Dende hai cinco anos Fervenzas Literarias é un espazo de referencia na rede para a literatura galega. O seu seguimento diario da actualidade editorial, as conversas con autores e editores e, sobre todo, o repositorio de recensións merecen o noso maior interese. No entanto, son os seus premios anuais, outorgados por votación entre os seus lectores e lectoras, que abranguen todos os subxéneros de edición e actividades relacionadas coa edición e a lectura en galego, referencia indiscutible de rigor e independencia para todo o noso sector. Onte coñecimos os correspondentes ao ano 2011. Polo que nos atinxe non podemos estar máis agradecidos, tanto polos recoñecementos recibidos polos libros editados por Xerais e, outra edición máis, por estas Brétemas. Expreso a miña gratitude a todas as persoas (case cincocentas) que participaron nas votacións e a Fervenzas Literarias pola continuidade de labor tan importante para facer visible a literatura galega.
Conectei o blog de xeito permanente con Anfiteatro GZ radio, unha emisora libre que emite en Internet en galego as vinte e catro horas coa intención de fomentar a música e a literatura de noso. Polo momento, emite só música, cunha importante presenza da galega, aínda que pretende completar a programación con novas de actualidade e programas sobre cine e literatura. Para que este novo medio en galego poida manter o seu dominio virtual precisa conseguir unha media diaria de 130 horas de audiencia, entre todos os seus oíntes. Axudaremos a conseguilo se empotramos o seu reprodutor en cada un dos nosos blogs e o mantemos en «play» (se preferirmos o silencio, abonda con baixar o volume). O futuro deste novo proxecto de comunicaicón colaborativa depende de nós. Difunde, espalla e comenta.
Non vou especular sobre as hipóteses que manexamos sobre o que nos pasou onte. A anotación de Alberto Quián explica de marabilla os límites tan imprecisos existentes hoxe entre algún tipo de xornalismo dixital e o publicado nas redes informativas e sociais. Quen me coñeza sabe que teño insistido nos últimos seis ou sete anos, xa desde o inicio da andaina do goberno de coalición PSdeG-PSOE BNG, –neste blog, mais tamén nos artigos semanais de Faro de Vigo, nas entrevistas, nas conferencias ou nos debates aos que fun convidado– na idea de que na edición en galego vivimos tempos difíciles, tempos de mudanza e incerteza, provocada polo tránsito entre o analóxico e o dixital, un proceso agravado no caso galego dende a ruptura do consenso arredor do estatus do idioma. Tempos que requiren doses elevadas de esforzo, de innovación e reciclaxe, así como de corresponsabilidade empresarial, gremial e intergremial. A pesar de que me poida custar novos disgustos coma o de onte, por responsabilidade e honestidade, seguireino dicindo coa mesma enerxía e sen perder un ápice do entusiasmo imprescindible para continuar coa que eu chamo «fantasía» de Xerais.
Tras o rebumbio do mediodía, co acougo do serán botei contas do traballo previsto para estes tres vindeiros meses, o da «Reentrada de Outono» e o da «Campaña de Nadal», un dos momentos máis intensos de traballo de cada exercicio, creo que non imos ter mal balance. Xerais publicará máis de 30 novidades impresas, nos eidos da edición literaria, infantil e xuvenil e referencia. Entre eles estará un groso Dicionario xurídico galego, coeditado coa SXPL e Rexurga; unha novidosa Xeografía de Galicia de máis de medio milleiro de paxinas; un volume doutras tantas que reúne todos os contos de Manuel Rivas ou as novidades narrativas de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela,Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo co seu agardadísimo Extramunde, Premio Xerais de novela. Ofreceremos senllas crónicas, fotográfica e narrativa con motivo do vinte e cinco aniversario da movida viguesa. No eido infantil publicaremos a nova novela de Cornelia Funke, anticipándonos seis meses a súa aparición en castelán; a segunda entrega da serie de Jacobo Fernández Serrano, un libro de limericks precioso de Antón Cortizas, ademais dos premios Merlín de Anxo Fariña e Caixa Galicia xuvenil de Héctor Carré. Edicións impresas ás que engadimos á da Axenda Xerais, un produto con máis de vinte anos de vida. Editaremos media ducia de novidades nativas en e-book de formato e-pub; inauguraremos a Biblioteca Dixital Xerais, que permitirá, inicialmente, acceder de balde á lectura na nube de oito títulos descatalogados das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas e Materiais; ademais de abrir un versión beta do noso espazo en liña para que o profesorado de Educación Infantil e o de Lingua de primeiro ciclo de ESO poidan acceder aos nosos primeiros contidos dixitais educativos. Mentres, o Departamento de Promoción colabora coa Comercial Grupo Anaya nas campaña de lanzamento do novo Dicionario Xerais de Primaria, da serie dos Megatoxos e da presenza de autores e autoras nos centros; prepara máis de vinte e cinco actos de presentación de novidades polo país enteiro –Lugo, Santiago, Ponteceso, Vigo, Marín, Muxía ou Lalín, serán as localidadesda primeira quincena de outubro–, así como a nosa presenza nas feiras internacionais de Madrid, Frankfurt e Guadalajara (onde acompañaremos a tres dos nosos autores). Comezaremos decembro no Culturgal de Pontevedra e, dous días despois, viaxaremos a Durango, onde o libro e o disco galegos son estes ano convidados. Nestas poucas lideiras andamos durante estes tempos difíciles de mudanza.
Esta semana de intenso traballo, na que puxemos cabo a docencia no Máster de Edición, non dispuxen até agora de acougo para publicar esta anotación, que fai as 3.000 destas brétemas. Cando hai máis de catro anos publicabamos a número 1000, e dous anos despois a 2000, tamén aproveitabamos para reflexionar sobre o fenómeno blog, e máis especificamente sobre o fenómeno dos blogs en galego, aos que vimos achegando a nosa humilde contribución e nos que vimos ensaiando a nosa escrita dixital.
Non hai dúbida que ao longo destas tres mil anotacións, realizadas ao longo de máis de seis anos, as utilidades e o papel dos blogs mudaron moi profundamente. A irrupción das redes sociais modificou o papel dos blogs, que na maior parte dos casos foron abandonados como espazos de debate polas facilidades achegadas polas redes sociais. No entanto, como usuario de Twitter e FB, a miña experiencia é que os blogs continúan sendo esenciais para conformar a identidade dixital na rede das persoas, empresas ou entidades. Hoxe, os blogs son os espazos de lectura máis acougada e reflexiva dos que dispoñemos nesta vertixe da lectura multitarefa cotián. Máis alá da súa esencial utilidade didáctica, como sinala Juan Varela, os blogs quedarán para a xente que quere producir certos contidos, para aqueloutras que prefiran manter o seu arquivo de presenza na rede ou como parte desa edición expandida que estamos comezando a desenvolver.
Porén, estas mudanzas non modifican a razón de ser dos blogs, os que concibimos como identidades individuais de dominio público. No noso caso, a pesar de que reducimos o ritmo habitual de publicación, continuamos modulando a nosa voz nos proxectos de seguir a mudanza do paradigma da comunicación cultural, de acompañar o proceso de edición en galego, de intervir no debate político cidadán ou de compartir os éxitos e fracasos do noso Celta do corazón.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.
Hoxe estas brétemas chegan ao seu sexto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.945 (332 neste sexto ano) e 7.933 comentarios (625 en 2010), o que consolida a tendencia apuntada xa o pasado ano dunha ralentización do ritmo de publicación no blog, ao tempo que un claro incremento da utilización de Twitter (onde xa superamos os 4.500 tuits) e de Facebook, espazos onde agora se está producindo boa parte das interacións e dos debates. No caso noso consolídase a tendencia da transferencia da conversa cara estas redes sociais, manténdose o blog como eixo da nosa identidade dixital. Este ano, Brétemas tivo a honra e a fortuna de ser recoñecido co Premio AELG ao blog literario 2010, o que constituíu para nós unha grande honra pola expresamos a nosa maior gratitude.
Como é adoito, este aniversario –coincidente tamén co sexto de Jaureguizar e Nacho de la Fuente, entrañables compañeiros cos que iniciei en 2005 esta aventura – serve para recuperarmos algunhas das anotacións que foos realizando, xa que unha das funcións do blog é o de servir de arquivo dixital.
Das anotacións do verán rescato, «Un longo e tortuoso camiño», unha rcomendación entusiasta do magnífico libro de ensaio sobre o BNG de Xosé Ramón Quintana Garrido, e «Galicia, unha xeración perdida?», un artigo en Faro de Vigo no que expresei unha das miñas maiores preocupacións, o fenómeno da emigración da mocidade.
Xa no derradeiro trimestre, coa chegada do outono, o blog devalou polos territorios que lle son máis propios, os da preocupación pola lectura e a mudanza do paradigma do libro e da comunicación cultural. Das numerosas anotacións publicadas neste período sobre o tema recupero «A arte de ler en tempo de crise e mudanza» e «Guardiola e o fomento da lectura».
Como ven sucedendo dende o seu inicio, no blog foron publicándose este ano as crónicas celestes de Campo do Fragoso, ás que só lles falta unha para acadar a súa primeira centena. Entre todas elas escollín «Herrera acertou», na que expresei a miña admiración polo míster que despois de tres tempadas horribles pode devolvernos a primeira cos mellores.
Agradezo o agarimo de todos os lectores e lectoras destas brétemas, que sinto como numerosos e próximos, sexa aquí no blog, por medio dos seus lectores de feeds, por Twitter ou nos enlaces de Facebook; a todos estas persoas expreso as miñas beizóns por interesarse por elas. Se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falta, continuaremos con elas explorando o territorio das brétemas de esperanza.
A verdade é que non seguín con moita atención as primeiras filtracións de WikiLeaks referidas ás guerras de Irak e Afganistán. Porén, tras o Cablegate do Departamento de Estado e tras a detención preventiva de Julian Assange, o asunto tenme conmocionado. Máis alá do contido dalgúns cables que ispen a figuras como Zapatero, que pasou de retirar as tropas en Irak a ofrecer aos EE.UU o aumento da súa presenza militar e colaborar activamente para que non se procesasen aos asasinos de Couso, o que realmente desacouga deste conflito é o desprezo olímpico que sobre o dereito de información dos cidadáns manteñen os diversos «gobernos democráticos» (co de Obama na cabeza do león), que consideran a Assange como o seu inimigo público e as súas actuacións como unha ataque á comunidade internacional. Até agora criamos que o dereito de acceso á información outorgábanos o dereito a saber que facían os nosos gobernos, tanto a nivel interno como cando nos representaban a nivel internacional; criamos que os límites destes dereitos apenas consistían en respectar a seguridade dos estados e os dereitos á privacidade das persoas. O conflito de WikiLeaks demostra a nosa total inxenuidade. Nin os estados nin os políticos están dispostos a asumir o nivel de transparencia ao que obriga a sociedade cibercomunicada, eles aínda teñen moito que agochar. Aí está o cerne desta deboura entre a liberdade dixital e os poderes convencionais.
A vergonza pública na que quedan algúns políticos, tras a lectura dos textos de WikiLeaks, non é un dano grave para os seus estados, nin afecta a súa seguridade, como pretenden facernos crer, senón que pon en evidencia as carencias e feblezas destas persoas, ao tempo que amosa unha forma moi determinada de entender a política e mesmo as relacións diplomáticas entre os estados. A esta altura do século XXI, os intereses dos estados soberanos non poden ser outros que os da súa cidadanía, que ten dereito a coñecer o que se di e o que se defende no seu nome. Os crimes de WikiLeaks non son ter filtrado estas informacións, senón os crimes que estas informacións revelan, como poden ser o caso Couso, as torturas desveladas en Guantánamo ou o apoio dos EE.UU ao golpe de estado de Honduras.
O conflito de WikiLeaks, ademais, remítenos á cuestión fundamental de como é posible asegurar a autonomía, a liberdade e a neutralidade da rede nunha situación, como ten sinalado Juan Varela, extremadamente paradóxica: «cando Internet e as redes sociais transformáronse no novo espazo público da democracia, os datos e a actividade dos usuarios están cada vez máis privatizados en mans de grandes empresas». Este conflito aberto (non sabemos onde pode levarnos) obriga a defender e conquistar os ciberdereitos dos cibercidadáns diante das grandes e poderosos servizos de Internet (todos estadounidenses), dende a nube de Google (disposta a asumir as presións do Goberno chinés), o comercio de Amazon, as plataformas de pagamento ou as empresas de telefonía que ofrecen a conectividade en cada un dos estados. Os cidadáns temos dereitos a controlar o acceso aos datos da nosa identidade dixital, mais tamén a acceder e utilizar libremente os nosos datos.
Por agardada que fose a noticia do pasamento do amigo Marcos Valcárcel non deixa de producirnos dor e grande tristeza. Sabemos que deixa unha importante obra de investigación histórica e literaria ao servizo da cultura galega, da que foi un dos seus mellores divulgadores nas tres últimas décadas. Sabemos que deixa un modelo de traballo xeneroso, desinteresado, eficaz nos eidos máis diversos da nosa cultura. Sabemos que deixa en herdanza milleiros de Andoliñas, auténticos concentrados de sabedoría e bo criterio na análise do cotián, e outros centos e centos de artigos escritos con coidada intencionalidade didáctica na procura de agrandar o límite do pensamento galeguista. Sabemos que deixa, tamén, en milleiros de amigos e seguidores unha forte pegada, xa que Marcos constitúe un referente moral polo seu comportamento amable, xeneroso e firme na defensa das súas conviccións democráticas e galeguistas, actitude que exercía cada día nas Uvas na solaina, no Instituto da Carballeira onde traballaba e ao que sempre quedará vencellada pola biblioteca que leva o seu nome ou no Liceo Ourensán, institución na que participou tan activamente animado a súa Aula de Literatura e Cultura. No entanto, sabemos que o máis importante que nos deixa Marcos é a súa extraordinaria lección humana de afouteza, coraxe e discrección para enfrontarse cos avatares máis difíciles e cabróns que nos depara a vida nos recantos do camiño. Hoxe lembramos ao amigo xeneroso co maior agarimo e saudade. As nosas condolencias para a súa inseparable compañeira e para a súa filla. Con todos os abrazos.
Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:
1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.
2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.
3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.
4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenvolvemento social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.
5. Que para facer posible esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en “aduaneiros” do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.
6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.
7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.
8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.
9. Que algúns operadores do mercado queren “redefinir” a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.
10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.
11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrvolvemento dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.
A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.
Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.
Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.
Carta xeométrica: unha referencia diaria de rigor no combate cívico a prol da lingua galega.
Planeta dos Equipos de Normalización Lingüística: un agregador dos cada día máis numerosos blogs dos Equipos de Normalización Lingüística. Unha ferramenta imprescindible na loita cívia da lingua, un recurso didáctico utilísimo.
ebouqin, un espazo en francés sobre o libro electrónico que achega un contrapunto interesante á visión anglosaxona.
Caustic Cover Critic, un referente para o noso traballo portadístico e de comunicación editorial.
Bibliobsession, un bibliobog fermoso dun xove bibliotecario francés.
O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria celebrando o 25 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil.
Blogaliza.tv repite a experiencia desta retransmisión, facilitada nesta edición pola mellora das condicións técnicas das instalacións do Auditorio da illa de San Simón. Para a retransmisión, como informa Pedro Silva, responsable de Blogaliza, «utilizaránse estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reprodución de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.»
Se queres comprobar que vas poder asistir a este evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste de blogaliza.tv.
Levamos unha grande ledicia cando soubemos onte que o premio Rosalía de Castro de Lingua, outorgado pola Deputación da Coruña, fose para Blogaliza. O xurado recoñeceu en Blogaliza «un esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego, que xunta o esforzo persoal e de investimento na creación dun soporte de internet», que foi creado por en 2003 por Pedro Silva e que dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva (Goretoxo), Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Un premio merecidísimo polo labor xeneroso do equipo de Blogaliza, tecendo laboriosamente a rede na nosa lingua e proporcionando un servizo formidable de forma completamente altruísta. Dende hai ano e medio estou moi orgulloso de formar parte activa desta comunidade e contar coa amizade de Goretoxo, Tati, Alfredo e Pawley, os nosos primeiros capitáns. Beizóns para todos eles. Adiante BLOGALIZA!
Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.
«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.
Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).
O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra
Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.
– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a epna recomendar.
Velaí a miña lista (pido desculpas aos moitos outros que deberían aparecer e que recomendo no blogroll):
Foi a de onte para min unha noite memorable. Catro obras de Xerais premiadas e, se isto xa non abondase, o premio para Brétemas (bautizado pola COPE como Nieblas) como Blog literario. Máis non se pode pedir. En todo caso, é de xustiza agradecer de corazón aos membros da AELG este recoñecemento, que sei desmesurado, e aos compañeiros de viaxe de Blogaliza por facelo posible cada día. Beizóns.
Moito agradezo a Goretoxo que montase unha nova ferramenta que permite xuntar as pegadas que imos deixando na rede. Hoxe a nosa identidade dixital constrúese coa conversa que mantemos empregando diversas ferramentas: no microbloguexo de twitter, na lectura dos feeds aos que estamos sucritos ou compartimos, nos vídeos que subimos ou na nosa participación nalgunha das redes de sociais. A ferramenta que instalou Goretoxo, baixo o dominio de blogomillo.org, permite seguir a nosa participación nun único espazo e ordenala de forma cronolóxica ou acoutala entre dúas datas. A experiencia de utilizala durante esta semana é moi satisfactoria, a pesar da imposibilidade de rexistrar as nosas pegadas no Facebook, a única pexa que lle poderiamos poñer.
Bos amigos, como Tati, Alfredo ou Goretoxo foron os pioneiros deste novo blogomillo. Intúo que esta é unha ferramenta que, a pesar de estar en probas e pendente de traducir, vai dar moito de si. Quen teña interese en abrir conta debe poñerse en contacto co administrador de blogaliza.
Moito agradezo o esforzo que Anxo e Gracia veñen facendo en recompilar materiais da rede sobre a efeméride de hoxe, o Día Escolar da non violencia e pola Paz, que proban a vitalidade da celebración e a calidade e eficacia do traballo didáctico realizado nas aulas e nas bibliotecas do país. Un percorrido por tanto traballos escolares que para min resultou moi emocionante e gratificante. Aconséllo moi vivamente.
Recibo con sorpresa a noticia de que os lectores e lectoras de «Fervenzas Literarias» declararon estas Brétemas como o mellor blog de 2009. É este o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do blog nestes cinco anos de andaina, razón pola que non podo estar máis que agradecido. Beizóns!
Hoxe estas brétemas chegan o seu quinto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.623 (383 neste quinto ano) e recibidos 7.308 comentarios, cifras que amosan unha certa ralentización do ritmo de publicación con respecto a anos anteriores. Un feito ao que sabemos non son alleas nin a nosa intensa participación no blog de Xerais (que nun ano e medio de vida superou o milleiro de anotacións) e, sobre todo, a nosa incoporación ao longo deste último ano as redes sociais de Facebook e Twitter, onde comezamos a participar con certa intensidade. A identidade dixital vaise tecendo coa conversa activa que mantemos na rede por medio de diversas ferramentas e redes o que inevitablemente está levando a unha reformulación do papel dos blogs (da súa lectura e da súa escritura). Nesa lideira andamos, participando activamente, dende finais do mes de febreiro, na fantasía de Blogaliza, que hoxe proporciona soporte a unha parte moi significativa e activa da rede de oito mil blogs existentes en galego (xa non me atrevo a chamala blogomillo para non entrar en debates cos máis entendidos no fenómeno ou na conformación de tendencias).
Repasando mes a mes os contidos deste ano recollo algunhas anotacións que merecen ser recuperadas por moi diversas razóns. No mes de xaneiro, «Autonómiccas: ollo con Pontevedra!», que agoiraba importantes dificultades para os membros do Bipartito. En febreiro, «Rotundo fracaso de Galicia Bilingüe», no que, a pesar de errar no titular da anotación, apuntaba a semente de división social que aquela manifestación supoñia. En marzo, «Comeza o ano Piñeiro», na que recollo as ideas principais da conferencia do profesor Alonso Montero sobre o protagonista das Letras Galegas 2009. En abril, «A discreción do editor», unha breve anotación ao fío dunhas palabras do meu compañeiro Juan Blanco Valdés que resumen moi ben o meu xeito de entender o meu oficio. En maio, «Feijoo no labirinto», longa anotación que abría esa longa serie dedicada ao seguimento do conflito da lingua, a nosa primeira preocupación (obsesión) deste ano. En xuño, «Do libro electrónico á lectura dixital», unha anotación recompilatoria das novidades sobre esta cuestión, o tema do ano da edición internacional. Dos meses de verán, «O futuro de Cultur.gal», texto que reclamaba a creación dunha fundación para dar estabilidade a nosa feira da sindustrias culturais. E dos últimos meses do ano, «Abandonados», un des meus artigos dominicais en Faro de Vigo nos que volvo a denunciar a situación dos sen teito.
A todas as persoas que participan no blog, en Twitter e en Facebook (espazos onde, xeralmente, enlazamos as anotacións do blog), as miñas beizóns e recoñecemento pola deferencia de reparar nelas. Se o tempo, ese ben tan difícil de xestionar, non nos falta seguiremos o noso percorrido, explorando nas brétemas de esperanza.
Como xa fixemos noutras edicións, hoxe como é o Día do Blog, aproveitamos para felicitar a todos os blogueiras e blogueiras e para recomendar a lectura de 5 blogs doutras comunidades e linguas irmás da nosa que eu leo adoito co maior interese:
Amálgama, blog colectivo brasileiro, que descubrín durante a crise de Gaza. e que mantén unha liña de pensamento crítico e de interese polo eido da cultura (especialmente cine e literatura).
Lápices para la paz, unha importante iniciativa da madrileña Alicia Mora de educación para a paz e a cooperación; na actualidade mantén unha campaña de levar material escolar a nenos e nenas inmersos en conflitos armados.
O meu amigo Rafael Ojea (paga a pena visitar o seu fermoso fotoblog) recomenda Clásica 2, unha páxina do melómano vigués Manuel López Benito. Sen dúbida, o que máis me gustou foi o blog, onde se publican cada día fragmentos musicais comentados con moito talento e amenidade. Ademais, o autor promete poñer en marcha un podcast. Clásica 2 é un formidable recurso didáctico e unha páxina para todos os curiosos que queren saber un chisquiño máis de música, pintura, filosofía, literatura… Parabéns para López Benito.
Dende o pasado domingo andamos enleados poñendo orde en toda a información xerada polo serán dos Xerais. A verdade que estou moi satisfeito pola repercusión do acontecido na illa tanto na prensa impresa como nos medios electrónicos; tanto nas anotacións dos blogs (todas tana agarimeiras con nós) como nos perfís de Facebook (a gran novidade desta edición), onde se están publicando moitas galerías de fotos e comentarios sobre o acontecido en San Simón. Ademais do arrollador discurso de Agustín, que afortunadamente comeza a viralizarse na rede (sobre todo no eido educativo), o éxito da comunicación do serán dos Xerais chámase Blogaliza. Goretoxo, Alfredo, Tati e Martin Pawley fixeron un traballo marabilloso. Retransmitiron moi satisfactoriamente a cerimonia (empregando uns medios ben modestos), editaron decontado as pezas das intervencións da cerimonia, entrevistaron a ben de xente. Non podo estar máis que agradecido con eles. Beizóns. Tras todo este rebumbio, que amainará nuns días, volveremos ao noso traballo sobre os textos. Temos o obxectivo de poder presentar as obras premiadas na primeira semana de outubro. Daquela volveremos sobre elas.
A foto é de Pilar Ponte, que publicou no seu blog unha galeríafotográfica preciosa.
Mudeime a Blogaliza hai dous meses e estou moi satisfeito de telo feito. Agradezo moi sinceramete a axuda xenerosa de todo o equipo desta comunidade que ten por lumieira a de tecer a rede na nosa lingua. Razón pola que recibimos con moita satisfacción a nova do comezo, a partir do 1 de xaneiro, dunha nova etapa.
A comunidade Blogaliza acolle a máis de 1.700 blogues en galego (sobre temas literarios, educativos, blibiotecarios, deportivos, persoais, políticos, etc.) e máis de 6.000 usuarios/as rexistrados/as. A portada de Blogaliza amosaba até agora o último publicado no blogomillo, todos os blogues escritos en galego, na propia Blogaliza ou noutros sistemas, máis o directorio deste crecente blogomillo.
NOVOS SERVIZOS DA BLOGALIZA
O próximo 1 de maio abriremos a nova Blogaliza, unha versión ampliada do habitual servizo de blogues en galego que integrará tamén noticias culturais actualizadas a diario, rede social, convocatorias de animación á creación artística e moitos outros contidos.
A partir dunha nova portada xeral da comunidade, poderase consultar a actualidade do blogomillo, con especial intensidade no ámbito da cultura a través de seccións especializadas en literatura, música, cinema, artes visuais, etc. A apertura destas seccións será progresiva, comezando pola de letras.
PARTICIPACIÓN NA CONFIGURACIÓN
Desde a Blogaliza temos claras expectativas do que non debe faltar, mais queremos facer un convite público a todas as persoas, colectivos e institucións que queiran facer propostas para enriquecela.
Desde hoxe e até o 1 de maio na portada de Blogaliza accederase a un blogue aberto ás propostas de todos. Calquera pode mandar ideas e debatelas para que sexan integradas na nova Blogaliza. Para iso só é preciso enviar un correo para propostas at blogaliza.org, que será publicado como nova anotación, cos comentarios abertos para, entre todos/as, ir perfilando as novas ideas.
DIFUSIÓN DO PROXECTO
Agradeceremos toda a difusión posíbel deste correo, coa pretensión de facermos da Blogaliza un aberto centro cultural na rede. Un espazo sen cancelas onde poder comunicar, debater, partillar e fornecer en liberdade e respecto a cultura que queremos.
PUBLICIDADE
Na Blogaliza temos o compromiso de que os blogues continúen a ser de balde e sen publicidade, como até agora, salvo nas portadas temáticas, espazos onde posibilitaremos referencias publicitarias coa intención de financiar o proxecto e asegurar a súa viabilidade.
Hai tres días abrín o Tumblr brétemas, un espazo de microblogueo onde pretendo ir recollendo as ligazóns máis interesantes dos textos que leo cada día na rede (sexan artigos, anotacións de blogs, noticias, galerías fotográficas ou vídeos). Estas ligazóns actualízanse automaticamente na columna esquerda do blog (¨Ligazóns aconselladas»), o que permite unha lectura paralela das anotacións. Así nestes primeiros días aparecen enlazadas algunhas anotacións de Fermín Bouza e Antón Baamonde sobre a lingua ou as entrevistas recompiladas do novo conselleiro de Cultura e Turismo. Ademais, esta nova rede social permitiume coñecer a volta de Todo nada, o mítico blog de María Yáñez, que tanto axudou a tecer o blogomillo hai case cinco anos, ou atoparme con veteranos amigos como Milleiro, Modesto, Dorfun ou Opaco. Tumblr é unha nova utilidade para continuar tecendo a rede e construíndo a identidade dixital.
Anxo e Gracia, os responsables de Trafegando ronseis, un dos nosos blogs amigos, tiveron a deferencia de agasallarnos con este selo violeta, un premio que, segundo os seus creadores brasileiros, pretende salientar a aqueles blogs que achegan algunhas sensacións cor violeta como «magia,encantamento, graciosidade, magnetismo...e tudo aquilo que parece mágico». Beizóns para eles dous.
Os promotores do selo violeta, que xa está correndo entre a marabillosa rede de blogs escolares galegos, establecen que as regras que se deben respetar para utilizalo son:
– Exhibir o Selo Violeta no seu blogue coas regras;
– Indicar cantos blogues consideras que merecen este selo;
– Avisar aos indicados, non te esquezas diso!;
– Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.
Eu que son ben guiado respectarei as tres primeiras, xa que a cuarta non consigo imaxinala, coa excepción de que consideremos como poderes máxicos desta brétemas o valor teimoso da tolerancia e o esforzo de atención que require a lectura. Ben sei que son moitos os blogs que visito merecedores deste selo por atesourar os mellores valores do fantástico e da maxia. Con todo escollo apenas tres moi achegados para que eles, se o consideran oportuno, continúen esta roda: Arume dos Piñeiros, Días estranhos e Alfaias.
No artigo da semana de «Campo de Granada» (non aparece na web de Faro de Vigo) abordo, dende un punto de vista xeral e divulgativo, a cuestión das Identidades dixitais, unha das compoñentes, xunto a literacidade electrónica, do paradigma da comunicación cultural electrónica.
Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.
Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbilda que moi dificilmente somos xa capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia. No móbil recibimos mensaxes instantáneas que nos convocan a un acto cultural (como fan sistematicamente concellos como o de Soutomaior) ou nos recordan unha cita médica; dende o teléfono enviámolas para expresar intimidades ou para comunicar un resultado deportivo ou unha noticia que escoitamos na radio. Outrosí sucede coas utilidades de Internet que, a pesar da fenda dixital que aínda padecemos no noso país (Galicia continúa á cola pola súa porcentaxe de usuarios), xa son empregadas adoito por maior número de usuarios. Xa non fai falta ser un friqui nin un experto nos trebellos informáticos para utilizar o correo electrónico coma a nosa primeira identidade dixital (onde recibimos comunicacións persoais e institucionais), ou a navegación na rede para ler os nosos xornais e blogs preferidos (onde, e isto é moi importante, deixamos publicadas as nosas opinións sobre os seus contidos), consultar as nosas contas bancarias ou visionar as nosas series preferidas, mesmo adiantándonos a súa emisión polas canles de televisión.
Usuarios algo máis avanzados non teñen moitas dificultades para aproveitar as utilidades destas tecnoloxías que se «actualizan» (sería máis axeitado dicir que mudan e melloran o seu funcionamento) a unha velocidade de vertixe. Empregan as terminais dos seus móbiles para publicar os vídeos e fotos que tiraron con elas nos seus blogs ou no seu perfil de Twitter, o que lles permite compartilas de forma case inmediata con todos os seus amigos e amigas de Facebook ou Tuenti, dúas das redes de sociais onde teñen aberta a súa identidade dixital.Outrosí sucede con eses case dous mil mozos e mozas entre os 16 e 35 anos que durante tres días desta fin de semana se reuniron no «Xuventude Galiza Net 09» (un encontro informático que vai xa na décima edición) para compartir de forma incansable arquivos e expresar a creatividade e a potencia informática da mocidade do noso país.
Dende estes usuarios máis avanzados até aquelas persoas que comezan a súa alfabetización na cultura dixital todas asumen unha nova literacidade, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas, ao tempo que van construíndo unha identidade dixital, como parte da súa identidade persoal. Estes dous compoñentes, literacidade e identidade dixital son as dúas trabes do paradigma da comunicación dixital do que ningunha persoa, institución, administración, sociedade, empresa ou calquera tipo de entidade pode quedar alleo. Como salienta Juan Freire, o blogueiro Nomada e profesor da Universidade da Coruña, no marco dunha Internet que se está construíndo diante nosa e que pretendemos sexa un espazo de aprendizaxe e socialización, será necesario que neste futuro-presente cada persoa ou cada organización xestione a súa propia identidade dixital. Eis un reto ineludible.
Unha identidade dixital confórmase a partir das identidades fragmentarias que construímos a partir da nosa aprendizaxe das competencias da cultura dixital e das utilidades asociadas a ela que somos capaces de manexar. As identidades dixitais, tanto as individuais como as das organizacións, vanse conformando na conversa activa que mantemos na rede sexa na rede de blogs (como Blogaliza no caso noso) ou nos espazos multimodais (os vídeos en You-tube; a música en Last.fm; as noticias en Chuza, Delicious ou Technorati, as fotos en Flickr ou en Picassa). Conversa que agora se amplía e axiliza pola participaciónnas redes de “status” (que estás facendo?) e “presenza” (onde estás?) conformadas polas utilidades de microblogueo (Twitter, Lareta ou Gmail Google Talk) ou as de participación social e de lecer (Facebook ou Tuenti). Como as abellas, na rede imos tecendo a nosa tea cos fíos que achegamos en cada un destes espazos. Eis o reto da nova Internet 2.0 ou 3.0, mais optar por unha denominación u outra é outro debate.
Esta anotación de Lándoas é absolutamente recomendable. Unha análise potente sobre o novo escenario político tras as elección do primeiro de marzo. Outrosí sucede coas análises demoscópicas de Fermín Bouza, dende o seu Voto con botas, e da completísima e modélica de Calidonia. Parabéns para estes tres amigos blogueiros que amosan a madurez e o rigor acadada polo blogomillo galego. Dáme o corpo que os blogs e a comunidade galega de Facebook –dous espazos de independencia informativa e de opinión participada– van ser decisivos nesta difícil lexislatura que se abre.
O suplemento dominical «Estela» de Faro de Vigo dedica hoxe catro páxinas (pódense baixar ou ler en pdf aquí) ao pulo que colleu o Facebook en Galicia. A reportaxe supón a visibilización na prensa de papel dun fenómeno que nos últimos meses colleu unha dimensión sorprendente, tanto polo incremento do número de usuarios que nos unimos a este rede, como pola incidencia que o seu funcionamento ten sobre a sociedade (velaí a mobilización contra o veredicto homófobo, nacida desde esta rede).
Os blogueiros daquel blogomillo ventureiro, nacido hai case cinco anos, volven atoparse no facebook e, tamén, en twitter (o microblogueo merece unha anotación específica), coa entusiasta actividade de novos membros que durante estes dous últimos meses se uniron a esta rede de amizades nas que se comparte amizade, lercheo, reflexión e múltiples afinidades. Foi decisiva nesta ampliación do perímetro da rede galega de Facebook a campaña electoral, pola aposta que case todos os partidos fixeron por ela, especialmente os partidos nacionalistas. Ogallá está aposta pola participación política por medio destas redes continúe na acción de goberno. Outrosí debe suceder coas empresas e entidades que, porén, canto menos no que nós coñecemos, non teñen apenas presenza nesta rede.
A nosa aínda cativa experiencia en Facebook, sexa como usuarios ou como promotores da páxina de Xerais, levounos a comprobar a importante presenza do galego como lingua vehicular dunha boa parte dos usuarios, como a importancia que ten para a nosa lingua contar cunha versión en galego da utilidade (microsoft debería tomar boa nota). Dúas magníficas noticias a salientar, como tamén o é o alto nivel de participación dos usuarios (estes días mobilizados contra o perigo abstencionista deste domingo).
Este pulo de Facebook, como o novo xénero discursivo de twitter (a min tenme fascinado), en definitiva das utilidades das redes sociais dixitais, obrigan a repensar o papel dos propios blogs. Creo que hoxe en Internet o importante é contar cunha identidade dixital singular (sexa individual ou colectiva, no caso de grupos, empresas ou institucións), cunha voz propia que le, escribe, opina, valora e conversa empregando a riqueza e singularidade de todas e cada unha destas utilidades dixitais e xéneros discursivos. Velaí a cuestión da literacidade electrónica do que tantas veces temos falado no blog.
Dende hai dúas semanas o programa Astrolabio de Rodrigo Romaní, que emite a Radio Galega Música os sábados de 21:30 a 22:30 horas, conta con blog, onde se poden ver algúns vídeos dos temas emitidos. Esta peza de Jabier Muguruza é unha mostra das marabillas que escolle cada semana Rodrigo neste programa no que o folk galego dialoga co internacional. Recomendo o programa e seguir o blog.
Non podo manter durante máis tempo o segredo: son fan do blog de alema e apoio con convicción a súa iniciativa de recoñecemento de «bueno». Agradécense iniciativas realistas deste tipo. Gústame a súa declaración de principios como galegofalante urbano (condición coa que me identifico, eu que nunca tiven aldea). Bueno, pois, beizóns para alema. Recomendo vivamente seguilo.
Carlos Callón publica unha anotación no seu blog e un artigo en Galicia hoxe sobre a situación do sector editorial en galego moi ben documentadas e atinadas. Agradécese o rigor. Beizóns.
Hoxe estas brétemas chegan os seu cuarto aniversario. Dende aquela primeira anotación, levamos 2.240 (513 neste cuarto ano), decrecendo un chisco o noso ritmo de publicación Ben é certo que desde o pasado mes de abril, desdobramos a nosa voz coa creación do blog de Xerais, razón pola que estas brétemas abandonaron case completamente o seguimento da produción da editorial, principal eixo do meu traballo profesional. Segundo indica o contador, ao longo deste ano tamén baixaron notablemente as visitas, situándose por riba das 2.000 á semana (120.000 dende o pasado ano). Tematicamente o blog continuou polos seus camiños fundacionais, interesándose moito polo seguimento da lectura galega e as literacidades contemporáneas, así como pola educación para a paz e os dereitos humanos, o que non impediu que continuemos coas nosas entusiastas crónicas celestes ou con comentarios sobre actualidade política e cultural galegas. Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbolrebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos. A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano. Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato. Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.
Coñecín hoxe o blog Inédito, un espazo fotográfico coordinado por Manuel Sendón e concibido para ter presenza mensualmente tanto nas páxinas impresas do semanario A Nosa Terra como nas anotacións do propio blog. Un espazo para seguir fotógrafos emerxentes, especialmente galegos. Polo momento podemos seguir o traballo de Graciela Sacco, Sabela Correa e Xulia Aranda. Interesante.
Tanto La Voz de Galicia como Xornal de Galicia, dous medios con liñas editoriais claramente enfrontadas, comparten, porén, o carácter analóxico e pechado para a lectura na rede dos seus suplementos de cultura que publican os sábados. Hoxe non podemos ler na rede nin as magníficas catro páxinas de Ramón Nicolás e Xesús Fraga sobre o libro galego e a súa visibilidade do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia nin outros tantas que «Nós» o suplemento de cultura de Xornal de Galicia dedica ao mundo so blogs en Galicia, con traballos de Manuel Candelas e Arturo Casas. Hoxe xa existen modelos alternativos para evitar estas zonas de sombra para a información cultural na rede, como ofrecer os contidos dos suplementos en formato pdf ao día seguinte ou facelo por un sistema de subscrición en aberto. En todo caso, quero felicitar tanto aos responsables de «Culturas» pola súa defensa do libro galego visible como aos de «Nós» polo tratamento rigoroso do fenómeno blog, máis alá dos tópicos habituais.
Magnífico o blog do Diario Cultural da Radio Galega. Convertirase, como xa o é dende tanto tempo o seu programa diario, nun dos referentes da nosa información cultural. Os cortes das gravacións do arquivo do programa constitúen un recurso textual excelente. Beizóns para Ana Romaní e o seu equipo.
A polémica sobre o carácter inédito ou édito dun texto presentado a un premio literario é outra proba do moito que está mudando o mundo da edición, as súas rutinas, usos e costumes. O debate de fondo de tantas polémicas reside na dificultade de contestar á pregunta de «que é un libro?». Leo en ediciona, un dos meus blogs de referencia sobre o debate actual sobre os futuros do libro, o que entenden por un «libro» os responsables de comunicación da Feira de Frankfurt 2008 (onde acudiremos dentro de tres semanas): «unha das varias posibilidades de procesar, circular e difundir contido. Outras vías para lograr o mesmo propósito son os sitios web, os xogos de ordenador e os arquivos de audio». Unha definición tan ampla que abre aínda moito máis o debate. Estou xa inquedo por comprobar o que ferve no eido da edición electrónica mundial, un dos temas principais deste novo Frankfurt.
A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado: – A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos. – O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes. – As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso. – No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez. Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar. Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).
Dende onte arrastro problemas con blogger (dá un erro ao gardar automaticamente) que levan a que as entradas queden todas datadas no día 17 de setembro. Como podo solucionalo? As miñas desculpas.
A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de “Pepe el hincha”, publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que “Panduriño” é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya). Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de “Mortadelo e Filemón”, da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os “simpáticos galleguiños”.
Hoxe é o Blog Day e como é adoito en semellante día corresponde recomendar cinco blogs de diversas comunidades e linguas. Aí vai a miña proposta deste ano para seguir tecendo a rede de blogs e libros:
Cadeirão Voltaire (non confundir co blog de Jaureguizar), interesante blog literario en portugués de Sara Figueiredo Costa, unha das autoras do tamén moi interesante O bicho dos livros.
Ediciona (o blog dos profesionais do mundo editorial), blog en castelán, informadísimo sobre a actualidade do mundo da edición internacional, con atención especial ao debate sobre o libro dixital.
Po dos livros, blog en portugués da libraría homónima de Lisboa, contén vídeos de fomento da lectura moi bos.
La cárcel de papel (diario dun lector de tebeos), blog en castelán de Álvaro Pons, referente inescusable no mundo da banda deseñada.
Blogtailors (o blogue da edição), blog en portugués dos autores de Extratexto, onde se pode atopar actualizadísima información sobre a edición internacional.
Esta anotación fai o número 2000 das publicadas nestas brétemas. Hai menos de dous anos, cando acadamos as 1000, reflexionabamos sobre o sentido do blog, nacido hai case catro anos, coa inxenua intención de explorar as posibilidades da textualidade electrónica proporcionada polos blogs. Ao longo deste tempo produciuse o estourido do fenómeno dos blogs (afortunadamente, tamén en galego); aquel chamado blogomillo levedou na súa diversidade, procurando o camiño de pequenas comunidades especializadas; apareceron as redes sociais con toda a súa enorme forza para compartir información e coñecemento; ademais de mellorar moito as ferramentas e as utilidades para facilitar esta forma de escritura electrónica participativa. Nestes dous últimos anos, estas brétemas foron tamén ampliando a súa mirada temática (nada do que nos afecta podemos consideralo alleo) e reducindo o peso da crónica do noso traballo como editores de Xerais (sobre todo dende a apertura do blog da editorial, onde agora publicamos moitas das informacións que aparecían aquí). No entanto, continuamos a nosa reflexión acougada (e escasamente apocalíptica) sobre os futuros do libro (quizais hoxe o tema central de brétemas), nun momento de clara transición entre soportes, no que a primacía da calidade do contido textual é o valor principal. Continuamos tamén achegando a nosa preocupación pola participación política (singularmente en Galicia, un país que nos doe e estimula na esperanza), cando se albiscan sombras preocupantes sobre a derrota (entendida como deriva, loxicamente) da cultura da cidadanía. Temas que non nos impiden, madia leva!, desbordar a nosa subxectividade máis emotiva sobre temas futbolísticos (sen eu pretendelo, outro dos sinais de identidade do blog), onde nos sentimos menos determinados ca noutros eidos que requiren maior racionalidade. Dende a anotación número 1000, estas brétemas recibiron máis de tres mil comentarios, o que supón unha clara redución con respecto ás mil primeiras, un fenómeno que vimos comprobando se produciu na maioría dos blogs (non só galegos). Con todo, conservamos un número de visitas que non deixa de abraiarnos e as que debemos agradecer a súa deferencia por lelas, enmedalas e criticalas. Seguimos crendo que a razón de ser dos blogs, destas identidades individuais de dominio público, no marco da nova web 2.0 (non sei se debe dicirse 3.0), reside en compartir informacións, reflexións, opinións, lecturas, películas, cancións, saudades, cabreos, risas ou momentos de beleza… entre amigos e amigas. Nesa angueira, seguiremos mentres teñamos acougo e azos.