A pesar de que cada vez que vexo unha película de Gerard Depardieu saio do cine coa sensación de que xa a vira (seguramente polo afán do mangallón de defender os valores da república, á hora de escoller os seus guións), animeime a ir ver As miñas tardes con Margueritte, unha desas películas con afán claramente educativo (útiles como recurso didáctico e civico), que cada ano entran de forma milagreira nas nosas carteleiras. Esta narración da historia de amizade (amor) que prende entre un mozote aldeán (Depardieu) e unha vella científica (Casadesus) serve para expresar o valor dos libros e da lectura como transformadores da vida dos seus lectores. Esta e unha película que aborda en toda regra o valor dos libros e da lectura para a vida: a lectura como chave para comprender a propia identidade e o mundo que nos rodea (a viaxe interior o mundo das tebras familiares que emprende o protagonista); a lectura como porta para acceder ao descoñecido; e, sobre todo, a lectura compartida (e en alta voz) como xeito de expresar tamén os afectos e compartir unha vida que pague a pena. A abordaxe das relacións do protagonista coas vellas, tanto a súa amiga lectora que vai quedando cega, como coa súa coraxuda nai, perdida de por vida nos seus labirintos, son outros temas a salientar. A pesar dese indubidable interese temático (unha rareza no cine espectáculo actual), a narración é moi fráxil, a trama tan dóce e previsible, os flashback tan pesadiños e innecesarios, os dous protagonistas tan boíños e sen arestas ningunhas, e o final tan feliciño e tópico (bocatas vexetais incluídos) que só a presenza do enorme Depardieu e da entrañable Giséle Casadesus evita o desastre máis absoluto. A película adapta a novela homónima de Marie-Sabine Roger, que con seguridade debe posuír a febra ficcional, a intensidade e profundidade narrativa que lle falta a este relato cinematográfico.
Moi recomendable esta conversa entre Joaquín Rodríguez e Sergio Vila San Juan sobre a importancia da lectura. Coincido con eles plenamente. Lectura e cidadanía, velaí a clave.
Velaí unha versión de «El dinosaurio« de Augusto Monterroso, un booktrailer producido, tamén, por Gandhi. Se che gustou aquí tes outros onde escolleres. Moi interesante.
Velaí a entrevista que me fixeron o pasado luns no programa Bos días da TVG. A conversa (máis de dez minutos) xirou arredor do concepto de lectura e das oportunidades e retos do sector editorial nun proceso de tránsito.
Tras a elección de onte, que tanto agradezo aos meus colegas, os medios tiveron a deferencia de entrevistarme. En todos os relatos que fixen sobre as prioridades do novo equipo de editores galegos sempre intentei reiterar dúas: primeira, a fenda de lectura debe formar parte da axenda política; e segunda, o consenso e a cooperación entre os editores son o mellor xeito de recuperar a autoestima do sector e de desfacer tantos prexuízos existentes sobre a nosa actividade. Agradezo a tantas amizades os parabéns que hoxe nos fixeron chegar e poñémonos á nosa tarefa, na que continuaremos os proxectos abertos polo editor Alfonso García Sanmartín e o seu equipo (Fran Alonso, Pilar Sampil, Ana Guerra) que durante estes últimos catro anos fixeron un labor, sinxelamente, extraordinario! O meu maior recoñecemento para os catro.
O profesorado da Sprague Elementary School (USA) gravou este lipdub (“Put Books in your head”) para animar ao seu alumnado a ler no verán. Chamoume a atención polo que ten de testemuño do que se está facendo na maioría dos sistemas educativos por presentarlle ao alumnado a lectura como unha actividade atractiva; todo un claustro non dubida a poñerse a bailar para seducir aos rapaces e rapazas a que se atrevan cos libros. Bravo! Outrosí sucede coa fórmula dos lipdub, eses vídeos de danza colectiva e contínua (utilizada con éxito para a defensa da nosa lingua), asociados á cultura viral das redes sociais. Vencellar ambos os dous elementos, semella unha fórmula a ensaiar na promoción da lectura nos centros educativos.
O lipdub permite, ademais, coñecer por dentro as instalacións dunha Escola Primaria estadounidense, é moi recomendable reparar nos detalles, así como na letra da canción de Jason Derulo.
O luns 21 e martes 22 de xuño os mozos e mozas do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do noso instituto achegáronse aos colexios de Sobrado-Nebra, Campanario, Xuño e Caamaño para contarlles historias aos nenos e nenas de infantil e, no caso de Nebra, de Primaria. Para nós foi unha experiencia moi fermosa, emocionante e chea de incertidumes e nervos, pois era a primeira vez que exerciamos de contacontos en público. Queremos darlles as grazas ás profesoras e profesores destes colexios pola súa acollida e comprensión, a Ánxela Doval polo seu bo facer na preparación das contadas e os contadores, a David Pérez polo traballiño (outro máis!) e a sensibilidade desta nova montaxe de Vinte10 TV e a Sonia Ces pola compañía.
Son seareiro entusiasta dos vídeos do proxecto Vinte10 TV, que recollen algunhas accións do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do IES de Porto do Son. Esta peza, alicerce dunha experiencia de continuidade da cadea da lingua (os rapaces e rapazas de ESO contan aos picariños de Infantil e primeiro ciclo), é unha marabilla. Recomendo vela devagariño, xa que ten interese tanto dende o punto de vista de amosar como é posible visualizar interxeracionalmente a esperanza da lingua, como polas posibilidades dun obradoiro de imaxe no apoio a estratexias de animación lectora. As miñas maiores beizóns para todos e todas as participantes en tan magnífico traballo.
Onte na presentación de Níxer na Casa Museo Casares Quiroga tiven oportunidade de comprobalo unha vez máis: o concello da Coruña en cuestión de lectura é un modelo a seguir. Xa non é só o funcionamento modélico da rede de Bibliotecas Municipais, agora tamén o é a súa campaña transversal de animación lectora que baixo a denominación «A cidade que le» ofrece un dos máis completos programas deste tipo que coñecemos. Velaí ciclos de actividades que aquí temos gabado noutras ocasións como o «Poetas di (n) versos», o s «Encontros na cidade da Coruña» (este ano coa presenza do noso admirado Alberto Manguel) ou os itinerarios literarios. A pesar do completo do programa, aínda queda espazo para a sorpresa. Velaí a convocatoria de »Vémonos na Biblioteca. Concurso de Biblioclips das Bibliotecas Municipais da Coruña«, unha iniciativa pra promover o feito lector entre a cidadanía cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas. O concurso consiste na realización dun anuncio (aquí nas brétemas, dende hai tempo chamámolos «book-trailers» dunha duración máxima de 35 segundos de visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados. As bases poden baixarse en pdf aquí e o prazo de envío das obras remata o 1 de setembro. O primeiro premio consistirá nunha cámara de vídeo. Estou seguro que, a pesar da sobriedade e utilidade do premio, a participación será moi numerosa e dará moito xogo futuro na rede. Os meus parabéns aos promotores de tan interesante concurso.
Vía Trafegando ronseis (manantío inesgotable, grazas, moitas grazas) chego a esta peza que forma parte dos materiais publicados por Leer.es, espazo magnífico do Ministerio de Educación de fomento da lectura destinado a docente, familias e mediadores. Neste lánguido Ano da Lectura en Galicia boto en falta sequera algunha iniciativa na rede coma esta. Mais coa que está caíndo sobre nós, iso xa é «pataca minuta». Para rematar esta triste semana, recomendo este relato visual de catro minutos e medio sobre o valor da lectura, tenche intriga, un puntiño didáctico asumible e unha música ben xeitosa. Funciona.
No proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e dixital da comunicación cultural que estamos vivindo son moi necesarias as reflexións sobre o devir do propio proceso. Á abondosa bibliografía sobre a cuestión engádese Metamorfosis de la lectura, un ensaio esencial de Roman Gubern sobre a prolongada evolución textual protagonizada pola humanidade ao longo da súa historia. Papei as cento e vinte páxinas do libro en apenas dúas sentadas. Deslumbráronme os primeiros catro capítulos, referidos aos aspectos bioantropolóxicos do agromar da nosa cultura (un enfoque moi novidoso), dende o desenvolvemento das linguaxes, a escritura e os alfabetos, deica esa creación civilizatoria maxima que supuxo o libro, nas súas diversas aparencias: papiro, códice e impreso. Especialmente fermosos son os dous capítulos nucleares do ensaio, o terceiro, referido á epifanía do libro, e o cuarto, no que se aborda cunha claridade abraiante o período de apoxeo do libro impreso, os séculos XIX e XX. Gubern, un auténtico sabio, é capaz de ofrecer en apenas setenta páxinas unha fascinante historia da lectura, o libro e os movementos literarios a eles asociados. Gubern faino abordando o esencial, sen aborrecer con erudición académica, propoñendo ademais conceptos operativos (como o da «cadea enunciativa» da circulación social da escritura) que facilitan comprender mellor o momento de tránsito e toda a súa fraxilidade. Porén, chegado ao derradeiro capítulo («Da computadora ao libro electrónico»), Gubern sen abandonar a súa capacidade analítica para describir con acedume o fenómeno do «pantallismo contemporáneo» nin perder a posibilidade de bautizar a crise actual como a «Gran Recesión», queda posuído pola vertixe e fraxilidade da cultura dixital e renuncia a propoñer un espazo prospectivo e expresa, apenas, que «os soportes analóxicos e dixitais convivirán«. Máis decepcionante, aínda, son as dúas páxinas finais do ensaio nas que si se atreve a propoñer un decálogo das vantaxes ou atractivos do libro impreso sobre o electrónico, que non está á altura da lucidez dun texto chamado a converterse en referente sobre a cuestión. No entanto, recoméndoo moi vivamente, é un dos libros sobre libros máis interesantes dos que teño gozado nos últimos anos.
Gabriel Zaid hizo el siguiente diagnóstico hace ya varios años: «Hay millones de personas con estudios universitarios. Por mal que estén económicamente, pertenecen a la capa superior de la población. Pues bien, estos millones de personas superiores en educación y en ingresos, no dan mercado para más de dos o tres mil ejemplares por título, o mucho menos. Y si las masas universitarias compran pocos libros, ¿para qué hablar de masas pobres, analfabetismo, poco poder adquisitivo, precios excesivos? El problema del libro no está en los millones de pobres que apenas saben leer y escribir, sino en los millones de universitarios que no quieren leer, sino escribir.»
Complemento de este diagnóstico es la siguiente certeza, también zaidiana: «En las estadísticas de la Unesco, puede verse que la explosión de títulos publicados en el siglo xx es paralela a la explosión de títulos universitarios. Pero la explosión dice más de la oferta que de la demanda. Los graduados universitarios tienen más interés en publicar libros que en leerlos.»
Para una considerable proporción de universitarios, piensa Zaid, «publicar es parte de los trámites normales en una carrera académica o burocrática. Es como redactar expedientes y formularios debidamente llenados para concursar. Nada tiene que ver con leer y escribir. Leer es difícil, quita tiempo a la carrera y no permite ganar puntos más que en la bibliografía citable. Publicar sirve para hacer méritos. Leer no sirve para nada: es un vicio, una felicidad.»
[...]
En 1973, en un espléndido ensayo que lleva por título Pidiendo para libros (revista Plural, número 18), Zaid explicaba: «La mismísima gente que agasaja a un escritor y se gasta horas y cientos de pesos pagándole una cena, sale con que no ha leído su libro ¡por falta de tiempo! o porque cuesta ¡cuarenta pesos! La gente que se cree con derecho a recibir libros gratis (elogiosamente dedicados) no se queda en ayunas esperando que le manden el pan hasta su casa, gratis y con dedicatoria.»
Fragmentos dun extenso e interesantísimo artigo de Juan Domingo Argüelles titulado «Precio y aprecio de los libros» publicado hoxe domingo na revista mexicana La jornada semanal.
Vía Libreros, Grazas pola descuberta, amigo Michelena.
Por unha anotación do formidable blog de Joaquín Rodríguez sei da publicación do «Manifesto pola alfabetización» (en pdf), un texto elaborado no Reino Unido por especialistas que reclama a implicación das autoridades e das diversas administracións na cuestión da lectura nesta era dixital. Encadrado dentro das iniciativas e programas do National Literacy Trust (unha institución conformada por institucións públicas e privadas, tanto gremiais como de voluntariado, que desenvolven programas tan xeitosos coma este de «Ler para vivir»), este Manifesto propón catro liñas de reflexión que veñen perfectamente ao caso da situación da lectura en Galicia, e en xeral, en calquera das nosas sociedades occidentais.
Para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística dos nenos e nenas é indispensable dispór dun ambiente familiar aberto ao diálogo.
A alfabetización e o interese pola lectura comeza no entorno familiar.
A alfabetización (entendida como lectura e escritura) é a chave que nos permite integrarnos na era dixital.
A alfabetización é unha competencia indispensable para o desenvolvemento persoal e para o do conxunto da sociedade.
Teño a certeza que hoxe no desenvolvemento do pleno sobre o Estado da Autonomía, a pesar de estarmos xa no terceiro mes do chamado «Ano da lectura», moi pouco se vai falar no Parlamento Galego do estado da nosa alfabetización. O que non deixa de ser curioso nun Goberno que teima en que os pais exerzan un poder nos centros escolares que non exercen nos seus fogares. Esta chamada de atención que traemos do Reino Unido, unha sociedade cuns índices de lectura moi superiores aos nosos e un respecto incomparablemente maior ao sector do libro e á creación literaria (autores, editores, bibliotecarios e libreiros), ben podería servir para salientar as razóns das dificultades que atopa a civilidade en Galicia.
É moi atractivo o portal Leer.es que acaba de abrir o Ministerio de Educación coa intención de transmitir o entusiasmo pola lectura e animar a súa práctica. Ademais do seu deseño coidado e contemporáneo (na liña da web 2.0), pareceume de gabar o esforzo por chegar os contidos tanto ás familias como aos docentes. Recóllese un catálogo extenso de recursos de animación en diversos soportes, que poden ser empregados na biblioteca de aula ou de centro. É novidosa a axenda da lectura así como a insistencia en todos os espazos na procura da participación do lectorado. Outrosí sucede coa posibilidade de escoller a navegación nas catro linguas oficiais (aínda que non estean todos os contidos en todas as linguas), algo abondo infrecuente nestes espazos. Non deixa de ser curioso que cando aparece este magnífico portal do Ministerio de Educación coñezamos que os espazos galegos públicos dedicados á promoción da lectura e da nosa literatura e edición no eido internacional (dependentes da Consellaría de Cultura) deixaron de ser actualizados esta semana, poucos días antes de que sexa anunciado o programa de «2010. Ano da Lectura».
Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!
Ben sabemos que Deolinda é unha marabilla.
Este «Clandestino» (unha das miñas cancións preferidas) é apenas a miña pequena homenaxe para os lectores e lectoras que pasaron esta noite na biblioteca. Os membros de Espazo Lectura son os clandestinos da esperanza.
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, anunciou onte no acto da homenaxe a Marcos Valcárcel, organizado polo PEN Clube (beizóns para Tosar pola organización e as súas palabras oportunas e valentes), que o Goberno Galego declarará 2010 como «Ano da Lectura» en Galicia.
Un dos poucos compromisos electorais que se pon en marcha. Aledámonos desta medida que dende hai tempo vimos defendendo. A lectura en Galicia precisa un momento de inflexión, un arreón nese esforzo compartido. Agardamos que esta celebración supoña ese pulo necesario.
En varias ocasións temos gabado o gran traballo que realiza Espazo Lectura, un modelo de voluntariado pola lectura que traballa infatigablemente na comarca do Val Miñor. Hoxe, a asociación que preside Concha Costas, dá un paso moi importante coa inauguración da Casa da Lectura, un espazo para a convivencia lectora arranxado polos voluntarios e voluntarias na que fora Escola Infantil de Donas. As nosas beizóns para todos eles.
Acredito que este libro é unha marabilla. Poucas veces gocei tanto da beleza da lectura como nestas fotografías de Manuel G.Vicente. Outrosí sucede cos textos, que constitúen unha antoloxía fulcral sobre a lectura, o libro e a biblioteca.
Teresa Moure leu o pasado primeiro de maio un pregón formidable na inauguración da Feira do Libro de Santiago. O novo conselleiro de Cultura, que por vez primeira participaba nun acto público, debeu tomar boa nota. O texto completo do discurso de Teresa Moure pode descargarse aquí. No entanto, recollo dous fragmentos sobre o papel do libreiro e o valor social da lectura que deben quedar ben gardadiños no blog:
Se asumirmos o compromiso de nos internarmos nas librarías é para darlle sentido ao mundo da lectura. O libreiro, a libreira non é só esa persoa que se achega ao computador para consultar os catálogos das editoriais, ou quen solicitamente apunta un encargo; é un axente especializado en adiviñar se tal libro pode gustar ou non a tal cliente, pedíndolle opinións para avisar outras persoas con semellantes intereses, gustos ou ideoloxía. Os verdadeiros libreiros son aqueles que lembran que a última vez que os visitamos pedimos un título que non estaba dispoñíbel e que nos informan que hoxe si o teñen.
A nosa sociedade funciona sobre o suposto falso de que todas as persoas debemos posuír un coche e non, por exemplo, unha biblioteca. Por que non educar para ver a lectura como algo máis que un tempo morto de lecer, como un investimento para a vida, como un consolo para aliviar a angustia da existencia, de xeito que a biblioteca propia se vise como unha das posesións menos materialistas e máis libres que sexa posíbel soñar?
Nunca víramos semellante tratamento para promoción da lectura como o que realiza a revista Woman neste mes de abril. Algo está mudando na imaxe social da lectura para que sexa promocionada en portada. Vaise poñer de moda a lectura e visitar as bibliotecas e librarías?
No artigo da semana reflexiono sobre os índices de lectura máis recentes dos que dispoñemos. O repunte dos hábitos lectores, o incremento da lectura en galego, a mobilización lectora da mocidade e o importante papel das bibliotecas escolares e do sistema escolar neste proceso son algunhas das cuestiónas abordadas.
Dende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.
Artigo 1
Os libros, todos os libros, teñen dereito a existir.
Artigo 2
Os libros son iguais entre eles, sen distinción da súa orixe, fortuna, nacemento, opinión ou editor.
Artigo 3
Todo libro ten dereito á vida, á súa comercialización, á sorte de ser exposto ao lector e ofrecer ao seu autor a posibilidade de ser escoitado e remunerado con xustiza.
Artigo 4
Todos son iguais ante a lei que os somete a igualdade de prezo en calquera lugar onde sexan expostos.
Artigo 5
Todos teñen dereito a que en todos os lugares se recoñeza a súa personalidade, a personalidade do autor e do editor.
Artigo 6
O libro, obra de imaxinación coma de investigación, diríxese á imaxinación coma ás necesidades do ser humano. Así que non debe ser tratado na súa comercialización como un produto simplemente de consumo.
Artigo 7
O libro é será garante das nosas liberdades. Non pode en ningún caso ser sometido a aversión sexa polo plantexamento das súas ideas como pola súa misión fundamental de promover o libre intercambio das culturas, as mentalidades e os saberes.
Artigo 8
O libro, portavoz do espírito, da ciencia, de praceres, rexistro do saber, así como obra de creación, debe ser tratado coma un ben indispensable para a cultura, a promoción social e espiritual, a información, e non pode ser tratado como un vulgar obxecto de proveito.
Un texto ben interesante que, como o dos dez dereitos do lector, acuñados por Daniel Pennac, pode constituírse nunha magnífica ferramenta didáctica para iniciarse no mundo do libro e da lectura. Propoño a súa difusión entre os blogs de bibliotecas e clubs de lectura, así como de todas as entidades profesionais vencelladas ao libro galego.
Non pode pasar sen anotación no blog a reportaxe que onte publicou El País sobre a cultura de masas en España. Máis alá dos datos que proporciona sobre hábitos de consumo de produtos culturais, quero salientar o papel principal que se lle concede á lectura. Recollo dúas frases luminosas do noso amigo José Antonio Millán:
O medidor fundamental do nivel cultural é a lectura, «a chave do coñecemento na sociedade da información», segundo escribe o experto en cultura dixital José Antonio Millán en La lectura y la sociedad del conocimiento. «A colosal acumulación de datos que constituíu a sociedade dixital non será nada sen os homes que os percorren, integran e asimilan. E isto non será posible sen habilidades avanzadas de lectura».
A lectura como eixo central das políticas culturais e educativas; o libro como pan da cultura e da educación. A lectura e o libro como chaves do coñecemento.
A Fundación Germán Sánchez Ruipérez e a Federación de Gremios de Editores de España acaban de publicar un informe sobre a situación da lectura en España durante o pasado ano 2008. Baixo o título de La lectura en España. Informe 2008 e o subtítulo «Leer para aprender», o volume cooordinado e introducido por José Antonio Millán realiza un amplo percorrido sobre as cuestións básicas da lectura e as fronteiras actuais da edición e dos futuros do libro.Organizado en tres grandes apartados, precedido dun adral maxistral de Roger Chartier («Aprender a ler, ler para aprender»), na primeira abórdase a situación actual da lectura (con traballos sobre a ofreta editorial, a situación libreira e bibliotecaria, a lectura da prensa e o papel da lectura no sistema educativo), na segunda a voz dos lectores e na última unha varia de achegas dalgúns dos máis importantes ensaistas sobre a lectura (dende Cassany e Barandiarán ao propio Millán). Un informe onde hai moito para debullar e reflexionar. É de salientar como extraordinariamente positivo que o informe se publique baixo unha licenza Cretive Commons e se poida baixar gratuitamente en formato pdf, dende a páxina da Federación de Editores, tanto completo como por cada un dos seus capítulos. Sen dúbida, isto si que constitúe un fito na historia da edición en España.
Tanto La Voz de Galicia como Xornal de Galicia, dous medios con liñas editoriais claramente enfrontadas, comparten, porén, o carácter analóxico e pechado para a lectura na rede dos seus suplementos de cultura que publican os sábados. Hoxe non podemos ler na rede nin as magníficas catro páxinas de Ramón Nicolás e Xesús Fraga sobre o libro galego e a súa visibilidade do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia nin outros tantas que «Nós» o suplemento de cultura de Xornal de Galicia dedica ao mundo so blogs en Galicia, con traballos de Manuel Candelas e Arturo Casas. Hoxe xa existen modelos alternativos para evitar estas zonas de sombra para a información cultural na rede, como ofrecer os contidos dos suplementos en formato pdf ao día seguinte ou facelo por un sistema de subscrición en aberto. En todo caso, quero felicitar tanto aos responsables de «Culturas» pola súa defensa do libro galego visible como aos de «Nós» polo tratamento rigoroso do fenómeno blog, máis alá dos tópicos habituais.
Ten razón Arturo, o discurso da proxección exterior da literatura galega é o mesmo da proxección interior. Como sinalo nun comentario que deixei no seu blog, ambas as dúas, a interior e a exterior, son as dúas facianas dun mesmo corpo que ten vontade de ser visible. Sen entrar en disquisicións sobre o que sucedía nos tempos do perezvarelismo, hoxe o que non parece sensato é investir en custosas viaxes internacionais e (tras case catro anos) non ser capaces de dotar ás nosas bibliotecas das nosas novidades editoriais (como está previsto na Lei do Libro e a Lectura). Sobre esta cuestión poderiamos facer denuncias que escandalizarían. Mais xa estamos cansos de batallar aquí e acolá e de recibir tratos severísimos. Neste eido, por prudencia, tiramos a toalla. No entanto, aproveitando a piedade destas xornadas de Nadal, cos meus comentarios pretendo contribuír a ese esforzo en man común que ten por obxectivo que os nosos libros en galego poidan ser minimamente visibles nas librarías e nos medios de comunicación (fundamentalmente electrónicos) preocupados por eles. Isto é o que chamo exercicio de «autoestima». E tal como están as cousas, este exercicio de proxección interior é imprescindible. Os grandes discursos grandilocuentes sobre o libro galego, deixámolos para os políticos, que para iso andan apurados en concurso electoral.
O noso amigo o editor Joan Carles Girbés é o autor de Guia práctica para fer fills lectors, unha guía concibida para o fomento dos hábitos lectores dentro da familia, da que en Cataluña se levan repartidos xa oitocentos mil exemplares. Bravo, Joan Carles! Un libro onde aparecen, ademais, eses DEZ CONSELLOS INFALIBLES PARA QUE OS NENOS E AS NENASODIEN OS LIBROS:
1.- Cando empecen a ler en voz alta, interrómpeos constantemente para marcar os seus erros… A ti tamén se che sacarían as ganas de seguir lendo. 2.-Obrígaos a ler… Nada máis eficiente que un simple monosílabo, le! para conseguir o efecto contrario.
3.-Menospreza os seus gustos e non respectes o seu criterio… Que é mellor, que lean o que lles gusta ou que non lean?
4.-Imponlles lecturas… Esa novela que tanto che gustou á súa idade non ten por que ser do seu agrado.
5.-Pídelles que che fagan un resumo… Non deixes que asocien os libros cos deberes.
6.-Controla todo o que len… Interesarse non significa examinalos e interrogalos.
7.-Lémbralles os beneficios de ler… Dille: os nenos que len sacan mellores notas, coma o teu amigo. Así o rapaz ou a rapaza perderá as ganas de ler e collerá manía ao amigo.
8.-Relaciona os libros só cos deberes… Un libro non debe ser só un instrumento para aprender cousas. 9.-Castígaos sen tele por non ler… En ver de converter a tele no noso aliado, preguntándolle, por exemplo, cantos filmes infantís baséanse en libros? 10.-Esíxelles lecturas non axeitadas. Non por se bo e correcto, un libro debe ser axeitado á súa idade ou ao seu estado madurativo.
Esta iniciativa modesta de popularización do hábito da lectura no seo da familia, con motivo do Nadal, ben podería ser emulada en Galicia. A relación entre custo e rendabilidade social e cultural é óptima. Beizóns para Joan Carles!
Lendo esta incrible noticia publicada no xornal.com sobre o posicionamento nas librarías das novidades editoriais galegas durante esta campaña de nadal, compréndese mellor que a nosa peor e principal doenza é a da falta de autoestima e confianza na literatura propia. Velaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada. Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico. Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.
Vía Ediciona e a revista Babar coñezo esta impactante campaña de fomento da lectura entre os nenos e as nenas promovida pola Fondation pour l’alphabetisation de Canadá. Diversos personaxes de contos infantís deambulan agonizantes polos espazos dun hospital para expresar que se os nenos deixan de ler eles morrerán (o lema da campaña: «Cando non lemos a imaxinación desaparece»). A Cincenta turrando do goteiro polos corredores , Peter Pan en cadeira de rodas na soidade do seu cuarto ou a Carapuchiña na sala de urxencias son algunhas das imaxes desta sorprendente campaña de «sensibilización» lectora. Os vídeos da campaña poden verse enlazados desde aquí (por máis que procurei non os din atopado en you tube). Unha proposta que obriga a reflexionar sobre o valor profunda da lectura e da ficción.
Actualización (04-12-2008): Grazas, Ronsel. Claro que o vídeo se pode ver en you tube: