Category: 17_de_maio
2 Xuño, 2012 (10:16) | 17_de_maio, Artes Visuais, Autores, Beizóns, Efemérides, Ilustración, Iniciativas, Onte, Promoción do libro | 27 comments
As primeiras xuntanzas dos xurados dos Premios Xerais 2012, impedíronme participar no fermoso acto organizado pola RAG nos coruñeses xardíns de san Carlos para presentar «A volta ás Letras en cincuenta días». 50 deseñadores e 50 autores crearon 50 carteis nos que se homenaxea a cada un dos escritores que protagonizaron o 17 de maio, dende a primeira edición do Día das letras Galegas en 1963. Unha iniciativa artística excepcional promovida pola RAG, que Ferrín está transformando tamén en factoría creativa, apoiada en man común polas asociacións profesionais e empresariais de deseñadores gráficos, escritores, artes gráficas, editores, libreiros e bibliotecarios. Os carteis, que foron publicados o 17 de maio nun suplemento de Faro de Vigo, están sendo enviados estes días ás librarías, bibliotecas e centros de ensino secundario. Unha marabilla!
As 50 pezas poden baixarse en pdf aquí (ollo 9,2 megas), como tamén o libro conmemorativo, Todas as Letras, editado pola RAG con motivo dos 50 anos das Letras.
17 Maio, 2012 (09:26) | 17_de_maio, Cidades, Cultura, Efemérides, Galeguismo, Iniciativas, Onte | 8 comments
Abeizoo «Bares e letras», a iniciativa promovida por Xabier DoCampo e outros artistas para festexar na cidade da Coruña o Día das Letras Galegas sen institucións de por medio. A partir das oito do serán máis de cincuenta «actores, músicos, escritores, poetas, paiasos e artistas en xeral» percorrerán 44 bares e restaurantes da cidade onde lerán, contarán, cantarán ou dramatizarán textos en galego coa intención de denunciar así a falta de programación municipal para este 17 de maio. Para rachar con este tempo de conformismo é imprescindible a iniciativa cidadá, o exercicio da corresponsabilidade daquelas persoas todas que se negan a asumir como inevitable o durísimo retroceso nas políticas públicas de sanidade, educación, lingua e cultura. Á altura do 50 aniversario da efémeride creada por del Riego como «Día do libro e da lingua galegas», este 17 de maio, no que celebramos o carácter emprendedor e comprometido de Valentín Paz Andrade, reclama en todo o país d enoso un novo pulo por parte da cidadanía galega, organizada tanto en asociacións serodias ou grupos de afinidade como en colectivos efémeros concibidos para crear espazos compartidos de esperanza. Adiante, cultura ou barbarie!
11 Maio, 2012 (08:30) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Novidades, Onte, Poesía, Xerais | 20 comments
Chegaron os primeiros exemplares da Poesía completa de Valentín Paz Andrade, un groso volume (752 páxinas), preparado por Gregorio Ferreiro Fente, que triplica a obra poética publicada de Valentín. Sei que chegamos moi xustos á celebración do 17 de maio, mais tamén son consciente da importancia desta publicación que supón un auténtico renacemento para un poeta, ademais dunha das achegas e recuperacións máis significativas deste ano Paz Andrade, xa que até agora, mesmo para as persoas mellor informadas fora autor de tres poemarios e un pequeno monllo de composicións dispersas en xornais e revistas. A extraordinaria edición de Fente, unha proeza polo pouco tempo do que dispuxo, reconstrúe cronoloxicamente o itinerario poético de Paz Andrade dende o sue primeiro poemario do desterro (1937) até o Canto en catro ao Conde de Andrade (1985), de xeito que por vez primeira se publican os seus dez libros completos, ademais de dez poemas soltos, catro deles inéditos, ademais de dous libros fragmentarios como apéndice. Unha edición valiosa que permite descubrir a un poeta sólido que mantivo con empeño a súa escrita de forma ininterrompida ao longo de cinco décadas. Como sinala no limiar Gregorio “Valentín Paz Andrade non foi un avogado e home de negocios que pretendera pasar por poeta. Foi realmente un poeta que se fixera avogado e home de negocios”. O 17 celebramos merecidamente a un poeta.
5 Maio, 2012 (11:07) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Eventos, Galeguismo, Homenaxes, Poesía, Recurso_didáctico, Vigo | 92 comments
Formidable resultou o acto do Club Faro de Vigo arredor de Valentín Paz Andrade. Os tres oradores estiveron xeniais. Miguel Anxo Seixas debullou a biografía dun Valentín a quen comezou definindo como «un home que sumaba e axudaba a sumar, un home da Galicia que conta, tanto dende a súa perspectiva xornalística, poética, emprendedora e política». Seixas situou a Paz Andrade na liña dos ilustradores galegos, iniciada por Sarmiento e continuada por Peña Novo e outros galeguistas «impulsou a idea de que en Galicia non só había que preocuparse da lingua senón do mundo da economía, do financeiro, do da enerxía… e que o mar era todo un horizonte de potencialidade nunha Galicia sen fronteiras». Xose Luís Axeitos abordou de forma maxistral a dimensión xornalística de Paz Andrade, especialmente as innovacións que para o xornalismo galego supuxo o Galicia, fose pola súa renovación icónica (situando as viñetas de Castelao en portada e definindo un novo deseño para as súas seis planas); fose creando o primeiro consello de administración dun xornal, un feito insólito naquel tempo, para asegurar a independencia do medio; fose innovando na distribución publicitaria e distribución comercial; fose pola polos seus contidos, nos que apostou pola cultura e sobre todo pola economía como elemento identitario dun país, cuxa capital situaba en Vigo,unha cidade solidaria, a que colocou no mundo; fose polo seu enfoque oral ou pola exaltación das diversas localidades do país, onde o xornal tiña so seus correspondentes». Rematou as intervencións Ferrín definindo a Valentín Paz Andrade como figura «poliédrica, polimórfica, que contaba con vontade ferro, intelixencia privilexiada e unha sentimentalidade literaria radical». Para o presidente da Academia Galega «Paz Andrade foi un táctico, moi solidario, un auténtico home de equipo, de conferencias e tratos. Foi o réxime de Franco quen o situou nunha posición invidualista». Para Ferrín «Valentín foi un eixo de diamante que nunca crebou os principios democráticos, progresistas e nacionalistas, tivo sempre en conta o benestar e o horizonte dun país que pretendía fose o máis soberano posible». «Valentín foi poeta profundo, que soubo escoller os seus poetas. Foi home da literatura do seu tempo, a das vangardas e a do existencialismo», rematou Ferrín, antes de ler de forma moi emocionante «Cando ti volvas», o poema que en 1955 Paz Andrade dedicou a Castelao e foi incluído por Fernández del Riego na súa antoloxía de oesía contemporánea.
4 Maio, 2012 (22:28) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Galeguismo, In memoriam, Recurso_didáctico, Vigo | 31 comments
Valentín Paz Andrade naceu en Lérez, Pontevedra, en 1898. En 1922, tras licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago e participar na guerra de Marrocos, aquel xornalista noviño chegou a Vigo coa intención de fundar un xornal de inspiración liberal, independente e galeguista. Contando co apoio económico de Ernesto Cádiz Vargas, e coa axuda, entre outras persoas, do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, VPA conseguiu que o 25 de xullo aparecese o primeiro número de Galicia, un novo xornal da mañá que levaba por subtítulo “Diario de Vigo”. Aquel proxecto do que VPA foi o seu primeiro redactor xefe e logo director –no que participaron mártires do xornalismo galego como Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustres Rivas, ou no que mestres do humor gráfico de noso, como Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside ou Fernández Mazas, publicaban os seus debuxos e caricaturas– uniuno para sempre co mundo do xornalismo e cunha cidade, Vigo, que consideraba como o motor principal da Galicia moderna. Así o expresou nun extraordinario artigo, “El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia”: “Mientras Vigo no sea lo que merece (…), Galicia vivirá incapacitada para la vida intercontinental”. Unha idea que reiterou en traballos posteriores nos que presentou a Vigo como o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesario dunha Galicia consciente de que “a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino”. Unha idea que traduciu no seu periplo vital na tarefa de facer Galicia dende o mar de Vigo.
O xornalismo foi a súa gran vocación profesional. Tras o Galicia, un proxecto que durou catro anos, mais cuxo fulgor librepensador mantivo acceso de por vida na súa alma mareira, en 1927 comezou a asesorar xuridicamente á sociedade “La Marítima” de armadores de Bouzas e a escribir en Industrias pesqueras, a revista técnica fundada por José Barreras da que logo sería director dende 1942. Aí naceu a súa vinculación co sector da pesca, do que foi un dos máis destacados coñecedores e dinámicos emprendedores, fose como experto internacional en economía pesqueira ou como participante en proxectos empresariais tan destacados como os de Pescanova e a súa primeira flota conxeladora ou a organización en Bouzas, en 1973 e dende a iniciativa privada, da primeira Exposición Mundial da Pesca.
A política tampouco lle foi allea. Pertencente á xeración dos xigantes do galeguismo, como Otero Pedrayo, Bóveda e Castelao, contando con apenas vinte e un anos participou na segunda Asemblea Nacionalista Galega de Santiago, sendo o primeiro presidente do Grupo Autonomista Galego fundado en Vigo en 1930, e un dos catro membros do Seminario de Estudos Galegos que en 1931 redactou o anteproxecto de Estatuto de Galiza. Membro do Partido Galeguista, foi candidato ao parlamento republicano e tras o alzamento militar sufriu desterro en varias ocasións. En 1974 foi designado como representante galego na Xunta Democrática creada en París, despois formou parte, representando a Galicia como independente, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, sendo elixindo senador pola Candidatura Democrática Galega nas primeiras eleccións democráticas.
Poeta de espírito reflexivo e sentimental, escribiu os poemarios A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937), Rosario ao lume (1952), Pranto matricial (1955), Canto ao pobo disperso (1955), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1977), Precánticos da galeguidade (1984), Aura ora de Galiza (1984) e Canto en catro ao conde de Andrade (1985), todos eles incluídos no volume Poesía completa (Xerais 2012), groso volume de case oitocentas páxinas, preparado polo profesor Gregorio Ferreiro Fente, que aparecerá nas librarías a semana vindeira, como a maior novidade bibliográfica do Ano Paz Andrade.
Biógrafo de Castelao, estudoso da obra de Valle Inclán e Guimarães Rosa, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e reeditado estes días por Xerais.
Membro da Real Academia Galega, recibiu, entre outras distincións, o Premio Trasalba (1986), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1978), o Pedrón de Ouro (1975) e a Primeira Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1986). Foi precisamente no acto no que recibíu esta condecoración, un ano antes do seu falecemento, cando pronunciou unhas palabras extraordinariamente reveladoras do seu vencello coa cidade de Vigo, con ese motor irado de Galicia, o punto máis tenso e máis emprendedor do país noso, a cidade á que Valentín tanto quería: “Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñecelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza”.
VPA foi home de entrecruzamentos, mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios, asumindo sempre os riscos da coherencia entre o seu discurso rico e matizado cunha acción tan intensa como diversa. Concibiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente que é unha insistencia no cambio, na modernización, no progreso. VPA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradición son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.
Fragmento do texto lido por Manuel Bragado no acto «Valentín Paz Andrade, a Galicia que suma» organizado polo Club Faro de Vigo o 4 de maio de 2012.
11 Abril, 2012 (06:39) | 17_de_maio, Autores, Galeguismo, Novidades, Onte, Poesía, Presentacións, Vigo | 5 comments
A convocatoria da Fundación Penzol, apoiada polas editoriais Galaxia, Xerais, Ir Indo e Biblos, dunha mesa redonda con motivo da aparición das biografías de Valentín Paz Andrade constituíu un éxito rotundo tanto pola calidade das intervencións como polo numeroso público que ateigou a Casa Galega da Cultura. Charo Portela, autora das dúas publicadas por Xerais, e Xan Carballa da de Galaxia, retrataron a figura literaria, empresarial, xornalística e política de Valentín. Foi moi clarificadora a anécdota final que relatou Carballa sobre a intervención decisiva de Paz Andrade, como membro da Comisión dos nove, para bautizar como tal a Xunta de Galicia, unha das súas tantas achegas políticas escasamente coñecida. O vindeiro 4 de maio será o Club Faro de Vigo quen no Auditorio do Areal convoque a Miguel Anxo Seixas, Xosé Luís Axeitos e X.L. Méndez Ferrín para ofrecer novas dimensións deste home da Galicia que suma. Teño a intuición que a figura de Paz Andrade vai dar moito xogo nos vindeiros meses, sobre todo cando apareza a edición do volume da súas poesía galega completa, preparada por Gregorio Ferreiro Fente para Xerais, que desvelará até nove poemarios inéditos.
6 Xuño, 2011 (07:28) | 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, Economía, Efemérides, Poesía, Recurso_didáctico, Viño | 65 comments
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da elección de Valentín Paz Andrade como autor do Día das Letras galegas 2012, fago unha semblanza do poeta e emprendedor vigués.
A Real Academia Galega elixiu a Valentín Paz Andrade (VPA) como o persoeiro do Día das Letras Galegas de 2012. O empresario e escritor vigués, nacido na pontevedresa parroquia de Lérez, representa a concepción de Galicia como tarefa, como angueira permanente e inacabada, como encrucillada dos eidos da cultura, da economía e da política, imprescindibles para sacala do atraso e da marxinación na que viviu durante séculos. Nestes tempos tan difíciles para Galicia, onde para vergonza da cidadanía as súas institucións propias viran as costas ao patrimonio esencial do país, é oportunísimo que a institución presidida por Ferrín promova a figura deste emprendedor galeguista, un cosmopolita que viaxou polo planeta case enteiro e nunca perdeu os seus alicerces chantados nos portos de Bouzas e do Berbés e nas rúas de Vigo, a cidade do mundo para el máis querida.
En 1922, tras licenciarse en Dereito e participar na guerra de Marrocos, aquel xornalista noviño chegou a Vigo coa intención de fundar un xornal de inspiración liberal, independente e galeguista. Contando co apoio económico de Ernesto Cádiz Vargas, e coa axuda, entre outras persoas, do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, VPA conseguiu que o 25 de xullo aparecese o primeiro número de Galicia, un novo xornal da mañá que levaba por subtítulo Diario de Vigo. Aquel proxecto do que VPA foi o seu primeiro redactor xefe e logo director –no que participaron mártires do xornalismo galego como Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustres Rivas, ou no que mestres do humor gráfico de noso, como Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside ou Fernández Mazas, publicaban os seus debuxos e caricaturas– uniuno para sempre co mundo do xornalismo e cunha cidade que consideraba como o motor principal da Galicia moderna. Así o expresou nun extraordinario artigo, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia»: «Mientras Vigo no sea lo que merece (…), Galicia vivirá incapacitada para la vida intercontinental». Unha idea que reiterou en traballos posteriores nos que presentou a Vigo como o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesario dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino». Unha idea que traduciu no seu periplo vital na tarefa de facer Galicia dende o mar de Vigo.
O xornalismo foi a súa gran vocación profesional. Tras o Galicia, un proxecto que durou catro anos, mais cuxo fulgor librepensador mantivo acceso de por vida na súa alma mareira, en 1927 comezou a asesorar xuridicamente á sociedade «La Marítima» de armadores de Bouzas e a escribir en Industrias pesqueras, a revista técnica fundada por José Barreras da que logo sería director dende 1942. Aí naceu a súa vinculación co sector da pesca, do que foi un dos máis destacados coñecedores e dinámicos emprendedores, fose como experto internacional en economía pesqueira ou como participante en proxectos empresariais tan destacados como os de Pescanova e a súa primeira flota conxeladora ou a organización en Bouzas, en 1973 e dende a iniciativa privada, da primeira Exposición Mundial da Pesca.
A política tampouco lle foi allea. Pertencente á xeración dos xigantes do galeguismo, como Otero Pedrayo, Bóveda e Castelao, contando con apenas vinte e un anos participou na segunda Asemblea Nacionalista Galega de Santiago, sendo o primeiro presidente do Grupo Autonomista Galego fundado en Vigo en 1930. Membro do Partido Galeguista, foi candidato ao parlamento republicano e tras o alzamento militar sufriu desterro en varias ocasións. En 1974 foi designado como representante galego na Xunta Democrática creada en París, despois formou parte, representando a Galicia como independente, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, sendo elixindo senador pola Candidatura Democrática Galega nas primeiras eleccións democráticas.

Poeta de espírito reflexivo e sentimental, biógrafo de Castelao, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.
Esta acertada elección da Academia Galega permitirá recuperar a obra literaria e facilitar o coñecemento popular desta figura moderna que soubo poñer en diálogo permanente a tradición e os retos do seu tempo. Unha aposta de futuro.
Unha semblanza didáctica interesante preparada polo IES Paz Andrade.
17 Maio, 2011 (06:42) | 17_de_maio, Editores, Internet, Lingua, Vigo | No comments
O alcalde de Vigo tivo a deferencia de encargarme a redacción do texto do Bando do Día das Letras Galegas.
Vigueses e viguesas:
A nosa cidade bicentenaria foi en 1963 berce do 17 de maio, o Día das Letras Galegas, unha efeméride creada pola Real Academia Galega a instancias de don Francisco Fernández del Riego, o noso insigne conveciño cuxo pasamento choramos hai uns meses. Unha data escollida para conmemorar o centenario da publicación en Vigo, na imprenta que Juan Compañel rexía na rúa Real, da edición príncipe de Cantares gallegos, o primeiro poemario en galego de Rosalía de Castro. En tempos moi difíciles, cando se negaban as nosas liberdades e o idioma galego carecía de calquera tipo de recoñecemento ou protección, aquela gozosa epifanía celebrada nos salóns da vella casa do concello da praza da Princesa para festexar a proeza rosaliana arraizou devagariño no noso pobo.
O 17 de maio é a festa maior da nosa lingua, da nosa literatura e da industria do libro galego. Hoxe corresponde homenaxear á figura de Lois Pereiro, ese poeta dono da palabra exacta, o poeta do amor resucitado que camiñou en silencio deitando a furia necesaria. Un poeta insurxente capaz de provocar nestes días un vento mobilizador de forza abonda para seducir aos lectores e lectoras máis novos, intensificando a presenza da poesía galega no conxunto da nosa sociedade. Un éxito colectivo do que todos sentimos fachenda e ao que todos responsabiliza na súa continuidade futura.
«Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra», escribiu Francisco Fernández del Riego para expresar o carácter dinámico, emprendedor, innovador que posúe a cidade nosa. Un pulo modernizador que nos levou a liderar os camiños do mar e do desenvolvemento industrial do noso país. Unha luz emprendedora que dende hai sesenta anos permitiu que editores como Xosé María Álvarez Blázquez, Xaime Illa Couto ou o xa citado Francisco Fernández del Riego tomasen a remuda de Compañel e convertesen a Vigo na actual capital editorial de Galicia. Un sector, o da edición, estratéxico para o país, como para a cidade de Vigo, tanto polo considerable nivel de emprego especializado que achega como polo seu papel fulcral para a mellora da calidade da educación, para contribuír ao incremento dos índices de lectura e para promover a proxección da lingua e da literatura galegas no mundo.
Ás portas do cincuentario daquela creación cultural anticipatoria da Real Academia Galega, a celebración deste punxente Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro coincide, ademais, co “Día de Internet” ou “Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información”, efeméride promovida pola ONU coa intención de achegar a toda a cidadanía os beneficios de Internet e das tecnoloxías da comunicación. Unha coincidencia ventureira para a nosa lingua que nesta súa xornada de festa primeira ten a oportunidade de vencellarse máis estreitamente coa innovación e coas mudanzas profundas introducidas polo modelo da comunicación cultural dixital e as utilidades do hipertexto. Porén, a indubidable vantaxe que para o galego supón camiñar da man de Internet, onde conta cunha presenza destacada, non pode facernos agochar que a nosa lingua vive un dos momentos máis decisivos e difíciles para o seu futuro.
É preciso aumentar o número de persoas que valoren este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis innovadora dos galegos e galegas nesta altura do século XXI. É necesario asumir a responsabilidade de considerar o galego como un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado e que debemos entregar á seguinte xeración en condicións óptimas. Cómpre desenvolver unha decidida acción positiva a prol do seu uso en todos os ámbitos da vida social, económica e institucional. É imprescindible recuperar coa maior urxencia o consenso forxado nas tres últimas décadas entre as forzas políticas e sociais arredor do estatus da lingua galega no sistema educativo non universitario. A nosa lingua precisa das maiores doses de agarimo e de entusiasmo por parte de todos e todas.
Lois Pereiro reclamou na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia, un lúcido ensaio sobre a esperanza, «o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente». Foi tamén Pereiro quen definiu a utopía como «a posibilidade de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños». O galego precisa do noso compromiso e dos nosos soños.
Chamo aos vigueses e viguesas a que cada un de vosoutros non renunciedes a traballar arreo a prol do futuro do galego, a que non desistades en utilizalo como o mellor abrazo que podemos ofrecer nas nosas comunicacións. Son moitos os verbos que podemos utilizar para contribuír a agrandar o seu futuro: falar, ler, escribir, abeizoar, agasallar, solicitar… en galego.
Vigo 17 de maio de 2011
O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez
Bando redactado por Manuel Bragado Rodríguez, director de Edicións Xerais de Galicia
2 Maio, 2011 (07:05) | 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Economía, Ensaio, Política, Xerais | No comments
No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío do primeiro de maio e do día das letras galegas, reflexiono sobre as características da crise actual e da prosa vindicativa que lle fai fronte, poñendo como exemplo anticipatorio os textos da Modesta proposición de Lois Pereiro.
A última Enquisa de Poboación Activa amosa que en España hai cinco millóns de persoas (o 21,29%) paradas. Unha cifra que non é menos desacougante para Galicia, onde o número supera xa as 226.000, situando a taxa de paro nun alarmante 17,33%, que na cidade de Vigo chega ao 20,8%; sendo case 70.000 os fogares galegos nos que todos os seus membros carecen de traballo e máis de 20.000 os que non reciben xa ningún tipo de axuda. Cifras que no caso da poboación xuvenil, a comprendida entre os 16 e os 29 anos, acadan en Galicia a inaudita taxa do 31%, a pesar do aumento do número de emigrantes e do notable alongamento da permanencia no sistema educativo, característico deste tramo de idade. Dende 2007 triplicouse en Galicia o número de parados e descendeu de forma significativa a poboación activa, o que constitúe un pésimo balance para a conxunto da economía nosa. Cifras que non poder considerarse alleas ao fracaso sen paliativos tanto da recente reforma laboral, promovida polo Goberno, como das chamadas “políticas activas de emprego”, competencia da Xunta de Galicia.
Sen dúbida, a situación é moito mellor para os traballadores que contamos con emprego, mais non por iso menos desalentadora, xa que a política feroz de axustes e de redución do déficit acometida polas administracións públicas, motivada pola crise da débeda soberana española nos mercados financeiros, provocou o aumento da idade de xubilación e outras subtracións dos avances e conquistas sociais gañados nas catro décadas anteriores. Se a iso engadimos a usurpación da democracia, realizada por políticos de diversas cores e países que actúan baixo a disciplina das axencias de cualificación e dos chamados de forma enigmática como “mercados”; se lle sumamos as dificultades das caixas de aforro para acometer o seu proceso de privatización e saneamento, que pagaremos a escote os seus clientes e todos os cidadáns durante uns cantos anos; se consideramos a clara tendencia inflacionista que comezamos a sufrir, cun IPC xa preto do 4%, á que non son alleas cuestións como a subida dos prezos das materias primas (alimentos) nos mercados internacionais de futuros, a dependencia dos carburantes fósiles ou o incremento dos intereses das hipotecas, é moi difícil para calquera cidadán, mesmo para o máis optimista, enxergar unha xanela de luz para saír da crise.
Máis alá da utilización apocalíptica da situación por parte dos voceiros mediáticos conservadores, que identifican esta xanela coa desaparición de Zapatero do escenario e a entrada de Rajoy no Goberno –simplificación interesada e falaz motivada pola proximidade das municipais– non hai dúbida que vivimos inmersos nunha crise moi profunda, non só económica, tamén social e política. Unha auténtica crise civilizatoria que pon en cuestión a viabilidade do modelo europeo acuñado tras a Segunda Guerra Mundial, tanto do seu proxecto de unión política e monetaria, como do modelo democrático de participación e de redistribución da renda, o da “sociedade do benestar”, baseado na tributización fiscal progresiva, na existencia de pensións ao remate da vida laboral e no acceso universal aos servizos de sanidade, dependencia, educación e acceso á cultura. Unha crise que hoxe comeza a poñer en cuestión a estabilidade e viabilidade destas conquistas, mais que sobre todo constitúe unha ameaza para a xeración dos nosos mozos e mozas, esa “xeración perdida” ou “xeración sacrificada” (xeración “rasca” en Portugal) cuxo futuro semella cada vez máis incerto.
Neste contexto comezan a aparecer textos vindicativos que rescatando o valor das palabras denuncian con indignación estas ameazas e propoñen o compromiso de non resignarse. Este é o caso do panfleto de Stéphane Hessel Indignádevos! (publicado en galego por Factoría K), que nuns poucos meses leva espallado en Francia mais de dous millóns de exemplares contendo unha mensaxe insurxente, incardinada na insurrección pacifista de Martin Luther King. Chamamento semellante realizaba en 1996 Lois Pereiro, o autor deste 17 de maio, na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia (Xerais 2011), o noso Indignádevos!. Un texto vindicativo anticipatorio no que Pereiro denuncia a inocente indiferencia e reclama o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente: «Quen desexe realmente facer algo, a medida das súas forzas, talento e influencia, que se poña xa mans á obra e axuda a exercer a sabotaxe. Inda que un non consiga aspirar máis que a transformar o seu espírito, a mellorarse tan sequera a súa alma e a súa vida en cada un dos seus actos, só con iso elevará o nivel da súa propia e dormida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo».
26 Abril, 2011 (07:06) | 17_de_maio, Efemérides, Eventos, Iniciativas, Poesía | 33 comments
Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas convocan Vento Lois, un recital expansivo que se celebrará en todo o mundo 0 vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde. Eis a súa carta, que pregamos difundir:
Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.
Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro…
Solicitamos a túa colaboración por se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora. Se é así, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, «quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (Por exemplo)».
De momento, están xa confirmados un concerto no cárcere da Coruña, (a partires das 21,00 horas), un recital aberto no Centro de Interpretación de Viño de Monforte e outro en Toulouse (en lugar por confirmar)
Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas en cada localidade, e así xuntar xente, propostas e esforzos. O resultado –fotografías, vídeos, comentarios- será recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.
A proposta de escaleta do acto pode consultarse aquí:
9 Xaneiro, 2011 (20:17) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Eventos, Hai..., Historia, Iniciativas, Recurso_didáctico | 4 comments
A celebración de efemérides («Ano de tal ou de cal») constitúe, ademais dun útil recurso didáctico, a posibilidade de orientar ao longo dun ano as políticas sociais, culturais e educativas públicas e privadas (sobre todo no eido da edición e da comunicación) cara a un tema, problema, personalidade, obra ou manifestación artística. A experiencia internacional e nacional demostrounos a súa eficacia como mecanismo de rescate ou sensibilización social, mais tamén que sen unha programación axeitada poden constituír o máis rotundo dos fracasos.
A pesar de todos estes condicionantes e do perigo de abusar na utilización deste recurso, non me resisto a enumerar algunhas das efemérides que celebraremos en Galicia ao longo deste 2011:
Ademais, 2011 será o ano antitabaco, o da inauguración da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura, ano de eleccións municipais (22 de maio) e outro ano máis da crise económica que ameaza con acadar os cinco millóns de parados en España e 237.000 en Galicia.
[Quizais poda quedarme atrás algunha outra, razón pola que moito agradece se enriqueza a anotación.]
31 Decembro, 2010 (19:06) | 17_de_maio, Beizóns, Efemérides, Música, Poesía, Vídeos | 3 comments
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/0FnflOFfusM" width="750" height="448" wmode="transparent" /]
Bo ano Lois Pereiro!
Procuremos a enerxía necesaria!
Saúde, traballo e lectura galega para todos e todas.
Con todos os abrazos e beizóns.
[Únome á iniciativa de Marcos Calveiro, recuperando o tema «Narcisismo» de Radio Océano sobre un texto do poeta Lois Pereiro. Os meus queridos Oasis saberanmo perdoar.]
12 Xullo, 2010 (07:42) | 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, In memoriam, Poesía | 1 comment
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo son os retos do vindeiro 17-M: acadar unha nova fronteira para a efeméride, incorporando novos públicos e soportes, e facer de Lois Pereiro un autor popular.
Lois Pereiro 2011
A designación por parte da Academia do poeta de orixe monfortina Lois Pereiro (LP) como escritor homenaxeado no vindeiro día/ano das Letras Galegas (17-M) foi todo un acerto. A pesar da lexítima discrepancia dalgunhas voces (poucas) e do moi desputada que foi a toma de decisión (tras numerosas votacións), a elección deste poeta maldito, punk e postmoderno provocou unha descoñecida onda de entusiasmo no mundo literario galego e xerou decontado unha inagardada expectativa de renovación para o futuro dunha efeméride en evidente retroceso de interese popular que, dende hai anos, arrastra esas terribles doenzas do esmorecemento provocadas pola rotina e pola minorización elitista.
Con esta designación non servirá o dilema habitual tan utilizado nestas efemérides: “que pode facer o 17-M por LP?” ou “que pode facer LP polo 17-M?” Para ben ou mal, en 2011 o futuro quedou vencellado entre autor e efeméride. Ese “talento inmenso e cósmico” de LP, salientado estes días por Fermín Bouza nun artigo memorable, constituirá unha oportunidade excelente para atopar novos públicos, novos soportes, novas expresións e novas iniciativas para celebrar unha efeméride, como a do 17-M, até agora centrada na necesaria e imprescindible ritualización académica e na abordaxe didáctica nos centros educativos da figura homenaxeada. Mais tamén, será unha ocasión única para que, por fin, se lea e popularice a LP, este poeta da furia, que posuía coiraza de aceiro e utilizaba verbas curativas de mel, cuxa presenza, en palabras de Manuel Rivas, “tiña o efecto dunha bomba silenciosa, envolta en flores, lanzada ao patio de butacas da ópera do mundo”. Con esta designación, a institución presidida por Méndez Ferrín enxerga outra derrota (unha necesidade moi reiterada polos sectores culturais máis inquedos), ao tempo que pretende converter ao que foi, até agora, un “poeta de culto” nun “autor popular”. Dous retos ilusionantes, perfectamente acadables, aos que estamos convidados a corresponsabilizarnos da súa procura os editores, o profesorado, as bibliotecas públicas, as asociacións culturais e cívicas e (non o esquezamos) as administracións públicas.
“Andou polas beiras salvaxes da vida”, escribiu o seu leal compañeiro Manuel Rivas, con quen Lois, o seu irmán Xosé Manuel, e o pintor Antón Patiño, forxaran en Madrid, a súa primeira trabe de futuro: o colectivo poético artístico “Loia”, que chegou editar de 1975 a 1978 catro números fotocopiados da revista homónima, na que publicou o seus primeiros poemas, recollidos en “Poemas para unha Loia” (1996), volume póstumo no que se incluíu o seu ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Ao longo de só trinta e oito anos, Lois Pereiro percorreu, utilizando unha estética punk, o camiño tráxico que o levou da tristeza violenta da mocidade, –ao abeiro de José Angel Valente, referente fundamental nos seus primeiros pasos– á aniquilación nostálxica que o acompañou dende que en 1981 foi vítima da doenza da colza. Foi a súa unha loita implacable “contra a morte” (ese é, tamén, o título dun longo documental biográfico que sobre el ultiman Iago Martínez e Álex Cancelo), que marcou tanto a súa vida como o seu esforzo creativo, expresado en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Das Capital” e, sobre todo “Luzes de Galiza”, nas letras das cancións que preparou para Radio Océano ou nos seus dous poemarios, publicados ambos os dous por Francisco Macías: “Poemas 1981/1991” (1992) e “Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995” (1995).
Lois Pereiro quixo que a súa literatura estivese feita cos vimbios da tenrura mais non asumiu moitas cortesías para que os seus poemas de aceiro funcionasen como “un bisturí que diseccionase a vida”, imaxe a que acoden para definilo os seus compañeiros do grupo poético “Do amor e desamor” (Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Lino Braxe, Xulio Valcárcel…), ao que se incorporou en 1984, cando chegou á Coruña, cidade na que “xaspeaban as nubes” e onde viviu dende entón.
Volver aos seus textos ou descubrilos é a primeira oportunidade que nos ofrece este vindeiro 17 de maio. Estamos diante dun poeta oceánico, dunha economía expresiva rotunda, capaz de enfeitizar e curar con cada un dos seus poemas: “Que a vida non me sorprenda xamais / desprevenido calado e neutral / e que un segundo antes de renderme / vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro”, comezaba o seu poema “Alerta e vixiante”, escrito un ano antes do seu falecemento, o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que foi anunciada a famosa sentenza da colza, a doenza que o ferira de morte quince anos antes. Outra ironía da nosa recente historia da infamia. Saudamos con esperanza este Lois Pereiro 2011.
Dende a pasasa semana pode seguirse o twitter de Lois Pereiro, onde aparecen diariamente textos e noticias sobre o autor de orixe monfortina. En Twitter existe, tamén, a marca #pereiro utilizada xa por máis dun cento de referencias.
27 Xuño, 2010 (18:11) | 17_de_maio, Autores, Homenaxes, Poesía | 2 comments
A designación de Lois Pereiro como escritor homenaxeado no 17 de maio de 2011 volve demostrar o liderado da actual Academia Galega no proceso constante de actualización do pensamento e da creación galeguista. Non podo agachar que moito me emocionei cando onte lin na pantalla de twitter do meu teléfono a nova que adiantaba Iago Martínez (atinadísimo o seu artigo de hoxe). Esta designación de Lois Pereiro, como o ditame sobre o borrador do «Decreto de Plurilingüismo», énchenos de fachenda de pertencer a un país que conta cunha corporación cultural independente con semellante afouteza e intelixencia prospectiva. A Academia Galega convidounos a redescubrir a un dos poetas claves da xeración dos oitenta, que Iago Martínez e Álex Cancelo retrataron en Contra a morte, un documental que este ano resultará clave para coñecer a súa traxectoria vital e artística. A designación de Lois Pereiro desfai toda clase de prexuízos sobre a institución de Tabernas e convida á sociedade civil a corresponsabilizarse sobre o éxito da homenaxe. Agora, somos os editores, os estudosos do feito literario, o profesorado, o tecido do asociacionismo cultural os que temos a obriga de achegar á sociedade unha resposta acorde co espírito de permanente renovación do poeta apupado pola Academia. Nunha xornada de entusiasmo coma a de hoxe, as nosas beizóns todas son para Josito e a súa familia toda, e para Manuel Rivas e os restos dos membros da Academia por tan importante designación, que non vai en menoscabo de ningunha outra das candidaturas participantes nas votacións.
18 Maio, 2010 (21:47) | 17_de_maio, Goberno Feijoo, Lingua, Polémicas, Política | 6 comments
Xa o comentei onte na tertulia da noite da Radio Galega. A oferta dun pacto pola lingua realizada por Feijóo no contexto dos actos da homenaxe a Novoneyra é un xesto que non debemos rexeitar, aínda que ben coñezamos que os contidos ofrecidos non son outros que os recollidos na redacción do artigo número 5 do Estatuto de Autonomía: o galego como lingua propia de Galicia, a cooficialidade entre os idiomas galego e castelán, acción positiva cara o fomento da extensión e uso do galego e a aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Con todo, o máis valioso da declaración de Feijóo en Parada do Courel non é o que expresa, catro principios estatutarios que ten obriga de defender, senón o que cala, abandonando así o discurso das mentiras da imposición do galego e da liberdade de elección de lingua, que no día anterior empregara con semellante vehemencia Alfonso Rueda, o secretario xeral do seu partido. Entón, en que quedamos: cal é o discurso do PPdeG que vale? É comprensible que os responsables do chamado «Decreto de Plurilingüismo», tras os paos recibidos polos diversos ditames institucionais (o máis recente, o do Consultivo foi durísimo), pretendan procurar unha saída decorosa para a tremenda lea na que se meteron, engaiolados uns polos cantos de serea negacionistas e outros pola estratexia política de reconstruír un novo centralismo. Eles mesmos deben andar amolados pola soidade na que quedaron e sorprendidos pola fortaleza da resposta cívica galeguista. No entanto, a saída para o conflito continúa estando onde os responsables do Goberno Galego ben coñecen: na retirada do documento (como hoxe propón con toda a claridade Agustín Fernández Paz) e na convocatoria decontado dos tres grupos políticos para reiniciar en sede parlamentaria os traballos da posta ao día do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Velaí, como sinalabamos o domingo, un pacto perfectamente posible.
17 Maio, 2010 (17:27) | 17_de_maio, Eventos, Goberno Feijoo, Imaxes, Lingua, Política | 1 comment
Da manifestación de hoxe quedo con esta foto que fixen nas Orfas.
Como é adoito nestas casos convén visitar as fotogalerías de Galicia hoxe, Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Vieiros ou Galiciae. Axudan a comprender mellor a magnitude da mobilización na que participamos.
17 Maio, 2010 (07:52) | 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Goberno Feijoo, Lingua, Política | 2 comments
No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a que entendo é situación decisiva na que se atopa o conflito arredor da política lingüística. Insisto en que o futuro vai depender de nós:
Ese futuro vai depender de nós. O futuro do que lle aconteza a esa lingua na que residimos como pobo (dixo Novoneyra) está nas mans da cidadanía deste país, se o queremos continuar chamando Galicia. Este futuro é unha cuestión estratéxica que require tanto as maiores doses de acordo entre as forzas políticas e entidades sociais, como a creación dunha nova civilidade arredor do uso do seu idioma. O galego é a nosa forma de estar no mundo, o mellor xeito que temos de abrazar, de expresar o noso agarimo e a nosa leal discrepancia. Velaí o fulcral do dilema político actual arredor do idioma. Ou recuperamos as políticas de consenso forxadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e actualizamos e desenvolvemos cada unha das súas medidas, creando así unha nova civilidade para unha lingua que sabemos é de todos, ou xebramos de vez a baralla e transformamos as políticas lingüísticas en liñas de confrontación política e o que sería aínda máis lamentable, de separación e confrontación entre os propios cidadáns galegos.
O futuro da lingua líbrase no terreo do compromiso persoal e no combate cívico colectivo. Hoxe viaxaremos a Compostela para expresar a nosa esperanza.
16 Maio, 2010 (08:51) | 17_de_maio, Autores, Bibliotecas, Blogs, Libro, Promoción do libro, Recurso_didáctico | 2 comments
Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.
«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.
Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).
O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra
Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.
Outra formidable anotación sobre Novoneyra é estoutra que publica hoxe Xosé Manuel Pereiro.
11 Maio, 2010 (07:46) | 17_de_maio, Autores, Eventos, Homenaxes, Poesía, Vigo | 2 comments
Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.
Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»
Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»
13 Abril, 2010 (18:07) | 17_de_maio, Eventos, Polémicas | 3 comments
Mañá participarei no debate que a revista Tempos Novos organiza no pub Dadó-Dadá de Compostela arredor do futuro da celebración do Día das Letras Galegas. Moderados por Comba Campoy, acompañarei a tan vos amigos e amigas como Mercedes Queixas, Nel Vidal, Branca Novoneyra e Euloxio Ruibal. A moderara púxonos unha serie de cuestións ás que deberemos dar algúnha resposta:
- Está a RAG a desempeñar un papel pouco activo na promoción da figura que escolle anualmente, limitándose a unha serie de declaracións institucionais e a un acto litúrxico o 17 de Maio?
- Tería devido o Día das Letras unha mera escusa comercial para a produción editorial e de espectáculos, dada a demanda específica da administración autonómica e local, que limitan a organización de actos adicados ao autor/a homenaxeada ao mes de maio?
- Estarán eses propios intereses editoriais, e outros de carácter político, exercendo unha presión pouco recomendábel na decisión dos académicos sobre a persoa homenaxeada cada ano?
- O Día das Letras no ensino: debería o 17 de maio volver ser lectivo? Como pode contribuír a conmemoración á divulgación dos principais autores das nosas letras entre o estudantado galego?
- A xestión dos dereitos do autor homenaxeado. Debería regularse o uso da obra por parte de terceiros para evitar o simple oportunismo?
- Propostas para achegar a celebración á sociedade (actividades na rúa, asociacionismo…) e que o labor de divulgación dos autores teña continuidade unha vez pasado o ano.
Cuestións todas elas para volver sobre unha polémica na que todos estades convidados a participar.
7 Xaneiro, 2010 (18:08) | 17_de_maio, Autores, Beizóns, Bibliotecas, Cultura, Efemérides, Vigo | 1 comment
Don Paco, Francisco Fernández del Riego, recibiu esta tarde unha pequena homenaxe con motivo do seu noventa e sete aniversario. Un grupo de amigos e amigas reuniuse na viguesa praza de Compostela, onde vive, para render tributo a quen durante toda unha vida leva laboreando de forma infatigable por un ideal noble: organizar en Galicia o partido da esperanza. A pesar dos inevitables achaques dunha persoa case centenaria, don Paco mantén aínda a afouteza e a coraxe, un espello de dignidade humana que representa os mellores valores desa formación veterana na que militaron, entre tantos outras, figuras como Castelao, Alexandre Bóveda, Luís Seoane, Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro.
Don Paco é un home rede. Posúe a capacidade, tan valiosa en Galicia, de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como a el lle presta dicir. Xa o practicaba naquel tempo de entusiasmo republicano, cando sendo secretario xeral das Mocidades Galeguistas mobilizaba aos estudantes composteláns coa súa oratoria sobria e eufónica –como acertadamente ten sinalado esoutro grande orador que é o profesor Xesús Alonso Montero–, a do guieiro dun pensamento federalista e galeuzcano, netamente progresista, como foi sempre o seu compromiso político. Un home rede tecedor de proxectos case imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras do xornal compostelano La Noche, que preparaba con Xaime Illa Couto, ata a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial. Un home rede que en só catro anos de presidencia memorable foi capaz de poñer en valor a Real Academia Galega, unha institución, ata entón, enferma e anestesiada.
Don Paco é un home lente. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno e plural, que permitise desvelar a literatura galega e desenvolver unha industria do libro na nosa lingua. Toda unha proeza de destemido! Aí quedou esa súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu rigoroso traballo como antólogo, ensaísta ou divulgador nos xornais, onde leva publicando milleiros de artigos de estilo inconfundible. Del Riego, o máis importante editor galego contemporáneo, entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas na nosa lingua, como a modélica colección «Illa Nova», que alicerzou a nova narrativa galega, ou imprimindo unha fasquía rabiosamente moderna para todas as publicacións que promovía dende Galaxia.
Don Paco é un home ponte. Tracexou a súa aventura vital coma enlace entre os seus mestres, os membros de Nós, e as novas xeracións da fin de milenio. Home correo escribiu milleiros de cartas que permitiron manter accesa a mesma chama entre a Galicia interior e a da diáspora. Unha ponte sobre unha mesma canle, sobre uns idénticos ideais: defender o noso idioma e a nosa identidade como célula de universalidade, unha definición acaidísima, acuñada polo Partido Galeguista, e aínda non superada, que asumiu don Paco como programa de vida. Un home espello deste talante aberto de diálogo con todas as culturas, deste compromiso moral cos valores da democracia, da paz e da solidariedade, deste exercicio permanente de autoestima e dignidade que nos permite considerarnos orgullosamente como cidadáns galegos.
Don Paco é un home aceiro. Metódico, organizado, cerebral, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Así dirixiu durante case medio século a Biblioteca Penzol, sen cobrar un pataco, converténdoa nun centro de documentación modélico para os novos investigadores da cultura galega e sobre Galicia; aí segue publicando nos xornais, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre este novo tempo en crise.
Don Paco é un home luz. Encabeza o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Unha luz que prende a memoria que nos mantén vivos e dispostos a continuar ese río incesante que nos leva.
Foto: 07-01-2010, R. Grobas, Faro de Vigo.
27 Xuño, 2009 (19:06) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Poesía, Recurso_didáctico, Vídeos | 2 comments
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/K8_jFWgaBWg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
A pesar de que as concellarías de Cultura do BNG promoveron ao mesmo son a candidatura de Ricardo Carvallo Calero, non creo que quedasen descontentas coa elección do poeta courelao Uxío Novoneyra e da elección como académico (xa era tempo!) de Bernardino Graña. Haberá que agardar outro ano pola sorte de candidaturas como as de Lois Pereiro ou pola do editor Ánxel Casal. Estou convencido de que a figura potente de Uxío dará un grande xogo no 17-M, tanto a nivel popular como académico, nun ano onde o debate sobre o futuro do idioma e o papel da creación literaria en galego continuarán sobre a mesa. Parabéns para Elba e para Branca, Arturo e Uxío que conservan a súa memoria literaria e dignidade humana.
18 Maio, 2009 (20:23) | 17_de_maio, Goberno Feijoo, Lingua, Política | 21 comments
Tras o regreso esperanzado de Compostela da tarde de onte, hoxe volvemos a realidade e comprobamos que a saída ao conflito da derrogación do decreto de fomento do galego vai ser moi difícil. Tras a moi coidada «Operación Láncara» (na que se fían na mesma secuencia o manifesto da RAG, o nomeamento de Lorenzo e os actos de homenaxe a Piñeiro da RAG e do Goberno Galego), as primeiras declaracións do conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística volven a intraquilizarnos moito. A verdade que nos deixan como estabamos antes do nomeamento de Lorenzo. Cos termos e argumentos que utiliza o conselleiro de Educación é imposible, hoxe por hoxe, recuperar o consenso alicerzado sobre o Plan Xeral de Normalización de 2004. Cantos pasos adiante, cantos atrás?
No entanto, dos importantes acontecementos da fin de semana podemos adiantar tres tendencias para sacarlles punta no debate:
– A importante manifestación (tanto polo número de persoas que convocou, como pola súa pluralidade) amosou que aínda existe un músculo cívico potente no país. Unha nova excelente, que impregna o comezo de lexislatura de forma esperanzadora.
– Non volveremos a reiterar que a lingua é un patrimonio de todos, sen excepción de clase ningunha; razón pola que a ausencia dos socialistas na manifestación de Compostela foi unha torpeza maiúscula. Como, tamén o é, a defensa “nominal” que do decreto de fomento do galego fai Mar Barcón empregando o castelán. Se con este xesto os socialistas pretenden visualizar o seu afastamento dos nacionalistas, amosan unha inxenuidade delirante.
– Porén, a posibilidade dun pacto encuberto entre o PPdeG e PSdeG sobre a reforma do decreto, que deixe fóra aos nacionalistas, é unha hipótese que cada vez semella máis verosímil. Eis está ese novo consenso do que se comeza a falar?
13 Maio, 2009 (07:10) | 17_de_maio, Educación, Goberno Feijoo, Lingua, Recurso_didáctico | 5 comments
O pronunciamento da Academia Galega sobre o estado da lingua, a pesar de chegar con certo retraso, merece todos os parabéns. A claridade e contundencia do chamamento achega argumentos de autoridade que, canto menos, dificultarán a modificación unilateral do decreto de fomento do galego no ensino prometida polo actual Goberno Galego. Acerta a Academia cando propón un gran acordo social arredor da lingua, recuperando así o consenso acadado en 2004 co Plan Xeral de Normalización. Acerta, tamén, cando insiste en que a lingua non é propiedade de ninguén e que a política lingüística non pode quedar reducida ás aulas. O documento supón un duro correctivo para as intencións expresadas por Feijoó, a pesar de que deixa unha xanela aberta para o consenso, propoñendo partir do consenso do Plan Xeral de 2004, obviando así o decreto de fomento do galego do Goberno Bipartito (un matiz que non debe pasar desapercibido).
Feijoó non mediu as consecuencias que conlevaría o seu compromiso con Galicia Bilingüe de derrogar o decreto de fomento do galego. Saír deste labirinto estalle hipotecando o primeiro período do mandato, mais aínda, cando xa é consciente que non o poderá facer nin sequera para o vindeiro curso. A necesidade de modificar, tamén, os decretos de currículum das ensinanzas obrigatorias, aos que están enganchados o de fomento do galego, require un trámite longo no que é preceptivo (por poñer só un caso) o ditame do Consello Escolar de Galicia. O mesmo acontece coa cuestión dos libros de texto (o curso que comenza en setembro, incorpóranse novos materiais para 5º e 6º de Educación Primaria), sobre os que Feijoo asumiu outro compromiso, o de modificar o actual sistema de gratuidade mediante préstamo. Se a isto engadimos os custes que suporía outro dos compromisos do PPdeG de acadar ao remate da lexislatura que o 30% dos centros fosen plurilingües, Feijoó ten moi difícil realizar esta cuadratura do círculo.
No entanto, a pesar deste aparente fracaso das prometidas e temibles medidas galegófobas, nestes momentos é máis decisiva ca nunca a voz da sociedade civil, expresada polas súas institucións e entidades, como dende a propia mobilización social. Só así poderemos asegurar o mantemento do actual marco de fomento do galego no sistema educativo. A manifestación do vindeiro domingo debe ser decisiva neste proceso de recuperación dunha grande consenso social arredor deste patrimonio de todos.
19 Marzo, 2009 (12:19) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Recurso_didáctico | 5 comments
Acompañar ao profesor don Xesús Alonso Montero a Salamanca permitiume escoitar a súa extraordinaria conferencia sobre a figura de Ramón Piñeiro. Sen entreterse noutras retóricas que as imprescindibles para agradecer o convite aos agarimeiros organizadores da Área de Galego Portugués da Universidade de Salamanca (moitas grazas, Xandra!), comezou don Xesús coa lectura dun seu artigo titulado «Foi, sen dúbida, un cidadán heroico», publicado na sección semanal «Beatus llegit» que mantén no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia (non se pode atopar na rede, o que constitúe unha auténtica mágoa, tratándose dun texto de lectura tan recomendable).
No artigo, sen citar nunca de quen se trata, ata as derradeiras palabras, o profesor de Ventosela retrata a figura humana dunha persoa que posuía «a sobriedade dun sabio antigo», homenaxea a un home «concienciudo, sinxelo, eficaz, sempre convincente, que carecía de vaidade», a «un Sócrates sen títulos académicos», en definitiva a «un auténtico diamante moral, un cidadán heroico chamado Ramón Piñeiro». Tras a lectura do artigo, Alonso Montero interrógase sobre como é posible que mantivese semellante admiración por unha persoa que ideoloxicamente estaba nun mundo distinto ao seu. «Piñeiro non era ateo, nin despois de 1950 moveu un dedo contra a monarquía, foi antimarxista, a que se debe, entón, a emoción da miña admiración? A que se trataba dun diamante moral.»
Logo, Montero fixo un rápido retrato biográfico de Piñeiro. Nacido en Láncara no ano 15, de orixe labrega, estuda os bacharelatos en Lugo, período no que ingresa nas Mocidades Galeguistas, «onde xa destaca máis como teórico que como activista». Lembrou, don Xesús, as palabras de Otero Pedrayo de 1934: «coñecín un rapaz en Lugo que é un auténtico Erasmo». Piñeiro na súa mocidade republicana xa era un meditador, un reflexivo, un teórico. Na Guerra salva a vida enrolándose cos da súa quinta no exército de Franco. Rematada a contenda, segue sendo republicano e galeguista. «Decátase que é desas poucas persoas que pode loitar na clandestinidade pola causa galeguista.» Xesús, a esa altura da súa intervención, enfatiza no carácter heroico da decisión de Piñeiro de facer oposición clandestina nun período (1940-1942) no que a represión era feroz. A continuación salientou a importancia da data do 2 de febreiro de 1943, data do triunfo das tropas soviéticas en Estalingrado, o que provoca o convencemento nos galeguistas, como noutras forzas de oposición, que a ditadura de Franco caerá decontado. Esta é a razón pola que en 1943, Piñeiro viaxará a París para entrevistarse con Giral, presidente do goberno da República, coa intención que introduza no seu goberno a un ministro galego sen carteira (Castelao), que representará a Autonomía Galega. Regresa a Madrid, onde será detido en 1946, e logo xulgado e condenado a seis anos dos que cumprirá tres. «Piñeiro de 1946 a 1949 estivo en prisión con Koldo Michelena, mais nin el nin o seu amigo euskaldún foron torturados, aínda que presenciaron a tortura.» Don Xesús proseguiu o seu relato, «cando sae da cadea en 1949, Piñeiro deixa de defender a República, porque sabe que se está xestando a causa monárquica. Deixa de defender a República e aposta por defender valores.» Formula unha nova estratexia, a de utilizar as canles legais, as dunha editorial, para contactar cos novos e defender os valores galeguistas.» A pesar de que Piñeiro non aparece na foto de creación da editorial, xa que está en Valdecilla operándose dos ollos, Galaxia será clave na súa estratexia. Proporciónalle un soldo, como director literario, e a posibilidade de exercitar o seu labor dende a súa casa de Santiago. «Xelmírez 14, 4º e a mesa camilla pola que pasamos todos aparece na historia de Galicia. dende alí Piñeiro propón unha información democrática. Dende alí Piñeiro fala da situación da cultura e da lingua. dende alí reiventa a cultura galega.»
O profesor Alonso dedicou o derradeiro treito da súa intervención a presentar unha breve panóramica da cultura galega tras a Guerra Civil e a nova estratexia que sobre ela introduce Piñeiro. «Dende 1936 a 1948 non se publica en Galicia ningún libro en galego, coa excepción dos que se publican en América. Esa era a situación coa que se atopa Piñeiro á saída da cadea. Entón, rompeu co Partido Galeguista, porque naquel momento era suicida mantelo na clandestinidade. Dende ese momento a gran tarefa de Piñeiro será demostrar, sobre todos aos novos, que eramos reticentes, que o galego debía ocuparse da alta cultura.» Esa estratexia é a que condice a Piñeiro a publicar en 1951 un ensaio sobre a saudade, que foi cualificado por Juan Aparicio, que logo sería un destacado censor do Réxime, como «un texto que tiña faltas de ortografía no corpo e n alma». Coa publicación deste texto Piñeiro quere demostrar que o seu idioma é unha lingua A. No mesmo ano, 1951, Piñeiro e o seu amigo Celestino Fernández de la Vega traducen do alemán un libro de Heidegger, A esencia da verdade, mais teran que agardar a 1956 para conseguir autorización e velo publicado. «No seu proxecto, Piñeiro incorpora aos doutores Rof Carballo e García Sabell, ao poeta Luís Pimentel, así está reiventando a cultura galega. esa é a gran proeza de Piñeiro, realizada na austeridade, na sobriedade dunha condición moi adversa.» son as palabras de conclusión da conferenciante de don Xesús.
Esta magnífica conferencia de Alonso Montero, que recolle a tese central do libro que está corrixindo para Galaxia, Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, será a base da súa intervención nas xornadas «Ramón Piñeiro na Galicia do século XX» que, organizadas pola Fundación Carlos Casares, se celebrarán en Lugo do 23 ao 26 de marzo.
No eido bibliográfico tamén comezan a aparecer algunhas novidades. En Xerais tras a publicación do ensaio Ramón Piñeiro e a estratexia do Galeguismo de Xosé Ramón Rodríguez Polo, agardamos os primeiros exemplares da novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos, unha proposta moi orixinal de achegamento aos fíos da memoria de dous galeguistas Piñeiro e Víctor Campío.
Outrosí é a magnífica posibilidade que proporciona o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega de gozar dunha escolma sonora de quen foi o primeiro presidente da institución. Un recurso didáctico e documental utilísimo que recomendamos moi vivamente.
Seguiremos atentos ás novidades e acontecementos deste «Ano Piñeiro».
12 Novembro, 2008 (19:42) | 17_de_maio, Eventos | No comments
18 Maio, 2008 (09:54) | 17_de_maio, Efemérides, Eventos | 8 comments

Onte asistín aos
actos en
homenaxe de
Xosé María Álvarez Blázquez organizados en Vigo pola Real Academia Galega.
O acto institucional, celebrado no auditorio do concello, foi literariamente moi brillante, aínda que coa presenza de menos público do agardado (apenas un centenar de persoas, o que amosa un certo desleixo na realización da convocatoria e un desinterese popular por estes actos académicos). Darío Xohán Cabana abriu os parlamentos cunha intervención potente, enérxica, co punto necesario de emoción, defendendo a figura integral de don Xosé María e o carácter revolucionario da súa actividade como editor. Oportunísima foi a súa
proposta de convocar este ano un congreso multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado, fose pola Consellaría de Cultura e Deporte ou pola Universidade de Vigo (unha iniciativa que aínda hai tempo para que fose considerada por estas institucións, pola propia
Academia ou por calquera outra entidade que o puidese apoiar economicamente). Logo interviu,
Víctor Freixanes que abordou moi fermosamente a actividade editorial de Álvarez Blázquez (o título da súa intervención é moi significativo: “Arte da paquetería”) sinalando o carácter innovador que lle imprimiu á actividade editora, tanto na concepción da creación editorial como da súa promoción e comercialización. Pola súa banda
X.L. Méndez Ferrín nun parlamento literariamente memorable describiu os espazos de don Xosé María (a súa descrición das Travesas de XMAB empregando só substantivos foi espectacular) e salientou a sensibilidade literaria e o carácter patriótico do traballo do homenaxeado. Pechou a quenda de intervencións, o presidente da Academia que definiu a don Xosé María como un dos “exiliados na súa propia Terra”.

Despois do xantar institucional no Museo de Castrelos, organizado e pagado pola Academia (un feito inédito na efeméride), se celebrou en Gran Vía 180, na porta do edificio onde Xosé María viviu durante trinta e nove anos, o acto de descuberta dunha praca. Outra vez, apenas cen persoas, asistimos aos parlamentos de Luz Pozo Garza, Alfonso Álvarez Cáccamo (que leu un texto sobre as Travesas en 1946, escrito polo seu pai en 1981, que foi editado nunha fermosa seaparata por Galaxia) e do alcalde de Vigo. Para min, o momento máis emocionante foi a breve intervención, fóra de programa, de Aurora, unha das fillas de Xoán Vidal, inseperable amigo de XMAB (co que fundou
Cristal).
Rematado o acto, subimos a Gran Vía cismando na decepción que nos provocou o raquítico entusiasmo amosado polas institucións galegas e locais (ensimesmadas nos intereses partidarios dos seus responsables) a unha celebración cultural tan relevante, por non falar xa do claro afastamento do conxunto da sociedade sobre a efeméride (coa excepción da programación da radio Galega na praza da Constitución, Vigo permaneceu totalmente alleo a estes actos). Se continuamos por este vieiro, o 17 de maio esmorecerá inevitablemente. A figura revolucionaria de don Xosé María merecía máis.
17 Maio, 2008 (05:29) | 17_de_maio, Vigo | No comments
17 Maio, 2008 (05:06) | 17_de_maio, Blogs, Lingua | 1 comment
Hoxe, 17 de maio de 2008, data na que homenaxeamos a don Xosé María Álvarez Blázquez, poeta resistente e editor popular galego do Moucho, continuando a iniciativa dos Blogues pola lingua, reproducimos o poema “Deitado fronte ó mar”, de Longa noite de pedra do seu amigo o poeta Celso Emilio Ferreiro.
Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…
16 Maio, 2008 (21:50) | 17_de_maio, Vídeos | No comments
27 Xaneiro, 2008 (09:48) | 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Efemérides, Recurso_didáctico | 3 comments
Co artigo da semana inicio unha pequena serie no Faro de Vigo sobre Xosé María Álvarez Blázquez As vindeiras entregas abordarán o seu traballo de editor en Edicións Castrelos e a súa autoría e edición de La ciudad y los días, texto monumental de seiscentas páxinas que estamos rematando de traducir e ocupa moitas das nosas horas de traballo nocturno e da fin de semana.
Precisamente, onte á noitiña, fixemos un descanso na tradución para asistir ao acto de relectura do discurso de ingreso de XMAB na RAG. Foi esta celebración evocativa moi fermosa, e mesmo emocionante ao escoitar as palabras de XMAB e Fermín Bouza Brey pronunciadas polo seu fillos Xosé María e Fermín; como tamén o foron as palabras do alcalde Abel Caballero (que recordou que a RAG non celebraba unha sesión dende 1910 e ofreceu a cidade como unha das sedes da institución) e do presidente Barreiro (que fixo unha homenaxe ás catro xeracións da familia Álvarez polos seus servizos patrióticos ao país). Ao remate comentei con algúns académicos e familiares de don Xosé María as magníficas perspectivas que se están abrindo na celebración deste 17 de maio, chamada pola envergadura poliédrica da figura homenaxeada a converterse nunha das máis brillantes e populares das celebradas nos últimos anos.
Os nosos proxectos editoriais arredor de XMAB seguen o curso previsto. Despois de editadas xa as edicións de Poesía galega completa, a nova para os escolares de Roseira do teu mencer e a extraordinaria biografía e estudo literario de Darío Xohán Cabana (un libro que fixará, sen dúbida, o corpus investigativo da celebración), nestas semanas próximas centrarémonos en rematar as d’ A cidade e os días (para min o proxecto máis complexo) e a da Fotobiografía de XMAB, preparada polo seu fillo Alfonso (recolle case catrocentos documentos gráficos) e na que se inclúen dous ensaios, unha semblanza humana do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo (que sabemos xa entregou outro texto fundamental que editará Galaxia) e outro sobre o eido erudito e investigador de don Xosé María, tamén, preparado por Darío Xohán Cabana.
Só nos queda a espiña da ausencia de noticias sobre a celebración dun congreso sobre a figura de don Xosé María. Descoñecemos se os responsables da Consellaría de Cultura pretenden organizalo. Figura tan decisiva nun tempo menesteroso e díficil merecería maior apoio e atención por parte dos responsables da Xunta de Galicia. Non perdemos a esperanza de que se recupere a iniciativa que estimularía os estudos monográficos sobre unha obra de dimensións xigantescas, como se ven demostrado polos achados que se veñen producindo nos últimos meses. A causa de XMAB na que estamos implicados até as cellas, merece o esforzo e a xenerosidade de todos.
21 Xaneiro, 2008 (17:40) | 17_de_maio, Autores, Efemérides, Recurso_didáctico | No comments
Varias noticias moi recentes sobre don Xosé María Álvarez Blázquez e a celebración da homenaxe nacional no 17 de maio que merecen ser reseñadas:
- O seu fillo Celso puxo andar un espazo web completísimo dedicado a XMAB, que inclúe árbore xenealóxica, noticias e artigos na Internet, gravacións sonoras, álbum fotográfico (esencial) e bibliografía recente, ademais da edición de “Queixas“, o seu primeiro poema en galego. Un lugar na rede imprescindible que rcomendo moi vivamente.
- Apareceu o libro de Clodio González Pérez, Xosé María Álavrez Blázquez. 1915-1985, editado por Toxosoutos.
- En Xerais apareceron estes primeiros días de xaneiro as novas edicións de Poesía galega completa e de Roseira do teu mencer ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico de Darío Xohán Cabana e dirixido a público infantil.
- O vindeiro sábado, 26 de xaneiro, organizado pola Real Academia Galega e o Concello de Vigo terá lugar ás 20:30 horas, no edificio da Antiga Reitoría a presentación da edición do dicurso de ingreso de XMAB na Academia Galega, correndo a lectura do mesmo a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo e a contestación por Fermín Bouza Álvarez.
6 Xaneiro, 2008 (10:28) | 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, Efemérides, Novidades, Poesía, Recurso_didáctico, Vigo, Xerais | 1 comment