Chano Piñeiro
Álvaro Cunqueiro e Chano Piñeiro viviron a súa nenez entre os albarelos, os botes e as botellas de porcelana das boticas dos seus pais. Quizais por andar enredando entre aquelas fermosas pezas cerámicas de Manises, que contiñan principios activos da farmacopea tradicional, os dous adquiriron unha capacidade xenial e única para dispensar ficcións, para inventar novos mundos ou a velos dende o outro lado do espello. Don Álvaro Cunqueiro escribiu que “soñar é necesario para soportar a aspereza da vida cotiá, e perder o tesouro dos ensoños era perder o máis grande dos tesouros”. Chano Piñeiro, aquel fraquiño boticario do noso barrio, procurou ao longo dos seus corenta anos de vida ese tesouro valioso do que falaba o seu querido don Álvaro.
Chano non foi só un xenial articulista. Foi un apaixonado do cine que, cunha dedicación teimuda e un talento indubidable, abriu de vez unha nova fenda de modernidade para a nosa cultura: a de entrar a formar parte da ficción audiovisual. Realizador de películas como Os paxaros morren no aire, Eu o tolo, Esperanza e o Camiño das estrelas, Chano será sempre recordado por Mamasunción –a mediametraxe coa que a TVG iniciou as súas emisións cinematográficas en 1985 e que sería recoñecida e valorada internacionalmente– e por Sempre Xonxa –“un verdadeiro fito na historia de Galicia”, como sinala Xoán Acuña, autor do libro Chano Piñeiro. Unha historia do cinema galego–, as súas películas máis signficativas. A noite da estrea de Sempre Xonxa, no mes de novembro de 1989, milleiros de persoas en pé, moitas bagoando, tributáronlle un longuísimo aplauso, que era un agradecemento a un acto heroico: o de realizar a auténtica primeira longametraxe do cine galego; xa tiñamos cine de noso.
Chano Piñeiro foi un creador de ficcións, sexa literarias, sexa audiovisuais. Ficcións que foron un espello da vida, que tiñan a imaxinación e a memoria como elementos desencadenantes, e a palabra e a imaxe como elementos constitutivos. Onte na entrega dos Premios Chano Piñeiro volveu recordarse esta débeda que mantemos con quen nos axudou a soportar a aspereza da cotidianidade. Obrigados de corazón, Chano, polas túas ficcións.
Comentarios
Comment from Anonymous
Date: 25 Novembro 2006, 1:26 p.m.
qué bueno que lo recuerdes, a mí me pareció hasta literario un fax, enviado a su médico desde una ciudad americana. Estaba colgado en un tablón cuando me vine de Madrid,y aunque no lo conocía como cineasta, me llamó la atención( lo consevaban, aunque ya había fallecido)
Ahora sí lo conozco, y el fax no sé donde estará.
abrazos
siloam



Comment from Anonymous
Date: 25 Novembro 2006, 12:35 p.m.
CHANO NON é UN ICONO/POR LUÍS ÁLVAREZ POUSA
De vivir, Chano Piñeiro rexeitaría de plano a liturxia oficial que o está convertindo nun icono irrecoñecible. Hoxe mesmo, vano utilizar como recramo para unha celebración cinematográfica coa que nunca se tería identificado. Os premios que levan o seu nome, e a montaxe que a Secretaría Xeral de Comunicación ideou para escenificar na cidade de Vigo a súa entrega, están deseñados de costas a canto el mesmo defendeu mentres llo permitira a súa corrosiva enfermidade. O cine de emocións e de sentimentos que realizan Cuerda e Amenábar, os premiados nesta primeira edición, fai que teñan méritos sobrados para recibir calquera galardón. Pero non baixo a advocación coa que se fai. Nin baixo un artificioso tinglado de lucerías políticas que, se foi nun comezo producto dunha espontánea e pouco feliz idea do presidente Pérez Touriño, acabou tendo un estrano estaribel da man de Fernando Salgado e dos seus máis inmediatos colaboradores.
Ler o artigo completo en:
http://www.elidealgallego.com/servlet/ContentServer?pagename=OpenMarket/Xcelerate/Render&inifile=futuretense.ini&c=CSINoticias&cid=1164180042241&t=NoticiaCompleta&edicionnav=1028218396342&arglink=nolink