Anunciamos o proxecto «Libro en rede», os contidos dixitais para Lingua e literatura de 2º de ESO nos que vimos traballando nos últimos meses. Para nós constitúe un chimpo, un xeito de reinventarnos profesionalmente como editores educativos, ao tempo que unha achega novidosa á construción do proxecto colectivo de escola dixital galega. Axiña publicaremos en aberto, na web de Xerais, unha unidade completa de mostra. A providencia laica fixo que onte nacese Comba, a filla de Anaír e Noli, os motores principais do proxecto do «Libro en rede» e dos materiais de didácticos de Lingua e literatura de Xerais durante a última década. Beizóns para eles dous e longa vida para a meniña que «envía bicos de cerdeira nova».
Foi unha bonita experiencia participar como convidado na tertulia do programa «No es un día cualquiera» de RNE 1, que se celebrou en Pontevedra. Co afán didáctico que caracteriza o programa de Pepa Fernández, abordamos unha boa parte dos tópicos arredor do «futuro do papel», dende a posibilidade de desaparición das edicións impresas ás vantaxes e inconvenientes dos libros electrónicos. Como noutros debates semellantes, foi o meu interese introducir entre os temas a cuestión do futuro da lectura, situándoa por riba dos soportes utilizados, así como o de subliñar que neste periodo de tránsito a edición ten un carácter híbrido, na que coexiste a utilización de soportes impresos, dixitais e expandidos, e a lectura realízase tanto sobre textos como hipertextos. Nas intervencións e comentarios dos participantes chamoume a atención a unanimidade en considerar máis sostible, dende o punto de vista medioambiental, a edición electrónica ca impresa, así como a escasa atención ao futuro da rede de librarías. Opinións que obrigan a reflexionar.
Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.
A pesar do escaso tempo do que dispoñemos, a visita ao hall 8 é obrigada. Os interminables corredores onde se presenta a edición de fala inglesa son o máis concorrido da feira, no que se refire a visitantes profesionais. A oferta dos editores do Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Canadá, Australia, Israel e outros non ingleses falantes, mais que teñen a súa sede social nalgúns destes estados, polo seu carácter anticipatorio e pola primacía da edición en inglés, foi sempre a miña preferida para tratar de identificar algunhas das tendencias polas que pode discorrer a edición internacional no futuro inmediato. Co perigo evidente de equivocarme, polo que vin, preguntei e anotei, arrisco a recoller este decálogo de tendencias da edición nun entorno de tránsito entre paradigmas.
O LIBRO IMPRESO CONSERVARÁ O SEU PULO. Nunca vin tantos libros fermosos xuntos. O libro ilustrado -sexa de arte, fotografía ou divulgación- recupera a súa primacía. Semella que serán os libros impresos máis coidados, mellor deseñados e cos materiais máis axeitados os que teñan maiores posibilidades de constituírse en alternativa aos formatos dixitais. Quizais, paradoxicamente, a fotografía sexa para o papel, como os grandes libros de arte, eis ese extraordinario The Art Museum, convertidos en fetiche para caprichosos bibliófilos. Outrosí sucede cos de cociña, algúns de fasquía marabillosa como o de Ferrán Adriá, The Family Meal, un libro que presenta de forma hiperminuciosa o proceso de cada receita, foto a foto.
AMAZON, APPLE E GOOGLE ACAPARARÁN A DISTRIBUCIÓN DOS E-BOOK. Os tres xigantes estadounidenses entrarán no noso mercado, xa este nadal, para implantar o seu modelo de comercialización de e-books, en base a formatos pechados e protección propia (os dous primeiros) e compra a un clic (por parte dos tres). Os modelos europeos alternativos semellan conducidos ao fracaso. Semella resolta a carreira dos aparellos. Apenas hai novidades, fóra da consolidación da oferta diversificada de Kindle e das taboíñas xa coñecida. O papel dos teléfonos como soportes de lectura, tamén, semella indiscutible.
A OFERTA EDITORIAL EDUCATIVA SERÁ HÍBRIDA: IMPRESA E DIXITAL. Os libros de texto preséntanse en formato de edición estendida, en papel e con contidos dixitais de carácter interactivo. O Encerado Dixital Interactivo (EDI) convértese na ferramenta didáctica principal da aula. A elaboración dos contidos dixitais educativos é probable que quede en mans dos actuais editores de texto.
AS APLICACIÓNS INTERACTIVAS GAÑARÁN ESPAZO NA EDICIÓN DE DIVULGACIÓN E DE REFERENCIA. O caso da proliferación de apps para Ipad de guías de viaxe é moi significativa, sobre todo pola súa posibilidade de xeolocalización. Outrosí sucede con aqueloutras nas que se emprega a realidade aumentada.
OS AUDIOLIBROS MEDRARÁN DE FORMA NATURAL COMO UN DESENVOLVEMENTO MÁIS DO LIBRO DIXITAL. Os e-book gañarán en interactividade e multimodalidade. Libros para ler e/ou escoitar.
AS AXENCIAS ADQUIRIRÁN MAIOR PESO DEBIDO AO PROCESO DE CONCENTRACIÓN E TRASNACIONALIZACIÓN QUE ESTÁN VIVINDO. O caso da The Wylie Agency, a que representa a utores como Calvino, Borges, Philip Roth, Bob Dylan ou Antonio Muñoz Molina, é un modelo a ter moi en conta. A negociación de dereitos dixitais de carácter global e os de adaptación cinematográfica impulsará este proceso.
AS LITERATURAS VENDERANSE POLAS SÚAS TRADUCIÓNS. O caso da exitosa experiencia da “Ireland Literature Exchange”, así o demostra. Presentar o catálogo de obras traducidas é o mellor aval para proxectar unha obra, un autor ou unha literatura nacional.
A IMAXE DE MARCA DE PRESTIXIO CONTINUARÁ SENDO MOI RENDIBLE. Os casos de Penguin e Moleskine demostran que a marca achega un grande valor engadido, sexa no deseño de novos produtos impresos ou dixitais (cada vez máis diversificados e persoalizados), como (e esta é a novidade) a doutros sectores alleos á edición. Penguin presenta nesta feira louza coa imaxe das súas primeiras coleccións; Moleskine, unha liña de bolsos de coiro. As posibilidades quedan abertas.
O IPHONE E O IPAD SERÁN O TELÉFONO E A TABOÍÑA PREFERIDA POLOS EDITORES. Fóra da discusión sobre o futuro do libro impreso ou sobre as posibilidades dos e-readers de tinta dixital, os editores semellan apostar de xeito abrumador polos produtos de Apple.
AS EDITORAS INGLESAS CONTINUARÁN APOSTANDO POLO EMPREGO DO NEGRO SEVERO NO SEU VESTIARIO. Unha tendencia que se mantén inalterable dende hai dúas décadas. Un signo de permanencia neste proceso profundo de mudanza que vivimos.
A publicidade do Kindle Fire subliña o seu carácter de servizo. Amazon aposta máis pola distribución de contidos, que poden estar aloxados na nube, ca pola marxe que puidese obter pola venda dos propios aparellos. Amazon quere vender ou alugar contidos dixitais, sen pretender contar coa taboíña máis fermosa e sofisticada; unha estratexia que lle permite ofrecela a un prezo máis competitivo e asequible ca Apple.
A presentación do Kindle Fire, a taboíña con sistema operativo Android de Amazon, amosa, outra volta máis, que a actual batalla pola creación dun modelo sostible de libro electrónico dirímese en moi boa medida entre os tres xigantes estadounidenses da distribución dos contidos dixitais de cultura e lecer, Amazon, Google e Apple. Polas informacións que fomos coñecendo, semella que a estratexia do xigante da loxística cultural é apostar por liderar o negocio da distribución de libros e de aplicacións (creará un Amazon Apps Store), o que non lle impide presentar unha renovación completa da súa gamma de lectores de tinta electrónica (a uns prezos xa moi asequibles e cunhas prestacións atractivas), como a de intentar crear un espazo no das taboíñas, cun aparello de prezo asequible (arredor de 150 euros), moi inferior ao do IPAD, e de prestacións e deseño semellantes ao PlayBook de RIM. En todo caso, Amazon onte deu un paso importante apostando pola distribución dos contidos dende unha biblioteca dixital e por un modelo de negocio (Amazon premium) baseado na suscrición. Diante de tan interesantes propostas, supoñemos que Google non tardará en mover a súa ficha neste mercado de distribución de contidos dixitais textuais. Fronte ao dinamismo das multinacionais estadounidense, os modelos de libro electrónico que utilizamos os editores europeos (baseados na tinta electrónica e no emprego do antipático DRM de Adobe) quedan cada vez máis afastados das necesidades dos potenciais usuarios. A presentación deste novo Kindle de Amazon, que se comercializará a partir do 15 de novembro, suscita moi numerosas preguntas: Debemos rendirnos diante de Apple e Amazon, empresas que utilizan lectores propios con formatos de encriptación propietarios? Apple poderá continuar vendendo os seus teléfonos e taboíñas a prezo de ouro? Google continuará negociando cos editores europeos para ampliar a súa xigantesca biblioteca dixital?
Amazon abriu o seu espazo para venda por catálogo virtual de libros españois e gaches diversos. Outro éxito publicitario rotundo da multinacional estadounidense que non precisou doutra estratexia que deixar viralizar a súa páxina pola rede nosa que a recibiu cos brazos abertos e moi escaso espírito crítico. Unha actitude moi diferente ao muro de silencio existente sobre outras iniciativas de distribución de libros impresos, como a de Todos tus libros.com, a marca comercial do proxecto Cegal en rede, promovida por máis de duascentas librarías culturais españolas e que ofrece un catálogo dispoñible incomparablemente moito máis amplo co do xigante americano. Cos datos na man, Amazon.es hoxe non será capaz de mellorar nin o prezo que os lectores pagan polos libros (o que ofrece é a rebaixa do 5%, que a Lei do Libro establece para os pagamentos ao contado), nin ampliar a oferta editorial de títulos impresos dispoñibles nin sequera poderá mellorar o servizo de entrega que achega a plataforma virtual dos libreiros españois. O catálogo presentado onte por Amazon.es é apenas unha comunicación dos metadatos –incluídas as imaxes dos libros– extraídos de balde de DILVE, o magnífico sistema de información editorial creado pola Federación de Gremios de Editores de España–, xa que a maioría dos fondos, como sucede co dos editores galegos, non está dispoñible nos seus almacéns franceses, debido a que a empresa norteamericana só foi capaz de asinar os contratos de distribución cun número moi reducido de editores e de distribuidores. Amazon non terá outro remedio que asumir algunhas das dificultades ou incomodidades que para o seu exitoso modelo de negocio supón operar en España, Francia, Alemaña ou Italia, estados onde o prezo do libro está fixado polo editor. No entanto, sei do enorme poder da corporación de Befos que, como Apple ou Google, pretenden monopolizar, tamén nos mercados europeos, a creación e a distribución da cultura dixital. Aí está a tremenda importancia da súa chegada, deste primeiro pé no noso mercado. O de Amazon é outro fito, a epifanía deste proceso irreversible, mais paradoxicamente empobrecedor, da perda de biodiversidade do sector da lectura en Europa. Eu, mentres as librarías culturais existan, continuarei apostando polos militantes fantasía de Todos tus libros, un espazo que aconsello visitar aos propagandistas da empresa estadounidense.
A posta en marcha de Google eBooks, probablemente, será un dos maiores empurróns para o libro electrónico en todo o mundo. Este novo modelo de distribución de ebooks supera algunhas das máis importantes carencias existentes até hogano, sobre todo as referidas aos soportes (admite a lectura sobre todo tipo de pantallas: computadoras, teléfonos, e-readers e taboíñas dixitais) e ao papel do editor (sinalará o prezo e os sistemas de protección de dereitos de autor). Semella que a partir de Google eBooks o acceso ao contido dixital na nube será o principal, superando as limitacións que puidesen existir de soportes ou formatos. No entanto, aínda descoñecemos cales son os termos dos contratos de distribución que se asinarán cos editores, as posibilidades de préstamo das licenzas de acceso (cuestión vital para as bibliotecas) e outros pormenores do funcionamento do proxecto, así como a relación que Google que manterá cos clientes finais. A apertura dunha pasarela de pagamento por parte de Google ábrelle unhas posibilidades enormes para calquera outro tipo de comercio electrónico, o que pode constituír un feito moi salientable. Sen dúbida, este modelo abre unha competencia moi dura de Google con Amazon (que insiste con Kindle, o seu e-reader propietario) e, en menor medida, con Apple. As tres empresas estadounidenses semella que pretenden controlar todo o mercado da distribución do libro dixital. Haberá espazo para outros modelos alternativos? Polo menos, agardo que nesta batalla entre xigantes os libros electrónicos de linguas minoritarias coma a nosa teñan o seu espazo.
A pasada semana representei aos editores galegos en “La nit de l’edició”, a cita na que o Gremio de Editores de Catalunya entrega os premios Atlántida que recoñecen anualmente a persoas e medios de comunicación polo seu labor no fomento da lectura. O premio especial desta edición correspondeu ao señor Josep Guardiola, o adestrador do F.C. Barcelona, a quen deste xeito se lle abeizoa a súa contribución na promoción da lectura. A amizade de Josep Guardiola co cantante Lluis Llach e co poeta Miquel Marti i Pol, un grande barcelonista que lle dedicou a súa derradeira obra, o Llibre de les solituds, constitúe un feito moi coñecido na sociedade catalá que, porén, apenas pasou ás páxinas deportivas dos xornais do resto do estado.
A figura dunha icona deportiva como a de Guardiola, o adestrador de fútbol profesional co mellor palmarés do continente, asociada á lectura e ao mundo dos libro desmitifica tanto os tópicos asociados co deporte como coa lectura, actividades presentados tantas veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles. Hai futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais. Un feito asumido dende hai tempo no Reino Unido, a sociedade onde mellor funciona esa feliz converxencia entre fútbol e lectura. Alí non é infrecuente que os clubes da Premiere Leage teñan asociado cadanseu clube de lectura ou se recoñeza cada mes na súa web oficial ao lector máis destacado do seu cadro de xogadores. Como tampouco é lenda urbana que narradores do prestixio de Nick Hornby acrediten nas lapelas das súas novelas dentro da súa formación, xunto aos seus estudos en Cambridge, a súa presenza dende a infancia no estadio de Highbury do Arsenal de Wenger e Cecs Fábregas.
Os editores cataláns abeizoando a Guardiola envían unha mensaxe coa que pretenden ampliar a sociedade lectora. Un feito máis significativo, cando se está desenvolvendo unha transformación profunda do xeito de ler e acceder á información textual. Xa non se pode definir o libro só como un obxecto físico; libro tamén é un texto longo que se ofrece en formato dixital. O libro é hogano un artefacto temporal definido polo tempo que lle dedicamos a súa lectura. Eis a cerna da nova definición do libro, onde a lectura –unha actividade individual que para os psicólogos da aprendizaxe presenta patróns cognitivos diferenciados en función dos soportes de acceso– adquire unha centralidade inédita como práctica cívica saudable e necesaria para a convivencia. Un modelo, ademais, que despraza o eixo dende a triade tradicional analóxico-formativo-cultural cara aos mercados de consumo onde compite con outros produtos de lecer dixital.
No entanto, o lector actual vive coa sensación de estar desbordado pola cantidade de textos dispoñibles (tanto nas mesas das librarías como en Internet) e indefenso diante da dificultade de atopar información valiosa entre tantos textos, algúns efémeros e inútiles. Para evitar os perigos de semellante diabete textual precísase de lectores moi ben formados, armados de lentes críticas que separen o gran da palla, que saiban identificar a melodía entre tanto ruído. O lector para iso precisa de ferramentas de intermediación que o axuden a orientarse nas súas escollas e doutros lectores cos que participar nunha conversa compartida.
Para o fomento da lectura hoxe son esenciais estratexias da educación lenta na abordaxe escolar da lectura e da alfabetización informacional; o papel das bibliotecas públicas como portos seguros (en afortunada expresión acuñada por Javier Celaya) que orientan a deriva que cada un dos lectores escolle, así como a participación activa en redes sociais e especializadas en lectura (como é o caso de www.redelibros.com , presentada esta semana en Vigo) para alongar a conversa provocada polos textos.
As políticas tradicionaias de fomento de lectura deben ser repensadas. Non abonda con chamamentos publicitarios a prol da lectura, nin coa realización de actividades literarias decontextualizadas. O momento actual de crise require unha activación estratéxica e transversal das políticas de fomento da lectura, concibidas como eixo das políticas culturais, educativas e de acceso á sociedade da información. Nese contexto debemos entender a iniciativa mediática dos editores cataláns de recoñecer a actitude prolectora de Guardiola; nesa mesma tea técese o simposio internacional de expertos sobre o fomento da lectura que se celebrará esta semana en Santiago, organizado pola Asociación Galega de Editores, no que se pretende explorar esta nova fronteira para o libro.
Nas xornadas sobre o libro electrónico da Universidade da Coruña quedou claro que son as utilidades do hipertexto ou prosa electrónica (hipertextualidade, intertextualidade, multimodalidade e multilectura) o que caracteriza o libro electrónico.
As organizadoras tiveron a deferencia de convidarme a falar o luns á mañá de «Propiedade intelectual: implicacións, tendencias e cambios no libro electrónico» e a participar o martes na mesa redonda xunto aos outros participantes nas xornadas, Tati Mancebo, Antonio Quirós, Juan Blanco Valdés, Catuxa Seoane e Camilo Franco.
Aquí pode baixarse o borrador do texto que utilizarei no meu parlamento.
No meu perfil de Facebook publiquei a reportaxe fotográfica que fixen co teléfono móbil no Líber e na Feira de Frankfurt. Incluín nos pés de fotos algúns comentarios ao fío. Como documento complementario das catro crónicas sobre a Feira pode ter o seu interese.
[Na foto: Masaxes para os visitantes proporcionados por fisioterapeutas contratados pola Feira. Frankfurt 2010]
No artigo da semana, ao fío da participación na Feira de Frankfurt, reflexiono sobre o proceso de tránsito cara ao paradigma da comunicación cultural dixital, no que entendo convivirán os libros impresos e os libros dixitais.
Dedicamos a derradeira xornada para visitar o pavillón dedicado á lingua inglesa, onde case sempre se producen as maiores noticias de Frankfurt, para dar sequera un paseíño pola exposición arxentina. Sendo sábado, o nivel de estrondo da Feira aumenta a niveis pouco soportables nos novos pavillóns 1 e 3 aos que acude o entusiasta e moi numeroso público alemán. Porén, tiven a fortuna de dispoñer de tres horas para percorrer devagariño os longos corredores do inglés pavillón 8, inusualmente calmos e con menos xente da que agardaba.
Volvín comprobar que o modelo da Oficina Literaria é o que mellores resultados está ofrecendo para a promoción internacional e a exportación de textos. Cada vez son máis as experiencias que utilizan este modelo: «Books from Scotland», «Books from Wales« («Llyfram o Gymru») ou a «Ireland Literature Exchange». Anotei na libreta a importancia de levar ao noso estand algunhas edicións de obras xa traducidas, un feito que chama a atención doutros editores. Todas estas Oficinas comparten espazo no estand cos editores privados do seu país e todas elas teñen un lema ou marca para presentar a súa literatura e edición. Chamou a miña atención a convocatoria en Australia en 2012 do seu ano da lectura, un programa ao que cómpre seguir con interese que se está organizando con moito vagar. Inevitablemente fotografei o libro máis grande do mundo, Earth (Platinum Edition), un atlas de 1,8 x 1,4 m, que utiliza para representar o planeta unha formidable escala de 1:1.750.000, editado pola editorial australina Millenniun House. Tiven a curiosidade de revisar a toponimia de Galicia, que presentaba algúns erros (aparecía correctamente A Coruña, mais tamén Santa Eugenia de Ribeira). Imprimiuse en Italia cunha tirda de 31 copias que se venden cada unha a 100.000 dólares. deEarth hai unha edición azul, máis manexable e económica, ao prezo de 5.800 dólares. Non deixa de ser curioso que nun momento de transición cara ao paradigma dixital se acometan proxectos de edición impresa destas abraiantes características.
A pesar de que o libro impreso continúa reinando de forma abrumadora en todos os espazos da Feira, neste pavillón de lingua inglesa atopei xa unha presenza importante de edición dixital. Son moi numerosos os modelos de e-readers que se presentan, a un prezo sempre inferior aos 150 dólares, o que supón unha baixa moi considerable. Aparecen Ipads en moitos estands, como por exemplo no de Moleskine (o editor das famosas libretiñas e cadernos de debuxo, produtos analóxicos por excelencia); un feito significativo que amosa a pegada da taboíña da que, tamén, comezan a aparecer ofertas de apps (gustei moito dos preparados pola revista GEO, por exemplo). Curioso é algún produto infantil que emprega a tecnoloxía da realidade aumentada (como os de Magic Book) baixo o reclamo de «libro en 3D». Outrosí sucede coa Galaxy Tab de Samsung, unha taboíña de 7 pulgadas que utiliza tecnoloxía Android. Pareceume un produto interesantísimo, sobre todo polo seu código aberto e polo seu tamaño, maior cos teléfonos e máis manexable que os Ipads actuais.
Acabei a miña feira visitando a correr o pavillón arxentino e dedicando apenas a derradeira hora dispoñible ao pavillón alemán. Arxentina presentouse cun deseño minimalista, cheo de pantallas (con información turística) e cunha exposición de libros non moi grande. O máis fermoso do pavillón era unha proxección múltiple sobre a silueta do país presentando os monumentos principais das distintas provincias arxentinas. Encheume de fachenda comprobar que na exposición de «Libros de Argentina» estaba o exemplar que enviaramos da biografía do Galego Soto que preparara Lois Pérez Leira para Xerais Crónica.
Da visita ao enorme pavillón alemán o que máis me sorprendeu foi atopar a eses centos e centos de adolescentes disfrazados de personaxes de manga e de literatura gótica que alí se reuniron. Un espectáculo, propio do entroido, expresión da enorme forza que, paradoxicamente, ten para estes nativos dixitais personaxes que coñeceron na edición impresa e que logo, nalgúns casos, pasaron ao eido audiovisual, converténdose en novos mitos urbanos. Con todo, o que maís impresiona no pavillón alemán é o entusiasmo dos lectores para seguir aos seus escritores. As entrevistas do «Sofá azul» (un programa de televisión que grava ADR e pode verse en internet por streaming) son seguidas por centos de persoas, as lecturas dos autores arremuíñan nos estanss a ducias de persoas. O interese pola edición de gastronomía é incrible, coa presenza dos propios cociñeiros cociñando en vivo nos estands das editoriais (unha idea para Culturgal?). Con todo, o máis memorable que vin neste percorrido que non puiden completar por falta de tempo foi a unha autora, Nadja Benaissa (cantante de No Angels), asinar exemplares acompañada dun gardacostas.
Antes de marchar da Feira a correr para coller o avión de regreso a Porto (sempre que podo evito a viaxe con escala en Madrid), tiven oportunidade de fotografarme para o Book Faces 2010. Escollín a palabra «Brétemas», a verdade que non fun moi orixinal. Agardo poder facerme coa foto que me fixo Bianca Gutberlet.
Como adiantabamos onte, o xoves foi o día do Nobel na Feira. Debeu ser a providencia laica a que aconsellou ao Grupo Santillana organizar o seu cóctel á mesma hora na que en Estocolmo se anunciaba o Nobel de Literatura. Un estourido de voces anunciou alí o nome de Vargas Llosa, hoxe o autor primeiro (co permiso de Pérez Reverte) de Alfaguara. Decontado lembrei o que acontecerá aquí en Frankfurt cando llo concederan ao Jose Saramago, no ano no que Portugal foi convidada de honra. Nunca esquecerei a faciana de ledicia do editor de Caminho, Zeferino Coelho, quen onte tamén abeizoaba a Ángeles e Pilar, as editoras de Alfaguara que acompañan o traballo do narrador peruano, para elas onte tan inaccesible a pesar das repetidas chamadas a Manhattan. Alfaguara será o grande gañador deste Nobel que permitirá que o novo libro do Nobel, La maldición del Celta, chegue ás librarías nos primeiros días de novembro cunha tirada entre os 300 e os 400 mil exemplares, segundo escoitamos onte ao primeiro executivo da editorial.
Pasado trebón do Nobel, houbo máis cousas na Feira. Na prometida visita ao pavillón 4 verifiquei a hipótese que manexaba: o IPAD será o grande vencedor deste Frankfurt 2010, non tanto polo número de apps que se teñan desenvolto polo momento dende o eido da edición (algúns interesantes como os de Actionbooks para nenos), se non pola fascinación que suscita o seu uso entre os editores. Vin utilizalos a moreas nos stands, fose para utilizar o correo, para ler ou para presentar o propio catálogo. A beleza do Ipad xoga moito ao seu favor, minimizando os problemas que puidese houber polo seu carácter de software propietario ou pola incomodiade que pode provocar a súa lectura prolongada. Outras tendencias que creo se impoñen son a impresión baixo demanda e a preocupación por realizar unha edición sostible, moi presente na edición alemá que promove a campaña “libros respectuosos cos bosques” dirixida a utilización de papeis “ecolóxicos”. Outra novidade na que reparei foi a do Pocket Book, un trebello de lectura que utiliza o sistema operativo Android sobre unha pantalla a cor, un posible rival para o Ipad. Tampouco desmereceu o noso interese o sempre sorprendente espazo do “Nonbook”, onde se presentan os numeros produtos asociados á lectura e a súa promoción, dende lampadiñas, marcadores e postais (onde hai cousas preciosas). mención á parte merece o espazo destinado á edición de almanaques, un mercado moi forte na cultura editorial anglosaxona e escandinava.O aumento da presenza dos audiolibros e dos produtos asociados ás Pizarras Dixitais Interactivas (Smart é o líder deste tipo de produto) contrasta coa redución do protagonismo dos e-readers, un soporte que semella (polo que vimos) en claro retroceso.
Dedicamos a tarde a unha xuntanza dos presidentes de Galeusca, o colectivo que formamos a Associació d’ Editors en Llingua Catalana, a Asociación de Editores en Euscaro e a Asociación Galega de Editores. Acordamos, entre outras cousas, organizar o vindeiro Galeusca de editores en Vigo durante o mes de xuño de 2011, no que se pretenderá amosar a profesionalización acadada polos tres gremios. Á noitiña fomos á recepción do Instituto Cervantes de Frankfurt, onde acudiu unha boa parte do sector. Mágoa que en xuntanza tan numerosa non houbera referencia ningunha a todas as linguas recoñecidas na Constitución. Aínda hai moito eido a traballar.
Aínda que é un anuncio de Amazon, achega moi ben as diferencias entre os libros electrónicos de tinta dixital (como Kindle) das taboíñas electrónicas (como o fermoso e atractivo Ipad). O futuro do libro electrónico dirímese entre estes dous tipos de soportes, sen esquecer a influencia que sobre o segundo poida ter a nova xeración de telefonía móbil (androide ou iphone).
Vieiros acompañoume, día a día, durante quince anos. Con Vieiros aprendín a navegar por Internet e da súa man soñei cun país normal na rede. En día tan triste no que se despide, a miña humilde e agradecida homenaxe e reproducir un anaquiño do traballo que publicarei no vindeiro Grial sobre o nacemento do libro electrónico en galego, un eido no que o equipo de Lois Rodríguez foi pioneiro e alicerce de todo o que veu despois. As miñas maiores beizóns para todos os profesionais que formaron os equipos de Vieiros ao longo destes tres lustros.
Os precedentes do noso libro dixital están vencellados ao nacemento do Internet en galego. Aí foron decisivas as achegas realizadas polo portal «Vieiros», para min o corazón ( o motor) da nova literacidade en galego e da súa promoción entre o público.
Dende o portal «Vieiros», que naceu o 24 de febreiro de 1996 (coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía de Castro), desenvolvéronse moitas experiencias que pretendía aproveitar esta textualidade electrónica emerxente. Daquelas apenas existía algunha experiencia de Internet na Universidade de Santiago e unhas cantas páxinas persoas de pioneiros. Na primavera de 1996, «Vieiros» publicou un especial «Mil primaveras para a lingua galega», que podemos considerar como a primeiro libro electrónico en galego.
Tamén tivo moita importancia naqueles momentos alborais, estamos falando de 1996, algunhas páxinas web que promoveron a literatura galega, como aquel expléndido “Ximnasio de Akademo” de Manuel Forcadela ou “O qu do mundo” a páxina de Gonzalo Navaza, hoxe desgraciadamente inatopables na rede. Tamén foi o caso das «Botelhas ao mar» de Suso de Toro, textos literarios galegos pioneiros (publicados de 1999 a 2002) que coñecemos publicados na rede.
Traballando hoxe na clase do «Mestrado de edición» sobre o tema do tránsito á edición e cultura dixital, a providencia laica agasallounos esta lección a editores, bilibotecarios e libreiros dunha nativa dixital. Non nos importa moito que se trate dunha peza de ficción.
Ola, o meu nome é Abbey e amo as bibliotecas, e os libros e as historias, mais son unha nativa dixital e quero unha biblioteca online que saiba que é o que quero. Que teña moito multimedia. Quero que todo sexa rápido e doado, quero poder engadir as miñas cousas e compartir as cousas doutras persoas. Quero poder facelo todo dende o meu iPhone ou o meu Reader. Quero máis contido intelixente, etiquetado semántico, información en tempo real, realidade aumentada, xeolocalización… mesto gosto das pantallas interactivas. E agora todos vós estades ocupados traballando niso, mais eu son unha nativa dixital e o quero agora. Bulide e poñervos a traballar!
O libro dixital centrou esta semana o noso debate cultural. A celebración dun simposio, organizado pola Asociación Galega de Editores, sobre o presente e o futuro do libro dixital, e a publicación por Xerais e Galaxia dos seus primeiros títulos para dispositivos portables de tinta dixital (os popularmente coñecidos coma “e-books”) anuncian a chegada dos libros dixitais. Dúas boas noticias para a cultura galega que amosa a súa vontade de participar sen complexos no debate cultural contemporáneo e o seu interese por non perder o tren destes tempos.
Tras máis de cinco séculos de estabilidade do modelo de comunicación cultural, baseado na imprenta gutemberiana, lectores, autores e editores estamos convidados a participar das mudanzas provocadas pola irrupción do novo tipo de lectura urdido sobre as pantallas de diversos dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, teléfonos móbiles, axendas electrónicas, videoconsolas ou libros de tinta electrónica). Iso suporá que os libros impresos teñen os días contados? Velaí o debate arredor do futuro dos libros dixitais.
Adianto que son dos que cre na irreversibilidade da mudanza do paradigma do libro e que máis cedo ca tarde, non son adiviño, as utilidades dixitais da lectura sobre pantallas triunfarán tamén no mundo da comunicación cultural. A razón do seu éxito residirá nas formidables potencialidades atesouradas pola prosa electrónica, que permite por medio dun clic enriquecer o contido dun texto enlazándoo con outros externos (o fenómeno coñecido como “intertextualidade”) ou con imaxes e sons interactúando con el (a chamada “multimodalidade” tan característica da internet 2.0, onde xunto aos textos aparecen fotos, vídeos ou arquivos musicais). Noutras palabras, esta nova forma de ler e escribir sobre pantallas (o que chamamos “literacidade electrónica”) permitirá novas e mellores posibilidades de creación e de acceso ao coñecemento e á información.
Esa literacidade, presente nos blogs, nas edicións dixitais dos xornais coma nos espazos das exitosas redes sociais como Facebook, Tuenti ou Twitter, vai calando coma poalla nos hábitos do lector ou lectora contemporáneo, seguramente con maior facilidade na xeración dos nosos fillos (os chamados “nativos dixitais”) ca na nosa (a “dos emigrantes dixitais”) que precisamos dun maior esforzo para incorporarnos ao emprego destas utilidades. Razón pola que é probable que os lectores adoito de pantallas –sometidos á perigosa diabete informativa provocada por textualidade (o que require un lector máis crítico e mellor formado)– non teñan prexuízos ningúns para incorporarse como usuarios ás diversas modalidades nas que se presentan (polo momento) os libros electrónicos: como “e-books”, como obxectos educativos proxectados en encerados dixitais, como servizos de consulta en liña, como audiolibros ou como textos multimedia.
Porén, creo que, polo momento, non vai desaparecer de maneira ningunha a publicación de libros impresos. Máis aínda, fronte aos que agoiran a morte inminente do libro gutemberiano, nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unda delas os seus espazos de especialización. No entanto, na edición literaria ou de lecer dificilmente triunfarán os actuais “e-books” se non mellora a usabilidade dos dispositivos de lectura portables (ollo!, poden ser os móbiles de nova xeración), achegan “extras” multimodais atractivas e se artella unha cadea de valor que, fixando un prezo asequible por descarga ou subscrición, respecte o lexítimo dereito de autoría. E neste contexto de competencia, os libros literarios impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores, eis un reto para os editores que aposten continuar con este formato analóxico.
No entanto, se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito (para unha boa parte dos usuarios de Internet todo o contido que alí aparece debe ser de balde, esquecendo o pagamento que realizan polo servizo de acceso ou polos caros consumibles das impresoras), non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Unha cadea que, respectando o protagonismo do autor, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido) e libreiros (especializados na promoción do produto), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incerteza.
Mañá intervirei no VI Simposio «O libro e a lectura» dedicado ao presente e futuro do libro dixital. Os organizadores pedíronme unha achega sobre «O libro dixital en Galicia». Na miña intervención (o texto completo pódese baixar aquí en pdf, nove folios) pretendo tratar catro grandes cuestións que no meu entender permitirán achegarnos á situación actual do libro dixital en Galicia e enxergar algunhas das liñas de futuro:
A primeira parte do concepto de literacidade electrónica coa intención de explicar a mudanza do actual paradigma da comunicación cultural e, polo tanto, da lectura (a que denomino lectura XXI ou 2.0), da edición, do libro e do papel que nos corresponde (se é que nos corresponde algún) aos editores. Temas que sei foron abordados onte por os ponentes que me precederon, mais que eu como un dos poucos editores en exercicio debo tamén de enunciar ao meu xeito.
A segunda pretende citar algúns dos precedentes do libro literario dixital en galego, que é tanto como dicir en Galicia, ao longo da última década, así como algunhas experiencias que se foron ensaiando na nosa edición dixital até chegar aos primeiros e-books literarios que editoras como Xerais presentan estes días. Noutras palabras faremos unha achega a unha historia (ou prehistoria) do libro dixital.
A terceira ten por obxecto analizar as tendencias que debuxan os datos dispoñibles ou que podemos estimar sobre a edición dixital en Galicia, comparándoas coas que coñecemos para a edición analóxica.
A cuarta pretende repasar a nosa situación no que atinxe aos tipos de edición dixital que estamos abordando xa na actualidade os editores galegos: a dos obxectos dixitais educativos; a dos e-books ou libros electrónicos; a dos produtos lexicográficos e outros contidos «on line»; a das experiencias dixitais multimedia; a dos audiolibros e a da impresión dixital baixo demanda ou de baixas tiradas.
Xa adianto que en moitos casos expresarei máis preguntas e dúbidas que afirmacións e certezas. Vivir esta mudanza no paradigma do libro dende dentro, constitúe para todos os editores, tamén para os editores galegos, unha moi boa oportunidade para medrar como profesionais. Sen menoscabo da discreción precisa para o desenvolvemento de cada proxecto editorial, este é un momento no que é imprescindible que compartamos experiencias, ideas e, me atrevería a dicir, mesmo grandes proxectos de sector.
Hoxe demos un pasiño pequeno, que non teño dúbida inicia un camiño longo para o libro galego do futuro. Sen grandilocuencia, con humildade e rigor, coma corresponde ao estilo de traballo do equipo de profesionais de Xerais.
Este ano o tradicional Simposio sobre o libro e a lectura, que se celebrará os xoves e venres vindeiros, xirará sobre o presente e futuro do libro dixital. Énchenos de fachenda que este encontro profesional, organizado pola Asociación Galega de Editores, iniciado hai cinco anos, se consolidase como unha cita de referencia para tomarlle cada ano o pulso aos temas principais do sector do libro en Galicia.
Ademais, o programa desta edición (pode baixarse en pdf), alóngase cun curso para editores sobre o mesmo tema, impartido polo noso admirado Javier Celaya.
Agradezo aos organizadores o convite que me fixeron para intervir o venres a primeira hora de mañá para falar sobre «O libro dixital en Galicia». Dentro das escasas posibilidades da nosa axenda nestas semanas xa de campaña de nadal, daremos conta dos contidos dos debates e intervencións que, con certeza, serán seguidos con maior atención en diversos blogs de lectura e libros.
A aparición de tantos novos trebellos de lectura dixital xeralmente xa non constitúe noticia. Porén, este novo aparellopresentado por Barnes & Noble, o chamado Nook, creo que achega varias novidades que poden convertelo nun bo rival de Kindle: pantalla a cor para os menús e tinta dixital (branco e negro) para a lectura dos textos, teclado táctil wifi, navegación utilizando o sistema operativo Android e custa apenas 259 dólares (catro vantaxes que o fan moi superior a calquera dos lectores que se venden hoxe en España). A aparición de Nook demostra que os novos aparellos serán cada vez máis atractivos, ademais da importancia de contar cun formato de lectura aberto ecompatible con diversos lectores.
O que máis me interesa da oferta de libros electrónicos de Sony é a súa aposta decidida polo EPUB, o formato libre que pretende converterse no estándar da edición dixital. Os arquivos que posúen a extensión “.epub” adáptanse e reformatéanse segundo o dispositivo e a pantalla, o que supón un enorme adianto con respecto ao tradicional PDF empregado nas computadoras. Ademais, os libros adquiridos neste formato poden funcionar indistintamente en diferentes lectores (dispositivos de tinta electrónica, teléfonos móbiles, programas de ordenador) a diferencia doutros formatos como Kindle, que só o fan no propio reprodutor de Amazon ou software desenvolvido por eles (como é a aplicación Kindle de iPhone). A aposta de Sony polo EPUB é unha importante noticia para o desenvolvemento do libro electrónico.
Actualización (27-08-2009): Proba de que a necesidade de saber manexar este formato respírase no ambiente do mundo da lectura é esta magnífica anotación de hoxe de Marcos Taracido: «Receita caseira para cociñar un EPUB».
Creo que esta noticia é importante para o desenvolvemento do libro electrónico nos nosos mercados. El Corte Inglés, baixo a súa marca Inves-Book 600, comeza a comercialización do seu primeiro e-book a un prezo xa atractivo, 299 euros. Paréceme moi alentador que o aparello utilice tamén, o formato EPUB, que semella pode converterse no estándar do libro dixital na actualidade. Pola súa banda, Sony actualiza os seus eReaders con estes novos modelos. Será xa este nadal o do libro electrónico en España como prognostica Pedro de Andrés o presidente da Federación de Gremios de Editores?
Este un recurso didáctico e divulgativo sobre o que serán as bibliotecas do futuro, como centros de acceso á información e coñecemento. Interesante reportaxe (case 10 minutos).
A aposta por formatos de libro electrónicos o máis estándares e compatibles posible (neste momento ePub de Adobe, mais pode mudar pola dinámica tecnolóxica e empresarial) imponse sobre a posibilidade do monopolio que dos dispositivos de lectura pretendía impoñer Amazon. A avalancha de modelos de e-books promete que o negocio en España pode comezar a desenvolverse a partir desta campaña de Nadal. No entanto, o futuro do libro electrónico está na sua capacidade de propoñer unha cadea de valor que faga viable o negocio da distribución e propiedade dos contidos dixitais (non esquezamos que non van ser todos gratuítos, aínda que si, seguramente máis baratos cos analóxicos). Asumindo que toda a edición internacional está nun proceso de reconversión e reconstrución tanto da súa actividade como da súa cadea de valor, dificilmente vai existir a curto prazo unha única forma de distribución do contido textual dixital e do seu consumo (a lectura dixital).
A raíz da nosa intervención na cerimonia dos Premios Xerais, son varios os medios electrónicos que se interesaron pola nosa estratexia de transición cara a edición de libro electrónico. Recollemos as entrevistas que nos fixeron:
“Xerais inicia a transición cara o libro electrónico” (Vieiros).
“Xerais presenta a súa estratexia cara o libro dixital” (culturagalega.org).
Sorpréndenos moi gratamente o interese suscitado por este anuncio. Mañá estaremos ás 9:35 en radiodifusión e o luns ás 16:10 no “Tren do serán” da Radio Galega para volver sobre esta estratexia dixital.
O novo Kindle DX de Amazon, presentado hoxe, presenta algunhas novidades. Semella concibido pola súa pantalla grande e polo seu lector de PDF nativo para poder ler con toda a comodidade documentos (A4), prensa e para ser utilizado como «libro de texto». Este novo lector portable de tinta electrónica ten un prezo de 489 $. Seguro que a competencia ofrecerá axiña resposta.
Nesa carreira tecnolóxica por atopar o soporte de lectura móbil dixital faltaba un modelo de tinta electrónica que non fose monocromo. Fujitsu acaba de poñer á venda en Xapón o primeiro modelo de e-book con pantalla a cor. O noso amigo Roger Michelena recolle unha ampla información sobre as utilidades deste xoguetiño e do competidor coreano do Kindle 2. Mágoa que, polo momento, este modelo de Fujitsu saía un pouco caro (sobre 777 euros).
Actualización (19-03-2009): Máis información sobre o FLEPia en Soybits.
Co inicio do seu terceiro ano de andaina a revista Trama y texturas ofrece todos os seus números en soporte dixital, que poderán ser adquiridos na plataforma Todoebook e nas librarías conveniadas coa plataforma de libro electrónico de Publidisa. Trama y texturas, a partir deste o seu número sete, poderá lerse tanto en soporte analóxico coma dixital. Ademais dos interesantísimos contidos da revista (arredor do libro e da lectura), o seu innovador modelo de comunicación cultural merece o noso maior interese.
A revista Qué leer convocou a seis expertos para que fixesen a súa análise de como cren que será o mundo do libro en 2020. A verdade é que algúns dos prognósticos son moi interesantes.
Para Juergen Boos, director da Feira do Libro de Frankfurt, en 2018 a venda de contidos dixitais superará a dos libros tradicionais (impresos), o que non supoñerá, en ningún caso, a devaluación da industria editorial nin a desaparición do libro impreso, xa que para el se convertirá na de maior facturación das industrias culturais (mesmo por riba de Internet).
Para Stuart Applebaum, directivo de Random House, a explosición dixital incrementará as oportunidades dos lectores. Como retribución ao autor das vendas dos libros electrónicos propón o 25% dos ingresos netos obtidos polo editor.
Para Alberto Rollo, director literario de Feltrinelli, o libro, tecnoloxicamente falando, ten unha longa vida por diante. Outrosí sucede coas librarías que en dez anos se terán transformado en espazos multiproduto.
Para Will Moore, directivo deIngram Digital, as librarías deben ofrecer indistintamente produtos impresos coma dixitais, emulando a estratexia das actuais redes de sociais, xa que os lectores quererán interactuar entre eles. Para el, como sucedeu no sector da música co ipod que levou ao seu cume á música dixital, os novos dispositivos de lectura portátil farán o mesmo no mundo editorial.
Para Mike Shatzkin, fundador de The Idea Logical Company, o crecemento da industria editorial virá da man do e-book e os beneficios dos editores medrarán grazas á creación de novos contidos específicos que pendurarán das súas webs e que se distribuirán por medio dos teléfonos móbiles. Tamén acredita no desenvolvemento de novos xéneros literarios baseados na interacción entre os distintos formatos creativos.
Para Kalev Leetaru, da Universidade de Illinois, o problema do libro dixital non reside tanto na tecnoloxía como no feito de que os editores non saben como financialos. Apunta que paradoxicamente o libro dixital pode incrementar o consumo de papel, pois moita xente optará por imprimir os textos que se descargue. «A auténtica revolución chegará cando os aparellos de lectura dixital maduren ata o grao de ser tan confortables como o papel.»
Hoxe participei en Madrid nunha reunión onde se valoraron algunhas iniciativas de escola dixital das que se están desenvolvendo en España. Nesta liña, semella significativo o anuncio realizado pola xove ministra de Educación italiana Mariastella Gelmini : dentro de cinco anos os libros de textos de primaria e secundaria serán substituídos por outros en formato dixital.
Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.
Hoxe son moitas as referencias na prensa sobre esta cuestión. Outra volta, como sinala Millán, abriuse nos medios o debate sobre o futuro do libro. Estou de acordo co mestre Txetxu Barandiarán: a chegada do e-book levará o seu tempo, sobre todo por que aínda estamos na fase do prototipado e os editores valoramos a desputa con cautela. A loita entre os formatos de lectores portables continúa. Non teño dúbida que o novo Kindle é atractivo, mais ten a enorme dificultade do seu carácter pechado (Amazon emula a estratexia de Apple co Ipod), o que obriga unha concentración na distribución dos contidos, con todos os perigos que un monopolio desta clase pode provocar para a liberdade de edición.
Hoxe coñecimos dúas noticias sobre dispositivos electrónicos portátiles de lectura, o novo modelo de sony e o novo kindle de Amazon. O Sony PRS-700 é un e-book que presenta a pantalla táctil como novidade máis importante sobre o modelo anterior, o coñecido como Sony reader. Pola súa banda, Amazon presentará o luns en Nova York o Kindle 2 que, polas fotos filtradas, parece moi semellante ao modelo anterior e manterá o seu carácter pechado. No entanto e a pesar destas novidades de dispositivos específicos de lectura baseados en tinta electrónica, o futuro da lectura en pantallas pode estar en dispositivos non especializados (pedeás, ultraportátiles, iphones e outrosteléfonos ou as consolas portátiles domo a PSP ou a Nintendo) asociados á posibilidade que proporciona Google Book Search. Cada vez parece máis claro o futuro da lectura sobre pantallas portátiles, porén non se albisca, aínda, cál pode ser o soporte que se impoña no mercado.
Este novo e-book ten moi boa pinta. Este txtr readerproporcionaprestacións que semellan mellorarían aos soportes actuais, sobre todo, polo seu carácter aberto e a posibilidade de lectura de varios formatos.
Manuel Gago e máis eu fomos convocados hoxe polo Diario Cultural da Radio Galega para opinar sobre o libro electrónico. As entrevistas de Anxo Quintela poden escoitarse aquí.
Esta anotación de onte de José Antonio Millán non pode pasar desapercibida. Carmen Balcells, a gran axente catalana, promove «Palabras maiores», unha colección de libros electrónicos dalgúns autores que xestiona a axencia, editados por Leer-e, unha empresa navarra que ata agora se dedicada só á distribución de e-books. Cada un dos títulos (o catálogo total recolle máis de seiscentas referencias) pode descargarse por prezos sempre inferiores aos cinco euros. Ademais de poder descargarse dende a rede, o sistema de venda de Leer-e contempla a implicación, polo momento, de 18 librarías. «Palabras maiores» é unha experiencia de distribución de libro electrónico en España chamada a converterse en referente (para emular, mellorar, modificar…).
Recollo de Michelena unha anotación moi útil sobre as características óptimas que para Gerry Purdy deberían ter os e-books para que se convertesen nos soportes de lectura preferidos polo 75% dos lectores e lectoras no espazo dos vindeiros dez anos. Un rápido resume dun texto moi prospectivo:
Tamaño correcto: máis grande ca un iphone, máis pequeno ca un ultraportatil.
Encendido / apagado instántaneo:é un aparello non un pc.
Gran interfaz de usuario: baseado nun estándar aberto que require manual de usuario.
Alto contraste, alta resolucióne cores brillantes: hoxe non existe esta posibilidade, aínda que o iphone demostra que tecnoloxicamente é posible.
Acceso aleatorio: poder saltar a unha páxina, a un capítulo (un libro que tamén pode ser folleado).
Durabilidade: debe durar anos.
Almacenamento: 50 Gb.
Anotación doada: posibilidade de realizar marcaxes e anotacións.
Acceso doado a dicionarios: posibilidade de intertextualidade cos dicionarios cargados.
Custo aceptable: tarifa plana de 40 $ mensuais. (?)
Comunicacións inalámbricas incorporadas.
Modelos de negocio aceptables: como retribuír a editores e autores. (?)
Distribución máis ampla: posibilidade de “roaming” entre os distribuidores.
Vídeo e animación integrados.
Protección da propiedade intelectual e administración dos dereitos dixitais aceptabe.
A verdade que a proposta de Purdy non soluciona todos os problemas, (sobre todo os referidos ao modelo de negocio) mais é indubidable que propón a axenda do e-book posible. Daremos volta a estas propostas.