MURALLA A pesar do empate raquítico fronte á muralla vallecana, do partido de onte podemos tirar, canto menos, dúas conclusións positivas: a primeira, o Celta leva xa dous meses sen perder na competición ligueira, grazas a que vai fortalecendo a súa liña defensiva (até agora o seu punto máis feble); e, segunda, os seareiros celestes comezan, aínda que sexa timidamente, a volver ás bancadas de Balaídos (a de onte foi a mellor entrada da tempada). No entanto, este empate sen goles foi un resultado insatisfactorio para os méritos que os de Pepe Murcia fixeron sobre a lameira. Tras unha saída entusiasta dos celestes, que conseguiron nos primeiros minutos senllas chegadas perigosas de Michu e Ghilas, o Rayo Vallecano tivo o mérito de adormecer o encontro, apagándoo e afeándoo nunha batalla táctica no medio do campo, onde os seus pivotes paraban de forma expeditiva calquera das iniciativas de creación dos nosos. Semellante pasividade atacante vallecana contaxiou aos celestes durante un bo treito da primeira parte. O xogo embarullábase coma nun labirinto no centro o terreo e apenas Dinei conseguiu nunha ocasión xutar con perigo na área, Ghilas e Óscar Díaz (que abandonou o campo mancado no minuto 37 e foi substituído por Danilo) realizar un par de desbordes e Fabiano centrar nunha ocasión dende a súa banda. Tras o descanso, diante da desesperante actitude contemplativa dos madrileños, os celestes incrementaron de forma moi decidida o seu ritmo e empurraron ás dúas liñas da muralla vallecana (moi ben colocada sobre a súa área). Grazas a este dominio case absoluto (os vallecanos só aspiraban a que se producise un erro defensivo galego e poder montar un contrataque, feito que nunca aconteceu) o Celta dispuxo de dúas clarísimas oportunidades para facerse co encontro: un cabezazo de Dinei rematando un saque de recanto (que vimos dentro) e, sobre todo, a mellor xogada do partido, unha gran entrada de Ghilas pola banda dereita, o seu centro posterior, ao que non chegou por milímetros Dinei, e o conseguinte rexeite defensivo que un desacertado Danilo, a porta baleira, guindou ás bancadas de Marcador. Nos minutos finais, a pesar da insistencia do ataque celeste, a muralla vallecana foi imposible de franquear. Con este pobre resultado, o Celta abóase á estratexia da goma que coñecimos o pasado campionato: cando semellaba que podía enganchar tres vitorias consecutivas (e colocarse, así, preto das posicións de ascenso), dá un decepcionante paso atrás. Con todo, para non perder esperanzas, quedémonos coa solidez defensiva do conxunto e coa magnífica actitude atacante da segunda parte.
O CELTA MÁIS GALEGO Ao Celta abondoulle unha magnífica primeira parte para vencer con claridade ao Salamanca, o actual líder deste frouxísimo campionato de segunda división, consolidando paseniño a súa remontada na táboa clasificatoria e a súa serie de nove partidos oficiais sen coñecer a derrota. Unha boa noticia. Arrincou este Celta, o máis galego que recordamos en moito tempo (cinco xogadores no cadro inicial), moi concentrado e presionante, interferindo dende o medio centro as liñas de pase do rival, que non conseguía dar dous pases con xeito. Ademais, no primeiro cuarto de hora, as subidas polas bandas do magnífico Dani Abalo (moi ben apoiado por un, afortunadamente, recuperado George Lucas) e de Ghilas crearon varias ocasións de perigo. Pouco despois, un bo pase interior de Trashorras permitiu a Dinei realizar un centro con moita rosca que un defensa, tratando de despexar, axudou a introducir na súa propia meta. O gol apupou aos celestes que continuaron co control do xogo durante outro cuarto de hora, para, logo, embarullarse no centro do campo ata o descanso. Porén, a segunda parte foi maliña, aburrida ao comezo e moi agobiante ao remate. Os visitantes, que ata entón non foran capaces de chegar en ocasión ningunha á área céltica, adiantaron un chisco as súas liñas e aseñorearon o encontro, o que motivou un repregue ultradefensivo celeste, ordenado polo seu medroso adestrador. Aínda que as numerosas chegadas salmantinas nunca tiveron perigo (semellaba incomprensible que este equipiño encabezase a clasificación), a inquedanza foi progresivamente aumentando na bancada, sobre todo, no comezo do derradeiro treito do partido, cando Roberto Lago foi expulsado por unha parvada de colexial, e os nosos quedaron en inferioridade numérica. A oportuna entrada de Óscar Díaz proporcionou o alento e a mordacidade da que carecían os célticos; un seu espectacular longueirazo, realizado en carreira e dende trinta metros, puido acougar o partido. Os cinco minutos de desconto foron infartantes, un pasacorredoiras no que a pelota circulaba coma tola dunha a outra área. Foi entón cando apareceu Trashorras, un xogador tan xenial coma aparentemente indolente (promete crear a inevitable polémica dos xogadores descontinuos que agachan no pé unha luva), que enganchou un balón no aire, dende fóra da área, e o enviou coma un misil entre a cruceta dos paos. Magnífico! Un dos mellores goles que temos visto nos últimos anos en Balaídos. Abandonamos o estadio cantando «Miña terra galega», o himno de Siniestro Total (todo un acerto do novo locutor), con esperanzas renovadas. Nesta segunda, todo está moi aberto.
DEPRIMENTE PECHACANCELOS Tras esta nova derrota, xa non temos dúbidas: este Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez é un equipo moi frouxiño, sen intensidade anímica ningunha, sen unha concepción orixinal e áxil do xogo e, o peor de todo, sen vimbios de calidade suficientes que permitan albergar esperanza ningunha. A moitos seareiros puideron parecerlles inoportunas ás declaracións realizadas durante a semana polo indolente adestrador andaluz; mais, sufrindo o xogo deprimente que realizaron os seus pupilos onte na lameira de Balaídos, debemos recoñecer que eran absolutamente realistas e sinceras: “o obxectivo deste Celta non é o ascenso” porque, desgraciadamente (aos pésimos resultados hai que aterse) a súa única aspiración é intentar non desaparecer como club. O partido fronte ao Nastic de Tarragona, mui ben dirixido polo ex-céltico Jandro (el só toleou a todos os nosos centrocampistas e defensas), foi un novo episodio dun pesadelo que, agora con novos protagonistas, se ven repetindo ao longo do último ano. Na primeira parte, os celestes dominaron o encontro e estragaron as súas oportunidades. Dani Abalo fixo un par de boas internadas pola súa banda que non atoparon remate, Ghilas outra moi perigosa (que puido ser penalti) e Trashorras un lanzamento lonxano (que semellaba gol). Aí rematou o noso perigo. A segunda foi toda dos cataláns que deron un auténtico baño aos galegos. Coa lección ben aprendida do anterior partido co Girona, deixaron que o Celta marease a pelota con escasa profundidade, á esculca da oportunidade de destrozar co seu contraataque a un equipo que sabían que cando recibise un tanto se desfaría coma un xeado. Así foi punto por punto. Xa aos catro minutos da reanudación tiveron unha oportunidade enorme, que cinco minutos despois o velocísimo Dipo xa non desperdiciaría. Co marcador en desavantaxe, e como sucedera hai dúas semanas, Murcia tardou case vinte minutos en reaccionar e introducir os seus trocos. A pesar de que Dinei (substituíu a un nulo David) rematou nunha ocasión ao longueiro e Noguerol (o mellor dos celestes) subiu algunhas boas pelotas á área, o encontro quedou con todo o peixe vendido cando no minuto corenta N’Gal batiu a Notario. A preguiza coa que Pepe Murcia dirixiu o encontro amosa que se sabe fugaz ave de paso. Quizais, durante algunhas xornadas, as estreiteces da lei concursal o poidan salvar, mais tal como van as cousas (o Celta despois de moitos anos está de pechacancelos) semella a pé feito que lle corresponderá a Alejandro Menéndez, o actual adestrador do Celta B intentar dirixir a remontada.
MAL COMEZO Tras as boas sensacións da pretempada tiñamos fundadas esperanzas en que este Celta refundado na concursal comezaría a liga de forma ilusionante e axiña nos faría esquecer dous anos de pesadelo. Porén, este Celta do trinque (no que só permanecen dous xogadores da tempada pasada no primeiro equipo titular, o capitán Rubén e o medio centro destrutor Rosada) amosouse aínda moi inmaduro e absolutamente incapaz de superar a un equipo tan ben estruturado como o Girona, o recén ascendido que noqueou na fase de ascenso ao Pontevedra e permaneceu invito na pasada tempada regular de 2º B. Foron os cataláns un óso demasiado duro de roer para un equipo aínda en construción, como é o de Pepe Murcia, máis obsesionado por manter o axuste do seu debuxo táctico e o control do xogo ca en procurar situacións de vantaxe e de perigo na área rival. Dende o inicio, os de Raúl Agné agardaron polos celestes diante da frontal da súa área onde, coa excepción dun par de internadas polas bandas dun magnífico e descarado Dani Abalo (o canteirán foi o mellor dos célticos) e dunha moi boa galopada de Óscar Díaz, finalizaban as lentísimas combinacións dirixidas dende o centro por Trashorras, o único mediocampista dos nosos con certa capacidade creativa. Unha e outra vez as tenues subidas celestes quedaban afogadas alí pola intensidade defensiva catalana que aproveitaba as súas recuperacións para despregar perigosos e veloces contraataques que supuxeron un par de clarísimas oportunidades malogradas in extremis por Notario, o novo gardarredes céltico. Tras a reanudación, apenas variou este panorama ata que no minuto dezaoito un erro fatal nun despexe dentro da área celeste de Óscar Díaz facilitou que o Girona marcase a pracer o seu gol. Entón, Pepe Murcia non soubo reaccionar; desconcertado agardou un cuarto de hora para introducir, entón á desesperada, toda a súa artillaría ofensiva, un feito que apenas intimidou a un Girona xa cada vez máis seguro e dominador do partido. Ademais do sabor agre desta primeira derrota e da preocupante incapacidade rematadora amosada por todos os novos atacantes celestes (tanto Ghilas, David como Dinei estiveron a un baixo nivel), o encontro deixou algunha escintilación de esperanza, sobre todo polo bo comportamento dos dous centrais galegos (Rubén e Noguerol estiveron impecables) e polo perigo creado por Dani Abalo na súa banda, ao que contribuíu o seu bo entendemento con Trashorras. Agardabamos moito máis. Un pobrísimo balance para un mal comezo do proxecto de Pepe Murcia.
A completísima reportaxe fotográfica do partido é de Javicelta. Obrigado.
ESCÁNDALO Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.
SAN ESTEBAN A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.
50 PUNTOS Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.
RIR OU CHORAR? Aínda que os resistentes celestes temos coiro abondo paraencaixarunhanovaderrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é querematecantoantes esta tempada nefasta protagonizada por un Celtapatético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os setechorares pola súa falta de almaourir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, porcerto, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contratodo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotascelestes: poñémonos pordiante ao comezo da primeiraparte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de errosdefensivosridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unhasaídaatacante moi intensa dos malacitanos quedurante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiroscelestes, como é adoito no guión dos seuspartidos, estragaron tres clarasoportunidadesparaliquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestradorceleste non soubo lerque a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unhaperda de balón infantil de Okkas no medio campoparaabrir un amplocorredorque soubo aproveitar Eliseu e, cincominutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de formaelegante a Ivan Rosadotoda a pelotaparaque os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rirouchorar?
SOUBO A POUCO Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.
ABURRIDOS Perdido o obxectivo do ascenso, un aburrimento insoportable asolagou Balaídos. O encontro vespertino do sábado fronte a unha decepcionante e temerosa Real Sociedade (que pola fraca actitude amosada, tamén vai ter moi difícil ascender) agoira que o derradeiro treito desta nefasta primeira tempada en segunda vai deixar as bancadas de Balaídos coma un auténtico ermo. Os poucos celtistas voluntariosos e pacientes que aínda acudimos ao estadio perdemos xornada a xornada os escasos azos que nos quedan nas nosas reservas de entusiasmo. Resulta absolutamente decepcionante contemplar o deambular apático e vencido do noso equipo sobre a lameira, incapaz de atopar un vieiro certo da vitoria ou de amosar sequera aos seus afeccionados resistentes que conta cunha alma aínda non completamente derrotada. Saíu a Real de Juanma Lillo co equipo moi adiantado, chegando con moita facilidade á portaría de Esteban, semellando que viña a facerse cun encontro vital para as súas aspiracións de ascenso. Cando os donostiarras mareaban co seu fútbol combinatorio aos celestes, un inesperado cabezazo de Lequi –tras un bo servizo de Larena dende o recanto e un estrepitoso fallo de marcaxe da defensa vasca– os puxo por diante no minuto vinte e sete. Mais, como xa é adoito, o espellismo dunha posible vitoria céltica non durou nin vinte minutos. Perdida a batalla do centro do campo, onde o traballo solitario de Michu (Rosada non compareceu neste partido) non abondaba para controlar o de Garitano e Martí, e sen bandas ningunhas por onde rachar, un recorte de libro a Lucas permitiu que Castillo centrase moi cómodo dende o extremo da área e que Díaz de Cerio empatase a pracer, cando remataba o primeiro tempo. Aí rematou o escaso fútbol que se viu no encontro. A segunda parte foi aburridísima. A Real achantouse, sometida a un pánico inexplicable e arrepiante, apaxando a pelota mais renunciando a arriscarse a levar un partido que tiña na man fronte a un rival tan endeble e desmotivado. O Celta defendeuse con certa orde e mesmo, nos minutos finais, co público adurmiñado e bocexante, amagou con algún contraataque de certo perigo, mais xa era tarde para intentar recuperar tanto tempo estragado. Finalizado tan aburrido “espectáculo”, tras o ritual minuto de asubíos da bancada dirixido ao señor Mouriño, os afeccionados collemos os paraugas para intentar defendernos do ballón. Coa que estaba caendo sobre Balaídos, mellor era abrigarse.
O INCRIBLE ROBERTO A pesar do empate co Sporting de Xixón –que volve chafar aos que manexaban esperanzas de que o Celta desputase o ascenso nas derradeiras xornadas– saímos satisfeitos da matinal de Balaídos. Despois de moitos meses de desfeita no xogo celeste, por fin vimos un equipo noso serio, intenso e disciplinado que buscou con convicción a vitoria dende o primeiro ao derradeiro minuto do encontro. Se o Celta non a conseguiu, foi porque Roberto, o porteiro chantadino do Xixón realizou un partido memorable, atallando media ducia de pelotas incribles que dende a bancada cantamos como gol. Ao longo da primeira parte, os de Antonio López déronlle un repaso soberano a un pobre Sporting, porén animicamente moi ben arroupado dende a bancada de Preferencia polo súa “mareona” vermella. Co xogo controlado dende a defensa (onde se notou a consistencia de Peña) e, sobre todo, coa seguridade que proporcionaba no centro da cancha o labor destrutor dun inmenso Rosada (o mellor dos célticos), todos os dianteiros celestes foron machucando a portaría asturiana, onde o que fora a porteiro do Celta B teimosamente lles roubaba o gol. Dende a banda, Núñez estricaba o xogo celeste coas súas galopadas velocísimas proporcionando balóns preciosos; o canteirán Michu enviaba, dende a segunda liña, varias pelotas interiores enevelenadas para que logo Diego Costa e Perera aburrisen cos seus caneos e remates á nerviosa defensa asturiana. Mais nuns casos coma noutras, as puntas celestes atoparon que os seus remates malográbanse nas mans, nos puños ou nas biqueiras do incrible Roberto, que mesmo chegou a interceptar un colocadísimo cabezazo de Michu ao pé do pau. Durante a segunda parte, o abafante dominio celeste afrouxou e foi cando os asturianos gozaron dun par de oportunidades, aínda que como no período anterior foron as dos celestes as máis claras, fose o magnífico remate de Peña lambendo o pau ou o derradeiro empurrón estragado por Okkas durante os minutos de desconto. É unha mágoa que este Celta, onte tan famento de gol e moito máis intenso e concentrado en defensa que na etapa de López Caro, comece a funcionar cando o ascenso xa é unha quimera. Con todo, semella prometedor para o futuro o labor de reconstrución da autoestima e dos alicerces básicos do xogo promovido por Antonio López que en Soria comezou a colleitar os seus primeiros froitos. Onte o Celta mereceu tamén a vitoria, mágoa que atopase no seu camiño ao incrible Roberto.
TRISTE, MOI TRISTE Onte remataron as entelequias de Mouriño: tras o bacará fronte ao Albacete, o Celta está obrigado a mudar o obxectivo do ascenso a primeira polo de evitar o descenso a segunda división B. Acadar doce puntos de trinta e nove posibles será, a partir de agora, o obxectivo razonable para un equipo que na tempada pasada xogou a Champions League e que na presente conta co máis alto presuposto da categoría. Todo un baño de realismo. O troco de adestrador serviu para que o equipo perdese a pouca orde táctica que imprimira López Caro. A revolución disciplinaria de Antonio López, que deixou fóra da convocatoria a dous dos dianteiros dispoñibles (Costa e Quincy), e a incorporación do canteirán Michu (fixo un partido moi aceptable) na media punta non abondaron para impedir a caída libre na que semella estar inmerso o Celta durante este 2008. O noso é un equipo que segue carecendo de alma gañadora, dunha mínima estrutura no centro do campo (un auténtico desastre) e, sobre todo, da solidariedade defensiva imprescindible para ser un conxunto competitivo na segunda división. Ao Albacete, un dos colistas, abondáronlle dezasete minutos de xogo para que Barkero atopase un furadiño na esmirrrada defensa celeste e batese a Esteban. Aí remataron todas as esperanzas. A partir de entón, os nosos derrubáronse coma un castelo de area e, como na época Stoichkov, deixaron que fosen os centrais (Lequi e Rubén) os que dirixisen o xogo de ataque enviando pelotazos á área, onde Perera loitaba soíño fronte a cinco defensas. Coa excepción de dous remates con perigo do noso bota de ouro (no minuto 24 da segunda parte), pouco xogo celeste de ataque podemos relatar. A falta total de sentido, o disparate táctico e caos posicional, a falta de compromiso dos xogadores, os trocos desafortunados e a destempo do novo adestrador producíronse diante da maior indiferenza dunha afección (cada vez máis minguada) que, por fin, rebentou pedindo, durante a segunda metade, a demisión do presidente. Protestas lexítimas dunha bancada que comproba como o seu equipo se precipitou ao abismo desque está nas mans de Mouriño e de Ramón Martínez, responsables da composición deste pobrísimo e carísimo cadro de xogadores e técnicos foráneos. Se non se lle pon axiña remedio (e non vai ser doado con estes vimbios), esta desfeita pode levar a que Vigo quede sen fútbol de primeira división durante moitos anos. Triste, moi triste.
ACABOUSE Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.
VITORIA EMBARULLADA Un Celta sen alma pasou moi serias dificultades para superar ao colista, o Poli Exido que dirixe Fernando Santos, a quen en Balaídos lembramos como “o home tranquilo”. Nunha das peores primeiras partes que lle recordamos (e xa é dicir nun campionato tan anémico coma este), o Celta de López Caro amosou no seu xogo as feblezas que lle impiden, unha de cada tres xornadas, engancharse definitivamente no selecto grupo de equipos con aspiracións reais de ascenso. Durante este primeiro treito do partido, o Celta tivo sempre a pelota, tratou de conservar a calma e o equilibrio entre as súas liñas, mais foi incapaz de desentupir o barullo que no medio do campo lle preparou arteiramente Santos. Sen capacidade para distribuír xogo polas bandas, teimando conducir a bola polo centro, sen alternativas nin imaxinativas nin tácticas os celestes eran incapaces de profundizar cunha mínima intención. O Celta quedou durante moitos minutos esgazado, cunha metade do conxunto sempre detrás da pelota e a atacante agardando por ela. Só grazas a unha rosca a balón parado, ao coidado de Larena, Agus puido peitear cara atrás e batir ao meta andaluz no minuto vinte e sete. Porén, este bonito gol non abondou para desentupir o encontro, xa que cinco minutos despois a ledicia da bancada foise a pique, por mor do gol do empate, provocado tras a enésima perda de balón de Vitolo (un xogador moi descentrado e baixo de forma que debería ter quedado no banco). O resultado igualado, provocou un aumento da intensidade da presión céltica e as primeiras chegadas con intención, mesmo, pouco antes do descanso, un “gol fantasma” de Diego Costa (que seguramente debeu subir ao marcador) . A entrada de Okkas e Quincey na segunda parte e a expulsión dun defensa do Poli decantaron o encontro para os celestes, grazas a un servizo de cabeza do chipriota que soubo aproveitar Perera. Mais non nos enganemos: os vinte derradeiros minutos, co marcador por diante e con superioridade numérica diante do colista, non foron un camiño de rosas para os celestes xa que volveu o barullo e o conformismo, mentres os afeccionados amedrentados pediamos a hora. En definitiva, foi unha vitoria xusta e custosa fronte a un rival tan frouxiño como voluntarioso. Tres puntos valiosos, claro que si, que non aclaran as dúbidas sobre este Celta enganchado ao xogo da goma. Non acaba de convencernos nin polo seu xogo nin pola súa actitude.
Un bo exercicio, sobre o punto de vista das crónicas televisivas é comparar estes dous vídeos: o da Televisión de Andalucía e o da TVG.
OUTRO PASO ATRÁS Pouco podemos obxectar á xusta vitoria do Castellón fronte a un Celta feble e caótico, infelizmente enrugado cando tiña que dar o chimpo decisivo para consolidarse como aspirante. O Castellón, moi ben dirixido por Pepe Murcia, amosouse durante todo o encontro como un dos máis sólidos e eficaces equipos (mesmo á altura do Numancia) que teñen visitado Balaídos esta tempada. Teceu unha rede moi estreita de catro defensas e outros tantos mediocampistas que os dianteiros celestes, a pesar de contar co manexo do balón, nunca foron capaces de superar, coa excepción, na primeira parte, dun magnífico longueirazo de Canobbio nun saque de falta dende a frontal da área. Porén, os castellonenses interpretaron moi sabiamente o xogo do contraataque da man da sociedade arxentina formada polos seus dous únicos dianteiros, Tabarés e Oberman, autores dos seus goles. Tabarés, tras unha absurda perda de balón dun descentrado Roberto Lago, cando non se levaban nin dez minutos de encontro, cabeceou como quixo un servizo magnífico que dende a banda dispuxo o seu compañeiro; apenas comezada a segunda parte, Oberman noqueou aos celestes cun cacheirón impoñente dende fóra da área que pillou na eira ao pobre do Esteban. Resultado tan desfavorable animou ao diletante López Caro a introducir trocos no seu conxunto, facendo debutar en Balaídos a Goran Maric e Sales, dous dianteiros que moi pouco axudaron a mellorar o triste panorama de impotencia dun equipo que dominaba mais que non creaba perigo real ningún. Paradoxicamente, só a lesión de Canobbio (o mellor dos nosos), que motivou a entrada de Larena, animou o encontro, xa que Jorge axiña conseguiu enganchar unha pelota a corenta metros e dirixir un globo precioso que pillou adiantado ao porteiro visitante. Este gol xenial do canario foi o mellor do partido. Con todo, é unha mágoa constatar, outra vez máis, que este equipo de López Caro non ten feituras de conxunto gañador nin posúe a intensidade, a precisión, o esquema de xogo e a intelixencia colectiva precisas para actuar como tal nos momentos decisivos. Mentres, o presidente e o director deportivo, os auténticos responsables desta impotencia desesperante, continuarán facendo declaracións inútiles sobre a calidade do cadro de xogadores, nas que xa non acreditamos os afeccionados. Onte o Celta deu outro paso atrás, isto é moi preocupante.
SEN PEGADA O turrón non lle sentou ben aos celestes que comezan o ano con dous malos resultados e unha baixada preocupante da eficacia do seu xogo. Tras o fracaso en Cádiz da pasada semana, o encontro de onte fronte ao autobús do Salamanca amosou que o equipo de López Caro entrou nunha fase depresiva e que o banco e o cadro de xogadores son moito máis frouxos do que di o seu presidente. Saíu o Celta na primeira parte moi abusón, manexando a pelota con abrumadora autoridade, adiantando na banda os seus dous laterais e chegando con moita facilidade á área rival grazas aos arreóns dos seus centrais (Lequi e Rubén estiveron moi participativos), ás triangulacións entre Larena, Perera e Okkas e a un par de accións individuais de Diego Costa (máis frouxo que en encontros anteriores). Mais na área salmantina comezaban os seus problemas, xa que foi incapaz de destecer a arañeira defensiva que teceron os xogadores laranxas e, cando o conseguiu (nunha media ducia de ocasións claras), atopou ao debutante Biel Ribas, o mellor xogador sobre o campo, un porteiro de goma que parou todo canto se lle puxo por diante. Na segunda parte coñecimos a outra cara da moeda. O Celta, un equipo de carácter ciclotímico, decaeu moito no seu afán e foi permitindo que un Salamanca aparentemente inocente, ata entón encollido na súa área, se fose estricando sobre a lameira con certo perigo. Así sucedeu no minuto 73, cando o arbitro anulou un gol a Doñabeita por mor dun fóra de xogo moi discutible, o que constituíu un aprezable respiro para os celestes. Vaia susto! A saída do canteirán Ferrán Tacón, substituíndo a un lesionado Okkas, animou un pouco a atención da bancada demostrando que os rapaces do Celta B poden co seu descaro imprimir maior intensidade e compromiso ao equipo que o proporcionado polas “promesas” cedidas. Os minutos finais, cun Celta xa desfondado fisicamente, demostraron as importantes carencias do banco, xa que nin Manchev nin Mario Suárez contribuíron a mellorar a situación. Este Celta sen pegada e sen as pingas de calidade de Canobbio e Quincy (canto os botamos en falta!) ten poucas trazas de equipo gañador. Onte deu un paso atrás, a quimera do ascenso queda un pouco máis lonxe.
BOA CAROLADA O Celta rematou este seu “annus horribilis” cunha contundente carolada fronte a un moi frouxiño Granada 74. Catro caroliños –como diría Derviche paseando con Roquiño polas Avenidas– en senllas catro bonitas chegadas dun equipo que ten moitísima calidade diante e carencias importantes de medio campo para atrás. Os incombustibles afeccionados que aínda acudimos ás matinais de Balaídos xa estamos afeitos ao esquema do paciente López Caro: un equipo sempre ordenado (4-2-4) que deixa a iniciativa no medio do campo ao rival, agardando o momento preciso para sacudilo nunha das galopadas dos extremos ou nunha pelota longa matada por algún dos seus dous dianteiros. Así sucedeu aos nove minutos cando Perera aproveitou un servizo preciso de Larena para bater a Jaime, o gardarredes do equipo andaluz. Como xa é adoito co marcador por diante, os galegos entregaron o control e, dende entón, o partido transcorriu dunha forma desesperadamente aburrida para os espectadores. Sen medio campo celeste ningún, as continuas chegadas de Aranda (os seus caneos tolearon a Rubén), o mellor dos granadinos, mereceron algún gol. Mais coa reanudación, chegou a avalancha do equipo celeste, apupado polas alancadas á inglesa dun espléndido Núñez, un futbolista tan honrado coma xeneroso no seu esforzo; deste xeito chegaron varias oportunidades clamorosas e o formidable remate de Quincy, aproveitando o entrebote, que sentenciaba o encontro co segundo gol. Tras o troco do internacional ghanés por Diego Costa, chegaron os mellores momentos do xogo celeste. En vinte e cinco minutos o mozo brasileiro destilou pingas da súa calidade de xogador de alta escola: agasallou un balón precioso para que Perera volvese marcar no minuto trinta e realizou unha xogada enorme (desas inesquecibles), con tres caneos consecutivos nun espazo pequecho e unha cesión precisa na frontal, para que Mario Suárez clavase cun pexegazo o seu primeiro gol coma celeste. Unha marabilla! O Celta demostrou onte que ten moito, moito ataque, e calidade abonda para afrontar a decisiva segunda parte da campaña coas maiores aspiracións. Celebremos esperanzados esta moi boa carolada que pecha un ano celeste que é mellor esquecer.
REMONTADA HEROICA Os dez últimos minutos abondaron para que o Celta resolvese un encontro que dende a bancada dabamos por perdido. A expulsión no minuto dezaseis de Diego Costa (un xogador de indubidable calidade, mais que precisa madurar moito profesional e humanamente) malogrou o devir dun partido que o Celta comezou moi ben, apupado por cada unha das galopadas desequilibrantes pola banda de Quincy Owusu. En inferioridade, os de López Caro foron deixándose dominar polos pícaros sevillistas que, a piques de finalizar a primeira parte, sen buscalo atoparon un gol de falta nunha das cantadas ás que xa nos ten afeitos esta tempada Pinto. Coa reanudación, a pesar de modificar o esquema táctico (Canobbio subiu á media punta), non melloraron moito as cousas, transcorrían os minutos cun Celta desesperante na súa actitude indolente e incapaz de introducir un certo sentido no seu xogo atacante, semellando que marraría outra vez as posibilidade de engancharse na loita polo ascenso. Afortunadamente, foron as saídas de Guayre e Perera as que revolucionaron a temperatura anímica celeste. Unha gran xogada do canario permitiu que o estremeño cazase (no seu mellor estilo de bota de ouro) a igualada. O tanto espertou a un Quincy xenial que nunha das súas intentonas, cando faltaban só dous minutos, marcou o segundo tanto. Perera aínda tería outra oportunidade clarísima, salvada polo gardarredes andaluz, para aumentar o marcador. Dez minutos de coraxe, electrizantes, xogados co corazón, foron suficientes para devolvernos a ilusión. Con todo, esta primeira e importantísima vitoria (desas de seis puntos) de López Caro en Balaídos non pode ocultar as evidentes carencias que amosaron os celestes: a portaría está frouxa, a defensa sen Lequi e Contreras é moi fráxil, os medios centros son por agora interesantes proxectos de futuro (especialmente Mario Suárez), a dianteira sen Okkas (lesionado) e cun Canobbio e Núñez descentrados ten escasa pegada, e a dirección do adestrador (o que nos parece moi inquedante) tan ríxida como vacilante nos momentos máis decisivos. Celebremos con prudencia esperanzada esta ledicia, aínda que este Celta non está para botar moitos foguetes.
IN EXTREMIS Non hai dúbida de que ao Celta se lle atragoan as mañás en Balaídos. Tres matinais e senllos empates, sete encontros na casa e só dúas vitorias, son un pobrísimo balance para un equipo que pretende ascender, incapaz de enganchar dúas vitorias consecutivas. Saíu como é adoito, desque López Caro tomou as rédeas do plantel, moi ordenado, despregándose sobre o terreo cun impecable 4-2-4; un esquema que resultou claramente ineficaz diante dun Nástic que se plantou cun so punta, mais que soubo tecer unha malla tupidísima con catro mediocampistas feroces –o que impediu a fluidez e perigosidade dos toques e máis toques dos nosos dous apáticos estilistas (Larena e Canobbio)– agardando que un roubo de balón lles permitise sorprender por algunha das bandas. E así o conseguiron os cataláns no minuto dezaoito. Antonio López superou a Lukas e rematou dende o lateral esquerdo con moita intención un balón que Pinto rexeitou inocentemente cara adiante para que Calle (un pesadelo para a defensa nosa) rematase a pracer. Co encontro costa arriba e cos cataláns pechados, dende entón, a cal e canto, os celestes dominaron con claridade intentando unha e outra vez chegar á porta de Roberto (soberbio porteiro, o mellor xogador tarraconense). Houbo oportunidades a moreas, algunhas moi claras (como as de Canobbio, a porta baleira, varias dun Quincey bastante centrado ou unha de Lequi nun córner); outras malogradas por Perera, a quen lle ven grande a responsabilidade de ser primeiro dianteiro. Na reanudación, foron os trocos de Suárez, Costa e Okkas (preguntámonos se non deberon saír os tres dende o inicio?) os que permitiron aumentar a intensidade e profundidade do noso ataque. Tras a expulsión de Lequi e despois de que o arbitro embarullase o encontro de tarxetas, iniciado o desconto, chegou o remate de Rubén nunha das súas arroutadas atacantes. Tal como estaban as cousas de atoadas, o gol do defensa picheleiro foi celebrado como se dunha vitoria se tratase. A este Celta de López Caro, tan ordenadiño, como pouco organizado, faille falta un chisco máis de coraxe e xenialidade no remate, xusto o que lle permitiu a Rubén evitar in extremis unha derrota cantada dende a bancada.
DERBI MOI IGUALADO O primeiro derbi da tempada co Racing de Ferrol foi moi igualado e vistoso para as dúas afeccións. A primeira parte foi de claro dominio celeste. Conducidos dende o centro do campo por un criterioso Jorge Larena, os vigueses desenvolveron un xogo ordenado, unha intensa presión e un tratamento agarimoso da pelota, o que obrigou aos ferroláns a pecharse de forma meduliana e capear o temporal o mellor que puideron. Tivo o Celta, entón, as súas mellores oportunidades, dende un fermoso peiteado de Lequi que saíu rozando o pé do pau, a varias subidas veloces de Núñez que non atoparon rematador. Tras a reanudación, Juan Veiga, moi cuco, adiantou a súa defensa e optou por defender dende o campo céltico, o que foi amodiño desfacendo o sobrio esquema dos locais. Non obstante, despois dun parede preciosa entre Diego Costa e Georges Lucas, que conseguiu centrar dende a liña de fondo, Okkas rematou pola escuadra de forma inapelable. Aí rematou o encontro para os célticos que, como xa lles sucedera co Numancia, quedaron paralizados na “síndrome do 1-0” e non foron capaces de seguir impoñendo a súa autoridade. O “cacique” Medina avisou cun pexegazo ao longueiro, tocado por Pinto, mais no lanzamento do córner, Charpenet (totalmente só, nun clamoroso fallo de marcaxe) igualou o marcador. A partir dese momento, faltando case media hora, o Racing foise a polo encontro con enorme afouteza, sobre todo grazas á velocidade e aos caneos do vigués Jonathan Pereira (o fillo dos propietarios do “Xantar de Mari”) que toleou á defensa celeste. No minuto oitenta, nunha das súas arrincadas, o “Maradona do Calvario” combinou con recén saído Joselito que puido marcar cun punteirazo, rexeitado polo poste. Evolucionando as cousas desta guisa, compréndese que a igualada non foi mal resultado para os célticos. É innegable que con López Caro o equipo noso xa sabe a qué xoga, o que supón un adianto moi importante, mais non acaba de resolver aínda a súa problemática intermitencia no control dos tempos de cada encontro e a definición nos metros finais. Vamos, pero non imos; arrincamos, e axiña paramos. Aínda falta chispa, paciencia!
XUSTO EMPATE López Caro non conseguiu despexar aínda as dúbidas sobre o futuro que lle agarda ao Celta nesta difícil andaina por Segunda. É innegable que o andaluz en apenas dúas semanas conseguiu introducir maior disciplina táctica e conformar un “once” máis estable, aliñando aos que todos os afeccionados sabemos deben xogar, a Lequi na medular da defensa e a Perera, como revulsivo atacante das segundas partes. Mudanzas que provocaron, unhas mellores sensacións no xogo celeste, mais que se amosaron aínda insuficientes para vencer a pasada semana a un frouxo Albacete, como onte a un excelente Numancia, un equipo moi ordenado e paciente que en Balaídos soubo manter durante gran parte de encontro o control da pelota e do ritmo de xogo. Saíu o Celta disparado e dominador, cunha clara ocasión de Núñez no primeiro ataque e con outra de Okkas, tamén clarísima, aos cinco minutos. Axiña chegaría o magnífico cabezazo de Lequi, rematando unha falta sacada por Larena. Entón, o Celta amainou –sobre todo a partir da desgrazada lesión de Canobbio (hoxe o santo e seña galego)–, comezando a desintegrase, a enredarse nas súas dúbidas e a ceder o control a un Numancia que, minutos despois, conseguiu empatar transformando un penalti, provocado inocentemente por Lequi. Coa reanudación, un disparo letal na frontal da área grande dun inspirado Diego Costa provocou o penalti marcado por Larena. Dende ese preciso momento, os nosos volveron naufragar na vertixe de verse por diante no marcador. Deixaron o leme a un Numancia que entón aseñorou o encontro como quixo, empatándoo nunha falta maxistralmente executada por Moreno e mesmo podendo levalo, se non fose polas intervencións salvíficas de “San Pinto”, que se convertiu no mellor dos celestes. Non hai dúbida: o empate foi xusto e o encontro ben bonito, propio de dous conxuntos con anceios de Primeira. Quédanos a dúbida de cáles son as razóns dos baixóns físicos e anímicos que padece o Celta, sobre todo, nas segundas partes. Semella que López Caro debe acelerar as rotinas de pretempada para recuperar este treito preparatorio desperdiciado.
AUTORIDADE Fronte ao Xerez xogou o Celta o seu mellor partido, nesta difícil andaina para recuperar a categoría. A Stoichkov saíulle moi ben a súa aposta pola calidade e o fútbol combinativo aliñando xuntos a Canobbio, Larena e Diego Costa, hoxe os tres xogadores celestes con máis capacidade para mover a pelota con criterios de profundidade. Dende os intensos minutos iniciais, os célticos impuxeron a súa autoridade (algo que moito botabamos en falta), desenvolvendo un xogo máis ordenado, ligado e dominante ca en ningún outro encontro. Así chegou o primeiro gol de Canobbio, froito dun magnífico pexegazo seco, raso, perfecto. Mágoa, que despois, os de Stoichkov, incomprensiblemente, perderan a tensión, deixando o control do balón aos andaluces que, avisaron do seu perigo cun magnífico xute dende a frontal, salvado por unha estirada inmensa de Pinto, que, cinco minutos despois, xa non puido evitar o empate nun contragolpe xerezano que non souberon defender os lentísimos centrais galegos (máis cedo que tarde, haberá que contar con Lequi e Contreras, a parella de apartados). Na reanudación, o Celta recuperou o pulo e a orde ofrecendo os mellores minutos da tempada. Larena tomou con autoridade o mando do xogo, suturando case todas as xogadas de ataque. Así chegou o primeiro dos goles de Diego Costa (anulado por fóra de xogo inexistente, tras un contra fermosa, triangulada por Larena e Núñez) e o segundo, tras un servizo espectacular de Canobbio, un xogador imprescindible que, a pesar da súa desesperante intermitencia, sabe poñer as pingas de calidade e sentido necesarias para recuperar o relato celeste. De novo, co marcador por diante, os celestes medraron e chegaron ocasións a moreas, o golazo de Mario Suárez e a ledicia á bancada. Non hai dúbida, o fútbol é a creación de sentido atacante, só así chegan as vitorias e aparecen alustros de beleza efémera sobre a lameira. Semella que Stoichkov vai achegándose ao equipo ideal, na procura do camiño desas tres vitorias consecutivas que nos coloquen nos postos da ilusión.
DOUS GOKKAZOS Os dous goles de Yiannis Okkas, o dianteiro internacional chipriota que debutaba en Balaídos, devolvéronos a ledicia. Porén, a pesar da clara vitoria diante da U.D. As Palmas (o equipo máis frouxo dos que por aquí pasaron), iso que chamamos fútbol aínda non compareceu sobre a lameira do Fragoso. A primeira parte celeste foi moi pobre. Os de Stoichkov non puideron impoñer a súa autoridade: a parella de pivotes (Vitolo e, o tamén debutante, Mario Suárez) quedaba trabada no medio do campo e os dous laterais (de carácter ultradefensivo e moi estáticos) eran incapaces de colaborar dalgunha forma no xogo atacante polas bandas. Apenas unhas poucas escintilacións técnicas de Larena e, sobre todo, do punta chipriota (unha agradable sorpresa) introducían algún fío polo que estirar o xogo e construír un relato cun mínimo de perigo. Na segunda parte mudou radicalmente o panorama, grazas, ao empuxe que supuxo a presenza diante dos pivotes de Diego Costa, que substituíu ao inofensivo Quincy “o bicicleteiro”. Unha xogada a balón parado, tocada co veludo preciso de Larena e peiteada con grande elegancia por Okkas, e unha contra ao límite do fóra de xogo, aínda mellor resolta, tamén, polo chipriota abondaron para pechar o marcador. Estes dous gokkazos de fermosa factura foron o mellor dun encontro que, a pesar do resultado, non resolve as dúbidas que arrastra o Celta deste comezo de tempada. Non vimos un esquema táctico definido, non vimos continuidade no debuxo das liñas (entre unha defensa caótica, que aposta máis polo pelotazo ca pola anticipación, e un medio campo sen personalidade nin capacidade de recuperación), non vimos, polo momento, capacidade de xerar ese fútbol ligado e coherente que gosta en Balaídos dende os tempos de Mazinho e Mostovoi. Mágoa, que o resultado quedase ennegrecido pola grave lesión de Borja Oubiña, na xornada na que debutaba en Anfield Road, un dos templos do fútbol mundial. Todo o noso agarimo, nestes momentos tan difíciles, para o mellor xogador galego deste século.
SINISTRO TOTAL Fronte ao Eibar, Stoichkov apostou por presentar outro equipo novo, sen canteirán galego ningún. Nos dez primeiros minutos, un par de detalles técnicos de Diego Costa, o media punta brasileiro que substituía a Canobbio, e unhas cantas bicicletas pola banda do holandés Quincy levantaron a bancada: semellaba que, por fin, chegaba o fútbol a Balaídos. Foi só un espellismo. Os vascos colléronlle amodiño o control do centro do campo a Souza e Larena (a nosa parella de medios) e desapareceu o fútbol combinativo dos celestes. Na primeira parte só grazas a senllos balóns de Rubén, picados dende moi atrás, Manchev (o noso único dianteiro) tivo a oportunidade de demostrar as súas enormes dificultades para desbordar ou rematar cun mínimo perigo. A pesar da entrada de Vitolo e Dani Abalo (que deron un chisco máis de velocidade) e das dúas xogadas con certo sentido que desperdiciou a nosa inocente dianteira, non mellorou o xogo céltico coa reanudación. Faltando dez minutos para a conclusión e enfastiada a bancada pola ausencia de algo que se poida chamar xogo, unha contra ben levada polos eibarrotarras abondou para noquear outra vez a este Celta paupérrimo. Na terceira xornada de liga a súa situación é xa absolutamente crítica, non só polos resultados que, previsiblemente, o situarán en posicións de descenso, senón, e sobre todo, por que non se intúe que nas vindeiras xornadas vaia mellorar o xogo e autoridade dos celestes sobre o terreo. O Celta de Stoichkov non manexa conceptos do fútbol actual, non posúe liderado nin dentro nin fóra do campo, amais de non ter corazón nin identidade definida. Algo que non nos extraña tras a vergonzosa política de liquidación do conxunto da tempada anterior e a súa transformación nun mero equipo vasoira, onde probar a canteiráns dos equipos da capital (onte chegaron a xogar até cinco destes inexpertos rapaciños). Un auténtico sinistro total para unha afección con oitenta anos de fútbol atlántico.
ASÍ NON SUBIMOS Polo que vimos contra o Córdoba, así non subimos. O Celta de Stoichkov naufragou en todas as súas liñas contra o equipo que hai só uns meses gañou o Play Off de ascenso ao noso benquerido Pontevedra. Sen patrón de xogo, sen identidade de conxunto, sen individualidades desequilibrantes, sen referentes de liderado dentro e fóra do terreo de xogo, sen coñecemento das características do equipo rival, sen compromiso nin convicción nas propias posibilidades, os célticos foron dominados coma fantoches durante case todo o encontro (nalgúns momentos da segunda parte de forma vergonzosa) por un equipiño entusiasta que se tería levado doadamente o encontro de ter máis fortuna na finalización. Custoulle ao Celta media hora realizar un remate e, en todo o partido, só foi capaz de tecer unha xogada con verdadeiro sentido atacante (a do gol dun pésimo Canobbio, que culminou unha boa asistencia de Larena). Un pobrísimo balance de xogo para o peor Celta que recordo, polo menos, nos últimos quince anos. Os sufridos resistentes da bancada (apenas a metade dos que comezamos a tempada pasada) non podemos dar creto á semellante desfeita que, sendo realistas, sitúa aos celestes moito máis preto da 2º B ca do devecido ascenso a primeira. As dúas únicas notas positivas da lamentable matinal de onte foron o debut de tres canteiráns (Richi, Dani Abalo e, sobre todo, dun prometedor Roberto Lago), que adozaron cun pouco de sal e optimismo o aborrecemento do público, e a posibilidade de tributarlle unha derradeira homenaxe a Borja Oubiña, quen, inevitablemente, abandonará o clube esta semana. Moito, moito terá que mellorar este equipo, instalado nunha crise gravísima de identidade, para poder aspirar a recuperar tanto terreo perdido. A mesma enerxía que utilizou o señor Mouriño para desmantelar nunha semana o club debería empregala ésta para rearmar realmente o equipo. Se non o fai, pode volver precipitalo no abismo.
DESCENSO MERECIDO Fallounos o Rácing de Santander! A vitoria merecida do Celta diante do motivadísmo Xetafe foi insuficiente para que se producise o milagre. Co apoio da bancada petada e voluntariosamente algareira, os celestes saíron moi nerviosos sabendo que a súa sorte non se dirimía só sobre a lameira viguesa e boa parte das súas posibilidades de permanencia quedaban na capacidade dos cántabros de non perder diante do Betis. No arranque do encontro, a defensa de Stoichkov facía, outra vez, auga de forma clamorosa e a solución de Ángel como mediocentro amosábase ineficaz para impedir que os tres dianteiros do Xetafe atuasen a Pinto cunha facilidade estremecedora. Así chegou o gol de Redondo, quen sen marca ningunha aproveitou un rexeite na fronte da área. Paradoxicamente, o Celta soubo erguer o seu ánimo e con enorme facilidade conseguiu empatar, minutos antes do descanso, grazas a un contragolpe moi ben resolto por Bamogo, que realizou un dos seus mellores partidos. Tras a reanudación, os celestes saíron afoutos, decididos a resolver o encontro decontado. Anunciouno Gustavo López cun intelixentísimo saque de falta, que bateu no poste, e concretouno Lequi rematando de cabeza un saque de esquina. Desbordouse, por uns minutos, a euforia en Balaídos: o milagre no que ninguén acreditaba, semellaba posible. Porén, as noticias radiofónicas dos goles do ex-céltico Edu no Sardinero foron enmudecendo a bancada que respectou os vinte e cinco minutos finais nun silencio sobrecolledor, expresión da súa tristeza e decepción por un descenso xa inevitable. Os que acudimos durante toda a tempada ao estadio sabemos que este descenso foi tan merecido como doloroso. Un equipo que só conseguiu gañar catro partidos na casa non podía aspirar a continuar en primeira. Non hai dúbida de que o Celta, se pretende volver axiña a primeira, precisa refundar o seu proxecto deportivo partindo case de cero. Velaí un reto moi difícil do que falaremos en setembro.
FELIZ CARAMBOLA Un penalti no tempo de desconto, que Fernando Baiano resolveu con enorme serenidade, permite ao Celta continuar coas súas posibilidades matemáticas de evitar o descenso. Unha feliz carambola para un partido dramático e escasamente vistoso no que os celestes nin foron superiores no xogo nin amosaron nunca unha mellor actitude que os béticos. De saída Stoichkov apostou polo equipo e polo esquema utilizado por Fernando Vázquez ao longo de case toda a tempada. Porén, a pesar da concentración de Borja Oubiña que permitiu algunhas interesantes recuperacións, os célticos nunca controlaron o centro do campo, por mor do naufraxio e a desimplicación xa habitual de Pablo García e de Canobbio. Só os dous voantes celestes conseguían subir polas bandas con certo perigo, mais como tamén é adoito os seus balóns se desperdiciaban na área pequena no momento decisivo do remate. Outra falla de marca de Placente permitiu que Odonkor centrase a pracer dende a liña de fondo para que Robert adiantase aos béticos. Semellaba entón que para a maior parte dos celestes, apenas transcorridos vinte minutos da primeira parte, o partido quedara resolto e a tempada amortizada. Só a actitude heroica de Gustavo López e un soberbio cacheirón coa súa zurda rescatou, a punto de chegar o descanso, a esperanza celeste. A segunda parte foi dun xogo nefasto dos dous conxuntos. A pesar da súa superioridade numérica, os de Stoichkov non foron capaces de intimidar a un rival moi disciplinado que se conformaba cun empate que o salvaba. No entanto cando a bancada manifestaba a súa decepción polo descenso, chegou a carambola dun inocente empurrón do porteiro andaluz a Núñez. O momento do lanzamento do penalti foi dramático e moi emocionante tanto no terreo de xogo coma na bancada. Grazas á precisión de Baiano, os celtistas que pretenden seguir soñando aínda poden facelo. A agonía continúa.
DEBACLE DEFINITIVA Non podemos seguir enganándonos inutilmente crendo en milagres que non se van producir: a derrota diante do marrulleiro e sospeitoso Levante déixanos en Segunda División. Un penalti fantasma sinalado a piques de rematar a primeira parte –que o nefasto colexiado Rubinos Pérez semella quixo ver antes que se producise a “xogada” (daría para un argumento de auténtica novela negra)– arruinou as escasas posibilidades de que un paupérrimo Celta, a quen lle queima a pelota nas biqueiras de moitos dos seus xogadores, fose capaz, sequera, de empatar. Nin ao máis entusiasta seareiro pode extrañarlle que o equipo de Stoichkov encadee catro derrotas consecutivas xa que o seu xogo, a pesar do corazón que lle meten en cada encontro uns cantos xogadores honestos (Oubiña, Gustavo López, Tamas e moi poucos máis), é de calidade moi inferior ao que realizaba baixo a batuta disciplinada de Fernando Vázquez. Coa mudanza de adestrador, a pesar do espellismo mediático inicial, os celestes perden máis partidos, encaixan máis goles e, sobre todo, xogan moito peor. Sendo así as cousas, o descenso é inevitable, xa que as probabilidades de salvación son agora meramente matemáticas. A imaxe, ao remate do encontro, de Oubiña abandonando en solitario e bagoando o terreo de xogo encheunos de enorme tristeza (máis ca propia derrota). Unha situación tremenda que amosa a soidade deste grande xogador celtista fronte á desimplicación da maioría dos seus compañeiros que hai moitos meses (por razóns que xa é tempo coñecer) decidiron tirar a toalla sen que ningunha autoridade do club tratase de impedilo. O fracaso do presidente Carlos Mouriño é total, a pesar de que pretenda endosarllo ao anterior adestrador (por certo, tamén celtista de raíz). Diante desta catástrofe ben sería que xa se fose preparando a vindeira tempada con outros criterios deportivos. Como di a foliada da Roda “… temos que cambiar de xente”.
O GLOBO DESINCHOU A debacle diante do Mallorca demostra que o problema do Celta non era Vázquez, non. O globo da euforia provocado polos abrazos e a sintaxe fragmentada do simpático Stoichkov nas salas de prensa (que tanto ilusionou aos detractores do serio adestrador galego) serviron só para gañar ao Coruña. Porén, o partido de Zaragoza e, sobre todo, o de onte devólvenos a crúa realidade da situación agónica dun equipo que, na fase decisiva do campionato, carece de xogadores e de estratexia táctica solventes para atuar a rivais da súa mesma categoría. O Mallorca resolveu comodamente o partido nos primeiros vinte e cinco minutos. Abondoulle con plantarse con orde sobre o terreo, deixando que un incansable Ibagaza (que fixo o que quixo cun solitario Oubiña) empuxara a Jonás Gutiérrez e Arango sobre unha defensa e unha portería célticas que en cada ataque se desparramaba coma a manteiga. Inevitablemente, así chegarían os dous primeiros goles dos vermellóns, sen que os celestes amosaran capacidade ningunha de reacción. Coa reanudación e diante de tan contundente pallona, Stoichkov apostou por volver á fórmula tradicional de Vázquez, o dobre pivote, dando entrada ao conflitivo Pablo García (rifa ata cos seus propios compañeiros), o que supuxo un certo repunte do xogo atacante dos galegos que malograron algunhas oportunidades claras para acurtar a diferenza. Un espellismo que durou apenas dez minutos. Notouse, entón, a falta de Baiano e as escasas alternativas de remate deste equipo impotente que se precipita, se non o impide un milagre, cara á segunda división. O globo de Stoichkov (onte outro desesperado espectador máis) picábase coa mesma facilidade coa que foi inchado artificialmente pola xunta directiva celeste. Con estes vimbios tan endebles pode evitarse aínda o descenso? Unha pregunta que deberían responder o director deportivo Félix Carnero e o presidente Carlos Mouriño.
O VALOR DOS ABRAZOS Despois de celebrado o derby e recuperado, por fin, o ansiado vieiro das vitorias, teño claro que o principal problema do Celta non é tanto a calidade do seu xogo como a de recuperar o equilibrio anímico perdido tras seis meses de derrotas. Fernando Vázquez, un técnico honesto e celtista de corazón, a quen temos que agradecer dúas magníficas tempadas, porén, non soubo este ano xestionar este aspecto emocional na súa relación co cadro de xogadores nin moito menos coa maioría dos afeccionados. Velaí, no eido das emocións, onde se produciron as principais mudanzas de Stoichkov, quen cos seus brazos abertos e o seu entusiasmo desbordado conseguiu que a confianza, o orgullo e a alegría volvesen ao terreo de xogo e, sobre todo, ás desanimadas bancadas. Stoichkov introduciu lixeiras modificacións no conxunto habitual, colocando a Nené polo centro, como acompañante na punta de Baiano, e distribuíndo máis xogo polas bandas. No entanto, as maiores mudanzas estiveron na actitude dos xogadores que, dende o comezo, encararon con afouteza, rapidez e determinación a portería dun moi pachorrento Coruña, que agardaba atopar a fenda do decaemento anímico celeste. Durante a primeira parte o Celta chegou cunha facilidade apabullante, mais, como é adoito, non conseguía finalizar con éxito. Venturosamente na reanudación, cando o Coruña comezaba a controlar o tempo de xogo, Baiano matou unha pelota precisa dende a esquerda dun activísimo Gustavo López. Co marcador por diante, Stoichkov non se arredrou unha miga e meteu a Bamogo para conseguir maior capacidade de contraataque. Así, os emocionantes minutos finais, co Coruña empurrando con auténtico perigo, foron unha festa nas bancadas. O derby demostrou que o Celta, se é capaz de recuperar a autoestima, ten xogo abondo para manter a categoría. Polo momento o valor dos abrazos de Stoichkov serviu para superar a primeira final.
UN MADRID CUTRE O estado anímico da afección celeste, ben curtida en incontables derrotas, non se deteriorou con outra máis diante do Real Madrid. A procura de síntomas de mellora no xogo do equipo (moi perceptibles nos últimos encontros) abonda para non perder unha esperanza de permanencia que, grazas aos resultados doutros campos, continúa intacta. Pareceume o Madrid de Capello un equipo sen xeito, vulgar, apático, dos tantos que veñen esta tempada a Balaídos coa intención de levarse o partido aproveitando un par de erros motivados pola impaciencia anímica dos célticos. Como xa é adoito, os de Vázquez dispuxeron dunha chea de oportunidades, estragadas no segundo decisivo, e ofreceron instantes de beleza inesperada, como a rabona espectacular da primeira parte dun formidable Gustavo López ou o monumental taconazo de Nené que permitiu marcar a Ángel en carreira (ata agora, o mellor gol da tempada). O Madrid, coa excepción da gran actuación de Iker Casillas e do oportunismo de Robinho, non ofreceu aos seus numerosos seguidores galegos outra xogada merecedora de ser reseñada, nin artellou un minuto de fantasía para ser apupado, nin sequera un xesto técnico dalgunha das súas millonarias figuras que parecían conformarse con evitar a derrota. O Celta –a pesar de notar a ausencia de Cannobio e resentirse no centro do campo coas imprecisións de Borja Oubiña e Iriney (os dous algo fóra de punto despois das lesións)– foi un equipo moi valente e coraxudo capaz de obrigar ao rival a colocar vergonzosamente o autobús nos minutos finais. No entanto, volveu demostrarse que no fútbol se non metes cando podes (e os célticos puideron facelo en cinco ou seis ocasións), inevitablemente rematas perdendo. Un Madrid cutre gañou así a un Celta incapaz de rendibilizar o seu bo xogo para obter unha vitoria. Tampouco funcionaron os amuletos, este equipo continúa enmeigado.
OUTRA DOSE DE CICUTA Xa mo adiantara pola mañá un bo amigo bilbaino: “estes leóns nosos xa non che son tan feros coma noutrora”. E tiña toda a razón. O Celta e o Athletic, dous conxuntos amigos en horas moi baixas, ofreceron en Balaídos un espectáculo futbolístico moi pobre, onde mais ca xogo amosaron a súa impotencia para saír do foxo, onde por deméritos propios están instalados esta tempada. Ningún acadou o obxectivo que buscaba, mais, tal como transcorreu o encontro, os dous quedaron satisfeitos. Saíron os vascos dominadores, ata que os galegos, grazas ás escapadas pola esquerda de Gustavo (na súa posición natural), foron conseguindo controlar o tempo de xogo e adiantarse, á media hora, no marcador. A partir do gol de Ángel, os celestes controlaron con comodidade un partido que, por fin, semellaba non se escaparía. O comezo da segunda parte, a pesar do aparente dominio dos leóns, aínda foi máis prometedor: Baiano e Canobbio estragaron por milímetros senllas oportunidades nas súas biqueiras. Mais, cando faltaba aínda media hora, Pablo García autoexpulsouse de forma caprichosa e inxustificable, proporcionando a todo o seu equipo a dose de cicuta suficiente para suicidarse diante dos seus afeccionados. En inferioridade numérica, os celestes xa non puideron xestionar con garantías a súa vantaxe; desconcentrados retrasaron as súas posicións e, o ata entón, inofensivo conxunto bilbaino apretou para que Aduriz cabecease a pracer unha falta moi ben medida por Yeste. A partir dese momento –como demostrou Murillo nun cabezazo ao poste no derradeiro minuto– o empate era un magnífico resultado para os célticos, un equipo que ven demostrando ser absolutamente incapaz de superar o seu complexo a obter unha vitoria en Balaídos. Non hai dúbida de que o peor inimigo deste Celta son os seus propios fantasmas. Os de Pablo García non teñen nome. Outra boa oportunidade estragada.
DERROTA DÓCE Tan curtidos en fracasos como andamos esta tempada, a derrota celeste contra o Werder Bremen foi o de menos. Un resultado moi enganoso para os méritos que sobre a lameira viguesa fixeron dous conxuntos que ofreceron unha emocionante e bonita noite de fútbol copeiro. Non hai dúbida de que o Celta desta noites europeas é outro equipo. Sen a presión anímica da liga (que inmobiliza aos xogadores e á bancada), é un equipo moito máis competitivo, máis xarelo, mesmo moito máis alegre e decidido a procurar o gol na portería contraria. Con esta maior autoestima saíron os de Vázquez que atuaron durante todo o encontro aos simpáticos músicos de Bremen, o segundo clasificado dunha das mellores ligas europeas. Moi ben colocados sobre o campo e concentrados na súa presión defensiva, os de Fernando foron amodiño gañando a posesión da pelota e, sempre que puideron, intentaron doses de fantasía combinatoria (fixeron un par de xogadas memorables). Tamas (un descubrimento como mediocentro) e Pablo García (mellor en cada encontro) souberon lanzar a un equipo, onte moi afouto, que mereceu, xa na primeira parte, marcar nalgunha das súas clarísimas oportunidades. Coa reanudación, un Balaídos (por fin unido e satisfeito co xogo dos seus) vibrou e apupou a un Celta que, aínda, atesoura moito fútbol de calidade. Como sucedera en Valencia, apenas un minuto de desconcentración defensiva –seguramente, o único de todo o partido, motivado pola nova lesión de De Ridder, que mala fortuna ten este rapaz!–, malogrou tan magnífico traballo e mermou as posibilidades de continuar en Europa. No entanto, a pesar do negativo do resultado, os afeccionados saímos ben satisfeitos pola auténtico partidazo dos celestes. Xogando deste xeito, o decisivo partido do domingo contra o Atlétic de Bilbao pode encararse con maior confianza. Nunca unha derrota esta tempada foi máis dóce.
UN ESTADO DE ÁNIMO O partido de onte demostrounos que o fútbol é, sobre todo, un estado de ánimo. E o do Celta desta tempada avala en Balaídos entre os escasos momentos de euforia e confianza e os máis numerosos de confusión e medo, moito medo. Así sucedeu onte contra o Rácing de Santander, un equipo que, coñecendo a actual falta de confianza celeste e sen ofrecer un xogo doutro xoves, soubo teimar nas súas posibilidades ata conseguir o seu obxectivo de puntuar. É innegable que o Celta fixo unha boa primeira parte. Tras o recente éxito europeo, con dous goles á media hora e con varias xogadas magníficas de Bamogo (un par de controis de calidade, un cano na área rival e o espléndido cabezazo do segundo gol), os celestes conseguiron entusiasmar ata tal punto ao público que parecía dar por resolta a crise. Máis tamén o é que tras a reanudación, o Celta fixo unha segunda parte nefasta, fracasando de cheo a estratexia do adestrador de arrefríar un encontro moi vivo con constantes alternativas nas dúas portas. Mentres os galegos saíron temerosos a tratar de conservar o resultado reforzando a defensa, os cántabros puxeron moita convicción na remontada, conducidos por un Pablo Munitis inmenso nos seus caneos e na súa imprevisible mobilidade en todas as posicións avanzadas, feitos que provocaron dous fatídicos erros de concentración defensiva celeste. Estragáronse así todas as posibilidades de conseguir, por fin, unha segunda vitoria na casa. A polémica, entón, volveu á bancada, onde unha parte semella máis concentrada en discutir as polémicas decisións de Fernando Vázquez (hoxe os seus trocos foron pouco afortunados) ca en apupar e erguer ao equipo cando cae abatido na súa impotencia. Con semellante desencontro entre o adestrador e unha parte do público non vai ser doado atopar a saída do túnel. Non se lle ve moito xeito, non.
CELTAZO Aos moi poucos afeccionados que participamos no formidable espectáculo europeo de onte quedounos claro que o Celta vai saíndo paseniño da súa doenza. Fronte a un Spartak de Moscova, aínda un chisco baixo de forma, amosou síntomas dunha apreciable recuperación anímica e da consistencia do seu xogo. Fernando Vázquez presentou un modelo valente de xogo (3-4-3) que proporcionou ao equipo solidez e concentración defensiva (os nosos tres centrais gañáronlle case sempre a partida aos xigantóns rusos) e, sobre todo, capacidade de creación no medio campo, onde Borja Oubiña e un descoñecido Pablo García moi activo, realizaron moitas recuperacións e facilitaron que o balón rodase con perigo entre liñas. Na primeira parte o Celta xogando ao contragolpe realizou os mellores vinte minutos da tempada, con constantes paredes interiores, pases precisos e mesmo algúns alustros de xenialidade e fantasía. Froito desa insistencia atacante chegaron o gol de Nené, grazas a un bloqueo de Núñez (inspiradísimo de cabeza, nun dos seus mellores encontros en Vigo) e o pexegazo impresionante de Aspas (dende case corenta metros) que deixaba clara a solvencia europea dos celestes. Porén, para rematar tan trepidante partido (o mellor desta tempada), non puido faltar a emoción e a agonía: tras o gol dos rusos, os tres últimos minutos e os outros tantos do desconto foron de auténtico infarto con grandes oportunidades en ambas as dúas portas. Este celtazo na copa da UEFA, onde o equipo de Fernando Vázquez se sinte tan competitivo, amosa que hai vimbios dabondo para recuperar o ton doente desta liga tan difícil. Vivimos unha noite completa de fútbol europeo na que o medo e a emoción se transformaron, non era xa sen tempo, en ledicia e satisfacción desbordadas. A bancada, o adestrador e o conxunto merecíanas.
Á DERIVA A pesar de que acudimos a Balaídos ilusionados, a inapelable derrota diante do Espanyol volveunos demostrar que o Celta desta tempada padece unha grave doenza. As mudanzas no once inicial, incorporando as dúas discretas fichaxes de inverno, e a utilización, durante a primeira parte, dun novo esquema (4-4-2) modificaron moi pouco a fasquía dun equipo que volveu ofrecer un tristísimo espectáculo. As tenues melloras que supuxo esta estratexia fóronse ao garete aos vinte minutos cando Luis García marcou o primeiro gol dos periquiños, facilitado por tres erros consecutivos no despexe dunha defensa en permanente período de rebaixas. Tras o descanso, coa entrada de Gustavo López pola banda esquerda (á que lle é propia), a colocación no centro dun Canobbio moi activo e coa recuperación do seu esquema táctico tradicional (4-2-3-1), o Celta recuperou autoridade atacante e creou as mellores ocasións de gol de moitos meses. Un espellismo que durou só dez minutos. A incomprensible entrada de Nené (o que levou a Gustavo á dereita) e o gol de Pandiani, tras un contragolpe moi ben levado por Rufete, murcharon todas as esperanzas dos celestes de marcar. A partir de entón, amosaron a faciana da súa impotencia e a bancada a división que suscita a continuidade do adestrador. A indefinición na dirección técnica (onte demostrouse que Vázquez vacila por ónde tirar) e a falta de compromiso do cadro de xogadores (con algunhas honrosas excepcións, como as de Pinto e Oubiña) semellan ser os dous problemas principais deste equipo de cristal, que despois de vir amosando a súa preocupante fraxilidade nos tres últimos meses, esnaquizou nas dúas últimas xornadas toda a súa credibilidade diante dos seus seguidores. O Celta continúa á deriva, sen temón nin máquina dentro e fóra do campo. Nas vindeiras xornadas, a posibilidade do descenso vai pesarlle coma unha lousa. Que medo, mi madriña!
BAIXO MÍNIMOS Tras dez xornadas sen gañar, o Celta xa está baixo mínimos na táboa, nesa perigosísima intemperie de evitar na segunda volta perder a categoría. No partido contra o Nastic, os de Fernando Vázquez agotaron todo o creto acumulado a pasada tempada de desenvolver un xogo de calidade, xa que deixaron constancia que o da actual é, aínda, moito máis precario ca difícil situación clasificatoria, xa nos puntos de descenso. É innegable que os celestes saíron moito máis concentrados ca en partidos anteriores, presionando moi arriba a un rival que se amosaba tan endeble coma temeroso. Foi un espellismo que apenas durou un cuarto de hora. O entusiasmo atacante foi desaparecendo coma escuma na praia e, no resto da primeira parte, os colistas foron atopando a agulla de marear a un equipo moi previsible, brandiño, queixoso e lentísimo que funciona a velocidade dun daqueles vehículos diesel de primeira xeración. Na segunda, despois do magnífico gol de Oubiña (un dos poucos xogadores que puxo corazón e cabeciña), o Celta, en vez de intentar rematar a faena, moi temeroso atrasou as súas liñas deixándose enredar na súa área polos cataláns que en cada ataque atopaban moitas facilidades para acadar a igualada. Non tardou en chegar, grazas a un servizo preciso de Pinilla pola banda que rematou de forma letal Portillo. Balaídos quedou, entón, en case absoluto silencio, expresando así a indiferenza resignada dunha afección que veía esborrallarse, outra vez máis, ao seu equipo polo precipicio. O gol dos colistas agravou a crise do xogo celeste que apenas intentaron con escasa convicción procurar a remontada, dando por bo o empate. Hai meses que os célticos amosan en Balaídos unha diletancia preocupante, unha total falta de ideas e de alternativas tácticas para saír deste foxo. O equipo está baixo mínimos. Non vai ser doada conseguir a salvación.
ABRIUSE A CRISE Sabiamos que o partido contra o Atlético sería determinante para saber cal vai ser o futuro do Celta nesta liga tan atolada: ou continuar instalados na nube europea ou sufrir os arrebatos da loita pola permanencia (como nos corresponde tanto por orzamento como por tradición). Abondaron moi poucos minutos para saber que o dilema estaba resolto: a partir de agora os celestes deberán pasar as penalidades de Caín para evitar o descenso. O Atlético saíu ordenado e brioso, con enorme intensidade e concentración, colocando a defensa moi arriba e deixando que Maniche e Luccin controlasen o centro do campo fronte a un solitario Oubiña incapaz de paralos. Nos primeiros vinte minutos, dúas combinacións velocísimas entre Torres (o eterno adolescente, que amosa as formas elegantes dun auténtico bailarín acariñando a pelota co veludo do pé, fixo un partidazo) e Agüero (o émulo do mellor Romario) fundiron as posibilidades dos galegos. A partir de aí, os colchoeiros souberon arrefriar o encontro e deixaron que o Celta co control da pelota amosase a faciana da súa brandura atacante e da súa inseguridade defensiva. Na segunda parte, a pesar da saída un chisco máis coraxuda (grazas, Gustavo!) e do acerto pícaro da xogada do gol de Nené, xa era tarde para arranxar a desfeita inicial. Esta sexta derrota na casa abre sen paliativos a crise celeste, que se viña anunciando partido a partido. Ningunha das fichaxes funciona (o xogo de Nené, Guayre e Pablo García é máis que decepcionante), como tampouco axuda a centrar e serenar a ansiedade do equipo o conflito permanente do técnico cos árbitros. Ás portas do comezo da segunda volta cómpre parar esta perigosa deriva. Precísanse un par de reforzos (un segundo dianteiro, por favor) e recuperar a concentración tanto no campo coma no banco. Mouriño ten que facer fronte a súa primeira crise.
O INSTANTE DECISIVO Esta tempada un extraño trasno debe habitar na estragada lameira de Balaídos trabando as botas dos dianteiros celestes e impedindo que se produzan eses instantes decisivos, eses alustros de duración apenas perceptible para os seareiros, que permiten a aparición da fantasía irrepetible do gol. Onte, o Celta volveu poñer sobre o terreo todos os ingredientes necesarios para que algún deses momentos máxicos aparecesen: a intención atacante, a intensidade defensiva, o manexo con sentido da pelota, o despregue en velocidade polas bandas, o toque preciso nos desprazamentos, a cooperación no contragolpe… A pesar de manexar con soltura todos estes conceptos do fútbol gañador, mesmo a pesar do conformismo do actual pechacancelas da liga, o conxunto galego volveu naufragar na casa por que foi incapaz de concretar as súas múltiples oportunidades nos instantes decisivos: un pexegazo moi ben intencionado de Jorge Larena á trabe, un punteirazo ao pao do sempre batallador Baiano ou as diversas melés a porta baleira que os dianteiros celestes non souberon resolver. Durante moitos minutos do partido, cun dominio tan apabullante, con ocasións tan claras e realizando un xogo combinativo moi aceptable, parecía imposible que os celestes non acadasen, por fin, a vitoria diante dos seus afeccionados. Porén, por mor da teimosa presenza do trasno da imprecisión nos instantes decisivos o gol non só non apareceu se non que volveu asomar a temible sombra da derrota. Cando avanzada a segunda parte o Celta comezou a decaer fisicamente, tras tres encontros nunha semana, afortunadamente os de Lotina careceron da convicción suficiente para levarse o encontro nun dos seus contragolpes. Para os dous conxuntos estivo claro que no fútbol, como na vida, non se pode gañar se non se aproveitan eses poucos instantes decisivos.
DESENCONTRO A afección ten razóns para estar descontenta co Celta desta tempada. Os magníficos resultados e a consistencia do equipo fóra da casa (un dos mellores conxuntos como visitante) non se corresponden nin cos seus raquíticos resultados (apenas cinco puntos de vinte un posibles) nin coa intermitencia do seu xogo nos encontros de Balaídos. Esta comprensible decepción dunha bancada moi esixente, ansiosa de velo xogar na casa coa consistencia que amosa nos partidos televisados, estase traducindo nunha severísima como, para min, inxusta relación cos xogadores e, especialmente, co seu adestrador. Balaídos converteuse así para os celestes nun inferno máis que no escenario para sentirse agarimados e protexidos polos seus máis incondicionais siareiros. Onte volveu aparecer este desencontro nun partido intenso (o máis fermoso desta liga), desputado por dous conxuntos que quixeron a pelota e que estragaron moitas oportunidades claras en ambas as dúas portas. A primeira parte foi, sen dúbida, para os galegos mercede ao control do mediocampo, onde moito mandaron Iriney (secou ao perigoso Riquelme) e Oubiña, e a unha banda dereita onde Ángel e Gustavo desbordaron canto quixeron. Na segunda mudaron as tornas, o Villarreal gañou o control do xogo, o que non impediu que os célticos tivesen tres grandes oportunidades nas botas dun actívismo e sacrificado Baiano. Noutro contexto, este xogo perigoso e a vontade de vitoria do Celta, a pesar do empate, abondarían para deixar máis que satisfeita á bancada; mais sometidos a esta presión, o encontro rematou de forma moi tensa con apupos a Fernando Vázquez por mor do cambio de Baiano, solicitado previamente polo dianteiro (un malentendido). A reconciliación do equipo coa bancada é urxente se queremos acabar con este perigoso desencontro.
EMPATIÑO O adestrador aragonés Víctor Fernández –o inesquecible inspirador daquel engaiolante Celta de fantasía– na súa volta ao banco non perdeu as mañas e foi a polo partido dende o seu inicio: fixéronlle falta só seis minutos para que os seus se puxeran comodamente por diante no marcador grazas a un remate do perigoso Diego Milito, moi facilitado, tras un córner sacado en curto, por outro erro clamoroso da marcaxe celeste (xa un auténtico “clásico” da defensa viguesa nesta tempada). A pesar de que os zaragocistas quedaron mermados coa prematura expulsión de Zapater, os celestes non foron capaces de encarar o seu xogo coa convicción necesaria para acadar a vitoria. É certo que algúns xogadores como Jonathan Aspas empuxaron moito, como o é, tamén, que os celestes monologaron cansinamente co control da pelota no centro do campo, mais nunca foron capaces de destrabar o seu xogo de ataque tan escasamente creativo como ineficaz no remate (o gol de Baiano chegou tras unha cantada típica de César). Tampouco estivo máis fino Fernando Vázquez na dirección técnica do equipo: a pesar de estar en superioridade numérica, dende o primeiro cuarto de hora da primeira parte, non modificou nin unha miga o seu esquema de xogo; mantivo teimosamente a un Nené, que nin desborda nin defende e adiou de máis a entrada de Jorge Larena, un xogador que, polo menos, sempre permite ensaiar outras posibilidades atacantes cando Cannobio non ten o seu mellor día. Tal como transcorreron as cousas, o empatiño sóubonos a gloria xa que, a pesar de que o Celta non gaña na casa dende hai case mes e medio, por fin conseguiu puntuar. Agardamos que sexa o inicio dunha tendencia máis positiva e ilusionante para os sufridos afeccionados que aínda acudimos a Balaídos.
DESFEITA O fracaso europeo e a vergonzosa eliminación copeira do pasado xoves non agoiraban que se producise onte en Balaidos o inicio da agardada remontada. Comezaron o encontro os celestes moi animados conseguindo sacar catro corners e outras tantas oportunidades na súa primeira xogada de ataque. Mais a medida que foron pasando os minutos, e despois de que un defensa onubense sacase na mesma liña de meta un bo cabezazo de Baiano, o Celta foise desinchando e a primeira parte concluíu de forma soporífera. Coa reanudación chegou decontado o primeiro gol do Recreativo (ata entón pouco máis fixera que defenderse de forma ordenada), a balón parado e dende a banda dereita (nunha xogada moi semellante a que provocou a derrota co Alavés). Foron os sete minutos posteriores de absoluto desconcerto, cando o Celta vagaba desorientado polo campo como un boxeador noqueado, os que mellor aproveitaron os andaluces para sentenciar o encontro: unha fatal perda de balón de Iriney (que, inexplicablemente, carecía de cobertura) permitiu a galopada en solitario de Uche que soubo gañarlle a cintura a Pinto e marcar a porta baleira. Unha desfeita. Non abondaron as saídas de Perera e Larena, nin sequera a bonita combinación de toda a dianteira, que concluíu no gol de Guayre, para culminar unha remontada que os celestes nunca mereceron. Moito terá que reflexionar Fernando Vázquez sobre cáles son as razóns destas decepcionantes actuacións do equipo en Balaídos (catro derrotas de cinco encontros). Urxe poñerlle remedio eficaz á falta de concentración defensiva, á incapacidade para tomar decisións atacantes valiosas ou a ese desequilibrio entre o xogo das bandas e os espazos centrais que fan deste Celta de Balaídos un equipo tan endeble. Unha ondada de melancolía percibíase na saída do estadio.
TRASTORNO CICLOTÍMICO O Celta desta tempada padece en Balaídos un preocupante trastorno ciclotímico. O conxunto de Vázquez alterna os partidos euforizantes –eis as súas grandes actuacións contra o Barcelona e o Valencia– con outros de nivel anímico depresivo, como sucedeu contra Osasuna e hoxe diante dun Sevilla máis entusiasta que acertado. Sen apenas solución de continuidade e con escasos indicios razoables, os celestes son capaces de pasar do electrizante xogo da serpe de hai quince días a manter un ritmo de partido insulso e desconectado da realidade dunha competición moi esixente. A pesar de ter a fortuna de poñerse moi cedo por diante no marcador, o Celta deixou o control do xogo aos andaluces, un equipo moi ordenado e con moitísimo perigo de medio campo para diante, o que permitiu que Navas e Poulsen mandasen a pracer no centro do campo. Desta guisa as oportunidades sevillistas foron multiplicándose e, a pesar da enorme actuación de Pinto, apareceron, tamén máis tarde, os goles. O caprichoso Fernando Baiano, nunha tarde na que a maioría dos celestes deixaron o corazón na caseta, nin sequera foi capaz de aproveitar un penalti moi dubidoso sinalado nos derradeiros minutos; cumpriuse así a profecía non escrita de que aquelas faltas máximas que non o son, moi poucas veces se marcan. A derrota, pois, foi merecidísima e inapelable noutra xornada na que o Celta amosou o seu perfil máis depresivo. Racionalmente, a explicación a semellante decepción podemos atopala nas ausencias no conxunto inicial de Lequi (algo incomprensible) e, sobre todo, de Borja Oubiña, ese valor discreto que lle proporciona ao equipo a consistencia defensiva e o equilibrio de xogo que precisa o Celta de Vázquez para funcionar. Agardemos que Borja se recupere canto antes para volver remontar.
CONXUNTO ESPECTACULAR Foi un partidoespectacular, vibrante, emocionante e desputadísimo ata que Iturralde asubiou o remate. Tras un inicio de tempada un chisco vacilante, volvimos gozar da esencia do fútbol combinativo dun conxunto que na primeira parte arroiou cunha auténtica corga de oportunidades preciosas como había moito, moito tempo non se viran en Balaídos. Anticipándose na liña de pase valencianista, freando todas as posibilidades de contragolpe deses diaños chamados Villa e Silva (si, o noso “Silviña”), o conxunto de Vázquez, baixo unha dirección maxistral de Oubiña (moi centrado e participativo, mágoa dese poste que lle impediu marcar o gol da súa vida), ofreceu un recital do mellor fútbol moderno baseado no xogo colectivo e harmónico de todas as liñas. Rematando cada unha das xogadas de ataque (como aconsella Johan Cruyff) para evitar perder despois o debuxo defensivo, confiando ata o límite nas posibilidades propias, baseadas na concentración defensiva e no funcionamento dun vistoso triángulo atacante, o Celta conseguiu remontar con pasmosa facilidade un resultado adverso. Mais a pesar dos tres golazos (tres cacheiróns marabillosos), a vitoria non foi nada doada, xa que o espectacular conxunto galego tivo diante a un rival de xogo notabilísimo, que amosou posuír múltiples alternativas para crear perigo e provocar o pánico durante a derradeira media hora. A impecable dirección de Fernando Vázquez (outra vez inxustamente expulsado, no que semella unha auténtica persecución arbitral contra o noso adestrador), oportunísima nos trocos e nas variantes tácticas, foi vital para conseguir esta vitoria traballadísima, chamada a iniciar a remontada na clasificación. Unha grande tarde do fútbol da serpe celeste. Marchamos moi, moi satisfeitos.
PINTAN BASTOS Desde a tempada do descenso non asistiamos en Balaídos a un partido máis nefasto e deplorable do Celta. Abondoulle ao Osasuna posicionarse con disciplina sobre o terreo para noquear en senllos contragolpes a un equipo que saíu fachendeando do xogo preciosista de ataque e da defensa abrumadoramente segura que exhibira en Liexa. Os de Vázquez non ofreceron nin unha cousa nin a outra e, pola contra, amosaron enormes carencias que fixeron que o medo aos demos volvese á bancada. Desde os primeiros minutos, perdido completamente o control do xogo no medio do campo, os nosos pivotes esqueceron que o seu labor é recuperar balóns e desprazalos con rapidez, feito que foi provocando, a medida que avanzaba o reloxo, un auténtico socavón entre a liña de centrais –que sorprendentemente era quen debía dirixir todo o xogo celeste (Lequi e Contreras foron os únicos que se salvaron do desastre)– e unha feble liña atacante na que batallaban con escaso acerto Gustavo, Nené e Canobbio. A internacionalidade parece que non lle sentou ben a un ensimesmado Oubiña, sometido aos misteriosos caprichos do “complexo do príncipe”, abúlico e descentrado no seu labor primeiro de recuperación e engrenaxe entre as liñas do conxunto. O equipo todo foi naufragando dunha forma estrepitosa, amosando unha faciana feísima, sen coraxe nin ideas para asumir a difícil tarefa da remontada. Nin sequera a saída, na segunda parte, de Jonathan Aspas, Núñez e Perera (moito máis perigoso que un desesperante Baiano, como xa é adoito) conseguiron levantar unha miga o ánimo do equipo. O abandono das bancadas de boa parte dos afeccionados amosaba o seu disgusto diante de semellante falta de actitude. Hoxe en Balaídos pintaron bastos.
BOAS VIBRACIÓNS A pesar da derrota, a estrea celeste deixou boas vibracións na bancada. O encontro como espectáculo deportivo foi unha gozada: houbo goles dabondo, alternancia no control do xogo, fermosos caneos, pases longos e cambios de orientación por parte dos dous conxuntos e, sobre todo, un vistoso enfrontamento de dúas concepcións tácticas de dous grandes adestradores, a da defensa atacante característica de Fernando Vázquez e a do ataque defensivo que manexa o simpático Rijkaard. Foi a primeira parte propiedade dos célticos grazas á súa disciplinada presión defensiva que impedía desde a media lúa central a chegada de pelotas francas para os dianteiros barcelonistas. Esa tensión foi a que permitiu que Baiano inaugurase a súa tempada goleadora tras un recorte preciso dun prometedor Nené. Porén, a segunda foi claramente blaugrana, debido ao baixón físico dos celestes, que provocou a perda da súa concentración defensiva e a posibilidade de que uns magníficos Iniesta e Deco comezasen o seu recital de distribución cara os seus espazos preferidos, onde Etoo e Mesi son xa inapelables. O oportunísimo gol, nunha xogada a balón parado, dun moi acertado Gustavo López (o mellor dos celestes) fixo albiscar esperanzas de remontada o que, paradoxicamente, provocou unha inxustificada precipitación dos vigueses que derramaron as posibilidades de vitoria ou sequera de empate nos emocionantes minutos finais. Con todo, a pesar da febleza física de medio campo para diante, os célticos deixaron boas vibracións: a disciplina defensiva da liña de catro, as boas maneiras dos debutantes (tanto do lateral Lukas como do volante Nené) e o carácter batallador de todo o equipo prometen outra tempada moi ilusionante.
GUSTAVO CELTA Celta e Getafe chegaron á derradeira xornada cos seus deberes feitos e desputaron un amigable para celebrar as súas magníficas tempadas. Vázquez, coa elegante discreción que o caracteriza, preparou o encontro para convertelo na primeira homenaxe que a afección lle tributa a Gustavo Celta, o xogador que mellor representou o espírito da fantasía celeste nesta década de gloria de xogo sen títulos. E abofé que Gustavo non decepcionou e durante unha hora sintetizou a sabedoría atacante que durante sete tempadas tanto nos fixo gozar. Arrincou con afouteza, caneou canto quixo, recuperou de forma disciplinada, buscou con determinación atacante a liña de fondo, centrou maxistralmente en parábola media ducia de veces para que Contreras nunha delas cabecease con furia (un dos mellores goles da tempada) e mesmo, pouco antes de ser substituído, chegou a facer unha rabona extraordinaria (un tipo de centro exquisito que só saben ralizar os máis grandes peloteiros arxentinos e chilenos) que deixou á bancada asombrada. Nunha actuación memorable, Gustavo reivindicouse como a voz da poesía esencial daquela fantasía da serpe de xestas europeas da que a bancada aínda ten saudades. Con esta brillantez de xogo e emotividade agradecida (a homenaxe a Gustavo Celta foi vibrantísima) rematou unha tempada extraordinaria, sobre todo nos resultados (64 puntos, 20 vitorias, 33 goles en contra, cifras ao alcance de moi poucos equipos europeos). Este Celta de sobria defensa atacante, que conxuntaron de forma intelixente Vázquez e Félix, ofreceunos unha das mellores tempadas da historia céltica. Beizóns para eles, para o cadro de xogadores e para os responsables do clube.
ORGULLO CELESTE Os dous mil celtistas arrecunchadiños nas bancadas de Riazor vivimos o sábado o partido máis feliz e emocionante que esta tempada ofreceu o equipo noso. Desta volta os celestes non se viron intimidados pola perigosa atmosfera do nordés que alí bate tan forte. Pola contra, saíron moi concentrados para conter con paciencia e disciplina defensiva as perigosas turradas iniciais dun Coruña decidido a procurar a vitoria que como auga de maio aliviase as dores da súa frouxa tempada. A modiño e con moito tempero, os de Fernando Vázquez foron desfacendo o nobelo dun derbi moi áspero. Grazas a unha defensa atacante moi sobria e elegante, aos límites da perfección, o Celta comezou a recuperar balóns no medio campo e a apuntar con perigo á porta dos Riazor Blues. Así chegou o gol máxico de Silviña, tras un oportuno remate dun Baiano moi implicado e batallador ao longo de todo o encontro. Co vento a favor e tras os oportunísimos trocos da segunda parte, o Celta abraiou aos locais cos seus continuos contragolpes e cambios de banda. Borja Oubiña –situado por vez primeira como atacante, por diante dos medios centros ocasionais– amosou nun par de xogadas extraordinarias que posúe, ademais de capacidade de recuperación defensiva, tamén o don do pase preciso (algo propio só das figuras). Nunha das súas alancadas proporcionou un servizo de ouro a Perera que non dubidou en noquear os coruñeses. Tras unha década de desgustos, este gran conxunto de Vázquez recuperou para o Celta a hexemonía indiscutible no futbol galego. Un día de orgullo e de competitiva ledicia para os seareiros celestes que ben sabiamos que non hai mal que dez anos dure.
OUBIÑAS VEÑEN O sábado o Celta precisou só media hora para facerse dono dun partido decisivo para as súas aspiracións europeas contra un frouxo e inocente Zaragoza, moi abaixado tras a derrota da final copeira. Paseniño, como é adoito nos de Fernando Vázquez, a solidez defensiva celeste (Lequi é Contreras son a mellor parella de centrais da segunda volta desta liga) foi escachando os ataques de Savio e Ewerthon e permitindo a xenial condución de Oubiña, o noso mago Merlín. Así, nunha contra levada con moita serenidade polo canteirán (que non só recupera e xa se atreve a atacar e a meter balóns entre liñas) chegou o primeiro gol de Canobbio. Entón a bancada respirou aliviada, consciente de que o partido estaba gañado xa que igual que os de Vázquez nunca foron capaces de remontar un resultado adverso, tampouco ninguén foi capaz de levantarlles un encontro. Na segunda parte, os celestes, sen perder unha miga da súa disciplina defensiva (o seu punto máis forte), saíron dispostos a ampliar o marcador e a desmentir a súa anemia na definición. Axiña chegaron tres goles moi xeitosos que, por vez primeira na tempada, provocaron que a esixente bancada de Balaídos corease entusiasmada a Rianxeira e xogase coa marea da Onda, reservadas só para os días das grandes xestas europeas. Non hai dúbida de que a esta altura a afección está completamente rendida diante do traballo dun adestrador que está sabendo atopar ouro neste cadro de mociños (os máis novos da competición) tan talentosos no toque e na distribución como disciplinados no xogo colectivo. Oubiñas veñen, Oubiñas veñen e van. Si, señor.
CONTRA UN MURO Fernando Vázquez sabía que o Valencia do fachendoso Quique Sánchez Flores é o conxunto que posúe o maior rigor defensivo e a capacidade máis intensa de presión dos que participan no campionato. Para facerlle fronte a xogo tan difícil, o adestrador celeste reforzou, coa entrada de Iriney, o medio do campo, e procurou a profundidade de dous extremos natos (Núñez e De Ridder) buscando que estes coa súa velocidade e capacidade de desborde proporcionasen balóns francos que finalizasen Canobbio e Baiano. Porén, este modelo táctico resultou un rotundo fracaso xa que os celestes, a pesar do seu alto ritmo de xogo e do seu coraxudo empuxe da segunda parte, nunca foron capaces de facerse coa área central (controlada con autoridade por Albelda e Baraja) nin moito menos rachar a disciplina defensiva que impoñían Ayala e Albiol. Por riba, a pésima noite de Núñez e Baiano (ambos os dous moi desafortunados, precisan pasar con urxencia pola cura de humildade que proporciona varias xornadas no banco) e a capacidade endiañada para o contragolpe de Villa, Aimar, Regueiro e Angulo acabaron por desarborar aos nosos. O Valencia, o equipo máis italiano da liga española, demostrou que para saltar o seu altísimo valado defensivo os seus rivais precisan de grandes doses de fantasía atacante, de acerto na definición e de disciplina e intensidade defensiva, cualidades as tres das que careceron o sábado á noite os de Fernando. Os celestes estreláronse impotentes contra un muro -o magnífico xogo antipático, sobrio e eficaz dos valencianistas- que non souberon superar. Outra vez será!