Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.
Dende aquela e ao longo de seis décadas, Arias dedicou a vida toda ao servizo do desenvolvemento de Galicia. Fíxoo como mestre, editor, tradutor, ensaísta, biógrafo, investigador, empresario agrícola, promotor do cooperativismo ou militante do nacionalismo galego na clandestinidade (foi membro do PSG). Actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi Valentin un home de país.
Como mestre, formouse co espírito activista e anovador da Escola de Barreiros, inequivocamente decroliana, da que tras os seus anos de formación sería tamén mestre responsable durante unha década (1955-1965). Labor docente creador que continuou en Vigo, desque ingresou en 1969 no Colexio Público de Sárdoma, onde se xubilou en 1994 deixando unha gratísima lembranza entre os seus milleiros de alumnos.
Iniciou as súas tarefas no mundo do libro galego en 1970 cando comezou a traballar na Fundación Penzol e, máis tarde, de 1975 a 1978 como xerente da editorial Galaxia, onde publicara, coincidindo coa súa chegada á cidade da oliveira, os seus primeiros libros “A lingua galega na escola” (1970), “Lecturas galegas” (1972), “A escola rural en Galicia” (1975). Máis será coa creación de Edicións Xerais de Galicia en 1979, cando comezará a desenvolver un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, “Arroás”, “Xabarín” e “O rato Pérez”.
Foi quizais do seu labor como tradutor do que Valentín Arias se sentía máis fachendoso e responsable. En 1984 promoveu a creación da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente e animador incansable, coa inequívoca vontade de contribuír dende este eido a recuperación idiomática e a ofrecer a posibilidade de ler en galego calquera tipo de texto do corpus literario e científico universal. O seu esforzo como tradutor foi monumental. Deixa milleiros e milleiros de páxinas traducidas para o galego nas nosas bibliotecas. Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit. Un labor polo que foi recoñecido por premios como o Ramón Cabanillas (1989), o Plácido Castro (2001) ou coa homenaxe que recibiu en Vigo o 30 de setembro de 2008 con motivo do Día da Tradución, sendo declarado o “patriarca dos tradutores galegos”.
Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase “Tradutor e mestre Valentín Arias”. Con todos os nosos abrazos para Amparo Castaño, a súa inseparable compañeira, e para os seus fillos e netos.
EVITAR A DESOLACIÓN
O pasado sábado o Celta sofriu baixo un continuo ballón unha das derrotas máis contundentes que lembramos en Balaídos. Un cero a tres fronte a un magnífico Recreativo de Huelva que durante os noventa minutos de xogo mallou sen piedade nos nosos en todas as liñas e puxo en evidencia a profundidade do foxo no que caeron os de Paco Herrera. Desque collera o liderado, o Celta non dá unha a dereitas: un punto de quince posibles, tres derrotas consecutivas en casa e, o que é máis preocupante, unha crise do seu xogo que agora parece vulnerable e pouco competitivo. Para explicar o rotundo fracaso fronte ao equipo onubense non abonda coa inferioridade numérica provocada na primeira parte pola expulsión de Falcón –tras un comportamento moi pouco profesional e deportivo do porteiro celeste, que debería ser sancionado, tamén, polo propio club– xa que até entón o Recreativo dominaba con claridade e chegara con moito perigo en varias oportunidades. Nin tampouco chega, con ser moi importante, o erro clamoroso do adestrador de colocar a Bustos como lateral na banda dereita, o que provocou que se desfixese a estrutura de apoio aos centrais e as posibilidades de recuperación de balóns para a segunda liña de medios. Nin se explica a derrota só pola fraxilidade defensiva que provoca a ausencia de Jonathan Vila nin polo pésimo estado de forma de Quique de Lucas e David Rodríguez, os dianteiros nos que confía o adestrador, a pesar da súa escasa achega actual ao equipo e a súa actitude máis diletante e individualista ca comprometida e solidaria coas necesidades do conxunto. Nin explica completamente a derrota a escasa lucidez de Herrera para introducir algunha variante táctica durante un encontro no que o seu equipo nunca tivo o control da pelota nin gozou de oportunidades de gol; carencias ás que estou seguro non foron alleas as súas decisións caprichosas sobre os trocos, retirando a Trashorras na primeira parte, cando aínda estaba fresco, para dar a entrada ao porteiro Yoel ou incorporando a Dani Abalo e Papadopoulos cando o encontro estaba inevitablemente perdido. Cremos que catro derrotas en tan curto espazo de tempo e un xogo tan deplorable como o desenvolvido nestas xornadas polo Celta requiren dunha intervención enérxica por parte dun adestrador que non pode ser o primeiro en comezar a expresar dúbidas sobre as posibilidades do seu propio cadro. Sucede algo que descoñezamos no vestiario celeste? A preparación física do Celta é a máis axeitada para enfrontar esta fase decisiva da segunda volta na que se debe encarreirar o camiño do ascenso? Hai posibilidades de recambios no vestiario ou acudindo ao filial? Esta situación aínda se fai máis preocupante diante dos dous próximos encontros fronte a un Betis recuperado e a un Valladolid en estado de graza, dous dos nosos rivais directos, diante do que nos xogaremos o ser ou non ser da tempada. Herrera non pode adiar máis tempo a recuperación. Ten a obriga de intentar crear unha nova dinámica que devolva ao cadro o compromiso e a confianza, actitudes que veñen faltando neste nefasto mes de marzo. Quizais tería que comezar por deixar no banco aos xogadores en baixa forma, sexa cal fose o seu nome ou o importe da súa ficha, e volver apostar pola implicación da xente da casa. Se Herrera non é capaz de parar esta deriva, é moi probable que o Celta teña dificultades para clasificarse para o play-off. Estou seguro que é posible evitar semellante desolación que este fracaso provocaría.
Moitas grazas a Guillermo Meijón por tan interesante descuberta. A existencia dunha voz interna como motor da organización do pensamento e da acción desta rapaza sobrecolleume. Una aposta pola educación inclusiva. Merece a pena, a pesar do ton un chisco grandilocuente da narración e dos titulares sensacionalistas da reportaxe televisiva.
Hoxe é o “Día mundial da poesía”. Proclamada en 1999 pola XXX Conferencia Xeral da UNESCO, esta xornada, que no hemisferio norte coincide co comezo da primavera, constitúe un convite para converter a poesía nun espazo de encontro onde os pobos poidan atoparse por riba de cal sexa a súa lingua e a súa ubicación dentro do planeta. A poesía concibida como un dos alicerces da cultura universal, como unha voz superadora de barreiras e valados, capaz de expresar a esencia da condición humana e os matices máis sutiles das emocións e dos sentimentos dos seres humanos. A poesía convertida, ademais, en ferramenta de reflexión sobre o poder da linguaxe e en vehículo de expresión das capacidades creadoras de cada persoa. A poesía, en definitiva, transformada en código universal, nesa grande invención do mundo que permite o diálogo entre culturas, no territorio común das palabras, da creatividade e da innovación.
A UNESCO chama cada ano aos seus membros para celebrar esta xornada tamén coa intención de soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética, con singular interés polas manifestacións do patrimonio inmaterial de tradición oral e pola visibilidade dos poetas e dos seus textos na sociedade. Un día para promover a lectura, o ensino, a edición, a tradución da poesía entre lectores e lectoras de todas as idades e de todas as linguas. Vinte e catro horas, pois, para que a poesía e os poetas sexan os grandes protagonistas nos medios de comunicación, nos centros educativos e nos espazos públicos. Esta “Primavera dos poetas” convoca a milleiros de persoas dispostas a escoitar aos seus poetas que ocupan prazas, auditorios, bibliotecas e institutos. Consultar o programa de actos e recitais que hoxe se desenvolven en París, Lyon, Tours, algunhas das cidades francesas onde a celebración pula, provoca auténtico asombro. Canto menos por un día, os poetas son atendidos como merecen, como os xenerosos cabezaleiros da república das letras capaces de inchar as palabras, de escrutar os seus límites ou de alongar o alcance da lingua, servizo que a cidadanía sabe agradecer coa súa admiración cara eles.
Mágoa que non sexa, aínda, esta a consideración e o respecto que reciben os poetas galegos. Os nosos teñen cada vez máis dificultades para publicar os seus libros, menos oportunidades para recitar os seus poemas en espazos públicos e nin sequera a honra de ser coroados como hai cen anos lle aconteceu a Curros Enríquez. Dificultades de visibilidade para a poesía, ao que cremos non é allea a súa consideración prexuizosa como o xénero literario da minoría das minorías, a pesar de que nos textos poéticos reside o ADN de calquera outra expresión literaria. Outrosí sucede no propio sistema educativo, onde a pesar do importante esforzo realizado por un profesorado entusiasta en desenvolver un criterio literario entre o alumnado, a poesía tamén precisa de ser desmitificada e reivindicada.
Outra ollada da infancia e da mocidade sobre a poesía é posible. Este é o suxestivo convite que ven realizando o poeta e editor Fran Alonso en libros como Cidades (1997), Poetízate (2006) ou O meu gato é un poeta (2011), unha recente proposta de edición expandida (un libro, un cedé e unha web), na que engaiola a lectores novos e adolescentes retorcendo as palabras de xeito lúdico e divertido. Semellante proposta, dende hai vinte e cinco anos, ven realizando Antonio García Teijeiro, poeta pioneiro que acredita na capacidade contaxiosa do texto poético para ser apropiado polos nenos e nenas, como sabemos sucede en Recendos de aire sonoro (2011), o seu último libro onde esculca os límites entre poesía e música. Propostas de idéntica raíz e interese defenden Carlos Negro, Gloria Sánchez, Elvira Ribeiro, Antón Cortizas, Helena Villar Janeiro e unha longa nómina de poetas teimosos de noso que teñen ofrecidos poemarios que tamén poden ler os nenos.
Esoutra ollada poética desprexuizada non debe deitarse só sobre as crianzas. A poesía, a poesía galega, debe ocupar os espazos públicos que lle corresponden; os nosos poetas, como sucede hoxe en Francia, teñen tamén dereito a súa palestra. A lectura e a literatura deben entrar a formar parte da axenda pública, unha carencia moi grave nunha cidade como Vigo que a pesar de ser a capital editorial do país é incapaz de superar a súa endémica anemia lectora e bibliotecaria. Que a Concellaría de Cultura, fóra das actividades do Verbum, non teña prevista hoxe celebración ningunha para o “Día Mundial da Poesía” é triste, ademais doutra mostra da necesidade de contar cunha política municipal de lectura. Abondaría que os responsables vigueses consultasen a programación da concellaría coruñesa do seu ramo para atopar un modelo de cidade respectuosa cos seus poetas. En poesía e en bibliotecas, A Coruña é un exemplo a seguir.
A voz, o texto e o piano, abondan. Magnífica, Adele!
Se che gustou, estoutro tema «Set fire to the rain», non é menos apaixonante, xenial. Ambos os dous incluídos en 21, un disco memorable desta rapaza de Tottenham.
O domingo estarei na Coruña para participar en «Vento Lois». Primeiro na manifestación poética que comezará ás doce e media na Praza de María Pita; logo, a partir da unha, no recital cívico do Teatro Rosalía de Castro. Será unha boa oportunidade para intensificar a presenza social da obra de Lois Pereiro e preparar ese gran recital expansivo polo país enteiro que se celebrará días antes do 17 de maio.
Esta semana no artigo de Faro de Vigo, ao fío da homenaxe á edición histórica tributada polos membros da AGE na Noite da Edición, gabo o traballo da editorial Ir Indo e do seu editor Bieito Ledo Cabido.
O pasado sábado no transcurso da “Noite da Edición”, celebrada en Lugo, os membros da Asociación Galega de Editores rendemos homenaxe a Ir Indo edicións con motivo do vinte e cinco aniversario da súa fundación. Un recoñecemento merecido para a traxectoria e o catálogo desenvolvido por un dos proxectos editoriais sen os que non se podería entender a modernización da cultura e da edición galega contemporáneas, mais tamén unha mostra de admiración e agarimo cara a traxectoria de Bieito Ledo Cabido, o editor da aldea de Pedroso da parroquia de Abeleda no concello de Xunqueira de Ambía, afincado en Vigo dende hai case corenta anos, que encarnou tan importante travesía editorial.
A editora viguesa, instalada primeiro na rúa Torrecedeira e, máis tarde, na sede actual da avenida da Florida, coa intención de encher os baleiros editoriais existentes na cultura galega, artellou na súa historia un amplo catálogo (hoxe máis de medio milleiro de títulos) que abrangue dende a edición lexicográfica e enciclopédica (unha das actividades principais que a singularizou), pasando pola edición infantil e xuvenil, até a de narrativa, materiais didácticos e obras de referencia sobre o coñecemento do país. No entanto, foron até hoxe os dezaseis volumes da Enciclopedia Galega Universal o maior logro do equipo editorial de Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o seu primeiro colaborador e xerente do proxecto empresarial. A “EGU”, comezada a publicarse en 1999, é unha obra magna, extraordinaria, que constituíu a primeira visión completa do mundo feita en Galicia, en galego e dende a óptica de noso. Un fito senlleiro na edición galega, continuado en 2003 con semellantes criterios co Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), como tamén o foron outras iniciativas da editorial, entre as que non se poden deixar de citar as series de libros fotográficos dedicadas ás cidades e vilas de Galicia ou a colección de biografías “Galegos na Historia” que continúa publicándose.
É difícil atopar un proxecto editorial máis identificado coa personalidade do seu editor, que o de Ir Indo creado por Bieito Ledo. O propio nome escollido para editorial –foi tamén o da libraría que o editor abriu nas galerías de Príncipe cando chegou a Vigo en 1975– expresa a teimosa paciencia de Bieito Ledo de percorrer en irmandade os vieiros todos dun país que se ama e ao que se pretende transformar dende o seu coñecemento máis profundo e detallado. Consciente de que “as ideas son as que xeran riqueza”, Bieito Ledo propón a tarefa colectiva de construír demoradamente o país dos galegos, con intelixencia, autoestima e confianza nas propias posibilidades, sabendo que existirán dificultades que poderán ser superadas con traballo duro e compartido. Neste difícil e ilusionante proxecto temos que saber gañarnos a nosa xente. Esa é a tarefa permanente de facer país. Esa foi a proposta vital que este emprendedor nato –así foi definido polo seu amigo o editor Víctor Freixanes– despregou na fantasía da súa editora, sempre comprometida en manter un diálogo permanente coas mudanzas da sociedade galega á que ofrece os seus servizos.
Mais tamén foi esa mesma ansia de facer país cos libros á que impregnou o seu traballo como xerente da editorial Galaxia durante os anos decisivos da transición, nos que promoveu a importantísima “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e no que quedou para sempre inoculado do virus adictivo da edición. Un espírito aberto, inequivocamente cívico e galeguista, que o levou a crear espazos de encontro e amizade cando encabezou a renovación do Círculo Ourensán Vigués, cando creou os “Premios da Crítica Galicia” en 1978 ou cando participou na creación da Fundación Galicia-Empresa, entre outras moitas das súas angueiras polas que foi merecidamente recoñecido como “Vigués distinguido” en 2005 e como “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía” o ano seguinte, dúas condecoracións das que fachendea abertamente.
Por riba de todo, Bieito Ledo é un editor nato que acredita na idea de que son os libros, a lectura, o que máis nos axuda a medrar coma persoas. Foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores contribuíndo nestoutra agra a sementar ese espírito gremial imprescindible para desenvolver un sector no que até entón existía escasa experiencia empresarial. E como editor do século XXI que é asume sen complexos a mudanza profunda que se está producindo no paradigma da comunicación cultural apostando por ofrecer os produtos enciclopédicos e lexicográficos da súa editorial na rede e promovendo a creación dunha plataforma editorial galega que distribúa ese tipo de contidos. As nosas beizóns para el e para o seu equipo editorial, agardando poder celebrar con eles outras vinte e cinco primaveras máis.
Unha boliña de papel soña con ser un libro. Esta peza de animación de Pablo Delfini obtivo unha Mención Especial no 15 FLVR, Festival Latinoamericano de vídeo Rosario, Arxentina.
Esta semana de intenso traballo, na que puxemos cabo a docencia no Máster de Edición, non dispuxen até agora de acougo para publicar esta anotación, que fai as 3.000 destas brétemas. Cando hai máis de catro anos publicabamos a número 1000, e dous anos despois a 2000, tamén aproveitabamos para reflexionar sobre o fenómeno blog, e máis especificamente sobre o fenómeno dos blogs en galego, aos que vimos achegando a nosa humilde contribución e nos que vimos ensaiando a nosa escrita dixital.
Non hai dúbida que ao longo destas tres mil anotacións, realizadas ao longo de máis de seis anos, as utilidades e o papel dos blogs mudaron moi profundamente. A irrupción das redes sociais modificou o papel dos blogs, que na maior parte dos casos foron abandonados como espazos de debate polas facilidades achegadas polas redes sociais. No entanto, como usuario de Twitter e FB, a miña experiencia é que os blogs continúan sendo esenciais para conformar a identidade dixital na rede das persoas, empresas ou entidades. Hoxe, os blogs son os espazos de lectura máis acougada e reflexiva dos que dispoñemos nesta vertixe da lectura multitarefa cotián. Máis alá da súa esencial utilidade didáctica, como sinala Juan Varela, os blogs quedarán para a xente que quere producir certos contidos, para aqueloutras que prefiran manter o seu arquivo de presenza na rede ou como parte desa edición expandida que estamos comezando a desenvolver.
Porén, estas mudanzas non modifican a razón de ser dos blogs, os que concibimos como identidades individuais de dominio público. No noso caso, a pesar de que reducimos o ritmo habitual de publicación, continuamos modulando a nosa voz nos proxectos de seguir a mudanza do paradigma da comunicación cultural, de acompañar o proceso de edición en galego, de intervir no debate político cidadán ou de compartir os éxitos e fracasos do noso Celta do corazón.
O sempre xeneroso Ramon Nicolás fíxome unha entrevista para a revista Qué leer da que é correspondente en Galicia. Falamos da Asociación Galega de Editores, das perspectivas do sector no entorno da crise actual, dos proxectos futuros de Xerais, de Lois Pereiro e do traballo nestas brétemas. Quedo moi agradecido.
No artigo da semana en Faro de Vigo valoro o que entendo supuxeron os dous primeiros anos da lexisltura de Feijóo, ao tempo que reclamo unha acción política en clave de país.
É unha mágoa que Alberto Núñez Feijóo durante os dous primeiros anos do seu goberno non fose máis afouto e intentase meterlle o dente a algunha das cuestións claves para o futuro do país e do seu autogoberno. Pola contra, dende os primeiros días, quedou clara que a súa intención era moito máis modesta, prefería presentarse diante da prensa madrileña e dos seus think tank conservadores como cabezaleiro dun novo estilo de goberno liberal baseado na austeridade da xestión, na refundación á baixa do estado das autonomías e nunha política de comunicación moi combativa coas actuacións dos gobernos progresistas. Esta estratexia de patriotismo de partido, acuñada polo equipo de Feijóo en todos os estamentos da Xunta de Galicia, é a que explica o feito de que o Goberno de España, os gobernos bipartitos dos concellos das cidades e os das dúas deputacións do norte, sen menoscabo da cortesía institucional protocolaria, fosen considerados como inimigos a batir dende a actuación do goberno autonómico.
Durante o primeiro ano da lexislatura, Feijóo escolleu a lingua como tema estrela para desenvolver a súa estratexia. Amparado no resultado electoral e asumindo un confuso discurso de cambio social, modificou de forma unilateral as políticas de fomento do uso do galego, amosando así que non lle intimidaba xebrar os consensos forxados en tres décadas de autonomía sobre a lingua nin promover un proceso deconstrutivo sobre a cultura e educación acuñadas en galego. Medidas apupadas decontado polos faladoiros conservadores capitalinos, onde gañou gran popularidade, e adoptadas, no caso do decreto de plurilingüismo, apenas para conformar os desexos dun moi minoritario sector negacionista da lingua propia, ao que a maioría abrumadora da sociedade galega ignora.
Diante do inevitable proceso de reestruturación do sistema financeiro, Feijóo centrou as angueiras políticas do seu segundo ano de goberno en facilitar a fusión das caixas. Este é, sen dúbida, o seu maior acerto desta primeira metade de lexislatura e onde actuou de forma máis autónoma. Un éxito que podería estragarse se nesta segunda onda privatizadora, promovida outrosí polo Banco de España e polo goberno central, Novacaixagalicia desaparece como entidade ao servizo de Galicia, amputándose así unha das competencias do autogoberno, recoñecida no Estatuto de Autonomía de Galicia. A decisión do Tribunal Constitucional de suspender de forma cautelar a aplicación do catálogo de medicamentos, que restrinxe os fármacos sufragados pola sanidade pública galega, unha medida que defende o autogoberno e a súa viabilidade financeira, impide a Feijóo anotarse un dos escasos éxitos de xestión dun goberno que a mantenta quixo de perfil baixo.
Galicia non foi allea aos efectos da crise económica neste tempo. O número de desempregados achégase xa ás 250.000 persoas (a cifra máis alta da nosa historia), increméntándose en máis de 40.000 as persoas desocupadas con respecto ao inicio da lexislatura. Cifras alarmantes, sobre todo as da poboación moza onde se poden acadar porcentaxes de desemprego superiores ao 30%. O número de ERES no sector da industria, no comercio e non servizos desbocouse no último ano. As proporcións da actual onda emigratoria xa non poden ocultarse, sobre todo entre os sectores mellor formados, como os dos postgraduados. Non son máis alentadoras, tampouco, as taxas de crecemento que, segundo o máis recente informe de Funcas, están situadas en Galicia por baixo da media do Estado; sendo, ademais, a nosa unha das tres comunidades que máis incrementa a súa ratio de débeda en relación co PIB, o que nos agoira que teremos serias dificultades (máis recurtes) para saír do longo túnel da crise. Datos que amosan a existencia dunha fenda considerable en Galicia entre a actividade da súa clase política e o deterioro da realidade económica e social que sofre a súa cidadanía.
A Xunta de Galicia non pode agochar que vivimos un dos peores momentos da historia da Autonomía. Galicia precisa hoxe máis que nunca dun goberno e dunha oposición que actúen en clave de país, capaces de acadar consensos potentes nos temas claves para o noso desenvolvemento e benestar: a reforma estatutaria, a organización do territorio e da administración, o sistema de financiamento, a modernización do noso sistema produtivo ou o fomento da nosa lingua e da nosa cultura como espazos de encontro de todos.
Non son moi optimista que isto se poida conseguir no que resta de lexislatura, xa que o Goberno de Feijóo continúa obsesionado por acadar a remuda nas cidades e contribuír á chegada de Rajoy á Moncloa; estratexia á que non é allea, tampouco, a febleza dunha oposición sen liderados sociais sólidos, incapaz nestes dous anos de ofrecerse como alternativa sequera verosímil.
«A xente intelixente usa bibliotecas intelixentes» («Smart people use smart libraries») é o lema da Semana da Biblioteca organizada en Irlanda do 7 ao 13 de marzo. Actos, lecturas, exposicións que mobilizan a toda a rede bibliotecaria. Unha boa iniciativa para emular en Galicia.
ATOADO Un Celta atoado perdeu diante do Huesca, un equipo moi barulleiro que aproveitou o despiste que no minuto dous cometeu un desafortunado Falcón, tras un remate de Roberto ao pao. Dende entón, os oscenses defenderon o valioso caroliño pechando os espazos aos nosos con doses elevadas de anticipación, moita paciencia, leña abonda e, cando cadraba, do desesperante e antideportivo conto dos seus xogadores magoados. A derrota celeste supón un paso atrás, unha pequena decepción para bancada, mais que, porén devolve á crúa realidade a aqueles apresurados que co liderado no peto xa comezaban a celebrar con euforia desaforada o ascenso. Non. Como quedou ben demostrado na noitiña de onte diante do equipo do teatreiro Onésimo, nesta competición queda moito fío por desennobelar e os nosos non teñen, aínda, asegurado ningún dos postos de privilexiado. Con todo, non resulta doado explicar as razóns desta derrota diante dun conxunto, até agora con escasas aspiracións, que por riba se presentaba en Balaídos con media ducia de baixas. A triste arbitraxe de Jorge Valdés, que se descomprometeu do que sucedeu en dúas ocasións na área oscense, non abonda para xustificar o resultado. Nin tampouco a extraordinaria actuación de Andrés Fernández, sen dúbida, o mellor porteiro que vimos aquí esta tempada, capaz de mandar sobre a súa defensa con enorme autoridade, dominar o xogo aéreo e facer unha cantas pombiñas que o fixeron inexpugnable para o xutes de Quique de Lucas. Entendo que a clave residiu no erro de Paco Herrera de modificar a composición do centro do campo. O Celta onte tivo moitas saudades da sobriedade de López Garai, ese xogador invisible que tece o sistema de axudas e apoios da rede celeste, que permite aliviar os automatismos do xogo defensivo e facilita as anticipacións tan características de Bustos. Pola contra, a entrada de Michu como pivote descompuxo o xogo memorizado dos nosos, quizais por que o asturiano non está cómodo nun espazo que precisa de máis toque e velocidade cas que posúe nas súas biqueiras. Durante a primeira parte, o Celta foi un equipo sen xeito ningún, sen ideas, sen capacidade de xerar perigo, lentísimo, atoado, collido nas gadoupas que os oscenses –sempre no límite do moito que permitía o colexiado– lles foron tecendo. Por riba, só De Lucas era capaz de chegar con perigo, dispuxo de dous goles feitos que impediron os paos, mentres que David Rodríguez tivo unha noite nefasta, desaproveitando unha extraordinaria oportunidade que non soubo resolver só diante do porteiro. No comezo da segunda parte, semellaba que as cousas podían mellorar, sobre todo, cando Álex colleu o pivote e entrou Iago Aspas. Foi un espellismo. Os defensas oscenses tapiaron os espazos entre liñas celestes. Os nosos dianteiros apenas tiveron oportunidades. Nin sequera a saída de Dani Abalo conseguiu abrir unha fenda pola banda. Os oscenses coas súas perdas constantes de tempo conseguiron facer tolear aos célticos. A piques de finalizar, co Celta xa á desesperada, o Huesca pechou o partido cun segundo gol. Non deixa de ser curioso que, entón, co partido perdido, nos minutos de desconto, o Celta desenvolvese o seu mellor xogo e mesmo David marcase o gol que a fortuna até entón lle negara. De tan dolorosa, coma xusta derrota, algunha lección debe tirar Herrera. Cando un equipo está enrachado, como estivo o “Celta ideal” durante os meses de xaneiro e febreiro, non convén facerlle moitas mudanzas.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.
Os amigos e amigas de Radiofusión tiveron a xenerosidade de ofrecerme a posibilidade de comentar cinco das cancións que me gustan. Emitirán unha cada día laborable da vindeira semana (a de entroido). Esa foi a miña escolma (tan difícil):