En clave galega

19 Setembro, 2011 (06:44) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cultura, Historia, Vigo

No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío da nova etapa da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, reflexiono sobre o que entendo é o traballo asociativo en clave galega.

A Reforma Política, a chamada popularmente “Transición”, foi un tempo decisivo, no que se valoraron argumentos e posibilidades políticas que agora, neste tempo de profunda recentralización conservadora, poden parecer propios de novelas de ciencia ficción. Imaxinemos que tería sido de Galicia e da evolución das súas forzas políticas, se o científico Bibiano Fernández Osorio e Tafall –primeiro alcalde republicano de Pontevedra e presidente da Asemblea de Municipios de Santiago de 1932, aquela parteira do proxecto de Estatuto de Autonomía plebiscitado o 28 de xuño de 1936– chegara a aceptar a proposta de Adolfo Suárez de encabezar a primeira Xunta de Galicia Preautonómica. Un ofrecemento que o pontevedrés, xubilado en 1972 como subsecretario xeral da ONU, rexeitou porque consideraba que lle faltaba “a lexitimidade” de representar directamente a herdanza republicana daquel Consello de Galiza do que Castelao foi o seu primeiro presidente. Perdida a oportunidade de fundar o noso autogoberno da man de Osorio Tafall e, polo tanto, dende a tradición galeguista e republicana aquel proceso foi dirixido por Antonio Rosón e Xosé Quiroga Suárez, políticos vinculados até entón, dunha ou doutra maneira, aos que en cada etapa detentaron o poder en Madrid.

En Galicia, naquel momento alboral da Transición, mesmo antes do inicio do proceso autonómico, que por vez primeira recoñecerá institucionalmente a existencia da lingua e cultura galegas, xermolaron iniciativas asociativas e empresariais coa intención de dotar de protagonismo á sociedade civil na recuperación da identidade galega e no proceso de modernización de Galicia e desenvolvemento do autogoberno. Foi daquela (1978) cando naceu Caixa Galicia, froito da fusión das tres caixas de aforros coruñesas. Foi entón cando apareceron nos kioscos as primeiras publicacións en galego, como a infantil “Vagalume” (1975), a revista “Teima” (1976) ou o semanario “A Nosa Terra” (1977). Foron os anos nos que se organizaron os primeiros cursos de galego do ILG, se publicaron os primeiros libros de texto para o ensino do galego e as primeiras obras colectivas de estudos, que pretendían tomarlle o pulso ao estado a un país sumido no atraso, como “Galicia: realidade económica e conflicto social” (1978), volume coordinado por José A. Durán, encargado polo Banco de Bilbao, entidade que logo non o quixo distribuír, sendo fotocopiado entre os sectores galeguistas. Foi o período no que se forxou a concepción do traballo asociativo en clave galega, que pretende involucrar a todos os sectores da sociedade nosa, dende os empresariais, pasando polos sindicais e universitarios, até os institucionais, no proceso de galeguización e normalización cultural.

Desa concepción galeguista naceron en Vigo, no mes de maio de 1978, os Premios da Crítica Galicia, unha iniciativa do Círculo Ourensán Vigués que pretendía instituír a tradición de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merecesen os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalizasen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Encabezada polo libreiro Bieito Ledo, e concibida e deseñada por un xeneroso grupo de profesionais vigueses (Víctor Freixanes, Malós Cabrera, Manolo Janeiro, Paco Mantecón, Emilio de Gregorio, Vítor Vaqueiro, Uxío Labarta, Miguel Murado, Blanca Lorenzo, Francisco Carballo Carballo, María Xosé Porteiro, Xosé Antonio Perozo, entre outros), aquela iniciativa transformouse nunha institución cultural de referencia, sen a que hoxe, e no futuro, será imposible comprender o que sucedeu en Galicia durante as tres últimas décadas nos eidos da creación literaria en galego, na investigación no eido das Humanidades, na música, nas artes plásticas, nas artes escénicas ou nas súas iniciativas culturais máis destacadas.

A continuidade dos Premios da Crítica Galicia, que este ano serán ditaminados en Vigo o vindeiro 22 de outubro, debemos de entendela como un éxito colectivo dos creadores e artistas galegos, mais tamén como un exercicio xeneroso de responsabilidade dos seus fundadores e organizadores. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, é unha feliz noticia que non se rompese a tradición destes premios que de forma ininterrumpida dialogaron e tomaron o pulso do latexo da nosa creación cultural. Galicia precisa de máis institucións e plataformas cívicas deste tipo –plurais, independentes e interxeracionais– que traballando en man común e en clave de país contribúan coa súa continuidade a acrisolar a tradición galega. Só así poderemos recuperar as oportunidades perdidas no decurso da nosa historia milenaria.