Coñecín a nova terminal e aparcamento do aeroporto de Santiago, outra mostra da moderna arquitectura aeroportuaria peninsular, ao xeito dunha versión galega da T4 ou da portuense do Sa Carneiro. Gustoume a amplitude dos espazos e lamentei a precariedade da información ou que os elevadores parlantes non falasen galego. Engulido no ventre da enorme balea compostelana, lembrei a nova Terminal 2G do Charles de Gaulle que utilizara a pasada semana, de dimensións moito máis reducidas, mais con seiscentos sillonciños nunha única sala, concibida coa intención de facilitar a comodidade e a acollida dos viaxeiros durante o par de horas nos que poidan agardar alí. Non será esta TSQ outra mostra de economía farturenta? Non semella contraditorio que Fomento investise 230 millóns de euros na TSQ (unha cantidade impresionante), mentres privatizará os servizos de AENA de Barajas e o Prat? Se a nova TSQ está chamada a se converter no eixo do modelo aeroportuario galego, como é posible que estean en marcha as novas terminais de Peinador e Alvedro? Tras os efectos da CDC, agora chegarán os da TSQ? Pobre de nós!!!
Roberto Varela recoñece que é necesario adiar sine die a finalización da Cidade da Cultura. De forma moi sensata o conselleiro asume que a prioridade do seu departamento é o mantemento das industrias culturais galegas (identificado coa conservacións dos seus empregos) e non rematar o faraónico proxecto iniciado polos gobernos de Fraga. Roberto Varela paraliza a construción dos edificios do teatro e o destinado a novas tecnoloxías. Unha decisión que se puido ter tomado hai seis anos cando o goberno de coalición argumentaba que era imposible polos compromisos contraídos e sería tan caro parar as obras como continualas. Agora semella que era posible facelo. Un queda parvo.
Do fío do meu benquerido Ramón Nicolás cheguei a esta magnífica peza sobre a arquitectura do Vigo perdido, aquel que percorreron Couto arriba os nosos avós, que eran, por certo, irmáns da estirpe Beleira. As marabillas da tecnoloxía permiten recuperar a fasquía primixenia daquelas edificacións pétreas derrubadas ou deturpadas pola avarenta teima «desarrollista». Lonxe da nostalxia paralizante, precisamos recuperar a memoria dunha cidade desmemoriada en permanente reconstrución. Xa o teorizou Siniestro Total, trátase de saber de onde vimos, onde estamos, cara onde imos.
Cando queremos fachendear de cidade fermosa diante dos visitantes non dubidamos en levalos ao monte do Castro. O formidable outeiro das murallas do Castelo, os miradoiros das áncoras de Rande ou do poeta Martín Códax son anfiteatros privilexiados para gozar de toda a beleza inquedante da ría e do farturento val do Fragoso, para pasmar co ir e vir das embarcacións dos portos ou para identificar entre a xeometría aceirada das guindastres dos asteleiros e dos tellados das naves do enorme recheo de Bouzas o latexar industrial dunha cidade que non desiste. A visita ao Castro é, ademais, para o viaxeiro curioso unha posibilidade magnífica de comprender o que foi a historia da nosa cidade, dende a súa orixe castrexa e as pegadas que deixou a economía marítima romana, pasando polo esplendor dos trobeiros medievais, deica a actual cidade portuaria atlántica, que agromou nos areais do Berbés e se estendeu até Guixar e Samil.
Jaime Garrido Rodríguez, un dos mellores coñecedores da historia viguesa e do seu patrimonio arquitectónico, emprega unha estratexia de comunicación semellante no seu libro máis recente, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación Provincial de Pontevedra 2011). Un documentadísimo volume no que esculcando en todos os eidos desas 17 hectáreas, ubicadas na zona central de Vigo, ofrece tanto unha radiografía do estado actual e da problemática do noso primeiro parque urbano como un ameno percorrido pola nosa historia milenaria. Dende o parque arqueolóxico, museificado neste mandato da corporación, até a orixe da edificación e o estado actual do castelo da nosa señora do Castro, Garrido achega múltiples documentos (fotos e planos), algúns inéditos ou escasamente divulgados, que axudan a coñecer o valioso patrimonio arquitectónico e natural alí existente. Son de salientar os capítulos dedicados á ubicación do castelo do Penço, a descrición das fortificacións do castelo e ao asedio que sofriu en 1719 por mor da invasión inglesa. Como moi clarificadoras son as páxinas que explican as condicións da cesión ao pobo de Vigo do monte do Castro por parte das Cortes e os proxectos de axardinamento que en 1903 realizou o arquitecto Jenaro de la Fuente, case coincidindo coa instalación alí do primeiro depósito municipal de augas. Mais. Garrido, como xa fixera en libros anteriores, especialmente no seu clásico Vigo, la ciudad que se perdió, alerta sobre os numerosos desaforos e excesos cometidos no monte do Castro ao longo dos últimos cincuenta anos, propoñendo actuacións recomendables para a súa posta en valor e protección, especialmente no que atinxe ao conxunto do parque, ao castelo e ás excavacións arqueolóxicas.
Ten toda razón Jaime Garrido cando denuncia as construcións adosadas ao castelo, un monumento datado na metade do século XVII e hoxe sometido a protección como ben de interese cultural. Rematadas as concesións municipais dos tres establecementos hosteleiros existentes no parque, o concello de Vigo debería ter a coraxe de derrubalos e acometer un plan de recuperación integral das murallas do castelo. Como tamén a posúe cando denuncia que o monte do Castro se convertiu no primeiro aparcamento gratuíto do centro da cidade, xa que son centos os coches que durante todo o día permanecen estacionados nos diversos paseos asfaltados, o que semella incompatible cun espazo concibido para o lecer e o acougo, onde os peóns deben de ter preferencia absoluta sobre os vehículos a motor.
O monte do Castro, como o parque de Castrelos, son senllas pezas preciosas e primeiras do noso patrimonio natural e arquitectónico que merecen unha protección integral da que hoxe carecen. E como tales deberían ser peonalizados, sometendo o tráfico ás restricións precisas e acoutando a posibilidade de aparcamento a espazos moi concretos e a un tempo reducido. O monte do Castro require un plan director que contemple a recuperación da muralla e dos baluartes do castelo, mais tamén que facilite o desenvolvemento das excavacións do Parque Arqueolóxico e o arranxo de espazos especializados para o goce dos pequenos, da mocidade e das persoas maiores, os seus principais usuarios. A retirada da chamada “cruz dos caídos” debería incluírse no marco dunha nova estratexia da súa transformación en espazo cultural, sobre todo no actual Paseo de Rosalía de Castro, onde poderían estar presentes os textos da padronesa universal. Como especial atención merece o coidado do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o arranxo dos vieiros, carreiros, vereas ou sendas, que constitúen a única oportunidade que teñen milleiros de cidadáns para durante unhas horas camiñar por terra, gozando da súa fragrancia e do benestar que iso ocasiona. Eis o futuro do Castro.
No artigo da semana de Faro de Vigo abordo as razóns do acaído nome que levará o auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar.
«Mar de Vigo» será o nome do Auditorio deseñado polo arquitecto César Portela en Beiramar. Un gran acerto do xurado de personalidades viguesas, constituído como efémero “comité de expertos” para tan difícil tarefa como foi a de bautizar unha instalación chamada a ser icona viguesa do século XXI. Unha denominación que non desmerece de maneira ningunha outras posibilidades como as de chamalo «Valentín Paz Andrade» (VPA), a proposta que defendimos neste espazo, ou as dos trobadores «Martín Codax» e «Mendiño», lembrando así os máis universais escritores vigueses e senllas insignias da historia da cidade.
«Mar de Vigo» é, dende o punto de vista literario un acerto rotundo xa que remite directamente aos propios versos de Martín Codax, o gran poeta e cantor de Vigo do século XIII, a quen, por certo, o profesor Xesús Alonso Montero acaba de dedicar unha fermosa e moi recomendable biografía, publicada polo Plan de competitividade turística de Vigo. «Ondas do mar de Vigo» é o primeiro verso da primeira cantiga codaxiana; referencia poética que se repite no segundo verso da quinta cantiga, «vinde comigo ao mar de Vigo». Faise xustiza así, despois de anos de certo esquecemento municipal (só hai que comprobar o estado de abandono do parque do Castro na súa lembranza), á figura de quen Álvaro Cunqueiro consideraba o auténtico fundador da nosa cidade. «Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Codax que bailaba ‘no sagrado, en Vigo’ y veía a su amiga bañarse en las ondas…» escribiu Cunqueiro na guía sobre Vigo e a súa ría (Everest, 1971), referíndose á quinta e sexta cantiga do poeta que alicerzou o mar de Vigo con palabras de amor, un feito extraordinario que don Álvaro consideraba en “Cancionero de Vigo”, un artigo publicado en Faro de Vigo (1957), como algo do que poderían fachendear moi poucas cidades na vella de Europa.
Dende que o poeta vigués Teodosio Vesteiro Torres (outra figura que merece ser reivindicada e mellor coñecida) publicase en 1876 no periódico ourensán El Heraldo Gallego a primeira publicación, impresa e autónoma, do heptaedro lírico de Martín Codax, comezaron a aparecer moitas referencias literarias que acrisolan o mar coa cidade de Vigo. Unha escolma destes textos apareceron hai poucos meses na Axenda de Vigo 2011 publicada pola Alcaldía, o que constitúe unha nova mostra do vínculo literario desta cidade co seu mar. “Vigo namorada das naos, doce noiva do vento” (Celso Emilio Ferreiro); “Vigo, a ría antes que nada” (Ángel Vázquez de la Cruz); “Mais ti, cidade, vas cangada como un barco” (Manuel Forcadela); “É o mar o que me envolve esta tarde” (Afonso Pexegueiro); “Cando a luz é unha forza a meternos a Ría polos ollos” (Xabier Paz); “Vigo está tan lonxe que se desorientaron as cartas mariñas” (Manuel Antonio); “Vigo naceu fronte ao mar, un mar recollido e familiar” (Xosé María Álvarez Blázquez); “[Vigo] vixía dos veleiros, val disperso” (Xosé María Álvarez Cáccamo…
No entanto non son razóns só literarias as que avalan esta denominación de «Mar de Vigo» como acaída para o impoñente Auditorio que o concello inaugurará no vindeiro mes de abril. Unha é a propia ubicación privilexiada do edificio ao pé da ría, converténdose en balcón e anfiteatro que permite gozar dun espectáculo visual extraordinario e dos poderes euforizantes da maruxía. Outra é o interese que para a mercadotecnia e proxección internacional da instalación supón levar o nome da súa cidade. Como non son menos relevantes, as pegadas que sobre aquel espazo de beiramar deixaron na memoria de xeracións de vigueses, primeiro os areais de San Sebastián, e máis tarde, a factoría de Casa M.A.R (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por emprendedores nosos como Valentín Paz Andrade e Javier Sensat Curbera.
«Mar de Vigo» é un sintagma de significado equivalente a outros como «cidade de sal» (María Xosé Queizán), «cidade de salitre» (Fran Alonso) ou «abella da ribeira» (Manuel Lueiro Rei) que expresan o carácter marítimo dunha cidade que ten no seu porto e nas actividades estruturadas ao seu arredor, dende a construción naval, pasando polas actividades pesqueiras, ao tráfico de mercadorías, un dos seus principais alicerces económicos. Carácter portuario presente, tamén, nas actividades deportivas e de lecer, na mobilidade metropolitana e, sobre todo, no valor da ría como o principal patrimonio que a humanidade deixou á atención dos vigueses. Dese espírito de sal quedou bautizada unha instalación cívica, cultural, comercial e turística cuxos contidos agardamos contribúan a preservar esta estirpe. Eis outro dos retos dun fermoso auditorio que a todos sen matices debería encher de fachenda.
A piques de finalizar as obras do Auditorio de Vigo, esa formidable caixa de ferro e cristal que César Portela ergueu detrás dos peiraos de Beiramar, a Alcaldía convoca á cidadanía a propoñer denominacións para bautizar un edificio que será icona do noso tempo. Eu a este teor non teño dúbidas. Como fixera hai máis dunha década nesta mesma tribuna, propoño que leve o nome do emprendedor galeguista Valentín Paz Andrade. Máis especificamente, entendo que «Auditorio VPA» debería ser a marca comercial e o emblema dun contedor concibido para funcionar como motor da actividade cívica, cultural, congresual e turística do Vigo de comezos do século XXI. Hai razóns abondas que xustifican unha proposta coa que, por fin, Vigo saldaría ás débedas que mantén con VPA, unha das figuras máis senlleiras, polifacéticas e influíntes da historia da nosa cidade durante o pasado século.
O 23 de maio de 1986 don Valentín recibiu a primeira Medalla de Ouro da cidade concedida polo concello de Vigo. Pontevedrés de nación, naceu na parroquia de Lérez, VPA fixou en Vigo a súa residencia dende os anos vinte, coincidindo coa fundación aquí, en 1923, de Galicia. Diario de Vigo –o xornal liberal de opinión galeguista do que foi director–, e en 1927, de Industrias Pesqueras, o quincenal dedicado aos temas do mar, inspirado por José Barreras, no que colaborará dende o número inicial e do que sería director a partir de 1942.
«Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñecelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza», foron as súas palabras de agradecemento da condecoración, nun dos seus últimos discursos, xusto un ano antes do seu falecemento nesta cidade de sal. Xa sesenta anos antes anunciara, nun dos seus múltiples artigos anticipatorios, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia», esta tarefa que o moveu ao longo da vida toda: facer Galicia dende o mar de Vigo. Para o noso «Mareiro», pseudónimo co que VPA asinou moitos dos seus artigos, escritos con grande agudeza e rigor, Vigo constituía o motor principal, o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesarios dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino».
Don Valentín, empresario de talante tan práctico como imaxinativo, desenvolveu un labor hercúleo na modernización do noso sector pesqueiro dende 1927, ano no que comeza a asesorar a Sociedade de Armadores de Bouzas. Como xa dixemos, empurrou da revista Industrias Pesqueras; publicou estudos e investigacións de referencia no sector; asesorou, por encargo da FAO, a diversos gobernos de Latinoamérica e África en cuestións de ordenación pesqueira; promoveu a creación da empresa Pescanova S.A. (1960), a dun Banco Industrial de Galicia (1964) e a celebración en Vigo da Exposición Mundial da Pesca (1973), proxectos que tiveron fortuna e continuidade até hogano.
VPA foi un modelo de integración de inquedanzas e saberes, unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia, publicado hai agora corenta anos por siglo veintiuno. VPA uniu todo o seu percorrido vital ao de «Galicia como tarefa», emulando o título dun dos seus ensaios máis emblemáticos, que publicou en 1959 a editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.
VPA foi home de entrecruzamentos, mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios, asumindo sempre os riscos da coherencia entre o seu discurso rico e matizado cunha acción tan intensa como diversa. Concibiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente que é unha insistencia no cambio, na modernización, no progreso. VPA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradición son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.
Non é doado atopar en Vigo unha nómina maior de méritos que a acreditada por VPA para bautizar este novo auditorio alicerzado no que foron os areais de San Sebastián e, máis tarde, nos terreos ocupados pola factoría de Casa MAR (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por don Valentín. Dificilmente poderíamos homenaxear mellor a un dos promotores das fazañas do Lemos en Sudamérica e do Andrade en Sudáfrica, embarcacións que dende o porto de Vigo abriron a finais de 1961 da súa man a etapa de expansión pesqueira de Galicia. Eis a proposta: «Auditorio VPA».
Este fragmento dun minuto supuxo un auténtico lostregazo para a miña memoria. Cantas veces fixemos esta viaxe no tranvía atá a Ramallosa ou a continuabamos ata Gondomar? Impresiona comprobar como foi modificado o perfil do barrio de San Xoán, onde vivimos hai vinte e cinco anos. Da «feraz campiña» á altura de Saiáns e Cabo Estai é innecesario facer comentarios. A frase de remate do locutor, xa entrando o tranvía na Porta do Sol, «Soy Vigo mismo que le habla con voz de mar», pasa á nosa antoloxía da abella da ribeira.
Opaco montou este formidable álbum de Picassa no que se recollen duascentas fotos dos arquivos dos fotógrafos vigueses da memoria (Prosperi, Pacheco, Llanos, Magar). Unha fonte de memoria para a nosa cidade de sal. Beizóns.
Ata os ultimos anos do XIX, os mercados de Vigo eran ao aire libre e celebrábanse nas prazas e rúas céntricas do que fora a cidade amurada. Aos das Prazas da Princesa, Pedra e Constitución, engadiínselles os especificos das Prazas da Herba (Argüelles), da Leña (hoxe Calatrava) ou das Cebolas( hoxe Méndez Núñez). Na rúa Oliva vendíase calzado, na Cruz Verde útiles de cociña e zocos e na baixada da Pulguiña, hoxe II República, froita. No Berbés e na rúa Pescadería (onde as ostras) vendíase peixe. En 1859 Manuel de Uceda fai un primitivo mercado cuberto na Porta do Sol dedicado á venda de pan. En 1878, o arquitecto Flórez Llamas remata uno novo, a Praza dos Legumes, feito con materias de perpiaño, ferro e madeira que, logo de vinte e cinco anos de actividade, derrúbase para construír no seu solar o edificio Simeón. En febreiro de 1901, Benito Gómez Román, asina os planos do proxecto do Mercado do Progreso, tres meses despois de asinar tamén o proxecto do da Laxe. Inagurase en 1908, tras unha serie de modificacións realizadas por Jenaro de la Fuente quen, en 1906 por enfermidade de Gómez Román, faise cargo da obra. Logo dunha ampliación que en 1951, transformou notablemente o edificio, apróbase en 1969 e sendo alcalde Portanet Suárez, un anteproxecto para vivendas, locais comerciais e aparcamento que, cinco anos despois, concrétase na construción, na totalidade da mazá, dun complexo de locais comerciais, aparcamento, azotea pública, vivendas e mercado. Celso López Pazos.
O meu amigo Celso López Pazos envía unha nova foto do arquivo Pacheco. Reproduzo o seu pé de foto:
A esquerda da foto, ao fondo, vese a casa dos Irmans Suarez (1920), obra de José Franco Montes), onde no baixo estivo a cafeteria Sol y Mar e a casa de cambios Etchevarria. Ao seu carón, a casa de Rodrigo Sanchez Padín, obra de Pacewicz (1901) demolida a mediados dos sesenta e que hoxe é a casa construída por Bar Boo. O mercado da Laxe foi deseñado e planificado por Benito Gómez Roman e inagurado en 1905. Posiblemente a foto de Pacheco, pero publicada por PPKO, sexa de mediados dos anos vinte. A dereita xurde a insinuante silueta do edificio da Mala Real Inglesa (Durán) construído en 1912 por Jenaro de la Fuente y Dominguez. Entre a casa dos Suárez e o Mercado, está o Hotel Continental, tamén obra de Jenaro de la Fuente, o mellor de Vigo, ata que en 1904 entrou a funcionar El Moderno, obra de Pacewicz para o primeiro Conde de Torrecedeira (Manuel Barcena y Franco). O lugar do Maercado ocúpao, desde 1967/68 , o Hotel Bahia.
Hoxe recibín por correo estas dúas fotos, pertencentes ao Arquivo Pacheco, do comezo da Gran Vía viguesa (1942). A de arriba corresponde ao inicio da construción do edificio da libraría “La Rápida” (hoxe a zapataría “Curva”), un dos primeiros rañaceos vigueses co estrutura de formigón. A de abaixo corresponde á mazá onde se construíu o Hotel Lisboa (hoxe Zenith Vigo) e o molote do Ambulatorio da rúa Cuba. Os chalets, de fasquía arquitectónica rexionalista, deben ser de Manuel Gómez Román. Cada vez que me asome á ventá saberei que diante da miña casa estaba a cidade xardín.
Nota: premendo sobre as fotos poden verse a un bo tamaño.
Desde aquí pode facerse unha impresionante viaxe fotográfica por algunhas das bliliotecas máis fermosas de todo o mundo. Unha auténtica marabilla para quen teña curiosidade por estes espazos para gardar a memoria das palabras. Pódese ampliar a navegación nas páxinas de flickr. Moi recomendable.
O programa Vaya semanita da ETB ten algunhas pezas ben simpáticas. Un modelo (ben podería emulalo a TVG) de como é posible dende as televisións públicas facer humor sobre temas políticos. Os que teñan TDT de R poden velo en Galicia na canle internacional da ETB os sábados. Esta peza sobre “o escaso valor das bibliotecas”, como tantas outras, paga a pena. Vía Vigoblog.
Outra vez máis, grazas a Vigoblog podemos ler na rede o que se nos pretende ocultar sobre a tramitación do PXOM de Vigo. Desta volta é o texto completo do informe da Dirección Xeral do Patrimonio (12 folios en PDF). Unha lectura atenta amosa que as modificacións solicitadas pola Consellaría de Cultura ao concello de Vigo son relevantes, por moito que a propia conselleira pretendese minimizalas para non incomodar de máis aos seus compañeiros vigueses. Cada nova información publicada demostra que hai moitos intereses tras a aprobación do plan vigués. O cambio profundo dalgúns criterios de planeamento e a necesidade dun novo proceso de exposición pública impóñense. Alguén pode explicar a teimosía dos defensores medulianos deste PXOM?
No artigo da semana volvo coa cuestión do PXOM vigués. Tal como se desenvolveron os argumentos desta semana, cómpre unha inflexión da posición de todos os grupos. Neste contexto de emerxencia, propoño a constitución dunha mesa permanente dos catro grupos municipais para realizar un seguimento consensuado dos traballos de subsanación das deficiencias. Difícil (pensarán algúns), mais imprescindible, se queremos saír deste atasco endémico.
Mañá, sábado 27 de xaneiro, preséntase na Forxa de SardiñeiroA casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón Ogando. A proxección do documental, que conta como pode afectar a un pobo pequeno a chegada do bum inmobiliario que asola a nosa costa, supón, a volta, despois de cincuenta anos, do cine ao Sardiñeiro. As referencias son magníficas.
SINOPSE O pasado non o hai que perdelo de vista porque para entendermos quen somos e para ir cara adiante sempre hai que telo presente. A memoria esvaécese e o pasado non é máis que un eco no espazo que o acolleu. Hoxe estes ecos dilúense nun espazo cambiante vítima da salvaxe e irreversíbel especulación inmobiliaria. A Costa da Morte está á venda. Baixo a fachada de prosperidade económica o fenómeno inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación perfilando un futuro no que os pobos se desartellan e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos.
Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!
No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.
Un dos libros dos que máis gustei este ano é Feismo? Destruír un país de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta edición soberbia e fermosa (oitocentas fotografías), como é adoito en todas as obras da editora de Xavier Paz, propón unha reflexión sobre o feismo (a destrución do territorio humanizado) como fenómeno multipolar. Este libro magnífico e moi traballado (froito dun foro transversal sobre a cuestión, no que participaron case unha vintena de especialistas) amosa que aínda é posible o papel cívico e creador do editor. A edición concibida como conversa coa nosa contemporaneidade. A edición ao servizo dunha reflexión colectiva dun país que nega a resignarse na diletancia de comprobar como se vai estragando diante dos nosos ollos. Os meus parabéns máis entusiastas para o equipo de Difusora de Letras por esta marabilla. Recoméndoo vivamente.
Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.
Mentiría se dixese que gustaba do pan da Panificadora. Gustabamos máis das barras de leña do señor Domingos, o panadeiro do Barrio do Cura, onde levabamos as tarteiras e as empanadas a cocer. O valor da Panificadora para nós non era o pan que preparaba, insípido e pouco sabedeiro (mesmo habíao sen sal, un pecado daquela), a súa importancia residía na súa dimensión imponente, como o eran as tolvas dos seus muíños, como o era a fábrica de fariña e pensos, como o era o obradoiro mecanizado todo, como o era o seu forno de gasoil. A Panificadora Viguesa pechou hai vinte e cinco anos e, dende entón, está en perigo inminente de desaparecer.
Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses. A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.
Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documentalA cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.
As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables. Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que “este é un dos libros esenciais de Galicia” para sinalar a continuación que “nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós”. Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. “O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é ‘lugar’. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: ‘vivimos no lugar de tal’, este é o comezo da nosa árbore topográfica”. Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. “Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer”. Engadiu que “este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas”. Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra ‘levantar’: “Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan”. Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. “Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas”. Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. “Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é”, concluíu. Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.
O vindeiro 17 de novembro estréaseA cidade perdida, un documental que pretende pór en valor a arquitectura industrial destruída da cidade de Vigo. Edificios como a Panificadora, Cerámicas Santa Clara ou La Artística son emblemas industriais que non nos poden ser roubados. Beizóns para este esforzo de recuperación da nosa memoria. Agardamos con expectación esta proxección.
A aparición das nosas edicións recentes de Arquitectura popular en Galicia (en galego e castelán) suscita unha interesante entrevista con Pedro de Llano. Este volume agora moi ampliado e actualizado, un auténtico clásico (editado por vez primeira polo COAG hai vinte anos), propón unha mirada sobre a integración da nosa arquitectura tradicional na paisaxe.
Inevitablemente, tal como foron as cousas nestas dúas décadas (coa reconversión demográfica do mundo rural galego), as opinións do autor non poden ser máis pesimistas: “Estamos ante a morte dunha orde natural eterna, onde a arquitectura estaba perfectamente integrada na paisaxe natural. Ante esta violentación, como nunha cadea de atentados, estamos vendo como Galicia se vai convertendo nun vertedoiro de operacións cheas de ignorancia de todo tipo”. A entrevista remata coas opinións de Pedro de Llano sobre a Cidade da Cultura e a actual política do bipartito: “A destrución segue avanzando e o que máis me enfurece –mesmo ‘sufro’– é ver un goberno malversando o noso patrimonio económico para construír a Cidade da Cultura que, todo hai que dicilo, é unha moi mala arquitectura. Somos moitos os galegos que nos sentimos agredidos coa política que o noso goberno está a seguir. As obras do Monte Gaiás, ademais, van deixar unha cultura escuálida, nunha situación horrenda, porque traga un terzo do presuposto total da área. Iso é realmente a concepión que pretendo combater coa miña defensa da arquitectura popular. Están mentindo continuamente e demostrando, día tras día, a súa infinita incultura”.
No artigo da semana insisto en ir contracorrente. Creo que a insatisfacción polo resultado actual desta actuación urbanística non está no proxecto de Consuegra, senón na falta de sensibilidade e de entendemento, cando non na irresponsabilidade, das tres administracións implicadas, que non foron capaces de finalizalo.
A foto do monumento do semi-polbo xigante corresponde ao magnífico arquivo de Javier Albertos Benayas, que colocou na rede máis de dez mil fotos sobre Vigo.
É ben extraño que teñamos que saber por El Pais e por outros medios non galegos (os de aquí non se enteraron?) que a intervención “Abrir Vigo ao mar”, deseñada polo arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, foi recoñecida co Premio Arquitectura Española 2005 que concede o Colegio de Arquitectos de España. A nosa abella da ribeira é unha cidade de xenerosidade escueta (Celso Emilio dixit) e esta intervención sobre o noso borde litoral foi máis criticada aquí como admirada fóra. Aínda que non todos os elementos sexan igualmente axeitados (especialmente desacertado é o edificio da Xunta), creo que o conxunto da intervención de Consuegra pagou a pena porque permitiu abrir algunha xaneliña ao mar (pequena, a verdade) e gañar espazo para os peóns e para o encontro cidadán (gosto moito da praza da Estrela). Mágoa que quede pendente a piscina do Náutico (que debería ser reubicada) e a intervención sobre a Estación Marítima, onde debería situarse o Museo Galego da Emigración. Agardo que este premio merecido contribúa a recuperar o interese de Zona Franca e do Concello por completar estes elementos do proxecto.
Premio AELG Blog Literario 2010 Premio Fervenzas Literarias, 2009, 2010, 2011