Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.
Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.
A iniciativa social Sermos Galiza consolídase. A piques de rematar a primeira fase de capitalización prevista, as persoas promotoras confesan que apenas falta un 10% dos 300.000 euros previstos como capital social fundacional para crear este grupo de comunicación en galego. Unha moi boa noticia para pechar un ano difícil para o sector da comunicación e da lectura na nosa lingua. Non hai dúbida que unha das prioridades estratéxicas no proceso de construción nacional é contar con medios de comunicación propios en galego, plurais e profesionalizados, capaces de enfrontar o difícil tránsito entre os paradigmas da comunicación analóxica e dixital. Esta é unha travesía complexa, difícil, onde xogamos o futuro do idioma de noso. Cómpre, pois, contar cunha biodiversidade informativa en galego (todos os os medios son necesarios, dende os impresos, dixitais e radiofónicos até os audiovisuais e multimedia), un espazo comunicacional que axude, ademais, a facer sostible o sector da lectura e da literatura en galega, como o resto das industrias culturais na nosa lingua. Non vivimos tempos para desistir nin para resignarnos, como pretende facernos crer o influente partido conformista. Precisamos doses elevadas de esforzo e corresponsabilidade. Longa vida e mellor futuro para o proxecto de Sermos Galiza, unha agra aberta en man común que precisa da tensión e da forza de todas as nosas mans.
A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.
Co gallo do terceiro aniversario do pasamento do escritor Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro celebrarase en Pontedeume, vila natal do poeta, un acto literario organizado polos seus amigos. O encontro pretende converterse nunha cita anual que contribúa a manter viva a obra e a memoria dun dos autores máis senlleiros das letras galegas do século XX.
«Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións. A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos os lectores. E como amigos del, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza», sinalan os organizadores do encontro. «Ao cabo, é algo no que Ramiro sempre se significou: el teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir a intereses espurios. O escritor, insistía adoito, escribe exclusivamente para os lectores, procurando neles futuros cómplices».
O acto celebrarase ás 12.30 da mañá na Praza das Angustias, fronte á casa na que o poeta viviu na súa infancia. Alí, Elsa Baluja, viúva do poeta, descubrirá unha placa na súa lembranza e amigos de Ramiro lerán algúns dos seus poemas.
Hoxe participei na constitución da nova xunta directiva da Fundación Premios da Critica Galicia, un proxecto do galeguismo integrador que non podía crebar a súa andaina despois do seu funcionamento ininterrompido dende 1978.
Os reunidos acordamos nomear a seguinte xunta directiva: presidencia, Bieito Ledo; vicepresidencia, Antón Pulido; secretaría, Manuel Bragado; vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó; vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela.
Ademais, tras analizar aspectos relativos ás características de cada unha das modalidades, acordamos que o fallo dos premios correspondentes ao ano 2011 realizarase na cidade de Vigo o serán do 22 de outubro. O 26 de agosto celebraremos en Compostela unha nova xuntanza.
A Comisión Promotora Galiza co Galego, en colaboración coa plataforma Prolingua, organiza un acto público a prol da educación en galego que terá lugar o venres 29 de abril, en horario de 20:00 a 21:30 horas, na Casa Galega da Cultura situada na Praza da Princesa de Vigo. No acto, que será presentado por Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística, Quique Costas presentará o relatorio «Linguas minorizadas europeas en proceso de normalización» e os membros da Comisión Galiza co Galego presentarán un informe sobre o traballo desenvolvido cara a facer efectivo o noso dereito á educación en galego. Pola nosa parte presentaremos un ponencia sobre «As razóns para educar en galego».
Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas convocan Vento Lois, un recital expansivo que se celebrará en todo o mundo 0 vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde. Eis a súa carta, que pregamos difundir:
Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.
Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro…
Solicitamos a túa colaboración por se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora. Se é así, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, «quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (Por exemplo)».
De momento, están xa confirmados un concerto no cárcere da Coruña, (a partires das 21,00 horas), un recital aberto no Centro de Interpretación de Viño de Monforte e outro en Toulouse (en lugar por confirmar)
Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas en cada localidade, e así xuntar xente, propostas e esforzos. O resultado –fotografías, vídeos, comentarios- será recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.
A proposta de escaleta do acto pode consultarse aquí:
“A secular e florecente vella lingua dos galegos está sometida desde hai séculos, e especialmente hoxe en día, a un proceso de progresiva degradación e esmorecemento que ameaza a súa propia supervivencia precisamente na súa terra de nacemento, consecuencia dun longo proceso histórico. (…) A actual situación da lingua dos galegos é problemática e incerta. A coexistencia dos dous idiomas, galego e castelán, só legalmente cooficiais a partir da aprobación do Estatuto de Autonomía, é conflitiva e asimétrica, e agocha unha pugna desigual onde o galego sofre unha profunda subordinación. (…) As actuais relacións asimétricas entre o galego e o castelán esixen, en aplicación do espírito e a letra do artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que o galego teña un apoio proporcionado ao grao de subordinación que actualmente sofre a fin de que no futuro o seu uso normalizado e pleno faga innecesaria toda medida tutelar.”
Esta escolma de tres textos sobre a situación da lingua dos galegos forma parte da exposición de motivos da “Proposición de lei de normalización lingüística en Galicia” presentada en 1981 polo deputado vigués de Esquerda Galega Camilo Nogueira. Tres textos que non perderon actualidade nin vixencia e que no marco do recoñecemento que o daquela recente Estatuto de Autonomía, tamén de 1981, viña de facer do galego como lingua propia de Galicia, abriron no Parlamento galego un proceso de debate xeneroso entre os seus grupos que levou dous anos despois a aprobación por unanimidade (AP, UCD, PSOE, PCG e EG) da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983, de 15 de xuño). Un fito senlleiro para a historia da nosa lingua co que se propoñía conseguir mudar a súa deriva histórica e a súa postración social. Un importante consenso político que, dende aquela, permitiu forxar os alicerces sobre os que se desenvolverían o “pacto”, “acordo” ou “consenso” (tanto nos ten a palabra escollida) arredor das políticas lingüísticas e de fomento do emprego do galego acometidas polos diversos gobernos, tanto os presididos polos populares, como aqueloutros de coalición de socialistas, galeguistas e nacionalistas.
Un “acordo” ou “consenso” –que dende entón non fora cuestionado nunca polos seus asinantes, deica a virada actual asumida polo Partido Popular de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo– baseado en catro principios de acción positiva asumidos amplamente pola sociedade galega como eixos da súa convivencia lingüística. Primeiro, a cooficialidade de ambas as dúas linguas, o que supón procurar a súa igualdade xurídica real e desenvolver idéntica competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía. Segundo, o carácter do galego “como lingua propia de Galicia”, o que a recoñece como sinal identitario e patrimonio principal do país. Terceiro, a necesidade de políticas de promoción do galego –necesarias por atoparse o noso idioma nunha situación de partida de clara desigualdade con respecto ao castelán– para garantir a súa presenza social en todos os ámbitos sociais, con especial atención aos da administración, o ensino e os medios de comunicación. E cuarto, o respecto ao principio de individualidade, que supón que cada cidadán utilice a lingua da súa preferencia nas súas comunicacións non institucionalizadas.
A Lei de Normalización Lingüística permitiu, pois, chantar os alicerces dun “acordo” histórico –non sempre executado polos diversos gobernos coa mesma convicción e entusiasmo– actualizado en 2004, e consensuado tamén en sede parlamentaria por PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG, no “Plan Xeral de Normalización Lingüística”. Unha excelente actualización do consenso, esfarelada polo actual Goberno tras a aprobación unilateral do “Decreto de plurilingüismo” (2010) e da “Lei de convivencia e participación” (2011), medidas coas que os populares pretenden contentar a aqueles sectores negacionistas que non queren ter contacto ningún coa lingua galega.
Tras as declaracións dalgúns candidatos populares sobre a posibilidade de mudar os topónimos dalgunhas poboacións –o artigo 10º da LNL establece que a súa única forma será a galega–, é oportunísima a iniciativa da plataforma apartidaria Prolingua (www.prolinguagalega.org) que solicita ao presidente da Xunta o seu compromiso público de non promover nin acometer ningunha reforma da Lei de normalización lingüística que non se produza co mesmo consenso e unanimidade coa que a Lei foi aprobada no seu día. Unha modificación unilateral da LNL, como a que enuncian algúns candidatos populares, suporía un abuso de poder inadmisible, dada a escasa lexitimidade democrática e moral que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade en 1983. O futuro da lingua de todos os galegos, un patrimonio da humanidade ao noso coidado, non pode ser comprometido por unha presada de votos.
Hoxe os membros da Cerna de Prolingua entregamos no rexistro xeral da Xunta de Galicia unha carta para o presidente Alberte Núñez Feijóo. No texto expoñémoslle a nosa preocupación sobre unha hipotética, mais non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística, solicitándolle se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma desta lei que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a foi aprobada no seu día.
O domingo estarei na Coruña para participar en «Vento Lois». Primeiro na manifestación poética que comezará ás doce e media na Praza de María Pita; logo, a partir da unha, no recital cívico do Teatro Rosalía de Castro. Será unha boa oportunidade para intensificar a presenza social da obra de Lois Pereiro e preparar ese gran recital expansivo polo país enteiro que se celebrará días antes do 17 de maio.
Xa o anunciei hai días en Twitter. Esta campaña de escaparatismo de Ópticas Santorum de Lalín é magnífica. O emprego de libros como apoio publicitario da venda de lentes é unha sinerxia que paga a pena divulgar, tanto pola súa capacidade para visibilizar o libro e fomentar a lectura como pola beleza que os álbums ilustrados achega a cada vitrina. Beizóns para a promotora dunha iniciativa que ben podería ser emulada por outros sectores do comercio.
A celebración de efemérides («Ano de tal ou de cal») constitúe, ademais dun útil recurso didáctico, a posibilidade de orientar ao longo dun ano as políticas sociais, culturais e educativas públicas e privadas (sobre todo no eido da edición e da comunicación) cara a un tema, problema, personalidade, obra ou manifestación artística. A experiencia internacional e nacional demostrounos a súa eficacia como mecanismo de rescate ou sensibilización social, mais tamén que sen unha programación axeitada poden constituír o máis rotundo dos fracasos.
A pesar de todos estes condicionantes e do perigo de abusar na utilización deste recurso, non me resisto a enumerar algunhas das efemérides que celebraremos en Galicia ao longo deste 2011:
Ano do escritor Lois Pereiro. Declarado pola RAG e agardo que pola Xunta de Galicia con motivo da celebración do 17 de maio.
Centenario do nacemento do escritor Álvaro Cunqueiro. Promovido polo Consello da Cultura Galega, as tres universidades, a Consellaría de Cultura e os concellos de Vigo e Mondoñedo. Celebración do 22 de decembro como data do seu centenario.
Centenario do nacemento do filólogo Aníbal Otero. Celebración do 21 de xaneiro como data do seu centenario. Non nos consta polo momento que se vaian realizar actos de homenaxe, máis alá da publicación por parte de Xerais dunha biografía preparada polo profesor Xesús Alonso Montero.
Intervención memorable de Belén Regueira na charla-coloquio organizada polo colectivo A nave das ideas na Casa da Cultura de Vigo o 10 do nadal de 2010. Recoméndoa moi vivamente.
Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:
1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.
2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.
3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.
4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenvolvemento social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.
5. Que para facer posible esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en “aduaneiros” do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.
6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.
7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.
8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.
9. Que algúns operadores do mercado queren “redefinir” a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.
10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.
11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrvolvemento dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.
A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.
Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.
Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.
Recibín hoxe a noticia de que un grupo moi numeroso de entidades, asociacións, sindicatos, universidades e centros educativos de toda Galicia celebrarán o día 4 de novembro o primeiro Día da Ciencia en Galego. A efémeride estará dedicada a Ramón María Aller, Afonso X e James Clerk Maxwell. Os organizadores propoñen facer actividades divulgando a Ciencia e unha actividade común, construír papaventos en cada centro, carteis e exposicións .
Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.
Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.
Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.
O profesorado da Sprague Elementary School (USA) gravou este lipdub (“Put Books in your head”) para animar ao seu alumnado a ler no verán. Chamoume a atención polo que ten de testemuño do que se está facendo na maioría dos sistemas educativos por presentarlle ao alumnado a lectura como unha actividade atractiva; todo un claustro non dubida a poñerse a bailar para seducir aos rapaces e rapazas a que se atrevan cos libros. Bravo! Outrosí sucede coa fórmula dos lipdub, eses vídeos de danza colectiva e contínua (utilizada con éxito para a defensa da nosa lingua), asociados á cultura viral das redes sociais. Vencellar ambos os dous elementos, semella unha fórmula a ensaiar na promoción da lectura nos centros educativos.
O lipdub permite, ademais, coñecer por dentro as instalacións dunha Escola Primaria estadounidense, é moi recomendable reparar nos detalles, así como na letra da canción de Jason Derulo.
No artigo da semana en Faro de Vigo esixo a apertura decontado do «Panteón dos Galegos Ilustres» e propoño a súa refundación, titularidade e xestión pública como «Panteón da Galeguidade». Ademais, aproveito para convidar á cidadanía a participar o vindeiro 15 de xullo no Cortexo Cívico que de Padrón a Compostela conmemorará o 125 aniversario do falecemento de Rosalía de Castro e o 119 aniversario do traslado dos seus restos mortais ao Panteón de Bonaval.
Este serán ás 20:00 na Libraría Librouro participaremos na presentación de Feijóo, o galego e nós, a escolma xornalística que coordinou Xosé María Álvarez Cáccamo sobre o conflito aberto dende o pasado ano polos sectores negacionistas da nosa lingua. Será unha boa oportunidade para saudar a Pancho Pillado, o noso bo amigo, responsable Laiovento, a editora do libro, ao tempo que reflexionar sobre o momento no que estamos no conflito do idioma. Estes libros que vimos editando nos dous últimos anos arredor da lingua están contribuíndo tanto a profundizar nas análises arredor das políticas lingüísticas e da saúde cada vez máis precaria do idioma noso, como a repensar o discurso e as formas na súa defensa. Comparto as doses de entusiasmo e realismo de iniciativas como GalegoLab, que enxergan novos vieiros para o fomento do galego en todos os eidos da vida social e para a defensa dos dereitos lingüísticos de todos os cidadáns e cidadás do país.
Por unha anotación do formidable blog de Joaquín Rodríguez sei da publicación do «Manifesto pola alfabetización» (en pdf), un texto elaborado no Reino Unido por especialistas que reclama a implicación das autoridades e das diversas administracións na cuestión da lectura nesta era dixital. Encadrado dentro das iniciativas e programas do National Literacy Trust (unha institución conformada por institucións públicas e privadas, tanto gremiais como de voluntariado, que desenvolven programas tan xeitosos coma este de «Ler para vivir»), este Manifesto propón catro liñas de reflexión que veñen perfectamente ao caso da situación da lectura en Galicia, e en xeral, en calquera das nosas sociedades occidentais.
Para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística dos nenos e nenas é indispensable dispór dun ambiente familiar aberto ao diálogo.
A alfabetización e o interese pola lectura comeza no entorno familiar.
A alfabetización (entendida como lectura e escritura) é a chave que nos permite integrarnos na era dixital.
A alfabetización é unha competencia indispensable para o desenvolvemento persoal e para o do conxunto da sociedade.
Teño a certeza que hoxe no desenvolvemento do pleno sobre o Estado da Autonomía, a pesar de estarmos xa no terceiro mes do chamado «Ano da lectura», moi pouco se vai falar no Parlamento Galego do estado da nosa alfabetización. O que non deixa de ser curioso nun Goberno que teima en que os pais exerzan un poder nos centros escolares que non exercen nos seus fogares. Esta chamada de atención que traemos do Reino Unido, unha sociedade cuns índices de lectura moi superiores aos nosos e un respecto incomparablemente maior ao sector do libro e á creación literaria (autores, editores, bibliotecarios e libreiros), ben podería servir para salientar as razóns das dificultades que atopa a civilidade en Galicia.
O serán de onte foi un dos máis felices dos últimos tempos. As presentacións expansivas do libro de ProLingua foron un éxito rotundo. Os datos falan por si sós: máis de 5.000 persoas mobilizadas en 69 localidades de aquí e acolá para participar na presentación do argumentario argallado contras as falacias dos negacionistas, eses poucos concidadáns nosos que non queren de maneira ningunha contacto coa lingua de todos.
Na presentación de Vigo (como con certeza sucedeu en calquera das outras localidades) comprobamos que existe unha vontade cívica, apartidaria, plural, pacífica ata o lirismo de participar nesta revolución tranquila e radicalmente teimosa de devolver a dignidade que se lle pretende roubar ao idioma de noso. Non temos dúbidas de que hai moita xente, cada vez máis xente (de querenzas nacionalista e non nacionalista) disposta a traballar moi activamente para evitar que as políticas de fomento do galego e os dereitos lingüísticos da cidadanía galega retrocedan. A mellor lección que debemos tirar destas exitosas presentacións expansivas é o carácter cívico e plural de todos e cada un dos actos, onde o único protagonismo recaeu nos argumentos, nas razóns empregadas para desmontar as falacias e prexuízos utilizados polos que pretenden facer retroceder ao galego.
ProLingua, ademais de contribuír a renovar o discurso sobre o idioma, en apenas cinco meses de funcionamento acuñou un novo estilo nas tarefas de defensa e promoción do galego baseado en dous principios: primeiro, traballo voluntario (moito traballo e dedicación) en man común de persoas de diversa ideoloxía e profesión; segundo, as actividades fináncianse en base ás achegas dos seus membros , o que supón manter unha independencia total das administracións públicas, xa que a plataforma non recibe nin solicita axudas de ningunha delas.
Despois de coller un acougo e continuar coa promoción do libro, ProLingua prepara xa unha segunda acción destinada a promoción do emprego da lingua nos establecementos comerciais e outras posteriores de maior alcance. Aí estaremos.
Velaquí a listaxe das 63 localidades nas que se fará a presentación do libro55 mentiras sobre a lingua galega mañá venres 5 de febreiro ás 20:30 horas. Agradécese calquera colaboración para difundir esta información e apoiar a nosa iniciativa (especialmente adquirindo un exemplar). E, por suposto, estades todos e todas convidados a participardes nesta iniciativa en man común en defensa da dignidade da lingua galega. A presentación de Vigo será retransmitida en directo por Blogaliza (O streaming poderá seguirse desde o blogue de Prolingua e desde a portada de Blogaliza).
A Coruña, Sala de Prensa Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, entrada por Rúa da Estrela): Mercedes Queixas, Pancho Pillado, Martin Pawley e Alfredo Ferreiro
A Estrada, Agrupación Cultural KenKeirades: David Otero e Antía Otero
Allariz, Fundación Vicente Risco: Teresa Devesa e Antonio Blanco
Baio (Zas), Auditorio de Baio: Teresa Castro, Antonio Díaz Amor, Ricardo Vigueret
Baiona, Biblioteca Municipal: Concha Costas e Anxo Ratel
Barcelona, Centro Galego (Rambla Caputxins 35-37): Pere Comelles, Sabela Labraña, Xiana Díaz e Paulo Filgueiras.
Paréceme extraordinaria esta iniciativa de ProLingua de publicar un libro que desmonta aos prexuízos e as mentiras tecidos arredor do idioma noso, ao tempo que a magnífica idea de presentalo de forma simultánea (o serán do 5 DE FEBREIRO) en [polo momento] cincuenta e seis localidades galegas e do mundo enteiro. Esta multipresentación expansiva vai camiño de converterse tamén nun fito na historia da edición internacional, xa que non coñecemos precedentes de que máis dun cento de persoas presentasen no mesmo día e a mesma hora o mesmo libro. Síntome moi orgulloso de pertencer á irmandade de ProLingua. Beizóns!
A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.
Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade.
Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego.
Nos próximos días ofreceremos no noso blogue, http://prolinguagalega.org, cumprida información da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro – Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague. Unha relación de puntos de encontro e presentación longa e aberta, pois a recepción a esta iniciativa por parte da sociedade está a ser altamente positiva e comprometida. Texto recollido da anotación publicada no espazo de ProLingua.
A lista de presentacións, localidades e intervinientes poderá consultarse nos vindeiros días no blog de ProLingua e na multiconvocatoria presente en Facebook.
Galego Patrimonio da Humanidade convoca Lingua de liberdade, un acto cívico a prol da lingua galega o vindeiro sábado 14 de novembro, a partir das 12 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
No acto, que estará conducido por Candido Pazó. intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.
Hoxe recibimos esta documentación en pdf dos centros galegos de Suíza protestando pola drástica redución de subvencións da Secretaría Xeral de Emigración. A unidade que expresan todas as asociacións é impresionante. Velaí a queixa da nosa Galicia emigrante.
Esta foto tirada onte en Villaba constitúe un orgullo para a nosa Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea: os catro premios nacionais Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Fina Casalderrey e Paco Martín.
A de onte foi unha xornada para lembrar. Un cento de amigos e amigas acompañamos a Xabier DoCampo na homenaxe que lle renderon a Fundación Manuel María e os clubes de lectura de Xermolos. No Muíño do Rañego, chufaron ao homenaxeado, e moi ben o fixeron, David Otero (elegantísimo mestre da cerimonia), Fina Casalderrey («Xabier sabe da forza da súa palabra, é un contador de festa.»); Xosé Cobas («a relación que nos une é a memoria común da infancia, a súa na Terra Cha, a miña en Negreira»); María Xesús Fernández («Xabier forma parte dos seus libros. A busca permanente foi o obxectivo primordial en toda a súa traxectoria literaria»); Mercedes Queixas («Non esquecereir nunca que Xabier foi que n me presentou o meu primeiro libro»); Agustín Fernández Paz («Este é o principio dun tempo vizoso que agarda por nós») e Antía Otero («Cantos nenos e nenas galegos están orgulloso de coñecer un escritor?»). Respondeulles Xabier ás persoas que o atencionaron lendo unhas palabras improvisadas, que traía escritas en catro folios memorables (agardamos os publique no seu blog), nas que reivindicou a súa orixe chairega que lle permitiu edicarse ao seu oficio de escritor, ao tempo que defendeu o futuro da lingua que nos une.
Tras o discurso, dirixímonos ao paseo dos soños, eses catro centos metros de ouro das letras chairegas, para inaugurar a escultura que simboliza a obra de DoCampo, a carón das de Agustín Fernández Paz, Manuel María e Paco Martín. Un xantar de irmandade, no que cantaron Mino e Mero, pechou unha xornada que quedará na memoria nosa para sempre.
Organizado polo club de lectura da Asociación Xermolos e pola Irmandade Manuel María, o vindeiro sábado, 24 de outubro, terá lugar no Muíño do Rañego de Vilalba, baixo a denominación de “Nun lugar dos soños”, unha homenaxe ao escritor Xabier DoCampo. Os actos comezarán ás 12:00 do mediodía cunha mesa redonda na que participarán Fina Casalderrey, Xosé Cobas, María Xesús Fernández, Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Mercedes Queixas e David Otero. A continuación, terá lugar a colocación do cuarto hectómetro literario no Paseo dos Soños. Os actos rematarán cun xantar de irmandade no restaurante A Nova Ruta de Vilalba (para apuntarse chamar ao teléfono 646413890). Esta é unha merecidísima homenaxe que permitirá a tantos e tantos amigos, lectores ou cidadáns amosar a gratitude e afecto polo grande mestre chairego.
Arquivamosestesdocumentosdunhaxornadahistórica. Hoxe milleiros e milleiros de persoas (moitas) construímos un dique cívico para amparar a lingua de todos e todas. Como salientou Xurxo Souto na súa intervención «a nosa historia facémola nós». Manter o actual estatuto xurídico para a nosa lingua e promover a restauración da súa cadea no eido familiar son dous exercicios de corresponsabilidade ao que estamos sen excepción todos e todas convocados. O futuro da lingua depende de nós.
Amin Maalouf acaba de publicar A deleiba do mundo (Xerais 2009), un ensaio apocalíptico e ao tempo esperanzado no que identifica as razóns polas que neste inicio do novo milenio as nosas civilizacións emorecen e, ao tempo, propón as vías que puidesen evitar a regresión anunciada. O escritor franco-libanés –galardonado este ano pola Xunta de Galicia co Premio Compostela que recoñece o labor a prol da unidade europea e da preservación do seu patrimonio cultural– enuncia con toda a claridade o dilema que debe resolver a aventura humana ao longo deste século: “seguir pola vía das civilizacións enfrontadas, que se imitan e se uniformizan, ou crear unha soa civilización humana, pero que se desprega a través dunha infinita diversidade”. Para seguir a primeira, abonda con irnos á valga preguiceiramente, como facemos hoxe seguindo o modelo da homoxeinización cultural empobrecedora. Elixir a segunda vía precisa dun arreguizo, dun compromiso con dous principios, intanxibles e inseparables para Maalouf, “a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais”.
Esta concepción de Maalouf supón volver pensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade, que ten como compoñente insubstituíble a súa lingua. As súas palabras son a este teor inequívocas: “respectar unha cultura é animar o ensino da lingua que a leva, é favorecer o coñecemento da súa literatura, das súas expresións teatrais, cinematográficas, musicais, pictóricas, artesanais, culinarias, etc.” Para Maalouf é posible unha humanidade consciente do seu destino común, reunida arredor dos mesmos valores esenciais, pero (e volvemos roubarlle as súas palabras) “seguindo a desenvolver, máis que nunca, as expresións culturais máis diversas, as máis abundantes, preservando todas as súas linguas, as súas tradicións artísticas, as súas técnicas, a súa sensibilidade, a súa memoria, o seu saber.”
Esta preocupación pola primacía da cultura e a conservación da diversidade lingüística xa se concretara o pasado ano no estudo “Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas pode contribuír á consolidación de Europa” (dende entón Informe Maalouf) que dez intelectuais encabezados por el presentaron á Comisión Europea. “Se Europa ten sentido é porque pobos libres decidiron vivir xuntos e agardan que as súas linguas e as súas culturas se expandan en vez de reducirse ou desaparecer” é a idea trabe sobre a que se propón un novo modelo de plurilingüismo europeo. Para contrarrestar unha tendencia aparentemente imparable de utilización dunha única lingua europea, o Informe Maalouf propón que xunto á aprendizaxe da “lingua materna ou identitaria” e da “lingua de comunicación internacional”, cada un dos europeos opte ademais por unha “lingua persoal adoptiva” para ser aprendida con paixón e permitir o acceso a outra cultura. Unha vez máis, Maalouf aposta polo plurilingüismo e pola diversidade cultural como o mellor investimento para a convivencia e, neste caso, para o proceso de construción europea.
Este modelo maaloufiano de linguas que suman e enriquecen a cada un dos individuos e ao acervo común das comunidades ás que pertencen foi tamén o que impregnou as políticas lingüísticas levadas en Galicia durante as tres últimas décadas. Políticas prudentes de converxencia e integración que pretenden conseguir idéntica competencia nas dúas linguas cooficiais para que logo cada cidadán escolla nos diferentes ámbitos a que sexa da súa preferencia. Sobre este modelo forxáronse os acordos da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, as dúas pezas senlleiras que recollen os consensos forxados por todas as forzas políticas e sectores sociais arredor do uso e da aprendizaxe das linguas que falamos os galegos.
Fronte a este modelo consensuado de integración e de aposta pola diversidade lingüística (que no caso noso non pode ser máis que de decidida promoción da lingua galega en todos e cada un dos ámbitos da vida social, xa que sofre un perigo real de desaparición motivado por un proceso acelerado de substitución lingüística) abriuse camiño en Galicia un modelo negacionista de monolingüismo en castelán (presentado baixo a falsa aparencia de “bilingüe”) que contando co apoio do Goberno Galego e do seu presidente pretende dinamitar sen contemplación ningunha todos os consensos acadados sobre o uso e a aprendizaxe das linguas en Galicia. Algo verdadeiramente inaudito e irresponsable.
Hoxe en Compostela, milleiros de cidadáns galegos camiñaremos para reclamar que non se dinamite a esperanza dun pobo milenario que ten na súa lingua e na súa cultura a súa mellor contribución á aventura da humanidade.
Con todo o noso entusiasmo e maior esperanza estaremos o vindeiro domingo en Compostela para defender o futuro da lingua nosa. Non é este o momento de debater os matices sobre como foi organizada a convocatoria nin tampouco as diferenzas partidarias arredor do proceso de normalización do idioma; hoxe cómpre a maior unidade e xenerosidade para construír un novo dique cívico que preserve os consensos arredor da lingua acadados nas dúas últimas tres décadas. Os contidos da actual Lei de Normalización de 1983 e do Plan Xeral de Normalización de 2004 deben ser as posicións irrenunciables que eviten o retroceso que pretenden introducir os sectores galegófobos.
Non teño dúbida de que o resultado da manifestación do domingo pode ser decisivo para obrigar ao goberno de Feijóo a reorientar a súa política de deconstrución lingüística.
O domingo en Compostela, todos e todas co futuro da lingua nosa!
Este serán, agardando polo vitrasa para volver do chollo, sorprendeume a publicidade da traseira do bus dos Caños: «Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro». A bonita iniciativa marqueteira, que tamén de promoción lectora, corresponde a Óptica Studio, unha cadea de ópticas nacida en Cangas hai trinta anos e na que nunca reparara. Esta oferta en termos económicos é modestiña (apenas un desconto dun par de puntos), porén supón unha iniciativa singular a gabar, xa que non é adoito empregar o libro como un reclamo de prestixio para vender outros produtos. Nada sei sobre cales son os libros agasallados por esta pequena cadea de ópticas (mágoa que no seu sitio web tampouco anuncien, polo momento, a promoción) nin nunca pisei ningún dos seus establecementos. A partir de agora conta coa miña simpatía. Os meus parabéns.
Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.
Afeitos como estamos a dar conta de malas noticias, enchémonos de fachenda de abeizoar ao Club Deportivo Lugo ao Pontevedra Club de Fútbol, dous dos clubes de fútbol galego da 2º B, xa que decidiron incorporar a bandeira galega no colo da camiseta os lucenses e no seu escudo os do «hai que roelo». A este xesto hai que engadir a consideración por parte dos pontevedreses do galego como o seu idioma oficial, tanto na súa documentación oficial como na megafonía do estadio de Pasarón. Pola súa banda, o Celta, o equipo pioneiro na utilización do galego como lingua oficial da megafonía no estadio (un feito xa consolidado, e promovido dende o concello, hai dúas décadas), tras as vacilacións da pasada tempada no uso do galego nas súas publicacións, decidiu incorporar a galega como unha das linguas da súa nova web. O Coruña de Lendoiro, o Rácing de Silveira e o Compostela de Caneda ben poderían facer algún xesto co noso idioma.
No artigo da semana, tras a presentación do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade», propoño en termos moi semellantes a recuperación do consenso arredor da lingua. Reproduzo o texto, xa que a versión publicada contén algúns erros e grallas que pexan a súa lectura (as miñas desculpas).
“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consenso básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos”.
Esta é a primeira frase do manifesto “Galego. Patrimonio da Humanidade” que avalado por máis de mil trescentas persoas, pertencentes os máis diversos sectores profesionais e de afinidades políticas, foi presentado o pasado venres na Casa Galega da Cultura de Vigo coa intención de reclamar ao PPdeG que regrese ao terreo común das políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que durante varias décadas impulsou desde os diversos gobernos presididos por Albor e Fraga. Un manifesto que constitúe unha chamada cívica de recuperación do consenso arredor das políticas de fomento e protección do idioma forxado tras tres décadas de esforzo colectivo entre os partidos políticos no Parlamento de Galicia, ao que tampouco foron alleos diversos sectores sociais, e plasmado nas unanimidades parlamentares acadadas pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 (aprobada sendo presidente Xerardo González Albor) e polo Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 (aprobado sendo presidente Manuel Fraga e vicepresidente Alberto Núñez Feijoo).
Porén, dende a campaña electoral, cando a dirección do PPdeG quedou prendida nos cantos de serea de grupos galegófobos minoritarios e das directrices emanadas de FAES, e sobre todo nestes meses andados tras a constitución do Goberno Galego, o presidente Feijoo, tras asumir (con inusitado protagonismo) os custes e beneficios políticos de subvertir o marco actual do galego, decidiu acometer unha operación consciente e planificada de desmontaxe dos tres consensos básicos acadados durante o período autonómico arredor da protección da lingua e da cultura galegas. Primeiro, o de considerar a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia en todos os ámbitos sociais; segundo, o da obriga de todos os poderes públicos sen excepción de asegurar a normalización do galego como lingua propia de Galicia; e, terceiro, o de asegurar a non discriminación de ningún cidadán ou cidadá por razón de lingua.
Consensos que se pretenden facer cachizas amparándose na existencia dunha suposta “imposición lingüística do galego”, promovida polos sectores nacionalistas. Unha falsidade que, de tantas veces repetida ata o delirio por parte de sectores galegófobos, semella ter calado, magoadamente, nunha parte da sociedade galega, e que oculta un modelo de monolingüismo baseado na supremacía do castelán e a consideración residual do galego apenas como lingua etnográfica. Consensos que, ademais, semellan considerarse innecesarios cando os membros do actual Goberno se amparan na maioría absoluta obtida nas eleccións como mellor argumento para xustificar algunhas das súas medidas (como a supresión da proba de galego no acceso á función pública), que constitúen os primeiros retrocesos institucionais sobre protección do galego coñecidos no período autonómico.
Porén, como sinala o manifesto cidadán, “Galego. Patrimonio da Humanidade”, “gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país”. É innegable que en Galicia se falan dúas linguas, e é innegable, tamén, que están en situación de moi clara desigualdade, como demostran os estudos sociolingüísticos independentes, que salientan, ademais, o feito dunha recuperación histórica da sáude do galego nos últimos anos (un feito que debemos celebrar). Desigualdade na que reside a razón pola que o galego debe recibir unha especial protección e fomento da súa aprendizaxe por parte dos poderes públicos, requisito imprescindible, ademais, para asegurar a posibilidade de elección en total liberdade dos seus usos por parte dos cidadáns e cidadás do noso país. Mais se isto non abondase, os estudos sociolóxicos amosan a existencia na sociedade galega dunha corrente basal de aprecio cara a lingua de noso, independentemente de cal fose o idioma no que cada cidadán se expresa decotío. Unha corrente de aberta simpatía en amplos sectores cidadáns cara as medidas de fomento do galego e do desenvolvemento dunha sociedade plurilingüe, onde o galego sexa considerado como lingua propia e de uso preferente nos eidos educativos e sociais.
A recuperación do espazo de consenso arredor do idioma, tan traballosamente forxado, é o requisito primeiro para a nosa convivencia en liberdade. Poñer en perigo semellante patrimonio común, como se ven facendo durante estes últimos meses, pode ter consecuencias inimaxinables para o país. Pola contra, o exemplo do recente consenso acadado na FEGAMP (onde están presentes os partidos do goberno e da oposición) con motivo do vinte e cinco aniversario da “Declaración do Hostal”, afirmando con toda claridade “o galego como lingua propia dos concellos e deputacións de Galicia”, é o camiño a seguir.
Como galego sinto vergonza de que o presidente do meu país teña tan escasa consideración co esforzo colectivo de case tres décadas que costou forxar o actual estatuto xurídico do galego. Recuperar este consenso é unha prioridade para a nosa convivencia. Interpreto a tremenda acollida que ten o manifesto (alén do papel dinamizador da propia rede) e o xermolar de diversas iniciativas organizativas arredor do idioma como un síntoma do malestar existente en sectores urbanos moi diversos da sociedade coa actual política do Goberno Galego sobre a lingua, mais tamén como un síntoma moi esperanzador de vitalidade cívica.