Category: Imaxes
2 de abril, Día internacional do libro infantil

Pareceume moi interesante e oportuna a iniciativa da OEPLI de celebrar o 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil en librarías e bibliotecas. Nesta edición o cartel é do ilustrador Jüri Mildeberg e o texto do manifesto da escritora Aino Pervik da sección do IBBY de Estonia.
Probe Cleopatra!

Mubarak resístese a abandonar o poder ensaiando a vella estratexia do enfrontamento civil. Aquí algúns textos para entender as claves da vella toupeira.
A ilustración é de Kolster.
Grazas a Carlos Le Vieux.
«A ría de Noguchi e Mendiño»

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración do ciclo «A Illa das palabras» e da fotografía da ría de Vigo do astronauta Soichi Noguchi, apoio a candidatura do Campus do Mar como campus de excelencia universitaria.
O gaiteiro beduíno de Xerash

Un gaiteiro beduíno recibiunos no impresionante teatro da cidade grecorromana de Xerash (unha das marabillas arqueolóxicas menos coñecidas de Xordania). Aínda que o seu xeito era bretón daba xenio escoitalo, a pesar de que alí nese momento ía unha calor que se achegaba aos 50º.
私の大好きなガリシア

Da manifestación de hoxe quedo con esta foto que fixen nas Orfas.
Como é adoito nestas casos convén visitar as fotogalerías de Galicia hoxe, Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Vieiros ou Galiciae. Axudan a comprender mellor a magnitude da mobilización na que participamos.
«A pobreza é a inxustiza»
No artigo da semana reflexiono, a raíz da Festa «Un Día para a Esperanza» de Intermón-Oxfam, sobre a necesidade de reaccionar sobre a actual situación de fame, pobreza e inxustiza no planeta. Outra ollada é posible.
Unha tarde con Xynthia

A imaxe corresponde ás 13.37 horas.
Hoxe tiña unha xornada moi completiña en Compostela con dúas xuntanzas profesionais pola mañá, un xantar de amizade e outra xuntanza pola tarde. Por mor do Xynthya cancelamos todos os compromisos e quedamos na casiña a ler e adiantar outros traballos. Polo momento, sobre a ría de Vigo o temporal está sendo moderado, como outros moitos que temos vivido sen alerta vermella. Con todo, non sabemos o que nos agarda nas vindeiras obras. Os máis previsores poden consultar a evolución do Xynthya na magnífica páxina de MeteoGalicia.

A imaxe é do Sat 24, onde tamén se pode seguir en vivo a evolución do Xynthia.

26945?

Estou moi intrigado polo significado destas pintadas e carteis presentes por todo Vigo. Polo que puiden comprobar en twitter e facebook as explicacións que se ofrecen son moi distintas, aínda que podería ser unha estratexia publicitaria cunha data marcada. Sexa o que fose, paréceme un despropósito a realización das pintadas sobre edificios e espazos protexidos.
Primeiro concurso mundial de pés de foto con libros


Esta paréceme unha idea fermosa para comezar un Ano do Libro e a Lectura (que en Galicia non se ve, aínda por ningures): a aventura de escribir un libro sobre os libros de forma compartida.
As fotografías son do mexicano Álvaro Alejandro e a iniciativa está promovida por Artes de México e polos nosos amigos de A leer México /IBBY (que promoven, tamén, un concurso sobre contos de fútbol, outra idea a emular).
Compostela branca
Non tiven a fortuna de vivir a grande nevarada que caíu onte sobre Compostela. Nas fotos presenta a súa faciana menos coñecida, que, con seguridade, alguén acuñará na historia desta cidade de letras e signos fascinante para os escritores: «cidade onde vagan os homes e as horas» (Salvador García Bodaño); «cidade que parece construída o día anterior» (Gabriel García Márquez); «cidade na que soterraron a semente» (X.L. Méndez Ferrín); «cidade que é un mar de pedra» (Celso Emilio Ferreiro); «cidade onde os sumidoiros son améndoas» (Xavier Cordal, a miña preferida); «labirinto hermético que segue a ser cidade aberta ao país e casa de todos os galegos» (Suso de Toro)… Cal será a frase literaria para fixar a que foi onte a nosa cidade branca?
Foto: Óscar Corral. El País.
Textos de Agustín nos vagóns do Metro

Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!
«O mundo patas arribas», Mar Caldas

Impactante este traballo fotográfico de Mar Caldas («O mundo patas arriba») para a sección «Inédito» que coordinada por Manuel Sendón publica A Nosa Terra.
Vento nas velas
Este de Juan Chávez é un fotoblog precioso. Tan coidadas as fotos como os textos. Recomendo seguilo.
«O sombreiro Chichiriteiro»
Hoxe estamos moi ilusionados, chegaron os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado de forma xenial por Patricia Castelao.
Velaí unha mostra deste traballo gráfico que Patricia Castelao realizou sobre un relato centrado sobre a amizade e a esperanza (dous valores tan necesarios nestes días difíciles de desacougo).




As cubertas de Daniel Gil
As cubertas que Daniel Gil preparou para Alianza Editorial marcaron un fito na historia do noso deseño editorial. Aquí está unha boa recompilación (938) en flickr realizada por Álvaro Sobrino. Unha gozada, tanto o traballo de Gil como a xenerosidade de Sobrino! Os editores, os deseñadores, os estudantes de deseño temos moito que aprender consultando este fondo espectacular. Alguén se atreve a dicir cál éa súa preferida?
Vía: Proxecto Q. Grazas, Danilo.
Xeración Lamote
Debemos a Xurxo Lobato desta magnífica foto dos tres membros da que poderiamos chamar «Xeración Lamote», Paco Martín, Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz. Os tres, premios nacionais; os tres, mestres da escola das pombas; os tres, amigos de corazón; os tres, trabes desas letras chairegas universalmente galegas.
A anotación de "Tio Vivo"
A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de “Pepe el hincha”, publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que “Panduriño” é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya).Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de “Mortadelo e Filemón”, da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os “simpáticos galleguiños”.
Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.
TioVivo
O amigo Fausto Isorna envíame esta páxina recuperada de TioVivo. Non ten desperdicio.
Actualización (16:00 horas): Arume dos piñeiros e Cesare preguntan sobre a data de publicación desta portada de TioVivo, sen dúbida, unha cuestión moi importante para sacarlle ao texto e ao contexto (sociolingüístico e identitario) máis miga. Os datos que atopei son os seguintes:
– A revista TioVivo comezou a publicarse semanalmente en 1957 promovida por un grupo de historietistas da editorial Bruguera (entre eles Peñarroya, o autor desta portada), agrupados na Cooperativa D.E.R. (Dibujantes Españoles Reunidos). A partir de 1961 foi adquirida por Bruguera que iniciou unha nova numeración. Entendo que esta plana corresponde a esta segunda etapa. Sendo a numeración da plana que reproducimos, 176, o ano previsible da súa publicación debería ser 1964.
– A empregada galega recórdalle a Pepe “El Hincha” que Luisito Suárez e Amancio son os mellores xogadores do mundo. Recordemos que Amancio Amaro, o memorable extremo do Deportivo da Coruña, fichou polo Real Madrid (formando parte da selección española que en 1964 gañou o campionato europeo) en 1962 e Luis Suárez (quizais o mellor xogador galego de todos os tempos), fichou polo Barcelona en 1953 e logo polo Inter en 1961. Outra referencia a un futbolista galego na plana é a de Pahiño (o afouto goleador de Navia, fichado polo Real Madrid ao Celta no ano 1948).
– Cruzando esta información, semella que é verosímil afirmar que esta plana de TioVivo está datada en 1964, un ano no que competiron en primeira división o Pontevedra (liga 1963-64) e o Deportivo da Coruña (liga 1964-65), ambos os dous descendidos ao remate de senllas tempadas. Razón pola que ese simpático “Panduriño”, apupado pola empregada, podería ser o Pontevedra ou o Deportivo da Coruña.
Serán pola paz
Suso Jares mandoume a reportaxe fotográfica (preparada por Paco Vilabarros) do Serán pola paz, celebrado o pasado 18 de abril, no que presentamos os dous primeiros volumes de Educación e paz e festaxamos o 25 aniversario da fundación do grupo Educadores pola paz.
London 2012
Ás portas da celebración da cita olímpica de 2012, Londres xa comezou os preparativos para un evento co que as autoridades pretenden mudar completamente a súa fasquía urbana. A renovación do espazo de Wembley realizada por Sir Norman Foster xa é unha impresionante realidade que nos deixou moi ben impresionados, non tanto polo seu carécter de peza da chamada “arquitectura escultórica”, como pola flexibilidade coa que foi concibida, moito máis alá dos usos dun estadio de fútbol.
Con todo, a presenza social do futbol continúa sendo omnipresente en toda a cidade. E non me refiro nin aos tinglados turísticos de venda de camisetas e iconografía dos equipos da Premier, nin ao espazo ocupado pola “información” futboleira nos medios de comunicación nin sequera ao desfile continuo de seareiros uniformados por estacións e aeroportos. Refírome ao feito de que o fútbol comeza a gañar os espazos da cultura, algo que entre nós aínda está case vedado ou considerado como unha excentricidade. Así as biografías dos futbolistas (xunto a doutros deportistas) ateigan os andeis de “non ficción” das librarías nesta campaña de Nadal. Así o escritor Nick Hornby se presenta na lapela da súa máis recente novela xuvenil (dedicada ao skate) como “escritor e seareiro do Arsenal”, educado en Cambridge University e Highbury (podemos imaxinar que un dos nosos narradores se atrevese a semellante presentación?). Así a cartelaría futbolística centra os escaparates de Carnaby como un dos seus primeiros reclamos, adquirindo noutros casos a categoría de pezas artísticas expostas ao pé da Tate Modern. Aí van algunhas destas pezas que fotografamos en diversos espazos urbanos londinienses.
Etiquetas: London_2012



Agustín Fernández Paz agasalloume hoxe con este caligrama preparado en letraset para un dos primeiros libros de texto do colectivo Avantar. Coa perspectiva de case trinta anos, este recurso didáctico é unha auténtica marabilla.


Tirado e 



Un bo amigo deportivista envíame esta curiosidade por correo electrónico. Sen dúbida, constitúe unha boa mostra de deportivismo.
Novo 



















