Category: Cidades

Onte 258: Bilbao

24 Maio, 2012 (07:19) | Bibliotecas, Cidades, Editores, Onte | 4 comments

Convidado polo Goberno Vasco viaxei a Bilbao para participar nun grupo de debate sobre o futuro do sector editorial e libreiro en Euskadi. Gosto moito desta cidade capaz de darse a volta coma un carpín en menos de dúas décadas, reconvertindo o seu tecido industrial e urbano ao servizo da cidadanía. Quedei abraiado da intervención urbanística da Alhóndiga, onde hai apenas dous anos se recuperou unha gran edificación industrial para transformala en moderna biblioteca municipal (aquí denominada “Mediateca”) e sede doutros equipamentos culturais e sociocomunitarios. Axiña pensei que este podería ser un modelo para a recuperación da Panificadora viguesa. Foi un serán fermoso ruando por Indautxu, ao pé da Catedral, onde non faltaron algunhas saudades celestes. Con todo, o mellor foi a conversa rica, moi rica, cos meus agarimeiros amigos bilbaínos. Gosto de Bilbao. Aúpa Athletic!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte 251: Cultura ou barbarie!

17 Maio, 2012 (09:26) | 17_de_maio, Cidades, Cultura, Efemérides, Galeguismo, Iniciativas, Onte | 8 comments

Abeizoo «Bares e letras», a iniciativa promovida por Xabier DoCampo e outros artistas para festexar na cidade da Coruña o Día das Letras Galegas sen institucións de por medio. A partir das oito do serán máis de cincuenta «actores, músicos, escritores, poetas, paiasos e artistas en xeral» percorrerán 44 bares e restaurantes da cidade onde lerán, contarán, cantarán ou dramatizarán textos en galego coa intención de denunciar así a falta de programación municipal para este 17 de maio. Para rachar con este tempo de conformismo  é imprescindible a iniciativa cidadá, o exercicio da corresponsabilidade daquelas persoas todas que se negan a asumir como inevitable o durísimo retroceso nas políticas públicas de sanidade, educación, lingua e cultura. Á altura do 50 aniversario da efémeride creada por del Riego como «Día do libro e da lingua galegas», este 17 de maio, no que celebramos o carácter emprendedor e comprometido de Valentín Paz Andrade, reclama en todo o país d enoso un novo pulo por parte da cidadanía galega, organizada tanto en asociacións serodias ou grupos de afinidade como en colectivos efémeros concibidos para crear espazos compartidos de esperanza. Adiante, cultura ou barbarie!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte 246: Estranxeiros na súa terra

12 Maio, 2012 (10:44) | Autores, Cidades, Dicionarios, Librarías, Lingua, Onte, Poesía, Xerais | 13 comments

Ten moita razón Xabier DoCampo cando di que non damos abandonada a situación aquela da Penélope do chairego Xosé Díaz Castro: «Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea ds teus soños non se move». O día no que o concello de Lugo aprobou por unanimidade unha magnífica ordenanza de uso do galego, soubemos pola denuncia do Diario da Liberdade que os nosos dicionarios nun dos centros de El Corte Inglés da Coruña ocupan o espazo das «Lenguas extranjeras». A ordenanza lucense é un importante paso adiante, tanto por artellar un amplo espazo de consenso social arredor do emprego do galego, como polo que supón de modelo, sobre todo no que atinxe ao compromiso de contar cun Gabinete de Normalización Lingüística. Porén, a ubicación inadecuada dos nosos dicionarios no centro comercial coruñés, é un doloroso paso atrás, máis aínda cando sabemos que noutros centros galegos de ECI o libro galego, incluídos os dicionarios, recibe un tratamento profesional e, mesmo agarimeiro, por parte dos responsables e dos profesionais do departamento de Libraría. Indígname e magóame comprobar que o libro e a lingua galega sexan tratados como «estranxeiros na súa terra». Agardo que os responsables de ECI coruñés retifiquen na «Semana das Letras Galegas».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vigo-A Coruña

6 Febreiro, 2012 (07:54) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cidades, Nacionalismo, Vigo | 2 comments

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da noticia da campaña «Vigo ama A Coruña. A Coruña ama Vigo», organizada polas asociacións de hoteleiros de ambas as dúas cidades, reflexiono sobre un novo modelo de relación estratéxica entre elas.

Gustei da iniciativa de colaboración entre os empresarios hoteleiros de Vigo e A Coruña anunciada o pasado xoves. Con motivo do día dos namorados, entre o vindeiro sábado 11 e o domingo 19 as parellas viguesas e coruñesas poderán hospedarse na cidade amiga cun 25% de desconto, só con demostrar que residen nalgún dos concellos da outra área metropolitana. Esta iniciativa de mercadotecnia hoteleira, xerada para promocionar en tempos de crise o chamado “turismo de proximidade”, preséntase cun moi suxestivo lema publicitario: “Vigo ama A Coruña. A Coruña ama Vigo”. Recupérase así o fío da memoria das xeracións humildes dos nosos pais e avós que viaxaban á cidade herculina a gozar da noite de vodas ou a xoldra das excursións de domingo, organizadas pola peña Xaburú, a comezos dos anos sesenta, con motivo dos partidos co noso eterno rival.

Esta orixinal iniciativa privada de irmandade entre as cidades da oliveira e da torre, tivo o seu precedente cultural o pasado 15 de decembro na “Acción Urbano Océano Lugrís”, un neocontubernio galaico organizado conxuntamente pola asociación cultural viguesa A Nave das Ideas e pola coruñesa In Nave Civitas. Naquel sábado desenvolvéronse de forma simultánea, en ambas as dúas idades actos de homenaxe ao xenial pintor Urbano Lugrís. Nacido na Coruña en 1908 e finado o nadal de 1973 en Vigo, o que fora alma mater das revistas “Brétemas” e “Atlántida” demostrou nos seus cadros que Vigo (“Xouba City” para el) e A Coruña (“Percalinópolys” na súa terminoloxía) son a fin de contas a mesma cidade atlántica. O pintor máxico da ría nosa, dos portos do Berbés e Bouzas, o autor do cuarto do vello mariñeiro evidenciou na súas cámaras de marabillas e nos seus murais que vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo do pedramol mesturado coa maruxía da galerna.

Estas dúas iniciativas privadas, ás que debemos engadir os termos do acordo de fusión do que foron as caixas nosas –hoxe, magoadamente, en perigo inminente de perda irreparable–, demostran que é posible superar os localismos pailáns que dende hai tres décadas dificultan a colaboración fraterna entre Vigo e A Coruña, dúas cidades que, a pesar de ter fasquías moi diferentes, constitúen os motores económicos da Galicia actual. Cooperación estratéxica no proxecto de modernización de Galicia que sabemos non pode impedir unha competencia estimulante entre ambos proxectos urbanos, como a que desenvolven os seus equipos de fútbol no terreo de xogo, unidos esta tempada pola angueira do ascenso a primeira división. Só asumindo esa estratexia de cooperación e competencia os portos de Vigo e A Coruña poderán asegurar o seu futuro no marco da rede portuaria da fachada atlántica europea. Idéntica estratexia deberá levarse na xestión de Peinador e Alvedro, dous aeroportos que, a medio prazo, poden desaparecer se non demostran a súa complementariedade con Lavacolla e a súa capacidade de competir co portuense de Sá Carneiro. Outrosí sucede cos contedores culturais públicos, especialmente os magníficos museos de ambas as dúas cidades, cuxa complementariedade temática permitiría integralos nunha oferta turística única moi atractiva e alternativa á estratexia compostelá do sepulcro.

Ademais, os concellos de Vigo e A Coruña deben cooperar no desenvolvemento da lei das áreas metropolitanas e do novo mapa urbano do país, esixindo que isto constitúa unha prioridade na política autonómica, cando estamos xa ás portas dunha nova lexislatura. Como ambos os dous deben manter a firmeza institucional necesaria para que a prioridade principal da actuación do Ministerio de Fomento en Galicia sexa a finalización no último prazo previsto, ano 2013, do eixo atlántico ferroviario que unirá as dúas cidades de forma permanente en pouco máis dunha hora, o que constituirá un feito case revolucionario para o recoñecemento mutuo de ambas as dúas veciñanzas. O que non debería levalos a esquecer a demanda histórica de que ambas as dúas cidades estivesen unidas por unha autovía gratuíta, alternativa a esa AP-9 que levan décadas expoliando os nosos petos.

Sometida a cidadanía de ambas as dúas cidades ás penurias das políticas de consolidación fiscal, cos niveis de desemprego disparados, co anuncio do atraso das obras do tren e co que foron as caixas nosas na UVI, esta estratexia de competencia e cooperación entre as dúas grandes cidades galegas é unha prioridade política. Vigo e A Coruña deben compartir estratexia para saír da crise no marco dun novo proxecto de autogoberno galego. Deixemos a pacífica rivalidade para o eido futbolístico, mais aínda cando é moi probable que o derbi de abril en Balaídos sexa un encontro decisivo e moi emocionante xa que Deportivo e Celta semellan determinados a loitar entre eles polo ascenso directo.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Compostela branca

9 Xaneiro, 2010 (17:50) | Cidades, Imaxes | 1 comment

20100109elpgal_1 (1)

Non tiven a fortuna de vivir a grande nevarada que caíu onte sobre Compostela. Nas fotos presenta a súa faciana menos coñecida, que, con seguridade, alguén acuñará na historia desta cidade de letras e signos fascinante para os escritores: «cidade onde vagan os homes e as horas» (Salvador García Bodaño); «cidade que parece construída o día anterior»  (Gabriel García Márquez); «cidade na que soterraron a semente» (X.L. Méndez Ferrín); «cidade que é un mar de pedra» (Celso Emilio Ferreiro); «cidade onde os sumidoiros son améndoas» (Xavier Cordal, a miña preferida); «labirinto hermético que segue a ser cidade aberta ao país e casa de todos os galegos» (Suso de Toro)… Cal será a frase literaria para fixar a que foi onte a nosa cidade branca?

Foto: Óscar Corral. El País.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Samparkour», São Paulo

5 Xullo, 2009 (14:22) | Brasil, Cidades, Cine, Vídeos | No comments

SAMPARKOUR from Wiland Pinsdorf on Vimeo.

Das grandes cidades do mundo (esas megametrópoles imposibles) que teño visitado ningunha me interrogou máis sobre as posibilidades de chegar ao colapso do desenvolvemento urbano ca São Paulo. Quedei coa impresión de que esta é unha cidade esaxerada en case todo, mesmo na beleza extraordinaria que podes atopar de socato no recanto dunha rúa ou, simplemente, cando miras pola ventá ao mencer e quedas abraiado co espectáculo que se che ofrece.
Este percorrido por algunha das iconas da arquitectura paulista, tras a ollada do parcourista Zico Corrêa, é enormemente fermoso e reafirmoume na sensación que de alí trouxen sobre a enorme beleza da capital paulista. Como debería titularse esta Samparkour, a curta de Wiland Pinsdorf? Unha gozada de apenas sete minutos.

Vía Manolo Gago (moitas grazas, pola descuberta)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Camiñar por Compostela da man de «Festina lente»

24 Xuño, 2009 (18:26) | Cidades, Eventos, Historia, Narrativa, Xerais | No comments

As xornadas que o Club de Lectura de Gálix Tendendo Redes dedicada a Festina lente, a grande novela de Marcos Calveiro, parécenme unha marabilla. Esta iniciativa amosan as enormes posibilidades dinamizadoras que atesouran os Clubes de Lectura (un concepto que debemos ampliar ao de «Voluntariado da lectura») e a potencia sedutora da novela de Calveiro, que un ano despois da súa aparición, segue conquistando nunha boca orella continuo a novos lectores e lectoras. Festina lente é desas novelas que amplía o público para o libro galego, sen menoscabo ningún da súa excelencia literaria.

Chaman a atención algunhas das actividades previstas deste orixinal programa (pode baixarse en pdf), preparado por Tendendo Redes, co apoio de Amigos del Románico: a lectura pública da novela coa que se inicia (algo novidoso en Galicia); as conferencias previstas sobre iconografía medieval e alquimia, así como as dúas visitas guiadas do sábado día 4, pola mañá «á Compostela do XVI», pola tarde á propia catedral. Se a iso engadimos a intriga que introduce a actividade do Bookcrossing e a emoción do «Canteiro en Compostela» (un recital poético cun cadro de poetas moi bo), concluiremos que non podemos faltar nesa xornada do sábado 4 de xullo. Os meus parabéns a Marcos e a xente de Gálix por ter artellado tan interesante programa. Este pode ser un modelo moi interesante a emular noutras cidades.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Homenaxe á cidade da liberdade

20 Maio, 2009 (08:56) | Cidades, Narrativa, Presentacións | 3 comments

O sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro celebrarase a “Homenaxe á Cidade da Liberdade”, un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde.
A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.
O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.
Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.
Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vivir é compartir

9 Maio, 2009 (08:23) | Cidades, Música, Publicidade, Vídeos | 1 comment

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/orukqxeWmM0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Publicidade de T-Mobile.
Vía: Estrelas e limóns (grazas).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Prontos a ler, visita lisboeta

4 Xullo, 2008 (16:55) | Cidades, Persoal, Portugal | 4 comments

Dous días en Lisboa (nos que abandonei completamente o blog) deron para moito: camiñar unha das nosas cidades máis queridas, falar devagariño cos editores amigos, participar na inauguración dunha exposición de libros españois e nun encontro con editores lisboetas sobre o deseño editorial, coñecer as últimas novas sobre a reconversión editorial portuguesa e, sobre todo, tomarlle o pulso á difícil situación económica e social do país irmán (que nisto da crise parece ir bastante por diante nosa).
Emocionoume comprobar que a edición portuguesa do libro de Agustín xa está nas mesas de novidades da FNAC (a carón dun libro de Edgar Allan Poe) e nos escaparates das librarías do Chiado, onde vin, tamén, a edición de deriva da Dragona de Queipo. Dúas mostras de que a nosa literatura vai abrindo unha fenda en Portugal da man dos dous editores que mellor coñecen e aprecian a nosa literatura. Quedei moi contento sabendo das boas noticias da marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a editora independente do noso amigo Nelson, sen dúbida, o máis importante editor de cultura portugués das últimas décadas. Ademais do libro de Agustín, Nelson está enguedellado no lanzamento dun novo libro de poemas de Manuel Alegre (algún día poderá chegar o poeta á presidencia da República?) e na recuperación dun novo texto de Cardoso Pires. Apampei coa nova novela de Mia Couto (lina nunha noite nun hotel, por certo ben bonito), unha obra na que mozambicano demostra que é un dos grandes. Abraioume comprobar in situ como se consolida o proceso de concentración das editoras literarias portuguesas, acelerado pola consolidación do grupo Leya, que agora xa agrupa á editorial Caminho, a ASA, a Dom Quixote e a Oficina do livro, algo verdadeiramente incrible!, que abre múltiples interrogantes sobre o futuro e a identidade dos proxectos destas editoras e agoiro anticipa a concentración conseguinte da súa comercialización (algo que xa coñecemos aquí dende hai máis dunha década). Non hai dúbida, o sector editoral portugués está revolto.
Con todo, quizais o máis interesante, foi participar na Mesa Redonda cos colegas portugueses e co mestre Enric Satué, o comisario da exposición itinerante “Listos para ler”. Durante dúas horas e media debatemos sobre o futuro do sector do libro e o papel que o deseño editorial vai ter neste proceso de tránsito inevitable entre formatos. Dende posicións máis ou menos integradas (e algunha que outra máis ben apocalíptica) chegamos á conclusión de que só terán futuro os libros impresos máis fermosos, os mellor concibidos e os mellor editados. Aí o papel do deseño e da creación do editor serán imprescindibles.
Despois de tantas novidades, volvimos con saudades, na cidade da luz, semella inevitable. Volveremos en outono para acompañar a Agustín na presentación aos medios de Só resta o amor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

London 2012

10 Decembro, 2007 (17:59) | Cidades, Fútbol, Imaxes | 6 comments

Ás portas da celebración da cita olímpica de 2012, Londres xa comezou os preparativos para un evento co que as autoridades pretenden mudar completamente a súa fasquía urbana. A renovación do espazo de Wembley realizada por Sir Norman Foster xa é unha impresionante realidade que nos deixou moi ben impresionados, non tanto polo seu carécter de peza da chamada “arquitectura escultórica”, como pola flexibilidade coa que foi concibida, moito máis alá dos usos dun estadio de fútbol.
Con todo, a presenza social do futbol continúa sendo omnipresente en toda a cidade. E non me refiro nin aos tinglados turísticos de venda de camisetas e iconografía dos equipos da Premier, nin ao espazo ocupado pola “información” futboleira nos medios de comunicación nin sequera ao desfile continuo de seareiros uniformados por estacións e aeroportos. Refírome ao feito de que o fútbol comeza a gañar os espazos da cultura, algo que entre nós aínda está case vedado ou considerado como unha excentricidade. Así as biografías dos futbolistas (xunto a doutros deportistas) ateigan os andeis de “non ficción” das librarías nesta campaña de Nadal. Así o escritor Nick Hornby se presenta na lapela da súa máis recente novela xuvenil (dedicada ao skate) como “escritor e seareiro do Arsenal”, educado en Cambridge University e Highbury (podemos imaxinar que un dos nosos narradores se atrevese a semellante presentación?). Así a cartelaría futbolística centra os escaparates de Carnaby como un dos seus primeiros reclamos, adquirindo noutros casos a categoría de pezas artísticas expostas ao pé da Tate Modern. Aí van algunhas destas pezas que fotografamos en diversos espazos urbanos londinienses.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha tarde en Lugo

24 Novembro, 2007 (18:38) | Autores, Beizóns, Blogs, Cidades, Narrativa, Presentacións | No comments

Onte pasamos unha tarde magnífica en Lugo con motivo da presentación do libro de Miranda. Marcos realiza unha hoxe unha completísima crónica, tanto do desenvolvemento acto (onde realizou unha intervención moi atinada) como da paseata á noitiña que fixemos pola Muralla, dirixidos polos comentarios de Pepe, Xoán Cuba, Isidro Novo e outros amigos e amigas entrañables. Na viaxe de volta, despois de que fomos parados en Guntín pola Garda Civil (“las pegatinas son para poner”), falamos devagariño de tantas cousas que nos unen dende hai tres décadas e dos proxectos que temos en marcha. Marcos Valcárcel ven desempeñando un labor hercúleo de divulgación e promoción galeguista (agora, tamén dende o seu blog extraordinario) que merece a nosa maior admiración e recoñecemento. Un tipo dunha peza, formidable! Beizóns para el.

Actualización (22:00): Pepe publica dúas anotacións sobre a presentación, a primeira é a crónica do desenvolvemento do acto e a segunda as notas que empregou Marcos (unha intervención, insisto, magnífica, na que debullou o sentido dos nove relatos). Entendo a afirmación de Miranda “algúns críticos fican desorientados cos meus libros de relatos”, coma xa comprobamos sucedeu con estas Mans do medo, onde se mesturan relatos fantásticos (por favor, non confundir con fantasía), outros da literatura do horror (diferenciar do terror), outros no marabilloso e outros de carácter metafísico ou onírico (próximos a Kafka). O texto de Marcos pode axudar a identificalos e interpretalos acaidamente.
Por outra banda, cómpre salientar que a intervención de Miranda foi tamén moi bonita e clarificadora sobre as intencións da súa escrita. Transcribo algunhas das notas recollidas na miña libreta:

“Eu son un escritor que quere escribir como se escribiu ben sempre, como quen come pan. Pretendo que olector non vexa os artificios do meu traballo, que a historia teña impulso narrativo. O narrador ten que narrar, é un contador de historias”.
Diante da pregunta de Maros sobre o futuro do conto tradicional, Pepe non dubidou: “O conto tradicional galego desaparecerá por que o mundo tradicional onde naceu xa desapareceu. Mais seguirá o conto, xa que a xente precisará seguirse contando historias, baixo novas fórmulas. Velaí o pulo das actuais lendas urbanas”.
Por último, Miranda abordou a cuestión dos medos presentes no libro: “Algúns son medos tradicionais e outros modernos (como o medo á informática ou aos cambios biolóxicos). En xeral eu abordo dous temas: o primeiro, a alienación, a perda da identidade; o segundo, a desilusión, a perda da utopía, da infancia, a perda da marabilla. O medo, sexa literario ou cinematográfico, ten uha función terapúetica, xa que nos prepara para afrontar outros medos que podemos atopar ao longo da vida”.

Actualización (25-11–2007): jaureguizar completa a crónica da tarde adiantando as vindeiras novidades que publicará Miranda en Xerais: a reedición da novela Vestio (en Fóra de Xogo) e unha guía de Galicia (máis de cinco centas páxinas) en dobre edición, galega e castelán.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Gremio Literario

21 Agosto, 2007 (16:12) | Cidades, Imaxes | 3 comments

Xenial, Lisboa!

Vía Txetxu.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Caderno de Bretaña III

16 Agosto, 2007 (09:43) | Cidades, Música, Persoal | 1 comment

INTERCÉLTICO
Brest e An Oriant son dúas cidades de arquitectura aparentemente insípida. Bombardeadas e case totalmente destruídas por ingleses e norteamericanos, por ser bases dos submariños alemáns na IIª Guerra Mundial, estas dúas cidades obreiras foron reconstruídas empregando os criterios da planificación urbanística dos anos cincuenta e sesenta. Cuadrículas de edificios de formigón de seis andares e algunha mole singular de arquitectura racionalista conforman as coordenadas destas dúas cidades de beleza oculta. Porén, souberon atopar no seu carácter de cidades portuarias (tanto dende o punto de vista pesqueiro, comercial, militar, deportivo coma cultural) o perfil que as singulariza como dúas das máis interesantes e dinámicas de Francia.
Brest, situada nunha rada preciosa, centro dunha área metropolitana de máis de trescentos mil habitantes, atopou no mar a súa identidade, converténdose así nun dos referentes da cultura marítima mundial. A organización dos festivais marítimos (cuatrienais), a ubicación do Centro Nacional de Explotación dos Océanos, do Centro Oceanográfico de Bretaña, da base dos submariños nucleares franceses, de Oceanapolis e dunha dinámica Universidade permitiron o despegue desta cidade que aparentemente conta con escasos encantos patrimoniais.
Outrosí sucede con An Oriant, primeiro porto pesqueiro de Francia polo valor das súas capturas, unha cidade hoxe de sesenta e pico mil habitantes, renacida das súas cinzas durante os anos cincuenta, que atopou, dende 1971, na celebración do Festival Interceltique o seu elemento clave de proxección internacional e renovación urbana. Así o puidemos comprobar na nosa visita a un evento xigantesco e un chisco desmesurado (como lles presta aos bretóns) que durante dez días mobiliza e ocupa toda a cidade.
Organizado por unha entidade privada (dirixida desde este ano polo asturiano Lisardo Lombardía) e contando, fundamentalmente co apoio de empresas privadas e medios de comunicación, o Intercéltico é un modelo de organización de grandes eventos que vai moito máis alá do musical e, mesmo, do estritamente cultural. O Interceltique (hoxe o festival máis importante de Francia) é máis que un enorme evento da música folqui (con trescentos concertos, 4.500 artistas e setecentos mil espectadores), que se desenvolven nos maís diversos formatos, dende os grandes concertos no Estadio, no porto pesqueiro e no Grande teatro, ás actuacións nos bares e nas diferentes carpas.
O Interceltique é, ademais, un festival literario e unha festa do libro; un salón de arte contemporánea e, sobre todo, un grande espazo para o turismo familiar (algo fundamental en Francia) con mercadiños e espazos para o picoteo máis diverso. Actividades todas elas moi ben artelladas arredor do discurso da Keltia que ten no país convidado (nesta edición Escocia) o elemento de maior cohesión.
No noso percorrido polo “Quai des Pays Celtes” visitamos o espazo de Galicia (un pavillón de Turgalicia de deseño moi elegante, aínda que meramente publicitario, sen alma nin servizos, como teño comprobado noutras ocasións que se organiza adoito a nosa presenza en eventos internacionais) e o magnífico espazo comercial do Obradoiro de Gaitas dos Seivane, que constituía a auténtica embaixada de Galicia no festival.
As actuacións de Fía na roca, Luar na lubre, de Unión das Terras e da Banda de Gaitas de Outes foron as nosas achegas principais a un programa amplísimo que nesta edición se foi abrindo a outras músicas non estritamente folquis, unha orientación que semella se intensificará en vindeiras edicións.
De cara ao 2009, ano no que Galicia será o país convidado, moito haberá que traballar para que a nosa presenza adquira a relevancia e d
ignidade que un evento desta importancia e proxección merece. Quedei coa idea clara de que o Interceltique é moito máis ca un evento musical macro. Ademais de ofrecer un programa atractivo do conxunto da creación musical galega, haberá que pensar en cómo organizar a presentación da cultura (libro, arte, gastronomía…) e da realidade da Galicia contemporánea no seu conxunto. En definitiva, An Oriant 2009 debe entrar na axenda da Consellaría de Cultura e de Turgalicia.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Caderno de Bretaña II

15 Agosto, 2007 (09:22) | Cidades, Persoal | 2 comments

ENTRE FISTERRAS
Viaxando por Breizh non fai falta ser un cunqueiro para que un galego atope semellanzas e identidades comúns co país noso. Non é preciso camiñar pola fraga marabillosa de Brocelianda, onde Sidoine namorou de Ponthus e onde aínda goberna Merlín, para atopar situacións, lugares e manifestacións culturais que nos fan sentir a terra bretoa coma propia.
Xa Castelao percorreu en 1929, durante catro meses, os camiños da vella Armórica a cata de cruces de pedra tan imitantes aos cruceiros galegos. Esta semellanza formal, que amosa paralelismos nas manifestacións da relixiosidade popular, foi recollida polo noso pai da patria n’ As cruces de pedra na Bretaña, un traballo de investigación que sería publicado polo Seminario de Estudos Galegos (Pontevedra, 1930) e reeditado por Xosé María Álvarez Blázquez na colección Pombal de Edicións Castrelos en 1974. A visita aos “enclaves parroquiais”, situados entre Montroulez e Brest, constituíu un dos momentos máis propicios para sentir esta proximidade. Dende os cruceiros populares, situados coma os nosos nas encrucilladas, aos formidables calvarios como os de Sant-Tegoneg e Gwimilio, pasando pola presenza de Santiago e o mito xacobeo en capelas e igrexiñas (ademais de nese formidable gwerz que é Yann Derrien), son moi numerosas as coincidencias das manifestacións da fe popular. Os pardons (procesións ou romaxes populares na honra do santo patrón, moi numerosos no efeméride de hoxe), a utilización de exvotos ou mesmo a figura da Anaon (a Santa Compaña) como representación da morte son outros elementos que percibimos desta proximidade da cultura relixiosa popular.
Outrosí poderiamos expresar da paisaxe debuxada no interior de Breizh por largacíos milleirais e na súa beiramar pola omnipresenza dos faros nos cantís e nas súas múltiples illas, fachos que constitúen as marcas das mareas dun perfil litoral moito máis suave có noso. Chamounos a atención a homoxeneidade das vivendas rurais (con tellado de pizarra a dúas augas e dúas chemineas a cada vento) así como a inexistencia de valados de pedra que separen as propiedades, o que proporciona ás edificacións unha xurdía harmonía e integración nunha paisaxe, neste caso ben diferente da nosa, onde escasean as masas forestais.
A forte presenza da cultura megalítica é outro elemento de proximidade cultural con Breizh. A visita aos impresionantes aliñamentos de Carnac (din que constituídos por un milleiro de menhires) e ao espazo megalítico de Locmariaquer foron outros dos momentos máis impactantes da viaxe.
Porén, é no desenvolvemento da cultura marítima onde atopamos as maiores diferenzas con Galicia. País coas súas urdimes no mar, coma o noso, os bretóns veñen desenvolvendo dende hai décadas unha cultura da memoria do mar que ten, aínda, escasos precedentes entre nós. Os centos de escolas de vela (supoñemos que unha en cada porto deportivo), o magnífico Port-musée de Douarnenez (con cinco embarcacións tradicionais ou antigas museificadas e visitables, na foto), o Museo da Pesca de Concarneau ou o formidable complexo didáctico e de lecer de Oceanopolis de Brest, ademais da organización de festivais marítimos internacionais como os de Brest e DZ (en Brest 2008 Galicia será unha das culturas marítimas convidadas) son iniciativas das que en Galicia moito deberiamos aprender xa que constitúen elementos identitarios de cohesión interna e de ampla proxección internacional para o turismo familiar.
Outro feito que mereceu a nosa atención ao longo de toda a viaxe foi coñecer algunha das cidades bretoas irmandadas con outras galegas. Estas xemelgaxes entre concellos, iniciadas en 1971 entre Lugo e Dinan (ambas as dúas cidades con muralla), son un dos instrumentos máis eficaces para unir e favorecer o coñecemento mutuo, a cooperación económica e o intercambio cultural entre as poboacións galega e bretoa. Indubidable froito do espírito “federateur” do municipalismo progresista francés, a verdade
é que estas xemelgaxes levan paradas algúns anos. Á porta da casa do concello de An Oriant hai un cartel que sinala a distancia existente con Vigo (un irmanamento entre nós case esquecido), o famoso Mont St. Michel (patrimonio da humanidade) está irmandado con Cambados, a fermosa vila de Lannuon o está con Viveiro ou a mariñeira Plougon (situada ao pé da Pointe du Raz, o con da fisterra bretona) con Fisterra. Recuperar o pulo destas xemelagaxes, ás portas do Festival Intercéltico de Lorient 2009, onde Galicia será o país convidado, é unha iniciativa que as novas corporacións galegas deberían considerar. Non se deberían perder os fíos que unen estas dúas fisterras atlánticas.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Caderno de Bretaña I

14 Agosto, 2007 (09:57) | Cidades, Persoal | 1 comment

BREIZH. UNHA NACIÓN ESGAZADA
Viaxamos en coche, durante unha semana por Breizh, esoutra Fisterra do norte que todo galego leva dentro (Cunqueiro dixit!). A recente relectura de L’ affiche rouge e o traballo de edición hai catro anos do libro de conversas con Carlos Núñez aviveceron a nosa curiosidade por percorrer os vellos camiños da península de Armórica. Fóra de alimentar e desmitificar mitos celtistas (dos que somos razoablemente escépticos), a viaxe foi gozosa, moi intensa visualmente, ademais de resultarnos clarificadora sobre a situación dunha nación esgazada polo estado francés en dúas rexións administrativas, a de “Bretagne“, con capital en Roazhon (Rennes), sobre tres millóns de habitantes, e a “Loire-Atlantique“, con sede en Naoned (Nantes), e cun millón cen mil habitantes. Unha ruptura en duas rexións administrativas que supón que á Bretaña fáltalle unha quinta parte do seu territorio (en total 34.281 km2), un terzo da súa poboación e, o que é aínda máis importe, case a metade do seu PIB.
Os bretóns (moi orgullosos do seu país) amosan un forte sentimento identitario nacional, a pesar das diferenzas e fragmentacións existentes no seo do movemento político bretón como de que a súa lingua céltica (o brezhoneg falado de forma cotián por case 300.000 persoas) non posúe aínda un recoñecemento institucional semellante ao acadado polo galego, éuscaro ou catalán. O esforzo dos colexios Diwan (onde estudan uns dez mil alumnos e alumnas en bretón), a reivindicación lingüística promovida polo movemento Stourm ar Brezhoneg (Combate pola Lingua Bretoa) ou o esforzo dos eescritores e ditores bretóns (publican anualmente varias decenas de títulos, dirixidos sobre todo aos nenos e mozos), tentan abrir vieiros de esperanza para a recuperación da lingua e cultura bretoas (no marco da Carta europea das linguas minoritarias). Esta frase do escritor Yann-Bêr Piriou paréceme moi significativa deste combate lingüístico bretón: “Kement ger, kement lavar en hor yezh zo un akt a feiz en amzer da zont” (“Cada palabrra, cada frase na nosa lingua é un acto de fe no futuro”).
A pesar das dificultades, o movemento a prol da recuperación do bretón vai gañando algúns espazos. Sobre todo no departamento de Finistere xa é adoito atopar a sinalización dos topónimos en bretón e en francés. Algúns políticos, como Jean-Yves Cozan (chegou a ser vice-presidente da Region de Bretagne e aparece fotografado con Carlos Núñez no seu libro de conversas) promoven accións decididas a prol da cultura bretona como a creación da Oficina da lingua bretona, organismo de planificación lingüística cofinanciado pola Region de Bretagne e polo estado francés con oficinas abertas en Rennes, Carhaix, Nantes e Plomeur.
Expresión deste esgazamento é a actual bandeira nacional (Gwenn ha du), creada en 1925 por Mor Van Marchal. A bandeira branca e negra –moi presente en institucións públicas, en moitas edificaciós privadas, en todos os actos culturais e primeiro souvenir do país– é considerada de forma unánime como o símbolo da identidade política e cultural bretona. Con todo, na nosa viaxe puidemos observar que o maior pulo da cultura bretoa reside no desenvolvemento da cultura marítima e do folclore (danzas, música, gastronomía, traxe e arquitectura).
Comentario á parte merecería o mito intercéltico da Keltia, moi presente nalgúns círculos culturais bretóns. Keltia estaría constituída hoxe polas seis nacións celtas modernas (Escocia, Mann, Irlanda, País de Gales, Cornualles e Bretaña). Dezaoito millóns de celtas europeos, que ocupan o noroeste de Europa entre os paralelos 47º e o 61º, e entre o 1º e o 11º meridiano. Á beira desta rede central de seis países celtas, existiría para os keltistas un segundo círculo de países celtas onde a poboación reinvindica raíces celtas mais ou menos importantes. Este sería o caso da Bohemia e, sobre todo de Galicia, Asturias e a provincia portuguesa do Minho.
Ao longo de toda a viaxe quedei coa dúbida de se este modelo bretón de nación esgazada non será o que lle poida agardar á nosa no futuro.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Sao Paulo, cidade sen publicidade

24 Xuño, 2007 (07:56) | Cidades, Imaxes, Publicidade | 3 comments

Para evitar a contaminación visual, a cámara municipal de Sao Paulo decidiu impedir a presenza de valados publicitarios nas rúas da cidade. O fotógrafo Tony Marco está documentando este proceso inédito de limpeza visual. Un modelo a imitar? Témome que sería moi difícil implantalo nas nosas cidades, abonda con lembrar a recente campaña das eleccións municipais.
Vía: Tiscar.
Etiquetas: Sao_Paulo
Chuzame! A Facebook A Twitter

Caderno de Damasco (e III)

22 Maio, 2007 (20:51) | Cidades, Persoal | 4 comments

NA BIBLIOTECA CUNQUEIRO
A razón da nosa viaxe foi participar nun debate sobre a “Edición e a tradución en Galicia”. Despois de visitar a Biblioteca Cunqueiro (cuns fondos galegos aínda escasos) e visionar unha presentación multimedia sobre Galicia e a literatura galega (moi xeitoso), a nosa primeira sorpresa foi o interese dos medios de comunicación sirios polo que sería o desenvolvemento do acto. Tanto Moisés coma min fomos entrevistados longamente tanto pola radio como pola televisión públicas sirias. Amelia Puga, unha compostelana residente en Damasco dende hai dezasete anos, foi a xornalista que nos fixo unha entrevista emocionante para o espazo semanal que mantén en Radio Damasco, dirixido a comunidade de fala española (hai unha importante presenza venezolana e cubana, ademais dos tres mil alumnos do Instituto Cervantes). Custoume moito responder a unha das súas preguntas, cando a súa voz semella ía crebar: “que cre pode supoñer a súa presenza en Damasco para a comunidade galega emigrante?”.
Co tempo moi axustado, baixamos ao Salón de Actos, onde nos agardaba un público numeroso (unhas sesenta persoas), formado por profesores universitarios damascenos, media ducia de editores, alumnos do Instituto Cervantes e membros da comunidade emigrante. O debate desenvolveuse en español con tradución simultánea ao árabe interpretada por Najer, un traballador do Instituto, sirio cristiano, que viviu na Habana durante nove anos e onde se licenciou en veterinaria. Najer, unha persoa entrañable e moi simpática, acompañaríanos o día seguinte na visita que realizamos nas aforas da cidade á mesquita xiíta de Sayda Zeinab (unha experiencia impactante, quizais a máis forte da viaxe, onde unha relixiosidade extrema se mestura cun luxo arquitectónico desaforado). Najer recordounos o carácter emigrante do seu pobo (hai preto de quince millóns de sirios emigrados); explicounos as razóns polas que hai cans só nos barrios cristianos; xustificou a revolución que está supoñendo as parabólicas ou laiouse das dificultades de acceso a Internet.
Abriu o acto o director do Instituto, Antonio Gil Carrasco (un anfitrión delicadísimo, como a súa compañeira Mari Ángeles), que falou a maior parte do tempo en árabe, salientando o compromiso que o centro tiña coa figura de Álvaro Cunqueiro e coa proxección da cultura e literatura galega no mundo árabe. Iniciei a miña intervención recordando a figura de María Mariño e explicando as razóns da celebración do 17 de maio con Día das Letras Galegas. A continuación proporcionei algúns datos básicos sobre a edición en galego, para rematar bosquexando unha panorámica da actual literatura galega, con especial atención á narrativa. Pola súa banda, Moisés R. Barcia presentou a experiencia de Rinoceronte, como especializada en tradución ao galego de literatura de calidade das máis diversas linguas, expresando tamén as posibilidades de que a editorial no futuro acometa o proxecto de traducir literatura galega a outras linguas, unha estratexia exitosa que veñen realizando editoras islandesas.
O máis interesante foron as preguntas dun público moi curioso que nos interpelou sobre as máis diversas cuestións: a situación das linguas en Galicia e do seu ensino; as semellanzas entre o galego, portugués e o castelán; o apoio ao sector editorial que recibiamos do estado; o papel da lectura na escola; os autores máis traducidos da literatura galega actual; a existencia de traducións do árabe ao galego; o papel dos medios de comunicación na promoción da lectura…
Especialmente significativa foi a derradeira intervención, a dun membro da Asociación de Amigos de Malula que promove a edición en arameo, unha lingua que aínda se fala nesta pequena vila cristiana e que conta con certa axuda por parte do goberno sirio. Ao remate do debate, intercambiamos tarxetas cos nosos colegas sirios. A pesar das dificultades que eles expresaron (as tiradas alí son moi escasas e non existe unha rede de librarías), abríronse algunhas posibilidades de acometer algunhas traducións de obras galegas. As portas e o interese quedaron abertas.

Etiquetas: Damasco
Chuzame! A Facebook A Twitter

Caderno de Damasco II

21 Maio, 2007 (19:38) | Cidades, Persoal | 2 comments

NOVIDADES NO BAZAR
Hussam propúxonos comezar a visita á Damasco polo Museo Nacional, un magnífico centro arqueolóxico (un chisco descoidado) onde se pode contemplar unha síntese das culturas milenarias deste espazo mediterráneo. A entrada principal do edificio está presidida por unha reconstrución do pórtico do pazo do deserto de Qasr Al Heir Al Gharbi, un bo exemplo do estilo eclético omella, con mestura de elementos persas e bizantinos. No interior hai salas moi interesantes, como a dedicada á cultura Ugarit (a cultura fenicia que, a través da escritura silábica cuneiforme, creou o primeiro alfabeto completo, de 30 signos), a sala de Mari (dedicado ao templo dos ollos grandes), as pezas de Tafas (o deus dos arameos) ou a dedicada á reconstrución da Sinagoga de Dura Europos (do século II) cuns frescos moi ben conservados.
Do Museo Nacional, saímos cara o Militar (que celebra a vitoria do 71 fronte a Israel), para logo visitar o mercado de artesanía Gozamos da cerimonia do té, por vez primeira, coa que os comerciantes inician o seu proceso demorado e paciente de sedución aos clientes. O noso anfitrión falaba un español moi fluído, avalado por unha fotografía, que presidía un local pequeniño moi acolledor, da raíña Sofía, acompañada da muller do presidente. Ante semellante argumento real e republicán ao tempo, e diante do engado das pezas, rendímonos e saímos con senllas bolsas petadas de manteis damascenos bordados en seda e duns fulares moi xeitosos, a un prezo que nos pareceu moi asequible (desta volta nin sequera regateamos).
Entramos na cidade vella (amurada dende a época romana) polo zoco Al Hamidiyya, o mercado cuberto máis importante (e “turístico”, se en Siria se pode empregar este adxectivo) da cidade, onde atopamos a figura do augador. Paseniño adentrámonos no corazón do bazar onde, como sinalaba Cunqueiro, había moitas novidades para a sorpresa dos nosos sentidos, especialmente as das “perfumarías á carta” e as das tendas de especies e froitos secos. Do templo de Xúpiter (apenas quedan en pé dúas columnas de estilo corintio de doce metros de altura) pasamos ao mercado da seda e, logo, ao Suq Al Jayatin, o zoco dos xastres. Perdémonos por nos sei cantos outros zocos e chegamos, sen sabelo, ao Jan Asaad Basha (un jans ou almacén onde os comerciantes da seda gardaban a súa mercadoría, ao tempo que servían de pousada). Alí estaban Xosé Freixanes e a súa familia preparando a súa instalación.
Esfameados, suplicámoslles a Hussam unha pausa para tomar un bocado. Detrás da Mesquita Omella, sentadiños nuns tallos, detrás dunha madrasa, papamos cadanseu Shawrma, un prato de orixe turca, moi semellante ao que en Europa se coñece de xeito erróneo como kebab. Máis tarde comprobariamos que o polo é a carne máis consumida pola poboación siria, acompañado polas berenxenas e o cogombro, indispensables en todas as ensaladas.
Rematamos a paseata visitando a Mesquita Omella, lugar sagrado dende o segundo milenio antes de C. (cando alí se rendía culto ao deus semítico Hadad), que tivo o seu apoxeo no período romano, logo transformado en igrexa cristiana dedicada a san Xoán Bautista e, xa dende o século VIII, como un dos máis emblemáticos templos do islam.
Impresiona a solidez deste edificio de 1.200 anos e a amplitude do grande patio, reflectindo sobre a súa superficie impoluta a tarde vencida. Con todo, non é a monumentalidade da mesquita o que sobrecolle o visitante. Entrar na sala oracións, cuberta de alfombras moles, e observar como os fieis se arremuíñan sobre o monumento de mármore, que conmemora o lugar onde supostamente foi enterrada a cabeza de san Xoán Bautista, dá moito que pensar sobre esta expresión relixiosa. Saímos ás presas do bazar, camiño do Hotel. Había que recoller os papeis para o debate, a fin de contas a iso vimos a esta terra melosa.

Etiquetas: Damasco
Chuzame! A Facebook A Twitter

Caderno de Damasco I

20 Maio, 2007 (19:15) | Cidades, Persoal | 1 comment

CAMIÑO DE DAMASCO
Custounos vinte e seis horas chegar a Damasco. RJ decidiu, sen explicación ningunha, cancelar o seu voo da tarde entre Amman e a capital siria. A compañía xordana trasladounos ao Hotel Queen Alia, un grande complexo de trescentos cuartos ao pé do aeroporto, para os viaxeiros en tránsito, algo que alí parece moi habitual, xa que eramos case medio cento de persoas as que durante doce horas quedamos varadas en terra de ninguén. Ceamos no “self service” da clase turista un cuscús máis que aceptable, unha ensalada de cogombro aliñada cun aceite de oliva moi rico e acompañada de pan de pita, ademais dunha sobremesa turca (unha crema doce branca bastante aceptable, aínda que non era o famoso baklava) da que xa non recordo o seu nome (chámase halva, ten orixe otomana, ver o primeiro comentario a esta anotación). Despois de cear, Moisés conectouse a internet durante quince minutos (metéronlle unha boa clavada para un servizo infame, Xordania é un país caro) e, case á media noite, contactaron con nós os responsables do Cervantes de Damasco, moi preocupados por non ter noticias nosas. Afortunadamente, os móbiles tiñan cobertura suficiente, e, desde aquel non lugar (unha curiosa extensión do caótico aeroporto xordano), soubemos que en Damasco houbera ao solpor unha treboada importante: quizais a gaita de Budiño e a charla de máis de tres horas de Álvaro Pino cos membros da federación siria de ciclismo levaron a choiva a unha cidade onde apenas chove.
Erguémonos ás catro da mañá (a pesar do cansazo non dormín apenas, enganchado na novela de Landero, que papei na viaxe (merece comentario á parte) xunto ao mítico libriño de Habermas sobre as identidades postnacionais) e, despois dun cafeciño a toda presa, arreamos para o aeroporto coa intención de coller o avión das sete. Miguel Anxo Murado advertírame no Cultur.gal que os trámites aeroportuarios e aduaneiros nos países arábes son moi pesados e lentos. Tiña toda a razón. Para un voo de media hora, agardamos estoicamente no Queen Alia dúas horas e pasamos tres controis policiais extremos (pasaportes, cacheos, bolsas polos escáners). Para os xordanos (e tamén para os sirios) o tempo ten un valor vagoroso, imposible sequera de cuestionar, como tampouco o respecto da orde nas colas, onde pasan os “amigos” dos funcionarios con pavorosa facilidade. Nós acougamos, tanto nos tiña, víñamos a feito.
No aeroporto de Damasco agardábannos Mari Ángeles (unha granadina simpatiquísima, a muller do director de Cervantes) e Zyrus (a libanesa encargada das actividades culturais do centro) que se ocuparon de todos os trámites da aduana. A viaxe ata a cidade (25 km) faise por unha autoestrada case rectilínea en bastante bo estado (logo comprobariamos que a rede de estradas da capital siria é moi aceptable e o nivel de motorización elevado). Conversamos sobre o noso retraso, aínda que decontado abordamos as cuestións políticas (o eixo de boa parte das nosas conversas na nosa estadía). A situación dramática que se vive en Gaza e Ramala, a invasión israelí no Líbano (destruíndo todas as pontes da estrada internacional que une Beirut con Damasco en dúas horas), a conciencia de que Siria está no punto de mira estadounidense, como un dos países do “eixo do mal” foron algúns dos temas sobre os que preguntamos aos nosos acompañantes con enorme curiosidade.
Damasco recibiunos entre unha brétema mesta que semellaba facía bagoar aos edificios, onde as parabólicas enferruxadas aniñan nas terrazas coma cegoñas. As nosas anfitrioas contáronos que o presidente Bashar al-Assad (o retrato deste médico educado en occidente aparece por todos os lados e nos máis incribles soportes, dende as pancartas aos valados iluminados) decidiu autorizar as parabólicas e os móbiles, que constitúen agora (como os automóbiles, sobre todo os iranís, rusos e indios) un auténtico furor para algúns sirios (200 dólares de soldo medio mensual). Por fin chegamos ao Hotel Cham da “downtown” (magníficas as instalacións!) para acougar durante un par de horas. Ás once e media recolleríanos Hussam, o bedel do Instituto Cervantes que, antes da nosa intervención, nos levaría a coñecer o Instituto, visitar o Museo Nacional e a cidade antiga. Fermosa, moi fermosa foi a nosa chegada a Damasco o 17M entre a brétema e unha choiva morniña que arrecendía a pistacho.

Etiquetas: Damasco

Chuzame! A Facebook A Twitter

Voces de basalto negro

20 Maio, 2007 (11:19) | Artes Visuais, Cidades, Eventos, Exposicións | 2 comments



Sen dúbida, a actividade de maior proxección da Semana Cultural de Galicia en Damasco é a intervención de Xosé Freixanes no Jan Asaad Basha, unha impresionante hospedería para comerciantes construída durante a época otomana e situada no corazón do famoso zoco de Damasco.
A instalación de Freixanes (repite as experiencia de Casabalanca e Amman), titulada “Voces de basalto negro”, propón un diálogo harmónico con este edificio emblemático (transformado polo goberno sirio en centro cultural) a través dos textos e das voces de sete poetas do século XX, entre os que se atopan Pexegueiro, Cunqueiro, Valente, Gamoneda, Berger, ademais dunha ampla presenza de autores árabes como Nizar Qabbani ou Ali Ahmad Said (Adonís).
Na planta baixa desta antiga residencia do camiño da seda, Freixanes (axudado por un amplo equipo de alumnas da Facultade de Belas Artes de Damasco) dispuxo un debuxo realizado con fariña de arroz e terra de pedra de basalto negro. Empregando a técnica do estarcido, o pintor pontevedrés caligrafa pequenos fragmentos en árabe desta selección de poetas, todos eles comprometidos co diálogo entre pobos. Mentres que en cada un dos cuartos da primeira planta moumean os poemas, no idioma orixinal de cada poeta, cuxos textos podemos ler en pequenos fragmentos no chan. Todas as voces xuntas crean no espectador unha “confusión de linguas” (árabe, galego, español, inglés e francés) case inintelixible, que o espectador vai depurando a medida que se achega a cada un dos espazos onde pode gozar dos poemas que se recitan. Por último, noutros catro cuartos da hospedería proxéctanse de forma continuada vídeos dos pasos dos cidadáns doutras tantas cidades do mundo, expresando nesta caligrafía de pés o bulir e as contradicións deste mundo global.
Unha intervención artística espectacular que amosa as posibilidades das artes visuais e do poema como ferramentas de diálogo e de comprensión entre culturas.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Seguindo a Cunqueiro en Damasco

20 Maio, 2007 (11:07) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cidades, Eventos | 2 comments

No artigo da semana relato a nosa experiencia na primeira Semana da Cultura Galega en Damasco.
Etiquetas: Damasco, Artigos
Chuzame! A Facebook A Twitter

Cando se fodeu Galicia?

16 Marzo, 2007 (21:03) | Autores, Cidades | 1 comment

Gran artigo de Manolo. Viva a sostibilidade!

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Montolieu, vila do libro

20 Febreiro, 2007 (21:53) | Cidades, Edición, Iniciativas, Librarías, Libro | 1 comment

Xa oíra falar algunha vez de Montolieu, a pequena vila francesa do libro e das artes gráficas, situado pretiño de Carcassone. Conta apenas 800 habitantes e porén posúe catorce librarías e un fondo dispoñible de 250.000 exemplares, ademais dun museo sobre as artes gráficas, dun muíño de papel e de diversos artesáns dedicados á impresión. Grazas ao bibliómano sei de que a revista Bibliophile dedica unha reportaxe a este auténtico almeiro do libro francés. Esta é a receita que dan en Montolieu para crear unha vila do libro. Quen podería en Galicia ter a coraxe e a audacia de acometer semellante proxecto, que a este pobiño francés lle está a proporcionar un espazo no turismo experimental? Unha experiencia interesante para mellor coñecer.

Etiquetas: Montolieu
Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo

28 Xaneiro, 2007 (10:24) | Cidades, Iniciativas, Poesía, Presentacións, Xerais | 2 comments

La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, “quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma”. Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Gaiás

7 Xaneiro, 2007 (10:28) | Arquitectura, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cidades, Cultura | No comments

No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Un "L" con moita miga

22 Outubro, 2006 (08:59) | Cidades, Lingua | 5 comments

Hai dous días publiquei un post sobre A Coruña coa intención de dinamitar os moitos prexuízos que existen sobre a cidade de cristal na que estudei o bacharelato e á que tanto quero. Porén, ese comentario emotivo non impide que agora propoña unha reflexión máis racional sobre o que se agacha tras a estratexia dos que, como o actual conselleiro da Presidencia, pretenden reavivar de forma tan interesada como inoportuna o lume da polémica do “L”.
Unha estratexia, que entendo, moi meditada nas súas intencións políticas arredor tanto do modelo actual de política lingüística, dos contidos sobre a lingua no novo Estatuto de Autonomía e, mesmo, influír sobre o resultado das futuras eleccións municipais.

As raíces do conflito do “L”
A polémica sobre a utilización do “L” é un conflito xurídico, xa moi reseso, provocado pola rebeldía reiterada de Francisco Vázquez e os membros do seus equipos de goberno (dos que Méndez Romeu formou parte en varios mandatos) en negarse a utilizar o único topónimo oficial recoñecido e avalado polas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (1994), do Tribunal Supremo (2000) e do Tribunal Constitucional (2002). Hai vinte e tres anos que a Lei de Normalización Lingüística (aprobada unanimemente por todos os grupos parlamentarios galegos) estableceu sen ambigüidades que en Galicia os topónimos dos municipios, núcleos de poboación e vías de comunicación interurbanas terán como única forma a galega. Unha competencia que o Estatuto de Autonomía atribúe á Xunta de Galicia de forma exclusiva e que non modificou a Lei de Modernización do Goberno Local (mal chamada “Lei de Grandes Cidades”) xa que unha norma do seu rango non pode modificar a distribución competencial realizada pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, que atribúe ao Estado a determinación dos nomes oficiais das provincias (no noso caso, lembremos que “A Coruña” e “Ourense” son as denominacións vixentes) e aos concellos o de fixar os nomes das vías urbanas.
Mal que lles pese aos membros do grupo municipal socialista da Coruña o actual ordenamento xurídico non lles atribúe competencias abondo para modificar o tópónimo da súa cidade, mais si, e se así o quixeren, para mudar os nomes de reseso avoengo franquista que aínda afean Marineda. Avenida del Alférez Provisional, Viaducto del Generalísimo, Avenida del General Sanjurjo (que no seu día reemprazou a do pedagogo Francisco Ferrer i Guardia), Plaza de Millán Astray (con estatua), General Mola (que desprazou ao nome tradicional de Perete), Juan Canalejo son algunhas das denominacións actuais que demostran que o franquismo non desapareceu do actual rueiro coruñés. Algo incomprensible nunha cidade de tradición liberal e republicana como A Coruña e que nos vinte e sete anos de corporacións democráticas nunca coñeceu un goberno municipal que se declarase como “conservador”.

O conflito do “L” e a política lingüística
Seguir cuestionando teimudamente o topónimo “A Coruña”, despois de ter perdida de forma reiterada a batalla xurídica, supón de facto rachar o consenso que os tres partidos parlamentarios acadaron no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), o documento fundamental para volver poñer en valor a Lei de Normalización de 1983, texto normativo que establece a forma galega como a única da toponimia da comunidade e que recoñece a autoridade da RAG para cuestións léxicas e ortográficas relacionadas coa nosa lingua. Este disenso, defendido polo conselleiro da Presidencia explica porqué, despois de dezaseis meses, o PXNL non acabe de arrincar nin a nova Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) conte con todos os medios e coa enerxía política precisa para impulsalo.

As consecuencias para o bipartito
Semellante paralización do PXLN ten que provocar importantes tensións no seo do goberno bipartito. O vicepresidente e conselleiros nacionalistas deben aturar tanto a anemia normalizadora dos seus socios (que quedaron coa responsabilidade da SXPL) como as críticas constantes da MNL, feitos que indubidablemente os desgastan na súa credibilidade de compromiso coa lingua e agoiran que, se non lle poñen remedio decontado, esta lexislatura (mesmo coa súa presenza goberno) se estragou para remontar a maltreita política lingúística.

As consecuencias sobre o debate Estatutario
Esta anemia normalizadora non é a máis favorable para propiciar un debate sereno sobre os importantes cambios que debería introducir o novo Estatuto no referido á lingua: especialmente, o deber de coñecemento do galego por parte de todos os cidadáns, alén doutros referidos á toponimia e á redacción dunha carta de dereitos lingüísticos. Aspectos, na miña opinión, tan decisivos como o recoñecemento do carácter de Galicia como nación, para poder acadar un texto aceptable.

Un caneíño curto
Méndez Romeu reavivando a polémica sobre o “L” pretende realizar un caneíño en curto que seduza á bancada conservadora coruñesa (rota en dúas candidaturas e, segundo as enquisas, cunhas expectativas pésimas). Nesa bancada de “voto PP” é onde pode aspirar Losada atopar a maioría absoluta que evite ter que contar cun certo apoio do BNG de Tello.

Coda
Méndez Romeu guindou un intelixente globo sonda consciente de que a súa aparición no escenario desgastaría ao bipartito, especialmente ao BNG (algo que lle interesa), entorpecería o debate estatutario (do que tampouco é moi favorable) e paralizaría o anunciado relanzamento do PXNL. Unha carambola a tres bandas con mínimo custe político para el. Outro éxito para o grupo do PSOE coruñés. Que pensarán o presidente Touriño e o embaixador vaticano?


Etiquetas:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Gústame A Coruña

19 Outubro, 2006 (16:54) | Cidades | 17 comments

Non hai volta de folla: gústame A CORUÑA.
Gústame esa cidade dona-peixe que naceu da auga e do sal do mar. Gústame “a cidade que ergue a cabeza altiva sobre os mares” de Curros Enríquez. Gústame “a baía feita de azul, luz e cristal” do poeta Manuel María. Gústame sentir como rabuña alí o mar ártabro, moito máis irado ca no sur. Gústame camiñar pola súa beiramar sentindo o efecto salgado das areíñas de pedramol. Gústame camiñar dende o Orzán ata a Mariña, co desexo de atopar algún dos homes mariños ou algunha das mulleres orzanas, que fabulou o pintor Xaime Cabanas; esa especie de sereas coruñesas, con cara de carioca, sempre pegadas ás pedras, que chaman polos mariños. Gústame esa cidade atlántica, cosmopolita e enxebre, galega de banda a banda.
Gústame percorrer os peiraos coruñeses dende o Muro ata a Dársena e comprobar que aínda existen cidades dispostas cara o mar, cidades nas que os seus habitantes poden disfrutar a plenitude euforizante provocada pola marusía. Gústame subir á Torre a enxergar o horizonte ou desviarme a buscar a raiola de punta Herminia, nos cantís onde se espetou o Mar Exeo.
Gústame coller o tranvía, que noutrora subiu as costas da Alfama lisboeta, diante do cárcere baleiro, un medio de transporte turístico que recuperou un embaixador que soubo conservar intacta a súa magnífica fonética galega, ademais de intentar mitigar os problemas sentimentais dos seus conveciños. Gústame ese seu atrevemento por abordar a síndrome Siboney, ese sentimento colectivo de perda, mesmo de culpa, por non ter evitado a desaparición do tranvía eléctrico que atravesaba os Cantóns, naquel tempo Siboney das cancións bonitas e dos cantantes preciosistas coruñeses como Pucho Boedo, o vocalista da orquestra Os Satélites.
Gústame perderme pola Cidade Alta, noutrora amurada, descubrindo novos cafetiños elegantes, ocultos nas rúas estreitas e empinadas ou nalgunha das súas prazas de calma, pequenas e estrañamente silenciosas. Gústame baixar á Pescadería, hoxe o centro da cidade, noutrora arrabalde de pescadores e comerciantes, ese istmo acariñado polas ondas, onde a cidade se estreita entre as praias de Riazor e Orzán e a Dársena onde atraca a flota de baixura.
Gústame pasmar nas terrazas de María Pita. Gústame entrar en Munin ou na Casa do Xamón. Gústame a tortilla e a carne asada do Penela. Gústame ir ao Dublín e gorentar unha tostada. Gústame ir aos Mallos para gozar da tapa de orella prensada do bar Los Claveles. Gústame xantar no Pil Pil e deixarme aconsellar pola sabedoría tranquila de Luís. Gústame subir aos Castros para probar os ribeiros da adega O Cenlle. Gústame seguir ata Monelos e pasar unhas horas nos Peteras dos Belés, o templo da canción cascarilleira, a taberna de Cesáreo que resiste, entre os grandes murallóns dunha falsa modernidade, e onde se canta e se bebe con exquisita elegancia.
Gústame esa Coruña progresista, liberal, laica, culta soñada pola actriz María Casares, por Jenaro Marinhas del Valle, por Carlos Martínez Barbeito. Gústame a Coruña das Escolas do Insiño Galego de Ánxel Casal. Gústame a Coruña do neno Pablo Picasso, dos pintores Urbano Lugrís, Luís Seoane e Reimundo Patiño. Gústame a Coruña dos poetas Miguel González Garcés, Luz Pozo Garza, Xulio López Valcárcel, Manuel Álvarez Torneiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Lino Braxe… Gústame a Coruña das novelas de Luis Rey Núñez, Xosé Ramón Pena, Xosé Fernández Ferreiro… Gústame a Coruña dos artigos de Xosé Manuel Pereiro e dos textos de Pawley. Gústame a Coruña das repichocas de Sofía de Labañou e Xurxo Souto, gústame a Coruña recuperada nos seus Contos da Coruña, a memoria anónima dunha cidade distinta. Gústame a Coruña d’ Os libros arden mal de Manuel Rivas, iluminada por una lanterna mariña.
Gústame a Coruña das librarías Lume, Xiada, Couceiro, Sisargas, Nós ou Colón. Gústame visitar a Casa dos Peixes, o acuario coruñés, concibido como a Casa das Ciencias e a Domus, con tanto gusto arquitectónico como con interese lúdico e educativo. Gústanme as exposicións do Kiosko Alfonso. Gústame o teatro Rosalía de Castro. Gústame o museo de Belas Artes e a nova Fundación Luís Seoane.
Sobran outros argumentos: gústame A CORUÑA.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Pecha a libraría Colón da Coruña

10 Outubro, 2006 (21:33) | Cidades, Librarías | 7 comments

Colón, a libraría máis antiga da Coruña, tan presente na novela de Rivas, pechará antes de finais deste ano. A ruína do edificio (ninguén fixo nada para impedila, esa vella treta!) é a causa aducida polos propietarios do inmoble para levantar alí unha construción de nova planta. O día 14 de decembro está previsto que realicemos unha derradeira asinatura de exemplares. Agardemos que a vella Colón (abriu as súas portas en 1935) atope outra ubicación no centro da cidade á que serviu con humildade durante sete décadas.
Propoño que, cada vez que peche unha libraría nas nosas cidades ou vilas, sexa denunciado nos nosos blogs coa intención de confeccionar un mapa de librarías da memoria. Será un xeito de tributarlles a homenaxe que merecen.

Vía: Cartafol de gardalivros.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sen coches

24 Setembro, 2006 (10:56) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cidades | 1 comment

No artigo da semana comento o que entendo é o sentido da celebración da xornada “Día europeo sen coches” (22 de setembro).
Chuzame! A Facebook A Twitter

Cartaces de Bruxelas

20 Setembro, 2006 (20:48) | Cidades | 4 comments


A viaxe coas peñas celtistas desta fin de semana pasada foi para nós toda unha experiencia (como pode comprobarse na extensa reportaxe de “Celta“, o peñista máis sonado da Guarda) de como funcionan estas cousas do corazón futbolístico máis apaixonado.
Das trescentas fotos que tirei, escollín para non caer nos tópicos belgas (Tintin, Magritte, gaufres e Godiva, que tamén exploramos con teimosía), as destes tres cartaces pillados na rúa: o da editorial de Jacques Brel, o da cervexa Celta e o da estrea da primeira película de Jason Reitman. Nese pequeno país (pareceume moi conservador e ríxido) de comedores de patacas e bebedores de cervexa había moito no que fixarse.
Etiquetas: , , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Zagat

21 Agosto, 2006 (15:42) | Cidades | 2 comments

NY é todo un bazar, onde se pode mercar case calquera cousa. O maior perigo do turista (non renego desa denominación) é transformar o seu paseo nunha interminable xornada de visitas a todo tipo de tendas. Dende as máis exclusivas da Quinta e da Madison (preto de Central Park) ás elegantísimas do Soho ou do Greenwich Village, o comercio é a primeira actividade económica da cidade. O prezo asequible para nós dalgúns produtos, sobre todo da roupa (con formidables rebaixas de ata o 70%), e a magnífica arquitectura interior dalgúns establecementos (ollo!: o aire acondicionado está tan alto que podemos pillar un arrefriado) son dous alicientes máis para anestesiarnos saíndo e entrando en porta si e porta tamén.
Unha boa guía para non perder moito tempo é seguir os indicativos ZAGAT Survey, que tamén axudan para atopar restaurantes e outros servizos de hostelería. A Time out e a Where (as dúas impresas en papel e na rede) son outras axudas bastante fiables nesta tarefa de economía da atención. Con todo, é inevitable (e recomendable) entrar a botar unha ollada por Macys e polo Apple Store (experiencia ineludible para os que somos maceiros). Ademais das tendas, en NY hai magníficos mercados populares onde mercar todo tipo de trapalladas ou tomar unha masaxe antiestres; non hai que perder o longuísimo da Avenida Madison (os domingos ao mediodía) e o de Union Square (os sábados pola mañá).

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Sobre os museos

20 Agosto, 2006 (09:44) | Cidades | 4 comments

A oferta museística de Nova York é apabullante e dunha gran calidade. É un dos encantos maiores da cidade. O turista máis curioso, so pena de non facer outra cousa, debe escoller o que quere ver e o tempo que lle quere dedicar a cada un destes espazos culturais. A nosa escolla foi bastante medida: MOMA, Metropolitan, Historia Natural e Guggenheim. Mágoa que a Pierpont Morgan Library (onde queriamos ver o Pergameo Vindel, unha peza patrimonial primeira que deberíamos recuperar para Galicia) estivese pechada. En todos estes museos hai moita xente, aínda que as colas nada teñen que ver coas de Roma ou Firenze. Precísanse canto menos unhas catro horas para facerse unha idea das coleccións, o que non é problema ningún xa que todos teñen magníficos restaurantes e cafés para facer unha paradiña e acougar os pés.
(Robert Doisneau. MOMA)

A colección do MOMA, aínda que non decepciona, estivo por baixo das nosas expectativas. O que máis nos interesou foron Dadá (a exposición que preparara o Pompidou) e a colección fotográfica (eis Doisneau). Para nós a sorpresa foi o MET, un museo tan grandioso como desorganizado. Interesáronnos as coleccións de pintura (sobre todos por eses seis Vermeer magníficos, pola mostra de impresionistas e pola pintura do XX, cunha presenza delirante de Picassos, Modiglianis e Magrittes) e as magníficas exposicións temporais (como o “Tribute a Susan Sontag”, “Anglo Mania” e a de Girodet, moi didácticas). Outrosí sucede co de Historia Natural, onde non hai que deixar de visitar o Planetario e a exposición sobre Darwin (en plena batalla ideolóxica entre o creacionismo neocon e o evolucionismo).
Moito para ver e moito que aprender dos museos novaiorquinos, sobre todo polo seu esforzo por promover exposicións temporais (proporcionando así unha nova oportunidade aos seus fondos) e procurar un público novo (todos están inzados de proxeccións en pantallas planas, e de información complementaria en soporte dixitais).

(Veermer, MET)

Etiquetas:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sobre as librarías

19 Agosto, 2006 (20:51) | Cidades, Librarías | 3 comments

A cadea Barnes and Noble lidera o mercado das librarías novaiorquinas, deixando un espazo estreito para Borders e para algunhas outras cadeas especializadas en libro rebaixado. En todos os casos o modelo é semellante: integración da venda de libros, revistas, cedés de música, devedés de películas (unha oferta asombrosa comparada coa existente aquí), artigos de papelaría e deseño e, sobre todo, grande importancia para a cafetaría (espazo para o descanso e para o traballo wifi). O mesmo sucede coas tendas de Virgin, onde a música tenun peso enorme e onde a presenza do libro queda reducida á cultura pop. Non hai dúbida de que o modelo da nosa pequena libraría independente semella que desapareceu nos Estados Unidos.
Pareceume moi significativo que se rebaixen ao 70% libros de ficción editados hai menos de dous anos (eses falsos best sellers fracasados). Con todo, en Barnes and Noble nótase un esforzo importante por orientar ao lector. Gustoume moito a idea das “recomendacións críticas do staff” (cada un dos libreiros ou libreiras aposta por un libro, expresando a súa opinión). Velaí como se está abrindo paso a edición de Zafón.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Cara Times Square

19 Agosto, 2006 (20:41) | Cidades | No comments

Camilo Gonsar ben sabía que Times Square é a encrucillada de todos os vieiros de Manhattan. Hoxe o máis impresionante da praza é a substitución dos neons polas pantallas. Unha auténtica golosina para os ollos.
Etiquetas: NY
Chuzame! A Facebook A Twitter

Sobre as bibliotecas

19 Agosto, 2006 (20:12) | Bibliotecas, Cidades | No comments

Bryant Park é outra illa de frescura no Midtown. Detrás da 42nd Stret Library, onde había unha interesante exposición sobre a edición francesa, ábrese un parque para o lecer e a lectura. Mesas, cadeiras e libros dispostos para a lectura e o manexo dos ordenadores (é todo un espazo wifi). O esforzo da impresionante rede de bibliotecas públicas novaiorquinas de abrirse á cidade e á cidadanía é moi salientable. Mesmo anuncian os seus fondos e as súas actividades nos seus escaparates. Unha experiencia que non debería ser moi díficil de emular aquí.
Chocoume, tamén, o esforzo das bibliotecas de promover a lectura empregando a imaxe de figuras populares. Velaí a Gates animando a ler.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Nacións Unidas

19 Agosto, 2006 (19:50) | Cidades | No comments

A sede das Nacións Unidas é unha burbulla extraña á beira de Midtown. O péndulo de Foucault, doazón de Holanda, preside o hall onde están instaladas unha gran exposición de fotografía, “Tales from a globalized world”, e unha mostra de traballos sobre a paz realizada por escolares de todo o mundo. Saímos melancólicos coa impresión de impotencia que expresan as mensaxes das exposicións: globalízase a pobreza e a guerra, a pesar de que o anceio de paz e da ledicia existe nos máis diferentes rostros da humanidade. E este o espírito da ONU?
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

JFK

19 Agosto, 2006 (19:08) | Cidades, Persoal | No comments

Despois de oito horas de voo, aterramos en JFK. Nin sequera as grandes bandeiras e os retratos do presidente nos mostradores chegaron a sorprendernos; nin tampouco as longas colas para completar os trámites de entrada, pegadas dixitais e fotografías incluídas. O que sinceramente non agardabamos é que o funcionario de inmigración, despois de esculcar devagariño no seu ordenador, me indicase que debía acompañalo a unha pequena oficina. Alí, sen mediar palabra ningunha, estiven agardando durante dez minutos, mentres outro funcionario escrutaba no meu pasaporte e tecleaba longamente no ordenador. De súpeto, decidiuno selar: “Admited, 08-09-06″. Abríronse así as portas do paraíso.
Agardábanos un taxista dominicano que nos conduciu á mecha polas autoestradas de Queens descubríndonos Manhattan pola ponte Roosevelt. Tivemos a sensación de volver a unha cidade coñecida na que nunca estivéramos.
Á noitiña, moi doce a calor novaiorquina, procuramos a mítica rúa 42, situada apenas a cinco mazás do noso hoteliño. O reflexo dos edificios sobre os rañaceos de cristal duplicaba a luz dun solpor moi acolledor.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Lisboa camiñada

17 Maio, 2006 (14:54) | Cidades | No comments

Cando chegamos, agardábanos unha cidade luminosa e baleira. Arrecendía a cidade barco de ocre pombalino coa cor alilada das árboriñas flor que expresan a nostalxia durmida que chamara a atención de John dos Passos. Nunha longa camiñada, o director levounos a percorrer os espazos portuarios, dende o Pelourinho do Municipio as renovadas docas de Alcántara. Cando entraba a noite docemente sobre o Texo, aliviámonos cunhas imperiais moi frescas. Subimos logo ao Bairro Alto para procurar entre as ruelas e as tascas das fadistas o pequeno sanatorio da Luz onde morreu Fernando Pessoa. Cos pés destrozados e as palabras disparadas, rematamos tomando unha tosta no balcao do Galeto. O domingo Lisboa abrazounos preguiceira.
Á maña da segunda, cando caía o primeiro bochorno do día, subimos todos a Graça pola encostiña do largo de Severa, disque celme do fado. A cidade, arruinada e un chisco cotrosa, estricárase afanosa no miradoiro de Santa Luzia, allea á longa parrafada sobre as coitas das letras nosas. Tras o coloquio, volvemos en metro ao Cais do Sodré (outra imperial e un petisquiño) e rematamos bebendo un trago no Pavilhao Chinés, unha antiga tenda de especies de hai dous centos anos, que conserva o recendo de té de xazmín e onde o delirio do coleccionista kicht acada a categoría de marabilla.
Á mañanciña da terza, collemos o carro de volta. Catro horas de viaxe. Non visitamos libraría nin mercamos cousa ningunha. Algo insólito. Falamos e falamos.

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Viaxe a Lisboa

14 Maio, 2006 (14:08) | Cidades | 4 comments

Marchamos a Lisboa para participar mañá nun coloquio sobre a literatura galega de hoxe.
Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña

24 Marzo, 2006 (08:15) | Cidades, Lingua | No comments

Outra boa noticia.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Crónica de Dijon

21 Novembro, 2005 (20:36) | Cidades | 2 comments

A verdade é que a viaxe destes días atrás pagou a pena. Os voos nun paxariño magníficos, a experiencia do TGV satisfactoria (trescentos quilómetros en hora e media), a cidade xeitosa (encrucillada das Europas do norte e do sur), os viños excelentes, os amigos entrañables, as conversas intelixentes e o frío horroroso (ata -5º). Porén, o coloquio foi tan intensivo (como eu agardaba, dun acto académico organizado en Francia) como decepcionantes os enfoques dalgunhas das ponencias.
Baixo a proposta de reflexionar sobre a Galicia do século XX, o Centre d’ Etudes et de Recherches Hispaniques du XXème siècle HISPANISTICA XX, coa colaboración do Instituto Cervantes de Lyon, convocou a máis de trinta persoas para falar sobre a cultura e identidades galegas. Unha iniciativa suxestiva dun grupo numeroso de hispanistas franceses e moi de agradecerlles nesa difícil tarefa de darnos a coñecer e desmontar tantos prexuízos que hai sobre nós. Houbo intervencións moi boas e clarificadoras (Vázquez Sola, Patiño, Benoit Mitaine) e outras que cairon no tópico extendido (desgrazadamente) de que a literatura galega se reduce a figuras como Cela, Torrente, Cunqueiro ou Valle Inclán (foron as que centraron o maior número de intervencións).
Se algo me quedou claron tras esta viaxe é a necesidade de elaborar unha estratexia compartida de país para proxectar no exterior a nosa cultura, arte, lingua, literatura e edición. Temos aquí unha febleza e, ao tempo, unha oportunidade que non podemos desaproveitar en tempos de cambio. É moi desmoralizador escoitar falar durante dous días de “literaturas rexionais”, de “bucles melancólicos”, de “cidades inmersas na néboa”, de “folcore e identidade” e doutras trapalladas identitarias polo estilo. Moito temos que traballar, e de forma intelixente e atractiva, para desmontar estes tópicos que aínda manexa a xente máis interesada por Galicia. Para os que non teñen noticias ningunhas nosas (a maioría do entorno académico e do mundo editorial internacional) haberá que artellar unha estratexia de presentación e difusión diferente. Nun caso como noutro, aposto por situar o noso discurso internacional non no das culturas minorizadas, se non no das culturas europeas de dimensións semellantes á nosa (danesa, finesa, eslovena…). Esa é a vía que tan bos resultados está proporcionando a Cataluña. Non estaría de máis que intentásemos ensaiala.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Produtores de odio

1 Novembro, 2005 (20:03) | Cidades, Política | 4 comments

Avenida Castellana, 31 de outubro de 2005
Os produtores de odio traballan a eito nalgunhas zonas céntricas de Madrid. Afortunadamente estes carteis insidiosos son combatidos por outros madrileños demócratas e solidarios. Cara ónde quere levarnos esta dereita española irresponsable e mentirosa?
Fronte estes produtores de odio ofrezo os versos de Manuel Rivas:
Madrid de outono, / capital mesterosa dun imperio / de colleiteiros de follaxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros á rúa

31 Outubro, 2005 (09:59) | Cidades, Libro, Promoción do libro | 3 comments

Sabía desta veterana campaña Libros a la calle promovida por editores e libreiros madrileños (dende hai oito anos), e apoiada por empresas de transportes públicos e administracións da Comunidade e Concello de Madrid. A presenza e a calidade da de 2004 é mellor do que agardaba: en cada vagón do metro ou en cada autobús aparecen pegadas páxinas ilustradas (tamaño A-4) de diferentes fragmentos literarios de máis dunha decena de autores. “Non te quedes na primeira páxina“, “Ler fainos felices (e máis libres)“, “Ningún día sen poesía” son reclamos para achegar a lectura aos usuarios do transporte público, que no seu traxecto poden ler anacos de textos de Ángel González, Galeano, Luis Mateo Díez ou Ignacio Martínez de Pisón, entre outros autores. Son consciente das limitacións destas campañas publicitarias, só unha pequena parte dos Plans de Promoción da Lectura; porén, creo que son imprescindibles para visibilizar o libro na sociedade e para desmontar o prexuízo de que a lectura é unha actividade que require espazos especializados. Sen dúbida, non hai lugares mellores que outros para ler; cada cidadán debe poder exercer o seu dereito á lectura onde mellor considere (no metro, no autobús, no parque, no café…).
Teño insistido en que este tipo de campañas de promoción popular da lectura deberían ser emuladas en Galicia. O seu custe non é moi elevado, a implicación das empresas privadas e das administracións públicas sería un modelo que proporcionaría prestixio ao libro galego, e, por riba, a repercusión social sería, seguramente, moito máis grande da agardada. Libros galegos á rúa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Eloxio da cadeira

31 Outubro, 2005 (08:54) | Cidades, Teatro | 1 comment

Onte, domingo, inevitablemente, ruamos polo rastro entre milleiros de persoas. Había moitos anos que non o facía e pareceume que perdeu un chisco do seu sabor tradicional, transformándose nun hipermercadiño de roupa, semellante aos nosos de Bouzas ou Sabarís.
Despois fomos coñecer a colección de Carmencita e a permanente do seu barón, dúas sínteses (de calidade ben diferentes) da historia da pintura europea, que sempre pagan a pena contemplar. Deste museo coqueto, gosto moito da colección de retratos de finais do século XVI.
Antes de entrar no teatro, descansamos na cafetería do Círculo, outro dos nosos lugares preferidos, que abraia pola súa intensa actividade cultural. Mágoa que non puidésemos coincidir co Salón Internacional do Libro Teatral, que se abrirá dentro de tres días.
Tricicle non nos decepcionou. Pasámolo de medo. Sit, montaxe arriscada que perderamos cando estivera en Vigo, amosa como o humor é a intelixencia destilada na cotidianidade. A historia da cadeira serve para reconstruír as limitacións da humanidade, enfrontada cos seus medos e carencias (os mesmos do público que, antes do inicio da función, intenta montar con enormes dificultades a cadeira-programa de cartolina). Tricicle sorprende durante dúas horas. O espectáculo non acaba ata que o espectador está na rúa gozando da derradeira gargallada. Daquela decátase que en Madrid tamén chove a trebóns.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Madrid bole

29 Outubro, 2005 (22:03) | Cidades | 3 comments

Estamos en Madrid de fin de semana cultural. Pretendiamos visitar uns cantos museos e exposicións, asistir a un teatro musical e á nova montaxe do Tricicle. O primeiro día xa foi agotador. Dedicamos a mañá ao Prado, un museo no que sempre se descubre algo novo. Desta volta, quedamos moi impresionados coa profética modernidade, anticipatoria, do último Goya das pinturas negras. Ao mediodía cumprimos co rito de xantar en Casa Alberto, un local de sabor moi “taurino”, situado preto da praza de Santa Ana, que sabemos frecuentan adoito algún dos nosos deputados nacionalistas (alí paga a pena pedir o entrecote de boi, excelente). Despois rebuscamos durante un par de horas no hipermercado cultural, onde sempre se atopa algo descoñecido, sobre todo, na sección de DVD e de literatura en inglés, cunha oferta que nada ten que ver coa que atopamos en Galicia. E rematamos o día no teatro botando derreados.
Madrid é un bulebule moi riquiño. Nada que ver coa imaxe antipática á que nos teñen afeitos os produtores de odio e de medo. Sempre gosto desta cidade acolledora, onde hai moito para ver e para vivir.

Chuzame! A Facebook A Twitter

País da esperanza

31 Agosto, 2005 (18:33) | Cidades | 1 comment

O pasado ano fomos visitar á familia nosa de Brasil. Estivemos onda eles en Cabo Frío, en Río e en San Paulo. Ningunha das viaxes que fixemos bateunos no corazón máis intensamente ca esta. Regresamos convencidos, por se tiñamos algunha dúbida, de que Brasil somos nós. Este é o país da esperanza, o espazo máis futurista da humanidade, onde a barbarie da insostenibilidade do modelo urbano dá a man en calquera recanto ás experiencias socialmente máis transformadoras que se están xerando. A lectura estes días das dúas atinadas e luminosas reportaxes de Josep Ramoneda encheunos de saudades que matamos escoitando os cedés que alí mercamos de Paulinho da Viola e Teresa Cristina.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Viaxe a Berlanga

23 Agosto, 2005 (17:18) | Cidades | No comments


Acompañei a Antón ata Berlanga de Duero. Fixemos mil trescentos quilómetros en pouco máis de vinte e a catro horas para visitar o Centro da Memoria da Cultura Escolar que están montando o catedrático Agustín Escolano e a súa compañeira a profesora Puri Lahoz.
Este vai ser o máis importante museo existente en España sobre manuais escolares non universitarios (aproveitamos a viaxe para achegar varios centos de pezas en galego). Folleamos algúns libros memorables, o que nos produciu unha grande emoción.
Este centro, instalado nunha magnífica casona do século XVI, declarada monumento nacional, pretende constituírse nun centro de documentación audiovisual de referencia internacional sobre a memoria escolar, tanto de docentes como de escolares. Un proxecto moi interesante, que agardamos reciba todos os apoios que merece tamaña proeza.
Na viaxe comprobamos o estado desolador do Monterrei queimado (as lapas chegaron ata a autovía, que semella serviu de cortalumes), que constrataba coas paisaxes luminosas da Ribera, pouco antes da vendima. Coñecimos, tamén fugazmente, San Baudilio (polos seus frescos románicos, chamada a capela sixtina castelá) e, á noitiña, ruamos pola vila de Frei Tomás de Berlanga, o descubridor das illas Galápagos. Non se pode pedir máis para tan pouco tempo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Librarías soterradas

17 Agosto, 2005 (20:33) | Cidades, Librarías | 3 comments

En Roma hai varias librarías de vello e de libro usado ubicadas en antigos pasos soterrados. A peonalización dalgunhas rúas do centro fixo inservibles estes espazos, agora recuperados para este uso comercial. Con todo, Italia é un país onde os libros de novidade son moi baratos, moito máis económicos que aquí. As edicións de peto non custan nunca máis de seis euros e as novidades de narrativa arredor dos dez. Manteñen a política do prezo fixo, aínda co inconveniente de que as novidades en rústica son descatalogadas decontado.
Vin poucas librarías independentes (xeralmente técnicas e universitarias), sendo as cadeas como Feltrinelli e Mel books (espazos amplos, cómodos, surtidísimos e, xeralmente, con cafetaría) as que levan o peso do negocio. En case todas elas véndense tamén discos (máis caros que en España, vinte euros os lanzamentos e trece nas series medias). Nas librarías italianas son habituais as promocións, empregando outros produtos como reclamo para a venda de libros.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Silgar

7 Agosto, 2005 (18:35) | Cidades, Presentacións | No comments

Onte ao mediodía presentamos o libro de Alvarellos na praia de Silgar. Foi a primeira vez que organizamos un acto literario nun areal, con boa parte dos asistentes preparados para darse un baño.
Aproveitamos para dar un paseo (a 35º) por esta cidade galega de vacacións. Comprobei que é unha mágoa a destrución sistemática e concienzuda da paisaxe natural de beiramar para converter esta vila mariñeira nun parque temático formigonado por onde pululan milleiros de veraneantes; con todo, aínda é o concello español que posúe maior número de bandeiras azuis.
Xaime Corral, o libreiro de Nós, despois da presentación, convidounos a xantar e logo levounos a Padriñán, onde o seu amigo M. creou hai dous anos a partir dunha pequena explotación familiar a Adega Eidos. Esta bodega pareceume un proxecto empresarial precioso. Tecnoloxía de última xeración (laboratorio, barricas e proceso de produción totalmente informatizado), arquitectura integrada na paisaxe, deseño atractivo e moderno dos produtos. Magníficos!!!
Nun mesmo día e nun mesmo concello, comprobamos que hai dous xeitos moi diferentes de entender cál debe ser o noso futuro: o da Galicia emprendedora, innovadora e respectuosa coa tradición, que procura aumentar o valor polo traballo; e o da Galicia colmatada e sumisa, que aspira a aumentar o valor polo negocio inmobiliario. Eu aposto polo modelo substentable dos Eidos.
Chuzame! A Facebook A Twitter