Hai tempo que Juan Carlos e os membros da familia real perderon a aura que, dende a Reforma Política, os protexía. Tras o escándalo de Urdangarín, as revelacións que publica o semanario alemán Der Spiegel poñen en cuestión cal foi o papel de El-Rei no golpe do 23-F. A fonte, un informe do daquela embaixador alemán en Madrid, agora desclasificado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, evidencia a ambigüidade de Juan Carlos cos actores do golpe e as profundas diferenzas que mantiña co presidente Adolfo Suárea arredor da chamada «cuestión militar». Como ten sinalado Escolar estas revelacións cadran bastante ben coas preguntas nunca respondidas sobre o que sucedeu cos golpistas, especialmente coas razóns do indulto de Alfonso Armada, en 1988, quen dende entón se dedicou a mimar camelias no seu pazo de Santa Cruz de Rivadulla. Mágoa que o pobre de Suárez xa non poida achegar a súa versión que moito axudaría a perfilar o que realmente sucedeu no acontecemento máis decisivo para a consolidación do reinado de Juan Carlos.
A primeira xornada de Praza pública foi un éxito rotundo. A audiencia superou as mellores previsións, provocando durante a mañá e o mediodía algún colapso no acceso ao servidor. A calidade do produto, tanto a nivel de deseño gráfico e concepción web, como o proxecto xornalístico, quedou moi por riba das nosas expectativas. Auténtico xornalismo 2.0. Unha inxección de entusiasmo extraordinaria para a nosa lingua. O equipo de profesionais de praza amosa que é posible outra axenda informativa, elaborada en galego e en clave galega; ademais, asume unha proposta comunicacional tan suxestiva como difícil, facer viable e sostible un modelo de semanario con actualización diaria. A pesar de vivir tempos tan ruíns, coa aparición deste facho informativo, enxergamos un horizonte de luz. Beizóns para os promotores e profesionais de Praza pública. Parabéns por tan magnífico traballo para o seu equipo tecnolóxico de A navalla suíza e Dinahosting.
Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.
Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.
Teño escrito nalgunhas ocasións que nacín no Pirulí. O que non sabía, até onte, foi que aquel día despois da santa Lucía, patroa das costureiras, caera en luns. Averigüeino de forma fortuíta, grazas a un correo dun amigo que me recomendaba consultar “o periódico do día que naciches”. Enlaceino e din coa formidable edición dixital de La Vanguardia que, precisamente, aquela xornada non se publicou por ser luns. Foi inevitable repasar as noticias do día seguinte, un martes chuviñento de decembro de 1959, segundo a breve referencia meteorolóxica do tempo en Galicia. A noticia principal de portada non era nada doutro xoves: “O infante Juan Carlos de Borbón recibiu o seu despacho na Academia General Militar”. Porén, para min debullar nas páxinas interiores foi un exercicio de maior interese. Na carteleira anunciábase a estrea de Los 10 mandamientos como “o maior acontecemento da historia do cine” e nunha das páxinas de deportes atopei a clasificación da 13ª xornada do Grupo Norte da Segunda División na que o Orense figuraba na segunda posición, o Celta na terceira e o Coruña na quinta. Esta hemeroteca dixitalizada de La Vanguardia é un motor brutal de memoria que pode ofrecernos moitas outras sorpresas. Unha ferramenta moi recomendable.
Esta publicación infantil en catalán naceu en 1951 co título L’infantil, promovida polo Seminario de Solsona, para mudar ao nome de Tretzevents, cando en 1973 comezou a depender das Publicacions de L’ Abadia de Montserrat. Coincidindo co seu sexaxésimo aniversario pecha debido, segundo os seus editores, á falta de apoio institucional no marco da crise económica. Tras 903 números, a desaparición da revista en catalán máis antiga (en 2008 tiraba 8.000 exemplares), que chegou a recibir a Creus de Sant Jordi, mesmo cando en Cataluña está en marcha un interesante Plan de Fomento da Lectura, amosa a fraxilidade de todas as publicacións impresas nun entorno global de tránsito entre soportes e a clara desorientación das administracións públicas (mesmo as dun goberno nacionalista como o de Artur Mas) á hora de establecer as súas políticas no eido da cultura e da educación. O Grupo de Traballo de Bibliotecas Infantís e Xuvenís do Colexio Oficial de Bibliotecarios e Documentalistas de Cataluña puxo o dedo na chaga: «La mort de Tretzevents és un símptoma més de la fragilitat a la qual s’exposa la cultura –i especialment la nostra– en contextos com els que estem vivint». A desaparición de Tretzevents non pode agochar que as revistas en catalán teñen, se as comparamos coas nosas publicacións en lingua galega, unha diversidade envexable e unha maior presenza na vida social, profesional e cidadá. Así, no eido das publicacións infantís, os picariños e picariñas cataláns de 0-5 anos (entre as que está a nosa Sabela) contan con Piu-piu e El Tatano; e os maiorciños con Cavall fort (con máis dun milleiro de números, publicados ao longo de 50 anos), publicación nosa de referencia cando soñamos aquel malogrado Golfiño de papel.
A iniciativa social Sermos Galiza consolídase. A piques de rematar a primeira fase de capitalización prevista, as persoas promotoras confesan que apenas falta un 10% dos 300.000 euros previstos como capital social fundacional para crear este grupo de comunicación en galego. Unha moi boa noticia para pechar un ano difícil para o sector da comunicación e da lectura na nosa lingua. Non hai dúbida que unha das prioridades estratéxicas no proceso de construción nacional é contar con medios de comunicación propios en galego, plurais e profesionalizados, capaces de enfrontar o difícil tránsito entre os paradigmas da comunicación analóxica e dixital. Esta é unha travesía complexa, difícil, onde xogamos o futuro do idioma de noso. Cómpre, pois, contar cunha biodiversidade informativa en galego (todos os os medios son necesarios, dende os impresos, dixitais e radiofónicos até os audiovisuais e multimedia), un espazo comunicacional que axude, ademais, a facer sostible o sector da lectura e da literatura en galega, como o resto das industrias culturais na nosa lingua. Non vivimos tempos para desistir nin para resignarnos, como pretende facernos crer o influente partido conformista. Precisamos doses elevadas de esforzo e corresponsabilidade. Longa vida e mellor futuro para o proxecto de Sermos Galiza, unha agra aberta en man común que precisa da tensión e da forza de todas as nosas mans.
O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio volver contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, sobre todo en contextos urbanos. Galicia precisa información de proximidade en galego. Ese é o obxectivo da campaña Vitaminas para o galego promovida por dez medios de comunicación en lingua galega, a maior parte deles dixitais, Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Quepasanacosta, Val Miñor Info, Certo, OSil.info e Crónica 3. Vitaminas para o galego pretende visibilizar estes medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal, ademais de procurar vías de financiamento para a súa viabilidade e para o traballo digno dos seus profesionais. Unha iniciativa que merece ser apoiada.
Nas conversas do Premio Fernández Latorre non se falou doutra cousa: “a crise”. O pesimismo, mesmo o fatalismo sobre a situación económica e social, é hoxe o único discurso da clase empresarial, financeira e política en Galicia. Coa excepción do premiado, Angel Carracedo, que solicitou apoio para a investigación como garantía de futuro, nin na intervención de Santiago Rey (moi dura co goberno saínte e solicitando máis reformas) nin na do presidente da Xunta puidemos atopar tampouco algunha faísca de optimismo ou esperanza, coñecedores ambos os dous que os máis duros recurtes chegarán tras a investidura de Mariano Rajoy. As declaracións de Stiglitz, coincindo coa súa conferencia na Coruña, denunciando que esta política de austeridade é unha receita para o suicidio confirman os nosos peores agoiros. Coma o salmón, loitamos contra a corrente. Ao remate do longo xantar, non me pasou desapercibido que saísen xuntos da sala, Antonio Fontenla, presidente da CEG, e Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Rural e, segundo o que alí oín, ministro que será do primeiro goberno de Rajoy.
A presentación do proxecto de Praza Pública supón unha inxección de entusiasmo e de corresponsabilidade que moito debemos agradecer. Marcos Pérez Pena, Manuel M. Barreiro e Filipe Díaz, tres persoas con identidade dixital sólida, promoven un xornal dixital que pretende estar vencellado coa súa comunidade de lectores e lectoras. Na capacidade de crear ese vínculo colaborativo, eses milleiros de mans que se pretenden enlazar neste anceio compartido, reside a clave dun proxecto baseado, tamén e inequivocamente, no pluralismo, na independencia do traballo dos profesionais e na lealtade coa lingua e cultura galegas. A posibilidade de colaboración outros proxectos xa na rede ou con outros en xestación, como a intención dos promotores (anunciada onte na presentación) de acometer a edición estendida impresa dalgúns dos contidos dixitais, son outros motivos para apoiar decididamente esta xanela para a esperanza. Benvidos á Praza Pública!
Viaxei a Lavacolla entre o lusco e fusco, rachando a primeira borrasca do outono. Por ventura, na radio do coche quedara prendida a Radio Clásica, que me agasallou sen querelo nin bebelo coa Obertura de Tannhauser de Wagner (completa) e unha boa parte co concerto número 2 para piano de Liszt. Tratábase dunha retransmisión en directo, dende Bayreuth, do concerto da Orquestra-Proxecto da Escola de Música Liszt de Weimar, dirixida por Thieleman, con motivo da celebración do douscentos aniversario do nacemento de Franz Liszt. Estou certo que perderiamos marabillas coma esta, se privatizan as emisoras públicas, como ameazan os promotores da austeridade selectiva. Debemos defender as radios e televisións públicas moi teimudamente, non só para asegurar o pluralismo informativo e a utilización vehicular do galego, tamén para permitir eses momentos nos que podemos quedar sobrecollidos pola beleza. Escoitar a melodía wagneriana entre aquel formidable ballón foi memorable.
A liquidación xudicial da empresa Promocións Culturais Galegas leva á desaparición do proxecto do semanario A Nosa Terra e do seu diario dixital, así como á dunha das editoras de referencia e máis dinámicas na cultura literaria galega das tres últimas décadas. Na miña historia persoal permanecerá sempre a lembranza que foi nun dos primeiros números do semanario, na etapa na que foi dirixido por Margarita Ledo Andión, onde publicamos o noso primeiro artigo; como a inmensa gratitude para as persoas que termando daquel proxecto tanto nos axudaron a promover o noso, Afonso, Manolo, Pepe, Xan, César, Horacio, María… Quede como testemuño do meu afecto para todos eles aquela gabanza (pdf) que preparei en 2007, con motivo da homenaxe que durante A Noite da Edición rendimos dende a Asociación Galega de Editores a este proxecto centenario onte interrumpido. Até logo, compañeiros!
Non vou especular sobre as hipóteses que manexamos sobre o que nos pasou onte. A anotación de Alberto Quián explica de marabilla os límites tan imprecisos existentes hoxe entre algún tipo de xornalismo dixital e o publicado nas redes informativas e sociais. Quen me coñeza sabe que teño insistido nos últimos seis ou sete anos, xa desde o inicio da andaina do goberno de coalición PSdeG-PSOE BNG, –neste blog, mais tamén nos artigos semanais de Faro de Vigo, nas entrevistas, nas conferencias ou nos debates aos que fun convidado– na idea de que na edición en galego vivimos tempos difíciles, tempos de mudanza e incerteza, provocada polo tránsito entre o analóxico e o dixital, un proceso agravado no caso galego dende a ruptura do consenso arredor do estatus do idioma. Tempos que requiren doses elevadas de esforzo, de innovación e reciclaxe, así como de corresponsabilidade empresarial, gremial e intergremial. A pesar de que me poida custar novos disgustos coma o de onte, por responsabilidade e honestidade, seguireino dicindo coa mesma enerxía e sen perder un ápice do entusiasmo imprescindible para continuar coa que eu chamo «fantasía» de Xerais.
Tras o rebumbio do mediodía, co acougo do serán botei contas do traballo previsto para estes tres vindeiros meses, o da «Reentrada de Outono» e o da «Campaña de Nadal», un dos momentos máis intensos de traballo de cada exercicio, creo que non imos ter mal balance. Xerais publicará máis de 30 novidades impresas, nos eidos da edición literaria, infantil e xuvenil e referencia. Entre eles estará un groso Dicionario xurídico galego, coeditado coa SXPL e Rexurga; unha novidosa Xeografía de Galicia de máis de medio milleiro de paxinas; un volume doutras tantas que reúne todos os contos de Manuel Rivas ou as novidades narrativas de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela,Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo co seu agardadísimo Extramunde, Premio Xerais de novela. Ofreceremos senllas crónicas, fotográfica e narrativa con motivo do vinte e cinco aniversario da movida viguesa. No eido infantil publicaremos a nova novela de Cornelia Funke, anticipándonos seis meses a súa aparición en castelán; a segunda entrega da serie de Jacobo Fernández Serrano, un libro de limericks precioso de Antón Cortizas, ademais dos premios Merlín de Anxo Fariña e Caixa Galicia xuvenil de Héctor Carré. Edicións impresas ás que engadimos á da Axenda Xerais, un produto con máis de vinte anos de vida. Editaremos media ducia de novidades nativas en e-book de formato e-pub; inauguraremos a Biblioteca Dixital Xerais, que permitirá, inicialmente, acceder de balde á lectura na nube de oito títulos descatalogados das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas e Materiais; ademais de abrir un versión beta do noso espazo en liña para que o profesorado de Educación Infantil e o de Lingua de primeiro ciclo de ESO poidan acceder aos nosos primeiros contidos dixitais educativos. Mentres, o Departamento de Promoción colabora coa Comercial Grupo Anaya nas campaña de lanzamento do novo Dicionario Xerais de Primaria, da serie dos Megatoxos e da presenza de autores e autoras nos centros; prepara máis de vinte e cinco actos de presentación de novidades polo país enteiro –Lugo, Santiago, Ponteceso, Vigo, Marín, Muxía ou Lalín, serán as localidadesda primeira quincena de outubro–, así como a nosa presenza nas feiras internacionais de Madrid, Frankfurt e Guadalajara (onde acompañaremos a tres dos nosos autores). Comezaremos decembro no Culturgal de Pontevedra e, dous días despois, viaxaremos a Durango, onde o libro e o disco galegos son estes ano convidados. Nestas poucas lideiras andamos durante estes tempos difíciles de mudanza.
No entanto, creo que a saída de Gómez da dirección do xornal ten máis que ver coa nova fase do proxecto que o propietario pretende abrir no medio, tras o nomeamento de Alfonso Paz Andrade como novo conselleiro delegado da empresa, sendo a foto do Moropa a pinga que reborda un vaso que hai tempo se pretendía derramar sobre a mesa. Sexa dunha maneira ou doutra, o que é seguro que a noticia da marcha de Gómez foi hoxe moi ben recibida por Feijóo e Rueda nos seus austeros despachos de San Caetano, sen dúbida moi satisfeitos por poñer remate, por fin, a esta «anomalía» da prensa galega; entenderán que o campo quedou despexado para eles mandar a pracer nas eleccións municipais. Mi madriña, que medo!
José Luís Gómez merece todo o noso recoñecemento polo proxecto desenvolvido ao longo dunha longa década polo seu dixital e por estes dous anos nos que puxo a andar dende cero o xornal en papel. Un éxito indiscutible. Como tamén o foron o tratamento informativo proporcionado pola súa dirección ao conflito xerado arredor do decreto de plurilingüismo, á fusión das caixas ou ao decreto eólico, que como lectores e cidadáns galegos merecen o noso maior agradecemento pola súa afouta independencia. Como tamén a súa atención diaria á información cultural, especialmente para a música, o cinema e o libro galegos.
Agardamos que esta primeira etapa de Xornal de Galicia sirva de alicerce para o desenvolvemento do proxecto sólido de prensa galeguista en clave de país que precisamos como auga de maio. Hoxe, as nosas beizóns son para José Luis Gómez.
Xosé Rivadulla Corcón, director d’ A Casa do vagabundo, o programa de libros (e con especial dedicación á poesía) da Radio Galega envíanos esta carta de despedida:
Estimados habitantes da Casa do vagabundo:
Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón
Outra carta que nos enche de tristeza e decepción. Máis cando o programa de Corcón, que se emitía todos os sábados á hora do xantar, creaba unha media hora de acougo ben bonita. Os centos de autores e autoras que participaron no programa sempre falaron marabillas deste espazo para a poesía e para a conversa vagarosa e culta. Agardo que esta despedida apenas sexa un até logo, e Corcón volva ser chamado polas novas responsables da RG para continuar co programa.
No entanto, tras mudanzas de enfoque tan lamentables como as introducidas no programa Aberto por Reformas, ben sería que os novos directivos da CRTVG fixeran explícitos os seus criterios de programación, tanto para o verán como para o reinicio da tempada. Máis alá do Diario Cultural (ao que sería inimaxinable que acoutasen), na nova programación da RG haberá algún outro espazo destinado a facer visible a nosa creación cultural?
Tras catro anos de traballo entusiasta á fronte da subdirección de programas, Xurxo Soutosaíu da Radio Galega coa elegancia arroutada e idéntica paixón coa que realizou o seu primeiro saúdo en antena. Atrás queda o seu pulo e esforzo por modernizar e achegar a radio pública en galego (esa “rareza” no dial que debemos defender como primeiro patrimonio galego da comunicación) á mocidade e aos públicos urbanos. Eis o seu traballo monumental de apoio á música popular galega que, en boa medida debido a súa convicción nas súas posibilidades, vive o mellor momento da súa historia. Eis o seu apoio a iniciativas felices como a reinvención do teatro na radio. Eis as leccións diarias de radio fetén en Aberto por Reformas ou cada sábado ao mediodía en Mil ribeiras (para min un programa memorable, tanto dende o punto de vista literario como musical). Eis o acerto de poñer en marcha o Extrarradio, o grande programa de Belén Regueira (hoxe por hoxe a primeira comuncadora do país). Eis o apoio proporcionado pola RG ás máis diversas iniciativas das industrias culturais… Todo o sector cultural galego (editores, escritores, músicos, actores… ) está en débeda con Xurxo Souto. Ben sería amosarlle o noso agradecemento nunha velada bonita. Beizóns, Xurxo, o noso ghaiteiro!
Nunca víramos semellante tratamento para promoción da lectura como o que realiza a revista Woman neste mes de abril. Algo está mudando na imaxe social da lectura para que sexa promocionada en portada. Vaise poñer de moda a lectura e visitar as bibliotecas e librarías?
Co inicio do seu terceiro ano de andaina a revista Trama y texturas ofrece todos os seus números en soporte dixital, que poderán ser adquiridos na plataforma Todoebook e nas librarías conveniadas coa plataforma de libro electrónico de Publidisa. Trama y texturas, a partir deste o seu número sete, poderá lerse tanto en soporte analóxico coma dixital. Ademais dos interesantísimos contidos da revista (arredor do libro e da lectura), o seu innovador modelo de comunicación cultural merece o noso maior interese.
Mañá distribúese cos periódicos do grupo La Capital o novo número de Protexta, o magnífico trimestral literario de Tempos novos. Por agora, xa se pode descargar un adianto, a entrevista de Bieito Iglesias a Gao Xingjian. Coordinado, agora, por Ana Salgado, o número promete: entrevista nas páxinas centrais a Manuel Rivas, e críticas dos seus dous recentes libros de xornalismoliterario; ademais dun boa restra de críticas de novidades (que alentan a nosa curiosidade). Parabéns o novo equipo de Protexta, un soporte fundamental na nosa crítica literaria independente.
Tanto La Voz de Galicia como Xornal de Galicia, dous medios con liñas editoriais claramente enfrontadas, comparten, porén, o carácter analóxico e pechado para a lectura na rede dos seus suplementos de cultura que publican os sábados. Hoxe non podemos ler na rede nin as magníficas catro páxinas de Ramón Nicolás e Xesús Fraga sobre o libro galego e a súa visibilidade do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia nin outros tantas que «Nós» o suplemento de cultura de Xornal de Galicia dedica ao mundo so blogs en Galicia, con traballos de Manuel Candelas e Arturo Casas. Hoxe xa existen modelos alternativos para evitar estas zonas de sombra para a información cultural na rede, como ofrecer os contidos dos suplementos en formato pdf ao día seguinte ou facelo por un sistema de subscrición en aberto. En todo caso, quero felicitar tanto aos responsables de «Culturas» pola súa defensa do libro galego visible como aos de «Nós» polo tratamento rigoroso do fenómeno blog, máis alá dos tópicos habituais.
Recibimos con alegría o primeiro número de Xornal de Galicia, a primeira cabeza periodística que se define como galeguista no periodo autonómico. Haberá tempo para aquilatar as intencións e a liña informativa do proxecto encabezado por José Luis Gómez, mais é indubidable que a presentación do produto é impecable (especialmente o deseño e a disposición tipográfica) e o enfoque informativo moi atractivo para a lectura. Un medio que abre un pouco máis o pluralismo informativo no país, abandonando a confrontación entre territorios polo debate entre posicións ideolóxicas. Un paso importante para a nación. Benvido, pois, este Xornal de Galicia saído hoxe de trinque. Desexámoslle os maiores éxitos.
Paso estes primeiros días de regreso á actividade cotiá debullando o magnífico e completísimo número do Protexta de verán. As longas entrevistas con Chus Pato e Bieito Iglesias teñen moita miga. Non podo agachar a miña satisfacción pola excelente acollida das nosas últimas novidades narrativas (Festina lente, O profesor de vegliota e Atracción total). Un número espléndido que consolida o suplemento literario de Tempos como o noso primeiro referente de prensa literaria independente e rigorosa.
A Nosa Terra Diario acaba de abrir un novo espazo de crítica de produtos culturais (libros, discos, películas de cine e dvds). Un espazo de crítica que, indubidablemente, mellora os contidos deste diario dixital. Beizóns aos responsables d’ ANT.
Unha moi boa noticia que non debe pasar desapercibida: o espazo Novas da Xunta de Galicia volve recoller a información de todos os membros do Goberno galego. Tras varios anos de comportamento bipolar, abenzoamos decisión tan sensata.
A posibilidade de que o Senado rumano estableza nos medios de comunicación unha cota do 50% para as noticias felices non debería ser considerada tan escandalosa como a primeira vista semella. En realidade esta cota, sen lei ningunha que a ampare, xa se supera diariamente en Galicia nos espazos destinados á información institucional. Un caso, o galego, que non é único en España, como ben se pode comprobar visitando outrosespazossemellantes. Non deixa de sorprenderme que aquí non se fagan brincadeiras sobre esta cuestión (non entro nos criterios dalgúns medios privados) e, porén, nos escandalicemos coa inxenuidade destes rumanos que pretenden impoñer a felicidade dende os escanos parlamentares. En Internet xa hai espazosespecializados só en “boas noticias“. Outro problema ben diferente é determinar cáles son as noticias felices?
Beizóns aos responsables do mensual Tempos Novos que publican a súa versión beta do seu espazo electrónico, Tempos dixital. Entre outras novidades, considero importante para a visibilidade do libro galego a posibilidade de consultar e descargar en pdf o Protexta, o seu magnífico suplemento de libros. Pareceume prometedora a sección “Entreculturas“, así como a da “Hemeroteca” (onde poder consultar algúns dos traballos xa publicados con anterioridade). Non hai dúbida que este Tempos dixital axudará a tecer a vizosa rede de comunicación crítica en galego. Reiteramos as beizóns. Longa vida!
Unha moi boa noticia para a visibilidade do libro galego: o vindeiro sábado, Protexta, o suplemento trimestral de libros de Tempos Novos, aparecerá inserido xunto aos catro xornais do grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños). Con esta iniciativa, Protexta adquire unha difusión de 50.000 exemplares e se converte na revista de libros galegos de maior tirada.
No artigo da semana sintetizo o texto da laudattio sobre o centenario d’ A Nosa Terra que preparei para A Noite da Edición 2007. Non teño dúbidas do papel esencial desta publicación: “O centenario proxecto editorial e xornalístico A Nosa Terra representa –pola súa insólita permanencia e capacidade de innovación e adaptación a cada momento histórico, pola súa inquebrantable lealtade co noso idioma e cos anceios de autogoberno– o papel esencial que nos corresponde aos editores en lingua galega: facer país promovendo a civilidade e a galeguidade dende a lectura na lingua de nós.”
Gustei desta nova ANT dixital. Un gran paso adiante! Destaca nesta estrea a calidade da información cultural, eis os casos das cróinicas das presentacións de Cardume ou de Fóra do sagrado (mesmo acompañada cunha gravación en vídeo) en Compostela ou a entrevista con Margarita Ledo, por só citar unhas poucas. Esta nova A Nosa Terra, dirixida agora polo noso amigo Manuel Veiga, merece as nosas beizóns. Desexamos que o seu equipo de profesionais acade os maiores éxitos.
“Las personas que componemos este consejo de redacción procedemos de distintos ámbitos —escritores, bibliotecarios, editores, ilustradores, críticos…—, pero todos participamos del interés y el gusto por el texto y la ilustración, especialmente en ese género conocido como álbum ilustrado, uno de los territorios más dinámicos de experimentación estética en los últimos años. Pretendemos con Bloc propiciar un espacio de análisis y reflexión en torno a la imagen y la palabra, proyectando una mirada especial a la construcción de mundos imaginarios en los que el texto y la ilustración aparecen de la mano. A sus páginas se asomarán profesionales interesados en el género y en sus aspectos complementarios, ya sean éstos el diseño, la traducción, la fotografía o la literatura infantil o canónica. Por ello, en sus páginas estarán presentes creadores bien distintos, que nos ofrecerán sus reflexiones sobre cualquier suceso literario o gráfico, y se presentarán obras que, a nuestro juicio, ofrezcan componentes de calidad, cuando no de excelencia. Aspiramos a que Bloc se convierta en ese espacio de referencia en el que cualquier profesional pueda encontrar visiones, comentarios y análisis a la altura de sus inquietudes y preocupaciones.”
Faro de Vigo, o “Diario Cultural” da Radio Galega foron premiados pola Federación de Gremios de España cos Premios ao Fomento da Lectura nos Medios de Comunicación do ano 2007. Na categoría de televisión foi premiado Jesús Vigorra, presentador do programa “El público lee” de Canal dos Andalucía. Os premios serán entregados esta semana en Líber. Parabéns aos premiados.
Mañá aparecerá Público, o novo xornal madrileño dirixido polo veterano blogueiro Nacho Escolar e vencellado ao grupo da Sexta. Custará 0,5 cents (os domingos 1 €). Recomendo a lectura da transcrición do chat co director que reproduce xornal.com, na que se presentan moitos dos criterios do novo xornal. Paréceme esperanzador que exista competencia para El Pais. Non anuncia ningún vencello con Galicia, coa excepción da colaboración de Julián Hernández e a presenza do xornalista Manolo Rico como responsable de Política.
Outra mostra da crise do Celta como institución é o retroceso que se produciu esta tempada no uso do galego no seu xornal oficial. Coincido ao cen por cen con este comentario de Todocelta sobre as mudanzas (para peor, moito peor) da publicación gratuíta que o clube distribúe cada xornada en Balaídos. A cor de Galicia (pode baixarse en pdf) desta tempada aparece cunha moi escasa presenza do galego, ademais de contar cunha información menos elaborada e interesante ca na anterior. Non pode ser alleo a esta cuestión o feito de que esta tempada xa non sexa Merlín Comunicación (a nova empresa especializada en exposicións e comunicación cultural do Grupo Galaxia) a editora da publicación. Non acreditamos en que existan razóns obxectivas (económicas ou de calidade xornalística), a pesar de que o Celta milite agora en Segunda división, para que esta publicación fose devaluada nos seus contidos de forma tan notable. Non era o emprego do galego un dos sinais de identidade do club que dirixe Xavier Martínez Cobas? Algunha explicación, tamén sobre este tema, compriría que proporcionasen os responsables celestes, nun momento de enorme preocupación cidadá sobre o futuro que lle pode agardar ao club. En plena campaña de abonados (a pesar do anuncio da Marea celeste) a asistencia ao estadio nas dúas primeiras xornadas reduciuse a menos de cinco mil siareiros, as opinións nas emisoras de radio son moi pesimistas e xeralmente iradas, ademais de correr sms entre os afeccionados celestes propoñendo un boicot á Directiva para a vindeira xornada en Balaídos. Algo habería que facer.
La Voz de Galicia presenta hoxe un completo redeseño da súa edición electrónica, na liña das modificacións introducidas por outros diarios, ao tempo que ofrece a posibilidade de lela completa en galego grazas aos sistemas de tradución automática. Sorpréndeme o tamaño da tipografía (quizais un chisco grande de máis). Outro redeseño web deste Día da patria é o de Gznación, o diario electrónico nacionalista tamén moi mellorado no seu deseño e usabilidade. Dúas importantes novidades normalizadoras que merecen as nosas beizóns.
A retirada da circulación de El Jueves desta semana ordenada polo xuíz Del Olmo paréceme un atentado á liberdade de expresión co que retrocedemos trinta anos. A portada non é un exercicio de sutileza, mais ese, con certeza, que non é a razón desta retirada. Cara ónde imos?
Moi fermoso o relato de Rosa Aneiros, que forma parte desa vizosa devesa que Vieiros está ofrecendo este verán. Rosa está corrixindo as derradeiras probas do seu novo libro, Ao pé do abismo, que sacaremos en outubro e onde recolle boa parte da súa obra xornalística recente.
Xa o comentabamos hai duns días. O proxecto de diario dixital que promove Juan Varela vai contribuír a crear novos modelos de xornalismo na rede. A versión beta que se deu a coñecer onte en liñas xerais non decepciona. Gustáronme, sobre todo, a súa proposta de interactividade e a súa aposta polo código aberto; porén, boto en falta, unha aposta ou canto menos algún aceno por un plurilingüismo ibérico e cultural tan posible como politicamente necesario. Un medio a seguir con moita atención. Os nosos mellores desexos de éxito para Juan e o seu equipo.
Esta entrevista con Juan Varela, o noso benquerido mestre blogueiro e director do futuro xornal dixital Adn.es, apunta interesantes reflexións sobre o periodismo de hoxe que quere acometer a partir do mes de setembro. Velaí unha cantas.
Los medios informativos tenemos que hacer información: innovar en estilos, contenidos, ideas que tengan que ver con la información.
Los gratuitos nos han demostrado que se pueden crear nuevos públicos.
Buscamos un público de calidad en términos de mercado. Queremos que nuestros usuarios estén más tiempo con nosotros, haciendo más cosas con nosotros y cuyo perfil le apetezca más a los anunciantes. Las masas no son nuestro ámbito. A mi redacción le estoy diciendo que piense en personas, individuales, concretas y absolutamente diferentes entre sí para llegar también a comunidades con elementos en común muy fuertes.
Una de nuestras noticias utilizará formatos tradicionales, desde la pirámide invertida o las seis uve dobles hasta narrativas no lineales o activismo narrativo. Hay que avanzar en el hipertexto y en la multimedia de verdad, no en pegar en una noticia un vídeo concebido para la televisión.
Continuando a estela iniciada por Angueira, hoxe aparece o relato de Teresa Moure. É precioso. Boa lectura! A iniciativa de Vieiros, “Onde sempre é bosque, de ofrecer doce relatos doutros tantos narradores e narradoras contemporáneos de noso para facer unha devesa de palabras contra o lume é sinxelamente brillante. Beizóns!
Coincidindo coa entrega da Medalla Castelao, os responsables do xornal A Nosa Terra expresan a súa decidida aposta polo xornalismo dixital. Ao tempo, El Pais Galicia anuncia que o construtor Jacinto Rey tomará a maioría das accións e Miguel Barros será o novo presidente do consello. Ademais destes cambios empresariais e do aumento do cadro de persoal, o director, Alfonso Eiré, aposta por converter á editora nunha xestora integrada de contidos (tanto no eido do xornalismo, da edición como do audiovisual). Importantísimas mudanzas (que semellan moi acertadas) para unha das nosas máis importantes empresas culturais. Desexamos os maiores éxitos nesta ilusionante etapa que abre o equipo de profesionais que dirixe o benquerido Alfonso.