Feijoo no labirinto

1 Maio, 2009 (11:50) | Educación, Goberno Feijoo, Lingua, Política

Tras o seu regreso a Galicia, Feijoo viuse obrigado a mudar de plans. A súa vergonzosa actitude de sumisión diante de Pedro J. e Jiménez Losantos levouno a comprometerse en que ordenaría a Inspección Educativa que enviase de forma inmediata unha circular aos centros educativos coa pretensión de «restaurar os dereitos civís» nas aulas e de respectar a liberdade lingüística de alumnado e profesorado. Sen dúbida, os responsables da Inspección Educativa da Consellaría deberon levarse as mans a cabeza diante de semellante despropósito xurídico e educativo expresado polo presidente que abría a guerra lingüística nas aulas.

Onte, para vestir o mellor posible tan enorme esvarón, Feijoo recuperou o seu perfil de tecnócrata dialogante asegurando que por «prudencia e seguridade xurídica» (o que lle faltou diante de Losantos) os plans de reforma do decreto de uso do galego quedarán para o vindeiro curso, salientado o «carácter demócrata e galeguista do seu goberno». Un compromiso de tregua unilateral, avalado co seu compromiso persoal de que utilizará no Parlamento só o galego (xustificado polo seu dereito a elexir) e que apupará aos deputados do PP renuentes coa nosa lingua a que a perfeccionen, esquecéndoselle citar que consello dará aos seus conselleiros e conselleiras instalados teimosamente no castelán (o 40% do seu goberno).

Non deixa de ser curioso que nestas dúas primeiras semanas do goberno Feijoo fose a cuestión lingüística o seu primeiro e case único afán, empregando argumentos políticos torpes e moi escasamente elaborados, sempre temerosos das críticas de Galicia Bilingüe, a asociación que na entrevista da COPE citou como «asesora do goberno» nos temas de política lingüística, unha afirmación que non debería pasar desapercibida. Como tampouco deixa de ser chocante que non fora nomeada aínda a persoa que se responsabilizará da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen dúbida, encargada de executar de forma inmediata a prometida reforma do decreto e de inventar ese novo modelo de «bilingüismo cordial». 

No entanto, o que non deixa de ser extraño é como Feijoo quedou enleado e paralizado coa cuestión da lingua.Dende aquela suxa campaña electoral, onde para el todo valía, Feijoo deixouse levar polos cantos de serea dos membros de GB que, tras os resultados do 1-M, nun alarde de egotismo esaxerado lle venderon que foron eles os que lle deron a súa sorprendente vitoria. Algo que sabemos é rotundamente falso, xa que, entre outras moitas posibles razóns, foi a síndrome bipolar do bipartito a que upou aos conservadores a San Caetano. Collendo arteiramente polos fíos esa falsidade, os membros deste minoritario grupo galegófobo consideran agora ao novo presidente apenas coma un simple refén que debe executar as súas políticas: hoxe no sistema educativo e nas oposicións á función pública, mañá nos museos, pasadomañá sabe deus en que… Mais o que resulta máis paradóxico e decepcionante  é que Feijoo (moi mal asesorado nesta cuestión, na que teñen obriga de intervir  outras entidades e institucións como a Academia e o Consello da Cultura Galega)  asuma acriticamente esta condición subalterna. Observando con piedade as intervencións contraditorias de Feijoo compréndese que non sabe como saír deste labirinto. Porén, teno ben doado, xa que  hai só dúas posibles portas: atender os chamados razoables da maioría da sociedade galega, que pretende continuar o difícil e complexo proceso de recuperación da lingua galega (e polo tanto o modelo consensuado ao longo do proceso autonómico), ou atender as voces dunha minoría galegófoba que baixo os argumentos da liberdade de elección lingüística abre a porta  da desaparición institucional do noso idioma (e polo tanto fende un consenso de tres décadas da súa promoción institucional). Cun pouco de afouteza Feijoo pode saír canto antes deste labirinto que ameaza hipotecar unha lexislatura que comezou da peor das maneiras posibles. Será quen? Deixarano? Quererá?