Congreso do IBBY en Compostela, 8 ao 12 de setembro

31 Agosto, 2010 (17:18) | Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro

Ao longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Pingback from Tweets that mention Brétemas » Congreso do IBBY en Compostela, 8 ao 12 de setembro — Topsy.com
Date: 31 Agosto 2010, 5:49 p.m.

[...] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado and Filipe Diez, Santiago Turismo. Santiago Turismo said: Congrso internacional de litratura infantil y juvenil RT @bretemas: «Congreso do IBBY en Compostela»,anotación no blog, http://bit.ly/bexgK7 [...]

Comment from Belen Solleiro
Date: 31 Agosto 2010, 11:28 p.m.

Disfrutádeo moito.Unha pena que os recortes orzamentarios non faciliten a presenza de máis xente, as taxas eran moi elevadas e non non todos os petos so poden permitir. No caso dos traballadores funcionarios do Concello da Coruña non se non dou a oportunidade a ningún e pensando nun evento dame ´mágoa. Sabedes si se pode ir a escoitar algunha conferencia por libre???

Pingback from Brétemas » O Congreso do IBBY en Compostela inaugúrase hoxe
Date: 8 Setembro 2010, 7:21 a.m.

[...] das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores [...]

Pingback from Hoxe comeza o congreso do IBBY | Xerais
Date: 8 Setembro 2010, 9:13 a.m.

[...] maiores das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acolle diversos stands entre os que figura o da [...]

Olark Livehelp