Steiner e o galego

26 Agosto, 2008 (16:38) | Cultura, Lingua, Polémicas

A entrevista de Juan Cruz a George Steiner, o prestixioso profesor da Universidade de Cambridge, amosa como as persoas teoricamente intelixentes e valiosas, cando están desinformadas, din as maiores parvadas. O caso é que interpelado por Juanito Cruz sobre se o idioma pode estar na orixe do terrorismo de ETA, o intelectual deita de forma brutal todos os seus prexuízos sobre o galego (e de paso sobre o valor que para ele posúen as “linguas minoritarias”):

Quizá. Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego.

Para Steiner “O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante”, mais se pregunta de forma retórica: “o galego, por que ha ser obrigatorio na universidade”. O famoso crítico literario (Premio Príncipe de Asturias) emprega sen arroibarse un falaz argumento de autoridade, outorgando as linguas un valor distinto en función do poder que atribúe a comunidade dos seus falantes. Para el, o catalán e a súa “literatura impresionante” poden empregarse na universidade, mais utilizar o galego entre os membros da comunidade científica (segundo as súas declaracións) “significa que vamos a seguir dividiéndonos en pequeños grupos regionales, y eso despierta el odio étnico, como el que existe en los Balcanes”.
Máis alá de constituír unha solemne parvada, o comentario de Steiner é un síntoma do escaso coñecemento (e por riba prexuízado) que existe sobre a nosa lingua e a nosa cultura no mundo (mesmo entre as elites universitarias). O peor é que a parvada de Steiner é un tristísimo síntoma do que somos e supoñemos para estas elites académicas, o que (máis alá da nosa lexítima indignación) nos debería obrigar a reflexionar sobre a estratexia que estamos utilizando para darnos a coñecer e respectar no exterior. Ocórreseme que os responsables das tres universidades galegas lle fixeran chegar ao profesor Steiner unha completa bibliografía literaria galega ou mesmo que o seu colega da Universidade de Oxford, o profesor Rutherford, axudase de forma privada a tan fogoso intelectual a vencer a supina ignorancia que amosa sobre a lingua galega.
Aconsello a lectura de tres magníficos comentarios que lin hoxe sobre estas lamentables declaracións: o atinadísimo artigo de José Manuel Ponte e as oportuna anotación no blogs de Manuel Jabois e Ian.

Actualización (27-08-2008): Galicia hoxe e A opinión da Coruña dedican senllas reportaxes á polémica. As opinións das numerosas persoas que fomos consultadas son coincidentes: Steiner meteu a zoca ben metida.