Onte 131: Fraga

A maior parte dos obituarios sobre Manuel Fraga Iribarne, tan coidadosamente preparados na última semana e algúns mellor escritos, sinalan con todo detalle os fitos principais da súa traxectoria política ao longo de seis décadas. Un longuísimo período no que, coa excepción da década dos oitenta, Fraga detentou o poder e o exerceu de forma tan pragmática como autoritaria. Unha actividade política á que seguramente non foi allea á formación intelectual que recibíu durante os anos da posguerra, bebendo das fontes do pensamento de Carl Schmitt e do conservadorismo español, que modelaron a súa idea autoritaria do Estado, apenas matizada por unha certa preocupación social-cristiana. Con estes criterios foi capaz de adaptarse ás necesidades do poder en cada momento, na ditadura, na transición e no período autonómico, o que lle supuxo asumir un comportamento aparentemente contraditorio. Como ministro do Generalísmo abrazou a ditadura, sen retractarse nunca de ter participado na toma de decisións daqueles gobernos, o que non lle impediu fachendear de ter liderado a chegada do Turismo do «Spain is different» ou da «aperturista» Lei de Prensa, que suprimía a censura previa. Como ministro da Gobernación de Arias Navarro apoderouse da rúa, o que provocou outros episodios escuros, dos que tampouco nunca se arrepentiu, mais que probablemente impediron fose escollido por Juan Carlos para «pilotar» a chamada «Transición». Como líder de Alianza Popular conduciu á dereita franquista até asumir unha Constitucións que recoñeceu –en contra do seu criterio– as tres nacionalidades históricas, como única herdanza da Segunda República. Tras case unha década intentando sen éxito ser elixido Presidente do Goberno, tivo o mérito de entender Galicia, onde naceu, coma un país de seu. Aí, probablemente, residiu o seu maior e innegable éxito político, que lle permitiu gobernar Galicia durante dezaseis anos cun importante apoio popular. Fíxoo empregando os seus criterios autoritarios, utilizando un modelo de xestión clientelar e amordazando de forma tan sutil como eficaz os medios de comunicación. Magoadamente, as infraestruturas, realizadas a maior parte delas con fondos europeos, non abondaron para acometer unha modernización eficaz dos sectores produtivos básicos, especialmente do primario, nin acadaron a vertebración territorial que o país continúa precisando. Con todo, o seu compromiso coas institucións autonómicas, a súa asunción do concepto de galeguidade, o seu respecto aos consensos acadados ao comezo da Autonomía arredor do fomento da lingua e cultura galegas contribuíron a consolidar e prestixiar dentro e fóra o autogoberno galego, unha actitude da que hoxe sentimos saudades, cando gobernan os seus «continuadores».

Chuzame! A Facebook A Twitter

17th Xan 12. Posted in Historia, In memoriam, Onte, Política.

View or Post Comments.