Category: Editores
8 Febreiro, 2012 (09:53) | Autores, Editores, Memoria, Narrativa, Vigo | 3 comments
José Ballesta, director e guionista dunha longometraxe documental de próxima estrea sobre Marcial Lafuente Estefanía, achegoume novos datos sobre a proeza da viguesa editorial Cíes. A editora de Eugenio Barrientos López, situada na Libraría Tetilla da rúa Elduayen, entre 1941 e 1958 desenvolveu un catálogo de arredor 1.500 títulos, estimándose que puido chegar a publicar SEIS MILLÓNS de exemplares das súas novelas populares de xénero romántico e de vaqueiros. Barrientos, un auténtico xenio da edición, aínda non recoñecido, foi o inventor en España, en 1945, do formato da novela de peto («bolsilibro») e dun curioso sistema de distribución por kioscos, no que tanto se vendían como se prestaban os libros. Foron as dúas coleccións de novelas de «pulp fiction» as de maior éxito de Cíes, tanto a primeira, «Biblioteca X» (200 títulos), como a segunda, «Rodeo» (800 títulos), nas que publicaron os seus dous principais novelistas : Marcial Lafuente Estefanía e Fidel Prado (un letrista notable de cuplés). Os libros de Cíes concebíanse en Vigo (onde MLE viviu e escribiu de 1943 a 1951), as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almaceniño de Elduayen onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se envían por correos. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra. Cíes solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España e anunciábase baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos». Sobre a experiencia de Cíes e sobre a apaixonante biografía da súa estrela, Marcial Lafuente Estefanía, volverá Ballesta nun libro que está escribindo. A memoria de Barrientos e MLE debe ser recuperada.
20 Xaneiro, 2012 (17:43) | Editores, Narrativa, Novidades, Onte | 1 comment
Hai tres meses recomendei Nada, unha noveliña xuvenil na que Janne Teller propoñía unha reflexión sobre a existencia de límites para o fanatismo. Onte, aproveitando as horas de espera en Barajas, merquei Ven, a súa recentísima novidade na que a narradora dinamarquesa volve a propoñer unha reflexión moral, desta volta sobre os límites existentes entre a ficción e a realidade. No avión mergulleime decontado nunha trama protagonizada por un editor que cando revisaba unha novela a piques de entrar en fabricación, coñece que está baseada nun feito real protagonizado por unha antiga amiga. Mentres prepara unha conferencia sobre a ética no sector editorial e na literatura, o editor debe decidir se publica ou non un texto, que sabe vai prexudicar a unha súa amiga, mais que, probablemente, por tratarse dunha obra dun autor moi coñecido, vai axudar ao éxito do seu negocio editorial. Máis alá de como Teller resolve finalmente o conflito, volvín gustar da capacidade de Teller para obrigarnos nas súas novelas de ideas a reflexionar sobre temas centrais da condición humana, neste caso sobre a existencia de límites éticos para o desenvolvemento das artes. Sei que a literatura, a pintura, a música, o cinema non son capaces de facer o mundo mellor, aínda que quizais contribúan a facelo máis valioso para a vida. Quizais aí resida a pegada destoutra interesante novela.
7 Xaneiro, 2012 (11:08) | Autores, Editores, Eventos, In memoriam, Onte | 4 comments
Estivemos nas exequias de Isaac, que se desenvolveron cun protocolo estritamente civil como correspondía ás conviccións laicas do finado, a pesar de que botei en falta nalgún dos momentos a presenza da bandeira republicana, unha das insignias da súa vida. Entre os varios centos de persoas que asistimos ao enterro foi moi gabado que os responsables do concello de Santiago, ademais de montar unha garda de honra no velorio, escollesen para Isaac un espazo de terra a carón do seu compañeiro Antón Fraguas, do poeta Aurelio Aguirre e do escritor Ramón María del Valle Inclán. Á entrada de Boisaca quedará para sempre un recanto da nosa memoria nacional, merecente de ser visitado por xeracións. Dous grandes amigos de vida foron os que alí, en nome do pobo galego, expresaron a derradeira laudatio. Entre outras moitas virtudes, Xosé Neira Vilas gabou «o escepticismo esperanzado de Isaac», unha actitude que axuda a enxergar o futuro. Pola súa banda o profesor Xesús Alonso Montero lembrou que «marcha o patrón de Galicia», un auténtico xigante que sempre reinvestíu as plusvalías de Sargadelos noutras empresas culturais ao servizo de Galicia. Ese espírito filantrópico, ese liderado construído sobre o traballo arreo, esa vontade de resistencia até o derradeiro salaio son outras das herdanzas que nos deixa Isaac, con que nos solidarizamos.
6 Xaneiro, 2012 (09:53) | Artes Visuais, Autores, Editores, Ilustración, In memoriam, Onte | 3 comments
Isaac foi unha das persoas marabillosas que tiven a fortuna de coñecer grazas ao meu oficio de editor. Unha beizón. Admíroo como o noso Leonardo do século XX, como o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas de onte e de hoxe. A acollida que nos proporcionou, durante as dúas edicións nas que celebramos os Premios Xerais no IGI de Santiago e na factoría do Castro en Sada, forma parte dos meus afectos. Dende entón, o privilexio de compartir a súa mesa ou apenas un cafeciño no IGI era o mellor agasallo que eu podía recibir. Como editor foi moi afouto e xeneroso. Arriscou a publicar libros que ningún outro editor galego asumimos. Coa colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» abriu o proceso de recuperación da memoria republicana de Galicia; proxecto que ampliou a todo o Estado coa «Biblioteca del exilio». No entanto, por riba de calquera outra das súas facetas, este xigante ensinounos a cultura do abrazo. Os membros da Asociación Galega de Editores, da que é presidente de honra, nunca saberemos como agradecerlle a súa acollida nas instalacións do IGI en San Marcos, tras deixarnos o concello de Vigo portas a fóra. Durante mías de tres anos, as instalacións do IGI, o seu fogar, foi tamén o noso. Beizóns, Isaac. Querémoste.
A miña gratitude a Antón Pulido por enviarme este magnífico retrato de 1998.
6 Xaneiro, 2012 (09:31) | Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, Editores, In memoriam | 3 comments
Magoadamente o artigo da semana en Faro de Vigo é a nosa humilde homenaxe ao benquerido Isaac Díaz Pardo
“Eu non fixen nada” era a frase preferida por Isaac Díaz Pardo para expresar a súa gratitude en tantas das homenaxes que recibíu no derradeiro treito da súa vida. Esa humildade, lonxe de calquera figura retórica, formaba parte esencial da personalidade deste “xigante comprimido”, como o definíu o seu amigo Valentín Paz Andrade, deste home de ollada penetrante e de enerxía concentrada capaz de encabezar o proceso modernizador de Galicia durante máis de sete décadas.
Co seu pasamento e tras unha vida plena, Galicia perde ao seu Leonardo do século XX, a ese artista contemporáneo total (pintor, deseñador, grafista e ceramista). A ese empresario modernizador, capaz de acrisolar unha marca e un estilo de facer e comunicar uns produtos tan desexados como valorados polos seus clientes. A ese político sen partido, republicán e galeguista, militante da causa da liberdade da cidadanía galega e da humanidade enteira. A ese soñador pragmático, a ese editor eficiente, paciente e comprometido, a ese investigador da cronoloxía de Galicia, a ese fotógrafo afeccionado compulsivo. Mais e sobre todo, perdemos a ese ser humano agarimeiro que fixo da cultura da acollida o primeiro sinal de identidade das empresas nas que participou.
Formado como cartelista no estudio do seu pai, con apenas dezaseis anos, fixo aqueles carteis a prol do Estatuto asinados como Xalo. Proeza que culminou cando fixo falar, por vez primeira, as pedras de Galicia, ás da Praza do Obradoiro, pintando sobre elas: “SI” ao Estatuto de Galicia. Tras as labaradas destrutoras do alzamento militar e a onda de violencia que acabou coa vida do seu pai, Camilo Díaz Baliño, cuneteado nun foxo de Palas de Rei no nefasto agosto do 36, naquel período dificil e de enorme miseria intelectual da Galicia da década dos corenta desenvolveu unha traxectoria artística exitosa como pintor. Tras formarse na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, tivo os seus contactos iniciais co deseño industrial da man de Carlos Sáinz de Tejada. Logo viaxou a Siena, Florencia e Roma para enchouparse dos mestres renacentistas e a Londres, onde expuso con repercusión notable os seus óleos e entrou en contacto con algúns desterrados republicanos españois, como Luis Cernuda.
Probablemente, foi aquel contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e cando asumíu a súa condición de artista contemporáneo. Foi o tempo no que xermolou a súa idea bahausiana, arrebatadamente moderna, de que o seu proxecto creativo debía abranguer unha pluralidade de linguaxes, privilexiando a relación coa industria, sen que isto excluíse o seu compromiso social e comunitario. Isaac constituíase, así, hai sesenta anos nun enxeñeiro de futuro que concibíu, igual que os seus admirados Seoane e Castelao, unha Galicia proxectada no mundo do seu tempo, mais sempre disposta a recuperar a súa memoria roubada. Velaí como se forxou o proxecto intelectual, empresarial e cultural –tres termos para el inseparables– dun dos heroes da Galicia contemporánea: o pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.
Desa complexa determinación saíron os proxectos empresariais aos que Díaz Pardo entregou a vida até o seu alento derradeiro: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina, Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseñaba a súa compañeira Minina ou nunha escultura da serie de Alba de Gloria.
Home de presenza livián e silenciosa, Isaac traballou arreo como primeiro responsable empresarial, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro –onde publicou esa extraordinaria colección “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, coa que se abriu a recuperación da memoria republicana de Galicia–, como membro de patronatos e fundacións múltiples –entre elas a do Museo do Pobo Galego, da que foi un activo promotor–; como articulista semanal aceirado e crítico. En todas estas actividades, Isaac loitou contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el foi garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.
Déixanos en herdanza a súa memoria de ferro, forxada tras un percorrido vital recollido no arquivo legado á Cidade da Cultura, imprescindible para entender a historia da Galicia recente. Déixanos, sobre todo, a súa pegada humana, a máis decisiva. A do seu espírito retranqueiro e piadoso que acuñou frases memorables: “Que bonito país e que carallo de xente”. A da súa cultura do abrazo, fixada no peche das súas cartas, tan brillante como emotivo: “Apretas tensas”.
19 Decembro, 2011 (07:50) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Edición, Editores, Educación, Lingua | 1 comment
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a resolución do Valedor do Pobo sobre un libro de texto de Coñcemento do Medio.
A resolución do Valedor do Pobo relativa a un expediente de queixa sobre o contido dun libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de Primaria, presentada por un político vigués, constitúe un grave erro pedagóxico, ademais de pór en evidencia o desamparo no que se atopa todo o referido ao uso, o estatus e mesmo a aprendizaxe de e sobre a lingua galega no actual sistema educativo non universitario. Outra desfeita de consecuencias educativas nefastas provocada por parte daqueles sectores políticos que de forma máis ou menos explícita pretenden erradicar a presenza do galego en todos os ámbitos da sociedade. Sectores galegófobos que se desentenden do noso actual marco de convivencia –baseado nos consensos amplísimos forxados e actualizados durante tres décadas arredor do estatus da lingua galega– recollido tanto no Estatuto de Autonomía do 81 como na Lei de Normalización Lingüística de 1983.
A pesar de que a maior parte desta resolución do Valedor do Pobo se ocupa de cuestións de lexislación educativa, referidas a autonomía do profesorado e dos centros na elección dos recursos didácticos e no papel da Administración Educativa na súa supervisión, a cerna do erro desta resolución reside en admitir sen xustificación ningunha que este libro de texto recolle un “contido incompleto sobre a regulación Estatutaria das linguas oficiais en Galicia”. Valoración determinante que descoñecemos se é froito do informe que sobre a queixa subscribiu o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellaría de Educación ou do criterio dos redactores da resolución, tras a súa investigación sumarial e informal. En todo caso, abonda con lermos devagariño e con criterio didáctico as catorce páxinas da magnífica unidade didáctica dedicada a “O Goberno de Galicia”, incluída no libro de texto da editorial Vicens Vives obxecto da polémica, para decatármonos que por ningures existe un tratamento incompleto dos contidos curriculares establecidos para este nivel do terceiro ciclo de Primaria no referido ás institucións de goberno de Galicia, ao Estatuto de Autonomía ou aos símbolos de Galicia no marco establecido pola Constitución española para o Estado Autonómico. Para maior abondamento, se alguén pode albiscar algunha dúbida, na terceira páxina da unidade lémbrase nun recadro superior: “A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España”, sendo “a lingua oficial única en 11 Comunidades Autónomas e en Ceuta e Melilla. Nas demais comunidades, segundo dispoñen os seus Estatutos de Autonomía, existe outra lingua oficial: O galego é a lingua oficial de Galicia…”
Semella que para os redactores da resolución do Valedor do Pobo, non abonda que na escolma de artigos do Estatuto de Autonomía (un texto de 57 artigos) recollida na cuarta páxina da unidade deste libro de texto só aparecesen os tres apartados do primeiro artigo e o primeiro do quinto (o xa famoso 5.1), aquel que reza “A lingua propia de Galicia é o galego”. Aí nesa liña semella estar a cerna da queixa e de resolución tan errada como inoportuna, nesta afirmación que expresa o carácter do idioma galego como patrimonio colectivo e primeiro lazo de cidadanía, que vincula a todos os cidadáns da Comunidade Autónoma Galega, tanto aos que o falan decote como aqueloutros que non o fan, propio tanto dos que aquí naceron como aqueloutros que viñeron a Galicia a construír o seu futuro e o das súas familias. Esa afirmación do galego como lingua de encontro da cidadanía (un contido de carácter axiolóxico, que desenvolve a competencia social e cidadá, presente tamén no currículo do nivel) queda perfectamente abordada no libro de texto que o Valedor recomenda á Consellaría de Educación “non sexa utilizado, en tanto o seu texto non sexa corrixido”. Afirmación –a lingua propia de Galicia é o galego– que na mesma tarde na que se coñeceu a resolución oín nun acto público dos beizos do actual conselleiro de Educación e dun maxistrado do Tribunal Supremo. Cal é a razon que non poida aparecer como tal nun libro de texto de Educación Primaria?
Non deixa de ser sarcástico que nesta unidade didáctica apareza outro recadro que reza do seguinte teor: “A misión principal do Valedor do Pobo consiste en recoller as queixas dos cidadáns e cidadás sobre as posibles violacións dos seus dereitos e liberdades por parte da Administración”. Quen ampara aos cidadáns das resolucións erradas do Valedor do Pobo como esta, cando o seu criterio ademais é seguido pola Xunta de Galicia? Quen ampara aos cidadáns que queremos facer uso dos nosos dereitos lingüísticos e utilizar o galego en todos os ámbitos da vida social? Achegándonos aos días de Nadal, non está de máis que desexemos que sexa a estrela dos afectos a que guíe a lingua galega, unha luz que a todos e todas une.
14 Novembro, 2011 (16:37) | Age, Edición, Editores | 36 comments
Reproducimos o interesantísimo texto de conclusións do Simposio O Libro e a Lectura celebrada arredor do tema «A propiedade intelectual e a sociedade dixital»:
“Ao remate do VIII Simposio do Libro e a Lectura, centrado este ano no tema “A propiedade intelectual na sociedade dixital”, a Asociación Galega de Editores (AGE) quere facer públicas as seguintes conclusións:
1. En primeiro lugar, valoramos moi positivamente o debate plural e diverso das voces que nos acompañaron durante estes dous días para falar dun tema clave para a industrai editorial: a propiedade intelectual na sociedade dixital, facendo nosas as aportacións dos nosos convidados e convidadas.
2. O sector do libro galego é consciente de que nos adentramos aceleradamente nunha sociedade inequivocamente dixital, sociedade que supón cambios de paradigmas para a industria cultural, que transforma os hábitos de acceso ao coñecemento, á información, e crea novas formas de relación co libro e a lectura e, sobre todo, pon en valor novos xeitos de editar e comercializar, distribuír e comunicar o libro.
3. A edición galega debe facer un esforzo por asumir e entender as transformacións que a sociedade dixital propulsa, adaptándose ás súas demandas e respondendo con solvencia aos seus retos, entre os que un novo xeito de entender a propiedade intelectual constitúe unha tarefa primorcial.
4. Tal e como manifestamos no VI Simposio, dedicado ao libro dixital, desde a AGE vemos a necesidade de desenvolver fórmulas que garantan os lexítimos dereitos da propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, e queremos facelo consensuadamente e sen lesionar os dereitos dos usuarios, favorecendo de xeito especial o dereito á nova educación líquida que responde a un novo tempo.
5. Os editores somos os primeiros interesados atopar o xusto equilibro entre a divulgación da cultura, que é o que dota de sentido o noso traballo, e o dereito á retribución que garante a propiedade intelectual. Nese sentido, os editores galegos demandamos aos responsables políticos a urxente elaboración dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde cos usos e necesidades que dicta a sociedade dixital.
6. Na nova sociedade dixital, cada editor ten dereito a elixir o seu propio modelo de negocio con respecto á xestión da propiedade intelectual, e a coexistencia de modelos diferentes non é excluínte senón enriquecedora.
7. Todo o sector do libro debe traballar conxuntamente para transmitirlle á sociedade unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital, e entendendo que non é posible solucionar os problemas que se plantexan sen un pacto que implique a todas as políticas culturais.
8. A AGE desexa mostrar publicamente o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e a Lectura, así como a todos os convidados nesta VIII edición, aos que parabenizamos pola súa magníficia disposición. O próximo ano estaremos novamente nesta cita xa ineludible para os profesionais do sector do libro en Galicia.
AGE, Compostela, 11 de novembro de 2011
31 Outubro, 2011 (10:31) | Editores, Lectura, Onte | 15 comments
19 Outubro, 2011 (07:15) | Edición, Editores, Eventos, Lectura, Libro, Onte | 42 comments
Con motivo da intervención que realicei no foro Conexões estimei, a partir dos estudos de Comercio Interior do Libro e da Panorámica da Edición, que en 2010 se venderon en Galicia 7.696.102 libros (si, máis de sete millóns), o que supón que a cada habitante do país noso lle corresponde 2,81. Esta porcentaxe de libros vendidos por habitante é un dos indicadores que se utiliza decote para comparar o esforzo en lectura realizado por cada sociedade. Seguindo por ese fío e sabendo que no Brasil esa taxa foi en 2009 de 2,21, estimei que no caso galego a cifra baixa a 1,68, se non computamos os libros de texto (que supuxeron en 2010 o 40% do mercado) e no brasileiro o 1,21. Quizais esas dúas cifras (2,81 e 1,68) non digan moito, se non as comparamos con outras dos noso entorno. Así, a taxa en Cataluña de libros vendidos por habitante é de 4,14 e en Euskadi do 4,00. Aí nesa diferenza estatística, apenas máis dun libro por habitante (máis de tres millóns de exemplares), nese déficit de lectura, quizais radique a desavantaxe competitiva que vimos arrastrando con cataláns e vascos. Non o esquezamos, a lectura e a compra de libros son un factor de competitividade.
Nota: Brasil vende 450 millóns de libros anos; Cataluña: 30; Euskadi: 8,5 e Galicia 7,6.
17 Outubro, 2011 (08:48) | Edición, Editores, Onte | 32 comments
Ocupei boa parte da tarde en traballar os datos da edición en Galicia no ano 2010, a partir do informe do ISBN. Como amosei na anotación que preparei onte e naqueloutra da pasada semana sobre o Comercio Interior do Libro, a edición en galego, no difícil entorno das crises e dos tránsitos, goza dunha mala sáude de ferro. Non hai dúbida que constitúe un feito alarmante a perda de facturación, rendabilidade e emprego do sector o pasado ano, en boa medida por mor dos efectos durísimo do Decreto de Plurilingüismo que reduce o mercado do libro de texto en galego, un subsector vital para a nosa actividade. Mais tamén é certo, aí están os datos, que continuamos editando con pulo, mesmo máis títulos, e comezamos un tránsito decidido cara a edición dixital. Como continúa sendo moi esperanzador o apoio que reciben os libros en galego en eidos tan difíciles como a Narrativa para persoas adultas, a non ficción e os libros de divulgación, como o Gastronomía, sometidos a durísima competencia no mercado cos seus homólogos en castelán. E isto sen contar case sen axudas públicas ningunhas, fóra da adquisición de novidades para bibliotecas da Consellaría de Cultura e Turismo e as insuficientes axudas para a tradución, agora de carácter trienal. Sabemos que o noso futuro inmediato pasa por conter esa hemorraxia do libro de texto, aumentar o perímetro da nosa sociedade lectora e incorporar ao sector ao proceso sistemático de dixitalización de cada un dos seus fondos. Moita faena, si señor.
16 Outubro, 2011 (18:15) | Edición, Editores | 6 comments
Os datos achegados pola Panorámica de la edición española de libros 2010, publicación do Ministerio de Cultura, a partir das referencias de ISBN, xunto aos proporcionados polo estudo de Comercio Interior do Libro, axudan a diagnosticar o estade saúde do sector da edición en galego. Tras desagregar os datos e incorporalos ás series estatísticas (pdf), que vimos elebrando dende hai máis dunha década, chegamos ás seguintes conclusións:
- A EDICIÓN EN GALICIA ACADA EN 2010 O MAIOR NÚMERO DE REFERENCIAS DE ISBN DA SÚA HISTORIA: 4.754. Outrosí sucede coas obras editadas en galego: 2.544. En ambos os dous casos prodúcese un crecemento interanual importante, o 16,83%, no primeiro caso; e o 19,94% no da edición en galego. 2010 supuxo para a edición en Galicia a continuidade da súa progresión constante ao longo da primeira década de 2000; mentres que para a edición en galego, aparentemente, a recuperación do retroceso que tivera en 2009, recuperando as cifras de 2008, o mellor ano da súa historia.
- A EDICIÓN EN GALEGO PERDE PESO CON RESPECTO Á EDICIÓN EN CASTELÁN REALIZADA EN GALICIA. En 2010 consolídase unha tendencia á baixa, iniciada en 2005, que sitúa ao libro en galego como o 42,59% das referencias de ISBN editadas en Galicia. Mantense, así mesmo, a porcentaxe de arredor do 20% para o libro en galego editado fóra de Galicia, fundamentalmente libro de texto, por editoras radicadas en Madrid e Barcelona.
- A EDICIÓN PÚBLICA EN GALEGO DIMINÚE ATÉ NIVEIS HISTÓRICOS DO 9,8%, a pesar de aumentar en 2010, grazas ao importante incremento do número de referencias dos Servizos de Publicacións das tres universidades. A baixada da edición en galego da Xunta de Galicia en 2009 e 2010, con respecto ao foron as sús cifras habituais, ao longo das dús décadas anteriores, foi moi relevante.
- A EDICIÓN EN GALEGO CONTINÚA TENDO UNHA BAIXA PORCENTAXE DE REEDICIÓNS E REIMPRESIÓNS, en 2010 apenas o 12,03%.
- A EDICIÓN EN GALEGO NOUTROS SOPORTES, DIFERENTES AO PAPEL, AUMENTA DE FORMA ESPECTACULAR DENDE 2008, supoñendo en 2010 xa o 8,56% das referencias de ISBN. Un efecto, sen dúbida, do inicio do proceso de dixitalización que explica, ademais, parte do incremento das referencias totais.
- A OBRA TRADUCIDA CONSOLÍDASE NO 20% DA OFERTA EDITORIAL EN GALEGO, achegándose á porcentaxe doutros sistemas do noso entorno editorial e acadando en 2010 un 23,90%, un dos seus máximos históricos. Porén, o decepcionante é o feito de que sexa o castelán a lingua da que se traducen o 60,69% dos títulos, sendo os libros de texto (26,5%) e os títulos de LIX (30,5%) os máis traducidos.
- A EDICIÓN EN GALEGO A NIVEL TEMÁTICO CONSOLIDÁSE COMO UNHA OFERTA CON CATRO EIXOS. Así en 2010 a Literatura Infantil e Xuvenil supuxo o 21,62% das referencias, o Libro de Texto o 25,39%, a Literatura o 26,81% e a edición de referencia e divulgación o 26,18%. deste xeito a oferta vencellada ao sistema educativo diminúe a súa participación por baixo da metade, o que constitúe unha importante novidade.
- A EDICIÓN EN LINGUA GALEGA, NOS TRES ÚLTIMOS ANOS, TEN UN COMPORTAMENTO MÁIS ESTABLE QUE A EDICIÓN EN CATALÁN E ÉUSCARO, que diminúen nese período.
- A EDICIÓN EN LINGUA GALEGA CONSOLIDOU O SEU CATÁLOGO AO LONGO DA DÉCADA DE 2000, na que publicou o 56,67% dos títulos de toda a súa historia.
- A OFERTA DE TÍTULOS EN LINGUA GALEGA EN RELACIÓN AO NÚMERO DE HABITANTES DE GALICIA AÍNDA É MOI INFERIOR Á QUE SE OFRECE EN CATALÁN EN CATALUÑA, aínda que xa semellante á oferta en éuscaro para Euskadi.
Este panorama da edición de 2010 en galego quedou moi determinado pola regularización de inscricións, non efectuadas en anos anteriores, por Edicións A Nosa Terra, editora que encabeza, por vez primeira, o ranquin da edición en galego. Estimamos que esta regularización puido supoñer un incremento de 150 referencias, o que obrigaría a reconsiderar os valores reais do crecemento total. Cremos que o medre da edición dos servizos de publicacións das universidades (aumenta en 132 referencias sobre 2009), así como o da edición literaria dixital, con mais de medio cento, explican o salto estatístico de 2010.
Tamén son significativos os retrocesos consecutivos interanuais da edición de Libro de texto, do 17,13% en 2009 e do 16,53% en 2010, motivados pola nova política lingüistica da Xunta de Galicia; un fenómeno que se produce por vez primeira, ao longo das dúas últimas décadas, que de continuar a un ritmo semellante podería ter consecuencias de auténtica catrástrofe para o sector. Porén, o crecemento constante do sector da LIX e da edición literaria, neste caso provocado polo proceso de dixitalización, son outras tendencias identificables durante o mesmo período.
14 Outubro, 2011 (00:36) | Axentes_literarios, Editores, Libro, Libro_electrónico, Onte, Promoción do libro | 11 comments
A pesar do escaso tempo do que dispoñemos, a visita ao hall 8 é obrigada. Os interminables corredores onde se presenta a edición de fala inglesa son o máis concorrido da feira, no que se refire a visitantes profesionais. A oferta dos editores do Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Canadá, Australia, Israel e outros non ingleses falantes, mais que teñen a súa sede social nalgúns destes estados, polo seu carácter anticipatorio e pola primacía da edición en inglés, foi sempre a miña preferida para tratar de identificar algunhas das tendencias polas que pode discorrer a edición internacional no futuro inmediato. Co perigo evidente de equivocarme, polo que vin, preguntei e anotei, arrisco a recoller este decálogo de tendencias da edición nun entorno de tránsito entre paradigmas.
- O LIBRO IMPRESO CONSERVARÁ O SEU PULO. Nunca vin tantos libros fermosos xuntos. O libro ilustrado -sexa de arte, fotografía ou divulgación- recupera a súa primacía. Semella que serán os libros impresos máis coidados, mellor deseñados e cos materiais máis axeitados os que teñan maiores posibilidades de constituírse en alternativa aos formatos dixitais. Quizais, paradoxicamente, a fotografía sexa para o papel, como os grandes libros de arte, eis ese extraordinario The Art Museum, convertidos en fetiche para caprichosos bibliófilos. Outrosí sucede cos de cociña, algúns de fasquía marabillosa como o de Ferrán Adriá, The Family Meal, un libro que presenta de forma hiperminuciosa o proceso de cada receita, foto a foto.
- AMAZON, APPLE E GOOGLE ACAPARARÁN A DISTRIBUCIÓN DOS E-BOOK. Os tres xigantes estadounidenses entrarán no noso mercado, xa este nadal, para implantar o seu modelo de comercialización de e-books, en base a formatos pechados e protección propia (os dous primeiros) e compra a un clic (por parte dos tres). Os modelos europeos alternativos semellan conducidos ao fracaso. Semella resolta a carreira dos aparellos. Apenas hai novidades, fóra da consolidación da oferta diversificada de Kindle e das taboíñas xa coñecida. O papel dos teléfonos como soportes de lectura, tamén, semella indiscutible.
- A OFERTA EDITORIAL EDUCATIVA SERÁ HÍBRIDA: IMPRESA E DIXITAL. Os libros de texto preséntanse en formato de edición estendida, en papel e con contidos dixitais de carácter interactivo. O Encerado Dixital Interactivo (EDI) convértese na ferramenta didáctica principal da aula. A elaboración dos contidos dixitais educativos é probable que quede en mans dos actuais editores de texto.
- AS APLICACIÓNS INTERACTIVAS GAÑARÁN ESPAZO NA EDICIÓN DE DIVULGACIÓN E DE REFERENCIA. O caso da proliferación de apps para Ipad de guías de viaxe é moi significativa, sobre todo pola súa posibilidade de xeolocalización. Outrosí sucede con aqueloutras nas que se emprega a realidade aumentada.
- OS AUDIOLIBROS MEDRARÁN DE FORMA NATURAL COMO UN DESENVOLVEMENTO MÁIS DO LIBRO DIXITAL. Os e-book gañarán en interactividade e multimodalidade. Libros para ler e/ou escoitar.
- AS AXENCIAS ADQUIRIRÁN MAIOR PESO DEBIDO AO PROCESO DE CONCENTRACIÓN E TRASNACIONALIZACIÓN QUE ESTÁN VIVINDO. O caso da The Wylie Agency, a que representa a utores como Calvino, Borges, Philip Roth, Bob Dylan ou Antonio Muñoz Molina, é un modelo a ter moi en conta. A negociación de dereitos dixitais de carácter global e os de adaptación cinematográfica impulsará este proceso.
- AS LITERATURAS VENDERANSE POLAS SÚAS TRADUCIÓNS. O caso da exitosa experiencia da “Ireland Literature Exchange”, así o demostra. Presentar o catálogo de obras traducidas é o mellor aval para proxectar unha obra, un autor ou unha literatura nacional.
- A IMAXE DE MARCA DE PRESTIXIO CONTINUARÁ SENDO MOI RENDIBLE. Os casos de Penguin e Moleskine demostran que a marca achega un grande valor engadido, sexa no deseño de novos produtos impresos ou dixitais (cada vez máis diversificados e persoalizados), como (e esta é a novidade) a doutros sectores alleos á edición. Penguin presenta nesta feira louza coa imaxe das súas primeiras coleccións; Moleskine, unha liña de bolsos de coiro. As posibilidades quedan abertas.
- O IPHONE E O IPAD SERÁN O TELÉFONO E A TABOÍÑA PREFERIDA POLOS EDITORES. Fóra da discusión sobre o futuro do libro impreso ou sobre as posibilidades dos e-readers de tinta dixital, os editores semellan apostar de xeito abrumador polos produtos de Apple.
- AS EDITORAS INGLESAS CONTINUARÁN APOSTANDO POLO EMPREGO DO NEGRO SEVERO NO SEU VESTIARIO. Unha tendencia que se mantén inalterable dende hai dúas décadas. Un signo de permanencia neste proceso profundo de mudanza que vivimos.
13 Outubro, 2011 (06:25) | Comercio do libro, Edición, Editores | 14 comments
O estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010, confeccionado cos datos achegados por unha mostra de 28 das 45 empresas pertencentes á Asociación Galega de Editores, ofrece unha panorámica completa do sector no pasado ano. Na nosa opinión, tres son os datos máis significativos ofrecidos: o emprego no sector diminuíu un 20% de 2008 a 2010; a edición aumentou un 8,2% no número de títulos e o 27,1% no de exemplares; a facturación diminuíu de 2009 a 2010 nun 8%.
EMPREGO
249 son os traballadores do sector. A diminución de emprego agudizouse en 2010, ano no que se perderon o 14% dos empregos directos e se reduciu case á metade o número de colaboradores profesionais externos. Froito da concentración e da externalización é a actividade comercial a que en 2010 reduce máis o emprego (18,8%).
EDICIÓN
En 2010 a edición privada aumentou en Galicia o número de títulos publicados, chegando aos 2.115, dos que 1.556 foron en galego (74%), 520 en castelán (24,6%) e 27 noutras linguas (1,4%). Outrosí sucedeu coa edición en galego que chegou aos 2.028 títulos -o que supuxo un aumento do 22,33%-, dos que 1.566 foron publicados por editores galegos (77,2%), 320 por membros da Asociación de Editores de Madrid (15,8%) e 139 polo Gremio de Editores de Cataluña (6,8%). É de salientar que o libro en galego sitúase por diante do editado en éuscaro (1.446 títulos), aínda que moi lonxe dos publicados en catalán (10.287), que continúan co seu crecemento espectacular.
O incremento de títulos editados en Galicia ten o seu correlato no aumento do número de exemplares. En 2010, os editores privados galegos fabricaron 3.361.000 libros, o que supón un crecemento do 27,1%, así como da tirada media, que se sitúa en 1.589 exemplares por título. Este aumento da edición reflítese no catálogo vivo dos membros da AGE que acadou os 13.269 títulos.
Con respecto ao volume de edición por materias é moi significativo o crecemento dos títulos de “Divulgación”, que pasan de 41 a 203, como tamén do seu número de exemplares fabricados, que aumenta de 87.000 a 414.000, cifras que explican, en boa medida, o crecemento do conxunto da edición do sector neste período.
A edición literaria en Galicia mantivo en 2010 os seus parámetros anteriores, supoñendo o 21% dos títulos e o 23,5% dos exemplares. É significativo o aumento da edición de Narrativa, tanto en títulos (297 en total), como en exemplares (que superán o medio millón); baixando pola contra o volume de edición de poesía e teatro, de forma importante. A Literatura Infantil e Xuvenil aumentou lixeiramente o seus títulos até chegar aos 491 (23,2%) e, tamén, os exemplares fabricados, 705.000 (21% do total). Pola contra, a edición de libro de texto baixa, tanto en número de títulos -pasa de 582 a 491 (23,2%)- como de exemplares producidos, 898.000 (26,7%).
FACTURACIÓN
En 2010, a facturación dos editores privados galegos acadou os 30,97 millóns de euros, o que supón unha diminución do 8%, próxima ao 7% do conxunto do sector en España e inferior ao do Gremio de Editores de Cataluña (9,7%). Esta facturación supón o 1,1% do mercado interior do libro en España (2.890 millóns de euros) e do 19,85 do mercado do libro en Galicia (156 millóns de euros). O 61,6% véndese no segundo semestre, o que amosa a forte dependencia do libro de texto, que con 12,48 millóns supón o 40,3%, a pesar de diminuír nun 18,64%, sen dúbida, froito do impacto do primeiro curso de implantación do Decreto de Plurilingüismo.
A Literatura con 5,17 millóns de euros supuxo o 16,17% do mercado, aumentando un 17% con respecto a 2009. É significativa a subida da Narrativa, que acada unha facturación de 3,5 millóns (un 11,3% da facturación dos editores galegos) e dos títulos literarios de non ficción, un millón de euros (3,2% do mercado total). A Literatura Infantil e Xuvenil supuxo 5,6 millóns (18,2%), incrementando a súa facturación nun 15%. En total, o sector da edición literaria facturou 10,77 millóns de euros, que supón o 34,76% do mercado total, incrementándose con respecto a 2009 arredor dun 15%. En definitiva, o incremento significativo da venda da edición literaria foi incapaz de compensar o impacto negativo provocado pola implantación do Decreto de Plurilingüismo sobre a venda do libro de texto.
Por último, con respecto ás canles de distribución, as librarías e as cadeas de librarías facturaron 18,49 millóns de euros, o que supón o 59,70% do total, unha porcentaxe superior ao conxunto do sector en españa (51,8%). É significativo que durante 2010, diminuíse en Galicia a facturación en hipermercados e empresas e institucións públicas.
Mágoa que non contemos, aínda, cos datos desagregados da edición en galego, o que axudaría a perfilar mellor a situación actual do sector no entorno da crise.
27 Setembro, 2011 (06:55) | Brasil, Editores, Eventos, Onte | No comments
Na primeira das catro magníficas sesións da Conferencia Internacional do Libro, Vicente Paz, o responsable de Leya de Brasil, ditou unha completa lección sobre a situación do sector editorial no Brasil e as posibilidades que supón para o sector editorial galego. O noso editor emigrante, quizais, tamén, o noso editor máis internacional, apenas era coñecido polos seus colegas galegos. Onte abriunos unha esperanzadora xanela sobre a industrial editorial do país que representa o 80% da poboación lusófona do mundo. Deixounos a súa presentación, completísima en datos e reflexións, que axiña poderá ser descargada dende o espazo web do Clúster da edición, librarías e comercialización.
24 Setembro, 2011 (08:19) | Editores, Medios, Onte | No comments
A liquidación xudicial da empresa Promocións Culturais Galegas leva á desaparición do proxecto do semanario A Nosa Terra e do seu diario dixital, así como á dunha das editoras de referencia e máis dinámicas na cultura literaria galega das tres últimas décadas. Na miña historia persoal permanecerá sempre a lembranza que foi nun dos primeiros números do semanario, na etapa na que foi dirixido por Margarita Ledo Andión, onde publicamos o noso primeiro artigo; como a inmensa gratitude para as persoas que termando daquel proxecto tanto nos axudaron a promover o noso, Afonso, Manolo, Pepe, Xan, César, Horacio, María… Quede como testemuño do meu afecto para todos eles aquela gabanza (pdf) que preparei en 2007, con motivo da homenaxe que durante A Noite da Edición rendimos dende a Asociación Galega de Editores a este proxecto centenario onte interrumpido. Até logo, compañeiros!
19 Setembro, 2011 (06:47) | Editores, Librarías, Libro, Onte | No comments
18 Setembro, 2011 (19:14) | Editores, Literatura infantil e xuvenil, Onte | No comments
Mergullado na preparación da identidade dixital da Fundación dos Premios da Crítica Galicia –no día quedou aberto blog e perfil de twitter– e na intervención que sobre o futuro do libro debo realizar o luns á tarde na illa de San Simón, só dispuxen dun par de horas para avanzar na lectura do orixinal dunha novela de fronteira, que me está engaiolando polo seu enfoque tan novidoso e arriscado. Unha historia bastante futurista dunha caída aos infernos e dun renacemento, unha narración inzada de cores e arrecendos a pigmentos, óleos e vernices. Inevitablemente, a medida que avanzo na novela, venme á cabeza a experiencia semellante da lectura inicial d’ A sombra cazadora de Suso de Toro ou de Eu son lenda, a obra de Matheson, que tantas veces me ten recomendado publicar Agustín. Estas horas de lectura –sobre todo cando comezas a convencerte, como a min me está a suceder esta fin de semana, de que estás descubrindo un texto moi interesante e perdurable– son os momentos de maior plenitude do oficio do editor. Son as nosas horas máis felices.
31 Xullo, 2011 (09:14) | Artigos_Xornal.com, Cultura, Edición, Editores, Educación, Entrevistas, Goberno Feijoo, Lectura, Política | 3 comments
Non sei como debeo agradecer a Xornal de Galicia a deferencia de ter organizado un Café de redacción comigo. Máis aínda cando estiven acompañado por xenerosos amigos de meu como Camilo Nogueira, Xabier DoCampo, Manuel M. Barreiro e Óscar Sánchez e de catro profesionais do xornal como a directora María Val, o subdirector Xabier Blanco, o responsable de Cultura Iago Martínez e a fotógrafa Sonia Daponte.
A eles oito a miña maior gratitude polas dúas horas de conversa tan fluída e (permitídeme a inmodestia) interesante sobre cuestións de actualidade política, edición, lectura, lingua, educación e mesmo un pouco de fútbol en clave galega.
O traballo de transcrición e síntese, moi traballado por Iago Martínez, quedou magnífico. Eis os enlaces dos tres grandes apartados e o retrato de IM e o editorial do xornal («Entusiasmo nos malos tempos»):
11 Xullo, 2011 (06:53) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Editores, Lectura, Literacidade | 20 comments
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do Galeuscat de editores 2011 na illa de san Simón, reflexiono sobre o enfoque do fomento da lectura e o concepto de lectura cidadá.
Vinte editores galegos, vascos e cataláns, reunidos nas instalacións da illa de San Simón, debatemos durante a pasada fin de semana sobre as políticas de fomento da lectura e a visibilidade dos libros editados nas nosas respectivas linguas. Conmocionados pola “deslocalización” ou furto do “Codice calixtino”, o eixo dos debates e paneis de experiencias foi valorar a presenza da lectura na actual axenda pública, utilizada polas administracións, os medios de comunicación e as asociacións non gobernamentais.
Alén da necesidade de contar con políticas públicas integrais de apoio e promoción ás linguas propias, con atención preferente á utilización de modelos de inmersión lingüística nas etapas da educación obrigatoria, no marco do establecido pola “Carta Europea das Linguas Minoritarias”, os editores de Galeuscat coincidimos que no proceso de mudanza do paradigma da comunicación cultural a promoción da lectura debería ser considerada polos poderes públicos como unha das súas prioridades estratéxicas, tanto pola súa utilidade para facilitar o acceso da cidadanía á sociedade da información, polos valores cívicos de tolerancia e repecto á diversidade inherentes ao proceso lector, como polo aval que suporía para garantir os seus dereitos democráticos.
Como alternativa aos fermosos discursos que enxalzan os beneficios do goce dos textos literarios, utilizados como argumento primeiro na maioría das campañas institucionais de promoción da lectura, ábrese paso o da lectura cidadá. Un novo discurso baseado na consideración da lectura como competencia cívica imprescindible que precisan adquirir todos os cidadáns de todas as idades para participar e integrarse con éxito nun entorno social hibridado pola mediación da cultura dixital.
É un feito indiscutible que as nosas cidades e espazos públicos quedaron inzados de máquinas para ler e escribir das que xa non podemos prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Como tamén o é que vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde o noso devir cotián está marcado polas transaccións escritas realizadas sobre as pantallas dos nosos ordenadores, teléfonos, taboíñas dixitais ou sobre as pantallas interactivas ou táctiles dalgúns servizos publicos, pantallas ás que non son alleas as múltiples interferencias e a enxurrada de ruído (ese “spam” contaxioso) que confunde ou engana aos lectores menos experimentados. Sabemos que a utilización destas pantallas, a pesar de empregar recursos iconográficos e multimodais moi atractivos, pode ser moi dificultosa para lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais. Mais o cidadán contemporáneo será lector (sobre calquera tipo de soporte) ou non será cidadán, non hai posibilidade de escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassanny “se diversifican os artefactos letrados, os usos e as funcións da lectura”.
De xeito discreto a escritura e a lectura foron incrementando a súa relevancia como ferramenta mediadora, razón pola que é necesario que a sociedade nosa, en mudanza irreversible, se preocupe de melloralas para que ninguén se sinta inxustamente excluído. Neste contexto, onde a lectura é considerada unha competencia cidadá imprescindible e un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade, é esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencia abondas para acceder a toda clase de textos e hipertextos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como tamén adquire especial significatividade o papel dinamizador das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer a cidadáns de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer o papel dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. Esforzo ao que se incorporan o chamado “voluntariado para a lectura”, formado por membros de entidades privadas, como Espazo Lectura de Gondomar ou a Fundación Bromera da Comunidade Valenciana, que veñen demostrando a súa importante capacidade de mobilización das sociedades locais e dos grupos familiares por medio dos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociadas ao libro.
Este discurso da lectura cidadá obriga a redefinir o papel dos editores. Seleccionar os contidos textuais e hipertextuais dos máis diversos eidos para distribuilos en soportes diversos, dende os impresos aos dixitais, pasando pola edición expandida, semella que debería centrar o noso esforzo.
17 Maio, 2011 (06:42) | 17_de_maio, Editores, Internet, Lingua, Vigo | No comments
O alcalde de Vigo tivo a deferencia de encargarme a redacción do texto do Bando do Día das Letras Galegas.
Vigueses e viguesas:
A nosa cidade bicentenaria foi en 1963 berce do 17 de maio, o Día das Letras Galegas, unha efeméride creada pola Real Academia Galega a instancias de don Francisco Fernández del Riego, o noso insigne conveciño cuxo pasamento choramos hai uns meses. Unha data escollida para conmemorar o centenario da publicación en Vigo, na imprenta que Juan Compañel rexía na rúa Real, da edición príncipe de Cantares gallegos, o primeiro poemario en galego de Rosalía de Castro. En tempos moi difíciles, cando se negaban as nosas liberdades e o idioma galego carecía de calquera tipo de recoñecemento ou protección, aquela gozosa epifanía celebrada nos salóns da vella casa do concello da praza da Princesa para festexar a proeza rosaliana arraizou devagariño no noso pobo.
O 17 de maio é a festa maior da nosa lingua, da nosa literatura e da industria do libro galego. Hoxe corresponde homenaxear á figura de Lois Pereiro, ese poeta dono da palabra exacta, o poeta do amor resucitado que camiñou en silencio deitando a furia necesaria. Un poeta insurxente capaz de provocar nestes días un vento mobilizador de forza abonda para seducir aos lectores e lectoras máis novos, intensificando a presenza da poesía galega no conxunto da nosa sociedade. Un éxito colectivo do que todos sentimos fachenda e ao que todos responsabiliza na súa continuidade futura.
«Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra», escribiu Francisco Fernández del Riego para expresar o carácter dinámico, emprendedor, innovador que posúe a cidade nosa. Un pulo modernizador que nos levou a liderar os camiños do mar e do desenvolvemento industrial do noso país. Unha luz emprendedora que dende hai sesenta anos permitiu que editores como Xosé María Álvarez Blázquez, Xaime Illa Couto ou o xa citado Francisco Fernández del Riego tomasen a remuda de Compañel e convertesen a Vigo na actual capital editorial de Galicia. Un sector, o da edición, estratéxico para o país, como para a cidade de Vigo, tanto polo considerable nivel de emprego especializado que achega como polo seu papel fulcral para a mellora da calidade da educación, para contribuír ao incremento dos índices de lectura e para promover a proxección da lingua e da literatura galegas no mundo.
Ás portas do cincuentario daquela creación cultural anticipatoria da Real Academia Galega, a celebración deste punxente Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro coincide, ademais, co “Día de Internet” ou “Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información”, efeméride promovida pola ONU coa intención de achegar a toda a cidadanía os beneficios de Internet e das tecnoloxías da comunicación. Unha coincidencia ventureira para a nosa lingua que nesta súa xornada de festa primeira ten a oportunidade de vencellarse máis estreitamente coa innovación e coas mudanzas profundas introducidas polo modelo da comunicación cultural dixital e as utilidades do hipertexto. Porén, a indubidable vantaxe que para o galego supón camiñar da man de Internet, onde conta cunha presenza destacada, non pode facernos agochar que a nosa lingua vive un dos momentos máis decisivos e difíciles para o seu futuro.
É preciso aumentar o número de persoas que valoren este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis innovadora dos galegos e galegas nesta altura do século XXI. É necesario asumir a responsabilidade de considerar o galego como un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado e que debemos entregar á seguinte xeración en condicións óptimas. Cómpre desenvolver unha decidida acción positiva a prol do seu uso en todos os ámbitos da vida social, económica e institucional. É imprescindible recuperar coa maior urxencia o consenso forxado nas tres últimas décadas entre as forzas políticas e sociais arredor do estatus da lingua galega no sistema educativo non universitario. A nosa lingua precisa das maiores doses de agarimo e de entusiasmo por parte de todos e todas.
Lois Pereiro reclamou na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia, un lúcido ensaio sobre a esperanza, «o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente». Foi tamén Pereiro quen definiu a utopía como «a posibilidade de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños». O galego precisa do noso compromiso e dos nosos soños.
Chamo aos vigueses e viguesas a que cada un de vosoutros non renunciedes a traballar arreo a prol do futuro do galego, a que non desistades en utilizalo como o mellor abrazo que podemos ofrecer nas nosas comunicacións. Son moitos os verbos que podemos utilizar para contribuír a agrandar o seu futuro: falar, ler, escribir, abeizoar, agasallar, solicitar… en galego.
Vigo 17 de maio de 2011
O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez
Bando redactado por Manuel Bragado Rodríguez, director de Edicións Xerais de Galicia
14 Marzo, 2011 (07:56) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Editores, Premios, Vigo | No comments
Esta semana no artigo de Faro de Vigo, ao fío da homenaxe á edición histórica tributada polos membros da AGE na Noite da Edición, gabo o traballo da editorial Ir Indo e do seu editor Bieito Ledo Cabido.
O pasado sábado no transcurso da “Noite da Edición”, celebrada en Lugo, os membros da Asociación Galega de Editores rendemos homenaxe a Ir Indo edicións con motivo do vinte e cinco aniversario da súa fundación. Un recoñecemento merecido para a traxectoria e o catálogo desenvolvido por un dos proxectos editoriais sen os que non se podería entender a modernización da cultura e da edición galega contemporáneas, mais tamén unha mostra de admiración e agarimo cara a traxectoria de Bieito Ledo Cabido, o editor da aldea de Pedroso da parroquia de Abeleda no concello de Xunqueira de Ambía, afincado en Vigo dende hai case corenta anos, que encarnou tan importante travesía editorial.
A editora viguesa, instalada primeiro na rúa Torrecedeira e, máis tarde, na sede actual da avenida da Florida, coa intención de encher os baleiros editoriais existentes na cultura galega, artellou na súa historia un amplo catálogo (hoxe máis de medio milleiro de títulos) que abrangue dende a edición lexicográfica e enciclopédica (unha das actividades principais que a singularizou), pasando pola edición infantil e xuvenil, até a de narrativa, materiais didácticos e obras de referencia sobre o coñecemento do país. No entanto, foron até hoxe os dezaseis volumes da Enciclopedia Galega Universal o maior logro do equipo editorial de Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso, o seu primeiro colaborador e xerente do proxecto empresarial. A “EGU”, comezada a publicarse en 1999, é unha obra magna, extraordinaria, que constituíu a primeira visión completa do mundo feita en Galicia, en galego e dende a óptica de noso. Un fito senlleiro na edición galega, continuado en 2003 con semellantes criterios co Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU), como tamén o foron outras iniciativas da editorial, entre as que non se poden deixar de citar as series de libros fotográficos dedicadas ás cidades e vilas de Galicia ou a colección de biografías “Galegos na Historia” que continúa publicándose.
É difícil atopar un proxecto editorial máis identificado coa personalidade do seu editor, que o de Ir Indo creado por Bieito Ledo. O propio nome escollido para editorial –foi tamén o da libraría que o editor abriu nas galerías de Príncipe cando chegou a Vigo en 1975– expresa a teimosa paciencia de Bieito Ledo de percorrer en irmandade os vieiros todos dun país que se ama e ao que se pretende transformar dende o seu coñecemento máis profundo e detallado. Consciente de que “as ideas son as que xeran riqueza”, Bieito Ledo propón a tarefa colectiva de construír demoradamente o país dos galegos, con intelixencia, autoestima e confianza nas propias posibilidades, sabendo que existirán dificultades que poderán ser superadas con traballo duro e compartido. Neste difícil e ilusionante proxecto temos que saber gañarnos a nosa xente. Esa é a tarefa permanente de facer país. Esa foi a proposta vital que este emprendedor nato –así foi definido polo seu amigo o editor Víctor Freixanes– despregou na fantasía da súa editora, sempre comprometida en manter un diálogo permanente coas mudanzas da sociedade galega á que ofrece os seus servizos.
Mais tamén foi esa mesma ansia de facer país cos libros á que impregnou o seu traballo como xerente da editorial Galaxia durante os anos decisivos da transición, nos que promoveu a importantísima “Biblioteca Básica da Cultura Galega” e no que quedou para sempre inoculado do virus adictivo da edición. Un espírito aberto, inequivocamente cívico e galeguista, que o levou a crear espazos de encontro e amizade cando encabezou a renovación do Círculo Ourensán Vigués, cando creou os “Premios da Crítica Galicia” en 1978 ou cando participou na creación da Fundación Galicia-Empresa, entre outras moitas das súas angueiras polas que foi merecidamente recoñecido como “Vigués distinguido” en 2005 e como “Fillo predilecto de Xunqueira de Ambía” o ano seguinte, dúas condecoracións das que fachendea abertamente.
Por riba de todo, Bieito Ledo é un editor nato que acredita na idea de que son os libros, a lectura, o que máis nos axuda a medrar coma persoas. Foi o primeiro presidente da Asociación Galega de Editores contribuíndo nestoutra agra a sementar ese espírito gremial imprescindible para desenvolver un sector no que até entón existía escasa experiencia empresarial. E como editor do século XXI que é asume sen complexos a mudanza profunda que se está producindo no paradigma da comunicación cultural apostando por ofrecer os produtos enciclopédicos e lexicográficos da súa editorial na rede e promovendo a creación dunha plataforma editorial galega que distribúa ese tipo de contidos. As nosas beizóns para el e para o seu equipo editorial, agardando poder celebrar con eles outras vinte e cinco primaveras máis.
17 Febreiro, 2011 (22:51) | Edición, Editores, Recurso_didáctico | No comments
Na primeira sesión de docencia da materia «Edición e actividade editorial» do Máster de Edicion abordamos o que entendemos como a poética do editor, a sombra prudente do autor, comprometida cos seus lectores. Co traballo arredor do artigo de Andrea Palet, «Brevísimo manual para jóvenes editores», pretendemos reflexionar sobre cal é a responsabilidade para o editor no actual entorno de tránsito e mudanza do paradigma da comunicación cultural. Nunha recente entrevista, a xove editora chilena sinala coa súa habitual agudeza didáctica que «todo nun editor é práctica, vida e lectura». Un posicionamento que enlaza coa tradición máis clásica do noso oficio, acuñado por editores de lenda como Jaime Salinas, falecido non hai moito. Máis alá da mudanza do soporte ou das presións dificilmente soportables do mercado, o principal labor do editor é hermenéutica, comunicadora. A edición concibida, agora, como conversa multicanle establecida por persoas apaixonadamente curiosas e creativas.
20 Novembro, 2010 (09:29) | Age, Bibliotecas, Editores, Eventos, Lectura, Librarías, Libro, Recurso_didáctico | 3 comments
Rematou onte con grande éxito o intensísimo e emocionante simposio arredor do Fomento da Lectura organizado pola Asociación Galega de Editores. Polo seu indubidable interese recollemos o documento de conclusións. Un texto importante que pregamos sexa divulgado.
O FOMENTO DA LECTURA: UNHA NOVA FRONTEIRA PARA O LIBRO
1/ A lectura é unha actividade imprescindible para crear cidadáns libres, críticos e formados, e o seu fomento constitúe unha necesidade para romper as fronteiras que restrinxen o libro e a lectura e que non permiten que o seu acceso sexa un ben de carácter universal.
2/ O labor dos medidadores hoxe é máis necesario ca nunca e o seu papel debe ser valorado, reinvindicado, promocionado, escoitado e profesionalizado.
3/ É imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública (administracións, medios de comunicacións, programas políticos, etc) e adquira a notoriedade que lle corresponde nunha sociedade do século XXI.
4/ Para falar de fomento da lectura é fundamental entender o papel social que encarna da lectura pública e, moi notoriamente, o papel das bibliotecas. A rede galega de bibliotecas públicas, e todo o sistema bibliotecario galego, debe ser impulsado e fortalecido.
5/ Os novos tempos fan necesaria a creación dun novo tipo de lector, que é o lector social. Hai que entender a lectura desde unha óptica máis global, máis social, afrontando os retos do futuro, que sintetizarán a lectura impresa e a ciberlectura.
6/ Cada vez máis, no ámbito do libro e da lectura, é necesario crear lectores, non consumidores de libros. Xa que logo, o proceso de selección neste tempo determinado polo mercado, é imprescindible. Non vale calquera libro.
7/ As bibliotecas escolares son centros de recursos fundamentais para o fomento da lectura e o adestramento no acceso e selección da información. Parece necesario dotalas de recursos humanos con horario e dedicación específica para o profesorado implicado. Tampouco podemos esquecer que, como dicía Gabriel Zaid, o principal problema da lectura está nos universitarios que non len. Tamén parece necesario, pois, impulsar universidades lectoras.
8/ No reto da lectura evidénciase como unha necesidade a recuperación, para a familia, da responsabilidade da educación a través a transmisión da lectura como un acto cotián, íntimo e entrañable, que ademais tamén constitúe unha inversión educativa.
9/ O hábito da lectura fundaméntase a través de accións continuadas, dirixidas a favorecer o hábito lector e a achegar o libro e a lectura ás persoas. Nese sentido, dubidamos da eficacia das grandes campañas publicitarias que consumen presupostos desmesurados.
10/ A Asociación Galega de Editores expresa o seu compromiso co fomento da lectura e, moi especialmente, cos seus mediadores, apostando por afrontar os retos de futuro que o libro, a lectura e a cidadanía deste século demandanan a fin de crear un mundo máis libre, máis consciente e máis xusto.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2010
30 Outubro, 2010 (18:32) | Bibliotecas, Edición, Editores, Lectura, Literacidade | 6 comments
A idea de que a lectura pode axudar ao benestar da xente é moi antiga. A biblioterapia, entendida como o carácter terapéutico da lectura, é unha práctica asociada á cultura do libro dende moi vello. Michèle Petit defende no seu libro El arte de la lectura en tiempos de crisis unha idea terapéutica semellante, a de que os libros amparan as vidas en momentos difíciles, como mesmo acuden en rescate de grande número de persoas en tempos de crise. Así sucedeu, salienta Petit, tras a crise do 29 e a Segunda Guerra Mundial, períodos nos que se desenvolveron moito as bibliotecas e aumentaron os índices de lectura na sociedade estadounidense e agromou o concepto de edición cultural en países como Alemaña, Francia, Reino Unido ou Italia.
Semella que hoxe a coincidencia da crise económica, coa do modelo de edición cultural e a do tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, sitúan ao sector do libro nunha situación decisiva de mudanza inevitable e profunda que debemos ser capaces de transformar en oportunidade. Unha crise e unha mudanza que se producen a nivel mundial, mais que en pequenos países como o noso se presentan como un desafío histórico. Este é o momento de reclamar que a lectura entre a formar parte da axenda pública, xa que no actual proceso de mudanza do conxunto do sector do libro e da súa cadea de valor, onde coexisten ou integran textualidades e soportes, a clave está nas políticas de lectura e na necesidade de intermediacións e de estratexias diferencias na abordaxe de ambas as dúas textualidades, a impresa e a electrónica.
Cremos que, polo momento, non van desaparecer a publicación de libros impresos, mais xa é un feito innegable que están desaparecendo ou diminuíndo até cifras case marxinais a edición de determinados xéneros e tipos de edición. Nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unha delas os seus espazos de especialización. No entanto, os libros impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores e lectoras, o que constitúe un reto para os editores que aposten por continuar con este formato analóxico. Como tamén, é un feito indubidable que as redes sociais dixitais son hoxe as ferramentas máis útiles para promocionar o libro impreso e o fomento da lectura en ambos os dous soportes. Estou convencido de que o desenvolvemento dunha rede social específica para o libro en galego é un requisito indispensable para asegurar a autonomía do noso sector neste proceso de tránsito e convivencia de soportes.
Se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito, non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Modelos como os que se anuncian de pago por lectura, popularmente o «Spotify dos libros» ou os libros da nube (Bookish e 24symbols) poden ser unha alternativa a considerar, sempre que se asegure a privacidade dos usuarios e os seus dereitos como lectores, como sinalaba acertadamente Javier Celaya no debate que hoxe mantivemos no Encontro de Bibliotecas Escolares. Por certo, extraordinario traballo o que se ven desenvolvendo en Galicia dende o inicio deste Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares no curso 2006-2007 promovido pola Consellaría de Educación, o máis potente movemento de fomento da lectura que se desenvolveu nunca no país noso, no que se espellan outras comunidades e países (Beizóns para os seus integrantes, moi especialmente para Cristina Novoa e Pilar Sampedro, as responsables da Asesoría).
En definitiva, do que se trata é de refundar a cadea de valor do libro que, respectando o protagonismo do autor e do lector, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido), libreiros (especializados na promoción do produto) e bibliotecarios (ese porto seguro no novo paradigma dixital), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incertezas.
[A anotación está preparada en base a derradeira parte da intervención realizada hoxe no debate con Javier Celaya arredor do tema «Cultura impresa, cultura dixital» que mantivemos no IIIº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia.]
11 Outubro, 2010 (17:16) | Autores, Editores, Eventos, Galerías de fotos, Libro_electrónico, Persoal, Promoción do libro | 2 comments
No meu perfil de Facebook publiquei a reportaxe fotográfica que fixen co teléfono móbil no Líber e na Feira de Frankfurt. Incluín nos pés de fotos algúns comentarios ao fío. Como documento complementario das catro crónicas sobre a Feira pode ter o seu interese.
[Na foto: Masaxes para os visitantes proporcionados por fisioterapeutas contratados pola Feira. Frankfurt 2010]
10 Outubro, 2010 (20:37) | Autores, Editores, Eventos, Libro, Libro_electrónico, Persoal, Promoción do libro | 1 comment
Dedicamos a derradeira xornada para visitar o pavillón dedicado á lingua inglesa, onde case sempre se producen as maiores noticias de Frankfurt, para dar sequera un paseíño pola exposición arxentina. Sendo sábado, o nivel de estrondo da Feira aumenta a niveis pouco soportables nos novos pavillóns 1 e 3 aos que acude o entusiasta e moi numeroso público alemán. Porén, tiven a fortuna de dispoñer de tres horas para percorrer devagariño os longos corredores do inglés pavillón 8, inusualmente calmos e con menos xente da que agardaba.
Volvín comprobar que o modelo da Oficina Literaria é o que mellores resultados está ofrecendo para a promoción internacional e a exportación de textos. Cada vez son máis as experiencias que utilizan este modelo: «Books from Scotland», «Books from Wales« («Llyfram o Gymru») ou a «Ireland Literature Exchange». Anotei na libreta a importancia de levar ao noso estand algunhas edicións de obras xa traducidas, un feito que chama a atención doutros editores. Todas estas Oficinas comparten espazo no estand cos editores privados do seu país e todas elas teñen un lema ou marca para presentar a súa literatura e edición. Chamou a miña atención a convocatoria en Australia en 2012 do seu ano da lectura, un programa ao que cómpre seguir con interese que se está organizando con moito vagar. Inevitablemente fotografei o libro máis grande do mundo, Earth (Platinum Edition), un atlas de 1,8 x 1,4 m, que utiliza para representar o planeta unha formidable escala de 1:1.750.000, editado pola editorial australina Millenniun House. Tiven a curiosidade de revisar a toponimia de Galicia, que presentaba algúns erros (aparecía correctamente A Coruña, mais tamén Santa Eugenia de Ribeira). Imprimiuse en Italia cunha tirda de 31 copias que se venden cada unha a 100.000 dólares. de Earth hai unha edición azul, máis manexable e económica, ao prezo de 5.800 dólares. Non deixa de ser curioso que nun momento de transición cara ao paradigma dixital se acometan proxectos de edición impresa destas abraiantes características.

A pesar de que o libro impreso continúa reinando de forma abrumadora en todos os espazos da Feira, neste pavillón de lingua inglesa atopei xa unha presenza importante de edición dixital. Son moi numerosos os modelos de e-readers que se presentan, a un prezo sempre inferior aos 150 dólares, o que supón unha baixa moi considerable. Aparecen Ipads en moitos estands, como por exemplo no de Moleskine (o editor das famosas libretiñas e cadernos de debuxo, produtos analóxicos por excelencia); un feito significativo que amosa a pegada da taboíña da que, tamén, comezan a aparecer ofertas de apps (gustei moito dos preparados pola revista GEO, por exemplo). Curioso é algún produto infantil que emprega a tecnoloxía da realidade aumentada (como os de Magic Book) baixo o reclamo de «libro en 3D». Outrosí sucede coa Galaxy Tab de Samsung, unha taboíña de 7 pulgadas que utiliza tecnoloxía Android. Pareceume un produto interesantísimo, sobre todo polo seu código aberto e polo seu tamaño, maior cos teléfonos e máis manexable que os Ipads actuais.
Acabei a miña feira visitando a correr o pavillón arxentino e dedicando apenas a derradeira hora dispoñible ao pavillón alemán. Arxentina presentouse cun deseño minimalista, cheo de pantallas (con información turística) e cunha exposición de libros non moi grande. O máis fermoso do pavillón era unha proxección múltiple sobre a silueta do país presentando os monumentos principais das distintas provincias arxentinas. Encheume de fachenda comprobar que na exposición de «Libros de Argentina» estaba o exemplar que enviaramos da biografía do Galego Soto que preparara Lois Pérez Leira para Xerais Crónica.
Da visita ao enorme pavillón alemán o que máis me sorprendeu foi atopar a eses centos e centos de adolescentes disfrazados de personaxes de manga e de literatura gótica que alí se reuniron. Un espectáculo, propio do entroido, expresión da enorme forza que, paradoxicamente, ten para estes nativos dixitais personaxes que coñeceron na edición impresa e que logo, nalgúns casos, pasaron ao eido audiovisual, converténdose en novos mitos urbanos. Con todo, o que maís impresiona no pavillón alemán é o entusiasmo dos lectores para seguir aos seus escritores. As entrevistas do «Sofá azul» (un programa de televisión que grava ADR e pode verse en internet por streaming) son seguidas por centos de persoas, as lecturas dos autores arremuíñan nos estanss a ducias de persoas. O interese pola edición de gastronomía é incrible, coa presenza dos propios cociñeiros cociñando en vivo nos estands das editoriais (unha idea para Culturgal?). Con todo, o máis memorable que vin neste percorrido que non puiden completar por falta de tempo foi a unha autora, Nadja Benaissa (cantante de No Angels), asinar exemplares acompañada dun gardacostas.
Antes de marchar da Feira a correr para coller o avión de regreso a Porto (sempre que podo evito a viaxe con escala en Madrid), tiven oportunidade de fotografarme para o Book Faces 2010. Escollín a palabra «Brétemas», a verdade que non fun moi orixinal. Agardo poder facerme coa foto que me fixo Bianca Gutberlet.
9 Outubro, 2010 (10:09) | Autores, Editores, Eventos, Traducións | 2 comments
A de onte foi a xornada da presentación en Frankfurt da Anthology of Galician Literature de Jonathan Dunne, coeditada por Galaxia e Xerais. O acto resultou entrañable, sobre todo cando Dunne rematou a súa intervención en inglés lendo a súa magnífica tradución da «Letanía de Galicia» de Uxío Novoneyra. Porén, a propia fasquía do acto amosa o escaso peso da nosa edición e da nosa literatura a nivel internacional. Precisamos un grande acordo intersectorial sobre cal debe ser o posicionamento estratéxico da lingua, literatura e edicións galegas no mundo. Sen contar con este guieiro estratéxico, moi dificilmente poderemos continuar con algunha garantía de éxito o camiño de internacionalización iniciado polos editores de álbums infantis. Sigo crendo nas posibilidades que podería ofrecer a creación dunha Oficina da Lingua e Literatura Galega como entidade (pública privada) que xestionase e actualizase os recursos electrónicos dispoñibles e promovese a participación nas feiras do libro, misións comerciais ou congresos especializados de editores, autores, tradutores e axentes literarios galegos. Unha idea que non debería desbotarse para non perder outra lexislatura.
Aproveitamos a tarde para manter un encontro cos responsables da Oficina Danesa de Literatura (un modelo a emular, como o da oficina irlandesa, a xaponesa ou a taiguanesa) e de paso coñecer algunhas das novidades do pavillón 6. Camiño do encontro comprobamos a expectación que continúa creando no público alemán Gunter Grass, na conversa que mantiña no sofá azul da cadea 2DF. Outra mostra do interese dos medios de comunicación, sobre todo das emisoras de radio e televisión, por esta feira, vivida como un acontecemento gozoso polo público alemán, Unha envexa!
A importancia que os editores escandinavos conceden á visibilización dos seus autores e autoras continúa sendo un elemento diferenciador desta edición marcada polo seu afán de literariedade, non exento de interese comercial, eis o éxito de Siteg larsson ou dos fenómenos da novela criminal nórdica. Un camiño que os editores galegos poderiamos emular con facilidade.
Chamou tamén a miña atención a exposición fotográfica Book Faces 2009 que recolle fotografías con editores de todo o mundo que elixiron unha palabra para representar a situación actual. Moi interesante para detectar tendencias sobre cos camiños disrutivos da edición internacional.
Rematamos a xornada (xa moi derreadiños) cun encontro no espazo expositivo de Brasil, cada edición máis potente e visitado, amosando que aí é onde pode residir o noso maior potencial futuro. Óscar Yáñez, editor galego de Gourmand, deixounos información sobre os premios a publicacións gastronómicas e o anuncio da celebración do Paris Cookbook Faire do 3 ao 6 de marzo de 2011. Velaí outro vieiro para explorar, o das feiras especializadas.
8 Outubro, 2010 (09:10) | Autores, Editores, Eventos, Libro_electrónico, Persoal | 4 comments
Como adiantabamos onte, o xoves foi o día do Nobel na Feira. Debeu ser a providencia laica a que aconsellou ao Grupo Santillana organizar o seu cóctel á mesma hora na que en Estocolmo se anunciaba o Nobel de Literatura. Un estourido de voces anunciou alí o nome de Vargas Llosa, hoxe o autor primeiro (co permiso de Pérez Reverte) de Alfaguara. Decontado lembrei o que acontecerá aquí en Frankfurt cando llo concederan ao Jose Saramago, no ano no que Portugal foi convidada de honra. Nunca esquecerei a faciana de ledicia do editor de Caminho, Zeferino Coelho, quen onte tamén abeizoaba a Ángeles e Pilar, as editoras de Alfaguara que acompañan o traballo do narrador peruano, para elas onte tan inaccesible a pesar das repetidas chamadas a Manhattan. Alfaguara será o grande gañador deste Nobel que permitirá que o novo libro do Nobel, La maldición del Celta, chegue ás librarías nos primeiros días de novembro cunha tirada entre os 300 e os 400 mil exemplares, segundo escoitamos onte ao primeiro executivo da editorial.
Pasado trebón do Nobel, houbo máis cousas na Feira. Na prometida visita ao pavillón 4 verifiquei a hipótese que manexaba: o IPAD será o grande vencedor deste Frankfurt 2010, non tanto polo número de apps que se teñan desenvolto polo momento dende o eido da edición (algúns interesantes como os de Actionbooks para nenos), se non pola fascinación que suscita o seu uso entre os editores. Vin utilizalos a moreas nos stands, fose para utilizar o correo, para ler ou para presentar o propio catálogo. A beleza do Ipad xoga moito ao seu favor, minimizando os problemas que puidese houber polo seu carácter de software propietario ou pola incomodiade que pode provocar a súa lectura prolongada. Outras tendencias que creo se impoñen son a impresión baixo demanda e a preocupación por realizar unha edición sostible, moi presente na edición alemá que promove a campaña “libros respectuosos cos bosques” dirixida a utilización de papeis “ecolóxicos”. Outra novidade na que reparei foi a do Pocket Book, un trebello de lectura que utiliza o sistema operativo Android sobre unha pantalla a cor, un posible rival para o Ipad. Tampouco desmereceu o noso interese o sempre sorprendente espazo do “Nonbook”, onde se presentan os numeros produtos asociados á lectura e a súa promoción, dende lampadiñas, marcadores e postais (onde hai cousas preciosas). mención á parte merece o espazo destinado á edición de almanaques, un mercado moi forte na cultura editorial anglosaxona e escandinava.O aumento da presenza dos audiolibros e dos produtos asociados ás Pizarras Dixitais Interactivas (Smart é o líder deste tipo de produto) contrasta coa redución do protagonismo dos e-readers, un soporte que semella (polo que vimos) en claro retroceso.
Dedicamos a tarde a unha xuntanza dos presidentes de Galeusca, o colectivo que formamos a Associació d’ Editors en Llingua Catalana, a Asociación de Editores en Euscaro e a Asociación Galega de Editores. Acordamos, entre outras cousas, organizar o vindeiro Galeusca de editores en Vigo durante o mes de xuño de 2011, no que se pretenderá amosar a profesionalización acadada polos tres gremios. Á noitiña fomos á recepción do Instituto Cervantes de Frankfurt, onde acudiu unha boa parte do sector. Mágoa que en xuntanza tan numerosa non houbera referencia ningunha a todas as linguas recoñecidas na Constitución. Aínda hai moito eido a traballar.
7 Outubro, 2010 (10:14) | Editores, Eventos, Persoal | No comments
A presenza na Feira do Libro de Frankfurt sinala para min o comezo do outono. Tamén será así na edición deste ano dedicada a Arxentina e protagonizada pola presenza do IPAD no imaxinario de moitos editores e nalgúns, poucos, dos espazos do famoso pavillon 4.2 dedicado á edición dixital (especialmente) educativa que agardo poder visitar hoxe co maior vagar posible.
A pesar das olleiras da crise (que xa ninguén oculta), Frankfurt non perde o seu pulo e a súa referencia como grande Babel da edición. Os editores pesimistas cren que esta edición hai menos xente, os optimistas non notamos moitas diferencias con respecto a edicións anteriores. A verdade é que vexo aos meus compañeiros e compañeiras galegos bulir polos corredores da Feira con axendas cada vez máis apretadas. Kalandraka ten xa stand de seu, como Nova Galicia (mesmo no pavillón 8, o de lingua inglesa, o corazón da Feira), o que sen dúbida supón a consolidación do seu traballo exportador. Outrosí acontécelle a OQO, unha editora que traballa dende a excelencia (este ano obtivo dous dos tres premios aos libros mellor editados do Ministerio de Cultura), Rinoceronte, Bahía, Toxosoutos, Ideas Propias, Cumio, El patito editorial ou Galaxia que traballan no estand que compartimos os editores galegos coa Consellaría de Cultura.
Entre os contactos profesionais que tiven onte chamoume a atención o fenómeno de David Monteagudo, o autor galego (naceu en Viveiro) que ven obtendo un grande éxito coa súa primeira novela, Fin (El Acantilado 2009), e do que Erika Calklizo me presentou a segunda, Marcos Montes, que lerei co maior interese. Aledoume conversar con Chus Bello, a tradutora galega de Reckless e unha das maiores especialistas na obra de Cornelia Funke. Reckless xa é a obra máis vendida nestes momentos en Alemaña. Agardamos que entre nós vaia collendo o pulo que merece, antes de que Cornelia viaxe a España o vindeiro mes de decembro. Tamén foi moi interesante e prometedora a entrevista con José Luís Gutiérrez, o responsable da axencia Gu-Ru, moi interesada en dar a coñecer autores galegos nos países do leste de Europa. Fran Alonso, Fernández Paz e Fina Casalderrey, polo momento, serán os primeiros autores deste proxecto.
A cuestión da participación galega na FIL de Guadalajara en 2012 ou 2013 queda aberta. Tras Castelá e León (“berce do español”, anúnciase na publicidade da FIL), comunidade convidada en 2010, o vindeiro ano protagonista será Alemaña. Galicia deberá reflexionar sobre a presentación definitiva da súa candidatura, xa que participar cun nivel decoroso require un investimento que pode chegar aos dous millóns de euros (case o dobre do que se inviste nun ano en que chegue o libro galego ás nosas bibliotecas).
O día de hoxe quedará marcado polo anuncio do Nobel de Literatura 2010. Polos corredores soan os nomes de Murakami (edítao Galaxia), McCarthy ou Ernesto Sábato. Jaureguizar ten publicado estes días quinielas máis longas e aquilatadas. Con todo, sabemos que oa académicos suecos adoitan ofrecer sorpresas. Non hai dúbida que en canto se coñeza, nalgún dos lugares da Feira correrá o viño do Rhin.
10 Agosto, 2010 (11:17) | Comercio do libro, Edición, Editores, Librarías | 4 comments
Ao fío dos nosos comentarios que onte publicaba Rodri García en La Voz de Galicia, non hai dúbida que reorganizar o calendario da aparición de títulos e reducir as súas tiradas son as dúas primeiras medidas de prudencia que os editores estamos tomando para facer fronte á crise que está sufrindo o sector, especialmente dura para a edición cultural e de autor, o eido característico da edición en galego.
A experiencia da Feira do Libro da Coruña pode ser moi clarificadora da situación actual do mercado do libro en Galicia: excelente acollida de público (100.000 persoas), magnífico nivel das actividades literarias (presentacións e debates, xeralmente, moi concorridos); porén, todos os libreiros recoñecían en privado que se producíu unha diminución das vendas con respecto á pasada edición, afortunadamente inferior ás súas peores previsións. O mercado do libro literario está, pois, algo frío, como tantos outros produtos, aínda que non amosa síntomas de conxelación. No obstante, haberá que agardar á decisiva campaña de Nadal para facer valoracións máis acaídas a este teor.
Por riba dos efectos da crise económica, é innegable que a crise do modelo actual de edición cultural europea é moi profunda, máis aínda cando o modelo de edición masiva (baseado no reinado do libro único que adquiren millóns de lectores) que o foi substituíndo nalgúns países como os Estados Unidos e o Reino Unido comeza a quebrarse. Ou o que é o mesmo, cando editores e libreiros superemos os efectos nocivos da actual crise de consumo, coa deterioración que inevitablemente vai provocar, haberemos de enfrontar a mudanza do modelo da cadea de valor que supon o tránsito cara ao paradigma da edición dixital. A realidade non dá acougo, vivimos tempos de crise e mudanza. Tempos que deben ser, tamén, de oportunidade e entusiasmo. Con esa actitude ilusionada creo que debemos enfrontalos.
16 Xullo, 2010 (19:11) | Age, Editores, Lectura | 8 comments
Tras a elección de onte, que tanto agradezo aos meus colegas, os medios tiveron a deferencia de entrevistarme. En todos os relatos que fixen sobre as prioridades do novo equipo de editores galegos sempre intentei reiterar dúas: primeira, a fenda de lectura debe formar parte da axenda política; e segunda, o consenso e a cooperación entre os editores son o mellor xeito de recuperar a autoestima do sector e de desfacer tantos prexuízos existentes sobre a nosa actividade. Agradezo a tantas amizades os parabéns que hoxe nos fixeron chegar e poñémonos á nosa tarefa, na que continuaremos os proxectos abertos polo editor Alfonso García Sanmartín e o seu equipo (Fran Alonso, Pilar Sampil, Ana Guerra) que durante estes últimos catro anos fixeron un labor, sinxelamente, extraordinario! O meu maior recoñecemento para os catro.
Actualización (17/07/2010):
Actualización (18/07/2010):
Actualización (20/07/2010):
- «Queremos que a lectura sexa considerada un hábito saudable», entrevista de Pilar Vegas en La Voz de Galicia.
1 Marzo, 2010 (21:38) | Editores, Solidariedade | 2 comments
«A única ferramenta indispensable do editor é a súa cabeza, mais cómpre que estea ben disposta, e iso non se consegue só con literatura, senón cunha curiosidade interminable.»
Estas palabras corresponden a un traballo («Breves apuntes para editores») da nosa admirada Andrea Palet, a xove editora chilena responsable de Edicións B no país austral, azoutado tan gravemente polo terremoto da fin de semana. A nosa solidariedade interminable para ela e para os seus concidadáns en momentos tan difíciles.
17 Febreiro, 2010 (08:24) | Blogs_e_libros, Comercio do libro, Edición, Editores, Libro, Recurso_didáctico | 6 comments
Hoxe comezamos a nosa docencia do módulo «Edición e actividade editorial» no Mestrado en Edición das Universidades de Vigo e Santiago. Velaí a bibliografía básica que propoñemos manexe o alumnado durante estas catro semanas:
Fontes impresas libros:
- Blanco Valdes, Juan (2009): Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica, Xerais
- Cassany, Daniel (2006): Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea. Anagrama.
- Cesari, Severino (2009): Conversaciones con Giulio Einaudi. Trama (Hai edición anterior de Mario Muchnik)
- Davies, Gill (2005): Gestión de proyectos editoriales. Fondo de Cultura Económica
- Echenoz, Jean (2009): Jérôme Lindon, mi editor, Trama
- Epstein, Jason (2003): La industria del libro. Pasado, presente y futuro de la edición. Anagrama
- Gil, Manuel; Jiménez, Francisco J (2009): El nuevo paradigma del sector del libro, Trama
- Martínez de Souza, José (2005): Manual de edición y autoedición. 2ª ed. Pirámide
- Mascheler, Tom (2009): Editor. Trama
- Nyssen, Hubert (2009): La sabiduría del editor. Trama
- Rodríguez, Joaquín (2007): Edición 2.0 Los futuros del libro, Melusina
- Schiffrin, André (2000): La edición sin editores. Destino
- Schiffrin, André (2006): El control de la palabra. Después de «La edición sin editores». Anagrama
- Soto López, Isabel (2005): Do libro impreso á Internet, Xunta de Galicia
- Vila Sanjuan, Sergio (2003): Pasando página. Autores y editores en la España democrática. Destino
- Zaid, Gabriel (1972, 1996): Los demasiados libros. Anagrama.
Fontes impresas revistas e informes:
Fontes electrónicas:
23 Xaneiro, 2010 (19:57) | Editores, Educación, Goberno Feijoo, Libro de texto, Lingua | No comments
Membros da Xunta Directiva da AGE foron recibidos onte por autoridades da Consellaría de Educación (excusaron a súa ausencia tanto o conselleiro como o secretario xeral de Política Lingüística). No transcurso da reunión, os editores presentaron a súa valoración das «Bases para a elaboración dun decreto de plurilingüismo» que subscribe como punto de partida a filosofía do informe da RAG e rexeita, dende criterios estritamente empresariais, a redacción do apartado 8.1 do documento de «Bases», no que se fai referencia a edición e utilización dos libros de texto.
Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparte a materia. A Administración educativa promoverá a elboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeiras(s).
Os editores manifestaron que de aprobarse esta redacción produciríase unha fragmentación do mercado dos materiais curriculares en Galicia que sería imposible de satisfacer por parte das editoriais, tanto pola necesidade de reducir as tiraxes, como polo aumento desorbitado dos custos de creación editorial que supoñería a edición simultánea en tres linguas. A esta reflexión engadiron que o sistema de elección de lingua por parte das familias, adiará a toma decisións dos centros educativos e fará imposible a fabricación dos materiais coa antelación precisa. Nesta liña, os editores reclamaron dispoñer dun calendario de produción racionalizado e coherente co programa de implantación da nova modalidade de gratuidade prevista polo actual Goberno Galego.
Os editores amosaron, ademais, a súa enorme preocupación sobre a eficacia pedagóxica do equilibrio entre as tres linguas escollidas, solución non contemplada á hora da redacción dos currículums actualmente en vigor. Sinalaron que «converter un terceira lingua non natural (fose inglés ou outra) en lingua vehicular para desenvolver os currículums vixentes, comprometería a viabilidade didáctica e calidade dos materiais, xa que a edición nunha lingua estranxeira implica unha adecuación dos proxectos editoriais aos niveis de competencia lingüística do alumnado (moi inferiores ao das súas dúas linguas natuais), o que suporía unha inevitable rebaixa dos contidos e un claro incumprimento da obriga de abordar a totalidade dos currículums.»
Por niveis educativos, os editores amosaron a súa aberta disconformidade co modelo establecido nas «Bases» para Educación Infantil que «parece contradicir o establecido no artigo 8 da “Carta Europea das Linguas Minorizadas”», xa que é moi probable que coa solución adoptada a edición en galego será minoritaria e dificultará continuar publicando unha oferta que veu mellorando moi sensiblemente nos últimos cursos. Con respecto á Primaria, os editores expuxeron que non lles parece lóxica de maneira ningunha a impartición en castelán (ou en inglés ou noutra lingua estranxeira) da área de Coñecemento do Medio, a área máis vencellada a nosa cultura propia (tradicións, costumes…), á nosa xeografía, aos nosos saberes tradicionais ou ao coñecemento dos nosos episodios históricos. Semellantes argumentos servirían tamén para as materias de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza da Secundaria Obrigatoria, co problema engadido de que semella moi pouco defendible a previsible mudanza de linguas vehiculares ao longo da historia escolar de cada alumno. O mesmo sucedería coa fragmentación da oferta lingüística das áreas optativas, tanto da ESO como das diversas modalidades do Bacharelato, nas que moi dificilmente será rendible a publicación de manuais. Por último, os editores amosaron a súa decepción polo tratamento lingüístico da Formación Profesional, etapa da que desaparecerían os materiais en galego, quedando reducida a presenza da nosa lingua á oferta dun Vocabulario Técnico de cada materia.
Os editores galegos propuxeron que para lograr a consecución de idéntica competencia lingüística nas dúas linguas oficiais, como quedou establecido nos documentos curriculares vixentes, se deberían respectar cinco condicións: 1ª, a prevalencia dos criterios pedagóxicos sobre calquera outros; 2ª, a elección da lingua vehicular das materias por parte das autoridades educativas (por medio do decreto); 3ª, a prioridade das dúas linguas oficiais; 4ª, A continuidade e mellora dos programas actuais de adquisición de inglés e do seu uso como lingua vehicular; e 5ª, a recuperación do consenso político e social que promoveu o propio PPdeG en lexislaturas anteriores.
20 Decembro, 2009 (13:14) | Descargas, Editores, Premios, Xerais | 2 comments
Os editores galegos celebramos onte no Liceo de Ourense a quinta Noite da Edición, na que se entregaron os premios ás mellores producións de 2009 e rendimos homenaxe á Nova Galicia Edicións pola súa brillante traxectoria nos seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Tras as catro edicións anteriores nas que os premios se outorgaron por votación directa dos membros da Asociación Galega de Editores, a da presente edición foi a primeira na que foron concedidos por un xurado que valorou as obras presentadas e escollidas polos editores en cada unha das categorías.
Velaí as decisións adoptadas polo xurado que como en todos os premios á obra editada serán, sen dúbida, sometidas ao debate do público. Mágoa que Rosa Aneiros non puidera recibir personalmente o seu merecidísimo premio XoséMaría Álvarez Blázquez á mellora autora do ano, xa que ao mesmo tempo recibía o recoñecemento de «Caldereta do ano» outorgado en Ferrol pola Asociación Cultura Lefre de Caldereta. Máis alá das intervencións dos gañadores (maxistral foi a do profesor don Xesus Alonso Montero, gañador do premio Ánxel Casal, na categoría de non ficción), o prato forte da noite foron a estimulante condución que da velada realizou Camilo Franco –brillantísima nalgúns momentos, sobre todo, nos envites cómicos aos númeroso políticos presentes (dous conselleiros, o de Cultura e Educación; o alcalde Ourense; o presidente da Deputación; o director xeral de Cultura)– e o discurso de Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, que reclaou ao Goberno Galego un consenso arredor do decreto de galego e das políticas de incorporación das novas tecnoloxías nas aulas. Volvimos de Ourense, nunha noite xélida, satisfeitos da vitalidade e do inconformismo que amosa o noso sector, unha magnífica noticia para os difíciles tempos que corren.
Quen teña moita curiosidade pode ler ou baixar aquí o texto da laudatio de Nova Galicia Edicións que lin na cerimonia.
12 Novembro, 2009 (23:27) | Editores, Eventos, Libro_electrónico | 5 comments
Mañá intervirei no VI Simposio «O libro e a lectura» dedicado ao presente e futuro do libro dixital. Os organizadores pedíronme unha achega sobre «O libro dixital en Galicia». Na miña intervención (o texto completo pódese baixar aquí en pdf, nove folios) pretendo tratar catro grandes cuestións que no meu entender permitirán achegarnos á situación actual do libro dixital en Galicia e enxergar algunhas das liñas de futuro:
A primeira parte do concepto de literacidade electrónica coa intención de explicar a mudanza do actual paradigma da comunicación cultural e, polo tanto, da lectura (a que denomino lectura XXI ou 2.0), da edición, do libro e do papel que nos corresponde (se é que nos corresponde algún) aos editores. Temas que sei foron abordados onte por os ponentes que me precederon, mais que eu como un dos poucos editores en exercicio debo tamén de enunciar ao meu xeito.
A segunda pretende citar algúns dos precedentes do libro literario dixital en galego, que é tanto como dicir en Galicia, ao longo da última década, así como algunhas experiencias que se foron ensaiando na nosa edición dixital até chegar aos primeiros e-books literarios que editoras como Xerais presentan estes días. Noutras palabras faremos unha achega a unha historia (ou prehistoria) do libro dixital.
A terceira ten por obxecto analizar as tendencias que debuxan os datos dispoñibles ou que podemos estimar sobre a edición dixital en Galicia, comparándoas coas que coñecemos para a edición analóxica.
A cuarta pretende repasar a nosa situación no que atinxe aos tipos de edición dixital que estamos abordando xa na actualidade os editores galegos: a dos obxectos dixitais educativos; a dos e-books ou libros electrónicos; a dos produtos lexicográficos e outros contidos «on line»; a das experiencias dixitais multimedia; a dos audiolibros e a da impresión dixital baixo demanda ou de baixas tiradas.
Xa adianto que en moitos casos expresarei máis preguntas e dúbidas que afirmacións e certezas. Vivir esta mudanza no paradigma do libro dende dentro, constitúe para todos os editores, tamén para os editores galegos, unha moi boa oportunidade para medrar como profesionais. Sen menoscabo da discreción precisa para o desenvolvemento de cada proxecto editorial, este é un momento no que é imprescindible que compartamos experiencias, ideas e, me atrevería a dicir, mesmo grandes proxectos de sector.
Foto: Anxo Iglesias, «Luces», El País Galicia.
9 Novembro, 2009 (20:12) | Editores, Eventos, Libro_electrónico | 2 comments
Este ano o tradicional Simposio sobre o libro e a lectura, que se celebrará os xoves e venres vindeiros, xirará sobre o presente e futuro do libro dixital. Énchenos de fachenda que este encontro profesional, organizado pola Asociación Galega de Editores, iniciado hai cinco anos, se consolidase como unha cita de referencia para tomarlle cada ano o pulso aos temas principais do sector do libro en Galicia.
Ademais, o programa desta edición (pode baixarse en pdf), alóngase cun curso para editores sobre o mesmo tema, impartido polo noso admirado Javier Celaya.
Agradezo aos organizadores o convite que me fixeron para intervir o venres a primeira hora de mañá para falar sobre «O libro dixital en Galicia». Dentro das escasas posibilidades da nosa axenda nestas semanas xa de campaña de nadal, daremos conta dos contidos dos debates e intervencións que, con certeza, serán seguidos con maior atención en diversos blogs de lectura e libros.
20 Setembro, 2009 (10:59) | Edición, Editores, Entrevistas, Persoal, Promoción do libro, Xerais | 2 comments
Hoxe aparece publicada en La Voz de Galicia parte da conversa que mantivemos, o pasado venres, Xosé Ballesteros e mais eu arredor da situación da edición en Galicia.
Como é adoito nestes encontros, falamos devagariño de moitas máis cousas ca do diagnóstico inicial do noso sector, dende o sentido da presenza nas feiras internacionais, pasando pola relación do editor cos autores e autoras e a nosa formación autodidacta, até o balance dalgunhas carencias de xénero.
Agradézolle ao xornalista Ángel Varela o seu convite e o admirable traballo de síntese e a Gustavo Rivas as súas magníficas fotos. [As miñas desculpas polo autobombo.]