Category: Blogs

Blogs e lectura

28 Maio, 2008 (19:36) | Blogs, Eventos, Lectura | 1 comment

Mañá, xoves, 29 de maio, estaremos ás 18:30 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, no Campus da Zapateira, para manter un encontro co alumnado sobre “Blogs e lectura”.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Poesía contra a ignorancia

17 Maio, 2008 (05:06) | 17_de_maio, Blogs, Lingua | 1 comment

Hoxe, 17 de maio de 2008, data na que homenaxeamos a don Xosé María Álvarez Blázquez, poeta resistente e editor popular galego do Moucho, continuando a iniciativa dos Blogues pola lingua, reproducimos o poema “Deitado fronte ó mar”, de Longa noite de pedra do seu amigo o poeta Celso Emilio Ferreiro.

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Blogues polas lingua

15 Maio, 2008 (21:11) | Blogs, Iniciativas, Lingua | 1 comment

Adherímonos á rede de Blogues pola lingua e ao contido do seu manifesto. Neste momento xa hai máis de oitenta adhesións. Animo a tecer esta rede de traballo compartido en defensa da lingua de todos e todas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais blog

10 Abril, 2008 (22:01) | Blogs, Xerais | 4 comments

Dende hai unha semana estamos desenvolvendo unha versión beta do primeiro blog da editorial. A nosa intención é utilizalo como soporte de comunicación de noticias, presentacións e novidades e de participación dos lectores e lectoras. Pretendemos, ademais, utilizar algunhas das utilidades que nos proporciona a ferramenta para publicar algúns monográficos. Unha vez consolidado e mellorado este primeiro modelo, queremos abrir outros blogs especializados no ámbito educativo e de fomento de lectura. Cremos que esta rede de blogs debe ser o eixo da nosa comunicación editorial na rede.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Blogs e wiquis

8 Abril, 2008 (00:23) | Blogs, Slideshare | No comments

Vía Tiscar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os filmes de Agustín

18 Marzo, 2008 (00:01) | Beizóns, Blogs, Cine, Vídeos | 1 comment

Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección “Os filmes de…”, comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sendeiro rural de Galicia

13 Febreiro, 2008 (22:56) | Blogs, Xerais | No comments

Paco Armada acaba de abrir un blog dedicado ao GR.94, o sendeiro rural de Galicia, homologado pola Federación Galega de Montañismo. Seguindo este vieiro para camiñantes, perfectamente sinalizado, pódese chegar de Vigo a Compostela sen pisar o asfalto. Recomendo a visita a este novo espazo web, onde Armada pretende ir informando sobre os contidos do libro de título homónimo que acabamos de poñer nas librarías. Armada acomete agora outro dos seus proxectos máis queridos: a rota do Miño, dende A Pastoriza á Guarda.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Blog da sección de Crítica da AELG

25 Xaneiro, 2008 (20:40) | Blogs, Blogs_e_libros, Críticas, Polémicas | No comments

A sección de Crítica da AELG animouse a abrir un blog. A súa primeira anotación sae ao paso das manifestacións do académico Franco Grande. Recollo un parágrafo ben significativo do seu contido:

“Na súa opinión a crítica literaria galega debería contar cos atributos de ser orientativa e non pedante, no caso de que ela existise, pois a súa mesma existencia é posta en dúbida. O sr. Franco Grande, daquela, non infravalora senón que denigra, invisibiliza e despreza o traballo de interpretación crítico e valorativo daqueles que a exercemos, con maior ou peor fortuna, e sempre coa máxima honradez intelectual.”

Benvida sexa na polémica a opinión dos críticos, unha peza clave no funcionamento da nosa literatura e sector editorial. Beizóns para eles e moito pulo para tecer a rede dende este blog colectivo.

Etiquetas:


Chuzame! A Facebook A Twitter

Os blogs nos libros

9 Xaneiro, 2008 (16:28) | Blogs, Educación, Libro de texto, Recurso_didáctico, Xerais | 2 comments

Alédome que lles gustase a X e aos membros d’ A Nosa Biblioteca.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Terceiro aniversario

3 Xaneiro, 2008 (22:21) | Beizóns, Blogs, Persoal | 12 comments

Hoxe estas brétemas cumpren o seu terceiro aniversario. Dende aquela primeira anotación inocente e temerosa (paréceme agora) levamos publicadas outras 1.727 (590 noventa neste terceiro ano), un ritmo moi semellante aos dous anos anteriores. O blog medrou nas súas preocupacións temáticas, exploramos algúns camiños novos, aínda que no fundamental seguimos fieis ao interese pola lectura galega, concibida como ferramenta para comprender a cultura textual contemporánea, e ao fío do meu traballo cotián (quizais o principal argumento do relato) e das miñas preocupacións como editor en lingua galega. Non podemos queixarnos, tampouco, polas nosas visitas (unha media de tres mil por semana), 210.000 desque en setembro de 2006 colocamos un contador, aínda que o número de comentarios (uns oito mil dende o inicio) diminuíu este ano de forma notable (unha tendencia que observamos na maioría dos blogs). A principal novidade foi o inicio da nosa colaboración na rede social multilingüe de Blogs e libros, un dos camiños que me parecen máis colaborativos de cara un futuro que sei virá preñado de moitas mudanzas neste soporte comunicacional de identidades individuais. Agradezo moi sinceramente e coa maior humildade a lectura e os comentarios de todas aquelas persoas que se achegan a estas brétemas, beizóns para todas elas. Seguiremos navegando sempre que teñamos vento abondo nas velas.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Blogonovela de Arume dos piñeiros

30 Decembro, 2007 (11:18) | Autores, Blogs, Narrativa | 2 comments

Arume dos piñeiros xa vai polo capítulo 13 da súa blogonovela. Recomendo seguila.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Internet 2008, 11 tendencias

25 Decembro, 2007 (13:26) | Blogs, Internet, Literacidade | No comments

Esta anotación de Manuel Gago é desas imprescindibles para o arquivo do blog. Gago recolle algunhas tendencias de Internet que vexo moi claras (o maior peso das redes sociais, a reubicación do papel dos blogs e do seu número, internet como auténtico disco duro, o fortalecemento das edicions en liña sobre as impresas, a personalización…).

Dende Galicia, atreveríame engadir, a maiores, outras tres tendencias:

  • primeira, a utilización de Internet como recurso didáctico nos centros educativos non universitarios e nas bibliotecas públicas baixo a forma de bibliorredes (provocado pola mellora da conectividade e o aumento da calidade dos recursos dixitais, elaborados polo profesorado e polas editoras e plataformas públicas educativas);
  • segunda, na mesma liña ca anterior, o impulso do proceso de Alfabetización dixital (ALFIN) no marco da recuperación da lectura como centro das políticas culturais. O caso galego posúe a especificidade de vencellar o proceso de alfabetización dixital (o que supón a mellora da conectividade, o aumento do número de usuarios e recursos electrónicos) co de normalización lingüística. Semella a derradeira oportunidade da nosa lingua para non perder o tren dos novos tempos;
  • e terceira, a utilización de Internet e dos recursos dixitais na publicidade, substituíndo aos soportes fixos estáticos e impresos (algo que xa está sucedendo con enorme forza nos EE.UU, no Reino Unido e no Xapón).
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Agustín Fernández Paz, nota grafolóxica

23 Decembro, 2007 (09:42) | Autores, Blogs | No comments

Ao fío dunha anotación de Marcos Valcércel sobre O único que queda é o amor (a recepción deste libro non pode ser máis entusiasta e unánime), aparece un comentario de Xohan da Coba (un dos habituais tertulianos do espazo de Marcos) no que realiza unhas notas grafolóxicas da caligrafía de Agustín Fernández Paz. Non podo resistirme a reproducilas (estas son as marabillas de ir tecendo a rede):

“A letra de AFP paréceme a de alguén moi intelixente, con enormes desexos de aprender acerca de cousas moi diversas. Con enorme capacidade autoimposta de traballo. Amigo dos amigos. Pero dáme a impresión de que tén conflitos internos, contradiciós na súa propia personalidade. Xeneroso porque vence a súa propia avaricia. Constante porque vence a súa tendencia á inconstancia. A pesar de tódolos seus éxitos, él quixera ser en realidade outro tipo de persoa. Góstalle o recoñecemento social, pero non á costa da vida persoal. Hai unha pequena compoñente autodestrutiva. Posiblemente o seu pai quería que fora unha cousa e a súa nai outra. Ó final vencéu “a nai”. Mira continuamente ó pasado, buscando respostas.
Non lle dedes moito valor. Son impresiós nocturnas tras unha cea con bastante alcól. Ten razón o Xaime. Esta vida vaime matar.”

Etiquetas: Agustín_Fernández_Paz
Chuzame! A Facebook A Twitter

"Blogonovela" galega

17 Decembro, 2007 (19:50) | Blogs, Iniciativas, Medios, Narrativa | 2 comments

Un artigo de Hernán Casciari e unha anotación de Juan Varela poñen sobre a mesa hoxe, outra volta, a cuestión da blogonovela ou “ficción on line”. A verdade é que o modelo de blogonovela que defende Casciari (empregando a metáfora da presenza dos seareiros no estadio, que compartimos plenamente) xa fora ensaiado en galego con anterioridade (en 1999) por Camilo Franco, razón pola que debemos considerala un invento galego e non arxentino. A cadaquén o seu, meus. Agora que contamos con varios diarios dixitais en galego podería volver ensaiarse esta modalidade de creación narrativa (aproveitando as posibilidades da textualidade electrónica: textos, imaxes, sons e enlaces) con moito maior difusión e participación de lectores e lectoras. Quen se atreve a escribir outra blogonovela galega? ou quizais xa se está escribindo e non o coñezamos. neste caso, pido axuda para localizala.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Ferradura en tránsito

4 Decembro, 2007 (18:47) | Blogs, Polémicas | No comments

Grazas ao technorati coñezo o blog do crítico literario Xosé Manuel Eyré. Lamento que non lle gustase o meu comentario sobre a polémica da Síndrome do Padornelo, que considera unha “lixeireza”. Admito que quizais a redacción desta anotación non foi pola miña banda a máis afortunada (sobre todo pola elección da palabra “arroutada”), porén non chego a entender cál é o sentido da tríade “A crítica, o escritor e o editor”. Acaso os editores de literatura galega, a pesar da nosa obrigada discreción profesional, debemos permanecer alleos a tan interesante debate? Recomendo o blog de Eyré que, a partir de agora, engado a miña lista.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha tarde en Lugo

24 Novembro, 2007 (18:38) | Autores, Beizóns, Blogs, Cidades, Narrativa, Presentacións | No comments

Onte pasamos unha tarde magnífica en Lugo con motivo da presentación do libro de Miranda. Marcos realiza unha hoxe unha completísima crónica, tanto do desenvolvemento acto (onde realizou unha intervención moi atinada) como da paseata á noitiña que fixemos pola Muralla, dirixidos polos comentarios de Pepe, Xoán Cuba, Isidro Novo e outros amigos e amigas entrañables. Na viaxe de volta, despois de que fomos parados en Guntín pola Garda Civil (“las pegatinas son para poner”), falamos devagariño de tantas cousas que nos unen dende hai tres décadas e dos proxectos que temos en marcha. Marcos Valcárcel ven desempeñando un labor hercúleo de divulgación e promoción galeguista (agora, tamén dende o seu blog extraordinario) que merece a nosa maior admiración e recoñecemento. Un tipo dunha peza, formidable! Beizóns para el.

Actualización (22:00): Pepe publica dúas anotacións sobre a presentación, a primeira é a crónica do desenvolvemento do acto e a segunda as notas que empregou Marcos (unha intervención, insisto, magnífica, na que debullou o sentido dos nove relatos). Entendo a afirmación de Miranda “algúns críticos fican desorientados cos meus libros de relatos”, coma xa comprobamos sucedeu con estas Mans do medo, onde se mesturan relatos fantásticos (por favor, non confundir con fantasía), outros da literatura do horror (diferenciar do terror), outros no marabilloso e outros de carácter metafísico ou onírico (próximos a Kafka). O texto de Marcos pode axudar a identificalos e interpretalos acaidamente.
Por outra banda, cómpre salientar que a intervención de Miranda foi tamén moi bonita e clarificadora sobre as intencións da súa escrita. Transcribo algunhas das notas recollidas na miña libreta:

“Eu son un escritor que quere escribir como se escribiu ben sempre, como quen come pan. Pretendo que olector non vexa os artificios do meu traballo, que a historia teña impulso narrativo. O narrador ten que narrar, é un contador de historias”.
Diante da pregunta de Maros sobre o futuro do conto tradicional, Pepe non dubidou: “O conto tradicional galego desaparecerá por que o mundo tradicional onde naceu xa desapareceu. Mais seguirá o conto, xa que a xente precisará seguirse contando historias, baixo novas fórmulas. Velaí o pulo das actuais lendas urbanas”.
Por último, Miranda abordou a cuestión dos medos presentes no libro: “Algúns son medos tradicionais e outros modernos (como o medo á informática ou aos cambios biolóxicos). En xeral eu abordo dous temas: o primeiro, a alienación, a perda da identidade; o segundo, a desilusión, a perda da utopía, da infancia, a perda da marabilla. O medo, sexa literario ou cinematográfico, ten uha función terapúetica, xa que nos prepara para afrontar outros medos que podemos atopar ao longo da vida”.

Actualización (25-11–2007): jaureguizar completa a crónica da tarde adiantando as vindeiras novidades que publicará Miranda en Xerais: a reedición da novela Vestio (en Fóra de Xogo) e unha guía de Galicia (máis de cinco centas páxinas) en dobre edición, galega e castelán.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

A vella da manta

10 Novembro, 2007 (13:14) | Autores, Blogs | 2 comments

Sempre é unha boa noticia que un dos nosos escritores abra un blog. Beizóns na travesía que comeza A vella da manta.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Globalización e identidade europea

28 Outubro, 2007 (19:33) | Blogs, Política | 1 comment

Pedro Valadés publica hoxe nun dos seus blogs (no dedicado a Europa), a tradución para o galego do moi interesante artigo que Xavier Rubert de Ventós publica hoxe en El Pais. Un deses textos para ler devagariño (con moitas análises que interrogan). Deebe quedar no arquivo para volver outra vez sobre algunha das súas propostas.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Blogs e libros

18 Setembro, 2007 (19:47) | Blogs, Blogs_e_libros | 2 comments

Txetxu volve á carga propoñendo a realización dun censo de blogs relacionados co libro e a lectura. As referencias serán publicados no blog da revista Trama & texturas (que xa prepara o seu número 3).

Actualización (23-09-2007): A referencia de Brétemas.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Estatísticas

9 Setembro, 2007 (11:01) | Blogs, Persoal | 8 comments

Cumpriuse onte un ano desque coloquei un contador no blog. Foron 163.641 as páxinas vistas destas Brétemas. Aínda que o incremento da audiencia non é obxectivo do noso espazo, sempre anima saber que hai persoas que utilizan o noso traballo na rede. Grazas a todas elas polo seu interese.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

O trasno viaxeiro

6 Setembro, 2007 (17:06) | Blogs, Librarías | 1 comment

A libraría O trasno viaxeiro de Teo-Cacheiras ten un interesante blog. Publica apostillas literarias, novas de interese sobre o mundo do libro e unha completísima rede de enlaces sobre blogs literarios. Beizóns para as súas editoras.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

BlogDay 2007

31 Agosto, 2007 (16:45) | Blogs, Efemérides | 1 comment

Hoxe é o Blogday 2007, unha xornada creada coa intención de que os blogueiros coñezan a blogueiros doutros países ou doutros centros de interese. O rito proposto semella que consiste en recomendar cinco blogs, preferentemente dunha cultura distinta a da propia. Como son ben ghiadiño, e como xa fixera o pasado ano, aí vai a miña proposta para tecer a rede de libros e blogs:

  • Alessandro Martins: un paulistano que mantén unha xanela aberta ao mundo do libro e da textualidade electrónica.
  • The Book Design Review: o blog de Joseph Sullivan que, dende Chicago, ofrece unha interesantísima reflexión sobre o traballo portadístico e de deseño do libro.
  • El ojo fisgón: o blog de Martín Gómez, hoxe para min, o máis interesante e traballado que coñezo sobre tendencias no mundo editorial.
  • Charkin blog: o espazo de Richard Charkin, o responsable de Macmillan, un dos poucos publishers con actividade da rede.
  • Extratexto: o blog rexido por Nuno Seabra, o máis documentado (actualizadísimo) en portugués sobre o mundo profesional da edición.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Google maps e os blogs

22 Agosto, 2007 (21:49) | Blogs, Tecnoloxías | 1 comment

Google maps acaba de introducir a posibilidade de que as súas buscas poidan ser publicadas nos blogs. Premendo en “establecer unha ligazón con esta páxina” aparece unha ventá, na que aconsello escoller a opción “personalizar e visualizar previamente o mapa que se inclúe”. Alí podemos escoller tamaño e copiar o código html para pegar na nosa anotación. Desde o blog poden utilizarse todas as utilidades e mesmo enlazar co mapa ampliado; así, as posibilidades de emprego didáctico, aumentan considerablemente. Eis a busca da miña oficina.

Visualizar o mapa ampliado
Chuzame! A Facebook A Twitter

O blog de Fidel Castro

30 Xullo, 2007 (15:02) | Blogs | 4 comments

Até hoxe non sabía da existencia deste espazo na edición electrónica de Granma, que constitúe o que poderíamos chamar o blog do comandante Fidel Castro (a entrada máis recente é do 27 de xullo). Falando de Fidel non está de máis anunciar que estamos preparando a tradución do seu libro de conversas con Ignacio Ramonet que pretendemos presentar no vindeiro mes de xaneiro na Habana coincidindo coa Feira do libro na que Galicia será o país convidado.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

A contrafío

14 Xullo, 2007 (20:26) | Blogs | No comments

Visitei ao longo de toda esta semana este novo blog de política nacionalista. Recoméndoo: anotacións moi ben escritas, rigorosamente documentadas e arriscando opinións nacionalistas fóra do marco do politicamente correcto (as anotacións sobre a saída da Volta a España e sobre a composición do goberno municipal de Vigo son dous bos exemplos). Saudable tamén é a volta a actividade, tras un pequeno descanso, dos blogs de Ian e do Funambulista coxo (magnífica a súa anotación sobre Terrorista de Updike e a pintura de Antonio López)

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

12 indicacións para favorecer o hábito lector

8 Xullo, 2007 (10:39) | Blogs, Lectura | 4 comments

Vía Hora de ler, o blog da campaña Hora de ler da Asesoría de Bibliotecas Escolares, coñezo estas doce indicacións para promover o hábito lector de inequívoco sabor brasileiro (o blog de Alessandro Martins é outra descuberta que moito aconsello). Entre todas elas, escollo estas que fan referencia á lectura nos soportes electronicos (dunha anotación toda ela moi útil e suxestiva):

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Os blogs na escola

12 Xuño, 2007 (19:57) | Blogs, Educación, Literacidade | 2 comments

Moi recomendable este número de Vieiros na escola sobre o uso educativo dos blogs. Coa implantación da nova reforma curricular e a necesidade do desenvolvmento da competencia dixital, producirase o estoupido do fenómeno dos blogs escolares. Unha boa oportunidade para reflexionar sobre a utilidade do soporte e o traballo sobre a literacidade electrónica e crítica da que tantas veces temos aquí falado.

Etiquetas: Edublogs
Chuzame! A Facebook A Twitter

Blog das bibliotecas escolares

25 Abril, 2007 (20:54) | Bibliotecas, Blogs | No comments

Botou andar o blog da asesoría de bibliotecas escolares. Pode atoparse moita información, recursos e enlaces a blogs de bibliotecas escolares e outros espazos relacionados coa lectura. Un punto de referencia. Recoméndoo vivamente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis blogs sobre edición

8 Abril, 2007 (10:22) | Blogs, Edición | No comments

Vía Leroy actualizo o meu listado de blogs sobre edición: Editado (un veterano espazo para seguir o mundo editorial arxentino), Introducción al mundo de la edición (unha ferramenta de traballo do módulo de “Introdución ao mundo editorial” do posgrao da UOC de edición dixital), Planos de puentes y túneles (sobre edición e novas tecnoloxías, recomendo as súas anotacións sobre webnovelas, videolectures e teacher tube), La estrella que fa l’ ullet, Los futuros del libro (o completísimo blog de Joaquín Rodríguez). Todos proporcionan información ben interesante. Afortunadamente vaise conformando unha rede de blogs de calidade sobre o mundo do libro e da lectura. Seguirémolos.

Etiquetas:

Chuzame! A Facebook A Twitter

David Rodríguez premiado

28 Marzo, 2007 (08:55) | Autores, Blogs, Premios, Teatro | No comments

O noso admirado David Rodríguez resultou gañador absoluto da Iª edición do premio de teatro radiofónico convocado pola Radio Galega pola súa obra O bambám. A obra de David resultou vencedora tanto para a audiencia como para o xurado que destacou, segundo a noticia publicada por Vieiros, “a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez”.
Os medios literarios e teatrais compostelanos quedaron pampos coa noticia (David é un perfecto descoñecido para eles), mais para os que acreditamos, dende hai tempo, no talento literario formidable de David, a noticia non é máis ca un xusto recoñecemento que tiña que chegar. Bo será que se repasen, agora, algunhas anotacións do seu blog, o funambulista coxo, e comprobarán que non esaxero unha miga. Outro autor que emerxe da xeración blog?
A edición do texto gañador e do resto das obras finalistas témola moi adiantada na editorial. Aparecerá nun volume xunto a un cedé coas gravacións emitidas pola Radio Galega. Creo que será unha publicación moi interesante. Hoxe, beizóns para O Fuco. Un refacho de aire puro para a nosa literatura.

Etiquetas:,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Xelís de Toro

26 Marzo, 2007 (21:04) | Autores, Blogs, Narrativa | No comments

Xelís de Toro, un dos nosos narradores máis orixinais, mantén dous espazos na rede que reomendo non perder: o SEN (Sindicato do Escritor Nervioso) e o espazo laboratoro. Alí poden lerse artigos, contos e textos inéditos, poemas para nenos e cinco poemas sonoros. Xelís traballa dende hai anos en Inglaterra como editor free lance internacional, o que non lle impide continuar escribindo na nosa lingua. Dentro duns poucos meses publicaremos unha edición actualizada e revisada de Seis cordas e un corazón, a súa primeira novela asinada co alcuño de Roque Morteiro. Un autor a revisitar.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

O blogomillo

20 Marzo, 2007 (08:17) | Blogs | No comments

O profesor Candelas fai hoxe en Faro unha síntese do estado actual do blogomillo. Recomendable.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Mensaxe nunha botella

15 Marzo, 2007 (22:33) | Blogs, Educación | 5 comments

Cada vez estou máis interesado polos blogs escolares. Este do IES de Cambre seméllame un dos máis conseguidos e traballados dos que coñezo. Elaborado polo grupo de Técnicas de expresión escrita de 4º de ESO (unha materia optativa, que desaparece no novo currículo da LOE), o blog ten un carácter multimodal de moito agradecer; publica un audioblogue, vídeos, música e unhas anotacións textuais ben xeitosas e ben escritas. A utilización dos blogs como ferramenta didáctica, aspecto que aborda con frecuencia Tíscar e especificamente Sonia Bertocchi, está aínda comezando entre nós. Ben sabemos que hai experiencias moi interesantes como Aula Galicia ou A nosa biblioteca, mais aínda carecemos dun espazo común (polo menos no que eu acado), unha rede de blogs escolares que permita o intercambio e a comunicación entre todos eles (sei que hai moitos máis dos que aparecen nas relacións do blogomillo). Un vieiro a desenvolver.
Chuzame! A Facebook A Twitter

O novo vieiros

9 Marzo, 2007 (22:30) | Beizóns, Blogs, Internet, Medios | 2 comments

Beizóns, beizóns! É unha marabilla.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

A febre dos blogs

4 Marzo, 2007 (18:45) | Blogs, Educación, Internet, Sociedade, Vídeos | No comments

A pesar de que non expresa quizais nada novo, este vídeo (23 minutos) sobre o fenómeno blog, dirixido por Manuel Campo Vidal, pode ser interesante para a explotación didáctica nos cursos da Secundaria. Describe con claridade o fenómeno da “febre dos blogs”, a utilidade cidadá e comunicativa e as súas vantaxes. Na mesma liña divulgativa, tamén é útil, estoutro do mesmo autor sobre a revolución dos móbiles.

Vía: Nacho de la Fuente e Periodismo 2015.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Galicia sosego

18 Febreiro, 2007 (18:07) | Blogs, Política | 2 comments

Ata agora non coñecía este blog político.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Sendón: casas doentes

15 Xaneiro, 2007 (22:03) | Arquitectura, Artes Visuais, Blogs, Exposicións, Sociedade | 4 comments

Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Homoxeneidade e cervexas

9 Xaneiro, 2007 (21:50) | Blogs, Internet, Lingua, Vídeos | 4 comments

É coñecida a miña admiración por Juan Varela, o mestre blogueiro, que sempre está un paso por diante propoñéndonos dirixir a mirada máis alá dos lugares comúns. Hoxe atopei este anaquiño xenial (apenas minuto e medio) da súa intervención no pasado encontro de Sevilla. Segundo Juan “as escumas das cervexas non se mesturan, só se pegan”. Vaia pedazo da metáfora sobre a homoxeneidade das comunidades blogueiras! Aínda que tamén poderiamos utilizala para definir o que lles sucede a outros que comparten espazos (atinadísimo hoxe Monxardín) e responsabilidades?
Chuzame! A Facebook A Twitter

Kiko da Silva

8 Xaneiro, 2007 (22:02) | Blogs, Ilustración | 5 comments

Kiko xa ten blog. Benvido!
Chuzame! A Facebook A Twitter

Segundo aniversario

3 Xaneiro, 2007 (17:20) | Blogs, Persoal | 17 comments

Hoxe estas brétemas chegan ao seu segundo aniversario. Despois de dous intensos anos traballando no blog manteño un renovado entusiasmo nas posibilidades deste medio para compartir coñecemento, información, lecturas e múltiples curiosidades. A todos os que participan neste espazo, sexa como lectores anónimos ou comentaristas, o meu maior agradecemento. Entre as 590 anotacións publicadas neste último ano escollín esta ducia (unha por cada mes) como as miñas preferidas:
  • Xaneiro: Edición pública (unha miña vella teima para racionalizar a actividade editorial das administracións).
  • Febreiro: 23-F (o relato da miña experiencia daquela noite de hai vinte e cinco anos).
  • Marzo: Lembranza de don Antón Patiño (a necrolóxica en homenaxe a este libreiro irrepetible).
  • Abril: Orgullo celeste (a crónica do triunfo no derbi da primavera).
  • Maio: Coda (a miña reflexión tras o rebumbio político no que me vin inmerso).
  • Xuño: Os libros arden mal (o meu primeiro paratexto sobre a agardada novela de Rivas).
  • Xullo: Cultura e liberdade (sobre a responsabilidade no fomento da lectura que temos os editores e outros profesionais do mundo do libro).
  • Agosto: JFK (a primeira crónica da viaxe a NY).
  • Setembro: A lectura: eixo do novo modelo comunicacional (unha das miñas achegas ao Primeiro Encontro de Blogs e Libros celebrado en Madrid).
  • Outubro: Gústame A Coruña (tras o novo conflito sobre “L”).
  • Novembro: Panificadora (evocación dun edificio emblemático da nosa arqueoloxía industrial).
  • Decembro: Home se nome (o primeiro vídeo que subín ao you tube).

As cinco anotacións máis comentadas do ano foron:

Este ano foi, tamén, o da introdución dalgunhas pequenas melloras no blog. Primeiro foron as etiquetas de Technorati, logo a da subida dos vídeos, máis tarde a instalación dun contador, e, tras o cambio á nova versión de blogger, a introdución de marcadores temáticos. Son consciente da necesidade de continuar con outras melloras que permitan ou favorezan as formas de compartir o contido, mais o tempo do que dispoño é limitado. Ademais de bloguear hai que ler, traballar e vivir.

Etiquetas: ,

Chuzame! A Facebook A Twitter

A morriña no blogomillo

8 Decembro, 2006 (19:58) | Blogs, Eventos | 10 comments

Todos os xornais van facendo a súa “reportaxe de cota” sobre a situación dos blogs en galego. Desta volta tocoulle á edición galega de El Pais, que hoxe fai balance dos tres anos de existencia das bitácoras en galego. Coa excepción da previsión de que o número de blogs en galego chegará na primavera vindeira aos catro mil, moi escasas son as novidades dunha análise tinguida de bastantes tópicos e da inevitable atmosfera de morriña daquel tempo heroico, cando os blogueiros pioneiros en galego ateigaban o reservado dunha cafetaría.
Aborrezo a nostalxia polo tempo pasado, unha actitude xeralmente paralizante e moi pouco eficaz para construír un futuro incerto. Tecer e ganduxar a rede de blogs galegos como se ten feito, en apenas tres anos, é un éxito colectivo que nos debería de encher de orgullo a todos os que participamos dunha ou doutra maneira neste patchwork. No entanto, proporcionar consistencia e maior participación ás pequenas comunidades temáticas transversais (blogs políticos, culturais, gastronómicos, científicos…) ou aos grandes puntos de encontro son novas e moi produtivas tendencias no blogomillo –a pesar de que como fenómeno morreu e debemos aceptalo, “blogomillo” continúa sendo un termo eficaz para referirse aos blogs publicados en galego– que deberían constituír o eixo das nosas preocupacións moito máis que esa paralizante morriña sobre un tempo pasado que nunca máis se vai repetir.
O crecemento imparable do blogomillo e a modificación vertixinosa do propio soporte (cando morrerá, tamén, a escrita blog tal como hoxe a coñecemos?) son circunstancias que requiren novos tipos de análise e reflexión menos complacientes que as empregadas ata agora. Creo que chegou o momento de que todos os blogueiros galegos interesados nos xuntemos, ao xeito dun Primeiro Congreso dos Blogs en galego, para analizar e reflexionar devagariño de ónde vimos, ónde estamos, cara ónde queremos e podemos ir co noso blogomillo. Ademais, teriamos a oportunidade de compartir cervexas e longos parrafeos entre tanta boa xente.
Etiquetas: ,

Chuzame! A Facebook A Twitter

Uso educativo dos blogs

2 Decembro, 2006 (22:09) | Blogs, Educación, Slideshare | 2 comments

Esta presentación de Tiscar sobre o uso educativo dos blogs é modélica, tanto pola claridade na presentación e estruturación das ideas como no formato. Non coñecía o slideshare que permite subir presentacións unha utilidade interesantísima). Beizóns, Tiscar.
Etiquetas:,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Galegos na rede

19 Novembro, 2006 (19:11) | Blogs, Internet | 1 comment

Tivo interese a mesa redonda na que participamos varios blogueiros no seo das xornadas de Enredad@s. Gustoume moito a intervención de Marcus Fernández que presentou un panorama moi clarificador e completo sobre a situación da Internet en Galicia, propoñendo unha reflexión sobre a nosa fenda dixital (existente sobre todo no mundo rural galego, onde as carencias de infraestruturas son clamorosas) e, ao mesmo tempo, amosando a diversidade e calidade das nosas publicacións electrónicas e soportes de participación social. A intervención de Wicho, coautor de Microsiervos, o blog español máis importante do mundo foi impecable, propia dun mestre blogueiro. A pesar de que xa tiña noticia da súa enorme audiencia, impresionáronme as estatísticas (actualmente sobre 70.000 visitas diarias), a presentación das funcións, que foron engadindo ao longo destes tres anos, e a reflexión sobre o papel dos buscadores no desenvolvemento do blog. Roberto Noguerol reflexionou sobre a funcións de moitos blogs que se limitan a revitalizar noticias que aparecen, xeralmente, na prensa impresa, especulando sobre a posibilidade de que os blogs, vítimas do seu éxito, vaian degradando no futuro o seu papel. José Manuel Lage, o único deputado galego con blog aberto, falou da utilidade dos blogs na participación política e amosou algunhas das experiencias deste tipo, na súa opinión, máis salientables. Por último, eu presentei os temas e as razóns destas brétemas. Cinco intervencións que, grazas á magnífica presentación moi contextualizadora de María Yáñez, contribuíron a debuxar un panorama sobre diversas tendencias e opinións sobre a posición actual dos galegos na rede.

Actualización (21-11-2006)
: a foto corresponde ao fotolog de Wicho, quen hoxe tamén publica unha crónica da Mesa Redonda. Pola súa banda, Roberto Noguerol publica outra crónica moi traballada e unha síntese moi clarificadora da súa intervención. Coincido con Wicho no feito decepcionante que os asistentes ás xornadas non reflectisen a súas impresións na rede. Unha mostra de que algo aínda non funciona como debera.
Etiquetas: , ,

Chuzame! A Facebook A Twitter

Casa das Letras

11 Novembro, 2006 (13:22) | Blogs, Librarías | 2 comments

Vía Txetxu coñezo Casa das letras, o blog da Libraría Gráficas Santiago de Ribadeo. Que eu coñeza, coa excepción dos espazos webs de Andel, Couceiro de Santiago e Trazos (con vendas online) este é o primeiro blog dunha libraría galega, un feito que cremos debe ser salientada. Esta veterana libraría da Mariña (tamén un centro de actividades culturais) foi recoñecida este ano co Premio Irmandade do Libro polo seu labor que, agora, dá un paso ao espazo electrónico. O blog inclúe fundamentalmente reseñas de novidades e noticias de autores (interesantísima a crónica da homenaxe a Suso Peña). Este blog é de indubidable interese, aínda que se bota en falta unha maior presenza do galego e, sequera, algunha referencia ás bitacoras culturais galegas.

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Cabrafanada

10 Novembro, 2006 (18:57) | Autores, Blogs | No comments

Con novo deseño (beta-blogger) e contidos moi completos volve o seu ritmo de publicación Cabrafanada, o cosmocaderno de Fran Alonso, un dos blogs pioneiros do blogomillo (a pesar de que algúns afirman que xa non existe). No blogrol proporciona moita información de todos os seus libros (un arquivo indispensable). Recomendo a lectura do seu post sobre Cartas de amor, o libro de relatos que acaba de chegar esta semana do prelo (un texto tan perturbador como enchido de tenrura en todas estas páxinas protagonizadas por voces femininas).
Moito pulo, Fran, e sorte cos caídas de luz!

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Beizóns

31 Outubro, 2006 (18:38) | Beizóns, Blogs | 2 comments

Beizóns, Berto!
Chuzame! A Facebook A Twitter

Enredad@s

18 Outubro, 2006 (15:52) | Blogs, Eventos, Internet | 6 comments

Hoxe coñecín o programa definitivo de Enredad@s as Xornadas sobre Mocidade e Internet que organiza en Santiago o Consello da Xuventude de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e as tres universidades galegas. O simpático da cuestión é que coinciden nas mesmas datas e case no mesmo horario co noso Simposio sobre as Bibliotecas. Os organizadores convidáronme a participar, o día 17 de novembro, nunha mesa redonda titulada “Hai un galego na rede”, xunto con María Yáñez, Marcus Fernández, Javier Pedreira (“Wicho”) e José Manuel Lage Tuñas. Nas xornadas haberá debates e conferencias de responsables en España de Google e Microsoft, ademais dun curso de formación (tres días) sobre “Weblogs: o meu espazo na rede. Comunicación e Marketind” impartido por Edan Xestion. Semella que cada día é maior o interese en Galicia pola literacidade electrónica.
Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

1000

14 Outubro, 2006 (14:49) | Blogs, Internet, Literacidade, Persoal | 23 comments

Estas brétemas acadan co este post o seu número 1000, unha cifra inimaxinable cando hai case dous anos iniciabamos este vieiro de publicación na rede. Os máis de tres mil comentarios que as enriqueceron –contradicindo, polemizando ou rectificando ao autor con absoluta liberdade e grande xenerosidade– e os lectores e lectoras silenciosos que sei as seguen son o mellor aliciente para continuar a súa publicación.

Os temas
Cando comecei apenas albiscaba as posibilidades comunicacionais dos blogs e só tiña claro que a miña voz ía estar centrada arredor do meu traballo profesional como editor en lingua galega. A literatura, os debates arredor da edición, a defensa da cultura do libro (por riba dos seus soportes) e dos seus diversos profesionais foron e seguen sendo os temas máis recorrentes deste espazo virtual. No entanto, sen caer no ton melancólico dunha bitácora intimista (son demasiado pudoroso para facelo), as brétemas foron abrindose a outros eidos máis persoais: dende explicitar a miña devoción futbolística celeste (posición tan politicamente localista como incorrecta nun nacionalista), desvelar o meu interese polos temas gastronómicos e artísticos (especialmente a música) ou expresar a miña clara vontade de opinión política.
Comprendín axiña que outra das utilidades do blog é a súa capacidade de arquivo, razón pola que comecei a enlazar os artigos que publico cada domingo, dende hai oito anos, no Faro de Vigo, sobre actualidade social, política e cultural e carácter local, polo que sen pretendelo, as brétemas asumiron a cidade de Vigo e a problemática do espazo urbano como outro dos seus eixos transversais.
Con todo, e a pesar desta dispersión temática (algunhas veces descontralada), foi e segue sendo a lectura, ou a mobilización ou insubmisión lectora que propoño insistentemente, o centro da preocupación e da poética do blog.

As razóns
A primeira é fundamental razón deste blog é informar para compartir e conversar, o que me obriga a ofrecer información de primeira man da que dispoño (coa prudencia profesional que isto require), ensaiar argumentos e contrastalos cos comentarios dos lectores e, sobre todo, identificar tendencias e explorar novos vieiros. Concibido así, o blog é para min hoxe unha fonte de construción de coñecemento e aprendizaxe compartida esencial.

A textualidade
A esta altura os blogs son a manifestación da xeralización ou democratización da nova textualidade electrónica ou nas palabras de Juan Varela identidades de dominio público. Como usuario levaba preparando centos de textos para publicar na rede dende 1997, mais nunca percibira todas as posibilidades desta textualidade ata que comecei a manexar a interface blog.
Teño insistido en que non me interesa tanto o soporte en si mesmo (non son un fanático da informática nin usuario avanzado dos últimos berridos tecnolóxicos), como a textualidade dixital, que supón unha nova literacidade, esta nova forma de ler e de escribir en base as posibilidades que proporciona a hipertextualidade e a multimodalidade.
Por riba das historias que conten cada un dos blogs, sexan os intimistas ou os especializados, todos empregan esta nova textualidade. Aí reside, para min, o irreversible dun fenómeno efímero (os blogs de hoxe en día desparecerán antes cos libros analóxicos, sendo substituídos por outro soporte que hoxe aínda descoñecemos) que xa está modificando a información e a creación literaria impresa en base a palabras.
Esta nova literacidade está permanentemente sendo revisada por mor de que as novas posibilidades técnicas do soporte son novas posibilidades creativas. Os nosos blogs xa non son como hai un ano debido a que incorporaron novas utilidades, que foron transformando a súa escrita e a súa lectura: a aparición do You Tube ou do chuza provocaron unha revolución silenciosa no blogomillo tan importante como a que supuxo hai un par de ano a utilización do formato PDF para a edición impresa.
Lembrando ao meu querido Paulo Freire, “a lectura é unha práctica social e cultural inserida sempre nunha comunidade e tempos concretos“. Nese contexto, creo que podemos entender o apaixonante proceso no que estamos participando.

Prácticas nas que creo
Enriquecer o texto con enlaces significativos que permitan a intertextualidade e a hipertextualidade.
–Concibir o enlace, cando sexa oportuno, como unha metáfora visual, sonora e visual.
Metabloguear (ou tecer a rede laboriosamente) é contribuír a conformar as comunidades transversais nas que nos imos adscribindo. A repetición sinala interese na medida que cada autor imprime a súa pegada e enriquece o contido.
Etiquetar o contido para facilitar as buscas semánticas. O etiquetato permite o arquivo (non esquezamos que na rede, a pesar da súa inmediatez, publicamos sempre para o futuro).
-Sindicar os contidos para facilitar a lectura.

Sobre o nome de Brétemas
Moitas veces téñenme preguntado polas razóns de escoller este alcuño. A primeira e fundamental foi recuperar o nome da miña primeira militancia política universitaria (hai agora trinta anos) e da que non saín moi ben parado; a segunda por homenaxear a un personaxe de No ventre do silencio; e a terceira porque sempre gustei do espazo do
neboeiro
como incitación para albiscar o perfil do horizonte.

Etiquetas: ,

Chuzame! A Facebook A Twitter

Suso de Toro en EblogTV

12 Outubro, 2006 (10:11) | Autores, Blogs, Televisión | 2 comments

Suso de Toro, o escritor que máis ten apostado pola textualidade electrónica na rede, foi o primeiro convidado das emisións en directo de EblogTV. A entrevista (en realidade un vídeo encontro) amosa tanto as posibilidades da nova televisión persoal na rede como as potencialidades deste tipo de soporte para o fomento da lectura. Moi interesante.

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Blogs: identidades de dominio público

8 Outubro, 2006 (09:52) | Blogs | No comments

Juan publica este post fundamental no que volve definir aos blogs como identidades de dominio público. Este texto sobre o “eu dixital” debe quedar no noso arquivo.
Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp