Ediçoes Nelson de Matos: ler para crer

22 Marzo, 2008 (11:16) | Beizóns, Editores

Levaba varias semanas buscando un oco para preparar unha anotación en condicións sobre a posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a nova editora literaria promovida polo noso amigo e grande editor Nelson de Matos. Despois de vinte e tres anos á fronte de ediçoes Dom Quixote, converténdoa na editora portuguesa de referencia, logo da súa recente aventura como editor literario de Ambar, Nelson desenvolve agora o seu proxecto editorial máis persoal e minucioso. Coa convicción do papel ético do editor como creador dun catálogo, concibido como espazo de creación cultural, e da necesidade do seu traballo constante co texto ao carón dos autores, os primeiros títulos da nova editora de Nelson aparecen organizados en cinco coleccións: “Mil horas de leitura” (Literatura), “Textos literarios” (apoio ao ensino), “Historia hoje” (historia e actualidade), “Outras direcçoes” (lecer) e “Pensar*Navegar (ensaio). Un catálogo ben estruturado e organizado que recupera a centralidade do papel do editor de cultura independente, posición tan difícil e complexa en Portugal (como tamén en España) fronte á tiranía que establecen no mercado a actual concentración tanto da edición como da distribución en librarías.
Todos os libros da nova editora levan a marca do editor coidadosa e experto: un formato común e moi manexable, un deseño de interiores magnífico e unha liña de cubertas limpa, onde o branco identificará a imaxe da editora. Dos primeiros títulos que coñecemos debemos salientar O Lavagante, o inédito de José Cardoso Pires, título xa reeditado no mesmo mes da súa aparición, o que constitúe unha mostra clara das posibilidades de éxito da nova editora. Como tamén me pareceu moi interesante Infância, quando eles eram pequeninos, un gozoso libro de entrevistas de Sarah Adamopoulos sobre a recuperación da memoria da infancia de trinta e catro personaxes portugueses. A primeira acollida dos libros non pode ser máis entusiasta e xa son moi numerosas as referencias aparecidas na prensa portuguesa.
Este novo proxecto dun editor freelancer (como gosta definirse o propio Nelson) amosan que aínda hai un oco para a edición de cultura. O traballo artesanal do editor na confección das coleccións, as tarefas minuciosas de lectura dos manuscritos, o compromiso na comunicación editorial constitúen as claves deste novo proxecto. Beicemos a afouteza deste mestre de editores para continuar na fantasía da edición cultural. Seguiremos dende Galicia estas Ediçoes Nelson de Matos, como un facho de esperanza.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Comment from Anonymous
Date: 22 Marzo 2008, 8:13 p.m.

Anímate

Comment from Martin Pawley
Date: 22 Marzo 2008, 9:16 p.m.

Dentro dun mes irei uns días a Lisboa por mor do seu magnífico festival de cinema, cuxa sede central é o Fórum Lisboa, na Avenida de Roma, a un kilómetro máis ou menos de onde se ubica a editora do Nelson. Recoméndame a visita “real”, alén da virtual?

Comment from Brétemas
Date: 22 Marzo 2008, 10:37 p.m.

Pawley: Nelson montou a editora cos medios imprescindibles. El é o único funcionario. Por agora, só é posible a visita virtual.