Categoría Artes Visuais
29 decembro, 2008 (01:03) | Artes Visuais, Blogs | Sen comentarios
23 setembro, 2008 (16:32) | Artes Visuais, Imaxes | 1 comentario
17 setembro, 2008 (19:13) | Artes Visuais, Libro | Sen comentarios
11 setembro, 2008 (17:43) | Artes Visuais | Sen comentarios
24 febreiro, 2008 (11:49) | Artes Visuais, Efemérides | Sen comentarios

Onte acudimos ao chamado do escritor
Carlos Reigosa e do pintor
Antón Lamazares para asistir aos
actos da
homenaxe a
Laxeiro en
Lalín con
motivo do
centenario do seu
nacemento. Sen dúbida, a xornada foi un éxito para os
organizadores, xa que conseguiron unha completa presenza institucional de todas as administracións e dos tres partidos parlamentarios (a imaxe daquela mesa quedará para a historia) e unha numerosa presenza de pintores, escritores, xornalistas e editores, unidos todos pola admiración á figura xenial do pintor de Donramiro.
Primeiro celebrouse no Auditorio a homenaxe literaria e musical, logo un xantar de irmandade no
Pazo de Bendoiro, onde o noso admirado poeta
Carlos Oroza recibiu o premio anual que concede a viguesa
Fundación Laxeiro. O concello de Lalín tivo o acerto de editar con motivo da homenaxe un facsímile do "Cuaderno de Arte Gallego" que José Ruibal lle dedicara a Laxeiro en 1951 e publicara en Pontevedra a editorial Benito Soto.
O acto da homenaxe, moi ben conducido por Reigosa, foi inusualmente interesante, pola calidade das intervencións dos nove participantes e polo magnífico peche musical de Xosé Manuel Budiño e Uxía Senlle (o seu himno azoriano "Quen mata a morte son eu" conseguiu emocionar ao auditorio dunha forma estremecedora). Abriuno Reigosa sinalando que a intención da homenaxe era reivindicar que os pintores galegos, coma Laxeiro, como tamén os escritores de noso, ocupen o lugar que lles corresponde tanto a nivel español como universal. Lamazares comezou unha intervención formidable trasladando unha mensaxe de adhesión de
Leopoldo Nóvoa e sinalando que Laxeiro "o meu mestre, era a memoria da entraña da Terra", para rematar coa lectura dun "poema ao xeu xeito" (magnífico!) no que reiteraba a imaxe de "Laxeiro unicornio único! / Ai, Laxeiro, bandido!".
Continuou a quenda coas intervencións do pintor e crítico
Luís Caruncho relatando unha memorable anécdota e de
Isaac Díaz Pardo que falou das relacións entre Castelao e Laxeiro, artistas que compartían unha mesma cosmovisión do "do noso ser doce e macizo, resistente, coma a nosa arte románica, como somos os galegos". Despois interveu de forma maxistral
Ramón Villares que comezou contextualizando a figura do homenaxeado dentro da xeración do SEG ou "xeración inoportuna", salientando que Laxeiro (como outros pintores coetáneos) souberon arraigarse na terra con vocación universal. Rematou Villares afirmando que "Laxeiro foi o pintor do trasmundo, do que está detras da apariencia, que explica o que non pode a racionalidade. A súa pintura do lusco e fusco é a expresión de sentido da xente do común".
Mediado o acto (que duro máis de dúas horas), comezaron as catro intervencións institucionais. Primeiro foi a do alcalde
José Crespo, moi satisfeito de que Laxeiro fose o punto de unión de todos no quilómetro cero de Galicia, mais aínda cando "Laxeiro é a mellor representación da ideosincrasia de Lalín: ser humildes e ao mesmo tempo sentirnos orgullosos do noso". Despois chegou a de
Rafael Louzán, presidente da Deputación, que salientou o que fixera a institución provincial apoiando a Laxeiro (foi becado en varias ocasións, o que lle permitiu a súa primeira estadía en París) e fixo unha interesante proposta de declarar o 23-F como "Día da Arte Galega".

A intervención da conselleira de Cultura
Ánxela Bugallo foi, con gran diferenza, a mellor dos catro parlamentos institucionais. Nun ton lírico moi ben manexado, comezou a conselleira recordando unhas declaracións que fixera Laxeiro en 1974 ("son apenas un gran de area da pintura galega") para salientar que aquel gran se transformara nunha grande duna. Tras recordar o esforzo que se está realizando para editar o proxecto do catálogo definitivo da obra do pintor, rematou o seu discurso empregando a metáfora do granito como mellor expresión da importancia da obra laxeiriá: "o cuarzo como a forza, o feldespato como amalgama, a mica como o brillo". Pechou as intervencións, o ministro
César Antonio Molina cun discurso longuísimo (entendo que fóra do contexto do resto das intervencións) no que fixo un detallado estudo da obra do homenaxeado a quen definiu como "memoria permanente da Galicia estética".
No xantar, xa noutro ton menos solemne, tivemos oportunidade de parolar con bos amigos e gozar dun señor cocido, como sabemos lle prestaba ao bo de Laxeiro. Volveremos, con seguridade, sobre a figura de Laxeiro, xa que neste ano están previstas outras importantes iniciativas (exposicións e publicación do catálogo completo da obra en tres volumes).
Actualización (25-02-2008): recomendo a crónica de Perfecto Conde.
18 xaneiro, 2008 (07:49) | Artes Visuais, Ilustración, Novidades, Poesía, Presentacións, Xerais | Sen comentarios
Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.
31 decembro, 2007 (17:09) | Artes Visuais, Autores, In memoriam | Sen comentarios

O
pasamento do
pintor e
escritor Xaime Quessada entristece este fin de ano. Un dos máis importantes artistas galegos de sempre, o máis picassiano da
xeración dos "artistiñas" ourensáns do Volter –un
creador xenial, culto,
xeneroso,
combativo e desmesurado– Xaime abordou todas as
linguaxes da pintura contemporánea, dende o realismo máxico inicial até a expresión cubista e non figurativa dos seus
últimos traballos.
Como escritor son para min salientables tres das súas obras:
Cuentos crueles,
Lucenza e
El recristo de Baraña, a alucinada novela de certo carácter autobiográfico, reeditada hai poucos anos (a primeira edición fora censurada) por
Nova Galicia, a editorial galega de Carlos del Pulgar que máis se preocupou de divulgar a obra do pintor ourensán.
Nova Galicia publicou ademais
Quessada. Arte e liberdade, dous fermosos volumes (un dos premios do Ministerio de Cultura aos libros mellor editados de 2004) preparados por José Gómez Alén, que constitúen seguramente o mellor documento bibliográfico para coñecer a súa traxectoria humana, política e artística.
Como homenaxe a
Xaime reproducimos a cuberta
do máis recente libro de Xesús Alonso Montero onde se reproduce un dos seus murais guerniquianos, en homenaxe ao Sindicato Nacional das
CC.OO. de Galicia, que nos autorizou a publicar de forma gratuita. Achegamos as nosas condolencias á súa dona Chus Blanco e aos seus irmáns
Fernando e Antonio.
Actualización (04-01-2008):
Necrolóxica de X.L. Méndez Ferrín.
19 decembro, 2007 (17:34) | Artes Visuais, Autores, Novidades, Presentacións, Vigo, Xerais | Sen comentarios
Hoxe, acompañados polo alcalde Abel Caballero, presentamos Vigo por Magar III, un novo volume da serie de Magar, o fotógrafo da vida viguesa das últimas catro décadas.
Magar ofrece neste terceiro volume da súa celebradísima serie «Vigo por Magar», iniciada en 2002, outras trescentas instantáneas, panorámicas e retratos que contribúen a enriquecer a reconstrución da historia viguesa das últimas catro décadas. Empregando as mellores posibilidades que ofrecen as ferramentas do fotoxornalismo, Magar ofrece unha viaxe emocionante, entrañable e comprometida polos avatares dunha cidade hiperdinámica que durante este período remudou a súa fasquía e ampliou o seu perímetro converténdose no corazón da Galicia urbana contemporánea. Trescentos cartaces en branco e negro que densifican a memoria próxima de tres xeracións de vigueses e viguesas. No libro amósase o esforzo desta «cidade puro milagre», a dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Nin a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, taxistas, bombeiros, policías municipais, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles. Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais e traíñas, os balonmanistas do Vulcano, os futbolistas modestos do Peñasco ou os derbis do Celta co Pontevedra. Este novo «Vigo por Magar»provoca, como os dous libros anteriores, un recordo compartido que non é pasado nin peza de museo para nostálxicos saudosos. Un libro vivificador e vigorizante para activar a memoria propia ou familiar da cidade que ten a fortuna de ser homenaxeada pola cámara de Magar.
29 setembro, 2007 (09:46) | Artes Visuais, Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais | 2 comentarios
Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.
As intervencións memorables dos presentadores, os poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ramiro Fonte, foron en idéntica liña e coincidiron na estirpe cervantina deste retrato da aventura humana do pintor de Lugrís coas luces da bohemia coruñesa dos anos cincuenta como teón de fondo. "Unha novela que ensancha con humildade e traballo os límites da nosa narrativa contemporánea"; "unha prosa para endereitar o rumbo zozobrante da narrativa galega" (dixo Fonte). "Unha aventura humana, un drama, un destino de Urbano Lugrís que non está nos museos, mais que está na novela de Luís Rei" (dixo Torneiro). A amizade do pintor co poeta de Taramancos (na liña das grandes parellas literarias e cinematográficas Quixote e Sancho, Laurel e Hardy, Martin Pawley e Ethan Edwards) os límites tan tenues entre a realidade e a ficción (con precedentes en Max Aub, Valle, Cansinos Assens ou Vázquez Montalban), o procedemento arriscado dos diarios apócrifos, o xogo das dúas voces (a do narrador e a apócrifa do pintor), a importancia da literatura biográfica para os narradores ("Unha tarefa que debían acometer todos os narradores é escribir unha biografía doutro escritor", dixo Fonte), as relacións entre a pintura e a literatura (e mesmo a vocación dormida de pintor de Rei Núñez) ou o carácter poliédrico e contraditorio do protagonista foron outras reflexións expresadas nas dúas presentacións. Unha novela importante, moi recomendable.
Nota: a próxima presentación realizarase o 25 de outubro, organizada polo Ateneo de Pontevedra.
Actualización (01-10-2007): Folerpa recolle outras frases de Ramiro Fonte da presentación.
17 agosto, 2007 (16:37) | Artes Visuais, Imaxes | 1 comentario
20 maio, 2007 (11:19) | Artes Visuais, Cidades, Eventos, Exposicións | 1 comentario



Sen dúbida, a actividade de maior proxección da
Semana Cultural de Galicia en Damasco é a intervención de
Xosé Freixanes no Jan Asaad Basha, unha impresionante hospedería para comerciantes construída durante a época otomana e situada no corazón do
famoso zoco de
Damasco.
A instalación de Freixanes (repite as experiencia de
Casabalanca e
Amman), titulada “
Voces de basalto negro”, propón un diálogo harmónico con este edificio emblemático (transformado polo goberno sirio en centro cultural) a través dos textos e das voces de sete poetas do século XX, entre os que se atopan
Pexegueiro,
Cunqueiro,
Valente,
Gamoneda,
Berger, ademais dunha ampla presenza de autores árabes como
Nizar Qabbani ou
Ali Ahmad Said (Adonís).
Na planta baixa desta antiga residencia do camiño da seda, Freixanes (axudado por un amplo equipo de alumnas da Facultade de Belas Artes de Damasco) dispuxo un debuxo realizado con fariña de arroz e terra de pedra de basalto negro. Empregando a técnica do estarcido, o pintor pontevedrés caligrafa pequenos fragmentos en árabe desta selección de poetas, todos eles comprometidos co diálogo entre pobos. Mentres que en cada un dos cuartos da primeira planta moumean os poemas, no idioma orixinal de cada poeta, cuxos textos podemos ler en pequenos fragmentos no chan. Todas as voces xuntas crean no espectador unha “confusión de linguas” (árabe, galego, español, inglés e francés) case inintelixible, que o espectador vai depurando a medida que se achega a cada un dos espazos onde pode gozar dos poemas que se recitan. Por último, noutros catro cuartos da hospedería proxéctanse de forma continuada vídeos dos pasos dos cidadáns doutras tantas cidades do mundo, expresando nesta caligrafía de pés o bulir e as contradicións deste mundo global.
Unha intervención artística espectacular que amosa as posibilidades das artes visuais e do poema como ferramentas de diálogo e de comprensión entre culturas.
15 maio, 2007 (22:01) | Artes Visuais, In memoriam | 3 comentarios
Hoxe coñecimos a noticia da morte do Ramón Camaño, o grande fotógrafo da Costa da Morte. Caamaño foi desa clase de persoas, como lle sinalaba o fotógrafo Henri Cartier-Bresson ao escritor John Berger, que saben que a súa misión na vida foi captar o “instante decisivo”; saben que para tirar unha foto hai que sentir o momento da totalidade, esa extraña hiperexcitación, provocada polo “terceiro ollo” que só posúen os grandes fotógrafos, que permite deixar as vidas e as paisaxes en suspenso, eses instantes únicos onde a luz e a escuridade se entrecruzan nunha finísima liña de penumbra.
Foi a vocación de Caamaño conservar ese impulso espontáneo, esa vocación de estar perpetuamente mirando, de atrapar o instante e a súa eternidade, de volver familiar o que antes era descoñecido, de provocar o asombro diante dun recordo imprevisto. Velaí a actividade xenerosa e solidaria do fotógrafo, dese permanente observador que nos devolve aos demais o que miramos e non somos capaces de ver. Así o demostran as oito mil fotografías que Caamaño tirou ao longo dunha vida toda, desque se iniciou en 1924, cando entrou casualmente en contacto coa norteamericana Ruth Matilda Anderson, que visitaba Muxía para fotografar a descoñecida fisterra galega.
Os retratos de Caamaño, caracterizados pola súa austeridade e falta de sofisticación (o fotógrafo empregaba luz natural e dispoñía aos modelos sobre un farrapo, con colchas ou o muro da súa horta como teón), constitúen unha magnífica galería de miradas que atrapan a do espectador. Un estraño xadrez de rostros ríxidos, inmóbiles, de mirada fixa e frontal, que impresionan pola súa gravidade, pola sobriedade e pola verdade que destila a súa inequívoca tristeza.
Impresionoume moito a súa derradeira exposición en Vigo (hai cinco anos) de cen dos seus retratos, un poliedro de historias de vida por imaxinar: moitas familias sen pai, moitas avoas soas cos netos, moitas parellas maiores pousando entre unha cadeira baleira (simbolizando ao emigrante que falta), familias burguesas que fachendean no coche impoñente, mozotes sobre a caixa dun camión acugulado de rodas de arenques prensados, o equipo de fútbol infantil co estandarte de “Viva España”, as costureiras arredor da súa máquina Singer, a banda no día de festa, os executantes da danza de arcos, os gaiteiros o día de troula, a noiva vestida de negro, os fillos que no velorio rodean o cadaleito do pai (as fotos dos mortos eran algunhas veces as únicas que quedarían desas persoas), os párrocos, as monxas, as mozas de longas guedellas, os nenos…, a vida, sempre a vida. Imaxes que vimos, que, igual que aqueles aos quen ían dirixidas, quedan para sempre conosco. A plenitude e a sinxeleza dos retratos de Caamaño forman xa parte da nosa memoria. Hoxe lembrámolo con melancolía.
21 xaneiro, 2007 (13:41) | Artes Visuais, Autores, Exposicións, Lectura, Xerais | Sen comentarios
A exposición Palabras contadas merece a pena. O baixo e o primeiro andar do corpo dereito da Fundación Luís Seoane están ocupadas por diversas instalacións preparadas para que o espectador se transforme en lector (o que o autor define como "lectura con mobles"). Aproveitando a versatilidade que ofrece o formato dos microrrelatos, as historias de Camilo ofrécense en soportes diversos demostrando que a lectura (un dos nosos eixos civilizatorios) vai moito máis alá do soporte do libro impreso. Relatos caligrafados sobre area, impresos sobre colchóns ou roupas, gardados en pequenas caixas de conserva, salferidos na sopa de letras, carimbados sobre os corpos, sobreimpresos en imaxes fixas ou en movemento, proxectados sobre as paredes ou sinxelamente dispostos como esculturas planas no chan ou pendurados do teito.
Esta é unha proposta de literatura de investigación que reivindica o papel primeiro da palabra na creación artística e a función do escritor como creador de novos territorios para a lectura "A palabra para quen a traballa"). A presentación da exposición, moi concurrida, rematou cunha lectura concerto no que autor demostrou que, baixo a súa impostura de crooner efímero, atesoura grandes dotes de animador dos máis divertidos guateques. Recomendo a visita á exposición e a participación nas festas arredor do libro que continuarán por Galicia nas vindeiras semanas.
8 decembro, 2006 (21:22) | Artes Visuais, Vídeos | 2 comentarios
30 outubro, 2006 (20:23) | Artes Visuais, Eventos, Exposicións | 2 comentarios
A Feira do Proxecto-Edición é unha moi boa iniciativa á que, despois da celebración da súa primeira edición esta fin de semana, aínda lle queda moito treito para consolidarse como cita de encontro da edición artística e alternativa e do mundo do deseño. Na miña visita comprobei que o mellor son os contidos expositivos, sexa polo interrogador e o orixinal dalgunhas propostas da chamada edición "alternativa" como pola calidade dalgunhas publicacións, especialmente Entre-cruzar, a publicación da feira. Porén, o máis decepcionante foi a abraiante falta de público na Feira (apenas uns centos de persoas cando eu estiven), quizais provocada por unha deficiente política de comunicación dos organizadores e, seguramente máis, pola inercia dos nosos medios de comunicación para alertar sobre estas iniciativas.
A mesa redonda na que participei o domingo sobre a distribución da edición comercial foi para min, tamén, un chisco incómoda na medida en que alí se volveron a repetir moitos prexuízos sobre o estado actual da edición. Non acredito na diferenza entre editores independentes (supostamente libres) e comerciais (supostamente amordazados) na medida que todos dependemos da recepción dos nosos produtos por parte dos lectores. Outra volta, seméllame máis operativa a diferenciación que Giulio Einaudi, como sinalou moi acertademente Víctor F. Freixanes, estableceu entre editores de cultura e editores de mercado.
Compracerse na diletancia dunha suposta edición independente, á que nada lle importan os resultados comerciais dos seus produtos e a súa visibilidade no mercado global, é, para min, xa moi pouco defendible. Aproveitarse das posibilidades da nova textualidade electrónica ou dos mecanismos da impresión baixo demanda son camiños que tanto os chamados editores independentes (ou "alternativos", como a eles gusta denominarse) como os editores tradicionais debemos saber explorar para promover unha edición cultural.
Agardo que en vindeiras edicións esta Feira, moi ben arranxada nos seus aspectos técnicos, colla maior pulo entre o público interesado no mundo do deseño, da arte, das publicacións periódicas e, en xeral, no mundo do libro. Para os editores galegos foi unha boa proba de cara á preparación do do Culturgal no mesmo recinto e que pretendemos celebrar no mes de maio de 2007.