Carta xeométrica: unha referencia diaria de rigor no combate cívico a prol da lingua galega.
Planeta dos Equipos de Normalización Lingüística: un agregador dos cada día máis numerosos blogs dos Equipos de Normalización Lingüística. Unha ferramenta imprescindible na loita cívia da lingua, un recurso didáctico utilísimo.
ebouqin, un espazo en francés sobre o libro electrónico que achega un contrapunto interesante á visión anglosaxona.
Caustic Cover Critic, un referente para o noso traballo portadístico e de comunicación editorial.
Bibliobsession, un bibliobog fermoso dun xove bibliotecario francés.
Ao longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.
No artigo da semana propoño un esquema de análise da actual crise económica coa que se inician en realidade as mudanzas do novo século, que pasou da doutrina inicial da «refundación do capitalismo« á actual de «redución radical do déficit» que culpabiliza ás políticas públicas como cuasantes da crise. A posibilidade dun adianto das Eleccións Xerais, provocado pola incapacidade de Zapatero para aprobar os Orzamentos de 2011, sería a guinda pola que agarda Mariano Rajoy en Sanxenxo.
COMEZAN AS DÚBIDAS
Non, non foi un amigable de verán onde o que interesan son as sensacións que achegan as novas fichaxes e o resultado fica só para os arquivos do palmarés. Non, esta primeira derrota en competición oficial do Celta de Paco Herrera agoira dificultades para un equipo que, tras varias tempadas no foxo, pretende aspirar ao ascenso a primeira división. Un primeiro fracaso sen paliativos, tanto no espazo obxectivo e inapelable do marcador, como no terreo máis subxectivo (e non por iso menos decisivo) das impresións que puideron tirar os seareiros, con seguridade chafados polo visto no terreo de xogo que agoira sufrimentos e dificultades moi semellantes aos das nefastas tempadas anteriores. Polo visto onte sobre a lameira, até agora este Celta de Paco Herrera non mellora ao de Eusebio Sancristán. Seguimos parados, onde estabamos. Non hai dúbida de que o actual conta con maior profundidade atacante, como demostrou na espectacular saída do encontro de onte, porén perdeu aquela fasquía de equipo ordenado e paciente da pasada tempada, que construía o seu xogo dende a defensa e que gostaba de contar coa pelota. Un paso adiante e outra atrás. Máis alá da aposta moito máis prudente polos rapaces da canteira, este Celta de Paco Herrera demostrou que como resulta máis perigoso é utilizando o xogo directo e rápido, enviando pelotas moi longas para que as finalicen David Rodríguez ou Papadopoulos ou levando contras velocísimas nas biqueiras de Quique de Lucas. Así naceron durante os primeiros quince minutos, cinco ocasións preciosas, que magoadamente os dianteiros celestes non souberon aproveitar. Aí rematou o encontro para os nosos. Enfronte os rapaces do Barsa pequeno comezaron a sobar a bóla como se dos seus maiores se tratase, cómodos diante da escasa intensidade da presión galega no medio do campo e dos numerosos espazos que polo centro lles deixaban Túñez e Ortega, os nosos centrais (moitas saudades tivemos da disciplina e compromiso de Noguerol, a quen non quixo renovar Paco Herrera). Esa actitude escasamente comprometida no defensivo e a incapacidade de López Garai para controlar el soíño todo o medio campo, así como o escaso acerto dos nosos rematadores (ao que non foi allea, tampouco, unha actuación sobresaliente de Rubén Niño, o gardarredes catalán), foi desnivelando o encontro a prol dos de Luis Enrique que se puxeron por diante no minuto 27 da primeira parte e que o sentenciaron cun segundo tanto antes de finalizar o primeiro período. Dous goles moi fermosos, froito dun xogo de paredes de fantasía debuxadas por Nolito, un deses valores que neste equipo cotizará sempre a alta. Durante a segunda parte, o Barsa pequeno tivo tres oportunidades para deixarnos un marcador de escándalo, o que soubo evitar Falcón coas súas intervencións in extremis. Faltando un cuarto de hora, David Rodríguez atopou a chave do gol que procuraba, mais o equipo noso non tiña os folgos precisos para conseguir sequera a remontada. Comezamos, pois, con dúbidas moi serias sobre o que lle pode agardar a este Celta das nosas derrotas. Ben será que dende o inicio adquira maior intensidade e un patrón máis fiable e definido de xogo, dous requisitos para ser un equipo competitivo nesta categoría imposible.
A pesar de que cada vez que vexo unha película de Gerard Depardieu saio do cine coa sensación de que xa a vira (seguramente polo afán do mangallón de defender os valores da república, á hora de escoller os seus guións), animeime a ir ver As miñas tardes con Margueritte, unha desas películas con afán claramente educativo (útiles como recurso didáctico e civico), que cada ano entran de forma milagreira nas nosas carteleiras. Esta narración da historia de amizade (amor) que prende entre un mozote aldeán (Depardieu) e unha vella científica (Casadesus) serve para expresar o valor dos libros e da lectura como transformadores da vida dos seus lectores. Esta e unha película que aborda en toda regra o valor dos libros e da lectura para a vida: a lectura como chave para comprender a propia identidade e o mundo que nos rodea (a viaxe interior o mundo das tebras familiares que emprende o protagonista); a lectura como porta para acceder ao descoñecido; e, sobre todo, a lectura compartida (e en alta voz) como xeito de expresar tamén os afectos e compartir unha vida que pague a pena. A abordaxe das relacións do protagonista coas vellas, tanto a súa amiga lectora que vai quedando cega, como coa súa coraxuda nai, perdida de por vida nos seus labirintos, son outros temas a salientar. A pesar dese indubidable interese temático (unha rareza no cine espectáculo actual), a narración é moi fráxil, a trama tan dóce e previsible, os flashback tan pesadiños e innecesarios, os dous protagonistas tan boíños e sen arestas ningunhas, e o final tan feliciño e tópico (bocatas vexetais incluídos) que só a presenza do enorme Depardieu e da entrañable Giséle Casadesus evita o desastre máis absoluto. A película adapta a novela homónima de Marie-Sabine Roger, que con seguridade debe posuír a febra ficcional, a intensidade e profundidade narrativa que lle falta a este relato cinematográfico.
Non quero que quede atrás o artigo de Campo de Granada publicado o luns 16 de agosto, con motivo da viguesa festa de San Roque. Como sanroquista militante que son, non teño vergonza ningunha en asumir a nosa estirpe aldeana, mariñeira, obreira, traballadora e popular, termos cos que dende hai dous centos anos se ven escribindo o ADN da cidade de Vigo.
Un gaiteiro beduíno recibiunos no impresionante teatro da cidade grecorromana de Xerash (unha das marabillas arqueolóxicas menos coñecidas de Xordania). Aínda que o seu xeito era bretón daba xenio escoitalo, a pesar de que alí nese momento ía unha calor que se achegaba aos 50º.
Moi recomendable esta conversa entre Joaquín Rodríguez e Sergio Vila San Juan sobre a importancia da lectura. Coincido con eles plenamente. Lectura e cidadanía, velaí a clave.
Ao fío dos nosos comentarios que onte publicaba Rodri García en La Voz de Galicia, non hai dúbida que reorganizar o calendario da aparición de títulos e reducir as súas tiradas son as dúas primeiras medidas de prudencia que os editores estamos tomando para facer fronte á crise que está sufrindo o sector, especialmente dura para a edición cultural e de autor, o eido característico da edición en galego.
A experiencia da Feira do Libro da Coruña pode ser moi clarificadora da situación actual do mercado do libro en Galicia: excelente acollida de público (100.000 persoas), magnífico nivel das actividades literarias (presentacións e debates, xeralmente, moi concorridos); porén, todos os libreiros recoñecían en privado que se producíu unha diminución das vendas con respecto á pasada edición, afortunadamente inferior ás súas peores previsións. O mercado do libro literario está, pois, algo frío, como tantos outros produtos, aínda que non amosa síntomas de conxelación. No obstante, haberá que agardar á decisiva campaña de Nadal para facer valoracións máis acaídas a este teor.
Por riba dos efectos da crise económica, é innegable que a crise do modelo actual de edición cultural europea é moi profunda, máis aínda cando o modelo de edición masiva (baseado no reinado do libro único que adquiren millóns de lectores) que o foi substituíndo nalgúns países como os Estados Unidos e o Reino Unido comeza a quebrarse. Ou o que é o mesmo, cando editores e libreiros superemos os efectos nocivos da actual crise de consumo, coa deterioración que inevitablemente vai provocar, haberemos de enfrontar a mudanza do modelo da cadea de valor que supon o tránsito cara ao paradigma da edición dixital. A realidade non dá acougo, vivimos tempos de crise e mudanza. Tempos que deben ser, tamén, de oportunidade e entusiasmo. Con esa actitude ilusionada creo que debemos enfrontalos.
Dediquei as horas de lectura destes días a debullar as catrocentas páxinas do ensaio de Xosé Ramón Quintana Garrido sobre a historia do BNG. Non podo agochar que me interesou moito este relato –Premio Ramón Piñeiro de 2008– sobre o difícil proceso percorrido polo nacionalismo galego contemporáneo. Gustei do enfoque adoptado polo autor que dende a posición obxectiva que lle facilita a consulta de fontes documentais diversas (algunhas inéditas) arrisca a interpretar as claves dun proceso complexo que continúa aberto, xa que as testemuñas dos protagonistas poden abrir novas vías de investigación para os historiadores.
O sintagma que titula a obra é moi afortunado e luminoso para expresar un balance desacougante e demoledor que a esta altura (2010) sitúa ao BNG nunha encrucillada moi semellante á que vivía o nacionalismo galego antes da asemblea de Riazor. Lendo as páxinas documentadísimas (insisto) do libro de Quintana, os nacionalistas que nunca militamos no BNG comprobamos as razóns polas que non foi posible a nosa participación no proxecto político tutelado pola UPG, ao tempo que nos convida a apupar un debate sobre a posibilidade de que outro nacionalismo e outra esquerda sexa posible na Galicia futura.
Chama a atención o esforzo de equilibrio do autor, especialmente no capítulo derradeiro no que se analiza a crise tras o traumático resultado electoral do primeiro de marzo de 2009, para diagnosticar coma se se tratase dun médico as características da doenza actual do BNG para a que apenas receita como tratamento (desta volta con lóxica prudencia académica) a necesidade de que desenvolva unha «estratexia de adaptación coherente que entre outros moitos apspectos establecese dispositivos de cooperación interna baseados na confianza, que levasen a unha renovación eficaz das súas estruturas, equipo dirixente e candidaturas, e a unha apertura real da organización en permanente ósomose coa sociedade…» De forma sútil e elegante, como é a redacción de toda a obra, Quintana Garrido aconsella aos actuais dirixentes do BNG un auténtico «volver a empezar» para o que terán «por diante un longo e tortuoso camiño aínda por percorrer». Velaí o mito estoico do eterno retorno aplicado ao nacionalismo galego contemporáneo. Non é pouca lección.
Velaí unha versión de «El dinosaurio« de Augusto Monterroso, un booktrailer producido, tamén, por Gandhi. Se che gustou aquí tes outros onde escolleres. Moi interesante.
Tras a agotadora xornada de onte e senllas magníficaspresentacións, hoxe volvemos á Torre para acompañar a Mar Guerra e a Xosé Neira Vilas nos seus actos. As primeiras impresións (xa adianto que moi pesimistas) recibidas dos libreiros apuntan a unha baixada nas vendas da primeira fin de semana con respecto ao ano anterior, a pesar de que o número de visitantes foi moi elevado. No obstante, polo vivido onte non teño dúbida que a Feira do Libro da Coruña , a pesar da crise e do andazo, mantense por ventura como a máis importante cita da cultura do libro en Galicia. Agardamos que a semana continúe co mesmo pulo co que comezou.
Coñecín ao doutor Ánxel Vázquez de la Cruz un día de xuño de 1998 no restaurante Airas Nunes de Compostela. Foi el quen presentou O lapis do carpinteiro, a novela do seu amigo Manuel Rivas. Neste serán mudarán os papeis, e será o escritor Manuel Rivas quen presente o libro de relatos do seu amigo Ánxel Vázquez de la Cruz. Eduardo Galeano definíu ao pediatra escritor de forma certeira: «Ánxel acepta ser llamado doctor aunque él cura contando» e, abofé, de quen le este libro sorprendente dificilmente pode rebater ao xenio uruguaio. Despois de case un ano de preparación, non hai dúbida de que hoxe é o día de Ánxel, que apareceentrevistado en varios xornais falando, como doutor que é, do poder curativo das palabras, sen esquecer o seu papel como «rescatador» de historias. Desta ducia de relatos médicos tecidos cos fíos da experiencia de Ánxel falarán este serán Rivas (autor dun prólogo entusiasta do libro) e o doutor Manuel Salorio.
Mágoa que hoxe tamén despidamos a Xosé Luis de Dios, esoutro xenial rescatador de luces, cidadántudense coma Ánxel, amigo de todos nós e tan importante nas edicións da mítica novela de Manuel Rivas. Para a familia e as amizades de Xosé Luís, todos os nosos abrazos.
Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:
–El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.
Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).
En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.
Premio AELG Blog Literario 2010 Premio Fervenzas Literarias, 2009, 2010, 2011