Comecei a semana cun agasallo inesperado. O meu mestre Antón Costa dedicoume un exemplar de Letra a letra, unha edición facsímil do libro que os alumnos de Simeón Omella, mestre da escola de Plasencia del Monte, compuxeron no curso 1934-1935 servíndose da imprenta escolar. Antón, prologuista desta obra publicada polo Museo Pedagógico de Aragón en edición moi coidada, foi quen deu conta da súa existencia cando en 2010 publicou dúas das súas páxinas no seu libro D’ Abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975). Composto letra a letra por escolares de nove anos, o libro foi conservado dende a primavera de 1939 na casa de Elise e Celestin Freinet en Saint Paul de Vence para pasar logo, co resto do fondo Freinet, aos Archives Departamentales des Alpes Maritimes de Niza. Estas máis de cen páxinas deste libro de vida inclúen textos libres (contos, experiencias de campo, excursións, correspondencia con outros escolas europeas, debuxos…) daqueles rapaces dunha escola republicana aragonesa que dirixidos polo mestre Orellana utilizaban as técnicas da escola moderna de Freinet. Letra a letra é un libro documento excepcional que amosa a anticipación e actualidade das técnicas da Escola Moderna. Admirable pulsión de vida e de traballo pedagóxico nun libro de fasquía ben xeitosa que sei entusiasmará aos mestres e mestras galegas vencellados ao proxecto da escola popular galega.
A noticia de Atlántico Diario, incluído o seu titular, é moi alarmante. O Valedor do Pobo, un dos responsables de velar polos dereitos dos cidadáns galegos, incluídos os seus dereitos lingüísticos, na resposta á queixa presentada por Pedro Larrauri, responsable en Vigo de UPyD, ignora o apartado primeiro do artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía de Galicia, aquel que di: «A lingua propia de Galicia é o galego». A noticia, ademais de provocarnos desolación, amosa un preocupante descoñecemento por parte da Oficina do Valedor da actual lexislación educativa no que atinxe á industria editorial. Por fortuna, dende a aprobación da actual LOE, os editores educativos xa non temos que presentar os novos libros de texto á aprobación previa da Consellaría de Educación. Corresponde á Inspección Educativa a supervisión xeral da actividade académica dos centros, incluíndo a programación didáctica, as metodoloxías e os materiais curriculares utilizados. Se algunha persoa ou institución considera que os os libros de texto non respectan o marco constitucional, as leis ou o currículum vixentes, debe denuncialo diante dos tribunais de Xustiza. Esa é a instancia onde se dirimen este tipo de cuestións. Na polémica que nos atinxe, o Valedor do Pobo debe rectificar decontado e comunicar as súas desculpas ao editor de Vicens Vives, que na publicación do seu texto didáctico non conculcou dereito ningún nin violentou lei ningunha. Expreso o meu apoio e solidariedade aos compañeiros da prestixiosa editora catalá, que contan cun amplo e utilizadísimo catálogo en lingua galega; estou seguro que terán dificultades para entender o esperpento provocado en Galicia por esta minoría que non cesa a súa teimosa campaña contra a lingua e cultura galegas. Diante de situacións xa tan reiteradas, ben sería que desde a sociedade civil galega se crease a figura do VALEDOR DA LINGUA para actuar coa maior dilixencia e lexitimidade nestas lideiras nas que os sectores negacionistas buscan o seu protagonismo e visibilidade. Unha institución de prestixio indiscutible, que moi ben podería estar avalada pola Real Academia Galega e por cantas outras asociacións privadas quixeran unirse no seu labor de amparo das actividades de fomento da lingua galega.
A historia da edición en Galicia aínda está por facer. Velaí esta peza publicitaria (hoxe chamaríamola «book-trailer», como estoutra a primeira da historia da edición en galego) que preparamos en Xerais hai dezaoito anos para presentar nos centros de Primaria e nas xuntanzas que faiamos co profesorado os materiais curriculares da reforma curricular da LOXSE. Transcorridos o tempo (fixémonos maiores neste traballo, como os mociños e mociñas do Colexio Martín Codax de Vigo que aí aparecen), vemos atrás con certa melancolía e orgullo o noso inequívo discurso galeguizador e de renovación pedagóxica, plenamente vixente. Convido a ver o vídeo de sete minutos e medio con eses ollos de escola galeguizadora.
Membros da Xunta Directiva da AGE foron recibidos onte por autoridades da Consellaría de Educación (excusaron a súa ausencia tanto o conselleiro como o secretario xeral de Política Lingüística). No transcurso da reunión, os editores presentaron a súa valoración das «Bases para a elaboración dun decreto de plurilingüismo» que subscribe como punto de partida a filosofía do informe da RAG e rexeita, dende criterios estritamente empresariais, a redacción do apartado 8.1 do documento de «Bases», no que se fai referencia a edición e utilización dos libros de texto.
Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparte a materia. A Administración educativa promoverá a elboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeiras(s).
Os editores manifestaron que de aprobarse esta redacción produciríase unha fragmentación do mercado dos materiais curriculares en Galicia que sería imposible de satisfacer por parte das editoriais, tanto pola necesidade de reducir as tiraxes, como polo aumento desorbitado dos custos de creación editorial que supoñería a edición simultánea en tres linguas. A esta reflexión engadiron que o sistema de elección de lingua por parte das familias, adiará a toma decisións dos centros educativos e fará imposible a fabricación dos materiais coa antelación precisa. Nesta liña, os editores reclamaron dispoñer dun calendario de produción racionalizado e coherente co programa de implantación da nova modalidade de gratuidade prevista polo actual Goberno Galego.
Os editores amosaron, ademais, a súa enorme preocupación sobre a eficacia pedagóxica do equilibrio entre as tres linguas escollidas, solución non contemplada á hora da redacción dos currículums actualmente en vigor. Sinalaron que «converter un terceira lingua non natural (fose inglés ou outra) en lingua vehicular para desenvolver os currículums vixentes, comprometería a viabilidade didáctica e calidade dos materiais, xa que a edición nunha lingua estranxeira implica unha adecuación dos proxectos editoriais aos niveis de competencia lingüística do alumnado (moi inferiores ao das súas dúas linguas natuais), o que suporía unha inevitable rebaixa dos contidos e un claro incumprimento da obriga de abordar a totalidade dos currículums.»
Por niveis educativos, os editores amosaron a súa aberta disconformidade co modelo establecido nas «Bases» para Educación Infantil que «parece contradicir o establecido no artigo 8 da “Carta Europea das Linguas Minorizadas”», xa que é moi probable que coa solución adoptada a edición en galego será minoritaria e dificultará continuar publicando unha oferta que veu mellorando moi sensiblemente nos últimos cursos. Con respecto á Primaria, os editores expuxeron que non lles parece lóxica de maneira ningunha a impartición en castelán (ou en inglés ou noutra lingua estranxeira) da área de Coñecemento do Medio, a área máis vencellada a nosa cultura propia (tradicións, costumes…), á nosa xeografía, aos nosos saberes tradicionais ou ao coñecemento dos nosos episodios históricos. Semellantes argumentos servirían tamén para as materias de Ciencias Sociais e Ciencias da Natureza da Secundaria Obrigatoria, co problema engadido de que semella moi pouco defendible a previsible mudanza de linguas vehiculares ao longo da historia escolar de cada alumno. O mesmo sucedería coa fragmentación da oferta lingüística das áreas optativas, tanto da ESO como das diversas modalidades do Bacharelato, nas que moi dificilmente será rendible a publicación de manuais. Por último, os editores amosaron a súa decepción polo tratamento lingüístico da Formación Profesional, etapa da que desaparecerían os materiais en galego, quedando reducida a presenza da nosa lingua á oferta dun Vocabulario Técnico de cada materia.
Os editores galegos propuxeron que para lograr a consecución de idéntica competencia lingüística nas dúas linguas oficiais, como quedou establecido nos documentos curriculares vixentes, se deberían respectar cinco condicións: 1ª, a prevalencia dos criterios pedagóxicos sobre calquera outros; 2ª, a elección da lingua vehicular das materias por parte das autoridades educativas (por medio do decreto); 3ª, a prioridade das dúas linguas oficiais; 4ª, A continuidade e mellora dos programas actuais de adquisición de inglés e do seu uso como lingua vehicular; e 5ª, a recuperación do consenso político e social que promoveu o propio PPdeG en lexislaturas anteriores.
«A edición de recursos educativos en galego. Achega a unha prehistoria» é o título da intervención que mañá farei no seo das II Xornadas «Os recursos educativos en galego», que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.
A medida anunciada hoxe pola Xunta Galicia sobre os libros de texto paréceme unha rectificación moi oportuna. Dende estas brétemas temos criticado reiteradamente a modalidade de préstamo do libro de texto imposta polo Goberno Bipartito, cuxos efectos perversos sobre o emprego e a viabilidade das empresas estamos soportando agora con enormes dificultades os editores e os libreiros. Este modelo de axudas directas ás familias, ao que sen dúbida, se lle deben introducir algunhas melloras e precisións (debemos agardar a coñecer a orde que o regula para afinalas), porén, vai na dirección correcta, sobre todo polo seu carácter socialmente máis redistributivo. Non deixa de ser chocante, tamén para min, que sexa un goberno conservador quen utilice estes criterios de solidariedade e de maior respecto para todo o sector do libro. Desta volta, o equipo de Feijoo e do conselleiro Vázquez acertaron.
Representantes da AGEpresentarononte dous documentos que amosan de forma contundente o preocupante estado actual da edición en galego: o Estudo do comercio interior do libro 2007 e un novo informe sobrea mellora do sistema de préstamo do libro de texto. Dous documentos (que desmiuzaremos no blog devagariño) que amosan, ademais, a triste herdanza que deixa o goberno bipartito sobre o libro galego: baixa da produción do libro en galego (tanto en número de títulos, de exemplares como de tirada media), perda de peso do libro en galego no conxunto do noso sector editorial (tanto na produción como na súa visibilidade mercado), retroceso da facturación do libro en galego, desaparición de librarías, … Datos que corresponden ao ano 2007, un tempo aínda de importante crecemento económico, razón pola que a publicación destes datos é aínda máis preocupante na coxuntura actual de clara restrición no mercado. Datos que veñen corroborar agora as valoracións que fixemos hai meses. No entanto, é unha estupenda noticia que ás portas do inicio dunha nova lexislatura e da constitución dun novo goberno, o conxunto do sector do libro presente unido o diagnóstico e a alternativa para os seus problemas. Agardemos que signifique o inicio dun repunte para o sector do libro en galego.
Sorpréndeme que Marcus e, logo outros chuceiros, consideren unha anécdota a presenza dos blogs nalgún dos libros de texto de lingua e literatura galegas recentes de Xerais. Máis alá dunha anécdota ou dunha presenza puntual, o interese pola textualidade electrónica está presente en todos os libros das novas series para ESO e de BAC. En Xerais, consideramos os blogs como un recurso educativo principal.
A Consejería de Educación de la Junta de Andalucía e as organizacións de editores, distribuidores e libreiros acaban de asinar un acordo para o desenvolvemento das políticas de gratuidade do libro de texto na educación obrigatoria durante os próximos catro anos. A pesar de que se continúa apostando polo modelo de préstamo (o que creo un erro), este acordo, cando menos, racionaliza os calendarios de implantación de novos materiais e permitirá a editores, libreiros e distribuidores resistir, xa que cada ano poderán vender novidades para catro cursos; medida, ademais, que axuda financieiramente á administración educativa andaluza, que así pode prorretear os gastos de adquisición. Sen dúbida, o máis interesante da medida é que permite aos editores cubrir o baleiro existente no calendario actual (o curso 2010/2011), no que non se contemplaba a posibilidade de presentación de novidades ningunhas, o que ameazaba moi seriamente o nivel de emprego do sector. A piques de rematar a lexislatura, o actual Goberno Galego semella esquecer o compromiso adquirido formalmente co sector do libro de estudar todas as fórmulas posibles de gratuidade para evitar a desfeita do sector. Non conviría, polo menos, valorar a posibilidade de chegar a un acordo (loxicamente, coas características dunha comunidade con lingua propia) como o acadado en Andalucía? Acadalo supoñería un grande alivio para o sector.
A Asociación Galega de Editores acaba de presentar un novo informe sobre a modalidade de préstamo do libro de texto de en Galicia. O traballo, elaborado polo grupo PSICOM da Universidade de Santiago, que aborda os aspectos cualitativos do sistema de préstamo, entre outras conclusións salienta que “o 82% dos pais galegos enquisados considera que a principal desvantaxe do sistema de préstamo dos libros de texto é que impide ao alumnado empregar os manuais como ferramenta de traballo, limita as súas oportunidades de aprendizaxe e comprensión e non establece a gratuidade total; o modelo xera moito rexeitamento entre o sector docente e tampouco é aceptado de bo grado polos equipos directivos que ven na súa xestión administrativa unha enorme traba ao seu traballo”. Non imos reiterar a nosa opinión sobre esta modalidade de préstamo, mais semella que co paso do tempo e con estas análises tanto cuantitativas como cualitativas, os argumentos que manexamos non estaban errados. Agardamos que o vindeiro Goberno Galego poida entendelos mellor e sexa máis respectuoso co espazo ecolóxico do libro galego.
Porén, sobre as posibilidades de modificar a modalidade de gratuidade do texto en Galicia, continúo sendo pesimista. A dúas probas me remito. Estas semanas atrás, coa intención claramente electoral, a Consellaría de Educación irrigou polos medios electrónicos publicidade salientando que as principais medidas da súa política de cambio educativo foron os “Libros gratuítos”; “Aposta polo multilingüismo” [sic]. O presidente Touriño e a conselleira Laura Sánchez Piñón, a pesar das boas palabras que expresaron nalgúns momentos, aférranse electoralmente e de forma populista a unha modalidade de gratuidade cada vez máis criticada e máis lesiva para o conxunto do sector do libro. Dende a outra banda do goberno galego, os nacionalistas, despois dos seus compromisos iniciais de apoiar ao sector do libro nesta cuestión, promovendo a creación dunha Mesa Técnica, cairon nun mesto silencio como se este problema non fose con eles nin afectase ao futuro do sector do libro. Ben estaría que esta posición de NaBai axudase a lembrar compromisos adquiridos por PSdeG-PSOE e BNG co sector do libro galego e a propoñer un novo modelo de gratuidade dende a esquerda.
Consultar a posición de NaBai é, ademais, unha boa oportunidade para visitar o seu web (non saltar o flash, paga a pena) e comprobar o seu esforzo por ofrecer outra cultura de comunicación política.
Hoxe La Voz de Galicia e Vieiros informan sobre os contidos do informe, encargado pola AGE e elaborado por un grupo de traballo da USC, sobre o impacto moi negativo da modalidade de préstamo do libro de texto sobre a viabilidade sector editorial galego. Non vou reiterar as miñas opinións sobre a cuestión que, desgrazadamente, son agora avaladas por datos ben contundentes. Transcorridos xa dous anos e medio de lexislatura, o conflito sobre a modalidade de préstamo do libro de texto continúa, a pesar dalgúns compromisos adquiridos pola Presidencia da Xunta e algunhas melloras técnicas da Consellaría de Educación, en punto morto. Mentres non exista unha política de lectura e do libro promovido como un eixo transversal polo goberno galego, que abranga o traballo de todas as consellarías, dificilmente pode solucionarse este problema. Aquel compromiso inicial da Consellaría de Cultura de promover unha Mesa Técnica formada polo sector e representantes das consellarías de Educación, Cultura, Industria e da Secretaría xeral de Política Lingúística quedou no esquezo. Ogallá este informe axude a reflexionar aos diversos responsables políticos e se puidese recuperar. A esperanza é o último que se perde.
Agradécese moito esta reflexión de Txetxu sobre a cuestión do libro de texto. Estou convencido de que o novo sistema de prezo libre para o ensino obrigatorio implantado as presas, tras a recente aprobación da nova “Lei da lectura, libro e bibliotecas“, moi pouco vai contribuír a revalorizar o libro de texto como ben cultural e educativo e a favorecer a competencia entre librarías e grandes superficies (temo que os libreiros volvan ser os grandes perdedores). Se a isto engadimos a confusión creada en Galicia polo funcionamento do modelo de gratuidade mediante préstamo (sendo rigorosos, incompatible con este sistema de prezos libres), temos asegurado un vindeiro mes de setembro caótico para as familias, libreiros, profesorado e os propios editores. Non debería alguén poñer un pouco de orde e sensatez no sector? Tampouco lle falta razón a Barandiarán cando profundiza na reflexión sobre o futuro dos materiais curriculares non universitarios, que, queirámolo ou non, está vencellado ao desenvolvemento das competencias dixital e en comunicación lingüística (a famosa ALFIN ou alfabetización informacional ou literacidade electrónica, como queiramos chamala) dentro de todo o sistema educativo. Para iso falta mellor conectividade nos centros, máis e mellores materiais electrónicos e moita formación (de editores e do propio profesorado). Calquera alternativa de futuro sobre o libro de texto (máis alá das “crises dos modelos de gratuidade”) debería pasar por abordar esta cuestión decisiva (unha auténtica reconversión do noso sector). Xa é tempo de que os editores comecemos a poñerlle nome aos verdadeiros retos cos que nos enfrontamos.
Apenas transcorreu unha semana dende a aprobación da nova Lei da lectura e do libro que liberaliza o prezo dos libros de texto da Educación Obrigatoria (Primaria e ESO) xa coñecemos a estratexia agresiva das grandes superficies comerciais. A campaña de Carrefour non ofrece dúbida: “Libros ao custo. Se os atopas máis baratos, aboámosche dez veces a diferenza“. Quen dixo que coa nova lei na man non se podería empregar o libro de texto como reclamo publicitario? Co prezo libre, cal é o custo do libro? Temo que isto só acaba de comezar. Sempre tiven moitas dúbidas sobre a eficacia da liberalización como alternativa á política de descontos. De non poñer couto a estas prácticas das grandes superficies (quizais sexan legais, non o sei), os libreiros de proximidade (se non lles chegase en Galicia co modelo de préstamo) serán, outra vez, os máis prexudicados. Un tema que, pola súa enorme importancia para o sector do libro, seguiremos con atención. Sobre a mesma cuestión, recomendo as anotacións de Txetxu e Joaquín Rodríguez.
Pedro (sempre tan oportuno) envioume por ecorreo esta presentación que recolle algunhas das máis disparatadas pérolas machistas franquistas sobre a muller publicadas en libros de texto da época. Un documento didáctico que merece ser arquivado. (Recomendo para ler ou imprimir os textos premer en “On Slide Shere” e na nova ventá visionar a pantalla completa.)
Nestas brétemas abordamos, seguramente con reiteración, a problemática que suscita na edición en galego a modalidade de préstamo dos libros de texto. Non vou abundar en argumentos nin en datos sobre a cuestión. Remito ás informacións aparecidas hoxe na maioría dos medios sobre a presentación que onte fixemos en Compostela dun informe clarificador realizado polo Grupo Psicom da Universidade de Santiago:
“O libro pide auxilio. Editores e vendedores presentan un estudo para presentar o seu ‘risco de afundimento’”, El Pais Galicia.
“A gratuidade rebaixou á metade a venda de libros de texto galegos”, La Voz de Galicia.
Onte mantivemos unha importante reunión dos tres sectores profesionais vencellados co libro en Galicia: editores, libreiros e distribuidores. Compartimos estratexias sobre a nova Lei do Libro, Lectura e Bibliotecas (a chamada “lei do prezo fixo” con carácter xeral, coa excepción do libro de texto dos niveis obrigatorios, en trámite no Congreso), ademais de poñer ao día a información dispoñible sobreos dieferentes modelos de gratuidade (especialmente alentador foi coñecer que xa son numerosas as comunidades que este curso implantaron o cheque libro, Asturias, Cantabria, Murcia ou Madrid).
O miolo da xuntanza foi o traballo sobre o informe, promovido pola AGE, que investiga sobre a viabilidade industrial do libro en Galicia e as consecuencias que supuxo a implantación da modalidade de préstamo do libro de texto. Cremos que este informe proporcionará datos para comprender a envergadura da crise na que está inmerso o sector. A pesar dos datos moi preocupantes que van chegando, na reunión mantívose un ton esperanzado. Como tantas veces temos expresado aquí, non é o momento de deixarse caer nos brazos da desolación. Promover mudanzas profundas na política cultural é a estratexia na que estamos comprometidos.
Recomendo a información publicada hoxe por medios sensibles a estas preocupacións:
Sen modificar o sistema de préstamo, semella que para o vindeiro curso a Consellaría de Educación comeza a racionalizar a gratuidade do libro escolar. O acordo coa Federación de Libreiros supoñerá que serán as familias (e non os centros) as que elixan ónde van comprar os libros dos cinco cursos ( 1º, 2º e 6ª de Educación Primaria, ademais de 1º e 3º de ESO) nos que se renovan os libros de texto. O compromiso da conselleira a potenciar a lectura e as bibliotecas escolares (prevista na aprobada Lei do Libro e aLectura de Galicia) é outra boa noticia.
Hai uns días comentabamos de forma apresurada a medida da liberalización dos prezos do libro de texto aprobada polo Goberno no seu proxecto de Lei do Libro. Hoxe un grupo de editores educativos galegos mantivemos en Santiago unha reunión con responsables de ANELE que nos serviu para clarificar algúns aspectos da lei que semellaban máis dubidosos nas primeiras informacións.
A liberalización do prezo dos libros de texto, que aparece dentro das exclusións ao prezo fixo (artigo 9), afectará só aos libros e materiais complementarios da Educación Primaria e da ESO, o que suporá a desaparición dos descontos, utilizados como reclamo, fundamentalmente, por parte das grandes superficies. Os libros de textos de Educación Infantil, Bacharelato, Ciclos Formativos e Educación Universitaria permanecerán no réxime de prezo fixo.
O prezo destes libros de texto do ensino obrigatorio será libre o que significa que o prezo que pagará o consumidor final (nun modelo de gratuidade por préstamo, a Administración Educativa) será fixado polo detallista e non polo editor. Iso suporá que o editor sinalará un prezo de cesión a todos os detallistas, mais non de catálogo (como era adoito ata agora). O editor poderá establecer previa negociación cos diferentes detallistas (como xa se viña facendo ata agora) descontos por consumo, por seguridade no pagamento ou por outras circunstancias comerciais que o aconsellen. En todo caso, os editores de libros de texto deberán enfrontarse o vindeiro curso, por vez primeira (a lei, previsiblemente, será aprobada no mes de marzo de 2007), a fixación do prezo de cesión .
Con este sistema, o detallista (libreiro ou grande superficie), unha vez anunciado o seu prezo de venda (que debe respectar o establecido pola Lei do Comercio Minorista), non poderá anunciar descontos. A competencia, polo tanto, entre os detallistas (como en calquera outro produto sometido ao réxime de prezos libros, como a papelaría) establecerase pola fixación de cadanseu prezo de venda.
O novo sistema provocará mudanzas importantes na relación comercial e na distribución do libro de texto, xa que non semella compatible a existencia de devolucións cun réxime de prezos libres (sometido, como calquera outro produto, á posibilidade de periodos de rebaixas). Mais, tamén, requirirá ao editor facer fronte a mudanzas nas relacións contractuais cos autores dos libros de texto, baseadas, na maior parte dos casos, na liquidación de dereitos en base ao PVP (sen IVE) fixado polo editor. Noutras palabras, para non lesionar o espírito dos contratos asinados e os lexítimos dereitos dos autores que perciben unha retribución variable, o editor deberá converter a porcentaxe do novo prezo de cesión aos vellos prezos fixos. Unha cuestión, sen dúbida polémica á que haberá que atopar unha solución técnica xusta para ambas as dúas partes.
O sistema de prezos libres tamén suporá mudanzas para as Administracións Educativas que empregan a modalidade de gratuidade mediante o sistema de préstamo. Para a fixación do prezo do lote por curso, xa non poderán recorrer ao rexistro público do ISBN. Como se vai coñecer o prezo de cesión de cada libro? Como vai a Consellaría de Educación (que o vindeiro ano adquirirá cinco cursos, xa que, ademais dos catro cursos que se implantan da reforma educativa, deberá renovar 6º de E.P., cumpridos xa catro anos) fixar o prezo de cadanseu lote?
A implantación do novo sistema de prezos libres aos libros de texto do ensino obrigatorio provocará moitas incertezas. Sen dúbida é un paso adiante a desaparición da política dos descontos, mais esta lei non parece resolver o problema da competencia entre a libraría e as grandes superficies que aumentaron a súa circulación anunciando os descontos (os estudos de mercado sinalan que incrementaron de forma espectacular a súa cota de mercado mercede a este sistema). Por último, non parecen moi oportunas as declaracións da Ministra de Cultura argumentando que os libreiros e os editores recibirán compensacións pola implantación deste novo sistema. Invertir 48o millóns de euros en dez anos en dotacións de bibliotecas escolares e públicas non é compensación ningunha ao sector do libro, e, si pola contra, cumprir unha obriga do Goberno e das Comunidades Autónomas en invertir en lectura pública, eido onde presentamos unhas carencias clamorosas con respecto aos países do noso entorno. Así están as cousas.
Despois de oito meses o conflito suscitado pola modalidade de préstamo do libro de texto segue aberto. Hoxe a Federación de Libreiros presentou un informe no que reitera os seus argumentos a prol dun modelo que asegure unha gratuidade dos textos máis redistributiva socialmente e respectuosa coa canle de valor do libro. Mañá haberá unha nova reunión da Comisión de Seguimento do Programa na Consellaría de Educación, aínda que os sectores do libro non esperamos que se presenten grandes novidades. Editores e libreiros, que non perdemos nin a esperanza nin a paciencia, confiamos nos compromisos expresados en xaneiro polo presidente da Xunta e pola conselleira para abordar o debate do modelo definitivo de gratuidade que se implantará consonte o calendario do novo currículo da LOE.
Oportunísima a proposición non de lei de Francisco Rodríguez propoñendo a supresión dos descontos nos libros de texto, que autorizara o goberno Aznar. Respectar a cadea de valor do libro é a primeira condición para afrontar un modelo de gratuidade que non destrúa a viabilidade do sector. Esta medida, prometida en varias ocasións pola ministra de Cultura, é a primeira condición para iniciar ese debate sereno e rigoroso que vimos reclamando sobre a gratuidade e sobre o mantemento da política do prezo fixo. Parabéns, pois, ao deputado Francisco Rodríguez.
Antonio Vázquez, Director Xeral de Formación Profesional, presentounos hoxe na reunión da Comisión de Seguimento de Gratuidade do Libro Escolar o que serán as maiores novidades do programa de préstamo para o vindeiro curso:
Reposición do 80% dos libros de 1º e 2º E.P., do 5% do resto dos cursos do programa (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 2º de ESO). Ademais do 100% das áreas que cada centro de primaria imparta en galego en 5º (para adaptalos así á nova normativa ortográfica).
Extensión do programa de gratuidade a 4º de ESO, cun valor estimado por alumno/a de 230 € (26.000 alumnos, seis millóns de euros).
Estúdase a posibilidade de que o pagamento se realice por medio da partida de “gastos de funcionamento” de cada centro, o que para o vindeiro curso requirirá a autorización dunha modificación de partida orzamentaria. Con todo, este sistema é o que se utilizará a partir de 2007.
A reposición dos libros será tramitada polas direccións dos centros.
No posterior debate entre os membros da Comisión (onde estamos presentes, ademais de representantes dos sectores profesionais do libro, representacións dos sindicatos do profesorado, de ANPAS, patronais do ensino privado e membros da Xunta Autonómica de directores de centros educativos públicos) debateuse moito sobre a posibilidade que se abre de que sexan os centros os que xestionen a compra dos libros, unha vella proposta da Xunta de Directores amparada no principio de autonomía na xestión dos centros que recoñece a lexislación educativa. Outrosí, sucedeu coa rebaixa da reposición dos libros ao 5% (a metade do que establecía o programa creado polo PP), medida xustificada tanto polas posibilidades orzamentarias como pola experiencia do bo estado de conservación dos materiais. Ambas as dúas medida, poñen máis en cuestión o precario papel da rede de librarías de proximidade, continuando os pasos seguidos por modelos de préstamos europeos, hoxe en aberta crise. A pesar das boas intencións, expresadas polo presidente da Xunta e da conselleira de educación na reunión que mantivemos o mes pasado, as medidas anunciadas para o vindeiro curso son claramente continuistas con respecto ao modelo anterior do PP. Semella que o seu compromiso de estudar a modificación do modelo de gratuidade e todas as alternativas que se poñan sobre a mesa quedará adiada para o vindeiro curso (2007-2008) cando comezará a implantación dos novos currículums da Reforma Educativa en marcha. Unha medida que, tal como están as cousas, parece realista.
Aínda que sei que o debate aburre, por reiterado neste espazo, non me resisto a deixar de recomendar a lectura deste artigo do escritor vasco Pedro Ugarte sobre a gratuidade do libro escolar. Obrigado, Txetxu pola magnífica pista.
Txetxu Barandiarán enlaza moi oportunamente unha reportaxe sobre o proceso de elaboración dun libro de texto. Ben sabemos os editores deste tipo de obras o traballo e o tempo que require este difícil xénero da edición.
No artigo da semana tentei rcoller algunhas das reflexións que desde hai dúa semana vimos facendo arredor da cuestión da ampliación do préstamo do libros escolares e a educación de calidade. Víctor publica, tamén hoxe, sobre esta mesma cuestión un artigo moi clarificador. Editores e libreiros insistimos en enmarcar a gratuidade dos libros de texto dentro do marco da política xeral do libro galego. Velaí o reto para atopar un punto de encontro entre o sector e o novo goberno galego.
Para as persoas interesadas en reflexionar sobre as modalidades de gratuidade, aconsello o texto que recupera hoxe oportunamente Txetxu. Paréceme interesante a reflexión que realiza de vencellar a gratuidade co servizo universal (o que suporía sempre asegurar uns mínimos de cobertura), así como a proposta dunha modalidade de gratuidade por medio de cheque libro, na que non se exclúe o aproveitamento dos textos por parte do centro.
Case coincidindo coa publicación dun anuncio a toda páxina, onde a Comunidade de Castela-A Mancha daba conta de ser a primeira que completaba a gratuidade dos libros de textos nos niveis obrigatorios, El País publica hoxe unha reportaxe sobre os mapas de gratuidade en España e Europa. O que máis extraña no tratamento da cuestión por parte de medio, teoricamente tan solvente, é que a redacción da noticia se fundamente só nos estudos realizados por Ceapa, sen contrastala con aqueloutros que puidesen proporcionar as asociacións de editores. Imaxino a reacción do presidente do gremio cando leu semellante información no periódico do seu grupo.
Despois de pasar todo o día en Compostela, primeiro reuníndonos coa directiva da Federación de Libreiros (acadamos unha grande sintonía) e logo participando nun encontro con tres responsables do goberno galego, as miñas sensacións son encontradas. Escribo, pois, este texto entre a esperanza e o desacougo. Ilusionounos a comprensión e coñecemento do estado do sector e dos seus problemas que atopamos en Luís Bará e Ana Rúa comprometéndose a reabrir a Mesa do Libro, un feito que se producirá dentro de dúas semanas. Volver convocar esta Mesa, representativa de todos os axentes da edición e do libro galego (case cincuenta persoas), permitirá poñer en marcha o trámite lexislativo das futuras leis do libro e de bibliotecas (nas que puxemos tantos azos durante a o final da lexislatura anterior) e atopar unha plataforma (a “Comisión do libro como industria”) para estudar medidas para “paliar posibles danos” ocasionados pola ampliación da modalidade de préstamo e, mesmo, para atopar unha alternativa consensuada para vindeiros cursos. Algo moi, moi esperanzador. Porén, o escaso interese amosado na reunión pola responsable da Consellaría de Educación en entrar a debater esta cuestión de fondo (a da modalidade de gratuidade) enfrontounos de novo a editores e libreiros coa crúa realidade dos problemas dunha dura reconversión do sector. Saímos de san Caetano convencidos de que no goberno galego existen actualmente dúas sensibilidades ben diferentes sobre os enfoques da política do libro. Agardamos ser recibidos proximamente polo presidente Touriño para presentarlle a nosa visión do estado do sector e amosarlle a nosa disposición de colaboración. Libreiros e editores non imos desistir na defensa do libro, a lectura e a educación de calidade.
Nos últimos días preferín non abondar en noticias e reflexións sobre a implantación da modalidade de préstamo. Mañá, editores e a directiva da Federación de libreiros teremos unha reunión conxunta de traballo e, logo, pola tarde participaremos na primeira reunión do Grupo de Traballo convocado pola Consellaría de Industria. Os editores non temos, ata o momento, noticia da nosa solicitude de entrevista co presidente da Xunta, nin fomos convocados a reunión ningunha cos responsables da Consellaría de Educación. Velaí outras informacións moi recentes que axudan a comprender o estado da cuestión:
Ian ofrece doustextos moi interesantes sobre o debate que tanto nos ocupou esta semana: igualitarismo e equidade non son termos sinónimos nin intercambiables nas políticas públicas, como non o son, tampouco, gratuidade e préstamo cando abordamos a medida aprobada, ou subvencións e dotación de fondos para bibliotecas públicas cando falamos do libro galego. No País Vasco xurdiu a polémica, a partir dunhas declaracións do conselleiro de educación. A diferenza que establece Txetxu a nivel educativo entre gasto e inversión é moi pertinente, como tamén o é a diferenciación de Joaquín Arriola entre estado do “benestar” e do “medioestar”.
A constitución dun Grupo de Traballo que estude as consecuencias da gratuidade no sector editorial recolle a proposta de creación dunha “Mesa Técnica de Gratuidade“, que os editores fixemos chegar á Consellaría de Industria á noite do mércores. A sensibilidade das consellarías de Industria e Cultura abre a porta a un diálogo sereno que debe permitir a confrontación rigoroso de datos e alternativas. Porén, na proposta do Goberno Galego boto en falta a presenza, que os editores solicitamos, de responsables da Consellaría de Educación (a que promove a modalidade imposta e a que ten a responsabilidade de executala nos centros) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (xa que a medida aprobada ten serias repercusións sobre o proceso de galeguización e de emprego do galego como lingua vehicular dos manuais).
Este Grupo de Traballo ou Mesa Técnica, que tanto nos ten a súa denominación, non debe quedarse en estudar os “coidados paliativos” que o sector require coa posta en marcha da medida (sería o mesmo que recoñecer que está ferido de morte), se non en estudar todas as modalidades de gratuidade existentes que permitan a súa xeralización a todos os niveis do ensino obrigatorio durante a lexislatura, a súa coherencia coa implantación progresiva da nova Lei de Calidade de Educación (en trámite parlamentario), a mellora da calidade dos manuais (no contexto das Novas Tecnoloxías da Sociedade do Coñecemento e das estratexias de teleformación), a recuperación do uso do galego nas aulas (unha realidade que semella quere ocultarse), o aumento dos índices de lectura entre os nosos escolares, a implantación de bibliotecas escolares en todos os centros e a supervivencia do tecido natural de comercialización do libro (as librarías d eproximidade).
Estou seguro de que con vontade de diálogo entre a Administración e o sector (os diversos axentes do libro demostramos que a posuímos, velaí a nosa participación na elaboración dos textos das leis do libro e bibliotecas) e cunha ambición compartida de dotar ao sistema educativo galego dunha modalidade de gratuidade, que asegure calidade educativa e compaxine os intereses de todos, poderemos facerlle fronte a retos tan ilusionantes.
Miguel Anxo Fernán Vello, o noso coraxudo presidente dos editores galegos, explica hoxe nun artigo precioso quén somos os malos da película. Beizóns, Miguel Anxo!!!
Despois de dous días moi complicados, retomo esta escrita invadido polo desánimo. Levo toda a miña vida profesional, tanto nos meus anos como profesor de Educación Infantil como nos actuais de editor en lingua galega, defendendo contra vento e marea as difíciles causas da escola pública galega e do libro e da lectura na lingua nosa. Agora, debido a que expresei publicamente a miña disconformidade democrática cunha medida do actual presidente da Xunta son acusado de ser un antipático “reaccionario” ao que “só lle importan os cartos” e as “subvencións”. U-las voces que reclamaron estes días que se cumpra o compromiso (expresado como un contrato coa cidadanía) de que todos os conselleiros e conselleiras no exercicio do seu cargo usasen o galego? U-las voces que se preguntaron sobre os posibles efectos que a ampliación da modalidade de préstamo pode ter sobre o fráxil tecido do libro galego? U-las voces que se interrogaron sobre as razóns do continuísmo do goberno actual coa política do equipo de Manuel Fraga sobre o réxime de concertos co ensino privado? U-las voces que opinaron sobre os contidos e a estrutura da nova Lei de Calidade da Educación, elaborada polo goberno Zapatero, que xa comezou o seu trámite parlamentario e que obrigará a renovar os manuais escolares, previsiblemente, dentro de dous anos? U-las voces que neste comezo dun novo curso falan dos problemas que acucian aos ensinantes, ou das carencias endémicas de medios que padece a nosa rede pública? U-las voces que reclaman políticas redistributivas de bolsas para os estudantes de familias humildes? U-las voces que denuncian a privatización dos comedores dos centros escolares públicos? U-las voces que reclamaron esta semana o inicio do trámite lexislativo das novas leis do libro e de bibliotecas, consensuadas hai meses por todos os axentes do sector do libro en Galicia? Inmersos en tan espeso silencio, é posible seguir dando a batalla por unha escola pública de calidade que fale, escriba e lea en galego?
Sorpresivamente acaba de anunciarse a gratuidade total dos libros de Educación Primaria para este curso. Deste xeito amplíase a gratuidade dos libros aos alumnos de 1º, 2º e 5º. Nestes momentos descoñecemos cál foi a modalidade escollida pola Consellaría de Educación, máis aínda, cando afecta tamén ao carácter funxible e non reutilizable do primeiro ciclo desta etapa.
O sector editorial e libreiro, inmerso na voráxine da campaña de comercialización dos libros de texto, non recibiu información ningunha sobre a implementación e as modalidades desta importante medida. Editores e libreiros non merecemos, nin sequera, ser informados personalmente (como o foron as confederacións de pais e nais)?
Actualización (15:35): a Xunta fala de libros gratis e da continuidade da medida en vindeiros cursos ata completar o ensino obrigatorio (tres cursos da ESO). Sabemos por Vieiros da vontade de diálogo do presidente Touriño co sector do libro (os editores, e non sei se os libreiros, non fomos convocados ou recibidos por conselleiros ningúns do novo goberno) e da súa proposta de realizar un programa para “coñecer a situación do seu mercado”. Con estas declaracións non saio da miña perplexidade, moito máis despois do trasacordo na cuestión dos concertos. Un paso adiante e outro atrás, tecendo na tea dos nosos soños.
Actualización II (19:15): os editores convocamos unha reunión extraordinaria, mañá ás 12:00 horas na Libraría Sargadelos de Santiago para valorar a medida e as súas consecuencias empresariais e educativas. A queixa máis unánime de todos os colegas cos que falei -fóra da escasa actualización dos argumentos técnicos que utiliza o presidente sobre “a converxencia europea” que supón esta medida (velaí para rebatelos os datos que incluímos no documento da AGE sobre esta cuestión, publicado antes das eleccións)- é non ter sido consultados, nin sequera informados. Actuaría deste mesmo xeito o presidente da Xunta se tivese que tomar unha medida cunha repercusión semellante sobre calquera outro sector económico? Valoráronse as consecuencias económicas e culturais que esta medida vai ocasionar? Que medidas inmediatas vai adoptar a Xunta de Galicia para que os índices de lectura pública en Galicia converxan cos estándares dos da Unión Europea (remitimos á lectura do mesmo documento)?
Actualización III (21:45): afortunadamente entre este mar de propaganda atópase a opinión de xente sensata como Alba Nogueira que puntualiza nun artigo magnífico o alcance real e o molde sobre o que foron elaboradas as primeiras medidas de política educativa do presidente Touriño.
Actualización IV (23:00): revisando a documentación existente na rede e á vista do modelos de Castela A Mancha e das declaracións da conselleira de Aragón (actualmente responsable de educación do PSOE), non hai dúbida de que a modalidade de gratuidade escollida polo presidente Touriño será a de préstamo (o que suporá o continuismo coa opción escollida polo goberno Fraga, en detrimento doutras posibles como as do cheque-libro). Confirmaríanse así os nosos peores agoiros (expresados en roda de prensa o pasado mes de xullo) debido a unha nova imposición sen negociación ningunha (como xa fixera o goberno anterior) dunha modalidade que está sendo cuestionada polos seus efectos perversos nos paíseseuropeos que a teñen implantada.
Actualización V (09-09-2005): a Consellaría sacou hoxe unha nota oportuna onde aclara o procedemento a seguir para as familias que se queiran acoller á ampliación do programa de préstamo.
O vigués Fernando Valverde, presidente de CEGAL (confederación de libreiros), criticou duramente a política de descontos dos libros de texto, medida aprobada polo goberno do PP que Zapatero, a pesar das súas promesas, non ten coraxe a eliminar. Opinión na que abonda, Mauricio Santos, o presidente de ANELE (asociación de editores de libros educativos). Os primeiros datos e impresións que fomos recollendo (onte mesmo falaba cun importante libreiro) amosan que esta campaña de texto está sendo moi frouxa para as libreirías, gañando imparablemente terreo as grandes superficies (que xa chegan a acordos directamente con algunhas ANPAS). Cantas librarías pecharán este ano? Que repercusións pode ter isto para a estrutura e o emprego nas editoras?
Txetxu proporciona algunhas claves do funcionamento da política de descontos nos libros de texto que nestes días acometen algunhas grandes superficies. Carrefour asegura contar xa con 200.000 reservas (un millón e medio de libros, o 7% de todo o mercado español) que serán vendidos cun 25% de desconto, o que suporía (aseguran eles) un aforro de seis millóns de euros para os seus clientes. Estes descontos, autorizados polos gobernos do PP e non modificados polo actual de Zapatero, non poden superar nunca o 25% do prezo sen ive, porcentaxe que coincide co desconto que lles realizamos os editores. U-lo beneficio para estas grandes superficies? Como poden rendabilizar os custos da xestión das reservas? Cales son as razóns de semellante política “social” destas grandes superficies? Que repercusións terá esta política para o sector libreiro tradicional (o de proximidade)? Son compatibles co espírito da política do prezo fixo? Como encaixarán coa futura lei do libro, prometida hai un ano pola ministra Carmen Calvo, e coa política de gratuidade que se anuncia? En como se despeguen todas estas incógnitas e na dotación de lectura pública que se realice está boa parte da viabilidade do noso sector. A verdade é que as perspectivas, con tantas idas e voltas, con tantos pasos adiante e atrás dos responsables do ministerio, non parecen moi alentadoras.
Premio AELG Blog Literario 2010 Premio Fervenzas Literarias, 2009, 2010, 2011