Aprender a convivir
Notas do traballo de edición. Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia
Mañá celébrase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia (DENIP), efeméride que promoveu en España (dende 1964) o profesor mallorquín Llorenç Vidal (coincidente co aniversario da morte de Ghandi) e que en Galicia se ven celebrando dende o curso 1981-1982 (en plena carreira armamentista), promovida polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega.Cada 3o de xaneiro as escolas énchense de carteis e globos pola paz. A celebración deste “Día da Paz” remóntase en Galicia a 1982, ano no que comezaron as actividades de educación pola paz no Colexio Público García Barbón. Unha iniciativa que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar galega. Os actos alegóricos como a solta de pombas ou globos no patio de cada centro; a confeción de carteis; a elaboración de manifestos; as cadeas humanas na rúa do Príncipe de Vigo; a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían nesta xornada reivindicativa e que agora son unha rutina que non falta en ningún centro educativo.
Daquelas primeiras celebracións dos oitenta xerminou o movemento galego de educadores pola paz, que dende entón celebra cada ano os seus encontros e promove investigacións, materiais didácticos e publicacións que desenvolven unha cultura para a paz e para a educación nos dereitos humanos. Fito sobranceiro do compromiso destes educadores e educadoras foi Construír a Paz. Cultura para a paz; un proxecto interdisciplinar promovido polo profesor Xesús R. Jares, o infatigable motor e estudoso deste movemento, no que participaron máis de cento trinta persoas de todo o mundo, que se plasmou nun libro solidario do mesmo título, editado por Xerais (1996), e nunha exposición de pintura, escultura, fotografía e ilustración que percorreu as cidades galegas. Aquel proxecto, colectivo e solidario –os beneficios tirados da venda do libro e das obras de arte empregáronse para apoiar un programa de educación para o desenvolvemento no Brasil–, contribuíu a irradiar dende Galicia unha mirada global sobre a paz, tratando de repensar esta idea en todas as esferas e ámbitos da acción humana.
Neste comezo de século da chamada era da información e do coñecemento persiste a vulneración dos dereitos humanos en todos os continentes, rebrota a xenofobia e a aporofobia, profundízanse os desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta, institucionalízase a pobreza, a marxinación e a exclusión de amplos sectores da poboación, e non cesan os conflictos bélicos en máis cincuenta puntos do planeta. Vivimos nun tempo que require unha auténtica mobilización mundial, onde a nosa actitude cívica non pode ser nin a da resignación nin a da indiferencia.
Este 30 de xaneiro de 2007 é especialmente emotivo para min xa que acelebramos o vinte e cinco aniversario dunha data que debe servir para reflexionar no entorno escolar sobre a triste situación do mundo. Co mesmo motivo, acompañarei a Jares a Lugo, onde presentaremos a terceira edición de Aprender a convivir, que serve de referente para o programa “Vivir xuntos. Convivir” promovido polo concello de Lugo nos centros escolares. Sabemos das limitacións destas efemérides, no entanto en poucas ocasións pode ser tan necesario parar a rotina escolar, aínda que sexa só por unhas poucas horas, e pensar cara onde imos.
La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, “quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma”. Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!
No artigo da semana volvo coa cuestión do PXOM vigués. Tal como se desenvolveron os argumentos desta semana, cómpre unha inflexión da posición de todos os grupos. Neste contexto de emerxencia, propoño a constitución dunha mesa permanente dos catro grupos municipais para realizar un seguimento consensuado dos traballos de subsanación das deficiencias. Difícil (pensarán algúns), mais imprescindible, se queremos saír deste atasco endémico.
Entre tanto rebumbio non demos conta da presentación da Guía dos Viños, Augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007 que realizamos en Barcelona. Contamos coa presenza e as palabras en galego do Conseller en cap da Generalitat (a información do acto de Galicia Gastronómica é completísima). Unha deferencia que moito lle agradecemos.
Onte antes da presentación do poemario de Caride (magnífica, máis dun cento de persoas) tivemos a oportunidade de volver visitar a Bodega de Martín Códax, a máis grande e de maior produción da denominación de orixe Rías Baixas. Estas Bodegas, con apenas vinte anos de existencia, convertéronse no auténtico motor da modernización do noso sector vitivinícola e nun modelo do que pode ser a Galicia emprendedora, eficiente, aberta ao mercado exterior, mais sempre orgullosa do seu país e da súa cultura.
O presidente da sociedade de viticultores ensinounos as instalacións de Burgáns (permanentemente en obras de ampliación), que hoxe xa teñen unha capacidade para catro millóns de litros dos seus tres viños: Martín Códax, Burgáns e Organistrum. Chamoume a atención o coidado arranxo didáctico da Sala de Cata (un auténtico laboratorio para poñer a proba os sentidos e o interese pola cultura do viño) e a disposición da cava onde envellece o Organistrum (acompañado de múltiples referencias culturais).
A sorpresa para min foi a posta en marcha dunha bodega no Bierzo (alugaron unha bodega en Cacabelos), desde onde puxeron no mercado xa dous mencías: Martín Sarmiento e Cuatro pasos (non tivemos oportunidade de probalos, mais a presentación da botella, o deseño das etiquetas e as notas de cata son moi atractivos).
Mención á parte merece o labor cultural das Bodegas. Durante moitos anos promoveron o premio de poesía que levaba o seu nome (editado por Galaxia) e apoiaron un grupo de música antiga homónimo. Actualmente a súa sede constitúe, como sinalou Ramón Caride, o auténtico “Ateneo libertario de Vilariño”, xa que alí se realizan numerosas presentacións de libros, conferencias e outros eventos. Un modelo moi interesante de maridaxe entre o viño e a cultura.
Na beirarrúa de enfronte da exposición de Manuel Sendón pode visitarse “Escenarios“, a mostra de fotografías sobre lenzo de Vari Caramés. Unha coincidencia marabillosa que permite facer un percorrido pola obra recente de dúas das figuras da nosa fotografía contemporánea. Vinte pezas de grande formato nas que o fotógrafo ferrolán consegue –como sinala Alejandor Castellote– desenfocar a realidade a través do lente da súa cámara para trasladar ao espectador ao territorio da introspección, a memoria e a melancolía. Vari desenfoca o real para enfocar a instrospección; prescinde da anécdota para provocar no visitante evocación de escenarios cotiáns (a estación do ferrocarril, a praia, o terreo de fútbol, a chuvia na noite, a lonxa, o incendio forestal ou a noria da festa…). A luz debuxando as cores da realidade evocada. Fotografía pictórica. Magnífica e recomendable exposición. Beizóns, Vari!
SINOPSE
O pasado non o hai que perdelo de vista porque para entendermos quen somos e para ir cara adiante sempre hai que telo presente. A memoria esvaécese e o pasado non é máis que un eco no espazo que o acolleu. Hoxe estes ecos dilúense nun espazo cambiante vítima da salvaxe e irreversíbel especulación inmobiliaria. A Costa da Morte está á venda. Baixo a fachada de prosperidade económica o fenómeno inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación perfilando un futuro no que os pobos se desartellan e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos.
O lanzamento o pasado domingo duns supostos libros de literatura infantil (adaptacións de obras adultas a grande formato, ilustradas de forma antidiluviana) constituíu un esvarón de considerables proporcións de El Pais, impropio dun medio que pretende facer xornalismo de calidade. Unha serie de profesionais do libro e da edición asinamos unha carta na que afirmamos que un “xornal como El País non debe difundir seudoliteratura baixo o obxectivo de achegar a gran literatura adulta aos nenos”. Este lanzamento abre un debate que remite a cuestións tan relevantes como qué entendemos por literatura, por literatura infantil, por libro, por lectura ou por formación dun criterio lector nas novas xeracións. Convido a participar na denuncia.
Un dos formatos máis atractivos da presentación literaria é a entrevista co autor. Esta foi a fórmula que utilizamos hoxe na Casa do Libro de Vigo para o acto de promoción do volume de poemas de Ramón Caride. O escritor Francisco Castro e o poeta de Cea conversaron animadamente arredor d’ As mascaras de Cronos. Recollín na libreta algúns fragmentos da conversa.–FC: Falemos das temáticas. En libros como “Xeografías de sal” daslle gran importancia ao erotismo. Ata que punto valoras a carnalidade e a paixón como temática poética?
–RC: O amor é sencial na poesía. Xa sinalaba Monterroso que os temas da poesía son o amor, a morte e as moscas. En “Xeografías de sal”, un poemario construído como as caixas chinesas, unhas partes dentro doutras, foi un desafío introducir nun dos libros, “Erótica alfabética”, o vocabulario erótico. Creo que a literatura galega foi moi púdica, con escasa presenza do erotismo, mesmo na utilización de palabras como “foder” (na miña aldea nunca se dixo “follar”). Interesoume acometer ese desafío. Mais en “Xeografía de sal” están outros temas deste ciclo. Ademais do erotismo, esta moi presente a desaparición do mundo rural (no libro a “Quentura do sangue”), a da cidade na globalidade e a poesía social (no titulado “Vitimario”). O libro é a xeografía do pracer e do sufrimento humano. Este é o cerne de todo o volume, todos os temas están en “Xeografía de sal”.
–FC: Cando lía o volume crin estar escoitando os ecos de Celso Emilio Ferreiro, tanto na poesía social como na amorosa. A última cita do libro é, precisamente de Celso. Son estes os ecos da túa obra poética?
–RC: Tiven a sorte de coñecer personalmente a Celso Emilio Ferreiro e comprobar que era un home cunha presenza excepcional. Grazas a Longa noite de pedra de Celso Emilio, Remuíño de sombras de Neiras Vilas (os dous publicados por Edicións Castrelos) e A esmorga de Blanco Amor quizais sexa escritor en lingua galega. Eles abriron moitas portas temáticas e técnicas. Celso Emilio dominaba tanto os rexistros populares e os cultos. Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio estaban en contacto coa vangarda de cada momento. Recibir todo isto en galego abriume portas.
–FC: Para rematar, quixera que reflexionases sobre a cita que recolles de Alberto Caeiro referida a que “ser poeta é unha maneira de estar sozinho”.
–RC: A miña infancia foi nunha aldea, un microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcaban as estacións. Un mundo que, como recrda Buñuel nas súas memorias, desapareceu de repente. A memoria é creativa é trata de crear aí unha Arcadia. Como o libro é plural, podes atopar un poema que defenda iso e outro o contrario. Hai unha ambivalencia, vivimos na contradición.
O venres 26, ás oito da tarde, presentarase o libro nas Bodegas Martín Codax de Cambados. Un acto poético musical (con seguridade moi concurrido) que pechará este ciclo de presentacións.
Ás veces penso, seriamente, que Díaz Pardo non existe. Isaac, digo: ise ‹‹libertario conservador›› (conservador dos nosos tesouros) con nome antergo de profeta. De feito, ata arestora, eu pensaba que non existía. Víao por aí, facendo as súas viravoltas, e coidaba: ‹‹Non. Ise home non existe. En realidade non é un home: é un trasno. É o traste ise das nubes, que sempre está a barrenar. Non hai máis que verlle as orellas…››
Isaac Díaz Pardo. Oitenta e tódolos anos. Tódolos anos do mundo. Tódalas idades da Historia resumidos nunha face. Nunha man/chea de engurras. Xa o dicía o Doutor Freud, que, a partir dos corenta invernos, cada quen ten a face que se merece, for un home ou un trasgo. E, abofé, levaba razón, porque Isaac Díaz Pardo ten boa cara do que é: un xenio con tódalas da lei. Un xenio con pelos e sinais. Un xenio dises das lampadiñas, escandalosamente xeneroso, que, denantes de nós llo pedir, cumpriu tódolos nosos desexos. Iso… e moito, pero moitísimo máis.
Isaac Díaz Pardo: o noso Grande Compoñedor. O noso Mago de Oz. Un día ergueu un dedo e levantou unha fábrica. Dúas. Tres. Outro día, chiscou un ollo e xenaron mil libros. Dous. Tres. Cen mil milleiros de historias. Outro día botou a lingua a pacer, con esa divina impertinencia, e tódolos mortos das nosas vidas volveron falar. E así con todo. En Arxentina ou na Galiza. Na Pampa Húmida ou na Ría. E así sempre con todo. Sempre con todo pra todos. Ah, iste Tiziano dos Avernos que pintou a Barca de Caronte chea de ánimas vivísimas! Esa Barca de Caronte na que imos todos nós, vestidos de todos nós! Pois mesmo iso nos regalou. A con_paixón do seu pincel. E sen pedir ren en troques.
Isaac Díaz Pardo. En xullo do 36, sendo menos mozo ca agora, apedrou a farmacia dun falanxista, un criadeiro de matóns. Dende aquela, non tivo outra empresa que esa: esnaquiza–las tendas dos ruíns. Enfrontarse, a corpo aberto, cos mercachifles da Maldade.
Isaac Díaz Pardo. Hai uns meigallos atrás, lin unha entrevista con il. Cando o xornalista lle preguntou qué era, consonte o sabio, o que máis precisaba Galiza, o moi renarte retrucou: ‹‹A Revolución››. A Revolución, vive Deus! ‹‹Porque, eiquí –aseverou– endexamais se fixo››. E que certo estivo, carallo! Que axeitado e que asisado! E que vergoña pra nós! Que teña que ser il, un meniño cun século ás costas, quen esixa a Revolución!
Isaac Díaz Pardo. A súa vida é unha película. A Nosa enteira Película. A película de Nós. Isaac Díaz Pardo. Eilo temos aínda. Promovendo a Revolución dende que alí, na Rúa das Hortas, a Raíña Moura das Fadas lle debuxou unha boca… Non en van non foi il quen lle dixo a Castelao –ó mesmísimo Castelao!– que era ‹‹un vello reaccionario››? ‹‹Carallo co rapaz.›› Carallo, si, co rapaz.
Isaac Díaz Pardo. Toda a vida resistindo. E –para Rilke o Visoiro– resistir éo todo. Ó diaño cos seus perseguidores! Ó diaño cos seus usurpadores! Eu teño máis confianza nil da que nunca tiven en Cristo. Eu confiaríalle a miña alma tan só polo intre en que dixo esta soa, única frase: ‹‹Hai palabras que non podemos deixar desaparecer. Por exemplo a palabra folga››.Isaac Díaz Pardo. O noso Cordeiro Sen Deus. O Neno Obreiro crucificado na palma de Luís Seoane. Existe ou non existe iste Isaac doutro mundo, iste Principiño redivivo, estoutra sorte de ET? É un home ou un trasno? Un xigante ou un abelurio? Porque un empresario non é! Xa que… Que clase de empresario pode ser un que bota pestes da Usura? A Usura –clamou Ezra Pound ós ceos– é o motor da economía. A fame do noso sistema. O capital do capitalismo. Mais a Usura, en efecto, non fixo os cadros de Uccelo. Nin a Comedia de Dante. Nin a Anta do Castro. A Usura o máis que fixo foi esta Torre de Babel. Iste paraíso de merda no que agora boqueamos. A Usura o máis que fixo foi acabar coa Galiza. Coa Galiza da chaira. Coa Galiza do mar. Coa Galiza da montaña. E agora, nun tantarantán, nunha infame xudiada, quere acabar con Sargadelos. Quere acabar co profeta e con toda a súa liñaxe. Quere, ai!, rematarnos dunha puta–puta vez. Pra que non falemos máis. Pra que non soñemos máis. Pra que non creamos máis nunca que é posible a Beleza. XOÁN ABELEIRA.
Etiquetas: Díaz_Pardo
A morte do grande mestre polaco conmocionou a rede de forma tan unánime como moi poucas veces teño visto. Desque hai case unha década descubrín La guerra del fútbol quedei prendido á obra deste narrador da verdade que silenciosamente (sen apenas contar co apoio da mercadotecnia editorial) foi gañando a milleiros de lectores. Ninguén pode dubidar que as súas grandes reportaxes son memorables, mais os seus libros de “ensaio” máis recentes (Los cínicos no sirven para este oficio, Lapidarium IV e El mundo de hoy) quedarán para sempre na miña memoria de lector como os meus preferidos, deses poucos libros que se deixan reler como manantío. Kapuscinski foi autor dunha obra que se resiste a unha clasificación unívoca; definiu a súa prosa simplemente como “textos” escritos ou falados. A esencia do xornalismo contemporáneo.
“A forma da sonata é a estrutura dunha obra musical cuxa esencia consiste nunha transformación libre de temas. Unha das súas variantes: a sonata barroca, que se compón de movementos breves que constrastan un co outro. En literatura, o seu equivalente sería o fragmento, a forma fragmentaria.” (Lapidarium IV)Cando me preguntan qué escribo, sen formular cuestións propias da teoría da literatura, contesto: un texto. E que tipo de texto? Un texto bo. Todo escritor desexa crear un bo texto. (O mundo de hoxe)
En todos e cada un dos meus textos intentei descubrir, captar e reflectir o quid, a esencia do acontecemento, do fenómeno ou da realidade que describo. (O mundo de hoxe)
O detalle sérveme como punto de partida para unha reflexión xeralizadora. (O mundo de hoxe)
En todo o que fago intento falar coa miña propia voz, unha voz persoal, amortecida. Non sei berrar. (O mundo de hoxe)
Que a terra che sexa leve, mestre!
O xoves e o venres desta semana continuaremos coas presentacións do último libro de Ramón Caride, As máscaras de Cronos (poemas (1994-2005). O volume recolle a obra poética do autor dende o ano 1994 e inclúe os libros xa publicados Cerne das labaredas (Espiral Maior, 1994); Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés da Deputación da Coruña, 1998) e Diacrónica (inédito, 2002), ademais dalgúns poemas inéditos en libro, publicados en diversas revistas nos tres últimos anos. Palabra rotunda e segura, belixerante e de combate nalgunhas ocasións; poesía amatoria, telúrica ou existencial noutras. Poesía, como sinalou Manuel María, “semellante ao orballo que ao caer, manseliñamente sobre nós, dá a impresión que non molla pero, cando nos decatamos, estamos humedecidos deica os ósos”. O xoves da pasada semana realizamos a presentación en Ourense, acto do que dou conta por extenso Marcos Valcárcel.
A nosa escasa experiencia na negociación de dereitos con axentes internacionais (sobre todo os da área anglófona) amosa que esta brutal lóxica do mercado vaise impoñendo tamén na relación que teñen con nós. Moitas veces solicitan adiantos de máis de 6.000 euros (unha cifra pequena na puxa polas súas novidades) que son case astronómicos para a edición galega, pois equivalen a vendas superiores aos tres ou catro mil exemplares (moi dificilmente acadables no noso mercado para case calquera título). Cantidade ao que hai que engadir o custe fixo da tradución que, só nunha minoría dos casos, pode ser subvencionada (ata o 60%) pola Consellaría de Cultura. Razóns pola que é ben meritorio o esforzo que algúns editores están facendo nos últimos anos para editar na nosa lingua títulos do mercado internacional. Equilibrar a necesidade de publicar en galego a literatura internacional de calidade (algo imprescindible) coas posibilidades reais do noso pequeno mercado é un problema difícil de solucionar.
Da infancia recordo o tacto frío da cabeza do termómetro no sobaco. Lembro iso e as instrucións da miña nai cando chegaban as visitas: non leas que tes os ollos febles, tápate que vou airear o cuarto. Incorporarse, chaqueta nova do prixama, estirar a colcha e sorrir, que a adversidade de cada un non dá patentes para a mala educación. Logo chegaban, saudaban, refregábanme o pelo, preguntaban polos estudos, advertían que era sorte estar na cama e nas miñas respostas monosílabas nunca entendían a miña contrariedade por perder a soidade de enfermo ben suado.
Actualización: (25-01-2007): Información da exposición aparecida en el El Pais: “A literatura é a creación e o soporte a circunstancia”.
Actualización (26-01-2007): “Literatura en acción“, artigo de Antón Reixa en Luzes.
Eran a parella perfecta. El non tiña cabeza, ela tiña conta corrente e os dous querían fuxir.Mercaron o coche máis grande do concesionario, subiron, abrocharon o cinto e mantiveron as costas correctamente repousadas contra os asentos. Foron perdendo os puntos da razón en cada unha das curvas ata que a morte os acabou de casar na quinta das seis voltas de campá con que percorreron o terraplén.
Etiquetas: Camilo_Franco
A exposición Palabras contadas merece a pena. O baixo e o primeiro andar do corpo dereito da Fundación Luís Seoane están ocupadas por diversas instalacións preparadas para que o espectador se transforme en lector (o que o autor define como “lectura con mobles”). Aproveitando a versatilidade que ofrece o formato dos microrrelatos, as historias de Camilo ofrécense en soportes diversos demostrando que a lectura (un dos nosos eixos civilizatorios) vai moito máis alá do soporte do libro impreso. Relatos caligrafados sobre area, impresos sobre colchóns ou roupas, gardados en pequenas caixas de conserva, salferidos na sopa de letras, carimbados sobre os corpos, sobreimpresos en imaxes fixas ou en movemento, proxectados sobre as paredes ou sinxelamente dispostos como esculturas planas no chan ou pendurados do teito.
Esta é unha proposta de literatura de investigación que reivindica o papel primeiro da palabra na creación artística e a función do escritor como creador de novos territorios para a lectura “A palabra para quen a traballa”). A presentación da exposición, moi concurrida, rematou cunha lectura concerto no que autor demostrou que, baixo a súa impostura de crooner efímero, atesoura grandes dotes de animador dos máis divertidos guateques. Recomendo a visita á exposición e a participación nas festas arredor do libro que continuarán por Galicia nas vindeiras semanas.
No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.
Esta noite viaxaremos a Torre para participar na inauguración de Palabras contadas, a primeira exposición dun escritor galego montada a partir dun libro de ficción que funciona como elemento central de instalacións visuais e audiovisuais. Unha exposición concibida para a lectura (que non está recluída nos límites dun libro impreso). O texto como escultura. A lectura con mobles. A lectura como indagación no Museo. Ficción súbita. Sopa de Letras. Relatos en conserva. A lectura como creación unicamente humana. Camilo Franco promete sorpresas. Contarémolas aquí mañá.
“Este libro comezou sendo un traballo para o seminario “Produción e empresa editorial. Tradición e novas tecnoloxías”, impartido polo profesor Víctor Fernández Freixanes no curso de doutoramento 2005/06 da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. O obxectivo orixinal do traballo era referirse á situación do libro dixital galego en Internet, centrándose nos libros escritos en galego. Pero parecía interesante amplialo para estudar a presenza na rede do conxunto de libros dixitais producidos na comunidade en calquera lingua ou que sexan de interese para os lectores e lectoras de Galicia e que se poidan atopar en calquera das grandes bibliotecas dixitais do mundo, para consultar ou descargar de xeito legal”.
Beizóns para o autor polo esforzo que redundará en tecer a rede en galego.
Beizóns! Eis unha estratexia intelixente para promover a música galega polo mundo adiante. Non estaría de máis que se emulase a estratexia para vender tamén a literatura e o libro galego.
Mesmo percibo indicios de que algúns dirixentes nacionalistas, tras o fracaso, respiraron tranquilos xa que, de ter sido aceptadas por Feijoo as propostas de Touriño, nestes momentos non sería doado para eles facerlle entender a parte da súa militancia o xeneroso (engadiría que, tamén, patriótico) apoio de Quintana ás posicións de consenso presentadas polo presidente Touriño. Outrosí, poderiamos dicir de sectores do PSdeG-PSOE que coa ruptura síntense aliviados e máis autónomos das (para eles) incómodas posturas de definición identitaria e de política lingüística defendidas con intelixencia polos nacionalistas. Por non falar xa da clara pretensión do PPdeG na nova coiuntura de amagar cun acordo bilateral cos socialistas. Está cantado que será esa a súa estratexia diante da opinion pública galega, xustificando que en Monte Pío había unha maioría suficiente para aprobar o Estatuto. Así conseguiría debilitar ao PSdeG-PSOE, acusándoo de ser un refén do BNG a quen lle paga o prezo de manter a Touriño na presidencia.
Diante da encrucillada presente ábrense dous vieiros: a espera diletante pola chegada de tempos máis propicios (moi lonxanos no horizonte) ou a hora activa da cidadanía reclamando que sexa restituída a dignidade perdida. Non teño dúbidas de que cómpre apostar pola resposta cidadá, a menos que pretendamos seguir languidecendo como reserva xeográfica da melancolía resignada.
Como son un optimista da vontade (un deses tipos raros que apostamos pola hipótese máis favorable de cada momento) cheguei a pensar este mediodía que iamos ter Estatuto. Interpretei como un sinal esperanzador que os reunidos en Monte Pío non parasen sequera para xantar, o que podía significar que colleran esa carreiriña imprescindible para concluír con éxito os máis difíciles camiños. A realidade amosoume que isto era outra das miñas inxenuidades, especialmente por non ter valorado a posibilidade de que algúns dos tres participantes sufrise da síndrome de pánico do dianteiro no momento de rematar a porta baleira.
Esa síndrome paralizante foi a que hoxe desgraciadamente padeceu Alberto Núñez Feijoó (o elegante líder do PPdeG). Tiña todas as condicións ao seu favor (foron moitas e xenerosas as vantaxes defensivas que lle proporcionaron os seus adversarios do bipartito) e, porén, no instante decisivo de rematar quedou collido pola poderosa sombra de Rajoy e da caverna mediática madrileña. Alberto desperdiciou hoxe unha oportunidade de ouro (que non sabemos cando poderá volver a producirse) para madurar como líder do conservadorismo galego e como auténtico candidato para suceder a Fraga como presidente da Xunta, se así o quisexen algún día os galegos. Pesoulle máis a disciplina férrea que lle impuxo Madrid que os intereses de Galicia e guindou o proceso de reforma do Estatuto ao garete.
Analizando as declaracións dos tres participantes no cumio (nas formas moi prudentes e contidas, o que é de agradecer) as diferenzas que expresaron non semellaban insalvables. A propia duración da reunión (apenas seis horas e media, despois de dous anos de proceso) indica que se non temos estatuto non é tanto pola imposibilidade de consensuar as redaccións sobre os temas difíciles, como pola imposibilidade obxectiva do PPdeG de romper a disciplina coa súa Dirección en momentos de máxima intransixencia co PSOE e con todas as formacións nacionalistas. Eis as circunstancias ás que se referiron Quintana e Touriño e que, implicitamente, tamén recoñece Feijoó, que impediron chegar a un acordo.
É moi difícil entender como Feijoó pode xustificar que a súa confusa proposta de definición identitaria (“sentimento nacional” dos nacionalistas) é a máis atrevida que se fixo na redacción dos estatutos, cando (se somos fieis ao significado das palabras) déixanos moi por baixo do sintagma, “realidade nacional”, aceptado polo seu colega Arenas para definir Andalucía. É moi difícil entender, tamén, como non lle foi posible aceptar a redacción proposta por Touriño sobre a lingua (que renunciaba a reflectir o deber do seu coñecemento, situando as dúas linguas oficiais en igualdade xurídica no que respecta ao seu uso e coñecemento). Como tamén é difícil de entender que para el existían “flecos” no relativo ás cuestións dos investimentos e financiamento, cando (aceptado o sistema de cupo e o criterio de suficiencia financieira) a súa proposta inicial estaba moi por baixo (xustamente a metade) da presentada polo BNG. Ningunha destas tres posicións de Feijoó parecen o suficientemente sólidas para xustificar a súa negativa.
Galicia non contará con novo estatuto na presente lexislatura. Un feito moi negativo e insólito (a única comunidade que intentou a reforma e debeu adiala) que non nos vai axudar a gañar nin posicións nin máis posibilidades de competitividade e benestar no conxunto das comunidades españolas. Inevitablemente con este fracaso quedarémonos atrás nas posibilidades de negociar de forma bilateral co estado un novo sistema de financiamento; o que suporá dificultades para o funcionamento dos nosos servizos básicos (mesmo os xa transferidos) e adiará sine die a compensación dos nosos déficits estruturais. Isto realmente é o que se foi ao garete no día de hoxe. Agoiro que tras a elegancia das primeiras declaracións, se abrirá unha treboada no horizonte. A xestión deste fracaso por parte dos tres partidos será a clave do debate político nas vindeiras xornadas.
Actualización (18-01-2007): Vieiros recolle a opinión do blogomillo. Parécenme, tamén, moi oportunas e clarificadoras as novas declaracións de Touriño (cunha enerxía descoñecida ao longo do proceso), a rolda de opinións que publica a edición impresa de Faro de Vigo e as opinións de membros cualificados dos diversos partidos en El Correo Gallego (especialmente reveladoras son as declaracións de Camilo Nogueira e Pedro Puy Fraga).
PER TOT PLEGAT SOL·LICITEN:
Asinan o manifesto: Publicacions de l’Abadia de Montserrat, Ediciones B, Barcanova, Baula, Beascoa, Bromera, Casals, Castellnou, Cercle de Lectors, Combel, Cruïlla, Destino, Edebé, Ekaré, Empúries, La Galera, Juventud, Lynx, Lumen, Mediterrània, Molino, Moll, Montena, Pagès, Pirata, Salamandra, Serres, Tàndem, Thule i Timun Mas.
Etiquetas: LIX
Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!
ABRIUSE A CRISE
Sabiamos que o partido contra o Atlético sería determinante para saber cal vai ser o futuro do Celta nesta liga tan atolada: ou continuar instalados na nube europea ou sufrir os arrebatos da loita pola permanencia (como nos corresponde tanto por orzamento como por tradición). Abondaron moi poucos minutos para saber que o dilema estaba resolto: a partir de agora os celestes deberán pasar as penalidades de Caín para evitar o descenso. O Atlético saíu ordenado e brioso, con enorme intensidade e concentración, colocando a defensa moi arriba e deixando que Maniche e Luccin controlasen o centro do campo fronte a un solitario Oubiña incapaz de paralos. Nos primeiros vinte minutos, dúas combinacións velocísimas entre Torres (o eterno adolescente, que amosa as formas elegantes dun auténtico bailarín acariñando a pelota co veludo do pé, fixo un partidazo) e Agüero (o émulo do mellor Romario) fundiron as posibilidades dos galegos. A partir de aí, os colchoeiros souberon arrefriar o encontro e deixaron que o Celta co control da pelota amosase a faciana da súa brandura atacante e da súa inseguridade defensiva. Na segunda parte, a pesar da saída un chisco máis coraxuda (grazas, Gustavo!) e do acerto pícaro da xogada do gol de Nené, xa era tarde para arranxar a desfeita inicial. Esta sexta derrota na casa abre sen paliativos a crise celeste, que se viña anunciando partido a partido. Ningunha das fichaxes funciona (o xogo de Nené, Guayre e Pablo García é máis que decepcionante), como tampouco axuda a centrar e serenar a ansiedade do equipo o conflito permanente do técnico cos árbitros. Ás portas do comezo da segunda volta cómpre parar esta perigosa deriva. Precísanse un par de reforzos (un segundo dianteiro, por favor) e recuperar a concentración tanto no campo coma no banco. Mouriño ten que facer fronte a súa primeira crise.
Recomendo moi vivamente a entrevista con Alberto Manguel, o grande sabio sobre a lectura, de quen teño a fortuna de estar lendo estes días La biblioteca de noche (unha marabilla que estará nas librarías nuns días!, na que reivindica o carácter da biblioteca como espazo matricial). Un libro que merecerá unha anotación vagorosa no blog nos vindeiros días.
Da entrevista de onte co sabio lector políglota recollín todas estas afirmacións imprescindibles:
Os libros canapé asolagan as mesas de novidades das librarías. Son os reis do novo mercado do libro.
O editor do libro canapé necesita un personaxe “coñecido”: actor, actriz, presentador de televisión, tertuliano, deportista, político en ascenso ou declive, ou simplemente un dos visitantes semanais das páxinas de papel cuché ou das imaxes do Tomate, da Dolce Vita ou do programa da tamén escritora AR. Un personaxe que aborde un tema de “rabiosa” actualidade, polémico ou chamativo (violencia doméstica, corrupción urbanística, anecdotario médico, separación dolorosa, traxedia persoal…); ¡magnífico!, se conta toda a verdade nunhas memorias (escritas por el mesmo) a tumba aberta ou nun libro de conversas autorizadas cun xornalista experto; extraordinario!, se o personaxe se atreve mesmo cunha primeira novela, escrita en apenas quince días de intenso traballo, entre sarao e sarao.
O editor propón unha extensión controlada: menos de duascentas páxinas é a cifra ideal, para conseguir así un volume que se poida vender no mercado a un prezo asequible. O resto queda en mans da maquinaria da editorial: unha corrección impecable de estilo, unha cuberta atractiva, utilizando os novos tratamentos infográficos; unha tipografía e un interliñado xenerosos que faciliten a lectura do novo público lector que se quere gañar; e sobre todo, isto é o máis importante, conseguir unha distribución arrolladora que desprace aos “produtos” da competencia. Velaí a fórmula segura do éxito dos editores do libro canapé.
Con todo, falta aínda un ingrediente decisivo: unha campaña mediática potente, apoiada polos programas de televisión dos comunicadores á moda. Para iso hai que coidar todos os detalles: montar unha presentación nun hotel de campanillas que serva exquisitos canapés; atopar uns presentadores carismáticos que “avalen” o libro e demostren coas súas gabanzas a importancia cultural do novo texto; asegurarse que se vai reunir “toda a profesión” e “todos os moitos amigos” do novo autor ou autora que agardarán estoicamente na cola para que lle asine os primeiros exemplares. As cámaras dos programas de cotilleo, os suplementos dominicais coas súas entrevistas que descubren o rostro descoñecido do autor, as listas dos máis vendidos nos xornais, e, se o libro ten tirón, a “turné agotadora” por provincias. farán o resto.
Nese contexto tan atractivo, a quen lle pode extrañar que Ana María Ríos publique o seu primeiro libro relatando a súa apaixonante experiencia? Haberá quen pense que este primeiro libro canapé galego contribúe a normalización do noso sector editorial. Un interesante debate sobre as diferenzas entre os produtos editoriais e a edición de cultura na que algúns teimamos. Permanezan atentos á pantalla, isto só acaba de comezar.
Aínda que non foi lanzado coa espectacularidade do iphone (unha marabilla!), o Sony reader é unha nova proposta de libro electrónico. Aparecido no mercado norteamericano hai catro meses, utiliza a tecnoloxía de tinta pasiva que imita a iluminación natural, o que permite ao usuario ter a impresión de estar lendo unha folla de papel (o que quere dicir que permite unha mellor lectura de pantalla que a maioría dos LCDs). Na tarxeta de memoria pode almacenar arquivos de textos, pdf, imaxes e formatos mp3. Sen mudar a batería ten capacidade para ler 25 libros (unhas 7.500 páxinas). Nos EE.UU. custa 280 € e as vendas din que son mellores do agardado, sendo considerado un dos mellores gadgets de 2006. A verdade é que os e-books, ata agora, non acabaron de arrincar (as novas pedeás de HP xa nin sequera montan o reader). Será o Sony reader outra intentona fracasada? Nos vindeiros meses estará aquí á venda. Haberá que probalo.
Hoxe remexendo en papeis vellos, na procura de algo que non din atopado, apareceu ao chou, nunha das vellas libretas que conservo, o texto do “Manifesto por un fútbol atlántico“, a intervención que Manuel Rivas leu no Ateneo da Coruña o 2 de abril de 1985, con motivo da presentación da súa primeira novela, Todo ben.
A pesar de estar escrito antes da aparición do Superdepor, o Celta europeo (daquela os dous en segunda) e a selección galega, este manifesto conserva a súa actualidade. Crear un novo estilo ofensivo de pases e ideas longas é preciso tanto para o fútbol como para o conxunto da sociedade galega.
Galicia leva vinte mil anos á defensiva, segundo deixo dito Sánchez Albornoz. Habería que engadir: vinte mil anos á defensiva e case un século de fútbol subalterno.
O peor non é que o noso fútbol sexa de segunda senón que o sexa tantas veces o noso espírito. Non se trata de reivindicar a vitoria como obxectivo supradeportivo que xustifique calquera medio para acadala, mesmo as máis suxas mercadorías. Non hai nada máis efímero que a vitoria, que calquera vitoria. O importante non é gañar nin tampouco participar. O importante, cando se xoga, é querer perder ou querer gañar, a vontade de ser.
Trátase, si, de alentar un novo espírito.
Un fútbol mediocre, administrado con mediocridade, acaba envilecendo ao pobo. É así que o espectáculo máis triste non sucede no campo, senón fóra de xogo, nas bancadas e aínda alén do estadio. Galicia, como a Irlanda de Joyce, é un pobo “escravizado polos sacerdotes e abandonado de Deus”.
O peor do fútbol galego non é o fútbol en si, con ser malo, senón o que representa, o que significa socialmente. Se algo nos mostra a historia do fútbol é que alí onde non existen ideas, dificilmente hai goles. Pola contra, alí onde hai pases longos, en profundidade, tamén hai ideas longas, de futuro.
O fútbol galego carece de imaxinación, de inconformismo, de vontade de ser e de espírito ofensivo. Os que dirixen non aparecen nas caricaturas de Castelao pero deberían estar. Son bandullos andantes con puro fumegando, provincianos desleigados e servís que teñen o deporte como plataforma de intereses cando non tapadeira de corrupción. Eles non aman o fútbol. Utilízano.
Nos anos trinta, cando lle preguntaron sobre a autonomía, Valle Inclán dixo que Galicia debería rexirse por un Estatuto Atlántico que afirmase máis aínda a súa singulariedade. Tamén en Galicia debería xurdir un fútbol con fasquía atlántica, un froito de tanta encrucillada. Un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sul e de ideas longas como as ondas do océano.
Participei no debate sobre a crítica literaria publicado no suplemento Culturas da Voz desta semana. Pedro A. Ramos, autor da reportaxe, arríscase a propoñer unha tipoloxía do xénero: crítica de autor, crítica do que debería ser e crítica temática ou ideolóxica.
Enriquece moito a reportaxe o comentario do levantador de minas (un dos críticos –anónimo para min– que sigo con maior interese) que, citando a Barry Schwabsky, considera: “se imos ao centro do problema da elaboración da crítica, a dificultade apunta á calidade do contido no sentido do que se di e de como se di”. Para rematar, despois, afirmando: “Do que se trata, diría eu, é de facer uso de certa sensibilidade para poder tirar das obras cuestións que sensatamente se atopen nelas, vinculalas ao seu desenvolvemento nas mesmas e paralelamente a outros espazos vitais, e apresentar todo con limpeza de ideas e calidade formal. Porque o escrito, como dicía Italo Calvino, se é fermoso é máis verdadeiro”.
No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.
Actualización (7.1.07): Efectivamente, o documental pagaba a pena. Como xa fixera en Carrilanos, Rafael Cid, o seu director e guionista, consegue en cincuenta e cinco minutos un relato naturalista dunha comunidade campesiña onde latexan as enormes contradicións do noso tempo (a emigración e a inmigración, a vida subsidiada dos maiores, o abandono das actividades agrícolas tradicionais, a mudanza dos costumes, o envellecemento da poboación, o peche de escolas, a itinerancia dos cregos, o “turismo” dos enterros…). A construción dun formidable tanatorio de dúas plantas (valorado en 114.000 euros e pagado integramente coa tala dos piñeiros comunais) serve de metáfora e fío narrativo da historia dunha aldea que, inevitablemente, semella esmorecer, aínda que tamén emerxe a esperanza que alí outra vida tamén é posible. Mágoa que o documental fose emitido de forma case clandestina (supoño que haberá máis oportunidades de velo). Un exemplo de como é posible que as televisións públicas produzan espazos de calidade. Beizóns para Rafael Cid e a TVE Galicia.
Actualización (8.1.07): La Voz faise eco do documental, ao tempo que aparece a noticia do recurte da programación en galego e para Galicia de TVE. Que fai o Goberno Galego para denunciar semellante desfeita? Acaso non poden impedilo de algunha maneira?