"Cardume", primeira crítica

6 Novembro, 2007 (20:34) | Autores, Críticas, Entrevistas, Narrativa, Novidades, Xerais

A primeira crítica dunha obra sempre crea expectación a editores e autores. Esta é a que sobre Cardume, a novela de Rexina Vega, Premio Xerais 2007, publicou onte Manuel Rodríguez Alonso, o incansable crítico do Cartafol de libros. Nestes últimos vinte días, o mesmo crítico, publicou os seus traballos sobre Limpeza de sangue (o Nacional de teatro de Rubén Ruibal) A casa dos Lucarios de Teresa Moure e Vidas post-it, os relatos de Iolanda Zúñiga. Agradecemos tan impagable seguimento do crítico e do equipo de Cartafol.

Actualización (07-11-2007): Un comentario corrixe atinadamente a anotación. A primeira crítica de Cardume foi publicada o pasado día 31 de outubro por Fran P. Lorenzo no seu blog (grazas, e as nosas desculpas). Paga a pena a lectura deste texto, do que recollo un fragmento:

“Vigo é o pano de fondo desta epopea colectiva, narrada dun xeito pouco ampuloso, case íntimo, pero ao tempo rigoroso e rebordante de verdade. A autora –sen esquecer os fitos e datas fundamentais que apontoan a trama–, non recorreu á enumeración de feitos, nomes ou circunstancias demasiado concretas, un erro que, na miña opinión, lastra outros relatos evocadores daquel período, como o Amor de tango, de Queizán. Aquí, a novela é autosuficiente e sóbranlle os apoios e as notas ao pé. A súa non é unha prosa enciclopédica nin enumeratoria, malia que corre por todo o libro, como un regato subterráneo, o coñecemento exhaustivo do contexto social e histórico daquela cidade industrial, con resabios de metrópole ultramarina, pero na que, ao modo das vilas galegas da época, todos e todas se coñecían.Un cardume é unha bancada de peixes pero tamén aquela presada de homes e mulleres emigrantes, que embarcaron nos peiraos vigueses á procura dun horizonte de prosperidade que aquí lles era negado; cardume tamén os que ficaron, silandeiros, co medo no corpo, vertendo auga na inmensa lagoa da nosa memoria colectiva; os que impuxeron a lei e debuxaron a ferida futura, cardume de peixes voraces; e os presos, os paseados, os represaliados, no frontón de María Berdiales, na cadea de Príncipe, na Illa de San Simón, nas abas do Castro…”

Actualización (08-11-2007): Entrevista a Rexina Vega en La Voz de Galicia.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Comment from Anonymous
Date: 6 Novembro 2007, 11:21 p.m.

En verdade a primeira crítica de Cardume creo que é a que se publicou o pasado 1 de novembro na contraportada de Galicia Hoxe, deixo aquí o link:

http://www.elcorreogallego.es/indexServicios.php?idMenu=547&idSubmenu=370&idNoticia=226896

Apertas

Comment from hormiga
Date: 9 Novembro 2007, 11:03 p.m.

Gústame moitisimo o título. Con iso bástame para querer lelo.

Olark Livehelp