Tras senllas catástrofes das semanas anteriores contra os colistas, O Celta malogrou unha boa primeira parte para sentenciar ao Betis, un equipo con moitas pretensións que procuraba en Balaídos os tres puntos para entrar nos postos de ascenso. A pesar de que os verdibrancos tiveron toda a iniciativa nos cinco primeiros minutos de xogo, procurando atoparlle as costas á defensa nosa, unha descoñecida intensidade da presión durante case toda a primeira metade permitiu que os celestes se adiantasen no marcador e tivesen oportunidades abondas para avergonzar ao arrichado Víctor Fernández, o adestrador daquel Eurocelta, seguramente o mellor da nosa historia, hoxe responsable do banco bético. Esa nova actitude presionante foi posible polo traballo a brazo aberto de Bustos e López Garai, ao que non foi alleo, tampouco, a achega de Roberto Lago, que durante este período aburríu ao velocísimo Jonathan Pereira, esa pérola emigrante da canteira do Santa Mariña que, magoadamente, non puidemos incorporar ao cadro celeste na mercado de inverno. O certo é que os nosos presionaban coma lobos, o que facilitaba o roubo dalgunhas pelotas decisivas, como a que no minuto 16 permitíu a Cellerino marcar o seu primeiro gol coma celeste, anulado logo de forma abondo rigorosa, ou varias cabalgadas de Botelho finalizadas con disparos de Roberto Trashorras. Porén, o gol chegou no 26, cunha xogada a balón parado, desas ensaiadas unha e outra vez na Madroa, un auténtico gol de adestramento: saque de recanto dende á dereita, pase cará atrás e durísimo pexegazo diagonal de López Garai, dende o recanto esquerdo da área grande, furando as mans de Goita, o gardarredes bético. Un golazo de pizarra, celebrado de forma entusiasta por todo o cadro de xogadores que correron á banda a abrazar a Eusebio e ao seu segundo. Nese pulo tivo o Celta o partido no peto; mágoa que tres minutos despois o inefable Cellerino non chegase aproveitar unha extraordinaria diagonal de Roberto Lago (que partidazo o do lateral vigués), no 39 o remate de Trashorras quedase un chisco desviado ou a parábola de Iago Aspas, dende máis de trinta metros, quedase longa. Foron moitos goles feitos que por arres ou por xos non subiron ao marcador. E coma adoita suceder, case sempre que tanto se perdoa, axiña chegou un castigo durísimo para os nosos. Faltando apenas tres minutos para o descanso, tras outra xogada que non souberon finalizar Aspas e Trashorras, quedou abandonada unha pelota inocente que a calidade de Emaná transformou nunha cabalgada pola banda na que, tras canear até a catro celestes, centrou para que aparecese, por fin, Jonathan Pereira marcando o seu sétimo gol en apenas catro meses de competición. A segunda parte foi ben diferente. O Celta abaixouse de todo e o Betis sinalou o tempo de xogo, mais tampouco soubo chegar con superioridade. No entanto, de forma puntual o Celta tivo algunha oportunidade, outra vez da man dun pase de ouro do acertadísimo Lago que Cellerino contemplou como pasaba ao seu rente. Os vinte minutos finais foron para esquecer, xa que ambos os dous equipos tiñan medo a perder o puntiño do empate; cos xogadores polo chan cada pouco, con múltiples trocos que nada achegaron, o conformismo aseñorou a lameira.
O Celta, conducido maxistralmente por Roberto Trashorras, obtivo fronte ao Cartaxena unha das máis convincentes vitorias en Balaídos da presente liga. Tres puntos de ouro que, despois do golpe de autoridade da pasada semana en Huelva, deixan ao equipo de Eusebio nunha zona un chisquiño máis temperada da táboa clasificatoria e aos seareiros celestes, por fin, cun sorriso nos beizos. Abofé que non era sen tempo! Xa dende o inicio, foi o de onte un encontro desputadísimo e, nalgunha fases, moi emocionante. Un Cartaxena moi competitivo –velaí a súa terceira praza e o seu carácter de equipo revelación do campionato– amosou dende o asubío inicial que viña a Vigo a consolidar as súas aspiracións de ascenso. Aos dous minutos, Toché, o albinegro máis adiantado, marcou un gol que foi anulado por un fóra de xogo, bastante dubidoso; antes do primeiro cuarto de hora, Moreno e o defensa Etxeita estragaron outras novas claras oportunidades para marcar. A defensa celeste, formada desta volta polos veteráns Catalá e Noguerol, durante estes primeiros minutos amosou unha preocupante febleza que foi abandonando grazas a un magnífico sistema de axudas dos laterais e mediocampistas. Foron liquidándose así as mellores posibilidades dos visitantes e emerxendo amodiño, iso si, tras unha durísima batalla polo control da pelota, as dos celestes. Primeiro a do batallador Cellerino, aos vinte minutos, xutando dende moi lonxe con intención; logo, no vinte e nove, a provocada pola velocísima subida de Botelho pola banda e, dous minutos despois, a do gol decisivo de Trashorras, quizais, tamén, o máis lindo da actual tempada. Unha xogada de auténtico tiraliñas, preciosa de concepción e execución. Vasco Fernandes recuperou a pelota no centro do campo, enviouna a Dani Abalo, que correu con ela pola banda ata dar o pase da morte cara á área pequena, onde estaba Cellerino que a deixou pasar, arrastrando aos seus dous marcadores e permitindo que Trashorras disparase pola escuadra a Rubén, o gardarredes galego dos branquinegros. Co marcador por diante, o Celta aseñorou un encontro fronte a un rival presionante, incómodo, pegañento, noble que nunca desistiu do seu afán de sequera poder nivelalo. Tras o descanso, a saída dos nosos abraiou aos rivais coas continuas combinacións entre Abalo e Trashorras, que teceron algunhas xogadas magníficas. Especialmente afortunada foi a actuación do de Rábade que realizou un dos seus mellores partidos coma celeste. Todo o bonito que facía o Celta pasaba polas súas biqueiras, distribuía con cabeciña, xutaba dende diversas posicións e, sobre todo, introducía no equipo as doses de serenidade abondas para facer fronte ao dificilísimo cuarto de hora final, onde os visitantes apretaron o seu. Un período de enorme incertidume, desacougante, prolongado de forma inxustificada en cinco minutos, onde o Celta soubo responder ao agobio cartaxeneiro con formidables contraataques, nos que emerxeu a velocidade desequilibrante de Botelho e a intencionalidade dos saques de porta de Yoel, que debutou en Liga cunha actuación moi sobria. A actual estratexia de Eusebio por un xogo máis directo e presionante comeza a proporcionar os mellores froitos. Foi unha gloria para os celestes compartir a satisfacción dos seus seareiros por vitoria tan merecida.
Eusebio debeu quedar ben satisfeito co partido realizado polos seus pupilos fronte ao Córdoba. Tras cincocentos minutos sen marcar, un gol en semifallo do internacional Joselu Sanmartín permitíu poñer cabo a unha serie negativa de dous meses sen gañar en competición de liga e a distanciarse un chisquiño das posicións de descenso. Un alivio! Satisfacción do adestrador, que supoñemos aínda maior, polo éxito das novidades introducidas no equipo inicial e das variantes tácticas ensaiadas ao longo dun encontro que resultou para os espectadores escasamente vistoso. A entrada de Jonathan Vila no medio centro, colocado case coma un terceiro central, axudou a solidificar unha defensa, que estivo moi segura durante todo o partido, e na que os dous laterais desempeñaron funcións de carrileiros. Especialmente atinada foi a actuación do portugués Vasco Fernandes que dende a banda facilitou varios balóns moi perigosos e de cuxas biqueiras saíu o centro que permitiu marcar a Joselu, adiantándose ao seu marcador, cando o Celta estaba máis dominado e a primeira parte estaba a piques de rematar. Outro acerto de Eusebio foi consolidar a Botelho como extremo esquerdo, permitindo o crecemento partido a partido dun xogador que onte fixo unha primeira parte memorable, converténdose no mellor dos nosos. O brasileiro do Arsenal amosouse inspirado en todas as facianas do xogo: caneou unha e outra vez aos seus marcadores, correu a bo ritmo en cada contraataque, combinou na súa banda con Roberto Lago, centrou con acerto creando ocasións (algunha inmellorable) estragadas por Joselu, xutou con perigo dende a frontal, traballou na presión defensiva, actuou en moitas ocasións como terceiro pivote procurando axudas para López Garai e o apático Trashorras (onte moi desacertado e inane, xa que apenas participaba no xogo para tirar faltas e saques de recanto), faltándolle apenas o acerto no remate, a maior doenza dos celestes na presente tempada. Con todo, a pesar do que poida semellar polo resultado, non foi este un encontro no que o Celta se mostrase máis dominador nin tampouco no que foi capaz de producir maior número de xogadas de ataque. A diferenza de xornadas anteriores, durante a primeira media hora, foron os andaluces os que manexaron o partido e os que por medio de saques de recanto chegaron a atoar aos nosos diante de Falcón; porén a moi ordenada defensa de Túñez e Noguerol (unha parella afianzada) aburriu aos cordobeses cos continuos fóras de xogo e impediu que rematasen con perigo sequera nalgunha oportunidade. Co marcador por diante, nunha tarde moi fría e ventada, o Celta soubo ir adormecendo o partido, ao tempo que pretendía liquidalo nalgunha das subidas habelenciosas de Dani Abalo, que faltando un cuarto de horas substituíu ao voluntarioso Papadopoulos. A nota máis simpática deste período foi o debut no minuto 65 do arxentino Cellerino, un impresionante dianteiro centro tanque, que con enorme facilidade conseguiu tirar ao chan en varias ocasións aos seus marcadores e que podería ser unha variante atacante eficaz para situacións límite. A pesar do axustado do resultado, nin sequera os longos minutos finais de desconto foron tan sufridos como adoito. O Celta cunha excelente defensa e un xogo moi discreto de ataque conseguía unha clara vitoria. Semella que con esta fórmula debería comezar a sementeira de triunfos que todos agardamos.
Este Celta de Eusebio é un estilista sen pegada. Ninguén pode negar que o noso adestrador inculcou con enorme paciencia e honestidade no seu cadro un estilo de xogo moi definido, baseado no bo trato da pelota e nun esquema táctico que constrúe o ataque dende a defensa e o xogo defensivo dende a dianteira, por medio dun sistema de axudas entre as tres liñas. Fiel ao espírito dos seus mestres de Can Barsa, esta convicción de Eusebio na validez do seu estilo de xogo facilitou a incorporación masiva ao equipo de xogadores de canteira, algo inédito en Balaídos nas dúas derradeiras décadas. No magnífico campionato de Copa a fórmula funcionou de marabilla, demostrando que o xogo que atesouran nas biqueiras os rapaces formados na Madroa nada ten que envexar á lexión de cedidos que tanto nos fixeron sufrir en tempadas anteriores. Porén, no campionato de Liga desta difícil Segunda División a fórmula eusebiana non arrinca, sobre todo nos partidos en Balaídos, onde o equipo só foi capaz de obter 11 puntos nunha ducia de partidos e leva xa outros dous meses sen gañar. Un balance negativo e pouco agradecido para os seareiros. Onte fronte o Salamanca, un conxunto que traía a lección moi ben aprendida, os nosos recuncaron no empate sen goles nun partido no que volveron amosarse as carencias endémicas de remate. Como xa é adoito, os nosos saíron coma lobos, famentos de gol. Os dous primeiros minutos abondaron para que López Garai xutase con perigo dende a frontal e Dani Abalo caese na área rival. O Celta desenvolveu durante o primeiro cuarto de hora un primoroso xogo de salón, trazando triángulos coa precisión do tiraliñas e presionando sobre a mediana no campo rival. Porén, os charros que, até entón, adoptaran a estratexia da resistencia paciente, avisaron que lles importaba o resultado do partido en dúas xogadas a balón parado que provocaron o pánico na bancada. Con todo, durante toda esta primeira parte, Iago Aspas e Dani Abalo xeraron xogo de ataque abondo para marcar un par de goles, en oportunidades que malograron Michu e Joselu. A reanudación foi moi diferente, o partido toleou. Produciuse un constante intercambio de golpes en ambas as dúas áreas. Aos catro minutos puideron marcar os visitantes; dous minutos despois, Joselu fixo o máis difícil e, cando quedou só, envíou a pelota ao pao. Dez minutos máis tarde, Dani Abalo non chegou a rematar unha diagonal asombrosa tirada por Aspas. Sen embargo, foi Falcón quen salvou un remate magnífico de Linares que vimos dentro. Nesta lideira, o equipo gañou en profundidade co debut de Papadopoulos, que semellaba podería desnivelar un partido, nesta fase, emocionante e xeitoso para os espectadores. No cuarto de hora final nin a entrada de Botelho nin a de Danilo intensificaron o xogo dos celestes que moi cansados abrazaron o empate diante da indiferencia dunha bancada que se preguntaba as razóns de deixar fóra da convocatoria a Roberto Trashorras, o elemento máis desequilibrante do cadro. Con todo, deste empate poden tirarse unhas cantas leccións positivas: a solidez defensiva, tanto da parella de centrais (onde Túñez comeza a asombrar) como de laterais; o traballo eficacísimo dos medioscentros, Busto e López Garai; e a esperanza que pode supoñer a incorporación de Papadopoulos, o veterán internacional grego, que a pesar de estar colocado en banda, demostrou en media hora posuír electricidade abonda para suplir as nosas carencias de pegada.
Para os incombustibles seareiros celestes o partido colosal fronte ao Atletí demostra que eran fiables os síntomas de recuperación que percibiamos no xogo do equipo noso durante os dous útimos meses. A aposta de Eusebio pola canteira e por un esquema de xogo amable coa circulación da pelota comeza a dar os seus froitos, mesmo superando as dificultades de harmonizar as descargas eléctricas imprevisibles de Iago Aspas co tiraliñas que devarariño emprega Trashorras. Demostrouse onte no Calderón que é posible que as nosas dúas figuras compartan responsabilidades sobre a lameira, desbotando o prexuízo tan estendido entre a bancada e os propios medios de comunicación de que eran xogadores incompatibles. Unha grande noticia! Mais este Celta galego é moito máis que o de Moaña e o de Rábade. A firmeza defensiva de Noguerol e Túñez (unha parella de centrais que proporciona idéntica fortaleza á formada por Catalá e Jordi), o traballo polas bandas de Hugo Mallo e Roberto Lago, a capacidade recuperadora e o empuxe de Michu e Jonathan Vila, o desborde e a velocidade de Toni e Dani Abalo, mesmo o remate de Joselu (un xogador que vai acougando ao longo da tempada) prometen que o Celta máis galego das dúas últimas décadas podería entrar nas semifinais de Copa e realizar unha boa segunda volta de campionato. Porén, a pesar do esperanzador do empate para afrontar o partido de volta (agardemos que o xoves Balaídos responda como o equipo merece), non podemos esquecer que esta liga de Segunda División é moi dura e ingrata, como tampouco que saír das posicións comprometidas de descenso é un obxectivo aínda non acadado. Gocemos mentres poidamos do partido colosal de onte. Abofé que non foi un espellismo. Agardemos confiados, quen díxo que o mellor non está por chegar?
A intervención do espíquer de Balaídos onte foi autenticamente xenial. Recibiu aos heroes do Madrigal con «Sementeira», a mítica canción de Fuxan os Ventos que fala de esperanza e compromiso, e despediu ironicamente aos colexiados, tras unha actuación deplorable (pésima, lamentable… escolla cadaquén o adxectivo), ao ritmo de «Yellow submarine», unha das cancións máis divertidas dos Beatles. Entre ambos os dous temas, desenvolveuse un encontro que tivo dous grandes protagonistas: Gregorio Bernabé García, un árbitro murciano con tantas maneiras de figura do espectáculo como escaso criterio técnico e moral, e Iago Aspas, o líder natural deste Celta da canteira, expulsado, cando remataba o primeiro tempo, por unha segunda tarxeta, tan rigorosa coma a primeira, por sacar unha falta antes que asubiase o colexiado (un terrible delito, sen dúbida). Esa maldita xogada escarallou un partido (sei que saberán desculpar o exabrupto), até entón, moi xeitoso, xogado a corazón aberto, con intensidade máis sen asomo ningún de violencia, por dous bos equipos que non se conformaban co empate. O Celta saíu na súa formación inicial con sete xogadores formados na Madroa, hoxe xa a auténtica selección galega, consolidando o proxecto de Eusebio de refacernos dende o paciente traballo da canteira. Apenas transcorridos dous minutos, Joselu xa rematou con enorme perigo un servizo excelente de Iago Aspas, un xogador en estado de graza, imprevisible, capaz de comunicar un estado de excitación e autoestima aos seus compañeiros descoñecido ata agora. Esta combinación alboral volvería a repetirse un cuarto de hora despois, cando Bravo, o porteiro donostiarra salvou in extremis outro cabezazo rotundo do noso dianteiro centro, tras un centro de Toni. Durante toda a primeira parte o xogo na lameira foi electrizante e vertical camiño de ambas as dúas áreas. Á altura da media hora de xogo, Falcón fixo dúas paradas extraordinarias que evitaron senllos goles feitos dos vascos que, a pesar do esforzo dese valadar chamado Bustos, foran nivelando o encontro. Porén, a beleza do espectáculo foi crebada polo colexiado con dúas tarxetas moi discutibles a Garai e Aspas e pola xa comentada expulsión da nosa figura. Unha perda absolutamente decisiva para o devir do encontro. Tras o descanso, e tras apupar o espíquer aos nosos coa sintonía de «Orzowei», Eusebio viuse obrigado a incorporar a Trashorras coa intención de compensar a inferioridade numérica cunha maior posesión do esférico. A solución non cuallou. Sen Aspas, os nosos perderon moita voltaxe, a nosa defensa (totalmente da canteira) vacilou na súa disciplina, e os donostiarras souberon aproveitar decontado eses furadiños para que Nsue marcase dende a área pequena no que sería o único (e fatal) erro de Falcón. Porén, os nosos sacando moito peito conseguiron que non aumentase a diferencia e tiveron un par de ocasións clarísimas para igualar o partido. Se chega entrar a vaselina de Joselu, salvada baixo o longueiro por un defensa, ou o remate de Jordi ao pao, non teño dúbidas de que o partido tería sido noso. Os tres puntos marcharon de Balaídos, mais as sensacións que achega este Celta de Eusebio foron boas. Semella que rematou o tempo do conformismo e amodiño comeza a tecerse unha nova rede de esperanza cos nomes de Mallo, Túñez, Jordi, Toni, Joselu, Oriol…, as figuras dese novo Celta que se enxerga no horizonte.
Mágoa que algún dos ranchos de Reis, como foi tradición durante tantos e tanos anos, non desfilase onte no primeiro partido do ano en Balaídos. Con certeza que os seus ritmos de chascarraschás e as espectaculares evolucións dos seus bandeiras animaría un chisco á cada vez máis minguada bancada celeste que comeza outro ano cun deplorable espectáculo do seu equipo. Tras as viaxes, os turróns e os cantos dos manueles, nada novo ofreceu Eusebio Sacristán para, tras catro partidos sen coñecer a derrota, iniciar unha remontada definitiva na táboa clasificatoria e enfocar o remate desta primeira volta con certo acougo. Iso si, os celestes como é adoito neles amosaron moita contención mediocampista (grazas a un traballo teimudo de Bustos e López Garai), tiveron o habitual “erro defensivo imperdoable” (o que provocou o gol de Natalio, na única subida trenzada dos pementoneiros) e, sobre todo, os seus atacantes exhibiron unha desesperante incapacidade (paliada in extremis, xa no tempo de desconto, polo magnífico gol de Joselu Sanmartín que en momento tan comprometido tivo a afouteza de superar ao porteiro cun expléndido zurdazo cruzado). Sorprende que Eusebio deixara no banco a Dani Abalo e Trashorras, apostando por adiantar a Botelho e colocar a Iago Aspas como primeiro dianteiro e a Michu como o seu gardacostas. Este esquema resultou un rotundo fracaso. Durante a primeira parte ningún dos dous equipos mereceu nada e todo o espectáculo correu a cargo do colexiado canario Antonio Pérez Riverol que lidou o que quixo cos xogadores para demostrar quen mandaba sobre o terreo de xogo. O Celta dominaba, en realidade, aburría co seu toque e retoque sen profundidade, razón pola que foi capaz de crear apenas dúas oportunidades, se se pode denominar como tales, a un xute pola esquerda de Botelho e a un inocente peiteado de Michu (onte apático e desafortunado na díficil responsabilidade de enlazar cos mediocampistas). O Murcia, mentres, agochadiño no seu campo, non lle custaba facer que facía e agardar o coñecido “erro defensivo imperdoable” dos vigueses. E meu dito, meu feito, transcorrido un cuarto de hora despois do descanso, Vasco Fernandes errou na súa marca e permitiu un centro que Natalio rematou a pracer. Aí comezou outro encontro, o Celta noqueado, puido recibir, un minuto despois, un segundo tanto noutro dos seus agasallos defensivos. Apupados polo resultado, os visitantes construíron un valado que os nosos non sabían superar, mesmo cando os murcianos quedaron en inferioridade tras unha rigorosa expulsión de Álvaro Mejía. A falta de cinco minutos, Eusebio caíu da burra e meteu a Trashorras no terreo de xogo. Daquela, todo baixo a batuta do de Rábade, a nosa capacidade atacante mudou coma da noite ao día, apareceron os primeiros pases interiores, aproveitáronse os saques de recanto e producíndose nese período e no engadido máis oportunidades de gol ca no resto do partido. Así chegou o golazo de Joselu (que ogallá axude a recuperar a súa confianza) e o merecido empate, o resultado ao que semellan aboados os de Eusebio. No obstante, fóra das vacilacións tácticas do adestrador e do seu debate inacabable sobre o papel dos xogadores de valía, este Celta precisa coma auga de maio un dianteiro nato, unha referencia arriba na que todo o conxunto poida confiar cegamente. Esa prometida fichaxe xa non se pode adiar moito máis.
Dous goles formidables de senllos defensas, Roberto Lago e Catalá, salvaron do cesamento inevitable a Eusebio e, por fin, despois de varios meses, permiten saír ao Celta das posicións de descenso. Despois do triunfo en Girona, esta segunda vitoria consecutiva proporciona un chisquiño de acougo para seareiros e membros do consello de administración ansiosos, ao tempo que debería facilitar ao cadro de xogadores e técnicos afrontar con confianza o remate de 2009, un ano horroroso para o Celta como locatario xa que só conseguiu en vinte partidos de competición ligueira media ducia de vitorias (catro a tempada pasada e dúas na actual). Porén, polo que vimos onte na lameira, superando claramente ao Elxe –un equipo ben clasificado, mesmo con aspiracións de ascenso– o Celta debe e pode saír a lume de carozo das posicións de perigo. Inevitablemente, esta vitoria, a segunda que consegue Eusebio tras retirar do equipo inicial a Roberto Trashorras, o noso xogador con máis e mellor fútbol nas súas biqueiras, acentúa o debate sobre a conveniencia de considerar ao de Rábade como a peza que permite o engrenaxe harmónico do esquema de “fútbol amable” do adestrador vallisoletano. Un debate entre os detractores e os defensores do lucense –por outra banda, unha lideira moi tradicional na bancada nosa (deuse sempre co papel deses xogadores xeniais de presenza intermitente, dende Mostovoi a Canobbio)– que este partido non só non resolveu, senón que incrementou na medida que os goles como a maior parte das xogadas de perigo foron protagonizadas polos nosos defensas. A primeira parte resultou ruín de todo. O Celta foi dominado polos ilicitanos que non souberon aproveitar as súas numerosas oportunidades. Un xutazo de Catalá dende a frontal, aproveitando un rexeite, un caneo de Aspas na área pequena e un remate inocente de Joselu foron as tres únicas xogadas con certa intención dos nosos en todo o primeiro período. Un balance pobrísimo que agoiraba a debacle de Eusebio. Sen embargo, tras a reanudación o panorama mudou completamente. Os nove primeiros minutos celestes deste segundo período foron excelentes. Contamos até seis xogadas claras de gol. Saulo centrou en dúas ocasións dende a liña de fondo e non atopou rematador. A seguir, Roberto Lago (onte un dos mellores e máis comprometidos celestes) percorreu con enorme potencia toda a súa banda sen atopar goleiro para o seu centro; o que non lle impediu, dous minutos despois, aproveitar un rexeite dende a frontal que quedou lixeiramente alto. Teimosía que na xogada seguinte permitiría ao defensa vigués aproveitar outro rexeite da defensa ilicitana, mais esta vez o xute de volea foi cara abaixo, colocando o balón ao pé do pau. Un gol precioso e preciso, que culminaba o mellor período de xogo dos nosos ao longo de todo o encontro. Co marcador por diante, o Celta, a pesar de atemperar a súa intensidade, non perdeu o control do partido. Así, faltando pouco máis dun cuarto de hora o central Catalá, xa o noso káiser do Fragoso, aproveitou un erro de marcaxe da frouxa defensa visitante e rematou de cabeza a pracer un saque de recanto. Co 2-0 por diante, os celestes arrollaron, mais os nosos “pichichis” malograron cinco ou seis deses goles feitos. Nun longuísimo desconto, o Elxe conseguiu o seu tanto e os nosos corazóns volveron acelerarse durante dous minutos. Insisto na miña teima, cun goleador só discreto, onde estaría este Celta?
Ninguén agoiraba a debacle de onte fronte ao Villarreal B, o único filial da categoría. Os de Eusebio amosaron a súa faciana máis fea, tanto na primeira parte cando tiveron algunhas oportunidades e demostraron a súa incapacidade total para marcar, como na segunda cando foron arrollados polos mociños amarelos e quedaron envurullados na súa impotencia. Este Celta, coa excepción da copa, non acaba de rular. Os seus resultados no campionato de liga son pésimos e de non seren reconducidos axiña o levarán ao descenso a 2º B e, polo tanto, a súa desaparición societaria. Finalizado xa o primeiro cuarto da liga, o peso das estatísticas é demoledor: só dous partidos gañados de 13 disputados (ademais de cinco derrotas e seis empates); 12 puntos obtidos de 126 posibles (o que suporía que a este ritmo non se superarían os 40 ao remate de tempada, moi lonxe deses 50 puntos que poden asegurar a permanencia); un só partido gañado na casa (fronte ao actual colista e pola mínima), tres empatados e outros tantos perdidos (que fan do Celta o peor equipo como local, o que é tanto como dicir o que máis disgustos proporciona aos seus seareiros); dez goles a favor fronte a quince recibidos (que converten ao noso equipo no menos realizador da categoría)… U-los problemas deste prometedor conxunto de canteiráns (hoxe chegaron a xogar sete rapaces formados na Madroa) que nos fixeron enxergar tantas esperanzas? En primeiro lugar na súa falta de gol, como ben puidemos comprobar onte, na que os múltiples centros de Dani Abalo dende a banda dereita nunca atoparon un rematador oportuno, tanto cando estivo no campo Arthuro (“Pichichi” é o alcuño que recibe o brasileiro en Río Alto) como máis tarde Joselu (quen tras o traspaso caíu nunha formidable baixa forma). Problemas co marcador dos nosos dianteiros que Eusebio trata de superar apenas por medio dos xutes dende a frontal de Michu (onte estivo pretiño de golear en dúas ocasións) e das xogadas a balón parado executadas por Trashorras, até agora os nosos dous mellores goleiros. Variantes atacantes ás que só podemos engadir os remates dos nosos centrais nos saques de recanto ou algunha subida esporádica a golpe de peito dalgún deles (Jordi fíxoo onte nunha soa ocasión). O segundo tipo de problemas ten que ver coas escasas variantes tácticas do xogo deseñadas na pizarra do vestiario. Ben sabemos que Eusebio é moi pouco amigo de facer modificacións do seu estilo de xogo, como tamén puidemos comprobar onte, cando a diferencia da maior parte dos equipos que veñen a Balaídos a pecharse, os rapaces de Vilarreal B tocaban e tocaban, iso si, a maior velocidade cos nosos, aseñorando o control do balón durante case todo o partido e creando perigo dende o inicio. O Celta sen a pelota sofre moito no medio do campo e aumenta a súa fraxilidade defensiva, o que onte provocou o primeiro gol dos visitantes e, faltando aínda media hora, o derrumbe anímico de todo o equipo. Moito me temo que se non se acude ao mercado de inverno para reforzar seriamente a dianteira (feito máis necesario tras a lesión de Aarón) e non se atopa un adestrador de corazón celtista que coñeza ben a categoría, este Celta tan riquiño teña os días contados.
Custou ferro e fariña que tras seis partidos na casa o Celta de Eusebio obtivese onte fronte ao pechacancelas a súa primeira vitoria da tempada. Non abondaba coas boas sensacións amosadas polo equipo en empates obtidos en xornadas anteriores, nin tampouco as dúas claras vitorias de Copa, o Celta precisaba gañarlle hoxe ao Castellón fose polo civil ou polo militar para acougar un chisco na táboa clasificatoria, afianzar no banco ao seu adestrador e, sobre todo, para comezar a medrar no difícil terreo anímico da confianza dos seus seareiros. Bendita vitoria!, pois, tan traballada e axustada dun partido que resultou aburrido na primeira parte, cando os celestes se puxeron diante no marcador polos goles de Jordi e Michu, e pola contra moi entretido e emocionante na segunda, cando os visitantes acurtaron distancias grazas a un penalti raro, deses que na bancada todos preguntamos “quen o viu?”. Tras a desfeita de Irún, os celestes recuperaron a intensidade e conducidos pola biqueira experta de Trashorras, o auténtico Xavi galego, axiña comezaron a crear oportunidades diante dunha defensa visitante que abría máis posibilidades das previstas. O mestre de Rábade, coas súas costas ben cubertas polo discreto López Garay e pola nosa magnífica parella de centrais, unhas veces combinaba con Abalo e outras con Aspas procurando a entrada dos nosos dous habelenciosos polas bandas ou o desdobre dos nosos laterais tras as suas longas carreiras. Como sucedera en xornadas anteriores, os dianteiros non souberon aproveitar as oportunidades que creaba a combinatoria celeste, e desta volta a nulidade chamouse Arthuro, un suposto “goleador” de Florianápolis que apenas mellorou a ineficacia de Joselu nun par de detalles técnicos menores. Por ventura, foi cando o Castellón comezaba a afianzar os seus ataques e a forzar varios saques de recanto, cando un saque maxistral de falta de Trashorras (a nosa biqueira de ouro) dende a banda dereita foi rematado estupendamente de cabeza por Jordi. Un golazo! Tras o tanto, os nosos gañaron confianza e buscaron aumentar a diferenza, o que conseguiron no minuto do desconto grazas a un agasallo do central visitante moi ben aproveitado por Michu que non fallou cando compría empurrar. No descanso o partido con dous goles por diante semellaba moi doado. Porén, na reanudación, tras un primeiro cuarto de hora, onde os nosos puideron volver marcar nun par de xogadas ensaiadas de Trashorras, apareceu o dramatismo tras o dubidoso penalti sinalado a prol dos visitantes no minuto 16. A media hora final do partido foi longuísima, interminable para os celestes, sobre todo cando se lle remataron as forzas a Trashorras e comezamos a quedar á deriva. Entón, o balón correu dunha área a outra nun pasarrúas sen xeito ningún. Faltando dez minutos, tras un erro de Roberto Lago, un dos nosos valores menos asociativo, houbo unha boa oportunidade dun extremo visitante que provocou o habitual pánico na bancada. No obstante, a pesar deses minutos de inevitable sufrimento, a vitoria celeste foi clara e merecida. Onde estaría este Celta de Eusebio se contase cun dianteiro centro?
Esta é unha proba contundente de que o sentimento celtista é un sentimento galego. O artigo de Xulio Xiz, que considera o Celta como o segundo equipo de Vilalba, pon o dedo na chaga sobre cal é a esencia do equipo da cruz de Santiago:
Hai equipos de fútbol que, polo que comentan os entendidos, non dan demasiadas satisfaccións ós siareiros, pero poden máis as cores ca os resultados. O Celta non é precisamente, nestes últimos tempos, un equipo punteiro que permita presumir públicamente da súa traxectoria, pero para eso están os afeccionados, que han de aguantar nos tempos difíciles, apoiando para que volvan os momentos de gloria, e logo poder disfrutar deles.
O «Celta actual» (chamo así o que preside Mouriño, desque prescindiu de Fernando Vázquez, para min o mellor adestrador galego da nosa historia recente) é un deses equipos do que termamos só os seareiros, un núcleo reducido de incondicionais con paciencia infinita que cremos estar por riba dos resultados.
O mellor Celta da tempada só puido empatar diante do Rayo Vallecano, polo visto onte en Balaídos e a pesar da súa moi boa situación na táboa clasificatoria, un equipo vulgariño que agasallou toda a pelota o Celta e apenas pretendeu defenderse agardando poder estricarse nun par de contragolpes. Ninguén pode dubidar que os de Eusebio foron superiores, moi superiores aos vallecanos en todos os aspectos do xogo e durante a totalidade do encontro. Porén a desesperante inmadurez da nosa tripla de dianteiros na decena de ocasións claras que marraron e algúns erros imperdonables de Pino Zamorano noutras (árbitro tan ruín en segunda coma en primeira división) impediron unha máis que merecida vitoria celeste. Desta volta sería inxusto criticar ao adestrador e ao seu cadro pola falta de actitude amosada en partidos anteriores. Neste eido a mudanza foi radical e de grande afouteza. Eusebio dispuxo un equipo atacante cen por cen, colocando a tres dianteiros natos arriba (os tres mociños, Aarón, Joselu e Iago) e a dous mediocentros pouco defensivos (os veteráns Danilo e Trashorras), axudados todos os cinco polas subidas frecuentes dos laterais (Botelho e Mallo). Con semellante debuxo tan atrevido sobre a lameira, asegurado pola fortaleza dos dous centrais (impecables Catalá e Jordi ao longo dos noventa minutos) e dun único medio centro defensivo (López Garai), os nosos asediaron á meta de Cobeño dende o primeiro minuto, no que Aarón estragou un bo servizo de Mallo. Durante a primeira parte, as ocasións máis claras diante da portaría madrileña apareceron nas máis das veces nas biqueiras de Joselu (un xogador que non acaba de callar, a pesar das escintilacións de calidade coma que amosa intermitentemente) e nos saques de recanto moi ben rematados polos nosos centrais. Neste período o Celta conducido devagariño pola batuta de Trashorras aseñoraba o encontro, os visitantes fixeron un único contragolpe no minuto vinte e oito, mais non atopaba a verea do gol. Na segunda parte, non variaron as tornas, e os nosos seguiron tocando e tocando con moita cachaza, quizais con cachaza de máis. Axiña chegaron novas oportunidades para Aspas, Aarón (onte o máis atrevido dos nosos dianteiros) e Joselu que recuncou na súa adoita desventura. Faltando vinte minutos, Eusebio decidiu sacar do terreo a Iago Aspas e dar entrada a Dani Abalo. Un erro de apreciación, xa que os problemas non estaban en rachar máis polas bandas, e, si pola contra, na incapacidade rematadora polo centro. Un par de ataques vallecanos no derradeiro cuarto de hora provocaron o pánico na bancada, decepcionada, ademais, polo gol anulado a Joselu, por un mais que dubidoso fóra de xogo. Coma noutras xornadas, o empatiño amosouse coma un mal menor. Mesmo rematou o encontro cos afeccionados aplaudindo os nosos no círculo central coma non lembrabamos. A actitude amosada foi excelente, o xogo bastante bo, só faltou o gol. A pesar destas boas sensacións, non debemos enganarnos, para manter a categoría non abonda con empates, precisamos marcar goles e obter vitorias. Cando chegarán?
Pepe Murcia e a súa panda de veteráns viaxaron a Vigo coa intención moi clara de impedir que este renqueante Celta de Eusebio confirmase unha certa recuperación diante dos seus seareiros. E abofé que debeu saír satisfeito abondo con este empate que funde ao Celta nas posicións de descenso. Tras a súa marcha forzada de Vigo a pasada tempada, esta debeu ser a súa secreta vinganza. Máis alá da trasnadas de Murcia e do comportamento pouco deportivo de Notario, outro xogador que semella quedou ferido do seu paso polo Celta, é innegable que, a pesar de ter a fortuna de fronte en Huelva e de amosar clara superioridade no encontro de copa en Girona, este Celtiña de Eusebio non vai, non arrinca, quedou atoado nesta primeira cuarta parte do campionato e presenta uns números penosos, seis puntos de vinte e un, que agoiran as maiores dificultades para manter a categoría. E, por suposto, nin soñar con posibilidade ningunha de ascenso nin con outras lerias marqueteiras propias do Celtómetro de inicio de tempada. O partido fronte ao Albacete demostrou que o equipo noso ten moi boa vontade e moi boas maneiras e ao mesmo tempo enormes carencias técnicas. Como é adoito en Balaídos, os manchegos deixaron a primeira parte para que o Celta ensaiase os seus ataques de pizarra. Abondoulles amontoar xogadores no medio do campo para ateazar as liñas de pase de Trashorras sobre Iago Aspas, os nosos dous mellores xogadores diante, mentres Joselu vagaba amedoñado diante duns centrais que lle gañaban unha e outra vez a posición. En toda unha primeira parte aborrecible houbo apenas dúas ocasións para cada equipo: un centro bonito de Aspas que non atopou rematador (aí a nosa maior carencia) e un disparo ben colocado de Trashorras foron as únicas xogadas con perigo nosas; un remate de cabeza á cruceta á saída dun saque de recanto e un formidable golpe franco de Antonio López (que vimos dentro) as dúas máis claras dos visitantes. Tras o descanso, o Celta buscou a súa sorte no segundo minuto nunha falta lateral que deliñou Trashorras para que Joselu cabecease ao poste e o seu rexeite fose moi ben aproveitado por Iago Aspas, sempre espelido e oportuno. Tras o entusiasmo do gol, Joselu puido sentenciar o encontro nun remate que vimos dentro. Aí, no minuto cincuenta, acabou toda a intensidade celeste. A partir de entón os de Murcia procuraron o empate, desenvolvendo un xogo moi áspero e contundente que o árbitro non soubo ou non quixo conter. No minuto vinte, Falcón parou un penalti moi discutible a Salva Ballesta e, dous minutos depois, despexou un cacheiron formidable e saíu oportunísimo nun saque de recanto. Un auténtico heroe, o noso porteiro. Porén, os nosos medios non foron capaces de deter a carreira de Merino que faltando un cuarto de hora arruinou a que debería ser a nosa primeira vitoria na casa. A saída de Aaron nos minutos finais, substituíndo a un desafortunado Joselu, animou un chisquiño á bancada, mais xa non había nin tempos nin azos de ir a polo encontro. O empate foi un resultado xusto. A este Celta moito máis non se lle pode pedir.
A clara derrota fronte ao Hércules profundiza a crise do Celta e agoira que esta será outra tempada na que, como nas dúas anteriores, percorreremos un camiño bretemoso, cheo de dificultades, co perigo constante de perder a categoría diante dos nosos fuciños. Tras quince puntos desputados, os dous empates acadados polos celestes son un balance moi pobre para un equipo con teóricas aspiracións de ascenso que, porén, como sucedeu no comezo da pasada tempada, xa ocupa posicións de descenso na quinta xornada. Outrosí sucede cos números do actual adestrador celeste, Eusebio Sancristán, que dende o mes de marzo, cando comezou a dirixir ao Celta, apenas conseguiu dúas vitorias nos partidos oficiais dos campionatos de segunda división, un pobrísimo balance, sensiblemente inferior ao de calquera dos outros adestradores despedidos polo presidente Carlos Mouriño. O encontro fronte ao Hércules puxo en evidencia boa parte das carencias do cadro formado por Miguel Torrecilla e do sistema de xogo no que cre Eusebio. Efectivamente, o Celta tivo unha boa saída, tocando e buscando a porta contraria, ao que decontado responderon os alacantinos, no segundo minuto de xogo, cun remate moi perigoso de Sendoa que anunciaba a súa pretensión de levar os tres puntos. Ese foi o esquema de toda a primeira parte: cando nas escasas ocasións que o Celta conseguía sacar a pelota no medio campo, onde reinaban os herculinos, Bustos distribuía a entrada pola banda dereita, onde Hugo Mallo e Dani Abalo formaban unha interesante sociedade que, unha e outra vez, se estrelaba contra Peña; o Hércules, cheo de veteranos como Rufete, Farinos ou Tote, respondía cun contraataque no que os seus extremos chegaban con facilidade até a liña de fondo creando o pánico na defensa celeste. As dificultades de Iago Aspas para explorar a banda esquerda, teimando en entrar por diagonais imposibles, a inhibición de Trashorras que tivo o seu clásico día Bartleby e a pésima colocación do dianteiro Arthuro (do que polo visto moi pouco podemos agardar) foron factores que contribuíron a que os celestes non fabricasen ningunha situación de auténtico perigo durante a primeira parte. Tras a reanudación, Eusebio reforzou o medio do campo dando saída a López Garai; entón, durante uns minutos a esperanza volveu debuxarse sobre o terreo, mesmo un Danilo bastante implicado rematou de cabeza con perigo. Foi un espellismo, un fallo defensivo no minuto nove, permitiu nun saque de recanto un cómodo remate dun dos centrais alacantinos. Aí rematou o encontro para os nosos que, dende entón, recibiron un auténtico baño de xogo. O coñecido psicodrama volveu a repetirse: mentres os afeccionados se entretiñan berrando ao adestrador, no terreo de xogo non se percibía capacidade nin tensión nin intensidade nin posibilidade reais ningunhas para conseguir un empate. Sinxelamente desolador este comezo de tempada. Algo haberá que facer. O calendario das próximas tres xornadas agoira que os problemas clasificatorios se poden agravar. Para evitar males maiores, quizais sería sensato estudar a posibilidade de atopar un adestrador da categoría?
SE NON HAI VENTO, BOGAR O encontro da primeira xornada é sempre decisivo xa que adoito sinala os niveis de expectativa para toda a tempada: loitar polo ascenso ou pola permanencia. Magoadamente onte o Celta non foi capaz de rachar esa tendencia negativa, consolidada nos últimos campionatos de segunda división, que lle impide estrearse cunha vitoria diante dos seus seareiros. Sucedeulle hai dous anos ao Celta de Stoichkov, que prometía subir nun pis pas e xa naufragou de saída diante dun Córdoba recén ascendido. Repetiuno o pasado agosto o Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez, que tras as boas vibracións da pretempada foi claramente superado polo Girona, outro recén ascendido. Consolidouno este Celta de Eusebio Sancristán e Miguel Torrecilla con claras aspiracións na pretempada que diante dun Numancia recén descendido comprobou as enormes dificultades desta categoría de prata onde cada un dos erros defensivos ou atacantes se paga a prezo de ouro. A verdade é que o encontro cos sorianos constituíu un auténtico baño de realidade para o cadro de xogadores, técnicos e directivos, como para os seareiros celestes. Polo que se viu onte en Balaídos, este novo Celta de Eusebio e Torrecilla non o vai ter máis doado que aqueloutros de Stoichkov ou Pepe Murcia. A primeira parte foi para esquecer. Durante un bo treito, o Celta quixo dominar, mais o seu trivote de mediocampistas (Bustos, Michu e Trashorras) non xiraba dabondo para proporcionar balóns con ideas á nosa inédita tripleta de dianteiros noviños (Abalo, Joselu e Toni). Aos numantinos abondoulles apenas agardar ben organizados nas súas tres liñas para ir preparando as súas chegadas e as súas moi medidas xogadas a balón parado, sobre todo os seus perigoso saques de recanto. Coa reanudación, o Numancia adonouse do encontro, sobre todo a partir dun fallo garrafal de Sergio Ortega, un dos centrais celestes, que permitiu ao dianteiro Iñigo Vélez rematar un contraataque de libro. Afortunadamente, o Celta respondeu decontado, aos cinco minutos, cun golazo de Trashorras que tras unha xogada persoal no medio do campo colocou na mesma escuadra un cacheirón que enviou dende vinte metros. Conseguido o empate, que parecía o máis difícil, os nosos tiveron os seus mellores minutos de empuxe, que non souberon traducir en ocasións de auténtico perigo. Cando xa parecía que o empate sería o resultado máis xusto pola actitude e os méritos duns e outros, unha xenialidade do mediocentro Dimas desequilibrou a balanza no prato dos numantinos. Por riba, uns minutos despois, tras outro esforzo de recuperación, o internacional Joselu (desafortunado ao longo de todo o partido) estragou unha oportunidade de ouro para volver empatar. Dous erros graves, un defensivo e outro atacante que lle custan ao Celta tres puntos. Un balance que algúns poden considerar demasiado severo, mais inapelable na lóxica deste deporte. É innegable, ademais, que este novo Celta pode ter moitas boas posibilidades futuras, mais tamén o é que onte amosou moi preocupantes carencias na súa dianteira. Polo momento, válenos o dito mariñeiro, «se non hai vento, bogar».
Tras a solidez do xogo desenvolvido diante do Xixón, os celtistas podemos ter esperanzas de que a tempada que comeza o vindeiro sábado será a do ascenso? A pesar de que non somos adiviños, as boas vibracións deste novo Celta, cheo de canteiráns, xa non se poden agachar. Nos partidos que lle teño visto de pesta pretempada, gustei moito do carácter equilibrado do esquema táctico imposto por Eusebio, cun medio do campo impresionante, onde o traballo calado de xente como Bustos e Michu e o tiraliñas dixital dun fenomenal Trashorras, permite que os dianteiros noviños cheguen a golear con certa facilidade. Se este carácter equilibrado permite ademais reducir o número de goles recibidos, non dubido que podemos ter algunhas posibilidades de comezar a soñar co ascenso. Hai razóns abondas para que o vindeiro sábado acudamos a Balaídos con todas as nosas ilusións renovadas.
[Mouriño e a súa xente acertaron esta tempada co vídeo publicitario da campaña de abonados. Cheguei a emocionarme coas palabras finais, a verdade que pase o que pase «nunca deixarei de ser do Celta».]
A verdade é que ten razón un bo amigo deportivista que me escribiu esta mañá para dicirme que a vitoria do Celta amosa que son un «gafe». E quizais non lle falte razón. Onte non puiden sufrir no estadio, xa que o encontro coincidiu xustamente co desenvolvemento da emocionante cerimonia dos nosos premios. Con todo, fomos puntualmente informados por sms das incidencias que se ían producindo no estadio. Quedei pampo cando lin na pantalliña «36: 1-0 Iago Aspas». Nin me imaxinaba que Eusebio puidese poñer ao de Moaña, que debutara hai dous anos e medio con Fernando Vázquez fronte ao Newcastle (aquel Celtiña europeo de hai tan pouco tempo!). Cando rematou a preciosa intervención de Rosa Aneiros, recibimos o mazazo do empate («44: 1-1»), que agoiraba como en partidos anteriores o desastre. Porén, cando ía a comezar a miña intervención de peche, chegou a sorpresa:«48: 2-1- Aspas». Apenas tiven tempo para dixerila e, despois de saudar, comunicar a gran noticia da salvación celeste ás trescentas persoas que participaban nos Premios. Polo ruxerruxe que notei na sala, algúns sorriron e outros quedaron alarmados pola frivolidade do director da editorial de comezar as súas palabras cunha referencia tan escasamente literaria. Arranxeino o mellor que puiden e pedín desculpas, decontado metinme en fariña.
Non deixa de ser curioso que tras unha tempada catastrófica teña que ser Iago Aspas, un rapaz dese magnífico Celta B (quintos na clasificación definitiva de 2ª B), quen salve a papeleta aos Peñas e Rubenes, que durante nove meses nos afogaron nunha miseria de xogo e nunha fraxilidade defensiva insoportable. Superado xa o precipio da desaparición da entidade, a permamencia e o remate do proceso da concursal obriga ao Celta a iniciar unha nova etapa, na que afortunadamente nada terá que ver ese nefasto personaxe chamado Ramón Martínez. Non vou ser tan inxenuo para apostar hoxe polo ascenso a primeira a vindeira tempada; mais non debera parecer un disparate alicerzar un equipo dende a nosa canteira (onte foron seis os canteiráns da Madroa que formaron o equipo dos «salvadores») para non pasar estes apuros e poder comezar a gozar un chisquiño. A pesar das súas formas elegantes, nese novo proxecto non vexo o compromiso de Eusebio Sacristán. O presidente Mouriño debería acougar e meditar en que mans deixa o futuro desta ilusión que hoxe iniciamos. Luís César Sampedro (está tempada case estivo fichado) ou se quixera o propio Fernando Vázquez poderían ser dúas boas opcións.
Tras a frustración do serán do sábado, o debate en Vigo sobre o futuro do Celta bota chispas. Hoxe recibín unha carta na caixa do correo, enviada por unhas moi veteranas seareiras. Reclaman a volta á portaría de Notario como medida salvadora. O ton da escrita é realmente dramático, expresando o seu auténtico sufrimento e impotencia para poder reconducir a situación. Eusebio Sacristán saberá entender a reclamación destas afeccionadas?
Transcribo o texto polo valor documental que posúe para escribir unha futura historia heroica da afección celeste. Así vivimos aquí o perigo do descenso.
Manuel Bregado, me tomo el atrevimiento de escribirle este correo porque lo veo expreso en el Faro y siempre le leo. Somos amantes del Celta desde tiempos… lejanos; nuestro padre fue uno de los fundadores. Ahora estamos sufriendo y no comprendemos la actitud del entrenador. Es una cosa bien rara que el portero Notario que llegó a apodarse “San Notario” esté en el banquillo y lleve tiempo jugando éste que nunca mantiene la portería a cero.
El motivo de ésta es para animarle a que hablen con Sacristán y consigan que vuelva a ponerlo, (será la única forma de, por lo menos, empatar en Alicante). No sé si los cronistas deportivos ya le han hablado del tema; me extraña que no lo hicieran. Tenemos oído que lo “desterró” por unos comentarios que hizo contra la táctica del entrenador; ¿es cierto?.
Si es así, hay que decirle a éste, que lo 1º es el Celta, y a estas alturas lo importante es garantizar la portería, aunque uno tenga que rectificar y “dar su brazo a torcer” por el bien último. En este caso no se pierde autoridad. ¿No está de acuerdo?. Me encantaría que lo tenga en cuenta y ya desde aquí le damos las gracias si consigue el cambio. Estamos, a veces, en el campo. Pero no nos atrevemos a ir el domingo próximo si está éste en la portería. Se sufre demasiado.
Para os que imos cada quince días a Balaídos non foi sorpresa ningunha o empate diante do Murcia, que afunde ao equipo noso un pouco máis nese escuro territorio das tebras e fantasmas da perda da categoría. Magoadamente, o encontro desenvolveuse cun argumento ben coñecido: un inicio moi esperanzador, no que o Celta se adiantou con dous tantos; un desenvolvemento tedioso e pouco brillante, durante a maior parte do partido, no que o Celta dominaba e a medida que transcorrían os minutos perdía gas e serenidade; e un remate dramático, no que os nosos, vencidos polo medo, recuaron e estragaron toda a súa vantaxe. Con este argumento desenvolvéronse outros empates anteriores a dous goles, fronte ao Elxe e fronte ao Levante. Partidos feitos, ambos os tres, que semellaban gañados polos celestes cando ían moi avanzadas as súas segundas partes. Encontros, porén, incriblemente malogrados pola incapacidade do Celta e, especialmente, do seu adestrador de saber vencer o medo diante do fracaso e manexarcoa serenidade precisa os tempos defensivos que requiren as situacións de asedio medualiano. Tivo a vantaxe o Celta de contar co apoio de máis de dezasete mil seareiros, na mellor entrada do campionato, que apuparon de seu nos momentos máis difíciles; mais iso non abondou para acadar esa vitoria tan necesaria para afastarnos do precipicio. Sacristán apostou pola volta ao seu esquema de xogo máis habitual, catro defensas tres medios e tres dianteiros. Nos vinte primeiros minutos deulle un resultado excelente. A pesar de que os pementoneiros levaban a iniciativa, no minuto dezaseis Dinei loitou nun barullo na área rival e conseguiu así roubar o primeiro gol.Tres minutos despois, foi Kameli Ghilas quen, tras dous bos caneos, trazou unha diagonal pola banda esquerda desde a que rematou cun xute cruzado moi preciso que superou ao porteiro murciano. No resto da primeira parte, a bancada soubo agradecer as boas combinacións técnicas entre Michu e Trashorras, mais paseniñamente o dominio local foi minguando. No entanto, co comezo da reanudación, dúas boas asociacións pola banda esquerda de Ghilas e Roberto Lago puideron liquidar o partido, ao tempo que o Celta comezou a amosar preocupantes síntomas da súa vertixe diante da “síndrome do 2-0”. Foi entón cando Eusebio deu orde, como fixo noutras ocasións, de que se retirasen os recollepelotas para así ralentizar o desenvolvemento da media hora final. Un erro fatal. Semella que ese foi o sinal que os murcianos agardaban para arrecunchar ao Celta na súa área e agardar a que chegasen os seus habituais erros defensivos. Ese argumento coñecido polos rivais desenvolveuse con toda fidelidade: no minuto 79 marcou o ex-céltico Núñez e no derradeiro minuto da prolongación,o do empate, tras un saque de recanto moi mal defendido polos nosos. O Celta, outra vez máis, non soubo xestionar a súa vantaxe nin o seu dominio durante a maior parte do encontro. A este equipo de Eusebio fáltanlle moitas doses de competitividade para ser minimamente fiable. Como agoiramos en crónicas anteriores e polo que vimos onte, a salvación celeste pendura dun único fío, o previsible fracaso do Alavés. Que medo!
No serán do pasado sábado o Celta deu un chimpo de xigante para precipitarse no abismo e enterrar máis de oitenta anos da afouta historia do fútbol atlántico. Unha auténtica temeridade. Un suicidio deportivo. Os seis mil resistentes da bancada –os que non desertamos da causa celeste, a pesar de vivir en Balaídos fracaso tras fracaso– non podemos comprender como un equipo que, a pesar dunha nefasta tempada, tiña todas as posibilidades na súa man de asegurar a permanencia gañando apenas dous partidiños, decide baixar os brazos e enlearse nunha batalla onde ten moitas posibilidades de quedar ferido de morte. Esa liña celeste suicida, albiscada no período de Pepe Murcia, cando comezaron aquelas derrotas do mes de xaneiro que nos desengancharon dos postos de cabeza, acentuouse con esta lamentable xeira dirixida por Eusebio Sacristán, sen dúbida, o principal responsable desta perigosísima derrota co equipo das Palmas. O sábado o Celta saíu xustamente derrotado por que en ningunha das fases do encontro mantivo a intensidade e a serenidade abonda para controlar con claridade o xogo. Os de Eusebio estiveron atenazados, torpes e sen chispa ningunha en ataque (onde apenas podemos contar unha ocasión clara, estragada por David Rodríguez dous minutos despois do descanso) e, sobre todo, trabados no medio campo, onde Renan e Jonathan Vilanon puideron en momento ningún coa parella de pivotes canarios. Diante dos temibles ataques amarelos, que se repetiron dende o primeiro cuarto de hora de xogo, o esquema de tres centrais e dous carrileiros de Eusebio amosou a súa insuficiencia defensiva. O troco no minuto trinta de xogo de Trashorras por Jordi (que recibira unha tarxeta) e o precipitado debut do xuvenil Joselu (que substituíu a Óscar Díaz ao comezo da segunda parte) supuxeron unha mudanza radical do debuxo táctico do equipo, e outra mostra de que Sacristán non acaba de atopar o seu once ideal nin un esquema solvente para facer fronte a estas finais a cara de can. Con estes trocos, o Celta gañou unhas pingas de control defensivo, máis non de profundidade atacante. Diante de semellante escenario de conformismo galego, os pacientes canarios foron durmindo aínda máis o encontro, conscientes de que un dominio morno facilitaría a aparición da súa oportunidade, que chegou en forma doutro dos agasallos habituais de Peña (unha das maiores fichas do cadro celeste, expulsado por segunda vez consecutiva por cometer penalti). Co marcador desfavorable, como era previsible, o noso equipo de xiz quedou noqueado. Nos case vinte minutos de xogo que restaron, o Celta amosou todo o amplo repertorio da súa impotencia, agoirando o peor dos remates de tempada posibles. Sendo realistas debemos admitir que diante da situación anímica e deportiva do equipo (acomodado nas tebras do abismo) e das escasas posibilidades do adestrador para atopar unha saída de luz, para evitar o descenso a Segunda B (e, quizais, tamén a desaparición da entidade), só cabe confiar no fracaso dalgún dos dous rivais directos, do Córdoba ou do Alavés. Así de difícil ten o seu futuro o noso Celtiña do corazón.
EQUIPO DE XIZ
Foi o mineraloxista alemán Friedrich Mohs quen agrupou aos minerais nunha escala dividida en dez graos de distinta dureza, que vai do grao 1, o dos minerais moi brandos, como o talco e o xeso, que se raian coa uña, até o grao 10, o dos máis duros, como o corindón ou o diamante, que son capaces de raiar o vidro. Se empregásemos esta escala para clasificar a dureza do Celta de Eusebio, ou o que é o mesmo, o grao de resistencia que opón a ser raiado por outro equipo da súa categoría, non hai dúbida que ocuparía os postos máis baixos da escala, o dos conxuntos brandos ou moi brandos. Outrosí sucedería se tratásemos de medir a súa tenacidade, ou o que é o mesmo, o seu comportamento cando outro equipo intenta rompelo, este Celta de Eusebio que se rompe tan doadamente sería considerado un equipo fráxil, xa que posúe un grao de tenacidade moi cativo. O desta tempada nefasta, tanto no período de Pepe Murcia como nesta do decepcionante Eusebio Sacristán, é un equipo de xiz que padece duás graves doenzas: a primeira, unha enorme fraxilidade anímica, que o leva a ser incapaz de sobrepoñerse o máis leve contratempo no marcador; e, a segunda, unha moleza defensiva que o fai moi vulnerable cando os contrarios atacan con certa convicción. Esta dúas doenzas foron as causantes de que onte se empatase co Levante un partido que estaba gañado por dous goles de diferenza na primeira hora de xogo. Un resultado, até entón, moi merecido grazas a intensidade na presión e o control do medio do campo provocados por unha defensa de tres centrais e dous carrileiros adiantadísimos. Este esquema permitiu ao Celta xogar máis xunto, acadar maior número de recuperacións das habituais e aproveitar a profundidade das bandas. Así chegaron os dous goles de cabeza, o primeiro de Óscar Díaz, a piques de rematar o primeiro tempo, e o segundo de Ghilas, ao pouco da reanudación, tras unha combinación magnífica pola banda esquerda de até catro xogadores celestes. Con dous goles galegos por diante, comezou outro partido e chegou a nosa debacle. Ao Levante, que tanto lle tiña o resultado, foise para adiante e imprimiu maior intensidade ao seu xogo. Cinco minutos abondáronlle aos azulgranas para que Pedro Vega enganchase un saque de recanto, moi mal defendido polos nosos; quince minutos despois, cando o Celta perdera xa todo o debuxo e actitude da primeira parte, Vega volveu furar a Falcón (ollo, leva recibidos seis goles en dous partidos) por mor doutro fallo defensivo celeste. Foi entón, cando dende a banda, Eusebio, un adestrador que semella en período de prácticas e probas, decidiu sacar a Michu e a Dani Abalo. Xa era tarde. Vista a desastrosa segunda parte, na que mesmo se puido perder o encontro, estoutro empatiño non é mal resultado, xa que nos deixa a cinco puntos do descenso. O problema podería chegar cando no mes de xuño, no penúltimo partido en Balaídos, tivese que gañar ao Alavés. Teño as miñas dúbidas que este equipo de xiz sacase adiante un partido a vida ou morte. Así están as cousas en Balaídos.
Con enormes dificultades e bastantes doses de fortuna o Celta conseguiu gañar ao Córdoba e romper así esa desastrosa serie dunha ducia de partidos sen coñecer a vitoria. O sufrido e raquítico un a cero supón para os nosos un enorme alivio na clasificación, permitíndolles afastarse das posicións de descenso (quedan xa a sete puntos do Alavés e adiantan no gol averaxe ao Córdoba, un dos rivais directos para fuxir desta queima), mais sendo obxectivos non convida ao optimismo xa que apenas mellorou a calidade do seu xogo. Noutro partido horrible, este Celta de Eusebio demostrou continuar instalado no medo e nun fatalismo paralizante que leva a veteranos xogadores profesionais a desconfiar nas súas propias posibilidades e cometer erros inadmisibles. O mellor do partido de onte foi, sen dúbida, un resultado que debería contribuír a superar esa extraña doenza psicolóxica, causante de moitos dos males e dores celestes desta nefasta tempada. Sorprendeu Eusebio, na súa procura do equipo ideal, coa aliñación do porteiro Falcón e de Fabiano, o único lateral que aínda non utilizara. O brasileiro foi unha das mellores noticias do encontro pola súa facilidade para incorporarse ao ataque e para formar unha pequena sociedade atacante co seu compatriota Renán. Dos centros medidos do defensa naceron dúas boas oportunidades na primeira parte; das paredes entre Fabiano e Renán (mellor que en partidos anteriores) naceu a xogada ganduxa por ambos os dous dende a banda esquerda que permitiu a Ghilas marcar de auténtica potra, só dous minutos despois do descanso. Foi un gol rarísimo, o balón empurrado co xeonllo polo arxelino entrou na portaría tan amodiño que semellaba non querer entrar. Unha metáfora da situación deste equipo que semella non querer saír do foxo onde caeu. Ben é certo que os celestes, durante a primeira parte, apenas tiveran algunha triangulación interesante argallada por Trashorras e unha oportunidade clarísima estragada por David. Os cordobeses, que xa antes do descanso dispuxeran de varias oportunidades claras, tras o gol dos celestes empurraron con intensidade e mereceron marcar en tres ou catro oportunidades. Durante a media hora final do encontro o Celta resistiu como puido, limitándose a maior parte das veces a despexar os balóns da súa área apupado por unha bancada que, dende hai tempo e diante de situacións semellantes, xa non sabe se rir ou chorar. Dende a bancada, Eusebio chamaba a resistencia meduliana cando faltando aínda un cuarto de hora substituíu a Trashorras polo central Peña, que se colocou en posicións de mediocampista coa receita de afastar a pelota da área nosa polo civil ou polo militar. Un espectáculo impropio dos celestes que xa se fixo desesperante nos catro minutos da prolongación nos que os andaluces volveron estragar outra ocasión formidable. Só o asubío final devolveu a tranquilidade á bancada e unha pracenteira sensación de alivio inundou aos seareiros cando abandonabamos o estadio.
No frío serán do pasado sábado o Celta volveunos dar outro desgusto tremendo. Fronte a un Albacete inofensivo, que non disparou a portaría nin nunha soa ocasión, o equipo demostrou que hogano é incapaz de gañar un partido e superar a situación de parálise emocional na que entrou de forma súbita hai dous meses, cando estivo a piques de engancharse na loita polo liderado. Tras unha primeira parte horrible, na que apenas foi un fantasma errante que deambulaba desconcertado sobre a lameira, o Celta recuperou a figura e a dignidade na segunda, mais foi igualmente incapaz, mesmo xogando en clara superioridade, de levar o encontro. Sorprendeunos moito que Eusebio non introducise no equipo inicial a Ariel Rosada, hoxe a peza imprescindible para manter, canto menos, a aparencia de equipo. Como tamén nos doe recoñecer que a presenza do noso admirado Oubiña (aínda en pésimo estado de forma) sobre o terreo contribuíu a desencaixara todo o equipo, pola súa incapacidade para conducilo e para manter os tempos de recuperación e ataque. Outrosí sucedeu co lentísimo Renan, outra sombra perdida en terra de ningures.Con estas dúas pezas esenciais avaríadas, non é extraño que o terceiro mediocampista, o pouco constante Trashorras, aproveitase para asumir só as responsabilidades do balón parado (faltas e saques de recanto), onde é o noso gran especialista. Fronte a semellante desfeita dos medios é doado comprender que os tres dianteiros tampouco funcionasen, máis aínda cando David Rodríguez traballou durante boa parte do encontro na banda equivocada (outro erro de Eusebio),Óscar Díaz agachaba a responsabilidade de arriscar e o moi sobrevalorado Dinei (outro nunha baixa forma escandalosa) nunca estaba no lugar oportuno cando debía rematar. Sen medio do campo que funcionase, os centrais, Rubén e Jordi, pateaban as pelotas coma se fosen zagueiros de rugbi, mentres aos dous laterais, Edu Moya e Fajardo (os compoñentes máis frouxos do conxunto) abondáballes con non ser superados nalgún infrecuente contraataque manchego. Apenas o entusiasmo e a intensidade de Rosada, que entrou tras o descanso en substitución de Borja, e a seriedade habitual do porteiro Notario se salvaron doutro novo naufraxio do colectivo. A expulsión, ao comezo da segunda parte, de Kitoko (o mellor xogador vermello, que mandaba no centro do campo), semellaba que facilitaría as posibilidades de marcar dos nosos. A superioridade numérica facilitou o control da pelota e o seu envío descontrolado sobre a área, mais non se traduciu en aumento das oportunidades reais de gol. Apenas podemos contar un remate de David, un tiro libre que o mestre Trashorras enviou con enorme precisión á escuadra e ao rexeite posterior que Michu enviou ao longueiro.Nesas dúas oportunidades estragadas nos minutos finais estivo a clave do empate e quen sabe se o futuro do noso equipo. As formas elegantes de Eusebio non dan froitos. Este Celta é un equipo conxelado na súa impotencia.
O partido fronte ao Elxe foi dos máis entretidos que recordamos ultimamente. Ao longo do encontro, o Celta de Eusebio Sacristán pasou da euforia inicial á depresión súbita, de amosar durante unha parte do encontro sinais dunha implosión letal que o levaba á desintegración a unha certa recuperación do nivel do seu xogo e da súa actividade no treito final que nos fai depositar aínda algunhas esperanzas sobre o seu futuro. Efectivamente, foron realmente euforizantes os dez primeiros minutos de xogo que a bancada agradeceu decontado cos seus aplausos e cánticos. Xogo vertical, caneos dende a banda, centro medido de Dani Abalo e cabezazo ás redes de David Rodríguez. A pequena sociedade Dani-David, onte, con moita diferenza, a nosa mellor parella de efectivos, funcionaba as mil marabillas. Porén, a ilusión pouco durou. Un fallo garrafal de Edu Moya permitiu que un dos dianteiros ilicitanos quedase só, si soiño, diante de Notario o que lle permitiu asinar o empate. E como sucedera en tantas outras ocasións, este lamentable erro defensivo supuxo o derrube anímico dos nosos. Como no fenómeno físico da implosión, o Celta subitamente fixo cachizas o esquema de xogo de Eusebio, que apostara por un trivote moi ofensivo no medio do campo, quizais por que no interior deste vestiario celeste existe unha presión moi inferior á que se vive no exterior, onde o futuro deste equipo se sente como un devir colectivo.Diante de semellante implosión anímica celeste, o Elxe, como a maior parte dos equipiños que comparecen por Balaídos, viu que podía levarse o encontro e apretou un chisquiño a súa presión no medio do campo, onde polos galegos batalla só o teimoso Ariel Rosada. O lanzamento dunha falta (que só viu o árbitro) na frontal adiantou aos visitantes no minuto 36. No entanto, a diferenza doutras ocasións, o Celta, tras o descanso conseguiu recompoñer o seu espírito. Volveu imprimir máis sentido a circulación dende as bandas, sobre todo polos diagonais trazadas por un magnífico David Rodríguez que, transcorridos apenas oito minutos, volveu marcar de cabeza. Esta capacidade de renacer, de non deitarse non brazos da desolación foi, sen dúbida, a mellor noticia do fermoso serán de primavera adiantada en Balaídos. Había tempo para conseguir a vitoria. O equipo intentábao como podía, a pesar de non contar co acerto de Trashoras, que desaproveitou a ducia de saques de recanto e faltas que tirou, nin co compromiso de Dinei, unha auténtica rémora para o seu equipo. Non obstante, foi Eusebio quen tirou a toalla cos seus trocos dos mediocampistas. Con todo, o empate, a pesar de que funde un pouco máis ao equipo na táboa clasificatoria, é un resultado esperanzador. Onte houbo indicios claros de recuperación. Para conseguir volver ao vieiro das vitorias, cómpre o maior compromiso e disciplina de todos, si, de todo o vestiario.
A esperanza dun renacer celeste da man de Eusebio Sacristán durou apenas corenta e cinco minutos. Durante este primeiro período o Celta semellaba un equipo de estrea: novo técnico de gostos refinados na banda, novo debuxo táctico máis ofensivo (4-3-3) cun trivote inédito de mediocampistas (Rosada, Michu, Trashorras), defensa moi adiantada e presionante, e, sobre todo, manexo constante da pelota coa intención de construír un xogo paciente dende a liña defensiva. Semellaba que podían dar resultado as receitas que Eusebio traía ben aprendidas de Can Barça: o balón é quen organiza o xogo, o mellor xeito de defender é contar coa posesión da bola, cómpre rematar todas as xogadas para evitar contras imprevistas… Durante todo esta primeira parte o Celta, cun aparencia anímica sensiblemente mellorada, tivo máis tempo a pelota ca en ningún dos seus partidos anteriores, movéndoa de banda a banda coa intención de buscar os desbordes dos que onte foron os seus extremos, Ghilas e un David Rodríguez moi motivado. Froito deste xogoatrevido chegaron varias boas oportunidades que os nosos dianteiros non souberon aproveitar. Nin Ghilas nin David nin Dinei nin o mesmo Trashorras tiveron acerto suficiente para marcar, unhas veces chegaron tarde, outras marraron estrepitosa ou inocentemente diante da portería baleira. Froito de semellante desacerto atacante celete, o Huesca, un equipo modestiño que só viña a defenderse o mellor posible, foi adiantando as súas liñas e na fase final desta primeira parte atuou á defensa céltica con dúas oportunidades magníficas. Aí vimos a sombra do sucedido fronte ao Éibar. Coa reanudación e coa incomprensible saída de Trashorras, substituído por Oubiña, o interesante debuxo celeste da primeira parte foi esvaecendo e aparecendo sobre a lameira a sombra que tan ben identificamos do equipo impotente e desconcentrado. O Huesca percibiu decontado as súa oportunidade e no minuto setenta Esparza aproveitou unha pelota longa de contragolpe que soubo rematar de forma moi potente dende a esquerda. Aí remataron as posibilidades dos nosos. Como sucedeu noutras xornadas, co marcador en desavantaxe chegaron ás présas e as imprecisións provocadas polo pánico da derrota. Por riba, dende a banda Eusebio errou nos trocos, quizais por descoñecemento do cadro de xogadores, meteu a Maris prescindindo de Dani Abalo, o canteirán con maiores posibilidades de desborde. Estes derradeiros vinte e cinco minutos foron outra agonía , idéntica a que viviu hai quince días. A crise deste Celta é moi seria, agoira dificultades importantes, mesmo para manter a categoría. Onte na bancada xa non houbo posibilidade de botarlle as culpas ao adestrador que, polo que puidemos comprobar, é tan inexperto na categoría como ben intencionado na súa concepción do xogo. Seremos capaces de salvarnos con estes vimbios?
Equipo do Celta que desputou a final de Copa en 1994.
Iván Riobó publica hoxe en Xornal de Galicia unha reportaxe sobre a actual crise do Celta, onde, xunto a doutros afeccionados celestes como Anxo Quintana e Modesto Riobó, aparecen algunhas das miñas opinións sobre a cuestión. Reproduzo os parágrafos onde aparecen as miñas palabras:
Os malos resultados das últimas xornadas situaron ao equipo olívico moi lonxe dos postos de ascenso e fixeron agromar a presión de non poder deixar escapar máis puntos de Balaídos se non quere pasar apuros para manter a categoría. Aínda que queda moito campionato -e no caso de encadear varias vitorias volvería o optimismo á parroquia viguesa-, o certo é que poucos confían nas posibilidades dun conxunto que está a atravesar unha auténtica crise de identidade.
Desta opinión é Manuel Bragado, un ilustre seguidor do Celta dende hai moitos anos. O director de Edicións Xerais de Galicia considera que a entidade esgotou un ciclo que vai ligado ao actual sistema de financiamento dos clubs de fútbol. «A crise do Celta é fundamentalmente unha crise societaria e do modelo de sociedades anónimas, agudizada porque o club tivo a mala sorte de pasar nunha temporada de xogar a Champions a baixar a Segunda», explica. Bragado cre que a esta situación se chegou «por unha pésima xestión directiva e por non confiar na figura de Fernando Vázquez, que foi o mellor adestrador que tivemos nos últimos anos despois de Víctor Fernández». O editor comenta que a partir de aí saíron á luz outros problemas como a débeda económica e iniciouse unha política deportiva “nefasta” da man de Ramón Martínez, «para min uns dos principais responsábeis da actual situación».
Bragado tampouco lle bota moitos piropos ao adestrador cordobés. «Con todo o respecto, penso que non está a altura», afirma, para a continuación lembrar que «o fútbol xógase no imaxinario colectivo do espectador e o problema é que aquí faltóuselle ao respecto á tradición futbolística dunha sociedade que viu nacer o fútbol hai máis de 100 anos». Augura unha «longa travesía do deserto» e aposta por unha renovación radical do club, consciente de que «é o propio celtismo o que está nunha crise de identidade».
Particular interese no seguimento desta crise celeste teñen as anotacións semanais do blog de Óscar Lorenzo na edición d´A Nosa Terra. Aposto, coma el, na necesidade de substituír no banco a Pepe Murcia. Con todo, sei que este cese non abondaría para solucionar unha crise que, como sinalo na reportaxe, creo que ten outras raíces (nese difícil terreo da reconversión de todo o fútbol profesional español, que comezou polos equipos de segunda).
Hoxe para o celtismo, sumido nunha crise de identidade, xa sen esperanza ningunha para esta tempada, o importante é non descender a 2ª B (o que é máis difícil do que parece, xa que temos cinco puntos menos dos que a mesma altura levabamos a pasada ), o que polo menos permitiría en setembro volver cun novo proxecto deportivo, necesariamente humilde (cinco ou seis mil seareiros na bancada non dá para máis), o que non impediría que fose ilusionante. Aí vexo á fronte ao arousán Luis César Sampedro. Un desexo.
RIDÍCULO
O Éibar gañou con todo merecemento e autoridade a un Celta ridículo, sen corazón nin cabeciña ningunha, un equipo o noso que hai un mes perdeu o horizonte do seu soño. Tras seis partidos sen coñecer a vitoria, anotando na táboa clasificatoria só dous puntos de dezaoito posibles, o equipo de Pepe Murcia descartouse onte de forma definitiva das candidaturas ao ascenso, colocándose na perigosa desputa dos postos de descenso a segunda división B. A de onte foi unha noite importante para os apenas cinco mil celtistas que contra vento e marea resistimos en Balaídos. Tras a primeira media hora de xogo, cando afogando ao Celta no medio do campo os eibarritarras bailaron os nosos até deixalos en completo ridículo, comprendimos que estabamos asistindo á cerimonia do definitivo fracaso da tempada e, por ende, do proxecto deportivo acuñado por ese nefasto personaxe para o celtismo chamado Ramón Martínez, responsable primeiro da confección dun cadro de xogadores moi frouxo e desequilibrado e da contratación dun adestrador que xornada a xornada demostra non estar á altura técnica que precisa un club que pretende ascender a primeira división. Foi, outra vez máis, a entrada no terreo de xogo de Trashorras no minuto trinta e dous da primeira parte a que permitiu que os celestes gañasen o control da pelota e os dianteiros comezasen a visitar a área vasca. A piques de rematar a primeira parte, Ghilas, moi desafortunado e nervioso, non soubo aproveitar en dúas ocasións senllos magníficos servizos de Dani Abalo e Dinei. Porén, o Éibar tivo a fortuna de abrir o marcador dous minutos despois de comezada a reanudación, grazas a un golazo de Carlier que soubo aproveitar un fallo garrafal de Trashorras. Mais a xogada clave do encontro chegaría só uns minutos despois, cando Ghilas errou no lanzamento dun penalti cometido contra David Rodríguez. Antes do lanzamento, como sucedera tamén hai quince días fronte ao Castelló, o arxelino, Trashorras e David Rodríguez litixiaron sobre quen debería facelo, liorta vergonzosa que amosa a total falta de autoridade e criterio do técnico. Desaproveitado o penalti, os celestes quedaron noqueados, dominaban sen chispa e sen convicción de obter a remontada, febleza que aproveitou Sutil convertindo unha formidable volea, moi aplaudida polos afeccionados galegos, que deixou sentenciado o encontro. A partir dese momento, consumouse o divorcio dos seareiros co equipo, especialmente co adestrador, que recibía estrondosos asubíos solicitando o seu cese. Pouco importou que faltando tres minutos, David Rodríguez conseguise marcar, cando xa ninguén acreditaba nas posibilidades nin sequera dun empate. O ridículo, e a vergonza que nos fai pasar cada semana este Celta de Mouriño e Ramón Martínez, é infinito. Seguimos co pesadelo.
DESILUSIÓN Na matinal de onte o Castellón gañou cos maiores merecementos a un Celta que volve dirixir a súa faciana cara o abismo. Nas últimas tres semanas os celestes obtiveron apenas un punto de doce en xogo, malogrando o esforzo da súa difícil remontada outonal e afastándose moito (non sabemos si xa definitivamente) das prazas clasificatorias onde é posible soñar, as únicas nas que os celtistas queremos ver ao noso equipo. Despois de partidos tan decepcionantes coma estes catro pasados medra a nosa convicción de que os maiores problemas deste Celta da Concursal non son só os económicos, senón tamén aqueles referidos a súa pobre dirección técnica, tanto a dos despachos de Praza de España como a do banco de Balaídos. O Celta debe ser o único equipo das categorías profesionais que deixa fóra por razóns técnicas a maior parte dos seus xogadores extracomunitarios, a todas luces, coa honrosa excepción de Dinei, fichaxes fallidas do actual director deportivo celeste. Outrosí sucede no banco do estadio, onde Pepe Murcia amosa cada domingo as súas enormes limitacións tácticas e escasa intuición para xestionar os partidos. O Celta debe ser, tamén, o único conxunto desta igualadísima competición de segunda división que sistematicamente deixa fóra do equipo inicial ao seu xogador de mellor toque e calidade técnica (Trashorras); como, tamén, debe ser un dos poucos conxuntos que emprega idéntico esquema (4-4-2) para todos os partidos, tanto ten que sexa local ou fose visitante. Toda unha lección de torpe e desesperante terquedade á que nos ten afeitos o noso actual adestrador. Con este mesmo guión discorreu, liña por liña, o encontro fronte a Castellón, un equipo moi xeitoso que viña con esta lección ben aprendida. Abondoulle para controlar o partido adiantar a súa defensa e concentrar xogadores na mediana, realizando dende alí un traballo brutal de presión que asfixiou aos de Murcia que non atopaban outra solución que guindar puntapés imprecisos sobre Dinei e David Rodríguez. Froito deste esforzo posicional os castellonenses tiveron a súa primeira oportunidade de marcar transcorridos sete minutos, que axiña souberon concretar un cuarto de hora despois. Atado por semellante presión, cun Oubiña aínda en rodaxe e cuns extremos onte moi desafortunados, o Celta naufragou desentendéndose do coidado da pelota. Houbo que agardar á entrada de Trashorras, tarde, moi tarde, cando o marcador xa sinalaba 0-2, para que o equipo gañase en sentido de xogo e comezase a crear ocasións de perigo. Porén, xa non había tempo para a remontada, mais aínda cando pouco axudaba a pésima arbitraxe. Esta clara derrota anuncia que o camiño da segunda división pode ser moi longo. A desilusión volve a bancada.
TOQUE TRASHORRAS O sábado á noite houbo que agardar oitenta longos minutos para que a ledicia do gol comparecese en Balaídos. Foi a entrada de Trashorras no campo, nese momento, a que permitiu que a súa primeira intervención fose botar unha falta, dende a banda dereita, cun toque tan preciso e ben medido que permitiu a Michu cabecear á escuadra con enorme facilidade. Un gol, unha xogada gañadora a balón parado, que desfacía un nobelo moi ben tecido, ata entón, polo colista diante dun Celta moi disperso e un pouco pasota. Murcia recuncou co seu tan exitoso esquema de dous dianteiros e dous extremos, dándolle entrada no medio centro a Oubiña. Se desta volta o seu esquema non funcionou coa eficacia doutras ocasións, se debeu a que foron outros os xogadores que o ensaiaron. Nin Maris nin Ghilas (que substituíu a Dinei, lesionado xa nos dez primeiros minutos) souberon en momento ningún moverse nin colocarse ao ritmo que sinalaban os extremos e laterais nin aproveitar as clarísimas oportunidades proporcionadas polos desbordes e centros de Dani Abalo, onte, con moita diferenza, o mellor xogador sobre a lameira. Ocasións malogradas polos dous dianteiros celestes que, durante o comezo da segunda parte, cando o Celta comezou a apretar, fixeron temer á bancada polo propio resultado, xa que apuparon aos mozos sevillistas a realizar un par de contragolpes con finalizacións notables, salvadas in extremis por san Notario. Porén, as entradas, avanzada a segunda parte, de Michu –substituíndo a Borja Oubiña, quen ao longo do encontro demostrou estar aínda lonxe do seu mellor punto– e logo de Trashorras (que saíu por un Óscar Díaz, antonte pouco afortunado) liquidaron as posibilidades dos filiais que tras o primeiro gol galego se foron derrubando. O segundo gol dos nosos, xa case co tempo vencido (cando a bancada celebraba a manciña do Barsa anunciada no marcador), naceu dunha contra pola esquerda levada por Roberto Lago e Ghilas que o arxelino transformou en gol, grazas a unha parede desequilibrante de Trashorras. A entrada fulgurante do de Rábade, obrigado polo esquema táctico do adestrador a estar máis tempo no banco dos suplentes ca no terreo de xogo, demostra que no fútbol apenas dous toques precisos abondan para darlle sentido a este fermoso xogo colectivo. O sábado en Balaídos a calidade de dous futbolistas galegos, Dani Abalo e Roberto Trashorras, transformou un encontro aburrido e envurullado nunha vitoria decisiva que permite ao Celta continuar seguro a súa traxectoria cara o territorio dos soños, que se enxerga cada vez con maior claridade. Cun chisco de fortuna este Celta pode completar unha esperanzadora primeira volta.
BENVIDO OUBIÑA Todo o encontro co magnífico Hércules foi moi desputado e igualado. Se ben na primeira, os dous conxuntos acusaron os efectos da paradiña do nadal, a segunda parte foi excepcionalmente competida e emocionante ata o seu derradeiro minuto. Os alacantinos xa avisaron no primeiro cuarto de hora, cun xute perigoso dende fóra da área de Taborda, que non viñan a Vigo a pecharse diante da súa área, querían a vitoria para coller o liderado. Durante toda a primeira parte sucedéronse os ataques visitantes, aínda que as mellores oportunidades de gol foron celestes, grazas, sobre todo as subidas polas bandas de Abalo e Óscar Díaz, cada vez máis atrevidos nas súas evolucións. O partido rompeu tras o descanso xa que o Celta marcou na xogada do saque do centro, cando apenas transcorreran quince segundos. Dinei enviou longo sobre David Rodríguez para que este dun xute cruzado abrise o marcador. Cun gol no peto, o Celta animouse a resolver o partido, o que conseguiu Óscar Díaz de forma espectacular aproveitando un polémico roubo de balón de Dinei na liña de fondo. Co marcardor tan adverso e faltando aínda media hora, os do galego Mandiá non deron o partido por perdido e empurraron con moita afouteza, aseñorearon o xogo e acurralaron ao Celta diante da meta de Notario. Froito deste esforzo chegou o gol de Rubén Navarro, tras unha combinación de ata catro dianteiros, outro de Taborda (anulado por “fóra de xogo”) e varios remates de Tote que Notario salvou de forma asombrosa. Nestes minutos finais, angustiosos para os celestes e para a bancada, as saídas de Trashorras, Oubiña e Noguerol axudaron a recobrar alento e conter a avalancha herculina. Felizmente, os nosos souberon resistir e mesmo tiveron oportunidade de aumentar o marcador, durante o desconto, grazas a un xute formidable de Trashorras que pegou no pao. En definitiva, a bonita matinal de onte déixanos tres puntos e dúas excelentes noticias. Primeira: a fórmula que ensaiou Pepe Murcia fronte ao Zaragoza de xogar con dúas puntas e dous extremos profundos demóstrase que é moi competititva para esta segunda división; este fútbol máis directo e sinxelo (quizais, tamén, menos elaborado e vistoso) facilita vitorias que, amodiño, van colocando ao Celta no espazo dos soños. Segunda: tras unha dificilísima travesía do deserto en solitario e durante quince meses, Borja Oubiña debutou esta liga en Balaídos e demostrou, en apenas dez minutos, que volve ser futbolista decisivo, xa que cada vez que toca a pelota, o Celta é un equipo con sentido e maiores argumentos de xogo colectivo. Este regreso de Borja pode axudar moito a acelerar a esperanzadora traxectoria que o equipo veu collendo nos últimos meses.
AUTOESTIMA A merecidísima e clara vitoria de onte fronte ao poderoso Zaragoza, con toda seguridade o máis claro favorito ao ascenso, serve ao Celta para recuperar a autoestima perdida nas Palmas e para volver engancharse no territorio dos soños, o único onde os esforzados seareiros celestes queremos velo disputar esta competición de segunda división. Sorprendeu Pepe Murcia cun cambio radical do seu esquema habitual, apostando por un novidoso 4-4-2, no que David Rodríguez acompañaba na punta ao goleador Dinei e Dani Abalo e Óscar Díaz subían descarados polas bandas. A aposta do adestrador celeste tivo un éxito rotundo. No primeiro cuarto de hora –cunha saída fulgurante e arrolladora, onde os dianteiros nosos tiveron até catro ocasións de gol (a primeira de David Rodríguez, unha man a man co porteiro, nada máis comezar o partido)–, como case durante todo o encontro, o Celta amosou un ritmo, unha intensidade, unha verticalidade e unha colocación sobre a lameira excelentes. Non se notaron as ausencias de Trashorras e Ghilas (até agora as nosas referencias máis creativas), nun conxunto ben construído dende a defensa, onde o traballo extraordinario de Ariel Rosada, axudado por Michu, proporcionaba seguridade e magníficas recuperacións ofensivas. No entanto, o Zaragoza, mediada a primeira parte, conseguiu espertar e nun dos seus ataques Ewerthon enviou ao pao un xute dende a central da área, que deixou a bancada sen alento. Foi a mellor e case única oportunidade aragonesa. O partido, até entón, moi entretido polo afán atacante dos dous equipos, entrou nunha fase aburrida, que beneficiou as aspiracións célticas. Tras o descanso, coincidindo coa chegada do ballón, Rosada aseñorou o encontro, cunha visión do xogo incriblemente intelixente e un sacrificio na presión extenuante. Cos vimbios desa disciplina fabricouse o primeiro gol galego, un xute contundente de Dinei, dende fóra da área que entrou pola escuadra, tras un oportuno servizo de tacón do xenial Rosada. Co marcador adverso, un Zaragoza desconcertado adiantou liñas e atacou irreflexibamente até con cinco xogadores que se esnafraron diante dunha defensa céltica que non perdía a súa orde e tampouco renunciaba a dirixir o contraataque. Maris, que substituíu a Rodríguez, puido sentenciar, tras un peiteado de Dinei. Mais foi o arousán Dani Abalo quen, ao primeiro toque, soubo aproveitar unha parede de Dinei para pechar o marcador. Esta vitoria, tan ben construída dende a disciplina de todas as liñas celestes, aumenta considerablemente a fortaleza emocional do equipo. Algo, até agora, excepcional que hoxe celebramos co maior entusiasmo.
MURALLA A pesar do empate raquítico fronte á muralla vallecana, do partido de onte podemos tirar, canto menos, dúas conclusións positivas: a primeira, o Celta leva xa dous meses sen perder na competición ligueira, grazas a que vai fortalecendo a súa liña defensiva (até agora o seu punto máis feble); e, segunda, os seareiros celestes comezan, aínda que sexa timidamente, a volver ás bancadas de Balaídos (a de onte foi a mellor entrada da tempada). No entanto, este empate sen goles foi un resultado insatisfactorio para os méritos que os de Pepe Murcia fixeron sobre a lameira. Tras unha saída entusiasta dos celestes, que conseguiron nos primeiros minutos senllas chegadas perigosas de Michu e Ghilas, o Rayo Vallecano tivo o mérito de adormecer o encontro, apagándoo e afeándoo nunha batalla táctica no medio do campo, onde os seus pivotes paraban de forma expeditiva calquera das iniciativas de creación dos nosos. Semellante pasividade atacante vallecana contaxiou aos celestes durante un bo treito da primeira parte. O xogo embarullábase coma nun labirinto no centro o terreo e apenas Dinei conseguiu nunha ocasión xutar con perigo na área, Ghilas e Óscar Díaz (que abandonou o campo mancado no minuto 37 e foi substituído por Danilo) realizar un par de desbordes e Fabiano centrar nunha ocasión dende a súa banda. Tras o descanso, diante da desesperante actitude contemplativa dos madrileños, os celestes incrementaron de forma moi decidida o seu ritmo e empurraron ás dúas liñas da muralla vallecana (moi ben colocada sobre a súa área). Grazas a este dominio case absoluto (os vallecanos só aspiraban a que se producise un erro defensivo galego e poder montar un contrataque, feito que nunca aconteceu) o Celta dispuxo de dúas clarísimas oportunidades para facerse co encontro: un cabezazo de Dinei rematando un saque de recanto (que vimos dentro) e, sobre todo, a mellor xogada do partido, unha gran entrada de Ghilas pola banda dereita, o seu centro posterior, ao que non chegou por milímetros Dinei, e o conseguinte rexeite defensivo que un desacertado Danilo, a porta baleira, guindou ás bancadas de Marcador. Nos minutos finais, a pesar da insistencia do ataque celeste, a muralla vallecana foi imposible de franquear. Con este pobre resultado, o Celta abóase á estratexia da goma que coñecimos o pasado campionato: cando semellaba que podía enganchar tres vitorias consecutivas (e colocarse, así, preto das posicións de ascenso), dá un decepcionante paso atrás. Con todo, para non perder esperanzas, quedémonos coa solidez defensiva do conxunto e coa magnífica actitude atacante da segunda parte.
O CELTA MÁIS GALEGO Ao Celta abondoulle unha magnífica primeira parte para vencer con claridade ao Salamanca, o actual líder deste frouxísimo campionato de segunda división, consolidando paseniño a súa remontada na táboa clasificatoria e a súa serie de nove partidos oficiais sen coñecer a derrota. Unha boa noticia. Arrincou este Celta, o máis galego que recordamos en moito tempo (cinco xogadores no cadro inicial), moi concentrado e presionante, interferindo dende o medio centro as liñas de pase do rival, que non conseguía dar dous pases con xeito. Ademais, no primeiro cuarto de hora, as subidas polas bandas do magnífico Dani Abalo (moi ben apoiado por un, afortunadamente, recuperado George Lucas) e de Ghilas crearon varias ocasións de perigo. Pouco despois, un bo pase interior de Trashorras permitiu a Dinei realizar un centro con moita rosca que un defensa, tratando de despexar, axudou a introducir na súa propia meta. O gol apupou aos celestes que continuaron co control do xogo durante outro cuarto de hora, para, logo, embarullarse no centro do campo ata o descanso. Porén, a segunda parte foi maliña, aburrida ao comezo e moi agobiante ao remate. Os visitantes, que ata entón non foran capaces de chegar en ocasión ningunha á área céltica, adiantaron un chisco as súas liñas e aseñorearon o encontro, o que motivou un repregue ultradefensivo celeste, ordenado polo seu medroso adestrador. Aínda que as numerosas chegadas salmantinas nunca tiveron perigo (semellaba incomprensible que este equipiño encabezase a clasificación), a inquedanza foi progresivamente aumentando na bancada, sobre todo, no comezo do derradeiro treito do partido, cando Roberto Lago foi expulsado por unha parvada de colexial, e os nosos quedaron en inferioridade numérica. A oportuna entrada de Óscar Díaz proporcionou o alento e a mordacidade da que carecían os célticos; un seu espectacular longueirazo, realizado en carreira e dende trinta metros, puido acougar o partido. Os cinco minutos de desconto foron infartantes, un pasacorredoiras no que a pelota circulaba coma tola dunha a outra área. Foi entón cando apareceu Trashorras, un xogador tan xenial coma aparentemente indolente (promete crear a inevitable polémica dos xogadores descontinuos que agachan no pé unha luva), que enganchou un balón no aire, dende fóra da área, e o enviou coma un misil entre a cruceta dos paos. Magnífico! Un dos mellores goles que temos visto nos últimos anos en Balaídos. Abandonamos o estadio cantando «Miña terra galega», o himno de Siniestro Total (todo un acerto do novo locutor), con esperanzas renovadas. Nesta segunda, todo está moi aberto.
DEPRIMENTE PECHACANCELOS Tras esta nova derrota, xa non temos dúbidas: este Celta de Pepe Murcia e Ramón Martínez é un equipo moi frouxiño, sen intensidade anímica ningunha, sen unha concepción orixinal e áxil do xogo e, o peor de todo, sen vimbios de calidade suficientes que permitan albergar esperanza ningunha. A moitos seareiros puideron parecerlles inoportunas ás declaracións realizadas durante a semana polo indolente adestrador andaluz; mais, sufrindo o xogo deprimente que realizaron os seus pupilos onte na lameira de Balaídos, debemos recoñecer que eran absolutamente realistas e sinceras: “o obxectivo deste Celta non é o ascenso” porque, desgraciadamente (aos pésimos resultados hai que aterse) a súa única aspiración é intentar non desaparecer como club. O partido fronte ao Nastic de Tarragona, mui ben dirixido polo ex-céltico Jandro (el só toleou a todos os nosos centrocampistas e defensas), foi un novo episodio dun pesadelo que, agora con novos protagonistas, se ven repetindo ao longo do último ano. Na primeira parte, os celestes dominaron o encontro e estragaron as súas oportunidades. Dani Abalo fixo un par de boas internadas pola súa banda que non atoparon remate, Ghilas outra moi perigosa (que puido ser penalti) e Trashorras un lanzamento lonxano (que semellaba gol). Aí rematou o noso perigo. A segunda foi toda dos cataláns que deron un auténtico baño aos galegos. Coa lección ben aprendida do anterior partido co Girona, deixaron que o Celta marease a pelota con escasa profundidade, á esculca da oportunidade de destrozar co seu contraataque a un equipo que sabían que cando recibise un tanto se desfaría coma un xeado. Así foi punto por punto. Xa aos catro minutos da reanudación tiveron unha oportunidade enorme, que cinco minutos despois o velocísimo Dipo xa non desperdiciaría. Co marcador en desavantaxe, e como sucedera hai dúas semanas, Murcia tardou case vinte minutos en reaccionar e introducir os seus trocos. A pesar de que Dinei (substituíu a un nulo David) rematou nunha ocasión ao longueiro e Noguerol (o mellor dos celestes) subiu algunhas boas pelotas á área, o encontro quedou con todo o peixe vendido cando no minuto corenta N’Gal batiu a Notario. A preguiza coa que Pepe Murcia dirixiu o encontro amosa que se sabe fugaz ave de paso. Quizais, durante algunhas xornadas, as estreiteces da lei concursal o poidan salvar, mais tal como van as cousas (o Celta despois de moitos anos está de pechacancelos) semella a pé feito que lle corresponderá a Alejandro Menéndez, o actual adestrador do Celta B intentar dirixir a remontada.
MAL COMEZO Tras as boas sensacións da pretempada tiñamos fundadas esperanzas en que este Celta refundado na concursal comezaría a liga de forma ilusionante e axiña nos faría esquecer dous anos de pesadelo. Porén, este Celta do trinque (no que só permanecen dous xogadores da tempada pasada no primeiro equipo titular, o capitán Rubén e o medio centro destrutor Rosada) amosouse aínda moi inmaduro e absolutamente incapaz de superar a un equipo tan ben estruturado como o Girona, o recén ascendido que noqueou na fase de ascenso ao Pontevedra e permaneceu invito na pasada tempada regular de 2º B. Foron os cataláns un óso demasiado duro de roer para un equipo aínda en construción, como é o de Pepe Murcia, máis obsesionado por manter o axuste do seu debuxo táctico e o control do xogo ca en procurar situacións de vantaxe e de perigo na área rival. Dende o inicio, os de Raúl Agné agardaron polos celestes diante da frontal da súa área onde, coa excepción dun par de internadas polas bandas dun magnífico e descarado Dani Abalo (o canteirán foi o mellor dos célticos) e dunha moi boa galopada de Óscar Díaz, finalizaban as lentísimas combinacións dirixidas dende o centro por Trashorras, o único mediocampista dos nosos con certa capacidade creativa. Unha e outra vez as tenues subidas celestes quedaban afogadas alí pola intensidade defensiva catalana que aproveitaba as súas recuperacións para despregar perigosos e veloces contraataques que supuxeron un par de clarísimas oportunidades malogradas in extremis por Notario, o novo gardarredes céltico. Tras a reanudación, apenas variou este panorama ata que no minuto dezaoito un erro fatal nun despexe dentro da área celeste de Óscar Díaz facilitou que o Girona marcase a pracer o seu gol. Entón, Pepe Murcia non soubo reaccionar; desconcertado agardou un cuarto de hora para introducir, entón á desesperada, toda a súa artillaría ofensiva, un feito que apenas intimidou a un Girona xa cada vez máis seguro e dominador do partido. Ademais do sabor agre desta primeira derrota e da preocupante incapacidade rematadora amosada por todos os novos atacantes celestes (tanto Ghilas, David como Dinei estiveron a un baixo nivel), o encontro deixou algunha escintilación de esperanza, sobre todo polo bo comportamento dos dous centrais galegos (Rubén e Noguerol estiveron impecables) e polo perigo creado por Dani Abalo na súa banda, ao que contribuíu o seu bo entendemento con Trashorras. Agardabamos moito máis. Un pobrísimo balance para un mal comezo do proxecto de Pepe Murcia.
A completísima reportaxe fotográfica do partido é de Javicelta. Obrigado.
Procedente do Vitoria Guimarãeschega ao CeltaKamel Fhati Ghilas, un atacante versátil (principalmente de banda esquerda) internacional arxeliano con pasaporte francés. Ghilas xogou tres tempadas na liga francesa co Cannes e logo pasou á liga portuguesa. O máis sorprendente é que pareceestivo na axenda do Arsenal de Wenger. Alguén pode explicar como é posible que un xogador polo que na primavera pasada se pedían 1,75 millóns de libras polo seu traspaso, cun equipo clasificado para a previa da Champions pode chegar libre ao Celta da concursal e fichar por tres anos? Semella cousa de meigas. No vídeo poden verse algúns dos seus goles co “Eurovitoria”: “tres preciosos tantos” para o locutor portugués. Semella unha boa fichaxe este compatriota de Zidane. Ghilas (autodenominado “o fenómeno alxerino”) ten aberto este blog.
Esta paréceme unha iniciativa oportuna. Velaí dous parágrafos do manifesto apoiado por celtistas de todas as condicións:
“O Celta é máis que unha Sociedade Anónima Deportiva. É algo máis que un nome, é un sentimento en algo que para algúns tan só é un deporte de masas, pero que a nós, celtistas, levanos a sentir dende as maiores ledicias ás máis profundas depresións. Algo que non se pode explicar con verbas. Por iso as novas acerca da súa posible desaparición amosan unha profunda preocupación por algo que naceu alá no ano 1923. Facemos o chamamento por nós, os siareiros actuais. Polos nosos pais e avós que nos levaron por primeira vez a Balaídos. Polos fundadores, por Manuel De Castro “Handicap”. Polos nosos fillos, que herdarán o noso sentimento. O Celta non pode desaparecer, non se pode borrar as ilusións, esforzos de tanta xente ó longo de tantos anos.”
ESCÁNDALO Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.
Estaba cantado. A pésima tempada a nivel deportivo e os múltiples erros de xestión da era Horacio obrigaron ao consello de administración do Celta a solicitar voluntariamente no xulgado mercantil a concursal (o que antes chamaban quebra ou suspensión de pagamentos). Non existía marxe ningunha, xa que a outra posibilidade que tiña Mouriño sería promover a disolución do club. A pesar de que o caso do Celta non é único (o Deportivo debe 150 millóns), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. A pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa. A Concursal do Celta, inserida nun plan de viabilidade (no que se pretende renegociar a débeda con Facenda, Caixanova e asegurar unha cesión do estadio por parte do concello e durante vinte anos) pretende reducir a enorme débeda da entidade (84 millóns de euros, recoñecidos a finais de 2007, ás que habería que engadir as perdas do primeiro semestre deste ano como consecuencia do fracaso de non acadar o ascenso) en cinco anos e endereitar un barco que vimos á deriva ao longo das dúas últimas tempadas. É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades e propón múltiples dúbidas, na medida que o club terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa (ata agora, nefasta) política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e ás contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da Concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo –como demostra a situación do Sporting de Xixón e do Málaga, que nesta mesma situación pelexarán esta fin de semana polo ascenso–, se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados por riba das nosas posibilidades (durante unha década) e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos. Por moito que doa, non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel marabilloso xogo da serpe do Eurcocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), o deserto da Segunda; o que pode constituír unha magnífica oportunidade para refacer un proxecto futbolístico galego (onde dificilmente lle vexo cabida ao actual director deportivo), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Iago Aspas) e mozos e veteráns repatriados (dende a fichaxe de Trashorras á cesión de Jonathan Pereira). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras…). Esta pode ser a derradeira oportunidade para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico.
Actualización (11-06-2008): Claves para entender a aplicación da lei concursal (Faro de Vigo).
SAN ESTEBAN A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.
50 PUNTOS Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.
RIR OU CHORAR? Aínda que os resistentes celestes temos coiro abondo paraencaixarunhanovaderrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é querematecantoantes esta tempada nefasta protagonizada por un Celtapatético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os setechorares pola súa falta de almaourir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, porcerto, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contratodo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotascelestes: poñémonos pordiante ao comezo da primeiraparte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de errosdefensivosridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unhasaídaatacante moi intensa dos malacitanos quedurante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiroscelestes, como é adoito no guión dos seuspartidos, estragaron tres clarasoportunidadesparaliquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestradorceleste non soubo lerque a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unhaperda de balón infantil de Okkas no medio campoparaabrir un amplocorredorque soubo aproveitar Eliseu e, cincominutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de formaelegante a Ivan Rosadotoda a pelotaparaque os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rirouchorar?
SOUBO A POUCO Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.
ABURRIDOS Perdido o obxectivo do ascenso, un aburrimento insoportable asolagou Balaídos. O encontro vespertino do sábado fronte a unha decepcionante e temerosa Real Sociedade (que pola fraca actitude amosada, tamén vai ter moi difícil ascender) agoira que o derradeiro treito desta nefasta primeira tempada en segunda vai deixar as bancadas de Balaídos coma un auténtico ermo. Os poucos celtistas voluntariosos e pacientes que aínda acudimos ao estadio perdemos xornada a xornada os escasos azos que nos quedan nas nosas reservas de entusiasmo. Resulta absolutamente decepcionante contemplar o deambular apático e vencido do noso equipo sobre a lameira, incapaz de atopar un vieiro certo da vitoria ou de amosar sequera aos seus afeccionados resistentes que conta cunha alma aínda non completamente derrotada. Saíu a Real de Juanma Lillo co equipo moi adiantado, chegando con moita facilidade á portaría de Esteban, semellando que viña a facerse cun encontro vital para as súas aspiracións de ascenso. Cando os donostiarras mareaban co seu fútbol combinatorio aos celestes, un inesperado cabezazo de Lequi –tras un bo servizo de Larena dende o recanto e un estrepitoso fallo de marcaxe da defensa vasca– os puxo por diante no minuto vinte e sete. Mais, como xa é adoito, o espellismo dunha posible vitoria céltica non durou nin vinte minutos. Perdida a batalla do centro do campo, onde o traballo solitario de Michu (Rosada non compareceu neste partido) non abondaba para controlar o de Garitano e Martí, e sen bandas ningunhas por onde rachar, un recorte de libro a Lucas permitiu que Castillo centrase moi cómodo dende o extremo da área e que Díaz de Cerio empatase a pracer, cando remataba o primeiro tempo. Aí rematou o escaso fútbol que se viu no encontro. A segunda parte foi aburridísima. A Real achantouse, sometida a un pánico inexplicable e arrepiante, apaxando a pelota mais renunciando a arriscarse a levar un partido que tiña na man fronte a un rival tan endeble e desmotivado. O Celta defendeuse con certa orde e mesmo, nos minutos finais, co público adurmiñado e bocexante, amagou con algún contraataque de certo perigo, mais xa era tarde para intentar recuperar tanto tempo estragado. Finalizado tan aburrido “espectáculo”, tras o ritual minuto de asubíos da bancada dirixido ao señor Mouriño, os afeccionados collemos os paraugas para intentar defendernos do ballón. Coa que estaba caendo sobre Balaídos, mellor era abrigarse.
O INCRIBLE ROBERTO A pesar do empate co Sporting de Xixón –que volve chafar aos que manexaban esperanzas de que o Celta desputase o ascenso nas derradeiras xornadas– saímos satisfeitos da matinal de Balaídos. Despois de moitos meses de desfeita no xogo celeste, por fin vimos un equipo noso serio, intenso e disciplinado que buscou con convicción a vitoria dende o primeiro ao derradeiro minuto do encontro. Se o Celta non a conseguiu, foi porque Roberto, o porteiro chantadino do Xixón realizou un partido memorable, atallando media ducia de pelotas incribles que dende a bancada cantamos como gol. Ao longo da primeira parte, os de Antonio López déronlle un repaso soberano a un pobre Sporting, porén animicamente moi ben arroupado dende a bancada de Preferencia polo súa “mareona” vermella. Co xogo controlado dende a defensa (onde se notou a consistencia de Peña) e, sobre todo, coa seguridade que proporcionaba no centro da cancha o labor destrutor dun inmenso Rosada (o mellor dos célticos), todos os dianteiros celestes foron machucando a portaría asturiana, onde o que fora a porteiro do Celta B teimosamente lles roubaba o gol. Dende a banda, Núñez estricaba o xogo celeste coas súas galopadas velocísimas proporcionando balóns preciosos; o canteirán Michu enviaba, dende a segunda liña, varias pelotas interiores enevelenadas para que logo Diego Costa e Perera aburrisen cos seus caneos e remates á nerviosa defensa asturiana. Mais nuns casos coma noutras, as puntas celestes atoparon que os seus remates malográbanse nas mans, nos puños ou nas biqueiras do incrible Roberto, que mesmo chegou a interceptar un colocadísimo cabezazo de Michu ao pé do pau. Durante a segunda parte, o abafante dominio celeste afrouxou e foi cando os asturianos gozaron dun par de oportunidades, aínda que como no período anterior foron as dos celestes as máis claras, fose o magnífico remate de Peña lambendo o pau ou o derradeiro empurrón estragado por Okkas durante os minutos de desconto. É unha mágoa que este Celta, onte tan famento de gol e moito máis intenso e concentrado en defensa que na etapa de López Caro, comece a funcionar cando o ascenso xa é unha quimera. Con todo, semella prometedor para o futuro o labor de reconstrución da autoestima e dos alicerces básicos do xogo promovido por Antonio López que en Soria comezou a colleitar os seus primeiros froitos. Onte o Celta mereceu tamén a vitoria, mágoa que atopase no seu camiño ao incrible Roberto.
Diego Costa, o mediopunta brasileiro do Celta é un xogador fantástico, capaz de realizar xogadas de figura e tamén partidos e accións absolutamente decepcionantes. Hoxe en Soria marcou dous goles marabillosos e fixo resucitar a un Celta que criamos morto. O segundo gol, arrincando dende o medio campo e caneando a todos os que se lle puxeron por diante, é memorable, comparable aos míticos de Messi ou Maradona. Se fose capaz e xeneroso de poñer todo o seu talento ao servizo do xogo colectivo, este rapaz podería volver a facernos soñar.
TRISTE, MOI TRISTE Onte remataron as entelequias de Mouriño: tras o bacará fronte ao Albacete, o Celta está obrigado a mudar o obxectivo do ascenso a primeira polo de evitar o descenso a segunda división B. Acadar doce puntos de trinta e nove posibles será, a partir de agora, o obxectivo razonable para un equipo que na tempada pasada xogou a Champions League e que na presente conta co máis alto presuposto da categoría. Todo un baño de realismo. O troco de adestrador serviu para que o equipo perdese a pouca orde táctica que imprimira López Caro. A revolución disciplinaria de Antonio López, que deixou fóra da convocatoria a dous dos dianteiros dispoñibles (Costa e Quincy), e a incorporación do canteirán Michu (fixo un partido moi aceptable) na media punta non abondaron para impedir a caída libre na que semella estar inmerso o Celta durante este 2008. O noso é un equipo que segue carecendo de alma gañadora, dunha mínima estrutura no centro do campo (un auténtico desastre) e, sobre todo, da solidariedade defensiva imprescindible para ser un conxunto competitivo na segunda división. Ao Albacete, un dos colistas, abondáronlle dezasete minutos de xogo para que Barkero atopase un furadiño na esmirrrada defensa celeste e batese a Esteban. Aí remataron todas as esperanzas. A partir de entón, os nosos derrubáronse coma un castelo de area e, como na época Stoichkov, deixaron que fosen os centrais (Lequi e Rubén) os que dirixisen o xogo de ataque enviando pelotazos á área, onde Perera loitaba soíño fronte a cinco defensas. Coa excepción de dous remates con perigo do noso bota de ouro (no minuto 24 da segunda parte), pouco xogo celeste de ataque podemos relatar. A falta total de sentido, o disparate táctico e caos posicional, a falta de compromiso dos xogadores, os trocos desafortunados e a destempo do novo adestrador producíronse diante da maior indiferenza dunha afección (cada vez máis minguada) que, por fin, rebentou pedindo, durante a segunda metade, a demisión do presidente. Protestas lexítimas dunha bancada que comproba como o seu equipo se precipitou ao abismo desque está nas mans de Mouriño e de Ramón Martínez, responsables da composición deste pobrísimo e carísimo cadro de xogadores e técnicos foráneos. Se non se lle pon axiña remedio (e non vai ser doado con estes vimbios), esta desfeita pode levar a que Vigo quede sen fútbol de primeira división durante moitos anos. Triste, moi triste.
ACABOUSE Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.