Cuestión de visibilidade
Luzes volve hoxe co debate sobre a visibilidade da nosa literatura no exterior. Sen chegar á asumir na súa totalidade a contundente afirmación de Méndez Ferrín (“o escritor galego é rigorosamente invisible no exterior“), para min é un feito dificilmente refutable de que a nosa literatura é practicamente invisible nos países europeos (incluído en Portugal, con algunha excepción) e de que en España se deita unha mirada moi prexuizosa (xeralmente paternalista) sobre ela. En varias ocasións teño participado, fóra de Galicia, en diversos encontros literarios ou de editores e ter percibido ser considerado coma unha simpático e voluntarioso extraterrestre que vive a expensas das “copiosas subvencións” da Xunta. Non é doado desmontar estes prexuízos (que mesmo existen en Galicia), razón pola que entendo debemos traballar arreo (e moi conxuntados) no difícil proceso de presentar unha creación literariamente ambiciosa e un sector editorial con clara vontade de profesionalización (que se defende o mellor que pode nas estreitas marxes dun mercado interior moi reducido). Hai experiencias, xa suficientes, para afirmar que hai autores e autoras galegos que comezan a ser recoñecidos polo seu talento; como tamén de editoras que co seu tesón, creatividade e ben facer profesional abren portelos a un incipiente mercado exterior. Hoxe, precisamos de mecanismos e plataformas colectivas que faciliten a proxección da nosa luz, iso que eu veño denominado “estratexia de país”. Nunca estivemos en mellores condicións para conseguilo. Non deberiamos estragar esta magnífica oportunidade.
Comentarios
Comment from marcos valcarcel
Date: 6 Outubro 2007, 9:44 a.m.
O máis triste da anécdota que conta Torre de Babel é que o mesmo podería pasar en calquera cidade galega…



Comment from torredebabel
Date: 6 Outubro 2007, 3:37 a.m.
Na súa primeira e recente visita a Bos Aires, Suso de Toro ofreceu unha conferencia na Universidade de Belgrano apenas baixado do avión. A primeira pregunta que lle fixo o público foi: “Gustoume moito o que dixo. Qué libros escribiu vostede?”.
Estamos a falar de Suso de Toro. Estamos a falar de Bos Aires. E estamos a falar dunhas 50 persoas que participan dunha cátedra de estudos galegos. Ainda hai moito por facer…