Decepcionoume a comparecencia parlamentaria na que o ministro de Educación anunciou as novidades que introducirá na lexislatura. Os contidos foron previsibles, apenas a confirmación da vontade do Partido Popular de cumprir os seus compromisos electorais e satisfacer as demandas da Igrexa e dos sectores máis conservadores: estensión do ensino concertado, adianto da segregación do alumnado na secundaria, elección da lingua de escolarización por parte das familias en comunidades con lingua propia, supresión da Educación para a Cidadanía, utilización do inglés como lingua vehicular dende a Primaria, estatuto de «autoridade pública» para o profesorado… O decepcionante foi a fraqueza argumental e o escaso dominio técnico da axenda educativa dun ministro que sabemos conta con moita labia cando aborda outras cuestións políticas. Denominar «linguas vernáculas» ao galego, catalán ou éuscaro constitúe xa unha anomalía, mesmo para os sectores fóbicos coas linguas propias. Argumentar que a desaparición da Educación para a Cidadanía se debe á intención do Goberno de evitar o seu «carácter controvertido e para non caer adoutrinamento», cando a materia foi avalada por varias sentenzas do Constitucional, non abonda para xustificar a súa substitución por unha Educación Cívica e Constitucional da que pouco se di sobre o seu enfoque e contidos. Expresar tan pancho todo un ministro do ramo que o primeiro ciclo da Infantil, de 0-3 anos, «non é educación senón conciliación», un disparate sen paliativos, agoira que van correr moi malos tempos para o futuro da nosa educación pública. Con todo, o máis preocupante semella será a nova reforma da Secundaria que pretende liquidar o modelo de educación comprensiva, en funcionamento dende hai vinte anos, unha vella teima conservadora que pretende segregar ao alumnado o antes posible segundo a inclinación ou capacidade persoal. Ignacio Wert, quizais pensando que estaba na tertulia de Francino na SER, xustificouna citando a Estapé cunha frase de Schumpeter, chamada a pasar á historia da educación española: «O importante é ter unha boa nai e un bo Bacharelato». Sobran máis palabras, eis a fórmula educativa de éxito paera Wert: nobreza de berce e bo colexio de pago.
Había tempo que non celebraba nun centro educativo o Día Escolar da non Violencia e a Paz, unha efeméride para min moi querida. O claustro de profesoras do CEI A Pastora de Cambados convidoume a que acompañase a Ramón Caride e Pepe Carreiro na presentación d’ A pomba dona Paz que se celebraría diante de máis dun centenar de cidadáns entre os tres e os cinco anos. Sabiamos que nos enfrontabamos a unha experiencia comunicativa moi díficil e, como agardabamos, o público puxo a proba coas súas preguntas todas as nosas habilidades oratorias. Ademais, aproveitei un anaco das dúas horas e media que compartimos neste magnífico centro de educación infantil público, para satisfacer algunhas saudades. Non puiden evitar demorarme na visita ás aulas organizadas por recunchos de traballo (o da biblioteca, o das computadoras, o do xogo simbólico…), coma sempre concibín a construción das aprendizaxes nesta etapa. Unha marabilla! Tras a presentación, no patio cuberto as seis aulas bailaron a canción da paz e soltaron media ducia de pombas que saíron coma foguetes a gañar o ceo do Salnés. Tiña moita razón Ramón Caride cando na dedicatoria deste magnífico álbum que presentamos escribiu: «A todos os nenos e nenas do mundo, para que a paz sexa o seu verdadeiro futuro.»
Coñecín un interesante artigo de Magisterio Español no que se presenta o probable modelo de reforma do Bacharelato do goberno do Partido Popular. Semella que entre os dous modelos a debate (3+3 ou 4+3), Rajoy decantarase polo primeiro, máis económico e auspiciado pola Asociación de Catedráticos de Bacharelato (Ancaba), transformando o actual 4º de ESO no primeiro curso dun Bacharelato de dúas vías. Máis alá da análise demorada que require unha reforma tan importante, que probablemente supoñerá a ampliación do ensino concertado ao Bacharelato, chamáronme a atención tres anuncios. O primeiro: a clara ruptura do modelo de ensino comprensivo até os 16 anos, xa que a partir dos 15 se contemplaría a posibilidade de optar pola FP de grao Medio e no Bacharelato por unha vía xeral e por outra profesional. O segundo: a creación dun novo modelo de Formación Profesional de Grao Medio, tamén de tres anos, ao que se accedería dende o 3º de ESO. O terceiro: a creación dunha proba final ao remate do Bacharelato, que substituiría á Selectividade, coa intención de homologar a todos os centros e todas as Comunidades Autónomas. Semella que, tras a segregación do alumnado entre as vías xeral e profesional, o currículum do Bacharelato será máis homoxéneo e menos diversificado. Outra vez, impóñense os criterios dos sectores educativos máis conservadores: máis centralización e máis segregación.
Comecei a semana cun agasallo inesperado. O meu mestre Antón Costa dedicoume un exemplar de Letra a letra, unha edición facsímil do libro que os alumnos de Simeón Omella, mestre da escola de Plasencia del Monte, compuxeron no curso 1934-1935 servíndose da imprenta escolar. Antón, prologuista desta obra publicada polo Museo Pedagógico de Aragón en edición moi coidada, foi quen deu conta da súa existencia cando en 2010 publicou dúas das súas páxinas no seu libro D’ Abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975). Composto letra a letra por escolares de nove anos, o libro foi conservado dende a primavera de 1939 na casa de Elise e Celestin Freinet en Saint Paul de Vence para pasar logo, co resto do fondo Freinet, aos Archives Departamentales des Alpes Maritimes de Niza. Estas máis de cen páxinas deste libro de vida inclúen textos libres (contos, experiencias de campo, excursións, correspondencia con outros escolas europeas, debuxos…) daqueles rapaces dunha escola republicana aragonesa que dirixidos polo mestre Orellana utilizaban as técnicas da escola moderna de Freinet. Letra a letra é un libro documento excepcional que amosa a anticipación e actualidade das técnicas da Escola Moderna. Admirable pulsión de vida e de traballo pedagóxico nun libro de fasquía ben xeitosa que sei entusiasmará aos mestres e mestras galegas vencellados ao proxecto da escola popular galega.
O Goberno de Feijóo non acouga na súa batalla contra o xabaril. O anteproxecto da nova Lei de caza de Galicia, ademais de permitir as «batidas preventivas» fóra de tempada, baixa aos 14 anos a idade para obter unha licenza de caza. O conselleiro de Medio Rural xustifícao para «asegurar o relevo xeracional» no eido da cultura cinexética. Quedei pampo diante de semellante afirmación. Os rapaces e rapazas de 14 anos, o alumnado de 2º e 3º de ESO, vivan no medio rural ou no urbano, nun momento tan decisivo como fráxil das súas vidas precisan que se lles ofrezan máis libros, máis balóns ou máis espazos de encontro e lecer para socializarse. Ofrecerlles a posibilidade de participar en cacerías, aínda que nunha «batida» non poidan empuñar escopetas deica os 16 anos, non é un exercicio que poidamos denominar como formativo. Algunha guía debería ofrecer o conselleiro de Educación ao seu colega para evitar semellante disparate, que anuncian para escarnio noso os noticiarios radiofónicos estatais. Nesta loita contra o porco bravo, o Goberno de Feijóo perdeu o sentido.
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a resolución do Valedor do Pobo sobre un libro de texto de Coñcemento do Medio.
A resolución do Valedor do Pobo relativa a un expediente de queixa sobre o contido dun libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de Primaria, presentada por un político vigués, constitúe un grave erro pedagóxico, ademais de pór en evidencia o desamparo no que se atopa todo o referido ao uso, o estatus e mesmo a aprendizaxe de e sobre a lingua galega no actual sistema educativo non universitario. Outra desfeita de consecuencias educativas nefastas provocada por parte daqueles sectores políticos que de forma máis ou menos explícita pretenden erradicar a presenza do galego en todos os ámbitos da sociedade. Sectores galegófobos que se desentenden do noso actual marco de convivencia –baseado nos consensos amplísimos forxados e actualizados durante tres décadas arredor do estatus da lingua galega– recollido tanto no Estatuto de Autonomía do 81 como na Lei de Normalización Lingüística de 1983.
A pesar de que a maior parte desta resolución do Valedor do Pobo se ocupa de cuestións de lexislación educativa, referidas a autonomía do profesorado e dos centros na elección dos recursos didácticos e no papel da Administración Educativa na súa supervisión, a cerna do erro desta resolución reside en admitir sen xustificación ningunha que este libro de texto recolle un “contido incompleto sobre a regulación Estatutaria das linguas oficiais en Galicia”. Valoración determinante que descoñecemos se é froito do informe que sobre a queixa subscribiu o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellaría de Educación ou do criterio dos redactores da resolución, tras a súa investigación sumarial e informal. En todo caso, abonda con lermos devagariño e con criterio didáctico as catorce páxinas da magnífica unidade didáctica dedicada a “O Goberno de Galicia”, incluída no libro de texto da editorial Vicens Vives obxecto da polémica, para decatármonos que por ningures existe un tratamento incompleto dos contidos curriculares establecidos para este nivel do terceiro ciclo de Primaria no referido ás institucións de goberno de Galicia, ao Estatuto de Autonomía ou aos símbolos de Galicia no marco establecido pola Constitución española para o Estado Autonómico. Para maior abondamento, se alguén pode albiscar algunha dúbida, na terceira páxina da unidade lémbrase nun recadro superior: “A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España”, sendo “a lingua oficial única en 11 Comunidades Autónomas e en Ceuta e Melilla. Nas demais comunidades, segundo dispoñen os seus Estatutos de Autonomía, existe outra lingua oficial: O galego é a lingua oficial de Galicia…”
Semella que para os redactores da resolución do Valedor do Pobo, non abonda que na escolma de artigos do Estatuto de Autonomía (un texto de 57 artigos) recollida na cuarta páxina da unidade deste libro de texto só aparecesen os tres apartados do primeiro artigo e o primeiro do quinto (o xa famoso 5.1), aquel que reza “A lingua propia de Galicia é o galego”. Aí nesa liña semella estar a cerna da queixa e de resolución tan errada como inoportuna, nesta afirmación que expresa o carácter do idioma galego como patrimonio colectivo e primeiro lazo de cidadanía, que vincula a todos os cidadáns da Comunidade Autónoma Galega, tanto aos que o falan decote como aqueloutros que non o fan, propio tanto dos que aquí naceron como aqueloutros que viñeron a Galicia a construír o seu futuro e o das súas familias. Esa afirmación do galego como lingua de encontro da cidadanía (un contido de carácter axiolóxico, que desenvolve a competencia social e cidadá, presente tamén no currículo do nivel) queda perfectamente abordada no libro de texto que o Valedor recomenda á Consellaría de Educación “non sexa utilizado, en tanto o seu texto non sexa corrixido”. Afirmación –a lingua propia de Galicia é o galego– que na mesma tarde na que se coñeceu a resolución oín nun acto público dos beizos do actual conselleiro de Educación e dun maxistrado do Tribunal Supremo. Cal é a razon que non poida aparecer como tal nun libro de texto de Educación Primaria?
Non deixa de ser sarcástico que nesta unidade didáctica apareza outro recadro que reza do seguinte teor: “A misión principal do Valedor do Pobo consiste en recoller as queixas dos cidadáns e cidadás sobre as posibles violacións dos seus dereitos e liberdades por parte da Administración”. Quen ampara aos cidadáns das resolucións erradas do Valedor do Pobo como esta, cando o seu criterio ademais é seguido pola Xunta de Galicia? Quen ampara aos cidadáns que queremos facer uso dos nosos dereitos lingüísticos e utilizar o galego en todos os ámbitos da vida social? Achegándonos aos días de Nadal, non está de máis que desexemos que sexa a estrela dos afectos a que guíe a lingua galega, unha luz que a todos e todas une.
Manuel Area, catedrático galego de Didáctica da Universidade de La Laguna, pronunciou unha brillantísima conferencia inaugural do Simposio O Libro e a Lectura. Utilizando como punto de partida o concepto de Bauman de realidade líquida, abordou o tránsito que vivimos no mundo da cultura e da educación, como o paso dos modelos sólidos aos líquidos. Moi interesante foi a súa caracterización da cultura dixital (líquida) como desorganizada, abondosa, replicable, mudable, acelerada, en mudanza permanente. Análise que relacionou coa necesidade de reinventar o concepto de alfabetización para a cidadanía do século XXI a partir do acuñado por Paulo Freire: “alfabetizar é formar persoas competentes para utilizar de forma autónoma, intelixente e democrática os instrumentos da cultura de cada época”. Eis unha achega clarificadora a un concepto novo, a “educación líquida“.
Foi unha fachenda participar no acto inaugural do Tour de Lecturas do Oeste organizado pola Universidade da Coruña. Unhas xornadas que forman parte da cadea promovida pola Rede de Universidades Lectoras, experiencia de fomento da da lectura na que participan trinta e sete universidades de España, Portugal, Italia e México. A reivindicación do valor transversal da lectura dende a universidade é moi importante para incorporar a lectura á axenda pública. As palabras de Narciso de Gabriel, decano da Facultade de Educación, foron moi claras: «Debemos seguir intentando fomentar o gusto pola lectura, á marxe da consideración de carácter utilitario, tanto entre o estudantado como o profesorado» Fomentar a lectura na universidade, un paradoxo necesario.
Coñecino o xoves á noite, cando estaba de viaxe. Daquela publiqueino en twitter e agora podo arquivalo no blog. Unha peza memorable que amosa o amor a lingua de toda unha comunidade educativa, alicerzada polo compromiso do seu claustro de profesorado. Versionar o tema de Siniestro Total, o himno non oficial da miña xeración, é un acerto rotundo. Claro que si, «a lingua sabe a pan» non só no CPI Virxe da Saleta de Cea, tamén en todos en cada un dos nosos centros escolares, nas cociñas e nos salóns dos nosos fogares. A lingua sabe a pan para todos, mesmo para os catro malpoucados que se avergonzan dela. Beizóns para o CPI de Cea por lembralo e polo extraordinario traballo didáctico que supuxo a creación deste lipdub, desenvolvido a partir dunhas palabras de Cunqueiro: «Unha lingua é boa cando sabe a pan fresco». O emprendido en Cea, terra dun dos máis sabedeiros pans galegos, é un dos mellores vieiros para recuperar terreo para o idioma, con entusiasmo, con ledicia, con autoestima. Axuda a difundir a peza: «á lingua sabe a pan».
Esta iniciativa normalizadora , sen dúbida, e unha das máis destacadas do ano. Merece ser recoñecida dalgunha maneira.
O programa electoral educativo do PP anuncia a intención de eliminar a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, a materia de sexto de Primaria, segundo e cuarto de ESO que algúns sectores ultraconservadores e católicos levan intentando dinamitar dende hai seis anos. Hostilidade que non foi refrendada polos tribunais (tanto polo Supremo, como por varios Superiores) que avalaron a validez dos contidos desta materia incorporada ao currículum da man da Lei Orgánica da Educación de 2006. Se goberna Rajoy, a EpCDH será substiuída por “outra con contidos baseados na aprendizaxe dos valores constitucionais e o coñecemento das institucións españolas e europeas”. Sen dúbida, unha materia do mesmo ámbito ca Cidadanía, mais cun enfoque curricular diferente. Pagaba a pena tanto rebumbio para isto? Agora só nos queda saber se continuará impartíndose Ciencias do Mundo Contemporáneo en Bacharelato, outra materia (neste caso científica e tecnolóxica) combatida polos conservadores, para rematar o proceso de deconstrución curricular. Semella que iso é o que pretende o Partido Popular. Acabásemos.
Na tertulia da Radio Galega debatemos sobre o avance do programa electoral de Mariano Rajoy, a quen xa todos vemos cun pé na Moncloa. Fóra da premeditada ambigüidade da súa redacción e do modelo de política fiscal que favorece aos que máis teñen e poden, chamoume moito a atención o compromiso de volver reformar a Educación Secundaria. Semella que desta volta, se o PP conta con maioría absoluta, como é moi probable, aprobará unha nova lei que parta a Secundaria en dúas etapas de tres anos coa intención de facela «máis flexible»: unha ESO de carácter comprensivo (á que habería que engadir un ano de inserción profesional) e un Bacharelato claramente propedéutico. Poñeríase así fin ao modelo de Secundaria Obrigatoria para todos e todas, que os sectores educativos conservadores veñen criticando dende a posta en marcha da LOXSE, hai xa vinte anos. Decontado viñéronme á cabeza tres preguntas: Que debemos facer coa nosa campaña de novos libros de texto para 4º de ESO, na que estamos traballando nestes momentos? Que foi daquel pacto pola estabilidade da Educación da que tanto falou o PP para non aceptar o acordo proposto polo ministro Gabilondo? Asume o partido de Mariano Rajoy algún compromiso de aumentar os recursos dedicados á educación ao longo da lexislatura? Quizais no programa electoral completo do PP (publicado hoxe) poidamos atopar respostas para estas nosas preguntas tan desacougadas.
Interesantísimo vídeo que recolle en formato de animación Scribing unha conferencia de Ken Robinson sobre os problemas principais da educuación contemporánea.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da actual situación de recurtes no ensino público, lembro a pegada marcante de Lorenzo Milani e a súa escola de Barbiana, para logo reflexionar sobre as taxas de fracaso escolar.
Unha das lecturas marcantes, dentro da miña formación como pedagogo, foi Carta a una maestra dos Alumnos da Escola de Barbiana. Aquel libriño, publicado pola editorial católica Nova Terra en 1970 –merquei o meu exemplar no nadal de 1977, na libraría Ir Indo das galerías de Príncipe–, descubriume a figura do crego Lorenzo Milani, un mestre dunha peza que na aldeíña de Barbiana, nos montes da Toscana, fixo da súa escola primaria unha comunidade de vida e aprendizaxe. Concibido para defender a dignidade de Gianni, un rapaz de catorce anos que chegou a Barbiana rebotado dun centro do que fora excluído, o libro recolle unha longa carta que oito alumnos escriben a unha mestra imaxinaria, a señora Spadolini, relatándolle o traballo que se desenvolve na escola de Milani, onde ningún alumno era considerado “inepto para os estudos”. O libro publicado en Italia en 1967 constitúe unha lúcida denuncia do fracaso escolar, entendido tanto como o dunha escola incapaz de que todo o seu alumnado, sobre todo o máis pobre, obteña o seu diploma, ao remate do período de escolarización obrigatoria; mais tamén como o fracaso dunha escola de chapóns, mal educados, caprichosos, individualistas e alleos a todo aquilo que sucede no mundo e as súas inxustizas.
No entanto, o interesante da experiencia de Barbiana non está só na súa crítica á escola ineficiente e clasista, senón na súa reivindicación das posibilidades enormes dunha escola para todos, tamén para os máis humildes, baseada no que Milani denominaba “Pedagoxía do sentido comun”. Unha escola capaz de compensar as carencias arrastradas polo alumnado con maiores dificultades –sexan de linguaxe ou de estimulación familiar–, proporcionando a cada un dos seus alumnos unha resposta axeitada as súas necesidades. Milani insistíu nun ideal educativo de enfoque personalista que sabemos plenamente vixente: “a verdadeira igualdade pola que debería apostar a institución educativa é a igualdade de oportunidades, non só a de acceso. Non hai nada máis inxusto que tratar da mesma forma aos diferentes”. Como reiterou o papel fulcral do mestre nunha escola cuxo obxectivo é o éxito de todo o alumnado: “o orgullo do educador está en sacar adiante aos máis necesitados, aos menos capaces: o seu aprobado é o que debería enchelos de satisfacción”.
Transcorridas máis de catro décadas, a pesar da mellora da calidade dos sistemas educativos europeos, as ideas do crego florentino conservan, magoadamente, toda a vixencia. A loita contra a lacra do fracaso escolar –agora presentado co eufemismo de “abandono escolar”– constitúe a prioridade dos nosos sistemas educativos, aínda moi lonxe do 10% asumido como compromiso ineludible de todos os estados da Unión Europea na estratexia “Europa 2020 para o emprego e o crecemento”. Os últimos datos publicados sobre o fracaso escolar (xaneiro de 2011) non son moi alentadores. Ao longo da década de 2000, España empeorou en dous puntos as súas taxas de abandono escolar, situándose co 31,2%, á cola dos países da Unión Europea, xunto con Portugal e Malta, países que, porén, melloraron na década a eficiencia do seu sistema educativo. Comunidades como Baleares (40,8%) e Andalucía (37,5%) manteñen cifras escandalosas, mentres que a Comunidad de Madrid e Cataluña se sitúan na media do 31%. Pola súa banda, Galicia cunha taxa do 26%, unha cifra que case duplica a da media europea (14,4%), sitúase entre as seis mellores comunidades españolas, o que debería constituír un aliciente para continuar considerando a loita contra o fracaso escolar como un eido estratéxico das súas políticas públicas, o que supón, inevitablemente, investir máis recursos en educación.
Abonda con lembrar as imaxes do que sucedeu este verán no Reino Unido para comprender que a loita contra o fracaso escolar forma parte principal dun marco de convivencia en igualdade. Como é innecesario alertar sobre a complexidade dunha situación social moi fráxil, onde o desacougo creado pola crise económica e o aumento brutal das taxas de paro de xuvenil, pode chegar a facela perigosamente crítica. Vivimos un momento de mudanza civilizatoria no que é imprescindible apostar pola educación e en apoiar ao profesorado na súa difícil batalla contra o fracaso escolar. Xusto o contrario do que se está a facer en comunidades como as de Galicia ou Madrid, onde este curso se producen recurtes severos nos cadros docentes dos centros públicos e cuxos responsables políticos pretenden enfrontar ás familias co profesorado, deitando de forma demagóxica un veo da sospeita sobre a súa profesionalidade. Non está de máis lembrar que recurtar en educación é comprometer o futuro colectivo, tanto no que atinxe á convivencia en igualdade como á competitividade da economía da nosa sociedade.
A eles oito a miña maior gratitude polas dúas horas de conversa tan fluída e (permitídeme a inmodestia) interesante sobre cuestións de actualidade política, edición, lectura, lingua, educación e mesmo un pouco de fútbol en clave galega.
O traballo de transcrición e síntese, moi traballado por Iago Martínez, quedou magnífico. Eis os enlaces dos tres grandes apartados e o retrato de IM e o editorial do xornal («Entusiasmo nos malos tempos»):
No artigo da semana en Faro de Vigo critico os recurtes que na educación pública promove a Consellaría de Educación.
A Consellaría de Educación aproveitou o cansazo da fin de curso para anunciar unha medida moi polémica: a ampliación en catro horas do horario lectivo do profesorado de infantil, primaria e educación especial. O conselleiro Jesús Vázquez desenténdese así do acordo que sobre a xornada de traballo docente o Goberno Galego asinara en 2007 con todos os sindicatos do profesorado. Unha medida aparentemente inocente, presentada apenas como unha reordenamento técnico do horario lectivo, mais destinada a reducir o cadro de profesorado interino e substituto da rede pública, en máis dun milleiro de prazas, segundo estimacións sindicais. Un recurte que, sen dúbida, ocasionará dificultades e problemas a cada unha das comunidades educativas dos centros públicos para manter a calidade do seu servizo.
Tras as imposicións unilaterais dun novo modelo lingüístico nos centros e dunha Lei de convivencia e participación, que non contan nin sequera co apoio do Consello Escolar de Galicia, órgano representativo dos diversos sectores da comunidade educativa (profesorado, familias e as propias administracións), a poucos pode extrañar a forma publicitaria escollida polo equipo de Vázquez para argallar o que o deputado socialista Guillermo Meijón definiu como un «ERE da escola pública galega» e vendelo á sociedade como unha medida coa que se pretende que «o profesorado recupere horas lectivas para dar máis servizos e optimizar recursos que garantan a calidade do ensino». Adobiada na linguaxe propia da mercadotecnia política da «consecución da excelencia» e das retóricas «reclamacións dos pais», como argumentos de maior autoridade, esta medida supoñerá de facto que algúns colexios públicos galegos reducirán de forma significativa o seu número de profesores e profesoras, un feito que non pode ser considerado como un «indicador de calidade». Outrosí sucede coa obriga dos claustros de ocuparse dos períodos de «custodia» do alumnado usuario do transporte escolar –unha cuestión que merecería outra solución educativa e asistencial que non fose responsabilizar ao profesorado– abrindo así unha perigosa fenda na especialización dos docentes e unha inxusta e inadmisible sospeita social sobre o seu compromiso con cadansúa comunidade.
Esta medida, cualificada como «abuso», mesmo por ANPE-Galicia, supoñerá que non se crearán o milleiro de prazas docentes previstas no convenio asinado con todos os sindicatos en 2007, ao tempo que continuará a política de amortización de parte das xubilacións que se vaian producindo cada curso. A eliminación de ciclos formativos, os recurtes nos comedores escolares, a paralización da extensión do programa de apertura dos centros fóra do horario lectivo, o peche das escolas unitarias, a sorpresiva posta en marcha dos centros integrados de FP, a redución dos programas de formación do profesorado constitúen un programa político de subsidiarización da rede de ensino público, á que o actual Goberno Galego pretende transformar en complementaria, alí onde exista unha rede privada concertada que compita con ela.
Reducir o gasto en profesorado da rede pública, ignorar o criterio dos sindicatos docentes e desprezar o valor dos consensos das comunidades educativas, como pretende o equipo de Jesús Vázquez, non é a estratexia máis eficaz para facer fronte aos retos dun sistema educativo como o galego que mantén unha taxa de fracaso e abandono escolar (26%) absolutamente inaceptable pola sociedade; mesmo, a pesar de mellorar a media española (31,2%) e case duplicar a dos países da Unión Europea (14,4%). Ás autoridades educativas galegas, como as do resto das comunidades autónomas, non poden esquecer que elas son as responsables de acadar o compromiso da estratexia «Europa 2020 para o emprego e o crecemento», un documento que establece para todos os estados membros, antes de finais desta década, unha taxa de abandono escolar no ensino obrigatorio por baixo do 10%, porcentaxe xa acadada en países como Austria, Finlandia ou Dinamarca. Para a Comisión Europea este obxectivo, no caso español moi vinculado coa loita contra o desemprego xuvenil, é asumible se todos os estados o consideran como estratéxico nas súas políticas públicas, o que supón, inevitablemente, que deben investir máis recursos en educación. Xusto o contrario do que se pretende facer aquí.
Os responsables políticos equivócanse se coa intención de salvar a saúde dos bancos alemáns e franceses, onde probablemente están as primeiras e máis poderosas razóns da catástrofe financeira do euro, hipotecan o futuro do noso sistema educativo. Saben, e non poden agochalo, que reducir a taxa de fracaso escolar é unha responsabilidade tan estratéxica como reducir a taxa de endebedamento das contas públicas.
O pasado 4 de xuño a CGENDL realizou un acto no que se lembraron os vinte anos dos Equipos de Normalización Lingüística, que serviu, ademais, para homenaxear a Agustín Fernández Paz. Todas as intervencións foron magníficas. No entanto, recomendo moito a intervención de agradecemento de Agustín, unha síntese da historia da galeguización educativa durante tres décadas, o esforzo de toda unha xeración de mestres e mestras que sempre traballaron en condicións difíciles.
O treito final do discurso de Agustín é, para min, moi emocionante. Agustín entrega a testemuña dunha xeración de mestres galeguistas a estoutra que representan os membros da CGENDL. Atención especial merecen as palabras finais: “Os mestres galeguistas somos da estirpe dos indignados!”.
Valentín Arias morreu de socate o venres na súa casa de Vilerma, na parroquia de Maside do concello de Sarria, onde nacera en 1934. Fillo de humilde casa de labregos aprendeu as catro regras nunha escola de ferrado. Como ten confesado “ía para labrego”, mais o 1 de febreiro de 1948 acontecería un feito decisivo para o seu futuro: o empresario Antonio Fernández López inaugurou a un quilómetro do seu fogar a Escola Agrícola da Granxa Barreiros para rapaces e rapazas de seis a catorce anos das parroquias da contorna, así como para as persoas adultas que se achegasen para recibir leccións. Alí acudiu Valentín como alumno e alí amigou de por vida co mestre galeguista que a dirixía, Avelino Pousa Antelo. Alí deu en ensinante e quedou contaxiado polo virus da escritura con enxebreza de don Avelino, ao tempo que pola obriga moral de traballar arreo a prol do país.
Dende aquela e ao longo de seis décadas, Arias dedicou a vida toda ao servizo do desenvolvemento de Galicia. Fíxoo como mestre, editor, tradutor, ensaísta, biógrafo, investigador, empresario agrícola, promotor do cooperativismo ou militante do nacionalismo galego na clandestinidade (foi membro do PSG). Actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi Valentin un home de país.
Como mestre, formouse co espírito activista e anovador da Escola de Barreiros, inequivocamente decroliana, da que tras os seus anos de formación sería tamén mestre responsable durante unha década (1955-1965). Labor docente creador que continuou en Vigo, desque ingresou en 1969 no Colexio Público de Sárdoma, onde se xubilou en 1994 deixando unha gratísima lembranza entre os seus milleiros de alumnos.
Iniciou as súas tarefas no mundo do libro galego en 1970 cando comezou a traballar na Fundación Penzol e, máis tarde, de 1975 a 1978 como xerente da editorial Galaxia, onde publicara, coincidindo coa súa chegada á cidade da oliveira, os seus primeiros libros “A lingua galega na escola” (1970), “Lecturas galegas” (1972), “A escola rural en Galicia” (1975). Máis será coa creación de Edicións Xerais de Galicia en 1979, cando comezará a desenvolver un labor extraordinario como revisor e tradutor de milleiros e milleiros de páxinas en galego. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, “Arroás”, “Xabarín” e “O rato Pérez”.
Foi quizais do seu labor como tradutor do que Valentín Arias se sentía máis fachendoso e responsable. En 1984 promoveu a creación da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente e animador incansable, coa inequívoca vontade de contribuír dende este eido a recuperación idiomática e a ofrecer a posibilidade de ler en galego calquera tipo de texto do corpus literario e científico universal. O seu esforzo como tradutor foi monumental. Deixa milleiros e milleiros de páxinas traducidas para o galego nas nosas bibliotecas. Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”, “Da Terra á Lúa”), Rodari (“Contos ao teléfono”, “Contos a máquina”), Camus (“O estranxeiro”), Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Atxaga (“Memorias dunha vaca”), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”) ou Diderot (“Sobriño de Ramuau”). Verqueu para o galego os cómics de Tintin, dirixiu o equipo de tradutores do Quixote galego, preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit. Un labor polo que foi recoñecido por premios como o Ramón Cabanillas (1989), o Plácido Castro (2001) ou coa homenaxe que recibiu en Vigo o 30 de setembro de 2008 con motivo do Día da Tradución, sendo declarado o “patriarca dos tradutores galegos”.
Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase “Tradutor e mestre Valentín Arias”. Con todos os nosos abrazos para Amparo Castaño, a súa inseparable compañeira, e para os seus fillos e netos.
Moitas grazas a Guillermo Meijón por tan interesante descuberta. A existencia dunha voz interna como motor da organización do pensamento e da acción desta rapaza sobrecolleume. Una aposta pola educación inclusiva. Merece a pena, a pesar do ton un chisco grandilocuente da narración e dos titulares sensacionalistas da reportaxe televisiva.
Hoxe que é un día de festa para o pobo exipcio que conquistou a súa liberdade, pode ser tamén unha oportunidade para que nos interesemos polo mundo árabe. Recomendo descargarSimsim, un completísimo catálogo de publicacións infantís e xuvenis que nos permiten asomarnos ao mundo árabe. Repasar este catálogo desmonta moitos prexuízos que xustifican a opresión de occidente ao mundo árabe por medio das ideas que conforman o conglomerado do medo (dende o terrorismo ao islam) pasando por esoutra suposta incompatibilidade, como atinadamente salentaba noxe o Funambulista, destas sociedades coa democracia. Este catálogo, elaborado por Casa Árabe coa colaboración de A mano Cultura, inclúe tamén numerosas publicacións en galego: Ás de bolboreta de Rosa Aneiros, Cartas de amor de Fran Alonso, Irmán do vento de Manuel Lourenzo González, Sari, soñador de mares de Marcos Calveiro, O xardín de media lúa de Rosa Aneiros… Unha oportunidade para volver a nosa ollada sobre a diversidade do mundo árabe a través dos libros e valorar un universo cultural tan próximo como descoñecido.
Aproveitando o acougo das vacacións de Nadal o conselleiro de Educación presentou o borrador do anteproxecto de Lei de convivencia e participación da comunidade educativa. Un texto que para o Goberno Galego ten por finalidades “acadar e manter un clima de convivencia” nos centros escolares, dignificar a profesión docente, proporcionándolle protección xurídica adecuada ás súas funcións, e corresponsabilizar aos pais e nais nesta tarefa coma un dos seus principais deberes en relación coa educación dos seus fillos. Obxectivos, sen dúbida, que comparten todos os membros das comunidades educativas, tanto polo feito de que a aprendizaxe da convivencia constitúe a esencia de todos os procesos educativos, sexan familiares ou escolares, como pola importancia fulcral que para o desenvolvemento con aproveitamento da actividade educativa ten o noble oficio de mestre, non sempre suficientemente recoñecido e valorado polo conxunto da sociedade.
Dende a exposición de motivos, a lei amosa a súa preocupación pola gravidade dos fenómenos de “mala convivencia” nos centros educativos, con especial atención aos de acoso e ciberacoso escolar, presentados como “unha nova cotiá nos últimos tempos”. Fenómenos de abordaxe educativa complexa para os que se pretende atopar saída elaborando un plan de convivencia, considerando ao profesorado como autoridade pública e obrigando a participar aos pais e nais nos procedementos de corrección disciplinaria. A consideración dos docentes, recollida das leis aprobadas nas comunidades de Madrid e Valencia, apenas supón asumir o principio da presunción de veracidade das súas afirmacións realizadas nun eventual procedemento sancionador aberto a un alumno. Outrosí sucede co recoñecemento da facultade para “requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro…”. O mesmo poderíamos dicir da responsabilidade outorgada aos departamentos de orientación de elaborar un “programa de habilidades sociais” dirixido ao alumnado que incorra de forma reiterada en condutas disrutivas; da posibilidade de regular o vestiario do alumnado que se deixa á autonomía do centro, ou comunicar as incidencias aos pais e nais por Internet. Solucións que sabemos dunha ou doutra maneira se veñen ensaiando por parte do profesorado e das comunidades escolares dende hai ben tempo.
Porén, nin o enfoque nin as medidas desta lei apuntan cara a orixe da maior parte dos conflitos existentes nos centros educativos. Non podemos agochar que moitos destes problemas teñen a súa cerna na masificación dalgúns centros de Secundaria e na ausencia de medios e recursos para abordar a súa diversidade. Non se poderá mellorar a convivencia nestes centros, se non se baixa a ratio de profesorado/alumnado, se non se contan con desdobres en determinadas materias, se non existe profesorado de apoio, se non se establecen programas de mediación para abordar os conflitos ou se non se xenera no centro unha dinámica na que a disciplina democrática ocupe un lugar destacado. Cre sinceramente alguén que coñeza o funcionamento dun centro educativo que a consideración do profesorado como autoridade pública solucionará os problemas que suscita a integración de minorías ou de alumnado con comportamentos disrutivos? O sistema previsto de correccións (outro eufemismo) abondará para resolver este tipo de conflitos educativos? Non sería máis realista asumir que a autoridade e prestixio social do profesorado se consegue coa lexitimidade proporcionada polo apoio do conxunto da súa comunidade educativa e polo recoñecemento do resto sociedade?
Con todo, non nos enganemos, nin o acoso escolar nin os conflitos disciplinarios son a razón de ser desta chamada “lei de convivencia”, senón o da regulación da participación directa dos pais e nais, á que se lle dedica un capítulo específico. Un procedemento artellado coa intención de “solicitar as preferencias individuais ou colectivas” sobre aspectos da programación xeral do ensino, até agora competencia da Administración educativa e dos órganos colexiados, fose do claustro do profesorado ou do consello escolar. Un mecanismo xurídico destinado, sen dúbida, a avalar á consulta prevista no “Decreto de Plurilingüismo” e superar algúns dos atrancos que lle puidese ocasionar o ditame do Consello Consultivo e mesmo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional (STC 337/1994) contraria á elección de lingua por parte dos pais. En definitiva, en época preelectoral, como xa sucedera hai dous anos, ás portas das eleccións autonómicas, o Partido Popular de Galicia volve axitar as augas do conflito do emprego do idioma no sistema educativo. Unha extraña forma de entender a convivencia nun ámbito onde son imprescindibles as maiores doses de acordo e sutileza.
Non é ningún segredo que o equipo actual da Consellaría de Educación gosta de anunciar as súas máis importantes medidas nas vacacións de nadal. Xa o fixo o pasado ano, cando presentou uns días antes do anovello o borrador do decreto de Plurilingüismo; faino este curso, aproveitando as xornadas de descanso do profesorado, para presentar o borrador do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación, coa que se pretende «dignificar o labor docente, corresponsabilizar ás familias e mellorar o clima nas aulas». Obxectivos que todos compartimos, mais que non poden agochar outros como os «de regular, tamén, a consulta e a participación directa das familias no proceso educativo», un eufemismo xurídico para avalar a intención do Goberno Galego de establecer un mecanismo que permita ás familias a elección da lingua vehicular da ensinanza (como figuraba no programa co que o PPdeG concorriu ás pasadas eleccións). En definitiva, un ano despois, enfrontámonos co debate arredor dunha norma que pretende lexitimar o «Decreto de Plurilingüismo» e superar algúns dos atrancos que lle puidese ocasionar o ditame do Consello Consultivo e mesmo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional (STC 337/1994) contraria á elección de lingua por parte dos pais.
Tempo haberá de analizar e debater polo miúdo os contidos dunha lei aparentemente seguidista doutras de semellante fasquía e intencionalidade aprobadas polas Comunidades de Madrid e Valencia. Os feitos de non procurar ningún tipo de consenso ou negociación coa representación do profesorado nin de consultar ao Observatorio da Convivencia e o de presentar o borrador do anteproxecto aos medios de comunicación antes que aos membros do Consello Escolar Galicia, representantes lexítimos da comunidade educativa, denotan o contido profundamente político que os responsables da Consellaría de Educación queren imprimir a unha lei destinada a satisfacer algunhas das demandas das clases medias urbanas, onde o PPdeG pretende atopar a maioría para conquistar no vindeiro mes de maio as alcaldías das cidades que tanto se lle resisten.
Anuncios retóricos como os de «devolver a autoridade ao profesorado» (algo que cremos só se consegue coa lexitimidade que achega o apoio que reciba do conxunto da comunidade educativa), «facer fronte ao acoso e ciberacoso escolar», «posibilidade de que os centros públicos acorden un uniforme para o seu alumnado» ou que «os profesores quedarán habilitados para requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro, dentro do recinto escolar e durante a realización de actividades complementarias e extraescolares» ou a atención por correo electrónico do profesorado aos pais e nais ou a comunicación das faltas por Internet expresan, inequivocamente, a intención do Goberno Galego de enlazar coas preocupacións expresadas polas «familias» (un eufemismo conservador para evitar referirse ás nais e pais do alumnado) da clase media urbana. Medidas de mercadotecnia moi doadamente vendibles nos medios de comunicación que, porén, non apuntan cara a orixe da maior parte dos problemas de convivencia nos centros educativos, que residen na masificación dos centros de Secundaria e na ausencia de medios e recursos para abordar a súa diversidade, precariedade moi acentuada polos recurtes orzamentarios nestes tempos de crise. Dificilmente se poderá mellorar a convivencia nestes centros, se non se baixa a ratio de profesorado/alumnado, se non se contan con desdobres en determinadas materias, se non existe profesorado de apoio, se «as aulas de convivencia» son «aulas de castigo atendidas por profesorado de garda». A este teor sería moi recomendable que os responsables da Consellaría de Educación non desbotasen o valor de experiencias anteriores desenvolvidas arredor desta cuestión no noso país. Resolverá esta lei os problemas que suscita nos centros educativos a integración de minorías ou de alumnado con dificultades relacionais? O sistema previsto de «castigos express» abondará para resolver este tipo de conflitos?
Non descartaría que textos coma este (e como os xa aprobados polas comunidades de Madrid e Valencia) prefigurasen os contidos e a orientación dunha nova Lei de Educación que aprobaría o Partido Popular na vindeira lexislatura, destinada a substituír a actual LOE. Semella que o modelo de participación da comunidade educativa (profesorado, pais e nais, concellos e persoal non docente) na xestión dos centros escolares non universitarios por medio dos Consellos Escolares tería os días contados, sendo substituído polo das direccións escolares completamente profesionalizadas e dependentes das directrices da Administración Educativa, nas que a dirección funciona coma a xefatura de persoal.
Unha Lei de Convivencia e Participación no sistema educativo para ser eficaz e exitosa ten que contar cun amplísimo apoio da comunidade educativa, moi especialmente do profesorado. Con este anteproxecto, o equipo de Jesús Vázquez desbota as posibilidades de artellar un amplo consenso na comunidade educativa, o que sen dúbida agoira, como sucede co «Decreto de Plurilingüismo», outro duro enfrontamento co profesorado. Non entendo como con semellante procedemento se pretende mellorar a convivencia nos centros educativos.
A pesar do fraquísimo «Ano do Libro da Lectura» promovido pola Consellaría de Cultura, as experiencias de fomento da lectura en Galicia colleron en 2010 un importante pulo en Galicia. Entre todas elas destaca pola súa dimensión e enorme transcedencia o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), promovido dende o curso 2005/2006 pola Consellería de Educación e concibido xa no curso anterior, o que para nós constitúe unha das noticias máis destacadas do ano.
Actualmente participan no plan 374 centros, entre os cales está o 51% do IES públicos. Paralelamente a esta Plan, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia promove a campaña Hora de Ler de fomento da lectura, da que forman parte acccións tan interesantes como as Mochilas Viaxeiras, Ler e Escoitar (concurso de lectura en alta voz), os Apadriñamentos lectores, a hora de ler (o tempo específico dedicado á lectura nos centros), a edición de guías e materiais, a celebración de módulos formativos con especial atención á alfabetización informacional e a mudanza de paradigma no eido da lectura ou a celebración do Encontro de Bibliotecas Escolares, nos que puidemos comprobar este ano que participan 1.200 persoas que rebentan a sala grande do Pazo de Congresos de Santiago. Dentro deste plan ten espcial significatividade o funcionamento de 177 clubs de lectura, nos que participan máis de 5.000 lectores adolescentes. O traballo desta rede de Clubs de Lectura recóllese nos blogs Ler en mancomún, Libros a eito e Rede Lectura e compártese cada ano nas xornadas dos Clubs de Lectura.
Un traballo intensísimo promovido dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares por só dúas persoas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, que merecen toda a nosa admiración e aplauso por conseguir semellante proeza. Un plan modélico que merece e debe ser potenciado en recursos humanos e materiais como unha das actuacións máis estratéxicas no noso sistema educativo. Constitúe, ademais, un modelo e unha referencia para o resto das Comunidades Autónomas, o que nos enche de fachenda.
Mención á parte e xa noutros ámbitos merecen dúas experiencias de fomento da lectura por min moi queridas: Espazo Lectura e Trafegando ronseis.
A primeira como modelo pioneiro do traballo do que eu entendo será un dos axentes de fomento da lectura no futuro: o voluntariado pola lectura. Espazo Lectura co seu traballo case diario no concello de Gondomar, concibindo a lectura de xeito transversal e interxeracional, transforma radicalmente a concepción das políticas culturais nunha comunidade local. Unha experiencia interesantísima que xa constitúe un modelo fóra do noso país.
Outrosí sucede con Trafegando ronseis, o blogue de Anxo e Gracia, que dende 2007 realiza un seguimento polo miúdo da produción editorial infantil e xuvenil, e dalgunhas outras novidades literarias, destacando, tamén, polo seu rescate na rede de materiais audiovisuais para ser utilizados como recurso didáctico nas aulas. A súa atención a compilar materiais contra a violencia machista merece ser destacada.
A todos os tres, ás responsables da Asesoría e os participantes no PLAMBE, aos voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura e Trafegando ronseis as nosas beizóns e maiores azos polo seu xeneroso traballo.
Estas cousas son as que me fan chorar. Este proxecto educativo é unha pasada! Iniciativas desta fasquía amosan que temos futuro. Parabéns aos meus amigos do Colexio Humberto Juanes de Nigrán.
Herminio Barreiro na súa derradeira intervención política, en Santiago o o 5 de xuño de 2010, no acto de «Refundando a Esquerda», leu un texto titulado «Refundar a educación para refundar á esquerda», que hoxe recomendamos moi vivamente.
Un documento político e pedagóxico extraordinario que nos deixa o grande mestre como un testamento para todos os seus alumnos e camaradas. Herminio reivindica unha educación nova que nos estimule, nos concite, nos una nun proxecto de nación para unha Galicia dona de si. Unha educación creativamente política, crítica, innovadora, moi rupturista que constitúa unha autentica alternativa anticapitalista. Herminio reclama que dende a esquerda debemos actuar criticamente, radicalmente, revolucionariamente, conscientes que o educador tamén precisa ser educado. Un testamento extraordinario que remata con estas palabras: «A educación e a cultura non só deben ser alicerces para a toma de conciencia política e moral. A educación e a cultura son armas ao servizo do cambio político e da revolución.»
Un impacto tremendo produciunos a noticia do pasamento do mestre Herminio Barreiro. Perdemos a un dos intelectuais máis potentes que coñecimos ao longo da nosa vida. O primeiro mestre dunha xeración de pedagogos e educadores nos que el forxou os valores da educación republicana: a igualdade, a liberdade de pensamento, o esforzo solidario. Comunicounos a paixón pola lectura e o desexo por coñecer, como os primeiros valores que debían manexar os educadores republicanos. Hemrinio concebiu a educación como panca inequívoca de transformación social. Lembro, agora, con melancolía como a tarde daquel 23 de febreiro Herminio soubo manter con toda a dignidade nas aulas da Facultade de Xoán XXIII un debate sobre «Educación e loita de clases« co sociólogo Carlos Lerena, que faleceu anos despois de accidente de tráfico. A publicación de Recordar doe foi unha nova oportunidade para achegarnos ao seu maxisterio e ao seu compromiso político que mantivo inquebrantable até o día de hoxe. Con todos os abrazos para os seus.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración do ciclo «A Illa das palabras» e da fotografía da ría de Vigo do astronauta Soichi Noguchi, apoio a candidatura do Campus do Mar como campus de excelencia universitaria.
No artigo da semana reflexiono sobre a polémica suscitada arredor da creación dunha aula da UNED no Casco Vello vigués. Insisto na necesidade de acometer unha nova organización territorial superadora de localismos e privilexios decimonónicos. Nese novo modelo, as cidades de Vigo e Pontevedra deberían funcionar como senllos polos urbanos complementarios e hipercomunicados dunha rexión urbana única que aspira a converterse no centro de referencia do suroeste da fachada atlántica europea.
Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:
–El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.
Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).
En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.
Velaí a entrevista que me fixeron o pasado luns no programa Bos días da TVG. A conversa (máis de dez minutos) xirou arredor do concepto de lectura e das oportunidades e retos do sector editorial nun proceso de tránsito.
A historia da edición en Galicia aínda está por facer. Velaí esta peza publicitaria (hoxe chamaríamola «book-trailer», como estoutra a primeira da historia da edición en galego) que preparamos en Xerais hai dezaoito anos para presentar nos centros de Primaria e nas xuntanzas que faiamos co profesorado os materiais curriculares da reforma curricular da LOXSE. Transcorridos o tempo (fixémonos maiores neste traballo, como os mociños e mociñas do Colexio Martín Codax de Vigo que aí aparecen), vemos atrás con certa melancolía e orgullo o noso inequívo discurso galeguizador e de renovación pedagóxica, plenamente vixente. Convido a ver o vídeo de sete minutos e medio con eses ollos de escola galeguizadora.
O luns 21 e martes 22 de xuño os mozos e mozas do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do noso instituto achegáronse aos colexios de Sobrado-Nebra, Campanario, Xuño e Caamaño para contarlles historias aos nenos e nenas de infantil e, no caso de Nebra, de Primaria. Para nós foi unha experiencia moi fermosa, emocionante e chea de incertidumes e nervos, pois era a primeira vez que exerciamos de contacontos en público. Queremos darlles as grazas ás profesoras e profesores destes colexios pola súa acollida e comprensión, a Ánxela Doval polo seu bo facer na preparación das contadas e os contadores, a David Pérez polo traballiño (outro máis!) e a sensibilidade desta nova montaxe de Vinte10 TV e a Sonia Ces pola compañía.
Son seareiro entusiasta dos vídeos do proxecto Vinte10 TV, que recollen algunhas accións do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do IES de Porto do Son. Esta peza, alicerce dunha experiencia de continuidade da cadea da lingua (os rapaces e rapazas de ESO contan aos picariños de Infantil e primeiro ciclo), é unha marabilla. Recomendo vela devagariño, xa que ten interese tanto dende o punto de vista de amosar como é posible visualizar interxeracionalmente a esperanza da lingua, como polas posibilidades dun obradoiro de imaxe no apoio a estratexias de animación lectora. As miñas maiores beizóns para todos e todas as participantes en tan magnífico traballo.
Semella que todas elas incidirán na idea xeral de que o decreto fomenta o uso e a aprendizaxe do galego, tratando de que cale na cidadanía o seu carácter equilibrado e sensato, respectuoso coa lexislación, fronte ao extremismo das posicións que o critican, ás que se lle recriminará «que continúen pretendendo impoñer o galego».
Máis alá de que nos imaxinamos que a campaña, polo seu elevado orzamento, debería ter unha boa factura visual e capacidade comunicativa, ben será que vaiamos tomando boa nota devagariño das liñas argumentais para desmiuzar o que se agocha detrás de cada unha delas. Para isto, collemos o fío da anotación de Colmeiro (a quen reiteramos o noso agradecemento polo seu texto):
Insistirase en que «cando o idioma maioritario da aula sexa o galego, en educación infantil as clases impartiranse nesta lingua», porén agocharase que, no caso contrario, será o castelán, como tampouco se informará sobre o procedemento ideado para realizar a pregunta ás familias sobre a lingua que falan os picariños.
Salientarase que «en todas as etapas, coa excepción de infantil, o galego deberá ter unha presenza horaria semellante á do castelán», porén agócharase que coa posta en vigor do decreto o galego reduce significativamente a súa presenza no horario escolar de todas elas e, pola contra, o castelán aumenta en todas elas.
Subliñarase que «en Primaria e Secundaria se impartirán en galego áreas que esixen un importante desenvolvemento das competencias de comunicación oral e escrita», porén, agocharase que as matemáticas, a tecnoloxía e a física e química non poderán ser impartidas en galego, a pesar de seren área claves para a desenvolvemento, entre outras, das competencias matemática, dixital e de aprender a aprender.
Insistirase en que «o decreto establece que deberá procurarse que o alumnado utilice o galego nas materias que se impartan nesta lingua e que os libros de texto e restantes materiais tamén deberán estar en galego», porén agocharase que o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia, abrindo unha perigosa fenda á autoridade do profesorado na aula e introducindo un importante prexuízo sobre a utilidade do galego no eido académico.
Lembrarase que «todos os centros deberán desenvolver un programa de fomento do galego elaborado polo equipo de dinamización da lingua galega», porén agocharase o cambio de denomización dos Equipos de Normalización Lingüística e a redución orzamentaria realizada das partidas destinadas para a realización destas actividades nos centros.
O ditame do Consello Consultivo sobre o Decreto de Plurilingüismo é outra dura lección para o Goberno Feijóo. O Consultivo corrobora, dende o seu punto de vista estritamente xurídico, o que dende outras instancias tantas outras veces se ten afirmado: «é inconstitucional que os pais elixan a lingua na que se imparten as materias da educación obrigatoria», razón, entre outras apuntadas, pola que para este órgano independente de carácter técnico xurídico o Decreto de Plurilingüismo vulnera a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e a propia Lei Órgánica da Educación.
O Consultivo argumenta que na Educación Infantil deben ser os centros educativos, a través dos seus proxectos lingüísticos, os que decidan a lingua de escolarización, en función dos datos do mapa sociolingüístico, da información facilitada polas familias e da valoración realizada polo claustro. En canto á posibilidade de que as familias decidan o idioma dalgunhas materias de Primaria e Secundaria, o ditame salienta que isto supón “a atribución ás familias dunha capacidade decisoria no eido da programación educativa” que non lle corresponde. Engade, tamén, que suporía limitar “a competencia dos consellos escolares dos centros a aprobar e avalar o seu proxecto lingüístico”. O Consultivo tamén salienta que non sería correcto “decidir cada catro anos”, xa que non todas as familias terían capacidade de elección. No que se refire ás procentaxes do 50%, o ditame solicita que se sustitúa no texto “porcentaxe semllante ou equilibrada” por “igualitaria”, para que o reparto ao 50% sexa máis preciso.
O texto do ditame constitúe un severo correctivo para quen utilizou o anterior ditame deste órgano sobre o Decreto de Fomento do Galego no ensino non universitario de 2007 como principal argumento para que fose derrogado. Por moito que teime o conselleiro Vázquez na lexitimidade da súa maioría na cámara, coas eivas legais apuntadas polo Consello Consultivo é irresponsable aprobar este decreto. Unha retirada inmediata do texto e unha volta ao consenso parlamentario acadado en 2004 semella a única saída posible para esta malfada polémica. Porén, continuar teimando nos termos deste modelo lingüístico imposto polos intereses dun sector do Partido Popular, levará a un desastre para a convivencia e para o futuro do idioma noso.
Agustín Fernández Paz agasalloume hoxe con este caligrama preparado en letraset para un dos primeiros libros de texto do colectivo Avantar. Coa perspectiva de case trinta anos, este recurso didáctico é unha auténtica marabilla.
Dona Carmefai agora vinte anos. Comprobo que continúa gustando aos picariños e picariñas de hoxe e algunhas profesoras lle atopan utilidade didáctica. Que máis se lle pode pedir a este libro publicado cando non había nada, ou case nada, para os primeiros lectores?
Non sabedes que satisfacción me produce saber que Dona Carme continúe viva.
Moito agradezo o esforzo que Anxo e Gracia veñen facendo en recompilar materiais da rede sobre a efeméride de hoxe, o Día Escolar da non violencia e pola Paz, que proban a vitalidade da celebración e a calidade e eficacia do traballo didáctico realizado nas aulas e nas bibliotecas do país. Un percorrido por tanto traballos escolares que para min resultou moi emocionante e gratificante. Aconséllo moi vivamente.
Esta semana, con motivo da festa do 30 de xaneiro, as nosas escolas volverán encherse de globos pola paz. A celebración deste «Día Escolar da non violencia e pola Paz» remóntase en Galicia a 1984, ano no que comezaron as actividades de educación pola paz no Colexio Público García Barbón de Vigo. Unha iniciativa que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar galega. Os actos alegóricos como a solta de pombas ou globos no patio de cada centro; a confección de carteis; a elaboración de manifestos; as cadeas humanas na rúa do Príncipe; a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían nesta xornada reivindicativa e que agora son unha rutina que non falta en centro educativo ningún.
Daquelas primeiras celebracións dos oitenta xerminou o movemento galego de educadores pola paz, que dende entón celebra cada ano os seus encontros e promove investigacións, materiais didácticos e publicacións que desenvolven unha cultura para a paz e para a educación nos dereitos humanos. Fito sobranceiro do compromiso destes profesionais, organizados arredor do grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, foi «Construír a Paz. Cultura para a paz», un proxecto interdisciplinar promovido polo inesquecible Xesús R. Jares, o infatigable motor e estudoso deste movemento, no que participaron máis de cento trinta persoas de todo o mundo, que se plasmou nun libro solidario do mesmo título, editado por Xerais, e nunha exposición de pintura, escultura, fotografía e ilustración que percorreu as cidades galegas. Aquel proxecto, colectivo e solidario –os beneficios tirados da venda do libro e das obras de arte empregáronse para apoiar un programa de educación para o desenvolvemento no Brasil–, contribuíu a irradiar dende Galicia unha mirada global sobre a paz, tratando de repensar esta idea en todas as esferas e ámbitos da acción humana.
Membros da Xunta Directiva da AGE foron recibidos onte por autoridades da Consellaría de Educación (excusaron a súa ausencia tanto o conselleiro como o secretario xeral de Política Lingüística). No transcurso da reunión, os editores presentaron a súa valoración das «Bases para a elaboración dun decreto de plurilingüismo» que subscribe como punto de partida a filosofía do informe da RAG e rexeita, dende criterios estritamente empresariais, a redacción do apartado 8.1 do documento de «Bases», no que se fai referencia a edición e utilización dos libros de texto.
Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparte a materia. A Administración educativa promoverá a elboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeiras(s).
Os editores manifestaron que de aprobarse esta redacción produciríase unha fragmentación do mercado dos materiais curriculares en Galicia que sería imposible de satisfacer por parte das editoriais, tanto pola necesidade de reducir as tiraxes, como polo aumento desorbitado dos custos de creación editorial que supoñería a edición simultánea en tres linguas. A esta reflexión engadiron que o sistema de elección de lingua por parte das familias, adiará a toma decisións dos centros educativos e fará imposible a fabricación dos materiais coa antelación precisa. Nesta liña, os editores reclamaron dispoñer dun calendario de produción racionalizado e coherente co programa de implantación da nova modalidade de gratuidade prevista polo actual Goberno Galego.
Os editores amosaron, ademais, a súa enorme preocupación sobre a eficacia pedagóxica do equilibrio entre as tres linguas escollidas, solución non contemplada á hora da redacción dos currículums actualmente en vigor. Sinalaron que «converter un terceira lingua non natural (fose inglés ou outra) en lingua vehicular para desenvolver os currículums vixentes, comprometería a viabilidade didáctica e calidade dos materiais, xa que a edición nunha lingua estranxeira implica unha adecuación dos proxectos editoriais aos niveis de competencia lingüística do alumnado (moi inferiores ao das súas dúas linguas natuais), o que suporía unha inevitable rebaixa dos contidos e un claro incumprimento da obriga de abordar a totalidade dos currículums.»
Por niveis educativos, os editores amosaron a súa aberta disconformidade co modelo establecido nas «Bases» para Educación Infantil que «parece contradicir o establecido no artigo 8 da “Carta Europea das Linguas Minorizadas”», xa que é moi probable que coa solución adoptada a edición en galego será minoritaria e dificultará continuar publicando unha oferta que veu mellorando moi sensiblemente nos últimos cursos. Con respecto á Primaria, os editores expuxeron que non lles parece lóxica de maneira ningunha a impartición en castelán (ou en inglés ou noutra lingua estranxeira) da área de Coñecemento do Medio, a área máis vencellada a nosa cultura propia (tradicións, costumes…), á nosa xeografía, aos nosos saberes tradicionais ou ao coñecemento dos nosos episodios históricos. Semellantes argumentos servirían tamén para as materias de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza da Secundaria Obrigatoria, co problema engadido de que semella moi pouco defendible a previsible mudanza de linguas vehiculares ao longo da historia escolar de cada alumno. O mesmo sucedería coa fragmentación da oferta lingüística das áreas optativas, tanto da ESO como das diversas modalidades do Bacharelato, nas que moi dificilmente será rendible a publicación de manuais. Por último, os editores amosaron a súa decepción polo tratamento lingüístico da Formación Profesional, etapa da que desaparecerían os materiais en galego, quedando reducida a presenza da nosa lingua á oferta dun Vocabulario Técnico de cada materia.
Os editores galegos propuxeron que para lograr a consecución de idéntica competencia lingüística nas dúas linguas oficiais, como quedou establecido nos documentos curriculares vixentes, se deberían respectar cinco condicións: 1ª, a prevalencia dos criterios pedagóxicos sobre calquera outros; 2ª, a elección da lingua vehicular das materias por parte das autoridades educativas (por medio do decreto); 3ª, a prioridade das dúas linguas oficiais; 4ª, A continuidade e mellora dos programas actuais de adquisición de inglés e do seu uso como lingua vehicular; e 5ª, a recuperación do consenso político e social que promoveu o propio PPdeG en lexislaturas anteriores.
No artigo dominical de Faro de Vigo, publicado hoxe, valoro o enfoque político do borrador do decreto de plurilingüismo no sistema educativo. Tempo haberá de debullar os contidos do documento no referido a cuestións educativas e editoriais.
Refén do compromiso co seu electorado de rematar con «la imposición del gallego» e consciente da debilidade política dos candidatos do seu partido ás alcaldías das grandes cidades, o actual presidente da Xunta destilou durante meses o que pretendía fose un elixir que entusiasmase aos sectores sociais que reclaman non ter contacto ningún co galego na súa vida cotián (un caladoiro electoral onde o PPdeG pretende atopar a súa vitoria en Vigo ou na Coruña) e conformase aos sectores menos esixentes na defensa da lingua das institucións culturais e do PSdeG-PSOE.
Abandonada a posibilidade de recuncar no consenso de todos os partidos e sectores sociais arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e asumida a necesidade de afastarse de posicións galeguistas (as que se identifica co extremismo da «imposición do bipartito»), a ninguén pode extrañar que Feijoo presentase con estudada equidistancia un documento que afonda na utilización partidaria do conflito sobre o emprego das linguais cooficiais no sistema educativo. O que nos achega unha primeira e importante conclusión, por vez primeira en tres décadas de autonomía, a política lingüística desta lexislatura será a imposta polos criterios e intereses dun partido, non a consensuada por todas forzas políticas en base a criterios de país e á defensa de intereses xerais.
Vestido coas roupas do «espazo internacional do plurilingüismo» e amparado nos resultados da enquisa ás familias da fin de curso, o documento propón recurtar a utilización do galego como lingua vehicular nas dúas etapas do ensino obrigatorio; deixándoo á intemperie, aos ventos dos arraigados prexuízos sociais e das «decisións vinculantes» que cada catro anos tomen as familias sobre o seu uso en determinadas materias. Non hai dúbida que se entra en vigor este decreto, o emprego escolar do galego retrocedería de forma moi significativa, tanto por que de facto sería reducido a materias onde se empregan con menor intensidade todas as competencias lingüísticas como pola laxitude do seu uso por parte do alumnado, que terá a posibilidade de escoller, tamén nas aulas, a lingua cooficial da súa preferencia para súas manifestacións orais e escritas; unha solución inaudita e rocambolesca, secomasí que unha materia sexa impartida nunha ou outra lingua só obrigará ao profesorado (a grande vítima deste documento), que perderá parte da súa autoridade pedagóxica diante do seu alumnado en formación.
Un retroceso indiscutible (por moito que teimen en negalo os redactores do documento) que impedirá conseguir os obxectivos previstos nos documentos curriculares en vigor, nos que se fixa que todo o alumnado deberá acadar idéntica competencia en ambas linguas cooficiais ao remate de cada unha das etapas. Un retroceso que, ademais, contravén o sentido de progresividade e da necesaria protección da lingua propia establecido na Lei de Normalización de 1983 (velaí o artigo 13.2.: «As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino». Este tratamento aparentamente «igualitario» que o documento concede as tres linguas no horario escolar é, ademais de meramente publicitario (coa marca de «plurilingüismo» trátase de vender mellor o novo decreto), discriminatorio para a lingua galega, xa que en todos os manuais de Sociolingüística aplicada ao ensino aparece que a lingua minorizada debe contar cun tratamento curricular preferente, algo que non nos pode resultar novidoso xa que é o modelo que aínda temos en vigor. O que nos achega a segunda conclusión, tras tres décadas de presenza progresiva do galego na escola, con este modelo provocaríase por vez primeira un importante retroceso do seu uso e consideración educativa, mais aínda cando a fraca saúde do noso idioma requeriría accións aínda máis enérxicas de fomento e protección.
Mención áparte na valoración do documento merece o delirante e confuso proceso de toma de decisións proposto no que se transfire toda a responsabilidade na abordaxe do conflito aos consellos escolares dos centros e se proporciona ás familias –asumindo case ao pé da letra as propostas dos colectivos galegófobos (a pesar das súas declaracións premeditamente sobreactuadas, os grandes inspiradores deste documento)– capacidade decisoria sobre cuestións curriculares que son unha competencia ineludible das Administracións Educativas. Unha deixación de funcións incompatible coas sentenzas do Constitucional sobre esta cuestión e inadmisible politicamente xa que o dereito á educación afecta á toda a cidadanía e como outros asuntos de interese xeral debe ser regulada polos poderes públicos democráticos. Feijoo continúa errando na solución do conflito do galego.
Semella que mañán se cumprirán os nosos peores agoiros. O solimán do novo decreto de uso do galego virá no modelo lingúístico escollido para a Educación Infantil, onde se os criterios pedagóxicos non o remedian, será unha votación entre os pais a que determine a lingua vehicular da aula e na que se realizará de forma preferente a aprendizaxe da lectoescritura. De nada servirá o criterio sobre esta cuestión fulcral que manteñamos os profesionais, a quen se nos rouba tan importante decisión pedagóxica, na que interveñen moitos e importantes factores, tanto de contexto sociolingüístico como de carácter estritamente didáctico. Nesta vital decisión sobre o modelo lingüístico da Educación Infantil (onde a escolarización en galego veu gañando terreo nos últimos anos) residirá o cerne deste novo decreto que, polas especulacións da prensa de hoxe, nas etapas obrigatorias reducirá (non sabemos canto, se a un terzo ou a un corenta por cento) a presenza do galego como lingua vehicular.
A cuestión da galeguización da Educación Infantil non é menor. No decreto Fraga do 95, establecíase que na Educación infantil e no Primeiro Ciclo de Primaria empregaríase «a lingua materna predominante entre o alumnado», deixando esta decisión en mans do profesorado de aula (que a recollía na súa programación de aula) e do claustro e do consello escolar (que a recollían no Proxecto Curricular de Etapa e no Proxecto Educativo de Centro). No decreto de 2007, tras a aprobación consensuada do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, introducíanse un importante matiz á redacción do texto do 95, xa que no caso de entorno castelanfalantes «o uso do galego será como mínimo igual a do castelán», correspondendo ao profesorado de aula e de etapa artellar esta presenza do galego na actividade educativa cotián, compromiso que debía ser recollido, entre outros documentos técnicos, no Proxecto Lingüístico de Centro.
Neste contexto conflitivo, é doado agoirar como na elección aula por aula van actuar os potentes prexuízos lingüísticos existentes en Galicia sobre o uso e o valor das linguas cooficiais, un contexto no que o galego sempre sae moi prexudicado. Non é difícil agoirar que empregando este sistema de elección por parte das familias (de moi dubidosa constitucionalidade, na medida que pode conculcar dereitos individuais), asistiremos despois de tres décadas á liquidación do uso do galego nalgunhas aulas de infantil. Se finalmente se concreta esta elección de lingua vehicular na E.I. por votación entre as familias, un modelo do que non coñecemos precedentes, o veleno da confrontación lingüística espallarase por todos os centros educativos, o que constitúe unha incrible irresponsabilidade educativa e política.
Sabiamos que a Feijóo non lle ía ser doado contentar aos sectores galegófobos, que retoricamente continúan reclamando medidas que quedan claramente fóra da actual orde constitucional. No obstante, a última oferta destes sectores propoñendo a elección por parte das familias das «materiais troncais» (un termo inexistente nos actuais documentos curriculares) constituía un indicio de que algo se estaba cocendo en San Caetano coa intención de darlle unha saída política a estes sectores amigos e rematar así con «la imposición del gallego» (un «compromiso» do seu programa electoral). Haberá que agardar a coñecer a redacción do borrador na que, sen dúbida, aparecerán algunha sutilezas valiosas, acenos galeguistas cos que se pretenderá acadar a aceptación do documento por parte da CCG e da RAG como a conformidade dalgúns sectores do propio PPdeG. No entanto, polo publicado até agora, o panorama non pode ser máis desacougante: o uso do galego retrocederá nas etapas educativas obrigatorias e pode quedar seriamente eivado por votación das familias na Educación Infantil. Este é o consenso que nos van propoñer mañán Feijóo, Vázquez e Lorenzo?
Remítome ao expresado na anotación de hai dous días, non é este o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo, a situación de emerxencia reclama defender coa maior intelixencia os nosos argumentos para impedir que, tras tres décadas de pulo, o galego na escola retroceda. Falemos galego!
Camilo Nogueira, cando era presidente da Asociación Cultural de Vigo, mandou imprimir dúas mil pegatinas de cor azul que rezaban «Falemos galego». Impresas na Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, aqueles autocolantes foron un vehículo privilexiado para promover o uso do galego entre a mocidade urbana a comezos dos anos setenta. A boa acollida da iniciativa levou a Camilo a custear do seu peto outras tantas pegatinas de cor vermella que desta volta rezaban «Galego na escola». Lembro o primeiro curso de galego ao que asistín, nunhas calorosas tardes de agosto de 1975, nas aulas do Instituto Politécnico de Torrecedeira. Carmen Panero, a nosa profesora, que utilizaba Galego 1 –o primeiro manual de alfabetización pra persoas adultas que publicou o Instituto da Lingua Galega– soubo comunicarnos un interese e un agarimo polo noso idioma que marcaron dende entón o meu comportamento lingüístico.
A teima do noso pobo máis humilde, que mantivo viva a súa forma de expresar o mundo, e o esforzo dos galeguistas dende 1850, permitiu o recoñecemento do idioma como oficial e a súa entrada na escola en 1980, un fito histórico, xa que dende entón son varias as xeracións que foron alfabetizadas na nosa lingua. Contamos con dúas canles públicas de televisión e outras tres de radio que, madia leva!, emiten integramente en galego, e con milleiros de funcionarios alfabetizados no noso idioma que, a pesar das dificultades e resistencias do sectores galegófobos, abriron fendas valiosas para o seu uso nas administracións locais, na xustiza e na propia policía e garda civil.
A pesar destes avances, que constitúen un auténtico éxito colectivo (e non debemos minusvalorar), é indubidable que o galego perdeu creto como lingua de instalación entre a mocidade, como amosan os datos dos diversos estudos sociolingüísticos. Velaí unha das encrucilladas da nosa lingua, as nosas xeracións alfabetizadas en galego, as máis competentes da nosa historia no seu uso culto (tanto na lectura coma na escritura), porén, non o empregan adoito na súa comunicación oral. Mesmo os rapaces e as rapazas que o falan poden ser considerados entre os seus iguais como auténticos alieníxenas, bechos raros cun comportamento lingüístico extravagante. Se a iso engadimos que nos últimos anos, a pesar do consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística, produciuse unha falta de implicación no uso social do idioma, nos eidos político-institucionais (tanto por parte de amplos sectores do PPdeG como do PSdeG), empresariais, sindicais, eclesiásticos (onde o galego case desapareceu), como na presencia nalgúns medios de comunicación privados, que segue sendo dependente das axudas públicas, todas as alarmas sobre o futuro incerto do noso idioma están acesas.
Neste difícil contexto e a poucos días do anuncio do borrador do novo decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario que, polo adiantado a pasada semana polo propio presidente da Xunta no Parlamento, supoñerá un serio retroceso para o soño normalizador iniciado hai tres décadas, cómpre recuperar as actitudes de entusiasmo militante acuñadas pola xeración de Camilo Nogueira, Ferrín, Beiras e María Xosé Queizán, os nosos referentes morais e políticos no nacionalismo galego. Se a nosa hipótese máis desfavorable se verifica, propoño como primeira medida que dende a sociedade civil nos defendamos pacificamente amparados con novos autocolantes de «Falemos galego» ou de «Galego na escola» (agora en soporte dixital e analóxico), serán o noso primeiro dique de dignidade para comezar un novo e longo proceso de recuperación para o noso idioma. Non é o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo. A nosa causa vén de lonxe, non imos desistir. «Un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a túa tea…»