Brétemas inicia unha nova etapa
Dende hoxe estamos aquí: bretemas.com
Expresamos a nosa maior gratitude ao equipo de Blogaliza que nos acolleu durante catro anos con extraordinaria xenerosidade. Beizón sempre para eles!
Notas do traballo de edición. Blog de Manuel Bragado Rodríguez. Vigo. Galicia
Dende hoxe estamos aquí: bretemas.com
Expresamos a nosa maior gratitude ao equipo de Blogaliza que nos acolleu durante catro anos con extraordinaria xenerosidade. Beizón sempre para eles!
O salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela quedou pequeno para acoller aos aistentes á presentación d’ As meigas de Lupa, a primeira novela xuvenil de María Solar. Magnífica foi a lectura que realizou Xurxo Ayán que comezou definindo a obra como «un libro de servizo público» para lembrar despois a importancia de contar con relatos en galego sobre feitos protohistóricos galegos, algo que non existía hai 25 anos cando el era un lector novo. O arqueólogo salientou que o libro de María Solar «pon faciana ao noso pasado, xa que mesturando cultura e mito sabemos como se vivía aquí hai dous mil anos. A literatura e o relato histórico científico que realizamos os arqueólogos son o mesmo relato». Rematou Ayán reiterando «o carácter de servizo público deste relato de lectura sinxela e engaiolante, mais de construción narrativa complexa» e lembrando unha frase que Álvaro Cunqueiro pronunciou no seu discurso de entrada na RAG: «Temos futuro se seguimos crendo en tesouros, ananos e meigas». María Solar comezou o seu discurso confesando que «estaba condenada a escribir este libro, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba a súa nai. «Quixen transmitir esa riqueza tremenda da tradición». Referiuse logo a xénese da obra e o esforzo de documentación na reconstrución minuciosa da vida nos castros. Rematou referíndose a que non sabía se existiu ou non a Raíña Lupa, mais si que »estaba acreditado que daquela existiu unha muller de poder». Pechou a presentación Fran Pérez «Narf» que interpretou a «Nana de Ze Mambico». Fermoso serán de comezo de verán.
A legalización de Sortu píllame en Bilbo, coincidindo coa xuntanza mensual do grupo de traballo sobre o sector do libro na CAE no que fun convidado a participar. O Constitucional recoñece o que xa é un feito cotián na realidade política vasca, a participación da esquerda abertzale no proceso de normalización democrática. Se algo chama a miña atención cada vez que veño ao País Vasco é a súa axenda pública, tanto política como cultural, ben diferente da imposta polos medios de Madrid e seguida cegamente en Galicia. Pouco coñecemos sobre o que está sucedendo en Euskadi, onde hai unha vontade cidadá maioritaria de construír “un País en paz, plural e libre, onde se respecte a diferenza, se fortaleza a convivencia e se resolvan os criterios enfrontados mediante o diálogo, a empatía e a razón”. A actuación estratéxica do Goberno Vasco, 2012 Ano das Culturas pola Paz e a Liberdade, enxerga esa esperanza colectiva. Quizais fose a providencia laica a que provocou que a habilitación de Sortu coincidise coa presentación de “Ideas para mudar o mundo”, encontro incluído nesa estratexia, que reunirá en Euskadi a 18 recoñecidos pensadores e intelectuais mundiais. Fronte a desolación e o conformismo, construír a paz dende a cultura da paz, eis un vieiro posible.
Gustoume moito acompañar a Antón Sobral no serán no que recibiu o «Premio de Pontevedreses do ano 2011» no eido da cultura outorgado por Diario de Pontevedra. Antón, felizmente xubilado, tras máis de tres décadas como profesor de arte, é un mestre na difícil arte da vida lenta, do exercicio peripatético que nos fai cidadáns. Sobral é un activista galeguista insubornable, paciente e comprometido con todas as causas da humanidade. Antón é unha persoa positiva, xenerosa, agarimeira, capaz de contaxiar a ilusión necesaria para enfrontarse as maiores dificultades, quizais porque leva o mar nos seus ollos. Viaxeiro curioso, artista multisoporte, pintor vocacional, fotógrafo, poeta, vídeocreador, melómano, rokeriño, lector apaixonado, ningunha actividade creativa resúltalle allea. Se todo isto non abondase, desenvolve dende mozo unha actividade no asociacionismo cultural e cívico intensa, en todos os elos da cadea, dende o da creación, pasando pola promoción, até o da difusión. Un auténtico home cultura, encrucillada de arte e coñecemento. Aconsello moi vivamente visitar a súa exposición, Da Maruxía, aberta no Museo do Mar de Vigo, no que comparte espazo co Detfler Kappeler. As xerfas de intensidade branca das súas mariñas conservan o arrecendo euforizante da maruxía, esa mestura proteica de salitre e pedramol. Beizón, grande Antón!
O ascenso da prima de risco e do bono español a 10 anos até niveis de infarto amosa que as eleccións gregas foron apenas unha excusa dunha estratexia de engano masivo. A río revolto gañan os especuladores e as políticas de rescate baseadas en recurtes fiscais e axustes de emprego. O problema non é Grecia, é o futuro do euro e da propia Unión Europea no marco actual da globalización financeira. Alguén escoitou estes días aos políticos europeos algunha referencia, sequera nostálxica, a aqueles principios de cohesión territorial e social, solidariedade e cooepración que forxaron a utopía da Unión? Que foi dos alicerces da sociedade do benestar baseada nun pacto entre o capital e o traballo? U-lo futuro da economía produtiva, piar do emprego, arrombada pola economía financeira (especulativa), a única que semella interesar aos «mercados»?
Miguel Abad preparou para a triloxía «Dragal« de Elena Gallego, o que entendo é o mellor booktrailer da edición en galego.
Cinco reflexións sobre o que sucedeu onte nas eleccións gregas. Primeira: no parlamento gañaron os partidarios do rescate, porén a esquerda obtivo máis votos populares; o que supón un país profundamente dividido no éido político. Segunda: a esquerda anticapitalista de Syrizas, que pasa do 4,6% en 2009 ao 26,56%, consolídase como líder da oposición cun programa que rexeita a austeridade como receita para saír da crise; semella que outra esquerda aínda é posible. Terceira: o PASOK fúndese, a pesar que probablemente entre a formar parte do goberno, debido a súa incapacidade para diferenciarse da dereita corrupta e ladroa; o que supón unha situación para a socialdemocracia moi difícil de recuperar (todo un aviso para o PSOE). Cuarta: os nazis fanse fortes non só nalgúns barrios de Atenas, onde amedrentan á cidadanía, senón tamén nas bancadas de Sintagma; o seu perigo non debe ser minusvalorado. Quinta: os resultados non aseguran unha mudanza nas políticas, xa que tras os resultados, o Eurogrupo emitiu un decepcionante comunicado; Merkel continuará impoñendo as súas receitas, en todo caso poderá negociar apenas a felxibilización do seu calendario. Baixará hoxe a prima de risco española?
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación agónica de Preescolar na casa.
A falta de apoio da Xunta de Galicia obrigará a un probable peche de Preescolar na Casa. Fundado en 1977 en Lugo por Antonio Gandoy, o queridísimo “crego da bicicleta”, secretario de Cáritas Diocesana Galicia, este programa tratou de buscar unha solución á carencia de prazas escolares para os picariños da aldea, tratando de paliar a discriminación á que estaban sometidos ao chegar á EXB en desiguais condicións ás do resto do alumando da súa idade. Dende aquel pioneiro programa piloto, no que o padre Gandoy pretendía axudar aos pais e nais dalgunhas comarcas do rural lucense a educar aos seus fillos nos primeiros anos de vida, Preescolar na casa desenvolveu sempre unha fecundísima actividade coa intención de crear na sociedade unha cultura de Educación Infantil Familiar.
Unha iniciativa que Gandoy, dende a súa inequívoca concepción humanista da educación, concibía como “unha utopía realizable e irrenunciable”, xermolada polo bo facer dun equipo entregado de profesionais, pola axuda de Cáritas e do Ministerio de Educación, primeiro, e máis tarde, da Consellaría de Educación que cederon mestres en comisión de servizos para traballaren na iniciativa. Un programa ao que durante décadas contribuíron, tamén, as achegas de concellos, deputacións e outras institucións, e do que o fundador, antes do seu pasamento en 2002, renunciou a ser referente propiciando a creación dun Padroado no que participan os profesionais do programa e as institucións que o apoian.
Ao longo da súa historia foron probablemente máis de 50.000 as familias galegas que participaron nas actividades de Preescolar na casa, sendo neste curso que remata case catro mil as familias participantes en 660 espazos educativos distribuídos por 267 concellos. Aínda que o modelo de intervención educativa foi mudando, o programa alicerzouse nas xuntanzas quincenais de pais e fillos de arredor de cinco familias dunha mesma zona. Durante dúas horas os orientadores analizan coas familias as actividades realizadas na casa, presentan novos materiais didácticos, resolven os problemas ou dúbidas das familias ou xogan cos picariños. Estas xuntanzas compleméntanse coas visitas que os orientadores fan as familias e cos materiais impresos de apoio que distribúen.
Gandoy e o seu equipo interesáronse dende o inicio de Preescolar na casa polo papel que os medios de comunicación social podían ter para apoiar a intervención dos orientadores, ao tempo que para contribuír a crear unha cultura de parentalidade positiva na sociedade galega, o concepto clave da súa filosofía educativa. De aí naceu en 1981 o programa emitido polo circuíto galego de Radio Nacional, continuado na actualidade polo programa dominical matinal da Radio Galega. Da mesma convicción naceu en 1990 o espazo da Televisión de Galicia, do que se emitiron 700 programas, o que constitúe a experiencia de televisión educativa máis importante da nosa historia. De aí saíron as súas revistas e a publicación das súas monografías de divulgación educativa e de escola de pais.
Ao longo destas tres décadas e media de intensa actividade, Preescolar na casa nunca foi nin unha gardaría nin sequera unha escola infantil, senón un programa sociopedagóxico pioneiro e dinámico de parentalidade pública, fomentador da implicación dos pais na formación temperá do seus fillos. Unha orientación recomendada polo comité de ministros da Unión Europea para os que “o exercicio da parentalidade, aínda que vinculado á intimidade familiar, debe ser considerado como un ámbito da política pública e deben adoptarse todas as medidas necesarias para apoiar o exercicio parental e crear as condicións necesarias para un exercicio da parentalidade”. Preescolar na casa é considerada como unha experiencia de éxito en foros internacionais de educación familiar, sendo imitada noutras comunidades como Asturias ou Castela, e valorada como modelo no Reino Unido ou Ecuador.
A agonía de Preescolar na casa por insuficiencia financeira, tras manter un ERE de suspensión e extinción ao longo do curso que remata, está motivada pola decisión da Consellaría de Traballo e Benestar de eliminar a axuda de medio millón de euros imprescindible para o pagamento do persoal. Unha medida estritamente política que a conselleira Beatriz Mato xustificou por considerar o programa como “obsoleto” e “non válido”, a pesar de que é innegable que Preescolar na casa foi sempre viable e eficaz socioeducativamente, que contribuíu a vertebrar e modernizar un territorio en proceso de desertización e promover o emprego e a dignidade da lingua e cultura galega nun difícil proceso de substitución. Como escribiu Manuel Rivas eu creo tamén que “a supresión deste servizo exemplar merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU”.
A visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e comercial de viños. A diversificación e calidade dos seus produtos, a inequívoca modernización dos seus procesos, como a súa estratexia de comercialización internacional en cincuenta países, son compatibles co compromiso de continuar un xeneroso labor de patrocinio á cultura galega, un dos sinais de identidade da empresa dende a súa fundación. A renovada estratexia de utilización das súas extraordinarias instalacións para organizar actividades culturais (o ciclo de música galega deste verán será soberbio), a promoción de produtos culturais galegos ou as novas iniciativas como o Club de Poesía Martín Codax ou o apoio aos creadores residentes son fenómenos de transferencia social que merecen ser abeizoados.
Karpinha volve recoller toda a emoción do celtismo na xornada do ascenso. A vindeira tempada, xa en primeira, máis.
«De primeira» é o título da reportaxe que o programa Reporteiros da TVG dedicou ao ascenso do Deportivo e do Celta. Recolleron algunha das miñas opinións celestes. Debe quedar no arquivo.
Levounos case tres horas percorrer entre a babuxa o camiño entre Vigo e Viveiro. Foi un fermoso e moi concorrido serán poético no que presentamos, cunto a Marica Campo, Un niño no xardín, o quinto libro de poemas para nenos de Xoán Neira. Foi emocionante a intervención do autor que confesou ser moi rilkiano xa que «quedei abrazado a infancia para sempre e marcado pola natureza». Neira definiu o seu poemario como «un libro ecolóxico» e recomendou a súa lectura que permite «deterse nas pequenas cousas que a vida diaria non deixa tempo a ollar». A escritora Marica Campo comezou anunciando que «a poesía non debe faltar na equipaxe da vida. É tan necesaria coma o pan de cada día. É un pracer. Contrarresta a violencia e ensínanos a sentir cos outros». Logo defendeu a importancia educativa da poesía xa que «achega claves para entender a realidade, sendo necesaria para a comprensión do mundo e de nós mesmos, sen esquecer que contribúe a aprender a soñar, o obxectivo principal da educación». Marica dedicou a última parte do seu parlamento a glosar Un niño no xardín, unha mostra da mellor poesía infantil arredor dos reinos da natureza. Definiu o libro como «puro ecoloxismo» e abeizoou ao autor polo resultado emocional que provocan os seus poemas.
Despois de varios meses de intensa e concienciuda edición, chegaron os primeiros exemplares de Atl, a obra de Manuel Lourenzo González gañadora da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela. Este fermoso volume de 540 páxinas e encadernación acartonada contén un texto no que se propón un novo achegamento á Atlántida, o continente perdido, dende perspectivas que van dende a historia e o mito, até a crónica e a fábula. Esta é unha engaiolante novela de acción, de lectura moi áxil e entretida, mais tamén unha coidadísima e complexa obra de ficción científica na tradición das mellores obras do xénero. Unha distopía que retrata de forma minuciosa e verosímil outra sociedade posible, na que se lle outorga moita importancia á política, ao desenvolvemento tecnolóxico postdixital, á ciencia e o coñecemento, a relación coa natureza, así como as formas de vida cotián, nas que existen escasas posibilidades para a iniciativa persoal. Revísanse así, os grandes temas da condición humana e da organización social nun espazo, que o autor sitúa «nalgún mar do noso interior máis profundo», e nun tempo futuro que pode ser calquera nese continente perdido. Neste momento de desconcerto e desacougo sobre o futuro, a reflexión que Atl propón sobre a deriva dunha sociedade futura é de enrome interese. Sen dúbida, Atl é unha novela importante na traxectoria solidísima do autor, froito dunha década de traballo, mais tamén creo que marcará un fito na narrativa galega do século XXIX. Parabéns!!!
Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!
Magooume o pasamento de Bernardo García Cendán. Coñecino da man de Agustín Fernández Paz, que o tiña por irmao maior. Grande lector, Bernardo presentou moitos dos nosos libros en Vilalba e Lugo con mestría. Admirei sempre a súa cordialidade infinita, a súa disposición incondicional, o seu verbo preciso, a súa cultura extraordinaria, a súa actitude permanente de escoita e abrazo. Asocieino sempre a Fuxan os Ventos, quizais por que foi un dos autores dalgunhas das súas cancións; coa revista Encrucillada, da que foi un dos seus principais animadores durante décadas e coas súas columnas xornalísticas, «Cartas a Antón», que publicaba n’ A Voz de Vilalba. Bernardo foi un auténtico esteo de solidariedade e axuda para todos os membros da súa comunidade. Un profesor queridísimo polo seu alumnado. Un home bo, xeneroso sen límite. Deixa saudades moi gratas. Con todos os abrazos para os seus.
Os carteiros do meu barrio están en folga. Protestan pola redución de trece prazas do cadro de persoal da cartaría da Alameda. Apenas 39 persoas ocúpanse do reparto diario dunha zona onde viven 184.000 persoas, o que supón, nalgúns casos, até 1.400 envíos por xornada e traballador. Os carteiros non reivindican melloras salariais, senón o mantemento do cadro de persoal e a cobertura de baixas e vacacións, para asegurar a calidade deste servizo público básico. Os recurtes das políticas públicas, a privatización dos servizos postais e a profunda mudanza dos procedementos de comunicación interpersoal (os telegramas desaparecen e as cartas persoais van por idéntico camiño) son factores que ameazan o futuro do correo público. No obstante, como reivindican os carteiros do meu barrio, a existencia dun servizo postal universal é unha condición imprescindible para asegurar a equidade entre todos os cidadáns e todos os territorios. Non é pouca cousa a que se dirime nesta folga!
Rajoy pretende evitar a ferro e fariña que os 100.000 millóns do rescate poidan estragarlle a lexislatura. O camiño escollido para evitalo volve ser a utilización perversa do eufemismo, torcendo o valor das palabras. O rescate, unánime para a prensa internacional, convértese para Rajoy e o seu goberno apenas nunha «inxección de liquidez aos bancos en condicións privilexiadas». A solicitude do rescate, considerada polos mercados de débeda como unha claudicación do estado intervido, nas palabras de Rajoy transfórmase nun «éxito do Euro» e nun obxectivo acadado, previsto dentro do plan económico da lexislatura, destinado a promover o crecemento e a creación de emprego. Afirmacións insostibles dende a racionalidade, mais que Rajoy pronuncia con certa vacilación e os altofalantes gobernamentais promoven sen aparente vergonza. Non fai falta ser Krugman para saber que este rescate aumentará a débeda e incrementará o déficit por mor dos intereses que haberá pagar o Estado. Inevitablemente, chegará a subida do IVE, o endurecemento do calendario de xubilación ou a redución das prestacións de desemprego. Rescatar o significado das palabras é, neste contexto, imprescindible para comezar a desmontaxe desta estratexia de engano. A presenza do presidente no palco polaco, coma seareiro do equipo de Del Bosque, non é unha anécdota menor, xa que para el visualizaría a celebración de semellante «éxito».
O meu admiradísimo Carlos Núñez (Le Vieux), mestre tipógrafo e deseñador gráfico, creador da tipografía Gallaecia Castelo, envioume un correo electrónico no que reivindica o texto manuscrito. Non esquezamos que na mudanza de paradigma, o tránsito do textual ao hipertextual, prodúcese tanto nas formas na lectura como na escritura. Mudan as formas de lecturas e as formas de escritura. Isto é fulcral. Polo grande interese desta reflexión, «El escrito a mano es la expresión del alma», sobre todo dende o punto de vista didáctico, permitinme convertila nun documento pdf que se pode baixar aquí. Grazas, Carlos!
Foi o serán de onte en San Simón o da babuxa, circunstancia que nos obrigou a facer todo o convivio ao cuberto. A pesar dos malos agoiros do rescate, anunciado por Guindos mentres Marilar Aleixandre remataba o seu discurso e Calveiro recollía o seu Merlín, dende as palabras de apertura de Celia e as pezas de Xurxo Souto, o serán foi emotivo e emocionante, amosando que alí se tecía, tamén, unha comunidade de afectos. Coa aparición de María e Manuel Lorenzo, autores de Tona de laranxa, saltou a grande sorpresa. En San Simón onte reivindicouse o valor tremendo das palabras (na intervención memorable de Calveiro) e a paixón pola literatura expresada pola familia do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón. A volta a Cobres, entre unha mesta brétema, fixo aínda máis inesquecible estoutro Xerais.
Din que conmoveu a Paco Herrera e que serviu para motivar ao vestiario antes do partido co Córdoba, probablemente é a mellor peza da nosa admirada Karpinha08. Tamén recomendo moi vivamente a peza máis recente «Amos do noso destino, capitáns da nosa alma», hoxe gabada no Faro.
«Como puido tanto un home só» foron as palabras coas que Rexina Vega iniciou a emocionante homenaxe a Valentín Arias. Un serán no que se lembrou a unha persoa que Beiras definiu como de «enteireza enorme, de afouteza extraordinaria e de xenerosidade sen límites». Unha persoa extraordinaria, para Víctor Freixanes «un esteo», para o seu fillo Lois «un home ordenado que traballou arreo porque quería mellorar Galicia». Nas miñas palabras salientei a súa importante relación con Xerais, sobre todo na etapa fundacional da editorial, o seu carácter de «patriarca dos tradutores galegos» e o seu carácter de «home de país» que desenvolveu un labor polifacético, actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase «Tradutor e mestre Valentín Arias». Con todos os nosos abrazos para Amparo, os seus fillos e oito netos.
Marcos Pérez Pena pediume que en apenas trinta segundos expresase as razóns polas que Agustín Fernández Paz merece unha Homenaxe Nacional. Non hai dúbida que aos membros da Cerna de Prolingua –a promotora desta iniciativa civil aberta a todos os amigos e amigas, admiradores e admiradoras do escritor– moveunos o afecto e o desexo de expresar agarimo por quen tanto fixo polos proxectos colectivos a prol da dignidade da lingua e pola galeguización e renovación pedagóxica da escola nosa. Unha homenaxe, tamén, de estrita xustiza a unha persoa que representa unha extraordinaria dimensión moral. Durante case catro décadas, tanto nos proxectos colectivos nos que participou (dende Adarra e MCEPG, pasando polo Colectivo Avantar e Nova Escola Galega, até Prolingua), como no traballo profesional que desenvolveu como ensinante (na Coruña, Gernika, Mugardos e Vigo, até a súa xubilación), Agustín foi motor infatigable, referente de honestidade e racionalidade, así como de compromiso insubornable coas súas conviccións pedagóxicas, democráticas e galeguistas. E se a isto non abondase, como escritor foi capaz de desenvolver en case vinte e cinco anos unha obra narrativa de calidade, moi coidada, diversa e sempre engaiolante para o lectorado de todas as idades. Agustín é hoxe un dos escritores que conta con máis lectores e lectoras en galego, mais tamén con moitos seguidores nas outras comunidades onde foron traducidos a maior parte dos seus libros, sobre todo en Cataluña e Valencia. A Homenaxe Nacional do 30 será unha oportunidade para expresarlle a este mestre a nosa gratitude por tanto e tanto que lle debemos.
Morreu Ray Bradbury, o grande escritor dos libros viventes, do que tivemos a fortuna de editar en galego, traducidos por Magdalena Fernández Pérez, dúas das súas novelas mçais memorables, Crónicas marcianas e Fahrenheit 451. Un autor que defendeu o poder da lectura e a ledicia da escritura, concebidas coma unha celebración e un pracer, mais tamén coma unha conquista colectiva. Foi, ademais, como el recoñeceu no magnífico prefacio da edición inglesa de 1993 de Fahrenheit 451, o autor do século XX que máis poemas, ensaios, relatos, pezas teatrais e novelas creou sobre bibliotecas, bibliotecarios ou autores. No seu pasamento recupero un de tantos fragmentos da súa obra que me teñen impresionado:
O meu avó dicía que cando alguén morre sempre debe deixar algo atrás. Un neno, un libro, un cadro, unha casa, unha parede ou un par de zapatos feitos por el mesmo. Ou un xardín, por exemplo. Algo onde deixar a túa pegada, para que a alma teña un sitio onde ir cando morras. Así, a xente mirará esa árbores ou esa flor e ti estarás alí, dicía o meu avó. Tanto ten o que fagas, dicía tamén, con tal de que cambies algo de como era ao principio e o transformes noutra cousa parecida a ti. A diferenza entre algúen que simplemente sega o céspede e un xardineiro auténtico está no toque persoal. A obra de quen sega o céspede pasará desapercibida; a do xardineiro permanecerá alí toda a vida. Fahrenheit 451
Si,Bradbury foi un xardineiro das palabras.
Cando Venus pasea diante do Sol nestes días achegados ao solsticio de verán, as mareas vivas están a piques de asolagar o peirao do Náutico. Dúas moi fermosas imaxes para conservar. O xeito no que a natureza se fixo presente onte en Vigo no Día Internacional do Medio Ambiente.
Dedicamos unha intensa xornada a puír a nova web de Xerais, que nos deseñou o Estudio de Pumpún Dixital, esa factoria viguesa de Internet de Chiu Longina e Berio Molina. Un traballo magnífico! Tratamos de actualizar completamente a identidade dixital da editorial, mudamos o deseño do blog e da web corporativa, creamos o xermolo do que será unha completa web de recursos educativos, con especial atención á nova edición dixital, tanto á educativa, como a dunha Biblioteca Dixital de lectura en rede. Apena so inicio dun proxecto de edición dixital que, despois do verán, incrementará moi considerablemente a nosa oferta de e-books para lectura en dispositivos portables.
Balaídos fala galego dende hai décadas. O serán do ascenso foi outra manifestación da lealtade e respecto do Celta co noso idioma, xa que a lingua galega foi a vehicular na festa do ascenso. A cartelaría e sinalética, as intervencións do animador, dos membros de «A Roda» e do resto dos grupos musicais, foi todo en galego. Outrosí sucedeu coas entrevistas da maioría dos xogadores galegos na TVG ou a presenza de bandeiras galegas no campo, mostras de que o noso equipo ten raíces moi ben chantadas na terra. Este Celta galego é unha fachenda para todos.
O serán de onte quedará na memoria, outro engrama celeste nas nosas vidas, o segundo ascenso do século XXI. É certo que o fútbol non compareceu na lameira, a pesar que o Celta foi o equipo con mellor xogo e máis goleiro de toda a categoría durante a maior parte da tempada, pero onte os afeccionados soubemos desculpar aos nosos xogadores xa que do que se trataba era de obter un puntiño da forma máis discreta posible. Os rapaces nosos nunca noutra semellante se viran, e como di a canción de Eladio como «o noso era a inxenuidade», non souberon disimular o seu nulo interese en dificultar o empate co que soñaba o Córdoba. Xa aos cinco minutos, o público, que ateigou o vello Balaídos, amosou que viña máis preparado para gozar da festa que para atender o que sucedía na lameira. A primeira onda foi inevitable para defenderse do recital de mediocampismo inane de salón de ambos os dous equipos. A pelota practicamente non saíu dos cincuenta metros centrais durante todo o partido. O espectáculo foi nefasto, case vergonzoso. Non houbo apenas xogadas que merecesen ser relatadas. O Celta non superou a liña de tres cuartos do campo andaluz até o minuto 25 do primeiro tempo. De Lucas, o noso único atacante centrou dúas veces dende a banda, cando non había na área ningún xogador noso para rematar. No minuto 37, Oubiña picou dende o seu campo un globo que chegou ao porteiro do Córdoba, nunha das poucas intervencións que puidemos contabilizar. Así rematou a unha primeira parte da nada, nada que temer para os celtistas. Non mudou o panorama na segunda, onde a bancada apenas tiña o aliciente de lembrar a mala sorte que persegue a Miroslav Djukic, o adestrador do Valladolid de corazón deportivista, ou entoar con moita prudencia, xa cando apenas faltaban quince minutos, “A rianxeira”. Así somos de prudentes os celtistas, xente paciente até o lirismo, educada agardando polo ano que vén, intentándoo cada tempada con azos renovados. Esa actitude de ferro foi a que nos permitiu resistir estas cinco durísimas tempadas en Segunda, unha división máis igualada e emocionante ca Primeira, a pesar de que nalgún momento deste lustro estivemos pendurados do arame, unidos apenas por un fío de seda ao territorio da desolación. Esa madurez é a que permite comprender a actitude diletante do noso equipo e desculpalo por ofrecer un espectáculo escasamente edificante, dos que non fan afección, un xogo que nada tivo que ver con aqueloutro vibrante, marabilloso, afouto, ofrecido no encontro anterior co Xerez, no que realmente se forxou o derradeiro treito deste grande ascenso. O desta tempada foi un éxito rotundo dun equipo de espírito atlántico, o máis galego que lembramos en décadas. Este ascenso é o triunfo do traballo calado e paciente da canteira da Madroa, da xente da casa, da madurez dunha xeración de futbolistas novos capaces de enfrontarse co futuro confiando nas propias forzas. O ascenso é froito do traballo de dous anos de Paco Herrera, un adestrador honesto que co seu compromiso se foi gañando xornada a xornada o agarimo dos afeccionados. Un míster sincero, que nunca intentou enganar a ninguén, que recoñeceu as dificultades e sinalou con determinación o obxectivo de gañar todos os dez últimos partidos, capaz de recoñecer que durante a última semana “a súa cabeza non parara”, un fermoso xeito de identificarse con cada un dos seareiros celestes. Un ascenso que, tamén, é froito do traballo social do club e do presidente Mouriño, que merece os maiores parabéns. Mais e sobre todo, este ascenso é froito en boa medida da actitude dunha afección teimosa que nunca desistiu, o activo máis importante cara o futuro. Este ascenso, en definitiva, é unha proeza colectiva dun club con raíces ben chantadas na súa cidade, na terra dos galegos, mais capaz de tecer unha rede celtista de simpatía no mundo, nesa diáspora celeste que con certeza vibrou onte en Internet a lume de biqueira, como logo lembraron os compoñentes de «A Roda» e o marabilloso Gonzo. Coa bandeira celeste no aire, por sempre, Celta! Arriba, corazóns celestes!
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da manifestación en Compostela «Na defensa e pola mellora dsa sanidade pública», reflexiono sobre a situación deste sector público esencial:
Ao longo das nosas vidas, acumulamos experiencias positivas da sanidade pública que, en liñas xerais, ofrece con eficacia e eficiencia un servizo de grande calidade. A pesar dalgunhas insuficiencias, sobre todo no que atinxe ás listas cirúrxicas de agardar, a sanidade funciona aceptablemente, sendo até agora maioría os usuarios que nos sentimos satisfeitos, mesmo orgullosos dos seus servizos, froito do compromiso do persoal sanitario e da organización dun Sistema Nacional de Saúde baseado na integración de todos os recursos sanitarios públicos. Un modelo gabado a nivel internacional que, porén, situou o gasto sanitario público español en relación co PIB nun 6,25%, unha cifra por baixo da de outros estados da Unión con economías máis poderosas, como Alemaña (7,92%) ou Francia (8,48%).
Tras a Constitución de 1978, que no seu artigo 43 recoñecía o dereito á protección da saúde, foi a Lei Xeral de Sanidade de 1986, aprobada durante o goberno de Felipe González, a que deseñou o actual modelo sanitario caracterizado pola universalización da atención, que cubría ao cen por cen da poboación. Coa intención de garantir a equidade no acceso aos servizos procurouse situalos da forma máis accesible, o que supuxo, ao longo deste período, unha profunda descentralización (hoxe xestionada por cada unha das CC.AA.) e a creación dunha tupidísima rede de Atención Primaria en todo o territorio.
Este modelo sanitario, este patrimonio social, ese tesouro do ben común corre un moi serio perigo. As políticas de consolidación fiscal e de “austeridade selectiva” do Goberno de Rajoy puxeron tamén na sanidade o seu punto de mira para recurtar dos seus fondos 7.000 millóns de euros e para introducir importantes cambios no seu modelo. A partir do Real Decreo Lei 16/2012, aprobado pola vía de urxencia o pasado mes de abril, só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social, suprimindo así o seu carácter universal e recuperando o vello sistema franquista da condición de “asegurado”. Un novo sistema que deixará sen asistencia sanitaria a colectivos como os das persoas maiores de 26 anos que non teñan cotizado ou, coa excusa trapalleira do turismo sanitario, aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que estas persoas, a maior parte mulleres, realicen labores de coidados a maiores e dependentes.
Ademais, redúcese a oferta de servizos sanitarios públicos, increméntase o copagamento farmacéutico aos traballadores activos, introdúcese para xubilados e persoas con incapacidade permanente (en Galicia serían 686.705 as persoas que poderían chegar a pagar até 8 euros mensuais por este repagamento) e retíranse algúns medicamentos moi usados do financiamento público. Se isto non abondase, precarízanse as condicións laborais do persoal da sanidade, despídese a persoal interino, non se repoñen xubilacións e ábrese a porta con carácter xeral a privatización total da xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de atención primaria como xa se veu facendo en comunidades gobernadas polo Partido Popular, utilizando argumento tan peregrino como o da “súa xestión máis barata e eficaz”. Privatizacións, presentadas de forma eufemística como “externalizacións”, que no caso da Comunidade Valenciana afectan xa a un 20% da rede de atención primaria e hospitalaria que agora podería ser adquirida por unha empresa propiedade dun dos cinco maiores fondos de investimento do mundo, que conciben a sanidade coma un suculento negocio.
A sanidade pública universal non é, como queren facernos crer, a responsable da crise da débeda nin da subida da prima de risco nin da burbulla inmobiliaria nin da xestión atolada das caixas de aforro. Nin sequera é certo que teñamos unha “sanidade por riba das nosas posibilidades”. É inxusto que se recurten as súas prestacións de forma indiscriminada e sexan os doentes, sobre todo os crónicos e os maiores, os que paguen un imposto engadido polo feito de estar enfermos, abonda desgraza teñen co seu estado! O financiamento do sistema sanitario debe provir dos Orzamentos Xerais do Estado, o que non quere dicir, que o Sistema Nacional de Saúde non deba introducir mudanzas na súa xestión para facela sostible, baseadas na mellora da eficiencia e no uso racional de recursos escasos e moi custosos, sexa no emprego de fármacos (eis os aforros xerados xa pola prescrición de xenéricos), na realización de probas diagnósticas, na duración das estancias hospitalarias ou noutros criterios técnicos e asistenciais.
A manifestación de onte en Compostela, promovida polas diversas plataformas cidadás galegas na defensa e mellora da sanidade pública, constitúe unha importantísima chamada de atención. A sanidade, coma a educación, debe continuar sendo pública.
Abrimos a web dos Premios da Crítica Galicia, outro dos proxectos en man común nos que me sinto orgulloso de participar. A renovada Fundación –da que turra con enorme xenerosidade, dende hai trinta e cinco anos, o editor Bieito Ledo– é un espazo plural, independente e interxeracional que pretende acrisolar a tradición dende o diálogo coas expresións da creación cultural. Estes días pechamos a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha das sete cidades, baixo o lema «35 anos de Cultura Galega», un xeito de tomarlle o pulso ao estado de cada un dos eidos da cultura nosa. O sábado, 16 de xuño, nas Bodegas Martín Códax de Cambados, a Fundación convocou un xantar de irmandade ao que foron convidados os gañadores dos premios dende 1978. Outra oportunidade para afianzar os vínculos de afecto dun proxecto de vontade integradora.
As primeiras xuntanzas dos xurados dos Premios Xerais 2012, impedíronme participar no fermoso acto organizado pola RAG nos coruñeses xardíns de san Carlos para presentar «A volta ás Letras en cincuenta días». 50 deseñadores e 50 autores crearon 50 carteis nos que se homenaxea a cada un dos escritores que protagonizaron o 17 de maio, dende a primeira edición do Día das letras Galegas en 1963. Unha iniciativa artística excepcional promovida pola RAG, que Ferrín está transformando tamén en factoría creativa, apoiada en man común polas asociacións profesionais e empresariais de deseñadores gráficos, escritores, artes gráficas, editores, libreiros e bibliotecarios. Os carteis, que foron publicados o 17 de maio nun suplemento de Faro de Vigo, están sendo enviados estes días ás librarías, bibliotecas e centros de ensino secundario. Unha marabilla!
As 50 pezas poden baixarse en pdf aquí (ollo 9,2 megas), como tamén o libro conmemorativo, Todas as Letras, editado pola RAG con motivo dos 50 anos das Letras.
As entrevistas da Última da edición impresa de La Vanguardia adoitan ser memorables. Onte non desmerecía a que publicou El País con Daniel Innnerarity. O filósofo vasco poñía o dedo sobre a chaga para diagnosticar o tempo presente con algunhas afirmacións luminosas que merecen ser arquivadas: «O que non entendo é como non nos mandan a paseo as xeracións máis novas ao descubrir que a nosa burbulla inmobiliaria ímola pagar coa súa educación. A isto chámoo a ditadura do nós ou a consideración do futuro como vertedoiro de lixo do presente. Debemos buscar o contrato cos ausentes, fuxir da tiranía do aquí e agora». En días de posible rescate e de durísimas hipotecas que pagarán as xeracións máis novas, as palabras do autor de Una esperanza política son unha referencia moral e unha proclama de indignación cidadá. Non está de máis, recoñecer a complexidade actual da gobernanza do mundo, cando os financeiros rouban a soberanía.