Vidas exemplares, a presentación.
O martes 5, as 20:00 horas presentaremos Vidas exemplares de Uxía Casal no Bar Plaza de Ribeira. Estades convidados, xente do Barbanza.
Notas do traballo de edición. Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia
O martes 5, as 20:00 horas presentaremos Vidas exemplares de Uxía Casal no Bar Plaza de Ribeira. Estades convidados, xente do Barbanza.
Carrilanos, o documental de Rafael Cid sobre a epopea dos traballadores da vía, acaba de recibir un novo premio: á mellor obra de documentais longas do Extrema ´doc Festival de Cine Documental de Extremadura. Este galardón, que mañá recollerá en Cáceres o autor verinés, únese á longa relación de recoñecementos da obra: Mención Especial do Xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o Primeiro Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, o Premio de Comunicación Francisco de Cossío de Castela e León e o Premio Galicia de Comunicación 2004 ao mellor labor de comunicación en televisión. Recoñecemento, tamén dos lectores e espectadores que nos obrigaron a facer unha segunda edición do libro e DVD e a continuar a súa xeira de presentacións polo país: o 14 de decembro na Coruña (da man do Ateneo Republicano de Galicia) e o 15 na Galería Sargadelos de Monforte.
Un bo amigo, ao fío da miña anotación de hai dous días, recórdame por correo electrónico a primeira crítica aparecida de Blúmsdei, preparada por Camilo Franco e aparecida no suplemento Culturas de La Voz (é unha mágoa que só se poida consultar en PDF) o 24 de xuño deste ano. Trátase dun texto crítico moi lúcido que amosa a relevancia da máis recente novela do noso Salinger. Reprodúzoo na súa totalidade polo que entendo gran interese:“Sería moi cómodo interpretar Blúmsdei pola súa superficie, dialéctica. Polo seu carácter discursivo ou pola aparente eliminación de convencións que implican por igual aos métodos narrativos e ao sucederse das ideas. Sería rebuscado interpretalo estudando profundidades para levarlle a contraria ao autor porque de superficie e de fondo o último libro de Cid Cabido é un exercicio de literatura que disimula a exposición pero non a súa profundidade.
En moitos sentidos este libro é o da construción dunha narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura máis próxima e aquelas que proceden dos seus entornos socializantes. En certo sentido, de tanto esquivar modelos estetizantes, de construción politicamente correcta ou mesmo de acabado académico, Cid Cabido, afonda no coloquial como forma de prevención de calquera modo de esclerose formal.
As árbores que constante move o escritor diante dos ollos lectores chaman polo bosque das circunstancias: as do escritor seriamente apeado do pedestal da autoridade moral, a da memoria inevitablemente ameazada polas lagoas, a da perversión histórica das relacións entre o narrador e mais o lector e algunhas outras circunstancias que imos chamar menores para que ninguén pense que confundimos vida con obra e que Cid Cabido decide descolocar polo método de colocalas xusto no lugar que lle corresponde.
Xoga coa lingua e coa linguaxe e mesmo xoga coa idea dunha cultura excesivamente dependente da súa capacidade memorística. Por baixo da aparentemente inmediata organización coloquial do texto, por entre a aparencia anárquica da relación co lector, van aparecendo argumentos pouco dados á frivolización. E pode parecer que Cabido frivoliza coas formas, pero en absoluto cos argumentos. Sobre a dobre vía o autor de Días contados, vai sinalando sen demasiadas concesións algúns dos paradoxos aos que estamos sometidos desde o aquí e desde o agora. Desde a asunción da condición de escritores que escriben para entre eles ata a relativización da importancia do feito artístico. Son argumentos non chegan ao lector pola vía do apostolado intelectual, do enunciado filosófico senón desde a operatividade narrativa. En fin hai moitos anos que deberiamos ter obviado o debate entre acción e narración e non deixarse seducir por cousas tan peregrinas.
No texto de Cid Cabido pasan cousas, todas elas desde unha rememoración case automática, como se a memoria fose unha extremidade orgánica que colga de nós pero con certa autonomía. Pasan cousas que un lector pode calcular que forman parte do cotián e quizais non se equivoque, pero a intención é ir do particular ao xeral. Todo está ligado. Mesmo ese permanente xogo de ir adiando o suposto motivo literario do texto é outra indicación de que a literatura é algo residual fronte as dimensións da vida. Pero se a explicación queda excesiva quizais chegue con dicir que Cid Cabido non parece moi decidido a afortalar aquelas actitudes nas que, en sentidos diversos, se acaba por sacralizar o papel do escritor. Por iso o libro é, en realidade, unha narración dunha exactitude vital: como un humano mirado desde a lente do microscopio”. Camilo FrancoEtiquetas: Cid_Cabido, Camilo_Franco,
Sei por Pawley da aparición hoxe na rede de Sonotone, unha revista galega (de actualización semanal) sobre música na que tamén terán cabida outras disciplinas como o cine e a literatura. Nesta primeira entrega no apartado de libros aparecen reseñas de ¡Viva o Fu Remol!, Éxodo e dz ou o libro de esperma. Ten moi boa pinta (tanto o deseño como os contidos): novas tendencias e moito onde aprender e sorprendernos (os que non pertencemos á xeración agromante). Seguirémola.
Blúmsdei de Cid Cabido foi a obra gañadora do Premio Táboa Redonda ao mellor Libro Galego do ano 2006, outorgado entre os seus lectores polo Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. A pesar de que esta novela non foi nin presentada en actos públicos nin apareceron entrevistas ningunhas nos medios, por desexo do seu autor, semella que, aínda así, puido abrirse unha fenda no interese e no apoio dos lectores. Ata agora foron escasas as referencias críticas aparecidas, coa excepción, que coñezamos nós, dos textos de Syldabija e Manuel Rodríguez Alonso. Agardamos que este recoñecemento axude a visibilizar unha obra que, afastándose das convencións da narrativa de ficción clásica, empregando a adxetivación especular ou simétrica e os constantes cambios de rexistro idiomático, aposta por liñas de literatura de investigación. Beizóns para Cid Cabido.
Non podo negar que estou moi satisfeito da aparición das primeiras críticas que están recibindo as tres obras gañadoras dos nosos premios deste ano:
A aparición das primeiras valoracións das obras que publicamos é un momento importante do proceso de edición, tanto para o autor como para o editor. A partir dese momento é cando podemos afirmar que os libros o son. Mágoa que existan aínda tan poucos espazos para a crítica literaria, especialmente nos medios analóxicos impresos. Son vitais para podermos existir.
“Orientar ao lector, manter o nivel sociocultural da súa contorna, crear 0 contacto entre o pensamento e os lectores; estimular a curiosidade; suxerir lecturas, convidar á formación de novos lectores; vender e mantenerse; crear emprego estable e decente, impulsar a lectura e a beleza; ser o primeiro interlocutor entre a sociedade e o mundo editorial, e exercer o papel de barómetro cultural e literario, ademais de vender libros, claro”.
(Jordi Nadal y Paco García, Libros o velocidad ; Fondo de Cultura Económica, pag. 57)
Vía: Txetxu Barandiarán
EMPATIÑO
O adestrador aragonés Víctor Fernández –o inesquecible inspirador daquel engaiolante Celta de fantasía– na súa volta ao banco non perdeu as mañas e foi a polo partido dende o seu inicio: fixéronlle falta só seis minutos para que os seus se puxeran comodamente por diante no marcador grazas a un remate do perigoso Diego Milito, moi facilitado, tras un córner sacado en curto, por outro erro clamoroso da marcaxe celeste (xa un auténtico “clásico” da defensa viguesa nesta tempada). A pesar de que os zaragocistas quedaron mermados coa prematura expulsión de Zapater, os celestes non foron capaces de encarar o seu xogo coa convicción necesaria para acadar a vitoria. É certo que algúns xogadores como Jonathan Aspas empuxaron moito, como o é, tamén, que os celestes monologaron cansinamente co control da pelota no centro do campo, mais nunca foron capaces de destrabar o seu xogo de ataque tan escasamente creativo como ineficaz no remate (o gol de Baiano chegou tras unha cantada típica de César). Tampouco estivo máis fino Fernando Vázquez na dirección técnica do equipo: a pesar de estar en superioridade numérica, dende o primeiro cuarto de hora da primeira parte, non modificou nin unha miga o seu esquema de xogo; mantivo teimosamente a un Nené, que nin desborda nin defende e adiou de máis a entrada de Jorge Larena, un xogador que, polo menos, sempre permite ensaiar outras posibilidades atacantes cando Cannobio non ten o seu mellor día. Tal como transcorreron as cousas, o empatiño sóubonos a gloria xa que, a pesar de que o Celta non gaña na casa dende hai case mes e medio, por fin conseguiu puntuar. Agardamos que sexa o inicio dunha tendencia máis positiva e ilusionante para os sufridos afeccionados que aínda acudimos a Balaídos.
A próxima pastoral da Conferencia Episcopal, na que se aliña co Partido Popular amosándose contraria a negociación con ETA, reclamando o “recto funcionamento” das institucións democráticas (sic) e na que critica ao que chama “laicismo radical” pola súas posicións sobre a recuperación da memoria histórica (a min gústame máis o termo “republicana”), amosa a prepotencia da igrexa católica e a súa certeza de que no marco político actual non vai a perder nin un ápice dos seus privilexios.Actualización (27-11-2006): Recomendo este texto de Juan: Máis laicismo.
As páxinas en galego de El Pais estréanse cunha reportaxe sobre “unha ducia de novísimos da literatura galega”. É moi de valorar esta iniciativa (ata agora inédita na nosa prensa analóxica) de facer visible a este grupo xeracional de poetas, narradores e narradoras dispostos a renovar a literatura galega. Unha reportaxe (mágoa que non se publique a magnífica foto que aparece na edición impresa) de lectura recomendable, como, en xeral, o resto das páxinas e dos artigos deste “suplemento cultural” que aparecerá todos os venres. Algo semella que empezamos gañando co esforzo dese profesional coraxudo chamado Félix Monteira.
Álvaro Cunqueiro e Chano Piñeiro viviron a súa nenez entre os albarelos, os botes e as botellas de porcelana das boticas dos seus pais. Quizais por andar enredando entre aquelas fermosas pezas cerámicas de Manises, que contiñan principios activos da farmacopea tradicional, os dous adquiriron unha capacidade xenial e única para dispensar ficcións, para inventar novos mundos ou a velos dende o outro lado do espello. Don Álvaro Cunqueiro escribiu que “soñar é necesario para soportar a aspereza da vida cotiá, e perder o tesouro dos ensoños era perder o máis grande dos tesouros”. Chano Piñeiro, aquel fraquiño boticario do noso barrio, procurou ao longo dos seus corenta anos de vida ese tesouro valioso do que falaba o seu querido don Álvaro.
Chano Piñeiro foi un creador de ficcións, sexa literarias, sexa audiovisuais. Ficcións que foron un espello da vida, que tiñan a imaxinación e a memoria como elementos desencadenantes, e a palabra e a imaxe como elementos constitutivos. Onte na entrega dos Premios Chano Piñeiro volveu recordarse esta débeda que mantemos con quen nos axudou a soportar a aspereza da cotidianidade. Obrigados de corazón, Chano, polas túas ficcións.
Para celebrar a presentación da Guía de viños e augardentes 2006-2007, convidáronnos a unha botella de “Danza”, un espumoso de Valdeorras, que non aparece na guía (non ten D.O), das Adegas Día e Noite que rexe o noso amigo Pepe Rodríguez. “Danza” é un cova –ollo: nin un cava nin un champán– cunha burbulla aínda un pouco grosa, que dá, porén, godello e sabor inequívoco a mazá. Etiquetado en galego e cunha tipografía dificilmente lexible (no entanto cunha moi boa presentación), anúnciase como “Danza é ledicia, danza é maxia”. Este cova tan interesante, aparecido no mercado para este Nadal, foi unha sorpresa moi agradable. Agardamos a nota de cata do mestre Paadín. Convido a probalo sen prexuízos, esquecéndose daquel horrible “Fin de siglo” da pasada década. Outro paso importante para os viños galegos.
«O encaixe roto» é o título dun conto escrito hai cen anos por Emilia Pardo Bazán, traducido por María Xosé Queizán dentro do volume Fenda, loucura e morte. Micaelita Aránguiz, unha rapaza da alta sociedade, rompendo todas as convencións sociais do seu tempo, decide cando o bispo lle preguntou se recibía a Bernardo por esposo, soltar un «non» tan claro como enérxico. Camiño do altar engancháraselle o valiosísimo volante de encaixe que pertencera á familia do noivo, unha auténtica marabilla! A noiva, ademais de comprobar decepcionada o retallo sobre o delicadísimo labor, observou a cara de Bernardo contraída e desfigurada por unha irritación vivísima e naquel instante fugaz –conta dona Emilia– «alzouse un pano, e detrás apareceu espida unha alma». Aquela expresión de ira, dureza e menosprezo, permitiulle a moza, nun momento de lucidez, librarse do destino que lle estaba reservado, negándose a seguilo.
Dona Emilia, observadora intelixente e audaz, incansable batalladora da causa feminista, denuncia con grande lucidez, neste relato o dereito da muller a decidir o seu propio destino e a acceder en igualde de condicións cos varóns a todos os ámbitos da vida pública. Despois de cen anos de loita feminista, ninguén é capaz de deter a maior revolución deste século que remata, a da paridade entre homes e mulleres. A pesar da igualdade formal acadada nas sociedades occidentais e a relevancia da muller no sistema educativo actual, aínda son moitos os obstáculos existentes que impiden falar dunha igualdade verdadeiramente real; obstáculos que atinxen tanto ao ámbito da vida privada como da pública, dicotomía onde reside a orixe de todas as desigualdades que oprimiron á muller.
Neste século modificáronse moito as leis, pero moito menos os costumes e a vida cotiá. Hoxe as mulleres soportan, entre a esperanza e o desacougo, unha dobre xornada de traballo, doméstica e profesional, ocupándose case en exclusiva do coidado dos fillos, dos vellos ou dos enfermos. A auténtica igualdade de oportunidades non existe no mundo do traballo, onde os máis baixos niveis salariais e os máis altos de desemprego castigan sempre as mulleres e onde son moitos os obstáculos de todo tipo que teñen que franquear para acadar un nivel paritario de participación nos órganos de decisión das empresas e institucións. A violencia sobre as mulleres segue sendo unha constante que non mellora co paso dos anos, un fenómeno con cifras espeluznantes: no mundo entre o 10% e o 40% das mulleres sofren algún tipo de violencia, dende a mutilación xenital ao tráfico de adolescentes; en España morre cada semana unha muller vítima de malos tratos. Violencia que constitúe un auténtico terrorismo de xénero, un verdadeiro problema de Estado, que amosa ás claras e con contundencia que a muller continúa a ser considerada máis como obxecto que como suxeito.
Avanzada xa a primeira década do novo século será necesario acometer a revolución pendente do xénero: transformando as actitudes e os comportamentos de homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, feminizando aos homes e por extensión a toda a sociedade, modificando as concepcións actuais do que é público e do que é privado; en definitiva, promovendo un cambio de mirada sobre as nosas formas de vida, tomando conciencia de que hai un estilo ignorado de facer as cousas. Será imprescindible tamén, que os gobernos e os homes nos impliquemos na loita contra a violencia de xénero e na corrección das desigualdades que aínda discriminan e afectan ás mulleres, indo moito máis alá de xestos electorais e cotas de participación máis ou menos efectivas. Hoxe ese encaixe roto, ese momento colectivo de lucidez, esa anticipación dun futuro roubado, é a consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. A causa de toda a sociedade neste Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Crónicas do derbi. Un interesante exercicio de comentario de textos.
É posible a mínima obxectividade en cuestións futbolísticas?
Etiquetas: Fútbol
Tivo interese a mesa redonda na que participamos varios blogueiros no seo das xornadas de Enredad@s. Gustoume moito a intervención de Marcus Fernández que presentou un panorama moi clarificador e completo sobre a situación da Internet en Galicia, propoñendo unha reflexión sobre a nosa fenda dixital (existente sobre todo no mundo rural galego, onde as carencias de infraestruturas son clamorosas) e, ao mesmo tempo, amosando a diversidade e calidade das nosas publicacións electrónicas e soportes de participación social. A intervención de Wicho, coautor de Microsiervos, o blog español máis importante do mundo foi impecable, propia dun mestre blogueiro. A pesar de que xa tiña noticia da súa enorme audiencia, impresionáronme as estatísticas (actualmente sobre 70.000 visitas diarias), a presentación das funcións, que foron engadindo ao longo destes tres anos, e a reflexión sobre o papel dos buscadores no desenvolvemento do blog. Roberto Noguerol reflexionou sobre a funcións de moitos blogs que se limitan a revitalizar noticias que aparecen, xeralmente, na prensa impresa, especulando sobre a posibilidade de que os blogs, vítimas do seu éxito, vaian degradando no futuro o seu papel. José Manuel Lage, o único deputado galego con blog aberto, falou da utilidade dos blogs na participación política e amosou algunhas das experiencias deste tipo, na súa opinión, máis salientables. Por último, eu presentei os temas e as razóns destas brétemas. Cinco intervencións que, grazas á magnífica presentación moi contextualizadora de María Yáñez, contribuíron a debuxar un panorama sobre diversas tendencias e opinións sobre a posición actual dos galegos na rede.
No artigo da semana denuncio, ao abeiro das sesións e conclusións do IIIº Simposio da AGE, a situación carencial das bibliotecas públicas en Galicia, facendo especial mención ás importantes diferenzas existentes entre as dúas maiores cidades galegas e propoñendo a posibilidade de crear un Consorcio Bibliotecario Galego como plataforma de xestión e colaboración entre a Xunta e os concellos.
Hoxe apareceu en Babelia unha crítica sobresaliente da edición en castelán da novela de Rivas. Aledámonos desta recepción tan positiva que coincide coa expresada nos blogs galegos por Martin Pawley, Folerpa, Cesare, O levantador de minas, R.R., ou por críticos como Fernán Vello, Sandra Faginas, Xosé Manuel Eyré, Xulio Valcárcel (mágoa que estas tres últimas non poidamos lelas na rede) e Manuel R. Alonso.
O momento culminante da magnífica conferencia de onte de Pilar Pérez Esteve sobre as “Competencias lingüísticas no marco da Reforma Educativa” foi cando relatou a historia de Gennet Corcuera, a primeira española xordocega que chega á Universidade. Recordou que a estudante comentara nunha entrevista que o momento máis inesquecible da súa vida foi cando “comprendín que cada cousa ten o seu nome, foi coma romper unha cápsula de aceiro”. Poucas veces escoitamos unha referencia máis valiosa para explicar o valor da linguaxe para regular emocións e sentimentos, para entender como a lingua é a mediadora principal de todo tipo de aprendizaxes.
Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.
Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses.
A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.
Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documental A cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.
Hilario Hernández abriu o IIIº Simposio O Libro e a Lectura cunha conferencia traballadísima sobre a situación das Bibliotecas Públicas (BP) en Galicia, con datos referidos a 2004 e 2005.
As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.
Hai tempo que tiña moitas ganas de anunciar a chegada aos andeis das librarías de Vidas exemplares, o libro de relatos de terror de Uxía Casal.
DESFEITA
O fracaso europeo e a vergonzosa eliminación copeira do pasado xoves non agoiraban que se producise onte en Balaidos o inicio da agardada remontada. Comezaron o encontro os celestes moi animados conseguindo sacar catro corners e outras tantas oportunidades na súa primeira xogada de ataque. Mais a medida que foron pasando os minutos, e despois de que un defensa onubense sacase na mesma liña de meta un bo cabezazo de Baiano, o Celta foise desinchando e a primeira parte concluíu de forma soporífera. Coa reanudación chegou decontado o primeiro gol do Recreativo (ata entón pouco máis fixera que defenderse de forma ordenada), a balón parado e dende a banda dereita (nunha xogada moi semellante a que provocou a derrota co Alavés). Foron os sete minutos posteriores de absoluto desconcerto, cando o Celta vagaba desorientado polo campo como un boxeador noqueado, os que mellor aproveitaron os andaluces para sentenciar o encontro: unha fatal perda de balón de Iriney (que, inexplicablemente, carecía de cobertura) permitiu a galopada en solitario de Uche que soubo gañarlle a cintura a Pinto e marcar a porta baleira. Unha desfeita. Non abondaron as saídas de Perera e Larena, nin sequera a bonita combinación de toda a dianteira, que concluíu no gol de Guayre, para culminar unha remontada que os celestes nunca mereceron. Moito terá que reflexionar Fernando Vázquez sobre cáles son as razóns destas decepcionantes actuacións do equipo en Balaídos (catro derrotas de cinco encontros). Urxe poñerlle remedio eficaz á falta de concentración defensiva, á incapacidade para tomar decisións atacantes valiosas ou a ese desequilibrio entre o xogo das bandas e os espazos centrais que fan deste Celta de Balaídos un equipo tan endeble. Unha ondada de melancolía percibíase na saída do estadio.
Eis o novo buscador de Microsoft. A interface en flash é simpática, aínda que o buscador é lentísimo e a lectura e acceso das buscas complexa. Apúntome aos comentarios de Vanesa. Con todo, sinala unha tendencia…
Quen teña interese en experimentar con outros buscadores, o Chacha non está mal para atopar contidos, sobre todo, en inglés (mesmo ten a posibilidade de buscas titorizadas). Semella que no futuro non todo vai ser premer en Google.
No artigo da semana analizo os contidos do recente Informe Ardora 2006 de prospectiva sobre Vigo e a súa Área Metropolitana.
A lingua das bolboretas, a película de José Luís Cuerda que recrea textos de ¿Qué me queres amor? é unha película que consegue emocionar, xa que tras os ollos de Monchiño –o Pardal de seis anos que foxe do seu niño familiar da man de don Gregorio, o mestre a piques de se xubilar que lle aprende a importancia do silencio e da lectura– vemos un mundo que se desintegra moralmente, por mor da intolerancia e do fanatismo relixioso. Don Gregorio representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta.
Na escola das bolboretas non se pegaba, nin o mestre berraba. Non había vara de vimbio para azoutar a aqueles que non sabían. Moi ó contrario, don Gregorio sempre sorría coa súa cara de sapo e empregaba as súas verbas –agarimosas, sedutoras e entusiastas– coma poderosas lentes que achegaban aquilo que estaba tan lonxe. Verbas lentes que permitían coñecer o tilonorrinco, un paxaro que vivía en Australia e pintaba de cores o seu niño cunha especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Verbas lentes coas que os rapaces descubrían que as patacas e o millo viñeran de América e coas que viaxaban sobre o mapamundi coa mesma fascinación dunha película. Cando don Gregorio se anoxaba, calaba buscando nese silencio prolongado, desacougante, que os seus alumnos sentisen como eles mesmos eran os que debían buscar a solución ao seu conflito. Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública.
Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas.
Os sublevados axiña puxeron fin a esperanza educativa republicana e abriron un período de mortes, encadeamentos, castigos e exilios, que afectaron grave e negativamente aos corpos docentes en toda España e así tamén en Galicia. Desde os primeiros momentos de iniciado o golpe militar, e alí onde triunfaba, púxose en marcha a maquinaria represiva sobre o profesorado, ditándose en pouco tempo distintas medidas sinalando o alcance da depuración de condutas políticas e sociais consideradas punibles polo novo Réxime. Todo o profesorado (e mesmo o alumnado das escolas de maxisterio do curso 1935-36) foi sometido a expedientes de depuración, isto é a expedientes informativos que contemplaban, a través das opinións e escritos de diversos informantes (especialmente do sector eclesiástico), o comportamento político, moral e profesional de cada un no tempo da IIª República. O tipo de cargos sometidos a sanción cubría unha extensa nómina: militancia en organizacións afectas á IIª República, nacionalismo/separatismo catalán, vasco ou galego, simpatías de esquerda, irrelixiosidade, pertenza á masonería, conduta privada inmoral, etc., derivándose do anterior as diversas resolucións: dende a confirmación no cargo, ata posibles sancións que supuxeron o cese total para case 700 profesores galegos (o que para moitos deles supuxo intentar o camiño do exilio cara América ou do exilio interior), para outros tantos a suspensión de emprego parcial ou traslado de localidade e para máis de sesicentos sancións económicas.
Vía Txetxu coñezo Casa das letras, o blog da Libraría Gráficas Santiago de Ribadeo. Que eu coñeza, coa excepción dos espazos webs de Andel, Couceiro de Santiago e Trazos (con vendas online) este é o primeiro blog dunha libraría galega, un feito que cremos debe ser salientada. Esta veterana libraría da Mariña (tamén un centro de actividades culturais) foi recoñecida este ano co Premio Irmandade do Libro polo seu labor que, agora, dá un paso ao espazo electrónico. O blog inclúe fundamentalmente reseñas de novidades e noticias de autores (interesantísima a crónica da homenaxe a Suso Peña). Este blog é de indubidable interese, aínda que se bota en falta unha maior presenza do galego e, sequera, algunha referencia ás bitacoras culturais galegas.
Con novo deseño (beta-blogger) e contidos moi completos volve o seu ritmo de publicación Cabrafanada, o cosmocaderno de Fran Alonso, un dos blogs pioneiros do blogomillo (a pesar de que algúns afirman que xa non existe). No blogrol proporciona moita información de todos os seus libros (un arquivo indispensable). Recomendo a lectura do seu post sobre Cartas de amor, o libro de relatos que acaba de chegar esta semana do prelo (un texto tan perturbador como enchido de tenrura en todas estas páxinas protagonizadas por voces femininas).
Moito pulo, Fran, e sorte cos caídas de luz!
Vieiros confirma hoxe un ruxe-ruxe, que coñeciamos dende hai unhas semanas, sobre a intención do Goberno Galego de aprobar un decreto que estableza que a partir do vindeiro curso, coincidindo coa implantación dos novos currícula, serán impartidas en galego a metade das áreas da ESO. O Goberno Galego poñería así en marcha unha das medidas educativas fundamentais previstas no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004. Ata agora na ESO, como mínimo, debían impartirse en galego as áreas de Xeografía e Historia e de Ciencias da Natureza (incluíndo a Bioloxía e Xeoloxía e a Física e Química), feito incumprido en grande número de centros como teñen denunciado de forma reiterada a Mesa pola Normalización Lingüística e como amosan de forma contundente as estatísticas das investigacións sociolingüísticas.
A medida que se pretende aprobar, a pesar de que chega tarde, pode ser fundamental para revitalizar a ranqueante galeguización educativa. A utilización do galego como lingua vehicular en áreas como Matemáticas, Música ou Tecnoloxía (lembremos que o alumnado da ESO conta ata 11 áreas, o que suporía que canto menos en galego deberían impartirse cinco ou seis) é imprescindible para acadar o obxectivo establecido pola Lei de Normalización de 1983, de acadar unha competencia equilibrada en galego e castelán, tanto oral como escrita, de todo o alumnado ao remate da escolarización obrigatoria (daquela 8º de EXB). Posición que foi moi ben matizada polo documento de NEG, Modelo de Normalización Lingüística para o Ensino (elaborado en 1988 e revisado dez anos despois), que propoñía a necesidade dun punto terminal normalizador (situado aos 12 anos, ao remate da Educación Primaria) a partir do que se deberían impartir todas ás áreas na nosa lingua.
A utilización do galego como lingua vehicular na metade das áreas da ESO, sen ser o obxectivo que defendemos, constitúe un importante avance no proceso normalizador. Unha medida que para ser exitosa precisa dunha coidada estratexia de comunicación e formación entre o profesorado (para vencer algunhas resistencias, que sabemos as hai), ao tempo que unha firme vontade de velar polo seu cumprimento por parte das autoridades educativas (desde a Inspección ata as Delegacións Provinciais), precisamente o que fallou no famoso “Decreto Regueiro“.
Esta medida debe ir amparada, ademais, por unha recuperación do pulo galeguizador dentro dos centros e da súa comunidade educativa. Como ben sinala Marcos precisamos en todos os centros de Axentes da causa do galego, papel que hai vinte anos desempeñaron nos centros de EXB os “habilitados de galego” e, logo, os membros dos Equipos de Normalización Lingüística. Esa atmosfera propicia e en positivo para a lingua nosa pode ser o mellor acicate para o éxito da medida que se anuncia. Agardamos pola súa concreción normativa para valorar aspectos máis miúdos da medida.
Hoxe presentamos Materia de Lucrecio, o poemario máis recente de Xabier Paz. Creo que este poemario materialista sorprenderá xa que fose de a mantenta de calquera asombro íntimo para propoñer ao lector unha indagación sobre o sentido da vida no cosmos e no universo. Tanto pola súa temática, como pola súa expresión prosaica e a súa intención explícita de abordar a literatura (a poesía neste caso) como unha forma de coñecemento é un poemario moi pouco ao uso no actual panorama da poesía galega. Lucrecio, o poeta romano autor de rerum natura, pretendía afondar na natureza das cousas, representando o cosmos como un conxunto fortuíto de átomos que se moven no baleiro; el foi o primeiro materialista (“Se existen deuses, estes no interveñen nos asuntos dos mortais” deixou escrito), Eis sobre esa materia de Lucrecio, Xavier Paz ofrece un poemario que nos ensina e nos interroga como a Teoría das Cordas.
Na súa intervención Vitor Vaqueiro cualificou o libro como “un esforzo extraordinario, meritorio, extraordinariamente positivo”. Considerouno como “poesía materialista, didáctica, no sentido máis noble do termo”. Engadiu que “partindo de nocións abstractas, complexas, fainos reparar na existencia da conciencia, nesa inmesa traxectoria que vai do quark ao quásar“. Rematou sinalando que lle parecía moi interesante que ademais presentase os temas da morte e da eternidade da materia. “Un libro extremadamente lúcido e preciso”.
Xabier Paz comezou a súa intervención sinalando que entende o coñecemento como a base da hominización, “o coñecemento é o que nos construíu”. Sinalou que quixo facer unha homenaxe Lucrecio, discípulo de Epicuro, por que combatiu os medos á morte e ao futuro. “O meu proxecto foi intentar explicarme a min mesmo o sentido da vida. Creo que a vida é un efecto ventureiro do acontecer da materia”. Empregando a teoría da termodinámica e o concepto de entropía, reflexionou sobre as consecuencias de que na vida todo tende ao arrefecemento (unha das palabras claves do libro): “do que se trata na vida é de manter a orde, de aumentar a complexidade”. Continuou explicando que considera a creación artística como unha forma de aumentar o coñecemento, de aumentar a conciencia de nós mesmos e do mundo. “A arte debe engadir algo a esa tendencia á desorde”. Rematou a súa intervención, antes de ler unha escolma dos seus poemas, afirmando que “o progreso só se pode dar a través do coñecemento”.
Bromera celebra esta semana os seus primeiros vinte anos de edición en catalán. O proxecto de Josep Gregori –modelo de editor culto, imaxinativo culto e discreto (como ten que ser)– foi consolidándose devagariño ata converterse nunha referente da nosa edición cultural e educativa, ao tempo que no primeiro editor do País Valenciano.
O modélico traballo de Gregori e do seu equipo (con Joan Garles Girbés na responsabilidade de responsable de edición) demostra que a edición cultural é unha conversa permanente coa nosa contemporaneidade ao servizo dunha cultura e dunha lingua; un feito ou unha fantasía, aínda máis trascendente, cando se publica contracorrente nunha lingua minorizada como as nosas.
A literatura e a edición galega débelle agradecemento aos moitos servizos que a xente de Bromera rendeu á visibilidade da nosa literatura en catalán. Eles foron os primeiros que traduciron a autores galegos como Carlos Casares; foron, tamén, os primeiros que acreditaron en catalán na obra de Agustín Fernández Paz (dende entón un dos máis importantes autores da editorial), Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire ou Xabier P. Docampo e, máis recentemente os que apostaron polos libros máis recentes de Suso de Toro, ou Marilar Aleixandre. Toda unha proeza.
Ademais Bromera facilitounos a edición dalgúns dos seus títulos para traducilos para o galego e colaborou connosco na edición concertada de proxectos infantís como as coleccións Paseniño ou Andavía, un modelo de xestión e creación editorial que permite ofrecer libros moi xeitosos (preparados por autores e ilustradores procedentes dos diversos países da Galeuscat) a calidades e prezos moi competitivos.
Celebramos o éxito de Bromera (eses mil títulos editados e cinco millóns de exemplares vendidos) co mesmo entusiasmo ca se se tratase dun éxito propio na medida que nos sentimos partícipes do seu concepto de edición cultural. Beizóns e longa vida de libros para BROMERA (que por certo significa “escuma”!!!).
O vindeiro 17 de novembro estréase A cidade perdida, un documental que pretende pór en valor a arquitectura industrial destruída da cidade de Vigo. Edificios como a Panificadora, Cerámicas Santa Clara ou La Artística son emblemas industriais que non nos poden ser roubados. Beizóns para este esforzo de recuperación da nosa memoria. Agardamos con expectación esta proxección.
A implantación do novo sistema de prezos libres aos libros de texto do ensino obrigatorio provocará moitas incertezas. Sen dúbida é un paso adiante a desaparición da política dos descontos, mais esta lei non parece resolver o problema da competencia entre a libraría e as grandes superficies que aumentaron a súa circulación anunciando os descontos (os estudos de mercado sinalan que incrementaron de forma espectacular a súa cota de mercado mercede a este sistema). Por último, non parecen moi oportunas as declaracións da Ministra de Cultura argumentando que os libreiros e os editores recibirán compensacións pola implantación deste novo sistema. Invertir 48o millóns de euros en dez anos en dotacións de bibliotecas escolares e públicas non é compensación ningunha ao sector do libro, e, si pola contra, cumprir unha obriga do Goberno e das Comunidades Autónomas en invertir en lectura pública, eido onde presentamos unhas carencias clamorosas con respecto aos países do noso entorno.
Así están as cousas.
Hoxe aparece a primeira crítica sobre a última novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2006 de literatura xuvenil. A crítica de Isabel Soto é moi boa, chamando á lectura:“En definitiva, o conxunto conforma unha suxestiva historia que ha espertar a curiosidade do lector pola súa lograda construción e a intelixente dosificación de elementos reais, ao servizo das necesidades ficcionais (comunidades hippies e nazis en Galicia, inversión de papeis, o pasado do avó e a súa decisión de morrer canda as súas lembranzas, a funcionalidade da cineasta alemá, os presupostos nazis ante os que tomar partido, a actitude do sinistro profesor Robles…). Engadamos a axeitada combinación de ritmo e intriga, o acerto no ton narrativo, a prosa áxil e a naturalidade dos diálogos, e teremos como resultado unha narración á que lle auguramos éxito entre os lectores”.
A Cova das Vacas Mortas presentarase nas próximas semanas (anunciaremos data axiña), coincidindo coa apertura da nova Biblioteca da Fundación Caixa Galicia en Compostela. Logo, temos previsto unha presentación virtual da novela, con presenza de blogueiros en Vigo (quen queira apuntarse que mo faga saber), ademais da apertura dun sitio web específico da obra (quedou moi xeitoso).
Hoxe, tamén, pechamos o compromiso da edición de Salitre (xa vai na 4ª edición) en castelán, o que constitúe un feito moi a salientar.
Non hai dúbida de que este mes de novembro vai ser moi rico en Galicia na celebración de encontros e debates arredor da lectura e do papel da bibliotecas.
Souben hoxe da celebración do Iº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia, promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, os días 10 e 11 de novembro en Compostela. Están previstas importantes conferencias como as de José Antonio Marina, Javier Celaya, Emili Teixidor ou Manuel Rivas, persoas todas as que moito admiramos nestas brétemas. Estes encontros realizaranse a semana anterior a celebración do IIIº Simposium O Libro e a Lectura (Bibliotecas, Lectura e Edición) e das Xornadas sobre Mocidade e Internet (Enredad@s). Tres programas ben interesantes para promover a revolución lectora, tan de actualidade estes días.
A aparición das nosas edicións recentes de Arquitectura popular en Galicia (en galego e castelán) suscita unha interesante entrevista con Pedro de Llano. Este volume agora moi ampliado e actualizado, un auténtico clásico (editado por vez primeira polo COAG hai vinte anos), propón unha mirada sobre a integración da nosa arquitectura tradicional na paisaxe.
Inevitablemente, tal como foron as cousas nestas dúas décadas (coa reconversión demográfica do mundo rural galego), as opinións do autor non poden ser máis pesimistas: “Estamos ante a morte dunha orde natural eterna, onde a arquitectura estaba perfectamente integrada na paisaxe natural. Ante esta violentación, como nunha cadea de atentados, estamos vendo como Galicia se vai convertendo nun vertedoiro de operacións cheas de ignorancia de todo tipo”.
A entrevista remata coas opinións de Pedro de Llano sobre a Cidade da Cultura e a actual política do bipartito: “A destrución segue avanzando e o que máis me enfurece –mesmo ‘sufro’– é ver un goberno malversando o noso patrimonio económico para construír a Cidade da Cultura que, todo hai que dicilo, é unha moi mala arquitectura. Somos moitos os galegos que nos sentimos agredidos coa política que o noso goberno está a seguir. As obras do Monte Gaiás, ademais, van deixar unha cultura escuálida, nunha situación horrenda, porque traga un terzo do presuposto total da área. Iso é realmente a concepión que pretendo combater coa miña defensa da arquitectura popular. Están mentindo continuamente e demostrando, día tras día, a súa infinita incultura”.
No artigo da semana, ao abeiro do tempo de Samaín e Magostos, abordo a proposta de conseguir para a Castaña de Galicia unha Indicación Xeográfica de Calidade. Outra forma de abordar a recuperación do noso medio rural.Foto: Fraga de Catasós.
Onte á noite para celebrar a visita do noso curmán brasileiro abrimos a botella de Tostado de Costeira. Unha auténtica marabilla esta recuperación do famoso tostado do Ribeiro (apenas 2.950 botellas numeradas, ollo: 35 euros)!
Recollo a fermosa nota de cata (un xénero descritivo admirable e dificilísimo) do amigo Luís Paadín, o coordinador da nosa Guía de Viños, publicada en Galicia gastronómica:
Límpido e brillante, cor amarela dourada, que lembra o mel multifloral. Intensos e complexos aromas, onde se entremesturan as lembranzas da uva e da crianza, asomos florais (mimosas, azar), nítidas lembranzas de froitos secos (cacao, abelás, noces, améndoas), notas de froitas confeitadas (laranxa, orellóns, uva moscatel), ceras, meles, etc.. Larpeiro, na boca, a sensación melosa da entrada é compensada cun fresco acedume, inundándoa de aromas que, aínda unha vez bebido o néctar, perduran na lembranza. Perfecta harmonía de calidez, dozura e acedume.
Actualización (04-11-2006): Hoxe apareceron numerosas opinións sobre a Lei.
O traballo do editor permíteme viaxar moito polo país sexa para presentar as nosas novidades ou sexa para contactar con autores ou colectivos que nos poidan achegar novos contidos. Unha experiencia que me permite ir coñecendo o tecido asociativo do eido cultural e literario, moito máis dinámico do que, xeralmente, se reflicte nos medios impresos e moito máis valioso do que, tamén xeralmente, recoñecen as diversas administracións (sexan as municipais ou a Consellaría de Cultura). Hoxe a promoción da cultura galega, fundamentalmente nas vilas e comarcas, non se pode concibir sen contar co traballo voluntario e xeneroso dos membros das asociacións culturais, ateneos e liceos recreativos (algúns animadísimos na súa actividade galeguista como os de Ourense ou do Saviñao).
Levo estes días moi mergullado na edición da Guía dos Viños, Augardentes e Bodegas de Galicia 2006-2007 (máis de catro centas páxinas) da Asociación de Sumilleres Gallaecia e que pretendemos presentar coincidindo coa celebración na Coruña do Salón dos Viños e Augardentes de Galicia a finais deste mes de novembro. A verdade que este é un libro fermoso, sobre todo por esa textualidade descritiva que conforman máis de catrocentos notas de cata dunha boa parte da produción vitivinícola galega de 2005. Esta guía, que sacamos por segunda vez, é unha formidable viaxe por Galicia a través dos seus mil viños (ademais duns centos de destilados) e das súas cinco Denominacións de Orixe.
Nas ribeiras onde converxen o Sil e o Miño aparecen de forma case milagreira os nosos viños graníticos, mais lixeiros de corpo, da Ribeira Sacra, procedentes do cultivo “heroico” (sobre socalcos ou “pataos”) das variedades de godello ou mencía. Na conca do Sil, nas terras de Valdeorras, por onde pasaron noutrora as lexións romanas, ofrécense ao viaxeiro as paisaxes das plantacións de godello e mencía, que conformarán viños monovarietais plenos, elegantes, posuídos por intensos arrecendos froiteiros. No val de Monterrei, nas abas regadas polo río Támega, cultívanse as variedades verdello, dona branca e treixadura para os seus brancos e mencía,merenzao e araúxa para os seus harmoniosos tintos de intensa cor morada. Mais os viños toman o nome de “ribeiros”, cando nacen nas beiras do Miño, do Avia e do Arnoia, onde os brancos novos plurivarietais confórmanse coa mestura da treixadura, torrontés ou do loureiro, e os tintos coas de sousón, brancellao ou caíño. Xa nos vales oceánicos do Salnés, do Rosal (á beira, outra volta do pai Miño), do Condado do río Tea ou do Ulla aparecen para a conmovedora contemplación do espectador as terras do albariño (para Cunqueiro “o príncipe dos nosos viños”) ou as fragrancias dos arrecendos das castes loureira, treixadura ou do caíño branco.
Cada unha destas paisaxes, cada un destes microclimas produce, sobre a base de case sesenta clases de uva diferentes, a festa inigualable de cores, arrecendos e sabores dos viños galegos. Por que non podemos falar con propiedade dun “viño galego”, aquí existe unha diversidade complexa de viños, singularidade e diferenza que é, como case sempre sucede en Galicia, a nosa maior riqueza. Asumir como valor esta diversidade, ao tempo que a necesidade de modernizar o proceso de elaboración, presentación e comercialización dos viños foron as dúas claves da auténtica reconversión (revolución, tamén) que, dende hai dúas décadas, se foi producindo na viticultura galega. Os viños nosos recuperaron así a calidade perdida, gañaron prestixio e valor engadido (boa parte constitúen xa un elegante produto de deseño, transformandos nunha auténtica creación cultural) sobre todo entre nós mesmos (case o oitenta por cento do seu mercado é interno, un exercicio de autoestima e patriotismo vitícola sen precedentes noutros eidos). O do viño converteuse así nun sector punteiro e estratéxico de indubidable importancia económica xa que hoxe supón o 10% da produción agraria galega, ocupa a máis de dúas centas mil persoas e as catro centas bodegas, agrupadas en cinco denominacións de orixe, ofrecen máis de sete centas marcas comerciais. Un bo traballo o realizado polos colleiteiros e bodegueiros galegos!
A pesar do moito camiño recuperado, os viños galegos precisan agora dun esforzo colectivo (eis o sentido da edición desta Guía e da celebración deste Salón) e dunha verdadeira estratexia de país para a súa divulgación e promoción no exterior. Velaí a asignatura pendente, a tarefa de futuro para que o elixir de ouro que mellor destila o país dos mil ríos sexa compartido e gozado por cidadáns do mundo enteiro. Saúde!
Vía Libros & Tecnología.
O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d’ O tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.
A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos “contidos transversais”. Os nosos lectores novos precisan “un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos” indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.
O pasado venres comezamos as presentacións dos Premios Xerais 2006. Fomos a Noia a acompañar a Agustín Agra, autor d’ O tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela gañadora do Premio Merlín 2006.
A presentación, organizada coa colaboración de Barbantia (unha asociación cultural inquedísima da que realizaremos un comentario do seu traballo en vindeiros días), constituíu un éxito rotundo de público. O libro foi glosado con moito pulo por Ramón Carredano, gañador da edición anterior e noiés, tamén, como Agra, que sinalou moi acertadamente o carácter fantástico e os moitos logros literarios do relato.
A intervención do autor tivo moita miga, tanto cando desvelou as razóns e o nome das persoas que o levaron a comezar a escrita hai uns anos, como cando expresou (coincidindo co que adiantara Carredano) a súa opinión de que a actual literatura infantil galega precisa de menos didactismo e menos “contidos transversais”. Os nosos lectores novos precisan “un pouco máis de sangue e de substancia ao xeito dos relatos clásicos que limos nós de pequenos” indicou cando rematou a súa fermosa intervención.
A obra gañadora do Merlín deste ano asume sen complexos esta perspectiva, xa que se trata dunha novela, moi ben traballada literariamente, que supón a volta do fantástico e da natureza para a nosa LIX. A oralidade encarnada na figura dun avó; os perigos e misterios dunha cidade asolagada; cofres repletos de ouro, alfaias e outras marabillas; feroces urcos sedentos de sangue que custodian o grandioso pazo do rei son algúns dos elementos temáticos dun relato de estrutura clásica escrito sobre a tea dun imaxinario popular e mítico, con influenzas da materia de Bretaña.
Agustín Agra, gañador do Pedrón de Ouro de hai dous anos e primeiro accésit do mesmo premio o pasado ano (textos que serán publicados nos vindeiros meses) estréase, pois, cunha obra de percorrido. Un novo autor que promete moito.