Campo do Fragoso LXIV

31 Agosto, 2008 (11:03) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol, Vídeos

MAL COMEZO
Tras as boas sensacións da pretempada tiñamos fundadas esperanzas en que este Celta refundado na concursal comezaría a liga de forma ilusionante e axiña nos faría esquecer dous anos de pesadelo. Porén, este Celta do trinque (no que só permanecen dous xogadores da tempada pasada no primeiro equipo titular, o capitán Rubén e o medio centro destrutor Rosada) amosouse aínda moi inmaduro e absolutamente incapaz de superar a un equipo tan ben estruturado como o Girona, o recén ascendido que noqueou na fase de ascenso ao Pontevedra e permaneceu invito na pasada tempada regular de 2º B. Foron os cataláns un óso demasiado duro de roer para un equipo aínda en construción, como é o de Pepe Murcia, máis obsesionado por manter o axuste do seu debuxo táctico e o control do xogo ca en procurar situacións de vantaxe e de perigo na área rival. Dende o inicio, os de Raúl Agné agardaron polos celestes diante da frontal da súa área onde, coa excepción dun par de internadas polas bandas dun magnífico e descarado Dani Abalo (o canteirán foi o mellor dos célticos) e dunha moi boa galopada de Óscar Díaz, finalizaban as lentísimas combinacións dirixidas dende o centro por Trashorras, o único mediocampista dos nosos con certa capacidade creativa. Unha e outra vez as tenues subidas celestes quedaban afogadas alí pola intensidade defensiva catalana que aproveitaba as súas recuperacións para despregar perigosos e veloces contraataques que supuxeron un par de clarísimas oportunidades malogradas in extremis por Notario, o novo gardarredes céltico. Tras a reanudación, apenas variou este panorama ata que no minuto dezaoito un erro fatal nun despexe dentro da área celeste de Óscar Díaz facilitou que o Girona marcase a pracer o seu gol. Entón, Pepe Murcia non soubo reaccionar; desconcertado agardou un cuarto de hora para introducir, entón á desesperada, toda a súa artillaría ofensiva, un feito que apenas intimidou a un Girona xa cada vez máis seguro e dominador do partido. Ademais do sabor agre desta primeira derrota e da preocupante incapacidade rematadora amosada por todos os novos atacantes celestes (tanto Ghilas, David como Dinei estiveron a un baixo nivel), o encontro deixou algunha escintilación de esperanza, sobre todo polo bo comportamento dos dous centrais galegos (Rubén e Noguerol estiveron impecables) e polo perigo creado por Dani Abalo na súa banda, ao que contribuíu o seu bo entendemento con Trashorras. Agardabamos moito máis. Un pobrísimo balance para un mal comezo do proxecto de Pepe Murcia.

A completísima reportaxe fotográfica do partido é de Javicelta. Obrigado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Pingback from Brétemas » Campo do Fragoso LXXX
Date: 30 Agosto 2009, 9:35 a.m.

[...] pis pas e xa naufragou de saída diante dun Córdoba recén ascendido. Repetiuno o pasado agosto o Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez, que tras as boas vibracións da pretempada foi claramente superado polo Girona, outro recén [...]

Olark Livehelp