Ten moita razón Xabier DoCampo cando di que non damos abandonada a situación aquela da Penélope do chairego Xosé Díaz Castro: «Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea ds teus soños non se move». O día no que o concello de Lugo aprobou por unanimidade unha magnífica ordenanza de uso do galego, soubemos pola denuncia do Diario da Liberdade que os nosos dicionarios nun dos centros de El Corte Inglés da Coruña ocupan o espazo das «Lenguas extranjeras». A ordenanza lucense é un importante paso adiante, tanto por artellar un amplo espazo de consenso social arredor do emprego do galego, como polo que supón de modelo, sobre todo no que atinxe ao compromiso de contar cun Gabinete de Normalización Lingüística. Porén, a ubicación inadecuada dos nosos dicionarios no centro comercial coruñés, é un doloroso paso atrás, máis aínda cando sabemos que noutros centros galegos de ECI o libro galego, incluídos os dicionarios, recibe un tratamento profesional e, mesmo agarimeiro, por parte dos responsables e dos profesionais do departamento de Libraría. Indígname e magóame comprobar que o libro e a lingua galega sexan tratados como «estranxeiros na súa terra». Agardo que os responsables de ECI coruñés retifiquen na «Semana das Letras Galegas».
Iniciamos en Ferrol o periplo anual polas Feiras do Libro de Galicia, unha andaina para min moi traballosa, aínda que imprescindible, coa que dende a editorial intentamos aumentar a visibilidade das nosas novidades editoriais. A primeira presentación da xeira foi un acto moi singular no que Antón Cortizas e Antonio Yáñez Casal, dous autores da Ferrolterra, presentaron cada un o libro do seu veciño. A experiencia resultou extraordinaria. Yáñez debullou de forma moi enxeñosa e irónica Vaia tropa!, o poemario de limericks de Cortizas, salientando que cada unha destas páxinas «era un auténtico fervor», no que estaba moi presente a nosa tradición oral, transformada e anovada polo xogo verbal até outros rexistros. Cortizas sinalou que Vento galerno, a novela de Antonio Yáñez, estaba escrita cun triple cariño: o de ter ganas de escribir unha historia que antes non existía; o Cariño de Ortegal, presente nun libro mariñeiro a tope, escrito por alguén que chantou as súas raíces no mar; o cariño da nai, identificable nas expresións e no fermoso xeito de contar. Cortizas salientou que nesta novela preséntase un mundo no que a vida pode verse doutra maneira, onde hai outros oficios e outra forma de organizarse diferente do da sociedade na que vivimos. A pesar do tremendo ballón, regresamos pola autoestrada moi animados do resultado desta primeira etapa. A vindeira estación será a Feira do Libro de Compostela, que se celebrará do 28 de abril ao 6 de maio.
Na reunión da Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordamos por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. Este galardón co que os editores pretendemos cada ano recoñecer o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro serálle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso d’ A Noite da Edición na que tamén daremos a coñecer os premios que outorga o sector editorial ás mellores obras de 2011. Nacido na parroquia de Albixoi do concello de Mesía, Suso Couceiro pasou de traballar como xerente dunha empresa de electrodomésticos a fundar en 1969 a súa primeira libraría na compostelá rúa de San Pedro. Dende entón, ao longo de catro intensas décadas, Couceiro desenvolveu de forma modélica e teimosa o seu noble oficio nas librarías de Xeneral Pardiñas, o Hórreo e agora no edificio recuperado da praza de Cervantes que xa xestionan os seus fillos Pablo e María. Fundador e primeiro presidente da Federación de Libreiros de Galicia (1977), co-fundador de Edicións Laiovento (1991), ven de poñer en valor Edicións do Cerne, selo creado por Luís Mariño, dedicándoo á edición de facsímiles de primeiras edicións de autores galegos libres de dereitos de autor. Sexa como libreiro, como bibliófilo, como editor, Xesús Couceiro dedicou a súa vida enteira á promoción do libro galego e á cultura da libraría como espazo cultural. Un recoñecemento merecidísimo.
A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.
Acompañei aos responsables de Cegal e da Federación de Libreiros de Galicia na presentación de Cegal en rede. Trátase dunha utilísima ferramenta informática concibida para axudar a visibilizar os libros editados e destinada tanto a profesionais do sector do libro (librarías, distribuidoras e editoras) como ao público lector. Como xa sinalamos outro día, esta ferramenta axuda a localizar fondos de libros impresos nas librarías independentes, ao tempo que achega información fiable sobre as súas vendas. Recomendo vivamente empregar o espazo web Todos tus libros onde xa podemos atopar tamén o catálogo do libro galego vivo máis completo. Unha alfaia! Os responsables de Cegal aproveitaron a presentación para anunciar a celebración do vindeiro congreso de libreiros en Vigo ano ano 2013. Os nosos parabéns.
A miña curiosidade leva a interesarme por aqueles libros sobre o mundo libro. Así chegou ás miñas mans Tinta, a novela de Fernando Trías de Bes, que onte rematei durante a ventada viaxe a Madrid. Enguedelleime decontado nunha intriga de libros, ambientada nun entorno da edición clásica (a Maguncia de comezos do século XX), construída sobre a antiga crenza (hoxe, felizmente, superada) que os libros impresos conteñen todas as senrazóns do mundo e da condición humana. A procura da tinta efémera, que a vista borra só con lela; o anceio dun libro virtual, que poida ser lido e non conservado; a busca, en definitiva, do libro único, que forma parte da vida (mesmo do propio corpo) move aos protagonistas desta historia moi fermosa, un libreiro, un autor, un impresor e un corrector de estilo. Lendo Tinta comprobamos canta razón tiña Paul Auster cando advirte que “nunca debe subestimarse o poder dos libros”. Trías de Bes amosa como os libros, grazas ás palabras, son capaces de mudar a orientación das nosas vidas. Eis o extraordinario valor da lectura. Tinta é unha novela moi recomendable para libroferidos.
Actualización (05-11-2011): Coñecín o magnífico booktrailer preparado por Seix Barral.
Preparando os enlaces da páxina sobre a historia dos Premios da Crítica Galicia (1978-2010) comprobei as importantes carencias existentes na rede sobre a produción cultural galega. A pesar de que a literatura é, con diferenza, a modalidade mellor representada, atopei moitas dificultades para enlazar currículums fiables e actualizados, mesmo dos autores máis destacados. Coa excepción da información das novidades dalgunhas poucas editoras, é a Galipedia a fonte informativa máis completa; un feito que merece a nosa gratitude aos redactores desta ferramenta esencial de coñecemento compartido por tan xeneroso esforzo. No entanto, é un reto para o sector editorial en Galicia contar cun catálogo web multilingüe (galego, castelán e inglés) permanentemente actualizado. Os metadatos de DILVE e a experiencia de CEGAL en rede deberían axudar a conseguilo no futuro próximo.
Amazon abriu o seu espazo para venda por catálogo virtual de libros españois e gaches diversos. Outro éxito publicitario rotundo da multinacional estadounidense que non precisou doutra estratexia que deixar viralizar a súa páxina pola rede nosa que a recibiu cos brazos abertos e moi escaso espírito crítico. Unha actitude moi diferente ao muro de silencio existente sobre outras iniciativas de distribución de libros impresos, como a de Todos tus libros.com, a marca comercial do proxecto Cegal en rede, promovida por máis de duascentas librarías culturais españolas e que ofrece un catálogo dispoñible incomparablemente moito máis amplo co do xigante americano. Cos datos na man, Amazon.es hoxe non será capaz de mellorar nin o prezo que os lectores pagan polos libros (o que ofrece é a rebaixa do 5%, que a Lei do Libro establece para os pagamentos ao contado), nin ampliar a oferta editorial de títulos impresos dispoñibles nin sequera poderá mellorar o servizo de entrega que achega a plataforma virtual dos libreiros españois. O catálogo presentado onte por Amazon.es é apenas unha comunicación dos metadatos –incluídas as imaxes dos libros– extraídos de balde de DILVE, o magnífico sistema de información editorial creado pola Federación de Gremios de Editores de España–, xa que a maioría dos fondos, como sucede co dos editores galegos, non está dispoñible nos seus almacéns franceses, debido a que a empresa norteamericana só foi capaz de asinar os contratos de distribución cun número moi reducido de editores e de distribuidores. Amazon non terá outro remedio que asumir algunhas das dificultades ou incomodidades que para o seu exitoso modelo de negocio supón operar en España, Francia, Alemaña ou Italia, estados onde o prezo do libro está fixado polo editor. No entanto, sei do enorme poder da corporación de Befos que, como Apple ou Google, pretenden monopolizar, tamén nos mercados europeos, a creación e a distribución da cultura dixital. Aí está a tremenda importancia da súa chegada, deste primeiro pé no noso mercado. O de Amazon é outro fito, a epifanía deste proceso irreversible, mais paradoxicamente empobrecedor, da perda de biodiversidade do sector da lectura en Europa. Eu, mentres as librarías culturais existan, continuarei apostando polos militantes fantasía de Todos tus libros, un espazo que aconsello visitar aos propagandistas da empresa estadounidense.
Nestes tempos difíciles é unha fachenda anunciar a apertura dunha nova libraría. Tan fermoso acontecemento producirase o venres, 1 de xullo, ás 20:30 horas na rúa Constenla 37 de Cacheiras, no concello de Teo, momento no que abrirá as súas portas a Librería Vagalume.
Os mellores desexos para a libreira Mariña Lema Ruibal, que soubo escoller un nome para a súa libraría con connotaciónsben fermosas.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, propoño a entrada da lectura na axenda pública.
Achegámonos ao 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a efeméride creada polos editores e libreiros cataláns recoñecida pola UNESCO, que se convertiu en todas as comunidades na primeira festa do libro e da lectura. Sen chegar ás cifras espectaculares do Sant Jordi catalán, onde algúns editores e libreiros poden vender esa xornada na rúa entre o 20 e o 30% da súa facturación anual, o 23-A foi collendo tamén en Galicia a súa importancia comercial e singularidade cultural, iniciando para libreiros e editores galegos “o mes dos libros” que remata co Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Porén, a festa deste ano non será allea aos duros efectos que a crise económica está provocando sobre un consumo de libros que se reduce de forma significativa en España, seguindo a tendencia á baixa doutros produtos distribuídos polo comercio minorista. Un feito até agora case inédito no mercado editorial que demostra que o libro, a pesar de ser considerado formalmente, tamén coma un ben cultural, é un produto prescindible como calquera outro dos ofrecidos no mercado do lecer. Consolídanse, así, nestes tempos de crise dúas tendencias no actual mercado do libro que semellan de moi longo alcance. A primeira: o libro non forma parte do núcleo duro do consumo familiar, o que provoca unha menor frecuencia na visita ás librarías e unha redución da compra de libros, reducida nos máis dos casos ás prescricións establecidas polo sistema educativo. A segunda: as mudanzas da comunicación cultural dixital están disuadindo cada vez máis algunhas decisións de compra de libros impresos, frivolamente devaluados no seu valor engadido; aínda que en España tampouco se consolide un mercado dun libro electrónico que non acaba de arrincar.
Neste contexto de crise e de incerteza profundas para libreiros e editores, desenvólvese unha efeméride que outro ano máis debe poñer toda a súa énfase no esencial: a importancia da lectura como competencia cívica imprescindible para o exercicio da cidadanía democrática. Non cansaremos de insistir en que os índices de lectura e de compra de libros, revistas ou xornais amosan o grao de civilidade do que goza cada comunidade, ademais de constituír cifras claves para entender o seu nivel de benestar e desenvolvemento educativo. No marco do actual proceso de tránsito cara a comunicación dixital (informativa e cultural), é imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública utilizada polas administracións e polos medios de comunicación. A lectura –concibida tanto como un camiño de aprendizaxe como de lecer, realización e crecemento persoal da cidadanía de todas as idades– e, sobre todo, o seu fomento deberían ser temas sobre o que os políticos debatesen decote como o fan sobre mobilidade urbana, medio ambiente ou urbanismo. Mesmo todas as candidaturas que participan nas vindeiras eleccións municipais deberían presentar o seu programa específico de lectura e bibliotecas, asumindo como unha das súas prioridades o compromiso de reducir no seu ámbito local esa fenda preocupante que amosan os nosos índices de lectura, aínda moi afastados daqueles dos nosos socios europeos, tanto en número de lectores, horas de lectura, número de bibliotecas ou compra pública e privada de libros.
Nesa liña de introducir a lectura na axenda pública local e de facer cidades e vilas lectoras insírense iniciativas como as promovidas por Espazo Lectura, a recoñecidísima e modélica asociación de fomento da lectura de Gondomar, que enviou a todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións as súas propostas relacionadas co fomento da lectura, entre as que se inclúen a ampliación e mellora da Biblioteca Municipal, a creación dun novidoso Consello Municipal de Lectura, a instalación dun Museo do Conto ou a declaración do concello como primeira “Vila da Lectura de Galicia”.
Outrosí sucede, aínda que noutra dimensión institucional ben diferente, coa solicitude que este 23 de abril presentan as asociacións de editores de libros, revistas e xornais para a aplicación en todos os países membros da Unión Europea dun IVE cero para todas as publicacións (libros, xornais e revistas), tanto as impresas como as dixitais. Unha iniciativa de unificación fiscal para todos os soportes de lectura que pretende solucionar a situación fiscal discriminatoria que hoxe sofren os soportes dixitais –hoxe gravados en España co 18%, mentres que para os impresos repercútese o 4%– ao tempo que favorecer o acceso dos lectores europeos a calquera tipo de produto de lectura, incentivados pola redución do seu prezo.
Dúas iniciativas para introducir na axenda pública deste Día do Libro que nun entorno de crise e mudanza continúa procurando o esencial: máis lectura e máis lectores de todas as idades.
O FOMENTO DA LECTURA: UNHA NOVA FRONTEIRA PARA O LIBRO
1/ A lectura é unha actividade imprescindible para crear cidadáns libres, críticos e formados, e o seu fomento constitúe unha necesidade para romper as fronteiras que restrinxen o libro e a lectura e que non permiten que o seu acceso sexa un ben de carácter universal.
2/ O labor dos medidadores hoxe é máis necesario ca nunca e o seu papel debe ser valorado, reinvindicado, promocionado, escoitado e profesionalizado.
3/ É imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública (administracións, medios de comunicacións, programas políticos, etc) e adquira a notoriedade que lle corresponde nunha sociedade do século XXI.
4/ Para falar de fomento da lectura é fundamental entender o papel social que encarna da lectura pública e, moi notoriamente, o papel das bibliotecas. A rede galega de bibliotecas públicas, e todo o sistema bibliotecario galego, debe ser impulsado e fortalecido.
5/ Os novos tempos fan necesaria a creación dun novo tipo de lector, que é o lector social. Hai que entender a lectura desde unha óptica máis global, máis social, afrontando os retos do futuro, que sintetizarán a lectura impresa e a ciberlectura.
6/ Cada vez máis, no ámbito do libro e da lectura, é necesario crear lectores, non consumidores de libros. Xa que logo, o proceso de selección neste tempo determinado polo mercado, é imprescindible. Non vale calquera libro.
7/ As bibliotecas escolares son centros de recursos fundamentais para o fomento da lectura e o adestramento no acceso e selección da información. Parece necesario dotalas de recursos humanos con horario e dedicación específica para o profesorado implicado. Tampouco podemos esquecer que, como dicía Gabriel Zaid, o principal problema da lectura está nos universitarios que non len. Tamén parece necesario, pois, impulsar universidades lectoras.
8/ No reto da lectura evidénciase como unha necesidade a recuperación, para a familia, da responsabilidade da educación a través a transmisión da lectura como un acto cotián, íntimo e entrañable, que ademais tamén constitúe unha inversión educativa.
9/ O hábito da lectura fundaméntase a través de accións continuadas, dirixidas a favorecer o hábito lector e a achegar o libro e a lectura ás persoas. Nese sentido, dubidamos da eficacia das grandes campañas publicitarias que consumen presupostos desmesurados.
10/ A Asociación Galega de Editores expresa o seu compromiso co fomento da lectura e, moi especialmente, cos seus mediadores, apostando por afrontar os retos de futuro que o libro, a lectura e a cidadanía deste século demandanan a fin de crear un mundo máis libre, máis consciente e máis xusto.
Ao fío dos nosos comentarios que onte publicaba Rodri García en La Voz de Galicia, non hai dúbida que reorganizar o calendario da aparición de títulos e reducir as súas tiradas son as dúas primeiras medidas de prudencia que os editores estamos tomando para facer fronte á crise que está sufrindo o sector, especialmente dura para a edición cultural e de autor, o eido característico da edición en galego.
A experiencia da Feira do Libro da Coruña pode ser moi clarificadora da situación actual do mercado do libro en Galicia: excelente acollida de público (100.000 persoas), magnífico nivel das actividades literarias (presentacións e debates, xeralmente, moi concorridos); porén, todos os libreiros recoñecían en privado que se producíu unha diminución das vendas con respecto á pasada edición, afortunadamente inferior ás súas peores previsións. O mercado do libro literario está, pois, algo frío, como tantos outros produtos, aínda que non amosa síntomas de conxelación. No obstante, haberá que agardar á decisiva campaña de Nadal para facer valoracións máis acaídas a este teor.
Por riba dos efectos da crise económica, é innegable que a crise do modelo actual de edición cultural europea é moi profunda, máis aínda cando o modelo de edición masiva (baseado no reinado do libro único que adquiren millóns de lectores) que o foi substituíndo nalgúns países como os Estados Unidos e o Reino Unido comeza a quebrarse. Ou o que é o mesmo, cando editores e libreiros superemos os efectos nocivos da actual crise de consumo, coa deterioración que inevitablemente vai provocar, haberemos de enfrontar a mudanza do modelo da cadea de valor que supon o tránsito cara ao paradigma da edición dixital. A realidade non dá acougo, vivimos tempos de crise e mudanza. Tempos que deben ser, tamén, de oportunidade e entusiasmo. Con esa actitude ilusionada creo que debemos enfrontalos.
Velaí unha versión de «El dinosaurio« de Augusto Monterroso, un booktrailer producido, tamén, por Gandhi. Se che gustou aquí tes outros onde escolleres. Moi interesante.
Remata hoxe a Feira do Libro de Compostela e facemos un balance xeral positivo. A pesar da chuvia, do frío e das ventadas, a pesar dos problemas endémicos de megafonía (que fallou constantemente ou o funcionou moi malamente nos actos de presentacións), a feira mellorou moito con respecto a edicións anteriores. Houbo moita xente na maior parte das presentacións nas que participamos (algunhas como as dos libros de Teresa Moure, Marcos Calveiro ou Manolo Portas congregaron a máis dun centenar de persoas), diversificouse un chisco a oferta (magnífica idea foi a da caseta de editoriais compostelanas) e as vendas aumentaron, a pesar dos efectos devastadores sobre o consumo da Grande Recesión, segundo fontes dos libreiros. No entanto, tras as apreciables melloras da xa celebradas en Ferrol e Compostela, a situación das Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros, non é nin moito menos para botar foguetes: faltan aínda moitos expositores (a ausencia da maioría dos libreiros santiagueses foi clamorosa), falta a presenza do libro dixital (hoxe unha realidade incuestionable), falta comunicación en Internet (coa excepción da presenza nalgúns blogs editoriais) e, sobre todo, falta esa megafonía indispensable que para o sector do libro constitúe a súa presenza nos medios de comunicación (pola Alameda apenas vimos as cámaras das televisións nin aos xornalistas traballando). Por iso non será, nós seguiremos participando activamente coas nosas presentacións nesta rolda de feiras 2010, que a vindeira semana continúa en Lugo e a partir do 29 de maio en Ourense.
Hoxe as librarías quedarán asolagadas polo novo libro único. Paradoxicamente, La Voz de Galicia a pasada semana xa consideraba no seu suplemento o libro de Brown como o máis vendido (antes mesmo de poñerse a venda). O fenómeno da primacía absoluta do bestsellers ten moito de contraditorio, xa que resulta absolutamente beneficioso para a ampliación da base social de lectores e lectoras, ao tempo que , inevotablemente, reduce a biodiversidade de títulos e autores nos andeis e mesas de novidades. Un fenómeno, que sabemos non é novo, mais que está adquirindo dimensións incribles (como amosa a imaxe-denuncia promovida por A Libreira).
Acabo de recibir na miña caixa de correo este programa en pdf da Feira do Libro da Coruña acompañado dun correo no que se anuncia a creación dun grupo de seguidores da feira en Facebook e se anima aos “amigos da literatura” a participar nas actividades con estas palabras: “Este año la Feria del Libro de A Coruña se consolida como la más importante de Galicia y prueba de ello es la presencia entre nosotros de autores como Espido Freire, Lola Beccaria, Marta Rivera de la Cruz, Javier Saez de Ibarra, Ignacio del Valle y Luis Sepúlveda; además de nuestros queridísimos autores: Manuel Rivas, Carlos G. Reigosa, Xavier Alcalá y otros muchos que podéis encontrar en el programa de actividades que adjunto.”
Ben sei que debe existir unha edición do programa en galego (non pode ser doutra maneira), porén paréceme un importante retroceso que fose a versión en castelán a utilizada de forma “preferente” polos organizadores para comunicar as actividades previstas. Comentario á parte merece a diferenciación sutil que na comunicación se establece entre uns autores e outros (“nuestros queridísimos autores”), que amosa as categorías prexuiciosas coas que traballa quen así o escribe.
Non teño dúbida de que na Feira do Libro da Coruña o noso idioma e a nosa literatura deben de ocupar un lugar preferente, tanto nos fondos bibliográficos, nas actividades como na comunicación co público. Sen dúbida, iso salientará mañá Miguel Anxo Fernán Vello, o pregoeiro do evento. Ao longo da semana estaremos nos Cantóns e daremos conta das nosas impresións.
Actualización (14:15 horas): Responsables da Federación de Libreiros de Galicia fixéronme chegar as desculpas por esta comunicación, «atribuíble a un erro que xa foi subsanado, tamén na páxina de Facebook». Os responsables da organización da feira reiteráronme o seu compromiso coa lingua galega, idioma oficial da Federación de Libreiros de Galicia, reiterando que o programa impreso desta feira, como do resto das que eles organizan, aparece publicado só en galego. Rectificación oportuna que moito agradecemos.
Coñecimos hoxe a inagardada decisión da Federación de Libreiros de Galicia de mudar as datas da Feira do Libro de Vigo, que tiña prevista a súa celebración entre os días 3 e 12 de xullo e que finalmente quedará entre 10 ao 19 de xullo na Praza de Compostela. Descoñecemos as razóns desta mudanza que rompe cunha tradición de moitos anos de celebrar a Feira da Alameda arredor da primeira decena do mes de xullo. Algunha razón de peso haberá.
Teresa Moure leu o pasado primeiro de maio un pregón formidable na inauguración da Feira do Libro de Santiago. O novo conselleiro de Cultura, que por vez primeira participaba nun acto público, debeu tomar boa nota. O texto completo do discurso de Teresa Moure pode descargarse aquí. No entanto, recollo dous fragmentos sobre o papel do libreiro e o valor social da lectura que deben quedar ben gardadiños no blog:
Se asumirmos o compromiso de nos internarmos nas librarías é para darlle sentido ao mundo da lectura. O libreiro, a libreira non é só esa persoa que se achega ao computador para consultar os catálogos das editoriais, ou quen solicitamente apunta un encargo; é un axente especializado en adiviñar se tal libro pode gustar ou non a tal cliente, pedíndolle opinións para avisar outras persoas con semellantes intereses, gustos ou ideoloxía. Os verdadeiros libreiros son aqueles que lembran que a última vez que os visitamos pedimos un título que non estaba dispoñíbel e que nos informan que hoxe si o teñen.
A nosa sociedade funciona sobre o suposto falso de que todas as persoas debemos posuír un coche e non, por exemplo, unha biblioteca. Por que non educar para ver a lectura como algo máis que un tempo morto de lecer, como un investimento para a vida, como un consolo para aliviar a angustia da existencia, de xeito que a biblioteca propia se vise como unha das posesións menos materialistas e máis libres que sexa posíbel soñar?
Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.
O Día internacional do libro deste ano está, inevitablemente, presidido polo interese sobre as relacións entre as novas tecnoloxías e o libro. Onte fixen dúas pequenas entrevistas para senllos programas da TVG (os informativos e «Acompáñenos») onde esta cuestión aparecía como a principal preocupación das entrevistadoras. Insistín na fortuna que temos os editores contemporáneos de poder participar neste cambio do paradigma da comunicación cultural, que non se producía dnede ha imáis de cincocentos anos, ao tempo que o libro terá distintos futuros, na medida que coexistirán soportes analóxicos e dixitais durante un período que non sabemos aínda estimar.
Boa xornada do libro. Hoxe recomendo visitar as librarías e bibliotecas galegas. Estamos todos de festa.
DATOS CLAVES SOBRE O SECTOR DO LIBRO EN GALICIA 2005-2007
Dos datos globais do Comercio do interior do libro en Galicia 2007 podemos tirar algunhas conclusións sobre as tendencias do sector editorial en Galicia e en galego no período 2005-2007:
– Ampliouse de forma significativa o número de editores, até os 43, publicando a maioría deles (40) en galego. Idéntico crecemento produciuse nos empregos directos que acadan xa no ano 2007 as 318 persoas.
– A actividade editorial en Galicia, tanto en número de títulos como de exemplares producidos, amosou unha lixeira tendencia á diminución (arredor do -1,00%). No caso do libro en galego a tendencia á diminución foi maior (-4,00% por número de títulos; -4,45% por número de exemplares).
- A cifra de facturación en Galicia aumentou nun 40% no conxunto do sector e no 22,54% no caso do libro en galego, producíndose entre 2006 e 2007 unha diminución do -0,20% no conxunto do sector e no -11,10% no libro en galego.
Estes datos sobre comercialización amosan que as librarías e as cadeas de librarías en 2007 foron as canles principais de venda do libro en galego, xa que supuxeron o 59,80% das vendas (13,12 millóns de euros a prezos de capa). No obstante, se comparamos estas cifras coas de 2006, detéctase que en 2007 se produciu un retroceso da cota de mercado das librarías do 5,30% (equivalente a 950.000 euros). Tamén é de salientar o peso reducido da venda do libro en galego nos hipermercados, 2,60% (570.000 euros), cunha tendencia a diminuír (en 2006 supuxo o 3,20% das vendas, 710.000 euros).
O peso das vendas a empresas e institucións (onde se inclúen as adquisicións da Consellaría de Cultura e Deporte aos editores en galego para a dotación das bibliotecas, valoradas entre un millón e un millón e medio de euros) continúa sendo moi elevado na edición en galego, acadando os cinco millóns de euros (22,90%), diminuíndo en 500.000 euros de 2006 a 2007. Tamén diminúen as vendas aos centros escolares («resto») que pasaron do millón de euros de 2006 aos 480.000 euros de 2007. Pola contra, aumentan as vendas do libro en galego aos clubs de libro, por internet e vendas por teléfono e a crédito (dous millóns de euros, 9,20%).
Vaia entrevista máis pesimista saíulle a Suso Couceiro na súa conversa con Nacho Miras Fole! As palabras do veterano libreiro compostelán demostran que o libro non está quedando fóra da crise económica, cuxos efectos comezan a sentirse seriamente no sector do libro. Porén, a este feito hai que engadirlle a crise de modelo da libraría independente e cultural en Galicia (un feito xeralizado nos países occidentais) que denuncia con tanta convicción Couceiro.Nin a crise financeira nin a crise do modelo da libraría de fondo poden ser consideradas responsabilidade exclusivas dos editores galegos. É unha esaxeración (que non quero nin debo entrar a valorar para evitar unha polémica innecesaria). No obstante, as afirmacións de Couceiro poñen en evidencia que coa maior urxencia cómpre convocar a todos os membros do sector do libro galego (autores, editores, libreiros e distribuidores) para facer un chisco de autocrítica compartida. Só así, nun clima de confianza intersectorial, poderanse propoñer medidas para saír da crise económica e de lectores (e de lectura pública) que padecemos no mundo do libro galego. Unha iniciativa que poderían recoller a Federación de Libreiros de Galicia e a Asociación Galega de Editores. Pagaría a pena.
A revista Qué leer convocou a seis expertos para que fixesen a súa análise de como cren que será o mundo do libro en 2020. A verdade é que algúns dos prognósticos son moi interesantes.
Para Juergen Boos, director da Feira do Libro de Frankfurt, en 2018 a venda de contidos dixitais superará a dos libros tradicionais (impresos), o que non supoñerá, en ningún caso, a devaluación da industria editorial nin a desaparición do libro impreso, xa que para el se convertirá na de maior facturación das industrias culturais (mesmo por riba de Internet).
Para Stuart Applebaum, directivo de Random House, a explosición dixital incrementará as oportunidades dos lectores. Como retribución ao autor das vendas dos libros electrónicos propón o 25% dos ingresos netos obtidos polo editor.
Para Alberto Rollo, director literario de Feltrinelli, o libro, tecnoloxicamente falando, ten unha longa vida por diante. Outrosí sucede coas librarías que en dez anos se terán transformado en espazos multiproduto.
Para Will Moore, directivo deIngram Digital, as librarías deben ofrecer indistintamente produtos impresos coma dixitais, emulando a estratexia das actuais redes de sociais, xa que os lectores quererán interactuar entre eles. Para el, como sucedeu no sector da música co ipod que levou ao seu cume á música dixital, os novos dispositivos de lectura portátil farán o mesmo no mundo editorial.
Para Mike Shatzkin, fundador de The Idea Logical Company, o crecemento da industria editorial virá da man do e-book e os beneficios dos editores medrarán grazas á creación de novos contidos específicos que pendurarán das súas webs e que se distribuirán por medio dos teléfonos móbiles. Tamén acredita no desenvolvemento de novos xéneros literarios baseados na interacción entre os distintos formatos creativos.
Para Kalev Leetaru, da Universidade de Illinois, o problema do libro dixital non reside tanto na tecnoloxía como no feito de que os editores non saben como financialos. Apunta que paradoxicamente o libro dixital pode incrementar o consumo de papel, pois moita xente optará por imprimir os textos que se descargue. «A auténtica revolución chegará cando os aparellos de lectura dixital maduren ata o grao de ser tan confortables como o papel.»
Hoxe Xornal de Galicia publica unha reportaxe, que moito agradecemos, sobre a visibilidade do libro galego nas librarías do país. Tamén aparece esta miña columniña con datos para axudar a reflexión.
Datos para animar un debate
Tras as periódicas crises de confianza sobre o interese dos libros editados en galego, anima o debate lembrar algúns datos do noso mercado interior do libro no ano 2007, tirados do informe elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España. Galicia investiu 165 millóns de € en libros, o que supón o 5,3% do mercado español; se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da española, continuamos arrastrando un déficit de 1,3% no que atinxe a compra destes bens culturais. Os tres millóns de exemplares de libros en galego vendidos (máis dun exemplar por habitante, o que non estña nada mal) acadaron unha facturación de case 32 millóns de €, o que supuxo un 19, 22% do mercado do libro en Galicia. De cada cinco libros vendidos, un foino en galego. Os 250.000 exemplares vendidos de títulos de narrativa (apenas o 8,33% de todos os vendidos en galego) acadaron unha facturación de tres millóns de euros, apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia. É dicir, de cada cen libros que se venderon en Galicia no 2007, só un par deles tiveron a oportunidade de ser unha novela ou un libro de relatos, orixinal ou traducido, dos publicados en galego. As 137 novidades de narrativa en galego publicadas competiron nas librarías cunha oferta en castelán de dez mil novidades (si, dez mil, unha barbaridade!), que facturou 573 millóns de €, vendeu máis de 56 millóns de exemplares e supuxo o 18,4% do mercado do libro en España. Se establecemos comparacións serenas entre toda estes datos, podemos comprender acaidamente o que está sucedendo nas librarías durante esta campaña de Nadal. Un sector de ficción en galego de tres millóns despútalle o mínimo espazo dispoñible ao da ficción en castelán que en Galicia factura dez veces máis. David contra Goliat. Esas son as magnitudes dos nosos mercados. Nesa tensión desigual dentro da libraría é onde se está dirimindo o futuro da literatura galega.
Borders, unha das cadeas máis importantes de librarías dos Estados Unidos, presenta o seu novo modelo de libraría. A moitos pode chamarlles a atención que, ademais de mudar a denominación do establecemento (“Store media room”), haxa máis pantallas ca andeis. Algunha importante razón haberá: libros, música , dvds. Un modelo prospectivo para tomar en conta.
Onte viaxamos á Coruña para participar na primeira xornada da Feira do Libro. A presentación do libro de Herminio Barreiro foi moi divertida. Herminio estaba moi falador e, aproveitando a presenza entre o público de Xosé Fernández Ferreiro, contou unhas cantas anécdotas dos anos de Brais Pinto en Madrid, que non aparecen no libro. Escachamos a rir cando relatou como el e Alexandre Cribeiro conseguiron levar a Reimundo Patiño a un partido en Chamartín da Copa de Europa; ou aqueloutra, máis disparatada, dunha tarde nas Ventas con Ferrín, a quen, en palabras de Herminio, “gústanlle os touros en terra de touros”. Brincadeiras agarimosas de Barreiro cos seus amigos da vida. Logo, poñéndose máis serio, Herminio contou como nunha clase de Lapesa, o famoso profesor de Lingüística relatara a dramática desaparición do derradeiro falante do idioma vegliota e como logo, cando llo contaron a Reimundo, este quedara enormemente interesado polo feito, agoirando que “algunha vez, iso lle podería suceder ao galego”. Á noitiña volvín pola autoestrada moi desacougado. Dóeme que coa excepción dos libreiros da nación (Pedreira, Xaime de Andel, Pepe de Couceiro e Gonzalo de Cartabón), o libro en galego está practicamente expulsado das casetas da feira. Nunca vira na Feira da Coruña, menos libro galego. Un serio motivo para a reflexión sobre o sentido e o futuro destes eventos, sobre os que xa temos reflexionado noutras ocasións. Que a megafonía da carpa non se escoitase máis alá das dúas primeiras filas ou que o programa de actos (moi xeitoso, entendo tamén eu) sexa case clandestino, xa non constitúe un motivo de sorpresa. Hoxe volveremos á Feira, a participar na presentación d’ Os Grouchos e no recital narrativo e poético de Manuel Rivas. A pesar da melancolía, non desistimos.
O domingo ao mediodía estaremos en Melide para moderar un acto literario da Primeira Feira do libro do Camiño de Santiago no que participarán algúns dos escritores gañadores do Premio de Narrativa Terra de Melide. Organizada polo concello na fermosa praza do Convento, cun número importante de librarías, esta nova feira do libro ten un atractivo carácter alternativo. Desexámoslles os maiores éxitos.
Xosé Antonio Perozo nun artigo n’ A Nosa Terra volve sacar o debate sobre o futuro das feiras do libro. Para Perozo “[...] hai que ser valentes e dicir que culturalmente non paga a pena o esforzo de programar, subvencionar e publicitar as feiras do libro polo camiño que van. Están culturalmente mortas. Hai que arriscar e procurar alternativas imaxinativas, imprimirlles ás feiras un selo de prestixio social e sacalas do reduto do tendeiro que amosan. Non lle debemos pechar a porta a ningún tipo de libro nin lingua, pero en primeiro lugar faise necesario apostar polo libro galego con decisión e en segundo polo libro en xeral como obxecto de valor. Se non é así, que peche o último en saír e tire a chave ó mar”. No diagnóstico do problema estou con Perozo, mais entendo que antes de deixarse caer nos brazos da desolación, aínda é posible reorientar o modelo de feiras no marco dunha nova política de lectura e de visibilidade para o libro, as bibliotecas e a libraría.
Numilog é un libraría dixital francesa que ofrece máis de corenta mil títulos de e-books dispoñibles en formatos pdf en prc . De moitos títulos ofrece tamén a posibilidade da lectura ou consulta gratuíta en liña da totalidade ou parte do contido ou de adquirir a versión audiolibro. Os prezos das descargas son sensiblemente inferiores aos libros impresos en papel. Tamén ten un espazo de libros de descarga gratuita. O interese deste portal dixital é que ofrece formatos múltiples de lectura electrónica adaptados aos diferentes tipos de contidos. Os títulos en formato pdf están concibidos para a súa lectura con Adobe Reader sobre a pantalla de calquera tipo de ordenador. Outras posibilidades interesantes desta libraría dixital son a posibilidade de compra de determinados capítulos, partes ou artigos dun libro ou o encargo da súa impresión baixo demanda. O modelo de Numilog anticipa algunhas das tendencias que parecen detectarse como principais na comercialización e distribución de libros electrónicos: versatilidade, segmentación do contido e oferta de produtos de lectura para utilizar nunha multiplataforma dixital. Volveremos en futuras anotacións sobre este interesante modelo.
Rematada a Feira do libro de Vigo, onde tivemos un importante número de presentacións e asinaturas, é inevitable reflexionar sobre o futuro deste tipo de eventos. É a primeira sensación que teño é de decepción: cada ano diminúe máis o número de expositores (nesta edición en Vigo non se acadou a trintena de casetas, cando houbo edicións nas que se montaron case cincuenta) e de visitantes (o que previsiblemente supón un descenso nas vendas). Un síntoma inequívoco (como tamén puidemos comprobar na pasada Feira de Compostela) de que tal como están organizadas as actuais Feiras do Libro en Galicia non chaman, nin aos lectores habituais (que prefiren visitar a súa libraría de referencia, onde teñen todo o fondo dispoñible) nin tampouco aos lectores ocasionais (ese “público de paso” ao que se quere conquistar sacando o libro á rúa). Diante dun devalar tan evidente, os organizadores (a Federación de Libreiros de Galicia), as institucións públicas que os apoian (a Consellaría de Cultura e Deporte e as concellarías de Cultura dos concellos respectivos), como as entidades profesionais que colaboramos nestes eventos (especialmente os editores) deberiámonos sentar con vagar a repensar como refundar este modelo (exitoso noutras cidades, como é o caso de Madrid). Estudar novas ubicacións, novos programas e tipo de actividades, novas ofertas comerciais máis atractivas para o público semella que non é unha tarefa difícil. Con todo, creo que a maior carencia das feiras en Galicia reside na escasísima promoción e visibilidade na vida cidadá e nos medios de comunicación. Facendo un esforzo publicitario e cos medios (practicamente inexistente na feira viguesa) podería conseguirse un aumento do número visitantes e un maior pulo. A proposta e a nosa total dispoñibilidade para desenvolvela queda aí.
A Federación de Libreiros de Galicia elixiu nova xunta directiva. Durante os vindeiros catros a federación será presidida por Xurxo Patiño, o noso bo amigo e responsable da Libraría Librouro de Vigo. Xaime Corral, brillante presidente durante case unha década, continúa na directiva como tesoureiro. Non hai dúbida que este novo equipo de libreiros galegos do sur, onde tamén están Arximiro Blanco e Benxamín Riobó, ten importantes retos que enfrontar neste momento de difícil reconversión do conxunto do sector do libro (e moi especialmente da súa distribución e comercialización). Os nosos mellores desexos de éxito para todos eles catro.
“Ser libreiro (ou libreira,claro) significa vivir entre libros. Ser libreiro significa gozar coa parte amable da vida. Significa arriscar, sufrir distintas incomprensións sociais,pero tamén ser feliz coa satisfacción de poñer un libro na nosa existencia. Ser libreiro significa poder ler neses momentos nos que non hai xente na libraría, perderte por aqueles volumes que te chaman en voz baixa, aconsellar o cliente/amigo sobre esas obras que liches e que, segundo o teu criterio, pagan a pena….”
Esta noticia de Galicia hoxe non me pasou desapercibida. A valente denuncia realizada pola Federación de Libreiros de Galicia demostra que, ademais de implementar novas políticas de fomento do libro e da lectura (como é o caso deste convenio asinado pola Consellaría de Cultura e Deporte e o Ministerio de Cultura para a dotación das bibliotecas galegas por medio de compras nas librarías, unha medida tan acertada como necesaria), cómpre tamén xestionalas coa mellor eficiencia. As economías das pequenas librarías galegas teñen marxe de manobra moi reducida, razón pola que se comprende este SOS que os libreiros emitiron onte, onde detectamos un aceno da agre melancolía da derrota.
O anuncio da campaña é xeitoso visualmente, aínda que me custa entender que non apareza, sequera nalgunha ráfaga, algún dos soportes convencionais de lectura, sexan os impresos ou as pantallas. Con todo, o máis frouxo, pareceume, o tópico de considerar a lectura como unha “actividade apaixonante”, desbotando o concepto de utilidade na construción persoal. Mágoa que estes publicistas (entendo que coruñeses) non atinasen neste anuncio tanto como fixeron noutras ocasións anteriores.
Esta mañá gustei moitas das opinións de Xaime Corral, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, recollidas nunha entrevista que publica Faro de Vigo, con motivo da celebración dos premios Irmandade do Libro en Sanxenxo, onde acudiremos o vindeiro sábado. Corral, un dos mellores coñecedores do mundo da lectura en Galicia, defende a dimensión cultural da libraría, ao tempo que diagnostica algúns dos principais problemas do sector do libro:
“Lo digo un poco sarcásticamente cuando se habla de que los jóvenes no leen. Me pregunto qué leen nuestros políticos, los jueces, los médicos, los periodistas, y me temo que si lo vemos, nos llevaríamos una sorpresa o un disgusto, ¿los jóvenes no leen pero los médicos, los jueces o los periodistas sí? El mejor consejo es leer y dar ejemplo.”
“El librero es un profesional que además de vender un producto cultural informa, prescribe, habla, en un lugar, la librería, que es un espacio para la convivencia. Hay que potenciar la dimensión cultural del negocio, convertir a la librería en epicentro cultural del barrio y no tardar ni un minuto más en aplicar las nuevas tecnologías.”
“Hay estudios que indican que se producen un millón de ejemplares al día, y estamos ante esa disyuntiva: publicar más o mejor, y mi opinión es que necesitamos entrar en un capítulo sosegado, parar la indigestión de títulos, publicar menos y de mayor calidad.”
Hoxe na edición de Vigo de La Voz de Galicia aparecen xuntas tres noticias moi significativas: “no pasado ano pecharon en Vigo corenta establecementos nos que se vendían libros“; “a firma de ocio cultural FNAC quere ianugurar a tenda de Vigo en 2009” e “só quedan catro establecementos de venda de música“. Ou noutras palabras, as librarías e tendas do disco son substituídas inexorablemente polas tendas de “ocio, cultura e tecnoloxía”. Vai quedar algún espazo en Vigo para as librarías independentes de cultura? Quedaremos os lectores, autores e editores sometidos á ditadura dos best sellers e falsos best sellers que inundan a Casa do Libro (cada vez que entro, coma hoxe mesmo, a pesar de mercar algún libro e participar nun acto, saio desacougado e triste, vendo o libro galego arrumbado e cativo) e a futura FNAC? Aceptamos ese destino da libraría como fatal e irreversible (Txetxu alertaba como en Praza das Letras, que aquñi tanto gabamos, as librarías galegas nin sequera son citadas)? Non chegou o tempo de promover unha mobilización cívica en defensa destes espazos especializados en lectura? Algo haberá que facer para defender, aínda que sexa de forma medualiana, un espazo comercial e cultural no que se vende actualmente o 70% do libro en galego?
O suplemento Estela de Faro de Vigo dedica hoxe cinco páxinas a unha longa reportaxe sobre as librarías galegas en funcionamento máis antigas. Así aparecen a Libraría Balmes de Lugo (hoxe a máis antiga do país, fundada en 1887); a Libraría Molist da Coruña (fundada en 1943, dedicada ao libro técnico e literario); a Libraría Cao de Pontevedra (fundada en 1948, especializada en libro de arte e de vello); as librarías Padre Feijoo (1955, dedicada ao libro escolar) e Tanco (1950, de carácter xeralista), as dúas de Ourense; as librarías Vetusta (dedicada ao libro de vello) e Couceiro (1969, especializada en libro galego e de vello), as dúas de Compostela; a Libraría Gráficas Santiago de Ribadeo (fundada en 1963, hoxe moi renovada) e a Libraría Librouro de Vigo (fundada por Antón Patiño e Raimunda Pérez en 1967, libraría xeralista e educativa). A reportaxe constitúe un percorrido pola historia de todas estas librarías (moitas delas cunha clara tradición de negocio familiar, que pasou de pais a fillos e, mesmo nalgún caso, como o de Molist, a netas), así como unha radiografía dos principais problemas actuais da libraría: inflacción editorial e sistema de préstamo do libro de texto. Unha reportaxe, preparada con mimo polo xornalista J.A. Otero Ricart, que constitúe un referente sobre a situación actual das librarías independentes e familiares en Galicia.
Comunicación Cultural dá conta da publicación dun Calendario de Librarías 2008 publicado pola Federación Internacional de Libreiros. As imaxes son bonitas. Non hai libraría española ningunha. Podería ser unha boa idea emular a esta iniciativa entre nós. Hoxe a defensa da libraría independente é un eixo da nova folla de ruta para a lectura galega.
Onte participei no xurado do IXº premio Libraría Cultural, organizado por CEGAL. A experiencia foi moi bonita. Entre novas propostas, todas elas moi interesantes, e despois de estudar as sús correspondentes memorias, escollemos (case por unanimidade) o proxecto presentado por “La Mar de Letras“, unha libraría especializada en promoción da lectura e fondo infantil e xuvenil, situada no centro de Madrid. Consultando no web que manteñen (hai moita información) pode coñecerse algunhas das iniciativas que relizan. Especialmente interesante é o premio “Microcrítico”, destinado a promoción da crítica literaria realizada por nenos e nenas. Recomendo emular esta iniciativa.
Tras a celebración do IV Simposio “O Libro e a lectura”, que amosou a madurez da AGE para consolidar esta cita anual de reflexión profesional, propoño algunhas reflexións persoais sobre o tema debatido: “Libro e mercado”. Os editores galegos non podemos ser complacientes co noso traballo e debemos ser capaces de integrar moitas das ideas e experiencias que xenerosamente ofreceron os ponentes; ademais, e isto me parece importante, de dar a coñecer á sociedade a situación real do noso sector (sobre a que, como puidemos comprobar por algunhas intervencións, se manexan escasos datos fiables e moitos tópicos escasamente fundamentados).
A falsidade do dilema entre o libro e o mercado. A maioría dos ponentes coincidiron na idea de que tanto os editores como os libreiros deben defender o seu proxecto empresarial no mercado.
O dilema debe establecerse entre editores e libreiros culturais (ou independentes) que procuran a excelencia do seu catálogo de lecturas (a estratexia do “long seller”) e editores e distribuidores (especialmente cadeas de librarías e grandes superficies) de produtos editoriais que priorizan a estratexia do “best seller”.
A falsidade do dilema entre libro e mercadotecnia. A mercadotecnica concibida como “comunicación editorial” é imprescindible para facer visible o libro dentro da comunidade de lectores.
O proceso de concentración (tanto editorial como libreira) ameaza a estratexia dos editores e libreiros culturais. As experiencias máis interesantes de lecturas de calidade están chegando dende pequenos selos editoriais especializados ou dende librarías independentes renovadas e acolledoras.
É un reducionismo identificar “libro” co “libro literario”. O libro literario é o corazón da edición cultural, mais só unha parte, por decisiva que sexa. Non podemos esquecer a educación educativa (vital para a supervivencia das librarías independentes), nin a infantil (fundamental para a conformación dos hábitos lectores) nin a de referencia nin sequera a destinada ao lecer (xeralmente a de maior importancia económica no mercado do libro).
Especificamente, o mercado do libro en Galicia ten posibilidades obxectivas de crecemento. O mercado do libro en Galicia (150 millóns de €, a prezo de capa) supón só o 5% do total do mercado estatal, aínda por baixo do que nos correspondería polo noso peso demográfico (6,6%).
O mercado do libro galego é pequeno, mais non por isto irrelevante ou desprezable. O libro en galego achega unha facturación de 27,5 millóns de € (dous millóns e medio de exemplares vendidos no ano 2006, un por cada cidadán maior de cinco anos), o que supón o 18,25% do total do mercado en Galicia; sendo, ademais, no 57,8% dependente das vendas realizadas nas librarías culturais galegas.
O mercado do libro literario en galego é moi reducido. O noso libro literario achega apenas 3,80 millóns de € de facturación, que supón o 2,52% do total do mercado do libro en Galicia; sendo conscientes, ademais, da hexemonía da narrativa como xénero que supón o 85 % destas vendas.
O dilema real do futuro do sector do libro en Galicia sitúase entre “lectura ou barbarie”. A pesar dos baixos índices de lectura en Galicia (o 59% dos galegos maiores de cinco anos confesan que non len nunca o libro), porén existe no país unha importante sociedade de lectores e lectoras habituais (o 7% dos galegos, unhas 144.000 persoas, le máis de seis libros cada ano). Este gran club de lectores anónimos en Galicia ten moitos máis socios que todos os abonados do Deportivo, Celta e Rácing xuntos. E isto debería ser considerado polos políticos e responsables dos medios. O libro galego non precisa subvencións directas (coa excepción das destinadas á edición do libro de texto, xa non conta con elas) e si, pola contra, unha acción máis decidida de todas as administracións públicas para conseguir unha mobilización lectora. Aumentar os índices de lectura é o único xeito de ampliar o mercado obxectivo e a oferta editorial e libreira en Galicia.
O futuro do libro literario en galego dependerá, en boa medida, da presenza do galego na sociedade e da capacidade dos editores e libreiros en ofrecer produtos excelentes. A proxección e maior visibilidade do libro e da literatura galegas no exterior pode axudar neste proceso (sobre todo polos azos e posibilidades de profesionalización que proporcionará aos nosos autores), mais o futuro da nosa literatura está vencellada a un futuro multilingüe onde o galego sexa a lingua de instalación lectora.
A visibilidade do libro en Galicia, e especialmente o libro en galego, é inferior ao seu mercado obxectivo. A súa presenza nas mesas de novidades e nos escaparates das librarías, como nas seccións de Cultura dos medios de comunicación está por baixo da porcentaxe do 18,25%. Doutro xeito, non é un disparate reclamar que un de cada cinco libros no escaparate deberían ser en galego, como tampouco que esta porcentaxe fose o espazo dedicado diariamente a informar sobre eles (ou sobre os seus autores) nos xornais editados en Galicia.
O futuro do libro galego está vencellado ao futuro das librarías independentes (ou culturais) e das bibliotecas públicas en Galicia. A libraría é o ecosistema do libro, sendo unha entidade tanto comercial como unha institución cultural de proximidade. A biblioteca é a primeira insitutción cultural de cada comunidade local, punto especializado de acceso á lectura e á información.
O papel das administracións públicas (especialmente da Consellaría de Cultura) é promover con convicción a lectura na sociedade. Dotar ao país dunha rede bibliotecaria de calidade (da que carece), profundizar na formación dun criterio lector no sistema educativo non universitario e contribuír a renovación e supervivencia do sector libreiro de proximidade son hoxe as mellores “axudas” que os editores privados galegos podemos agardar do Goberno bipartito.
Tras a conferencia de Antonio Iturbe (mágoa, que non puiden asistir) e a mesa redonda sobre “Os libros máis vendidos“, o vigués Fernando Valverde, actual presidente de CEGAL, pronunciou unha magnífica conferencia sobre o futuro da libraría independente en España. Comezou Fernando a súa intervención proporcionando algúns datos claves sobre a edición en España, salientando tanto o actual proceso de concentración da oferta (trinta empresas supoñen o 63% da oferta editorial), como a emerxencia dunha grande cantidade de editoras pequenas (que conforman unha pequena parte do mercado) e que precisan da complicidade da rede libreira. Abordou, despois, a situación da distribución, cualificándoa de “moi arcaica, moi cara e moi atomizada, o que complica a negociación entre os editores e os puntos de venda”. Puxo o exemplo alternativo da distribución na Alemaña, onde o 90% dos títulos veñen canalizados por só dous distribuidores. Apuntou como realista a porcentaxe de devolución do 26% no conxunto do sector, sendo no eido da edición non educativa de ata o 30%. Con respecto á situación da rede libreira, a que conforma a oferta final, estimou en tres mil os puntos de venda de libros que poden ser considerados como librarías, sendo necesario diferenciar entre todas elas as que poden ser denominadas como “independentes” (aquelas que non teñen ningún vencello alleo á cadea de valor do libro, a pesar dos seus moi diferentes tamaños), as “cadeas de librarías” (FNAC, Crisol, Casa do Libro e a emerxente Bertrand, vencellada ao grupo Bertelsman), as dos grandes almacéns (Corte Inglés e Carrefour) e as librarías de vello. Entre as chamadas independentes o 60% factura menos de 150.000 € (e só o 7% máis de 600.000 €), sendo o conxunto desta rede, xunto ás cadeas de librarías, a principal canle do comercio do libro en España, aínda que a partir do ano 2004 se detecta unha tendencia de caída das vendas dos establecementos independentes con respecto ás cadeas. Valverde centrou o miolo da súa intervención nos retos que teñen por diante as librarías independentes: – “A formación.” Non hai ata agora unha escola de librarías. Os libreiros son en España profesionais autodidactas, cunha importante tradición familiar. – “A información”. Ata agora había unha única fonte de información: O ISBN (retardada e falta de datos). Afortunadamente nos últimos anos o sector fixo un esforzo importante de mellora dos seus sistemas de información, sexa por medio do DILVE (promovido polos editores) do SINLI (pasarela de datos dos distribuidores) ou de CEGAL EN RED (montado polos libreiros), “estes tres proxectos procuran a mellora do sector no seu conxunto, o que é esperanzador”. – “A libraría cumpre unha función social”. Para Valverde “a libraría é o escaparate do sector do libro; mais a libraría, tamén, como o resto do comercio minorista, delimita a xeografía dos pobos e cidades, xerando vida, seguridade e cidadanía”. – “A libraría debe xerar novos modelos sostibles”. Fronte a amaeza das cadeas de librarías, os establecementos independentes deben optimizar os tempos para artellar ofertas selectivas para cada un dos seus mercados. Sexan as xeralistas (as que vende de todo, referentes da súa sociedade lectora), as especializadas (viables, sobre todo nas grandes cidades) ou as mixtas (compartidas con outros negocios), todas deben contar con espazos acolledores e fermosos. – “Superar a saturación da oferta”. “Os 69.000 títulos que se editan cada ano en España ocuparían uns diante doutros 10 km, a superficie de medio campo de fútbol. Este é o papelón das librarías, obrigadas a facer unha imprescindible selección para conformar os seus fondos”. Diante dunha situación semellante o libreiro debe arriscarse a seleccionar co obxectivo de conformar unha oferta de libros de calidade para o seu público. A responsabilidade da calidade da lectura é de todos, aínda que ningún libreiro debe renunciar a vender un libro qu se vende, mais ten que ser capaz de ‘pringarse’ apostando por aqueles libros nos que cre”. Para que isto sexa posible, o libreiro debe contar con medios de intercambio, imprescindibles para conformar unha sociedade lectora de calidade, onde non vale todo. “Non esquezamos que os libreiros somos filtro e, ademais, somos buscados polo lector para proporcionarlles recomendación. Hai libros que se venden sós e outros que hai que vender. Nas librarías independentes tamén debemos ocuparnos destes últimos. Cada libraría ten o seu aroma e fragrancia diferenciadoras”. –”Manter o prezo fixo como grante do ecosistema dos libros”. O prezo único, fixado polo editor, defende ao lector, á edición minoritaria (por diferenciala daqueloutra que ten connotacións de gran consumo) e á rede libreira capilar. “Os sistemas de gratuidade por préstamo son unha ameaza para a supervivencia desta rede, na medida que supón o 35% das vendas destes establecementos”. Apostou por un réxime de co-pagamento como mellor modalidade de gratuidade, xa que permitiría ás familias seguir adquirindo os libros de texto nas librarías (co elemento educativo que isto supón). Fernando Valverde rematou a súa intervención salientando que “coas renuncias imprescindibles, é posible xerar unha oferta de calidade dende o punto de venda”. Na quenda de preguntas, o conferenciante volveu sobre a cuestión da ameaza que supón o desenvolvemento das cadeas de librarías para os libreiros independentes. “En Francia alertáronos sobre as posibilidades das librarías independentes (alí supoñen só o 25%). Grazas ao seu poder de intercomunicación son capaces de vender o 90% dos fondos de calidade. Isto debe servirnos para reafirmarnos na idea de que son posibles os circuítos de distribución paralelos. desde as nosas librarías debemos ofrecer un plus que permita que o público lector non se vaia a Carrefour. Esta ameaza debemos saber transformala nun reto.”