reflexión sobre o desencanto da política e as dificultades da condición humana para facer fronte ao fenómeno do amor.
Chámame a atención que un escritor tan dotado como Mendoza –a velocidade da narración, a claridade na presentación dunha trama complexa, os diálogos memorables e a capacidade para manexar materiais diferentes son valores admirables na novela que comentamos– teña, porén, tantas dificultades para titular con xeito. A pesar de coñecer o seu interese polo paródico, unha das maiores carencias de Mauricio… é o seu título horrible, tan confuso como equívoco. En xeral non gusto dos títulos nos que aparece o nome do protagonista nin tampouco dos sintagmas ou frases difíciles de memorizar. Con todo, esta cuestión é menor, diante do esforzo de Mendoza de seguir reinventando a novela, algo que valoro no esforzo que isto supón.
13 Abril, 2006 (15:09) | Bibliotecas | No comments
12 Abril, 2006 (17:14) | Gastronomía | 1 comment
O pasado ano con motivo da Pascua publiquei un textiño sobre o pan durmido. Desde a miña postura estritamente laica, esta homenaxe que facemos os galegos durante esta semana a este doce primeiro non debera pasar desapercibida; razón pola que semella moi oportuno neste abril dos libros a posta en marcha do programa Pan con poesía da Consellaría de Cultura.
A fornada dos roscóns de Pascua no forno do meu Barrio do Cura era unha das alegrías da miña nenez. Unha tradición que se repetía nos fornos todos da abella da ribeira, nun afán colectivo no que cada familia posuía o segredo das proporcións da súa receita, herdado de vello, convertido nun tesouro prezado que se transmitía de xeración a xeración.
Os investigadores Mariano García e Fina Casalderrey debuxaron a xeografía do pan durmido galego en Repostería en Galicia, un dos libros fundamentais da gastronomía galega. Descubriron, entre outros, os segredos das receitas da rosca de cama, da rosca de Navia (que se baña con merengue), do roscón trenzado de Muros, da peculiar forma do roscón de Caldas, do novo roscón de xema dos pasteleiros da Guarda, da rosca de noces, da bola de auga fría con fariña centea de Navia de Suarna ou da poufeira da confitería Regino de Ponteareas, unha bola de boliñas, cun sabor de a cabalo entre a rosca e as rosquillas.
Con todo, ¡e hai abondo onde escoller!, as miñas preferencias decántanse pola fe que profeso nas roscas de Camos, a parroquia onde traballei sete anos de mestre, quizais pola súa estraña mestura de fariñas, un segredo moi ben gardado por dona Josefa Copena e a súa ampla familia de panadeiros. Un bocado da rosca camoesa –coa súa característica textura case carnosa, como as mazas da mesma orixe, hoxe case desaparecidas, como outras variedades autóctonas– permite aprezar o verdadeiro sabor do ovo inchado no padal.
Non incorramos no erro de pensar que este pan durmido existe só en Galicia. Os brioches, esas coronas francesas (variantes das famosas galettes des rois de follado) ou as especialidades árabes tamén deixan durmir a masa, primeiro nun lugar frío e logo quente. O pao de ló da vila de Ovar, na ría de Aveiro, prepárase con dezaoito xemas e catro claras de ovos; os “dormidos” de Bragança son boliños que agardan toda a noite pola calor do forno, como o Folar de Pascua de Tras os Montes, expresións autóctonas todas dunha mesma tradición da repostería europea e árabe.
Este roscón e as súas múltiples variantes, este “gulódice” de Pascua –como o chamaba don Fernando Filgueira Valverde nun dos seus adrais, publicados no Faro– posúe a forma de coroa circular como signo de eternidade, como expresión de eterno retorno, como invocación ao poderoso Pan, sustento do mundo. Esta deliciosa larpeirada, seguramente o doce popular máis antigo dos que se fan en Galicia, na que os ovos e o fermento son os grandes protagonistas, é símbolo da procura da fecundidade e da vida. O roscón é o pan das festas, esa marabillosa mestura de auga, fariña e tempo, sometida a múltiples formas e procedementos en todo o mundo, como alimento con poderes tan nutritivos como antidepresivos. Probade un bocado. Que mellor forma de aproveitar estes días!
12 Abril, 2006 (10:40) | Premios, Xerais | No comments
O pasado venres pechouse a entrada de orixinais dos nosos
Premios. Entre os tres certames concorreron máis de noventa obras, o que supón a máis alta participación da súa historia. Os quince membros dos xurados xa comezaron a lectura dos manuscritos. Terán a primeira reunión o venres, 2 de xuño, día no que decidirán as obras finalistas de cada concurso. O fallo anunciarase o sábado 10 na illa de San Simón. Con estas cifras tan elevadas de participación, ninguén pode dubidar da efervescencia creativa da literatura infantil e xuvenil nin tampouco da novela en lingua galega.
11 Abril, 2006 (22:04) | Xerais | 1 comment
10 Abril, 2006 (21:55) | Internet | No comments
9 Abril, 2006 (19:05) | Beizóns | No comments
9 Abril, 2006 (18:14) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol | No comments
CONTRA UN MURO
Fernando Vázquez sabía que o Valencia do fachendoso Quique Sánchez Flores é o conxunto que posúe o maior rigor defensivo e a capacidade máis intensa de presión dos que participan no campionato. Para facerlle fronte a xogo tan difícil, o adestrador celeste reforzou, coa entrada de Iriney, o medio do campo, e procurou a profundidade de dous extremos natos (Núñez e De Ridder) buscando que estes coa súa velocidade e capacidade de desborde proporcionasen balóns francos que finalizasen Canobbio e Baiano. Porén, este modelo táctico resultou un rotundo fracaso xa que os celestes, a pesar do seu alto ritmo de xogo e do seu coraxudo empuxe da segunda parte, nunca foron capaces de facerse coa área central (controlada con autoridade por Albelda e Baraja) nin moito menos rachar a disciplina defensiva que impoñían Ayala e Albiol. Por riba, a pésima noite de Núñez e Baiano (ambos os dous moi desafortunados, precisan pasar con urxencia pola cura de humildade que proporciona varias xornadas no banco) e a capacidade endiañada para o contragolpe de Villa, Aimar, Regueiro e Angulo acabaron por desarborar aos nosos. O Valencia, o equipo máis italiano da liga española, demostrou que para saltar o seu altísimo valado defensivo os seus rivais precisan de grandes doses de fantasía atacante, de acerto na definición e de disciplina e intensidade defensiva, cualidades as tres das que careceron o sábado á noite os de Fernando. Os celestes estreláronse impotentes contra un muro -o magnífico xogo antipático, sobrio e eficaz dos valencianistas- que non souberon superar. Outra vez será!
8 Abril, 2006 (14:25) | Lectura | 7 comments
Grazas a
Txetxu fomos seguindo estes días con moito interese o desenvolvemento do
Congreso Nacional de Lectura de Cáceres. Semella que, coa excepción da insistir na retórica de considerar a lectura e o libro como unha
cuestión de estado (aquí en Galicia expresamos esta mesma idea identificando o libro como “sector estratéxico”),
non existiron moitas propostas novidosas sobre cómo impulsar esa mobilización da sociedade a prol da lectura. Eis onde está o miolo de problema do que tanto falamos: é moito máis doado
enunciar a
gabanza da
lectura ca establecer políticas compartidas para promovela como
hábito saudable par os cidadáns.
A pesar do incerto dos resultados deste tipo de convocatorias, non estaría de máis que neste
mes dos libros as Consellarías de Cultura e Educación convocasen conxuntamente un Congreso Galego da Lectura a celebrar a finais deste ano. Un gran encontro deste tipo –onde deberan participar autores, editores, mediadores, lectores e administracións públicas– debería constituír o revulsivo que precisamos para lanzar o
Plan Galego da Lectura. Os axentes galegos da lectura precisamos visualizar publicamente un debate nacional sobre a revolución lectora que queremos promover. Temo que a pesar das
boas intencións expresadas polos responsables actuais das Consellarías de Cultura e Deporte e de
Educación algo está fallando na coordinación das súas accións sobre o libro e a lectura que debería constituír un elemento transversal e unha prioridade do goberno bipartito. Este abril dos libros debería servir para intensificar o ritmo das
políticas públicas sobre o libro e a lectura en Galicia. Neste tema non podemos ir tan amodiño.
Actualización (09-04-2006): sobre a cuestión da lectura recomendo visitar interesantes propostas e reflexións recentes:
7 Abril, 2006 (22:08) | Narrativa, Novidades | 1 comment
É unha marabilla esta oitava novela protagonizada polo comisario Salvo Montalbano. Andrea Camilleri demostra, outra vez máis, que é un mestre da melancolía intelixente para lectores cultos que asumen o reto de participar na construción dun texto esixente. Como sucedera na anterior, Camilleri propón que o lector poña en cuestión as súas crenzas e asuma aos seus medos, sabendo que aínda que é difícil abandonar a tristeza deste mundo que nos disgusta, sempre hai un resquicio para a esperanza.
Aos camilleristas, unha auténtica confesión secreta á que pertenzo (desque lin O can de terracota), non fai falta recomendarlla, xa que lle temos lei ao mestre siciliano. Aos que ainda non se atreveron ou manteñen prexuízos (por tratarse dun autor con moitos milleiros de lectores en todo o mundo), aconséllolla vivamente. Depararálles moitas sorpresas e creo que logo seguirán con esta e, quen sabe?, se co resto das outras.
6 Abril, 2006 (21:14) | Cultura | 2 comments
5 Abril, 2006 (21:53) | Bibliotecas, Literatura infantil e xuvenil | 2 comments
Pode consultarse xa na rede a guía para a selección de fondos documentais nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria. A selección foi realizada por un grupo de traballo, o Grupo Guía, con representación de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), AGABEL (Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura), Biblioteca Nova33, Federación de Libreiros de Galicia e Asociación Galega de Editores, coa coordinación da Asesoría de Bibliotecas Escolares.
Á hora de decidir os materiais que aparecen nesta guía tivéronse en conta criterios de calidade, idoneidade e diversidade. A guía recolle:
- Dous centos de imprescindibles: unha selección de títulos, en galego e castelán, publicados con anterioridade ao 2002 (aínda que consten edicións actualizadas)
- Xoves promesas: unha escolla de títulos que destacan pola súa calidade e idoneidade para os lectores a quen van dirixidos, entre os publicados dende xaneiro de 2002 ata xuño de 2005.
- Promesas con estrela: relación de títulos de referencia polos premios que acadaron (2002-2005)
- Materiais informativos: selección de títulos de carácter informativo axeitados a estas idades.
- Outros soportes: materiais presentados en soporte magnético ou electrónico e distinto formato (DVD, vídeo, audio, multimedia), de carácter informativo ou lúdico, publicados a partir de xaneiro de 2002 e seleccionados en función do seu interese para seren empregados no contexto escolar.
- Enderezos electrónicos de interese para o profesorado e para o alumnado, de contido informativo e lúdico.
- Recursos para a selección: editoriais galegas con coleccións destinadas ao público infantil, enderezos electrónicos, revistas especializadas, bibliografía e outros recursos a disposición do profesorado para afondar nas súas buscas de materiais.
Moi recomendable como ferramenta na selección dos materiais informativos e literarios que poidan adquirirse e na organización das propias bibliotecas.
4 Abril, 2006 (19:42) | Autores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil | 1 comment
Rabudo fíxolle unha interesante entrevista a Agustín Fernández Paz, quen acaba de publicar Corredores de sombra, un thriller moral de lectura engaiolante. Agustín ofrece aos lectores, seguramente, a súa novela máis traballada e conseguida, con moitos niveis de lectura, momentos de gran tensión e unha proposta de reflexión complexa. A indagación sobre a orixe dun crime leva á xove protagonista a esculcar no seu pasado familiar, determinado polos acontecementos da represión nos días do Alzamento, e a modificar, dende entón, o seu xeito de encarar a vida. Esta novela memorable, que recomendo vivamente, semella pechar a súa triloxía da memoria, formada ademais por “As sombras do faro“, Noite de voraces sombras.
Corredores de sombras será axiña publicada en castelán, formando parte , con outras tres novelas, da BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. Todo un orgullo para a nosa literatura.
3 Abril, 2006 (20:42) | Narrativa, Novidades, Xerais | 3 comments

Hoxe finalizamos a edición de
Home sen nome, a nova novela de Suso de Toro. Estará nas librarías a principios do vindeiro mes de maio e presentarémola en Santiago o día 9, en Vigo o 10 e na Coruña o 11 do mesmo mes. Teño a impresión de que Suso, despois de vinte e cinco libros publicados, acumulou e densificou toda a súa experiencia como escritor para ofrecer un libro memorable. Tecnicamente está moi traballado, xogando con dúas voces en primeira persoa (unha delas desdobrada en dous rexistros diferenciados, un para un monólogo interior e outra para o texto memorialístico soñado), outra voz en segunda (a recuperación do personaxe de
Nano), voces as tres que se van intercalando con diálogos en estilo directo, entre os dous protagonistas, os enfermeiros e unha guionista, auténtica Sibila da novela. A textura da prosa acada momentos poéticos de grande beleza e o conxunto da novela achégase á forma dun drama relixioso ou autosacramental. Sobre os temas e o inicio da trama escribín esta tarde un paratexto que pode dar unha idea do camiño que se lle propón ao lector nesta poderosa novela de 400 páxinas:

Nano, encamado no cuarto dun hospital, acompaña durante dous días a un vello terminal, só, entubado e consumido fisicamente. O vello, un home sen nome, un enigma invadido polas lembranzas, entre o delirio e o soño provocados pola medicación, enunciará o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai; a presenza da sombra do seu irmán xemelgo; o seu paso por aquel Berlín, onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou e onde coñezou a figuras como Lois Tobío; o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos (como o de Ánxel Casal ou Xoán Xosé González), torturas e violacións e as súas razóns para facelos…
Empregando formas achegadas ao drama, Suso de Toro ofrece a súa obra literaria máis ambiciosa: un relato de ficción intenso e emotivo onde pairan como teón de fondo os acontecementos da represión en Galicia durante os días do alzamento e os anos da posguerra. Unha reflexión perturbadora sobre a memoria que deita a mirada dun dos verdugos. Unha novela que procura as palabras necesarias que expresen e absolvan tanta dor afogada.
Esta foto de Vari Caramés será o motivo da portada.
2 Abril, 2006 (15:43) | Narrativa, Novidades, Xerais | 6 comments
Efectivamente, hoxe se desvelou o
título definitivo da
novela.