Este novo portal educativo, promovido por Intel Educación, presentarase en Madrid o vindeiro 11 de marzo. Ten carácter gratuito e aposta polo ensino e aprendizaxe colaborativas. Anúnciase como concibido para ser utilizado en todos os cursos do ensino obrigatorio por alumnado, profesorado e familias. Semella que algúns contidos son tradución e adaptación ao castelán doutros nativos en inglés. Non vimos na interface nin na información a presenza doutras linguas oficiais españolas. Wikisaber xa mantén un blog de noticias sobre o proxecto. Imaxinamos que nos vindeiros meses aparecerán outras iniciativas de oferta de contidos educativos electrónicos, formalmente vencelladas ao desenvolvemento da competencia dixital nas aulas. Seguirémolas co interese de valorar as tendencias que expresan.
Equipo do Celta que desputou a final de Copa en 1994.
Iván Riobó publica hoxe en Xornal de Galicia unha reportaxe sobre a actual crise do Celta, onde, xunto a doutros afeccionados celestes como Anxo Quintana e Modesto Riobó, aparecen algunhas das miñas opinións sobre a cuestión. Reproduzo os parágrafos onde aparecen as miñas palabras:
Os malos resultados das últimas xornadas situaron ao equipo olívico moi lonxe dos postos de ascenso e fixeron agromar a presión de non poder deixar escapar máis puntos de Balaídos se non quere pasar apuros para manter a categoría. Aínda que queda moito campionato -e no caso de encadear varias vitorias volvería o optimismo á parroquia viguesa-, o certo é que poucos confían nas posibilidades dun conxunto que está a atravesar unha auténtica crise de identidade.
Desta opinión é Manuel Bragado, un ilustre seguidor do Celta dende hai moitos anos. O director de Edicións Xerais de Galicia considera que a entidade esgotou un ciclo que vai ligado ao actual sistema de financiamento dos clubs de fútbol. «A crise do Celta é fundamentalmente unha crise societaria e do modelo de sociedades anónimas, agudizada porque o club tivo a mala sorte de pasar nunha temporada de xogar a Champions a baixar a Segunda», explica. Bragado cre que a esta situación se chegou «por unha pésima xestión directiva e por non confiar na figura de Fernando Vázquez, que foi o mellor adestrador que tivemos nos últimos anos despois de Víctor Fernández». O editor comenta que a partir de aí saíron á luz outros problemas como a débeda económica e iniciouse unha política deportiva “nefasta” da man de Ramón Martínez, «para min uns dos principais responsábeis da actual situación».
Bragado tampouco lle bota moitos piropos ao adestrador cordobés. «Con todo o respecto, penso que non está a altura», afirma, para a continuación lembrar que «o fútbol xógase no imaxinario colectivo do espectador e o problema é que aquí faltóuselle ao respecto á tradición futbolística dunha sociedade que viu nacer o fútbol hai máis de 100 anos». Augura unha «longa travesía do deserto» e aposta por unha renovación radical do club, consciente de que «é o propio celtismo o que está nunha crise de identidade».
Particular interese no seguimento desta crise celeste teñen as anotacións semanais do blog de Óscar Lorenzo na edición d´A Nosa Terra. Aposto, coma el, na necesidade de substituír no banco a Pepe Murcia. Con todo, sei que este cese non abondaría para solucionar unha crise que, como sinalo na reportaxe, creo que ten outras raíces (nese difícil terreo da reconversión de todo o fútbol profesional español, que comezou polos equipos de segunda).
Hoxe para o celtismo, sumido nunha crise de identidade, xa sen esperanza ningunha para esta tempada, o importante é non descender a 2ª B (o que é máis difícil do que parece, xa que temos cinco puntos menos dos que a mesma altura levabamos a pasada ), o que polo menos permitiría en setembro volver cun novo proxecto deportivo, necesariamente humilde (cinco ou seis mil seareiros na bancada non dá para máis), o que non impediría que fose ilusionante. Aí vexo á fronte ao arousán Luis César Sampedro. Un desexo.
Co inicio do seu terceiro ano de andaina a revista Trama y texturas ofrece todos os seus números en soporte dixital, que poderán ser adquiridos na plataforma Todoebook e nas librarías conveniadas coa plataforma de libro electrónico de Publidisa. Trama y texturas, a partir deste o seu número sete, poderá lerse tanto en soporte analóxico coma dixital. Ademais dos interesantísimos contidos da revista (arredor do libro e da lectura), o seu innovador modelo de comunicación cultural merece o noso maior interese.
Co novo anuncio electoral do BNG pásame o mesmo que co primeiro (o famoso “Eu son Anxo Quintana” leva 50.000 visionados, un exitazo!). En ambos os dous casos o relato visual é eficaz, mesmo impactante, porén, dende un punto de vista semántico é horroso, cando non politicamente reaccionario. Esa muller encoraxada que decide o que se vota na casa é un modelo de sociedade da igualdade? No entanto, coa que está chovendo, entrar nestes matices é unha parvada. Publicidade política, pois, en estado puro.
A revista Qué leer convocou a seis expertos para que fixesen a súa análise de como cren que será o mundo do libro en 2020. A verdade é que algúns dos prognósticos son moi interesantes.
Para Juergen Boos, director da Feira do Libro de Frankfurt, en 2018 a venda de contidos dixitais superará a dos libros tradicionais (impresos), o que non supoñerá, en ningún caso, a devaluación da industria editorial nin a desaparición do libro impreso, xa que para el se convertirá na de maior facturación das industrias culturais (mesmo por riba de Internet).
Para Stuart Applebaum, directivo de Random House, a explosición dixital incrementará as oportunidades dos lectores. Como retribución ao autor das vendas dos libros electrónicos propón o 25% dos ingresos netos obtidos polo editor.
Para Alberto Rollo, director literario de Feltrinelli, o libro, tecnoloxicamente falando, ten unha longa vida por diante. Outrosí sucede coas librarías que en dez anos se terán transformado en espazos multiproduto.
Para Will Moore, directivo deIngram Digital, as librarías deben ofrecer indistintamente produtos impresos coma dixitais, emulando a estratexia das actuais redes de sociais, xa que os lectores quererán interactuar entre eles. Para el, como sucedeu no sector da música co ipod que levou ao seu cume á música dixital, os novos dispositivos de lectura portátil farán o mesmo no mundo editorial.
Para Mike Shatzkin, fundador de The Idea Logical Company, o crecemento da industria editorial virá da man do e-book e os beneficios dos editores medrarán grazas á creación de novos contidos específicos que pendurarán das súas webs e que se distribuirán por medio dos teléfonos móbiles. Tamén acredita no desenvolvemento de novos xéneros literarios baseados na interacción entre os distintos formatos creativos.
Para Kalev Leetaru, da Universidade de Illinois, o problema do libro dixital non reside tanto na tecnoloxía como no feito de que os editores non saben como financialos. Apunta que paradoxicamente o libro dixital pode incrementar o consumo de papel, pois moita xente optará por imprimir os textos que se descargue. «A auténtica revolución chegará cando os aparellos de lectura dixital maduren ata o grao de ser tan confortables como o papel.»
a href=”http://www.youtube.com/watch?v=NN3ZlOH4knM”>[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/NN3ZlOH4knM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Se contas con sete minutos, recomendo seguir con atención este videoartigo sobre o concepto e os límites do dixital e da «revolución» que introduce na cidade contemporánea. Aínda que é de 2007 (e, dende entón, as cousas xa mudaron), algunhas afirmacións aínda son luminosas.
Grazas, Txetxu, res razóns, esta peza convida á reflexión desprexuizosa.
Hoxe é «Día de Rosalía», conmemoramos o 172 aniversario do nacemento da nosa poeta primeira. Con este motivo aparece Rosalía 21, o libro colectivo de ensaios do proxecto multiartístico coordinado por Anxo Angueira. Un libro ben fermoso para unha data que non debe pasar desapercibida.
Onte domingo foi emitida na desconexión do mediodía de RNE para Galicia unha entrevista que me fixeron con motivo do trinta aniversario da editorial. Hoxe variosmedios publican algunhas das miñas afirmacións recollidas por Europa Press.
Gonzalo Amoedo, o noso bo amigo de Redondela, envíanos este correo dando conta do falecemento de Lois Barros:
Durante esta madrugada morreu, logo dunha longa doenza que o foi murchando pouco a pouco, Lois Barros, autor de Galeguismo e sociedade na Redondela da IIª República, así como da páxina web Indiredo, dende a que propulsou a Liga Veciñal polo Voto Nulo nas derradeiras eleccións municipais, en Redondela. Lois, vello militante da ANPG que nunca renunciou ao nacionalismo, pero si a súa militancia política, foi o ideólogo e alicerce desta Liga Veciñal polo Voto Nulo, que conseguira daquela recoller un nada desprezable dez por cento do desencanto dos veciños, cansados de tanto mal uso da política, e foi tamén, xunto ao desaparecido Jaime Serín, un dos fundadores do Colectivo Republicano de Redondela. Esta tarde, a última hora, o seu corpo será trasladado ao tanatorio de Mañó, desta vila.
RIDÍCULO
O Éibar gañou con todo merecemento e autoridade a un Celta ridículo, sen corazón nin cabeciña ningunha, un equipo o noso que hai un mes perdeu o horizonte do seu soño. Tras seis partidos sen coñecer a vitoria, anotando na táboa clasificatoria só dous puntos de dezaoito posibles, o equipo de Pepe Murcia descartouse onte de forma definitiva das candidaturas ao ascenso, colocándose na perigosa desputa dos postos de descenso a segunda división B. A de onte foi unha noite importante para os apenas cinco mil celtistas que contra vento e marea resistimos en Balaídos. Tras a primeira media hora de xogo, cando afogando ao Celta no medio do campo os eibarritarras bailaron os nosos até deixalos en completo ridículo, comprendimos que estabamos asistindo á cerimonia do definitivo fracaso da tempada e, por ende, do proxecto deportivo acuñado por ese nefasto personaxe para o celtismo chamado Ramón Martínez, responsable primeiro da confección dun cadro de xogadores moi frouxo e desequilibrado e da contratación dun adestrador que xornada a xornada demostra non estar á altura técnica que precisa un club que pretende ascender a primeira división. Foi, outra vez máis, a entrada no terreo de xogo de Trashorras no minuto trinta e dous da primeira parte a que permitiu que os celestes gañasen o control da pelota e os dianteiros comezasen a visitar a área vasca. A piques de rematar a primeira parte, Ghilas, moi desafortunado e nervioso, non soubo aproveitar en dúas ocasións senllos magníficos servizos de Dani Abalo e Dinei. Porén, o Éibar tivo a fortuna de abrir o marcador dous minutos despois de comezada a reanudación, grazas a un golazo de Carlier que soubo aproveitar un fallo garrafal de Trashorras. Mais a xogada clave do encontro chegaría só uns minutos despois, cando Ghilas errou no lanzamento dun penalti cometido contra David Rodríguez. Antes do lanzamento, como sucedera tamén hai quince días fronte ao Castelló, o arxelino, Trashorras e David Rodríguez litixiaron sobre quen debería facelo, liorta vergonzosa que amosa a total falta de autoridade e criterio do técnico. Desaproveitado o penalti, os celestes quedaron noqueados, dominaban sen chispa e sen convicción de obter a remontada, febleza que aproveitou Sutil convertindo unha formidable volea, moi aplaudida polos afeccionados galegos, que deixou sentenciado o encontro. A partir dese momento, consumouse o divorcio dos seareiros co equipo, especialmente co adestrador, que recibía estrondosos asubíos solicitando o seu cese. Pouco importou que faltando tres minutos, David Rodríguez conseguise marcar, cando xa ninguén acreditaba nas posibilidades nin sequera dun empate. O ridículo, e a vergonza que nos fai pasar cada semana este Celta de Mouriño e Ramón Martínez, é infinito. Seguimos co pesadelo.
Se foi tal como o contanhoxe diversosmedios, trátase dun erro lamentable, e non abonda para desculpalo co argumento de que non foi un acto organizado polo BNG nin pola Vicepresidencia ou que a súa denuncia forma parte da «campaña contra o nacionalismo». Por moito agarimo e simpatía que teñamos a Quintana, non podemos evitar que un esvarón deste tipo nos lembre unha cultura política que xa tiñamos esquecida. Mágoa que unha campaña electoral excelente como a que ven desenvolvendo Quin poida ter sido luxada por un erro tan lamentable como o cometido polos organizadores do acto de Oia. [O feito chama máis a miña atención por que as persoas maiores forman parte do centro do meu barrio.]
Interesante esta información de culturagalega.org na que se recollen as propostas programáticas dos tres partidos arredor do libro e da edición. Todas as tres fan referencia na lei de bibliotecas e no apoio á industria editorial. O Partido Popular propón dedicar o 2010 como «Ano da Lectura», unha proposta que temos feito repetidamente nestas brétemas.
Hoxe participei en Madrid nunha reunión onde se valoraron algunhas iniciativas de escola dixital das que se están desenvolvendo en España. Nesta liña, semella significativo o anuncio realizado pola xove ministra de Educación italiana Mariastella Gelmini : dentro de cinco anos os libros de textos de primaria e secundaria serán substituídos por outros en formato dixital.
A cancelación do debate a tres por parte da CRTVG, obrigada pola estratexia de Feijoo, creo que liquida as posibilidades (escasas) do PP-G de obter a maioría absoluta. Sei que estes días a moitos nos entrou o medo no corpo diante da decepcionante campaña de Touriño, que moi pouco pode mobilizar aos indecisos progresistas a acudir votar. No obstante, o erro do equipo de campaña de Feijoo de forzar até o límite a estratexia dos debates a dous, devólvelle alento a Touriño, que pode coller un certo acougo. No entanto, como a votación non acade o 60% de participación, o bipartito (a pesar dos nobles esforzos e da boa campaña de Quintana) pódeo ter difícil. Quen dixo que as campañas electorais non servían para nada?
Adherinme á plataforma «Se resides, decides». Velaí a declaración fundacional:
O pasado 12 de Febreiro foi constituída en Compostela unha plataforma cidadá que baixo o lema «Se resides, decides» traballará por conseguir a reforma en profundidade da actual Lei Orgánica de Rexime Electoral Xeral (LOREG, 5/1985) que regula o dereito de sufraxio e o seu exercicio. A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercício do dereito a voto –e todo o que ese exercicio leva aparellado– ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes). Trátase como é sabido dun problema que a nosa sociedade arrasta desde hai moito tempo e que nos últimos anos adquiriu proporcións que dificilmente pode admitir unha sociedade que se reclama democrática. Co seu lema, «Se resides, decides», a plataforma deixa claro que entende que o voto há de ser un dereito de residencia, non de sangue e, nese sentido, traballará para que o exercicio dese dereito sexa recoñecido de maneira efectiva a todas as persoas que residen de forma estábel e permanente na nosa comunidade. Traballará asi mesmo para que os dereitos que se recoñezan ás persoas de orixe galega que residen de maneira permanente no estranxeiro se regulen de acordo con esa situación. A plataforma prevé desenvolver a sua campaña en duas fases ben diferenciadas. Na primeira, que culminará o 1º de Marzo, dirixirase a todos os partidos e coalicións que presentan candidatura a estas eleccións para os instar a adquiriren o compromiso público e firme de iniciar, imediatamente a seguir a constitución do próximo Parlamento Galego, todas as xestións que estean ao seu alcance (tanto no ámbito autonómico como no estatal) para que a LOREG de 1985 sexa imediatamente derrogada. Na segunda, a plataforma traballará para que a nova lei contemple as súas reivindicacións, que cré son compartida pola esmagadora maioiria da sociedade galega. Nese sentido, actuará perante os poderes públicos e realizará unha ampla campaña de sensiblización social. En breve, a plataforma dará a coñecer o enderezo da sua páxina web que estará aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queiran prestar o seu apoio á iniciativa. Compostela, 14 de Febreiro de 2009
Jonathan Dunne, hoxe o mellor tradutor da literatura galega ao inglés, actualiza a súa páxina persoal na que vai recollendo todos os textos da literatura galega traducidos ao inglés. Unha panorámica ben interesante composta por quince títulos individuais (de autores e autoras clásicos e contemporáneos) e dez antoloxías (tres delas de Rosalía de Castro). Jonathan Dunne traballa na tradución e edición dunha Antoloxía da Literatura galega (1196-1982), na que se inclúen as escolmas de 51 escritores e académicos, que debería constituír (temos prevista a súa edición no verán de 2010) a tarxeta de presentación do corpus histórico da literatura galega no ámbito da fala inglesa. O esforzo individual e altruísta de Dunne (actualmente vive en Sofía) amosa o útil que sería para a proxección internacional da literatura galega contar cunha humilde oficina pública na que sen grandilocuencias se fosen sistematizando os recursos existentes.
No artigo da semana analizo algúns dos datos da enquisa máis recente do CIS (pode baixars en pdf) e propoño unha reflexión para que na previsible segunda lexislatura do bipartito algunhas cuestións pendentes, temas de país, sexan abordados dende unha perspectiva transversal.
Mañá distribúese cos periódicos do grupo La Capital o novo número de Protexta, o magnífico trimestral literario de Tempos novos. Por agora, xa se pode descargar un adianto, a entrevista de Bieito Iglesias a Gao Xingjian. Coordinado, agora, por Ana Salgado, o número promete: entrevista nas páxinas centrais a Manuel Rivas, e críticas dos seus dous recentes libros de xornalismoliterario; ademais dun boa restra de críticas de novidades (que alentan a nosa curiosidade). Parabéns o novo equipo de Protexta, un soporte fundamental na nosa crítica literaria independente.
Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.
Hoxe presentamos,ás 20:30 horas na Libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home santo 55) Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación o ensaio de Goretti Sanmartín. Participaremos no acto xunto a Teresa Moure e a autora. Este ensaio constitúe unha reflexión potente sobre o proceso de recuperación de usos da lingua e do seu prestixio social. Entre as súas numerosas reflexións e propostas, quédome con esta, que me parece fulcral: precisamos un modelo de normalizacion no que a defensa do idioma e a súa calidade vaian unidas. «Os procedementos son a propia política.» Estades todos convidados.
Nacida en Illa Mauricio, con trinta e tantos anos, Nathacha Appanah é unha das narradoras máis orixinais en lingua francesa. Porén, a súa obra permance inédita en castelán, existindo no mercado apenas a tradución dunha das súas novelas en catalán e outra en éuscaro. Encargámoslle a Emma Lázare a tradución de Le dernier frère, a súa última novela, aclamada o pasado ano en Francia polos lectores (obtivo os premios dos lectores da FNAC 2007 e dos lectores de L’ Express 2008) e pola crítica. A verdade é que quedamos moi satisfeitos do resultado da tradución. Unha novela moi conmovedora e emocionante sobre a amizade. O derradeiro irmán estará dispoñible nas librarías galegas a finais deste mes de febreiro. Agardo que guste, tamén, aos lectores e lectoras en galego.
Hoxe son moitas as referencias na prensa sobre esta cuestión. Outra volta, como sinala Millán, abriuse nos medios o debate sobre o futuro do libro. Estou de acordo co mestre Txetxu Barandiarán: a chegada do e-book levará o seu tempo, sobre todo por que aínda estamos na fase do prototipado e os editores valoramos a desputa con cautela. A loita entre os formatos de lectores portables continúa. Non teño dúbida que o novo Kindle é atractivo, mais ten a enorme dificultade do seu carácter pechado (Amazon emula a estratexia de Apple co Ipod), o que obriga unha concentración na distribución dos contidos, con todos os perigos que un monopolio desta clase pode provocar para a liberdade de edición.
DESILUSIÓN Na matinal de onte o Castellón gañou cos maiores merecementos a un Celta que volve dirixir a súa faciana cara o abismo. Nas últimas tres semanas os celestes obtiveron apenas un punto de doce en xogo, malogrando o esforzo da súa difícil remontada outonal e afastándose moito (non sabemos si xa definitivamente) das prazas clasificatorias onde é posible soñar, as únicas nas que os celtistas queremos ver ao noso equipo. Despois de partidos tan decepcionantes coma estes catro pasados medra a nosa convicción de que os maiores problemas deste Celta da Concursal non son só os económicos, senón tamén aqueles referidos a súa pobre dirección técnica, tanto a dos despachos de Praza de España como a do banco de Balaídos. O Celta debe ser o único equipo das categorías profesionais que deixa fóra por razóns técnicas a maior parte dos seus xogadores extracomunitarios, a todas luces, coa honrosa excepción de Dinei, fichaxes fallidas do actual director deportivo celeste. Outrosí sucede no banco do estadio, onde Pepe Murcia amosa cada domingo as súas enormes limitacións tácticas e escasa intuición para xestionar os partidos. O Celta debe ser, tamén, o único conxunto desta igualadísima competición de segunda división que sistematicamente deixa fóra do equipo inicial ao seu xogador de mellor toque e calidade técnica (Trashorras); como, tamén, debe ser un dos poucos conxuntos que emprega idéntico esquema (4-4-2) para todos os partidos, tanto ten que sexa local ou fose visitante. Toda unha lección de torpe e desesperante terquedade á que nos ten afeitos o noso actual adestrador. Con este mesmo guión discorreu, liña por liña, o encontro fronte a Castellón, un equipo moi xeitoso que viña con esta lección ben aprendida. Abondoulle para controlar o partido adiantar a súa defensa e concentrar xogadores na mediana, realizando dende alí un traballo brutal de presión que asfixiou aos de Murcia que non atopaban outra solución que guindar puntapés imprecisos sobre Dinei e David Rodríguez. Froito deste esforzo posicional os castellonenses tiveron a súa primeira oportunidade de marcar transcorridos sete minutos, que axiña souberon concretar un cuarto de hora despois. Atado por semellante presión, cun Oubiña aínda en rodaxe e cuns extremos onte moi desafortunados, o Celta naufragou desentendéndose do coidado da pelota. Houbo que agardar á entrada de Trashorras, tarde, moi tarde, cando o marcador xa sinalaba 0-2, para que o equipo gañase en sentido de xogo e comezase a crear ocasións de perigo. Porén, xa non había tempo para a remontada, mais aínda cando pouco axudaba a pésima arbitraxe. Esta clara derrota anuncia que o camiño da segunda división pode ser moi longo. A desilusión volve a bancada.
Mañá, luns 9 de febreiro, suspéndense as clases de todo o ensino non universitario e das galescolas. Neste novo temporal funcionou a coordinación entre os dous polos do goberno, ao tempo que esta información (máis completa que noutras ocasións) está fluíndo pola rede e chegando ás comunidades educativas a grande velocidade. Con carácter xeral a Dirección Xeral de Protección Civil aconsella a toda a poboación adoptar medidas de autoprotección fronte a «chegada dun fenómeno de meteoroloxía adversa a nvel de alerta laranxa por vento en terra» mañá luns. «Segundo as informacións recibidas da Axencia Estatal de Meteoroloxía, prevense refachos de compoñente sudoeste de máis de 100 quilómetros á hora. Así, recoméndase evitar os desprazamentos, retirar obxectos que poidan caer á rúa dende balcóns, fiestras e tellados e afastarse de edificios en ruína ou construción, árbores e paneis publicitarios.» Engadido que se agardan «precipitacións que poderán acumular ata 40 litros por metros cadrado en 12 horas, o que se corresponde cun nivel de alerta amarelo. Este fenómeno meteorolóxico adverso afectará, especialmente, á provincia de Pontevedra desde as primeiras horas de mañá e ata a madrugada do martes.» Pois, iso, a ter coidadiño. Aí ven outra galerna…
Fotos Manuel Vilas (A Nosa Terra). [Moitas grazas]
Reunir só dúas mil cincocentas persoas ou, segundo fontes policiais, sete mil (a pesar de traer autobuses de fóra de Galicia e contar co apoio mediático de Rosa Díez) é un fracaso rotundo da manifestación de Galicia Bilingüe. A «posición Corina», asumida pola dirección do Partido Popular de Galicia, levou a que despois de case dúas décadas de contención os conservadores galegos camiñasen en público da man de sectores fascistas e de ultradereita enarborando a bandeira española. Un erro clamoroso do PPG que, en plena campaña electoral, volve situarse nas posicións rancias da vella AP. U-lo centro político onde Alberto Núñez Feijoo quere recuperar a maioría? Mágoa que a dura actuación policial sobre os independentistas que defendían a lingua agache nos medios este enorme fracaso de Galicia Bilingüe. Como moi atinadamente valora o comunicado emitido hoxe pola Mesa pola Normalización Lingüística esta escasa afluencia á manifestación supón un «enorme batacazo» tanto para os convocantes como para o Partido Popular que co seu apoio visualiza a ruptura do consenso lingüístico. Un fracaso que pon ás claras, tamén, o desinterese da maioría abrumadora da cidadanía galega por estas posicións intolerantes contra a lingua galega cada vez máis identificadas cos prexuízos de clase de sectores da pequena burguesía urbana. A desfeita que supón esta semente de división social, inevitablemente, conleva de forma inmediata unha enorme dificultade para acadar consensos futuros e anuncia que os dous temas centrais da campaña electoral serán (quen o díría hai uns meses?) a crise económica e o futuro da lingua.
Dende hai dúas semanas o programa Astrolabio de Rodrigo Romaní, que emite a Radio Galega Música os sábados de 21:30 a 22:30 horas, conta con blog, onde se poden ver algúns vídeos dos temas emitidos. Esta peza de Jabier Muguruza é unha mostra das marabillas que escolle cada semana Rodrigo neste programa no que o folk galego dialoga co internacional. Recomendo o programa e seguir o blog.
Hoxe coñecimos dúas noticias sobre dispositivos electrónicos portátiles de lectura, o novo modelo de sony e o novo kindle de Amazon. O Sony PRS-700 é un e-book que presenta a pantalla táctil como novidade máis importante sobre o modelo anterior, o coñecido como Sony reader. Pola súa banda, Amazon presentará o luns en Nova York o Kindle 2 que, polas fotos filtradas, parece moi semellante ao modelo anterior e manterá o seu carácter pechado. No entanto e a pesar destas novidades de dispositivos específicos de lectura baseados en tinta electrónica, o futuro da lectura en pantallas pode estar en dispositivos non especializados (pedeás, ultraportátiles, iphones e outrosteléfonos ou as consolas portátiles domo a PSP ou a Nintendo) asociados á posibilidade que proporciona Google Book Search. Cada vez parece máis claro o futuro da lectura sobre pantallas portátiles, porén non se albisca, aínda, cál pode ser o soporte que se impoña no mercado.
Despois do acontecido onte coa revista Retranca, está asegurado o éxito da súa campaña de promoción en Vigo. A capacidade negociadora de Kiko da Silva conseguiu que nos vindeiros días os vitrasas da liña C-1 circulen nas súas traseiras con este slogan tan retranqueiro: Probablemente Zeus non exista. A cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen? A min gústame máis que o orixinal, retirado polos responsables da empresa de transportes. Lémbrame ao humor que xoga co equívoco, indispensable nos tempos da ditadura e do tardofranquismo para explorar límites, cando Bibiano cantaba aquilo de «Abaixo a dentadura» ou cantabamos con Luis Llach «L’estaca». No entanto, o acontecido coa campaña de Retranca en Vigo, pon en evidencia a utilidade do humor para visibilizar problemas que permanecían agachados ou ocultos; ao tempo que amosa (por decepcionante que isto semelle para a liberdade de expresión, a existencia de temas que non poden ser abordados publicamente (dubidar da existencia de deus, non pode ser considerada unha acción que violente a ningún outro cidadán). En todo caso, para seguir ensaiando campañas retranqueiras nos buses, existe na rede este xerador de anuncios, que convido a utilizar como recurso didáctico nos centros escolares.
“Probablemente os deuses non existen, pero a cultura galega si”, este era o lema da campaña promocional da revista “Retranca” nos vitrasas. Que foi o que sucedeu?
Mañá pola tarde estaremos no IES Sofía de Casanova de Ferrol participando no ciclo «A Wed 2.0, o triunfo da interactividade», organizado polo Centro de Formación e Recursos.