Category: Eventos
8 Setembro, 2010 (07:21) | Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro | 4 comments
Hoxe é o día. Ás sete do serán realizarase o acto de inauguración do 32º Congreso do IBBY de Santiago de Compostela, un evento no que participarán seiscentas persoas de todo o mundo que traballan no eido da creación, edición e difusión da literatura infantil e xuvenil. Polo completísimo programa que se desenvolverá até o domingo á noite e pola fasquía das exposicións que xa puidemos ver montadas onte a tarde, este Congreso IBBY vai quedar moi atractivo.
Ademais das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores (AGE). Nel amosaranse as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia. Ademais, no mesmo stand poderase contemplar a mostra «A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías». Trátase dunha escolma cos 40 libros de literatura galega que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.
Así mesmo será de grande interese para o coñecemento, visibilización e proxección da nosa Literatura Infantil e Xuvenil a exposición «50 anos de literatura infantil-xuvenil galega», un percorrido polos libros fulcrais do xénero en galego, dende Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas de 1961 a O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz de 2007.
31 Agosto, 2010 (17:18) | Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Promoción do libro | 4 comments

Ao longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.
23 Xullo, 2010 (15:54) | Age, Cultura, Eventos | No comments
30 Xuño, 2010 (09:02) | Eventos, Goberno Feijoo, Lingua, Política, Recurso_didáctico | 3 comments
Confesouno onte Agustín Baamonde, voceiro de lingua do Grupo Parlamentario Popular, na mesa redonda que moderamos na cuarta xornada do Seminario «Sociedade, Lingua e Política» celebrada onte no Consello da Cultura Galega: «o tema da lingua non foi unha das prioridades do PP até a aparición de Galicia Blingüe que fixo medrar un caldo de cultivo sobre a necesidade de romper coa política lingüística do bipartito, non cos consensos anteriores». Como moi ben relata Montse Dopico en Galicia hoxe, Agustín Baamonde explicou como «a previsible incidencia de Galicia Bilingüe e UPyD na bolsa de votos que podía decidir a cor do último e decisivo escano nas eleccións de marzo do 2009, foi o factor que levou os “estrategas” do PP a incorporar o tema da lingua na campaña “de xeito claro” coas promesas de derrogar o decreto do galego do bipartito e consultar os pais.» É xusto hipotecar o futuro da lingua dun país por uns cantos votos? Verdadeiramente desolador.
Ademais desta mesa redonda de voceiros dos grupos parlamentarios do PPdeG e BNG (o PSdeG escusou a súa ausencia), foron moi interesantes todas e cada unhas das ponencias presentadas:
– Xoán Lagares, «A situación do galego na perspectiva internacional: A”nosa língoa” e “os da banda d’ alá”»
– George Kremnitz, «Convergencias/divergencias de comunidades lingüísticas en el marco español»
– Ángel López García Molíns, «Retruque á ponencia de George Kremnitz»
– Juan Carlos Moreno Cabrera, «Lengua / Nacionalismo en el caso español»
– Fermín Bouza Álvarez, «Retruque á ponencia de Juan Carlos Moreno Cabrera»
- Albert Branchadell, «Retruque á ponencia de Juan Carlos Moreno Cabrera»
15 Xuño, 2010 (22:07) | Eventos, Galerías de fotos, Premios, Vídeos | No comments
Abrimos unha conta de flickr e colgamos as galerías de fotos do Premio Xerais 2010 que fixo Manuel G. Vicente.
No blog de Xerais poden consultarse as vídeoentrevistas que realizou Alfredo Ferreiro ás gañadoras, secretarios e membros de xurado, así como a diversos escritores, editores e críticos. Unha cobertura excelente.
14 Xuño, 2010 (07:00) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cultura, Eventos, Premios, Recurso_didáctico, Xerais | 1 comment

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono, a raíz da cerimonia dos Xerais e da entrada de Bernardino na Academia, na feliz continuidade do proxecto de desenvolvemento dunha literatura nacional en galego. Unha feliz continuidade, na que haberá rupturas e modificacións froito do tempo novo que enxergamos.
Foto de Pilar Ponte, moitas grazas.
13 Xuño, 2010 (15:34) | Autores, Eventos, Narrativa, Premios, Xerais | 2 comments
Sen menoscabo ningún da alta calidade do discurso de Fina Casalderrey como mantedora literaria da cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010, nin da orixinalidade e emoción da intervención de Teresa González Costa para agradecer o Premio Merlín, os tres folios que leu Iolanza Zúñiga, tras recibir o Premio Xerais de novela por Periferia, foron memorables. As súas palabras potentes, expresadas co ritmo de rap, sinalaron simbolicamente o inicio dunha nova etapa na literatura galega. O que sucedeu onte en San Simón expresa a feminización e renovación da narrativa galega actual. Algo que debemos celebrar de forma entusiasta.
No blog de Xerais e no perfil de Facebook é onde iremos recollendo estes días toda a información xerada polo fallo destss premios.
As fotos, oportunísima, é de Pilar Ponte. Grazas, profa!
11 Xuño, 2010 (07:21) | Blogs, Eventos, Premios, Vídeos, Xerais | No comments

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria celebrando o 25 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil.
Blogaliza.tv repite a experiencia desta retransmisión, facilitada nesta edición pola mellora das condicións técnicas das instalacións do Auditorio da illa de San Simón. Para a retransmisión, como informa Pedro Silva, responsable de Blogaliza, «utilizaránse estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reprodución de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.»
Se queres comprobar que vas poder asistir a este evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste de blogaliza.tv.
17 Maio, 2010 (17:27) | 17_de_maio, Eventos, Goberno Feijoo, Imaxes, Lingua, Política | 1 comment
Da manifestación de hoxe quedo con esta foto que fixen nas Orfas.
Como é adoito nestas casos convén visitar as fotogalerías de Galicia hoxe, Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Vieiros ou Galiciae. Axudan a comprender mellor a magnitude da mobilización na que participamos.
11 Maio, 2010 (07:46) | 17_de_maio, Autores, Eventos, Homenaxes, Poesía, Vigo | 2 comments
Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.
Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»
Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»
9 Maio, 2010 (21:44) | Eventos, Librarías | 2 comments
Remata hoxe a Feira do Libro de Compostela e facemos un balance xeral positivo. A pesar da chuvia, do frío e das ventadas, a pesar dos problemas endémicos de megafonía (que fallou constantemente ou o funcionou moi malamente nos actos de presentacións), a feira mellorou moito con respecto a edicións anteriores. Houbo moita xente na maior parte das presentacións nas que participamos (algunhas como as dos libros de Teresa Moure, Marcos Calveiro ou Manolo Portas congregaron a máis dun centenar de persoas), diversificouse un chisco a oferta (magnífica idea foi a da caseta de editoriais compostelanas) e as vendas aumentaron, a pesar dos efectos devastadores sobre o consumo da Grande Recesión, segundo fontes dos libreiros. No entanto, tras as apreciables melloras da xa celebradas en Ferrol e Compostela, a situación das Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros, non é nin moito menos para botar foguetes: faltan aínda moitos expositores (a ausencia da maioría dos libreiros santiagueses foi clamorosa), falta a presenza do libro dixital (hoxe unha realidade incuestionable), falta comunicación en Internet (coa excepción da presenza nalgúns blogs editoriais) e, sobre todo, falta esa megafonía indispensable que para o sector do libro constitúe a súa presenza nos medios de comunicación (pola Alameda apenas vimos as cámaras das televisións nin aos xornalistas traballando). Por iso non será, nós seguiremos participando activamente coas nosas presentacións nesta rolda de feiras 2010, que a vindeira semana continúa en Lugo e a partir do 29 de maio en Ourense.
26 Abril, 2010 (07:10) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Comercio_xusto, Dereitos_humanos, Educación_para_a_Paz, Eventos, Imaxes, Política, Recurso_didáctico, Solidariedade, Xustiza | No comments
24 Abril, 2010 (09:12) | Comercio_xusto, Dereitos_humanos, Documentos, Educación_para_a_Paz, Eventos, Política | 2 comments
A crise económica e o cambio climático castigan especialmente as poboacións pobres. Calcúlase que hoxe xa hai máis de 1.400 millóns de persoas que sobreviven con menos de 1 euro ao día. O 70% son mulleres. Imaxinades cómo é a vida dunha familia que ten que comer, pagar pola educación e a asistencia médica con só 30 euros ao mes? E aí vai outra pregunta: Como o consegue?
Cada minuto, 100 persoas afúndense na pobreza. Mais… que pasaría se, cada minuto, outras 100 persoas se sumasen á solidariedade? Que poderíamos mudar o mundo! Axudádenos!
En repetidas ocasións, o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, comprometeuse a mellorar a situación dos países empobrecidos. Agora que ocupa a presidencia de quenda da Unión Europea ten a oportunidade e a responsabilidade de buscar solucións eficaces para acabar coa pobreza.
Por iso, hoxe, dende aquí, queremos que nos axudedes a pedirllo. Queremos que, dende a Unión Europea se impulse un plan de rescate dos Obxectivos de Desenvovemento do Milenio, con medidas concretas para chegar ao 0,7, erradicar a fame, e lograr o acceso á saúde e educación para todo o mundo.
En Intermón Oxfam sabemos que os cambios son posibles. Traballando pola XUSTIZA podemos mellorar moitas vidas. E iso é posible grazas ao apoio de persoas como as que estades aquí. Persoas comprometidas e coherentes, que, a pesar da crise, contra vento e marea, seguides ao noso carón, sementando esperanza.
Pero para mudar o mundo temos que ser máis. Axúdanos a que a presidencia española da Unión Europea loite de verdade contra a pobreza. Asinade a nosa petición a Zapatero e sumemos solidaridade. PORQUE HOXE, TODOS XUNTOS, PODEMOS LOGRAR GRANDES CAMBIOS.
Moitas grazas!
Texto do Manifesto que lerei hoxe, á partir das 13:00 horas, na Praza da Princesa de Vigo no seo das actividades da festa da solidariedade «Un Día para a Esperanza» organizada por Intermon Oxfam.
22 Abril, 2010 (22:00) | Eventos, Libro, Recurso_didáctico, Vídeos | 6 comments
Continúa gustándome esta canción de Migallas. Celebremos mañá con ledicia este Día do Libro en tempos de crise económica e da edición cultural, ao que non é alleo, tampouco, o tránsito entre soportes. O miolo do libro está no contido e no protagonismo do lector ou da lectora.
Vía Trafegando ronseis.
13 Abril, 2010 (18:07) | 17_de_maio, Eventos, Polémicas | 3 comments
Mañá participarei no debate que a revista Tempos Novos organiza no pub Dadó-Dadá de Compostela arredor do futuro da celebración do Día das Letras Galegas. Moderados por Comba Campoy, acompañarei a tan vos amigos e amigas como Mercedes Queixas, Nel Vidal, Branca Novoneyra e Euloxio Ruibal. A moderara púxonos unha serie de cuestións ás que deberemos dar algúnha resposta:
- Está a RAG a desempeñar un papel pouco activo na promoción da figura que escolle anualmente, limitándose a unha serie de declaracións institucionais e a un acto litúrxico o 17 de Maio?
- Tería devido o Día das Letras unha mera escusa comercial para a produción editorial e de espectáculos, dada a demanda específica da administración autonómica e local, que limitan a organización de actos adicados ao autor/a homenaxeada ao mes de maio?
- Estarán eses propios intereses editoriais, e outros de carácter político, exercendo unha presión pouco recomendábel na decisión dos académicos sobre a persoa homenaxeada cada ano?
- O Día das Letras no ensino: debería o 17 de maio volver ser lectivo? Como pode contribuír a conmemoración á divulgación dos principais autores das nosas letras entre o estudantado galego?
- A xestión dos dereitos do autor homenaxeado. Debería regularse o uso da obra por parte de terceiros para evitar o simple oportunismo?
- Propostas para achegar a celebración á sociedade (actividades na rúa, asociacionismo…) e que o labor de divulgación dos autores teña continuidade unha vez pasado o ano.
Cuestións todas elas para volver sobre unha polémica na que todos estades convidados a participar.
28 Marzo, 2010 (20:11) | Eventos, Iniciativas, Medio_Ambiente, Vídeos | 2 comments
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/KkSfRK1Vk8M" width="560" height="340" wmode="transparent" /]
Un grande éxito.
Vía Islas Cies, grazas.
25 Marzo, 2010 (16:17) | Eventos, Libro | 1 comment
10 Febreiro, 2010 (08:48) | Eventos, Goberno Feijoo, Política, Vigo | 10 comments

Tras a manifestación separatista de onte, Abel Caballero estará feliz e, sen dúbida, se sentirá avalado na súa estratexia de recuncar na alcaldía pola vía do espírito cantonalista. Porén, na outra beira da xogada, tanto Alberto Núñez Feijóo como Corina Porro non se sentirán totalmente defraudados, xa que a pesar de que a concentración caballerista foi grande –entre 20.000 e 30.000 persoas, estiman todas as fontes–, non acadou a categoría de «evento cívico multitudinario» doutras ocasións (o titular de Faro de Vigo é moi orientativo). Con todo, ademais da iconografía e fraseoloxía utilizada no evento, é significativa a franxa de idade de boa parte dos participantes –superior aos 50 anos, como sinalan diferentes persoas– o que abre unha vía para facer todo tipo de interpretacións sobre previsible comportamento electoral (pois a manifestación diso trataba, a pesar de que fose vestida coa roupa do conflito das caixas). Sexa como fose, tras esta manifestación, convocada empregando máis prexuízos ca argumentos racionais, aquel Vigo motor cívico de Galicia dos grandes momentos da nosa historia quedou escachizado. As consecuencias desta fenda aberta son hoxe impresvisibles.
12 Novembro, 2009 (23:27) | Editores, Eventos, Libro_electrónico | 5 comments
Mañá intervirei no VI Simposio «O libro e a lectura» dedicado ao presente e futuro do libro dixital. Os organizadores pedíronme unha achega sobre «O libro dixital en Galicia». Na miña intervención (o texto completo pódese baixar aquí en pdf, nove folios) pretendo tratar catro grandes cuestións que no meu entender permitirán achegarnos á situación actual do libro dixital en Galicia e enxergar algunhas das liñas de futuro:
A primeira parte do concepto de literacidade electrónica coa intención de explicar a mudanza do actual paradigma da comunicación cultural e, polo tanto, da lectura (a que denomino lectura XXI ou 2.0), da edición, do libro e do papel que nos corresponde (se é que nos corresponde algún) aos editores. Temas que sei foron abordados onte por os ponentes que me precederon, mais que eu como un dos poucos editores en exercicio debo tamén de enunciar ao meu xeito.
A segunda pretende citar algúns dos precedentes do libro literario dixital en galego, que é tanto como dicir en Galicia, ao longo da última década, así como algunhas experiencias que se foron ensaiando na nosa edición dixital até chegar aos primeiros e-books literarios que editoras como Xerais presentan estes días. Noutras palabras faremos unha achega a unha historia (ou prehistoria) do libro dixital.
A terceira ten por obxecto analizar as tendencias que debuxan os datos dispoñibles ou que podemos estimar sobre a edición dixital en Galicia, comparándoas coas que coñecemos para a edición analóxica.
A cuarta pretende repasar a nosa situación no que atinxe aos tipos de edición dixital que estamos abordando xa na actualidade os editores galegos: a dos obxectos dixitais educativos; a dos e-books ou libros electrónicos; a dos produtos lexicográficos e outros contidos «on line»; a das experiencias dixitais multimedia; a dos audiolibros e a da impresión dixital baixo demanda ou de baixas tiradas.
Xa adianto que en moitos casos expresarei máis preguntas e dúbidas que afirmacións e certezas. Vivir esta mudanza no paradigma do libro dende dentro, constitúe para todos os editores, tamén para os editores galegos, unha moi boa oportunidade para medrar como profesionais. Sen menoscabo da discreción precisa para o desenvolvemento de cada proxecto editorial, este é un momento no que é imprescindible que compartamos experiencias, ideas e, me atrevería a dicir, mesmo grandes proxectos de sector.
Foto: Anxo Iglesias, «Luces», El País Galicia.
9 Novembro, 2009 (20:12) | Editores, Eventos, Libro_electrónico | 2 comments
Este ano o tradicional Simposio sobre o libro e a lectura, que se celebrará os xoves e venres vindeiros, xirará sobre o presente e futuro do libro dixital. Énchenos de fachenda que este encontro profesional, organizado pola Asociación Galega de Editores, iniciado hai cinco anos, se consolidase como unha cita de referencia para tomarlle cada ano o pulso aos temas principais do sector do libro en Galicia.
Ademais, o programa desta edición (pode baixarse en pdf), alóngase cun curso para editores sobre o mesmo tema, impartido polo noso admirado Javier Celaya.
Agradezo aos organizadores o convite que me fixeron para intervir o venres a primeira hora de mañá para falar sobre «O libro dixital en Galicia». Dentro das escasas posibilidades da nosa axenda nestas semanas xa de campaña de nadal, daremos conta dos contidos dos debates e intervencións que, con certeza, serán seguidos con maior atención en diversos blogs de lectura e libros.
1 Novembro, 2009 (19:08) | Cine, Eventos, Vídeos | 1 comment
Tras dous días intensos na Coruña participando das actividades da Mostra de Ciencia e Cinema é o momento de facer algúns comentarios sobre tan magnífica experiencia. Unha mostra modélica, tanto na confección dun interesantísimo programa (unha das tantas responsabilidades dese grande home orquestra chamado Martin Pawley que non parou un minuto durante toda a semana) como no seu funcionamento, a pesar do escaso apoio que percibín recibían as tres persoas que se ocupaban da organización.
O programa da mostra foi de grande calidade e diversidade, tanto das vinte e unha películas participantes na sección oficial e na LAB como das proxectadas fóra de competición (magnífica foi a que puiden asistir o xoves á noite, de Nanook o esquimó, relatada por Belén Regueira sobre un fondo de música electrónica de Roberto Mallo e Miguel Prado) Outrosí debe dicirse das actividades non estritamente cinematográficas e científicas da mostra, dende o recital dos poetas coruñeses ao concerto de Fran Gayo, que convirte a esta mostra en moito máis ca un festival de cinema especializado. Se a isto engadimos a presenza na Coruña de figuras mundiais como Bárbara Hammer, a grande estrela desta edición, non podemos comprender que a repercusión nos medios (mesmo nos medios locais) da mostra non estivera á altura da súa importancia.
Vivín a experiencia do xurado con moita intensidade. As catro persoas que finalmente deliberamos fomos incapaces de chegar a outro acordo que non fose propoñerlle aos organizadores dividir o premio entre a sueca Ljusår de Mikael Kristersson e a estadounidense Naturally Obsessed de Richard e Carole Rifkind. Algo que nunca me sucedera en ningún dos xurados nos que teño participado. Moitos menos problemas tivemos e declarar por unanimidade gañadora da sección LAB ao filme A horse is not a metaphor de Barbara Hammer. En todo caso, as tres obras gañadoras son boas. A primeira que os membros do xurado chamabamos «a do xardín», expresa en imaxes de beleza desbordada (mágoa que non hax nin sequera un trailer en internet) toda a potencia que agocha o ciclo anual da vida no espazo humilde do xardín e dunha horta dunha vivenda das aforas dunha cidade; un mostra de clasicismo naturalista, onde apenas aparece algunha palabra ciscada e o son é exclusivamente o dos seres que alí viven. A segunda, que nos identificabamos como «a dos tres rapaces», é un documental protagonizado por tres científicos en formación que traballan nun laboratorio de Berkeley; as súas dificultades, os seus fracasos, os seus ires e vires, os seus momentos de estancamento ou de «eureca» conforman un retrato moi acaído do actual científico en formación. Por último, a película de Bárbara Hammer, expresa que na fortaleza e beleza do cabalo (a grande paixón da directora e protagonista dun film moi duro) podemos atopar a expresión da fortaleza da vida e da súa esperanza.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/I7zIRl0quLw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Ademais coñecer ao xove director Oliver Laxe e ao neurocientífico Luis Martínez (un deses galegos xeniais que anda polo mundo) foi outro deses agasallos sorpresa aos que nos ten tan afeito Martin Pawley. As conversas con eles tres sobre arte e percepción foron para non esquecer. Canto se aprende de xente coma eles! Agardemos que mostra tan interesante coma a que organiza Martín Pawley poida consolidarse. Pola súa calidade ben merecería ser apoiada polas institucións e polos medios co maior interese.
31 Outubro, 2009 (10:20) | Cine, Eventos, Recurso_didáctico, Vídeos | 1 comment
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/_e2O-wTXRA8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Hoxe anunciaremos o palmarés da II Mostra Ciencia e cinema e, nos próximos días, haberá tempo abondo para falar sobre as pezas gañadoras. Entre as películas que máis me impactaron está Demain j’irai meiux, unha longametraxe de noventa minutos sobre o cancro infantil. Tras as catro historias de Axelle, Hugo, Victor e Kareem, todos os catro ingresados nunha unidade de oncoloxía de Bruxelas, identificamos a afouteza das súas familias e a dun equipo médico de enorme grandeza humana. O papel que desempeña o xefe do equipo é verdadeiramente impresionante, comunicando aos pacientes e ás súas familias con enorme sutileza cada un dos pasos a dar no tratamento. Unha película dura, emocionante, noqueante nalgunhas escenas, mais tamén moi desmitificadora sobre a abordaxe desta doenza terrible. Recoméndoa vivamente.
28 Outubro, 2009 (07:57) | Cine, Eventos, Vídeos | 1 comment
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/rHkD7tQe-OE" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Quizais fun un chisco imprudente e accedín a participar como xurado da II Mostra de Ciencia e Cinema que se celebra ao longo de toda esta semana na Coruña. A experiencia está sendo moi boa, xa que estou descubrindo algunhas pezas moi interesantes e enfrontándome a temas e reflexións que doutro xeito nunca abordaría. Aínda que teño por ver catro longametraxes, non dubido en recomendar non perder as proxeccións dos filmes que até agora máis me interesaron como A casa dos mortos (proxéctase mércores e venres); Ljusar (xoves e venres na Luís Seoane); Addited to Plastic (xoves e vnres na Domus); Manual de uso para una nave especial (mércores na Domus) ou A Horse is not a metaphor (xoves na Seoane e venres na Domus). A sección oficial da mostra ten unha calidade media excelente.
2 Outubro, 2009 (18:51) | Brasil, Deporte, Eventos, Vídeos | 3 comments
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SUiSjSqhpFA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
A elección do Río de Janeiro como cidade organizadora dos Xogos Olímpicos de 2016 é a vitoria dunha cidade fermosa onde vive tanta e tanta xente feliz con lágrimas. O pobo brasileiro nunca perdeu a esperanza e non desiste, a pesar das enormes dificultades, nese complexo e dificilísimo proceso de construír a nación e unha sociedade en igualdade. Esta elección olímpica, ademais, transcende o feito deportivo, amparando o futuro desta cidade de oportunidades, contradiccións e e importantes dificultades de mobilidade e seguridade, proxectándose sobre o conxunto do Brasil e de todo o continente sudamericano. Esperanza é a palabra que define hoxe esta oportunísima elección.
18 Setembro, 2009 (16:31) | Cultura, Editores, Eventos, Iniciativas, Presentacións, Promoción do libro | 6 comments
Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.
31 Xullo, 2009 (10:04) | Eventos, Librarías, Lingua | 6 comments
Acabo de recibir na miña caixa de correo este programa en pdf da Feira do Libro da Coruña acompañado dun correo no que se anuncia a creación dun grupo de seguidores da feira en Facebook e se anima aos “amigos da literatura” a participar nas actividades con estas palabras: “Este año la Feria del Libro de A Coruña se consolida como la más importante de Galicia y prueba de ello es la presencia entre nosotros de autores como Espido Freire, Lola Beccaria, Marta Rivera de la Cruz, Javier Saez de Ibarra, Ignacio del Valle y Luis Sepúlveda; además de nuestros queridísimos autores: Manuel Rivas, Carlos G. Reigosa, Xavier Alcalá y otros muchos que podéis encontrar en el programa de actividades que adjunto.”
Ben sei que debe existir unha edición do programa en galego (non pode ser doutra maneira), porén paréceme un importante retroceso que fose a versión en castelán a utilizada de forma “preferente” polos organizadores para comunicar as actividades previstas. Comentario á parte merece a diferenciación sutil que na comunicación se establece entre uns autores e outros (“nuestros queridísimos autores”), que amosa as categorías prexuiciosas coas que traballa quen así o escribe.
Non teño dúbida de que na Feira do Libro da Coruña o noso idioma e a nosa literatura deben de ocupar un lugar preferente, tanto nos fondos bibliográficos, nas actividades como na comunicación co público. Sen dúbida, iso salientará mañá Miguel Anxo Fernán Vello, o pregoeiro do evento. Ao longo da semana estaremos nos Cantóns e daremos conta das nosas impresións.
Actualización (14:15 horas): Responsables da Federación de Libreiros de Galicia fixéronme chegar as desculpas por esta comunicación, «atribuíble a un erro que xa foi subsanado, tamén na páxina de Facebook». Os responsables da organización da feira reiteráronme o seu compromiso coa lingua galega, idioma oficial da Federación de Libreiros de Galicia, reiterando que o programa impreso desta feira, como do resto das que eles organizan, aparece publicado só en galego. Rectificación oportuna que moito agradecemos.
28 Xullo, 2009 (20:49) | Educación, Eventos, Goberno Feijoo, Lingua | 2 comments
Moi interesantes parecéronme as conclusións (poden baixarse aquí en pdf) do Vº curso de verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando coa lingua». A actual presión galegófoba, como a aceleración do proceso de substitución lingüística, obrigan a crear novos argumentos para o noso discurso de fomento do galego. Precisamos tanto novos argumentarios –conciliadores e firmes ao mesmo tempo, para dirixirnos con garantías de ser escoitados polos diversos sectores sociais– como utilizar distintas ferramentas e soportes para comunicalos (dende os procedementos máis convencionais da sociedade analóxica aos de carácter audiovisual e informático, moi eficaces na rede e nas novas redes sociais). No entanto, isto non abondará se non somos capaces de volver vencellar o galego con valores sociais positivos, o que axudaría a desmontar tantos prexuízos e falsidades existentes sobre o galego (que son manexados de forma demagóxica polos sectores galegófobos) e, o que non é menos importante, aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. No fomento do galego, cómpre pasar do antipático resistencialismo da cultura da manifestación e da consigna a unhas posicións máis proactivas e creativas, nas que coa maior xenerosidade e pluralidade utilicemos con intelixencia e sutileza todos os medios ao noso alcance. Non está de máis recordalo, ás portas de coñecer os resultados da enquisa de Feijoo e do inicio da nova campaña de GB (unha nova trampa para a Consellaría de Educación).
18 Xullo, 2009 (09:03) | Eventos, Música, Vigo | 3 comments
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/uQQpWmKoB4g" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Excelente o concerto de Keane, graciñas!
16 Xullo, 2009 (18:03) | Eventos | 1 comment
Hoxe rematamos a nosa participación na Feira do Libro de Vigo co acto de presentación do libro Prostitución: clientes e outros homes das sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Onte, acompañamos a Agustín Fernández Paz, nun acto e nunha asinatura de exemplares moi concorrida arredor de Lúa do Senegal, a súa máis recente novela. O luns fixémolo con Luís Rey Núñez, o autor de Monte Louro, novela que comeza a medrar nun fermoso boca a orella entre os lectores, e na fin de semana con Enrique Vázquez Pita na súa estrea con Sansón Troleyro e co profesor Xesús Alonso Montero que falou dos seus libros máis recentes, as Cartas de republicanos galegos condenados a morte e o libro sobre Ramón Piñeiro que publicou en Galaxia. A pesar de que a participación nos actos está sendo bastante elevada e as vendas (segundo confesan os libreiros en privado) semellantes ás de edicións anteriores, esta Feira do libro de Vigo necesita mellorar moito. O número de casetas é o máis baixo da historia (apenas 16, cifra á que non é allea a vergonzosa mudanza das datas, que supuxo a cancelación de oita reservas de expositores); a presenza das actividades da feira nos medios de prensa locais moi escasa; a ubicación das casetas e da carpa de actos (ao fío de autobuses e automóbiles) claramente inadecuada polo seu ruído enxordecedor. A Asociación de Libreiros de Vigo, como sinalamos o pasado ano, ten que coller o touro polos cornos e darlle unha virada a esta Feira que debe, canto menos, poñerse á altura da Feira do Libro da Coruña (no que previsiblemente participen case medio cento de expositores e milleiros e milleiros de visitantes). Cómpre estudar un novo modelo organizativo, novas datas de celebración, nova ubicación dentro da propia Alameda (aposto polo paseo interior, máis amplo e recollido), novo programa de actividades, novo tipo de promoción (con presenza no mundo de internet), novas fórmulas comerciais… Unha virada que, como demostra o éxito da última Feria del Libro de Sevilla (que coincidiu cunhas importantes xornadas profesionais arredor dos futuros do libro), é tan necesaria como posible. No que poidamos colaborar, ben saben os organizadores que contan coa nosa axuda.
24 Xuño, 2009 (18:26) | Cidades, Eventos, Historia, Narrativa, Xerais | No comments
As xornadas que o Club de Lectura de Gálix Tendendo Redes dedicada a Festina lente, a grande novela de Marcos Calveiro, parécenme unha marabilla. Esta iniciativa amosan as enormes posibilidades dinamizadoras que atesouran os Clubes de Lectura (un concepto que debemos ampliar ao de «Voluntariado da lectura») e a potencia sedutora da novela de Calveiro, que un ano despois da súa aparición, segue conquistando nunha boca orella continuo a novos lectores e lectoras. Festina lente é desas novelas que amplía o público para o libro galego, sen menoscabo ningún da súa excelencia literaria.
Chaman a atención algunhas das actividades previstas deste orixinal programa (pode baixarse en pdf), preparado por Tendendo Redes, co apoio de Amigos del Románico: a lectura pública da novela coa que se inicia (algo novidoso en Galicia); as conferencias previstas sobre iconografía medieval e alquimia, así como as dúas visitas guiadas do sábado día 4, pola mañá «á Compostela do XVI», pola tarde á propia catedral. Se a iso engadimos a intriga que introduce a actividade do Bookcrossing e a emoción do «Canteiro en Compostela» (un recital poético cun cadro de poetas moi bo), concluiremos que non podemos faltar nesa xornada do sábado 4 de xullo. Os meus parabéns a Marcos e a xente de Gálix por ter artellado tan interesante programa. Este pode ser un modelo moi interesante a emular noutras cidades.
14 Xuño, 2009 (10:35) | Autores, Eventos | 2 comments
A homenaxe O escritor na súa terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega chega a súa XVª edición recaendo por unanimidade en Agustín Fernández Paz que será homenaxeado en Vilalba, a terra onde naceu. Os actos comezarán ás 12:00 no barrio das Fontiñas, onde se plantará unha bidueira (a árbore escollida por Agustín), develarase un monolíto escultórico e unha placa que atribúe o nome do escritor ao parque. A partir das 13:00 no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba realizarase o acto de entrega da «Letra E» e ás 14:30 un xantar de irmandade no parador de Turismo de Vilaba. Os actos están abertos a todos os socios/as da AELG, á vecindade da Terra Cha e a todas as persoas interesadas.
Animamos a difundir o programa (pode baixarse aquí en pdf) na rede e a participar en tan merecida homenaxe ao grande Agustín.
11 Xuño, 2009 (07:02) | Eventos, Persoal, Vigo | 2 comments

[Foto Lalo Villar]
Convidado polos membros de Outro Vigo é posible hoxe ás 20:00 horas no auditorio do Marco participarei nun debate sobre o futuro da Panificadora. No acto acompañaremos a Xoán Carmona, M.X. Facal, Iria Sobrino e a J. G. Alen. A causa de salvar a Panificadora paga a pena.
9 Xuño, 2009 (20:38) | Beizóns, Blogs, Eventos, Premios, Xerais | 4 comments
Dende o pasado domingo andamos enleados poñendo orde en toda a información xerada polo serán dos Xerais. A verdade que estou moi satisfeito pola repercusión do acontecido na illa tanto na prensa impresa como nos medios electrónicos; tanto nas anotacións dos blogs (todas tana agarimeiras con nós) como nos perfís de Facebook (a gran novidade desta edición), onde se están publicando moitas galerías de fotos e comentarios sobre o acontecido en San Simón. Ademais do arrollador discurso de Agustín, que afortunadamente comeza a viralizarse na rede (sobre todo no eido educativo), o éxito da comunicación do serán dos Xerais chámase Blogaliza. Goretoxo, Alfredo, Tati e Martin Pawley fixeron un traballo marabilloso. Retransmitiron moi satisfactoriamente a cerimonia (empregando uns medios ben modestos), editaron decontado as pezas das intervencións da cerimonia, entrevistaron a ben de xente. Non podo estar máis que agradecido con eles. Beizóns. Tras todo este rebumbio, que amainará nuns días, volveremos ao noso traballo sobre os textos. Temos o obxectivo de poder presentar as obras premiadas na primeira semana de outubro. Daquela volveremos sobre elas.
A foto é de Pilar Ponte, que publicou no seu blog unha galeríafotográfica preciosa.
7 Xuño, 2009 (12:28) | Autores, Descargas, Eventos, Lingua, Premios, Xerais | 4 comments
O de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a merenda saborosa que nos preparou Fita, a presentación da velada e a organización perfecta de Celia, as zanfonas de «Sobre rodas», a retransmisión por Blogaliza.tv, as travesías delicadas de Ángel, o agarimo dos trescentos amigos e amigas foron algunhas das cousas bonitas dun serán no que ata a chuvia nos deu unha tregua sobre a ría durante seis horas. Con todo, o de onte foi o serán de Agustín que arrollou cun discurso extraordinario. Un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas. A súa defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade pasará a formar parte do arquivo dos grandes discursos da literatura galega. Apenas recollo un fragmento do discurso, titulado Oito doas para San Simón, que se pode descargar completo dende aquí:
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/JOxizWAI9zg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/uXYv5GRFYgg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces
6 Xuño, 2009 (18:35) | Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Premios, Xerais | 4 comments
Despois da súa última deliberación, o xurado da XXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.
Pola súa banda o xurado da IVª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Ás de bolboreta” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema “Dragal”.
Por último, o xurado da XXVIª edición do Premio Xerais de novela despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “O retorno das aves”, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno.
A cerimonia de entrega, na que participan máis de trescentas persoas, estase celebrando na illa de San Simón podendo ser seguida dende Blogaliza.tv.
4 Xuño, 2009 (17:00) | Autores, Beizóns, Eventos, Goberno Feijoo, Iniciativas, Medios | 11 comments
Tras catro anos de traballo entusiasta á fronte da subdirección de programas, Xurxo Souto saíu da Radio Galega coa elegancia arroutada e idéntica paixón coa que realizou o seu primeiro saúdo en antena. Atrás queda o seu pulo e esforzo por modernizar e achegar a radio pública en galego (esa “rareza” no dial que debemos defender como primeiro patrimonio galego da comunicación) á mocidade e aos públicos urbanos. Eis o seu traballo monumental de apoio á música popular galega que, en boa medida debido a súa convicción nas súas posibilidades, vive o mellor momento da súa historia. Eis o seu apoio a iniciativas felices como a reinvención do teatro na radio. Eis as leccións diarias de radio fetén en Aberto por Reformas ou cada sábado ao mediodía en Mil ribeiras (para min un programa memorable, tanto dende o punto de vista literario como musical). Eis o acerto de poñer en marcha o Extrarradio, o grande programa de Belén Regueira (hoxe por hoxe a primeira comuncadora do país). Eis o apoio proporcionado pola RG ás máis diversas iniciativas das industrias culturais… Todo o sector cultural galego (editores, escritores, músicos, actores… ) está en débeda con Xurxo Souto. Ben sería amosarlle o noso agradecemento nunha velada bonita. Beizóns, Xurxo, o noso ghaiteiro!
27 Maio, 2009 (15:04) | Eventos, Librarías | 5 comments
20 Maio, 2009 (16:32) | Eventos, Iniciativas, Vigo | 1 comment
2 Maio, 2009 (11:22) | Asociacionismo, Eventos, Exposicións, Literatura infantil e xuvenil | No comments
Gustoume o o proxecto gráfico deseñado por Xan López Domínguez para o espazo web do Congreso do IBBY 2010 en Compostela.
Xa se coñecen algúns dos primeiros nomes de conferenciantes, seminarios ou de actividades dunha cita extraordinaria e decisiva para o sector editorial galego.
[Poden colocarse banners no blog e descargarse folletos co avance do programa]
26 Abril, 2009 (11:56) | Dereitos_humanos, Eventos, Festas, Vídeos, Vigo | No comments
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SDcC5IYJVX0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Hoxe estaremos na praza da Constitución na «Festa da Solidariedade» que organiza Intermon-Oxfam.