Category: Exposicións

Virxilio Viéitez no Marco

23 Outubro, 2010 (15:08) | Artes Visuais, Exposicións, Galerías de fotos, Recurso_didáctico, Vigo | 2 comments


http://bretemas.blogaliza.org/files/2010/10/25_Virxilio-Vieitez1.jpg

Cando se cumpren dous anos da morte de Virxilio Vieitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes, acaba de inaugurarse un completísima exposición retrospectiva no Marco (case trescentas pezas) que desvela boa parte da súa obra que permanecía inédita. A exposición, coproducida polo Marco e pola Fundación Telefónica e comisariada pola italiana Enrica Viganó, vai máis alá do Viéitez que coñeciamos pola exposición e polo libro que hai doce anos publicaran Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón para O Centro de Estudos Fotográficos. Desta volta preséntase o que podedmos denominar «Virxilio total», con atención especial ao retrato dos documentos de identidade sobre fondo branco (de grande interese documental e etnográfico), así como o inicio da súa utilización da cor, que coincide cun momento de profundo cambio social (e político). Como sinala Enrica Viganò cada un destes retratos de Virxilio crávansenos na memoria pola súa elegancia formal, xa que cada unha das súas fotografías é «intensa, nítida e potente». Unha exposición que paga a pena visitar devagariño. Hai tempo para gozala, xa que estará aberta até o 24 de abril. Agardamos a poder coñecer o catálogo, chamado a se converter nun clásico da arte contemporánea galega.

Aquí pode descargarse en pdf unha guía de 32 das fotografias da exposición.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A forza das minorías» Congreso IBBY, Compostela 2010

2 Maio, 2009 (11:22) | Asociacionismo, Eventos, Exposicións, Literatura infantil e xuvenil | No comments

Gustoume o o proxecto gráfico deseñado por Xan López Domínguez para o espazo web do Congreso do IBBY 2010 en Compostela.

Xa se coñecen algúns dos primeiros nomes de conferenciantes, seminarios ou de actividades dunha cita extraordinaria e decisiva para o sector editorial galego.

[Poden colocarse banners no blog e descargarse folletos co avance do programa]

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Crebas», nova exposición de Manuel Sendón

25 Abril, 2009 (19:42) | Artes Visuais, Exposicións, Museos | No comments

«Crebas» é o novo traballo que Manuel Sendón desenvolve no Aquarium da Coruña.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lázaro Enríquez, homenaxeado en Cuba

13 Marzo, 2009 (19:47) | Exposicións, Ilustración, In memoriam | 2 comments

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Galicia 25. Unha cultura para un novo século»

1 Outubro, 2008 (19:22) | Cultura, Exposicións | No comments

A exposición «Galicia 25. Unha cultura pra un novo século», inaugurada este serán no Centro sociocultural de Caixanova, é toda unha mostra de orgullo polo propio. Presentada en tres espazos e vinte e cinco módulos temáticos, organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo do seu vinte e cinco aniversario, deseñada por Imago Mundi e producida por Merlín Comunicación, esta exposición constitúe un escaparate inédito sobre o paso de xigante que deu a cultura galega nestes cinco lustros. Volveremos sobre os contidos desta proposta. Recoméndoa vivamente.
Chuzame! A Facebook A Twitter

As digresións de Fino Lorenzo

22 Xuño, 2008 (11:28) | Artes Visuais, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Exposicións | No comments

No artigo da semana presento a exposición de Fino Lorenzo aberta na viguesa Casa das Artes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antón Patiño: exposición virtual

1 Xuño, 2007 (21:22) | Artes Visuais, Exposicións, Slideshare | 1 comment


Aquí tamén pode visitarse a máis recente exposición de Antón Patiño.

Etiquetas: Antón_Patiño
Chuzame! A Facebook A Twitter

Voces de basalto negro

20 Maio, 2007 (11:19) | Artes Visuais, Cidades, Eventos, Exposicións | 2 comments



Sen dúbida, a actividade de maior proxección da Semana Cultural de Galicia en Damasco é a intervención de Xosé Freixanes no Jan Asaad Basha, unha impresionante hospedería para comerciantes construída durante a época otomana e situada no corazón do famoso zoco de Damasco.
A instalación de Freixanes (repite as experiencia de Casabalanca e Amman), titulada “Voces de basalto negro”, propón un diálogo harmónico con este edificio emblemático (transformado polo goberno sirio en centro cultural) a través dos textos e das voces de sete poetas do século XX, entre os que se atopan Pexegueiro, Cunqueiro, Valente, Gamoneda, Berger, ademais dunha ampla presenza de autores árabes como Nizar Qabbani ou Ali Ahmad Said (Adonís).
Na planta baixa desta antiga residencia do camiño da seda, Freixanes (axudado por un amplo equipo de alumnas da Facultade de Belas Artes de Damasco) dispuxo un debuxo realizado con fariña de arroz e terra de pedra de basalto negro. Empregando a técnica do estarcido, o pintor pontevedrés caligrafa pequenos fragmentos en árabe desta selección de poetas, todos eles comprometidos co diálogo entre pobos. Mentres que en cada un dos cuartos da primeira planta moumean os poemas, no idioma orixinal de cada poeta, cuxos textos podemos ler en pequenos fragmentos no chan. Todas as voces xuntas crean no espectador unha “confusión de linguas” (árabe, galego, español, inglés e francés) case inintelixible, que o espectador vai depurando a medida que se achega a cada un dos espazos onde pode gozar dos poemas que se recitan. Por último, noutros catro cuartos da hospedería proxéctanse de forma continuada vídeos dos pasos dos cidadáns doutras tantas cidades do mundo, expresando nesta caligrafía de pés o bulir e as contradicións deste mundo global.
Unha intervención artística espectacular que amosa as posibilidades das artes visuais e do poema como ferramentas de diálogo e de comprensión entre culturas.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Nace Cultur.gal

3 Marzo, 2007 (21:33) | Cultura, Editores, Eventos, Exposicións | No comments

Despois dunha coidadosa xestación de dous anos onte, por fin, foi anunciada a primeira edición de Culturgal, a grande feira do libro e da industria cultural que organizamos os editores galegos. Esta Feira, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 ao 14 de maio, está chamada a converterse na grande cita anual e punto de encontro de todos os sectores da industria cultural galega (especialmente do mundo do libro e do disco) co público. A calidade do espazo web, a importante cobertura institucional e a profesionalidade na organización anuncian que o evento debe constituírse nun grande éxito. Dende o blog seguiremos de forma preferente a elaboración do programa de actividades desta cita na que temos postas tantas esperanzas.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Golfiño

28 Febreiro, 2007 (21:44) | Exposicións, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil, Xerais | 4 comments

Dos proxectos que teño promovido na miña vida profesional en poucos tiven máis fe ca en Golfiño, unha revista mensual de banda deseñada, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos, que creamos da man de Fausto Isorna e Miguel Vázquez Freire. Sempre crin que co comenzo deste século era o momento de reeditar o esforzo que supuxo Vagalume ou o papel que en Cataluña viña desempeñando Cavall fort (despois de corenta e seis anos segue editándose) como medios dirixidos ao público máis novo. Equivoqueime. Comercialmente para nós a experienciade Golfiño foi un fracaso estrepitoso, non conseguimos apenas axudas (a pesar de que petamos en moitas portas) e, despois de catorce números de termar por ela, acabamos pechándoa e cedéndolla gratuitamente á La Voz de Galicia que a convertiu en semanal e exclusivamente en publicación de historieta, durante dúas tempadas. Porén, teño o convencemento de que Golfiño triunfou doutra maneira, xa que foi fundamental para que agromase unha boa parte da xeración de debuxantes de BD, que existe hoxe no país.
Agora Fausto inaugura unha exposición sobre o proceso creativo das portadas da revista, unha antolóxica de quince daquelas portadas, feito que nos enche tamén de orgullo. Poucas veces podemos dicir que un fracaso sementase tanta esperanza. Beizóns para Fausto o creador do personaxe e o director artístico de tan importante proxecto.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Escenarios doentes

4 Febreiro, 2007 (11:05) | Arquitectura, Artes Visuais, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Exposicións, Sociedade, Vigo | No comments

No artigo da semana recomendo a visita ás exposicións fotográficas Casas doentes de Manuel Sendón e Escenarios de Vari Caramés, das que xa temos falado no blog.

Etiquetas: , , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Vari Caramés: escenarios

26 Xaneiro, 2007 (17:55) | Artes Visuais, Exposicións | 1 comment

Na beirarrúa de enfronte da exposición de Manuel Sendón pode visitarse “Escenarios“, a mostra de fotografías sobre lenzo de Vari Caramés. Unha coincidencia marabillosa que permite facer un percorrido pola obra recente de dúas das figuras da nosa fotografía contemporánea. Vinte pezas de grande formato nas que o fotógrafo ferrolán consegue –como sinala Alejandor Castellote– desenfocar a realidade a través do lente da súa cámara para trasladar ao espectador ao territorio da introspección, a memoria e a melancolía. Vari desenfoca o real para enfocar a instrospección; prescinde da anécdota para provocar no visitante evocación de escenarios cotiáns (a estación do ferrocarril, a praia, o terreo de fútbol, a chuvia na noite, a lonxa, o incendio forestal ou a noria da festa…). A luz debuxando as cores da realidade evocada. Fotografía pictórica. Magnífica e recomendable exposición. Beizóns, Vari!
Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Camilo Franco ("Cama-libro")

21 Xaneiro, 2007 (19:25) | Artes Visuais, Autores, Exposicións, Lectura, Vídeos, Xerais | 8 comments

A “cama-libro” (referida ao microrrelato “39 graos”) é un dos mobles de lectura da exposición.
Da infancia recordo o tacto frío da cabeza do termómetro no sobaco. Lembro iso e as instrucións da miña nai cando chegaban as visitas: non leas que tes os ollos febles, tápate que vou airear o cuarto. Incorporarse, chaqueta nova do prixama, estirar a colcha e sorrir, que a adversidade de cada un non dá patentes para a mala educación. Logo chegaban, saudaban, refregábanme o pelo, preguntaban polos estudos, advertían que era sorte estar na cama e nas miñas respostas monosílabas nunca entendían a miña contrariedade por perder a soidade de enfermo ben suado.

Actualización: (25-01-2007): Información da exposición aparecida en el El Pais: “A literatura é a creación e o soporte a circunstancia”.

Actualización (26-01-2007): “Literatura en acción“, artigo de Antón Reixa en Luzes.

Etiquetas:
Chuzame! A Facebook A Twitter

Palabras contadas ( a exposición)

21 Xaneiro, 2007 (13:41) | Artes Visuais, Autores, Exposicións, Lectura, Xerais | No comments

A exposición Palabras contadas merece a pena. O baixo e o primeiro andar do corpo dereito da Fundación Luís Seoane están ocupadas por diversas instalacións preparadas para que o espectador se transforme en lector (o que o autor define como “lectura con mobles”). Aproveitando a versatilidade que ofrece o formato dos microrrelatos, as historias de Camilo ofrécense en soportes diversos demostrando que a lectura (un dos nosos eixos civilizatorios) vai moito máis alá do soporte do libro impreso. Relatos caligrafados sobre area, impresos sobre colchóns ou roupas, gardados en pequenas caixas de conserva, salferidos na sopa de letras, carimbados sobre os corpos, sobreimpresos en imaxes fixas ou en movemento, proxectados sobre as paredes ou sinxelamente dispostos como esculturas planas no chan ou pendurados do teito.
Esta é unha proposta de literatura de investigación que reivindica o papel primeiro da palabra na creación artística e a función do escritor como creador de novos territorios para a lectura “A palabra para quen a traballa”). A presentación da exposición, moi concurrida, rematou cunha lectura concerto no que autor demostrou que, baixo a súa impostura de crooner efímero, atesoura grandes dotes de animador dos máis divertidos guateques. Recomendo a visita á exposición e a participación nas festas arredor do libro que continuarán por Galicia nas vindeiras semanas.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Palabras contadas

20 Xaneiro, 2007 (13:32) | Artes Visuais, Autores, Exposicións, Lectura, Xerais | 1 comment

Esta noite viaxaremos a Torre para participar na inauguración de Palabras contadas, a primeira exposición dun escritor galego montada a partir dun libro de ficción que funciona como elemento central de instalacións visuais e audiovisuais. Unha exposición concibida para a lectura (que non está recluída nos límites dun libro impreso). O texto como escultura. A lectura con mobles. A lectura como indagación no Museo. Ficción súbita. Sopa de Letras. Relatos en conserva. A lectura como creación unicamente humana. Camilo Franco promete sorpresas. Contarémolas aquí mañá.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Sendón: casas doentes

15 Xaneiro, 2007 (22:03) | Arquitectura, Artes Visuais, Blogs, Exposicións, Sociedade | 4 comments

Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

A forza da palabra

31 Decembro, 2006 (09:31) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cultura, Efemérides, Eventos, Exposicións, Lingua | 1 comment

No artigo da semana recomendo a visita á exposición instalada na Fundación Caixa Galicia con motivo do centenario da Academia Galega. Sería magnífico que se puideron ler na rede máis contidos (sobre todo as imaxes) desta mostra memorable.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Océano Sobral

30 Decembro, 2006 (19:10) | Artes Visuais, Exposicións | No comments

Antón Sobral é o noso vixía do mar. Moi poucos pintores posúen a precisión da súa mirada sobre o horizonte mariño, apenas unha liña finxida onde as xerfas das ondas debuxan o seu antollo océanos. Nas súas mariñas sen referencias non hai nostalxia nin dramatismo por que as ardentías arrecenden o sabor salgado das gamas dos azuis. Volve a pintura de tenra fondura, a comuñón do ser humano co seu amigo o mar.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Proxecto-Edición, A Feira

30 Outubro, 2006 (20:23) | Artes Visuais, Eventos, Exposicións | 2 comments

A Feira do Proxecto-Edición é unha moi boa iniciativa á que, despois da celebración da súa primeira edición esta fin de semana, aínda lle queda moito treito para consolidarse como cita de encontro da edición artística e alternativa e do mundo do deseño. Na miña visita comprobei que o mellor son os contidos expositivos, sexa polo interrogador e o orixinal dalgunhas propostas da chamada edición “alternativa” como pola calidade dalgunhas publicacións, especialmente Entre-cruzar, a publicación da feira. Porén, o máis decepcionante foi a abraiante falta de público na Feira (apenas uns centos de persoas cando eu estiven), quizais provocada por unha deficiente política de comunicación dos organizadores e, seguramente máis, pola inercia dos nosos medios de comunicación para alertar sobre estas iniciativas.
A mesa redonda na que participei o domingo sobre a distribución da edición comercial foi para min, tamén, un chisco incómoda na medida en que alí se volveron a repetir moitos prexuízos sobre o estado actual da edición. Non acredito na diferenza entre editores independentes (supostamente libres) e comerciais (supostamente amordazados) na medida que todos dependemos da recepción dos nosos produtos por parte dos lectores. Outra volta, seméllame máis operativa a diferenciación que Giulio Einaudi, como sinalou moi acertademente Víctor F. Freixanes, estableceu entre editores de cultura e editores de mercado.
Compracerse na diletancia dunha suposta edición independente, á que nada lle importan os resultados comerciais dos seus produtos e a súa visibilidade no mercado global, é, para min, xa moi pouco defendible. Aproveitarse das posibilidades da nova textualidade electrónica ou dos mecanismos da impresión baixo demanda son camiños que tanto os chamados editores independentes (ou “alternativos”, como a eles gusta denominarse) como os editores tradicionais debemos saber explorar para promover unha edición cultural.
Agardo que en vindeiras edicións esta Feira, moi ben arranxada nos seus aspectos técnicos, colla maior pulo entre o público interesado no mundo do deseño, da arte, das publicacións periódicas e, en xeral, no mundo do libro. Para os editores galegos foi unha boa proba de cara á preparación do do Culturgal no mesmo recinto e que pretendemos celebrar no mes de maio de 2007.

Etiquetas: ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Menchu Lamas: sombras no labirinto

8 Outubro, 2006 (09:30) | Artes Visuais, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Exposicións | 2 comments

No artigo da semana falo da exposición de Menchu Lamas no CGAC (é incrible que o noso primeiro centro de arte contemporánea teña pechado o seu espazo web). Recomendo tamén o magnífico catálogo (mágoa que tampouco poida atoparse referencia na rede).

Etiquetas: , , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Menchu no CGAC

7 Setembro, 2006 (21:45) | Artes Visuais, Exposicións | 2 comments

Mañá abre a exposición de Menchu Lamas no CGAC, a que promete ser unha das máis importantes exposicións da tempada. Sempre tiven unha grande querenza e admiración polo traballo desta pintora de trazo rotundo e apaixonado. Gosto da depuración á que ven sometendo as súas características iconas, tanto pola intensidade no tratamento da cor coma pola súa capacidade de enmarcalas nun universo de plurisignificados. Haberá que falar devagariño desta antolóxica do seu traballo da última década.
Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Os oitentas de Virxilio

26 Xuño, 2006 (20:04) | Artes Visuais, Eventos, Exposicións | 2 comments

Xa me tarda en poder visitar a exposición antolóxica de Virxilio, inaugurada esta tarde en Compostela. O xenio do Cumial é un dos meus pintores preferidos, sexa polas formas sinuosas das súas mulleres campesiñas e emigrantes, for polas súas paisaxes elementais ou pola potente caligrafía que inmortalizou nas capitulares da Enciclopedia Gallega.

Estes douscentos cadros é unha retrospectiva ben importante. Alí acudiremos.

Etiquetas: , ,
Chuzame! A Facebook A Twitter

Urbanitas

5 Febreiro, 2006 (09:22) | Artes Visuais, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Exposicións | 3 comments

No artigo da semana recomendo a exposición Urbanitas que se inaugurou o venres pasado en Marco. É importante que o museo recoñeza o traballo destes artistas novos que, nalgún caso, xa admirabamos polo seu traballo na rede.
Sobre a exposición hai unha magnífica reportaxe en culturagalega, incluíndo un completo backstage fotográfico sobre a montaxe e produción dalgunha das obras.
Paga a pena coñecer tanto as obras na rede como vivilas no museo.
A foto é de Xosé Manuel Lens.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Diáspora

30 Maio, 2005 (19:07) | Artes Visuais, Exposicións | 1 comment


Maruja Mallo, Muller con cabra

Recomendo a visita á exposición Diáspora do Marco.
Chuzame! A Facebook A Twitter