«Ruth Matilda Anderson en Vigo»

No artigo da semana comento a exposición arredor de Ruth Matilda Anderson ao fío da súa apertura en Vigo. Mágoa que chegase aquí tan recurtadiña.
Notas do traballo de edición. Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia

No artigo da semana comento a exposición arredor de Ruth Matilda Anderson ao fío da súa apertura en Vigo. Mágoa que chegase aquí tan recurtadiña.
Esta presentación é un interesante recurso didáctico para explicar as consecuencias que vai supoñer o decreto.
Vía Blog ENDL C.E.I.P Bergantiños. Obrigado
Agradécese a difusión e a inclusión nos blogs. Pásao!
Onte cheguei tarde á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2010 celebrada en Mondariz Balneario. Magooume non poder ver a entrega do premio de creación literaria que recibiu Suso de Toro. Un premio que moito me aledou. O esforzo literario de Sete palabras merecía un recoñecemento deste tipo; a novela recibira boas valoracións da crítica e de moitos lectores e lectoras, porén deica agora non asomara por premio ningún dos fallados a obra editada. Entrei na sala coincidindo coas palabras de agradecemento do maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra Xoan Xosé Barreiro Prado, declarado Galego Egrexio polo seu destacado papel na creación da Irmandade Xurídica Galega e, en xeral, polo seu traballo arreo na galeguización da xustiza. Logo chegaron as intervencións dos políticos. Abriunas Anxo Lorenzo, logo interviu Roberto Varela e pechou Antón Louro. Aí saltou a sorpresa. O discurso do Delegado de Goberno foi magnífico, memorable. Moi lonxe do carácter protocolario destes parlamentos, Louro axiña atrapou a atención do auditorio coa súa defensa firme dos principios que forxaron os consensos arredor da normalización da lingua galega. Salientou con claridade a falacia que agocha o argumento do «equilibrio das linguas» que para el «só prexudica a máis feble, a galega» e solicitou con enerxía a recuperación dos espazos de encontro para evitar problemas de convivencia entre os cidadáns. Mágoa que nas notas de prensa sobre a cerimonia publicadas hoxe non aparecese referencia ningunha a estas tan ponderadas declaracións que foron longamente, moi longamente aplaudidas.
Recomendamos moi vivamente esta extraordinaria guía de lectura en formato web de Makinaria, o poemario de Carlos Negro publicado en Fóra de Xogo. A guía preséntase como un recurso dixital interactivo e multimedia, dirixido a cada un dos lectores do poemario.
Como sinalan no blog Trafegando ronseis esta proposta foi elaborada en formato LIM e presenta dúas versións diferenciadas segundo o nivel de lectura e o tempo do que se teña para traballar o libro:
–Gozar da paisaxe (versión completa de 40 actividades)
– Ir polo atallo (versión reducida de 30 actividades)
Cremos que estamos diante dun recurso didáctico e de animación lectora e poética extraordinario. Expresamos o noso maior agradecemento a Rosa Salgueiro.
Procuraba unha versión na rede de Dona Carme para utilizar como apoio visual hoxe na Casa da Lectura, cando atopei estas dúas, a que ilustrou Carreiro en 1990, e a segunda, versionada e protagonizada polos nenos e nenas do Primeiro Ciclo do E.P. CEIP de Valeixe, cun inicio novo, novas personaxes e novo final. Obrigado quedo polo traballo, é unha versión moi boa e unha presentación moi bonita.
Moi orixinal son, tamén, estas dúas versións preparadas no Colexio Público de Palmeira, en galego e en inglés, unha lingua da que non coñecía existese versión. O traballo de Palmeira forma parte dunha serie formidable «Rato Paco», para traballar na uala diversas competencias a partir de textos populares e clásicos. Quedo abraiado coa calidade destes materiais de animación lectora en galego. Grazas a todos os mediadores que reparan en libriño tan modesto que, despois de vinte anos, continúa gustando.
Recomendo ver as versións en pantalla grande.
Mañá á tarde irei contar á Casa da Lectura. É un privilexio que me produce ledicia e, ao tempo, un atrevemento xa que, nestes anos, non hai dúbida ningunha que adestrei pouco. Sei que compartir as palabras e os silencios cos lectores primeiros é unha experiencia irrepetible. Nestas sesións cos picariños o único que me preocupa é non lembrar as cantareas e os recitados, para eles resulta aínda máis decpecionante que para o propio contador que as palabras non flúan coma se tivesen vida propia. En todo caso non sei como hei agradecer esta oportunidade aos meus admirados amigos e amigas de Espazo Lectura.
No artigo da semana dedico unha homenaxe á figura do meu admirado Camilo Nogueira con motivo do premio Pedrón de Ouro que recibiu onte en Padrón.
Chego vía Manolo Gago (obrigado) a esta peza que Anze Perzin preparou para o pavillón de Portugal da Expo de Xangai 2010. Chamoume a atención na música de Rodrigo Leão a importante presenza de gaitas e a escena final de tambores case a ritmo de treboada. Como peza publicitaria pareceume eficaz. Non falta nin a cortiza nin o viño do Porto nin os goles de Cristiano Ronaldo nin a fadista Mariza. Unha imaxe amable de Portugal para proxectarse no mundo.
O éxito extraordinario da película de Oliver Laxe merece as nosas beizóns. Como tamén o apoio que lle leva proporcionando tan discretamente o noso admirado Martin Pawley. Para eles dous as miñas maiores beizóns.

Achegámonos a Padrón esta mañán para asistir ao acto de entrega dos premios anuais da Fundación Pedrón de Ouro. Abriron o acto as palabras agarimeiras e firmes de Xosé Ramón Fandiño que saudou aos homenaxeados, Camilo Nogueira (Pedrón de Ouro) e Fermín Bouza (Pedrón de Honra), e aos numerosos asistentes que ocupabamos os xardíns da Casa da Matanza en día ben soleado.
Parlamentou logo Justo Beramendi que comezou salientando que tanto Nogueira como Bouza eran galeguistas de segunda xeración. Relatou o periplo biográfico de Camilo, dende a súa orixe en Lavadores até a súa actividade como eurodeputado, deténdose no papel que ao seu xuízo tivo na modernización do nacionalismo galego e no valor dalgunha das súas múltiples iniciativas parlamentarias, como foi a iniciativa da Lei de Normalización Lingüística (que subliñou non lle correspondeu a Piñeiro) e a repatriación dos restos de Castelao. Beramendi ocupouse despois de chufar a Fermín de quen destacou tres aspectos: o seu extraordinario labor docente e investigador na Universidade Complutense, a calidade da súa obra literaria, poética e narrativa, en galego, e o seu compromiso en defensa da lingua dende o seu blog «El voto con botas». Tras a entrega das medallas, falaron os premiados.
Sorpendeunos a emoción coa que comezaron as palabras de Camilo, que, tras agradecer o premio, analizou as razóns da marxinación política de Galicia, para logo dedicar especial atención ao problema da normalización da lingua, sinalando que consideraba era estritamente político e non dependía, como se nos quere facer crer, da transmisión xeracional. «Ao galego cómprelle unha institución ou un estado coa defenda» enfatizou, para despois propoñer unha converxencia entre as dúas normativas do galego, como un camiño necesario para achegarnos á lusofonía. Camilo foi pechou o seu discurso expresando que «os méritos que puiden ter ao longo da miña vida débollos a miña familia: aos meus pais, Teresa e Camilo, a miña muller, Paz, as miñas fillas, Alba e Natalia e aos meus netos». «Fico dispoñible, queda moita tarefa por facer» foron as súas derradeiras palabras.
Fermín Bouza iniciou o seu discurso advertindo que formaba parte dunha «xeración galega fumigada, emigrante, dispersa polo mundo, moi politizada, razón pola que sigo dando a vara». Tras agradecer o premio e lembrar ao seu pai Fermín Bouza e a súa nai Emilia Álvarez, detívose no momento tremendo que vive a lingua, «que sofre unha caída de vertixe da que non somos conscientes», sinalando que esta batalla dirímese, tamén, en Madrid, onde se moven unhas forzas poderosas contra o actual modelo de estado. Rematou Fermín facendo unha chamamento a proseguir este combate cívico a prol do galego, que é a razón de ser do seu blog, lembrando con inevitable saudades o berro da súa xeración: «Venceremos NÓS».
Pechou os parlamentos Manuel Caamaño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que reiterou a gabanza a Camilo e Fermín pola súa traxectoria no labor de facer país e fixo unha defensa afervoada da lingua nun momento crítico para o seu futuro.
Nos xardíns da Casa da Matanza atopábanse máis de dous centos de persoas. Académicos como o presidente Ferrín, o secretario Axeitos, o vicesecretario Fernández Rei e membros da corporación como Xosé Neira Vilas, Margarita Ledo, Antón Santamarina, Vítor Freixanes, Xesús Ferro Ruibal, Andrés Torres Queiruga e o recentemente elixido Henrique Monteagudo. Numerosos escritores como Xosé Manuel Beiras, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Antón Baamonde, Xesús Rábade Paredes, Xavier Castro. Profesores como Xosé Henrique Costas, Antón Costa Rico, Antón Figueroa, Lourenzo Fernández Prieto, Xosé María Dobarro, Xosé María Lema Suárez, Henrique Harguindey, Maruxa Barrio, Lois Ferradás, Madó Domínguez, Luís Álvarez Pousa, Xulián Maure, Valentín Arias, Manuel Méndez, Moncha Fuentes… Economistas como Enrique Sáez Ponte e Xan López Facal. Blogueiros e xornalistas como Manuel M. Barreiro, Gonzalo Vázquez Pozo, Concha Pino, Marcos S. Pérez e. Políticos como Martiño Noriega, alcalde de Teo, e Xosé Deira, alcalde de Boiro. Ademais dos membros da Fundación Pedrón de Ouro como David Otero ou Rodríguez Abella; premiados en edicións anteriores como Xosé Lois García, Mini e Mero ou as familias dos homenaxeados e moitos amigos e amigas dos que son incapaz de recoller todos os seus nomes (as miñas desculpas para eles). Moita xente e moito agarimo para un acto magnífico en defensa do país, ao que non acudiu ningún membro do Goberno Galego nin foi cuberto polos medios de comunicación públicos, a pesar de tratarse da cuadraxésima sexta edición destes galardóns.
Mañá publicaremos nestas Brétemas un artigo de homenaxe a Camilo Nogueira que aparecerá nas páxinas de Faro de Vigo.
Recomendo esta recentísima anotación de Manuel Rivas sobre Camilo e Fermín.

O programa de Vigo Transforma é xeitoso, interesante, mais cando coñecín a web produciume enorme desacougo que de alí desaparecese completamente o galego. Un feito absolutamente inaceptable nun evento organizado polo Xacobeo 10, organismo dependente da Consellaría de Cultura e Turismo; máis incoherente aínda cando pretenciosamente o festival preséntase adornado cun concepto de sostibilidade dun «acontecemento social cultural que se involucra na cidade». Acaso en Vigo ou en Galicia non falamos tamén o galego? Vai forma de involucrarse coa cidadanía! Parécenos moi valioso facer en Vigo un festival de música independente e de novas expresións artísticas e creativas (non imos debater ni os contidos do programa nin o modelo de organización e financiamento), mais negar outra volta a nosa lingua, facer desaparecer o galego da web do evento, sen tan sequera ofrecer a posibilidade dunha tradución ao galego (xa non pedimos máis) é un escándalo. Anóxame máis cando vexo na grella de patrocinadores institucionais á Tenencia de Alcaldía de Vigo, Concellaría de Cultura (que incumpren a Ordenanza vixente de Normalización Lingüística) e Puerto de Vigo. Non podemos nin debemos calar, esiximos que os organizadores de «Vigo Transforma» pidan desculpas decontado e presenten toda a súa publicidade tamén en galego, é un dereito que nos asiste aos cidadáns que usamos esa lingua.
Levamos unha grande ledicia cando soubemos onte que o premio Rosalía de Castro de Lingua, outorgado pola Deputación da Coruña, fose para Blogaliza. O xurado recoñeceu en Blogaliza «un esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego, que xunta o esforzo persoal e de investimento na creación dun soporte de internet», que foi creado por en 2003 por Pedro Silva e que dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva (Goretoxo), Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Un premio merecidísimo polo labor xeneroso do equipo de Blogaliza, tecendo laboriosamente a rede na nosa lingua e proporcionando un servizo formidable de forma completamente altruísta. Dende hai ano e medio estou moi orgulloso de formar parte activa desta comunidade e contar coa amizade de Goretoxo, Tati, Alfredo e Pawley, os nosos primeiros capitáns. Beizóns para todos eles. Adiante BLOGALIZA!
Vía Trafegando ronseis (manantío inesgotable, grazas, moitas grazas) chego a esta peza que forma parte dos materiais publicados por Leer.es, espazo magnífico do Ministerio de Educación de fomento da lectura destinado a docente, familias e mediadores. Neste lánguido Ano da Lectura en Galicia boto en falta sequera algunha iniciativa na rede coma esta. Mais coa que está caíndo sobre nós, iso xa é «pataca minuta». Para rematar esta triste semana, recomendo este relato visual de catro minutos e medio sobre o valor da lectura, tenche intriga, un puntiño didáctico asumible e unha música ben xeitosa. Funciona.
O anuncio de Feijóo, tras a reunión do Consello da Xunta, da aprobación do «Decreto de Plurilingüismo» que reduce a utilización do galego como lingua vehicular no sistema educativo non universitario, a pesar de que non nos pillou por sorpresa, esmaga o noso ánimo. Coa excepción da retirada (polo momento) da consulta aos pais, motivada polo contundente lección do Consello Consultivo, Feijóo anunciou hoxe escasas novidades.
Sen menoscabo dunha lectura atenta do documento (que aínda non localizamos na rede e que parece se publicará no DOG nos vindeiros días), semella polas infromacións de prensa que máis ou menos todo seguirá como se presentara no borrador: o emprego do galego retrocede na Primaria e Secundaria (as matemáticas e as materias científico-técnicas en galego serán as grandes sacrificadas); en Infantil a «consulta» ás familias transfórmase en «pregunta sobre a lingua materna»; aválase o desafío do alumnado ao criterio pedagóxico e á autoridade do profesorado na aula, en base a esa suposta «liberdade» para dirixirse ao profesorado e realizar os exames na lingua que lle pete.
Non imos insistir na opinión que semellantes medidas nos merecen nin nos argumentos que manexamos dende hai un ano neste espazo para rebatelas nin enunciar aqueloutros emanados da autoridade de institucións como a RAG, o Consello da Cultura Galega ou o Consello Consultivo. Feijóo, refén dos sectores negacionistas do seu partido, non quixo escoitar estas voces autorizadas e preferiu aprobar un decreto nefasto para o futuro da lingua en completa soidade, sen contar nin sequera cos parabéns dos colectivos negacionistas aos que sempre pretendeu conformar. Algo que, polo menos, debería axudalo a reflexionar sobre o enfoque errado de todo o proceso.
Coa implantación deste decreto, enxérgase un futuro aínda máis gris para o galego e un conflito longo e complexo que continuará nos Tribunais de Xustiza, onde o «Decreto de Feijóo» (así pasará á historia da lingua nosa) pasará un moi difícil exame. As feridas quedan moi abertas no seo da sociedade civil galega, decepcionada pola ruptura que o Partido Popular de Galicia realizou dun consenso de tres décadas arredor das políticas de «normalización» (unha palabra a reivindicar, tras a lección do Consello Consultivo no seu informe) do galego. Hoxe, parafraseando o que lle temos escoitado noutro contexto ao profesor Alonso Montero, os milleiros e milleiros de cidadáns galegos que acreditamos na lingua de noso fomos derrotados, mais sabemos que defendemos unha causa tan noble coma invencible. Nesa teima seguiremos de forma entusiasta até o lirismo os galeguistas, conscientes de que a nosa tradición pacífica, liberal, universalista e democrática é o mellor argumento para a defensa das razóns do galego.
Prolingua expresouno onte á noite con toda claridade: «Pacto do Courel? Fume de palla!». Os «inxenuos» que poderiamos conservar unha mínima esperanza de que vencese a racionalidade e puidese ser retirado o decreto quedamos esta mañán ben desenganados: «Feijóo exclúe do pacto polo galego do idioma escolar». O ofrecemento do Courel quedou apenas nun fume, moito fume inane que nin sequera chegou a formar nube. Como sinala o mestre Fermín Bouza, continuaremos teimando en que a saída para o futuro do idioma reside en recuperar o consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua de 2004 e na Lei de Normalización de 1983. Velaí o punto de encontro dende o que volver pular por políticas normalizadoras capaces de atallar esta hemorraxia. O demais é fume, moito fume.
Xa o comentei onte na tertulia da noite da Radio Galega. A oferta dun pacto pola lingua realizada por Feijóo no contexto dos actos da homenaxe a Novoneyra é un xesto que non debemos rexeitar, aínda que ben coñezamos que os contidos ofrecidos non son outros que os recollidos na redacción do artigo número 5 do Estatuto de Autonomía: o galego como lingua propia de Galicia, a cooficialidade entre os idiomas galego e castelán, acción positiva cara o fomento da extensión e uso do galego e a aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Con todo, o máis valioso da declaración de Feijóo en Parada do Courel non é o que expresa, catro principios estatutarios que ten obriga de defender, senón o que cala, abandonando así o discurso das mentiras da imposición do galego e da liberdade de elección de lingua, que no día anterior empregara con semellante vehemencia Alfonso Rueda, o secretario xeral do seu partido. Entón, en que quedamos: cal é o discurso do PPdeG que vale? É comprensible que os responsables do chamado «Decreto de Plurilingüismo», tras os paos recibidos polos diversos ditames institucionais (o máis recente, o do Consultivo foi durísimo), pretendan procurar unha saída decorosa para a tremenda lea na que se meteron, engaiolados uns polos cantos de serea negacionistas e outros pola estratexia política de reconstruír un novo centralismo. Eles mesmos deben andar amolados pola soidade na que quedaron e sorprendidos pola fortaleza da resposta cívica galeguista. No entanto, a saída para o conflito continúa estando onde os responsables do Goberno Galego ben coñecen: na retirada do documento (como hoxe propón con toda a claridade Agustín Fernández Paz) e na convocatoria decontado dos tres grupos políticos para reiniciar en sede parlamentaria os traballos da posta ao día do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Velaí, como sinalabamos o domingo, un pacto perfectamente posible.

Da manifestación de hoxe quedo con esta foto que fixen nas Orfas.
Como é adoito nestas casos convén visitar as fotogalerías de Galicia hoxe, Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Vieiros ou Galiciae. Axudan a comprender mellor a magnitude da mobilización na que participamos.
No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a que entendo é situación decisiva na que se atopa o conflito arredor da política lingüística. Insisto en que o futuro vai depender de nós:
Ese futuro vai depender de nós. O futuro do que lle aconteza a esa lingua na que residimos como pobo (dixo Novoneyra) está nas mans da cidadanía deste país, se o queremos continuar chamando Galicia. Este futuro é unha cuestión estratéxica que require tanto as maiores doses de acordo entre as forzas políticas e entidades sociais, como a creación dunha nova civilidade arredor do uso do seu idioma. O galego é a nosa forma de estar no mundo, o mellor xeito que temos de abrazar, de expresar o noso agarimo e a nosa leal discrepancia. Velaí o fulcral do dilema político actual arredor do idioma. Ou recuperamos as políticas de consenso forxadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e actualizamos e desenvolvemos cada unha das súas medidas, creando así unha nova civilidade para unha lingua que sabemos é de todos, ou xebramos de vez a baralla e transformamos as políticas lingüísticas en liñas de confrontación política e o que sería aínda máis lamentable, de separación e confrontación entre os propios cidadáns galegos.
O futuro da lingua líbrase no terreo do compromiso persoal e no combate cívico colectivo. Hoxe viaxaremos a Compostela para expresar a nosa esperanza.
Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.
«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.
Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra
Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.
Outra formidable anotación sobre Novoneyra é estoutra que publica hoxe Xosé Manuel Pereiro.
Tras a pista destes espazos de promoción da lectura de «La bola de cristal», atopei estoutros anuncios que son ben interesantes.
Velaí o verdadeiro rostro do racismo. Como me ten dito un grande amigo que me recomendou este vídeo impresionante de Amnistía Internacional, se fixeran unha versión galega, terían que engadir: “y a los que hablan gallego, lejos!”.
Vía Trafegando ronseis.
O ditame do Consello Consultivo sobre o Decreto de Plurilingüismo é outra dura lección para o Goberno Feijóo. O Consultivo corrobora, dende o seu punto de vista estritamente xurídico, o que dende outras instancias tantas outras veces se ten afirmado: «é inconstitucional que os pais elixan a lingua na que se imparten as materias da educación obrigatoria», razón, entre outras apuntadas, pola que para este órgano independente de carácter técnico xurídico o Decreto de Plurilingüismo vulnera a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e a propia Lei Órgánica da Educación.
O Consultivo argumenta que na Educación Infantil deben ser os centros educativos, a través dos seus proxectos lingüísticos, os que decidan a lingua de escolarización, en función dos datos do mapa sociolingüístico, da información facilitada polas familias e da valoración realizada polo claustro. En canto á posibilidade de que as familias decidan o idioma dalgunhas materias de Primaria e Secundaria, o ditame salienta que isto supón “a atribución ás familias dunha capacidade decisoria no eido da programación educativa” que non lle corresponde. Engade, tamén, que suporía limitar “a competencia dos consellos escolares dos centros a aprobar e avalar o seu proxecto lingüístico”. O Consultivo tamén salienta que non sería correcto “decidir cada catro anos”, xa que non todas as familias terían capacidade de elección. No que se refire ás procentaxes do 50%, o ditame solicita que se sustitúa no texto “porcentaxe semllante ou equilibrada” por “igualitaria”, para que o reparto ao 50% sexa máis preciso.
O texto do ditame constitúe un severo correctivo para quen utilizou o anterior ditame deste órgano sobre o Decreto de Fomento do Galego no ensino non universitario de 2007 como principal argumento para que fose derrogado. Por moito que teime o conselleiro Vázquez na lexitimidade da súa maioría na cámara, coas eivas legais apuntadas polo Consello Consultivo é irresponsable aprobar este decreto. Unha retirada inmediata do texto e unha volta ao consenso parlamentario acadado en 2004 semella a única saída posible para esta malfada polémica. Porén, continuar teimando nos termos deste modelo lingüístico imposto polos intereses dun sector do Partido Popular, levará a un desastre para a convivencia e para o futuro do idioma noso.
Despois de desacordos e trasacordos esterilizantes, onte escenificouse en Monte Pío o acordo de fusión paritaria entre as dúas caixas galegas. Sen dúbida, é unha boa noticia que permite, canto menos por uns anos, contar a Galicia cunha entidade financeira de natureza social que debería servir aos intereses xerais do país. O acordo presentouse como equilibrado e paritario, un café para que todos se sintan gañadores diante dos seus e poidan obter os seus réditos políticos ou, quizais, tamén doutro tipo. Dúas sedes, unha operativa en Vigo, outra social e fiscal na Coruña, emulando o modelo do Banco de Santander, o que semella podería contentar aos alcaldes de Vigo e A Coruña, que inevitablemente se presentan como gañadores desa batalla (a procesión de Losada vai por dentro). Dous copresidentes non executivos , aínda que no acordo privado se establece que o primeiro será don Julio Fernández Gayoso, que terá voto de calidade no consello, o que supón que de facto se conxela a lei de caixas aprobado polo Parlamento Galego e recorrida no Constitucional polo Goberno central. Igualdade absoluta entre as dúas entidades en todos os órganos colexiados e unipersoais, aínda que o primeiro director xeral será José Luís Pego, que xa ocupaba a mesma responsabilidade en Caixanova.
No entanto, tras o protocolo presentado por Feijóo, que moi intelixentemente non uniu para a posteridade as súas mans a dos «protagonistas« do acordo, agora haberá que analizar a letra miúda, onde, sen dúbida, aparecerán moitas das condicións impostas polo Banco de España e coñecer aqueloutras que quedan nun neboeiro. A redución do cadro de persoal semella que non será tan equilibrada, xa que Caixa Galicia deberá desprenderse da rede exterior de 250 oficinas e dos depósitos dos seus clientes, enmagrecemento que xa comezara no eido das participacións industriais, coa venda do paquete accionarial de R por parte de Caixanova. Como tamén semella que tras o acordo o centro do negocio vai estar máis arredor de Vigo e que para José Luís Méndez, o director xeral e líder de Caixa Galicia, o proceso supón un futuro máis incerto, algo ben diferente ao do seu partenaire Gayoso quen, apesar da súa idade, preséntase como o primeiro responsable da caixa unica. Máis preocupantes son, aínda, as consecuencias que sobre esta fusión pode ter o acordo de Zapatero e Rajoy sobre as caixas (nun claro camiño cara a privatización destas entidades, vía cotas participativas) e mesmo o estado no que acordo de Monte Pío deixa á recorrida lei galega de caixas.
De momento, temos a certeza que a nova caixa única será continuista na súa gobernanza, xa que os seus principais xestores e membros dos consellos de administración serán os das dúas entidades fundadoras. A aspiración inicial de conformar un novo proxecto financeiro cunha xestión renovada, na que os directivos funcionasen apenas como xestores austeros e non como «propietarios», semella que polo momento quedou adiada. Sobre as consecuencias políticas da fusión tempo haberá de analizar devagariño. Non hai dúbida que neste proceso o BNG levou a iniciativa e Feijóo tardou varios meses en entender por onde viña o vento, mentres que os socialistas coñecían a carta marcada do Banco de España. Outrosí sucedeu a nivel mediático, onde a realidade, tan teimuda, demostra hoxe que Faro de Vigo proporcionou unha información máis fiable ca outros.
Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.
Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»
Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»
No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha gabanza da figura de Uxío Novoneyra con motivo do acto de homenaxe que terá lugar hoxe no Club Faro de Vigo (Salón de actos do edificio do Concello de Vigo, rúa Areal) e da celebración da Semana das Letras Galegas na súa honra.
Remata hoxe a Feira do Libro de Compostela e facemos un balance xeral positivo. A pesar da chuvia, do frío e das ventadas, a pesar dos problemas endémicos de megafonía (que fallou constantemente ou o funcionou moi malamente nos actos de presentacións), a feira mellorou moito con respecto a edicións anteriores. Houbo moita xente na maior parte das presentacións nas que participamos (algunhas como as dos libros de Teresa Moure, Marcos Calveiro ou Manolo Portas congregaron a máis dun centenar de persoas), diversificouse un chisco a oferta (magnífica idea foi a da caseta de editoriais compostelanas) e as vendas aumentaron, a pesar dos efectos devastadores sobre o consumo da Grande Recesión, segundo fontes dos libreiros. No entanto, tras as apreciables melloras da xa celebradas en Ferrol e Compostela, a situación das Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros, non é nin moito menos para botar foguetes: faltan aínda moitos expositores (a ausencia da maioría dos libreiros santiagueses foi clamorosa), falta a presenza do libro dixital (hoxe unha realidade incuestionable), falta comunicación en Internet (coa excepción da presenza nalgúns blogs editoriais) e, sobre todo, falta esa megafonía indispensable que para o sector do libro constitúe a súa presenza nos medios de comunicación (pola Alameda apenas vimos as cámaras das televisións nin aos xornalistas traballando). Por iso non será, nós seguiremos participando activamente coas nosas presentacións nesta rolda de feiras 2010, que a vindeira semana continúa en Lugo e a partir do 29 de maio en Ourense.
Recibida esta beizón por parte de tres blogs amigos (Ferradura en tránsito, Desvelando as mentiras de Feijóo e Por un BNG de futuro e con futuro), a pesar de que non son moi amigo de participar nestas cadeas, procedo a cumprir senllas encomendas que en nós se delega.
– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a epna recomendar.
Velaí a miña lista (pido desculpas aos moitos outros que deberían aparecer e que recomendo no blogroll):
Este serán (ás 20:00 horas) acompañaremos a Teresa Moure na presentación da súa novela máis recente A intervención. Teresa volve aos andeis das librarías, tras a aclamadísima Herba moura, pola que obtivera o Premio Xerais de novela 2005, Benquerida catástrofe e Unha primavera para Aldara, cunha novela na que aborda as relacións entre as artes e a natureza, cuestión que xa esculcara no seu ensaio máis recente O natural é político. Empregando unha coidadísima técnica de múltiple perspectiva, nesta súa quinta novela Teresa Moure reúne a cinco persoas para formar un comando artístico interxeracional que ten como obxectivo argallar unha performance nas montañas do Courel que sensibilice á cidadanía sobre as relacións entre a arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados.
A intervención será presentada hoxe, 4 de maio, martes, ás 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago. No acto acompañarán á autora a académica e catedrática Margarita Ledo Andión. O primeiro capítulo desta magnífica novela pode baixarse en en pdf aquí. Con anterioridade, a partir das 19:00 horas, nas mesmas instalacións Antón Dobao e X.L Regueira, membros da plataforma Prolingua, presentarán o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Agardámosvos, pois, nunha Feira que nesta edición semella recuperar o seu pulo.
No artigo da semana reflexiono sobre o papel estratéxico que entendo debe adoptar Vigo tras o novo escenario da reconversión das caixas. O Vigo metropolitano debe asumir un liderado que dependerá tanto do comportamento dos tres grandes motores da nosa economía metropolitana (automoción, construción naval e actividade portuaria) como da capacidade política de artellar un novo modelo de administración territorial baseado na creación dunha área metropolitana que funcione como centro equilibrador desa eurorrexión Galicia e Norte de Portugal de sete millóns de habitantes (o 12% de toda a península ibérica).
Tá legal
Tá legal, eu aceito o argumento
Mas não me altere o samba tanto assim
Olha que a rapaziada está sentindo a falta
De um cavaco, de um pandeiro ou de um tamborim
Sem preconceito ou mania de passado
Sem querer ficar do lado de quem não quer navegar
Faça como um velho marinheiro
Que durante o nevoeiro
Leva o barco devagar
Paulinho da Viola
O locutorio Khewal estivo na rúa Elduayen, fronte as escaleiras que dan acceso á Ferrería. A comezos do ano 2000 foi o primeiro que se montou en Vigo para inmigrantes. Un local pequeno, apenas vinte metros cadrados, no recanto onde noutrora estiveran ubicadas, nun quiosco modernista, «Mi bebé», «La Rosa de Oro» (unha mercería moi ben surtida que lle facía a competencia a «la Favorita») e a churrería «La Vallisoletana», a que inventou os churros de pico que vendían en cucuruchos do Faro. Ao locutorio –«khewal» significa «sorte», na lingua wolof, que falan os senegaleses– acudían, especialmente os domingos pola tarde, os inmigrantes procedentes de Senegal, Ghana, Nixeria, Angola, Perú, Colombia ou Ecuador.
Moitos dos vigueses que traballaron en Hamburgo, Zurich ou Xenevra lembrarán os locutorios dende os que eles chamaban, en contadas ocasións e con grande esforzo económico, á familia que aquí agardaba. O locutorio Khewal non era moi diferente daqueles que pisaban os emigrantes galegos dos setenta: tres cabinas telefónicas diminutas, onde non cabe sequera un tallo nin unha cadeira, presididas por unha fotocopia dos prefixos telefónicos do mundo e por un moderno tarifador dixital que, a pesar da «tarifa plana», marca inexorable o tempo da despedida. Un fax público, unha fotocopiadora e unha oficina da Wester Union (que xa utilizaba Anais Nin, como conta nun dos seus diarios) para enviar ou recibir cartos en todo o mundo, sen necesidade de tarxeta de crédito ou conta bancaria, completan os servizos que se ofrecen nestes establecementos pensados para os inmigrantes. Paradoxicamente, nestes tempos da telefonía móbil, proliferan estes locutorios da telefonía tradicional; son verdadeiros espazos de encontro onde matan saudades as persoas que tentan entre nós de inventar novas vidas como mariñeiros, vendedores ambulantes de chilindradas, traballadoras do servizo doméstico ou peóns ocasionais daqueles traballos que aquí, a pesar dos 260.000 desempregados e da Gran Recesión, ninguén quere.
Léopold Sédar Senghor, o poeta que foi presidente da República do Senegal até a súa renuncia voluntaria en 1980, autor de poemarios formidables como Cánticos de sombra ou Hostias negras expresou nas Cartas da invernada as súas saudades da estación das chuvias na súa terra natal que comeza en xuño para rematar na segunda quincena de outubro. Aquela invernada, que evocou poeticamente Senghor como «iuiubos que rezuman fragrancias, enchidos do zunido de abellas solares», son as saudades que esta tarde (do chamado por nós e pola nosa mercadotecnia «día da nai») identifiquei volvendo para casa nas olladas duns emigrantes mozos que agardaban a súa quenda á porta do agora ciberlocutorio que funciona no local do pioneiro Khewal de Elduayen. As súas olladas deitaban «fragrancias enchidas de suor e salitre».
No proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e dixital da comunicación cultural que estamos vivindo son moi necesarias as reflexións sobre o devir do propio proceso. Á abondosa bibliografía sobre a cuestión engádese Metamorfosis de la lectura, un ensaio esencial de Roman Gubern sobre a prolongada evolución textual protagonizada pola humanidade ao longo da súa historia. Papei as cento e vinte páxinas do libro en apenas dúas sentadas. Deslumbráronme os primeiros catro capítulos, referidos aos aspectos bioantropolóxicos do agromar da nosa cultura (un enfoque moi novidoso), dende o desenvolvemento das linguaxes, a escritura e os alfabetos, deica esa creación civilizatoria maxima que supuxo o libro, nas súas diversas aparencias: papiro, códice e impreso. Especialmente fermosos son os dous capítulos nucleares do ensaio, o terceiro, referido á epifanía do libro, e o cuarto, no que se aborda cunha claridade abraiante o período de apoxeo do libro impreso, os séculos XIX e XX. Gubern, un auténtico sabio, é capaz de ofrecer en apenas setenta páxinas unha fascinante historia da lectura, o libro e os movementos literarios a eles asociados. Gubern faino abordando o esencial, sen aborrecer con erudición académica, propoñendo ademais conceptos operativos (como o da «cadea enunciativa» da circulación social da escritura) que facilitan comprender mellor o momento de tránsito e toda a súa fraxilidade. Porén, chegado ao derradeiro capítulo («Da computadora ao libro electrónico»), Gubern sen abandonar a súa capacidade analítica para describir con acedume o fenómeno do «pantallismo contemporáneo» nin perder a posibilidade de bautizar a crise actual como a «Gran Recesión», queda posuído pola vertixe e fraxilidade da cultura dixital e renuncia a propoñer un espazo prospectivo e expresa, apenas, que «os soportes analóxicos e dixitais convivirán«. Máis decepcionante, aínda, son as dúas páxinas finais do ensaio nas que si se atreve a propoñer un decálogo das vantaxes ou atractivos do libro impreso sobre o electrónico, que non está á altura da lucidez dun texto chamado a converterse en referente sobre a cuestión. No entanto, recoméndoo moi vivamente, é un dos libros sobre libros máis interesantes dos que teño gozado nos últimos anos.