Viascon, o vídeo do ano
Notas do traballo de edición. Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia
No artigo da semana recomendo a visita á exposición instalada na Fundación Caixa Galicia con motivo do centenario da Academia Galega. Sería magnífico que se puideron ler na rede máis contidos (sobre todo as imaxes) desta mostra memorable.
Antón Sobral é o noso vixía do mar. Moi poucos pintores posúen a precisión da súa mirada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña finxida onde as xerfas das ondas debuxan o seu antollo océanos. Nas súas mariñas sen referencias non hai nostalxia nin dramatismo por que as ardentías arrecenden o sabor salgado das gamas dos azuis. Volve a pintura de tenra fondura, a comuñón do ser humano co seu amigo o mar.
Súmome a estes fermosos parabéns (Vía Manolo Gago).
O segundo encontro da selección foi, loxicamente, un chisco menos emotivo que o do debut do pasado ano, aínda que a nivel estritamente de xogo resultou moito máis rico e interesante. O combinado galego, a pesar de non poder contar con algunhas das súas estrelas (Oubiña, Aspas, Salgado ou Cabanas), empurrou cunha calidade e afouteza sorprendentes. Moi ben amparado dende a porta por un segurísimo Diego López e dende o medio da defensa por Rubén (o compostelán fixo un partido espectacular, tanto no corte como nos desprazamentos longos da pelota ao xeito inglés), durante a primeira parte o Mago Viqueira adonouse do medio do campo distribuíndo coa fineza dun artesán; mágoa que as oportunidades, que chegaron de varios centros de Trashorras, non puideran ser aproveitadas (indubidablemente, fáltanos remate). Na segunda, a pesar do gol ecuatoriano (o lanzamento da falta foi espléndido), a entrada do xove Jonathan Pereira (hoxe no Villareal, mais procedente da canteira viguesa do Santa Mariña de Cabral e do propio Celta) e de Diego Castro revolucionaron o partido coa súa capacidade de desborde e caneo. Froito dunha das súas sociedades chegou o merecido gol galego que restablecía o equilibrio dun encontro emocionante e intenso. Cando saímos de Riazor, a maioría dos seareiros non estabamos satisfeitos só polo feito de ter gozado e cantado no noso segundo amigable, se non, e isto é aínda máis importante, por ter comprobado sobre o terreo as moitas posibilidades que atesoura esta nova xeración de valiosos futbolistas galegos, a maior parte emigrantes. Que fan o Celta e o Depor que non tratan de reintegrar para o país a toda esta xente? Que lle ten que envexar Rubén a Tamas ou Jonathan Pereira a Núñez ou Nené? Acaso Viqueira non dirixiría con máis criterio e eficacia ca o están facendo os actuais medio centros do Deportivo? Mouriño e Lendoiro (ou os seus responsables técnicos) deberían tomar boa nota de todos estes nomes. Onte o fútbol –ese deporte que sempre semella representar máis que un xogo con pelota– amosouse, outra vez máis, como espello do imaxinario e do real da sociedade. Galicia segue a producir emigrantes.
Oportunísima a páxina de hoxe de La Voz de Galicia recordando o cuarto aniversario do falecemento de Man de Camelle. É inxustificable o esquezo por parte das institucións públicas galegas (dende a Consellaría de Cultura, a Deputación da Coruña ata o propio concello de Camariñas) dunha figura que simbolizou, como poucas, a comunión do home co mar e a coherencia radical dunha persoa coa súa conciencia. Poñer en valor o legado artístico do seu Museo, como reivindica Xoán Abeleira no seu libro e como esixen os milleiros de asinantes da Iniciativa Man de Camelle, é un acto de estrita xustiza e de autoestima da sociedade galega que se mobilizou contra o chapapote. Man merece non ser esquecido.
Actualización (31-12-2006): A reportaxe de Faro de Vigo.
Os vigueses queremos a rúa do Príncipe por que é a nosa rúa do paseo. Na miña casa, ao pé do Barrio do Cura, identificabámola coa propia cidade. “Imos pasear a Vigo”, diciamos cando baixabamos ao Príncipe. Cando neno devecía por correr diante dos escaparates das longas galerías de La Norma e Tobaris. Pasmaba diante da Papelería La Española. Gostaba entrar nas Galerías Durán, para ver as chilindradas de entroido da Libraría Barrientos e, de paso, botaba un ollo ao expositor do pintor Sanluís, no que lembro tamén tre visto algunha muller semiespida. Pasaba moi a modiño diante das Colonias, unha docería onde nunca entrabamos, e que tiña os escaparates cheos de botellas, para min, moi raras e de pratiños con piñóns, améndoas e outras galdrumadas. Non podía faltar no noso paseo entrar no escaparate de Moya, a xoguetería onde vendían os primeiros “scalestriks” que nunca tiven, nin parar diante do Sport, nin subir as escadas de Galerías Alfredo Romero, onde se mercaban os traxes de primeira comuñón, nin na xastrería Esmar, nin en Zapatos Chavalín, onde sabía que agasallaban os nenos coas pelotas gorila.
Onde si entrabamos moitas veces era en La Favorita no número 46. Sempre foi a miña tenda preferida no Príncipe. Todos os veráns iamos mercar aqueles “campings” azuis co piso de goma Pirelli, ou as “bambas” para facer ximnasia e xogar ao fútbol. Chistábame entrar pola porta da zapataría, pola rúa de Velázquez Moreno, para así poder axexar na ventá da perruquería de Allú, un dos maiores celtistas que coñecín de pequeno. Facía por demorarme nos escaparates e nas vitrinas exteriores, sempre rotuladas a man. Admiraba as vitrinas e os mostradores interiores da mercería, onde expoñían boinas Elósegui, enormes bragas de algodón, medias de cristal, ou os grosos carpíns para os mariñeiros. Engaiolábanme os armariños de bandexas dos carretes de fío de todas as cores de Fabra y Coats. Observaba os centos de caixiñas, perfectamente identificadas, de onde as dependentas, vestidas coa súa bata azul, sacaban botóns, puntillas, fitas, gomas, corchetes, pedraría ou os fíos de perlé de Áncora que mercaba a miña avoa para ganchillar os panos que logo inzaban a casa enteira. La Favorita sempre chea de mulleres bulindo na cola, diante dos mostradores de madeira, unha e outra vez fregada e refregada.
Cos meus mellores desexos nesta noite saudosa para os lectores e lectoras sempre tan xenerosos comigo. Con todos os abrazos.
Coincido con Juan en que Richard Sennet, Zygmunt Bauman e Ulrich Beck son os tres sociólogos claves na análise da sociedade postmoderna. Dos tres a obra que mellor coñezo é a de Sennett, que sigo dende a publicación das traducións en español de La corrosión del carácter e El respeto. Acabo de rematar a lectura a súa máis recente entrega La cultura del nuevo capitalismo, un libro no que sintetiza a súa análise sobre a cultura do traballo no que el denomina “a era da fragmentación”.
Os meus parabéns aos colegas de Galaxia, Cumio e Ediciós do Castro que se uniron para acometer conxuntamente dende a iniciativa privada o importante proxecto da Diciopedia do século XXI.
O INSTANTE DECISIVO
Esta tempada un extraño trasno debe habitar na estragada lameira de Balaídos trabando as botas dos dianteiros celestes e impedindo que se produzan eses instantes decisivos, eses alustros de duración apenas perceptible para os seareiros, que permiten a aparición da fantasía irrepetible do gol. Onte, o Celta volveu poñer sobre o terreo todos os ingredientes necesarios para que algún deses momentos máxicos aparecesen: a intención atacante, a intensidade defensiva, o manexo con sentido da pelota, o despregue en velocidade polas bandas, o toque preciso nos desprazamentos, a cooperación no contragolpe… A pesar de manexar con soltura todos estes conceptos do fútbol gañador, mesmo a pesar do conformismo do actual pechacancelas da liga, o conxunto galego volveu naufragar na casa por que foi incapaz de concretar as súas múltiples oportunidades nos instantes decisivos: un pexegazo moi ben intencionado de Jorge Larena á trabe, un punteirazo ao pao do sempre batallador Baiano ou as diversas melés a porta baleira que os dianteiros celestes non souberon resolver. Durante moitos minutos do partido, cun dominio tan apabullante, con ocasións tan claras e realizando un xogo combinativo moi aceptable, parecía imposible que os celestes non acadasen, por fin, a vitoria diante dos seus afeccionados. Porén, por mor da teimosa presenza do trasno da imprecisión nos instantes decisivos o gol non só non apareceu se non que volveu asomar a temible sombra da derrota. Cando avanzada a segunda parte o Celta comezou a decaer fisicamente, tras tres encontros nunha semana, afortunadamente os de Lotina careceron da convicción suficiente para levarse o encontro nun dos seus contragolpes. Para os dous conxuntos estivo claro que no fútbol, como na vida, non se pode gañar se non se aproveitan eses poucos instantes decisivos.
Aquí poden lerse todos os relatorios presentados no pasado Segundo Congresso de Editores. Moi interesante para coñecer o estado da edición e as preocupacións dos nosos irmáns portugueses.
Etiquetas: Congreso_Editores, Portugal
Un dos libros dos que máis gustei este ano é Feismo? Destruír un país de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta edición soberbia e fermosa (oitocentas fotografías), como é adoito en todas as obras da editora de Xavier Paz, propón unha reflexión sobre o feismo (a destrución do territorio humanizado) como fenómeno multipolar. Este libro magnífico e moi traballado (froito dun foro transversal sobre a cuestión, no que participaron case unha vintena de especialistas) amosa que aínda é posible o papel cívico e creador do editor. A edición concibida como conversa coa nosa contemporaneidade. A edición ao servizo dunha reflexión colectiva dun país que nega a resignarse na diletancia de comprobar como se vai estragando diante dos nosos ollos. Os meus parabéns máis entusiastas para o equipo de Difusora de Letras por esta marabilla. Recoméndoo vivamente.
A segunda Noite da edición de Galicia, celebrada onte en Pontevedra, non se centrou só na entrega dos Premios da edición 2006. Serviu , ademais, para homenaxear a Sabino Torres e Isaac Díaz Pardo, os dous editores galegos máis veteranos (moi brillantes foron as laudatios, tanto a de Víctor F. Freixanes ao creador da colección “Benito Soto”, como a de Fran Alonso ao impulsor de Sargadelos e Edicións do Castro) e para dar a coñecer a opinión do gremio sobre o estado actual e os retos de futuro do sector.
O discurso de peche de Alfonso García Sanmartín, o actual presidente da AGE, foi unha peza oratoria espléndida, tan rotunda como chea de matices, que recolle como anel as preocupacións do sector tras a aprobación esta semana no Parlamento galego da Lei do libro e da lectura de Galicia. Recollo, polo que entendo gran interese e por non ter atopado apenas referencias nos medios impresos, boa parte dos contidos desta importante intervención:
O presidente dos editores galegos comezou salientando a satisfacción dos editores galegos pola recente aprobación por unanimidade dos grupos políticos da “Lei do libro e a lectura”. “Desde aquí os nosos parabéns á señora conselleira e a toda a clase política galega, o noso agradecemento por contar co sector na redacción da mesma e parabéns, de xeito especial, por conseguir a súa aprobación por unanimidade. Unanimidade que entendemos como firme decisión de apostar definitivamente polo sector. Unanimidade que compromete a palabra de toda a clase política, máis aló dos avatares que a loita de partidos nos poida deparar”.
A continuación sinalou que “non é momento de facer unha análise polo miúdo do texto da Lei, pero permítanseme salientar algúns aspectos que considero especialmente significativos: recoñécese o libro como elemento identificador de Galicia. Afírmase, en función disto, o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica e como instrumento de normalización lingüística; como garante do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galicia. Recóllense tamén medidas encamiñadas á renovación tecnolóxica e á modernización da industria do libro e das estruturas de distribución. Iso define o novo reto: libro igual a cultura, normalización, industria, comercio, renovación tecnolóxica; libro igual a ben social e dereito cultural de todos os galegos e galegas”.
Continuou o presidente dos editores galegos salientado que o “libro é unha obriga na acción de goberno; libro que transcende o ámbito da acción cultural e educativa e implica transversalmente o resto do goberno: Innovación e Industria, Comercio, Mercado exterior, Benestar social, Normalización… Estamos seguros de que a Consellería de Cultura saberá liderar de forma efectiva o novo marco que a Lei nos ofrece. O sector está ilusionado en que se consiga. Seguro que no encontro do vindeiro ano estaremos xa celebrando unha nova situación”.
As palabras do presidente da AGE abordaron tamén os retos que ten por diante o sector editorial galego: “Ninguén pode poñer en dúbida que as editoriais galegas nacen fundamentalmente como compromiso coa lingua e a cultura galegas, nacen coa conciencia clara de contribuír a facer país. Pero somos xa un sector maduro e asumimos conscientemente o reto de avanzar na mellora e na modernización das nosas estruturas, na diversificación das nosas liñas editoriais, na busca de novos mercados, na edición en novos soportes… En resumo, no fortalecemento das nosas estruturas empresariais. Esa é a nosa mellor garantía de futuro e este é o noso gran compromiso e empeño. Unha sociedade incapaz de soster unha industria cultural é unha sociedade inmatura, non-desenvolvida. Un país incapaz de soster unha industria cultural é un país en perigo, un país sen futuro. Un sector que non acolla a modernización e a profesionalización como paisaxe vital é un sector ameazado, un sector en situación terminal. Velaí o gran reto e velaí o noso empeño, o noso compromiso de colaboración aberta e leal con toda acción institucional. Saberemos defender os intereses do sector e contribuír a buscar solucións para os problemas e posibles desencontros que se poidan producir. Somos conscientes de que do diálogo nace a luz, de que exercendo a crítica, como xuízo e proposta construtiva, estamos colaborando de forma efectiva a crear país”.
Alfonso García non dubidou en expresar as inquedanzas que magoan ao sector: “Hai, nestes momentos, un tema que preocupa especialmente o sector do libro. O modelo de préstamo como sucedáneo da gratuidade. Reiteramos o noso apoio á gratuidade, pero solicitamos o empeño do goberno actual na análise e no estudo das graves consecuencias que o modelo comporta para a totalidade do sector e para o propio sistema educativo. O préstamo é, ao noso ver, un regalo enganoso que se lle fai á sociedade galega. As consecuencias veranse a medio prazo.A decisión que no seu día tomou o PP foi precipitada e electoralista. O tempo dirá se seguirá a pasar factura”.
O presidente da AGE rematou a súa intervención pedindo “unha acción de goberno consecuente e harmónica. Falar de normalización lingüística na escola, de galescolas, do libro como sector estratéxico, propoñer no horizonte unha Galicia inserida na sociedade da información e do coñecemento e ofrecer o libro escolar en préstamo son accións que non se sosteñen. Para demostralo, ofreceremos os datos que se desprendan do Estudo de viabilidade do sector do libro en función do modelo de préstamo. Desde aquí, o noso agradecemento a Cedro, a ANELE, e ao Gremio Nacional de Editores; sen a súa colaboración e axuda económica non sería posible realizalo. Seguro que os resultados serán útiles para que todos tomemos os camiños axeitados e tendo como horizonte o mellor servizo á sociedade galega”.
Actualización (19-12-2006): Nota de prensa da AGE sobre o evento.
DESENCONTRO
A afección ten razóns para estar descontenta co Celta desta tempada. Os magníficos resultados e a consistencia do equipo fóra da casa (un dos mellores conxuntos como visitante) non se corresponden nin cos seus raquíticos resultados (apenas cinco puntos de vinte un posibles) nin coa intermitencia do seu xogo nos encontros de Balaídos. Esta comprensible decepción dunha bancada moi esixente, ansiosa de velo xogar na casa coa consistencia que amosa nos partidos televisados, estase traducindo nunha severísima como, para min, inxusta relación cos xogadores e, especialmente, co seu adestrador. Balaídos converteuse así para os celestes nun inferno máis que no escenario para sentirse agarimados e protexidos polos seus máis incondicionais siareiros. Onte volveu aparecer este desencontro nun partido intenso (o máis fermoso desta liga), desputado por dous conxuntos que quixeron a pelota e que estragaron moitas oportunidades claras en ambas as dúas portas. A primeira parte foi, sen dúbida, para os galegos mercede ao control do mediocampo, onde moito mandaron Iriney (secou ao perigoso Riquelme) e Oubiña, e a unha banda dereita onde Ángel e Gustavo desbordaron canto quixeron. Na segunda mudaron as tornas, o Villarreal gañou o control do xogo, o que non impediu que os célticos tivesen tres grandes oportunidades nas botas dun actívismo e sacrificado Baiano. Noutro contexto, este xogo perigoso e a vontade de vitoria do Celta, a pesar do empate, abondarían para deixar máis que satisfeita á bancada; mais sometidos a esta presión, o encontro rematou de forma moi tensa con apupos a Fernando Vázquez por mor do cambio de Baiano, solicitado previamente polo dianteiro (un malentendido). A reconciliación do equipo coa bancada é urxente se queremos acabar con este perigoso desencontro.
A vindeira semana comezarán as presentacións (onde haberá moitas sorpresas) por diversos bares do país do novo libro de Camilo Franco, Palabras contadas. O libro inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. Aproveitando a funcionalidade da literatura breve Camilo aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Recomendo a entrevista co autor que aparece hoxe na Voz.
No artigo da semana propoño unha reflexión sobre o axuste da hora de Galicia. A verdade é que ben diferente á do editorial de hoxe do propio Faro.
Os meus compañeiros Antón Costa e Xosé Manuel Malheiro prepararon un interesante número do Vieiros na escola sobre a morte, depuración e exilio do profesorado de Galicia provocados polo Franquismo. Moi recomendable, tanto dende o punto de vista didáctico como da información e enlaces actualizados que achega sobre a cuestión.
Hoxe comeza a Feira do Libro e do Disco en éuscaro que, dende hai corenta e un anos, se celebra de forma ininterrumpida en Durango. Este evento é un modelo moi interesante para o sector da industria cultural en Galicia e do que temos moito que aprender. Nesta edición desprazouse a Durango unha pequena delegación da AGE co obxecto de tomar boa nota das súas características de cara á celebración do primeiro Culturgal (Feira do Libro e da Industria Cultural Galega) en 2007. O programa de actividades de Durango 2006 é moi amplo, centrándose no tema das viaxes.
Magnífica foi onte a presentación de Vidas exemplares de Uxía Casal no centenario Bar Plaza de Ribeira. Numerosísimos amigos e amigas ateigaron o Ateneo Valle Inclán que con este acto iniciaba a súas actividades. Coñecín a Paleón e Tucho (entusiasmados os dous pola novela de Ameixeiras) e parolei un bo pedazo con Santi Páramo e Aida (dous compañeiros da facultade cos que non me atopaba dende hai vinte e cinco anos; vaia recorte da ediciónde compostelana de La Voz de Galicia de febreiro de 1981, de onte a hoxe!) e co ex-deputado Santos Oujo, entre moitos outros. Outra volta volvín apreciar o interese que as presentacións de libros poden ter para animar á lectura e tecer comunidade.
Na súa intervención Uxía Casal sinalou que nestes relatos pretendeu partir de situacións cotiáns para explorar a crueldade do mundo e propoñer a fantasía como unha realidade paralela. Suxerir e desacougar ao lector, creando atmosferas envolventes cun final inesperado, que revolcase ao relato, foron outras das súas pretensións. Uxía defendeu unha prosa inzada de musicalidade artellada sobre a economía de medios e a precisión lingüística (rememorando a cita de Patricia Highsmith: “todo o que sexa superfluo nun texto, sobra”). A pesar do ballón e do estado calamitoso da Vía do Barbanza volvemos para Sal máis contentos cun cuco.
Actualización (o4-12-2006): interesante anotación sobre LV de Juan Varela.
A primeira reflexión urxente sobre o resultado da Asemblea do BNG, especialmente no que atinxe á composición do Consello Nacional e da Executiva, é que a organización política nacionalista sae moi reforzada polo valor que lle proporcionan a unidade e a asunción democrática do pluralismo. Esta apertura dunha nova etapa dun BNG de todos é unha moi boa noticia, como o son, tamén, a volta á dirección nacionalista de Xosé Manuel Beiras e o feito que nesta Executiva, por vez primeira na historia dunha organización política en Galicia, exista unha maioría de mulleres (8 sobre 15 membros).
Con este resultado o éxito da Asemblea do BNG é indubidable, como o persoal de Anxo Quintana (que conseguiu artellar unha executiva de consenso, moi renovada) e o dos tres grupos críticos (Encontro Irmandiño, Pola Base e Alternativa) que conseguiron unha presenza significativa nos órganos de dirección. O BNG sae da Asemblea en moito mellores condicións que entrou para encarar con maior fortaleza a súa necesaria remontada electoral. Velaí o valor da unidade e o pluralismo, valores que a cidadanía adoita saber recoñecer nas organizacións políticas.
Resumindo: incorporarse ao paradigma da comunicación cultural electrónica, asegurar a presenza da lingua galega nese novo modelo de comunicación plurilingüe e deseñar políticas públicas que proporcionen posibilidades de acceso igualitario de todos os cidadáns aos bens e produtos culturais serían tres grandes retos aos que debemos enfrontarnos.
Actualización (03-12-2006): No artigo da semana amplío esta reflexión.
Etiquetas: Cultura , Galicia, Artigos