Sei que nunca esquecerei esta Feira de Guadalajara con Agustín. Foi memorable o acto de entrega do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil que onte recibíu apupado por centos de lectores e lectoras. A moi fermosa laudatio de María Jesús Gil emocionounos moito, moito, tanto pola calidez do retrato humano e literario presentado como por subliñar neste foro mundial o compromiso do autor de Contos por palabras coa lingua e literatura galegas. O discurso de Agustín foi o dun auténtico mestre. Extraordinario! Dirixíndose aos habitantes da república dos soños e, sen dúbida, imbuído polo entusiasmo da mobilización lectora desta FIL sorprendente, Agustín defendeu a lectura como un pracer que se contaxia e como unha competencia imprescindible para construír unha sociedade máis xusta. O chamamento final, rotundo, emotivo, citando ao seu mestre Rodari, foi un broche de ouro para unhas palabras que pasarán a historia literaria. A ducia de membros da delegación galega nesta FIL apapachámolo coma tolos, expresando unha fachenda que saía do peito. Ao inicio do acto, Patsi Aldana, presidenta da Fundación IBBY, sinalou que “neste tempo tan díficil de crise, o mundo necesita de grandes libros e de moitos lectores que queiran ler e imaxinar novos mundos alternativos ao que vivimos. Para facer estes lectores son indispensables grandes autores de literatura de calidade como Agustín Fernández Paz”. Sei que o de onte foi un dos fitos máis senlleiros da literatura de noso. Beizóns, mestre Agustín!
Á volta a Galicia, que iniciamos nunhas horas, subiremos os discursos de María Jesús Gil e do propio Agustín. Ademais, contaremos coa gravación do acto realizado por Xulio Abollo e coas fotografías de Rosa Aneiros. Uns documentos que moito pagan a pena.
O desenvolvemento da segunda xornada superou as mellores expectativas sobre esta FIL 2011. A de Guadalajara é tanto unha feira internacional do libro do perímetro iberoamericano como un festival literario dirixido cara todos os públicos, razóns pola que o sintagma que semella mellor lle acae é o de tratarse dun auténtico espazo para a lectura. Ademais, a FIL expresa unha vontade inequívoca de contribuír á mobilización lectora, tanto polo contido dos seus programas de actividades como polos numerosísimos chamamentos a prol da lectura e dos seus valores presentes tanto na sinalética do evento como, e sobre todo, nos espazos expositivos. Fun recollendo na libreta algúns deles que, a pesar de ser, na súa maior parte, xa coñecidos constitúen un recurso didáctico valioso: “Somos o que lemos”; “O libro abre os teus ollos”; “Os libros son para todos”; “Todos somos lectores”; “Facemos máis rica a túa lectura”; “Unha cidade lectora”; “Pase e lea”; “Ler é algo mellor do que podes imaxinar; non deixes que che impoñan a lectura; ler é máis engaiolante cando ninguén che obriga a facelo”; “Ler acelera os teus sentidos”; “Ler cos teus fillos é o teu mellor papel”… Estes chamamemtos a prol da lectura son apenas outro indicio do entusiasmo contaxioso deste evento no que, ademais, fomos capaces de mercar até media ducia de títulos moi interesantes relacionados co fomento da lectura, entre eles dous dos clásicos de Aidam Chambers (Conversaciones e Dime), e o clásico de Michèle Petit (Lecturas: del espacio íntimo al espacio público), ambos os tres da colección “Espacios para la lectura” do Fondo de Cultura Económica, a editora pública mexicana. Esta feira está axudándonos a interrogarnos e estimular a nosa curiosidade, si señor.
Intensa primeira xornada da FIL de Guadalajara, ateigada de milleiros de persoas, que aquí de forma respectuosa son chamadas “lectores” e “lectoras”. Esta feira é capaz de contaxiar entusiasmo pola crenza das súas organizadoras (case todas son mulleres) nas posibilidades da lectura e do libro (aquí, impreso, de forma abrumadora) para desenvolver civilidade e mellorar a educación, Esta feira, promovida dende hai vinte e cinco anos pola Universidade de Guadalajara, pon o acento, sobre todo, na actividade literaria, nos debates e no protagonismo dos escritores, situándose moi lonxe do conformismo e do derrotismo ao que tan afeitos estamos. Aquí o libro é o pan da cultura e a lectura a actividade cultural primeira, O mellor exemplo do que dicimos foi participar na conversa entre Herta Müller e Mario Vargas Llosa, dous nobel, seguida por máis dun MILLEIRO de persoas, que agardamos o seu comezo cunha hora de antelación. A autora de Randea do alento brillou coa súa defensa dunha literatura que doa e fascine ao un tempo, Vargas Llosa cubriuse de gloria cando case ao remate afirmou que “Salvo en Cuba, non houbo totalitarismo en América Latina”, demostrando que non sempre os mellores escritores acertan nas súas análises políticas e sociais.
Tras case vinte horas chegamos a Guadalajara, onde participaremos nas actividades da FIL e acompañaremos a Agustín Fernández Paz na recollida do premio Iberoamericano de LIX. A pesar de que os avións trasatlánticos non son os mellores espazos para a lectura, aínda fun capaz de debullar as primeiras setentas páxinas (dunha extraordinaria CALIDADE) da nova novela de Anxo Angueira que publicaremos a comezos da primavera. As actividades literarias da FIL ábrense cunha conversa entre dous premio nobel, a nosa benquerida Herta Müller e Vargas Llosa. Se o wifi o permite, iremos dando conta do que vexamos máis interesante destes intensos tres días e medio en México.
A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.
Nas conversas do Premio Fernández Latorre non se falou doutra cousa: “a crise”. O pesimismo, mesmo o fatalismo sobre a situación económica e social, é hoxe o único discurso da clase empresarial, financeira e política en Galicia. Coa excepción do premiado, Angel Carracedo, que solicitou apoio para a investigación como garantía de futuro, nin na intervención de Santiago Rey (moi dura co goberno saínte e solicitando máis reformas) nin na do presidente da Xunta puidemos atopar tampouco algunha faísca de optimismo ou esperanza, coñecedores ambos os dous que os máis duros recurtes chegarán tras a investidura de Mariano Rajoy. As declaracións de Stiglitz, coincindo coa súa conferencia na Coruña, denunciando que esta política de austeridade é unha receita para o suicidio confirman os nosos peores agoiros. Coma o salmón, loitamos contra a corrente. Ao remate do longo xantar, non me pasou desapercibido que saísen xuntos da sala, Antonio Fontenla, presidente da CEG, e Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Rural e, segundo o que alí oín, ministro que será do primeiro goberno de Rajoy.
A memoria da movida viguesa dos 80, aquela axitación cultural que coincidiu coa reconversión naval, protagoniza dous dos nosos libros desta campaña de nadal. Un relato documental en voz dos protagonistas, preparado polo xornalista cultural Emilio Alonso, e unha grande reportaxe fotográfica de Víctor de las Heras. Dúas achegas que contribúen ao proceso colectivo de memoria dun fenómeno que foi moito máis ca un estoupido musical e puxo algúns dos alicerces sobre os que se desenvolveu a chamada “industria cultural” viguesa das dúas últimas décadas. Onte presentamos o documentadísimo libro de Emilio, o responsable daquel exemplar programa de radio local, “A trincheira”, onde se seguiu co maior detalle todo o que foi acontecendo. Algúns dos protagonistas daquel tempo revolcado de entusiasmo acompañaron ao autor no serán da estrea e no concerto posterior en La Iguana. A vindeira semana, o xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas no Auditorio do concello de Vigo presentaremos o segundo libro, Vigo a explosión dos oitenta.
Na presentación de Poñente díxoo Tito Fernández Prieto: “Pere Tobaruela é un fomentador, xa que descubre axiña as nosas posibilidades. É un holandés do mediodía”. Escritor catalán, afincando dende hai poucos anos en Galicia, narrador nato que escribe para todos os públicos, o compromiso de Pere coa lingua e coa literatura galega, co país de noso, máis aínda nestes tempos difíciles, merece beizón. Cunha recoñecible pegada autobiográfica, Tobaruela ofrece en Poñente unha novela histórica sobre aqueles fomentadores cataláns que entre finais do XVIII e comezos do XIX alicerzaron a actividade da salga de sardiña nas rías baixas. Agora, Tobaruela, ao xeito de fomentador literario, contribúe a recuperar a épica do inicio da industrialización dun dos nosos sectores de ribeira, ao tempo que continúa o diálogo entre Galicia e Catalunya. Roubándolle as palabras o mestre Llach, a luz de poñente que procura Tobaruela é a que descubre un mundo novo, unha luz descoñecida.
No primeiro día da era Rajoy viaxei a Lugo, tras previo xantar cun equipo de autores no Barco de Valdeorras, para presentarTrece noites, trece lúas, o moi fermoso libro sobre os mitos, ritos e tradicións do nadal galego escrito por Antonio Reigosa e ilustrado por Noemí López. Non houbo queixa! Suso Regueiro, un mestre deste tipo de cerimonias, como non coñezo outro no país, iniciou e pechou coa súa delicada atención un acto literario brillante no que participaron case un cento de persoas, que ateigaron os dous andares da sala e agotaron os libros á venda. O de Reigosa é Noemí é un libro concibido con agarimo para utilizar nas bibliotecas familiares e escolares, un auténtico galano no que non falta detalle, co que iniciamos a moi intensa campaña de presentacións deste nadal da crise. Agardo poder atender un calendario que nos levará por todo o país durante estas vindeiras catro semanas. Hoxe, na segunda etapa, estaremos na facultade de Xeografía e Historia de Compostela, acompañando a Pere Tobaruela para presentar a tradución ao galego da súa Llum de ponent.
A vitoria esmagadora do Partido Popular, a pesar de que estaba cantada, entristeceunos. En Galicia foron moi raquíticas as ledicias para a esquerda: o mantemento dos escanos do BNG, mesmo a pesar da súa lixeira perda de apoios; e a notable subida de Esquerda Unida, que triplica o seu número de votos e que na provincia de Pontevedra supera a barreira do 5%. O fracaso do PSdeG-PSOE foi brutal, sen facer diferenzas entre Blancos, Pachis, Caballeros ou Camaños, unha desfeita que non se pode agochar. Con estes resultados diante, a posibilidade de reconstruír unha alternativa ao actual Goberno de Feijóo é hoxe inverosímil. Por riba, ver cara os resultados de Catalunya e Euskadi dá envexa, dúas nacións cuxo comportamento político enxerga horizontes de maior autogoberno. No entanto, non é posible abandonarse na desolación. Quizais agoirando o que viña enriba, antes de coñecer o resultado electoral, publiquei este tuit motivado polas recentes derrotas celestes: «Cómpre enxergar os novos tempos cun chisco de ironía. Mudar a «Mellorserá» é unha das propostas para o Celta e para o país.» O progresismo e o nacionalismo galego non poden conformarse con este lamentable resultado nun entorno conservador e recentralizador que dá moito medo.
O segundo libro de Vigo por Magar ábrese cunha fotografía da viguesa “Peña Xaburú” en Riazor. Datada o 9 de setembro de 1960, un grupo moi numeroso de celtistas, entre os que aparece o propio Magar, amosa a súa ledicia e elegancia (todos levan lazo ou garabata) baixo unha pancarta na que se le o seguinte texto en galego: “Vigo. Peña Xaburú ¡Aquí estamos, non o merecedes…, pero os animamos!” . Toda unha declaración de lealtade celeste dunha afección que, xa daquela, sabía estar ás duras e ás maduras. Segundo relata Fernando Gallego na súa historia do Celta, publicada por “Faro” con motivo do 75º aniversario do club, tras o descenso a segunda o ano anterior, a afección celeste estaba un chisco queimada co seu equipo, o que explicaría o de “non o merecedes”, unha chanza que resultou ser un revulsivo eficaz, xa que os seareiros regresaron felices a Vigo grazas ao solitario gol de Gómez co que o Celta gañou aquel derbi. Resultado que sería máis abultado no derbi de primavera en Balaídos, no que marcaron Igoa, Zamorita e, outra vez, Gómez, o noso dianteiro centro.
Hai cincuenta anos os derbis do Celta co Deportivo eran moi frecuentes. No verán, formando parte da pretempada, celebrábase o “Trofeo Amistad”, a dobre partido, un en cada cidade. Os seareiros viaxaban por milleiros para non deixar sós aos seus. En 1965 foron 8.000 os celtistas que acudiron a Riazor, un número superior ao de socios, algo asombroso. A ledicia daquela festa, que os celtistas iniciaban ao mediodía nos viños dos Olmos, “quecíase” polo anuncio das primas ofrecidas polos presidentes para motivar ao seus xogadores en partidos “transcendentais” –que podían chegar as dúas mil pesetas por barba– ou polos comentarios irónicos dalgúns xornalistas que criticaban nos medios coruñeses a tradicional “ferocidade olívica” ou que denominaban a Vigo como “cidade dos tranvías”, o que non sei se interpretar como un velado piropo. Unha rivalidade futbolística comezada en 1908 cando o Deportivo da Sala Calvet visitou o campo vigués do Fortuna C.F. e que continuou o ano seguinte cando o 15 de maio de 1909 se inaugurou o campo de Riazor co primeiro derbi, tamén co noso primeiro “team” vigués.
Magoadamente, dende hai vinte e cinco anos, coincidindo coa volta do Deportivo e do Celta a primeira e cos anos máis gloriosos deportivamente de ambos os dous clubes, perdeuse aquela cultura do derbi e do seu “fair play”, concibido como festa de encontro das afeccións, sendo substituída por unha confrontación pailaroca que emula a cultura hooligan e ao odio tribal. Quizais foi o derbi en Riazor do 7 de xuño de 1987, gañado polo Celta, con ambos os dous clubes xogándose a cara de can o ascenso a primeira, o que abriu a cultura das pelexas e da confrontación entre algunhas peñas de ambos os dous equipos. Un modelo de confrontación que non foi evitado polos presidentes dos clubes e que foi aproveitado de forma irresponsable por algúns políticos populistas, como testemuñan as fotos inesquecibles dos cornos de Francisco Vázquez na grada ou as actuacións de Antonio Nieto Figueroa “Leri” nos derbis de Balaídos. Os apedramentos dos autobuses da afección celeste no derbi da pasada semana, minimizados polo presidente Lendoiro, amosan que esa cultura da violencia asúmese como inevitable nos derbis. Outrosí sucede cos cánticos das afeccións, afirmándose por oposición ao rival (“Vigo, no”, “Coruña, non” ou outros sintagmas que non debemos reproducir), amosando unha carencia de autoestima e de confianza nas posibilidades do equipo ao que apupan.
Transformar rivalidades futbolísticas en confrontacións violentas entre Vigo e Coruña, dúas cidades irmáns, que sabemos compiten entre si nos mercados financeiros, nos fletes portuarios ou na chegada do tren de alta velocidade, resulta inadmisible e moi perigoso para a existencia dun proxecto de convivencia chamado Galicia. O entendemento entre Vigo e A Coruña, os dous motores industriais e financeiros cos que contamos, é esencial para o futuro do país.
Estou convencido que é posible a existencia dunha rivalidade goleira galega, moi intensa e emocionante, sen que isto impida o recoñecemento do rival, como o noso irmán e como o noso cómplice. O intenso derbi vasco, demostra que é posible un modelo de rivalidade deportiva que non estea baseado en negar ao contrario e atacalo de forma tribal. Ambos os dous clubes, tanto as súas directivas como os seus cadros de xogadores, os alcaldes, os partidos políticos e os medios de comunicación deben traballar arreo por recuperar aquela cultura do “fair play” doutrora. Non debemos renunciar a que algún día sexa posible tomar un viño nos Olmos coa camiseta de Iago Aspas ou unhas ostras na Pedra vestindo a de Valerón antes de celebrar un dos derbis galegos de primeira. Queda case todo por facer.
Tras a enésima derrota en Balaídos é doado comprobar o elevado umbral de resistencia do celtismo diante da adversidade. Un índice que sei medir, dende hai tempo, polo nivel de ruído provocado polas conversas dos serareiros no ouruga de Urzaiz ao regreso de Balaídos: canto máis balbordo, maior satisfacción pola goleira; canto máis silencio, maior desacougo. Onte foi un deses días de silencio espeso, onde nin sequera se podía botar man dun novo fracaso do Deportivo, un fierabrás que moito leva axudado a aliviar as derrotas de noso. Chama a atención que Paco Herrera, o adestrador do Celta, aínda non entenda a identidade do seu equipo e lamente que os seus non ganen os partidos, a pesar de xogar ben. Herrera ignora esa regra non escrita, que até o celtista máis noviño xa coñece: «cando o Celta arrecende a posibilidade real de gozar do mel nos beizos, prodúcese unha axitación interna de orixe descoñecida, que lle impide saborealo». Manuel Rivas diría que o camiñar celeste é o de Charlot, un paso adiante e outro atrás, como o verso emblemático de Díaz Castro que tan ben lle acae o primeiro equipo dun país curtido en mil derrotas. Herrera, aí está a orixe dos fracasos recentes.
Creo que ten razón meu irmán Eduardo cando di que este Celta padece a síndrome de filial, eses equipos tan simpáticos para os rivais, gabados por tratar ben a pelota, por ter vontade combinatoria, mesmo por chegar a golear, mais que tamén, finalmente, son doados de superar para os equipos máis feitos e competitivos debido a súa febleza de carácter. Nos dous últimos partidos, os célticos amosaron síntomas moi preocupantes desta síndrome e pagaron con senllas derrotas, moi dolorosas ambas as dúas, a súa escasa entidade defensiva e a súa incapacidade para desbordar a dúas defensas (portarías incluídas) serias, contundentes e fiables tacticamente. Aí quizais poida residir algunha das razóns que, transcorrida máis da metade da primeira volta, sitúan ao equipo noso nun chanzo inferior aos catro galos da categoría, Hércules, Almería, Deportivo e Valladolid; conxuntos cos que perdimos, con todos os catro, con claridade. Fronte ao líder repetíuse a decepción da semana anterior en Riazor. Nos primeiros vinte minutos enxergamos algunha esperanza. Apenas transcorridos dous minutos, Aspas debeu marcar, tras deliñar unha falta con moito veleno sobre Falcón, moi asubiado polas peñas. Outrosí, poucos minutos despois, cando a forte presión do Celta nos dous terzos da lameira permitiu que Iago Aspas estragase sobre a rede lateral un gol feito, tras un pase magnífico de Joán Tomás. Foi un espellismo e unha desgraza que penso mudou a deriva do partido. É certo que o Celta combinaba a partir das aperturas de Álex López; como tamén o foi que Orellana intentaba, unha e outra vez, os seus perigosos caneos polo centro ou os seus taconazos de fantasía, mais resultaba imposible superar o valado que o Hércules foi construíndo desque decidiu xuntar as súas liñas. Unha arañeira que unha vez tecida serviulles os alacantinos para procurar algunha xogada de contraataque. A primeira con perigo chegou aos 17 minutos cando Callejón xutou moi colocado e Xoel desviou a córner na súa mellor e case única intervención ao longo do partido. Froito do saque de recanto posterior, coincidindo coa lesión dun defensa noso, deitado no chan, e cunha perda de concentración do resto da defensa, marcou o seu gol o Hércules. Unha brincadeira do azar ou unha desgraza, nunca o saberemos. Aos visitantes abondáronlle estas dúas xogadas como toda a súa achega ao xogo de ataque. Durante a hora e cuarto restante, o Celta monologou coa pelota até o aborrecemento, incapaz de abrir polo centro a lata dun rival que soubo defenderse con moito oficio e moita autoridade sen apenas pasar dificultade ningunha. Durante a segunda parte, Herrera incorporou a David, para aproveitar a mobilidade de Iago nunha das bandas. Faltando vinte, o Celta tivo cinco minutos de grande intensidade onde semellaba podía chegar o empate en calquera momento, ben nalgunha entrada por banda ou dos saques de falta frontais. Joán Tomás tivo un gol feito cando quedou só diante de Falcón, que o arqueiro salvou in extremis. Imposible. As entradas de Bermejo e Toni tampouco conseguiron descentrar a un equipo como o Hércules moi seguro e convencido na súa impecable estratexia defensiva. Os cinco minutos de desconto, amosaron o éxito da estratexia do galego Mandiá, o adestrador alacantino que formara parte da defensa do Celta durante catro tempadas hai vinte anos. É inevitable que a bancada de Balaídos, ademais de fachendear de contar cunha dianteira goleira, deveza por contar coa solidez defensiva que hoxe presentou o líder. A febleza de estrutura, un problema que arrastra o Celta dende a primeira xornada, pode estragar as súas posibilidades de ascenso. Aínda hai tempo e forma de resolvelo.
No derradeiro día da campaña electoral Feijóo asegurou, nun acto celebrado en Luarca, que Rajoy fará do noroeste español unha prioridade. O presidente de Galicia, que iniciou a súa intervención cun entusiasta «Puxa Asturies» (sic), abandonou a estudada ambigüidade de Mariano Rajoy, para expresar con claridade a súa idea do que somos: apenas un espazo xeográfico do noroeste de España. Estamos, sen dúbida, diante dunha achega audaz á teoría de Galicia, que queda reducida polo seu propio presidente á pura xeografía, consolidando así o proceso de deconstrución identitario iniciado polo seu goberno hai dous anos e medio. Tras o 20N e en tempos de austeridade selectiva, a ninguén debe estrañar que se asumimos que somos noroeste, xa non existen razóns suficientes para xustificar o mantemento de tres «custosas administracións autonómicas» (Galicia, Asturias e Castela-León). Feijóo ben podería ser un bo presidente para esta Noroeste, unha comunidade de máis de seis millóns de habitantes, concibidida como unha confederación de deputacións. Eis o triángulo inscrito na circunferencia da agardada reforma territorial. Si señor, somos noroeste, unha achega innovadora de Feijóo para o día de reflexión.
O artigo de Slavoj Zizek sobre os indignados de Wall Street amosa que vivimos unha crise moi profunda do capitalismo. Lin con moito interesese o suxestivo artigo do filósofo esloveno a partir do que achego tres reflexións. Primeira: a esquerda occidental ten o deber de pensar alternativas para un sistema que non pode funcionar sen Wall Street. «Que facer?», a pregunta leninista da nosa mocidade, volve ser a clave para saír deste tempo de incertidume. Segunda: no momento actual, o «silencio activo» é a primeira resposta para evitar o perigoso abrazo do oso daqueles que finxen apoiar ao movemento indignado coa intención de diluír a súa proposta anticapitalista. Terceira: precísase tempo para encher o baleiro de contido creado polas actuais protestas, aínda que non hai dúbida que vivimos un tempo de apertura cara «o novo». Ás portas do 20N e coa prima de risco nos alturas, en Galicia precisamos recuperar o compromiso político da cidadanía.
Tras a intervención dental, na que me colocaron tres implantes, aproveitei o serán e a noite para relaxar a tensión coa lectura de Nada de Janne Teller. Unha novela que levaba agardando na mesa das miñas novidades unhas cantas semanas. As máis de catro horas de lectura renderon de seu e fixeron que case esquecese as molestias, unha mostra do valor terapéutico da lectura como defendo nas miñas intervencións públicas. Esta novela de adolescentes, publicada en Dinamarca hai dez anos e capaz de provocar unha intensa polémica, edítase en castelán nunha colección literaria de persoas adultas, esgazando, outra vez máis, os límites editoriais utilizados en novelas que sabemos son para públicos diversos. Un acerto de Seix Barral. Tras un argumento en aparencia sinxelo –os compañeiros de clase de Pierre Anthon, un rapaz nihilista de catorce anos, queren demostrarlle que na vida, a pesar das dificultades, hai cousas que importan– desenvólvese unha grande novela de ideas (non me atrevo a denominala fiolosófica). Construír un milladoiro de significados no alpendre do vello aserradoiro será a estratexia narrativa utilizada pola narradora para abordar algunhas das preguntas principais sobre o sentido da vida. Novela violenta, desapiadada, nalgunhas escenas durísima, Nada intenta responder a preguntas tan complexas como a da existencia ou non de límites para o fanatismo, ou os chanzos que se poden subir na escaleira da violencia e da dor que poden provocarse os seres humanos. O relato, presentado coa fasquía dun conto case de fadas, que flúe con facilidade asombrosa, artéllase sobre dous eixos temáticos de fondo, a procura do sentido (para cada individuo, mais tamén para cada grupo) e a denuncia de calquera tipo de conformismo nun mundo rexido polo mercado, onde os individuos compiten de forma salvaxe. Un libro con lecturas moi ricas, que pode dar moito xogo didáctico nas aulas e pode dinamizar os debates dos clubs de lectura. Unha lectura marcante, moi recomendable nestes tempos de «primas de risco».
A noticia non está no titular, aparece agochadiña no antederradeiro parágrafo: “Novacaixagalicia compra accións de Nova Galicia Banco cos fondos destinados para a Obra Social”. Deste xeito cumpriríase o desexo de Feijóo de aumentar a raquítica participación de NCG no novo banco, mais a custa de detraer unha cantidade, non precisada na información, deses 96 millóns de euros anuais reservados por NCG para o funcionamento entre 2012-2014 da súa obra social e cultural. En definitiva, o que popularmente se coñece por espir un santo para vestir outro. Semella que en compensación (eis o derradeiro parágrafo), NGB -por certo, un nome comercial moi parecido ao de ING- comprométese a mercarlle á NCG a súa importante colección de pintura galega (5.500 pezas, algunhas moi valiosas, como o famoso bebedor do ourensánAntonio de Puga), unha solución de última hora para que a caixa vaia tirando como ben poida da súa obra social. Unha medida dubidosa que suscita moitos interrogantes. Coñécese a valoración desta compra e os seus criterios de taxación? Esta asegurado que os cadros non van saír do país? Non debería intervir coa maior urxencia a Consellaría de Cultura para fiscalizar a operación, ao tratarse de pezas do patrimonio galego? Non é descartable que esteamos diante doutra posible desfeita. Isto da caixa semella que non ten bo arranxo, vaia por deus!
Agradecémoslle a Orestes Pérez que compartise este interesantísimo documento sobre Man de Camelle, coincidindo case co aniversario do seu pasamento. Boa parte destas imaxes foron gravadas en 1986. A partir do minuto 7:30 incursiona no mundo do alemán de Camelle.
Acompañei aos responsables de Cegal e da Federación de Libreiros de Galicia na presentación de Cegal en rede. Trátase dunha utilísima ferramenta informática concibida para axudar a visibilizar os libros editados e destinada tanto a profesionais do sector do libro (librarías, distribuidoras e editoras) como ao público lector. Como xa sinalamos outro día, esta ferramenta axuda a localizar fondos de libros impresos nas librarías independentes, ao tempo que achega información fiable sobre as súas vendas. Recomendo vivamente empregar o espazo web Todos tus libros onde xa podemos atopar tamén o catálogo do libro galego vivo máis completo. Unha alfaia! Os responsables de Cegal aproveitaron a presentación para anunciar a celebración do vindeiro congreso de libreiros en Vigo ano ano 2013. Os nosos parabéns.
“Ao remate do VIII Simposio do Libro e a Lectura, centrado este ano no tema “A propiedade intelectual na sociedade dixital”, a Asociación Galega de Editores (AGE) quere facer públicas as seguintes conclusións:
1. En primeiro lugar, valoramos moi positivamente o debate plural e diverso das voces que nos acompañaron durante estes dous días para falar dun tema clave para a industrai editorial: a propiedade intelectual na sociedade dixital, facendo nosas as aportacións dos nosos convidados e convidadas.
2. O sector do libro galego é consciente de que nos adentramos aceleradamente nunha sociedade inequivocamente dixital, sociedade que supón cambios de paradigmas para a industria cultural, que transforma os hábitos de acceso ao coñecemento, á información, e crea novas formas de relación co libro e a lectura e, sobre todo, pon en valor novos xeitos de editar e comercializar, distribuír e comunicar o libro.
3. A edición galega debe facer un esforzo por asumir e entender as transformacións que a sociedade dixital propulsa, adaptándose ás súas demandas e respondendo con solvencia aos seus retos, entre os que un novo xeito de entender a propiedade intelectual constitúe unha tarefa primorcial.
4. Tal e como manifestamos no VI Simposio, dedicado ao libro dixital, desde a AGE vemos a necesidade de desenvolver fórmulas que garantan os lexítimos dereitos da propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, e queremos facelo consensuadamente e sen lesionar os dereitos dos usuarios, favorecendo de xeito especial o dereito á nova educación líquida que responde a un novo tempo.
5. Os editores somos os primeiros interesados atopar o xusto equilibro entre a divulgación da cultura, que é o que dota de sentido o noso traballo, e o dereito á retribución que garante a propiedade intelectual. Nese sentido, os editores galegos demandamos aos responsables políticos a urxente elaboración dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde cos usos e necesidades que dicta a sociedade dixital.
6. Na nova sociedade dixital, cada editor ten dereito a elixir o seu propio modelo de negocio con respecto á xestión da propiedade intelectual, e a coexistencia de modelos diferentes non é excluínte senón enriquecedora.
7. Todo o sector do libro debe traballar conxuntamente para transmitirlle á sociedade unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital, e entendendo que non é posible solucionar os problemas que se plantexan sen un pacto que implique a todas as políticas culturais.
8. A AGE desexa mostrar publicamente o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e a Lectura, así como a todos os convidados nesta VIII edición, aos que parabenizamos pola súa magníficia disposición. O próximo ano estaremos novamente nesta cita xa ineludible para os profesionais do sector do libro en Galicia.
O noso derbi foi moi igualado e emocionante. O Celta atacou máis, moito máis, pero tamén amosou maior febleza defensiva, carencia que pagou co partido. O pobre de Jonathan Vila volveu gafala, agasallando un gol en propia meta nos minutos iniciais, que condicionou todo o desenvolvemento táctico do partido. Oubiña traballou arreo en solitario no medio campo, termando el soíño do equipo todo, mais foi incapaz, agotado na segunda parte, de gañarlle a partida a un inmenso Valerón, un xogadorazo que tamén sabía da importancia do encontro. Orellana entrou para agasallarnos cun dos seus orellanazos e ao minuto seguinte roubonos a ledicia cunha horrible orellanada que facilitou o golón da súa vida a Lassad. Isto é o fútbol, un xogo de pelota, onde intervén a intelixencia, a vontade e o esforzo dos participantes, mais tamén onde interveñen ingredientes de azar e emoción colectiva. Tras este primeiro derbi quedáronme claras tres cousas. A primeira, o áspera que é a afección coruñesa co Celta. Non houbo acenos de agarimo ningún, unha mágoa entre seareiros irmáns! A segunda, o Celta debe superar as súas graves dificultades de estrutura defensiva, que arrastra dende o inicio da tempada, se quere aspirar a desputar o ascenso. Terceira, O Deportivo, a pesar do seu xogo pouco vistoso, será dos que estean arriba. Onte demostrou contar coa sorte que só posúen os gañadores.
Hai algúns libros e autores marcantes, capaces de permanecer e de representar as preocupacións ou o imaxinario colectivo dun tempo. Esa capacidade referencial é a que permite utilizar as efemérides literarias como mecanismo para volver a visibilizar a libros e autores no mercado editorial, nos medios de educación ou no propio sistema educativo. Foi o caso deste 2011 no que lembramos ao poeta Lois Pereiro, con motivo do Día das Letras Galegas, e ao escritor Álvaro Cunqueiro, con ocasión do centenario do seu nacemento. Celebracións ás que se uniron senllos aniversarios bibliográficos de dous títulos emblemáticos: o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego, a novela de Xosé Neira Vilas, publicada en 1961 en Buenos Aires pola editorial Follas Novas; e o vinte e cinco aniversario da edición de Polaroid, o libro narrativo coa que Suso de Toro iniciaba en 1986 as súas publicacións en Xerais. Efemérides literarias que terán a súa continuidade en xaneiro de 2012, coa celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro e no mes de agosto co cincuentenario da publicación na colección Sanlés de Galaxia da súa Longa noite de pedra; sen esquecer a lembranza do polígrafo e empresario Valentín Paz Andrade, figura á que se lle dedicará o futuro 17M. Nin tampouco que en 2013, Galicia deberá preparar un ano rosaliano con motivo dos cento cincuenta anos da publicación no prelo vigués de Compañel da primeira edición de Cantares gallegos.
Tras un ano Pereiro moi exitoso e renovador, despois do éxito da recuperación das memorias de Balbino e das numerosas publicacións e actos sobre a figura de Cunqueiro, afortunadamente tampouco pasou desapercibido o aniversario da publicación de “Polaroid”, un libro que, coincidindo co inicio da Autonomía e a oficialización da lingua galega nas administracións e no sistema educativo non universitario, supuxo unha profunda ruptura estética no decorrer da narrativa galega. Un feito que xa acontecera no eido da poesía xusto unha década antes, en 1976, coincidindo coa publicación de Mesteres de Arcadio López Casanova, Con pólvora e magnolias de X.L. Méndez Ferrín e Seraogna de Alfonso Pexegueiro, tres libros de poemas que enxergaron un novo horizonte.
Polaroid foi un lóstrego, un acto de rebelión cunha tradición mansa, unha revolución literaria, que en palabras do crítico José Manuel Estévez Saa sinalou “o inicio do tránsito da narrativa galega cara á modernización e as posibilidades de versatilidade da nosa lingua”. Un texto no que Suso de Toro, tras o seu debut con Caixón desastre, asumía unha tarefa artística por facer, a de inserir a narrativa en galego na tradición contemporánea universal. Un proxecto que continuará en textos posteriores, como Tic-Tac,A sombra cazadora, Calzados Lola, Non volvas, Trece badaladas, e que desenvolverá até, polo momento, na súa última peza, Sete palabras.
Polaroid foi unha aposta moi arriscada do inesquecible editor Luís Mariño, cando abría os vieiros da colección “Xerais Narrativa”. Un libro que rompía cunha forma de entender a narrativa galega, un libro que non se pode explicar, xa que continúa sendo moi difícil saber se estamos diante dunha novela extravagante e bizarra –quizais, tamén “romántica”, como a definíu o académico Xosé Luís Axeitos, que destrúe practicamente todo–, dun monllo de relatos punkies e irreverentes ou apenas dun compendio de momentos epifánicos. Suso de Toro declarou no acto no que se lembraron estes vinte e cinco anos: “a publicación deste libro foi un acto estético e político, daquela era, como son hoxe, moi crítico coas ideas establecidas na cultura galega, mesmo co propio país”. En cada unha das páxinas de Polaroid, e non só nos capítulos iconoclastas presentados como “Apocalipse do churrasco”, late a insatisfacción, a necesidade de mudar o país, a vontade de saír desas páxinas de papel superando calquera intención de autocomplacencia sobre un devir coletivo do que somos os únicos responsables.
Cunha fasquía formal anticlásica, Suso de Toro amosa nas páxinas de Polaroid unha confianza radical na literatura como unha ferramenta para mudar a realidade, para esculcar nos límites, mais tamén na posibilidade de ser moderno e radicalmente galego. Eis capítuliños memorables, epifanías como as de “¡Móvanse, que é un vídeo!”, auténticos textos manifesto, que amosan o carácter anticipatorio dunha obra escrita coa audacia de quen reivindica a precariedade, a inmediatez, o que non é perfectible, o que se pretende aberto para que poida ser radicalmente modificado. Tras vinte e cinco anos, semella que o tempo non envelleceu as páxinas de Polaroid, un libro que radicalmente actual, coa capacidade de permanencia dos textos importantes. Recomendo vivamente revisitalo nestes tempos difíciles de incerteza.
Non faltamos á cea benéfica organizada pola Fundación Magar que promove a investigación para a cura da acondroplasia. Unha oportunidade para apoiar o traballo solidiario e xeneroso do veterano fotógrafo, que traballou en Faro de Vigo dende os anos nos que o dirixía Álvaro Cunqueiro. Tras compartir con Manolo Magar a edición de tres libros antolóxicos, queremos e admiramos a un humilde fotógrafo de prensa capaz de tomarlle o latexo coma ningún outro ao Vigo dos últimos cincuenta anos, unha cidade revolcada e moi complexa. Un labor extraordinario, aínda non suficientemente recoñecido, que non se pode perder de maneira ningunha e que debería formar parte do patrimonio documental de Galicia. O arquivo de Magar, como o de Bene, o de Cameselle, como o de Llanos (hoxe no Museo de Ribadavia), como o de Pacheco (propiedade do concello de Vigo), como o dos fotógrafos afeccionados vigueses máis destacados (Ricardo Terré ou Raineiro Fernández), como os das Vigovisións das fotobienais deberían formar parte dun grande e moderno Centro Fotográfico de Galicia, tamén arquivo da memoria viguesa do século XX. Un soño posible a considerar dentro da necesaria reconversión da rede museística viguesa.
Saín moi satisfeito da presentación do premio Merlín deste ano, un acto que evidencia a madurez adquirida por Anxo Fariña, un dos nosos autores hoxe con maior proxección. Como sucedera hai vinte e cinco anos, cando unha nova e ampla xeración de autores iniciou o proxecto dunha literatura infantil e xuvenil en galego normalizada, identifico nestes últimos anos varias xeiras de autores e autoras moi interesantes que se afanan en continualo e anovalo. Unha noticia excelente. Entre eles atopamos a singularidade e dinamismo de Fariña que, como fai tamén o xenial Jacobo Fernández Serrano, arrisca escribindo e ilustrando dende as marxes da fantasía e da ciencia ficción sobre temas clásicos da literatura xuvenil. Tras o éxito rotundo dos Megatoxos, serie que será reeditada na súa totalidade por Xerais o vindeiro ano, Fariña escribiu e ilustrou un formidable relato no que visita o mito de Prometeo, como fixera Mary Wollstonecraft Shelley co seu Frankestein. Faino coa intención de procurar, dende a confianza nas posibilidades da ciencia –máis en concreto da biotecnoloxía e a robótica–, os límites da perfección do ser humano. Unha angueira científica, a da paixón polo coñecemento, á que engade outra mítica, a da procura da Atlántida. A busca da porta da civilización labiríntica perdida da que falaba Platón permite viaxar ao lector ou lectora (vivir unha aventura), como sucede nos Megatoxos, entre os espazos do pasado e o futuro. Mención á parte merece gabar o estilo comunicacional de Fariña empregado nunha presentación de formato tan innovador como eficaz. Parabéns, Anxo!
Manuel Area, catedrático galego de Didáctica da Universidade de La Laguna, pronunciou unha brillantísima conferencia inaugural do Simposio O Libro e a Lectura. Utilizando como punto de partida o concepto de Bauman de realidade líquida, abordou o tránsito que vivimos no mundo da cultura e da educación, como o paso dos modelos sólidos aos líquidos. Moi interesante foi a súa caracterización da cultura dixital (líquida) como desorganizada, abondosa, replicable, mudable, acelerada, en mudanza permanente. Análise que relacionou coa necesidade de reinventar o concepto de alfabetización para a cidadanía do século XXI a partir do acuñado por Paulo Freire: “alfabetizar é formar persoas competentes para utilizar de forma autónoma, intelixente e democrática os instrumentos da cultura de cada época”. Eis unha achega clarificadora a un concepto novo, a “educación líquida“.
Dous xabarís, unha nai e a súa cría, resultaron atropelados na AG-53, á altura do concello de Dozón, polo coche oficial (do Partido Popular de Galicia) no que viaxaba Alberto Núñez Feijóo acompañado dun condutor, un escolta e unha colaboradora de comunicación. A pesar de que o coche quedou desfeito, non houbo danos persoais de gravidade, e o presidente puido continuar no vehículo dos seus escoltas. Porén, a clave do sucedido achégaa LVG cando sinala que foi a pericia do condutor, que decidiu embestir co C-6 aos dous porcos bravos, a que evitou unha traxedia nesta autoestrada de peaxe. Dos considerados danos colaterais nada se fala nas noticias que puidemos ler nin nas declaracións dos accidentados. Unha lección moi clara para non esquecer. Meu pobre Xabarín, colegas!
Foi a prima de risco quen deitou por fin a Berlusconi. O que non foron capaces os xuíces cos indicios de nepotismo nin coas denuncias de corrupción e prostitución de menores, conseguiuno en dous meses a crise da débeda soberana. O que non puideron as institucións democráticas en anos, impuxérono agora os mercados que celebraron o «compromiso de demisión» do ególatra cunha importante subida. Unha noticia que coincide coa posibilidade da chegada á presidencia grega de Lucas Papademos, que foi vicepresidente do Banco Central Europeo. Non sei que produce máis desacougo, se os comportamentos do presidente corrupto ou as manobras dese «poder invisible» que agora decidiu substituílo. Definitivamente, a saída desta crise dá cada vez máis medo.
O xoves e venres desta semana celebrarase o tradicional Simposio sobre o libro e a lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición xirará sobre A propiedade intelectual na sociedade dixital.
Eis o interesante programa, preparado por Fran Alonso, que se desenvolverá no salón de actos do Consello da Cultura Galega, na Praza do Obradoiro de Santiago:
Xoves 10 de novembro
09:30 Recollida de documentación.
10:00 Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.
10:30 Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación
Conferenciante: Manuel Area, profesor de Tecnoloxía da Educación da Universidade de La Laguna.
11:30 Pausa Café
12:00 Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital
Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.
13:00 Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual
Blas Garzón, de Traficantes de sueños
Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo
Tomás González, de Urco Editora
14:30h Remate xornada da mañá.
17:30 Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas
Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia
Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España
Marcos Calveiro, escritor e avogado
19:30 Remate da xornada de tarde
Venres 11 de novembro
10:00 Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital
Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais
11:00 Pausa Café11:30 Panel de Debate As sociedades de xestión na era dixital
Pedro de Andrés, Presidente de CEDRO
Antón Reixa, representante de Galicia na Comisión para a reforma dos Estatutos da SGAE.
David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual
13:00 Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital
Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.
Foi unha fachenda participar no acto inaugural do Tour de Lecturas do Oeste organizado pola Universidade da Coruña. Unhas xornadas que forman parte da cadea promovida pola Rede de Universidades Lectoras, experiencia de fomento da da lectura na que participan trinta e sete universidades de España, Portugal, Italia e México. A reivindicación do valor transversal da lectura dende a universidade é moi importante para incorporar a lectura á axenda pública. As palabras de Narciso de Gabriel, decano da Facultade de Educación, foron moi claras: «Debemos seguir intentando fomentar o gusto pola lectura, á marxe da consideración de carácter utilitario, tanto entre o estudantado como o profesorado» Fomentar a lectura na universidade, un paradoxo necesario.
Edicións Xerais de Galicia e o IES Rosalía de Castro de Santiago organizan o vindeiro xoves, 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro , rúa San Clemente, s/nº de Santiago, o acto literario “25 aniversario da publicación de Polaroid de Suso de Toro” que contará coa participación de Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato, Suso de Toro e Iago Martínez que actuará como moderador.
Con motivo desta celebración, Suso de Toro escribiu:
Tras «POLAROID» Por Suso de Toro
No ano seguinte á súa edición Polaroid entrou nas aulas dalgúns institutos de ensino medio, e non deixou de sorprenderme. Cando estaba a escribir, fabricar, aquel artefacto sentía o gozo da creación un tanto desesperada: quén me había editar aquel libro tan extravagante e bizarro?
Lembro que foi o meu amigo Pepe Barro quen lle falou do libriño anterior, Caixón desastre, a Luis Mariño, naquela altura o editor de Xerais, e o Luis interesouse polo que estaba a escribir. Luis Mariño era todo un personaxe dun Santiago e dunha época que merece ser contada algún día, sobre calquera outra cousa era un home moi culto e sempre a uliscar calquera nova na cultura e nas artes. O que estaba no aire apañábao el e logo transmitíao, era un axente comunicador. Non sei ben a lectura que fixo daqueles folios escritos na máquina “Underwood” que aparece fotografada no libro nin tampouco da idea de que a fotografía fose parte do discurso do libro. Sei que a min amosoume o entusiasmo dun rapaz que estivese a argallar unha trasnada, como que estabamos a armar un foguete literario. Anos despois díxenlle a outro editor que se non fose o Luis ninguén me editaría semellante libro naquel tempo, contestoume que el si o tería editado. Non o crin daquela nin o creo hoxe, editar Polaroid foi un dos atrevementos do Luis Mariño, un editor que estaba alén da intrepidez. Obrigado, Luis.
Foron tamén intrépidas aqueles ensinantes que se atreveron a introducir entón nas aulas un libro así e que lles creou problemas en varias ocasións. Desde aquela ten mudado a cultura social e a través da televisión e da internet os rapaces medran co coñecemento dun nivel de violencia e de brutalidade na linguaxe que daquela era impensábel fóra dun libro adulto e minoritario, naqueles anos aqueles anos un libro así nunha aula era unha brasa nas mans. E, con todo, déronllo a ler aos seus alumnos adolescentes, había ser interesante lembrar os motivos daquela elección literaria. Pode que fose porque achasen nel méritos expresivos e pode que fose tamén porque encontrasen alí cousas que lles resultasen novas e que considerasen útiles para o seu alumnado.
Pasaron os anos e así e todo, a pesar da miña mala memoria, lembro con moita claridade o día no que á fin fun a Vigo coñecer o meu editor. O anterior libriño editáramo a universidade de Santiago e aquela era a primeira vez que trataba cun editor profesional e que ademais mostraba ilusión por editar o libro, supoño que é algo que un autor non esquece. Son ben lindos case sempre os comezos e mais é linda a xuventude. E coido que Polaroid ten algo do espírito da xuventude, téñolle envexa, pego no libro agora e aínda me bate con forza. Os primeiros libros créanlle logo incomodidade ao autor que foi escribindo outros e evolucionando, tamén Polaroid lla crea ao autor e con todo non podería renunciar a ese libro. Adoro esa intrepidez, esa insolencia. É evidente que non todo o mundo comparte esa querencia miña, é natural.
Desde sempre entendín que para un escritor non é cousa boa o frecuentar o trato doutros escritores, probábelmente nunca me acabei de sentir un escritor de vez e sempre me sentín un intruso, iso confirmóuseme xa por entón. Debeu ser nese ano de 1986 que coincidín cunha figura das letras, cando logo lle preguntaron “e que tal fulano é ese tal Suso de Toro?”, contestou sen dubidar: “Un completo insensato. Un tipo perigosísimo.” Iso é mesmo música nos ouvidos para ese lado salvaxe e infantil que necesariamente ten todo artista, mais non estou certo eu de que lle deba dar completamente a razón. Hai máis racionalidade da que parece nesa literatura e mesmo nesa figura de autor e non se entende cabalmente Polaroid nin ao seu autor naqueles anos se ignoramos o contexto histórico. Naqueles anos a Galiza estaba envolta nunha brétema de mixtificacións, tanto creadas desde unha autonomía que se estaba a instituír sen convencemento ningún por elementos moi reaccionarios como desde o nacionalismo galego, que vivía nun mundo de ensoñacións, incapaz de ser autocrítico e de aceptar a realidade social existente, tan complexa. E pois é un libro conscientemente inconsciente e por responsabilidade é irresponsábel e custiona ideolóxicamente aquelas mixtificacións consensuadas. E todo por causa de abrir camiños que me pareceron cerrados.
Tamén había de dicir aquí que sigo a pensar que a insistencia dos escritores en ofrecer unha imaxe de respectabilidade, de formalidade, é unha confesión de que desconfiamos de nós propios, tememos á nosa mesma natureza, que se alimenta da irracionalidade na que beben todos os artistas. Todo o que o artista ofrece aos demais nace primeiramente dese lago escuro do irracional. Se a sociedade pídenos finxir o que non somos daquela é que non nos acepta como somos.
O autor nunca foi tan libre como cando o escribiu e, sendo a creación literaria sempre un tipo de gozo, tampouco nunca se divertiu tanto. Pode que toda a graza que teña o libro estea aí, a alegría da liberdade creativa. Eu posteriormente referinme a asuntos estéticos para xustificar o seu valor; mixiricadas, todo se resume nun escritor novo que escribe o que quere e quéreo todo. Pura autoexpresión dun autor.
Desde o momento da edición tiven conciencia de que aquel libro aínda era un paso previo dentro dun propósito, ese propósito aínda me había pedir un libro máis extenso e elaborado e que acabou sendo Tic Tac anos máis tarde. Sen embargo non preciso xustificar Polaroid por propósitos máis amplos, pasan os anos e sigo a velo novo e incómodo, non muda a súa natureza ríspida, sempre a rir, sempre coa súa dor. As súas páxinas percorridas por inesperados arames eléctricos, nunca un “clásico” e sempre deliberada e ferozmente imperfecto. Teño envexa daquel autor que o escribiu, nunca xa alcanzarei a graza que el tiña.
Eis este libro que só existe en galego, nunca acabei de decidirme a editalo noutras linguas. Non sendo un libro autobiográfico e totalmente íntimo, está aquí a miña dialéctica co meu país, o meus países, a Galicia e a Galiza. Sempre pensei que as cousas que se falan a voces entre o autor e os seus países eran cousas moi particulares e que non se comprenderían ben fóra da familia. Quen sabe se non estou equivocado, pois todo cambia. Até desaparece o sistema de revelado da marca “Polaroid”, forma parte xa das cousas idas, da melancolía. Sen dúbida que ler este libro hoxe tamén é viaxar a algunhas cousas idas. Supoño eu. Con todo, trasncorridos vintecinco anos e atravesados limiares na vida do autor que non teñen volta, sigo a gustar del. Será porque Polaroid xa é pasado mais é un pasado presente.
En Vigo e Ferrol saímos á rúa para defender a identidade industrial de ambas as dúas cidades obreiras. Parabéns ás centrais sindicais pola convocatoria unitaria, un exercicio moi valioso de madurez e responsabilidade. Esta crise financeira do capitalismo especulativo non pode ser a excusa para liquidar a construción naval en Galicia, unha das actividades na que fomos, somos e podemos continuar sendo competitivos e eficientes. A defensa desta identidade industrial e dos seus milleiros de empregos é unha tarefa cidadá, que non atinxe só aos sindicatos. Así o deixaron escrito onte milleiros de pasos unidos nas rúas de Ferrol e Vigo.
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación de crise económica na área metropolitana ao fío da manifestación sindical unitaria do domingo.
A grande manifestación sindical unitaria en defensa do emprego na área metropolitana de Vigo é unha chamada de alerta sobre a gravidade da situación económica e social que vivimos. Todos os pilotos xa están en vermello. Cunha taxa de paro do 21%, á altura da elevadísima media española e catro puntos por riba da media galega, no Vigo metropolitano viven 60.000 persoas en paro, das cales máis da metade son veciños do concello de Vigo. Disparadas nos tres últimos anos e con forte incidencia tanto nos sectores da industria como dos servizos, estas cifras sitúan a Vigo como a cidade con maiores taxas de paro de Galicia e un dos puntos negros do desemprego en España.
Estas taxas reflicten as dificultades económicas das empresas da nosa área metropolitana, tanto das grandes de capital trasnacional como aqueloutras pequenas e medianas empresas de capital galego. A crise financeira internacional bate sobre todas. A crise mundial do sector do automóbil supuxo a perda do 24% dos empregos do sector na comarca de Vigo, mesmo a pesar de certa resistencia inicial da factoría de Citroën que prescindiu de tres mil obreiros, a maior parte deles eventuais. Outrosí sucede coa crise do sector da construción naval, no que se perderon máis do 40% dos empregos fose a causa da falta de novos barcos ou de problemas engadidos como o da tax lease. Mais tamén hai perdas de emprego noutros sectores industriais como o do resto do sector metalúrxico, o téxtil, a madeira, a construción e as actividades pesqueiras. Sen esquecer o fortísimo impacto da crise sobre as pequenas empresas do sector de servizos, sometidas ás restricións de financiamento polos bancos, a pesar de que moitas delas sexan viables, e ás políticas de redución do gasto das administracións públicas para diminuír o déficit público. O pequeno comercio vigués vive unha situación catastrófica como se pode comprobar paseando por algunhas rúas viguesas, onde hoxe semella que son máis os establecementos pechados que aqueloutros que continúan abertos.
A situación que vivimos en Vigo é difícil e, magoadamente, as perspectivas a curto prazo non son moi alentadoras. Sabemos que para saír da crise non abondará cunha simple modificación das actuais políticas de contratación, receita salvadora que propoñen os que defenden unha maior flexibilidade para o despido, cando se amosa que outras comunidades coa mesma normativa laboral que temos en Galicia (eis os casos de Euskadi, Navarra) presentan unhas taxas de paro que son a metade das nosas. Como tampouco creo vaian axudar a reactivar a actividade económica, e polo tanto a fomentar o emprego nos sectores privados, as políticas públicas de consolidación fiscal baseadas só nos recurtes dos servizos e na eliminación de calquera investimento en infraestruturas e dotacións de carácter público. Como sobran as proclamas electorais oportunistas, que estes días empregan nos mítins o desemprego como reclamo de partido e prometen a recuperación da confianza como auténtico fierabrás capaz de curar nun plis plas todas as feridas causadas pola crise. Os economistas insisten en que non é posible unha recuperación dos niveis de emprego sen políticas que poñan o seu énfase no estímulo da actividade económica (crecemento do PIB como mínimo por riba do 2%). Aí nesas políticas económicas proactivas e na reorientación da actividade produtiva cara aos sectores máis dinámicos e eficientes pode enxergarse unha saída a medio prazo para crise tan dura como a que vivimos.
A economía viguesa, baseada nun forte sector industrial e nunha presenza importante das actividades pesqueiras e marítimas, deberá asumir ese mesmo reto, tamén esa oportunidade, para modernizarse e reinventarse tecnoloxicamente en sectores en profundaza mudanza. Vigo non pode resignarse a perder sen batalla os seus principais sectores industriais. A identidade viguesa forxouse, ao longo de dous séculos, polo traballo teimudo dos seus mariñeiros, obreiros, empregados e dos seus empresarios e emprendedores, capaces de superar as maiores dificultades. Vigo é unha cidade marítima industrial. Aí reside unha cerna que non pode perder.
A crise actual lembra moito á vivida hai tres décadas, cando a cidade afrontou con toda a súa coraxe os problemas de Citroën e a brutal reconversión do sector naval, sectores defendidos polos traballadores e os seus sindicatos coa maior afouteza, mais que contaron co apoio unánime do resto dos sectores cidadáns. Lembrar aquelas manifestacións de 1984, cando a cidade toda reclamaba a continuidade do sector da construción naval, constitúe hoxe un acicate e un motivo para a esperanza. A nosa laboriosa abella da ribeira posúe, tamén, un carácter revolcado, unha resistencia teimosa que lle imprime dinamismo. Apostemos para que no futuro Vigo será traballo.
Esta interpretación do mestre Fermín Bouza resúltame moi convicente para explicar a confusión politica na que vivimos. Uns niveis insoportables de paro, provocados por unha estrutura produtiva e da propiedade envellecida; unha desafección política, motivada polo noxo que produce a corrupción instalada de forma estrutural nos partidos principais e un avance instrumental moi notable na comunicación cidadá, sobre todo entre a mocidade, que sofre en carne propia as dúas circunstancias anteriores, explican respostas como as do 15-M. Razóns que creo axudan a entender, ademais, o resultado do 20-N, onde a dereita campará as súas anchas, co perigo inminente que iso suporá para o mantemento dos servizos básicos de sanidade, educación e cultura. Como moi ben sinalaba Jaureguizar Rajoy non terá problema ningún para desenganchar os vagóns de cola.
O Celta completou a súa xeira máxica cunha cuarta vitoria, manténdose, ademais, imbatido en Balaídos por terceira xornada consecutiva. Tras un resultado moi axustado e un período de prolongación de nove minutos, no que Yoel salvou a vitoria cunha intervención extraordinaria, o equipo de Herrera emproa o derbi con todo o seu velame aberto. Despois de catro tempadas vividas na desolación, o Celta presentarase o domingo en Riazor coa autoridade que lle dá ocupar postos de ascenso, como corresponde ao equipo sólido e competitivo que quere a súa afección para estes partidos importantes co Coruña. Non foi doada esta vitoria pola mínima diante dun Cartaxena máis frouxo ca en tempadas anteriores. O Celta non soubo levar ao marcador a súa magnífica saída na que defendeu dende moi arriba, algo o que non estabamos afeitos, presionando xa dende o terreo contrario, o que obrigaba aos albinegros ao xogo do pelotazo. Neses vinte excelentes minutos, nos que o Celta mandaba, Orellana e un Bermejo moi batallador estragaron oportunidades moi claras para marcar. Porén, a medida que a presión inicial foi decaendo, o partido entrou nunha fase de horrible aborrecemento, motivado, en boa medida, polo diletancia de Bustos e as súas voltas e reviravoltas para axilizar o ataque e pola escasa participación de Álex López nos lances do xogo. Non foi estraño que este devalo permitise aos dous puntas do Cartaxena que se fixesen notar, procurando atoparlle as costas a Jonathan Vila e a Andrés Túñez, desta volta a nova parella de centrais. Con todo e a pesar de xogo tan gris sobre a esvaradía lameira, de cando en vez producíanse alustros de xenialidade combinatoria entre os dianteiros celestes, que están tempada queren poñer dinamita nas súas biqueiras. Bermejo debeu marcar de chilena tras un excelente centro de Quique de Lucas. Poucos minutos despois, a piques de rematar a primeira parte, o extremo celeste volveuno intentar con outro centro envelenado, dende a dereita; desta volta houbo fortuna, xa que o central Abraham Paz chegou un pouco xusto e só foi capaz de despexar sobre o longueiro da súa propia porta, de xeito que a pelota botou na propia liña de meta, onde agardaba Iago Aspas, o noso dianteiro en estado de graza, para empurrala a porta baleira. A segunda parte foi moito máis movida e emocionante para a bancada. O Celta deixou a iniciativa aos murcianos e buscou o seu gol da tranquilidade ao contragolpe. Abofé que tivo case media ducia de oportunidades para conseguilo, mais aos dianteiros celestes sobráronlles caneos e faltoulles xenerosidade combinatoria nas súas accións. Sobre todo foi unha mágoa que Aspas, tras unha recuperación magnífica e unha carreira velocísima, preferise xutar (e errar) que ceder a De Lucas, situado en mellor posición para marcar. Porén, ben sabemos que cando non se aproveitan eses goles feitos, dalgún xeito se lle están dando azos a que sexa o rival que o intente. E así sucedeu co Cartaxena que un minuto despois da estrondosa “chupada” de Aspas puido empatar cando Chamorro quedou só diante de Yoel e, neses segundos intensos de man a man, non foi quen de superalo. Con todo, máis extraordinaria foi a seguinte intervención do porteiro de Arbo, cando no treito derradeiro salvou de auténtico milagre un cabezazo de Abraham Paz, tras un minutos nos que os de Herrera tiveron que defenderse de forma meduliana. Non hai dúbida que foi Yoel con estas dúas grandes paradas o que gañou un partido que os dianteiros celestes non souberon pechar. Unha gran actuación que, ademais, sabemos reforza a confianza do equipo e da bancada nun porteiro novo, que comezou a tempada de forma vacilante.
Coñecino o xoves á noite, cando estaba de viaxe. Daquela publiqueino en twitter e agora podo arquivalo no blog. Unha peza memorable que amosa o amor a lingua de toda unha comunidade educativa, alicerzada polo compromiso do seu claustro de profesorado. Versionar o tema de Siniestro Total, o himno non oficial da miña xeración, é un acerto rotundo. Claro que si, «a lingua sabe a pan» non só no CPI Virxe da Saleta de Cea, tamén en todos en cada un dos nosos centros escolares, nas cociñas e nos salóns dos nosos fogares. A lingua sabe a pan para todos, mesmo para os catro malpoucados que se avergonzan dela. Beizóns para o CPI de Cea por lembralo e polo extraordinario traballo didáctico que supuxo a creación deste lipdub, desenvolvido a partir dunhas palabras de Cunqueiro: «Unha lingua é boa cando sabe a pan fresco». O emprendido en Cea, terra dun dos máis sabedeiros pans galegos, é un dos mellores vieiros para recuperar terreo para o idioma, con entusiasmo, con ledicia, con autoestima. Axuda a difundir a peza: «á lingua sabe a pan».
Esta iniciativa normalizadora , sen dúbida, e unha das máis destacadas do ano. Merece ser recoñecida dalgunha maneira.
A presentación do proxecto de Praza Pública supón unha inxección de entusiasmo e de corresponsabilidade que moito debemos agradecer. Marcos Pérez Pena, Manuel M. Barreiro e Filipe Díaz, tres persoas con identidade dixital sólida, promoven un xornal dixital que pretende estar vencellado coa súa comunidade de lectores e lectoras. Na capacidade de crear ese vínculo colaborativo, eses milleiros de mans que se pretenden enlazar neste anceio compartido, reside a clave dun proxecto baseado, tamén e inequivocamente, no pluralismo, na independencia do traballo dos profesionais e na lealtade coa lingua e cultura galegas. A posibilidade de colaboración outros proxectos xa na rede ou con outros en xestación, como a intención dos promotores (anunciada onte na presentación) de acometer a edición estendida impresa dalgúns dos contidos dixitais, son outros motivos para apoiar decididamente esta xanela para a esperanza. Benvidos á Praza Pública!
O programa electoral educativo do PP anuncia a intención de eliminar a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, a materia de sexto de Primaria, segundo e cuarto de ESO que algúns sectores ultraconservadores e católicos levan intentando dinamitar dende hai seis anos. Hostilidade que non foi refrendada polos tribunais (tanto polo Supremo, como por varios Superiores) que avalaron a validez dos contidos desta materia incorporada ao currículum da man da Lei Orgánica da Educación de 2006. Se goberna Rajoy, a EpCDH será substiuída por “outra con contidos baseados na aprendizaxe dos valores constitucionais e o coñecemento das institucións españolas e europeas”. Sen dúbida, unha materia do mesmo ámbito ca Cidadanía, mais cun enfoque curricular diferente. Pagaba a pena tanto rebumbio para isto? Agora só nos queda saber se continuará impartíndose Ciencias do Mundo Contemporáneo en Bacharelato, outra materia (neste caso científica e tecnolóxica) combatida polos conservadores, para rematar o proceso de deconstrución curricular. Semella que iso é o que pretende o Partido Popular. Acabásemos.
A miña curiosidade leva a interesarme por aqueles libros sobre o mundo libro. Así chegou ás miñas mans Tinta, a novela de Fernando Trías de Bes, que onte rematei durante a ventada viaxe a Madrid. Enguedelleime decontado nunha intriga de libros, ambientada nun entorno da edición clásica (a Maguncia de comezos do século XX), construída sobre a antiga crenza (hoxe, felizmente, superada) que os libros impresos conteñen todas as senrazóns do mundo e da condición humana. A procura da tinta efémera, que a vista borra só con lela; o anceio dun libro virtual, que poida ser lido e non conservado; a busca, en definitiva, do libro único, que forma parte da vida (mesmo do propio corpo) move aos protagonistas desta historia moi fermosa, un libreiro, un autor, un impresor e un corrector de estilo. Lendo Tinta comprobamos canta razón tiña Paul Auster cando advirte que “nunca debe subestimarse o poder dos libros”. Trías de Bes amosa como os libros, grazas ás palabras, son capaces de mudar a orientación das nosas vidas. Eis o extraordinario valor da lectura. Tinta é unha novela moi recomendable para libroferidos.
Actualización (05-11-2011): Coñecín o magnífico booktrailer preparado por Seix Barral.
Como xa adiantei na tertulia da noite do luns, o anuncio de Papandreu de someter a referendo o segundo «rescate» aprobado no cumio europeo da semana pasada actuou como un auténtico tsunami sobre as bolsas e mercados de débeda soberana, que viviron onte un dos peores días da súa historia recente. Papandreu non tivo outro remedio que realizar esta convocatoria, presionado polo rexeitamento moi amplo da cidadanía a aceptar novas medidas de recurte, que padecerían durante toda unha década. Hoxe as consecuencias desta arriscada convocatoria de referendo son impredicibles. Pode supoñer a saída de Grecia do euro pola decisión soberana da súa cidadanía, o que provocaría un auténtica catástrofe para a banca europea, que coa nova moeda grega moi devaluada non recuperaría xa nada da súa débeda. Como podería supoñer un efecto dominó sobre Italia e España, afogados no abismo da súas elevadísimos primas de risco. No entanto, quizais o feito máis significativo da convocatoria de Papandreu é que até agora ninguén ousara arrepoñerse aos ditados emanados por Merkel e Sarkozy, o FMI ou o BCE. A cidadanía grega, diante do desconcerto dos seus partidos políticos, pode estar dando unha volta de torca á historia. Imaxinamos o que sucedería se esta actitude contaxia a outros países?
Na tertulia da Radio Galega debatemos sobre o avance do programa electoral de Mariano Rajoy, a quen xa todos vemos cun pé na Moncloa. Fóra da premeditada ambigüidade da súa redacción e do modelo de política fiscal que favorece aos que máis teñen e poden, chamoume moito a atención o compromiso de volver reformar a Educación Secundaria. Semella que desta volta, se o PP conta con maioría absoluta, como é moi probable, aprobará unha nova lei que parta a Secundaria en dúas etapas de tres anos coa intención de facela «máis flexible»: unha ESO de carácter comprensivo (á que habería que engadir un ano de inserción profesional) e un Bacharelato claramente propedéutico. Poñeríase así fin ao modelo de Secundaria Obrigatoria para todos e todas, que os sectores educativos conservadores veñen criticando dende a posta en marcha da LOXSE, hai xa vinte anos. Decontado viñéronme á cabeza tres preguntas: Que debemos facer coa nosa campaña de novos libros de texto para 4º de ESO, na que estamos traballando nestes momentos? Que foi daquel pacto pola estabilidade da Educación da que tanto falou o PP para non aceptar o acordo proposto polo ministro Gabilondo? Asume o partido de Mariano Rajoy algún compromiso de aumentar os recursos dedicados á educación ao longo da lexislatura? Quizais no programa electoral completo do PP (publicado hoxe) poidamos atopar respostas para estas nosas preguntas tan desacougadas.