Celso Emilio Ferreiro continúa tendo moito tirón. O auditorio do Areal encheuse no acto de lembranza organizado polo Club Faro de Vigo con motivo do centenario do seu nacemento. Luís Ferreiro dedicou a súa intervención a deitar luz, moita luz, sobre o tan controvertido episodio da estancia do poeta de Celanova en Venezuela, do que naceu Viaxe ao país dos Ananos. Pola súa banda, Ramón Nicolás enfiou un fermoso discurso sobre a súa relación con Celso, desde o primeiro día que o viu de lonxe nunha presentación na Libraría Castelao dos Choróns até agora cando está a piques de rematar a súa monumental biografía do centenario. Con todo, o momento máis emocionante do serán foi cando Isabel Ferreiro leu e cantou tres poemas do seu pai, poñendo o dedo na chaga.
Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.
Xa son moitas as persoas coas que amiguei nestes últimos sete anos grazas aos blogs, unha das cousas polas que estou máis agradecido de participar no blogomillo. Foi onte cando me atopei por vez primeira con Xosé das Patas, o promotor dese magnífico blog que é Música en Galego. Xosé púxome ao día dos seus proxectos para este espazo completísimo da música popular en galego, onde podemos escoitar dende as voces pioneiras até as propostas máis recentes. Falamos, tamén da súa Radio, na que emite de forma continuada música na nosa lingua. Xosé das Patas desenvolve un traballo galeguizador enorme, ao tempo que de forma desinteresada axuda a visibilizar todos os eidos da música en galego: libros, discos, vídeos, festivais, espazos na rede e calquera tipo doutras iniciativas. Un esforzo que merece todas as nosas beizóns. Recomendo vivamente seguir o seu blog e a súa radio.
Teño escrito nalgunhas ocasións que nacín no Pirulí. O que non sabía, até onte, foi que aquel día despois da santa Lucía, patroa das costureiras, caera en luns. Averigüeino de forma fortuíta, grazas a un correo dun amigo que me recomendaba consultar “o periódico do día que naciches”. Enlaceino e din coa formidable edición dixital de La Vanguardia que, precisamente, aquela xornada non se publicou por ser luns. Foi inevitable repasar as noticias do día seguinte, un martes chuviñento de decembro de 1959, segundo a breve referencia meteorolóxica do tempo en Galicia. A noticia principal de portada non era nada doutro xoves: “O infante Juan Carlos de Borbón recibiu o seu despacho na Academia General Militar”. Porén, para min debullar nas páxinas interiores foi un exercicio de maior interese. Na carteleira anunciábase a estrea de Los 10 mandamientos como “o maior acontecemento da historia do cine” e nunha das páxinas de deportes atopei a clasificación da 13ª xornada do Grupo Norte da Segunda División na que o Orense figuraba na segunda posición, o Celta na terceira e o Coruña na quinta. Esta hemeroteca dixitalizada de La Vanguardia é un motor brutal de memoria que pode ofrecernos moitas outras sorpresas. Unha ferramenta moi recomendable.
Siniestro Total é a Vigo o que The Beatles a Liverpool. Era, pois, inevitable a nosa presenza no concerto sinfónico co que celebraba o seu trinta aniversario. Durante pouco máis dunha hora asistimos ao diálogo do grupo vigues de rock and roll coa quincena de compoñentes do Taller Atlántico Contemporáneo, unha experiencia moi audaz na que dende dúas tonalidades, a do rock e a da música contemporánea, se exploraba a creación dun novo espazo sonoro. Sen dúbida, a partitura de Javier López de Guereña, dende a serie dodecafónica, deconstruíu con bastante acerto as melodías dos grandes éxitos de ST, que a orquestra interpretou con convicción e elegante enerxía. Porén, os nosos roqueriños tiveron moitas máis dificultades para enlazar con esta sonoridade deconstruída. Non era doado, en moitos temas semellaba imposible. Ao longo da experiencia lembrei aquelas performances de Sachtmo, hai tamén tres décadas, nas Enrique X. Macías, o grande compositor vigués, esquecido onte nos divertidos parlamentos teóricos de Julián (para min estas intervencións foron o mellor da noite), pretendía un obxectivo semellante de diálogo entre as músicas do noso tempo, a clásica e a popular. Máis alá do resultado artístico desta suite suicida, que deixou bastante frío ao público que case encheu o García Barbón, en grande medida membros da xeración Polycomander, Siniestro Total demostrou que sempre será moito máis ca un grupo de R&R. A interpretación de «Galicia gran carallo de sal», ao remate do concerto, foi memorable. Ese himno, coa que está caíndo, é un berro de pracer.
Xabier Docampo avisoume hai dous anos. Repetiumo onte: «Vinte tocando como primeiro violín da orquestra Filharmónica de Viena». A verdade é que non vou discutir se imito ao virtuoso, tanto ten, aínda que non vou desaproveitar a posibilidade que isto me permite de soñar, ao comezo de cada ano, que vivo durante unhas horas co corazón dun violinista. Sexa como for, deixo o entusiasmo da marcha Radetzky para o comezar co novo pulo este difícil 2012. As persoas que prefiran gozar do concerto completo, dirixido polo mestre letón Mariss Jansons, poden facelo dende a magnífica web da CRTVE, a compañía pública que quere dinamitar o Goberno de Maríano Rajoy. Bo ano, con moita música e moita lectura!
[Todos os anos adoito este noite de fin de ano facer unha homenaxe aos meus admirados Oasis. O pasado ano fixen unha excepción con Lois Pereiro, que repetirei este ano por mor do centenario de Celso Emilio Ferreiro.]
Aproveitamos estes días ao ralentí para meterlle o dente á primeira tempada de Treme. Outra marabilla de David Simon e a HBO. Desta volta o tema é o desarraigo nun barrio (Treme) de Nova Orleáns tras ser destruído en 2005 polo furacán Katrina. A música é o líquido que flúe polas veas duns personaxes que non se resignan a quedar asolagados pola traxedia. A narración é dunha elegancia extraordinaria. O guión é combativo, sen agochar a presenza da dor nin da beleza dunha cidade que a pesar da desfeita preséntase fascinante. Treme é un encontro memorable entre o amor e a morte nesta cidade que emerxe da inundación con toda a potencia das súas contradicións e conflitos. Semella moi recomendable, tanto para os que aman a música, sobre todo o jazz e o R&B, como para os que non lles chistan as series e prefiren o cinema.
Esta escena coa que remata o primeiro capítulo é moi representativa do seu ton.
Conectei o blog de xeito permanente con Anfiteatro GZ radio, unha emisora libre que emite en Internet en galego as vinte e catro horas coa intención de fomentar a música e a literatura de noso. Polo momento, emite só música, cunha importante presenza da galega, aínda que pretende completar a programación con novas de actualidade e programas sobre cine e literatura. Para que este novo medio en galego poida manter o seu dominio virtual precisa conseguir unha media diaria de 130 horas de audiencia, entre todos os seus oíntes. Axudaremos a conseguilo se empotramos o seu reprodutor en cada un dos nosos blogs e o mantemos en «play» (se preferirmos o silencio, abonda con baixar o volume). O futuro deste novo proxecto de comunicaicón colaborativa depende de nós. Difunde, espalla e comenta.
O 27 de decembro de 1981 o cine Salesianos, que rexía Salvador Penín, acolleu un dos concertos do Nadal Rock, organizados pola concellaría de Cultura do concello de Vigo que rexía Francisco Santomé. Ao escenario subiron catro grupos: os portugueses Arte e Oficio, os madrileños Nacha Pop e dous vigueses Trenvigo e Siniestro Total. O primeiro formado polo cantautor Bibiano Morón, que decidiu mudar de estilar e fichar aos membros do grupo Druída, Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez. O segundo, unha formación que se estreaba aquela noite formada polos membros de Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, Alberto Torrado, Miguel Costas e Julián Hernández, ao que se engadía como cantante Germán Coppini. Para Emilio Alonso, responsable do programa de información cultural “A Trincheira” de Radio Cadena Española en Vigo, aquel festival constituíu a epifanía do movemento cultural e social que se desenvolveu en Vigo ao longo da década dos 80, bautizado, quizais non do xeito máis afortunado, como “a movida”.
Dous libros recentes de Xerais, “Vigo a 80 revolucións por minuto” do citado Emilio Alonso e “Vigo a explosión dos ‘80” do fotógrafo Víctor de las Heras, retratan dende perspectivas complementarias un fenómeno cultural e social, unha euforia creativa moderna, de interpretación complexa que tendo o seu eixo vertebrador na música (un centenar de grupos de pop-rock) desenvolveuse tamén noutras disciplinas das artes (poesía, teatro ou plástica), da moda, do comercio, da hostelería ou da comunicación. Unha axitación artística que se produciu probablemente máis de noite ca de día. Unha sorpresa que convertíu a unha cidade de tradición industrial e portuaria nun referente de modernidade capaz de atuar a aquel Madrid de “la movida” e de “la nueva ola” de Alaska do que fachendeaban o alcalde Enrique Tierno Galván e o presidente da comunidade Joaquín Leguina, políticos que chegaron a visitar ambos os dous a nosa cidade.
Aquel Vigo foi tamén o da reconversión naval, anos dunha durísima pelexa sindical para salvar o futuro de Ascón e logo de Vulcano, no que a cidade tirou todo o seu carácter revolcado e os metalúrxicos toda a súa afouteza para defender na rúa con impresionantes manifestacións (como se ve nas fotos de Víctor de las Heras) o carácter de cidade industrial e identidade obreira. Anos nos que as feministas saíron a rúa para pelexar polos dereitos da muller e polo aborto libre na Seguridade Social e as mobilizacións contra os verquidos nucelares na fosa atlántica e as manifestacións anti OTAN, diante do xiro atlantista de Felipe González, forxaron os alicerces do movemento pacifista, ecoloxista e de educación para a paz. Anos nos que os estudantes de BUP e COU dos institutos vigueses se mobilizaron de forma contundente, como se facía case todo naquel tempo, esixindo pases para o Vitrasa. Década na que a heroína e a aparición da SIDA comezou a facer estragos sobre unha xeración de mozos desencantada tras anos de mobilización antifranquista dos seus maiores e de expectativas non satisfeitas no proceso de Transición e Reforma Política.
Os oitenta foron, tamén, os do “compañeiro” Manoel Soto como alcalde, gobernando en fráxil minoría, nalgún caso co apoio daquela elegante Esquerda Galega de Camilo Nogueira, sempre cun compromiso firme coa lingua galega e co protagonismo de Vigo no proceso de modernización iniciado pola Autonomía. Foi o tempo de maior protagonismo de Antonio Nieto Figueroa “Leri” na corporación, mais tamén dos seus campionatos de praias e dos seus “felices en Vigo”. Foron os da inauguración da ponte de Rande e da loita polo derrube do escalestri (a icona dos 80), os da colmatación urbana da aba do Castro cara ao Val do Fragoso e do polígono de Coia, convertido na sexta cidade de Galicia, sen contar apenas con servizos sociocomunitarios. Foi a década de dous ascensos a primeira do Celta e daquel mundial de Balaídos no que xogaron Italia, Polonia, Perú e Camerún. Tamén a da inauguración do Teatro e do Auditorio García Barbón da Caixa de Aforros (1984), a do primeiro Festival Internacional do Mundo Celta en Castrelos, a da apertura da Universidade Popular de Vigo na Escola de Artes e Oficios, a do Museo Laxeiro. Como tamén da publicación de “Tintimán” (a revista obxecto), do suplemento “Pharo the Bego” de “Faro”, da primeira concesión do Premio Xerais de Novela no Hotel Bahía ou do comezo da publicación de “Atlántico diario”.
Probablemente, aquela explosión dos 80, como ten sinalado o xornalista Fernando Franco, “aquel cóctel de política, deporte, cultura e sociedade”, contribuísen a conformar o Vigo que agora somos, esa cidade que, a pesar de crises brutais de emprego (como a que agora vivimos) e da febleza das súas élites económicas e políticas, non desiste non seu dinamismo e na súa vontade disruptiva.
A memoria da movida viguesa dos 80, aquela axitación cultural que coincidiu coa reconversión naval, protagoniza dous dos nosos libros desta campaña de nadal. Un relato documental en voz dos protagonistas, preparado polo xornalista cultural Emilio Alonso, e unha grande reportaxe fotográfica de Víctor de las Heras. Dúas achegas que contribúen ao proceso colectivo de memoria dun fenómeno que foi moito máis ca un estoupido musical e puxo algúns dos alicerces sobre os que se desenvolveu a chamada “industria cultural” viguesa das dúas últimas décadas. Onte presentamos o documentadísimo libro de Emilio, o responsable daquel exemplar programa de radio local, “A trincheira”, onde se seguiu co maior detalle todo o que foi acontecendo. Algúns dos protagonistas daquel tempo revolcado de entusiasmo acompañaron ao autor no serán da estrea e no concerto posterior en La Iguana. A vindeira semana, o xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas no Auditorio do concello de Vigo presentaremos o segundo libro, Vigo a explosión dos oitenta.
Coñecino o xoves á noite, cando estaba de viaxe. Daquela publiqueino en twitter e agora podo arquivalo no blog. Unha peza memorable que amosa o amor a lingua de toda unha comunidade educativa, alicerzada polo compromiso do seu claustro de profesorado. Versionar o tema de Siniestro Total, o himno non oficial da miña xeración, é un acerto rotundo. Claro que si, «a lingua sabe a pan» non só no CPI Virxe da Saleta de Cea, tamén en todos en cada un dos nosos centros escolares, nas cociñas e nos salóns dos nosos fogares. A lingua sabe a pan para todos, mesmo para os catro malpoucados que se avergonzan dela. Beizóns para o CPI de Cea por lembralo e polo extraordinario traballo didáctico que supuxo a creación deste lipdub, desenvolvido a partir dunhas palabras de Cunqueiro: «Unha lingua é boa cando sabe a pan fresco». O emprendido en Cea, terra dun dos máis sabedeiros pans galegos, é un dos mellores vieiros para recuperar terreo para o idioma, con entusiasmo, con ledicia, con autoestima. Axuda a difundir a peza: «á lingua sabe a pan».
Esta iniciativa normalizadora , sen dúbida, e unha das máis destacadas do ano. Merece ser recoñecida dalgunha maneira.
Viaxei a Lavacolla entre o lusco e fusco, rachando a primeira borrasca do outono. Por ventura, na radio do coche quedara prendida a Radio Clásica, que me agasallou sen querelo nin bebelo coa Obertura de Tannhauser de Wagner (completa) e unha boa parte co concerto número 2 para piano de Liszt. Tratábase dunha retransmisión en directo, dende Bayreuth, do concerto da Orquestra-Proxecto da Escola de Música Liszt de Weimar, dirixida por Thieleman, con motivo da celebración do douscentos aniversario do nacemento de Franz Liszt. Estou certo que perderiamos marabillas coma esta, se privatizan as emisoras públicas, como ameazan os promotores da austeridade selectiva. Debemos defender as radios e televisións públicas moi teimudamente, non só para asegurar o pluralismo informativo e a utilización vehicular do galego, tamén para permitir eses momentos nos que podemos quedar sobrecollidos pola beleza. Escoitar a melodía wagneriana entre aquel formidable ballón foi memorable.
A pasada semana un dos videoclips máis exitosos de Internet foi «El Tiempo Futuro», unha das cancións de «Están ustedes unidos», o segundo disco de Eladio y los Seres Queridos, o grupo vigués que actuará o xoves na primeira xornada do “Vigo Transforma 2011”. Parella artística de Germán Fandiño en Tony Lomba & Elio dos Santos e compoñente que foi de formacións independentes como Starlux, Medusa ou The Foggy Mental Breakdown, Eladio Santos (Vigo, 1973) presentará no peirao vigués as cancións deste disco memorable, de son potente, musculoso e agarimeiro, chamado a converterse no máis importante da súa carreira e capaz de abrirlle o interese de públicos diversos.
Entre a ducia de melodías bonitas e voces claras, nas que Eladio relata historias cotiáns interesantes e ofrece reflexións comprometidas, chama a atención «El Tiempo Futuro«, un dos himnos máis luminosos e acaídos que se teñan dedicado a Vigo, na liña das mellores achegas de Siniestro Total ou Os Resentidos, creadores da «civilización Vigo» daqueles anos oitenta da salvaxe reconversión naval. Trinta anos despois, esta canción tranquiliña de piano e cordas, de melodía moi amable expresa o carácter austeramente revolcado desta cidade nosa construída co esforzo e a inxenuidade xenerosa da súa cidadanía seguindo o ritmo marcado polas sirenas. «Baixo a chuvia medramos máis fortes», «agardamos ao ano que ven, esa loucura é a que hai que crer» son algunhas das afirmacións de Eladio para expresar esa temperanza tan nosa, ese espírito retranqueiro capaz de estragar un penalti no momento máis decisivo e que a inevitable desolación que iso provoca apenas dure uns minutos e ocupe para o duelo colectivo unhas cantas páxinas no Faro. Como é certeiro o remedio que propón de asumir que, nestes tempos tamén de crise, o “tempo do futuro está aquí”, asumindo os riscos de continuar soñando a cidade día a día. Unha proposta de corresponsabilidade moi de agradecer, presente tamén noutros temas como «Eso no es así», «Toneladas de la nada» ou «Están ustedes unidos», que dá título a un traballo no que se reafirma esta mensaxe positiva e agarimeira, esa confianza nas persoas e nas posibilidades de actuar unidas.
Particular interese da proposta de Eladio Santos sobre o Vigo actual ten a peza audiovisual de tres minutos e medio dirixida por Alberto Baamonde e producida por Iria Pinheiro para Zinqin e Esmerarte. Unha marabilla para os ollos, chea de cativos detalles larpeiros para identificar nunha cidade que se presenta luminosa, colorista, dinámica, bonita onde bolen os transportes e a presenza da ría e dos seus portos reclama ese protagonismo que tantas veces se lle roubou. Dende a primeira imaxe («Arrecende a leña a cidade»), as leiras entre os edificios, inequívoca testemuña do noso carácter simbiótico; pasando polo protagonismo das imaxes da Panificadora, da oliveira do Paseo de Afonso, da desfeita urbanística do Casco vello, da acampada dos indignados da praza da farola (de Galicia), da praia de Samil, da costa da Gran Vía, do estadio de Balaídos, do Castro, dos edificios da Travesía, das latas e dos guindastres de Guixar, dos coches da Citröen en Bouzas, da Guía e das instalacións da ETEA, do intenso tráfico industrial da autoestrada, das procesións dos católicos, dos cruceiristas que nos visitan fugazmente, da dureza do actual Campo de Granada, das lonxas do Berbés, da praza das Travesas, dos xardíns do Pazo de Castrelos, da silueta do Museo do Mar, dos soños do Marco, do edificio de Asefal, das Cíes ao lonxe, o Sireno entre o lusco e fusco, deica as derradeiras e moi fermosa do baile sobre a auga das rapazas do equipo de sincronizada do Náutico debuxando na piscina as estelas do futuro compartido, este vídeo arrecende a salitre e pedramol, unha expresión euforizante do optimismo da vontade (“se é inxenuo, que máis dá”), probablemente unha das estratexias máis eficaces nos tempos difíciles. Son perfís, apenas liñas que definen un macrorretrato da nosa abella da ribeira, esoutra afanosa cidade portuaria atlántica.
Este vídeoclip enfróntanos de forma emotiva co exercicio difícil de determinar cales son os compoñentes da identidade viguesa, unha cidade que sabemos en crise permanente, capaz de facer e refacer a sua fasquía ao longo da súa historia bicentenaria, capaz de soportar durísimas reconversións industriais e os máis mediocres liderados institucionais, mais da que temos dificultade para identificar elementos indiscutibles de permanencia. Eis quizais resida unha das cuestións máis decisivas para a planificación estratéxica que precisamos, ese tempo futuro (metropolitano e en mudanza profunda) no que xa vivimos. A actual crise económica, social e política, unha crise de carácter global obrigará a reformular os proxectos urbanos e os servizos ofrecidos polas diversas administracións locais. Ese é o tempo futuro.
Este vídeo vigués é marabilloso. Arrecende a salitre e pedramol. Xa sei que será para o ano que ven, xa sei que esa loucura é a que nos mantén. Que grandes verdades para unha cidade permanentemente revolcada. Apostemos polo optimismo da vontade. O tempo do futuro está aquí. Beizón!
Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.
Eis a relación e os seus enlaces:
Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de Novela por Extramunde.
Héctor Carré, gañador do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por Febre.
Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil por A chave da Atlántida.
Hoxe recibín por correo electrónico o enlace con este vídeo. Magnífica arenga cívica do mestre Riccardo Muti previa a interpretación de “Va pensiero”, o coro do terceiro acto do Nabucco de Verdi, no Teatro dell’Opera di Roma. Antes da representación, Gianni Alemanno, o alcalde de Roma, antigo ministro de Berlusconi, pronunciara un discurso denunciando os recortes gobernamentais ao orzamento de cultura. Estas foron as palabras de Mutti pronunciadas o 12 de marzo de 2011 en presenza de Berlusconi, que ocupaba un dos palcos:
“Eu non teño trinta anos e, polo tanto, xa vivín o que tiña que vivir. Pero hai moito que…. como italiano… viaxando polo mundo… sinto moita dor polo que está pasando. E, por tanto, se fago, a petición vosa, un bis de “Va pensiero”, non o fago tanto, ou só por razóns patrióticas…
Esta noite, mentres o coro cantaba magnificamente “oh miña patria, tan bela e perdida”, pensei que se asasinamos a cultura sobre a que foi fundada a historia de Italia, realmente a nosa patria será bela e estará perdida.
[Ovación, incluída a dos membros do coro que permancían ne escea]
Polo tanto, como estamos nun clima moi itálico… e moitas veces Muti calou… durante tantos anos…, gostaría que fixeramos unha excepción: estamos na nosa casa, non? o teatro da capital. O coro cantou maxistralmente, a orquestra acompañouno estupendamente, e vos, se queredes vos unir tamén, facémolo todos xuntos. A ritmo!”
Eis unha mostra de como podemos expresar a nosa indignación colectiva. Emociona comprobar como unha representación operística ou teatral, un concerto, ou unha presentación dun libro son actos cívicos por excelencia. Efectivamente, como denuncia o bravo mestre Mutti, como el recoñece “tantos anos calado”, se asasinamos a cultura, a nosa patria será fermosa, mais inevitablemente perdida. Non podemos permanecer calados. Unha lección que non debemos esquecer.
Hoxe o mundo celebra o setenta aniversario do gran Bob Dylan, unha das figuras cimeiras da cultura do noso tempo. Hoxe é bo día para desvelar que Vicente Araguas anda a traducir para o galego unha escolma das súas cancións que pretendemos publicar nos vindeiros meses. Agardo que sexa outro fito para a lingua e edición galegas.
Acabo de mercar Maxicamente vello, o segundo disco de Roi Casal. Unha marabilla! Xa coñeciamos dende hai case dous anos a canción que dá título ao disco, un fermoso tema sobre o idioma galego, baseada nun texto de Manuel María. A pesar do comezo vacilante da versión do vídeo, que non lle fai xustiza a do cedé (moi mellorada, máis firme e matizada), creo que este será o himno do noso tempo en defensa do idioma galego.
A voz, o texto e o piano, abondan. Magnífica, Adele!
Se che gustou, estoutro tema «Set fire to the rain», non é menos apaixonante, xenial. Ambos os dous incluídos en 21, un disco memorable desta rapaza de Tottenham.
Os amigos e amigas de Radiofusión tiveron a xenerosidade de ofrecerme a posibilidade de comentar cinco das cancións que me gustan. Emitirán unha cada día laborable da vindeira semana (a de entroido). Esa foi a miña escolma (tan difícil):
Son fan do proxecto «SonCine» promovido polo IES do Porto do Son. Esta peza, «A mata», preparada polo alumnado de 3º de ESO cunha cámara fotográfica LUMIX é magnífica. Forma parte do proxecto «O meu Son», como «A praia do Dique» e «Noal». Traballos escolares que nos deixan pampos. Extraordinarios. Sobran as palabras. Recoméndoas. Beizóns ao equipo todo de SonCine.
Dalgún xeito a canción de John Lennon «Give Peace a Chance» foi versionada por Paul McCartney no seu tema «Pipes of Peace». Pode ser un xeito de celebrar este día de Nadal, no que está ambientado o clip.
Estas cousas son as que me fan chorar. Este proxecto educativo é unha pasada! Iniciativas desta fasquía amosan que temos futuro. Parabéns aos meus amigos do Colexio Humberto Juanes de Nigrán.
A pesar da unanimidade dos ditirambos dos tertulianos e da lexítima e irada protesta dos viaxeiros tirados polos aeroportos, cústame moito crer que toda a responsabilidade de semellante caos corresponda ao «egoísmo dos controladores». Semella que o proceso de privatización de AENA (unha empresa pública rendible), anunciado polo Goberno hai uns días, como a incapacidade do Ministerio de Fomento ao longo dunha década para aumentar o cadro de persoal nas torres de control e, sobre todo, a demostrada incapacidade do ministro Blanco para cumprir os seus compromisos e volver a negociar con este colectivo as súas condicións de traballo son factores que axudaron a chegar a esta situación límite. Unha crise «resolta» polo Goberno de forma claramente insatisfactoria para o noso sistema de liberdades e garantías, xa que a vía do estado de alarma previsto no artigo 116.2 da Constitución semella dificilmente aplicable á actual situación. Un longo litixio, pois, quedou aberto. Ademais, que sindicatos tan poucos sospeitosos como a CGT apoien aos controladores ou que CC.OO e UGT se opoñan á privatización de AENA, debe facernos reflexionar sobre as causas dunha protesta que, insistimos, sabemos desproporcionada nos efectos que provoca. Ninguén dubida que os controladores deben asumir un comportamento socialmente responsable, mais tamén é certo que a xestión da crise por parte de Rubalcaba e Blanco (cun Zapatero xa desaparecido e, previsiblemente, abatido) amosa as carencias dun Goberno que chega case sempre tarde a poñerlle remedio ás feridas. Así non nos pode extrañar que Rajoy agarde felizmente no aeroporto de Lanzarote a que esta enleada vaia deteriorando un pouco máis ao Partido Socialista, ampliándolle o seu camiño triunfal cara a Moncloa. Nunca a estratexia dos que lle recomendaron que se metese na cama ata 2012 tivo máis eficacia. Lamento as penalidades desas 600.000 persoas, reféns da incompetencia do Goberno e da posición tan estratéxica como forma de protesta equivocada dos controladores.
Eis o magnífico vídeo que preparou Fernando Lema do acto da presentación o pasado 14 de outubro na praza de Cervantes de Todo é silencio de Manuel Rivas, organizado pola Libraría Couceiro. Iria Peña canta o fado «Chaves da vida», acompañada nas guitarras por Miguel Ladrón de Guevara e Gastón Rodríguez.
Hoxe presentamos a edición do Culturgal 2010. A Feira das Industrias Culturais Galegas do 26 ao 28 de novembro volve ao Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, o berce onde recibiu os seus primeiros aloumiños en 2007. Un Culturgal moi renovado organizativamente, máis sólido ca noutrora xa que está alicerzado no traballo de seis asociacións de profesionais da industria cultural galega: os editores da AGE, as empresas musicais AGEM, os editores musicais de AGAPHONO, as empresas de Internet de EGANET, os produtores audiovisuais de AGAPI e os membros de ESCENA GALEGA. Un Culturgal austero, como corresponde ao memomento que vivimos, que contará co patrocinio de AGADIC, o concello de Pontevedra e o amparo do programa CREATIVA. Xa haberá tempo de anunciar o programa de actividades deste Culturgal, hoxe saudamos este esforzo de traballo en man común dos diversos sectores da cultura galega. Eis a arte da unidade en tempos de crise.
Son sincero, no meu Itunes teño máis de catro mil cancións, das cales case novecentas son de música galega, e entre elas non hai ningunha de Ana Kiro. Porén, que musicalmente non me interesara nunca non quere dicir que esta muller afouta na defensa da cultura de noso, insignia da galeguidade e da Galicia emigrante, mereza toda a nosa admiración. Recomendo este vídeo da homenaxe de Arzúa hai dous anos e o fermoso artigo que lle dedicou o pasado mes de agosto Víctor Freixanes. Beizóns, Ana Kiro!
Simpático tema da humorista e cantante Rachel Bloom que homenaxea ao escritor Ray Bradbury, autor entre outras marabillas de Crónicas marcianas e Fahrenheit 451. A canción de Bloom constitúe unha intelixente parodia do xénero da ciencia ficción, transformando ao nonaxenario escritor en estrela e aos seus libros en pezas moi moi excitantes. Un convite moi interesante dende Internet para a lectura das obras de Bradbury, a pesar de que o velliño mandase a Internet ao inferno.
Un gaiteiro beduíno recibiunos no impresionante teatro da cidade grecorromana de Xerash (unha das marabillas arqueolóxicas menos coñecidas de Xordania). Aínda que o seu xeito era bretón daba xenio escoitalo, a pesar de que alí nese momento ía unha calor que se achegaba aos 50º.
”Un día, atopei un enorme libro soterrado na terra. Abrino, mais todas as súas follas estaban en branco…”, o vídeo de «Bachelorette» de Bjork é unha fermosa recomendación que ven da man de Iolanda Zúñiga.
O profesorado da Sprague Elementary School (USA) gravou este lipdub (“Put Books in your head”) para animar ao seu alumnado a ler no verán. Chamoume a atención polo que ten de testemuño do que se está facendo na maioría dos sistemas educativos por presentarlle ao alumnado a lectura como unha actividade atractiva; todo un claustro non dubida a poñerse a bailar para seducir aos rapaces e rapazas a que se atrevan cos libros. Bravo! Outrosí sucede coa fórmula dos lipdub, eses vídeos de danza colectiva e contínua (utilizada con éxito para a defensa da nosa lingua), asociados á cultura viral das redes sociais. Vencellar ambos os dous elementos, semella unha fórmula a ensaiar na promoción da lectura nos centros educativos.
O lipdub permite, ademais, coñecer por dentro as instalacións dunha Escola Primaria estadounidense, é moi recomendable reparar nos detalles, así como na letra da canción de Jason Derulo.
Henrique Otero Covelo, «o gaiteiro do Fragoso», naceu hai case oitenta anos no camiño da Brea, en Lavadores. Os seus primeiros pasos no eido da música deunos ao pé da casa, nas Escolas Nieto, onde Mónico García de la Parra y Téllez, descubriu o seu talento como instrumentista. Con a penas dezaseis anos, entrou a formar parte da Banda Municipal de Música como trompa, para pasar logo a tocar o fliscorno e o bombardino; despois de case cincuenta anos domeando o vento, era o músico máis antigo no momento da súa disolución no ano 93.
No servizo militar serviu na sección de gaiteiros do Ministerio do Exército de Madrid, cidade onde coñeceu o gaiteiro lucense Antonio Martínez, que lle deixou unha forte pegada. O mozo Covelo intuía xa o que era a gaita enxebre, a gaita non lixada, a gaita do arrogante gaiteiro de Penalta que cantou Curros Enriquez, a pureza das notas de Xan Míguez o «gaiteiro de Ventosela», ou a de Avelino Cachafeiro o «gaiteiro de Soutelo».
De volta a Galicia, entrou no grupo de gaiteiros «Vento das Cíes» e, pouco despois en 1958, coincidindo coa celebración do IIº Concurso de Gaitas convocado pola sección viguesa de Educación e Descanso, fundou co gaiteiro Suso Portela «Os Cruceiros»; un cuarteto clásico que completaban Carlos Conde, tamborileiro, e Manolo Solla, bombeiro, e, ao que ocasionalmente, se engadía Militón, un consumado xenio no arte da pandeireta.
«Os Cruceiros» sortearon durante vintecinco anos os perigos trivializadores do folclorismo que promovía a Sección Feminina e os Coros e Danzas do Réxime coas únicas armas do seu talento e da súa intuición; acadaron grande popularidade en todo o país, chegando a gravar un elepé e catro discos singles. «Airiños do Parque de Castrelos», «Airiños de Sampaio», «Os Morenos de Lavadores», «Os Campaneiros de Vilagarcía», «Os Garceiras de Melide» ou «Os Raparigos de Ferrol» foron outros grupos que mantiveron viva a nosa música popular nun tempo heroico para a expresión da nosa identidade.
O gaiteiro do Fragoso non se conformaba e será quen propoña en 1966 ao alcalde Portanet a creación dunha Escola de Gaiteiros na Escola de Artes de Oficios. Iniciativa que se concretaría en 1971 coa posta en funcionamento dunha aula experimental de gaita dentro do Conservatorio Municipal de Vigo da que será o seu primeiro mestre. O fito senlleiro desta primeira «cátedra da gaita galega» levarao a loitar por dar un paso máis aló: facer oficial a gaita. Un novo soño feito realidade en 1977, co apoio do pleno da Corporación, cando o Ministerio de Educación y Ciencia recoñeceu por vez primeira os estudos oficiais desta expresión musical.
Dende a súa cátedra do Conservatorio vigués o gaiteiro do Fragoso desenvolveu unha inxente tarefa como facedor de gaiteiros e defensor da mellor tradición gaitística galega. Coma formiguiña entusiasta puxo os alicerces da alborada actual da nosa gaita no mundo. Velaí a publicación das súas Leccións de gaita no ano 1978. Velaí os seus centos de alumnos e discípulos como o mestre Xaime Estévez Vila ou os recoñecidos Carlos Núñez e Susana Seivane. Velaí a vixencia das súas pezas interpretadas por grupos como Noitarega ou Treixadura. Velaí as súas duascentas dez composicións orixinais, reunidas baixo a denominación d’ Os cantares dos gaiteiros, unha única obra, magno friso creativo da música popular contemporánea de noso. Velaí a profundidade dalgunhas das súas pezas vocais, inesqueciblemente emotivas como a «Oración do gaiteiro» que escribiu no recordo dos rapaciños do Colexio Vista Alegre de Cabral, afogados no accidente do río Órbigo; velaí o virtuosísmo da súa muiñeira da «Marmuradiña», a profundidade da súa «Alborada do Fragoso», a enxebreza da súa «Muiñeira do Lagares», ou a riqueza tímbrica formidable da súa «Jota do Gaiteiro do Fragoso».
O gaiteiro do Fragoso toca a gaita que sabe a herba, a das raíces da terra, a do sabor popular que nos permite brincar con entusiasmo. Os nosos parabéns pola homenaxe que recibiu onte en Vigo, gaiteiro, mestre de gaiteiros!
As mellores experiencias de fomento do galego e de defensa dos dereitos lingüísticos estanse promovendo dende os equipos de normalización e dinamización lingüísticas dos centros esolares (sei que agora obrigan a chamalos doutra maneira). Velaí esta excelente peza audiovisual do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas que tira partido das posibilidades técnicas da animación «stop-motion». Formidable, tamén, a colaboración de García MC. Recoméndoo.
Reitero o meu consello de subscribirse á fonte do Planetaki Planet, o agregador dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, unha páxina de absoluta referencia para coñecer todo o que está fervendo nese grande movemento.
Chego vía Manolo Gago (obrigado) a esta peza que Anze Perzin preparou para o pavillón de Portugal da Expo de Xangai 2010. Chamoume a atención na música de Rodrigo Leão a importante presenza de gaitas e a escena final de tambores case a ritmo de treboada. Como peza publicitaria pareceume eficaz. Non falta nin a cortiza nin o viño do Porto nin os goles de Cristiano Ronaldo nin a fadista Mariza. Unha imaxe amable de Portugal para proxectarse no mundo.
O programa de Vigo Transforma é xeitoso, interesante, mais cando coñecín a web produciume enorme desacougo que de alí desaparecese completamente o galego. Un feito absolutamente inaceptable nun evento organizado polo Xacobeo 10, organismo dependente da Consellaría de Cultura e Turismo; máis incoherente aínda cando pretenciosamente o festival preséntase adornado cun concepto de sostibilidade dun «acontecemento social cultural que se involucra na cidade». Acaso en Vigo ou en Galicia non falamos tamén o galego? Vai forma de involucrarse coa cidadanía! Parécenos moi valioso facer en Vigo un festival de música independente e de novas expresións artísticas e creativas (non imos debater ni os contidos do programa nin o modelo de organización e financiamento), mais negar outra volta a nosa lingua, facer desaparecer o galego da web do evento, sen tan sequera ofrecer a posibilidade dunha tradución ao galego (xa non pedimos máis) é un escándalo. Anóxame máis cando vexo na grella de patrocinadores institucionais á Tenencia de Alcaldía de Vigo, Concellaría de Cultura (que incumpren a Ordenanza vixente de Normalización Lingüística) e Puerto de Vigo. Non podemos nin debemos calar, esiximos que os organizadores de «Vigo Transforma» pidan desculpas decontado e presenten toda a súa publicidade tamén en galego, é un dereito que nos asiste aos cidadáns que usamos esa lingua.
Tá legal
Tá legal, eu aceito o argumento
Mas não me altere o samba tanto assim
Olha que a rapaziada está sentindo a falta
De um cavaco, de um pandeiro ou de um tamborim
Sem preconceito ou mania de passado
Sem querer ficar do lado de quem não quer navegar
Faça como um velho marinheiro
Que durante o nevoeiro
Leva o barco devagar Paulinho da Viola
Suzie Templeton ten outras dúas pezas de animación interesantes, Stanley (sete minutos) e Dog (seis minutos), ambas as dúas empregando tamén a técnica de stop-motion.