Category: Comercio do libro

Onte 149: 10 millóns de exemplares

4 Febreiro, 2012 (13:56) | Comercio do libro, Editores, Onte, Xerais | 3 comments

Anunciamos que, ao remate do pasado ano, Xerais superou os dez millóns de exemplares vendidos ao longo dos seus trinta e dous anos de historia. Efectivamente, 10.103.409 libros en lingua galega que supoñen un éxito dos lectores e lectoras, ademais dun aliciente de esperanza para o futuro do libro na lingua de noso. Nun momento de tránsito e profunda mudanza dos modelos de comunicación cultural, sufrindo os duros efectos da tempestade económica e da anemia das políticas públicas de lectura e fomento do galego, noticia tan boa coma esta sei que estimula o traballo e o compromiso do cadro de profesionais da editorial co proxecto Xerais. A miña gratitude para todas as persoas que a fixeron posible.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte 79: Día das librarías

26 Novembro, 2011 (08:09) | Comercio do libro, Igualdade, Iniciativas, Librarías, Onte | 1 comment

A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte 68: Cegal en rede

15 Novembro, 2011 (09:15) | Comercio do libro, Edición, Editores, Librarías, Onte | 54 comments

Acompañei aos responsables de Cegal e da Federación de Libreiros de Galicia na presentación de Cegal en rede. Trátase dunha utilísima ferramenta informática concibida para axudar a visibilizar os libros editados  e destinada tanto a profesionais do sector do libro (librarías, distribuidoras e editoras) como ao público lector. Como xa sinalamos outro día, esta ferramenta axuda a localizar fondos de libros impresos nas librarías independentes, ao tempo que achega información fiable sobre as súas vendas. Recomendo vivamente empregar o espazo web Todos tus libros onde xa podemos atopar tamén o catálogo do libro galego vivo máis completo. Unha alfaia! Os responsables de Cegal aproveitaron a presentación para anunciar a celebración do vindeiro congreso de libreiros en Vigo ano ano 2013. Os nosos parabéns.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010

13 Outubro, 2011 (06:25) | Comercio do libro, Edición, Editores | 22 comments

O estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010, confeccionado cos datos achegados por unha mostra de 28 das 45 empresas pertencentes á Asociación Galega de Editores, ofrece unha panorámica completa do sector no pasado ano. Na nosa opinión, tres son os datos máis significativos ofrecidos: o emprego no sector diminuíu un 20% de 2008 a 2010; a edición aumentou un 8,2% no número de títulos e o 27,1% no de exemplares; a facturación diminuíu de 2009 a 2010 nun 8%.

EMPREGO
249 son os traballadores do sector. A diminución de emprego agudizouse en 2010, ano no que se perderon o 14% dos empregos directos e se reduciu case á metade o número de colaboradores profesionais externos. Froito da concentración e da externalización é a actividade comercial a que en 2010 reduce máis o emprego (18,8%).

EDICIÓN
En 2010 a edición privada aumentou en Galicia o número de títulos publicados, chegando aos 2.115, dos que 1.556 foron en galego (74%), 520 en castelán (24,6%) e 27 noutras linguas (1,4%). Outrosí sucedeu coa edición en galego que chegou aos 2.028 títulos -o que supuxo un aumento do 22,33%-, dos que 1.566 foron publicados por editores galegos (77,2%), 320 por membros da Asociación de Editores de Madrid (15,8%) e 139 polo Gremio de Editores de Cataluña (6,8%). É de salientar que o libro en galego sitúase por diante do editado en éuscaro (1.446 títulos), aínda que moi lonxe dos publicados en catalán (10.287), que continúan co seu crecemento espectacular.

O incremento de títulos editados en Galicia ten o seu correlato no aumento do número de exemplares. En 2010, os editores privados galegos fabricaron 3.361.000 libros, o que supón un crecemento do 27,1%, así como da tirada media, que se sitúa en 1.589 exemplares por título. Este aumento da edición reflítese no catálogo vivo dos membros da AGE que acadou os 13.269 títulos.

Con respecto ao volume de edición por materias é moi significativo o crecemento dos títulos de “Divulgación”, que pasan de 41 a 203, como tamén do seu número de exemplares fabricados, que aumenta de 87.000 a 414.000, cifras que explican, en boa medida, o crecemento do conxunto da edición do sector neste período.

A edición literaria en Galicia mantivo en 2010 os seus parámetros anteriores, supoñendo o 21% dos títulos e o 23,5% dos exemplares. É significativo o aumento da edición de Narrativa, tanto en títulos (297 en total), como en exemplares (que superán o medio millón); baixando pola contra o volume de edición de poesía e teatro, de forma importante. A Literatura Infantil e Xuvenil aumentou lixeiramente o seus títulos até chegar aos 491 (23,2%) e, tamén, os exemplares fabricados, 705.000 (21% do total). Pola contra, a edición de libro de texto baixa, tanto en número de títulos -pasa de 582 a 491 (23,2%)- como de exemplares producidos, 898.000 (26,7%).

FACTURACIÓN
En 2010, a facturación dos editores privados galegos acadou os 30,97 millóns de euros, o que supón unha diminución do 8%, próxima ao 7% do conxunto do sector en España e inferior ao do Gremio de Editores de Cataluña (9,7%). Esta facturación supón o 1,1% do mercado interior do libro en España (2.890 millóns de euros) e do 19,85 do mercado do libro en Galicia (156 millóns de euros). O 61,6% véndese no segundo semestre, o que amosa a forte dependencia do libro de texto, que con 12,48 millóns supón o 40,3%, a pesar de diminuír nun 18,64%, sen dúbida, froito do impacto do primeiro curso de implantación do Decreto de Plurilingüismo.

A Literatura con 5,17 millóns de euros supuxo o 16,17% do mercado, aumentando un 17% con respecto a 2009. É significativa a subida da Narrativa, que acada unha facturación de 3,5 millóns (un 11,3% da facturación dos editores galegos) e dos títulos literarios de non ficción, un millón de euros (3,2% do mercado total). A Literatura Infantil e Xuvenil supuxo 5,6 millóns (18,2%), incrementando a súa facturación nun 15%. En total, o sector da edición literaria facturou 10,77 millóns de euros, que supón o 34,76% do mercado total, incrementándose con respecto a 2009 arredor dun 15%. En definitiva, o incremento significativo da venda da edición literaria foi incapaz de compensar o impacto negativo provocado pola implantación do Decreto de Plurilingüismo sobre a venda do libro de texto.

Por último, con respecto ás canles de distribución, as librarías e as cadeas de librarías facturaron 18,49 millóns de euros, o que supón o 59,70% do total, unha porcentaxe superior ao conxunto do sector en españa (51,8%). É significativo que durante 2010, diminuíse en Galicia a facturación en hipermercados e empresas e institucións públicas.

Mágoa que non contemos, aínda, cos datos desagregados da edición en galego, o que axudaría a perfilar mellor a situación actual do sector no entorno da crise.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Onte 8: Amazon

16 Setembro, 2011 (07:19) | Comercio do libro, Librarías, Libro_electrónico, Onte | 44 comments

Amazon abriu o seu espazo para venda por catálogo virtual de libros españois e gaches diversos. Outro éxito publicitario rotundo da multinacional estadounidense que non precisou doutra estratexia que deixar viralizar a súa páxina pola rede nosa que a recibiu cos brazos abertos e moi escaso espírito crítico. Unha actitude moi diferente ao muro de silencio existente sobre outras iniciativas de distribución de libros impresos, como a de Todos tus libros.com, a marca comercial do proxecto Cegal en rede, promovida por máis de duascentas librarías culturais españolas e que ofrece un catálogo dispoñible incomparablemente moito máis amplo co do xigante americano. Cos datos na man, Amazon.es hoxe non será capaz de mellorar nin o prezo que os lectores pagan polos libros (o que ofrece é a rebaixa do 5%, que a Lei do Libro establece para os pagamentos ao contado), nin ampliar a oferta editorial de títulos impresos dispoñibles nin sequera poderá mellorar o servizo de entrega que achega a plataforma virtual dos libreiros españois. O catálogo presentado onte por Amazon.es é apenas unha comunicación dos metadatos –incluídas as imaxes dos libros– extraídos de balde de DILVE, o magnífico sistema de información editorial creado pola Federación de Gremios de Editores de España–, xa que a maioría dos fondos, como sucede co dos editores galegos, non está dispoñible nos seus almacéns franceses, debido a que a empresa norteamericana só foi capaz de asinar os contratos de distribución cun número moi reducido de editores e de distribuidores. Amazon non terá outro remedio que asumir algunhas das dificultades ou incomodidades que para o seu exitoso modelo de negocio supón operar en España, Francia, Alemaña ou Italia, estados onde o prezo do libro está fixado polo editor. No entanto, sei do enorme poder da corporación de Befos que, como Apple ou Google, pretenden monopolizar, tamén nos mercados europeos, a creación e a distribución da cultura dixital. Aí está a tremenda importancia da súa chegada, deste primeiro pé no noso mercado. O de Amazon é outro fito, a epifanía deste proceso irreversible, mais paradoxicamente empobrecedor, da perda de biodiversidade do sector da lectura en Europa. Eu, mentres as librarías culturais existan, continuarei apostando polos militantes fantasía de Todos tus libros, un espazo que aconsello visitar aos propagandistas da empresa estadounidense.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis lectura

18 Abril, 2011 (08:54) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Comercio do libro, Efemérides, Lectura, Librarías, Recurso_didáctico | No comments

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, propoño a entrada da lectura na axenda pública.

Achegámonos ao 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a efeméride creada polos editores e libreiros cataláns recoñecida pola UNESCO, que se convertiu en todas as comunidades na primeira festa do libro e da lectura. Sen chegar ás cifras espectaculares do Sant Jordi catalán, onde algúns editores e libreiros poden vender esa xornada na rúa entre o 20 e o 30% da súa facturación anual, o 23-A foi collendo tamén en Galicia a súa importancia comercial e singularidade cultural, iniciando para libreiros e editores galegos “o mes dos libros” que remata co Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Porén, a festa deste ano non será allea aos duros efectos que a crise económica está provocando sobre un consumo de libros que se reduce de forma significativa en España, seguindo a tendencia á baixa doutros produtos distribuídos polo comercio minorista. Un feito até agora case inédito no mercado editorial que demostra que o libro, a pesar de ser considerado formalmente, tamén coma un ben cultural, é un produto prescindible como calquera outro dos ofrecidos no mercado do lecer. Consolídanse, así, nestes tempos de crise dúas tendencias no actual mercado do libro que semellan de moi longo alcance. A primeira: o libro non forma parte do núcleo duro do consumo familiar, o que provoca unha menor frecuencia na visita ás librarías e unha redución da compra de libros, reducida nos máis dos casos ás prescricións establecidas polo sistema educativo. A segunda: as mudanzas da comunicación cultural dixital están disuadindo cada vez máis algunhas decisións de compra de libros impresos, frivolamente devaluados no seu valor engadido; aínda que en España tampouco se consolide un mercado dun libro electrónico que non acaba de arrincar.

Neste contexto de crise e de incerteza profundas para libreiros e editores, desenvólvese unha efeméride que outro ano máis debe poñer toda a súa énfase no esencial: a importancia da lectura como competencia cívica imprescindible para o exercicio da cidadanía democrática. Non cansaremos de insistir en que os índices de lectura e de compra de libros, revistas ou xornais amosan o grao de civilidade do que goza cada comunidade, ademais de constituír cifras claves para entender o seu nivel de benestar e desenvolvemento educativo. No marco do actual proceso de tránsito cara a comunicación dixital (informativa e cultural), é imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública utilizada polas administracións e polos medios de comunicación. A lectura –concibida tanto como un camiño de aprendizaxe como de lecer, realización e crecemento persoal da cidadanía de todas as idades– e, sobre todo, o seu fomento deberían ser temas sobre o que os políticos debatesen decote como o fan sobre mobilidade urbana, medio ambiente ou urbanismo. Mesmo todas as candidaturas que participan nas vindeiras eleccións municipais deberían presentar o seu programa específico de lectura e bibliotecas, asumindo como unha das súas prioridades o compromiso de reducir no seu ámbito local esa fenda preocupante que amosan os nosos índices de lectura, aínda moi afastados daqueles dos nosos socios europeos, tanto en número de lectores, horas de lectura, número de bibliotecas ou compra pública e privada de libros.

Nesa liña de introducir a lectura na axenda pública local e de facer cidades e vilas lectoras insírense iniciativas como as promovidas por Espazo Lectura, a recoñecidísima e modélica asociación de fomento da lectura de Gondomar, que enviou a todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións as súas propostas relacionadas co fomento da lectura, entre as que se inclúen a ampliación e mellora da Biblioteca Municipal, a creación dun novidoso Consello Municipal de Lectura, a instalación dun Museo do Conto ou a declaración do concello como primeira “Vila da Lectura de Galicia”.

Outrosí sucede, aínda que noutra dimensión institucional ben diferente, coa solicitude que este 23 de abril presentan as asociacións de editores de libros, revistas e xornais para a aplicación en todos os países membros da Unión Europea dun IVE cero para todas as publicacións (libros, xornais e revistas), tanto as impresas como as dixitais. Unha iniciativa de unificación fiscal para todos os soportes de lectura que pretende solucionar a situación fiscal discriminatoria que hoxe sofren os soportes dixitais –hoxe gravados en España co 18%, mentres que para os impresos repercútese o 4%–  ao tempo que favorecer o acceso dos lectores europeos a calquera tipo de produto de lectura, incentivados pola redución do seu prezo.

Dúas iniciativas para introducir na axenda pública deste Día do Libro que nun entorno de crise e mudanza continúa procurando o esencial: máis lectura e máis lectores de todas as idades.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Edición en Galicia e en galego, os datos máis recentes

19 Outubro, 2010 (21:53) | Comercio do libro, Edición, Informes | 3 comments

Cos datos máis recentes na man, non podemos negar que acougou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por doce ou trece o número de títulos publicados en galego: pasamos dos 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 2.482 de 2008, ou aos 2.121 do pasado ano, no que comezou a crise na que estamos instalados, o que supón un importante baixa interanual do 14,54%. Porén, o que medrou  foi a edición realizada en Galicia que no ano 2009 acadou os 4.069 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 52,12% da realizada en Galicia, e supón un importante incremento (10,27%) con respecto a 2008, cando acadou as 3.690 referencias.

Onte apareceu unha noticia en La Voz de Galicia sobre a evolución da edición ao longo deste ano 2010, que identifica unha tendencia de crecemento do número de títulos, tanto dos editados en Galicia como dos editados en galego. Así se comparamos os segundos trimestres de cada ano, observamos un crecemento próximo ao 40% do conxunto da edición (pasa de 913 a 1.522) e do 18% da edición en galego (pasa de 679 a 834). É previsible, se non se torce a evolución no 2º semestre, que este 2010 da crise supoña en Galicia e en galego un crecemento de número de títulos, o que supoñería ir contracorrente do conxunto de sector editorial español. Interpretar este crecemento para o conxunto da edición en Galicia, sen coñecer o listado de títulos, non é doado, sobre todo cando sabemos da redución do número de títulos publicados por varias das editoras con maior actividade. No entanto, alleos ao fenómeno non debe ser  o Ano Xacobeo, que debeu impulsar a edición pública, a publicación de varios métodos de Educación Infantil (que arrastra moi numerosas referencias de ISBN nos seus diversos compoñentes), a edición de libros electrónicos (eis esa case centena realizada pola editorial Galaxia) e o lanzamento da colección de antoloxías da literatura galega editado por La Voz de Galicia (un conxunto de referencias que pode achegarse ás 75).

Esta análise non estaría completa se non debullásemos os datos principais achegados polos estudos do comercio interior do libro de 2008 e 2009, elaborados pola Federación de Gremios de Editores en base ás enquisas completadas polos editores galegos. De todos eles, cómpre salientar (recomendamos baixar en pdf o documento cos datos principais de edición, tirada media e facturación, que elaboramos):

  • O aumento do numero de títulos entre 2008 e 2009, o 6,39%, non se corresponde co aumento da facturación do 1,93 % (apenas o incremento de prezos); pola contra redúcese a produción de exemplares case nun 9% e polo tanto da tirada media en maís dun 14%.
  • Destaca o bo comportamento da edición literaria en 2009 que aumenta en número de títulos, exemplares, facturación e mesmo tirada media. No entanto, tanto a edición en número de exemplares como a facturación continúan xirando arredor da edición paraescolar, xa que supón en 2008 o 77,30% dos exemplares fabricados e 72,30% da facturación; mentres c aen 2009 representa o 55,60% dos exemplares e o 57,90% da facturación.
  • Con respecto á canle de comercialización as librarías e as cadeas de librarías supuxeron en 2008 o 48,30% das vendas dos editores galegos; mentres ca en 2009 auentaron até o 55%. É de salientar a importancia da venda a crédito que en 2008 supuxo o 11,5% (3,8 millóns de euros) das vendas do sector e no 2009 baixou a 8,7% (2,93 millóns).

Concluíndo, nos dous últimos anos, mesmo no entorno da actual crise, comprobamos que se consolida en Galicia a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 46 en 2010, o que supoñen máis de 318 empregos directos e máis dun milleiro no conxunto do sector), e, ao mesmo tempo, constatamos que o medre da actividade editorial en galego adopta un ritmo inferior. Haberá que agardar a coñecer os datos do estudo do comercio interior do libro en galego de 2009 para realizar outras valoracións máis precisas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tempos de crise e mudanza

10 Agosto, 2010 (11:17) | Comercio do libro, Edición, Editores, Librarías | 4 comments

Ao fío dos nosos comentarios que onte publicaba Rodri García en La Voz de Galicia, non hai dúbida que reorganizar o calendario da aparición de títulos e reducir as súas tiradas son as dúas primeiras medidas de prudencia que os editores estamos tomando para facer fronte á crise que está sufrindo o sector, especialmente dura para a edición cultural e de autor, o eido característico da edición en galego.

A experiencia da Feira do Libro da Coruña pode ser moi clarificadora da situación actual do mercado do libro en Galicia: excelente acollida de público (100.000 persoas), magnífico nivel das actividades literarias (presentacións e debates, xeralmente, moi concorridos); porén, todos os libreiros recoñecían en privado que se producíu unha diminución das vendas con respecto á pasada edición, afortunadamente inferior ás súas peores previsións. O mercado do libro literario está, pois, algo frío, como tantos outros produtos, aínda que non amosa síntomas de conxelación. No obstante, haberá que agardar á decisiva campaña de Nadal para facer valoracións máis acaídas a este teor.

Por riba dos efectos da crise económica, é innegable que a crise do modelo actual de edición cultural europea é moi profunda, máis aínda cando o modelo de edición masiva (baseado no reinado do libro único que adquiren millóns de lectores) que o foi substituíndo nalgúns países como os Estados Unidos e o Reino Unido comeza a quebrarse. Ou o que é o mesmo, cando editores e libreiros superemos os efectos nocivos da actual crise de consumo, coa deterioración que inevitablemente vai provocar, haberemos de enfrontar a mudanza do modelo da cadea de valor que supon o tránsito cara ao paradigma da edición dixital. A realidade non dá acougo, vivimos tempos de crise e mudanza. Tempos que deben ser, tamén, de oportunidade e entusiasmo. Con esa actitude ilusionada creo que debemos enfrontalos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ao fío dos Premios Xerais: «a narrativa galega renóvase»

15 Xuño, 2010 (23:53) | Comercio do libro, Edición, Libro_electrónico, Narrativa, Premios, Vídeos, Xerais | 1 comment

Chuzame! A Facebook A Twitter

O impacto da crise económica sobre as industrias culturais

20 Marzo, 2010 (13:09) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | 2 comments

É moi oportuno que o Observatorio da Cultura Galega fixese público o seu primeiro informe arredor do impacto da actual crise económica sobre as industrias culturais galegas (pode baixarse completo en pdf, 18 páxinas).

Para os que estamos vencellados profesionalmente co sector cultural en Galicia, estes datos expresan a situación de profundo enfriamento de cada un dos nosos mercados (edición, teatro e audiovisual), proceso que se está profundizando de forma alarmante neste primeiro trimestre de 2010 e, ao que non é allea, a importante redución dos orzamentos das diversas administracións destinados ao mercado cultural (tanto da Xunta de Galicia, como de concellos e deputacións).

No caso da edición xa coñeciamos que no ano 2009 se produciu un decrecemento (case un 20%) do número de títulos en galego, feito que previsiblemente afectará, tamén, a unha importatísima redución das vendas de libreiros e editores (e que poderemos valorar cando se publiquen os estudos de comercio interior do libro). Diante desta situación de retroceso claro do conxunto das vendas do sector da edición, semella inevitable unha redución do volume da oferta, lei inexorable, tamén, para os mercados da cultura. Tempos, pois, nos que na xestión das empresas culturais se precisan boas doses de austeridade e rigor, sen esquecer imprimir maior pulo para a creatividade e a innovación.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Edición e comercio interior do libro en Galicia

4 Marzo, 2010 (07:38) | Comercio do libro, Edición, Informes, Recurso_didáctico | 2 comments

Esta tarde dedicaremos as nosas sesións do «Mestrado en Edición» a analizar os datos máis recentes dos que dispoñemos sobre a edición en Galicia: en 2008 publicáronse en Galicia 3.690 títulos; en galego 2.482 títulos, a máxima cifra da nosa historia. Mentres que en 2009 editáronse en Galicia 4.069 títulos, a máxima cifra da nosa historia; mentres que en galego 2.121 títulos, o que supuxo un importante decrecemento con respeto ao ano anterior. O que quere dicir que o pasado ano a edición en galego supuxo apenas o 52, 12% do total (a cifra máis baixa das tres últimas décadas). A edición en Galicia medra, mentres diminúe a participación do libro en galego. O documento completo e outros datos para analizar a evolución do volume da nosa edición dende 1990 poden baixarse en pdf aquí.

Ademais analizaremos os datos máis recentes do comercio interior do libro en España (2008, aquí en pdf) e en Galicia (2007, aquí en pdf).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Edición e actividade editorial

17 Febreiro, 2010 (08:24) | Blogs_e_libros, Comercio do libro, Edición, Editores, Libro, Recurso_didáctico | 6 comments

Hoxe comezamos a nosa docencia do módulo «Edición e actividade editorial» no Mestrado en Edición das Universidades de Vigo e Santiago. Velaí a bibliografía básica que propoñemos manexe o alumnado durante estas catro semanas:

Fontes impresas libros:

Fontes impresas revistas e informes:

Fontes electrónicas:

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mercado do libro electrónico hoxe nunha imaxe

22 Setembro, 2009 (07:23) | Comercio do libro, Imaxes, Libro_electrónico | No comments

Grazas, Tati.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hai «bestsellers» en galego?

3 Setembro, 2009 (19:49) | Comercio do libro, Promoción do libro, Xerais | 1 comment

Velaí a reportaxe que publica hoxe Vieiros sobre os «bestsellers» en galego. Outra volta cada un dos editores consultados debatemos sobre os conceptos de «bestsellers» e «longsellers» ou de edicón literaria ou de produtos de lecturasobre o teón de fondo da necesidade de ampliar as dimensión do noso mercado editorial. Hoxe a aposta de todos é chegar co libro en galego a novos lectores e lectoras, obxectivo que obriga a arriscarse ensaiando temáticas e xéneros até agora pouco frecuentados pola nosa edición.

En todo caso, os éxitos de vendas dos que falamos os editores son unha fachenda para todo o sector e, sobre todo, para a sociedade de lectores e lectoras en galego que os protagoniza. Anotacións coma esta son verdadeiras inxeccións de optimismo para o sector do libro en galego, inmerso no seu conxunto nunha certa melancolía.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libro en galego, datos para un diagnóstico

17 Maio, 2009 (08:32) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | No comments

No suplemento de El País Galicia dedicado ao 17 de maio publico un traballo arredor da situación do libro en galego. Reprodúzoo, xa que tampouco aparece na edición dixital do xornal.

O 17 de maio é data acaída para facer un balance do estado de saúde do libro en galego. As estatísticas dispoñibles (tanto as elaboradas polo Ministerio de Cultura, a partir dos datos do ISBN, como as do estudo do comercio interior do libro da Federación de Gremios de Editores) amosan que o volume da produción editorial en galego (tanto no número de títulos editados como de exemplares impresos) se estabilizou dende 2004. Cos datos na man, non podemos negar que parou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por dez o número de títulos publicados en galego (dende os 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 1.849 de 2004, unha marca non superada dende entón). Porén, o que medrou foi a edición realizada en Galicia que no ano 2007 acadou os 3.376 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 55% da realizada en Galicia. Nos últimos anos, semella consolidarse en Galicia, pois, a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 43 en 2009, o que supoñen máis de 300 empregos directos), o que constitúe unha boa noticia para a nosa primeira industria cultural e, ao mesmo tempo, a unha ralentización da actividade editorial en galego e da súa cota de mercado..

A pesar desta ralentización do seu medre, o libro en galego está nas mellores marcas da súa historia. Así en 2007, último ano do que temos datos dispoñibles, editáronse 1,780 títulos e imprimíronse máis de dous millóns dous centos mil exemplares (case un por cidadán galego; non está mal). No entanto, convén precisar que desta produción máis do setenta por cento correspondeu a libros de texto, dicionarios e títulos de literatura infantil e xuvenil, o que amosa a gran dependencia da produción dos editores en galego con respecto a esta canle educativa. Outrosí sucede coa facturación (22 millóns de euros para todo o libro en galego), no que a dependencia dos produtos escolares ou paraescolares acada o oitenta por cento (unha barbaridade!). Esta tendencia de forte escolarización do libro en galego acentuose nestes últimos anos, tanto pola implantación dos novos currículums da reforma educativa (o que compensou o impacto negativo da modalidade de préstamo da gratuidade do libro escolar) como pola crise na que caeu o libro literario en galego.

En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego, dos cales 113 foron de narrativa, 63 de poesía e teatro e 62 de ensaio e investigación literaria. Con respecto ao ano anterior, diminuíu o número de títulos en apenas o 1,90%, porén a perda foi moi notable no número de exemplares (nada máis e nada menos que 66.000) o que supón unha baixa do 15,10%. A pesar deste retroceso, o volume da produción literaria en galego en 2007 acadou os 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). Con todo, continúa sendo o máis significativo o peso da edición de narrativa (133.000 exemplares, o 45,70% da produción literaria do ano); fronte ao menor de poesía e teatro (60.000 exemplares, o 20,61% da produción literaria do ano) e o sorprendente peso do ensaio e investigación literaria (98.000 exemplares, o 33,67% da produción literaria do ano).

O libro literario en galego acadou en 2007 unha facturación de 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.

Contención da produción, forte escolarización e crise comercial dos títulos literarios aparecen como as tres principais tendencias detectadas para o devir actual do libro en galego. Síntomas claros dunha crise de crecemento e de racionalización e profesionalización do sector que non debe paralizarnos, xa que hai moitos outros indicios da envexable saúde da sociedade lectora en galego. Mais ese xa é outro traballo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (e VII)

7 Abril, 2009 (19:15) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | 1 comment

LIBRO EN GALEGO 2007 TENDENCIAS

Os datos proporcionados polo informe do Comercio interior do libro en Galicia 2007, xa debullados nas nosas anotacións anteriores, permiten identificar algunhas tendencias da evolución do libro en galego durante o período 2005 ao 2007:

Lixeiro retroceso do conxunto da produción editorial en galego, reflectida nunha diminución do número de títulos, dos exemplares fabricados e da súa tirada media que oscila entre o 1,00% e o 4,00%.

Notable retroceso da produción do libro literario en galego, que diminúe no número de títulos editados nun 2,00% e no de exemplares producidos nun 15,00%.

Concentración da produción editorial en galego nas tipoloxías de edición escolar e paraescolar (libro de texto, literatura infantil e dicionarios), que acada o 71,20% dos títulos publicados e o 76,20% dos exemplares fabricados. Estas cifras superan ampliamente as que se viñan manexando a este teor en informes anteriores, que xiraban arredor do 60,00%.

Enormes carencias da produción editorial en galego nas tipoloxías de edición científico técnica, de libro práctico e de divulgación, que apenas supoñen o 4,40% dos títulos editados e do 4,70% dos exemplares fabricados.

Estabilidade na produción editorial de literatura infantil, cunha pequena tendencia ao incremento do seu número de títulos.

- Incremento na produción editorial de libro de texto, que coincide pola implementación durante este período de novos currículares do ensino obrigatorio. Este aumento da produción é o que permite o mantemento das cifras globais do sector.

Incremento da cota do mercado do libro en galego, até chegar ao 14,00% de media durante este período. Esta porcentaxe (entre o 12,00% e o 15,00%) semella ser o peso real do libro en galego (sendo o do libro editado en Galicia entre o 17,00% e o 18,00%).No entanto, en 2007 prodúcese unha importante diminución da facturación global do sector en galego superior ao 10,00%.

Concentración da facturación nas tipoloxías de edición escolar e paraescolar, até acadar o 81,70% das vendas totais do libro en galego.

Importantísima diminución das vendas do libro literario en galego, un 20,00% entre 2006 e 2007. Idéntica tendencia á baixa amosan as vendas de narrativa, que diminúen nun 31,59%. Estes datos amosan unha forte crise do libro literario en galego, que mantén unha cota de mercado do 1,60%, e máis en concreto do libro de narrativa en galego, que representa o 1,20% do mercado total en Galicia.

- Diminución das vendas do libro en galego en librarías e cadeas de librarías, a pesar de que alí se concentran o 59,80% das vendas. A diferencia do que sucede noutros mercados diminue a importancia da comercialización en hipermercados, apenas o 2,60%. Preséntase como canles emerxentes a venda telefónica, por internet e dos clubes do libro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (VI)

6 Abril, 2009 (15:36) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes, Librarías | No comments

DATOS CLAVES SOBRE O SECTOR DO LIBRO EN GALICIA 2005-2007

Dos datos globais do Comercio do interior do libro en Galicia 2007 podemos tirar algunhas conclusións sobre as tendencias do sector editorial en Galicia e en galego no período 2005-2007:

– Ampliouse de forma significativa o número de editores, até os 43, publicando a maioría deles (40) en galego. Idéntico crecemento produciuse nos empregos directos que acadan xa no ano 2007 as 318 persoas. 

A actividade editorial en Galicia, tanto en número de títulos como de exemplares producidos, amosou unha lixeira tendencia á diminución (arredor do -1,00%). No caso do libro en galego a tendencia á diminución foi maior (-4,00% por número de títulos; -4,45% por número de exemplares).

- A cifra de facturación en Galicia aumentou nun 40% no conxunto do sector e no 22,54% no caso do libro en galego, producíndose entre 2006 e 2007 unha diminución do -0,20% no conxunto do sector e no -11,10% no libro en galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (V)

6 Abril, 2009 (14:29) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes, Librarías | No comments

CANAIS DE COMERCIALIZACIÓN DO LIBRO EN GALEGO

Estes datos sobre comercialización amosan que as librarías e as cadeas de librarías en 2007 foron as canles principais de venda do libro en galego, xa que supuxeron o 59,80% das vendas (13,12 millóns de euros a prezos de capa). No obstante, se comparamos estas cifras coas de 2006, detéctase que en 2007 se produciu un retroceso da cota de mercado das librarías do 5,30% (equivalente a 950.000 euros). Tamén é de salientar o peso reducido da venda do libro en galego nos hipermercados, 2,60% (570.000 euros), cunha tendencia a diminuír (en 2006 supuxo o 3,20% das vendas, 710.000 euros).

O peso das vendas a empresas e institucións (onde se inclúen as adquisicións da Consellaría de Cultura e Deporte aos editores en galego para a dotación das bibliotecas, valoradas entre un millón e un millón e medio de euros) continúa sendo moi elevado na edición en galego, acadando os cinco millóns de euros (22,90%), diminuíndo en 500.000 euros de 2006 a 2007. Tamén diminúen as vendas aos centros escolares («resto») que pasaron do millón de euros de 2006 aos 480.000 euros de 2007. Pola contra, aumentan as vendas do libro en galego aos clubs de libro, por internet e vendas por teléfono e a crédito (dous millóns de euros, 9,20%).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (IV)

6 Abril, 2009 (14:20) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | No comments

O CATÁLOGO DO LIBRO EN GALEGO DISPOÑIBLE

Unha das informacións máis interesantes deste estudo de Comercio interior do libro en Galicia 2007 é o que proporciona sobre as características actuais do catálogo dispoñible dos editores galegos, o que nos permite, tamén, coñecer as características do catálogo do libro en galego dispoñible nas librarías e nos almacéns dos editores.

En 2007 o catálogo vivo do libro en galego era de 8.507 títulos, dos que o 31,70% eran títulos literarios (2.684); 34,00% eran de literatura infantil e xuvenil (2.895); o 18,90% libros de texto (1.609) e o 0,90% dicionarios (77 títulos). Este catálogo vivo amosa o importante peso que os editores conceden á edición literaria en galego (con 1.101 títulos de narrativa, 557 de poesía e teatro e 1.026 de ensaio e investigación), a pesar de que na facturación total do sector supoña apenas o 12,00%. A diferenza existente entre as magnitudes dos catálogos vivos de 2006 e 2007, cun incremento interanual de apenas 324 referencias, amosa que os editores en galego descatalogaron ao longo dese período 971 títulos (fundamentalmente libros de texto de educación primaria e secundaria, obsoletos polos novos currículums).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (III)

6 Abril, 2009 (12:07) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | No comments

A EDICIÓN LITERARIA EN GALEGO

En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego (o 18,40% dos editados en galego), dos cales 113 foron de narrativa (47,47% da produción literaria do ano), 63 de poesía e teatro (26,47%)  e 62 de «outros» (ensaio e investigación literaria, 26,06%). Con respecto ao ano anterior, produciuse unha diminución do número de títulos de apenas o 1,90% debido á baixa en narrativa (quince títulos menos), a pesar do incremento dos títulos en poesía (doce máis) e de ensaio (trece máis). A narrativa en galego supuxo o 8,70% da produción total en galego e a poesía e o teatro (analízanse xuntos no estudo) o 4,90%.

Se esta análise a referimos ao número de exemplares producidos en 2007, comprobamos que se fabricaron 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). De narrativa foron 133.000 exemplares (6,20% dos impresos en galego e o 45,70% da produción literaria do ano); de poesía e teatro 60.000 exemplares (2,80% dos impresos en galego e o 20,61% da produción literaria do ano) e de ensaio e investigación literaria 98.000 exemplares (o 4,60% dos impresos en galego e o 33,67% da produción literaria do ano). Con respecto ao ano anterior, prodúcese un importantísimo descenso de 66.000 exemplares, o que supón unha baixa do 15,10%, debida á diminución de 112.000 exemplares menos en narrativa, que o incremento da produción de teatro e poesía (17.000 exemplares máis) e ensaio (29.000 exemplares) non conseguen compensar.

Os datos anteriores reflíctense nos de tirada media do libro literario en galego que foi en 2007 de 1.223 exemplares e en 2006 de 1.411. Diminución que se produce debido a unha importante baixa de narrativa que pasa dos 1.591 exemplares de 2006 aos 1.177 de 2007. Pola contra, en poesía e teatro a tirada media subiu de 843 de 2006 aos 952 exemplares de 2007; idéntica tendencia estableceuse en ensaio e investigación literaria que pasou de 1.408 de 2006 e 1.581 exemplares de 2007. A tirada media do conxunto da edición en galego, neste mesmo período, baixou de 1.791 exemplares en 2006 a 1.643 exemplares en 2007.

Con respecto á facturación do libro literario en galego acadou en 2007 os 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).

Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.

Magoadamente, o estudo non achega datos cualitativos referidos a edición e facturación de obras literarias orixinais e traducidas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (II)

6 Abril, 2009 (10:33) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | No comments

DATOS POR TIPOS DE EDICIÓN DO LIBRO EN GALEGO

Os datos da edición en galego por tipos de edición sinalan a importante dependencia do sector con respecto á edición da canle escolar e paraescolar, na que se inclúen o libro de texto, a literatura infantil e xuvenil e os dicionarios.

– Durante o ano 2007, o libro de texto supuxo o 38,60% dos títulos (500), o 37,00% dos exemplares fabricados (796.000 ex.) e o 49,60% da facturación (10,91 millóns de euros).

– A literatura infantil e xuvenil achegou o 32,60% dos títulos (418), o 35,70% dos exemplares (759.000 ex.) e o 18,20% da facturación (4,00 millóns de euros).

– Os dicionarios contribuíron co 0,50% dos títulos (10), 3,50% dos exemplares (64.000) e o 13,90% da facturación (3,058 millóns de euros).

Se xuntamos toda a edición da canle escolar e paraescolar, comprobamos que en 2007 achegou o 71,70% dos títulos (928), o 76,20% dos exemplares editados (1.619.000) e 81,70% (17,96 millóns de euros).

No resto de ámbitos temáticos da edición en galego, destaca a edición literaria co 18,4% dos títulos, o 13,6% dos exemplares e o 12,00% das vendas en euros. É de salientar, tamén, o peso reducidísimo da edición científico técnica en galego.

Con respecto ás variacións interanuais (entre 2006 e 2007), compróbase unha tendencia á diminución en todos os ámbitos, tanto nos da canle escolar e paraescolar, como nos da edición literaria.

O libro de texto, entre 2006 e 2007, diminúe moi lixeiramente, tanto o número de títulos publicados como a súa facturación (en porcentaxes arredor do 1%), a pesar de que en 2007 comezou á implantación dos novos currículums e do decreto de fomento do galego. Diminución que se incrementa na literatura infantil e xuvenil que perde de 2006 a 2007 o 1,9% dos títulos e o 1,8% da súa facturación. Pola contra, a pesar de diminuír a edición de novos dicionarios, aumenta a súa facturación nun 7,1%. Idénticas tendencias á baixa amosa a edición literaria, que diminúe lixeiramente en número de títulos (0,70%), como en facturación (2,90%) [Dedicaremos unha anotación específica á edición literaria en galego]

Podemos concluír, pois, que o libro en galego en 2007 amosa unha fortísima dependencia dos tipos de edición que empregan a canle escolar e paraescolar (en porcentaxes entre o 70% e o 80%, moi superiores ás que viñamos manexando noutros informes), ao tempo que amosa unha tendencia de lixeiro retroceso do seu volume de edición e da facturación (en case todos os tipos de edición, incluído o libro de texto, a pesar da implantación dos novos currículums e do decreto de fomento do galego).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro en galego 2007 (I)

5 Abril, 2009 (19:08) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes | 2 comments

DATOS XERAIS: PRODUCIÓN EDITORIAL E FACTURACIÓN DO LIBRO EN GALEGO

As referencias aparecidas nos diversos medios sobre o Comercio do interior do libro en Galicia 2007 apenas diferencian os datos referidos á edición en Galicia e á edición en galego realizada polas 43 editoras agremiadas á Asociación Galega de Editores. Porén, este informe, a pesar dalgunhas insuficiencias (sobre todo a de non contabilizar nin a edición en galego nin a facturación das editoras radicadas fóra de Galicia, o que pode supoñer un 20% do número de títulos anuais), proporciona unha radiografía moi nítida de cales son os indicadores principais e as tendencias da edición en galego durante o período 2005-2007.

Os datos amosan que se produce unha diminución tanto no número de títulos editados (que baixa aos 1.295 en 2007), no número de exemplares producidos (que baixa nestes tres anos dez puntos) como na tirada media (só 1.643 exemplares en 2007). Esta tendencia á diminución do noso volume de edición en galego supón un lixeiro decrecemento do seu peso na edición en Galicia, que pasa do 82,96% dos títulos editados de 2005 ao 79,80% en 2007.

Con respecto á facturación, se consideramos o trienio, prodúcese un aumento moi significativo do 22,38%, pasando dos 17,78 millóns de euros aos 21,76 de euros, a pesar de que entre 2006 e 2007 hai unha pequena baixa. Estas cifras supoñen un incremento da cota de mercado do libro en galego que pasa do 12,11% do ano 2005 ao 13,14% do anos 2007 (sendo aínda mellor o dato de 2006 onde acadou o 14,44%). Esta porcentaxe entre o 12% e o 15% semella ser o peso real do libro en galego (sendo o do libro editado en Galicia entre o 17% e o 18%).

Convén salientar que o importante incremento da cifra de facturación do libro en Galicia, entre 2006 e 2007, debeuse ao incremento do prezo medio (e non tanto ao número de exemplares) que pasou de de 13,20 € a 15,40 €.

Os datos xerais do libro en galego durante este trienio (2005-2007) amosan unha clara tendencia á baixa no que atinxe ao volume da edición, mentres se mantén a liña ascendente de facturación, crebada entre 2006 e 2007. Na seguinte anotación ocuparémonos da análise da edición e facturación por ámbitos temáticos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O preocupante estado da edición en galego

4 Abril, 2009 (13:41) | Comercio do libro, Cultura, Edición, Informes, Libro de texto | No comments

Representantes da AGE presentaron onte dous documentos que amosan de forma contundente o preocupante estado actual da edición en galego: o Estudo do comercio interior do libro 2007 e un novo informe sobrea mellora do sistema de préstamo do libro de texto. Dous documentos (que desmiuzaremos no blog devagariño) que amosan, ademais, a triste herdanza que deixa o goberno bipartito sobre o libro galego: baixa da produción do libro en galego (tanto en número de títulos, de exemplares como de tirada media), perda de peso do libro en galego no conxunto do noso sector editorial (tanto na produción como na súa visibilidade mercado), retroceso da facturación do libro en galego, desaparición de librarías, … Datos que corresponden ao ano 2007, un tempo aínda de importante crecemento económico, razón pola que a publicación destes datos é aínda máis preocupante na coxuntura actual de clara restrición no mercado. Datos que veñen corroborar agora as valoracións que fixemos hai meses. No entanto, é unha estupenda noticia que ás portas do inicio dunha nova lexislatura e da constitución dun novo goberno, o conxunto do sector do libro presente unido o diagnóstico e a alternativa para os seus problemas. Agardemos que signifique o inicio dun repunte para o sector do libro en galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Edición galega en 2008

17 Marzo, 2009 (08:11) | Comercio do libro, Edición, Libro | 3 comments

A prensa faise eco hoxe da noticia do crecemento da produción editorial en Galicia e en galego en 2008 segundo os datos do INE. O crecemento dun 60% na produción en número de exemplares, como no de títulos publicados en Galicia que pasaría de 2.364 a 3.747, déixanos un pouco incrédulos. A pesar de que agardabamos un crecemento no volume por exemplares, debido á renovación de oito cursos no sistema educativo (os tres da infantil do segundo ciclo, 3º e 4º de primaria, 2º e 4º de ESO e 1º de bacharelato) nos que se fan tiradas, na maior parte dos casos, para catro anos.

Porén, se acudimos aos datos proporcionados pola oficina do ISBN, a que vimos utilizando dende 1972 para facer o seguimento da produción editorial en Galicia e en galego, comprobamos que na edición en galego produciuse unha nova diminución no número de títulos, pasando dos 1.780 publicados en 2007 a 1.750 en 2008 (unha diminución do 1,68%, que consolida a tendencia iniciada en 2004, na que o libro galego superou acadou as 1.849 referencias, a maior marca da súa historia). Outrosí sucede cos datos do ISBN referidos á edición en Galicia que amosan a mesma tendencia a diminución, xa que dos 3.376 títulos editados en Galicia en 2007 pasamos aos 3.033 en 2008 (rompendo a tendencia de crecemento dos últimos cinco anos),

A diferenza (cando non clara contradición) entre estes datos preesentados polo INE e os do ISBN amosan a importancia de contar cun estudo de referencia sobre o estado da edición en Galicia. Nese sentido será moi boa noticia a próxima presentación por parte da Asociación Galega de Editores do seu estudo sobre o comercio interior do libro en Galicia no ano 2007. Un bo momento para clarificar as tendencias tanto na produción editorial como no mercado.

Actualización (18-03-2009): agradécese esta información moi clarificadora de Camilo Franco en La Voz de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mercado dos libros en lingua galega

5 Xaneiro, 2009 (13:52) | Blogs, Comercio do libro, Edición | 1 comment

Carlos Callón publica unha anotación no seu blog e un artigo en Galicia hoxe sobre a situación do sector editorial en galego moi ben documentadas e atinadas. Agradécese o rigor. Beizóns.

Actualización (05-01-2009): Outrosí, coa anotación de Lándoa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mercado do libro galego, datos de 2007

8 Outubro, 2008 (18:59) | Comercio do libro, Edición | No comments

Deuse a coñecer, como é adoito con motivo da inauguración de Líber, o estudo do Comercio Interior do Libro preparado pola Federación de Gremios de Editores de España. Debullando a faramallada de datos de 2007 (pódese baixar en pdf), adianto algúns dos máis significativos referidos ao mercado interior do libro en galego (no que observamos algunhas importantes incoherencias, o que, adianto, pode facelos pouco fiables):
–No pasado ano publicáronse en Galicia 3.376 títulos (un importante crecemento) e 1.780 en galego (un decrecemento do 1,33%). A edición en galego decrece, a edición en Galicia aumenta.
–O sector privado d0 libro galego fabricou en 2007 case tres millóns de exemplares e facturou 31,89 millóns de euros (o 19,22% da totalidade do mercado do libro en Galicia: 165 millóns). O catálogo histórico supera os 26.000 títulos editados, dos cales, afortunadamente, once mil están vivos no mercado.
–As tipoloxías de edición educativa e infantil e xuvenil continúan sendo as principais da edición en galego. En 2007, o libro de texto supuxo o 33, 3% dos títulos editados, o 30,7% dos exemplares fabricados e o 44,1% da facturación do sector. Outrosí sucede co libro infantil e xuvenil: o 28,8% dos títulos editados, o 37,5% dos exemplares fabricados e o 14,7% dos libros vendidos. Deste xeito, no pasado ano, acentuouse o imparable proceso de paraescolarización do sector editorial en galego, xa que os produtos comercializados ao abeiro do sistema educativo non universitario (sen engadir os dicionarios, outra trabe da edición en galega, o 17% das vendas) supoñen o 62,1% dos títulos editados, o 68,2% dos exemplares fabricados e o 58,8% da facturación do sector.
–Os editores privados galegos publicamos 266 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 16,38% da nosa oferta, imprimimos 432.000 exemplares (o 14,55% do total) e, segundo a nosas estimacións (corrixindo os datos, claramente trabucados do estudo) unha facturación de 3,45 millóns de € (o 10,89% do total en galego e apenas pouco máis do 2% do mercado do libro en Galicia). Estes datos supoñen un pequeno retroceso do libro literario en galego con respecto ao ano 2006, xa que se publicaron menos títulos (pasouse de 314 a 266) e, a pesar de manter o número de exemplares fabricados (aumentou a tirada media), a facturación reduciuse previsiblemente en catrocentos mil de euros (pasando de 3,80 millóns de euros a 3,45). Sen dúdiba, un certo paso atrás!
–O catálogo literario vivo en galego dos editores privados acadou no ano 2007 os 3.364 títulos (o 29,43%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros dos fondos das librarías ou existentes nos seus almacéns é deste carácter.
–Dentro da oferta literaria, a narrativa en galego é o xénero sobranceiro. En 2007 publicáronse 136 títulos narrativos (o 8,3% da oferta), fabricáronse 248.472 exemplares (o 8,3% da produción) e facturáronse 3,0 millóns de €, achegándose ao 10% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego foi de 1.827 (fronte a 1.829 do conxunto do sector galego, 1.627 do libro literario, 1.176 de poesía, mais moi lonxe da media da edición española de narrativa, 7.630, aínda que superior á da narrativa en euscaro, 1.193).
–O mercado da narrativa en galego, sendo a dimensión principal do mercado literario de noso, con máis de douscentos cincuenta mil exemplares vendidos, supón apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia (non esquezamos, 165 millóns de euros). Esta é a dimensión real do mercado da narrativa en galego (inclúe obra orixinal e traducida) que debe competir co xigante dunha edición en castelán que factura 573 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,4% do mercado do libro en España. Unha batalla moi desigual entre David e Goliat.
–O mercado do libro en Galicia é o 5,3% do mercado español, o que supón un crecemento do 0,3% con respecto ao ano anterior. Un dato positivo para as nosas políticas de lectura. No entanto, se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da poboación española, continúa existindo un déficit de 1,3%. Noutras palabras, consumimos en Galicia vinte e un millóns de euros menos en libros do que nos correspondería.
–As librarías continúan sendo a canle privilexiada de comercialización para o libro galego (o 40,4%), aínda que perden moito terrreo con respecto ao ano anterior (máis de dez puntos).
Nas próximas semanas coñeceremos datos máis desagregados do estudo encargado pola Asociación Galega de Editores. Daquela poderemos tirar conclusións máis definitivas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Narrativa en galego, algúns datos de 2006

27 Novembro, 2007 (07:47) | Comercio do libro, Edición, Narrativa | No comments

Tanto se ten falado das dimensións do mercado literario galego que propoño reparar nos datos proporcionados polo último estudo do Comercio interior do libro 2006 para desfacer algúns tópicos que andan enredando. Axiña comprobaremos que estamos diante de cifras modestas, aínda que nunca desprezables. Vexamos.

Os editores privados publicamos 314 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 19,7% de toda a súa oferta, imprimimos 440.000 exemplares (o 14,5% do total) e facturamos 3,80 milóns de € (o 13,8% do total en galego e apenas 0 2,52 % do mercado en Galicia). O noso catálogo literario vivo en galego acada os 2.704 títulos (o 25,9%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros nos fondos das librarías debería ser estritamente literario.
Dentro da oferta literaria en galego, a narrativa é, sen dúbida, o xénero primeiro. Así, en 2006 publicáronse 197 títulos narrativos (o 12,4% da oferta do libro galego), fabricáronse cerca de 300.000 exemplares (o 10% da produción) e facturáronse 3,35 millóns de €, o 12,2% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego é de 1.523 (fronte a 1.891 do conxunto do sector galego, 1.401 do libro literario, 900 de poesía, máis moi lonxe do 6.696 da edición española, aínda que superior a da narrativa en éuscaro, 1.096).
O mercado da narrativa en galego sendo a dimensión sobranceira do eido literario en galego, con case trescentos mil exemplares vendidos, supón apenas o 2% do mercado do libro en Galicia. Esta é a dimensión real da narrativa en galego que ten que competir co xigante dunha edición en castelán que factura 558 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,5% do mercado do libro en España. A batalla entre David e Goliat.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Galicia: 61,30 € gasto en libros por habitante

25 Novembro, 2007 (17:48) | Comercio do libro, Lectura | 2 comments

En Galicia padecemos un problema de lectura e dos hábitos de compra de libros. Así o demostra os datos proporcionados polo Anuario de Estatísicas Culturais do Ministerio de Cultura. Entre unha faramallada de datos interesantes, escollemos este que nos parece significativo do noso estado carencial: en 2005 os galegos gastamos 61,30 € por habitante na adquisición de libros e publicacións periódicas, aínda lonxe da media estatal de 70, 30 € (é dicir 10 menos, ou 27 millóns de euros menos do que nos correspondería, cifra case idéntica a que nos gastamos en libros en lingua galega).
Se comparamos este dato (insisto 61,30 €) co doutras comunidades podemos tirar algunhas conclusións: 139, 30 € (Euskadi), 91,26 € (Comunidad de Madrid), 73,80 € (Cataluña), 49,00 € (Andalucía). En palabras sinxelas: a lectura e a compra de libros está vencellada co nivel de renda per cápita e benestar. Mágoa que no estudo do Ministerio de Cultura, non se desagreguen máis estas datos, xa que se descontásemos o que gastamos en libros de texto e publicacións periódicas, aventuro que a nosa posición aínda estaría máis afastada da media.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Libro e Mercado: o caso galego

18 Novembro, 2007 (19:48) | Bibliotecas, Comercio do libro, Edición, Editores, Eventos, Lectura, Librarías, Promoción do libro | 4 comments

Tras a celebración do IV Simposio “O Libro e a lectura”, que amosou a madurez da AGE para consolidar esta cita anual de reflexión profesional, propoño algunhas reflexións persoais sobre o tema debatido: “Libro e mercado”.
Os editores galegos non podemos ser complacientes co noso traballo e debemos ser capaces de integrar moitas das ideas e experiencias que xenerosamente ofreceron os ponentes; ademais, e isto me parece importante, de dar a coñecer á sociedade a situación real do noso sector (sobre a que, como puidemos comprobar por algunhas intervencións, se manexan escasos datos fiables e moitos tópicos escasamente fundamentados).

  1. A falsidade do dilema entre o libro e o mercado. A maioría dos ponentes coincidiron na idea de que tanto os editores como os libreiros deben defender o seu proxecto empresarial no mercado.
  2. O dilema debe establecerse entre editores e libreiros culturais (ou independentes) que procuran a excelencia do seu catálogo de lecturas (a estratexia do “long seller”) e editores e distribuidores (especialmente cadeas de librarías e grandes superficies) de produtos editoriais que priorizan a estratexia do “best seller”.
  3. A falsidade do dilema entre libro e mercadotecnia. A mercadotecnica concibida como “comunicación editorial” é imprescindible para facer visible o libro dentro da comunidade de lectores.
  4. O proceso de concentración (tanto editorial como libreira) ameaza a estratexia dos editores e libreiros culturais. As experiencias máis interesantes de lecturas de calidade están chegando dende pequenos selos editoriais especializados ou dende librarías independentes renovadas e acolledoras.
  5. É un reducionismo identificar “libro” co “libro literario”. O libro literario é o corazón da edición cultural, mais só unha parte, por decisiva que sexa. Non podemos esquecer a educación educativa (vital para a supervivencia das librarías independentes), nin a infantil (fundamental para a conformación dos hábitos lectores) nin a de referencia nin sequera a destinada ao lecer (xeralmente a de maior importancia económica no mercado do libro).
  6. Especificamente, o mercado do libro en Galicia ten posibilidades obxectivas de crecemento. O mercado do libro en Galicia (150 millóns de €, a prezo de capa) supón só o 5% do total do mercado estatal, aínda por baixo do que nos correspondería polo noso peso demográfico (6,6%).
  7. O mercado do libro galego é pequeno, mais non por isto irrelevante ou desprezable. O libro en galego achega unha facturación de 27,5 millóns de € (dous millóns e medio de exemplares vendidos no ano 2006, un por cada cidadán maior de cinco anos), o que supón o 18,25% do total do mercado en Galicia; sendo, ademais, no 57,8% dependente das vendas realizadas nas librarías culturais galegas.
  8. O mercado do libro literario en galego é moi reducido. O noso libro literario achega apenas 3,80 millóns de € de facturación, que supón o 2,52% do total do mercado do libro en Galicia; sendo conscientes, ademais, da hexemonía da narrativa como xénero que supón o 85 % destas vendas.
  9. O dilema real do futuro do sector do libro en Galicia sitúase entre “lectura ou barbarie”. A pesar dos baixos índices de lectura en Galicia (o 59% dos galegos maiores de cinco anos confesan que non len nunca o libro), porén existe no país unha importante sociedade de lectores e lectoras habituais (o 7% dos galegos, unhas 144.000 persoas, le máis de seis libros cada ano). Este gran club de lectores anónimos en Galicia ten moitos máis socios que todos os abonados do Deportivo, Celta e Rácing xuntos. E isto debería ser considerado polos políticos e responsables dos medios. O libro galego non precisa subvencións directas (coa excepción das destinadas á edición do libro de texto, xa non conta con elas) e si, pola contra, unha acción máis decidida de todas as administracións públicas para conseguir unha mobilización lectora. Aumentar os índices de lectura é o único xeito de ampliar o mercado obxectivo e a oferta editorial e libreira en Galicia.
  10. O futuro do libro literario en galego dependerá, en boa medida, da presenza do galego na sociedade e da capacidade dos editores e libreiros en ofrecer produtos excelentes. A proxección e maior visibilidade do libro e da literatura galegas no exterior pode axudar neste proceso (sobre todo polos azos e posibilidades de profesionalización que proporcionará aos nosos autores), mais o futuro da nosa literatura está vencellada a un futuro multilingüe onde o galego sexa a lingua de instalación lectora.
  11. A visibilidade do libro en Galicia, e especialmente o libro en galego, é inferior ao seu mercado obxectivo. A súa presenza nas mesas de novidades e nos escaparates das librarías, como nas seccións de Cultura dos medios de comunicación está por baixo da porcentaxe do 18,25%. Doutro xeito, non é un disparate reclamar que un de cada cinco libros no escaparate deberían ser en galego, como tampouco que esta porcentaxe fose o espazo dedicado diariamente a informar sobre eles (ou sobre os seus autores) nos xornais editados en Galicia.
  12. O futuro do libro galego está vencellado ao futuro das librarías independentes (ou culturais) e das bibliotecas públicas en Galicia. A libraría é o ecosistema do libro, sendo unha entidade tanto comercial como unha institución cultural de proximidade. A biblioteca é a primeira insitutción cultural de cada comunidade local, punto especializado de acceso á lectura e á información.
  13. O papel das administracións públicas (especialmente da Consellaría de Cultura) é promover con convicción a lectura na sociedade. Dotar ao país dunha rede bibliotecaria de calidade (da que carece), profundizar na formación dun criterio lector no sistema educativo non universitario e contribuír a renovación e supervivencia do sector libreiro de proximidade son hoxe as mellores “axudas” que os editores privados galegos podemos agardar do Goberno bipartito.
Etiquetas: Libro_mercado
Chuzame! A Facebook A Twitter

IV Simposio o Libro e a lectura

17 Outubro, 2007 (17:48) | Comercio do libro, Eventos | 4 comments

Anúnciase a celebración do IV Simposio O Libro e a Lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores, os vindeiros 15 e 16 de novembro. Versará sobre tan interesante e polémica cuestión como é “Libro e Mercado“.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Algunhas cifras do libro galego

6 Outubro, 2007 (10:38) | Comercio do libro, Edición | 3 comments

Víctor Freixanes adianta hoxe un atinadísimo comentario sobre os datos ofrecidos polo estudo sobre Comercio Interior do libro 2006 referidos á edición galega. Ten razón que hai razóns para o optimismo, sobre todo por ese importante crecemento na facturación (acadamos os 27,5 millóns de ruos no conxunto do sector). Magnífico dato que amosa un crecemento do noso sector (moi superior ao do resto do Estado), porén, que eu matizaría no decrecemento do número de títulos editados (pasamos de 1626 en 2005 a 1592 en 2006, dos 1323 o foron en galego), así como volume de edición por número de exemplares (imprimimos 400.000 exemplares menos en 2006, un 12% menos ca no ano anterior), o que supón, tamén, unha baixada da tirada media até os 1.891 exemplares (2104 en 2005).
Atopo a explicación do crecemento de facturación no importante crecemento das vendas a empresas e institucións (aumentan en catro millóns de euros, o que supón un 22,4% do total), debido, en boa parte ao cambio de sistema de apoio ao libro galego da Consellaría de Cultura por medio dun sistema de compra e non de subvención. Outra boa noticia é que o libro galego continúa alicerzado na libraría (o 57,8% das súas vendas, aínda que porcentualmente baixa sete puntos con respecto ao peso desta canle en 2005, con todo un dato moi superior ao do conxunto do sector español, no que a libraría supón xa só o 33,3% ) e que as vendas nos hipermercados non arrancan en Galicia (supoñen un 3,5%, inferior á de 2005, e moi lonxe do 9,5% que supoñen no conxunto do Estado),
Entre a faramallada de datos estatísticos, hai algúns outros que convén rescatar. Os editores galegos pagaron o pasado 2006 1,9 millóns de euros en concepto de dereitos de autor (400.000 euros máis ca no ano anterior), aínda que só percibimos por explotación de dereitos noutras linguas 170.000 euros (cantidade inferior á de 2005). Con respecto ao emprego, o sector editorial galego privado ocupou en 2006 a 224 persoas, das cales 78 realizaban labores de creación e produción editorial.
Por último, quizais como retrato acaído da edición galega en 2006, non podemos esquecer os seguintes datos referidos á edición por ámbitos temáticos:

  • A literatura supuxo o 19,7% dos títulos editados (15,5% en 2005), o 14,5% dos exemplares producidos (10,6% en 2005) e o 13,8% das vendas (12,8% en 2005). En definitiva, mellorou con respecto ao ano anterior.
  • A literatura infantil supuxo o 32,8% dos títulos (30,6% en 2005), o 32,5% dos exemplares (25,6% en 2005) e o 23,9% das vendas (19,9% en 2005). O que supón que tamén mellora a súa participación.
  • O libro de texto supuxo o 34,6% dos títulos (30,6% en 2005), o 42,2 % dos exemplares (35,3% en 2005) e o 48,5% das vendas (48,8% en 2005), o que supón, tamén un incremento.
  • O resto da edición (libro de referencia e divulgación) supuxo un 12,9% dos títulos (23,3% en 2005), o 10,8% dos exemplares (15% en 2005) e o 13,8% das vendas (18,5% en 2005), o que supón un importante decrecemento desta tipoloxía de edición.

Tras estes datos, poderiamos sinalar que no ano 2006 o libro editado en Galicia polos editores privados incrementou a súa dependencia do sistema escolar (o 72,4% das súas vendas, fronte ao 68,7% do ano anterior), ao tempo que conseguiu incrementar lixeiramente o peso do seu mercado literario que, ademais, aumenta moi significativamente o volume da súa produción. A crise semella estar na edición de referencia (quizais pola competencia dos medios electrónicos) que continúa o seu devalo.
Un panorama, pois, coas súas zonas de sombra (semellantes ás dos outros gremios do estado), mais, tamén, con maior pulo do que se adoita expresar. Quedémonos (ás portas de coñecer os datos que proporcione o estudo do ISBN sobre a panorámica da edición en 2006, aínda non apareceu) co debuxo dunha liña esperanzadora.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Literatura e Mercado

10 Setembro, 2007 (17:07) | Comercio do libro, Lectura | 2 comments

Sobre o tema de Literatura e Mercado xirará o IV Simposio sobre o libro e a lectura que está preparando a AGE para celebrar o vindeiro mes de novembro. Para adiantar reflexións sobre cuestión tan polémica enlazo esta anotación do escritor Andrés Neuman publicada por Clarín. Non podo evitar reproducir as tres categorías de lectores (informados, intelectuais e artísticos) que Neuman establece na casa do señor Mercado:

“Resumiendo mucho, podríamos hablar de tres tipos de lector en la casa del Señor Mercado:
1) Los lectores informados, aquellos que buscan sobre todo enterarse, estar al día de la actualidad como quien lee el periódico.
2) Los lectores intelectuales, que analizan la información del libro, la subrayan e incluso la comparan con otras fuentes. Aunque estos segundos lectores son más disciplinados que los primeros, tal vez ambos estén unidos por una limitación: no modifican los libros que leen.
Por eso sospecho que quienes escasean son: 3) Los lectores artísticos, esos que recorren las páginas con los sentidos en vilo, la intuición expectante, la memoria abierta. Creadores a su modo, los lectores artísticos leen para interrogarse acerca de su propia identidad y ven en la literatura una existencia. Estos lectores merecen especial gratitud porque completan los libros, los salvan.”

Vía El ojo fisgón

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Pagar por estar no escaparate

26 Xuño, 2007 (19:51) | Comercio do libro, Librarías, Promoción do libro | No comments

Esta noticia chega un pouco tarde. Cónstame que aquí hai tempo que o ven facendo algunha importante cadea de librarías. Eis a imparable deriva do comercio do libro na que estamos inmersos. Unha noticia moi interesante.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Libro de texto: comeza a batalla das grandes superficies

24 Xuño, 2007 (07:37) | Comercio do libro, Libro de texto | No comments


Apenas transcorreu unha semana dende a aprobación da nova Lei da lectura e do libro que liberaliza o prezo dos libros de texto da Educación Obrigatoria (Primaria e ESO) xa coñecemos a estratexia agresiva das grandes superficies comerciais. A campaña de Carrefour non ofrece dúbida: “Libros ao custo. Se os atopas máis baratos, aboámosche dez veces a diferenza“. Quen dixo que coa nova lei na man non se podería empregar o libro de texto como reclamo publicitario? Co prezo libre, cal é o custo do libro? Temo que isto só acaba de comezar. Sempre tiven moitas dúbidas sobre a eficacia da liberalización como alternativa á política de descontos. De non poñer couto a estas prácticas das grandes superficies (quizais sexan legais, non o sei), os libreiros de proximidade (se non lles chegase en Galicia co modelo de préstamo) serán, outra vez, os máis prexudicados. Un tema que, pola súa enorme importancia para o sector do libro, seguiremos con atención.
Sobre a mesma cuestión, recomendo as anotacións de Txetxu e Joaquín Rodríguez.
Etiquetas: Libros_de_texto
Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro 2006

15 Xuño, 2007 (06:54) | Comercio do libro, Slideshare | No comments

Este ano o avance dos resultados do estudo do Comercio Interior do libro apareceron antes. Faltan os datos desagregados dos gremios, razón pola que non hai cifras de Galicia.
Etiquetas: Comercio_interior_libro_2006
Chuzame! A Facebook A Twitter

Moitos libros?

10 Outubro, 2006 (19:09) | Comercio do libro, Imaxes | 2 comments

(Alicia Martín, instalación, Madrid 2003)
A pasada semana comentamos polo miúdo os datos do estudo do Comercio Interior do libro 2005, tratando de non simplificar o diagnóstico sobre a produción e venda do libro galego no pasado ano e procurando atopar liñas de tendencia entre os últimos cinco exercicios . Onte apareceu unha coidada información sobre o mesmo tema cun enfoque e diagnóstico moi semellantes. Afortunadamente cada vez contamos con máis datos e máis afiados para saber cáles son os puntos fortes do sector do libro galego e cáles as súas maiores feblezas. Hai tipoloxías de edición, como a infantil e a educativa, e mesmo a literaria (sobre todo no xénero da narrativa), da que sentirnos ben orgullosos, tanto polo crecemento da súa produción diversa como do seu número de lectores; mais tamén o é que hai outras onde as nosas carencias son abrumadoras. Feitos a ter moi en conta á hora de deseñar as políticas públicas de fomento da lectura e da edición en galego. Podemos navegar axudados por esta cartografía.
Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Vendas do libro galego por tipoloxía de edición

3 Outubro, 2006 (19:12) | Comercio do libro | No comments

Aínda que os datos proporcionados polos estudos do mercado interior do libro non semellan de todo fiables, atrevinme a seguir fedellando nos informes publicados para comprobar a evolución das vendas nos últimos cinco anos (de 2001 a 2005) e tratar de identificar as tendencias en cada un dos tres tipos de edición con maior aceptación no no mercado galego (a edición literaria, a infantil e xuvenil, e a de libro de texto). O froito das miñas pesquisas (homoxenicei a facturación a prezos constantes, descontado o efecto inflacionario) foron as seguintes conclusións:

Edición literaria
A facturación pasou de 2 millóns de € (2001) a 2,89 millóns de € (2005), un crecemento do 44,5% e a prezos contantes do 27%. Datos que amosan que se venden máis libros literarios galegos neste lustro, feito que presupón que aumentou, tamén, o seu índice de lectura.

Edición infantil e xuvenil
As vendas pasaron de 2 millóns de € (2001) a 4,51 millóns de € (2005), un crecemento espectacular do 125 %, que a prezos constantes supón un 98 %. Noutras palabras en cinco anos duplicouse a venda de libros infantís galegos, a tipoloxía da edición con maior aceptación e despegue durante este período.

Edición de libro de texto
A facturación pasou de 6 millóns de € (2001) a 11,05 millóns de € (2005), crecemento do 84 % (provocado pola medida de gratuidade total da primaria do pasado ano) que a prezos constantes supón un 62 %. Cantidade importantísima que decrecerá inexorablemente, a partir, do funcionamento do modelo de préstamo na súa totalidade.

Porén, fronte a moi boa saúde destes tres tipos de edición, o conxunto da facturación do libro galego de 2001 a 2005 apenas medrou un 7,87 %, cifra que a prezos constantes supón un decrecemento do 5 %. Datos todos os anteriores que amosan que a crise de crecemento do libro galego durante este último lustro estivo nas obras de divulgación, ciencias sociais, cientifíco-técnicas, dicionarios e grandes obras de referencia. Tendencia que se produce, tamén, noutros gremios de editores do noso entorno, froito, indubidable, do impacto da textualidade electrónica e das mudanzas no entorno académico universitario.
Convén ter en conta estes datos para apupar a nosa propia autoestima e tratar de endereitar a deriva do sector.

Etiquetas: ,

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mudanzas na comercialización?

2 Outubro, 2006 (21:05) | Comercio do libro, Librarías | 2 comments

Dous comentarios do post de onte fan referencia a aspectos relacionados coa comercialización do libro editado en Galicia. Comparando os datos do estudo de 2005 cos do ano anterior atopamos algúns datos que non nos cadran. U-los erros dos investigadores?

As librarías
En 2005, as súas vendas supuxeron o 64,2 % (14,5 millóns de €), mentres que en 2004 foron só o 35,3% (8 millóns de €). Datos que amosarían un crecemento espectacular das vendas en librarías durante este último ano, feito que, polas impresións recibidas polos profesionais do sector, non semella verosímil.
Cadeas de librarías
En 2005, ascenderon o 7,8% (1,76 millóns de €), mentres en 2004 foron o 4,4 % (1 millón de €). Crecemento que parece razoable debido á aparición de novos establecementos deste tipo.
Hipermercados
En 2005, subiron ata 0 4,2 % (940 mil €), mentres en 2004 foron o 3,1 % (700 mil €). Outro dato razoable, que indica a tendencia ao lixeiro crecemento, polo momento, desta canle en Galicia, especialmente na campaña do libro de texto de setembro.
Vendas institucionais e a empresas
En 2005 , o 11,6 % (2,62 millóns de €), mentres en 2004 foron o 13,8% (3,10 millóns de €). Lixeiro decrecemento tamén doadamente explicable polo “parón” producido desde o segundo semestre de 2005 e que o sector arrastra ata a actualidade.
Bibliotecas
En 2005, o 2,1 % (480 mil €), mentres en 2004 foron o 4,3 % (970 mil €). Decrecemento, tamén, previsible no novo contexto, aínda que inexplicable en termos de política cultural.
Venda a crédito
En 2005, baixaron ata o 7,3 % (1,64 millón de €), mentres en 2004 foron o 24, 4 % (5,48 millóns de €). Datos que supoñerían un decrecemento espectacular desta canle nun só ano. Tendencia que coñeciamos, mais que semella demasiado acusada para producirse nun só exercicio.
Clubes do libro
En 2005, supuxeron o 0,6 % (130 mil €), mentres en 2004 foron o 1,2 % (260 mil €). Decrecemento que supón un 50 % nun só ano. ?
Internet
En 2005, 0 0,7 % (160 mil €), mentres en 2004 foron o 0,1 % (10 mil €). Crecemento espectacular desta canle, explicable pola aparición de novos operadores e do desenvolvemento desta canle.

Se todos os datos fosen certos, en 2005 aumentarían a súa participación nas vendas do libro editado en Galicia as librarías, as cadeas de librarías, os hipermercados e Internet; mentres baixarían as vendas en bibliotecas, institucións e empresas, clubes do libro e, sobre todo, a venda a crédito.
Entendo que os datos amosan tendencias, dificilmente cuestionables; porén, non semella que as súas magnitudes sexan totalmente fiables. Precisamos dese gran estudo do mercado do libro galego que clarifique unha situación comercial bastante confusa.

Etiquetas: ,

Chuzame! A Facebook A Twitter

O comercio interior do libro galego en 2005

1 Outubro, 2006 (19:35) | Comercio do libro | 10 comments

Os estudos anuais sobre Comercio Interior do libro proporcionan profusión de datos (declarados por cada un dos editores) suficientes para perfilar un diagnóstico sobre o estado do sector.
O máis recente estudo (o de 2005, publicado hai só unhas semanas), despois de traballar os datos referidos ao sector privado galego (sobre un universo dunha enquisa realizada sobre 31 editoriais), permítenos tirar as primeiras conclusións.

  1. As empresas. Continúa o proceso de integración empresarial e de diminución de emprego no sector. Así a porcentaxe de empresas que pertencían a un grupo pasou do 38,1% (2001) a un 52,2% (2005). Os empregos directos baixaron a 230 (2005), 249 (2001), diminución dos cadros de persoal que afectou, tamén, ao número de colaboradores externos, que baixaron a 27 por empresa (2005), sendo esta media de 48 en 2001.
  2. A produción. Continúa o seu crecemento, tanto do número de títulos publicados polos editores privados galegos (1.626 en 2005; 946 en 2001), como en número de exemplares (3.421.1666 en 2005; 1.833.221 en 2001). Datos que supoñen tanto un aumento da tirada media, que pasa de 1.938 (2001) a 2.104 exemplares (2005), como do número de títulos en catálogo, que aumenta dos 5.445 (2001) aos 9.050 (2005).
  3. A facturación. Aumenta de forma moito máis discreta (6,38%), pasando dos 21,29 millóns de euros (2001) aos 22,65 (2005). Crecemento que a prezos constantes, descontada a inflacción (sobre un 15%), supoñería un decrecemento real de arredor do 9%. A cifra media de vendas (os datos son a prezo de capa) de cada editorial galega é de 731 mil euros.
  4. Vendas do libro en Galicia. Supuxeron un 5% de todas as realizadas no mercado interior español, 146,66 millóns de euros. O libro editado polos editores galegos supón o 15,44 % destas vendas. Tamén é salientable que a correlación entre poboación e venda de libros en Galicia é negativa nun 1,3% (consumimos menos libros dos que nos correspondería).
  5. Vendas por tipos de edición. Intensifícase o peso do libro de texto e infantil xuvenil galego (promovido na canle escolar), tanto no número de títulos editados (61,12%), de exemplares producidos (60,9%), como no que supón na facturación total do sector (68,7%). A edición literaria supón o 15,5 % dos títulos, o 10,6% dos exemplares e o 12,8% das vendas totais.
  6. Vendas por canles de distribución. As librarías continúan sendo a canle primeira de venda do libro editado en Galicia (64,2%, o que supón 14,54 millóns de €), seguido polas vendas institucionais (11,61%, 2,62 millóns €), as cadeas de librarías (7,8%, 1,76 millóns €), a venda a creto (7,3%, 1,65 millóns €), os hipermercados (4,2%, 950 mil €), Internet (0,7%, 159 mil €) e os clubes do libro (0,6%, 136 mil €).
  7. Pago de dereitos de autor. Os editores privados galegos pagaron 1,45 millóns de € por este concepto.
Cremos que resumindo moito todos estes datos, podemos afirmar que o sector privado galego, a pesar de aumentar moi notablemente a súa produción, ten grandes dificultades para facer medrar as súas vendas no mercado interior, que no último lustro descenden un 9% a prezos constantes e que dependen, en moi boa medida (case nun 60%), da canle escolar e paraescolar.
Mágoa que non contemos aínda con datos máis desagregados (agardamos impacientes a próxima publicación do gran estudo sobre o sector preparado pola Universidade de Santiago). Todos estes datos deberían axudar a facer unha reflexión estratéxica, tanto por parte do conxunto do sector privado (editores e libreiros), como polos responsables das políticas culturais e educativas que afectan ao libro editado en Galicia e que, polo momento, viven alleos á crúa realidade do sector.
Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

FNAC en venda?

28 Setembro, 2006 (21:45) | Comercio do libro, Librarías | 4 comments

Será certa esta noticia? Hoxe polos corredores de Liber non se falaba doutra cousa. Non esquezamos que estaba previsto que a cadea francesa de distribución de produtos culturais abrise un establecemento na Coruña na vindeira primavera.
Noutra orde de cousas, é importante salientar que, por fin, o estand de Galicia en Liber ten un deseño xeitoso e de país moderno. Para vindeiras edicións só haberá que facer algúns retoques funcionais (como procurar unha mellor ubicación, máis central e con maior capacidade de exposición), mais imos polo bo camiño. A única chata que lle poñería é a denominación escollida para o estand (obxecto de bastantes brincadeiras por parte de expositores doutras comunidades: coa saída de Fraga da Xunta mudou, tamén, o nome do voso país?). Eu preferiría a denominación de “Libros de Galicia”, sinalando a presenza conxunta e solidaria da Consellaría de Cultura e dos editores privados. Tamén é un orgullo que tres dos nosos editores teñan estand propio: Nova Galicia, Kalandraka e OQO, mostra da vitalidade exportadora destas empresas. Beizóns para elas (que polas informacións están tendo unha moi boa feira).
Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Comercio interior do libro 2005

13 Setembro, 2006 (06:11) | Comercio do libro | 3 comments

Ás portas de Liber, aparece o avance de datos do estudo do comercio interior do libro, elaborados pola empresa Precisa para a Federación de Gremios de Editores. Só coñeciamos noticias de prensa, ata que onte puidemos manexar as gráficas de datos básicos, agardando a publicación do informe e extraer os datos referidos á edición privada galega.

Os datos indican que continúan as tendencias de sobreprodución do sector (máis de 69.000 títulos), ao tempo que se produce un estancamento da facturación e mudanzas nas canles de comercialización. Así, a a facturación do conxunto do sector español, a prezos de capa, acadou os case tres mil millóns de euros (o que supuxo apenas un incremento con respecto ao ano anterior do 1,8%, por baixo do crecemento da inflacción); mentres o conxunto do sector editorial privado galego superou os 23 millóns de euros, o que supón un crecemento do 4%, idéntico o da inflacción). Facturación que se obtén cun incremento de títulos do 2,6% e de tirada (314 millóns de exemplares!) do 3,5%, da que se vendeu o 70% (o resto quedou para a exportación e para as devolucións).
Quizais o máis significativo deste avance de datos sexan os referidos aos cambios na comercialización, onde se pode salientar:

  • Diminución da facturación da canle de librarías que, a pesar de contar co 49% das vendas do mercado, perde un 4% que van ás cadeas de librarías (en clara tendencia á alza) e aos hipermercados. A pérdida de vendas das librarías aumenta ao 5,7% nos libros de texto.
  • Baixada de vendas dos clubes do libro e da venda a crédito e aumento das vendas por correo.
  • A facturación en soportes dixitais supón xa o 10% do total.
Actualización (20:15): desde esta mañá pódese descargar en PDF a totalidade do estudo. Empregar este formato dixital é unha boa idea da Federación de Editores. Estudarémolo con vagar para extraer os datos referidos a Galicia e tirar conclusións.
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros ao quilo

8 Xullo, 2006 (00:41) | Comercio do libro | 5 comments

Se algúen tiña dúbida algunha do que expresaba no pregón, velaí unha proba contundente que me envía Miguel (A Coruña, 7 de xullo 2006).
Etiquetas: Libros
Chuzame! A Facebook A Twitter

Expendedoras de libros

21 Xuño, 2006 (21:40) | Comercio do libro, Promoción do libro | 10 comments

Vía Extratexto atopo esta máquina expendedora de libros que funciona en Chile. Unha vella idea de Celia Torres que nunca conseguimos poñer aquí en marcha. Funcionará este sistema? Onde deberían ubicarse estas máquinas? Nos hospitais, nas estacións do tren, nos aeroportos, na rúa…?

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

2005: baixa a produción editorial en galego

18 Marzo, 2006 (12:59) | Comercio do libro | 1 comment

Comezan a aparecer os primeiros datos oficiais que testemuñan o que xa viñemos expresando nos últimos meses: durante 2005 baixou a edición en galego. Con todos, os avances da estatística do ISBN son menos alarmantes que as estimacións publicadas polo INE (que só recollen o editado en galego en Galicia). En concreto, segundo os meus datos a edición en galego baixaría durante 2005 (en número de títulos) a penas o 1,2% (pasando de de 1849 a 1827 referencias); pola contra a produción editorial realizada en Galicia medraría o 5,8% (pasando de 2618 referencias a 2.770).
A expensas da depuración destes datos e do estudo definitivo da Federación de Gremios (os editores estamos proporcionando os datos este mes), a crise de crecemento do libro en galego editado polos editores galegos é un feito innegable: publícanse menos títulos en galego (o que en principio, se aumenta a calidade, pode ser mesmo positivo) e descenden as tiradas medias, o que expresa que chegamos a menos lectores. Pola contra, semellante fenómeno (canto menos polos datos do ISBN) non sucede co conxunto da edición realizada en Galicia que medra, feito só explicable polo crecemento da publicación noutras linguas (un certo tirón exportador pode estar producíndose, o que sería outro motivo de esperanza). Collamos, pois, os datos con cautela.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Magasins

25 Febreiro, 2006 (21:17) | Comercio do libro | 1 comment

Esta tarde estiven durante dúas horas nun hipermercado francés. Curado das incomodidades de acudir a un espazo comercial ateigado de xente, foi este un exercicio moi útil para enfrontarse coa crúa realidade social e cultural na que vivimos. Non atopei nin un só letreiro, reclamo nin etiqueta na nosa lingua, nin sequera nos escasísimos produtos galegos á venda (empanada, bica gallega, quesos de tetilla, tintos gallegos…), cualificados como “regionales”. Iso si, os altofalantes emitían, de cando en vez, patéticos reclamos para atopar aos pais dunha neniña perdida, nun español agalegado fonetica e sintacticamente que non melloraría o novo embaixador vaticano.
A sección de libros –presidida por un impresionante expositor do novo Harry Potter (“Oferta: 5% de desconto”, unha falsidade, xa que estes descontos son os que autoriza a Lei do libro para as vendas ao contado)– reduce a oferta editorial a unha lamentable enxurrada de produtos editoriais presumiblemente de “boa saída” (confesións de Mila Ximénez e outras marabillas do xénero de libro clines). Outrosí sucedía coa música (grande lanzamento de Manu Tenorio) ou coa rancia sección de DVDs da serie B.
O máis chamativo que atopei foi unha oferta de Tulipán (500 gramos) a 1,75 € coa que agasallaban un minidicionario de inglés. Foi a primeira vez que vin na miña vida un libro retractilado exposto nunha cámara refrigerada. Unha auténtica xenialidade do responsable de mercadotecnia para alixeirar almacén.
Nunca fun partidario de demonizar a ninguén, mais non podo evitar o noxo que me producen estes xigantes franceses da distribución. Os nosos responsables políticos deberían ser conscientes que cada vez que lles conceden unha autorización de apertura están autorizando, tamén, estas prácticas tan escasamente normalizadoras e respectuosas coa nosa identidade e coa formación dos nosos cidadáns.
Sendo rigorosos, tamén, hai que dicir que outras cadeas (neste caso con máis dificultades para poder conseguir unha licencia en Vigo ou na Coruña) teñen un comportamento digno coa nosa lingua e coa distribución dos nosos produtos. Queixámonos amargamente de que os mozos non falan galego, cando o futuro da política lingüística tamén se libra neste difícil terreo do urbanismo e do comercio.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Outro dato clave: 15%

2 Febreiro, 2006 (08:05) | Comercio do libro | 3 comments

Completando o post de onte, convén saber que o libro galego supuxo en 2004 só o 15% das vendas do libro realizadas en Galicia (22 millóns de euros de 144).
Noutras palabras de cada vinte persoas que entran nunha libraría só tres mercan un libro galego.
Mercamos poucos libros e aínda menos na lingua nosa. Queirámolo ou non, creámolo ou non (xa que hai comentaristas que semellan dubidalo), esta é a dimensión real do mercado do libro galego.
Non o esquezamos: 15% e 47 € son as nosas actuais medidas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O dato: 47 €

1 Febreiro, 2006 (22:12) | Comercio do libro | 7 comments

Ten moita razón Náufrago lamentando o escaso consumo de produtos culturais da poboación galega. Os datos presentados polo Ministerio de Cultura son contundentes: no ano 2004 cada galego gastou en cultura unha media de 160 €, moi lonxe da media estatal de 224 €. Un índice que nos sitúa nos tres últimos lugares entre as Comunidades Autónomas, superando só a Castela-León e Extremadura.

Os editores galegos xa botáramos esta conta no referente ao consumo de libros é o resultado é moi semellante. En 2004 cada galego gastou en libros unha media de 47 € (inclúense os libros de texto con só dous cursos de préstamo), mentres que a media española foi de 65 €; cifras que volven a colocar a Galicia entre as tres comunidades que menos gastan en libros por habitante. Outro dato a ter moi en conta é que o total das vendas de libros (a prezo de libraría) supuxo en Galicia 144 millóns de euros, un 5% das totais do Estado, cifra moi inferior á da nosa poboación (6,6%) ou a porcentaxe da achega do noso PIB (5,8%) ao do Estado. Se a estes 144 millóns lle quitamos os 40 que se gastan en libros de texto, quedamos cunha facturación de pouco máis de 100 millóns de euros para todo o mercado do libro non escolar. Noutras palabras, os galegos gastamos moitos menos en libros do que nos correspondería por poboación e por capacidade adquisitiva.
Dificilmente poderemos desenvolver un sector de edición competitivo e unha rede de librarías de cultura tupida e de calidade en Galicia cun mercado interior do libro tan perezoso (a pesar de contar con lingua propia) e raquítico. Ampliar este mercado, a base de lectores e lectoras, semella a prioridade da nosa política cultural. Sen apostar por cocer máis pan da cultura, o demais será seguir botando foguetes para a galería. Ou non?
Chuzame! A Facebook A Twitter

Un libro por galego

8 Agosto, 2005 (12:27) | Comercio do libro | 3 comments

Hoxe varios medios fanse eco dos datos do noso informe sobre a situación da edición en galego.

Actualización: 09-08: Galicia hoxe desprega máis información, recollendo a información que presentamos na roda de prensa do pasado 12 de xullo. Quedamos tan pampos como agradecidos.

Chuzame! A Facebook A Twitter