Estas son dúas grandes noticias para a nosa LIX e para o futuro da nosa lingua. Este centro do IBBY, ubicado na Cidade da Cultura, terá como principal obxectivo “o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos procedentes das linguas e culturas minorizadas”. Será o segundo centro internacional que o IBBY pon en marcha no mundo. O primeiro fundouse en 1985 en Oslo, e está dedicado aos libros para nenos e mozos con discapacidades. Na decisión de elixir o noso país como sede deste segundo centro internacional pesou a forza e o prestixio que a literatura infantil e xuvenil galega acadou nas últimas décadas, ata constituírse nunha literatura puxante e competitiva a nivel internacional. Beizóns para a Consellaría da Cultura e para os que fixeron posible a consecución deste centro que internacionaliza a nosa LIX.
O INCRIBLE ROBERTO A pesar do empate co Sporting de Xixón –que volve chafar aos que manexaban esperanzas de que o Celta desputase o ascenso nas derradeiras xornadas– saímos satisfeitos da matinal de Balaídos. Despois de moitos meses de desfeita no xogo celeste, por fin vimos un equipo noso serio, intenso e disciplinado que buscou con convicción a vitoria dende o primeiro ao derradeiro minuto do encontro. Se o Celta non a conseguiu, foi porque Roberto, o porteiro chantadino do Xixón realizou un partido memorable, atallando media ducia de pelotas incribles que dende a bancada cantamos como gol. Ao longo da primeira parte, os de Antonio López déronlle un repaso soberano a un pobre Sporting, porén animicamente moi ben arroupado dende a bancada de Preferencia polo súa “mareona” vermella. Co xogo controlado dende a defensa (onde se notou a consistencia de Peña) e, sobre todo, coa seguridade que proporcionaba no centro da cancha o labor destrutor dun inmenso Rosada (o mellor dos célticos), todos os dianteiros celestes foron machucando a portaría asturiana, onde o que fora a porteiro do Celta B teimosamente lles roubaba o gol. Dende a banda, Núñez estricaba o xogo celeste coas súas galopadas velocísimas proporcionando balóns preciosos; o canteirán Michu enviaba, dende a segunda liña, varias pelotas interiores enevelenadas para que logo Diego Costa e Perera aburrisen cos seus caneos e remates á nerviosa defensa asturiana. Mais nuns casos coma noutras, as puntas celestes atoparon que os seus remates malográbanse nas mans, nos puños ou nas biqueiras do incrible Roberto, que mesmo chegou a interceptar un colocadísimo cabezazo de Michu ao pé do pau. Durante a segunda parte, o abafante dominio celeste afrouxou e foi cando os asturianos gozaron dun par de oportunidades, aínda que como no período anterior foron as dos celestes as máis claras, fose o magnífico remate de Peña lambendo o pau ou o derradeiro empurrón estragado por Okkas durante os minutos de desconto. É unha mágoa que este Celta, onte tan famento de gol e moito máis intenso e concentrado en defensa que na etapa de López Caro, comece a funcionar cando o ascenso xa é unha quimera. Con todo, semella prometedor para o futuro o labor de reconstrución da autoestima e dos alicerces básicos do xogo promovido por Antonio López que en Soria comezou a colleitar os seus primeiros froitos. Onte o Celta mereceu tamén a vitoria, mágoa que atopase no seu camiño ao incrible Roberto.
A asemblea anual de Nova Escola Galega, o noso movemento de renovación pedagóxica que este ano cumpre o seu vinte e cinco aniversario, denunciou onte que a Consellaría de Educación estea deixando en papel mollado o decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario. O pronunciamento seméllame oportunísimo, sobre todo, cando fai referencia a que “non se levasen a cabo actuacións dirixidas á necesaria divulgación dos obxectivos e dos contidos do decreto entre os membros da comunidade educativa e na sociedade, en xeral”. Como tamén a súa proposta ao Goberno Galego de que este “debería estar xa nesta altura difundindo, a través de Educación, unha información “clara e transparente” ao respecto do decreto, explicando as “razóns pedagóxicas e sociais” que levaron a promulgalo e ofrecendo unha oferta de formación do profesorado en temas como planificación lingüística educativa ou didáctica do ensino en dúas linguas”. Temos insistido que o problema do decreto de uso do galego non está nos seus contidos (dende aquí valoramos que supoñen un avance), senón na falta dunha estratexia de comunicación que vencese ás posibles resistencias, como de formación e actualización do profesorado das novs áreas e materias que se imparten agora en galego. Nese desleixo e falta de compromiso da Consellaría de Educación naceron moitas das dificultades que neste curso estamos padecendo. Razóns polas que o pronunciamento de Nova Escola Galega semella imprescindible e ben matizado.
No artigo da semana recupero un anaco das vidas das seis mulleres cuxos nomes identificarán seis novas rúas da cidade de Vigo. Unha rúa de Teis levará o nome de Ángela Iglesias Rebollar; dúas da zona da Travesía de Vigo os de Rosario Hernández Diéguez “A Calesa” e Carmen Miguel Agra; dúas do PERI de Barreiro os de Margarita Bilbatúa Zubeldia e Urania Mella Serrano; e outra de Pardaíña-Rocío o de Mercedes Núñez Targa. Seis nomes, portadores de historias de vida moi duras, esgazadas en tempos de intrasixencia e terror. Seis nomes borrados ou esquecidos que, despois de máis setenta anos, agroman no noso rueiro para contribuír ao proceso de recuperación da memoria histórica das mulleres da IIª República en Vigo. Un acto de xustiza.
Moito agradezo a Pablo Eifonso a recuperación deste documento, publicado o 6 de febreiro de 1983, con motivo da reacción moi irada dos sectores da “música oficial” viguesa (para eles “Cultura” en maiúsculas) tras senllos concertos no Auditorio Municipal onde se interpretaron obras de Enrique X. Macías. O texto serviume para lembrar o concerto, botar unhas risas e gozar dunha aceda melancolía sobre o acontecido e a reacción da caverna. A oportuna anotación de Eifonso (deostra que dispón dun moi valioso arquivo hemerográfico) amosa, ademais, a necesidade imperiosa de continuar cos exercicios de memoria. Grazas, moitas grazas por expurgar para a rede este documento.
Daniel Salgado publica en Luzes unha reportaxe sobre a traxectoria do Consello da Cultura Galega con motivo do seu XXV aniversario. Recolleu opinións sobre esta traxectoria de Ramón Villares (actual presidente), Luís Álvarez Pousa, Darío Villanueva, Carlos Callón e eu mesmo. Creo que esta efeméride do Consello, lonxe da autocompracencia, debería servir para que tan importante institución do noso autogoberno –non esquezamos, independente do Goberno Galego– reflexionase sobre o seu papel futuro e fose capaz de reinventarse no contexto da actual revolución da creación e comunicación cultural, retos que a obrigan a fuxir da endogamia e da consideración da cultura só dende o seu carácter institucional.
Leo hoxe un lúcido artigo de Xosé Ramón Pousa e unha anotación de Txetxu Barandiarán sobre unha intervención de Rogelio Blanco, ambas as dúas coincidentes na súa percepción de que o paradigma da lectura é hoxe máis amplo co dos soportes impresos (libros e xornais) e, polo tanto, estes son ámbitos que non sempre xogan no mesmo terreo. Asumir esta diferenza é impresindible para reorientar as políticas de edición e de promoción da lectura que se aborden nun futuro que xa é presente. Abordar este novo concepto da lectura, moito máis alá do soporte impreso (o que constitúe unha revolución), como unha actividade cognitiva que permite a interacción co mundo contemporáneo, é algo que xa non se pode adiar. Fago miñas as palabras de Pousa: “Pensar que o papel é o único soporte con credibilidade, científica ou cultural, é un erro que nos pode levar a moitas equivocacións no futuro”.
Hoxe Agatha Santos dedica en Faro unha páxina completa á figura e á obra do nosoamigo o músico contemporáneo Enrique X. Macías. O vindeiro 18 de maio renderáselle unha homenaxe, con motivo do cincuentenario do seu nacemento. Unha iniciativa da Concellaría de Cultura que merece o noso recoñecemento.
Hoxe na edición de Vigo de La Voz de Galicia aparecen xuntas tres noticias moi significativas: “no pasado ano pecharon en Vigo corenta establecementos nos que se vendían libros“; “a firma de ocio cultural FNAC quere ianugurar a tenda de Vigo en 2009” e “só quedan catro establecementos de venda de música“. Ou noutras palabras, as librarías e tendas do disco son substituídas inexorablemente polas tendas de “ocio, cultura e tecnoloxía”. Vai quedar algún espazo en Vigo para as librarías independentes de cultura? Quedaremos os lectores, autores e editores sometidos á ditadura dos best sellers e falsos best sellers que inundan a Casa do Libro (cada vez que entro, coma hoxe mesmo, a pesar de mercar algún libro e participar nun acto, saio desacougado e triste, vendo o libro galego arrumbado e cativo) e a futura FNAC? Aceptamos ese destino da libraría como fatal e irreversible (Txetxu alertaba como en Praza das Letras, que aquñi tanto gabamos, as librarías galegas nin sequera son citadas)? Non chegou o tempo de promover unha mobilización cívica en defensa destes espazos especializados en lectura? Algo haberá que facer para defender, aínda que sexa de forma medualiana, un espazo comercial e cultural no que se vende actualmente o 70% do libro en galego?
Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.
Diego Costa, o mediopunta brasileiro do Celta é un xogador fantástico, capaz de realizar xogadas de figura e tamén partidos e accións absolutamente decepcionantes. Hoxe en Soria marcou dous goles marabillosos e fixo resucitar a un Celta que criamos morto. O segundo gol, arrincando dende o medio campo e caneando a todos os que se lle puxeron por diante, é memorable, comparable aos míticos de Messi ou Maradona. Se fose capaz e xeneroso de poñer todo o seu talento ao servizo do xogo colectivo, este rapaz podería volver a facernos soñar.
Fermosas e atinadas as palabras de Pereiro. Agustín Díaz foi un dos grandes do xornalismo galego das tres últimas décadas. Recordaremos sempre a Tincho como un xornalista comprometido, informadísimo, rigoroso, agarimoso, políglota, camiñante… Unha gran perda. Con todos os abrazos para os seus.
Levaba varias semanas buscando un oco para preparar unha anotación en condicións sobre a posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a nova editora literaria promovida polo noso amigo e grande editor Nelson de Matos. Despois de vinte e tres anos á fronte de ediçoes Dom Quixote, converténdoa na editora portuguesa de referencia, logo da súa recente aventura como editor literario de Ambar, Nelson desenvolve agora o seu proxecto editorial máis persoal e minucioso. Coa convicción do papel ético do editor como creador dun catálogo, concibido como espazo de creación cultural, e da necesidade do seu traballo constante co texto ao carón dos autores, os primeiros títulos da nova editora de Nelson aparecen organizados en cinco coleccións: “Mil horas de leitura” (Literatura), “Textos literarios” (apoio ao ensino), “Historia hoje” (historia e actualidade), “Outras direcçoes” (lecer) e “Pensar*Navegar (ensaio). Un catálogo ben estruturado e organizado que recupera a centralidade do papel do editor de cultura independente, posición tan difícil e complexa en Portugal (como tamén en España) fronte á tiranía que establecen no mercado a actual concentración tanto da edición como da distribución en librarías. Todos os libros da nova editora levan a marca do editor coidadosa e experto: un formato común e moi manexable, un deseño de interiores magnífico e unha liña de cubertas limpa, onde o branco identificará a imaxe da editora. Dos primeiros títulos que coñecemos debemos salientar O Lavagante, o inédito de José Cardoso Pires, título xa reeditado no mesmo mes da súa aparición, o que constitúe unha mostra clara das posibilidades de éxito da nova editora. Como tamén me pareceu moi interesante Infância, quando eles eram pequeninos, un gozoso libro de entrevistas de Sarah Adamopoulos sobre a recuperación da memoria da infancia de trinta e catro personaxes portugueses. A primeira acollida dos libros non pode ser máis entusiasta e xa son moi numerosas as referencias aparecidas na prensa portuguesa. Este novo proxecto dun editor freelancer (como gosta definirse o propio Nelson) amosan que aínda hai un oco para a edición de cultura. O traballo artesanal do editor na confección das coleccións, as tarefas minuciosas de lectura dos manuscritos, o compromiso na comunicación editorial constitúen as claves deste novo proxecto. Beicemos a afouteza deste mestre de editores para continuar na fantasía da edición cultural. Seguiremos dende Galicia estas Ediçoes Nelson de Matos, como un facho de esperanza.
Julián Gallo ofrece unha anotación moi suxestiva sobre as dúas tendencias, aparentemente contraditorias, existentes no actual desenvolvemento do coñecemento na rede: a baseada nun novo e reforzado papel dos expertos e a promovida pola creación colectiva. Gallo, citando este artigo de Newsweek (“A venganza dos expertos”), onde se suxire que os contidos xerados polos usuarios de youtube ou da Wikipedia axiña serán substituídos polos contidos xerados e asinados polos expertos en cada eido do coñecemento, recolle dous exemplos da primeira da tendencias: a Knol de Google e o BigThink.com (o chamado “youtube das ideas”, onde se presentan entrevistas con destacados intelectuais e investigadores de ámbitos concretos.). Como exemplo da segunda, a baseada na creación colectiva, Gallo propón este vídeo de Charles Leadbeater para presentar o seu libro We Think, no que se desenvolve a idea de creación colectiva (“niño de ave”). O debate que propón Gallo é interesantísimo, xa que sitúa a reflexión sobre a calidade do contido publicado en Internet que, ata agora, e a diferencia do contido analóxico (das enciclopedias en papel) non estaba canonizado pola “autoridade” dun único editor. Non hai dúbida que o modelo da Knol (aos poucos exemplos publicados nos remitimos) intenta mellorar a calidade do contido e da edición visual dos artigos da Wikipedia, aínda que abre moitos interrogantes sobre a súa viabilidade (aparecerá publicidade) e sobre a posibilidade do control que sobre o coñecemento puidera introducir. Como tampouco, hai dúbidas que a creación colectiva en Internet, defendida por Leadbeater, pode achegar froitos moi positivos utilizada no mundo non virtual (sexa nas escolas, nas empresas ou na organización das cidades). A tese de Leadbeater non pode ser máis ilusionante e esperanzadora: “as novas formas de colaboración creativa en Internet anuncian a chegada dunha sociedade onde a participación sexa a idea dominante”. Seguiremos estes dous fíos tan suxestivos.
Porén, sobre as posibilidades de modificar a modalidade de gratuidade do texto en Galicia, continúo sendo pesimista. A dúas probas me remito. Estas semanas atrás, coa intención claramente electoral, a Consellaría de Educación irrigou polos medios electrónicos publicidade salientando que as principais medidas da súa política de cambio educativo foron os “Libros gratuítos”; “Aposta polo multilingüismo” [sic]. O presidente Touriño e a conselleira Laura Sánchez Piñón, a pesar das boas palabras que expresaron nalgúns momentos, aférranse electoralmente e de forma populista a unha modalidade de gratuidade cada vez máis criticada e máis lesiva para o conxunto do sector do libro. Dende a outra banda do goberno galego, os nacionalistas, despois dos seus compromisos iniciais de apoiar ao sector do libro nesta cuestión, promovendo a creación dunha Mesa Técnica, cairon nun mesto silencio como se este problema non fose con eles nin afectase ao futuro do sector do libro. Ben estaría que esta posición de NaBai axudase a lembrar compromisos adquiridos por PSdeG-PSOE e BNG co sector do libro galego e a propoñer un novo modelo de gratuidade dende a esquerda.
Consultar a posición de NaBai é, ademais, unha boa oportunidade para visitar o seu web (non saltar o flash, paga a pena) e comprobar o seu esforzo por ofrecer outra cultura de comunicación política.
Hai meses en Trafegando ronseis (para min hoxe un dos mellores blogs en galego) dábse conta do fenómeno dos keitai shousetsu, novelas por entregas que os mozos e mozas xaponeses (de quince a vinte anos) baixan e len no móbil. Dicíanos que se trataban “en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos “manga”. Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente”. A anotación de ronseis remataba salientando que estas noveliñas cando eran, despois, editadas en papel acadaban vendas enormes. Onte Bibliómano e Libros & Tecnología (outros dos meus blogs preferidos) volvían a facerse eco do fenómeno “keitai” salientando que en Xapón (un país con 78 millóns de móbiles) constitúe o fenómeno principal da “cultura telefónica“. O móbil serve para atender chamadas, escoitar música, enviar mensaxes de texto e de imaxe, ler novelas por entregas, utilizarse como moedeiro electrónico, tirar fotografías e vídeos ou mesmo recibir alertas en caso de terremotos… En definitiva, unha multiplataforma comunicacional de peto. A verdade estes keitai shousetsu (habería que traducilos por novelas celulares) a pesar da súa importancia no mercado editorial, non semellan literariamente moi atractivos (apenas outra versión de produtos de lectura de consumo). Porén, este fenómeno xaponés sinala, outra vez, a tendencia da integración das utilidades de comunicación nun aparello portable multiplataforma, onde a lectura tería, por pequeno que fose, tamén o seu oco. O debate sobre os libros do futuro continúa.
Hoxe que se cumpren cinco anos do comezo da guerra de Iraq, merece a pena reflexionar con este longo documental (en dez vídeos) preparado por un internauta arxentino só con imaxes dispoñibles na rede, algunhas delas gravadas por soldados americanos e británicos participantes na invasión. Algunhas, por coñecidas non son menos impactantes e grotescas; outras (moi duras, como as do segundo e o terceiro), para min inéditas, deixáronme cao. A pesar das declaracións de Aznar, esta vergonza para a humanidade continúa. Como darlle unha oportunidade para a paz? Estes vídeos amosan, ademais, as posibilidades da rede para desvelar o que se nos trata de ocultar.
Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección “Os filmes de…”, comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.
Os resultados do BNG nas Xerais son moi enganosos. Por unha banda amosan serias dificultades para consolidar o seu voto nas contornas urbanas e para recuperar o seu teito electoral, obtido nas Xerais 2000 (306.000 votos, un 18% do electorado), o que constitúe un feito, indubidablemente, insatisfactorio para as súas posibilidades de converterse nalgún día, como agardamos os nacionalistas, na forza hexemónica do país. Porén, pola outra, a súa probada capacidade de resistencia e a fidelidade do seu electorado (dende hai doce anos situado sempre por riba dos 200.000 votos, aproximadamente un 12% do electorado galego) permiten agora que o valor dos seus dous deputados poida convertela nunha das forzas decisivas para a gobernabilidade do estado, o que constitúe, unha magnífica oportunidade para a modernización de Galicia, ademais dunha posibilidade de reforzamento do seu autogoberno. Manexar con realismo e humildade este resultado contraditorio é o reto que teñen por diante os responsables do BNG. Sería un erro que tratasen de agachar as carencias e dificultades de crecemento do BNG nas contornas urbanas (onde se produciron algúns resultados claramente adversos, como en Ferrol ou Pontevedra ); como tamén o sería presentar o carácter decisivo das súas actas (moi lonxe aínda do obxectivo razonable de contar con grupo parlamentario propio, como sempre tiveron as outras dúas forzas de Galeuscat) como un “triunfo sensacional” do nacionalismo galego. No entanto, a posibilidade de que estes dous votos do BNG poidan condicionar a formación e a estabilidade do goberno Zapatero ao longo da lexislatura, é unha oportunidade sen precedentes para Galicia que o BNG pode e debe capitalizar diante do seu electorado e do conxunto da cidadanía galega. Eis, é onde pode atopar o BNG o seu maior éxito nestas Xerais, transformando a súa febleza nunha magnífica fortaleza ao servizo do país. Como ten manifestado Francisco Jorquera nunha recente entrevista na Crónica da Radio Galega, os condicionantes que proporá o BNG na negociación co equipo Zapatero han xirar arredor de catro cuestións de interese xeral para Galicia: os investimentos e as infraestruturas (consolidando os compromisos de investimento do 8% e os calendarios de finalización de AVE, Eixo Atlántico de Alta Velocidade, portos e aeroportos); o desenvolvemento do autogoberno (especialmente no que atinxe as transferencias de Seguridade Marítima e tráfico, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia); o respecto aos intereses económicos do país (con atención primeira as posibilidades de futuro de Astano e do desenvolvemento do sector leiteiro); e, por último, á modificación da “Lei Electoral” (sobre todo no que atinxe ao regulamento do voto en urna do residentes ausentes). Un programa absolutamente razonable, que contribuiría decisivamente á mellora da calidade de vida de todos os galegos. Xestionando con intelixencia esta magnífica oportunidade para Galicia o BNG pode atopar finalmente un éxito considerable nestas Xerais.
TRISTE, MOI TRISTE Onte remataron as entelequias de Mouriño: tras o bacará fronte ao Albacete, o Celta está obrigado a mudar o obxectivo do ascenso a primeira polo de evitar o descenso a segunda división B. Acadar doce puntos de trinta e nove posibles será, a partir de agora, o obxectivo razonable para un equipo que na tempada pasada xogou a Champions League e que na presente conta co máis alto presuposto da categoría. Todo un baño de realismo. O troco de adestrador serviu para que o equipo perdese a pouca orde táctica que imprimira López Caro. A revolución disciplinaria de Antonio López, que deixou fóra da convocatoria a dous dos dianteiros dispoñibles (Costa e Quincy), e a incorporación do canteirán Michu (fixo un partido moi aceptable) na media punta non abondaron para impedir a caída libre na que semella estar inmerso o Celta durante este 2008. O noso é un equipo que segue carecendo de alma gañadora, dunha mínima estrutura no centro do campo (un auténtico desastre) e, sobre todo, da solidariedade defensiva imprescindible para ser un conxunto competitivo na segunda división. Ao Albacete, un dos colistas, abondáronlle dezasete minutos de xogo para que Barkero atopase un furadiño na esmirrrada defensa celeste e batese a Esteban. Aí remataron todas as esperanzas. A partir de entón, os nosos derrubáronse coma un castelo de area e, como na época Stoichkov, deixaron que fosen os centrais (Lequi e Rubén) os que dirixisen o xogo de ataque enviando pelotazos á área, onde Perera loitaba soíño fronte a cinco defensas. Coa excepción de dous remates con perigo do noso bota de ouro (no minuto 24 da segunda parte), pouco xogo celeste de ataque podemos relatar. A falta total de sentido, o disparate táctico e caos posicional, a falta de compromiso dos xogadores, os trocos desafortunados e a destempo do novo adestrador producíronse diante da maior indiferenza dunha afección (cada vez máis minguada) que, por fin, rebentou pedindo, durante a segunda metade, a demisión do presidente. Protestas lexítimas dunha bancada que comproba como o seu equipo se precipitou ao abismo desque está nas mans de Mouriño e de Ramón Martínez, responsables da composición deste pobrísimo e carísimo cadro de xogadores e técnicos foráneos. Se non se lle pon axiña remedio (e non vai ser doado con estes vimbios), esta desfeita pode levar a que Vigo quede sen fútbol de primeira división durante moitos anos. Triste, moi triste.
No artigo da semana fago propoño unha reflexión, xa máis perfilada ca anterior (realizada na noite electoral), sobre o resultado das Xerais do pasado domingo. Entendo que consolidan ese ciclo político novo, sobre todo en Galicia.
A reportaxe de Babelia e outros textos sobre o big bang dixital provocado sobre o mundo do libro non achega grandes novidades. O texto que máis me interesou foi o de Edmundo Paz Soldán sobre “El ‘blog” y la literatura del siglo XXI“, no que se aposta pola consideración dun determinado tipo de blog como un novo “xénero literario”. Coincido con Paz Soldán en que “El blog debe abrirse al diálogo con las múltiples posibilidades interactivas de la red, hacer navegar al lector: un post debe contener muchos enlaces que nos lleven de aquí para allá (artículos, noticias, foros, blogs, vídeos). También permite que los lectores comenten los posts. Algunos blogueros lo impiden, lo cual va contra la naturaleza misma del blog: la posibilidad de interactuar de forma inmediata y sin filtros con los lectores, de hacer que los comentarios conviertan al post en un foro de discusión”. Efectivamente, o formato blog pode ir máis aló de ser un soporte de publicación electrónica (algo xa interesante), xa que pode aproveitar as posibilidades da textualidade electrónica. Eis un camiño a seguir explorando.
Xa está aberta a inscrición para participar no XXII Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz. Na xornada de apertura, o 18 de abril, presentarase no Teatro do Centro Cultural Caixanova de Vigo os dous primeiros tomos da triloxía Educación e paz, publicada por Xerais, sobre os que volveremos nas vindeiras semanas. Adianto que tanto os contidos dos libros, coordinados por Xesús R. Jares, como o acto de presentación (coa participación de ensaístas, músicos e escritores) serán acontecementos moi importantes.
O deseño do cartel e das portadas do s libros da triloxía é de Angel Cerviño.
Moi recomendable é o artigo de V. Oliveira, publicado en Galicia hoxe, dando conta das máis recentes novidades editoriais de e sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez publicadas por Galaxia e Xerais. Nos vindeiros meses, antes do 17 de maio, aparecerán as edicións d’ A cidade e os días e a Fotobiografía, dús grandes obras que nestes momentos temos case rematadas.
Diante dos resultados definitivos a primeira sensación é de alivio xa que perdeu a mentira, a crispación e o medo. O PP, a pesar de aumentar en seis deputados e mellorar o seu número de votos (en 400.000), non vai poder gobernar nin vai poder controlar o Senado (algo que se podía temer pola asignación provincial desta cámara). Mariano Rajoy e o seu equipo tratarán de vender estes resultados como unha derrota dóce, mais é moi probable que o rexistrador da propiedade non recunque como candidato en 2012.
A segunda é de mágoa pola polarización brutal dos resultados sobre os dous partidos presidencialistas (entre os dous acadan case o 84% dos votos, a cifra máis elevada de todas as Xerais celebradas; só hai que recordar que en 1989, na segunda maioría absoluta de González esta porcentaxe acadara o 65,4%). Esta polarización bipartidista reduce a diversidade e empobrecerá o debate parlamentario. A terceira, consecuencia da anterior, é a de decepción pola diminución dos apoios recibidos polos partidos nacionalistas. Coa excepción do BNG e Nafarroa Bai, todos os demais perden un importante número de votos: ERC descalábrase (máis de 300.000), o EAJ-PNV (117.000, vaia erro prescindir de Imaz!), Eusko Alkartasuna (desaparece do hemicilo, perde 30.000 votos), CIU (a pesar de manter as súas dez actas, perde case 60.000) e Coalición Canaria (case setenta mil). A cuarta, xa referida a Galicia, é satisfacción pola consolidación do cambio de ciclo e de hexemonía das forzas progresistas no país. Os resultados do PP-G son enganosos, mantén o seu número de deputados e senadores, porén, perde tres puntos e, o que resulta máis significativo, a pesar de aumentar a participación, perde case cen mil votos. O PP-G perde a maioría en todas as provincias e en todas as cidades (onde, coa excepción de Compostela, o PSdeG-PSOE é a forza máis votada), feito importantísimo que obrigará aos conservadores galegos a acometer unha auténtica refundación. A suma dos votos progresistas supera amplamente no conxunto do país e en todas as provincias o dos conservadores, o que quere dicir que o actual goberno bipartito consolida o seu apoio electoral. A quinta é de preocupación con respecto aos apoios recibidos polo BNG que, a pesar de resistir (aumenta en 22 o seu número de votos, o que nunha atmosfera bipartidista tan adversa xa é un éxito), a verdade é que, como lle sucede tamén ao PP-G, non consigue arrincar nas cidades (a pesar de participar na maior parte dos casos os gobernos municipais). En Vigo perde 500 votos (quedando nun 11,29%), en Pontevedra 1.200 votos (10, 51%), en Ourense 2.521 (10,27%), en Ferrol 1.203 (8,67%), na Coruña 631 (10,46%), en Lugo tres votos menos (9,95%). Só en Compostela, onde aumenta 139 votos, ten unha lixeira mellora da súa porcentaxe que acada o 13,05%. A resistencia do BNG alicerzouse, como xa se apreciou nas municipais, nas vilas intermedias e no aumento do voto militante nos concellos do medio rural. Con todo, os actuais resultados do BNG (moi semellantes aos das Xerais de 2004) quedan moi lonxe daqueles 306.268 votos (18,6%) obtidos nas Xerais de 2000. A sexta e última é de expectativa. O triunfo do PSOE é moito máis apretado do que aparentemente ese 43,64% pode indicar (unha porcentaxe semellante á que lle valeu a Aznar a maioría absoluta de 2000). É certo que Zapatero revalidou a súa lexitimidade (a pesar de que a caverna intente cuestionala) grazas a uns moi bos resultados en Cataluña, Euskadi e Andalucía. No entanto, para artellar unha maioría viable terá que enfrontar a lexislatura dende a creatividade política (será imprescindible manexar unha nova axenda) e o diálogo institucional e territorial para enfrontar as adversidades da desaceleración económica e dunha reforma institucional xa ineludible. Non lle abondará co apoio de IU (o seu fracaso foi estrepitoso, aínda que estea xustificado pola polarización presidencialista destas eleccións) nin seguramente procurará o de ERC e PNV (a convocatoria da consulta de outubro será un óso duro de roer). Aí está a grande oportunidade de CIU e do BNG de converterse (tal como pretendían) en forzas decisivas na gobernabilidade do Estado. Unha boa oportunidade para Galicia e Cataluña, ademais de para afrontar con seriedade unha reforma constitucional nunha perspectiva inequivocamente federal, que xa non se pode adiar outra lexislatura. O panorama queda moi aberto.
No artigo da semana continúo a serie sobre Xosé María Álvarez Blázquez editor, abordando, coa brevidade obrigada do espazo do Faro, o seu proxecto de Edicións Castrelos, onde publicou case cen títulos e difundiu 600.000 exemplares de libros en lingua galega. Nunca está de máis que reiteremos a nosa admiración polo traballo de xigante que XMAB desenvolveu como editor, semente da actual edición moderna en galego. Aproveito para recomendar a actualización do espazo dedicado a XMAB polo seu fillo Celso (inclúe actualización das novidades editoriais, novas fotografías e gravacións da propia voz de don Xosé María, achegas moi interesantes que recomendo vivamente).
O asasinato de Isaias Carrasco por parte dun pistoleiro de ETA en Arrasate é unha vileza arrepiante, ademais dunha flagrante violación dos dereitos humanos e da dignidade cidadá. Indubidablemente, tamén, ao producirse no derradeiro día da campaña, constitúe unha intolerable inxerencia de ETA no proceso electoral, xa que vai ser moi difícil para a cidadanía substraerse ao impacto emocional que produce unha noticia tan brutal. A unidade de todas as forzas políticas e sociais (mágoa que fose máis aparente que real, polo desmarque interesado do PP, algo esperable tras a súa actuación durante os catro anos de lexislatura) e, sobre todo, o exercicio de cidadanía na defensa sen fisuras dos dereitos humanos e do dereito á libre participación democrática nas eleccións de mañá (baixo a forma que cadaquén considere oportuna) semella o único camiño posible para homenaxear ao traballador asasinado. Debemos insistir en que non podemos aceptar baixo ningún concepto a utilización da violencia con fins políticos (por respectables que poidan ser os ideais defendidos) nin tampouco a utilización interesada do atentado e da dor da familia da vítima para favorecer determinados intereses partidarios. Tanto unha cousa coma outra, dende o punto de vista moral, seméllanme totalmente inaceptables.
Transcribo o texto do comunicado de Educadores pola paz-Nova Escola Galega condenando o atentado e enviado onte aos medios de comunicación e animo a difundilo pola rede, xa que entendo pode axudar a reflexionar con serenidade sobre o atentado e a promover unha cultura de paz e diálogo sobre o conflito vasco. Recolle con claridade meridiana o que pensamos moitos milleiros de persoas na defensa teimosa dos dereitos humanos e da democracia.
“O colectivo Educadores/as pola Paz do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, quere expresar a súa máis firme repulsa e condena do atentado terrorista da banda terrorista ETA no día de hoxe en Mondragón (Guipúzcoa), que acabou coa vida de Isaias Carrasco. Como educadores e educadoras comprometidos coa educación e a cultura de paz, proclamamos o dereito á vida como un principio inviolable que está por enriba de calquera ideoloxía, crenza ou relixión. Ningún fin xustifica a violación dos dereitos humanos, comezando polo dereito á vida. En segundo lugar, queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade coa familia e amigos da vítima. Compartimos e facemos nosa a súa dor. En terceiro lugar, dadas as circunstancias de estar no último día da campaña política para as eleccións ao parlamento español do próximo día 9, requerimos a todos os partidos políticos e outras asociacións que non caian na tentación do uso do terrorismo e da dor das vítimas para fins partidarios. En cuarto lugar, facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía para ter a coraxe cívica votando masivamente nas eleccións convocadas para o próximo día 9. ETA non pode condicionar o noso voto nin a axenda democrática da sociedade. En quinto lugar, Educadores pola Paz-Nova Escola Galega suma a súa voz á necesaria resposta cidadá diante deste novo atentado, e fai un chamamento especial á comunidade educativa para que este atentado non pase desapercibido. Que sexa un acto do que se fale e reflexione nos centros educativos para que se convirta en semente de paz, en semente de esperanza.
Vigo, a 7 de marzo de 2008
Asdo. Xesús R. Jares Coordenador de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega”
Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.
Unha moi boa noticia para a visibilidade do libro galego: o vindeiro sábado, Protexta, o suplemento trimestral de libros de Tempos Novos, aparecerá inserido xunto aos catro xornais do grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños). Con esta iniciativa, Protexta adquire unha difusión de 50.000 exemplares e se converte na revista de libros galegos de maior tirada.
Coa que está caendo sobre o futuro da lingua, a aparición d’ O profesor de vegliota, a nova novela de Manuel Veiga, ven como anel para levar o debate ao espazo da creación cultural. A novela, que está nas librarías antes de semana santa, propón, entre outros temas, unha reflexión moi dura sobre o papel da lingua na sociedade e o seu futuro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparei para presentala:
“Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial. O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita.”
Onte presentamos en VigoMemoria contra Alzheimer a novela curta de Rafael Laso publicada en Fóra de Xogo. O acto celebrouse na sede Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Vigo, entidade profesional á que pertence o autor, coa presenza dun público numeroso. Rafael Laso sinalou na súa intervención que na novela pretendeu que unha partida de xadrez xogada ás cegas, unha das máis famosas da historia, marcase o ritmo dos capítulos dunha obra na que pretendeu abordar a patoloxía do Alzheimer, unha das patoloxías sociais que nestes momentos máis preocupa. “O xadrez é un deporte honesto, no que se precisa moita capacidade e moita memoria, á de dúas persoas que se enfrontan nunha batalla sen danos colaterais, baseándose na súa memoria”. [...] “Quixen describir as fases do esquecemento que se van producindo no Alzheimer por medio dunha personaxe que non sabe se é un xogador ou unha peza, ao tempo que vai abandonando os recordos que o acompañaron ao longo da súa vida. Unha xogada na que o protagonista é consciente de que ten a partida perdida”. Rematou a súa intervención sinalando que pretendeu propoñer aos lectores unha reflexión sobre o esquecemento: “cando hai alguén capaz de lembrarte, existirás”, aínda que “como sinalaba o meu querido Carlos Casares, non hai maior certeza, xa que non sabemos a razón pola que toda a xente ao final acaba esquecendo”.
ACABOUSE Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.