Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!
O meu admiradísimo Carlos Núñez (Le Vieux), mestre tipógrafo e deseñador gráfico, creador da tipografía Gallaecia Castelo, envioume un correo electrónico no que reivindica o texto manuscrito. Non esquezamos que na mudanza de paradigma, o tránsito do textual ao hipertextual, prodúcese tanto nas formas na lectura como na escritura. Mudan as formas de lecturas e as formas de escritura. Isto é fulcral. Polo grande interese desta reflexión, «El escrito a mano es la expresión del alma», sobre todo dende o punto de vista didáctico, permitinme convertila nun documento pdf que se pode baixar aquí. Grazas, Carlos!
Afeitos á presenza no circo mediático das vaidades de famosiños efémeros, chama a atención a traxectoria do señor Josep Guardiola. Tras cinco intensas tempadas como adestrador do F.C.Barcelona, a primeira co equipo filial de terceira división, nas que conseguiu un extraordinario palmarés acuñando a procura da beleza como estilo de xogo e a rotación do cadro de xogadores como elemento de cohesión do equipo, Guardiola sae sen rebumbio das primeiras páxinas coa intención de tomar un ano sabático coa súa familia en Nova York. Sen dúbida será un retiro transitorio e dourado para quen, se quixese, podería ocupar o banco de calquera dos clubes ingleses millonarios ou de seleccións con ansias de títulos mundiais.
Probablemente, os éxitos como adestrador do «noi de Santpedor», un rapaz de familia moi humilde que ingresou na factoría azulgrana da Masía aos trece anos, alicerzáronse na experiencia acumulada como medio centro do Barcelona, o número 4 dos equipos de Cruyff, Robson e Louis van Gaal. Un período decisivo no que forxou a súa convicción de que «o fútbol é o xogo máis simple do mundo, canto máis doado e máis sinxelo sexa, mellor, abonda que o teu pé obedeza a túa cabeza».
Traballador concienciudo, autoesixente até a obsesión, Pep Guardiola inculcou aos seus xogadores este compromiso de racionalidade no desenvolvemento do xogo e de confianza nas propias posibilidades para realizar un traballo ben feito, enfrontándoos a un exercicio máximo de corresponsabilidade no que os defensas tamén deberían atacar e os dianteiros tamén defender. Con esa actitude o seu Barcelona asombrou, ofreceu un espectáculo marabilloso, un fútbol de salón e claqué, un exercicio só aparentemente sinxelo, onde os xogadores gozaban tecendo devagariño e cooperativamente até que aparecesen os alustros de xenialidade desiquilibrante de Messi, Xavi, Iniesta, Fábregas, Pedro, Villa…
Mais Guardiola tamén, coma sucede adoito na vida, debeu xestionar importantes fracasos, sobre todo esta última tempada, na que perdeu a Liga fronte ao seu eterno rival e quedou fóra (inxustamente) da final de Champions, os seus dous principais obxectivos. A súa dignidade, asumindo a responsabilidade das derrotas e abrindo o camiño para que o sucedese o seu primeiro colaborador, constitúe un modelo de comportamento moral escasamente frecuente na actual sociedade conformista.
Tanto como xogador como adestrador, Pep Guardiola mantivo o seu compromiso como cidadán dun tempo e dun país. A súa estreita amizade con Miquel Martí i Pol é un dos episodios máis interesantes das relacións entre a literatura e o fútbol. Da man do cantor Lluis Llach coñeceu ao popular poeta catalán, cando estaba afectado dunha esclerose múltiple e tiña importantes dificultades para falar. Guardiola participou en presentacións dos seus poemarios, como a do Llibre de les solituds (1997), que o autor de Roda de Ter lle dedicou a el e a súa dona Cristina Serra, e mesmo chegou a substituír a voz do escritor en roldas de lecturas en centros escolares. Tras o pasamento do poeta, sendo xa adestrador, participou nun libro cedé de homenaxe a Martí i Pol, (Tribut de sorra i fulles) recitando un fragmento do poema «L’hoste insòlit» musicalizado polo grupo Mokodude. Este compromiso coa lectura e coa literatura catalana foi recoñecido polo Gremio de Editores de Catalunya co premio Atlántida 2010, que recibía por vez primeira un futbolista.
A figura do «señor Josep Guardiola», asociada á poesía e ao mundo do libro, axuda a desmitificar tanto algúns dos tópicos asociados co deporte como os que arrastra a lectura, a literatura ou o cinema, actividades presentadas a veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles co balonmpé. É innegable que son moitos os futbolistas que non teñen entre as súas afeccións as da lectura ou algunha inquedanza artística. Mesmo é moi coñecida a anécdota protagonizada polo goleiro Romario cando quedou tan pancho na televisión brasileira declarando que “non lía nunca porque lle daba dor de cabeza”. Porén, hai tamén futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai moitos escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais.
Pep Guardiola é un modelo da alquimia posible entre o fútbol e a poesía, dúas actividades que perseguen a beleza até a súa gorida e son capaces de representar con linguaxes diversas os conflitos e as emocións da condición humana. Lémbrao Eduardo Galeano, quizais o escritor que mellor ten abordado esa relación:«A historia do fútbol é unha triste viaxe do pracer ao deber. Ao que o deporte se industrializou, foise desterrando a beleza que nace da ledicia de xogar porque si».
Foi unha bonita experiencia participar como convidado na tertulia do programa «No es un día cualquiera» de RNE 1, que se celebrou en Pontevedra. Co afán didáctico que caracteriza o programa de Pepa Fernández, abordamos unha boa parte dos tópicos arredor do «futuro do papel», dende a posibilidade de desaparición das edicións impresas ás vantaxes e inconvenientes dos libros electrónicos. Como noutros debates semellantes, foi o meu interese introducir entre os temas a cuestión do futuro da lectura, situándoa por riba dos soportes utilizados, así como o de subliñar que neste periodo de tránsito a edición ten un carácter híbrido, na que coexiste a utilización de soportes impresos, dixitais e expandidos, e a lectura realízase tanto sobre textos como hipertextos. Nas intervencións e comentarios dos participantes chamoume a atención a unanimidade en considerar máis sostible, dende o punto de vista medioambiental, a edición electrónica ca impresa, así como a escasa atención ao futuro da rede de librarías. Opinións que obrigan a reflexionar.
Co este artigo, no que propoño que a lectura en galego forme parte das estratexias de normalización lingüística, inicio a miña colaboración con Sermos Galiza.
Éxito da primeira Sentada Lectora organizada por Espazo Lectura para celebrar o Día Internacional do Libro. Varios centos de persoas desafiando á choiva visibilizamos na alameda gondomareña durante un par de horas a importancia social da lectura. Unha rebelión cívica, anónima, silenciosa, fermosa, interxeracional, imprescindible, unha afirmación lúdica dos libros, as únicas armas coas que conta a lectura. Como se recolleu no magnífico manifesto, que leron as escritoras Araceli Gonda e Paula Carballeira: «A lectura é educación, é formación, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para prosperar. Unha sociedade lectora é unha sociedade capaz. Precisamente por iso non temos dúbidas, onde hai libros, hai futuro». Cantares do Brión pechou coa súa foliada coral tradicional esta entrañable sentada para o recordo. Bo día do libro, mellores lecturas compartidas!
Espazo Lectura convoca para o domingo 22 de abril, ás doce da mañán, unha “Sentada lectora” na Alameda de Gondomar. Encadrado na completa semana de actividades que a hiperdinámica asociación gondomareña de fomento da lectura organiza con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), este acto cívico reunirá a persoas de todas as idades comprometidas a ler durante un cuarto de hora o libro que levará cada unha delas. A lectura dun manifesto a prol da lectura por parte de Paula Carballeira e Araceli Gonda e as actuacións musicais do grupo Migallas e do coro Cantares do Brión de Vincios completarán o programa deste acto lúdico e reivindicativo co que os organizadores pretenden nun momento de crise financeira e certo conformismo social salientar que “o valor da lectura e a cultura é máis importante que nunca para facer libre á cidadanía e dotala de instrumentos de futuro, de esperanza”. Un acto orixinal de rebelión e insubmisión lectora, do que non existen precedentes en Galicia, que de forma simbólica e silenciosa evidenciara o carácter cívico da lectura e a necesidade de que sexa incluída na axenda pública utilizada polas administracións públicas, partidos políticos, asociacións veciñas e medios de comunicación.
Hoxe a lectura é un fenómeno híbrido e socialmente moi relevante, que afecta a toda a cidadanía, xa que vivimos un proceso de mudanza profunda entre o modelo de lectura textual, característico dos libros, revistas e xornais impresos, e o de lectura hipertextual, utilizado sobre as pantallas de ordenadores, taboíñas, e-readers ou teléfonos. Os lectores de todas as idades, non só os máis novos, compartimos decote a actividade lectora sobre libros e xornais impresos coa que realizamos sobre as diversas pantallas hipertextuais. Os espazos públicos urbanos quedaron inzados de máquinas dixitais para ler e escribir das que ningún cidadán pode prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde en Internet ninguén sabe nin pode lelo todo, onde todos debemos asumir que somos parcialmente analfabetos nalgúns eidos, onde rematou o monopolio da escritura correcta, onde hai unha parte significativa da escritura pública –como a das mensaxes de sms ou das anotacións de twitter– que non se atén as convencións ortográficas, onde o devir cotián está marcado polas transaccións lectoras realizadas sobre as pantallas dos máis diversos formatos –algunhas tamén táctiles e interactivas que utilizan recursos iconográficos e multimodais moi atractivo– ás que adoito non son alleas interferencias publicitarias e outros spams que poden chegar a confundir a lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais.
Neste proceso de mudanza xa non podemos concebir a lectura como un hábito ou unha afección dunha parte da cidadanía (arredor do 58% dos maiores de 14 anos defínese como “persoas lectoras”) disposta ao goce das obras literarias impresas. Hoxe a lectura é moito máis, é unha competencia cidadá imprescindible, un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade. A cidadanía contemporánea será lectora multisoporte ou non será cidadanía, non hai posibilidade escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassany “se diversifican tanto os artefactos letrados, como os usos e as funcións da lectura”.
O fomento da lectura así entendida transfórmase na prioridade das políticas educativas, culturais e de igualdade. É esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencias abondas para utilizar toda clase de textos e hipertexos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como adquire especial significatividade o papel no fomento da lectura contemporánea das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer á cidadanía de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer a responsabilidade dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. As familias tamén poden contribuír de forma decisiva á lectura, xa que no seu seo se poden consolidar hábitos lectores xerados e compartidos ao abeiro dos afectos. Outrosí sucede coas redes sociais capaces de compartir recomendacións literarias no que xa se denomina “lectura social” ou do papel dinamizador do chamado “voluntariado para a lectura”, promovido por entidades privadas como Espazo Lectura, capaces de provocar poderosas revolucións lectoras como a que se vive en Gondomar dende hai apenas tres anos.
No artigo da semana en Faro de Vigo, no marco dos gastos elevadísimos do desenvolvemento do proxecto da Cidade da Cultura, volvo amosar preocupación sobre o futuro das industrias culturais en Galicia.
A Consellaría de Cultura e Educación gastará medio millón de euros en amoblar os dous novos edificios do Gaiás. Un gasto imprescindible e, probablemente razoable para os prezos actuais de mercado, para dotar de cadeiras, butacas e outros mobles de oficina ás instalacións do que serán o Museo de Galicia e o edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Un importe menor, se o comparamos cos máis de catro centos millóns de euros que até agora se levan gastado nos catro edificios construídos do proxecto megalómano do monte Gaiás auspiciado por Manuel Fraga hai trece anos. Porén, ese medio millón de euros en “mobiliario de alta calidade”, como esixen as prescricións técnicas asinadas co arquitecto Peter Eisenman, constitúe unha cantidade significativa, se a comparamos coa precariedade das políticas culturais públicas en Galicia.
Efectivamente, medio millón de euros é a cantidade destinada pola Consellaría de Cultura para dotar este ano ás bibliotecas públicas de novidades editoriais en lingua galega, o que supón unha redución do 60% con respecto ás cantidades que a este teor destinaba ao comezo da lexislatura. Medio millón de euros é un terzo da partida destinada pola Xunta e o anterior Ministerio de Cultura para a adquisición en 2012 de fondos documentais para as bibliotecas públicas galegas, o que supón unha redución do 16% con respecto ás cantidades do ano anterior. Medio millón de euros é o dobre da partida destinada pola Xunta a realización de actividades culturais e de fomento da lectura en bibliotecas públicas (tanto municipais como nodais), unha cantidade que supón unha redución de máis do 50% con respecto a que ano anterior se destinaba ao programa “Letras Vivas”. Medio millón de euros é unha cantidade sete veces superior ao orzamento previsto para a dotación e renovación do mobiliario da rede de bibliotecas públicas, unha cantidade que en 2011 foi de 232.339 euros. Medio millón de euros é unha cantidade cinco veces superior á dotación prevista para a dotación e renovación de equipamento informático para a rede de bibliotecas públicas, cantidade que no anterior foi de 360.570 euros.
Medio millón de euros é unha cantidade importante no mundo profesional das artes escénicas que vive unha crise brutal, tras a debacle das caixas de aforro e a redución das axudas e contratacións públicas. O Centro Dramático Galego, a unidade da Consellaría de Cultura e Educación dedicada dende 1984 a produción e distribución de espectáculos teatrais, conta en 2012 cun orzamento de 400.000 euros, o que supón unha redución dun 60%. Catrocentos mil euros é o importe dos atrasos que durante varios meses reclaman á Xunta de Galicia as diversas asociacións e colectivos representativos das compañías e dos traballadores da escena galega, afogados polo atraso no pagamento das axudas concedidas e dos programas xa executados. Outrosí sucede no eido da música, onde a redución do número de festivais é inevitable pola diminución das axudas públicas para a produción. O Festival do Norte, o evento indie máis veterano de Galicia, celebrarase a finais de abril en Vilagarcía cun orzamento considerablemente máis reducido cos 450.000 euros cos que contou o ano anterior. Outrosí sucede no eidos dos museos e da programación de artes plásticas, onde unha cantidade de medio millón de euros supón a sexta parte do orzamento do CGAC, supera amplamente a achega de 300.000 euros da Xunta ao Marco vigués ou aos 345.000 euros dos que dispón a Fundación Illa de San Simón para desenvolver a súa intensa programación cultural anual.
A maioría das industrias da cultura –dende a editorial, a musical, as artes escénicas e a audiovisual– viven en Galicia un momento de auténtica emerxencia, sen que ninguén acuda por elas. Emiten un s.o.s. que debería ser atendido polas administracións públicas máis alá da cantinela conformista do “non hai cartos, vivimos momentos nos que todos os sectores se deben apretar o cinto”. Os números son abondo teimosos. No dificilísimo orzamento para 2012 da Xunta de Galicia correspondéronlle á Fundación Cidade da Cultura 22,8 millóns de euros, si leron ben, case vinte e tres millóns, unha cantidade moi elevada, que non pode nin debe ser considerada como este detalle da compra de cadeiras e butacas, da que ben se podería tirar moito máis do nobelo. É comprensible que se deixe deteriorar a nosa incipiente rede de bibliotecas públicas e as súas políticas de fomento da lectura, mentres continuamos engordando ese monstro de Gaiás? É admisible deixar á intemperie a un colectivo de catro mil persoas vinculadas ás artes escénicas en Galicia, mentres se considera inevitable continuar alimentando ese saco sen fondo? Alguén debería ter a afouteza de parar esta bola de neve que ameaza con levar a cultura galega por diante.
Coa chegada da primavera, celebrouse o Día Mundial da Poesía. Este ano coincidiu en Galicia coa homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, promovida en Ourense polo PEN Clube Galicia, con motivo do centenario do nacemento do poeta que amou ao seu pobo. Hai menos dun mes celebramos o Día de Rosalía, dentro de apenas dúas semanas celebraremos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o 23 de abril o Día do Libro, toda unha xeira mensual de efemérides literarias concibidas para estimular, sobre todo nos medios de comunicación e nos centros educativos, a visibilidade do libro e fomentar o pracer da lectura literaria. É innegable o perigo de ritualización e banalización destas xornadas por frecuentes e rotineiras; porén, tamén poden transformarse en oportunidades para aumentar a presenza da lectura e da literatura na sociedade. No Día da Poesía vindicouse o valor artístico das palabras, onde reside o ADN de calquera texto literario. «Escribir un poema debe ser un dioivo que agoniza», un feito que supón «sufocar as palabras até o límite» advirte Alfredo Ferreiro nos seus Versos fatídicos (1994-2010), un libro de poemas que recomendo moi vivamente.
Cheguei con moito atraso a unha noticia fascinante de Letralia de 2006 que anunciaba que un grupo de médicos e profesores da USC, dirixidos por Darío Villanueva, comezaban a experimentar coa «literapia», unha forma de terapia para aliviar ou axudar na curación de determinadas doenzas mediante o emprego da lectura e da escritura. Supoño que estes especialistas coñecerán os efectos de cada tipo de libro para cada clase de doenza. Imaxino que para a recuperación dunha lesión de nocello prescribirán novelas policiais, mais para un simple gripallazo abondará coa lectura dun crossover ou cunha antoloxía de poetas contemporáneos. Tratarei de averigüar cales foron os resultados da terapia e as posibilidades de que estas prescricións fosen recoñecidas polo SERGAS. Sen entrar no espiñento debate sobre o repagamento, aventuro a revolución que isto pode supoñer para a nosa rede de librarías culturais, que axiña debería ser reforzada, mesmo nestes tempos de crise, diante de semellante demanda imprevista.
O meu amigo Jordi Ferré, o presidente da Associació d´Editors en Llengua Catalana, envioume «El repte de publicar en catalá», un documento moi interesante froito dunha xornada de reflexión sobre a edición en lingua catalá na que participaron máis de medio cento de editores. Entre as conclusións acadadas anotei unhas cantas: «a eclosión dixital é unha oportunidade e unha ameaza»; «as editoriais deben facer unha análise de autorregulamento (seleccionar máis, publicar menos)»; «as presentacións e rodas de prensa deben reservarse para casos moi excepcionais»; «é esencial que os editores asuman o papel de comunicadores, tanto a nivel interno como externo»; «deben utilizarse axeitadamente as redes sociais, alí a tarefa non é publicitaria, senón a de crear comunidades de consumidores dos produtos das editoriais así como fidelizalos con cada unha delas; é recomendable utilizar Facebook pra fidelizar e Twitter para comunicar»; «a coherencia do catálogo e o interese das novidades son condicións esenciais para conseguir a complicidade das librarías»; «deben deseñarse estratexias de fomento da lectura para incrementar o índice de lectura»; «deben reforzarse a complicidade entre os diferentes elos da cadea do libro: autores, editores, libreiros e lectores»; «débese impulsar unha discriminación positiva dos libros en catalán nas políticas públicas»; «cómpre unha maior dotación orzamentaria para o libro en catalán»; «valórase positivamente a proposta de incentivar os libreiros máis activos». Unha boa escolma de propostas que, salvando as distancias e diferencias de dimensión, poden ser tamén moi útiles para o sector da edición en lingua galega. Gracies, Jordi!
Convocados polo CFR da Coruña e moderados por Javier Pintor e Xavier Seoane, participei con Laura Borrás e Daniel Cassany nunha intensa mesa redonda sobre «A lectura no século XXI». Foi unha honra compartir reflexións con estas persoas que levan traballado moito sobre as textualidades dixitais. Laura Borrás fixo unha presentación audiovisual moi fermosa, apoiándose na rede, na que salientou, entre outras, as posibilidades literarias do hipertexto na creación de textos transmedia e na promoción do libro e da lectura. Pola súa banda, Cassany sinalou sete cousas que na súa opinión mudaron coa lectura en Internet. Apunteinas na libreta e comprobei que conforman un diagnóstico preciso da situación da lectura no proceso de tránsito entre os paradigmas da counicación impresa e dixital.
LER HOXE
Ler hoxe é máis importante ca antes. Hai máis cousas que requiren a lectura, un feito que ten que ver co control establecido polos textos escritos. Lemos moito máis.
Hoxe que sabe ler ten máis poder ca antes. Se tes mellor competencia lectora, podes facer moitas máis cousas.
Ler hoxe é moito máis difícil e complicado ca antes. Ler na rede require domina runha serie de programas e tecnoloxías, ademais de atender a non ser enganado polas moitas mentiras e falsidades que alí se poden atopar. A lectura na rede require doses máis elevadas de comprensión e crítica.
Ler en Internet é máis técnico. Para sacarlle o mellor partido a esta lectura dixital cómpre coñecer instrumentos especializados, como o funcionamento de verificadores ortográficos, dicionarios en liña ou outras ferramentas de busca.
Ler hoxe é moito máis diverso ca antes. En Internet ninguén sabe nin pode lelo todo, razón pola que debemos asumir que todos somos parcialmente analfabetos en algúns eidos. Esta é a razón pola que no sistema educativo debemos facer lectores transitivos.
Ler hoxe está máis vencellado a escribir. En Internet todos somos abellas obreiras colaborando na produción do mel. Na rede valóranse as persoas activas, as que producen contido. Así o libro hoxe pasou de ser unproduto a transformarse nun servizo.
Ler hoxe remata con varios monopolios e preeminencias. Estamos vivindo un tempo no que remata o monopolio da escritura correcta, xa que hai unha parte significativa de escritura pública (como a utilizada nos sms, twitter) que non se atén a todas as convencións ortográficas. Estas formas dixitais non correctas serían variedades dialectais. Vivimos como remata a preeminencia do textual sobre o audiovisual e como a escola e outras institucións educativas xa non son os únicos lugares onde se aprende a lectura e a escritura.
Rematou Cassany afirmando que «A LECTURA HOXE É MÁIS POTENTE. Síntome afortunado de coñecer como foi o mundo antes de Internet e síntome afortunado de poder gozar o mundo de hoxe lendo en Internet.»
No Metro, dende Barajas ao centro, comprobo que viaxa moita xente lendo. Sorpréndeme, ademais, que algunhas lectoras o fagan sobre os seus e-books, o que constitúe unha tendencia a ter en conta. No entanto, o que continúa chamando máis a miña atención é a exitosa campaña publicitaria de fomento da lectura –«Libros a la calle»– que, dende hai quince anos, promoven o consorcio metropolitano de transportes e a Asociación de Editores de Madrid en milleiros de vagóns de metro, trens de cercanías e autobuses urbanos. Cando leo estas carteliñas de fragmentos literarios, penso que debería propoñerlles a Vitrasa e á Tranvías da Coruña emular a campaña cunha escolma de literatura galega. Cun custe moi baixo podería acadarse unha ampla visibilidade para mensaxes como “Vigo le” ou “A Coruña le”. Desta volta, agardo poder facelo.
Dende hai cinco anos Fervenzas Literarias é un espazo de referencia na rede para a literatura galega. O seu seguimento diario da actualidade editorial, as conversas con autores e editores e, sobre todo, o repositorio de recensións merecen o noso maior interese. No entanto, son os seus premios anuais, outorgados por votación entre os seus lectores e lectoras, que abranguen todos os subxéneros de edición e actividades relacionadas coa edición e a lectura en galego, referencia indiscutible de rigor e independencia para todo o noso sector. Onte coñecimos os correspondentes ao ano 2011. Polo que nos atinxe non podemos estar máis agradecidos, tanto polos recoñecementos recibidos polos libros editados por Xerais e, outra edición máis, por estas Brétemas. Expreso a miña gratitude a todas as persoas (case cincocentas) que participaron nas votacións e a Fervenzas Literarias pola continuidade de labor tan importante para facer visible a literatura galega.
A iniciativa social Sermos Galiza consolídase. A piques de rematar a primeira fase de capitalización prevista, as persoas promotoras confesan que apenas falta un 10% dos 300.000 euros previstos como capital social fundacional para crear este grupo de comunicación en galego. Unha moi boa noticia para pechar un ano difícil para o sector da comunicación e da lectura na nosa lingua. Non hai dúbida que unha das prioridades estratéxicas no proceso de construción nacional é contar con medios de comunicación propios en galego, plurais e profesionalizados, capaces de enfrontar o difícil tránsito entre os paradigmas da comunicación analóxica e dixital. Esta é unha travesía complexa, difícil, onde xogamos o futuro do idioma de noso. Cómpre, pois, contar cunha biodiversidade informativa en galego (todos os os medios son necesarios, dende os impresos, dixitais e radiofónicos até os audiovisuais e multimedia), un espazo comunicacional que axude, ademais, a facer sostible o sector da lectura e da literatura en galega, como o resto das industrias culturais na nosa lingua. Non vivimos tempos para desistir nin para resignarnos, como pretende facernos crer o influente partido conformista. Precisamos doses elevadas de esforzo e corresponsabilidade. Longa vida e mellor futuro para o proxecto de Sermos Galiza, unha agra aberta en man común que precisa da tensión e da forza de todas as nosas mans.
Grazas á paciencia e oportunidade do xornalista Xulio Abollo contamos, por fortuna, con esta gravación realizada o pasado 29 de novembro na FIl de Guadalajara cun teléfono móbil do discurso de recepción de Agustín Fernández Paz do Premio Iberoamericano SM. Un documento excepcional que pasará a historia literaria nosa, probablemente, como o «Discurso dos abrazos« de Agustín Fernández Paz. Recomendo seguir atentamente estes doce minutos maxistrais nos que o autor de Fantasmas de luz, apoiándose nalgúns dos seus autores máis queridos (Valente, Rodari, Cunqueiro, Auster, García Márquez, Gaarder…) aborda con enorme lucidez as cuestións fulcrais da creación literaria e do proceso social da lectura. Unha peza que vale o seu peso en ouro.
Cando inicio o regreso cara Galicia, o equipo galego de autores (Aneiros, Calveiro e Fernández Paz) comezan o programa de encontros con clubes de lectura e alumnado de centros escolares de secundaria e participan por vez primeira nas actividades literarias da FIL até o vindeiro sábado. A atmosfera tan emotiva desta feira, algo que non viviramos en ningunha outra, provoca unhas desconcertantes saudades nunha partida na que levo a maleta chea de libros sobre libros e lectura, o obxecto da miña angueira estes días polos anaqueis dos estands de Colofón, Fondo de Cultura Económica, Siglo XXI, Almadía ou Nostra, entre outros formidables editores mexicanos.
Como xa fixera coas xornadas de Frankfurt, arrisco a expresar algunhas reflexións ao fío destas de Guadalajara:
O DISCURSO DA LECTURA como construción social do libro e o protagonismo dos lectores e lectoras sobre a propia industria do libro é o modelo que lle acae ao proceso de tránsito entre soportes impresos e dixitais. Nesta FIl os chamamentos a prol da lectura e a reafirmación do protagonismo dos cidadáns que len («Somos lectores» foi o lema escollido polos organizadores) sobardan a súa incorporación como simples reclamos da promoción editorial.
OS PAÍSES EMERXENTES, como Brasil e México, incorporan o discurso do fomento da lectura como eixo das súas políticas educativas e culturais. Moi lonxe da trivialización da cultura reducida a mero espectáculo postmoderno, a lectura preséntase así como unha das ferramentas que contribúen á construción dunha sociedade con maiores niveis de inclusión. A metáfora de Millás, empregada no maxistral discurso de Agustín («estamos feitos de pan de novelas»), expresa esta transversalidade social da lectura. Esta idea, que temos acuñado dende hai tempo como «o libro, o pan da cultura», é pouco frecuentada en Galicia, mesmo entre os chamados «sectores da cultura» que semellan ler pouco e preferir outras expresións das artes máis «a la page».
O ÉXITO DE PÚBLICO da FIL, unha feira internacional do libro que coincide cunha grande festival literario dirixido a todos os públicos, convida a reflexionar sobre as posibilidades de organizar en Galicia un evento literario internacional que contribúa a inocular na sociedade galega o virus da lectura literaria. O éxito do fenómeno dos clubes de lectura por todo o país adiante axuda a profundizar na idea dun grande encontro anual de todos eles.
O PREMIO RECIBIDO POR AGUSTÍN é unha oportunidade de visibilidade iberoamericana que a nosa literatura non debe desaproveitar; como tampouco a inxección de autoestima que supón para a nosa literatura e para o sector da edición galega.
Sei que nunca esquecerei esta Feira de Guadalajara con Agustín. Foi memorable o acto de entrega do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil que onte recibíu apupado por centos de lectores e lectoras. A moi fermosa laudatio de María Jesús Gil emocionounos moito, moito, tanto pola calidez do retrato humano e literario presentado como por subliñar neste foro mundial o compromiso do autor de Contos por palabras coa lingua e literatura galegas. O discurso de Agustín foi o dun auténtico mestre. Extraordinario! Dirixíndose aos habitantes da república dos soños e, sen dúbida, imbuído polo entusiasmo da mobilización lectora desta FIL sorprendente, Agustín defendeu a lectura como un pracer que se contaxia e como unha competencia imprescindible para construír unha sociedade máis xusta. O chamamento final, rotundo, emotivo, citando ao seu mestre Rodari, foi un broche de ouro para unhas palabras que pasarán a historia literaria. A ducia de membros da delegación galega nesta FIL apapachámolo coma tolos, expresando unha fachenda que saía do peito. Ao inicio do acto, Patsi Aldana, presidenta da Fundación IBBY, sinalou que “neste tempo tan díficil de crise, o mundo necesita de grandes libros e de moitos lectores que queiran ler e imaxinar novos mundos alternativos ao que vivimos. Para facer estes lectores son indispensables grandes autores de literatura de calidade como Agustín Fernández Paz”. Sei que o de onte foi un dos fitos máis senlleiros da literatura de noso. Beizóns, mestre Agustín!
Á volta a Galicia, que iniciamos nunhas horas, subiremos os discursos de María Jesús Gil e do propio Agustín. Ademais, contaremos coa gravación do acto realizado por Xulio Abollo e coas fotografías de Rosa Aneiros. Uns documentos que moito pagan a pena.
O desenvolvemento da segunda xornada superou as mellores expectativas sobre esta FIL 2011. A de Guadalajara é tanto unha feira internacional do libro do perímetro iberoamericano como un festival literario dirixido cara todos os públicos, razóns pola que o sintagma que semella mellor lle acae é o de tratarse dun auténtico espazo para a lectura. Ademais, a FIL expresa unha vontade inequívoca de contribuír á mobilización lectora, tanto polo contido dos seus programas de actividades como polos numerosísimos chamamentos a prol da lectura e dos seus valores presentes tanto na sinalética do evento como, e sobre todo, nos espazos expositivos. Fun recollendo na libreta algúns deles que, a pesar de ser, na súa maior parte, xa coñecidos constitúen un recurso didáctico valioso: “Somos o que lemos”; “O libro abre os teus ollos”; “Os libros son para todos”; “Todos somos lectores”; “Facemos máis rica a túa lectura”; “Unha cidade lectora”; “Pase e lea”; “Ler é algo mellor do que podes imaxinar; non deixes que che impoñan a lectura; ler é máis engaiolante cando ninguén che obriga a facelo”; “Ler acelera os teus sentidos”; “Ler cos teus fillos é o teu mellor papel”… Estes chamamemtos a prol da lectura son apenas outro indicio do entusiasmo contaxioso deste evento no que, ademais, fomos capaces de mercar até media ducia de títulos moi interesantes relacionados co fomento da lectura, entre eles dous dos clásicos de Aidam Chambers (Conversaciones e Dime), e o clásico de Michèle Petit (Lecturas: del espacio íntimo al espacio público), ambos os tres da colección “Espacios para la lectura” do Fondo de Cultura Económica, a editora pública mexicana. Esta feira está axudándonos a interrogarnos e estimular a nosa curiosidade, si señor.
Foi unha fachenda participar no acto inaugural do Tour de Lecturas do Oeste organizado pola Universidade da Coruña. Unhas xornadas que forman parte da cadea promovida pola Rede de Universidades Lectoras, experiencia de fomento da da lectura na que participan trinta e sete universidades de España, Portugal, Italia e México. A reivindicación do valor transversal da lectura dende a universidade é moi importante para incorporar a lectura á axenda pública. As palabras de Narciso de Gabriel, decano da Facultade de Educación, foron moi claras: «Debemos seguir intentando fomentar o gusto pola lectura, á marxe da consideración de carácter utilitario, tanto entre o estudantado como o profesorado» Fomentar a lectura na universidade, un paradoxo necesario.
Estou dedicando estes días da ponte do Samaín a rematar a lectura de orixinais que tiña atrasados. Este é un dos traballos que máis me presta e que considero fulcral no meu oficio de editor. Entre outras misións, todos os editores, tanto os literarios como os doutros tipos de edición, temos a responsabilidade de ofrecer boas lecturas para cada un dos nosos públicos. Sempre acreditei na idea de que un editor que non integra a lectura como unha das súas actividades profesionais cotiáns, tampouco poderá asumir os riscos de construír un catálogo orientado por un criterio de excelencia, froito do diálogo aberto cos autores e autoras e cos membros do seu equipo editorial, sexan os editores ou as que confeccionan os informes de lectura. Sinálao de forma certeira Elsa Aguiar nunha anotación oportunísima na que reivindica a responsabilidade do noso oficio: «un editor é (debería ser) un primeiro lector privilexiado». Quizais, como sinala Michael Krüger no feito de que os (algúns ou moitos, non o sei) editores xa non sexan lectores apaixonados, resida o maior perigo para o futuro da edición neste momento de tránsitos. Continuamos lendo.
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación da literatura e a ectura en Islandia, país convidado na edición da Feirado Libro de Frankfurt 2011.
Advertiuno o escritor islandés Arnaldur Indridason horas antes de pronunciar o discurso de inauguración da recente Feira do Libro de Frankfurt dedicada ao seu país: “estes tempos de crise dan a oportunidade de comprobar que a riqueza e os valores reais dunha nación non son as súas accións na Bolsa ou os seus bens terreais, que sempre desaparecen, senón o que queda, o indestrutible despois dos séculos, a literatura”. Sendo un dos novelistas de xénero negro con maior éxito no mundo hoxe –as súas novelas escritas e islandés e protagonizadas polo detective Erlendur Sveinsson levan vendidos sete millóns de exemplares en cincuenta linguas–, Indridason reivindicou no seu discurso o valor da cultura do libro e da lectura, tanto polo seu valor para facilitar a convivencia e a continuidade do relato colectivo de cada país, como polo carácter produtivo da industria do libro e da literatura.
Cunha poboación de apenas 320.000 habitantes, Islandia amosou en Frankfurt que no mundo da edición o tamaño dun país pode non ser determinante, sempre que sexa capaz de definirse a través da súa literatura, apoiándose nunha nómina dos seus escritores e escritoras de calidade e sosténdose pola forza da sociedade de lectores e lectoras. Visitando o seu impactante pavillón, comprobamos que Islandia é un pobo literario: soubo e sabe manter a vixencia dos seus textos fundacionais, as sagas; realiza un esforzo notable para manter o seu idioma, a pesar da presión do inglés; acadou un prestixio internacional para a súa literatura (dende 1955 ten nobel, Halldór Laxness) e conta cun dos niveis de lectura máis elevados do mundo. Os islandeses len moito. Mercan cada ano, como media, oito libros por habitante, o que supón para as 170 editoriais islandeses a venda de dous millóns e medio de libros. Algúns autores como Indridason ou o Sjön, o famoso letrista de Björk, poden chegar a vender trinta mil exemplares dalgunha das súas novelas, máis do dez por cento dos habitantes dun país sometido dende hai tres anos aos efectos dunha desfeita económica que supuxo a desaparición de tres bancos e a devaluación da moeda no sesenta por cento. A pesar destas dificultades, o goberno islandés, consciente de que o seu país precisa do traballo dos seus escritores, continúa coa súa política de apoio á creación, pagando un soldo, durante un período de tempo variable, tres meses a un ano, a aqueles autores que están escribindo unha nova obra que se agarda poder vender tanto no pequeno mercado interior como na proxección internacional.
O caso islandés é moi suxestivo para ser comparado co noso. Galicia tamén é un pobo literario que conta cunha tradición medieval, as cantigas, consideradas patrimonio da humanidade; unha lingua de seu que non se resigna a ser engulida polo castelán; unha amplísima nómina de autores e autoras de calidade indiscutbile, que cultivan todos os xéneros literarios, e un sector editorial en profunda mudanza para facer fronte ao tránsito dixital. Tamén é semellante á islandesa a profunda crise económica, agravada tras a perda das súas entidades financeiras propias, e unha taxa de desemprego insoportable que ameaza con coutar calquera esperanza ás xeracións máis novas. As maiores diferenzas entre ambos os dous casos, islandés e galego, residen na asimetría dos índices de lectura (en Galicia non chegamos a mercar os tres libros por habitante cada ano) e no moi diferente papel desempeñado polos poderes públicos no fomento da lectura e da creación literaria.
O éxito internacional de Indridason, que está servindo de tractor para outros autores islandeses como Stefán Mani, non é alleo a esta política pública de fomento da creación literaria e da lectura, como de apoio á industria editorial realizada polo goberno islandés, mesmo a pesar das dificultades provocadas polas políticas de consolidación fiscal. Un camiño ben diferente ao emprendido polo Goberno Galego que, até agora, en aras da austeridade e sen contar cunha guía orientadora e estratéxica para a política do libro das diversas consellarías non dubidou en sacrificar sen contemplación ningunha as axudas de fomento da produción editorial de materiais didácticos impresos e dixitais, como as primeiras vítimas do seu programa desapiadado de recurtes. O exitoso caso islandés amosa que erran os que consideran as políticas de normalización lingüísticas e de apoio ás industrias culturais como os primeiros sectores que poden ser amputados de raíz, sen graves consecuencias para o corpo social. Como lembra Arnaldur Indridason, non debemos considerar estraño que neste tempo revolcado desaparecesen as caixas e o bancos galegos; sabemos que no futuro quedarán algúns textos dos nosos autores e autoras, o perdurable, a nosa maior riqueza.
Con motivo da intervención que realicei no foro Conexões estimei, a partir dos estudos de Comercio Interior do Libro e da Panorámica da Edición, que en 2010 se venderon en Galicia 7.696.102 libros (si, máis de sete millóns), o que supón que a cada habitante do país noso lle corresponde 2,81. Esta porcentaxe de libros vendidos por habitante é un dos indicadores que se utiliza decote para comparar o esforzo en lectura realizado por cada sociedade. Seguindo por ese fío e sabendo que no Brasil esa taxa foi en 2009 de 2,21, estimei que no caso galego a cifra baixa a 1,68, se non computamos os libros de texto (que supuxeron en 2010 o 40% do mercado) e no brasileiro o 1,21. Quizais esas dúas cifras (2,81 e 1,68) non digan moito, se non as comparamos con outras dos noso entorno. Así, a taxa en Cataluña de libros vendidos por habitante é de 4,14 e en Euskadi do 4,00. Aí nesa diferenza estatística, apenas máis dun libro por habitante (máis de tres millóns de exemplares), nese déficit de lectura, quizais radique a desavantaxe competitiva que vimos arrastrando con cataláns e vascos. Non o esquezamos, a lectura e a compra de libros son un factor de competitividade.
Nota: Brasil vende 450 millóns de libros anos; Cataluña: 30; Euskadi: 8,5 e Galicia 7,6.
A eles oito a miña maior gratitude polas dúas horas de conversa tan fluída e (permitídeme a inmodestia) interesante sobre cuestións de actualidade política, edición, lectura, lingua, educación e mesmo un pouco de fútbol en clave galega.
O traballo de transcrición e síntese, moi traballado por Iago Martínez, quedou magnífico. Eis os enlaces dos tres grandes apartados e o retrato de IM e o editorial do xornal («Entusiasmo nos malos tempos»):
Vinte editores galegos, vascos e cataláns, reunidos nas instalacións da illa de San Simón, debatemos durante a pasada fin de semana sobre as políticas de fomento da lectura e a visibilidade dos libros editados nas nosas respectivas linguas. Conmocionados pola “deslocalización” ou furto do “Codice calixtino”, o eixo dos debates e paneis de experiencias foi valorar a presenza da lectura na actual axenda pública, utilizada polas administracións, os medios de comunicación e as asociacións non gobernamentais.
Alén da necesidade de contar con políticas públicas integrais de apoio e promoción ás linguas propias, con atención preferente á utilización de modelos de inmersión lingüística nas etapas da educación obrigatoria, no marco do establecido pola “Carta Europea das Linguas Minoritarias”, os editores de Galeuscat coincidimos que no proceso de mudanza do paradigma da comunicación cultural a promoción da lectura debería ser considerada polos poderes públicos como unha das súas prioridades estratéxicas, tanto pola súa utilidade para facilitar o acceso da cidadanía á sociedade da información, polos valores cívicos de tolerancia e repecto á diversidade inherentes ao proceso lector, como polo aval que suporía para garantir os seus dereitos democráticos.
Como alternativa aos fermosos discursos que enxalzan os beneficios do goce dos textos literarios, utilizados como argumento primeiro na maioría das campañas institucionais de promoción da lectura, ábrese paso o da lectura cidadá. Un novo discurso baseado na consideración da lectura como competencia cívica imprescindible que precisan adquirir todos os cidadáns de todas as idades para participar e integrarse con éxito nun entorno social hibridado pola mediación da cultura dixital.
É un feito indiscutible que as nosas cidades e espazos públicos quedaron inzados de máquinas para ler e escribir das que xa non podemos prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Como tamén o é que vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde o noso devir cotián está marcado polas transaccións escritas realizadas sobre as pantallas dos nosos ordenadores, teléfonos, taboíñas dixitais ou sobre as pantallas interactivas ou táctiles dalgúns servizos publicos, pantallas ás que non son alleas as múltiples interferencias e a enxurrada de ruído (ese “spam” contaxioso) que confunde ou engana aos lectores menos experimentados. Sabemos que a utilización destas pantallas, a pesar de empregar recursos iconográficos e multimodais moi atractivos, pode ser moi dificultosa para lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais. Mais o cidadán contemporáneo será lector (sobre calquera tipo de soporte) ou non será cidadán, non hai posibilidade de escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassanny “se diversifican os artefactos letrados, os usos e as funcións da lectura”.
De xeito discreto a escritura e a lectura foron incrementando a súa relevancia como ferramenta mediadora, razón pola que é necesario que a sociedade nosa, en mudanza irreversible, se preocupe de melloralas para que ninguén se sinta inxustamente excluído. Neste contexto, onde a lectura é considerada unha competencia cidadá imprescindible e un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade, é esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencia abondas para acceder a toda clase de textos e hipertextos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como tamén adquire especial significatividade o papel dinamizador das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer a cidadáns de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer o papel dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. Esforzo ao que se incorporan o chamado “voluntariado para a lectura”, formado por membros de entidades privadas, como Espazo Lectura de Gondomar ou a Fundación Bromera da Comunidade Valenciana, que veñen demostrando a súa importante capacidade de mobilización das sociedades locais e dos grupos familiares por medio dos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociadas ao libro.
Este discurso da lectura cidadá obriga a redefinir o papel dos editores. Seleccionar os contidos textuais e hipertextuais dos máis diversos eidos para distribuilos en soportes diversos, dende os impresos aos dixitais, pasando pola edición expandida, semella que debería centrar o noso esforzo.
Unha peza provocadora (un chisco esquemática) para abrir debate sobre os criterios de fomento da lectura e da formación do criterio literario que se utilizan no marco do ensino obrigatorio.
A contundente denuncia dos responsables de ANABAD Galicia sobre os recurtes na rede de bibliotecas públicas é outra mostra máis da falta de política de lectura do Goberno Galego. Os datos achegados polos bibliotecarios non ofrecen dúbidas: o incremento de usuarios nas bibliotecas públicas galegas-tanto de visitantes, socios como de préstamos-, como do número das súas actividades de fomento da lectura non está sendo acompañado dos recursos humanos suficientes nin da dotación e renovación dos fondos documentais necesaria para ofrecer un servizo de calidade. Non cansaremos en subliñar que as políticas da lectura son estratéxicas para o país, sobre todo nun momento no que están vencelladas, tamén, coa mudanza do paradigma da comunicación cultural e, polo tanto, coa innovación e a redución da fenda dixital. Reducir, reducir e reducir os fondos destinados ás políticas de lectura é incompatible coa consideración do carácter estratéxico do sector do libro, acuñada pola Lei do libro e da lectura vixente, aprobada por unanimidade todos os grupos parlamentarios en decembro de 2006. Non abonda con ter creada unha esperanzadora Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, cando faltan os recursos imprescindibles para levar adiante as súas finalidades primeiras. Ben sería que diante dunha situación tan carencial como a actual e ás portas da presentación da tantas veces prometida Lei de Bibliotecas, o conselleiro de Cultura convocase ao Consello Asesor do Libro para que o conxunto do sector valorase unha situación moi desacougante para todos.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, propoño a entrada da lectura na axenda pública.
Achegámonos ao 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a efeméride creada polos editores e libreiros cataláns recoñecida pola UNESCO, que se convertiu en todas as comunidades na primeira festa do libro e da lectura. Sen chegar ás cifras espectaculares do Sant Jordi catalán, onde algúns editores e libreiros poden vender esa xornada na rúa entre o 20 e o 30% da súa facturación anual, o 23-A foi collendo tamén en Galicia a súa importancia comercial e singularidade cultural, iniciando para libreiros e editores galegos “o mes dos libros” que remata co Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Porén, a festa deste ano non será allea aos duros efectos que a crise económica está provocando sobre un consumo de libros que se reduce de forma significativa en España, seguindo a tendencia á baixa doutros produtos distribuídos polo comercio minorista. Un feito até agora case inédito no mercado editorial que demostra que o libro, a pesar de ser considerado formalmente, tamén coma un ben cultural, é un produto prescindible como calquera outro dos ofrecidos no mercado do lecer. Consolídanse, así, nestes tempos de crise dúas tendencias no actual mercado do libro que semellan de moi longo alcance. A primeira: o libro non forma parte do núcleo duro do consumo familiar, o que provoca unha menor frecuencia na visita ás librarías e unha redución da compra de libros, reducida nos máis dos casos ás prescricións establecidas polo sistema educativo. A segunda: as mudanzas da comunicación cultural dixital están disuadindo cada vez máis algunhas decisións de compra de libros impresos, frivolamente devaluados no seu valor engadido; aínda que en España tampouco se consolide un mercado dun libro electrónico que non acaba de arrincar.
Neste contexto de crise e de incerteza profundas para libreiros e editores, desenvólvese unha efeméride que outro ano máis debe poñer toda a súa énfase no esencial: a importancia da lectura como competencia cívica imprescindible para o exercicio da cidadanía democrática. Non cansaremos de insistir en que os índices de lectura e de compra de libros, revistas ou xornais amosan o grao de civilidade do que goza cada comunidade, ademais de constituír cifras claves para entender o seu nivel de benestar e desenvolvemento educativo. No marco do actual proceso de tránsito cara a comunicación dixital (informativa e cultural), é imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública utilizada polas administracións e polos medios de comunicación. A lectura –concibida tanto como un camiño de aprendizaxe como de lecer, realización e crecemento persoal da cidadanía de todas as idades– e, sobre todo, o seu fomento deberían ser temas sobre o que os políticos debatesen decote como o fan sobre mobilidade urbana, medio ambiente ou urbanismo. Mesmo todas as candidaturas que participan nas vindeiras eleccións municipais deberían presentar o seu programa específico de lectura e bibliotecas, asumindo como unha das súas prioridades o compromiso de reducir no seu ámbito local esa fenda preocupante que amosan os nosos índices de lectura, aínda moi afastados daqueles dos nosos socios europeos, tanto en número de lectores, horas de lectura, número de bibliotecas ou compra pública e privada de libros.
Nesa liña de introducir a lectura na axenda pública local e de facer cidades e vilas lectoras insírense iniciativas como as promovidas por Espazo Lectura, a recoñecidísima e modélica asociación de fomento da lectura de Gondomar, que enviou a todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións as súas propostas relacionadas co fomento da lectura, entre as que se inclúen a ampliación e mellora da Biblioteca Municipal, a creación dun novidoso Consello Municipal de Lectura, a instalación dun Museo do Conto ou a declaración do concello como primeira “Vila da Lectura de Galicia”.
Outrosí sucede, aínda que noutra dimensión institucional ben diferente, coa solicitude que este 23 de abril presentan as asociacións de editores de libros, revistas e xornais para a aplicación en todos os países membros da Unión Europea dun IVE cero para todas as publicacións (libros, xornais e revistas), tanto as impresas como as dixitais. Unha iniciativa de unificación fiscal para todos os soportes de lectura que pretende solucionar a situación fiscal discriminatoria que hoxe sofren os soportes dixitais –hoxe gravados en España co 18%, mentres que para os impresos repercútese o 4%– ao tempo que favorecer o acceso dos lectores europeos a calquera tipo de produto de lectura, incentivados pola redución do seu prezo.
Dúas iniciativas para introducir na axenda pública deste Día do Libro que nun entorno de crise e mudanza continúa procurando o esencial: máis lectura e máis lectores de todas as idades.
Hoxe que é un día de festa para o pobo exipcio que conquistou a súa liberdade, pode ser tamén unha oportunidade para que nos interesemos polo mundo árabe. Recomendo descargarSimsim, un completísimo catálogo de publicacións infantís e xuvenis que nos permiten asomarnos ao mundo árabe. Repasar este catálogo desmonta moitos prexuízos que xustifican a opresión de occidente ao mundo árabe por medio das ideas que conforman o conglomerado do medo (dende o terrorismo ao islam) pasando por esoutra suposta incompatibilidade, como atinadamente salentaba noxe o Funambulista, destas sociedades coa democracia. Este catálogo, elaborado por Casa Árabe coa colaboración de A mano Cultura, inclúe tamén numerosas publicacións en galego: Ás de bolboreta de Rosa Aneiros, Cartas de amor de Fran Alonso, Irmán do vento de Manuel Lourenzo González, Sari, soñador de mares de Marcos Calveiro, O xardín de media lúa de Rosa Aneiros… Unha oportunidade para volver a nosa ollada sobre a diversidade do mundo árabe a través dos libros e valorar un universo cultural tan próximo como descoñecido.
Xa o anunciei hai días en Twitter. Esta campaña de escaparatismo de Ópticas Santorum de Lalín é magnífica. O emprego de libros como apoio publicitario da venda de lentes é unha sinerxia que paga a pena divulgar, tanto pola súa capacidade para visibilizar o libro e fomentar a lectura como pola beleza que os álbums ilustrados achega a cada vitrina. Beizóns para a promotora dunha iniciativa que ben podería ser emulada por outros sectores do comercio.
Hoxe abriu as portas o XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Os organizadores escolleron como tema do salón o tratamento da mentira na literatura infantil e nas propostas plásticas. Entre as actividades, que se desenvolverán ao longo de mes e medio no Pazo da Cultura de Pontevedra, destaca a intervención de Quico Cadaval («A mentira: modo de emprego») e a homenaxe a Gloria Sánchez, a autora á que se lle renderán homenaxe pola súa vizosa traxectoria.
Foi María Reimóndez quen primeiro me falou hai ben tempo de Chimamanda Adichie, a narradora nixeriana autora de Purple Hibiscus. Agora grazas a un enlace de Susana Piñeiro e Filipe Diez en Twitter descubro a anotación de Ramón Lobo na que recolle a intervención de Adichie no foro TED da CNN («Ideas que paga a pena espallar»). A verdade é que os dezaoito minutos do seu discurso de gabanza da diversidade e de superación dos prexuízos son memorables. Recomendo, sobre todo, os catro derradeiros minutos, que constitúen unha lección exemplar sobre o valor da literatura para cada unha das sociedades.
Transcribo unha parte destas palabras finais que veñen como anel para reflexionar sobre o caso galego:
Xunto co meu editor de Nixeria creamos unha ONG, Farafina Trust, co que soñamos en construír e renovar bibliotecas, fornecer libros ás escolas públicas que teñen as súas bibliotecas baleiras e organizar obradoiros de lectura e escrita para todas aquelas persoas que queren contar moitas historias. Sei que as historias importan. Moitas historias importan. As historias teñen sido empregadas para calumniar e expoliar, mais as historias poden ser usadas, tamén, para dar poder e humanizar. As historias poden destruír a dignidade dun pobo, mais as historias poden reparar esa dignidade perdida.
Cando rexeitamos unha única historia, cando sabemos que non hai nunca unha única historia sobre un lugar, reconquistamos un anaco do paraíso.
O discurso pode seguirse en you tube ou na súa versión plurilingüe, subtitulada en diversas lingua, entre outras o portugés e o castelán (premer sobe o texto en vermello). Grazas a Revén polo enlace.
Hoxe estas brétemas chegan ao seu sexto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.945 (332 neste sexto ano) e 7.933 comentarios (625 en 2010), o que consolida a tendencia apuntada xa o pasado ano dunha ralentización do ritmo de publicación no blog, ao tempo que un claro incremento da utilización de Twitter (onde xa superamos os 4.500 tuits) e de Facebook, espazos onde agora se está producindo boa parte das interacións e dos debates. No caso noso consolídase a tendencia da transferencia da conversa cara estas redes sociais, manténdose o blog como eixo da nosa identidade dixital. Este ano, Brétemas tivo a honra e a fortuna de ser recoñecido co Premio AELG ao blog literario 2010, o que constituíu para nós unha grande honra pola expresamos a nosa maior gratitude.
Como é adoito, este aniversario –coincidente tamén co sexto de Jaureguizar e Nacho de la Fuente, entrañables compañeiros cos que iniciei en 2005 esta aventura – serve para recuperarmos algunhas das anotacións que foos realizando, xa que unha das funcións do blog é o de servir de arquivo dixital.
Das anotacións do verán rescato, «Un longo e tortuoso camiño», unha rcomendación entusiasta do magnífico libro de ensaio sobre o BNG de Xosé Ramón Quintana Garrido, e «Galicia, unha xeración perdida?», un artigo en Faro de Vigo no que expresei unha das miñas maiores preocupacións, o fenómeno da emigración da mocidade.
Xa no derradeiro trimestre, coa chegada do outono, o blog devalou polos territorios que lle son máis propios, os da preocupación pola lectura e a mudanza do paradigma do libro e da comunicación cultural. Das numerosas anotacións publicadas neste período sobre o tema recupero «A arte de ler en tempo de crise e mudanza» e «Guardiola e o fomento da lectura».
Como ven sucedendo dende o seu inicio, no blog foron publicándose este ano as crónicas celestes de Campo do Fragoso, ás que só lles falta unha para acadar a súa primeira centena. Entre todas elas escollín «Herrera acertou», na que expresei a miña admiración polo míster que despois de tres tempadas horribles pode devolvernos a primeira cos mellores.
Agradezo o agarimo de todos os lectores e lectoras destas brétemas, que sinto como numerosos e próximos, sexa aquí no blog, por medio dos seus lectores de feeds, por Twitter ou nos enlaces de Facebook; a todos estas persoas expreso as miñas beizóns por interesarse por elas. Se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falta, continuaremos con elas explorando o territorio das brétemas de esperanza.
Magoadamente cumpríronse os peores agoiros e o chamado «Ano do Libro e da Lectura», declarado pola Xunta de Galicia, non o foi, nin sequera foi unha sombra daquel ano bonsai que previamos hai un ano. Magoadamente e moi ao noso pesar, nin houbo un programa específico de fomento da lectura, nin houbo un desenvolvemento do previsto na Lei do Libro e da Lectura, nin se produciu o pulo que requería o sistema bibliotecario público galego e nin sequera foi a prioridade do equipo da Consellaría de Cultura, moito máis ocupado e preocupado no Xacobeo e na Cidade da Cultura. O propio conselleiro de Cultura e Turismo recoñecía implicitamente este fracaso nunha recente entrevista na que dicía que «o Ano da Lectura quedara eclipsado polo Xacobeo». En definitiva, o 2010 foi outro ano rotineiro para o fomento da lectura en Galicia e en galego, coa excepción das iniciativas privadas e do traballo do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares; iso si, ornamentado con algunhas actividades como o LITVI e a Auria, que a pesar dos elevados orzamentos cos que contaron e cunha organización totalmente privatizada non obtiveron a repercusión agardada. A creación da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivo e a inauguración da Biblioteca de Galicia (prevista xa para o 11 de xaneiro) deberían supoñer un punto de inflexión nesta inquedante anemia, aínda que cos fracos orzamentos aprobados as posibilidades de remontar van ser escasas.
A pesar do fraquísimo «Ano do Libro da Lectura» promovido pola Consellaría de Cultura, as experiencias de fomento da lectura en Galicia colleron en 2010 un importante pulo en Galicia. Entre todas elas destaca pola súa dimensión e enorme transcedencia o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), promovido dende o curso 2005/2006 pola Consellería de Educación e concibido xa no curso anterior, o que para nós constitúe unha das noticias máis destacadas do ano.
Actualmente participan no plan 374 centros, entre os cales está o 51% do IES públicos. Paralelamente a esta Plan, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia promove a campaña Hora de Ler de fomento da lectura, da que forman parte acccións tan interesantes como as Mochilas Viaxeiras, Ler e Escoitar (concurso de lectura en alta voz), os Apadriñamentos lectores, a hora de ler (o tempo específico dedicado á lectura nos centros), a edición de guías e materiais, a celebración de módulos formativos con especial atención á alfabetización informacional e a mudanza de paradigma no eido da lectura ou a celebración do Encontro de Bibliotecas Escolares, nos que puidemos comprobar este ano que participan 1.200 persoas que rebentan a sala grande do Pazo de Congresos de Santiago. Dentro deste plan ten espcial significatividade o funcionamento de 177 clubs de lectura, nos que participan máis de 5.000 lectores adolescentes. O traballo desta rede de Clubs de Lectura recóllese nos blogs Ler en mancomún, Libros a eito e Rede Lectura e compártese cada ano nas xornadas dos Clubs de Lectura.
Un traballo intensísimo promovido dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares por só dúas persoas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, que merecen toda a nosa admiración e aplauso por conseguir semellante proeza. Un plan modélico que merece e debe ser potenciado en recursos humanos e materiais como unha das actuacións máis estratéxicas no noso sistema educativo. Constitúe, ademais, un modelo e unha referencia para o resto das Comunidades Autónomas, o que nos enche de fachenda.
Mención á parte e xa noutros ámbitos merecen dúas experiencias de fomento da lectura por min moi queridas: Espazo Lectura e Trafegando ronseis.
A primeira como modelo pioneiro do traballo do que eu entendo será un dos axentes de fomento da lectura no futuro: o voluntariado pola lectura. Espazo Lectura co seu traballo case diario no concello de Gondomar, concibindo a lectura de xeito transversal e interxeracional, transforma radicalmente a concepción das políticas culturais nunha comunidade local. Unha experiencia interesantísima que xa constitúe un modelo fóra do noso país.
Outrosí sucede con Trafegando ronseis, o blogue de Anxo e Gracia, que dende 2007 realiza un seguimento polo miúdo da produción editorial infantil e xuvenil, e dalgunhas outras novidades literarias, destacando, tamén, polo seu rescate na rede de materiais audiovisuais para ser utilizados como recurso didáctico nas aulas. A súa atención a compilar materiais contra a violencia machista merece ser destacada.
A todos os tres, ás responsables da Asesoría e os participantes no PLAMBE, aos voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura e Trafegando ronseis as nosas beizóns e maiores azos polo seu xeneroso traballo.
A posta en marcha de Google eBooks, probablemente, será un dos maiores empurróns para o libro electrónico en todo o mundo. Este novo modelo de distribución de ebooks supera algunhas das máis importantes carencias existentes até hogano, sobre todo as referidas aos soportes (admite a lectura sobre todo tipo de pantallas: computadoras, teléfonos, e-readers e taboíñas dixitais) e ao papel do editor (sinalará o prezo e os sistemas de protección de dereitos de autor). Semella que a partir de Google eBooks o acceso ao contido dixital na nube será o principal, superando as limitacións que puidesen existir de soportes ou formatos. No entanto, aínda descoñecemos cales son os termos dos contratos de distribución que se asinarán cos editores, as posibilidades de préstamo das licenzas de acceso (cuestión vital para as bibliotecas) e outros pormenores do funcionamento do proxecto, así como a relación que Google que manterá cos clientes finais. A apertura dunha pasarela de pagamento por parte de Google ábrelle unhas posibilidades enormes para calquera outro tipo de comercio electrónico, o que pode constituír un feito moi salientable. Sen dúbida, este modelo abre unha competencia moi dura de Google con Amazon (que insiste con Kindle, o seu e-reader propietario) e, en menor medida, con Apple. As tres empresas estadounidenses semella que pretenden controlar todo o mercado da distribución do libro dixital. Haberá espazo para outros modelos alternativos? Polo menos, agardo que nesta batalla entre xigantes os libros electrónicos de linguas minoritarias coma a nosa teñan o seu espazo.
O FOMENTO DA LECTURA: UNHA NOVA FRONTEIRA PARA O LIBRO
1/ A lectura é unha actividade imprescindible para crear cidadáns libres, críticos e formados, e o seu fomento constitúe unha necesidade para romper as fronteiras que restrinxen o libro e a lectura e que non permiten que o seu acceso sexa un ben de carácter universal.
2/ O labor dos medidadores hoxe é máis necesario ca nunca e o seu papel debe ser valorado, reinvindicado, promocionado, escoitado e profesionalizado.
3/ É imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública (administracións, medios de comunicacións, programas políticos, etc) e adquira a notoriedade que lle corresponde nunha sociedade do século XXI.
4/ Para falar de fomento da lectura é fundamental entender o papel social que encarna da lectura pública e, moi notoriamente, o papel das bibliotecas. A rede galega de bibliotecas públicas, e todo o sistema bibliotecario galego, debe ser impulsado e fortalecido.
5/ Os novos tempos fan necesaria a creación dun novo tipo de lector, que é o lector social. Hai que entender a lectura desde unha óptica máis global, máis social, afrontando os retos do futuro, que sintetizarán a lectura impresa e a ciberlectura.
6/ Cada vez máis, no ámbito do libro e da lectura, é necesario crear lectores, non consumidores de libros. Xa que logo, o proceso de selección neste tempo determinado polo mercado, é imprescindible. Non vale calquera libro.
7/ As bibliotecas escolares son centros de recursos fundamentais para o fomento da lectura e o adestramento no acceso e selección da información. Parece necesario dotalas de recursos humanos con horario e dedicación específica para o profesorado implicado. Tampouco podemos esquecer que, como dicía Gabriel Zaid, o principal problema da lectura está nos universitarios que non len. Tamén parece necesario, pois, impulsar universidades lectoras.
8/ No reto da lectura evidénciase como unha necesidade a recuperación, para a familia, da responsabilidade da educación a través a transmisión da lectura como un acto cotián, íntimo e entrañable, que ademais tamén constitúe unha inversión educativa.
9/ O hábito da lectura fundaméntase a través de accións continuadas, dirixidas a favorecer o hábito lector e a achegar o libro e a lectura ás persoas. Nese sentido, dubidamos da eficacia das grandes campañas publicitarias que consumen presupostos desmesurados.
10/ A Asociación Galega de Editores expresa o seu compromiso co fomento da lectura e, moi especialmente, cos seus mediadores, apostando por afrontar os retos de futuro que o libro, a lectura e a cidadanía deste século demandanan a fin de crear un mundo máis libre, máis consciente e máis xusto.
A pasada semana representei aos editores galegos en “La nit de l’edició”, a cita na que o Gremio de Editores de Catalunya entrega os premios Atlántida que recoñecen anualmente a persoas e medios de comunicación polo seu labor no fomento da lectura. O premio especial desta edición correspondeu ao señor Josep Guardiola, o adestrador do F.C. Barcelona, a quen deste xeito se lle abeizoa a súa contribución na promoción da lectura. A amizade de Josep Guardiola co cantante Lluis Llach e co poeta Miquel Marti i Pol, un grande barcelonista que lle dedicou a súa derradeira obra, o Llibre de les solituds, constitúe un feito moi coñecido na sociedade catalá que, porén, apenas pasou ás páxinas deportivas dos xornais do resto do estado.
A figura dunha icona deportiva como a de Guardiola, o adestrador de fútbol profesional co mellor palmarés do continente, asociada á lectura e ao mundo dos libro desmitifica tanto os tópicos asociados co deporte como coa lectura, actividades presentados tantas veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles. Hai futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais. Un feito asumido dende hai tempo no Reino Unido, a sociedade onde mellor funciona esa feliz converxencia entre fútbol e lectura. Alí non é infrecuente que os clubes da Premiere Leage teñan asociado cadanseu clube de lectura ou se recoñeza cada mes na súa web oficial ao lector máis destacado do seu cadro de xogadores. Como tampouco é lenda urbana que narradores do prestixio de Nick Hornby acrediten nas lapelas das súas novelas dentro da súa formación, xunto aos seus estudos en Cambridge, a súa presenza dende a infancia no estadio de Highbury do Arsenal de Wenger e Cecs Fábregas.
Os editores cataláns abeizoando a Guardiola envían unha mensaxe coa que pretenden ampliar a sociedade lectora. Un feito máis significativo, cando se está desenvolvendo unha transformación profunda do xeito de ler e acceder á información textual. Xa non se pode definir o libro só como un obxecto físico; libro tamén é un texto longo que se ofrece en formato dixital. O libro é hogano un artefacto temporal definido polo tempo que lle dedicamos a súa lectura. Eis a cerna da nova definición do libro, onde a lectura –unha actividade individual que para os psicólogos da aprendizaxe presenta patróns cognitivos diferenciados en función dos soportes de acceso– adquire unha centralidade inédita como práctica cívica saudable e necesaria para a convivencia. Un modelo, ademais, que despraza o eixo dende a triade tradicional analóxico-formativo-cultural cara aos mercados de consumo onde compite con outros produtos de lecer dixital.
No entanto, o lector actual vive coa sensación de estar desbordado pola cantidade de textos dispoñibles (tanto nas mesas das librarías como en Internet) e indefenso diante da dificultade de atopar información valiosa entre tantos textos, algúns efémeros e inútiles. Para evitar os perigos de semellante diabete textual precísase de lectores moi ben formados, armados de lentes críticas que separen o gran da palla, que saiban identificar a melodía entre tanto ruído. O lector para iso precisa de ferramentas de intermediación que o axuden a orientarse nas súas escollas e doutros lectores cos que participar nunha conversa compartida.
Para o fomento da lectura hoxe son esenciais estratexias da educación lenta na abordaxe escolar da lectura e da alfabetización informacional; o papel das bibliotecas públicas como portos seguros (en afortunada expresión acuñada por Javier Celaya) que orientan a deriva que cada un dos lectores escolle, así como a participación activa en redes sociais e especializadas en lectura (como é o caso de www.redelibros.com , presentada esta semana en Vigo) para alongar a conversa provocada polos textos.
As políticas tradicionaias de fomento de lectura deben ser repensadas. Non abonda con chamamentos publicitarios a prol da lectura, nin coa realización de actividades literarias decontextualizadas. O momento actual de crise require unha activación estratéxica e transversal das políticas de fomento da lectura, concibidas como eixo das políticas culturais, educativas e de acceso á sociedade da información. Nese contexto debemos entender a iniciativa mediática dos editores cataláns de recoñecer a actitude prolectora de Guardiola; nesa mesma tea técese o simposio internacional de expertos sobre o fomento da lectura que se celebrará esta semana en Santiago, organizado pola Asociación Galega de Editores, no que se pretende explorar esta nova fronteira para o libro.
A idea de que a lectura pode axudar ao benestar da xente é moi antiga. A biblioterapia, entendida como o carácter terapéutico da lectura, é unha práctica asociada á cultura do libro dende moi vello. Michèle Petit defende no seu libro El arte de la lectura en tiempos de crisisunha idea terapéutica semellante, a de que os libros amparan as vidas en momentos difíciles, como mesmo acuden en rescate de grande número de persoas en tempos de crise. Así sucedeu, salienta Petit, tras a crise do 29 e a Segunda Guerra Mundial, períodos nos que se desenvolveron moito as bibliotecas e aumentaron os índices de lectura na sociedade estadounidense e agromou o concepto de edición cultural en países como Alemaña, Francia, Reino Unido ou Italia.
Semella que hoxe a coincidencia da crise económica, coa do modelo de edición cultural e a do tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, sitúan ao sector do libro nunha situación decisiva de mudanza inevitable e profunda que debemos ser capaces de transformar en oportunidade. Unha crise e unha mudanza que se producen a nivel mundial, mais que en pequenos países como o noso se presentan como un desafío histórico. Este é o momento de reclamar que a lectura entre a formar parte da axenda pública, xa que no actual proceso de mudanza do conxunto do sector do libro e da súa cadea de valor, onde coexisten ou integran textualidades e soportes, a clave está nas políticas de lectura e na necesidade de intermediacións e de estratexias diferencias na abordaxe de ambas as dúas textualidades, a impresa e a electrónica.
Cremos que, polo momento, non van desaparecer a publicación de libros impresos, mais xa é un feito innegable que están desaparecendo ou diminuíndo até cifras case marxinais a edición de determinados xéneros e tipos de edición. Nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unha delas os seus espazos de especialización. No entanto, os libros impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores e lectoras, o que constitúe un reto para os editores que aposten por continuar con este formato analóxico. Como tamén, é un feito indubidable que as redes sociais dixitais son hoxe as ferramentas máis útiles para promocionar o libro impreso e o fomento da lectura en ambos os dous soportes. Estou convencido de que o desenvolvemento dunha rede social específica para o libro en galego é un requisito indispensable para asegurar a autonomía do noso sector neste proceso de tránsito e convivencia de soportes.
Se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito, non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Modelos como os que se anuncian de pago por lectura, popularmente o «Spotify dos libros» ou os libros da nube (Bookish e 24symbols) poden ser unha alternativa a considerar, sempre que se asegure a privacidade dos usuarios e os seus dereitos como lectores, como sinalaba acertadamente Javier Celaya no debate que hoxe mantivemos no Encontro de Bibliotecas Escolares. Por certo, extraordinario traballo o que se ven desenvolvendo en Galicia dende o inicio deste Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares no curso 2006-2007 promovido pola Consellaría de Educación, o máis potente movemento de fomento da lectura que se desenvolveu nunca no país noso, no que se espellan outras comunidades e países (Beizóns para os seus integrantes, moi especialmente para Cristina Novoa e Pilar Sampedro, as responsables da Asesoría).
En definitiva, do que se trata é de refundar a cadea de valor do libro que, respectando o protagonismo do autor e do lector, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido), libreiros (especializados na promoción do produto) e bibliotecarios (ese porto seguro no novo paradigma dixital), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incertezas.
[A anotación está preparada en base a derradeira parte da intervención realizada hoxe no debate con Javier Celaya arredor do tema «Cultura impresa, cultura dixital» que mantivemos no IIIº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia.]