Lembrando aquel «Madrid se escribe con V de Vigo» dos tempos de Manuel Soto, a de onte, ademais da do enterro da sardiña, foi «Unha noite de Vigo en Madrid» de Abel Caballero. Non acredito na eficacia deste tipo de iniciativas voluntaristas e custosas como ferramentas de promoción turística, porén quero pensar que a súa presenza nos medios de comunicación vigueses algo nos axudará a conservar a aura de dinamismo cultural en eidos creativos diversos que hai trinta anos acuñou aquel Vigo da movida. Nun momento de catástrofe cultural (tamén no eido musical), este tipo de eventos deben servir de acicate e estímulo, sen compracencia ningunha, para reinventarnos. O Vigo do futuro non pode vivir sempre do mesmo mito.
Os estudantes de Valencia continuaron a súa mobilización a prol da Educación Pública de forma pacífica. Lembrarémolos erguendo os seus libros e berrando: «estas son as nosas armas». Blindados cos seus libros poñían en valor eses humildes artefactos de papel impresos como símbolos da liberdade de expresión e da educación de calidade. Nun momento de tránsito profundo no eido da comunicación cultural e educativa, cando se adoita desprezar de forma inxusta ao libro impreso como obxecto, esta foto de EFE debera quedar para a historia contemporánea da nosa edición e da nosa educación. Estes libros son portadores do entusiasmo dunha mocidade que non acepta os ditados do partido conformista. Un feito que me produce unha profunda ledicia e me provoca esperanza.
Comparto o tuiteo de Juan Cruz: «Impresiona que todo comezase porque os rapaces tivesen frío». En efecto, convén lembrar que o conflito do Instituto Luis Vives de Valencia tivo a súa orixe nunha reivindicación da súa comunidade educativa en defensa da educación pública, apenas a solicitude de fondos para a calefacción do centro. A iniciativa dos estudantes de Secundaria e Bacharelato, que acudiron ao instituto con mantas e días despois se mobilizaron na rúa contra os retallazos educativos, convertiuse para a Delegación do Goberno nun grave problema de orde público. A actuación policial de onte, absolutamente desproporcionada, no contexto das medidas de axuste fiscal e de dura reforma laboral, amosa que o Goberno Rajoy está decidido a demostrar a súa autoridade na rúa, promovendo o medo nunha sociedade xa abondo amedrentada. Desque Rajoy goberna sigo con maior interese a prensa internacional xa que axuda a interpretar o que aquí sucede con maior obxectividade. Ben sería que se reflexionase devagariño sobre as consecuencias de semellante estratexia preventiva. Onte acendeuse en Valencia unha faísca que pode provocar un incendio de dimensións considerables nunha sociedade cada vez máis desigual. Os estudantes valencianos anuncian que se manifestarán con libros, o símbolo da educación e a tolerancia que tanto precisamos.
O éxito das manifestacións contra a reforma laboral de Rajoy é un síntoma do que pode acontecer no futuro. As polo menos vinte e cinco mil persoas, moita xente, da convocatoria viguesa, na que non participaron os sindicatos nacionalistas, anuncian que pode estar rematando a hexemonía do partido conformista. No abrente dese novo contexto, a unidade de acción entre todos os sindicatos e tamén das organizacións políticas de esquerda é imprescindible. Só así será posible intentar evitar o importante retroceso nos dereitos laborais que supón esta reforma.
Fin de semana en Vigo de moito Entroido, días de xoldra, cocido, orellas e crítica purificadora. Mágoa que ese espírito entroideiro non lle fixera graza ningunha a Abel Caballero que mandou retirar da cruz do Castro a cartela de «Alcaldía». Intrasixencia semellante que comparte algún conservador vigués que critica ao alcalde por non facelo cos simpatiquísimos mecos que serán queimados na noitiña do martes na Porta do Sol. Deixemos ceibe durante uns días ese espírito retranqueiro, tempo haberá para utilizar outros argumentos.
Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.
Xa imaxinaba que ía interesar moito a biografía de Manuel Rodríguez Saa, o conde de Waldemar, o mago, prestidixitador, ilusionista e telépata de sona internacional nacido en Portomarín. Xosé Díaz e Belén Fernández descubren no seu libro o sorprendente itinerario vital e profesional deste galego de aldea que durante o primeiro terzo do século XX percorreu o planeta enteiro e chegou a vivir uns anos dourados da súa vida en Filipinas, onde casou cunha millonaria. Falecido, hai case trinta anos, Carlos Coira e o Mago Antón aínda tiveron oportunidade de coñecelo e, dende entón, consideralo como o referente indiscutible da actual xeración de magos galegos. O doutor Saa –tamén chamado «rei dos magos» e «mago dos reis»– é outra desas figuras galegas de lenda, unha desas personalidades míticas por descubrir e reivindicar. Un libro do que me sinto moi orgulloso ter editado e recomendo moi vivamente.
Na gravación dunha longa entrevista arredor do Díaz Pardo editor, o profesor Xesús Alonso Montero salientou o seu papel como editor clandestino. Debeuse a Isaac (baixo o alcuño de Santiago Fernández), coa colaboración de Luís Seoane (Maximino Brocos), a edición de Galicia hoy, o famoso libro colectivo de Ruedo Ibérico, editado en París e fabricado en Buenos Aires, que daba resposta ben cumprida á campaña publicitaria dos 25 años de Paz, preparada polo Manuel Fraga. Unha edición que Díaz Pardo repetiu en 2008, cando viviu un dos seus momentos máis difíciles como editor. Unha das proezas da edición antifranquista que ven moi ao fío lembrar o día que Díaz Pardo foi homenaxeado polo Museo do Pobo Galego, a institución da que foi presidente durante unha década, nun acto emocionante no que o salón de actos quedou moi pequeno.
Preguntado Abel Caballero sobre o papel do PSOE vigués no próximo congreso do PSdeG-PSOE do 9 de marzo confesou que el «quere xogar na división española». En menos palabras pode expresarse a visión inequivocamente xacobina de quen cre sentirse politicamente máis importante xogando no terreo do chamado «socialismo español», minusvalorando de forma prepotente a organización galega do seu partido e, polo tanto, a autonomía e autogobenro galego. Esta involución xacobina percíbese tamén na actuación do seu equipo de goberno municipal que abandonou, con algunhas honrosas excepcións, a utilización sequera ritual da lingua galega e o apoio do concello a proxectos culturais en clave galega como o Museo Liste ou o arquivo Pacheco. De continuar por ese camiño errado, Caballero podería chegar a ter problemas moi serios para a súa continuidade na alcaldía.
En Viena, o propietario dun burdel ofrece tres dos seus cuartos gratis aos sen teito xa que para el «neste clima frío ningúen debe permanecer na rúa». Cada mañá, camiño da oficina, atopo na parada do Vitrasa de Urzaiz a un dos sen teito do noso barrio, un vello que vive alí, diante do escaparate dun comercio de toallas e sabas, as vinte e catro horas do día. Sentado sobre dúas bolsas grandes, que lle serven de tallo, abrigado por unha manta, pasa a xornada escoitando un pequeno transistor. Á noitiña, cando regreso, comprobo que continúa alí, atento ás noticias e aos debates radiofónicos. Como podemos permitir que esta persoa poida permanecer na rúa día tras día?
Tras un fermoso xantar de amizade, seguín por twitter a asemblea aberta do Encontro Irmandiño. Non me sorprendeu a marcha de Beiras e da súa xente do BNG, unha saída case inevitable tras o fracaso na asemblea de Amio do proxecto común do nacionalismo galego que eles defendían. Unha decisión que influirá na que poida adopar +Galiza o vindeiro mes de marzo xa que racha o precario equilibrio saído da XIII Asemblea. Abrirase, entón, unha etapa moi difícil e incerta para o futuro das diversas opcións nacionalistas que, inevitablemente, participarán na carreira pola reconstrución do espazo galeguista arredor de novos proxectos políticos e/ou electorais e, sen dúbida, pretenderán contar con todas voces, sensibilidades e mans cidadás dispostas a traballar nun proxecto que teña só a Galicia como norte. Cal será o proxecto capaz de aumentar o perímetro do abrazo que galeguistas e nacionalistas ofrecen á sociedade galega? Poderán converxer electoralmente os proxectos que hoxe se afastan? Hoxe non o sabemos. En todo caso, estamos no albor dun proceso que requirirá tempo, xenerosidade, intelixencia e flexbilidade abondas para se converter en alternativa real ao conservadorismo que hoxe nos abafa. No entanto, o futuro noso tamén se dirimía no serán de onte na ateniense praza Syntagma, onde máis de cen mil concidadáns europeos defendían pacificamente a súa dignidade nunha situación límite. A crise do proxecto europeo, unha mostra da complexidade do tempo contemporáneo, require tamén a súa resposta neste sintagma de futuro nacionalismo galego, iniciado nun momento crítico da nosa historia.
Mónica G. Prieto, unha xornalista de guerra, fundadora de Cuarto Poder, publica en Periodismo Humano unhas crónicas estremecedoras sobre o que está sucedendo en Siria dende hai máis de dous meses. O castigo que está recibindo a cidade rebelde de Homs é tremendo. Monica G. Prieto relata que, tras mes e medio de conflito armado, un dos obxectivos dos ataques da artillaría e dos helicópteros do exército de Bashar Al Assad son as antenas parabólicas que manteñen o sinal de televisión e internet. Impedir que as filmacións deste masacre, realizadas por cámaras cidadáns, cheguen a todo o mundo por medio de internet, é un dos obxectivos da ditadura siria. O barrio de Baba Amr é un dos máis atacados como testemuña esta mensaxe desesperada solicitando axuda gravada por un cámara cidadán. Polo momento, a comunidade internacional mantense moi desimplicada do masacre de Homs, coa excepción dalgún amago de diplomático dos Estados Unidos e de Rusia, quizais polo feito de que Siria non é un país petroleiro ou quizais por manter o actual status quo con respecto ao conflito palestino e a hexemonía na área de Israel. Vendo os vídeos que Mónica G. Prieto publica nas súas informacións, podemos manter os ollos pechados diante de semellante salvaxada?
Non lle faltaba razón ao ministro Guindos cando na xuntanza do Eurogrupo fachendeou da agresividade da reforma laboral que impoñería o seu goberno. Abaratar e facilitar o despido con carácter xeral, limitar a un máximo de dous anos a prórroga dos convenios, modificar a estrutura da negociación colectiva eran vellas aspiracións da CEOE que agora –xustificadas polos efectos debastadores da crise sobre o emprego e polo fracaso da negociación entre as forzas sociais– o Goberno aprobará por decreto. Agora xa pouco importa que durante a campaña electoral Rajoy dixera que non abarataría o despido nin que os efectos desta reforma sobre a reactivación da economía produtiva sexan máis que improbables nin lamentar o xeito vergonzoso no que agora o PP se axeonlla diante das politicas neoliberais de Merkel e compañía. Magoadamente, o dano xa está feito, produciuse un claro retroceso nos dereitos conquistados polos traballadores. Aí reside o comportamento extremadamente agresivo e provocador do que fachendeaba en Bruxelas o ministro de Leman Brothers.
Admiro o traballo teimundo e incansable de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, compañeiro de Prolingua e autor moi querido de Xerais, a prol da lingua galega, a súa defensa e o fomento do seu uso en todos os ámbitos da vida social. Indígname que hoxe vaia ser xulgado, tras ser denunciado polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, a raíz das súas críticas polo reiterado incumprimento deste xuíz da Lei de Normalización Lingüística, sobre todo no que atinxe ao emprego do topónimo a Coruña. É incrible que un cidadán sexa procesado por defender o cumprimento da lei e por promover a defensa do noso idioma, unha obriga que teñen todos os servidores públicos, tamén este funcionario da administración de xustiza. Amoso toda a miña solidariedade e apoio a Carlos Callón. Animo a asinar o manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística «Queremos xustiza para a nosa lingua. Non á criminalización da súa defensa!» A defensa do cumprimento da Lei de Normalización Lingüística é hoxe unha causa cívica primeira.
Na primeira das homenaxes a Isaac Díaz Pardo, celebrada na Cidade da Cultura e organizada pola Xunta de Galicia, Ramón Villares realizou unha intervención extraordinaria, probablemente a mellor que lle teño escoitado. O presidente do Consello da Cultura Galga falou con absoluta liberdade, claridade e beleza expresiva para facer un retrato axeitadísimo da figura poliédrica de Isaac ao longo dunha vida que careceu de tempos mortos. Anotei dúas frases memorables sobre Isaac, que poden servirnos de guieiro: «Díaz Pardo combinou a beleza das formas co rigor das condutas». «Tivo unha idea ao longo de toda a vida: construír un futuro para Galicia con memoria e sen divisións sectarias». É difícil poder resumir con menos palabras a vida enteira dun artista patriota. A vindeira homenaxe será o mércores, 15 de febreiro, ás 19:30 horas, organizada polo Museo do Pobo Galego.
O meu amigo limiao Rafael Laso envioume este mapa da provincia de Buenos Aires. É doado comprobar que na mesma estrada, separadas por uns poucos quilómetros, están as cidades de Bragado e Carlos Casares. Unha proximidade atribuíble, quizais, a esa providencia laica que axuda a explicar estas coincidencias fortuítas. Seguro que Carlos Casares, finado hai agora dez anos, celebraría a representación gráfica da nosa amizade cun sorriso agarimeiro.
Hai tempo que Juan Carlos e os membros da familia real perderon a aura que, dende a Reforma Política, os protexía. Tras o escándalo de Urdangarín, as revelacións que publica o semanario alemán Der Spiegel poñen en cuestión cal foi o papel de El-Rei no golpe do 23-F. A fonte, un informe do daquela embaixador alemán en Madrid, agora desclasificado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, evidencia a ambigüidade de Juan Carlos cos actores do golpe e as profundas diferenzas que mantiña co presidente Adolfo Suárea arredor da chamada «cuestión militar». Como ten sinalado Escolar estas revelacións cadran bastante ben coas preguntas nunca respondidas sobre o que sucedeu cos golpistas, especialmente coas razóns do indulto de Alfonso Armada, en 1988, quen dende entón se dedicou a mimar camelias no seu pazo de Santa Cruz de Rivadulla. Mágoa que o pobre de Suárez xa non poida achegar a súa versión que moito axudaría a perfilar o que realmente sucedeu no acontecemento máis decisivo para a consolidación do reinado de Juan Carlos.
Hoxe publico a miña primeira colaboración deportiva en Praza pública: «Aúpa Celta!» Agardo que sexa entendida como unha achega ao orgullo galego, xa que ese sentimento integrador do celtismo no que milito.
Unha das claves da vitoria tan axustada de Rubalcaba atopeina no ton desaxustado empregado por Chacón na defensa da súa candidatura. Non foi o contido nin a construción do discurso –froito dun coidado traballo de laboratorio de mercadotecnia política– onde errou Chacón, senón na súa errada teatralización diante da oligarquía do seu partido, moi pouco predisposta a asumir riscos nestes tempos de aguda reconversión para os seus membros. Pola contra, Rubalcaba asumíu a seguridade que proporciona o seu habelencioso ton parlamentario para defender a súa proposta inequivocamente xacobina, enfatizando que non renunciará ao carácter «socialista» e «español» do partido. A pesar da escasa diferenza programática de ambas as dúas propostas e do carácter banal do debate, o resultado favorable a Rubalcaba foi moi ben recibido tanto polo Partido Popular e a prensa máis conservadora como polo grupo Prisa. Rajoy, Cebrián, Felipe González…, e tamén os nosos Pachi Vázquez e Abel Caballero, quedaron moi aliviados con esta elección. Agóiranse malos [difíciles] tempos para a esquerda socialdemócrata española.
Anunciamos que, ao remate do pasado ano, Xerais superou os dez millóns de exemplares vendidos ao longo dos seus trinta e dous anos de historia. Efectivamente, 10.103.409 libros en lingua galega que supoñen un éxito dos lectores e lectoras, ademais dun aliciente de esperanza para o futuro do libro na lingua de noso. Nun momento de tránsito e profunda mudanza dos modelos de comunicación cultural, sufrindo os duros efectos da tempestade económica e da anemia das políticas públicas de lectura e fomento do galego, noticia tan boa coma esta sei que estimula o traballo e o compromiso do cadro de profesionais da editorial co proxecto Xerais. A miña gratitude para todas as persoas que a fixeron posible.
O serán frío de Pontevedra non impedíu que os membros do Ateneo completasen o aforo da Casa das Campás para participar na presentación de Extramunde, a novela de Xabier Queipo premiada co Xerais 2011. Recén chegado dunha xuntanza da Axencia Europea de Pesca, centrada na remontada do rodaballo no Mar Negro, Xavier comezou o seu parlamento agradecendo aos ateneístas, entre os que había un numeroso grupo de escritores, a súa presenza, xa que «actos coma a presentación dunha novela galega son actos de resistencia activa». Antes de confesar que a xénese desta novela estivo nalgúns soños coloridos e brutais que tivo, o compostelán lembrou un proverbio coreano que viña ao caso: «A forza do vento detense diante da paciencia do mar.» Foi unha inxección de esperanza moi oportuna, que apuntamos no caderno como pacientes mariñeiros que somos.
A primeira xornada de Praza pública foi un éxito rotundo. A audiencia superou as mellores previsións, provocando durante a mañá e o mediodía algún colapso no acceso ao servidor. A calidade do produto, tanto a nivel de deseño gráfico e concepción web, como o proxecto xornalístico, quedou moi por riba das nosas expectativas. Auténtico xornalismo 2.0. Unha inxección de entusiasmo extraordinaria para a nosa lingua. O equipo de profesionais de praza amosa que é posible outra axenda informativa, elaborada en galego e en clave galega; ademais, asume unha proposta comunicacional tan suxestiva como difícil, facer viable e sostible un modelo de semanario con actualización diaria. A pesar de vivir tempos tan ruíns, coa aparición deste facho informativo, enxergamos un horizonte de luz. Beizóns para os promotores e profesionais de Praza pública. Parabéns por tan magnífico traballo para o seu equipo tecnolóxico de A navalla suíza e Dinahosting.
Decepcionoume a comparecencia parlamentaria na que o ministro de Educación anunciou as novidades que introducirá na lexislatura. Os contidos foron previsibles, apenas a confirmación da vontade do Partido Popular de cumprir os seus compromisos electorais e satisfacer as demandas da Igrexa e dos sectores máis conservadores: estensión do ensino concertado, adianto da segregación do alumnado na secundaria, elección da lingua de escolarización por parte das familias en comunidades con lingua propia, supresión da Educación para a Cidadanía, utilización do inglés como lingua vehicular dende a Primaria, estatuto de «autoridade pública» para o profesorado… O decepcionante foi a fraqueza argumental e o escaso dominio técnico da axenda educativa dun ministro que sabemos conta con moita labia cando aborda outras cuestións políticas. Denominar «linguas vernáculas» ao galego, catalán ou éuscaro constitúe xa unha anomalía, mesmo para os sectores fóbicos coas linguas propias. Argumentar que a desaparición da Educación para a Cidadanía se debe á intención do Goberno de evitar o seu «carácter controvertido e para non caer adoutrinamento», cando a materia foi avalada por varias sentenzas do Constitucional, non abonda para xustificar a súa substitución por unha Educación Cívica e Constitucional da que pouco se di sobre o seu enfoque e contidos. Expresar tan pancho todo un ministro do ramo que o primeiro ciclo da Infantil, de 0-3 anos, «non é educación senón conciliación», un disparate sen paliativos, agoira que van correr moi malos tempos para o futuro da nosa educación pública. Con todo, o máis preocupante semella será a nova reforma da Secundaria que pretende liquidar o modelo de educación comprensiva, en funcionamento dende hai vinte anos, unha vella teima conservadora que pretende segregar ao alumnado o antes posible segundo a inclinación ou capacidade persoal. Ignacio Wert, quizais pensando que estaba na tertulia de Francino na SER, xustificouna citando a Estapé cunha frase de Schumpeter, chamada a pasar á historia da educación española: «O importante é ter unha boa nai e un bo Bacharelato». Sobran máis palabras, eis a fórmula educativa de éxito paera Wert: nobreza de berce e bo colexio de pago.
Había tempo que non celebraba nun centro educativo o Día Escolar da non Violencia e a Paz, unha efeméride para min moi querida. O claustro de profesoras do CEI A Pastora de Cambados convidoume a que acompañase a Ramón Caride e Pepe Carreiro na presentación d’ A pomba dona Paz que se celebraría diante de máis dun centenar de cidadáns entre os tres e os cinco anos. Sabiamos que nos enfrontabamos a unha experiencia comunicativa moi díficil e, como agardabamos, o público puxo a proba coas súas preguntas todas as nosas habilidades oratorias. Ademais, aproveitei un anaco das dúas horas e media que compartimos neste magnífico centro de educación infantil público, para satisfacer algunhas saudades. Non puiden evitar demorarme na visita ás aulas organizadas por recunchos de traballo (o da biblioteca, o das computadoras, o do xogo simbólico…), coma sempre concibín a construción das aprendizaxes nesta etapa. Unha marabilla! Tras a presentación, no patio cuberto as seis aulas bailaron a canción da paz e soltaron media ducia de pombas que saíron coma foguetes a gañar o ceo do Salnés. Tiña moita razón Ramón Caride cando na dedicatoria deste magnífico álbum que presentamos escribiu: «A todos os nenos e nenas do mundo, para que a paz sexa o seu verdadeiro futuro.»
Seguín con enorme interese por Twitter a derradeira e decisiva xornada da asemblea do BNG. Non hai dúbida que o traballo disciplinado e eficaz da UPG permitiu que, outra vez máis, o partido de Francisco Rodríguez continuase acaparando o liderado do BNG, tanto nas responsabilidades do voceiro como nas da candidatura á presidencia da Xunta. Unha hexemonía indiscutible que, previsiblemente, tras a fase comarcal, se consolidará na composición definitiva do consello nacional. A principal novidade será que por vez primeira un membro da UPG, Francisco Jorquera, asumirá o risco de ser o candidato á presidencia do goberno autonómico. Polos diversoscomentarios que puiden ler, temo que esta hexemonía non axude a aumentar o perímetro do entusiasmo que o BNG suscita nos sectores progresistas da sociedade galega. Magoadamente, semella que esta asemblea, con votacións aparentemente axustadas e unha organización dividida en dúas metades, non abondará para relanzar o proxecto nacionalista como eixo dunha alternativa verosímil de goberno capaz de facerlle fronte en Galicia ao abafante poder do Partido Popular. Con todo, haberá que agardar unhas cantas semanas para valorar as súas consecuencias para o futuro do nacionalismo galego.
Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.
Da man de Barbantiapresentamos en Rianxo o Poñente de Pere Tobaruela. Foi bonito escoitar alí a Pere falar na lingua de Castelao –un exercicio de galeguidade co que o escritor catalán salientou o carácter do galego como lingua universal– para facer súa a doutrina de Josep Plá: «Quero explicar ao mundo o que sucede na miña terra». Tobaruela ben sabía que Rianxo non é un sitio calquera, é unha das vilas literarias galegas por excelencia, como Mondoñedo, Celanova, Padrón ou Noia. É un auténtico prodixio que en menos de cen metros atopemos as casas natais de tres dos nosos máis grandes escritores: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, o noso grande poeta do mar; mais se esquecer nin a Paio Gómez Chariño «O señor de Rianxo» nin a Faustino Rey Romero. Unha centramina que debería ser recoñecida como «espazo da memoria galega» e constituír un lugar de peregrinaxe obrigada. Adolfo Muíños, o agarimeiro alcalde de Rianxo, teima en converter esta vila arousá nunha referencia cultural en Galicia. Eis o programa arredor do aniversario de Castelao, que se desenvolve esta fin de semana. Eis a inauguración, tras o remate da presentación de Poñente e o pequeno concerto do formidableAntón Alcalde, da exposición de esculturas de Nuco Losada arredor de Castelao. A pesar do frío severo, foi un magnífico serán.
A crise económica e a falta de políticas estratéxicas públicas no eido da cultura está provocando unha auténtica desfeita en Vigo. O formidable arquivo fotográfico Pacheco, tesouro da memoria viguesa de boa parte do século XX, pechou coa fin do ano. O Marco, o museo de arte contemporánea co maior número de visitantes do país, sobrevive en precario cos fondos municipais, afogado polas débedas das achegas comprometidas polas administracións xestionadas polo PPdeG e pola retirada do mecenado da caixa. O Museo do Mar de Galicia, a alfaia de Alcabre, reinicia unha nova xeira, tras a demisión do seu director, fartiño de loitar en soidade contra a falta de medios. Da creación da Biblioteca Pública do estado na Panificadora, hai meses que nada se sabe. O centro arqueolóxico do Castro reduce o seu horario. Os festivais Transforma e Marisquiño ameazan marchar da cidade por falta de apoio do concello. Os centros culturais do que foi a caixa anuncian que cobrarán pola cesión das súas instalacións. E se todo isto non abondase, onte, o Museo Liste, probablemente un dos centros didácticos sobre a cultura tradicional máis importantes de Galicia, anuncia o seu peche. Afogado polas débedas, tras a redución drástica en 2010 da asignación que recibía do concello de Vigo -ollo!, cando o BNG xestionada as áreas de Cultura e Patrimonio Histórico-, que pasou -por un erro administrativo, nunca subsanado- de 96.000 a 6.000 euros anuais. Incrible!, aínda que custe acreditalo. Como arrepiante é a posibilidade, para vergonza cidadá, que o propietario deste museo (privado) venda algunha das pezas (patrimonio único) coa intención de liquidar as débedas ou que a súa páxina web apareza só en castelán. Non abonda con laiarse, agora, do peche de almeiros da memoria nosa como o Pacheco e o Liste. Ninguén dubida que é obriga do concello de Vigo garantir a continuidade de ambos os dous museos, unha responsabilidade que o alcalde debe asumir sen matices decontado. No entanto, a cerna desta desfeita actual está na carencia dunha política municipal sostible no eido da cultura, que fose máis alá das querenzas das persoas responsables da Consellaría de Cultura ou dos avatares da composición de cada goberno municipal. Con tantos gobernos progresistas como tivemos na dúas últimas décadas, é posible que non contemos aínda con documentos estratéxicos básicos como son un plan municipal de museos ou un plan municipal de lectura? Hai algunha razón para que non se crease un Consello Municipal de Cultura, como teñen outras tantas cidades? Canto tempo perdido, meu deus!
Na presentación de Compostela, Xurxo Martínez salientou o papel de Luís Soto na conformación do nacionalismo galego de ideoloxía marxista. Soto foi un dos participantes no xantar da taberna da Rocha Vella daquel 25 de xullo de 1964 no que se fundou a UPG. Na quenda de intervencións do público, Luís González Blasco “Foz”, un dos dez participantes, tomou a palabra para abeizoar o traballo de Xurxo e poñer de manifesto que a xenerosidade era unha das características da personalidade de Soto, “xa que foi el que se ocupou de pagar a factura do xantar”. Sen dúbida que anécdotas coma esta e moitos outros datos e reflexións aparecerán no libro de memorias que Foz publicará esta vindeira primavera en Edicións Laiovento. Unhas memorias prometedoras e necesarias para a construción da memoria do nacionalismo galego.
Coñecín persoalmente a Xosé Luís Baltar hai uns quince anos. Na editorial pedíramoslle unha entrevista coa intención de vender á Deputación exemplares dun libro de homenaxe a un escritor ourensán. Despois de agardarmos nunha sala de reunións durante un bo pedazo, apareceu de súpeto Baltar preguntando con enerxía quen era o editor. Cando me identifiquei espetoume: «Vouche mercar os libros, mais non vas facer negocio a miña conta». A verdade que non fixo falta que ocupásemos moito tempo na presentación do proxecto literario, cando a decisión do cliente xa estaba tomada. A pesar daquel éxito comercial, aparentemente doado, volvín a Vigo un chisco melancólico. Dende entón, comprendín que para Baltar a política non era un tema só ideolóxico, constituía apenas unha cuestión de olfacto –outros dirán con palabras bonitas da mercadotecnia: «a política é unha cuestión de confianza»–. Probablemente este pragmatismo foi a súa maior fortaleza, a que permitiu que ninguén fose capaz de dobregalo, nin sequera os que el onte, no momento da despedida, chamou «os de arriba». Coa marcha de Baltar péchase por motivos biolóxicos unha etapa da política galega, aínda que moito me temo que non vai rematar a xestión clientelar das nosas administracións. A melodía da despedida baltariana, mesmo os seus inequívocos acenos galeguistas, non poden agochar que a dereita conservadora en Galicia precisa unha profunda rexeneración democrática, xa que continúa ancorada na desmemoria entre o autoritarismo e o vello caciquismo. Sen Cuíña, sen Barreiro, sen Baltar, sen Palmou, mesmo se me apurades moito, sen o Fraga autoidentificacionista… a dereita en Galicia volve ao seu punto de inicio?
Celso Emilio Ferreiro continúa tendo moito tirón. O auditorio do Areal encheuse no acto de lembranza organizado polo Club Faro de Vigo con motivo do centenario do seu nacemento. Luís Ferreiro dedicou a súa intervención a deitar luz, moita luz, sobre o tan controvertido episodio da estancia do poeta de Celanova en Venezuela, do que naceu Viaxe ao país dos Ananos. Pola súa banda, Ramón Nicolás enfiou un fermoso discurso sobre a súa relación con Celso, desde o primeiro día que o viu de lonxe nunha presentación na Libraría Castelao dos Choróns até agora cando está a piques de rematar a súa monumental biografía do centenario. Con todo, o momento máis emocionante do serán foi cando Isabel Ferreiro leu e cantou tres poemas do seu pai, poñendo o dedo na chaga.
As leccións de Megaupload explicounas mellor ca ninguén Juan Varela. Tras a retirada da SOPA e da PIPA, despois desta intervención do FBI sobre unha empresa que supostamente se lucraba de contidos protexidos con copyright, precísase un discurso con máis matices que o baseado na simplificación de asistirmos a unha guerra entre «usuarios da rede» e a «malvada industria do lecer». Que o peche de Megaupload non nos distraia dos temas de fondo. Como sinala Varela hai que rematar con tanto ruído e promover un pacto entre autores, industria e consumidores. Iso é posible, sempre que a industria dos contidos culturais se reinvente e aumente a súa oferta dixital sobre todas as plataformas e aos prezos máis axustados, e sempre que se reforme a lexislación internacional de propiedade intelectual, de xeito que se asegure a xusta retribución dos autores e os dereitos de acceso libre dos usuarios. Sigo crendo que é imprescindible asegurar que os autores poidan vivir do seu traballo e que Internet continúe sendo un espazo neutral e independente dos gobernos onde os usuarios poidan compartir o coñecemento e expresarse con total liberdade. Por díficil que isto semelle, deben existir fórmulas que o fagan posible.
Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.
Hai tres meses recomendeiNada, unha noveliña xuvenil na que Janne Teller propoñía unha reflexión sobre a existencia de límites para o fanatismo. Onte, aproveitando as horas de espera en Barajas, merquei Ven, a súa recentísima novidade na que a narradora dinamarquesa volve a propoñer unha reflexión moral, desta volta sobre os límites existentes entre a ficción e a realidade. No avión mergulleime decontado nunha trama protagonizada por un editor que cando revisaba unha novela a piques de entrar en fabricación, coñece que está baseada nun feito real protagonizado por unha antiga amiga. Mentres prepara unha conferencia sobre a ética no sector editorial e na literatura, o editor debe decidir se publica ou non un texto, que sabe vai prexudicar a unha súa amiga, mais que, probablemente, por tratarse dunha obra dun autor moi coñecido, vai axudar ao éxito do seu negocio editorial. Máis alá de como Teller resolve finalmente o conflito, volvín gustar da capacidade de Teller para obrigarnos nas súas novelas de ideas a reflexionar sobre temas centrais da condición humana, neste caso sobre a existencia de límites éticos para o desenvolvemento das artes. Sei que a literatura, a pintura, a música, o cinema non son capaces de facer o mundo mellor, aínda que quizais contribúan a facelo máis valioso para a vida. Quizais aí resida a pegada destoutra interesante novela.
No Metro, dende Barajas ao centro, comprobo que viaxa moita xente lendo. Sorpréndeme, ademais, que algunhas lectoras o fagan sobre os seus e-books, o que constitúe unha tendencia a ter en conta. No entanto, o que continúa chamando máis a miña atención é a exitosa campaña publicitaria de fomento da lectura –«Libros a la calle»– que, dende hai quince anos, promoven o consorcio metropolitano de transportes e a Asociación de Editores de Madrid en milleiros de vagóns de metro, trens de cercanías e autobuses urbanos. Cando leo estas carteliñas de fragmentos literarios, penso que debería propoñerlles a Vitrasa e á Tranvías da Coruña emular a campaña cunha escolma de literatura galega. Cun custe moi baixo podería acadarse unha ampla visibilidade para mensaxes como “Vigo le” ou “A Coruña le”. Desta volta, agardo poder facelo.
Dende hai cinco anos Fervenzas Literarias é un espazo de referencia na rede para a literatura galega. O seu seguimento diario da actualidade editorial, as conversas con autores e editores e, sobre todo, o repositorio de recensións merecen o noso maior interese. No entanto, son os seus premios anuais, outorgados por votación entre os seus lectores e lectoras, que abranguen todos os subxéneros de edición e actividades relacionadas coa edición e a lectura en galego, referencia indiscutible de rigor e independencia para todo o noso sector. Onte coñecimos os correspondentes ao ano 2011. Polo que nos atinxe non podemos estar máis agradecidos, tanto polos recoñecementos recibidos polos libros editados por Xerais e, outra edición máis, por estas Brétemas. Expreso a miña gratitude a todas as persoas (case cincocentas) que participaron nas votacións e a Fervenzas Literarias pola continuidade de labor tan importante para facer visible a literatura galega.
A maior parte dos obituarios sobre Manuel Fraga Iribarne, tan coidadosamente preparados na última semana e algúns mellor escritos, sinalan con todo detalle os fitos principais da súa traxectoria política ao longo de seis décadas. Un longuísimo período no que, coa excepción da década dos oitenta, Fraga detentou o poder e o exerceu de forma tan pragmática como autoritaria. Unha actividade política á que seguramente non foi allea á formación intelectual que recibíu durante os anos da posguerra, bebendo das fontes do pensamento de Carl Schmitt e do conservadorismo español, que modelaron a súa idea autoritaria do Estado, apenas matizada por unha certa preocupación social-cristiana. Con estes criterios foi capaz de adaptarse ás necesidades do poder en cada momento, na ditadura, na transición e no período autonómico, o que lle supuxo asumir un comportamento aparentemente contraditorio. Como ministro do Generalísmo abrazou a ditadura, sen retractarse nunca de ter participado na toma de decisións daqueles gobernos, o que non lle impediu fachendear de ter liderado a chegada do Turismo do «Spain is different» ou da «aperturista» Lei de Prensa, que suprimía a censura previa. Como ministro da Gobernación de Arias Navarro apoderouse da rúa, o que provocou outros episodios escuros, dos que tampouco nunca se arrepentiu, mais que probablemente impediron fose escollido por Juan Carlos para «pilotar» a chamada «Transición». Como líder de Alianza Popular conduciu á dereita franquista até asumir unha Constitucións que recoñeceu –en contra do seu criterio– as tres nacionalidades históricas, como única herdanza da Segunda República. Tras case unha década intentando sen éxito ser elixido Presidente do Goberno, tivo o mérito de entender Galicia, onde naceu, coma un país de seu. Aí, probablemente, residiu o seu maior e innegable éxito político, que lle permitiu gobernar Galicia durante dezaseis anos cun importante apoio popular. Fíxoo empregando os seus criterios autoritarios, utilizando un modelo de xestión clientelar e amordazando de forma tan sutil como eficaz os medios de comunicación. Magoadamente, as infraestruturas, realizadas a maior parte delas con fondos europeos, non abondaron para acometer unha modernización eficaz dos sectores produtivos básicos, especialmente do primario, nin acadaron a vertebración territorial que o país continúa precisando. Con todo, o seu compromiso coas institucións autonómicas, a súa asunción do concepto de galeguidade, o seu respecto aos consensos acadados ao comezo da Autonomía arredor do fomento da lingua e cultura galegas contribuíron a consolidar e prestixiar dentro e fóra o autogoberno galego, unha actitude da que hoxe sentimos saudades, cando gobernan os seus «continuadores».
Xa teño expresado en varias ocasións a miña admiración polo traballo de David Simon, o xornalista do Baltimore Sun e xenial guionista dalgunhas series de HBO. Esta fin de semana comezamos a ver The Corner, unha miniserie de seis capítulos que constituíu o auténtico limiar de The Wire. Como xa fixera con The Homicide, Simon adapta para televisión un dos libros nos que recolleu anos de documentación xornalística sobre o tráfico de drogas en Baltimore. Polos dous capítulos que temos visto, The Corner é unha durísima exploración da vida dunha familia negra estragada polos rigores da heroína e do seu trapicheo nunha esquina, convertida na súa forma única forma de sobrevivir. Narración de espírito naturalista, ao xeito dun falso documental reconstrúe a crónica da pobreza e da desolación destes seres humanos escravos da adición. A súa fasquía de balada melancólica e os seus impresionantes retratos humanos permitiulle obter un dos premios Emmy de 2000.
Coñecín un interesante artigo de Magisterio Español no que se presenta o probable modelo de reforma do Bacharelato do goberno do Partido Popular. Semella que entre os dous modelos a debate (3+3 ou 4+3), Rajoy decantarase polo primeiro, máis económico e auspiciado pola Asociación de Catedráticos de Bacharelato (Ancaba), transformando o actual 4º de ESO no primeiro curso dun Bacharelato de dúas vías. Máis alá da análise demorada que require unha reforma tan importante, que probablemente supoñerá a ampliación do ensino concertado ao Bacharelato, chamáronme a atención tres anuncios. O primeiro: a clara ruptura do modelo de ensino comprensivo até os 16 anos, xa que a partir dos 15 se contemplaría a posibilidade de optar pola FP de grao Medio e no Bacharelato por unha vía xeral e por outra profesional. O segundo: a creación dun novo modelo de Formación Profesional de Grao Medio, tamén de tres anos, ao que se accedería dende o 3º de ESO. O terceiro: a creación dunha proba final ao remate do Bacharelato, que substituiría á Selectividade, coa intención de homologar a todos os centros e todas as Comunidades Autónomas. Semella que, tras a segregación do alumnado entre as vías xeral e profesional, o currículum do Bacharelato será máis homoxéneo e menos diversificado. Outra vez, impóñense os criterios dos sectores educativos máis conservadores: máis centralización e máis segregación.
Excelente primeiro programa de Tourilandia. Nalgúns momentos rin a cachón, sobre todo no derradeiro treito, durante a entrevista co profesor de fútbol David Vidal na que se matizaron as diferenzas entre os verbos ‘saber’ e ‘entender’, un auténtico combate retranqueiro. Memorable foi, tamén, a versión de “Ai si me opero”, explorando as fronteiras desta TVG sempre tan condescendiente co goberno Feijóo. Xosé A. Touriñán e todo seu equipo artísticos, onde destaca Federico Pérez, prometen moito. Este programa de humor pode contribuír a conectar, sobre todo en Internet, cun público mozo, decote afastado da programación da TVG. Ten unha enorme potencia galeguizadora. Ogallá contemos, por fin, co noso Cráckovia ou ¡Vaya semanita!. Polo que vimos onte, a Touriñán e ao seu equipo sóbralles talento para conseguilo. Recomendo estarmos atentos ao programa do vindeiro xoves. Que non vira o de onte, agardo que poida facelo na TVG á carta ou localizando as mellores pezas que se irán subindo ao youtube. As miñas beizóns. É.
Gustoume a exploración do espazo dos matices que realiza o chamamento de 19 das alcaldías do BNG. Un exercicio de sutileza, afouteza e realismo politico moi de agradecer. Lonxe de calquera dogmatismo e sen renunciar tampouco a conquistar a hexemonía política por medio de desenvolvemento de proxectos de goberno, estas alcaldías do BNG propoñen unha importante redefinición ideolóxica ao identificar o galeguismo como «o nacionalismo político do século XXI». Para elas a incorporación do concepto de ‘cidadanía’ ao discurso nacionalista e a súa identificación co de ‘galeguidade’ permitiría deseñar de vez un proxecto político estratéxico presentado diante da sociedade galega coa intención de «acadar o goberno soberano do noso país e o recoñecemento de Galiza como nación dentro dun estado plurinacional». Fronte a calquera tentación conformista ou rutineira, con esta iniciativa estas alcaldías obrigan á dirección e á militancia do BNG a enfrontar unha conversa sen límites coa sociedade galega actual e as súas profundas mudanzas. Na asemblea nacional deste mes rivalizarán as diversas formas de desenvolvela. Eis un reto decisivo para o futuro do nacionalismo galego nesta segunda década doséculo XXI.
Teño escrito nalgunhas ocasións que nacín no Pirulí. O que non sabía, até onte, foi que aquel día despois da santa Lucía, patroa das costureiras, caera en luns. Averigüeino de forma fortuíta, grazas a un correo dun amigo que me recomendaba consultar “o periódico do día que naciches”. Enlaceino e din coa formidable edición dixital de La Vanguardia que, precisamente, aquela xornada non se publicou por ser luns. Foi inevitable repasar as noticias do día seguinte, un martes chuviñento de decembro de 1959, segundo a breve referencia meteorolóxica do tempo en Galicia. A noticia principal de portada non era nada doutro xoves: “O infante Juan Carlos de Borbón recibiu o seu despacho na Academia General Militar”. Porén, para min debullar nas páxinas interiores foi un exercicio de maior interese. Na carteleira anunciábase a estrea de Los 10 mandamientos como “o maior acontecemento da historia do cine” e nunha das páxinas de deportes atopei a clasificación da 13ª xornada do Grupo Norte da Segunda División na que o Orense figuraba na segunda posición, o Celta na terceira e o Coruña na quinta. Esta hemeroteca dixitalizada de La Vanguardia é un motor brutal de memoria que pode ofrecernos moitas outras sorpresas. Unha ferramenta moi recomendable.
Comecei a semana cun agasallo inesperado. O meu mestre Antón Costa dedicoume un exemplar de Letra a letra, unha edición facsímil do libro que os alumnos de Simeón Omella, mestre da escola de Plasencia del Monte, compuxeron no curso 1934-1935 servíndose da imprenta escolar. Antón, prologuista desta obra publicada polo Museo Pedagógico de Aragón en edición moi coidada, foi quen deu conta da súa existencia cando en 2010 publicou dúas das súas páxinas no seu libro D’ Abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975). Composto letra a letra por escolares de nove anos, o libro foi conservado dende a primavera de 1939 na casa de Elise e Celestin Freinet en Saint Paul de Vence para pasar logo, co resto do fondo Freinet, aos Archives Departamentales des Alpes Maritimes de Niza. Estas máis de cen páxinas deste libro de vida inclúen textos libres (contos, experiencias de campo, excursións, correspondencia con outros escolas europeas, debuxos…) daqueles rapaces dunha escola republicana aragonesa que dirixidos polo mestre Orellana utilizaban as técnicas da escola moderna de Freinet. Letra a letra é un libro documento excepcional que amosa a anticipación e actualidade das técnicas da Escola Moderna. Admirable pulsión de vida e de traballo pedagóxico nun libro de fasquía ben xeitosa que sei entusiasmará aos mestres e mestras galegas vencellados ao proxecto da escola popular galega.
Entre os textos da edición dominical de Faro de Vigo destacaba este magnífico artigo de Antón Costas, o catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, vicepresidente do Cercle d’ Economía e unha das personalidades máis achegadas a Pascual Maragall, cando foi president da Generalitat. Este egrexio veciño de Matamá propón que se Vigo quere evitar esmorecer de xeito imparable polos efectos da crise sobre os seus sectores industriais punteiros, a automoción e o naval, debe reinventar os seus vieiros como cidade, nun proceso radical de innovación. Resumindo moito un artigo, cuxa lectura reflexiva recomendo, cinco son para Costas as condicións que este tránsito cara a innovación debería respectar en Vigo: 1ª Reter e atraer á xente nova, que son as persoas con maior capacidade innovdora; 2ª Ofrecerlles vivendas asequibles; 3ª Acuñar o «viguismo» como marca; 4ª Promover a cooperación entre os innovadores e 5ª Contar cun «goberno local intelixente» capaz de implicar a toda a cidadanía nesta estratexia. Temo que, polo momento, haberá que agardar un tempiño para poñer en práctica tan interesante estratexia, na que se xoga o futuro da cidade. Hoxe o forno non está, aínda, para eses bolos.
No día que lembrabamos a Castelao, tras a tregua do Nadal, volvemos á crúa realidade dun país que vive unha situación de auténtica emerxencia. Leo no blog de Félix Soria un ruxerruxe sobre o interese de CaixaBank, o Banco creado por La Caixa, por adquirir Novagalicia Banco (NGB). Cando o proceso de capitalización de Castellanos é apenas unha quimera ou unha entelequia publicitaria de Feijóo, a adquisición do que foi a caixa galega por outro banco é un feito inevitable, máis aínda tras o anuncio de Rajoy dunha segunda onda de fusións bancarias previstas para o primeiro semestre de 2012. No marco político actual, fracasado o proxecto de fusión da caixa galega, absorbido o Pastor polo Popular, quizais non sexa a peor das opcións económicas e culturais para Galicia que un 40% do seu mercado financeiro sexa adquirido polos cataláns de La Caixa.
Estivemos nas exequias de Isaac, que se desenvolveron cun protocolo estritamente civil como correspondía ás conviccións laicas do finado, a pesar de que botei en falta nalgún dos momentos a presenza da bandeira republicana, unha das insignias da súa vida. Entre os varios centos de persoas que asistimos ao enterro foi moi gabado que os responsables do concello de Santiago, ademais de montar unha garda de honra no velorio, escollesen para Isaac un espazo de terra a carón do seu compañeiro Antón Fraguas, do poeta Aurelio Aguirre e do escritor Ramón María del Valle Inclán. Á entrada de Boisaca quedará para sempre un recanto da nosa memoria nacional, merecente de ser visitado por xeracións. Dous grandes amigos de vida foron os que alí, en nome do pobo galego, expresaron a derradeira laudatio. Entre outras moitas virtudes, Xosé Neira Vilas gabou «o escepticismo esperanzado de Isaac», unha actitude que axuda a enxergar o futuro. Pola súa banda o profesor Xesús Alonso Montero lembrou que «marcha o patrón de Galicia», un auténtico xigante que sempre reinvestíu as plusvalías de Sargadelos noutras empresas culturais ao servizo de Galicia. Ese espírito filantrópico, ese liderado construído sobre o traballo arreo, esa vontade de resistencia até o derradeiro salaio son outras das herdanzas que nos deixa Isaac, con que nos solidarizamos.
Isaac foi unha das persoas marabillosas que tiven a fortuna de coñecer grazas ao meu oficio de editor. Unha beizón. Admíroo como o noso Leonardo do século XX, como o forxador da Galicia moderna, o soño de varias xeracións de galeguistas de onte e de hoxe. A acollida que nos proporcionou, durante as dúas edicións nas que celebramos os Premios Xerais no IGI de Santiago e na factoría do Castro en Sada, forma parte dos meus afectos. Dende entón, o privilexio de compartir a súa mesa ou apenas un cafeciño no IGI era o mellor agasallo que eu podía recibir. Como editor foi moi afouto e xeneroso. Arriscou a publicar libros que ningún outro editor galego asumimos. Coa colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» abriu o proceso de recuperación da memoria republicana de Galicia; proxecto que ampliou a todo o Estado coa «Biblioteca del exilio». No entanto, por riba de calquera outra das súas facetas, este xigante ensinounos a cultura do abrazo. Os membros da Asociación Galega de Editores, da que é presidente de honra, nunca saberemos como agradecerlle a súa acollida nas instalacións do IGI en San Marcos, tras deixarnos o concello de Vigo portas a fóra. Durante mías de tres anos, as instalacións do IGI, o seu fogar, foi tamén o noso. Beizóns, Isaac. Querémoste.
A miña gratitude a Antón Pulido por enviarme este magnífico retrato de 1998.
Siniestro Total é a Vigo o que The Beatles a Liverpool. Era, pois, inevitable a nosa presenza no concerto sinfónico co que celebraba o seu trinta aniversario. Durante pouco máis dunha hora asistimos ao diálogo do grupo vigues de rock and roll coa quincena de compoñentes do Taller Atlántico Contemporáneo, unha experiencia moi audaz na que dende dúas tonalidades, a do rock e a da música contemporánea, se exploraba a creación dun novo espazo sonoro. Sen dúbida, a partitura de Javier López de Guereña, dende a serie dodecafónica, deconstruíu con bastante acerto as melodías dos grandes éxitos de ST, que a orquestra interpretou con convicción e elegante enerxía. Porén, os nosos roqueriños tiveron moitas máis dificultades para enlazar con esta sonoridade deconstruída. Non era doado, en moitos temas semellaba imposible. Ao longo da experiencia lembrei aquelas performances de Sachtmo, hai tamén tres décadas, nas Enrique X. Macías, o grande compositor vigués, esquecido onte nos divertidos parlamentos teóricos de Julián (para min estas intervencións foron o mellor da noite), pretendía un obxectivo semellante de diálogo entre as músicas do noso tempo, a clásica e a popular. Máis alá do resultado artístico desta suite suicida, que deixou bastante frío ao público que case encheu o García Barbón, en grande medida membros da xeración Polycomander, Siniestro Total demostrou que sempre será moito máis ca un grupo de R&R. A interpretación de «Galicia gran carallo de sal», ao remate do concerto, foi memorable. Ese himno, coa que está caíndo, é un berro de pracer.
Feijóo quere para Galicia un goberno bonsai. Cun perfil político moi baixo e cun número moi reducido de consellarías, con esta remodelación o presidente envía á sociedade galega unha mensaxe inequívoca de rebaixa do nivel do seu autogoberno. A supresión de dúas consellarías fulcrais, a de Medio Rural e a de Cultura, clonando en Galicia o modelo de Rajoy, é un erro garrafal, moi dificilmente xustificable por criterios de austeridade nin de eficacia da xestión. Máis aínda, a liquidación da Consellaría de Cultura, que xestionaba as competencias plenas de Galicia neste eido, supoñerá outro retroceso para o fomento da cultura galega e para o protección e posta en valor do seu patrimonio, pezas principais da nosa identidade nacional. Incapaz de enfrontar uns índices de paro brutais e unha emigración de postgraduados desbordada, fracasada a súa estratexia de fusión das caixas, sacrificada a chegada do AVE durante as dúas próximas lexislaturas, semella que Feijóo non atopa outra solución que transformar a autonomía galega nunha insípida deputación. O presidente de Galicia, que xa non agocha o seu aborrecemento e escaso entusiasmo, enxerga o seu futuro político fóra do país, despois de gañar o trámite das vindeiras autonómicas adiantadas. Porén, o drama do país non reside nesta actitude escasamente proactiva do seu presidente. O drama é que enfronte de Feijóo e de Rueda (o seu sucesor declarado) non existe, polo momento, máis que un grande baleiro. Ese burato é o que explica en boa medida a existencia deste goberno bonsai.
O Goberno de Feijóo non acouga na súa batalla contra o xabaril. O anteproxecto da nova Lei de caza de Galicia, ademais de permitir as «batidas preventivas» fóra de tempada, baixa aos 14 anos a idade para obter unha licenza de caza. O conselleiro de Medio Rural xustifícao para «asegurar o relevo xeracional» no eido da cultura cinexética. Quedei pampo diante de semellante afirmación. Os rapaces e rapazas de 14 anos, o alumnado de 2º e 3º de ESO, vivan no medio rural ou no urbano, nun momento tan decisivo como fráxil das súas vidas precisan que se lles ofrezan máis libros, máis balóns ou máis espazos de encontro e lecer para socializarse. Ofrecerlles a posibilidade de participar en cacerías, aínda que nunha «batida» non poidan empuñar escopetas deica os 16 anos, non é un exercicio que poidamos denominar como formativo. Algunha guía debería ofrecer o conselleiro de Educación ao seu colega para evitar semellante disparate, que anuncian para escarnio noso os noticiarios radiofónicos estatais. Nesta loita contra o porco bravo, o Goberno de Feijóo perdeu o sentido.